LEI 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, determina a necesidade de adaptar a vixente Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, á normativa xeral en materia de procedemento administrativo, de acordo co contido do artigo 1.2, da disposición adicional primeira, alínea 1, e da disposición derradeira quinta da lei estatal, que promove a necesaria adecuación normativa, ao regularse agora determinados aspectos dos procedementos administrativos en materia patrimonial.

En efecto, xa con anterioridade á promulgación da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, a consellaría competente en materia de patrimonio viña traballando nun novo regulamento que, en desenvolvemento da Lei 5/2011, do 30 de setembro, substituíse a aquel aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, tendo en conta o carácter especial de moitos dos procedementos patrimoniais, con trámites singulares, que deben ser agora elevados a rango de lei por virtude da amentada Lei 39/2015, do 1 de outubro, considérase oportuna e necesaria a súa integración nunha nova lei de patrimonio aglutinadora destes procedementos.

Xunto co anterior, o réxime administrativo da sucesión legal ab intestato ou intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, regulado no Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, quedou particularmente desfasado tras a modificación operada nos artigos 20 e seguintes da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, como consecuencia da aprobación da Lei 15/2015, do 2 de xullo, da xurisdición voluntaria, que, entre outras novidades relevantes, na ausencia doutros herdeiros lexítimos, introduciu un procedemento administrativo especial para a declaración como herdeiras ab intestato, amais de á Administración xeral do Estado, a aquelas comunidades autónomas con dereito foral ou especial propio na materia. En tal condición sucesoria está a Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e os seus artigos 267 e seguintes, polo que procedía unha nova redacción deste réxime administrativo hereditario, para lles dar cabida ás innovacións introducidas respectando o rango de lei.

A compilación nun só texto legal destas tres normas patrimoniais –unha vez adecuadas á nova normativa estatal–, así como dalgúns preceptos con contido patrimonial recollidos noutras normas, considérase ademais que dota de simplicidade e unidade a regulación do patrimonio autonómico, o que facilita o seu coñecemento, a súa consulta e a súa aplicación. Todo o anterior, sen prexuízo do desenvolvemento desta lei en normas complementarias se así for preciso.

Sen prexuízo da expresada necesidade de adaptación lexislativa, asumida a tarefa de reformar a Lei do patrimonio, aprovéitase tamén para realizar unha actualización da norma aos novos estándares xurídicos xurdidos desde a súa publicación no ano 2011, coa integración ademais de novos aspectos patrimoniais e a abordaxe en detalle da regulación doutros xa existentes.

II

O título preliminar contén as disposicións xerais, relativas ao obxecto da lei, ao concepto do patrimonio, ao seu réxime xurídico e a outras normas de carácter xeral, entre elas, as competencias e os principios. Esta parte inclúe a tradicional diferenza dos bens públicos entre bens demaniais e bens patrimoniais.

III

O título I, denominado «Bens e dereitos demaniais», pretende establecer un réxime específico e concreto para os bens e dereitos de natureza demanial, e regula de forma individual as figuras da afectación, a desafectación, a adscrición, a desadscrición e a mutación demanial.

Mantense a distinción entre a afectación expresa, implícita e tácita, entendendo a expresa como aquela que se produce como consecuencia do acto expreso que acorda ela, a implícita como a que se produce como consecuencia da aprobación de actos administrativos distintos da propia afectación formal que comportan o destino dos bens ou dereitos a un uso xeral ou servizo público, mentres que a tácita se produce sen necesidade de adoptar un acto administrativo formal.

En particular, no capítulo II regúlase a figura da adscrición como un acto administrativo distinto da afectación e que atribúe ao órgano titular as facultades de administración, xestión, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos demaniais. Os bens demaniais propios das entidades públicas instrumentais poden ser adscritos ás consellarías ou a outras entidades públicas instrumentais. Como excepción á necesidade de que os bens e dereitos sexan demaniais para poder adscribirse, na sección 3ª establécese a posibilidade de adscribir a entidades públicas instrumentais bens e dereitos patrimoniais de maneira análoga á normativa estatal.

Por primeira vez establécese un capítulo, o V, para o tráfico xurídico público entre as administracións de bens demaniais. A Constitución española consagra no artigo 132 unha serie de principios de aplicación aos bens e dereitos demaniais, como serían o seu carácter inalienable, imprescritible e inembargable, e, en consecuencia, a súa exclusión do comercio dos homes. Deste xeito, previamente á adopción de calquera tipo de acto de disposición, os bens e dereitos demaniais deben ser desafectados para os converter en bens de natureza patrimonial.

Porén, nada impide que os bens e dereitos demaniais poidan ser obxecto de tráfico xurídico público entre as administracións públicas. Existen unha serie de ámbitos nos cales está aceptada tradicionalmente a existencia deste tráfico. As figuras tradicionais son a concesión, a autorización demanial e a transmisión da titularidade de estradas, recollidas nas distintas lexislacións na materia.

Nas normativas xerais en materia de patrimonio, a posibilidade do tráfico xurídico público entre as administracións non foi considerada con carácter xeral, aínda que existen excepcións en distintas lexislacións autonómicas.

A Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, no seu artigo 71.4 prevé a posibilidade de que os bens e dereitos demaniais da Administración xeral do Estado poidan afectarse a outras administracións públicas para fins da súa competencia, sen alteración da súa titularidade.

O capítulo V establece tres figuras do tráfico xurídico público entre as administracións: a adscrición como un acto que non altera a afectación ao dominio público nin á titularidade, a mutación demanial como un acto que modifica a afectación, alterando a finalidade de uso xeral ou servizo público dos bens ou dereitos sen cambio de titularidade, e o cambio de titularidade dos bens demaniais. Baseándose nun principio elemental de competencia, non será posible tramitar a adscrición ou a mutación demanial se non existen competencias compartidas ou concorrentes.

A introdución do anterior límite é debida a que as afectacións sempre deben ir ligadas á competencia na materia. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia só pode afectar os seus bens e dereitos a un uso ou servizo público sobre o que dispoña de competencias, posto que no caso contrario este acto sería nulo de pleno dereito en aplicación do artigo 47.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En consecuencia, non sería posible tramitar unha mutación demanial para o establecemento dunha finalidade cuxa competencia corresponda exclusivamente ao Estado ou ás entidades locais. A adscrición tampouco sería posible, posto que para a súa tramitación non pode alterarse a finalidade da afectación. Esta ligazón entre a competencia na materia e a afectación condiciona, no caso do tráfico xurídico público entre as administracións, a posibilidade de aplicación de determinadas figuras, o que está a poñer de manifesto que o demanio, aínda que se configura basicamente como unha forma de propiedade, ten unha importante compoñente de título competencial.

Tamén se establece a obrigatoriedade de que os inmobles afectados estean depurados física e xuridicamente e correctamente inscritos, no marco da obrigatoriedade da inscrición dos bens públicos prevista no artigo 36 da Lei 33/2003, do 3 de novembro. A necesaria publicación no Diario Oficial de Galicia enmárcase no carácter público da operación que se vai realizar.

A redacción do capítulo VI do título I atópase condicionada polos preceptos básicos e de xeral aplicación da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas. Neste marco, continúase co réxime anterior, no cal se distingue entre uso xeral e servizo público e entre autorizacións e concesións.

Ao igual ca na anterior Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese que as concesións e as autorizacións se rexen, en primeiro lugar, pola súa normativa específica. Como novidade inclúese que, na falta de procedemento e de atribución de competencia, se acudirá á regulación das concesións e autorizacións desta lei, mais coa necesaria coordinación das limitacións procedementais da norma, por exemplo, en materia temporal, co disposto na lexislación especial, onde existen preceptos específicos reguladores de autorizacións en dominio público en materias como o sector eléctrico, os hidrocarburos ou as telecomunicacións.

Dadas as características dos inmobles de titularidade autonómica, nos cales está limitado o número de autorizacións susceptibles de outorgamento, con algunhas excepcións nas propiedades administrativas especiais, establécense uns requisitos específicos para o outorgamento destas autorizacións.

Ante a falta de concreción actual, entendeuse necesario regular o procedemento de fixación da contía da indemnización polo rescate nos supostos de concesión.

IV

No título II, denominado «Xestión patrimonial», preténdese regular un réxime xurídico que recolla as singularidades que se producen na contratación patrimonial respecto da contratación administrativa.

A Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e o Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, non excluían do seu ámbito de aplicación os contratos patrimoniais, pois establecían a previsión de que aos contratos de compravenda, doazón, permuta, arrendamento e demais negocios xurídicos análogos sobre bens inmobles, propiedades incorporais e valores negociables se lles aplicarían, en primeiro lugar, en canto á súa preparación e adxudicación, as normas da lexislación patrimonial das correspondentes administracións públicas.

A Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, estableceu como novidade, que continúa na data de hoxe, a exclusión expresa dos contratos patrimoniais do seu ámbito de aplicación, coas consecuencias que isto implica. Este réxime continuou no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, e na actual Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, cando se prescribe que quedan excluídos da lei os contratos de compravenda, doazón, permuta, arrendamento e demais negocios xurídicos análogos sobre bens inmobles.

Unha obra ou unha subministración de calquera ben moble de uso común pode ser realizada por regra xeral por diversos terceiros indistintamente, sen que o resultado final varíe substancialmente. Emporiso, na contratación patrimonial, tendo en conta os específicos factores que configuran estes expedientes, como a situación e as características dos inmobles, non resulta doado que se produza a anterior circunstancia, por non ser habitual que coas características citadas existan dous inmobles idénticos.

Requisitos da contratación administrativa como a solvencia ou a clasificación e figuras típicas como as unións de empresarios carecen de sentido na contratación patrimonial, polo que esta norma pretende regular todos os requisitos e documentos que se deben incorporar ao expediente administrativo, sen necesidade de acudir á lexislación de contratos públicos.

No marco anterior, continúase coa estrutura establecida pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, ao regular en distintos capítulos o réxime xurídico dos negocios patrimoniais, a adquisición a título oneroso e a título gratuíto, a adquisición polo exercicio de potestades públicas, o arrendamento de inmobles, a venda, a explotación de bens e dereitos patrimoniais, a permuta e a cesión gratuíta.

No capítulo I enténdese necesario concretar en maior medida as actuacións que hai que realizar para a tramitación dos informes de taxación, coa limitación da exixencia da súa aprobación posterior aos informes externos non emitidos polo persoal da Administración autonómica ou naqueles casos en que existan informes contraditorios. Debido á heteroxeneidade dos bens mobles que poden ser obxecto de venda, neste tipo de bens habilítase a posibilidade de emitir os informes por terceiros sen necesidade de estar inscritos no Rexistro de Sociedades de Taxación do Banco de España, sempre e cando sexan uns profesionais especializados na materia.

Na adquisición onerosa regúlanse os supostos para poder acudir á adquisición directa, co obxectivo de que o procedemento ordinario de tramitación garanta os principios de igualdade, publicidade e concorrencia.

O procedemento pretende separarse da regulación típica que ata o de agora se realizaba nos concursos públicos e cuxa base sempre era a da contratación administrativa, entendendo esencial para adquirir un inmoble a realización dunha inspección previa in situ, xirando toda a tramitación arredor desta, e limitándose a mesa de contratación a garantir a obxectividade do proceso.

En consonancia coa singularidade destes negocios xurídicos, establécese expresamente que cada ofertante poderá realizar máis dunha proposta, sempre e cando comprenda distintos inmobles, coa admisión tamén de ofertas con valores anormais ou desproporcionados, entendéndose por tales as que se atopen por debaixo do prezo de mercado.

A sección 4ª do capítulo II recolle a adquisición de bens e dereitos mediante a participación en procedementos de licitación, coa remisión ao procedemento de adquisición directa con certas peculiaridades, como a necesidade de ratificación da adquisición polo órgano competente cando as normas reguladoras da poxa permitan desistir da adquisición tras a súa realización.

O capítulo III, relativo ás adquisicións a título gratuíto, non presenta grandes novidades respecto da regulación anterior. Introdúcese a figura da cesión en precario e sinálase que non é necesario tramitar o correspondente procedemento.

Malia no título preliminar se excluír o diñeiro como patrimonio, considerouse necesario introducir un artigo onde se estableza que, na ausencia de normativa específica, as disposicións gratuítas deben ser aceptadas pola consellaría competente por razón da materia e, na súa falta, polo órgano directivo competente en materia de tesouro. Nesta liña, cando o órgano directivo competente en materia de patrimonio comprobe que unha herdanza testada só dispón de diñeiro, remitirase o expediente á correspondente consellaría.

Así mesmo, introdúcese dentro do capítulo III un artigo relativo á adquisición dos saldos e dos depósitos abandonados, en consonancia coas sentenzas do Tribunal Constitucional 40/2018 e 41/2018, do 26 de abril.

Tal como aparecía na normativa anterior, a regulación dos arrendamentos de inmobles remite ás adquisicións onerosas, coas peculiaridades previstas no capítulo V.

Unha das principais novidades é a remisión á normativa de arrendamentos para determinar a viabilidade de formalizar as prórrogas de contratos. Ademais, habilítase expresamente a posibilidade de formalizar novos contratos sobre inmobles que xa viñan sendo ocupados en réxime de arrendamento, cuestión que se podía realizar na normativa anterior, con carácter xenérico a través da causa de contratación directa das peculiaridades ou das singularidades do ben. Tamén aquí se introduce unha variación esencial respecto do réxime de contratación administrativa, na cal é preciso que a posibilidade de prórroga estea prevista no propio contrato, contando ademais cunha limitación temporal. A razón desta diferenza radica nos posibles quebrantamentos que un cambio de localización pode provocar tanto a nivel económico coma de funcionamento do servizo como consecuencia do traslado do persoal e mobiliario, así como o custo económico que implica a adecuación dun ben inmoble ás necesidades administrativas. Con carácter xeral, este tipo de circunstancias negativas non se producen na contratación administrativa, dado que o servizo ou a subministración non quedan interrompidos nin deben xerar maiores custos se son prestados por outra empresa.

Inclúense unha serie de preceptos que obrigan a introducir nos contratos de arrendamento determinadas cláusulas, no marco do principio de liberdade de pactos que prevé a normativa para os arrendamentos de uso distinto de vivenda.

No artigo 96, a diferenza da maioría dos supostos da lei, recóllese a posibilidade de realización de melloras, que, se ben son habituais na contratación administrativa, resultan máis excepcionais na contratación patrimonial. Para tal efecto, cando estea prevista unha mellora consistente en obras, o contrato de arrendamento estará sometido á condición suspensiva da súa correcta realización, e no caso de incumprimento poderase adxudicar á segunda ou ao segundo mellor ofertante.

Nas resolucións de contratos de arrendamento, no ámbito da Administración xeral, atribúeselle a competencia á consellaría competente en materia de patrimonio para toda a xestión da devolución da posesión materializada na entrega de chaves.

No tocante á venda de bens e dereitos continúase coas mesmas formas de venda, sendo a poxa o procedemento xeral, o concurso público limitado a razóns de políticas públicas e a venda directa polas causas taxadas previstas no artigo 103.2. Dentro destas causas aparece como novidade xa prevista na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, que o inmoble resulte necesario para dar cumprimento a unha función de servizo público ou á realización dun fin de interese xeral por unha persoa distinta, que non é administración pública nin entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública.

Co obxecto de facilitar a venda, modifícase a contía da garantía que deben constituír as persoas interesadas na adquisición de bens de titularidade autonómica para os casos de poxa ou concurso público, quedando para o órgano xestor a súa concreción co límite máximo do vinte e cinco por cento do tipo de licitación.

Nos pagamentos aprazados a garantía limítase ao vinte e cinco por cento da cantidade por pagar na primeira anualidade, posto que a garantía de pagamento nos anos posteriores está constituída por unha condición resolutoria explícita, ou ben mediante unha hipoteca, un aval bancario, un seguro de caución ou outra garantía suficiente usual no mercado.

O procedemento de poxa pública pretende facilitar a venda dos bens co outorgamento de distintas opcións de tramitación. Desta forma, pode realizarse unha única poxa ou unha segunda ou unha terceira poxas para desenvolver no mesmo día da primeira ou en días distintos, podendo rebaixarse o tipo nun vinte por cento e nun corenta por cento. Ao igual ca na normativa anterior, tamén se dá a posibilidade de realizar unha cuarta poxa, na que o tipo de licitación vén determinado polas ofertas que realicen as terceiras persoas interesadas, con certas novidades, como a redución do prazo de presentación e a fixación dun prezo mínimo para admitir a oferta.

Tamén en busca de axilizar o procedemento, aínda que con carácter excepcional, establécese a posibilidade de que a primeira, segunda, terceira e cuarta poxas se realicen conxuntamente, podendo atribuírse á mesa a facultade de determinar a oferta mínima por debaixo da cal non se admitirán posturas, en consonancia con ser este órgano o que comproba na realidade o número de persoas interesadas na adquisición do ben. Ben que este procedemento ten un carácter excepcional, convértese en ordinario no caso de venda de bens procedentes da sucesión legal hereditaria regulada no título III, atendendo ao principio xeral instituído de conversión en metálico dos bens e dereitos da herdanza para destinar o seu resultado aos fins previstos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Polo que á poxa por concurso público se refire, esta non presenta novidades significativas coa regulación anterior.

Na venda directa preténdese dar unha solución á problemática que xorde cando existen distintas peticións de compra de terceiros en relación co mesmo ben. No caso de non ter incoado o expediente e unha vez comprobada pola Asesoría Xurídica a capacidade ou representación, así como o cumprimento das causas de outorgamento directo, informarase ás persoas interesadas de que a adxudicación se realizará a favor da mellor oferta económica, para o cal se constituirá unha mesa co obxecto de propoñer a venda a favor dunha ou dun dos peticionarios.

A venda de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal segue o mesmo réxime ca a venda de bens inmobles con certas peculiaridades, como o establecemento do procedemento da poxa pública á baixa, exclusiva deste tipo de bens, coa inclusión tamén dos supostos en que se pode acudir ao procedemento directo por resultar deserta esta poxa.

Na permuta elimínase a posibilidade de tramitar o expediente con publicidade, en consonancia coa propia natureza da permuta como intercambio de cousa por cousa en que resulta complexa a concreción previa do que se vai recibir a cambio. En todo caso, deberán quedar xustificadas as razóns de interese público polas que se acode a este negocio xurídico para evitar a tramitación por un simple interese particular.

As cesións gratuítas de bens e de dereitos atópanse limitadas polas características dos suxeitos beneficiarios. En bens inmobles, de se tratar do Estado ou das entidades locais, así como das súas entidades públicas instrumentais e das fundacións de sector público, cabería a cesión en propiedade. De se tratar de entidades sen ánimo de lucro só procede a cesión de uso, que poderá outorgarse directamente polo prazo dun ano prorrogable por outro. As cesións por un período de tempo superior tramitaranse por un concurso público, cun máximo de vinte anos.

No caso de existencia de débedas coa Administración autonómica, imposibilítase o outorgamento da cesión.

A finalidade para a que se entrega un ben por cesión gratuíta é un elemento esencial do negocio xurídico. Os bens de titularidade pública só poderán ser cedidos para cumprir cun fin de utilidade pública ou de interese social. Dada a importancia da finalidade, debe constar expresamente no Rexistro da Propiedade, polo que, de non estar inscrito o inmoble, o cesionario debe asumir a obriga de realizar as actuacións necesarias para a inscrición.

V

O título III regula o réxime especial de sucesión legal hereditaria a favor da Comunidade Autónoma, que por virtude da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, resulta ser a última herdeira chamada á sucesión. Esta materia, como xa se anticipou, resultou especialmente afectada pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que obriga a elevar a rango de lei determinados aspectos dos procedementos que estaban establecidos en normas de nivel regulamentario. Deste xeito, a sucesión intestada ou ab intestato a favor da Comunidade Autónoma, que a anterior Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, trataba tanxencialmente no seu artigo 56, por estar recollido o seu réxime administrativo no Decreto 94/1999, do 25 de marzo, regúlase agora integramente no título III desta lei.

No capítulo I, «Disposición xeral», establécese como principal novidade a atribución da competencia para a repartición do cadal distribuíble da herdanza ás consellarías competentes en materia de asistencia social e cultura, departamentos que axeitadamente poden dar mellor cumprimento ao destino legal establecido na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, para este tipo de patrimonios.

No capítulo II, conforme as modificacións introducidas na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, pola Lei 15/2015, do 2 de xullo, da xurisdición voluntaria, regúlase o procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato. Neste capítulo determínanse os trámites do expediente, comezando polo seu inicio de oficio, por comunicación ou por denuncia de persoas non obrigadas a comunicar a expectativa de sucesión da Administración autonómica, tratándose no detalle o seu modo de presentación neste último suposto. Así mesmo, resulta salientable a creación dunha fase de actuacións previas á incoación do procedemento que permita discriminar a procedencia da iniciación do expediente administrativo. Ao se incoar o procedemento e ao se realizar as publicacións preceptivas, outórgase o prazo ordinario dun ano para a súa instrución e a notificación da súa resolución, que, de ser procedente, comprenderá, ademais da declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da persoa causante, a adxudicación administrativa dos bens e dereitos da herdanza. A declaración de herdeiros supón a aceptación da herdanza a beneficio de inventario, como xa se establecía na normativa anterior e se dispón na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia. Regúlase tamén neste capítulo a facultade da administración de repudiar a herdanza, así como o suposto de aparición de herdeiros con dereito preferente con posterioridade á declaración.

O capítulo III, relativo á administración, á xestión e á liquidación da herdanza, mantén o principio xeral para o tratamento do patrimonio hereditario da súa realización e conversión en metálico –sen prexuízo das excepcións ao seu alleamento autorizadas na lei–, co propósito de destinar o seu resultado aos fins de carácter asistencial e cultural que prescribe a Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, no seu artigo 269. Tendo en conta as dificultades de xestión e a diversidade de situacións xurídicas aparelladas a este tipo de patrimonios, establécese un novo e especial marco para a súa administración que facilite o seu tratamento áxil e efectivo, que permita a súa máis pronta liquidación e a determinación do cadal distribuíble da herdanza. Neste capítulo débese destacar tamén, pola súa transcendencia, o carácter independente que se establece para este patrimonio hereditario, separado do patrimonio ordinario da Comunidade Autónoma, o que se concreta no seu tratamento extraorzamentario e na limitación de responsabilidades del derivadas ao haber hereditario, coa evitación, en todo caso, da confusión patrimonial.

O capítulo IV regula a repartición da herdanza ou, máis especificamente, do seu cadal distribuíble. Neste punto, seguindo a lexislación comparada, o resultado da liquidación ingrésase no Tesouro, para aplicarse a un concepto específico do orzamento da Comunidade Autónoma que permita a xeración de crédito a favor das consellarías competentes en materia de asistencia social e cultural, co obxecto da súa repartición entre as entidades ou institucións que a lei determina como posibles beneficiarias da herdanza. Neste capítulo establécense ademais os requisitos para solicitar a participación na repartición e os criterios de valoración das solicitudes, consonte o réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, regúlase a proposta de repartición da herdanza e a súa aprobación, a xustificación das condicións impostas e dos obxectivos da actividade por desenvolver pola persoa beneficiaria, que, en principio, revestirá forma de conta xustificativa.

VI

No título IV regúlase o patrimonio empresarial, co mantemento basicamente da mesma estrutura e do contido da norma anterior, xa adaptada ás categorizacións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

VII

A xestión e a optimización na utilización dos edificios administrativos previstas no título V non presentan novidades respecto da regulación anterior e respectan os conceptos e o réxime de competencias nela establecidos.

VIII

Nas relacións interadministrativas do título VI realízase unha adaptación da regulación dos convenios de colaboración prevista no capítulo VI do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, co obxecto de se adaptar ás peculiaridades da materia patrimonial. Así, por exemplo, os prazos de duración dos convenios deben atender ás figuras patrimoniais obxecto de regulación.

Os convenios de colaboración, como xa ocorría na lei anterior, poden ser de natureza declarativa ou executiva. Os primeiros son aqueles acordos nos cales, se ben conteñen cláusulas susceptibles de xerar obrigas xurídicas entre as partes, a efectividade do acto ou negocio xurídico patrimonial está suxeita á tramitación dun expediente patrimonial e á posterior formalización nun documento administrativo ou nunha escritura pública. Os convenios executivos non requiren para a súa efectividade de actos posteriores de natureza patrimonial e, unha vez asinados, constituirán, de conformidade coa Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, un título abondo para inscribir no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros públicos as operacións que se consideren neles.

Os convenios de colaboración regulados nesta lei non deben ser a canle ordinaria de formalización dos actos ou negocios xurídicos patrimoniais, senón un instrumento excepcional motivado nas heteroxéneas contraprestacións das partes, especialmente no ámbito urbanístico.

Os preceptos do capítulo I deste título VI pretenden con carácter xeral regular os supostos nos cales existen bens de titularidade pública sobre os que outras administracións exercen as súas propias competencias, esencialmente urbanísticas, polo que exceden dunha simple operación patrimonial que podería formalizarse a través do correspondente documento administrativo ou escritura pública, sen necesidade de acudir á figura do convenio. Para este fin, os convenios non deberían limitarse a establecer prestacións propias dos actos ou contratos regulados nesta lei.

O asinamento dun convenio de colaboración de natureza patrimonial e executivo requirirá autorización do Consello da Xunta, logo dun informe da Asesoría Xurídica e da Intervención.

O réxime de xestión urbanística dos bens públicos establecida no capítulo II pretende, a través das comunicacións dos concellos, lograr unha maior información sobre a situación urbanística dos bens inmobles de titularidade autonómica.

Por outra banda, continúa recolléndose que a cualificación que outorgue o planeamento urbanístico aos bens inmobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia non determinará por si mesma a afectación ou a desafectación destes ao dominio público. A cualificación do solo nos instrumentos de planeamento non pode afectar a natureza deste desde o punto de vista da súa demanialidade. A natureza dos bens que forman parte do dominio público non pode desvirtuarse pola cualificación urbanística ao ter os instrumentos de planeamento unha finalidade distinta, como sería a de ordenación dos usos do solo.

Ademais, tendo en conta que a afectación é o acto formal polo que un ben de titularidade pública se integra no dominio público con base no seu destino, no uso xeral ou no servizo público, se unha administración pública carece de competencias sobre un determinado e concreto servizo público, non poderá adoptar actos que directa ou indirectamente regulen e afecten este.

IX

O título VII regula a protección e a defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma. No capítulo I, «Obrigas e deberes», mantéñense basicamente os preceptos xerais da norma anterior, vinculando as administracións e entidades públicas, o seu persoal en xeral, a Policía Autonómica en particular, os notarios e as notarias e os rexistradores e as rexistradoras e mais calquera cidadán ou cidadá a colaborar na protección e defensa do patrimonio autonómico.

Na mesma liña de continuidade están os preceptos do capítulo II, sobre os medios de protección dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma, relativos ao inventario, á inscrición nos rexistros públicos dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma e ao seu aseguramento. Neles, como principal novidade, incorpórase a regulación das condicións e dos termos de acceso ao Inventario xeral de bens e dereitos por parte doutras administracións públicas e de terceiros, seguindo as pautas marcadas tanto pola normativa de desenvolvemento da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, coma pola normativa en materia de transparencia, que na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se deixaba para un posterior desenvolvemento regulamentario.

No capítulo III, sobre a defensa dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma, ademais de determinar a competencia para a defensa xudicial e extraxudicial dos bens e dereitos, así como o sometemento á transacción ou arbitraxe, mantéñense as tradicionais facultades e prerrogativas de inspección, investigación, deslindamento, recuperación de oficio da posesión e desafiuzamento, desenvolvéndose en cada unha das seccións, detalladamente, o correspondente procedemento administrativo, de acordo coas exixencias de rango legal establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste capítulo tamén se regula a denuncia cidadá, de xeito que calquera persoa pode denunciar feitos que causen prexuízos ao patrimonio da Comunidade Autónoma.

X

Por último, remata a lei co título VIII, sobre o réxime sancionador, no que, seguindo basicamente as mesmas liñas xa fixadas na norma anterior á que substitúe, se introducen agora as adaptacións necesarias aos principios da potestade sancionadora recollidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e ao procedemento sancionador e as súas características específicas establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co engadido no artigo 234 dos indicadores económicos e sociais de ponderación das sancións que na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se deixaban para o desenvolvemento regulamentario.

XI

Esta lei axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responder as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, e recollerse na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación como exixe o principio de transparencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

  1. Esta lei ten por obxecto establecer o réxime xurídico dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Esta lei será aplicable:
  3. a) Á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. b) Ás entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico.
  5. c) Ás sociedades mercantís públicas autonómicas e ás sociedades reguladas no artigo 102.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no establecido no seu título IV. Tamén se aplicará ás sociedades autonómicas do sector público o disposto na disposición adicional sétima.
  6. d) Ás fundacións do sector público autonómico, nos termos previstos na disposición adicional sétima.
  7. e) Ás entidades locais de Galicia, nos termos previstos na disposición adicional segunda.

Artigo 2. Concepto de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e clasificación dos bens e dereitos que o integran

  1. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia está constituído polo conxunto dos bens e dereitos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das súas entidades públicas instrumentais, calquera que sexa a súa natureza e o título da súa adquisición.
  2. Non se entenderán incluídos no patrimonio da Comunidade Autónoma, para os únicos efectos desta lei, o diñeiro e os demais recursos financeiros da súa facenda nin, no caso das entidades públicas instrumentais, os recursos que constitúen a súa tesouraría.
  3. Os bens e dereitos integrantes do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia clasifícanse en demaniais ou de dominio público e patrimoniais.
  4. Son bens e dereitos de dominio público os que, integrando o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se encontren afectados ao uso xeral ou á prestación de servizos públicos de competencia da Comunidade Autónoma, así como aqueles aos que unha lei lles outorgue expresamente o carácter de demaniais. Tamén son bens demaniais os inmobles de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais en que se aloxen os servizos, as oficinas ou as dependencias dos seus órganos ou dos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma.
  5. Son bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia os que non teñan o carácter de demaniais.

Teñen a consideración de patrimoniais, agás nos casos en que reúnan os requisitos previstos na alínea anterior, os seguintes bens e dereitos:

  1. a) Os dereitos de arrendamento e outros de carácter persoal.
  2. b) Os valores e títulos representativos de accións e de participacións no capital de sociedades mercantís ou de obrigas emitidas por estas, así como os contratos de futuros e as opcións cun activo subxacente constituído por accións ou participacións en sociedades mercantís.
  3. c) Os dereitos de propiedade incorporal.
  4. d) Os bens e dereitos adquiridos a título de sucesión legal ab intestatoou intestada.
  5. e) Os dereitos de calquera natureza que deriven da titularidade de bens e dereitos patrimoniais.

Artigo 3. Réxime xurídico

  1. Os bens e dereitos demaniais da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse por esta lei e polas disposicións que a desenvolvan, así como pola lexislación de aplicación xeral a todas as administracións públicas e pola lexislación básica estatal. Supletoriamente, aplicaranse as normas xerais do dereito administrativo e, na súa falta, as normas do dereito privado, civil ou mercantil.
  2. O réxime de adquisición, administración, protección, defensa e alleamento dos bens e dereitos patrimoniais será o previsto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan ou complementen, así como na lexislación de aplicación xeral a todas as administracións públicas e na lexislación básica estatal. Supletoriamente, aplicaranse as normas do dereito administrativo, en todas as cuestións relativas á competencia para adoptar os correspondentes actos e ao procedemento que teña que seguirse, e as normas do dereito privado, civil ou mercantil, no que afecte os restantes aspectos do seu réxime xurídico.
  3. As augas terrestres, os montes, as minas, as explotacións de hidrocarburos, as estradas, as vías pecuarias, os portos e as demais propiedades administrativas especiais, así como o patrimonio cultural, rexeranse pola súa lexislación específica, sen prexuízo da aplicación supletoria desta lei.

Artigo 4. Competencias

  1. O exercicio das facultades derivadas da titularidade dominical do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma correspóndelle con carácter xeral á consellaría competente en materia de patrimonio, agás que legalmente se lle atribúa para determinados bens ou dereitos a outro órgano.
  2. O anteriormente disposto enténdese sen prexuízo das competencias das demais consellarías e das entidades públicas instrumentais para a administración, a xestión, o aproveitamento, a conservación e a colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos que lles fosen adscritos para o cumprimento dos seus fins.
  3. As entidades públicas instrumentais exercerán respecto dos seus bens e dereitos todas as facultades derivadas da titularidade deles, coas particularidades previstas nesta lei.

Artigo 5. Principios

  1. Os bens e dereitos de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia son inalienables, imprescritibles e inembargables, e non poden ser obxecto de gravame, carga, afección, transacción ou arbitraxe.
  2. Por razón do seu destino, os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia excluiranse das providencias de embargo e dos mandamentos de execución que diten os órganos xurisdicionais e administrativos nos seguintes casos:
  3. a) Cando se encontren materialmente afectados a un uso, un servizo ou unha función pública.
  4. b) Cando os seus rendementos ou o produto do seu alleamento estean legalmente afectados a uns fins determinados.
  5. c) Cando se trate de valores ou títulos representativos do capital de sociedades mercantís autonómicas que executen políticas públicas ou presten servizos de interese económico xeral.

TÍTULO I

BENS E DEREITOS DEMANIAIS

CAPÍTULO I

Afectacións e desafectacións

Sección 1ª. Afectacións

Artigo 6. A afectación e as súas formas

  1. A afectación determina a vinculación dos bens e dereitos patrimoniais a un uso xeral ou a un servizo público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e mais a súa conseguinte integración no dominio público.
  2. A afectación realizaraa o órgano competente en virtude dun acto expreso, agás que derive dunha norma con rango de lei.
  3. Producen os mesmos efectos ca a afectación expresa os feitos e actos seguintes:
  4. a) A utilización pública, notoria e continuada durante un ano, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polas entidades públicas instrumentais ou polos órganos estatutarios de bens e dereitos da súa titularidade para un uso xeral ou para un servizo público de competencia da Comunidade Autónoma.
  5. b) A adquisición de bens e dereitos por prescrición adquisitiva, de conformidade coas regras do dereito privado, cando os actos posesorios vinculen o ben ou dereito ao uso xeral ou a un servizo público de competencia da Comunidade Autónoma.
  6. c) A adquisición de bens e dereitos por expropiación forzosa, suposto no cal todos os bens ou dereitos adquiridos se entenderán afectados ao fin determinante da declaración de utilidade pública ou de interese social.
  7. d) A adquisición de bens e dereitos a título oneroso sen exercicio da potestade expropiatoria para o cumprimento dun fin de uso xeral ou de servizo público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
  8. e) A adquisición de bens e dereitos a título gratuíto baixo a condición ou o modo da súa afectación a un fin determinado de uso xeral ou de servizo público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
  9. f) A aprobación polo Consello da Xunta de programas ou de plans de actuación xeral, excepto en materia urbanística, ou de proxectos de obras ou servizos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, cando deles resulte a vinculación de bens ou dereitos determinados a fins de uso xeral ou de servizo público de competencia da Comunidade Autónoma.
  10. g) A adscrición de bens e dereitos patrimoniais a entidades públicas instrumentais, nos termos previstos na sección 3ª do capítulo II deste título.
  11. En ningún caso se entenderá producida a afectación dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma pola simple cualificación urbanística dos seus usos.

Artigo 7. Competencia

  1. A afectación dos bens e dereitos do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia acordaraa a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde.
  2. A afectación dos bens e dereitos das entidades públicas instrumentais acordaraa o órgano unipersoal de goberno.

Artigo 8. Procedemento

  1. No ámbito da Administración xeral, a instrución do procedemento correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, que o incoará de oficio, por iniciativa propia ou por petición da consellaría ou da entidade interesada.
  2. A orde ou o acordo de afectación deberán expresar o seguinte:
  3. a) A descrición do ben ou dereito afectado.
  4. b) Os fins aos que se destina.
  5. c) A circunstancia de quedar aquel integrado no dominio público.
  6. d) A referencia catastral, cando a natureza do ben ou dereito o permita.
  7. e) O órgano ao que lle corresponden as facultades derivadas da adscrición.
  8. f) Se é caso, as condicións ou os requisitos sobre o uso ou destino do ben ou dereito.
  9. A afectación poderá acordarse por un prazo determinado, transcorrido o cal os bens recuperarán a súa condición orixinal. Neste caso, a orde ou o acordo establecerán expresamente a desafectación á finalización do prazo.
  10. Os bens e dereitos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia adquirirán natureza demanial desde a data da orde de afectación, sen prexuízo da súa posterior extensión nunha acta subscrita pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e pola persoa titular da consellaría ou da entidade pública instrumental á que quede adscrito o ben ou dereito. Non será precisa esta formalización cando a consellaría ou a entidade pública instrumental, por calquera circunstancia, xa estea ocupando o ben ou dereito.
  11. Cando unha consellaría ou entidade pública instrumental teña coñecemento dos feitos ou realice actuacións que dean lugar a calquera dos supostos de afectación previstos na alínea 3 do artigo 6, deberá comunicalo ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, con identificación suficiente do ben ou dereito correspondente e do fin ao que se destina. Este realizará as actuacións precisas para a regularización física e xurídica do ben ou dereito e procederá a anotalo no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia e a ditar, se for o caso, a resolución que declare a súa demanialidade.

Sección 2ª. Afectacións secundarias

Artigo 9. Afectación secundaria e competencia

  1. Os bens e dereitos afectados ao cumprimento dos fins ou servizos das consellarías e das entidades públicas instrumentais poden ser obxecto dunha ou de varias afectacións secundarias, sempre que os diversos fins concorrentes sexan compatibles entre si. A concorrencia de diversas afectacións respecto dun mesmo ben ou dereito non altera a adscrición orgánica exixida pola afectación principal.
  2. A afectación secundaria acordaraa a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde, após un informe da consellaría ou da entidade pública instrumental titular da afectación principal.
  3. De xurdiren discrepancias entre as consellarías ou as entidades públicas instrumentais interesadas, decidirá a consellaría competente en materia de patrimonio, logo de lles outorgar unha audiencia.

Artigo 10. Procedemento

  1. O procedemento tramitarase conforme o artigo 8.
  2. A orde que acorde a afectación secundaria determinará as facultades de administración, xestión, conservación e colaboración na protección e defensa que lle corresponden a cada consellaría ou entidade pública instrumental. Non obstante, de se ter subscrito algún acordo ou protocolo entre elas, a orde remitirase ao que nel se prevexa sobre o exercicio e a distribución destas facultades.
  3. A acta regulada no artigo 8.4 será subscrita pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, pola persoa titular da consellaría ou da entidade pública instrumental que dispoña da adscrición derivada da afectación principal e pola persoa titular da consellaría ou da entidade pública instrumental que vaia dispoñer da adscrición derivada da afectación secundaria.
  4. En calquera momento, a consellaría competente en materia de patrimonio, mediante unha orde e após a petición da consellaría ou da entidade pública instrumental beneficiaria, poderá deixar sen efecto a afectación secundaria. Neste caso, os bens e dereitos quedarán vinculados aos fins ou servizos da consellaría ou entidade pública instrumental titular da afectación principal.

Sección 3ª. Desafectacións

Artigo 11. Desafectación e competencia

  1. Os bens e dereitos demaniais perden esta condición e adquiren a de patrimoniais nos casos en que se produza a súa desafectación, por deixar de destinarse a un uso xeral ou a un servizo público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Agás nos supostos previstos nesta lei, a desafectación deberase realizar sempre de forma expresa.
  3. Os bens inmobles e os dereitos sobre eles demaniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma serán desafectados pola persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde.

Unha vez desafectados, a administración, a xestión e a conservación dos inmobles e dereitos sobre eles corresponderá á consellaría competente en materia de patrimonio, sen prexuízo de que, por circunstancias excepcionais debidamente motivadas ou cando os seus rendementos ou o produto do seu alleamento estea vinculado a uns fins determinados, poida encargarse á consellaría ou á entidade pública instrumental anterior titular da adscrición.

  1. Os bens e dereitos de titularidade das entidades públicas instrumentais serán desafectados polo órgano unipersoal de goberno, sen prexuízo de que, cando non sexan necesarios para o cumprimento dos seus propios fins, se incorporen ao patrimonio da Administración xeral, consonte o disposto no artigo 22.
  2. Os bens e dereitos afectados ao dominio público en virtude dunha lei, de conformidade co artigo 6.2, desafectaranse polo procedemento previsto na norma que procedeu a realizar a afectación e, na súa falta, por unha norma do mesmo rango xerárquico.
  3. A desafectación dos bens mobles ou dos dereitos sobre eles adquiridos polas consellarías ou aqueles afectados ao cumprimento dos seus fins ou servizos é competencia da persoa titular da respectiva consellaría, sen prexuízo do disposto nos artigos 130.4 e 145.5.

Unha vez que os bens adquiran a condición de patrimoniais, seguirán sendo xestionados polas respectivas consellarías.

Artigo 12. Procedemento

  1. A instrución do procedemento de desafectación de bens inmobles ou de dereitos sobre eles de titularidade da Administración xeral correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, que o incoará de oficio, ben por propia iniciativa co informe da consellaría ou da entidade interesada, ben por petición destas.

A consellaría ou entidade pública instrumental que pretenda a desafectación deberá expresar as causas que determinan a petición e remitirlle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio a documentación identificativa, que incluirá:

  1. a) O enderezo actual do inmoble.
  2. b) A referencia catastral, cando a natureza do ben ou dereito o permita.
  3. c) De proceder dunha expropiación, o informe sobre a tramitación do procedemento de reversión ante as persoas expropiadas ou as súas herdeiras, con indicación do seu resultado, ou a xustificación de no ser necesaria a súa tramitación.
  4. d) A declaración de que o ben se atopa libre de ocupantes ou a identificación destes.
  5. e) No caso dos bens inmobles ou dos dereitos sobre eles sometidos ao réxime de propiedade horizontal, a información sobre as cotas mensuais que se aboan á comunidade de propietarios e o estado dos correspondentes pagamentos.
  6. A desafectación dos bens inmobles e dos dereitos sobre eles integrados no patrimonio da Administración xeral requirirá, para a súa efectividade, da súa recepción formal mediante unha acta de entrega subscrita pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e por unha persoa representante designada pola consellaría ou entidade pública instrumental á que estean adscritos os bens ou dereitos, ou ben mediante unha acta de toma de posesión elaborada polo órgano directivo citado.

Os órganos ou as entidades que teñan adscritos previamente os bens ou dereitos seguirán asumindo as funcións sinaladas no artigo 13, así como as obrigas económicas derivadas do seu uso e tenza, ata a data en que se produza a recepción formal prevista na alínea anterior.

  1. Os expedientes de venda ou cesión gratuíta de bens inmobles ou de dereitos sobre eles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse tramitar aínda cando estes se manteñan afectos a un uso ou servizo público, sempre que se produza a súa desafectación antes de ditar a resolución ou o acto aprobatorio da correspondente operación patrimonial.

CAPÍTULO II

Adscricións e desadscricións

Sección 1ª. Adscricións e desadscricións internas

Artigo 13. Adscricións e desadscricións de bens e dereitos demaniais

  1. A adscrición regulada nesta sección é o acto polo que se atribúe a unha consellaría ou entidade pública instrumental o uso, a administración, a xestión, a conservación e a colaboración na protección e defensa de bens e dereitos demaniais, sen cambio na súa titularidade ou cualificación xurídica.

Nos inmobles adscritos que formen parte de edificios constituídos en réxime de propiedade horizontal, a adscrición conferirá facultades representativas nas xuntas de propietarios, agás que a consellaría competente en materia de patrimonio, pola índole do asunto, decida asumir directamente a representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. Poderanse adscribir bens e dereitos demaniais ás consellarías e entidades públicas instrumentais cando sexan necesarios para o cumprimento dos fins atribuídos á súa competencia.
  2. A adscrición poderá ser expresa ou ter carácter implícito. A adscrición estará implícita na afectación ao dominio público. A afectación implícita ou tácita comportará a adscrición orgánica do ben ou dereito á consellaría ou á entidade pública instrumental correspondente.
  3. A consellaría competente en materia de patrimonio adoptará as medidas que considere oportunas para a adecuada conservación dos bens e dereitos e a súa efectiva aplicación aos fins expresados no acordo de adscrición.
  4. Cando o uso dun ben ou dereito adscrito a unha consellaría ou entidade pública instrumental resulte innecesario para o cumprimento dos seus propios fins, deberase comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio, para a adopción das medidas que sexan procedentes conforme esta lei.
  5. Cando a consellaría competente en materia de patrimonio teña coñecemento da existencia dalgún ben inmoble ou dereito que non se estea aplicando á finalidade para o que foi afecto, poderalle solicitar información á consellaría ou á entidade pública instrumental que o teña adscrito. No caso de que non exista un proxecto de actuación concreto, poderá desadscribir ou, se é o caso, desafectar aquel polo procedemento previsto neste título, sen prexuízo do disposto no artigo 22 para as entidades públicas instrumentais.
  6. Non será necesaria a tramitación do expediente patrimonial previsto neste capítulo cando unha consellaría ou entidade pública instrumental necesite dun determinado espazo nun inmoble adscrito a outra consellaría ou entidade pública instrumental, por un período inferior a un ano.

Neste suposto, non resultará modificada a adscrición do ben ou dereito e será necesaria a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio, logo da comunicación conxunta das consellarías ou entidades públicas instrumentais interesadas. Así mesmo, no expediente patrimonial deberá quedar xustificada a necesidade de continuar dispoñendo da adscrición por parte da consellaría ou da entidade pública instrumental que acepta compartir o inmoble.

Artigo 14. Competencia

  1. A adscrición e a desadscrición de bens e dereitos demaniais da Comunidade Autónoma de Galicia ás diferentes consellarías e entidades públicas instrumentais acordaraas a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde.
  2. A desafectación dos bens e dereitos do dominio público significará a súa desadscrición orgánica.
  3. De xurdiren discrepancias entre as distintas consellarías e entidades públicas instrumentais sobre a administración, a xestión, a conservación e a colaboración na protección e defensa dun ben ou dereito, decidirá a consellaría competente en materia de patrimonio, logo da audiencia das consellarías ou das entidades interesadas.

Artigo 15. Procedemento

  1. A instrución do procedemento de adscrición e de desadscrición correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, que o iniciará de oficio, ou ben por propia iniciativa co informe da consellaría ou da entidade interesada, ou ben por petición destas.

A orde de adscrición ou de desadscrición deberá expresar o seguinte:

  1. a) O ben ou dereito que comprenda, con indicación do seu carácter demanial.
  2. b) A referencia catastral, cando a natureza do ben ou dereito o permita.
  3. c) A consellaría ou a entidade pública instrumental que dispoñerá das facultades de administración, xestión, conservación e colaboración na súa protección e defensa.
  4. d) As outras condicións ou requisitos sobre o uso do ben ou dereito, cando se considere oportuna a súa introdución.
  5. A realización dunha adscrición supoñerá, de ser o caso, a desadscrición implícita dos bens e dereitos das consellarías ou das entidades públicas instrumentais titulares da anterior adscrición.

A desadscrición dun ben ou dereito, cando non comporte a súa desafectación, requirirá a necesaria adscrición a outra consellaría ou entidade pública instrumental.

  1. Os bens e dereitos demaniais poderán ser obxecto dunha ou máis adscricións, sempre que a utilización conxunta non resulte incompatible e se manteña a mesma afectación.

Cando a adscrición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles se produza conxuntamente a favor de varias consellarías ou entidades públicas instrumentais, deberá recollerse a porcentaxe de ocupación que lle corresponde a cada unha delas sobre a totalidade do inmoble.

No suposto previsto no parágrafo anterior, de se iniciar o expediente por petición dunha consellaría ou entidade pública instrumental, deberán achegar ao órgano directivo competente en materia de patrimonio un plano acreditativo da distribución obxecto de adscrición.

  1. O ben ou dereito quedará adscrito desde a data da orde de adscrición, sen prexuízo de que posteriormente sexa preciso redactar a pertinente acta, que subscribirán a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e a persoa titular da consellaría ou da entidade pública instrumental á que quede adscrito o ben ou dereito. Non será precisa esta formalización cando a consellaría ou a entidade pública instrumental, por calquera circunstancia, xa estivese ocupando o ben ou dereito.
  2. Os bens e dereitos de titularidade das entidades públicas instrumentais que temporalmente non sexan necesarios para o cumprimento dos seus propios fins poderán ser adscritos a outras consellarías ou entidades públicas instrumentais pola consellaría competente en materia de patrimonio.

Na tramitación do expediente, a entidade pública instrumental propietaria do ben ou dereito deberá remitir ao órgano directivo competente en materia de patrimonio unha memoria xustificativa da adscrición, onde se inclúan as previsións futuras de utilización do ben, xunto coa solicitude da consellaría ou da entidade pública instrumental interesada. Ademais, no caso dos bens inmobles ou dos dereitos sobre eles, será preciso que estean debidamente dados de alta no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A acta prevista na alínea 4 será subscrita tamén pola persoa titular da entidade pública instrumental titular do ben ou dereito.

Sección 2ª. Reestruturacións orgánicas

Artigo 16. Cambios de adscrición por reestruturación orgánica

  1. Nos casos de reestruturación orgánica entenderase que os bens e dereitos continúan vinculados aos mesmos fins, funcións ou servizos, e consideraranse adscritos ao órgano ou á entidade pública instrumental ao que se lle atribúan as respectivas competencias, sen necesidade de declaración expresa.
  2. As consellarías ou as entidades públicas instrumentais ás que queden adscritos os bens ou dereitos comunicaranlle á consellaría competente en materia de patrimonio o cambio de adscrición orgánica operado, para que se proceda a tomar razón del no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma.

Se a adaptación da situación patrimonial á reforma orgánica producida exixe unha distribución dos bens entre varias consellarías ou entidades, esta comunicación débese cursar co acordo expreso de todas elas. Na falta de acordo, cada consellaría ou entidade remitirá á consellaría competente en materia de patrimonio unha proposta de distribución dos bens, e a persoa titular desta resolverá en último termo sobre a adscrición.

Sección 3ª. Adscrición e desadscrición de bens e dereitos patrimoniais a entidades públicas instrumentais

Artigo 17. Adscrición

  1. Os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser adscritos ás entidades públicas instrumentais para a súa vinculación directa a un servizo da súa competencia ou para o cumprimento dos seus fins propios. En ambos os casos, a adscrición levará implícita a afectación do ben ou dereito, que pasará a se integrar no dominio público.
  2. Igualmente, os bens e dereitos patrimoniais propios dunha entidade pública instrumental poden ser adscritos ao cumprimento de fins propios doutra, consonte o disposto no artigo 15.5.
  3. A adscrición acordaraa a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde. A instrución do procedemento correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, que o iniciará de oficio, ben por propia iniciativa co informe da entidade interesada, ben por petición desta.

Artigo 18. Carácter finalista da adscrición

  1. Os bens e dereitos débense destinar ao cumprimento dos fins que motivaron a súa adscrición e na forma e coas condicións que, de ser o caso, se establezan no correspondente acordo. A alteración posterior destas condicións debe ser autorizada expresamente pola consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. O órgano directivo competente en materia de patrimonio verificará a aplicación dos bens e dereitos ao fin para o que foron adscritos. Para estes efectos, poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias.
  3. Correspóndelles ás entidades públicas instrumentais o exercicio das facultades de administración, xestión, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos que teñan adscritos.

Artigo 19. Desadscrición por incumprimento do fin ou innecesariedade

  1. Se os bens ou dereitos adscritos non son destinados ao fin previsto dentro do prazo que, de ser o caso, se fixase, deixan de selo posteriormente ou se incumpre calquera outra condición establecida para a súa utilización, a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio procederá á desadscrición dos bens ou dereitos mediante unha orde.
  2. Igualmente, procederase á desadscrición no caso de que a entidade que teña adscritos os bens ou dereitos non exerza as competencias que lle corresponden de acordo co artigo anterior, ou cando estes deixen de ser necesarios para o cumprimento dos fins que motivaron a adscrición. Neste último caso, a consellaría competente en materia de patrimonio incoará e tramitará o correspondente procedemento, por propia iniciativa ou en vista da comunicación que, logo de comprobar que o ben ou dereito xa non é necesario, está obrigada a cursar a entidade que os tivese adscritos. A persoa titular da devandita consellaría adoptará a resolución procedente.
  3. No caso de que se proceda á desadscrición dos bens, a persoa titular do ben ou dereito pode exixir o valor dos detrimentos experimentados por eles, actualizados ao momento en que se produza a desadscrición, ou o custo da súa rehabilitación, logo da taxación.
  4. A desadscrición, que levará implícita a desafectación, requirirá, para a súa efectividade, da recepción formal do ben ou dereito mediante unha acta de entrega subscrita pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e por unha persoa representante da entidade pública instrumental á que estean adscritos os bens ou dereitos, ou ben mediante unha acta de toma de posesión redactada polo citado órgano directivo.

CAPÍTULO III

Mutacións demaniais

Artigo 20. Mutación demanial

  1. A mutación demanial é o acto en virtude do cal se efectúa a desafectación dun ben ou dereito do patrimonio da Comunidade Autónoma, con simultánea afectación a outro uso xeral, fin ou servizo público.
  2. A mutación demanial débese efectuar de forma expresa e comporta a modificación dos fins específicos aos que os bens ou dereitos se vinculan e, de ser o caso, a alteración da adscrición orgánica deles, sen transferencia de titularidade nin cambio da súa cualificación xurídica.

Artigo 21. Competencia e procedemento

  1. A mutación demanial de bens e dereitos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma afectados ao cumprimento dos fins ou servizos das consellarías ou das entidades públicas instrumentais acordaraa de oficio pola persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde, por iniciativa propia ou por petición da consellaría ou entidade interesada, após o informe da consellaría ou da entidade á que estean adscritos os bens ou dereitos.
  2. A mutación de destino dos bens e dereitos das entidades públicas instrumentais para o cumprimento dos seus fins acordaraa o órgano unipersoal de goberno.

A mutación de destino de bens inmobles e dereitos sobre eles das entidades públicas instrumentais para o cumprimento de fins, funcións ou servizos das consellarías ou doutras entidades públicas instrumentais acordaraa de oficio a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde, por proposta conxunta das entidades ou dos órganos interesados.

  1. A mutación demanial seguirá o procedemento regulado para as adscricións no artigo 15. A orde ou o acordo de mutación demanial deberá incluír o novo uso xeral, fin ou servizo público. Se é o caso, a acta prevista na alínea 4 do dito artigo deberá ser asinada tamén pola persoa titular da consellaría ou da entidade pública instrumental que dispoña previamente da adscrición do ben ou dereito.

CAPÍTULO IV

Incorporación ao patrimonio da Administración xeral da
Comunidade Autónoma de Galicia de bens e dereitos das
entidades públicas instrumentais

Artigo 22. Incorporación de bens e dereitos

  1. Os bens e dereitos das entidades públicas instrumentais que non sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins incorporaranse ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma coas excepcións previstas no seguinte artigo 23.
  2. A incorporación de bens e dereitos demaniais supón a súa desafectación.

Artigo 23. Excepcións á incorporación

  1. Exceptúanse do disposto no anterior artigo 22 os bens e dereitos das entidades públicas instrumentais adquiridos por elas co propósito de os devolver ao tráfico xurídico privado de acordo cos seus fins peculiares. Tamén quedarán exceptuados os bens mobles obsoletos, de escaso valor económico ou aqueles que, polas súas propias características singulares, só sexan susceptibles de utilización pola entidade pública instrumental titular.
  2. A persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio pode acordar mediante unha resolución motivada a non incorporación dun ben ou un dereito ao patrimonio da Administración xeral cando considere que este carece, directa ou indirectamente, de toda utilidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 24. Procedemento e competencia

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio tramitará o procedemento de incorporación de oficio, por propia iniciativa ou en vista da comunicación que debe realizar a entidade pública instrumental cando comprobe que os bens ou dereitos non son necesarios para o desenvolvemento dos seus propios fins.

A comunicación realizada pola entidade pública instrumental deberá ir xunto coa documentación identificativa do ben ou dereito e dunha memoria explicativa dos gastos que xera o ben e do seu estado de pagamento, coa aclaración da súa natureza demanial ou patrimonial.

  1. A persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio acordará a incorporación mediante unha orde.

Artigo 25. Formalización

  1. Tras acordar a incorporación, esta será efectiva no momento da formalización dunha acta de entrega subscrita entre a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e o órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental.
  2. A entidade pública instrumental titular dos bens ou dereitos deberá remitir ao órgano directivo competente en materia de patrimonio os orixinais dos títulos de propiedade, así como as licenzas, os permisos, os proxectos e, en xeral, calquera tipo de documentación técnica de que se dispoña relativa a estes bens ou dereitos, e asumirá as cantidades pendentes de pagamento que fosen exixibles no momento en que era titular daqueles.

Artigo 26. Natureza do ben ou dereito adquirido

  1. Os bens e dereitos adquiridos polo procedemento previsto neste capítulo terán natureza patrimonial, agás o disposto na alínea seguinte.
  2. Se durante a tramitación do procedemento de incorporación se ten coñecemento de que algunha consellaría está interesada no ben ou dereito, o órgano directivo competente en materia de patrimonio poderá propoñer a súa incorporación ao patrimonio, xuntamente coa súa afectación.

A acta de entrega tamén deberá estar asinada pola persoa representante da consellaría ou da entidade pública instrumental á que se adscriba o ben ou dereito.

Artigo 27. Incorporación por supresión de entidades públicas instrumentais

  1. No caso de supresión de entidades públicas instrumentais, a incorporación dos seus bens e dereitos ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia efectuarase en virtude da disposición que estableza a devandita supresión. A consellaría da que dependa a entidade comunicarallo á consellaría competente en materia de patrimonio, coa achega dunha relación dos seus bens e dereitos.
  2. A inscrición no Rexistro da Propiedade practicarase coa presentación da disposición en virtude da cal se produciu a supresión da entidade.

CAPÍTULO V

Tráfico xurídico público entre administracións públicas

Sección 1ª. Ámbito e requisitos

Artigo 28. Ámbito

As figuras xurídicas previstas neste capítulo poderán ser aplicables a outras administracións públicas cando se prevexa na súa lexislación reguladora a posibilidade de aplicación de figuras análogas a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das súas entidades públicas instrumentais para a dedicación a un uso ou servizo da súa competencia.

Artigo 29. Requisitos

  1. Será un requisito necesario para a tramitación dos expedientes regulados no artigo 35 que os bens ou dereitos que se van transmitir ou recibir se atopen depurados física e xuridicamente, practicándose o deslindamento de ser necesario, e inscritos correcta e individualmente tanto no Catastro Inmobiliario coma no Rexistro da Propiedade.
  2. Os bens e dereitos entregados polas figuras establecidas neste capítulo non serán transmisibles a favor de terceiros.

Sección 2ª. Adscrición e mutación demanial a favor doutras
administracións públicas

Artigo 30. Adscrición e mutación demanial

  1. Os bens inmobles e os dereitos sobre eles do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser adscritos a outras administracións públicas para os mesmos fins determinantes da afectación, e sen cambio da titularidade nin da cualificación xurídica.
  2. Os bens inmobles e os dereitos sobre eles de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia afectados ao cumprimento dos fins ou servizos das consellarías e das entidades públicas instrumentais poderán afectarse a outros usos ou servizos públicos de competencia doutras administracións públicas, sen a transferencia da titularidade nin o cambio da súa cualificación xurídica.
  3. Só procederá a tramitación de adscricións ou mutacións demaniais cando sobre o fin concreto determinante da afectación existan competencias compartidas ou concorrentes entre as dúas administracións públicas.
  4. Os gastos e tributos que xeren os bens ou dereitos obxecto da adscrición ou da mutación demanial serán en todo caso por conta da administración beneficiaria deles.

Artigo 31. Competencia

  1. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio acordar, mediante unha orde, a adscrición ou a mutación de destino de bens inmobles e de dereitos sobre eles demaniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cumprimento de usos ou servizos públicos de competencia doutras administracións públicas.

No caso das entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle ao órgano colexiado de goberno, sen prexuízo do disposto no artigo 22.

  1. A competencia para aceptar uns bens inmobles ou dereitos sobre eles en adscrición ou mutación demanial procedentes doutras administracións públicas, a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma, correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde.

No caso das entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle ao órgano unipersoal de goberno.

Artigo 32. Procedemento

  1. A instrución do procedemento de adscrición ou de mutación demanial a favor doutras administracións públicas corresponderalle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, que o incoará de oficio, por petición da administración pública interesada.
  2. Toda petición deberá indicar o ben ou dereito obxecto da adscrición ou da mutación demanial e acompañarase dunha memoria detallada dos fins de uso xeral ou de servizo público aos que se pretende dedicar, debendo acreditar que se conta no momento da petición cos medios necesarios para o seu cumprimento.

Ao recibir a documentación citada, procederase ao seu exame e comprobación, e solicitarase a súa emenda se estiver incompleta ou non se axustar aos requisitos preceptivos.

O órgano directivo competente en materia de patrimonio, previamente á incoación do expediente, deberá recadar o informe da consellaría ou da entidade pública instrumental que dispoña da adscrición do ben ou dereito, para os efectos de determinar a necesidade deste para as actividades propias.

Non se incoará o procedemento cando este resulte contrario ao ordenamento xurídico, o ben ou dereito sexa preciso exclusivamente para as actividades propias, exista algún tipo de previsión de actuación presente ou futura ou, en xeral, non se considere oportuno tramitar a adscrición ou mutación.

  1. Ao se incoar o expediente, o órgano directivo competente en materia de patrimonio redactará unha proposta de adscrición ou de mutación demanial que someterá a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención, as cales deberán examinar respectivamente a natureza xurídica do ben ou dereito e do acto xurídico que se vai tramitar, a correcta inscrición rexistral e as competencias das partes, así como os fins do uso ao que vai ser destinado.

Deberase incorporar ao expediente un certificado do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma relativo á valoración do ben ou dereito ou, na súa falta, un informe de taxación realizado ao abeiro do disposto no artigo 64.

  1. A orde que acorde a adscrición ou a mutación demanial deberá conter as mencións requiridas polo artigo 8.2 e fixar cantas condicións, requisitos e prazos se xulguen necesarios para o adecuado uso do ben ou dereito.

A orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos desde a recepción dos bens ou dereitos polo órgano competente da administración pública á que se destinen, mediante a subscrición dunha acta entre a persoa representante desta e a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio.

  1. A adscrición ou a mutación demanial de bens inmobles ou de dereitos sobre eles a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma tramitaraas o órgano directivo competente en materia de patrimonio. Deberase incorporar ao expediente a seguinte documentación:
  2. a) O acordo de adscrición ou de mutación demanial adoptado polo órgano competente.
  3. b) O título de propiedade.
  4. c) A acreditación da inscrición rexistral e da referencia catastral.
  5. d) Un plano.
  6. e) A valoración económica, que poderá ser determinada pola administración transmitinte ou realizada consonte o artigo 64.

A proposta de orde pola que se acepte o ben ou dereito someterase a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención, que deberán examinar as cuestións establecidas na alínea 3 deste artigo.

A orde de aceptación determinará o destino do ben ou dereito e mais a consellaría que dispoñerá das facultades sobre el, e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Vinculación ao fin

  1. A administración pública á que se afectasen ou adscribisen os bens ou dereitos utilizaraos de acordo co fin sinalado, exercendo sobre eles as correspondentes facultades demaniais, sen prexuízo das facultades dominicais que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia como titular dos bens ou dereitos.
  2. Anualmente, a administración pública receptora dos bens e dereitos deberalle remitir ao órgano directivo competente en materia de patrimonio un informe sobre os usos aos que se destina o ben ou dereito. Calquera obra que se realice nos inmobles deberá ser autorizada previamente pola consellaría competente en materia de patrimonio.

Artigo 34. Devolución

  1. Se os bens ou dereitos non son destinados á finalidade establecida dentro do prazo que, de ser o caso, se fixase, deixen de o estar posteriormente, se negue a súa inspección ou se incumpra calquera condición establecida no acordo de adscrición ou de mutación, o órgano directivo competente en materia de patrimonio redactará unha proposta de desadscrición dos bens ou dereitos, que someterá ao informe da Asesoría Xurídica.

Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio acordar mediante unha orde a desadscrición dos bens e dereitos demaniais, que será comunicada á administración pública receptora coa obriga de entregalos nun prazo máximo de trinta días naturais, coa subscrición da correspondente acta ou, se é o caso, por unha acta de toma de posesión elaborada polo órgano directivo competente en materia de patrimonio.

Se o ben ou dereito for necesario para os fins propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou dalgunha entidade pública instrumental do sector público autonómico, acordarase, logo da comunicación á administración pública receptora, a desadscrición dos bens e dereitos demaniais.

  1. No caso de non abandonar e deixar libres os bens, dentro do prazo outorgado, á disposición da consellaría competente en materia de patrimonio, esta adoptará as actuacións necesarias para a defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma de acordo co previsto no título VII e propoñerá ou impoñerá, se for o caso, as sancións pertinentes establecidas no título VIII.
  2. Unha vez que foron obxecto de recepción pola consellaría competente en materia de patrimonio, os bens e dereitos continuarán tendo natureza demanial e manterán a adscrición á consellaría ou á entidade pública instrumental que con anterioridade dispoñía deles, agás que se tramite unha mutación demanial ou un cambio de adscrición.
  3. Serán por conta da persoa beneficiaria da adscrición ou da mutación o detrimento ou a deterioración sufridos polos bens ou dereitos ou o custo da súa rehabilitación, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir coas posibles cargas ou condicións impostas.

Sección 3ª. Cambio de titularidade de bens inmobles e dereitos sobre eles

Artigo 35. Transmisión de titularidade

A titularidade dos bens inmobles demaniais e dos dereitos sobre eles do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá ser transmitida gratuitamente a outras administracións públicas, para os mesmos fins determinantes da afectación ou para outros fins de uso xeral ou de servizo público de competencia da administración pública receptora dos bens ou dereitos.

Artigo 36. Competencia

  1. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio acordar de oficio, mediante unha orde, o cambio de titularidade de bens inmobles demaniais e de dereitos sobre eles da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, logo da petición da administración pública interesada.

No caso das entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle ao órgano colexiado de goberno, sen prexuízo do disposto no artigo 22.

Para o caso de que os bens ou dereitos teñan un valor superior aos tres millóns de euros, a competencia corresponderalle ao Consello da Xunta.

  1. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, mediante unha orde, aceptar os bens inmobles demaniais e os dereitos sobre eles procedentes doutras administracións públicas, a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

No caso das entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle ao órgano unipersoal de goberno.

Artigo 37. Procedemento

  1. O procedemento e as condicións regulados no artigo 32 e seguintes serán aplicables ás transmisións de titularidade de bens inmobles e dereitos demaniais.
  2. Cando na transmisión da titularidade dun ben ou dereito demanial a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma se estableza como condición a súa afectación permanente a un determinado destino, entenderase cumprido, en todo caso, se durante trinta anos serviron a este, aínda que logo deixasen de o estar por circunstancias sobrevidas de interese público.
  3. O cambio de titularidade formalizarase nun documento administrativo que asinarán a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio e unha persoa representante da outra administración pública.
  4. No caso de que os bens ou dereitos dos que se transmitise a titularidade deixen de estar destinados ao fin de uso xeral ou de servizo público determinante da transmisión, procederá a devolución deles ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que se rexerá polas normas sobre desadscrición por incumprimento do fin e por innecesariedade dos bens ou dereitos previstas na sección 3ª do capítulo II deste título.

CAPÍTULO VI

Utilización dos bens e dereitos demaniais

Sección 1ª. Disposición xeral

Artigo 38. Necesidade de título habilitante

  1. Ninguén pode, sen título que o autorice, outorgado pola autoridade competente, ocupar bens de dominio público do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia ou utilizalos en forma que exceda o dereito de uso que, de ser o caso, lles corresponde a todos.
  2. As autoridades autonómicas responsables da tutela e defensa do dominio público vixiarán o cumprimento do establecido na alínea anterior e actuarán contra aqueles que, carecendo de título, ocupen bens de dominio público ou se beneficien dun aproveitamento especial sobre eles, exercitando se for preciso as facultades e prerrogativas previstas nesta lei.
  3. As concesións e autorizacións son títulos de ocupación do dominio público e rexeranse pola lexislación especial que as regule. Ante a falta de concreción da competencia e do procedemento que se debe seguir para o seu outorgamento, acudirase ás formas de utilización do dominio público previstas neste capítulo. As limitacións procedementais e temporais deberanse adecuar ao disposto na lexislación especial.

Na falta de normas especiais ou no caso de insuficiencia destas, as concesións e as autorizacións rexeranse polas disposicións desta lei.

Non son precisos os títulos previstos nesta lei cando un contrato regulado pola lexislación de contratos do sector público habilite para a ocupación dun ben demanial como medio instrumental necesario para cumprir unha función ou realizar unha actividade.

  1. Acudirase preferentemente aos títulos habilitantes de uso dos bens ou dereitos demaniais cando a ocupación dun ben ou dereito por un terceiro teña como finalidade a realización dunha actividade que directa ou indirectamente estea relacionada coas competencias dunha determinada consellaría, sen prexuízo do disposto na lexislación de contratos do sector público.

De se tratar dun ben ou dereito patrimonial, procederase á súa afectación ao dominio público e adscribirase á consellaría ou á entidade pública instrumental con competencias na materia.

  1. As concesións e autorizacións outorgaranse para unha finalidade concreta, que deberá ser conforme coa afectación do ben, agás que se concedan sobre unha porción deste e sen prexuízo do disposto no artigo 45.6.
  2. Os títulos de ocupación sobre os bens e dereitos da Administración xeral regulados neste capítulo poderanse outorgar directa e gratuitamente a favor das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

Sección 2ª. Utilización dos bens destinados ao uso xeral

Artigo 39. Tipos de uso dos bens destinados ao uso xeral

  1. Na utilización dos bens destinados ao uso xeral considérase:
  2. a) Uso común, o que lles corresponde por igual e de forma indistinta a toda a cidadanía, de modo que o uso duns non impide o das demais persoas interesadas.
  3. b) Uso privativo, o que determina a ocupación dunha porción do dominio público, de modo que se limite ou exclúa a utilización deste por outras persoas interesadas.
  4. O uso común estimarase:
  5. a) Xeral, cando non concorran circunstancias singulares.
  6. b) Especial, cando o uso implique un aproveitamento especial do dominio público que, sen impedir o uso común, supoña a concorrencia de circunstancias tales como a súa perigosidade ou intensidade, a preferencia nos casos de escaseza, a obtención dunha rendibilidade singular ou outras semellantes que determinen un exceso de utilización ou un menoscabo sobre o uso que lles corresponde a todos.

Artigo 40. Títulos habilitantes

  1. O uso común xeral non está suxeito a unha autorización e pode realizarse libremente, sen outras limitacións que as derivadas da súa natureza e as establecidas nos actos de afectación ou adscrición e nas disposicións que resulten aplicables.
  2. O uso común especial está suxeito a unha autorización ou, se a súa duración é superior a catro anos ou se efectúa con obras ou instalacións fixas, a unha concesión.
  3. O uso privativo require o previo outorgamento dun título axeitado á súa natureza, de conformidade coas seguintes regras:
  4. a) Cando a ocupación se efectúe unicamente con instalacións desmontables ou bens mobles e a súa duración inicial non sexa superior a catro anos, estará suxeito a unha autorización.
  5. b) Cando a ocupación se efectúe con obras ou instalacións fixas ou por un prazo inicial superior a catro anos, estará suxeito a unha concesión.

Artigo 41. Reservas demaniais

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia pode reservar para si o uso exclusivo de bens da súa titularidade destinados ao uso xeral para a realización de fins da súa competencia, cando existan razóns de utilidade pública ou de interese xeral que o xustifiquen.
  2. A duración da reserva limitarase ao tempo preciso para o cumprimento dos fins para os que se acorde.
  3. A reserva prevalece fronte a calquera outro posible uso dos bens e leva implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos expropiatorios, dos dereitos preexistentes que resulten incompatibles con ela.
  4. O expediente para a declaración de reserva será incoado de oficio pola consellaría competente en materia de patrimonio, por petición da consellaría ou da entidade pública instrumental con competencias na materia.

A proposta de declaración de reserva someterase a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención, que deberán examinar especialmente as implicacións orzamentarias e económico-financeiras da operación.

A declaración de reserva efectuarase por un acordo do Consello da Xunta, que debe publicarse no Diario Oficial de Galicia e inscribirse no Rexistro da Propiedade.

Sección 3ª. Utilización dos bens e dereitos destinados a un servizo público

Artigo 42. Bens e dereitos destinados á prestación de servizos públicos

A utilización de bens e dereitos afectos a un servizo público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia supeditarase ás normas reguladoras deste, ás regras específicas da súa actividade e ás instrucións ditadas polas autoridades responsables do seu funcionamento. Subsidiariamente, rexerase polo disposto nesta lei.

Artigo 43. Ocupación de espazos en edificios administrativos

  1. A ocupación por terceiros de espazos en edificios administrativos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia pode admitirse, con carácter excepcional, cando se efectúe para dar un soporte a servizos dirixidos ao persoal destinado neles e ao público visitante, como cafetarías, oficinas bancarias, caixeiros automáticos, oficinas postais ou outros análogos, ou para a explotación marxinal de espazos non necesarios para os servizos administrativos.
  2. Esta ocupación non pode empecer ou menoscabar a utilización do inmoble polos órganos ou polas unidades aloxados nel, e deberá estar amparada pola correspondente autorización, de efectuarse con bens mobles ou instalacións desmontables; concesión, de producirse por medio de instalacións fixas ou o prazo de duración ser superior a catro anos; ou por un contrato que permita a ocupación, formalizado de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público.
  3. Así mesmo, nos edificios administrativos deberanse procurar uns espazos, sempre que non se entorpeza a actividade administrativa propia, para situar puntos de recarga eléctrica de vehículos ou de cargadores portátiles de vehículos, e lugares destinados especificamente ao estacionamento de medios de transporte sustentables, como bicicletas, patinetes e similares, co fin de contribuír a fomentar novos modos de mobilidade.

Artigo 44. Préstamos de obras de arte

O préstamo de obras de arte do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase polo disposto no artigo 42, en ausencia dunha normativa específica.

Sección 4ª. Autorizacións e concesións demaniais

Artigo 45. Autorizacións demaniais

  1. As autorizacións demaniais outorgaranse directamente nos supostos previstos no artigo 103.2. No resto dos casos, outorgaranse directamente ás persoas solicitantes que reúnan as condicións requiridas, agás que, por calquera circunstancia, se encontre limitado o seu número, caso en que se outorgarán en réxime de concorrencia, e se isto non for procedente por non ter que valorarse unhas condicións especiais nos e nas solicitantes, mediante un sorteo, se outra cousa non estiver establecida nas condicións polas que se rexen.
  2. Non son transmisibles as autorizacións demaniais para cuxo outorgamento se deban ter en conta as circunstancias persoais de quen estea autorizado ou autorizada ou cuxo número se encontre limitado, agás que as condicións polas que se rexen admitan a súa transmisión.
  3. As autorizacións demaniais outórganse por un tempo determinado. O seu prazo máximo de duración, incluídas as prórrogas, é de catro anos. Ao transcorrer este prazo, poderán outorgarse unhas novas autorizacións sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos neste capítulo para o seu outorgamento.
  4. As autorizacións demaniais poden ser revogadas unilateralmente en calquera momento polo órgano que as outorgou, por razóns de interese público, sen xerar dereito a unha indemnización, cando resulten incompatibles con condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público, menoscaben o uso xeral ou cando os bens sexan necesarios para as actividades propias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais.
  5. As autorizacións demaniais poden ser gratuítas, outorgarse con contraprestación ou con condicións, ou estar suxeitas a unha taxa pola utilización privativa ou polo aproveitamento especial de bens de dominio público, regulada na normativa autonómica en materia de taxas.

Serán gratuítas as autorizacións cando a utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens de dominio público non leven aparellada unha utilidade económica para a persoa autorizada ou, aínda existindo esa utilidade, a utilización ou o aproveitamento supoñan unhas condicións ou contraprestacións para o beneficiario ou a beneficiaria que anulen ou fagan irrelevante aquela.

  1. As autorizacións de uso por un prazo máximo dun ano, as outorgadas cunha limitación horaria e sempre dentro do prazo máximo establecido, ou para a organización de conferencias, seminarios, presentacións ou outros eventos non estarán suxeitas ás limitacións contidas na alínea 1 deste artigo, nin aos trámites e informes contidos nas alíneas 5 e 6 do artigo 50, e poderán outorgarse sobre a totalidade ou parte do ben, con independencia da súa afectación.

Artigo 46. Concesións demaniais

  1. O outorgamento de concesións sobre bens de dominio público efectuarase en réxime de concorrencia. Non obstante, poderase acordar o outorgamento directo nos casos que se establezan nunha norma con rango de lei, nos supostos previstos no artigo 103.2 ou cando se dean circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.
  2. Calquera que for o procedemento seguido para a adxudicación, unha vez outorgada a concesión demanial, debe procederse á súa formalización nun documento administrativo subscrito entre o órgano competente para o seu outorgamento e a concesionaria ou o concesionario. Este documento é título abondo para inscribir a concesión no Rexistro da Propiedade. Cada parte poderá exixir pola súa conta a elevación a escritura pública da concesión demanial.
  3. As concesións outórganse por un tempo determinado. O seu prazo máximo de duración, incluídas as prórrogas, non pode exceder os setenta e cinco anos, agás que se estableza outro menor nas normas especiais que resulten aplicables.
  4. As concesións demaniais poden ser gratuítas, outorgarse con contraprestación ou con condicións ou estar suxeitas á taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial de bens de dominio público regulada na normativa autonómica en materia de taxas.

Serán gratuítas as concesións cando a utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens de dominio público non leve aparellada unha utilidade económica para a concesionaria ou o concesionario ou, aínda existindo esa utilidade, a utilización ou o aproveitamento supoñan unhas condicións ou contraprestacións para a persoa beneficiaria que anulen ou fagan irrelevante aquela.

Artigo 47. Prohibicións para ser titular de concesións demaniais

  1. Non poderán ser en ningún caso titulares de concesións sobre bens e dereitos demaniais as persoas nas que concorra algunha das prohibicións de contratar reguladas na normativa de contratación pública.
  2. Cando, posteriormente ao outorgamento da concesión, a persoa titular incorra nalgunha das prohibicións de contratación, producirase a extinción daquela.

Artigo 48. Competencia

  1. A competencia para outorgar autorizacións e concesións sobre bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que non veña especificamente determinada por unha norma con rango de lei correspóndelle á persoa titular da consellaría á que se encontren adscritos ou ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental titular ou á que se encontren adscritos os bens ou dereitos.
  2. Cando a autorización ou concesión pretenda outorgarse sobre espazos comúns en inmobles adscritos a diferentes consellarías ou entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle á consellaría ou á entidade pública instrumental que se encargue da xestión dos elementos comúns do inmoble. De non estar atribuída, corresponderalle á consellaría ou á entidade pública instrumental que teña maior porcentaxe de ocupación no ben e, de esta ser a mesma, a calquera das consellarías ou entidades públicas instrumentais que dispoñan da adscrición, sempre e cando exista un informe favorable do resto das consellarías ou das entidades públicas instrumentais.

Artigo 49. Procedemento para o outorgamento de autorizacións e concesións en réxime de concorrencia

  1. O procedemento para o outorgamento de autorizacións e concesións en réxime de concorrencia iniciarase de oficio, por propia iniciativa ou por petición dunha terceira persoa.
  2. A consellaría que teña adscrito o ben ou dereito deberá xustificar a conveniencia da autorización ou concesión no marco dos fins públicos que lle competen.
  3. Unha vez incoado o procedemento e elaborado o prego de condicións, someterase o expediente a un informe previo e vinculante da consellaría competente en materia de patrimonio, que versará sobre a procedencia, a oportunidade e a necesidade do ben ou dereito, podendo establecer requisitos ou condicións co obxecto de velar polo patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. O prego de condicións someterase a un informe da Asesoría Xurídica e posteriormente realizarase a convocatoria, que deberá ser aprobada polo órgano competente e publicada no Diario Oficial de Galiciae na páxina web da consellaría ou da entidade pública instrumental, sen prexuízo da posibilidade de usar outros medios adicionais de difusión. As persoas interesadas dispoñerán dun prazo de trinta días naturais desde a publicación no Diario Oficial de Galiciapara presentar as correspondentes peticións.
  5. Para decidir sobre o outorgamento da concesión ou autorización, atenderase ao maior interese e utilidade pública das utilizacións ou dos aproveitamentos solicitados, que se valorarán en función dos criterios especificados no prego de condicións.
  6. Supletoriamente, aplicarase o procedemento previsto para a venda por concurso público.

Artigo 50. Procedemento para o outorgamento directo de autorizacións e concesións

  1. O procedemento para o outorgamento directo de autorizacións e concesións iniciarase de oficio, por petición da persoa interesada. A tramitación do procedemento corresponderalle á consellaría ou á entidade pública instrumental que dispoña da adscrición do ben ou dereito, á que deberán remitirse as peticións de autorización ou concesión.
  2. As peticións deberán indicar o ben ou dereito de que se trate e xuntaranse coa seguinte documentación:
  3. a) Unha memoria detallada dos fins aos que se pretende dedicar o ben ou dereito.
  4. b) A xustificación de que se conta cos medios necesarios para o seu cumprimento.
  5. c) A acreditación da personalidade e da capacidade de quen formula a petición.

Ao recibir esta documentación, procederase ao seu exame e á súa comprobación, e requirirase a súa emenda se estiver incompleta ou non se axustar aos requisitos sinalados.

  1. Non se incoará o procedemento cando a petición realizada por unha persoa interesada resulte contraria ao ordenamento xurídico, non se dean os supostos de outorgamento directo, o ben ou o dereito sexan precisos para as actividades propias, exista algún tipo de previsión de actuación futura ou, en xeral, non se considere procedente tramitar a autorización ou concesión.
  2. Unha vez incoado o procedemento, no cal deberá xustificarse a conveniencia da autorización ou concesión no marco dos fins públicos que lle competen, elaborarase unha proposta de resolución que se someterá a un informe previo e vinculante da consellaría competente en materia de patrimonio, que versará sobre a procedencia e a necesidade do ben ou dereito, podendo establecer requisitos ou condicións co obxecto de velar polo patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A petición de informe deberá ir xunto coa memoria xustificativa sobre a procedencia da autorización ou concesión e do prazo proposto, dunha reportaxe fotográfica sobre a situación do ben previo á posible ocupación e, nos casos de concesión, do borrador do documento administrativo.

  1. A Asesoría Xurídica deberá emitir un informe sobre as propostas de autorización ou concesión, en que se examine en especial a conformidade ao dereito da adxudicación directa e, de ser o caso, do seu carácter gratuíto.
  2. As autorizacións ou concesións outorgadas publicaranse na páxina web da consellaría competente ou na da entidade pública instrumental.

Artigo 51. Condicións das autorizacións e concesións

  1. A persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio poderá, mediante unha orde, aprobar as condicións xerais para o outorgamento de categorías determinadas de autorizacións e concesións sobre bens e dereitos do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.

De as condicións xerais non se teren reguladas, as autorizacións e as concesións demaniais débense axustar ás condicións que aprobe a persoa titular da consellaría á que se encontren adscritos os bens ou dereitos, ou o órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental titular ou á que se encontren adscritos estes, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio, que será igualmente preceptivo e vinculante cando se pretenda establecer unhas excepcións ás condicións aprobadas con carácter xeral por ela.

  1. Sen prexuízo dos demais extremos que poidan incluír as condicións xerais ou particulares, o acordo de autorización ou de concesión de bens e dereitos demaniais incluirá, como mínimo, o seguinte:
  2. a) A persoa beneficiaria, con indicación do seu documento nacional de identidade ou da documentación identificativa equivalente expedida por unha autoridade gobernamental.
  3. b) O obxecto da autorización ou concesión e os límites aos que se estenderá. Deberase incorporar a referencia catastral cando a natureza do ben ou dereito o permita.
  4. c) O prazo e o réxime das prórrogas.
  5. d) A finalidade concreta para a que se outorga e o réxime de uso do ben ou dereito.
  6. e) Os dereitos e as obrigas das persoas beneficiarias da autorización ou concesión e, en especial, a obriga de manter en bo estado de conservación o dominio público utilizado.
  7. f) O réxime económico ao que queda suxeito a autorización ou concesión, de ser o caso.
  8. g) A asunción dos gastos de conservación e mantemento, dos impostos, das taxas e dos demais tributos, así como o compromiso de utilizar o ben segundo a súa natureza e de o entregar no estado en que se recibe.
  9. h) O compromiso da previa obtención pola súa conta de cantas licenzas e permisos requira o uso do ben ou a actividade que se vai realizar sobre el.
  10. i) A asunción da responsabilidade derivada da ocupación, con mención, se é o caso, da obrigatoriedade de formalizar a oportuna póliza de seguro, un aval bancario ou outra garantía suficiente. O cobramento dos gastos xerados, cando exceda da garantía prestada, poderase facer efectivo pola vía de constrinximento.
  11. j) A reserva por parte da consellaría ou da entidade pública instrumental que outorga a autorización ou a concesión da facultade de inspeccionar o ben, para garantir que é usado nos termos previstos.
  12. k) As posibilidades de transmisión ou de subrogación, que, en todo caso, requirirá a previa autorización da consellaría ou da entidade pública instrumental.
  13. l) As causas de extinción.
  14. m) A obriga da persoa beneficiaria de abandonar e deixar libres e á disposición da Administración xeral da Comunidade Autónoma os bens obxecto de utilización, así como o recoñecemento da potestade para acordar e executar o lanzamento.
  15. n) As sancións por incumprimento das obrigas contraídas.
  16. As autorizacións incluirán a posibilidade de revogación unilateral, sen dereito a indemnizacións, por razóns de interese público nos supostos previstos nesta lei. As concesións incorporarán a posibilidade de rescate e, de ser o caso, de realizar obras e instalacións fixas, logo da autorización da consellaría ou entidade pública instrumental.
  17. As condicións para o outorgamento de autorizacións e de concesións poderán establecer a imposición á persoa titular de obrigas accesorias, cando así se considere necesario por razóns de interese público.

Artigo 52. Efectos e comunicación dos títulos outorgados

  1. As autorizacións producirán efectos desde a notificación do seu outorgamento ás persoas peticionarias, mentres que as concesións terán efectos desde a data de formalización nun documento administrativo.
  2. No ámbito da Administración xeral, a consellaría que outorgou o correspondente título deberalle remitir ao órgano directivo competente en materia de patrimonio a resolución de outorgamento das autorizacións ou o documento administrativo en que se formalice a concesión demanial.
  3. Anualmente, cada consellaría informará a consellaría competente en materia de patrimonio sobre o estado das concesións ou autorizacións en vigor e, en particular, do cumprimento da súa finalidade.

Artigo 53. Dereitos reais sobre obras en dominio público

  1. A persoa titular dunha concesión dispón dun dereito real sobre as obras, construcións e instalacións fixas que construíse para o exercicio da actividade autorizada polo título da concesión.
  2. Este título outórgalle ao seu titular, durante o prazo de validez da concesión e dentro dos límites establecidos na lei, os dereitos e as obrigas da persoa que sexa propietaria.

Artigo 54. Transmisión de dereitos reais

  1. Os dereitos sobre as obras, construcións e instalacións de carácter inmobiliario a que se refire o artigo 53 só poden serlles cedidos ou transmitidos mediante negocios xurídicos entre vivos ou por causa de morte ou mediante a fusión, absorción ou escisión de sociedades, polo prazo de duración da concesión, a persoas que conten coa previa conformidade da autoridade competente para a outorgar.
  2. Os dereitos sobre as obras, construcións e instalacións só poderán ser hipotecados como garantía dos préstamos contraídos pola persoa titular da concesión para financiar a realización, modificación ou ampliación das obras, construcións e instalacións de carácter fixo situadas sobre a dependencia demanial ocupada.

En todo caso, para constituír a hipoteca será necesaria a previa autorización da autoridade competente para o outorgamento da concesión.

Se na escritura de constitución da hipoteca non consta esta autorización, o rexistrador da propiedade denegará a inscrición.

As hipotecas constituídas sobre os ditos bens e dereitos extínguense coa extinción do prazo da concesión.

Artigo 55. Extinción das autorizacións e concesións demaniais

  1. As autorizacións e concesións demaniais extínguense polas seguintes causas:
  2. a) O incumprimento do fin que motivou o outorgamento da autorización ou concesión.
  3. b) A morte ou a incapacidade sobrevida da persoa titular da autorización ou da persoa concesionaria individual, ou a extinción da personalidade xurídica.
  4. c) A falta de autorización previa nos supostos de transmisión ou modificación, por fusión, absorción ou escisión, da personalidade xurídica da persoa usuaria ou concesionaria.
  5. d) A caducidade por vencemento do prazo.
  6. e) O rescate da concesión, logo da indemnización, ou a revogación unilateral da autorización.
  7. f) A renuncia da persoa titular.
  8. g) A falta de pagamento da taxa ou calquera outro incumprimento grave das obrigas do titular, declarados polo órgano que outorgou a autorización ou concesión.
  9. h) A desaparición do ben ou o esgotamento do aproveitamento.
  10. i) A desafectación do ben, caso en que se procederá á liquidación da autorización ou concesión consonte o previsto nesta lei.
  11. j) O mutuo acordo.
  12. k) Calquera outra causa prevista nas condicións xerais ou particulares.
  13. A extinción dos títulos outorgados deberáselle comunicar ao órgano directivo competente en materia de patrimonio.

Artigo 56. Rescate das concesións

  1. As concesións de dominio público poderán ser obxecto de rescate por parte das consellarías ou das entidades públicas instrumentais outorgantes da concesión, exclusivamente por razóns de interese público, logo do informe da consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. O rescate implicará o outorgamento dunha indemnización á concesionaria ou ao concesionario polas seguintes contías:
  3. a) O valor das obras non amortizadas realizadas pola persoa concesionaria, sempre e cando fosen previamente autorizadas pola consellaría ou a entidade pública instrumental que outorgase da concesión.

Non será obxecto de indemnización a parte das obras realizadas pola concesionaria ou o concesionario con achegas públicas.

  1. b) A perda de beneficios imputables ao rescate durante o período de concesión restante, cun máximo de tres anualidades. Para iso computarase o beneficio medio anual das actividades ordinarias realizadas no inmoble obxecto de concesión nos catro exercicios anteriores, ou nos dous últimos exercicios se for máis favorable para o concesionario.
  2. Incoado o expediente pola consellaría ou a entidade outorgante, someterase a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención.

A petición de informe deberá ir xunto cunha memoria xustificativa das razóns de interese público que motivan o rescate e, de ser o caso, dos documentos contables procedentes.

  1. Os dereitos das persoas acredoras hipotecarias cuxa garantía apareza inscrita no Rexistro da Propiedade na data en que se produza o rescate serán tidos en conta para determinar a contía e os receptores da indemnización.

Artigo 57. Destino das obras construídas polos concesionarios á extinción do título

  1. Cando se extinga a concesión, as obras, construcións e instalacións fixas existentes sobre o ben demanial deben ser demolidas pola persoa titular da concesión ou, por execución subsidiaria, pola administración á custa da concesionaria ou do concesionario, a menos que o seu mantemento fose previsto expresamente no título concesional ou que a autoridade competente para outorgar a concesión así o decida.
  2. As persoas concesionarias deberán remitir a documentación técnica e xurídica das construcións realizadas. De ser o caso, serán adquiridas gratuitamente e libres de cargas e gravames pola administración titular do ben.
  3. As persoas acredoras hipotecarias serán notificadas da apertura dos expedientes que se sigan para extinguir a concesión polo incumprimento das súas cláusulas ou condicións, para que poidan comparecer en defensa dos seus dereitos e, de ser o caso, propoñan un terceiro que poida substituír a concesionaria ou o concesionario que veña incumprindo as cláusulas da concesión.

Artigo 58. Liquidación de autorizacións e concesións demaniais sobre bens ou dereitos desafectados

  1. Á proposta de desafectación de bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre os que existan autorizacións ou concesións débeselle achegar a oportuna memoria xustificativa da conveniencia ou necesidade da supresión do carácter de dominio público do ben ou dereito e dos termos, as condicións e as consecuencias desta supresión sobre as autorizacións ou concesións implicadas.
  2. As autorizacións e concesións demaniais existentes sobre bens e dereitos desafectados extinguiranse conforme as seguintes regras:
  3. a) Declararase a caducidade daquelas nas cales se cumprise o prazo para o seu gozo ou respecto das cales a administración reservase para si a facultade de libre rescate sen sinalamento de prazo.
  4. b) Respecto das restantes, irase ditando a súa caducidade na medida en que venzan os prazos establecidos nos correspondentes acordos.
  5. Mentres non se proceda á súa extinción, manteranse con idéntico contido as relacións xurídicas derivadas destas autorizacións e concesións, que se rexerán polo dereito privado.
  6. Cando os bens ou dereitos desafectados pertenzan ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio declarar a caducidade das relacións xurídicas derivadas das autorizacións e concesións outorgadas cando os bens sexan de dominio público. Neste caso, correspóndelle a esta mesma consellaría exixir os dereitos e cumprir as obrigas que deriven destas relacións xurídicas, namentres manteñan a súa vixencia.
  7. A persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio pode acordar a expropiación dos dereitos se considera que o seu mantemento durante o termo da súa vixencia legal prexudica o ulterior destino dos bens ou os fai desmerecer considerablemente para os efectos do seu alleamento.

Artigo 59. Dereito de adquisición preferente

  1. Cando se acorde a venda de bens ou dereitos patrimoniais, os titulares de dereitos vixentes sobre eles que resulten de concesións outorgadas cando os bens ou dereitos tiñan a condición de demaniais teñen dereito preferente para a súa adquisición. A adquisición concretarase no ben ou dereito, ou na parte deste, obxecto da concesión, sempre que sexa susceptible de alleamento.
  2. Este dereito pode ser exercido dentro dos vinte días naturais seguintes a aquel en que se lles notifiquen na forma que faga fe a decisión de vender o ben ou dereito, o prezo e as demais condicións esenciais da transmisión. No caso de falta de notificación ou se a venda se efectúa en condicións distintas das notificadas, o dereito poderase exercer dentro dos trinta días naturais seguintes a aquel en que se inscriba o alleamento no Rexistro da Propiedade.
  3. O dereito de adquisición preferente non xurdirá no caso de cesión gratuíta do ben ou dereito, ou de transferencia da súa titularidade, por calquera negocio xurídico, a favor de administracións públicas, organismos delas dependentes, fundacións ou institucións públicas, ou organismos internacionais. Neste suposto, os que reciban os bens ou dereitos sobre os que recaian os dereitos establecidos a favor das persoas beneficiarias de autorizacións ou concesións poderán liberalos, ao seu cargo, nos mesmos termos ca a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Se se produce a reversión dos bens ou dereitos cedidos, os cesionarios non terán ningún dereito por razón das indemnizacións satisfeitas con motivo daquela liberación.

TÍTULO II

XESTIÓN PATRIMONIAL

CAPÍTULO I

Réxime xurídico dos negocios patrimoniais

Artigo 60. Modos de adquirir e contratos privados

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais poderán adquirir os bens e dereitos por calquera dos modos previstos no Código civil, así como nas demais normas do ordenamento xurídico.
  2. Os contratos que se formalicen ao abeiro deste título terán a consideración de contratos privados.

Artigo 61. Liberdade de pactos e perfección do contrato

  1. Os contratos, os convenios e os demais negocios xurídicos sobre os bens e dereitos patrimoniais están suxeitos ao principio de liberdade de pactos.
  2. Para a consecución do interese público, a administración pode concertar os negocios xurídicos previstos neste título, así como aqueloutros que entenda conveniente, ademais de estipular as cláusulas e condicións precisas, sempre que todos eles non sexan contrarios ao ordenamento xurídico ou aos principios de boa administración.

En particular, os negocios xurídicos dirixidos á adquisición, a explotación, a venda, a cesión ou a permuta de bens ou dereitos patrimoniais poderán conter a realización polas partes de prestacións accesorias relativas aos bens ou dereitos obxecto deles, ou a outros integrados no patrimonio da administración contratante, a condición de que o cumprimento de tales obrigas se encontre suficientemente garantido. Estes negocios complexos tramitaranse nun expediente único e rexeranse polas normas correspondentes ao negocio xurídico patrimonial que constitúa o seu obxecto principal.

  1. Ninguén pode, sen un título que o autorice, ocupar bens de natureza patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 62. Capacidade

  1. Os negocios xurídicos que teñan por obxecto a adquisición ou o alleamento de bens e dereitos só poderán concertarse con persoas físicas ou xurídicas que gocen de capacidade para contratar, de acordo co previsto no Código civil.
  2. As persoas estranxeiras estarán sometidas ao disposto na normativa reguladora do réxime de investimentos estranxeiros.
  3. As persoas interesadas no procedemento poderán actuar por medio dun representante, e tal representación deberase acreditar por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Para estes efectos, entenderase acreditada a representación realizada mediante un apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica da Comunidade Autónoma, ou a través da acreditación da súa inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.

Artigo 63. Formalización

  1. Agás o disposto no parágrafo seguinte e na alínea 2 deste artigo, os negocios xurídicos de adquisición ou alleamento de bens inmobles e dereitos sobre eles formalizaranse nunha escritura pública.

Os arrendamentos e os demais negocios xurídicos de explotación de inmobles formalizaranse nun documento administrativo. Cando sexan susceptibles de inscrición no Rexistro da Propiedade formalizaranse nunha escritura pública cando vaian ser inscritos naquel. Os gastos xerados serán por conta da parte que solicite a formalización.

  1. As cesións gratuítas de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, cando a cesionaria sexa outra administración pública, entidade vinculada ou dependente, así como as vendas de inmobles rústicos cuxo prezo sexa inferior a mil euros, formalizaranse nun documento administrativo, que será título abondo para a súa inscrición no Rexistro da Propiedade.
  2. Correspóndelle á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, ou ao funcionario en quen delegue, a formalización dos contratos e dos demais negocios xurídicos sobre bens e dereitos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aos que se refire esta lei.

Correspóndelle ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental, ou ao persoal da entidade en quen delegue, a formalización dos contratos e dos demais negocios xurídicos sobre os seus bens e dereitos.

  1. Os actos de formalización que se requiran nas adquisicións derivadas do exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de reversión dos expropiados serán efectuados pola consellaría que os inste.
  2. O arancel notarial que deba satisfacer a administración pública pola formalización dos negocios patrimoniais reducirase na porcentaxe prevista na normativa arancelaria notarial.

Artigo 64. Taxacións periciais e informes técnicos

  1. Os expedientes que se tramiten co obxecto de formalizar os negocios xurídicos regulados neste título deberán incorporar unha taxación ou un informe técnico, agás nos supostos que son expresamente obxecto de excepción nesta lei.
  2. As taxacións, os informes técnicos e as demais actuacións periciais deben explicitar os parámetros en que se fundamentan, e serán efectuados polo persoal técnico dependente da consellaría ou da entidade pública instrumental que administre os bens ou dereitos ou que solicite a súa adquisición ou arrendamento, ou polos técnicos facultativos da consellaría competente en materia de patrimonio.

Estas actuacións pódense igualmente encargar a sociedades de taxación debidamente inscritas no Rexistro de Sociedades de Taxación do Banco de España e a empresas legalmente habilitadas, con suxeición ao establecido na lexislación de contratos do sector público. As taxacións dos bens mobles poderán ser realizadas por profesionais especializados na materia.

  1. Para os efectos desta lei, as taxacións, as valoracións e os informes técnicos realizados de conformidade co parágrafo anterior deberán ser aprobados, cando recaian sobre inmobles, pola consellaría competente en materia de patrimonio; de se tratar de mobles, pola consellaría que os teña adscritos; e no caso de entidades públicas instrumentais, polo órgano competente para concluír o negocio correspondente.

Igualmente, deberase aprobar a taxación cando nun expediente constaren valoracións discrepantes, atendendo ao maior axuste do valor do ben ao valor de mercado.

  1. As taxacións teñen un prazo de validez de dous anos, contados desde a súa emisión ou aprobación segundo corresponda, agás nos supostos excepcionais nos cales a duración do procedemento administrativo en que deban producir efectos teña unha duración superior, nos que o prazo de validez das taxacións se prorrogará ata a finalización do procedemento.
  2. Para a taxación dun ben inmoble ou dereito verificaranse sobre o terreo as súas características e partirase de testemuñas representativas do mercado inmobiliario e, de existir, do resultado dos procedementos de poxa tramitados ao abeiro desta lei, atendendo ás características intrínsecas do ben, con dedución, se é o caso, das cargas ou dos gravames que os afecten.

Cando as características do ben ou dereito obxecto de taxación impidan a súa valoración de conformidade co parágrafo anterior, atenderase ás súas condicións especiais, e poderán utilizarse os métodos de valoración tributaria, contable ou catastral, ou os propios da lexislación urbanística ou de expropiación. Para estes efectos, a taxación poderá ter en conta a utilidade do ben para a persoa compradora.

De se tramitar conxuntamente a venda, polo procedemento de poxa pública, dun número significativo de bens inmobles de natureza rústica, non será precisa a verificación sobre o terreo das súas características, sempre e cando a persoa que realice a taxación coide que cos datos existentes no expediente existen elementos suficientes para realizar esta, podendo tomarse como referencia o valor catastral, e sempre que non variasen as circunstancias urbanísticas aplicables a tales bens.

  1. De forma motivada, a persoa titular do centro directivo competente en materia de patrimonio poderá modificar a taxación cando esta non xustifique adecuadamente a valoración dalgúns elementos determinantes, cando razóns de especial idoneidade do inmoble lle outorguen un valor para a administración distinto do valor de mercado ou cando concorran feitos ou circunstancias non apreciados na taxación.

CAPÍTULO II

Adquisicións a título oneroso

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 65. Órganos competentes para a adquisición de inmobles ou de dereitos sobre eles

  1. Na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a competencia para adquirir a título oneroso bens inmobles e dereitos sobre eles corresponde, mediante unha orde, á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio.

Esta competencia pódea exercer por propia iniciativa, cando o coide conveniente para atender as necesidades que existan, ou por petición da consellaría interesada, xustificada mediante a memoria correspondente.

A realización das solicitudes de adquisición onerosa dirixidas a terceiros será competencia do órgano directivo competente en materia de patrimonio.

  1. A adquisición de inmobles ou de dereitos sobre eles polas entidades públicas instrumentais será efectuada polos órganos superiores colexiados de goberno, logo do informe favorable do órgano directivo competente en materia de patrimonio sobre a procedencia, a oportunidade e as características esenciais do negocio xurídico pretendido, no marco dos criterios xerais de xestión integral do patrimonio, consonte o disposto no artigo 70. Non se precisará este informe cando os bens e dereitos sexan adquiridos co propósito de os devolver ao tráfico xurídico patrimonial de acordo cos seus fins peculiares, incluídas as adxudicacións asociadas a procedementos de execución por impagos ou a procedementos concursais.

Cando o importe da adquisición de inmobles ou de dereitos sobre eles sexa inferior a corenta mil euros, a competencia corresponderá ao órgano unipersoal de goberno.

  1. Cando o importe da adquisición do ben ou dereito individualizado sexa superior a tres millóns de euros ou cando estea situado no estranxeiro, requirirase a autorización do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio ou da consellaría á que se encontre adscrita a entidade pública instrumental que pretenda a adquisición.

Artigo 66. Finalidade e obxecto

  1. A consellaría competente en materia de patrimonio e as entidades públicas instrumentais poderán adquirir bens inmobles ou dereitos sobre eles para os destinar ás necesidades propias da Administración xeral ou de cada entidade pública instrumental en particular.

Non procederá a adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles co único obxecto de os entregar gratuitamente a terceiros, en uso ou en propiedade.

  1. As adquisicións de bens e dereitos a título oneroso efectuaranse libres de toda carga, gravame ou afectación, agás que sexan compatibles cos fins determinantes da súa adquisición. As cargas hipotecarias nunca se considerarán compatibles con tales fins.
  2. Poderán adquirirse polos procedementos previstos para as adquisicións onerosas inmobles futuros ou dereitos sobre eles, sempre que estean determinados ou sexan susceptibles de determinación no momento de acordarse a adquisición, nas condicións específicas que se fixen. Será preciso en todo caso que quen ofrece o ben ou dereito futuro garanta suficientemente o cumprimento das súas obrigas por calquera modo admitido en dereito, e deberán establecerse os requisitos que aseguren os termos e o bo fin da operación acordada.
  3. A adquisición poderase realizar con pago en parte en especie, sempre que o valor do ben entregado non supere o cincuenta por cento do prezo total de compra.
  4. Poderán concertarse negocios xurídicos que teñan por obxecto a constitución dun dereito de adquisición sobre bens inmobles ou dereitos sobre eles. O expediente de gasto tramitarase unicamente polo importe correspondente á prima que, se é o caso, se pactase para conceder a opción.
  5. O importe da adquisición poderá ser obxecto de aprazamento, con suxeición aos trámites previstos na normativa aplicable en materia económico-financeira.
  6. Os gastos derivados da adquisición serán satisfeitos polas partes conforme a normativa vixente, agás un pacto en contrario. A dita circunstancia deberase poñer en coñecemento da persoa vendedora con anterioridade á adopción do acordo de adquisición.
  7. O acordo de adquisición notificaráselle á persoa adxudicataria. No ámbito da Administración xeral deberase achegar, se é o caso, unha copia da notificación á consellaría interesada, co obxecto de tramitar os documentos necesarios para o pagamento do prezo. Este realizarase no momento de formalizar a escritura pública, sen prexuízo das peculiaridades do pagamento aprazado.

As garantías previas que sexa preciso constituír para poder presentar solicitudes de adquisición corresponderanlle á consellaría interesada na adquisición.

Artigo 67. Principios xerais do procedemento

  1. A adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles deberá garantir o respecto aos principios de igualdade, publicidade e concorrencia, agás nos seguintes supostos, nos cales se pode acudir á adquisición directa:
  2. a) Peculiaridades ou singularidades do ben, que se xustificarán expresamente no expediente de adquisición. En todo caso, serán considerados como singulares os bens de interese cultural e os catalogados polo seu valor cultural, así como os inmobles que estean arrendados consonte a lexislación de patrimonio pola Administración xeral ou polas súas entidades públicas instrumentais.

Para os efectos do disposto nesta alínea, tamén poderán ser obxecto de contratación directa os inmobles sobre os que unha sociedade ou fundación do sector público autonómico teña subscrito un contrato vixente de arrendamento, sempre e cando queden garantidos naquel procedemento de contratación os principios de igualdade, publicidade e concorrencia.

  1. b) Especial idoneidade do ben.
  2. c) Cando quen venda sexa outra administración pública ou, en xeral, calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.
  3. d) Cando for declarado deserto o procedemento promovido con publicidade para a adquisición, e sempre que non se modifiquen as condicións orixinais do contrato, agás o prezo e a superficie, que poderán alterarse nun dez por cento, e non transcorrese o prazo dun ano, contado desde a adopción do correspondente acordo.
  4. e) Cando a adquisición se efectúe en virtude do exercicio dun dereito de adquisición preferente.
  5. f) Cando a adquisición se efectúe no estranxeiro.
  6. g) Cando o valor de taxación do ben ou dereito sexa inferior a corenta mil euros.
  7. Nos casos de adquisición previstos nas alíneas c) e g) recadarase un mínimo de tres ofertas, sempre que as circunstancias o permitan.
  8. A adquisición directa de bens e dereitos a título oneroso requirirá que estes sexan susceptibles de inscrición no Rexistro da Propiedade, establecéndose como condición resolutoria do negocio xurídico a imposibilidade da súa inscrición. Nos demais supostos, suxeitos aos principios de igualdade, publicidade e concorrencia, requirirase que o inmoble transmitido se atope correcta e previamente inscrito no Rexistro da Propiedade.

Excepcionalmente, poderanse adquirir predios rústicos sen necesidade de cumprir os requisitos previstos nesta alínea, xustificándose motivadamente no expediente.

Artigo 68. Adquisición de edificios en construción

A adquisición de inmobles en construción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas súas entidades públicas instrumentais, coa obriga de la parte vendedora de finalizar as obras de construción conforme o proxecto técnico aprobado pola consellaría competente en materia de patrimonio ou, se é o caso, pola entidade pública instrumental, pode acordarse excepcionalmente por causas debidamente xustificadas e sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

  1. a) O valor do solo e da parte do edificio xa edificada debe ser superior ao da porción pendente de construción.
  2. b) A adquisición débese acordar por un prezo determinado ou determinable segundo uns parámetros certos, sen que en ningún caso poida ser superior aos prezos de mercado. Nel especificarase o valor do solo e da parte do edificio xa edificada, así como o da porción pendente de construción.
  3. c) No momento do asinamento da escritura pública de adquisición, sen prexuízo dos aprazamentos que se poidan concertar, só se pode aboar o importe correspondente ao solo e á obra realizada, segundo unha certificación dos servizos técnicos correspondentes.
  4. d) O resto do prezo pódese aboar no momento da entrega do inmoble ou contra as correspondentes certificacións de obra conformadas polos servizos técnicos.
  5. e) O prazo previsto para a súa terminación e entrega á administración adquirente non poderá exceder os dous anos, agás que o Consello da Xunta autorice, xustificadamente, un prazo superior.
  6. f) A parte vendedora debe garantir suficientemente a entrega do edificio terminado no prazo e nas condicións pactadas.
  7. g) Quen o adquira debe establecer os mecanismos necesarios para asegurar que o inmoble se axusta ás condicións estipuladas.

Artigo 69. Adquisición por redución de fondos propios

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais poden adquirir bens e dereitos por redución de capital de sociedades ou de fondos propios de entidades públicas instrumentais.
  2. A adquisición autorizaraa un acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, cando a contrapartida á adquisición consista na redución de fondos propios da entidade.

Artigo 70. Adquisicións por entidades públicas instrumentais

  1. A adquisición de bens inmobles ou de dereitos sobre eles por parte das entidades públicas instrumentais requirirá un informe favorable do órgano directivo competente en materia de patrimonio, previamente á adopción do acordo de adquisición directa ou á licitación da adquisición, coas excepcións reguladas no artigo 65.2.
  2. As entidades públicas instrumentais deberán achegar unha copia do prego de condicións, de se tramitar o procedemento con publicidade e concorrencia, e, en todo caso, a seguinte documentación e datos:
  3. a) A memoria xustificativa da adquisición, na que conste a súa finalidade e o seu prezo.
  4. b) A descrición das características do inmoble ou dereito que se pretende adquirir, coa inclusión, se é o caso, das especificacións técnicas, urbanísticas e de localización.
  5. c) O número de persoas que ocuparán o inmoble e, de ser o caso, a situación actual.

Artigo 71. Desistencia

Unha vez iniciado un expediente de adquisición, a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, mediante unha orde, ou o órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais poderán motivadamente desistir da compra en calquera momento previo á adopción do correspondente acordo por razóns de interese público, sen que a instrución do expediente xere ningún dereito para os que optaron ao contrato.

Sección 2ª. Adquisición con publicidade e concorrencia

Artigo 72. Expediente

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio ou os órganos superiores colexiados de goberno das entidades públicas instrumentais poderán acordar de oficio, por propia iniciativa, a iniciación do expediente de adquisición dun ben inmoble ou dun dereito sobre el.

De se iniciar o expediente por instancia dunha consellaría interesada, deberase elaborar unha memoria co seguinte contido:

  1. a) Os fins aos que se pretende destinar o inmoble, as necesidades e a conveniencia da adquisición.
  2. b) O concello ou o ámbito territorial onde se pretende adquirir e, de ser o caso, a zona preferente de situación debidamente xustificada.
  3. c) Se for o caso, o número de persoas que van desenvolver as tarefas no inmoble.
  4. d) As superficies mínimas e máximas requiridas, así como outras características técnicas relevantes. Deberase especificar o orzamento máximo co que se conta para asumir as obras de adaptación do inmoble ás necesidades administrativas.
  5. e) O prezo máximo, cos impostos incluídos, da adquisición.

As características técnicas e a zona de busca non poderán ser de tal índole que limiten a concorrencia da licitación.

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental elaborará un informe relativo ás características técnicas exixidas e ao prezo máximo de adquisición, no cal deberá quedar acreditado que é acorde aos prezos de mercado da zona onde se pretende adquirir.
  2. No procedemento de adquisición incorporarase ao expediente un prego de condicións, que deberá conter, como mínimo, o seguinte:
  3. a) A descrición do obxecto da adquisición, coas características que debe reunir o inmoble, coa inclusión, se é o caso, das especificacións técnicas, urbanísticas e de situación.
  4. b) A finalidade da adquisición.
  5. c) O prezo máximo, cos impostos incluídos, a forma de pagamento e os gastos da adquisición.
  6. d) O modelo de presentación de ofertas e o modo en que se desenvolverá o procedemento.
  7. e) A necesidade de que o inmoble se encontre inscrito no Rexistro da Propiedade, agás que se pretendan uns predios rústicos.
  8. f) A asunción dos custos de publicación do anuncio no xornal pola persoa adxudicataria, de ser o caso.
  9. g) O lugar de presentación das propostas, que poderá ser un rexistro administrativo en concreto ou por calquera dos medios previstos na Lei de procedemento administrativo común.
  10. h) Calquera outro requisito adicional que se lle exixa a quen venda o ben ou dereito, en atención ao obxecto do procedemento.
  11. Igualmente, achegarase ao expediente o certificado de existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente polo importe máximo da adquisición, de non se ter incorporado previamente. Este certificado achegarao a consellaría solicitante da adquisición, se se tramita o expediente por instancia desta.
  12. Os pregos e o expediente serán sometidos a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención, previamente á aprobación da adquisición.
  13. A aprobación do expediente de adquisición acordaraa a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio. No caso das entidades públicas instrumentais, corresponderalle ao seu órgano unipersoal de goberno.

Artigo 73. Convocatoria

  1. Unha vez completado o expediente, o órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental procederá a realizar a convocatoria da licitación mediante a publicación gratuíta dun anuncio no Diario Oficial de Galiciae na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou na das entidades públicas instrumentais, sen prexuízo dos demais medios de publicidade que poidan utilizarse.
  2. O anuncio da convocatoria sinalará:
  3. a) O lugar, o día e a hora de realización do acto público de apertura de ofertas.
  4. b) A descrición completa das características que debe reunir o inmoble que se pretende adquirir.
  5. c) O prezo máximo, cos impostos incluídos.
  6. d) A finalidade da adquisición.
  7. e) O lugar de consulta ou o modo de acceso ao prego de condicións, que, en todo caso, incluirá a páxina web.
  8. f) O prazo de presentación da documentación, que poderá ser libremente fixado polo órgano directivo competente en materia de patrimonio ou pola entidade pública instrumental cun máximo de trinta días naturais, o lugar e os medios de presentación.
  9. A partir da publicación da convocatoria, poderase desistir da compra, o que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, de acordo co sinalado no artigo 71.
  10. De se outorgar o prazo de emenda previsto no artigo 76.4 modificarase o lugar, o día e a hora de desenvolvemento do acto público de apertura de ofertas mediante un anuncio na correspondente páxina web.

Artigo 74. Presentación da documentación

  1. As proposicións deberanse axustar ao previsto no prego de condicións. A presentación supoñerá a aceptación incondicionada da totalidade das cláusulas ou condicións do prego.
  2. As proposicións serán secretas, para o cal se arbitrarán os medios que garantan tal carácter ata o momento da apertura das propostas.
  3. A presentación realizarase na forma establecida no prego de condicións, e poderá ser por escrito ou en formato electrónico.

A documentación presentarase en dous sobres ou arquivos electrónicos. O primeiro conterá unha declaración responsable da persoa asinante respecto da posesión de capacidade e, de ser o caso, das facultades representativas da sociedade que presenta a oferta, así como da existencia de cargas ou gravames que afecten o ben que se ofrece.

O segundo sobre incluirá a documentación técnica e a documentación xurídica, que conterá os datos catastrais e rexistrais e a xustificación da titularidade do ben ou dereito que se ofrece, así como o prezo polo que se formula a oferta, con indicación do imposto que grava a transmisión.

Artigo 75. Admisibilidade de variantes e ofertas con valores anormais

  1. Cada ofertante poderá presentar máis dunha proposición sempre e cando sexan de inmobles distintos, que deberán axustarse ás especificacións contidas no prego.
  2. Non se tomarán en consideración as variantes ou alternativas que ofrezan os licitadores.
  3. Serán admisibles as ofertas con valores anormais ou desproporcionados. Entenderase por ofertas con valores anormais ou desproporcionados aquelas que sexan inferiores ao prezo de mercado.

Artigo 76. Mesa de contratación

  1. Dentro dos dez días hábiles seguintes á conclusión do prazo fixado para a presentación de proposicións, constituirase a mesa de valoración das ofertas.
  2. A mesa estará constituída como mínimo por un presidente ou unha presidenta, unha persoa representante da Asesoría Xurídica e da Intervención, outra representante da consellaría ou da entidade interesada na adquisición designada por ela e un secretario ou unha secretaria tamén con voz e voto. As persoas que actúen con funcións de presidencia e secretariado serán designadas pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou pola persoa titular do órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental entre o funcionariado do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou persoal da entidade pública instrumental.
  3. Se a presentación de ofertas é por escrito, previamente a este acto, o secretario ou a secretaria da mesa deberá solicitar do rexistro un certificado acreditativo das ofertas recibidas durante o prazo outorgado.
  4. A mesa procederá a examinar a documentación recollida no primeiro sobre e se apreciar a existencia de erros reparables notificarállelo ás persoas interesadas para que nun prazo máximo de tres días hábiles procedan á súa emenda. Despois de transcorrer este prazo, a mesa determinará que licitantes quedan admitidos. De non se requirir a emenda, poderase realizar o acto regulado no artigo 77.

Artigo 77. Apertura de propostas

  1. No lugar e na hora sinalados no anuncio, e nun acto público, procederase á lectura da lista das persoas licitadoras admitidas e realizarase a apertura dos sobres ou arquivos que conteñan as propostas. Poderanse rexeitar no momento aquelas que se aparten substancialmente do modelo, comporten un erro manifesto, as que non reúnan as características exixidas, as que non realicen unha oferta económica definitiva e determinada ou superen o prezo máximo establecido e mais as sometidas a unha condición.
  2. Deberase publicar na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou na da entidade pública instrumental o nome das persoas admitidas e excluídas, con indicación para as admitidas do enderezo do inmoble ofertado e do seu importe económico.

Artigo 78. Informe técnico e proposta de adxudicación

  1. A mesa deberá solicitar un informe técnico para a análise das ofertas admitidas logo da inspección dos bens ofertados, que poderá realizarse en compañía de persoal propio da consellaría ou da entidade pública instrumental interesada na adquisición.
  2. O informe comezará coa comprobación do cumprimento na realidade das características técnicas exixidas no prego. De non se cumprir algún destes requisitos, propoñerase á mesa a exclusión da oferta afectada por motivos técnicos.
  3. As ofertas que superen a comprobación prevista na alínea anterior analizaranse atendendo ao prezo e ás características técnicas, incluída a eficiencia enerxética. Con base nestes criterios, o informe concluirá cunha relación motivada por unha orde decrecente.
  4. Logo de que o informe técnico sexa elaborado, reunirase a mesa, que propoñerá a adxudicación á oferta máis vantaxosa e elaborará a acta correspondente, sen que esta proposta cree ningún dereito a favor da posible persoa adxudicataria.

A mesa procederá a requirir da persoa proposta para a adxudicación que achegue os documentos acreditativos da capacidade e, se é o caso, da representación. No caso de que no prazo outorgado para o efecto a candidata ou o candidato proposto como persoa adxudicataria non presente a documentación requirida, efectuarase unha proposta de adxudicación a favor do seguinte candidato ou candidata, a quen se lle outorgará o correspondente prazo para achegar a documentación citada neste parágrafo.

  1. O informe que sirva de base á adxudicación e as actas das reunións da mesa deberán publicarse na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou na da entidade pública instrumental correspondente.

Artigo 79. Adxudicación

  1. A proposta da mesa remitiráselle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio ou ao órgano competente da entidade pública instrumental, sen necesidade de ningún informe previo, para a adoptar o correspondente acordo de adquisición. Este poderase apartar da proposta de adxudicación ou declarar deserto o procedemento de forma motivada.
  2. O acordo de adquisición publicarase na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou na da entidade pública instrumental.

Sección 3ª. Adquisición directa

Artigo 80. Procedemento

  1. No ámbito da Administración xeral, a consellaría competente en materia de patrimonio poderá acordar a adquisición directa dun ben inmoble ou dun dereito sobre el, por calquera das causas previstas no artigo 67.

A adquisición tamén poderá producirse por petición dunha consellaría interesada, xuntando unha memoria que deberá conter o seguinte:

  1. a) Os fins aos que se pretende destinar o inmoble, a necesidade ou conveniencia da adquisición e mais as causas polas que se acode ao procedemento de adquisición directa.
  2. b) Se for o caso, o número de persoas que desenvolverán tarefas nel.
  3. c) A referencia catastral do inmoble, cando a natureza do ben ou dereito o permita.
  4. d) Os custos que implica a posta en funcionamento das dependencias.
  5. Previamente á iniciación dun expediente de adquisición directa, o órgano directivo competente en materia de patrimonio, no caso de que a adquisición sexa por iniciativa propia, as consellarías interesadas na adquisición ou as entidades públicas instrumentais deberán realizar un estudo do mercado inmobiliario, centrado nas alternativas de inmobles e na análise dos prezos, co obxecto de avaliar a inexistencia doutros inmobles susceptibles de compra en condicións máis óptimas.
  6. O acordo de incoación do expediente de adquisición directa corresponderalle de oficio á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, quen deberá, de ser o caso, avaliar a pertinencia da adquisición proposta, ou ao órgano superior colexiado de goberno das entidades públicas instrumentais.
  7. Ao expediente deberase incorporar a seguinte documentación:
  8. a) A oferta de venda, con expresión do prezo e das demais condicións da compra.
  9. b) A acreditación da personalidade e da capacidade da persoa vendedora.
  10. c) A identificativa do inmoble ou dereito, tanto técnica coma xurídica, e a xustificativa da súa titularidade, incluíndo no seu caso os datos catastrais e rexistrais.
  11. d) O certificado de existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente.
  12. En todo caso, deberase incorporar un informe de taxación, no cal se analizarán especialmente as obras que sexan necesarias para adaptar o inmoble ás necesidades administrativas e no que deberá quedar acreditado que o prezo é acorde aos prezos de mercado da zona onde se pretende adquirir.
  13. Iniciado o expediente e reunida toda a documentación prevista neste artigo, elaborarase unha proposta de resolución, que será sometida a un informe da Asesoría Xurídica e da Intervención.

O informe da Asesoría Xurídica deberá analizar especialmente o cumprimento das causas de adquisición directa previstas nesta lei.

  1. O órgano competente resolverá o expediente, acordará a compra do ben inmoble ou do dereito sobre el ou desistirá desta consonte o disposto no artigo 71.
  2. Cando se pretenda adquirir un ben inmoble a unha administración pública sometida a un procedemento que requira a constitución previa dunha determinada garantía, o expediente de compra tramitarase con anterioridade a esta constitución.

O acordo de compra estará sometido a unha condición suspensiva mentres a outra administración pública non adopte a resolución de venda. Así que se adopte a resolución de venda, poderanse tramitar os documentos contables para o pagamento definitivo.

Sección 4ª. Adquisición de bens e dereitos mediante a participación en
procedementos de licitación

Artigo 81. Procedemento

  1. A consellaría competente en materia de patrimonio e as entidades públicas instrumentais poderán adquirir bens inmobles ou dereitos sobre eles mediante a participación en procedementos de licitación, calquera que sexa a forma ou o medio en que se formalicen, incluída a licitación por medios electrónicos. Quedan excluídos desta regulamentación as licitacións xudiciais ou as promovidas no ámbito concursal.
  2. O expediente tramitarase de conformidade co previsto no artigo 80 e a participación neste procedemento deberá ser autorizada polo órgano competente para a adquisición, con indicación das condicións ás que debe suxeitarse a persoa representante designada, nas cales se deberá incluír en todo caso o prezo máximo ao que se poden realizar as propostas.
  3. No ámbito da Administración xeral corresponderalle esta representación á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou ao funcionario ou á funcionaria deste en quen delegue. Nas entidades públicas instrumentais corresponderalle ao órgano unipersoal de goberno ou ao persoal da entidade en quen delegue.
  4. Ao se concluír a licitación, o órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental elaborará un informe sobre o desenvolvemento e o resultado do procedemento, así como sobre o cumprimento das condicións fixadas na autorización.

Cando as normas reguladoras da poxa permitan desistir da adquisición, propoñeráselle ao órgano competente a súa ratificación, após o informe da Intervención.

Sección 5ª. Adquisición de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal

Artigo 82. Adquisición de bens mobles

A adquisición de bens mobles pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas súas entidades públicas instrumentais réxese pola lexislación de contratos do sector público.

Artigo 83. Adquisición de dereitos de propiedade incorporal

  1. A adquisición de dereitos de propiedade incorporal acordaraa a consellaría ou a entidade pública instrumental competente por razón da materia, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. En canto non sexa incompatible coa natureza destes dereitos, é aplicable a estas adquisicións o establecido nesta lei para a adquisición de bens inmobles e de dereitos sobre eles.
  3. Cando a adquisición de dereitos de propiedade incorporal teña lugar en virtude duns contratos administrativos, aplicarase o disposto na lexislación de contratos do sector público. A adquisición destes dereitos por medio de convenios de colaboración axustarase ás súas normas especiais e ao establecido nos propios convenios.

CAPÍTULO III

Adquisicións a título gratuíto

Sección 1ª. Adquisición gratuíta

Artigo 84. Disposicións xerais

  1. As disposicións a título gratuíto realizadas a favor de Galicia ou dalgún dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia entenderanse referidas a esta última. Neste caso respectarase a vontade da persoa que dispoña, destinándose os bens ou dereitos a servizos propios dese órgano, sempre que isto for posible e sen prexuízo das condicións ou cargas modais ás que puider estar supeditada a disposición.

As disposicións por causa de morte a favor de órganos ou entidades da Comunidade Autónoma de Galicia que desaparecesen na data en que se abra a sucesión entenderanse feitas a favor de quen, dentro do ámbito autonómico galego, asuma as súas funcións e, na súa falta, a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sucesión legal hereditaria a favor da Comunidade Autónoma regúlase polo réxime especial do título III.

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma ou as súas entidades públicas instrumentais non poderán aceptar aquelas transmisións gratuítas vinculadas a un fin que non poidan cumprir por carecer de competencias na materia.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as súas entidades públicas instrumentais só poden aceptar as herdanzas testadas, os legados, as doazóns e as demais transmisións gratuítas que supoñan gastos ou estean sometidos a algunha condición ou modo onerosos se o valor do gravame imposto non excede o valor do que se adquire, segundo a taxación pericial realizada consonte as normas do artigo 64. Non se considerarán condicións ou modos onerosos os investimentos que se teñan que realizar para dar ao ben o destino de uso xeral ou de servizo público que fixe a ou o transmitente.
  3. A aceptación das herdanzas entenderase feita sempre a beneficio de inventario.
  4. Se se adquiren os bens ou dereitos baixo a condición ou o modo da súa afectación permanente a determinados destinos, entenderase cumprida e consumada se durante trinta anos serviron a eles, aínda que logo deixen de o estar por circunstancias sobrevidas de interese público. Este prazo comezará a contarse desde o momento da transmisión gratuíta.
  5. Quen, por razón do seu cargo ou emprego público, teña noticia da existencia dunha disposición testamentaria ou dunha oferta de doazón a favor da Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de poñelo en coñecemento da consellaría competente en materia de patrimonio.
  6. A utilización gratuíta de bens inmobles, outorgada expresamente en concepto de precario, non requirirá a adopción dun acordo de aceptación. Tras comprobar a documentación prevista no artigo 86, o órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental autorizará a toma de posesión do ben.

Artigo 85. Competencia

  1. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, corresponderalle á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio aceptar, mediante unha orde, calquera proposta que implique a adquisición a título gratuíto de bens inmobles e de dereitos sobre eles, así como outros bens e dereitos accesorios a esta operación.

As solicitudes de cesión ou de doazón a terceiros realizaraas calquera consellaría. Porén, a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio deberá realizar as solicitudes cando a adquisición do ben inmoble ou do dereito non necesite da posterior adopción do acordo de aceptación e da formalización nun documento administrativo.

  1. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente por razón da materia aceptar, mediante unha orde, calquera proposta que implique a adquisición a título gratuíto de dereitos de propiedade incorporal ou de bens mobles e dereitos sobre eles, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando a persoa transmitente non sinalase ningún tipo de finalidade dos bens mobles, estes serán aceptados pola persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio.

  1. Son competentes para aceptar as disposicións a título gratuíto a favor das entidades públicas instrumentais os órganos unipersoais de goberno.
  2. Se a doazón, a herdanza, o legado ou calquera outro tipo de disposición a título gratuíto ten por obxecto exclusivamente diñeiro, regularase pola lexislación específica e, na inexistencia de norma, por esta lei.

No ámbito da Administración xeral, cando exista vinculación de destino, correspóndelle acordar a aceptación á persoa titular da consellaría competente por razón da materia e, na súa falta, ao órgano directivo competente en materia de tesouro, sen prexuízo do disposto no artigo 86.

Artigo 86. Procedemento

  1. A tramitación do procedemento de adquisición a título gratuíto de bens inmobles e de dereitos sobre eles no ámbito da Administración xeral corresponderalle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio, ao que deberán dirixirse as correspondentes propostas, agás no suposto previsto na alínea 2 deste artigo.

Cando a transmisión gratuíta se efectúe para un fin concreto, solicitarase un informe á consellaría competente por razón da materia en atención ao destino previsto, co obxecto de que confirme o seu interese na adquisición e o cumprimento dos fins sinalados.

Corresponderalle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio avaliar a procedencia de aceptar a transmisión gratuíta de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, en función da documentación e dos informes indicados, após a análise das condicións impostas pola persoa transmitente e, se for o caso, do gravame que comporte.

  1. No ámbito da Administración xeral, a tramitación dos expedientes de adquisición gratuíta dos bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal corresponderalles aos órganos directivos das consellarías competentes por razón da materia, consonte o disposto no seu decreto de estrutura.
  2. Ao expediente de adquisición gratuíta deberánselle incorporar os seguintes documentos:
  3. a) A proposta de transmisión gratuíta coas condicións impostas.
  4. b) A acreditación da personalidade e da capacidade da persoa transmitente.
  5. c) A acreditación da titularidade, de conformidade coa normativa civil, con expresión das cargas e dos gravames que os afectan.
  6. d) A valoración económica, que poderá ser determinada polo órgano transmitente no caso de se tratar dunha administración pública ou realizada consonte o artigo 64.
  7. e) Na transmisión de bens mobles, unha relación detallada acompañada dunha fotografía.
  8. No caso de herdanzas testadas, o expediente tramitarao e resolverao a consellaría competente en materia de patrimonio, agás cando se comprobe que a herdanza está composta integramente por bens mobles ou diñeiro. Neste caso, remitirase o expediente ao órgano competente, consonte o previsto no artigo 85.

Deberase incorporar ao expediente o certificado de defunción, o certificado de actos de últimas vontades e o testamento.

  1. A resolución de aceptación deberáselle notificar á persoa transmitente previamente á formalización da cesión, de ser o caso.
  2. As cesións urbanísticas tramitaranse conforme a normativa específica.

Artigo 87. Reversións e retrocesións

  1. Poderá proceder a reversión dos bens e dereitos adquiridos gratuitamente baixo a condición ou o modo de destino a un fin determinado cando, ao non ter transcorrido o prazo fixado no acordo de cesión ou, en todo caso, o sinalado no artigo 84.5, se incumprisen as condicións ou os modos impostos.
  2. Poderase acordar a retrocesión de bens e dereitos adscritos cando se incumpran as condicións da adscrición.

Artigo 88. Competencia e procedemento

  1. As reversións de bens e dereitos adquiridos a título gratuíto apreciaranas, cando se producise o feito que xera a reversión, os órganos que resulten competentes para a súa adquisición. De se tratar de bens e dereitos transferidos, a súa entrega deberá ser autorizada polo Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio.

As retrocesións de bens e dereitos adscritos á Comunidade Autónoma acordaraas o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio.

O recoñecemento da reversión ou retrocesión leva implícita a desafectación do ben ou dereito, no caso de que teña a condición de dominio público.

  1. O expediente de retrocesión e a apreciación da reversión, cando lle corresponda á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, tramitaraos o órgano directivo competente nesta materia, que solicitará un informe á consellaría ou á entidade pública instrumental correspondente en atención ao destino para o que se efectuou a transmisión, co fin de verificar o incumprimento alegado e de propoñer, se é o caso, a procedencia da entrega do ben afectado.

O informe da consellaría ou da entidade pública instrumental deberá aclarar o estado de ocupación do ben, coa identificación, de ser o caso, do terceiro ocupante e o seu título.

  1. Recoñecida a reversión ou a retrocesión, procederase, se for o caso, a subscribir unha acta entre a persoa interesada e a persoa representante da consellaría ou da entidade pública instrumental que corresponda. Por instancia da persoa interesada esta poderase elevar a escritura pública.

Sección 2ª. Adquisición por atribución da lei

Artigo 89. Saldos e depósitos abandonados

  1. Corresponden á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os valores, o diñeiro e os demais bens mobles depositados na Caixa Xeral de Depósitos e en entidades de crédito, sociedades ou axencias de valores ou calquera outra entidade financeira establecida en Galicia, así como os saldos de contas correntes, cartillas de aforro ou outros instrumentos similares abertos nestes establecementos, respecto dos cales as persoas interesadas non practicaron ningunha xestión que implique o exercicio do seu dereito de propiedade no prazo de vinte anos.
  2. O efectivo e os saldos das contas e cartillas aos que se refire a alínea anterior serán xestionados polo centro directivo competente en materia de tesouro.
  3. A xestión, a administración e a explotación dos restantes bens que se atopen na situación prevista na alínea 1 deste artigo corresponderanlle ao centro directivo competente en materia de patrimonio, que poderá allealos polo procedemento que, en función da natureza do ben ou dereito, coide máis adecuado, tras a xustificación razoada no respectivo expediente.
  4. As entidades depositarias estarán obrigadas a lle comunicar á consellaría competente en materia de tesouro a existencia de tales depósitos e saldos na forma que determine mediante unha orde a persoa titular desa consellaría.

CAPÍTULO IV

Adquisicións por exercicio de potestades públicas

Artigo 90. Adquisicións derivadas do exercicio da potestade expropiatoria

  1. As adquisicións que se produzan no exercicio da potestade expropiatoria rexeranse pola súa normativa específica. Na ausencia de norma específica, a competencia para o exercicio da potestade expropiatoria corresponderalle á persoa titular da consellaría competente por razón da materia. Cando a finalidade da expropiación sexa destinar os bens e dereitos a un edificio administrativo, a competencia corresponderalle á consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. Corresponderalle á consellaría competente por razón da materia acordar e formalizar as entregas de bens inmobles e de dereitos sobre eles de titularidade da Administración xeral, como pagamento en especie do prezo xusto, logo dun informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio. De se tratar de inmobles ou de dereitos demaniais, o acordo de desafectación levará implícito o informe favorable.

Os documentos en que se formalice a entrega deberánselle remitir á consellaría competente en materia de patrimonio para a súa constancia no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma.

  1. O ofrecemento e a tramitación dos dereitos de reversión e, se é o caso, a formalización destes serán efectuados pola consellaría que tramitase a expropiación, aínda que aqueles sexan adscritos con posterioridade a outra distinta. Para estes efectos, esta comunicaralle á consellaría que tramitase a expropiación o acaecemento do suposto que dea orixe ao dereito de reversión.

O recoñecemento do dereito de reversión leva implícita a desafectación do ben ou dereito a que se refira. Non obstante, ata que se proceda á execución do acordo, correspóndelle á consellaría ou á entidade pública instrumental á que estea adscrito o ben ou dereito obxecto da reversión prover o necesario para a súa defensa e conservación.

Artigo 91. Cambios de destino derivados de procedementos de expropiación

  1. Cando a Administración xeral da Comunidade Autónoma pretenda realizar actuacións que impliquen o exercicio da potestade expropiatoria e figure na relación de bens e dereitos afectados algún que sexa da súa titularidade ou das entidades públicas instrumentais, a consellaría ou entidade pública instrumental que tramite o expediente notificarallo á consellaría competente en materia de patrimonio, quen formulará unha consulta á consellaría ou á entidade pública instrumental que tivese adscrito o ben ou dereito, co fin de determinar a viabilidade do cambio de destino.
  2. De ser procedente, o cambio tramitarase mediante un procedemento de afectación, adscrición, mutación ou incorporación ao patrimonio, a favor da consellaría que estea exercendo a potestade expropiatoria ou da entidade pública instrumental beneficiaria da expropiación.

Artigo 92. Adquisicións derivadas de adxudicacións acordadas en procedementos de execución

  1. A adxudicación de bens ou dereitos en procedementos de execución a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá unha autorización expresa do órgano directivo competente en materia de patrimonio.
  2. Nos procedementos administrativos ou xudiciais de execución dos que se poidan seguir adxudicacións de bens e dereitos a favor da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Asesoría Xurídica ou o órgano instrutor do procedemento poñerán inmediatamente en coñecemento da consellaría competente en materia de patrimonio a apertura dos prazos para pedir a adxudicación dos bens embargados, co fin de que o referido órgano acorde o que proceda sobre a oportunidade de solicitar esta adxudicación.

CAPÍTULO V

Arrendamento de inmobles

Artigo 93. Obxecto

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais só poderán arrendar os bens inmobles que precisen para o cumprimento dos seus fins, a través do procedemento e cos requisitos establecidos para a adquisición onerosa, coas peculiaridades previstas neste capítulo.
  2. Os arrendamentos que subscriban a Administración xeral ou as entidades públicas instrumentais non poderán incluír cláusulas indemnizatorias derivadas da falta de entrega do inmoble á finalización do contrato, agás que se estableza con carácter preceptivo na lexislación de arrendamentos.

Os contratos pactados cunha duración superior aos cinco anos deberán incluír unhas cláusulas que permitan a resolución anticipada, sen necesidade do aboamento total da renda pactada.

Artigo 94. Competencia

  1. Correspóndelle á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio arrendar os bens inmobles que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia precise, por petición, de ser o caso, da consellaría interesada, así como acordar a súa resolución, novación e prórroga. Non se necesitará a adopción dunha resolución expresa de prórroga cando esta figure expresamente no contrato e opere automaticamente, ou nos supostos de tácita recondución regulados no Código civil.

Será competente para arrendar, resolver, novar ou prorrogar os contratos que afecten os inmobles situados no estranxeiro e que precise a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a consellaría ou o órgano superior competente en materia de relacións exteriores, logo dun informe da consellaría competente en materia de patrimonio.

  1. Nas entidades públicas instrumentais a competencia corresponderalle ao órgano unipersoal de goberno, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio sobre a procedencia, a oportunidade e as características esenciais do negocio xurídico pretendido, no marco dos criterios xerais de xestión integral do patrimonio. A petición do informe deberá ir xunto coa seguinte documentación:
  2. a) A memoria xustificativa.
  3. b) O prego de condicións da contratación, de se tramitar o procedemento con publicidade e concorrencia.
  4. c) A renda que hai que pagar e o prazo do contrato.
  5. d) As descricións das características do inmoble pretendido, coa inclusión, se é o caso, das especificacións técnicas, urbanísticas e de localización.
  6. e) O número de persoas que ocuparán o inmoble e, de ser o caso, a situación actual.

No caso de resolución anticipada do contrato, o informe limitarase a analizar a necesidade do inmoble para outros órganos da Administración xeral ou para algunha entidade pública instrumental.

  1. A concertación dun alugamento por un importe superior a corenta mil euros mensuais, cos impostos incluídos, requirirá a autorización do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio ou da consellaría á que se encontre adscrita a entidade pública instrumental que pretenda o alugamento.

Artigo 95. Procedemento

  1. O arrendamento de bens inmobles deberá garantir o respecto aos principios de igualdade, publicidade e concorrencia, agás nos seguintes supostos, nos cales se pode concertar de modo directo:
  2. a) As peculiaridades ou singularidades do ben, que se xustificarán expresamente no expediente.
  3. b) A especial idoneidade do ben.
  4. c) A urxencia da contratación resultante de acontecementos imprevisibles.
  5. d) Cando quen arrende sexa outra administración pública ou, en xeral, calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.
  6. e) Cando fose declarado deserto o procedemento promovido con publicidade para o arrendamento, e sempre que non se modifiquen as condicións orixinais do contrato, agás o prezo e a superficie, que poderán alterarse nun dez por cento, e non transcorrese o prazo dun ano, contado desde a adopción do correspondente acordo.
  7. f) Cando o inmoble se sitúe no estranxeiro.
  8. g) Cando a renda mensual do arrendamento non sexa superior a dous mil euros e a duración non exceda un ano.
  9. h) A necesidade de acometer obras que requiran o traslado temporal do persoal a outras dependencias, sempre e cando quede acreditado que non se dispón doutro espazo sobre o que se teña titularidade xurídica.
  10. Cando se contrate un arrendamento dun inmoble de conformidade coas alíneas d), f), g) e h) recadarase, de ser posible, un mínimo de tres ofertas.
  11. Unha vez formalizado un contrato de arrendamento, a consellaría competente en materia de patrimonio ou as entidades públicas instrumentais poderán concertar unha ou varias prórrogas, nos termos establecidos pola lexislación de arrendamentos. Cando finalice o prazo dun contrato, por razóns debidamente xustificadas no expediente, poderase formalizar un novo contrato de arrendamento sobre o mesmo inmoble con base nas peculiaridades do ben.
  12. Cando se concerte o arrendamento do inmoble directamente por razón da contía, a tramitación do expediente só requirirá a aprobación do gasto e a incorporación a este do informe de taxación e do contrato. O dito arrendamento poderase adxudicar directamente a calquera persoa física ou xurídica con capacidade de obrar.

O órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental, previamente á formalización do contrato, deberán comprobar a titularidade do ben.

A contratación prevista neste punto e a necesidade que vén cubrir terán un carácter eminentemente temporal. Así que remate o prazo pactado, non será posible a formalización dun novo contrato de arrendamento para solucionar as necesidades previstas orixinariamente.

  1. Para a contratación dun arrendamento non será necesario incorporar ao expediente a documentación acreditativa da inscrición rexistral.
  2. A Asesoría Xurídica emitirá un informe sobre os pregos de condicións nos expedientes de arrendamento tramitados mediante publicidade e concorrencia, así como os expedientes de contratación directa, nos cales deberá examinar especialmente o cumprimento dos casos previstos na alínea 1 deste artigo e a conformidade da parte dispositiva do contrato á lexislación de arrendamentos.

Non se requirirá este informe nos casos previstos na alínea 3 deste artigo a condición de que, para os novos contratos, se utilicen unhas cláusulas tipo previamente visadas pola Asesoría Xurídica.

  1. Nas contratacións de arrendamentos de bens inmobles poderanse adquirir compromisos de gastos para exercicios posteriores aínda que a execución do contrato non se inicie no exercicio corrente, mediante a tramitación anticipada prevista na lexislación de contratos do sector público.

Artigo 96. Melloras

  1. Nos procedementos tramitados con publicidade e concorrencia poderanse tomar en consideración as melloras que ofrezan as persoas licitadoras, sempre que o prego de condicións prevexa esta posibilidade. Estas melloras poderán consistir nun período de carencia no pagamento da renda mensual ou no compromiso de realizar, sen custo, as obras de adaptación precisas para as necesidades administrativas.

As consellarías interesadas no arrendamento poderán achegar unha memoria detallada das obras que podería realizar a persoa arrendadora con anterioridade á ocupación do inmoble.

Non poderán incluírse no prego melloras cuxa execución dependa dunha obra previa que debe realizar a consellaría ou entidade pública instrumental.

  1. De se admitiren as melloras consistentes en obras, o prego de condicións establecerá o prazo máximo da súa execución e recollerá a documentación que deberá achegar a persoa licitadora, que, en todo caso, incluirá o prazo de execución e un orzamento. Se excede o prazo máximo, rexeitarase a mellora presentada e analizarase a proposta de arrendamento sen aquela.
  2. O persoal técnico que inspeccione os inmobles ofertados, consonte o artigo 78, deberá analizar as propostas, coa inclusión das melloras presentadas. As melloras non serán tidas en conta nos seguintes supostos:
  3. a) Cando non se correspondan coas obras de adaptación precisas para as necesidades administrativas establecidas no prego de condicións.
  4. b) Cando as obras de mellora propostas non cumpran coa normativa vixente.
  5. c) A inviabilidade de execución das obras de mellora no prazo sinalado.
  6. Adxudicado o arrendamento a unha proposta que inclúa obras de mellora, formalizarase o contrato coa inclusión dunha condición suspensiva relativa á correcta execución das obras en tempo e forma.
  7. Á recepción das obras na súa terminación concorrerá a persoa adxudicataria, xunto cunha persoa representante da consellaría interesada e a técnica ou o técnico mencionado no artigo 78. Se as obras se executaron de conformidade co previsto, daranse por recibidas, elaborarase unha acta e comezarán entón os efectos xurídicos e económicos do contrato.

Artigo 97. Taxación

  1. Ao expediente de arrendamento deberáselle incorporar un informe de taxación coas peculiaridades previstas neste artigo.
  2. Nos supostos de novación pola redución da renda pactada e a formalización dunha prórroga expresa ou dun novo contrato sobre unhas dependencias ocupadas en réxime de arrendamento, o informe de taxación poderá limitarse á mera ratificación da renda.
  3. Nos casos previstos no artigo 95.3, o informe de taxación ponderará o custo que implique, se é o caso, o traslado das dependencias a outro inmoble.

Para tal efecto, no ámbito da Administración xeral, as consellarías ocupantes deberán achegar ao órgano directivo competente en materia de patrimonio unha memoria económica cos custos que implica o traslado.

  1. O informe de taxación non será necesario nos casos de novacións de contrato que non impliquen alteración da renda ou da superficie.

Artigo 98. Utilización do ben arrendado

  1. Os contratos de arrendamento que formalicen a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais concertaranse con expresa mención de que o inmoble arrendado poderá ser utilizado por calquera órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.
  2. No ámbito da Administración xeral, a consellaría competente en materia de patrimonio determinará, mediante unha resolución, o órgano ou a entidade á que se adscribe o inmoble arrendado, coa especificación dos dereitos e das obrigas que debe asumir, agás nos inmobles situados no estranxeiro.
  3. Cando a consellaría competente en materia de patrimonio teña coñecemento da existencia dalgún inmoble arrendado que non se estea dedicando á finalidade para a que foi adscrito, poderá tramitar a súa desadscrición e destinar o inmoble a outros fins ou, de ser procedente, resolver o contrato.

Artigo 99. Finalización do contrato

  1. Cando a consellaría ou entidade pública instrumental que ocupe un inmoble arrendado prevexa deixalo libre con anterioridade ao prazo pactado, comunicarallo á consellaría competente en materia de patrimonio cunha antelación mínima de tres meses á data prevista para o desaloxamento.
  2. De o considerar procedente, a consellaría competente en materia de patrimonio dará traslado da dita comunicación ás diferentes consellarías ou entidades públicas instrumentais, que poderán solicitar a posta á disposición do inmoble. A persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio resolverá a adscrición que proceda.
  3. O acordo polo que se autoriza a resolución anticipada dun contrato de arrendamento baseándose nunha cláusula preestablecida requirirá o previo informe da Intervención, á que se deberán remitir os preavisos ou as notificacións efectuados á persoa arrendadora.

A resolución anticipada dun contrato de arrendamento sen que estea amparada nunha cláusula do contrato requirirá o previo informe da Asesoría Xurídica e da Intervención.

  1. No caso de que se desista de continuar no inmoble, o órgano directivo competente en materia de patrimonio, no ámbito da Administración xeral, será o encargado de realizar as notificacións ou os preavisos que correspondan, así como de organizar a entrega de chaves a quen sexa arrendador.

As consellarías ocupantes son as responsables de dar de baixa os contratos de subministración subscritos para dar mantemento ao inmoble arrendado, así como de realizar as reparacións precisas para deixar o inmoble en condicións óptimas de ser entregado.

CAPÍTULO VI

Venda de bens e dereitos

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 100. Bens e dereitos susceptibles de venda

  1. Os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia que non sexan necesarios para o exercicio das competencias e funcións propias da Administración xeral ou das súas entidades públicas instrumentais poden ser vendidos conforme as normas establecidas neste capítulo.
  2. Non obstante, pódese acordar a venda de bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia con reserva do uso temporal destes cando, por razóns excepcionais debidamente xustificadas, resulte conveniente para o interese público. Esta utilización temporal pódese instrumentar a través da formalización de contratos de arrendamento ou de calquera outro que habilite para o uso dos bens alleados, simultáneos ao negocio de venda e sometidos ás mesmas normas de competencia e procedemento ca este.

Artigo 101. Imposición de condicións, cargas e gravames

  1. Non se poden impoñer unhas cargas ou uns gravames sobre os bens ou dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia senón cos requisitos exixidos para a súa venda.
  2. Poderanse establecer unhas cláusulas de repartición de plusvalías cando concorran circunstancias que determinen unha posible alteración do valor do ben ou dereito obxecto de venda nun prazo determinado ou polo cumprimento de determinadas condicións.
  3. Poderase admitir a entrega doutros bens ou dereitos en pago de parte do prezo de venda, valorados consonte o artigo 64, sen prexuízo do disposto para as permutas.

Artigo 102. Trámites previos

Sen prexuízo da inscrición no Rexistro da Propiedade, da súa depuración física e xurídica e do deslindamento se for necesario, os bens inmobles e os dereitos reais poderán ser obxecto de venda sen suxeición a estes requisitos, sempre que estas circunstancias se poñan en coñecemento da persoa adquirente e sexan expresamente aceptadas por esta.

Artigo 103. Formas de venda

  1. A forma ordinaria de venda de bens inmobles ou de dereitos sobre eles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é a poxa pública. Pódese acordar a venda de bens inmobles ou de dereitos por concurso cando aqueles, pola súa situación, natureza ou características, sexan adecuados para atender as directrices derivadas das políticas públicas e, en particular, da política de vivenda.
  2. Pódese acordar a venda de bens inmobles ou de dereitos por adxudicación directa nos seguintes supostos:
  3. a) Cando quen adquira sexa outra administración pública ou, en xeral, calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.
  4. b) Cando quen adquira sexa unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública.
  5. c) Cando o inmoble resulte necesario para dar cumprimento a unha función de servizo público ou á realización dun fin de interese xeral ou socioeconómico por unha persoa distinta das previstas nas alíneas a) e b) anteriores.
  6. d) Cando sexa declarada deserta a poxa promovida para o alleamento ou esta non chegue a executarse como consecuencia do incumprimento das súas obrigas por parte da persoa adxudicataria, sempre que non transcorrese máis dun ano desde a súa formalización. Neste caso, o prezo non poderá ser inferior ao anunciado ou ao de adxudicación, sen que se poidan modificar as demais condicións de venda.
  7. e) Cando se trate de soares inedificables ou predios rústicos que non cheguen á unidade mínima de cultivo e a venda se efectúe a unha propietaria ou a un propietario estremeiro.

Cando concorran varias persoas interesadas con igual dereito resolverase a favor da mellor ofertante, sen prexuízo do posterior dereito de retracto regulado no Código civil. No caso de acordo, a venda poderase efectuar mediante un rateo entre eles.

  1. f) Cando a venda se efectúe a favor de quen posúa un dereito de adquisición preferente recoñecido por unha disposición legal.
  2. g) Cando por razóns excepcionais se considere conveniente efectuar a venda a favor de quen ocupa o inmoble e a orixe desta ocupación non estea nun acto contrario ao ordenamento xurídico.

Entenderase que se dan as condicións de aplicación do alleamento directo por ocupación, podendo venderse un ben inmoble na súa totalidade, nos supostos en que se cumpran os requisitos da accesión invertida.

  1. h) Cando o valor de taxación do ben non supere os seis mil euros e se efectuase unha notificación na que se informou do expediente ás persoas propietarias lindeiras catastrais.
  2. A venda de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal terá lugar ordinariamente mediante unha poxa pública, sen prexuízo do disposto nesta lei e na lexislación de contratos do sector público para os supostos de pagamento en especie. Poderase acordar a venda por adxudicación directa nos supostos previstos neste artigo que pola súa propia natureza poidan ser aplicables.

Artigo 104. Órganos competentes

  1. O órgano competente para vender os bens inmobles ou os dereitos sobre eles pertencentes á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, mediante unha orde.
  2. A competencia para vender os bens mobles e os dereitos de propiedade incorporal de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellaría que os teña adscritos ou competente por razón da materia. De estaren adscritos ás entidades públicas instrumentais, a competencia corresponderalle á persoa titular da consellaría que previamente os tivese adscritos, por instancia destas.

A venda de dereitos de propiedade incorporal acordarase logo do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio.

  1. Son competentes para acordar a venda dos bens e dereitos pertencentes ás entidades públicas instrumentais os órganos superiores colexiados de goberno, sen prexuízo do disposto no artigo 22. Cando o seu valor sexa inferior a corenta mil euros, a competencia corresponderá ao órgano unipersoal de goberno.
  2. Nos supostos previstos nas alíneas anteriores, cando o valor do ben ou dereito, segundo a taxación, supera os tres millóns de euros, a venda debe ser autorizada polo Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio ou da consellaría que os teña adscritos ou competente por razón da materia.

Artigo 105. Incoación

  1. O procedemento de venda de bens inmobles ou de dereitos reais iniciarase de oficio coa adopción do acordo de incoación por parte da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou, no caso de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal, por parte da persoa titular do órgano directivo que corresponda da consellaría competente ou que os teña adscritos.

Nas entidades públicas instrumentais, iniciarano de oficio os órganos superiores colexiados de goberno, agás no caso de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal, en que corresponderá ao órgano unipersoal de goberno, sen prexuízo da previa comunicación regulada nos artigos 22 e seguintes.

  1. No acordo de incoación do procedemento determinarase motivadamente a forma de venda seleccionada, agás na poxa. Ademais, xustificarase debidamente que o ben ou dereito non é necesario para o uso xeral ou o servizo público, recollendo unha descrición e o valor de taxación.
  2. Nos supostos de venda directa non procederá a incoación do procedemento cando as propostas recibidas resulten contrarias á regulación contida no ordenamento xurídico, non se cumpran as condicións previstas na alínea anterior ou, en xeral, non se considere oportuna a súa tramitación.

Artigo 106. Garantía

  1. A participación en procedementos de venda requirirá a constitución dunha garantía polo importe que se determine no prego de condicións, que poderá ser de ata o vinte e cinco por cento do tipo de licitación.
  2. Nos casos de venda directa, o importe da garantía será equivalente ao vinte e cinco por cento do prezo de taxación do ben ou dereito, agás nas vendas con pagamento aprazado reguladas no artigo 109. Non se requirirá a constitución de garantía cando o valor do ben non exceda seiscentos euros.
  3. Sen prexuízo do disposto no artigo 113.2.c), a garantía constituirase en efectivo na Caixa Xeral de Depósitos, e non outorgará en ningún caso ningún dereito á adquisición. O dito depósito devolverase a quen non resultase adxudicatario ou adxudicataria, se a venda se realiza por poxa ou concurso, ou á persoa interesada nunha venda directa, se esta non chega a se efectuar, agás que se causase algún tipo de quebrantamento á Administración da Comunidade Autónoma.
  4. En todo caso, unha vez finalizado o procedemento, a garantía constituída polo adxudicatario formará parte do prezo da compravenda.

Artigo 107. Prego de condicións

  1. A venda mediante unha poxa ou un concurso rexerase por un prego de condicións. Para estes efectos, a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio poderá aprobar, após o informe da Asesoría Xurídica, os pregos xerais que rexerán cada forma de venda.
  2. Os pregos de condicións particulares que deben rexer cada procedemento de venda elaboraraos o órgano directivo competente en materia de patrimonio, a consellaría competente por razón da materia ou a entidade pública instrumental, segundo o caso, e serán obxecto de informe pola Asesoría Xurídica cando inclúan cláusulas ou requisitos adicionais non considerados no prego xeral.
  3. Nos pregos recolleranse necesariamente os seguintes extremos:
  4. a) A descrición física e xurídica do ben ou dereito obxecto de venda, coa inclusión, se é o caso, dos datos rexistrais e catastrais e, de concorrer, con expresa mención da súa natureza litixiosa.
  5. b) A taxación do ben ou dereito, que determinará o tipo de licitación inicial.
  6. c) O tramo mínimo da oferta nos casos de poxa.
  7. d) A forma de venda, o modo de presentación de ofertas e o xeito en que se desenvolverá a licitación.
  8. e) A forma de constitución da garantía e do pagamento do prezo.
  9. f) No caso de bens mobles, a obrigatoriedade de que a persoa compradora retire os bens das instalacións onde se atopen no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao aboamento do prezo restante.
  10. g) As demais condicións particulares da venda.

Artigo 108. Pagamento e formalización

  1. A resolución do procedemento de venda notificaráselle a quen resulte finalmente adquirente, que deberá completar o pagamento do prezo no prazo de vinte días naturais desde a súa recepción, agás que por razóns motivadas se estableza outro período distinto e sen prexuízo do disposto no artigo 109.
  2. Os gastos derivados da transmisión serán por conta de quen adquire, agás que se sinalase outra cousa no prego correspondente e, no caso das vendas directas, na orde de adxudicación. Os tributos serán aplicados conforme a súa normativa.

Os gastos de anuncios recaerán na persoa adquirente e deberán aboarse con anterioridade á formalización do contrato de compravenda.

  1. A venda de bens inmobles e de dereitos sobre eles outorgarase nunha escritura pública, agás o suposto regulado no artigo 63.2.

A venda de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal formalizarase nun documento administrativo, o cal poderá elevarse a escritura pública por instancia dunha das partes. No momento da formalización procederase á entrega e á recepción dos bens.

  1. Para o caso de venda de parcelas resultantes dunha segregación ou parcelación poderase tramitar o expediente formalizando nun documento único, mediante unha escritura pública, a segregación e a venda correspondente.

Artigo 109. Pagamento aprazado do prezo de venda

  1. O órgano competente para a venda dos bens ou dereitos pode admitir o pagamento aprazado do prezo de venda, por un período non superior a dez anos.
  2. O dito aprazamento suxeitarase ás seguintes regras:
  3. a) A garantía será equivalente ao vinte e cinco por cento da contía que hai que pagar na primeira anualidade.
  4. b) Unha vez realizado o primeiro pagamento, os seguintes efectuaranse con periodicidade mensual ou anual, en función do que se estableza na resolución de venda. Os pagamentos deberanse realizar no prazo de vinte días naturais, tomando como referencia para os efectos do cómputo o día e o mes do asinamento da mencionada resolución.

O xuro que hai que devindicar non será inferior ao legal do diñeiro e calcularase por días naturais atendendo á data de referencia.

  1. c) As cantidades pendentes de pagamento quedarán garantidas mediante unha condición resolutoria explícita ou ben mediante unha hipoteca, un aval bancario, un seguro de caución ou outra garantía suficiente usual no mercado.

No caso de pagamentos anuais, unha vez formalizada a escritura pública de compravenda, comunicaráselle á parte compradora con anterioridade a cada pago, para os simples efectos informativos, a contía que deberá aboar nesa anualidade.

  1. A persoa compradora poderá en calquera momento realizar amortizacións parciais da débeda, co recálculo dos xuros sobre o capital pendente. Poderase ademais, en calquera momento, liquidar a totalidade da débeda, coa aplicación dos xuros ata esa data.
  2. No caso de se establecer a condición resolutoria prevista na alínea 2, deberá facerse constar expresamente na escritura pública de compravenda e inscribirse no Rexistro da Propiedade, para o que deberá establecerse como obriga na resolución administrativa que acorde a venda.

Artigo 110. Venda de bens e de dereitos litixiosos

  1. Pódense vender bens ou dereitos litixiosos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que se observen os seguintes requisitos:
  2. a) No caso de venda nunha poxa pública, no prego de bases farase unha mención expresa e detallada do obxecto, das partes e da referencia do litixio concreto que afecta o ben ou dereito, e deberase prever a plena asunción, por quen resulte adxudicatario ou adxudicataria, dos riscos e das consecuencias que deriven do litixio.
  3. b) Nos supostos legalmente previstos de venda por adxudicación directa deberá constar no expediente a documentación acreditativa de que o adquirente coñece o obxecto e o alcance do litixio e de que coñece e asume as consecuencias e os riscos derivados del.

En ambos os casos, a asunción pola persoa adquirente das consecuencias e dos riscos derivados do litixio figurará necesariamente na escritura pública en que se formalice o alleamento.

  1. Se o litixio se suscita unha vez iniciado o procedemento de venda e este se encontra nunha fase en que non é posible o cumprimento do establecido na alínea anterior, retrotraeranse as actuacións ata a fase que permita o seu cumprimento.
  2. O ben ou dereito considerarase litixioso desde que o órgano competente para a venda teña constancia formal do exercicio, ante o órgano xurisdicional que proceda, da acción correspondente e do seu contido.
  3. O órgano competente poderá en calquera momento acordar a suspensión do procedemento, cando se estimar conveniente para os intereses públicos.

Artigo 111. Desistencia

Antes do acordo de adxudicación, a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, a persoa titular da consellaría que dispoña da adscrición do ben moble ou do dereito de propiedade incorporal ou competente por razón da materia ou o órgano superior colexiado de goberno das entidades públicas instrumentais poderán acordar a improcedencia da venda, logo do informe da Asesoría Xurídica e sempre que se considere prexudicial para o interese público a adxudicación nas condicións propostas ou se, por razóns sobrevidas, se considera necesario o ben para o cumprimento dos fins públicos, sen que a instrución do expediente, a realización da poxa ou a valoración das propostas presentadas xeren ningún dereito para os que optaron á súa compra.

A desistencia da venda mediante poxa pública ou concurso deberase anunciar no Diario Oficial de Galicia e na páxina web, cando o anuncio fose obxecto de publicación.

Sección 2ª. Procedemento de venda de bens inmobles ou de dereitos sobre
eles en poxa pública

Artigo 112. Expediente

  1. Unha vez incoado o procedemento de venda e elaborado o prego de condicións, someterase o expediente ao informe da Intervención cando o valor do ben ou dereito supere un millón de euros.

Tras ser informado o expediente, a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou o órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais acordará a venda do ben ou dereito polo procedemento de poxa pública, podendo determinar a realización dunha única poxa ou de poxas sucesivas nos termos establecidos no artigo 115.

A venda realizarase por bens individualizados ou mediante lotes, sen necesidade de xustificar a opción elixida.

  1. Acordada a venda, realizarase a convocatoria da poxa, que se publicará gratuitamente no Diario Oficial de Galiciae na correspondente páxina web, sen prexuízo da utilización doutros medios de publicidade. A convocatoria deberase realizar cunha antelación mínima de quince días naturais á data da súa realización.
  2. No anuncio da convocatoria sinalarase:
  3. a) O órgano ou a entidade que realiza a poxa.
  4. b) O lugar, o día e a hora da súa realización.
  5. c) A descrición do ben ou dereito ou do lote de bens ou dereitos que van ser obxecto de venda.
  6. d) O tipo da poxa.
  7. e) O lugar de consulta ou o modo de acceso ao prego de condicións.

No suposto de que se admita a presentación de ofertas nun sobre pechado, sinalarase ademais na convocatoria o prazo durante o cal as persoas interesadas poderán presentar a documentación requirida.

  1. O tipo da poxa será fixado polo órgano competente para a incoación e a tramitación do procedemento, de acordo coa taxación realizada consonte as normas do artigo 64.

Artigo 113. Desenvolvemento

  1. A poxa realizarase sempre á alza, nun acto público por posturas a viva voz, por presentación de ofertas nun sobre pechado ou mediante unha poxa electrónica.

A poxa mediante procedementos electrónicos, informáticos ou telemáticos seguirá o procedemento que se acorde no prego de condicións, no marco do disposto nesta sección. Deberase establecer un período de tempo non superior a trinta días naturais para a recepción das posturas electrónicas.

  1. O acto de poxa con posturas a viva voz levarase a cabo nos seguintes termos:
  2. a) Na data e no sitio sinalados constituirase a mesa perante a cal terá lugar a poxa, que estará formada e constituída polos membros sinalados no artigo 76.2.
  3. b) Poderán participar na licitación as persoas físicas ou xurídicas que cumpran as condicións previstas no artigo 62.
  4. c) A persoa titular da presidencia da mesa declarará aberta a poxa, o que se lle comunicará así ao público asistente, e darase unha breve explicación do seu desenvolvemento.

A continuación, as persoas interesadas en participar na poxa deberán acreditar a súa personalidade, a capacidade e, de ser o caso, a representación, mediante a exhibición dos documentos sinalados no prego, e recibiranse así mesmo os resgardos dos depósitos previamente constituídos para a licitación e as consignacións que nese momento se fagan, en metálico ou nun cheque bancario. Non se outorgará un prazo para reparar as deficiencias advertidas.

  1. d) Despois de se cumprir o requisito anterior, abrirase o prazo para a formulación das poxas, admitiranse as posturas que gradualmente vaian mellorando o tipo de saída e cumpran co tramo mínimo fixado no prego, ata que se deixen de facer proposicións, e rematará a poxa a favor do licitador ou da licitadora que efectuase a máis alta delas para cada un dos bens ou lotes ofertados.
  2. No caso de que así o prevexa o prego, poderán admitirse posturas nun sobre pechado, no cal se incluirán os documentos acreditativos da personalidade e da representación, así como da constitución da garantía e, en sobre á parte, a oferta económica. Antes de iniciar a licitación, procederase á apertura do primeiro sobre, co fin de determinar que licitadores poden concorrer á poxa. A presidencia da mesa advertirá as licitadoras e os licitadores da existencia de poxas nun sobre pechado.

Comezará o acto coa apertura dos sobres que conteñen a oferta económica e continuará coas ofertas presenciais. Declararase mellor ofertante ao licitador ou á licitadora que fixese a postura máis elevada, incluídas as contidas nos sobres.

Artigo 114. Adxudicación

  1. Do resultado da poxa realizada redactarase unha acta, que será asinada polos membros da mesa e polo mellor ofertante, se estiver presente. Consonte o disposto na alínea 4 deste artigo, tamén se identificará a persoa que presentou a segunda oferta máis vantaxosa.
  2. O órgano competente acordará a venda ou a súa improcedencia, se considera prexudicial para o interese público a adxudicación nas condicións propostas ou se, por circunstancias sobrevidas, considera necesario o ben para o cumprimento de fins públicos, sen que a instrución do expediente, a realización da poxa ou a valoración das propostas presentadas xeren ningún dereito para quen optou á súa compra.
  3. A adxudicación dos procedementos de venda mediante a poxa pública ou a declaración de deserto publicarase na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou na da entidade pública instrumental.
  4. Se a persoa adxudicataria renuncia á adquisición ou non atende ás obrigas que lle corresponden, perderá o depósito constituído en concepto de garantía, sen prexuízo da reclamación polas eventuais perdas que se ocasionasen ao patrimonio autonómico. En ambos os supostos, poderá procederse á adxudicación ao segundo mellor ofertante da poxa ou declarala deserta.

De ser o caso, notificada a segunda persoa mellor ofertante, de continuar interesada na adquisición, deberá presentar a garantía exixida no prego de condicións sobre o tipo de licitación, e o expediente someterase ao informe da Intervención.

Artigo 115. Poxas sucesivas

  1. Se resultar deserta a primeira poxa, poderase desistir de continuar co proceso de venda ou acordar a realización no mesmo acto ou en actos diferentes dunha segunda e incluso dunha terceira poxa, para levar a cabo na data en que se anuncie. O tipo de licitación será o da poxa inmediata anterior, que poderá reducirse ata nun vinte por cento en cada nova poxa.
  2. Na poxa electrónica e en sobre pechado do artigo 118, as poxas sucesivas deberán realizarse nun distinto acto.

Artigo 116. Cuarta poxa

  1. Se a terceira poxa resultar deserta, a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio ou o órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental poderá acordar a realización dunha cuarta poxa, procedemento que se iniciará coa publicación no Diario Oficial de Galiciae nos demais medios de difusión que se consideren pertinentes do anuncio da apertura dun prazo máximo de trinta días naturais para a presentación por escrito de proposicións económicas vinculantes de compra, e a mellor delas servirá para concretar o tipo de licitación para esta poxa.
  2. O anuncio deberá sinalar:
  3. a) O órgano ao que deben dirixirse as propostas, a forma e o lugar de presentación.
  4. b) A descrición do ben ou dereito ou do lote de bens ou dereitos que van ser obxecto de venda.
  5. c) O carácter vinculante da oferta para o caso de constituír a mellor postura da poxa.
  6. d) O importe da oferta mínima admisible e da garantía exixida.

A oferta mínima, se é o caso, non será inferior ao vinte e cinco por cento do valor catastral. Porén, motivadamente, para os bens mobles e inmobles de natureza rústica, así como cando se trate do alleamento dos dereitos hereditarios do artigo 162.4, poderá non establecerse unha oferta mínima nin exixirse garantía.

  1. Despois do transcurso do prazo de presentación, comprobaranse as propostas recibidas, coa inadmisión das propostas realizadas fóra de prazo, das que non acaden a oferta mínima admisible, das que non acheguen a garantía correspondente, de ser exixida, e daquelas que conteñan defectos substanciais. No caso de deficiencias reparables, outorgarase un prazo de cinco días naturais para a súa emenda.
  2. Logo do informe da Intervención, anunciarase conforme o artigo 112.2 a convocatoria da cuarta poxa. Nesta tomarase como tipo de licitación inicial o importe da mellor das ofertas presentadas e admitidas.

Para o suposto de empate no importe das mellores propostas, prevalecerá a de data de entrada anterior nalgún dos rexistros sinalados no anuncio, para os efectos de determinar a proposta económica que terá efectos no acto de desenvolvemento da poxa pública.

En todo caso, as garantías constituídas na Caixa Xeral de Depósitos para a presentación de propostas servirán para a participación no acto da cuarta poxa, que, de ser o caso, deberá completarse ata o importe da garantía necesaria en función do tipo de licitación finalmente establecido na convocatoria. As persoas propoñentes non interesadas en participar na poxa poderán solicitar a devolución da súa garantía.

  1. A proposición que sirva de tipo de licitación producirá plenos efectos vinculantes aínda que a persoa ofertante non compareza no acto de desenvolvemento da poxa. No caso de ser declarada a mellor oferta por falta doutras posturas e o ben ou dereito lle fose adxudicado, perderá a garantía, de ser constituída, se non efectuase o pagamento total do prezo dentro do prazo establecido.

Artigo 117. Tramitación simplificada con acumulación de poxas

  1. Excepcionalmente, por razóns debidamente xustificadas, o órgano competente para a venda poderá acordar realizar nun único acto a primeira, a segunda, a terceira e a cuarta poxas, ou autorizar a mesa de contratación para acordar a posible realización dunha cuarta poxa tras quedar desertas as sucesivas tres primeiras poxas.
  2. No suposto de que neste procedemento simplificado o órgano competente non prefixase o tipo de licitación para a cuarta poxa, ao estar autorizada a mesa para a súa realización, esta determinará o seu importe e o da garantía exixible no seu caso, de conformidade co previsto no parágrafo final da alínea 2 do artigo 116.

Artigo 118. Poxa con proposición económica nun sobre pechado

  1. As poxas con posibilidade de presentar unhas propostas económicas nun sobre pechado son reguladas polos artigos 112 e 113, coas particularidades recollidas neste artigo.
  2. Na convocatoria da poxa sinalarase expresamente a modalidade seleccionada, con indicación do prazo durante o cal as persoas interesadas poderán presentar as posturas para a poxa, o rexistro ante o que poderá presentarse ou os medios telemáticos admitidos.
  3. No prego de condicións sinalaranse os documentos que terán que presentar nun sobre pechado e que incluirán os que acrediten a personalidade, a capacidade e, se é o caso, a representación do licitador, así como a constitución da garantía exixida. Dentro do dito sobre incluirase nun sobre pechado independente a oferta económica sobre os bens ou lotes que sexan obxecto de poxa.
  4. Nos cinco días hábiles seguintes á conclusión do prazo de admisión das posturas constituirase a mesa, que examinará a documentación recollida no primeiro sobre e excluirá da poxa as licitadoras e os licitadores que non presentasen a documentación requirida. De existir erros reparables, outorgaráselles ás persoas interesadas un prazo, que non excederá cinco días naturais, para que procedan á corrección.

A continuación, terminada a fase de cualificación de documentos, no lugar e na hora sinalados no anuncio e nun acto público, procederase á lectura da lista de licitadores finalmente admitidos e realizarase a apertura dos sobres que conteñan as propostas económicas, e vistas estas a mesa declarará mellor rematante á licitadora ou ao licitador que formulase a oferta máis elevada.

  1. De existir un empate entre as mellores ofertas, decidirase no acto, se estiver algunha das persoas licitadoras presentes, coa apertura dunha poxa á alza e a adxudicación provisionalmente do ben ao que presentase unha oferta económica máis elevada. Se ningunha das persoas licitadoras empatadas estiver presente, a adxudicación recaerá sobre a que primeiro presentase a oferta, para o que se atenderá á data de entrada nalgún dos rexistros sinalados na convocatoria.

Sección 3ª. Procedemento de venda de bens inmobles ou de dereitos
sobre eles por concurso

Artigo 119. Criterios aplicables

  1. Na venda de bens inmobles ou de dereitos sobre eles por concurso, a adxudicación recaerá na proposición que no seu conxunto resulte máis vantaxosa, atendendo aos criterios que se fixasen nos correspondentes pregos, que serán adicionais ao prezo de venda.

Os criterios debidamente xustificados que determinen a venda por concurso atenderán ás correspondentes políticas públicas. Para estes efectos, poderanse incorporar consideracións relativas á promoción económica, á continuidade da actividade e o emprego, á promoción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, ás características especiais das ditas vivendas en atención á súa tipoloxía ou aos seus destinatarios, ás condicións medioambientais ou de protección da paisaxe urbana, rural ou natural, á difusión de valores culturais, á mellora das condicións sociais ou de accesibilidade, á xeración de equipamentos públicos e, en xeral, a calquera dos criterios que resulten adecuados ás políticas públicas e impliquen, no seu cumprimento, coadxuvar á súa execución. Así mesmo, atenderase ao destino fixado para o ben ou dereito e ao modo previsto para o seu cumprimento, así como ás condicións que permitan unha mellor satisfacción dos intereses públicos. Pola súa vez, os criterios de admisión dos licitadores e das licitadoras atenderán ás condicións de solvencia económica ou de dedicación profesional que se coiden necesarias para o correcto cumprimento e satisfacción dos fins perseguidos polo concurso.

Na determinación dos criterios de adxudicación darase preponderancia a aqueles que fagan referencia a características que poidan valorarse mediante cifras ou porcentaxes obtidas a través da mera aplicación das fórmulas establecidas no prego de condicións.

En todo caso, os ditos criterios non poderán determinar a venda dun ben ou dereito por un prezo inferior ao de taxación, agás nos supostos de venda de parcelas establecidos na disposición adicional décimo terceira.

  1. O concurso poderase realizar con prezo fixo, cando a venda teña por obxecto bens ou dereitos sobre estes cuxo valor veña determinado ou limitado por unha norma legal, ou cun prezo mínimo, que poderá ser superado e que se considerará xunto cos restantes criterios de venda.
  2. As consellarías, en atención ao seu ámbito de competencia e ao fin perseguido, poderanlle propoñer ao órgano competente para a venda o alleamento por concurso dun determinado ben ou de determinadas categorías de bens, debendo xustificar a dita proposta e achegar, se é o caso, os criterios preferentes de adxudicación.
  3. A venda de bens ou dereitos mediante concurso poderá efectuarse por un procedemento aberto ou restrinxido.
  4. Cada licitador ou licitadora poderá presentar unha única proposición, que implicará a aceptación das cláusulas contidas nos pregos reguladores.
  5. Poderán recollerse no prego de condicións particulares os requisitos adicionais que se exixan a quen adquira, en atención ao ben ou dereito e aos fins públicos perseguidos.

Artigo 120. Prego de condicións

Os pregos de condicións que teñan que rexer cada concurso incluirán, ademais das mencións sinaladas no artigo 107, as seguintes:

  1. a) O tipo de procedemento, aberto ou restrinxido.
  2. b) Os criterios para a admisión de licitadores e para a adxudicación do concurso e a súa ponderación, podendo concretar a fase de valoración en que operarán tales criterios e, se é o caso, o limiar mínimo de puntuación exixido.
  3. c) A indicación expresa, de ser o caso, da autorización de variantes ou alternativas, con expresión dos seus requisitos, límites e aspectos sobre os que son admitidas.
  4. d) As garantías que deben constituírse para o adecuado cumprimento das obrigas e as formas ou modalidades que poidan adoptar.
  5. e) Os dereitos e as obrigas específicas das partes.
  6. f) As causas especiais de resolución do negocio.
  7. g) A documentación preceptiva e o modo de presentación.

Artigo 121. Procedemento aberto

No procedemento aberto, a documentación presentarase nun sobre pechado, dirixido ao órgano que se determine no prego de condicións, que deberá incluír a documentación acreditativa da personalidade, capacidade e representación, se é o caso, do licitador ou da licitadora e a que acredite a súa solvencia, así como a declaración de non se atopar en ningunha situación de incompatibilidade segundo a normativa específica aplicable e o documento acreditativo da constitución da garantía.

Dentro do dito sobre incluirase noutro sobre pechado independente a proposición do licitador, que abarcará a totalidade dos aspectos do concurso, incluído o prezo ofertado.

Artigo 122. Convocatoria

  1. Unha vez incoado o procedemento de venda e elaborado o prego de condicións particulares, procederase á convocatoria do concurso na forma sinalada no artigo 112.
  2. Na convocatoria recollerase:
  3. a) O lugar, o día e a hora de realización do acto público de apertura de ofertas.
  4. b) A descrición do ben ou dereito ou do lote de bens ou dereitos que van ser obxecto de venda.
  5. c) O lugar de consulta ou o modo de acceso ao prego de condicións.
  6. d) A modalidade seleccionada, con indicación do prazo durante o cal as persoas interesadas poderán presentar a documentación, o rexistro ante o que se poderá presentar ou os medios telemáticos admitidos e as condicións que deberán observarse se a presentación se realiza por correo certificado.

Artigo 123. Mesa de licitación e selección de licitadores

  1. Dentro dos cinco días hábiles seguintes á conclusión do prazo fixado para a presentación de proposicións, constituirase a mesa de licitación cos membros previstos no artigo 76.2, agás no suposto previsto na alínea 3 do artigo 119, en que tamén formará parte da mesa unha persoa representante da consellaría que propuxese a venda.
  2. A mesa procederá a examinar a documentación recollida no primeiro sobre e se apreciar a existencia de erros reparables notificarállelo ás persoas interesadas para que nun prazo máximo de tres días hábiles procedan á dita emenda. Transcorrido este prazo, a mesa determinará que licitadores se axustan aos criterios de selección sinalados no prego.

Artigo 124. Apertura de proposicións e adxudicación

  1. No lugar e na hora sinalados no anuncio e nun acto público, procederase á lectura da lista de licitadores admitidos e á apertura dos sobres que conteñan as propostas ao concurso. Poderanse rexeitar no momento aquelas que non garden concordancia coa documentación examinada e admitida, que se aparten substancialmente do modelo ou comporten un erro manifesto.
  2. No prazo máximo de sesenta días naturais, contados desde o desenvolvemento do dito acto, a mesa analizará as propostas, atendendo aos criterios e ao procedemento fixado no prego, e poderá solicitar, antes de formular a proposta, cantos informes técnicos considere precisos e que se relacionen co obxecto do concurso. Ao se determinar a oferta máis vantaxosa, elevaráselle a proposta de adxudicación ao órgano competente.

Artigo 125. Renuncia ou incumprimento

  1. Se a persoa proposta como adxudicataria renuncia á adquisición ou non atende ás obrigas que lle corresponden, perderá o depósito constituído en concepto de garantía, sen prexuízo da indemnización das eventuais perdas que se orixinasen.

En ambos os casos poderá procederse á adxudicación á segunda oferta máis vantaxosa ou á declaración motivada do concurso como deserto.

  1. Corresponderalle ao órgano competente para tramitar a venda adoptar as medidas oportunas para garantir o cumprimento pola persoa adquirente dos compromisos adquiridos, atendendo ao previsto no prego de condicións, cuxo contido contractual se incorporará á resolución e á escritura de formalización da venda.

Artigo 126. Procedemento restrinxido

No procedemento restrinxido aplicaranse as normas previstas para o procedemento aberto, se ben a selección das candidatas e dos candidatos se efectuará nunha fase previa. Para estes efectos, recolleranse no prego de condicións os criterios de solvencia con base nos cales serán elixidas as persoas candidatas, aos que se invitará a participaren na venda, así como o número mínimo e, se é o caso, máximo de licitadores aos que se proxecta invitar.

Sección 4ª. Procedemento de venda directa de bens inmobles ou de
dereitos sobre eles

Artigo 127. Actuacións previas

  1. As persoas interesadas que se atopen en calquera dos supostos previstos no artigo 103.2 poderán presentar unhas propostas de compra sobre os bens e dereitos da Comunidade Autónoma.

Cando exista interese na venda e o órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental entendan que se cumpren as condicións para a incoación do expediente, informarase á persoa interesada das condicións de venda e da documentación que hai que presentar.

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio ou as entidades públicas instrumentais poderán dirixirse ás persoas que se atopen en calquera dos supostos regulados no artigo 103.2 para as informar das posibilidades de venda directa dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma, sempre que teñan natureza patrimonial ou sexan susceptibles de desafectación.

Unha vez declarada deserta a adxudicación do procedemento de poxa pública dun ben ou dereito, poderase anunciar na páxina web da consellaría competente ou na da entidade pública instrumental a posibilidade de venda directa dentro dos prazos e requisitos establecidos no artigo 103.2.d).

  1. As notificacións realizadas ao abeiro deste artigo deberán indicar que estas e o cumprimento do previsto nelas non xerarán en ningún caso dereito ningún sobre a venda.

Artigo 128. Tramitación

  1. A persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou o órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais propoñerá a venda a favor do peticionario ou da peticionaria, após o informe favorable da Asesoría Xurídica e, cando o seu valor supere a contía de cincuenta mil euros, tamén o informe da Intervención.
  2. Deberanse incorporar ao expediente os documentos acreditativos da personalidade e, se é o caso, da representación do posible adquirente, xunto coa garantía prevista no artigo 106.

Artigo 129. Concorrencia de adquirentes

  1. Mentres non se proceda á incoación do expediente de venda, poderán ser atendidas as propostas realizadas por calquera persoa que se atope dentro dos supostos de venda directa regulados no artigo 103.2.
  2. De existir varias peticións e de terse incoado o expediente, o órgano directivo competente en materia de patrimonio ou a entidade pública instrumental solicitará un informe á Asesoría Xurídica, que se limitará a comprobar a capacidade e a representación dos peticionarios e o cumprimento das causas de venda directa.

Posteriormente, informarase a quen sexa peticionario ou peticionaria da existencia de máis dunha proposta de compra, coa indicación de que a adxudicación recaerá a favor da mellor oferta económica, do prazo durante o cal poderán presentar as posturas e da forma de presentación, que, en todo caso, deberá ser nun sobre pechado.

  1. Nos dez días hábiles seguintes á conclusión do prazo de admisión das ofertas constituirase unha mesa, que se limitará a comprobar o valor económico ofertado.
  2. A mesa estará formada por dúas persoas funcionarias do órgano directivo competente en materia de patrimonio designadas por quen sexa o seu titular, como presidente ou presidenta e secretario ou secretaria, con voz e voto, e tamén formará parte a Intervención.

Nas adquisicións tramitadas polas entidades públicas instrumentais, o persoal da entidade actuará como presidente e secretario.

  1. A este acto poderán asistir as persoas que presentasen proposicións económicas. No caso de que haxa algún defecto nas propostas recibidas, rexeitaranse sen posibilidade de reparación.

De existir un empate entre as mellores ofertas, decidirase no acto, se estiver como mínimo unha das persoas interesadas presentes, coa apertura dunha poxa á alza no caso de acudir máis dunha e propoñéndose como adxudicataria do ben á que presentase a oferta económica máis elevada. Se non se presenta ningunha persoa interesada ou non se realiza ningunha oferta superior, a adxudicación recaerá sobre a que primeiro presentase a oferta, para o que se atenderá á data de entrada nalgún dos rexistros sinalados na convocatoria.

  1. A mesa elevaralle a proposta de adxudicación ao órgano competente para resolver.

Sección 5ª. Procedemento de venda de bens mobles ou de dereitos de
propiedade incorporal

Artigo 130. Venda de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal

  1. A venda de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal mediante unha poxa pública ou adxudicación directa seguirá o procedemento previsto para os bens inmobles coas peculiaridades previstas nesta sección.
  2. No ámbito da Administración xeral, a tramitación dos expedientes corresponderalles aos órganos directivos das consellarías que dispoñan da adscrición dos bens ou dereitos ou das competentes por razón da materia, de acordo co seu decreto de estrutura.
  3. Os expedientes de venda en poxa pública someteranse a un informe da Intervención cando o valor do ben ou dereito supere os dez mil euros.

A mesa estará presidida pola persoa titular do órgano directivo que corresponda da consellaría que dispoña da adscrición ou da competente por razón da materia, ou polo funcionario desta en quen delegue. Tamén formarán parte da mesa unha letrada ou un letrado da Asesoría Xurídica, unha persoa representante da Intervención e unha persoa funcionaria daquel órgano directivo, designado pola persoa titular, quen actuará como secretario ou secretaria con voz e voto.

Nas poxas das entidades públicas instrumentais, a mesa estará formada polos membros previstos no artigo 76.2.

  1. A adxudicación da venda de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal implica a súa desafectación no caso de teren natureza demanial.

Artigo 131. Poxa pública á baixa

  1. Os bens mobles e os dereitos de propiedade incorporal poderán venderse en poxa pública á baixa, debéndose anunciar esta circunstancia na convocatoria.
  2. Para participar na poxa deberase constituír a garantía prevista no artigo 106 sobre o tipo de licitación inicial, e non será posible a presentación de ofertas nun sobre pechado.
  3. Tras cumprir os requisitos previos previstos nesta lei, abrirase o prazo para a formulación das poxas, comezando polo tipo de licitación inicial, que se irá reducindo ante a ausencia de posturas en función do tramo de poxa previsto no prego de condicións, ata que calquera das persoas interesadas efectúe unha oferta económica.
  4. Ao se realizar a oferta económica non se admitirán máis propostas e rematará a poxa a favor desta persoa licitadora.
  5. Excepcionalmente, e por razóns debidamente xustificadas, poderase establecer un prezo mínimo, chegado o cal, sen ofertas económicas, se dará por rematado o acto de poxa. O prezo mínimo, que fixará libremente o órgano competente, indicarase no anuncio da convocatoria e no prego de condicións.
  6. De resultar deserta a poxa pública á baixa, procederá a venda directa polo prezo mínimo establecido e, de non se ter estipulado ningún, polo prezo equivalente ao vinte por cento do tipo de licitación inicial.

CAPÍTULO VII

Explotación dos bens e dereitos patrimoniais

Artigo 132. Órganos competentes

  1. A explotación dos bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan susceptibles de aproveitamento rendible será acordada mediante unha orde pola persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, agás no suposto previsto na alínea 3 deste artigo.
  2. Os órganos unipersoais de goberno das entidades públicas instrumentais determinarán a forma de explotación dos bens e dereitos patrimoniais que sexan propiedade destas.
  3. Correspóndelle á persoa titular da consellaría que dispoña da adscrición ou da competente por razón da materia a explotación dos bens mobles e das propiedades incorporais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 133. Formas de explotación dos bens ou dereitos patrimoniais

  1. A explotación dos bens ou dereitos patrimoniais pode efectuala directamente a administración titular deles ou acordala a través de calquera negocio xurídico, típico ou atípico.
  2. O procedemento ordinario de adxudicación dos contratos para a explotación dos bens e dereitos patrimoniais será a poxa pública. Cando os bens ou dereitos, pola súa situación, natureza ou características, sexan adecuados para atender as directrices derivadas das políticas públicas, poderán adxudicarse mediante un concurso público.

Procederá a adxudicación directa polas peculiaridades do ben, pola limitación da demanda, pola singularidade da operación e pola condición de administración pública ou persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público do adxudicatario. Tamén poderá tramitarse o expediente de forma directa cando o importe mensual do contrato non supere os cen euros ou o seu prazo de duración sexa inferior a catro meses.

  1. Os contratos para a explotación dos bens ou dereitos patrimoniais non poden ter unha duración superior a vinte anos, incluídas as prórrogas.
  2. Será aplicable á explotación dos bens e dereitos patrimoniais o réxime de garantías previsto no artigo 106.
  3. Poderanse concertar contratos de arrendamento con opción de compra sobre os inmobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia con suxeición ás mesmas normas de competencia e ao procedemento aplicables ás vendas. Ademais de polas causas previstas neste artigo, procederá a adxudicación directa cando a propiedade consista nunha cota indivisa sobre un inmoble e exista unanimidade entre todos os copropietarios na figura da persoa arrendataria.
  4. A atribución do uso de bens ou dereitos patrimoniais por un prazo inferior a trinta días naturais ou para a organización de conferencias, seminarios, presentacións ou outros eventos non estará suxeita ás limitacións nin aos requisitos deste capítulo. O órgano competente fixará tanto as condicións da utilización coma a contraprestación que deberá, se é o caso, satisfacer a persoa solicitante.
  5. A subrogación dun terceiro nos dereitos e nas obrigas da adxudicataria ou do adxudicatario require a autorización expresa do órgano competente para adxudicar o contrato. O suxeito que se subrogue debe reunir os mesmos requisitos que se lle exixiron á persoa adxudicataria para contratar. Exceptúanse da aplicación destas normas os supostos de subrogación forzosa legalmente previstos.

Artigo 134. Explotación directa dos bens ou dereitos patrimoniais mediante unha entidade pública instrumental ou unha sociedade mercantil

  1. A explotación directa dos bens ou dereitos patrimoniais propiedade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia pódeselle encomendar a unha consellaría en concreto, a unha entidade pública instrumental ou a unha sociedade mercantil de capital pertencente integramente á Administración xeral da Comunidade Autónoma ou ás súas entidades públicas instrumentais.
  2. O órgano competente para acordar a posta en explotación dos bens ou dereitos fixará as condicións desta e adoptará as medidas conducentes á entrega do ben á entidade ou sociedade á que se lle encomende a súa explotación, así como as de vixilancia do exacto cumprimento das condicións impostas.

Artigo 135. Procedemento de adxudicación directa de contratos de explotación de bens ou dereitos patrimoniais

  1. O acordo de incoación do expediente corresponderalle de oficio á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou, segundo a natureza do ben, á persoa titular do órgano directivo que corresponda da consellaría de adscrición ou da competente por razón da materia, ou ao órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais.
  2. Deberase incorporar ao expediente unha memoria que xustifique os motivos que aconsellan a explotación, así como as causas polas que se acode á adxudicación directa, coa identificación do ben ou dereito e coa acreditación da súa natureza patrimonial.

A esta uniráselle a petición de explotación formulada pola persoa interesada, xunto coa documentación relativa á personalidade e á capacidade e mais a acreditativa da constitución da garantía.

  1. A proposta de resolución coas condicións de explotación someterase a un informe da Asesoría Xurídica e, cando o importe do pagamento anual exceda doce mil euros, tamén o informe da Intervención.

Artigo 136. Procedemento de adxudicación de contratos de explotación de bens ou dereitos patrimoniais mediante unha poxa ou un concurso público

  1. No procedemento de adxudicación da explotación de bens e dereitos mediante unha poxa ou un concurso público deberá achegarse ao expediente un prego de condicións.
  2. O prego de condicións someterase a un informe da Asesoría Xurídica e a proposta de explotación, cando o importe do pagamento anual exceda doce mil euros, ao informe da Intervención.
  3. As normas da sección 2ª e 3ª do capítulo VI deste título aplicaranse supletoriamente.

CAPÍTULO VIII

PERMUTA DE BENS E DEREITOS

Artigo 137. Requisitos e procedemento para a permuta de bens e dereitos

  1. Os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser permutados cando por razóns debidamente xustificadas no expediente resulte conveniente para o interese público e a diferenza de valor entre os bens ou os dereitos que se trate de permutar, segundo unha taxación, non sexa superior ao cincuenta por cento dos que o teñan maior.

Se a diferenza for maior, o expediente tramitarase como adquisición ou venda segundo o caso, co pagamento de parte do prezo en especie.

  1. A permuta pode ter por obxecto bens futuros sempre que sexan determinables. Será preciso en todo caso que quen ofreza o ben garanta suficientemente o cumprimento das súas obrigas por calquera modo admitido en dereito, para o que se deberán establecer os requisitos que aseguren os termos e o bo fin da operación pretendida.
  2. As normas reguladoras da venda de bens ou dereitos serán aplicables á permuta, que sempre se tramitará polo procedemento de adxudicación directa.

Nos supostos en que a valoración dos bens ou dereitos non sexa equivalente e a operación xere un gasto para a Administración xeral da Comunidade Autónoma, deberase incorporar ao expediente un certificado de existencia de crédito.

  1. A diferenza de valor entre os bens e os dereitos que se vaian permutar pode ser aboada en metálico ou mediante a entrega doutros bens ou dereitos de natureza distinta.
  2. A permuta de bens inmobles ou de dereitos formalizarase nunha escritura pública. Os gastos derivados desta serán satisfeitos polas partes conforme a normativa vixente, agás que a permuta se realice por instancia dun terceiro, caso en que será este o obrigado ao pagamento.
  3. No expediente deberase incorporar unha taxación, na cal se realizará unha análise conxunta de ambos os bens ou dereitos.
  4. O acordo de permuta levará implícita a desafectación do ben ou dereito, no caso de que non estivese previamente desafectado.

CAPÍTULO IX

Cesión gratuíta de bens e dereitos

Sección 1ª. Bens inmobles e dereitos sobre eles

Artigo 138. Suxeitos e contido da cesión de bens inmobles e dereitos sobre eles

  1. Os bens inmobles e os dereitos sobre eles de natureza patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser cedidos gratuitamente con carácter moi persoal para a realización de fins de utilidade pública ou de interese social a outras administracións públicas, ás súas entidades públicas instrumentais, ás fundacións públicas e a entidades sen ánimo de lucro, sempre que a súa afectación ou explotación non se xulgue previsible.
  2. As entidades públicas instrumentais só poden ceder gratuitamente os bens ou dereitos da súa propiedade cando non se considere procedente a súa incorporación ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
  3. A cesión pode ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito, o seu usufruto ou só o seu uso. En todos os casos, a cesión comporta para o cesionario a obriga de destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.
  4. Cando a cesión teña por obxecto a propiedade, só poderán ser cesionarios o Estado ou as entidades locais, as súas entidades públicas instrumentais e as fundacións públicas. Os bens inmobles e os dereitos da Administración xeral poderán ser cedidos en propiedade a favor de calquera entidade pública instrumental do sector público autonómico.

A cesión de uso a entidades sen ánimo de lucro poderase realizar directamente por un prazo máximo dun ano prorrogable por outro. As cesións por un período de tempo superior tramitaranse por concurso público, consonte o disposto no artigo 140, sen que o prazo, incluídas as prórrogas, poida superar os vinte anos.

  1. A resolución que acorde a cesión do usufruto ou do uso deberá incluír o seguinte:

a ) O réxime de uso do ben ou dereito.

  1. b) O réxime de distribución de gastos.
  2. c) O prazo de duración.
  3. d) As causas de resolución. Nas cesións realizadas a favor das administracións públicas recollerase a posibilidade de revogación unilateral da cesión de uso, sen dereito a indemnización, por razóns de interese público debidamente apreciadas polo órgano cedente, cando estas prevexan na súa lexislación esta posibilidade para os seus propios bens.
  4. Poderán ser obxecto de cesión os bens non regularizados física ou xuridicamente, sempre que estas circunstancias se poñan en coñecemento do cesionario e este asuma a obriga de realizar as actuacións necesarias para a súa regularización, incluída a inscrición no Rexistro da Propiedade.
  5. Por razóns excepcionais de interese público poderase acordar a cesión de bens e dereitos da Comunidade Autónoma con reserva de uso temporal a título gratuíto.

Artigo 139. Procedemento e competencia

  1. As peticións de cesión gratuíta de bens inmobles ou de dereitos sobre eles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia dirixiranse á consellaría competente en materia de patrimonio, de se tratar de bens ou dereitos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e á entidade pública instrumental, de se tratar de bens ou dereitos desta.
  2. A petición indicará o ben ou dereito cuxa cesión se solicita e o fin ou os fins a que se destinará, así como se conta cos medios necesarios para o cumprimento dos fins previstos. Deberá ir achegada coa documentación acreditativa de que non existen débedas pendentes coa Administración autonómica e, agás que se trate dunha administración pública, da relativa á personalidade, á capacidade e, se é o caso, á representación.
  3. O procedemento de cesión iniciarase de oficio coa adopción do acordo de incoación por parte da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou, no ámbito das entidades públicas instrumentais, por parte dos órganos unipersoais de goberno.
  4. Non procederá a incoación do procedemento cando as propostas recibidas resulten contrarias á regulación contida no ordenamento xurídico, non se cumpran as condicións previstas no artigo 138 ou, en xeral, non se considere oportuna a súa tramitación.
  5. Ao expediente incorporaráselle un certificado do valor do ben ou dereito do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia e, na súa falta, un informe de taxación, así como unha memoria na cal se analizará a conveniencia da cesión e a adecuación do fin proposto á natureza do ben ou dereito.
  6. No ámbito da Administración xeral, corresponderalle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio propoñer a cesión ao órgano competente, após o informe da Asesoría Xurídica.
  7. A cesión acordaraa o órgano competente para a súa venda, que poderá desistir da cesión en calquera momento previo á adopción deste acordo.
  8. Nos casos de cesións obrigatorias estipuladas na normativa urbanística, a cesión non estará suxeita ás limitacións nin aos requisitos procedementais regulados neste artigo, e poderase acordar directamente.

Artigo 140. Concurso público

  1. O procedemento iniciarase de oficio, por propia iniciativa ou por petición da entidade sen ánimo de lucro.
  2. O procedemento regulado neste artigo poderase tramitar cando a petición inicial de cesión de uso por parte de entidades sen ánimo de lucro supere o prazo de dous anos ou continúen interesadas na cesión así que remate o prazo outorgado dun ano prorrogable por outro.
  3. Unha vez incoado o procedemento e elaborado o prego de condicións, someterase a un informe da Asesoría Xurídica, e posteriormente realizarase a convocatoria, que o órgano competente deberá aprobar. Esta publicarase gratuitamente no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría ou da entidade pública instrumental. As persoas interesadas dispoñerán dun prazo de trinta días naturais desde a publicación no Diario Oficial de Galiciapara presentar as correspondentes peticións.
  4. Para decidir sobre o outorgamento da cesión, atenderase á maior utilidade pública ou ao interese social, que se valorarán en función dos criterios especificados no prego de condicións.
  5. Supletoriamente, aplicaranse as normas do procedemento previsto para a venda por concurso público.
  6. De se tramitar un concurso público sobre un inmoble obxecto de previa cesión a unha entidade sen ánimo de lucro, será requisito necesario o anterior desaloxamento.

Artigo 141. Formalización e inscrición

  1. A cesión outorgarase nunha escritura pública, agás que a cesionaria sexa unha administración pública, caso en que se formalizará nun documento administrativo. Calquera das administracións públicas intervenientes poderá solicitar a súa formalización notarial.
  2. Con anterioridade á formalización da cesión deberá constar a súa aceptación, que deberá ser pura e simple, sen condicionamento de ningún tipo.
  3. Na escritura pública ou no documento administrativo farase constar que a persoa cesionaria deberá inscribir no Rexistro da Propiedade e no Catastro Inmobiliario o ben ou dereito, e deberalle comunicar a práctica do asento ao órgano directivo competente en materia de patrimonio ou á entidade pública instrumental.

No caso de incumprimento, a persoa cesionaria asumirá a obriga de reintegrar a cantidade económica en que fose valorado o ben ou dereito ao tempo da súa cesión, máis os xuros legais desde aquela data. En todo caso, o cesionario ou a cesionaria non terá dereito ao reembolso de ningún dos custos que puido afrontar.

  1. Os cesionarios faranse cargo das débedas ou das obrigas pendentes dos bens ou dereitos cedidos, mesmo daquelas que sexan descoñecidas, así como dos custos derivados da transmisión, incluídos os tributarios e os da entrega, ou ben pola súa asunción directa, ou ben por reembolso.

Artigo 142. Vinculación ao fin dos bens ou dereitos cedidos

  1. Os bens e dereitos obxecto da cesión só se poden destinar aos fins que a xustifican, e na forma e coas condicións que se establezan no correspondente acordo.

De acordo coa normativa aplicable, na inscrición rexistral que se practique deberán constar expresamente as mencións para este fin e calquera outra condición e carga que leve aparellada a cesión. Todo acto da persoa cesionaria que se refira ou afecte estes bens ou dereitos deberá facer referencia á condición de destino á que se atopan suxeitos.

  1. Correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio e, se é o caso, ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental verificar a aplicación dos bens e dereitos ao fin para o que foron cedidos, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.
  2. Para estes efectos, e sen prexuízo doutros sistemas de control que se poidan arbitrar, os cesionarios deben remitir cada tres anos á consellaría competente en materia de patrimonio ou á entidade pública cedente a documentación que acredite o destino dos bens.

Artigo 143. Cambio de destino

Despois de se outorgar unha cesión gratuíta, a persoa cesionaria poderá solicitar o cambio de destino, agás nos supostos outorgados mediante un concurso público. A modificación observará os mesmos trámites e requisitos previstos para a cesión.

Artigo 144. Resolución

  1. Se os bens cedidos non se aplican ao fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixan de o estar con posterioridade, se descoidan ou utilizan con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á administración ou á entidade cedente.
  2. Serán por conta de quen sexa cesionario ou cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polos bens cedidos, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.
  3. A resolución da cesión declararaa o órgano competente para o seu outorgamento, logo da audiencia á persoa cesionaria para que formule as alegacións procedentes, agás que existan documentos que acrediten con claridade o cumprimento do disposto na alínea 1 deste artigo.
  4. Na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización pola deterioración que sufrisen os bens, logo da determinación da súa contía mediante unha taxación pericial, sen prexuízo do disposto no artigo 232.2.h).
  5. Se a reversión non for posible física ou xuridicamente, substituirase pola exixencia, na correspondente resolución, dunha indemnización equivalente ao valor do ben cedido segundo a taxación pericial, sen prexuízo da reclamación doutras cantidades polos quebrantamentos producidos.
  6. Consonte o establecido pola lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas, a resolución pola que se declare a extinción da cesión e a reversión do ben ou dereito será título abondo para a súa inscrición no Rexistro da Propiedade ou nos rexistros que procedan.

Sección 2ª. Bens mobles e dereitos de propiedade incorporal

Artigo 145. Cesión de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal

  1. A cesión de bens mobles e de dereitos de propiedade incorporal rexerase polas normas da cesión de bens inmobles, coas particularidades previstas neste artigo.
  2. As cesións poderanse realizar, en propiedade ou en uso, a calquera das persoas previstas no artigo 138.1.

As cesións de vehículos a terceiros só poderán ter por obxecto a transmisión da propiedade, agás que non se dispoña desta. O órgano competente para a cesión tramitará a correspondente baixa en tráfico conforme o disposto na lexislación específica.

  1. A cesión é competencia da persoa titular da consellaría que teña a adscrición do ben ou dereito e, de ter unha natureza patrimonial, á persoa titular da consellaría competente por razón da materia ou ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental ao que pertenzan, sen prexuízo do disposto no artigo 22.

A competencia para ceder bens e dereitos da Administración xeral adscritos ás entidades públicas instrumentais correspóndelle á persoa titular da consellaría que previamente os tivese adscritos. Neste suposto será preceptivo o informe da entidade pública instrumental.

O procedemento iniciarase de oficio coa adopción do acordo de incoación por parte da persoa titular da consellaría competente ou, no ámbito das entidades públicas instrumentais, por parte dos órganos unipersoais de goberno.

  1. Os bens mobles perecedoiros e aqueles de valor inferior a mil euros poderán ser obxecto de cesión gratuíta sen necesidade dun informe da Asesoría Xurídica.
  2. O acordo de cesión de bens mobles implica a súa desafectación, no caso de que teñan natureza demanial.
  3. A cesión formalizarase nun documento administrativo, a menos que pola índole do asunto o órgano competente ou o cesionario soliciten a formalización dunha escritura pública.

No documento administrativo ou na escritura pública farase constar, cando sexa obrigatorio, que a persoa cesionaria deberá inscribir nos rexistros públicos correspondentes o cambio de titularidade do ben ou dereito, sen que a cesión produza efecto en tanto non se cumpra este requisito, para o que o cesionario deberá comunicar ao órgano cedente a práctica do asento.

  1. Correspóndelle ao órgano competente para acordar a cesión verificar a aplicación dos bens e dereitos ao fin para o que foron cedidos, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Cando os bens e dereitos fosen destinados ao fin previsto durante un prazo de catro anos, entenderase cumprido o modo, agás que outra cousa estea establecida no pertinente acordo.

Sección 3ª. Renuncia de dereitos

Artigo 146. Renuncia ou abdicación de dereitos

A renuncia ou abdicación de dereitos sobre bens de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais deberaa aprobar o Consello da Xunta por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio ou da consellaría de adscrición da entidade pública instrumental, coas excepcións previstas nesta lei.

No caso das entidades públicas instrumentais, o expediente deberá ser obxecto de informe previo polo órgano directivo competente en materia de patrimonio, no marco do disposto no artigo 22.

TÍTULO III

RÉXIME ESPECIAL DA SUCESIÓN LEGAL HEREDITARIA A FAVOR DA
COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CAPÍTULO I

Disposición xeral

Artigo 147. Obxecto e competencia

  1. A sucesión legal hereditaria deferida a favor da Comunidade Autónoma réxese pola Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e o seu réxime administrativo por esta lei e pola normativa de aplicación xeral e básica sobre o patrimonio das administracións públicas en materia de sucesión ab intestatoou intestada.
  2. A tramitación e a resolución do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato, así como as posteriores actuacións de administración, xestión e liquidación da herdanza, correspóndenlle á consellaría competente en materia de patrimonio, agás as reservas establecidas a favor do Consello da Xunta.

A repartición do cadal distribuíble da herdanza corresponderalles ás consellarías competentes en materia de asistencia social e de cultura.

CAPÍTULO II

Procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma como
herdeira 
ab intestato

Artigo 148. Iniciación de oficio

O procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato iniciarase de oficio, por acordo da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, adoptado por propia iniciativa, por comunicación doutros órganos ou das persoas que legalmente así veñen obrigadas, por denuncia ou como consecuencia da colaboración cidadá.

Artigo 149. Deber de comunicación

  1. Sen prexuízo doutros supostos en que así expresamente se dispoña, como no caso de intervención xudicial da herdanza ou de expedientes notariais de declaración de herdeiros, as persoas con cargo ou emprego público que teñan noticia da existencia dunha expectativa de dereito a suceder da Comunidade Autónoma por ausencia doutros herdeiros chamados á sucesión teñen a obriga de o poñer en coñecemento da consellaría competente en materia de patrimonio.

Igual obriga correspóndelles aos propietarios ou propietarias, arrendadores ou arrendadoras e responsables da vivenda, do centro ou da residencia onde finase a persoa causante, ás persoas que convivisen formal ou materialmente con ela ao tempo do seu falecemento ou ás que posúan os seus bens, así como, en xeral, persoa administradora, asesora, representante legal ou mandataria de calquera tipo.

  1. A comunicación incluirá polo menos os seguintes datos: o nome da persoa falecida, a data e o lugar de defunción e mais os motivos que fan presumir a procedencia de sucesión ab intestatoa favor da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. O incumprimento da obriga de comunicar constitúe unha infracción administrativa nos termos desta lei.

Entenderase incumprida esta obriga se no prazo de trinta días naturais desde que se tivo coñecemento do posible dereito a suceder da Comunidade Autónoma non se procedese á súa efectiva comunicación.

Artigo 150. Denuncia

  1. Á persoa que, non estando obrigada a comunicar, dea primeiro coñecemento denunciando a presunta existencia dun dereito da Comunidade Autónoma de Galicia a suceder ab intestato, de ser declarada herdeira a Administración autonómica e liquidada a herdanza, recoñeceráselle o dereito a percibir un premio nos termos sinalados neste título.

Por primeiro coñecemento entenderase que, ao tempo da presentación da denuncia, a Administración autonómica non teña aínda noticia da súa expectativa a suceder, por unha comunicación ou denuncia anterior. De ter coñecemento previo, o órgano directivo competente en materia de patrimonio inadmitirá a denuncia e notificará tal resolución a quen a presentou.

Se a denuncia tiver que ser emendada, manterase como data de presentación a inicial, se a emenda se realiza no prazo outorgado para o efecto e a denuncia reúne así todos os requisitos necesarios para a súa admisión.

  1. O escrito de denuncia, que deberá formularse expresamente como tal para non ser considerado unha simple comunicación consecuencia da colaboración cidadá, dirixirase á consellaría competente en materia de patrimonio e presentarase nun rexistro propio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais. No caso de se presentar noutro rexistro público ou por outro medio legalmente admitido, precisarase obter a confirmación da recepción da denuncia para alegar a súa eficacia, sen prexuízo do establecido na alínea 4 deste artigo.

O escrito incluirá os seguintes datos e declaracións:

  1. a) O nome e os apelidos da persoa denunciante, a profesión, o enderezo e, se dispón deles, o número de teléfono, o correo electrónico ou calquera outro medio de contacto. Se é o caso, a identificación da relación que a unía coa persoa causante.
  2. b) O nome e os apelidos da persoa causante, a data e o lugar de nacemento e falecemento e, se o coñece, o número do documento nacional de identidade, o municipio en que estaba empadroado e o lugar de residencia habitual. Identificaranse, ademais, o cónxuxe ou a parella asimilada, as e os ascendentes e descendentes da persoa finada e mais os familiares colaterais ata o cuarto grao de parentesco.
  3. c) A declaración responsable de non ter un cargo ou emprego público, nin a condición de persoa propietaria, arrendadora ou responsable da vivenda, do centro ou da residencia onde finase a persoa causante, nin ter convivido con ela ou posuír os seus bens, nin ter sido a súa persoa administradora, asesora, representante legal ou mandataria de ningún tipo ao tempo do seu falecemento.
  4. d) A declaración responsable de que non lle constan herdeiros por testamento nin legais da persoa causante e o compromiso de así o testemuñar persoalmente se for requirido para o efecto. De ser o caso, a identificación doutras persoas que igualmente poidan atestar.
  5. e) A relación dos bens, dos dereitos e das obrigas que poidan constituír a herdanza, con indicación da súa localización, situación xurídica, identificación catastral e rexistral, título de adquisición, estado de conservación e demais datos significativos. De estaren ou teren estado en administración, custodia, explotación, uso ou posesión por terceiros, informarase do seu nome, enderezo e teléfono. Tamén se identificarán as súas persoas debedoras e as acredoras coñecidas.
  6. f) Calquera outro dato relevante relacionado coa situación patrimonial da herdanza xacente.

A relación de bens, dereitos e obrigas resultará, se é o caso, determinante para o cálculo da contía do premio por percibir por parte da persoa denunciante. Neste sentido, os bens e dereitos da herdanza deberán vir suficientemente identificados, física e xuridicamente, de xeito que permita a súa individualización, so pena de ser excluídos da relación de referencia.

  1. Xunto co escrito de denuncia deberase achegar a seguinte documentación:
  2. a) Unha copia do documento nacional de identidade da persoa denunciante ou a documentación identificativa equivalente expedida por unha autoridade gobernamental e mais unha certificación orixinal do seu empadroamento ao tempo do falecemento da persoa causante pola que se formula a denuncia.
  3. b) A certificación literal orixinal da defunción da persoa causante.
  4. c) O certificado orixinal dos actos de derradeira vontade.
  5. d) Para o caso de que a persoa causante outorgase un testamento ou a sobrevivisen persoas con dereito a herdar, a documentación que acredite a ineficacia do testamento, a apartación, a renuncia, a indignidade ou o desherdamento dos herdeiros voluntarios e legais, segundo proceda, ou de calquera outro acto ou suceso que significase a perda dos dereitos hereditarios.
  6. e) O certificado orixinal do Rexistro da Propiedade, do Rexistro Mercantil e do Rexistro de Bens Mobles, o informe completo da Dirección Xeral de Tráfico ou de calquera outro rexistro de acceso público en que figuren anotados os bens, os dereitos ou as obrigas da persoa causante.

A falta de achega desta documentación cando os bens ou dereitos estean inscritos determinará a exclusión correspondente na relación de bens e dereitos da denuncia.

  1. f) Todos os documentos da persoa finada que estivesen en poder da persoa denunciante que poidan resultar de interese para a determinación da sucesión ou da herdanza: o documento nacional de identidade, o pasaporte, o libro de familia, os certificados, os expedientes administrativos ou xudiciais, as declaracións tributarias, as cartillas bancarias, os títulos mercantís, os contratos de seguro ou financeiros, os testamentos, as partillas, as escrituras públicas ou privadas de calquera tipo etcétera.
  2. Da recepción do escrito de denuncia, a unidade administrativa tramitadora emitirá un xustificante de recepción ao seu presentador nun prazo non superior a vinte días naturais. No caso de non recibir a confirmación, a persoa denunciante deberá presentar perante a consellaría competente en materia de patrimonio o xustificante ou a copia da denuncia que acredite o rexistro e a data da súa presentación.
  3. Se a denuncia non reúne os requisitos para presumir a súa procedencia, requirirase da persoa presentadora a súa reparación nun prazo non superior a vinte días naturais, coa indicación de que se así non o fixer, automaticamente e sen máis trámite, polo transcurso do prazo outorgado, producirá os efectos de a dar por desistida da denuncia, considerándose o escrito presentado como unha simple comunicación sen dereito a gratificación.

Entre os requisitos anteriores serán indispensables: a identificación da parella e dos familiares da persoa causante, as declaracións responsables exixidas á persoa denunciante e os documentos das alíneas 3.a), b), c) e d) deste artigo.

  1. Neste procedemento, a admisión a trámite da denuncia confírelle á persoa presentadora a condición de interesado.

Artigo 151. Premio

  1. O premio por denuncia consistirá no dereito a percibir o dez por cento da parte que proporcionalmente corresponda do remanente hereditario obtido, respecto dos bens e dereitos relacionados na denuncia e que se inclúan na conta xeral de liquidación.

Non obstante, igual porcentaxe e proporción tamén corresponderá sobre os bens e dereitos exceptuados de alleamento segundo o artigo 163, agás que o fosen por terse acordado a abdicación da súa titularidade.

No caso de venda dos dereitos hereditarios, o cálculo do premio efectuarase sobre a porcentaxe que representen os bens ou dereitos relacionados na denuncia sobre o total da herdanza, sen prexuízo das exclusións, compensacións e deducións pertinentes.

Non se tomarán en conta para o cálculo do premio os bens e dereitos engadidos á relación en ampliación da denuncia orixinaria.

  1. Só se recoñecerá un único dereito a premio por sucesión e denuncia, e só será exixible unha vez que gañase firmeza e sexa inatacable o acordo de aprobación da conta xeral de liquidación, logo da notificación, publicación e resolución dos recursos administrativos ou dos procedementos xudiciais aos que puido dar lugar.

A persoa denunciante perderá o seu dereito a percibir o premio se ao tempo establecido no artigo 166 para o seu aboamento non se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa Seguridade Social, así como cando fose sancionada por unha infracción grave ou moi grave contra o patrimonio da Comunidade Autónoma e non concorrese o suposto de exención do artigo 235.1.

Este premio será incompatible con calquera outra gratificación, en particular, co premio por denuncia do procedemento de investigación patrimonial a favor da Comunidade Autónoma regulado nesta lei.

  1. Sen prexuízo da formalización da denuncia, non se recoñecerá o dereito a premio cando no tempo da súa presentación non se cumpren as condicións necesarias para a sucesión a favor da Comunidade Autónoma, aínda que despois sobreveña a situación de herdar.
  2. A persoa denunciante tampouco terá dereito ao premio nos seguintes supostos:
  3. a) Se fixese un uso, unha explotación ou unha disposición irregular sobre o patrimonio da persoa causante, omitise maliciosamente información relevante, ofrecese datos manifestamente erróneos ou achegase documentos falsos, así como cando se negase a colaborar neste procedemento.
  4. b) Cando, con dereito a suceder, fose apartada da herdanza por un pacto ou desherdada, estivese afectada por unha causa de indignidade, renunciase á sucesión ou perdese o seu dereito por calquera outra causa.
  5. c) Se fose designada no testamento legataria, testamenteira, contadora-partidora, administradora da herdanza ou mandataria de calquera clase dos bens e dereitos da persoa causante.
  6. d) Cando sexa cesionaria de bens ou dereitos da persoa causante, estea en comunidade de bens ou dereitos ou posúa dereitos de crédito contra a herdanza.
  7. e) Se é ou fose administradora, asesora, representante legal ou mandataria de calquera tipo dalgunha das persoas enumeradas nas alíneas precedentes.

As condutas da alínea a) poderán constituír unha infracción administrativa nos termos desta lei, sen prexuízo da súa responsabilidade civil e penal.

Artigo 152. Actuacións previas: informe preliminar

  1. Con anterioridade á adopción do acordo de incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato, o órgano directivo competente en materia de patrimonio realizará as actuacións previas precisas para a emisión dun informe preliminar sobre a procedencia da sucesión, no que consten polo menos os seguintes datos coñecidos:
  2. a) A data e o lugar de nacemento e de falecemento da persoa causante.
  3. b) O lugar de empadroamento e de residencia habitual.
  4. c) O número do seu documento nacional de identidade.
  5. d) A súa veciñanza civil galega.
  6. e) A presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica.
  7. f) Os bens, os dereitos e as obrigas da herdanza detectados.

Para a obtención dos anteriores datos, entre outras actuacións, acadaranse os certificados de defunción, de empadroamento e de convivencia pertinentes. En especial, para a correcta identificación da persoa causante e a comprobación da falta doutros herdeiros solicitarase a colaboración da Policía Autonómica de Galicia ou de calquera outro corpo policial que se estime competente e, se é o caso, das embaixadas, dos consulados ou doutros órganos de representación no exterior. Estes informes de colaboración identificarán as súas fontes de información e expresarán separadamente os datos obtidos de cada unha delas.

Así mesmo, solicitarase da Axencia Tributaria de Galicia a información sobre a presentación do imposto de sucesións e dos demais tributos autonómicos relativos á persoa causante, e do Ministerio de Xustiza, ademais do certificado de derradeiras vontades, un certificado de cobertura por contratos de seguros e de tramitación dunha acta notarial de declaración de herdeiros.

  1. No informe preliminar propoñerase a improcedencia da incoación do procedemento cando se considere que non concorren os presupostos para a sucesión, por ter constancia certa de persoas con mellor dereito a herdar, así como cando non se obtivesen datos sobre a existencia de bens ou dereitos na herdanza ou se apreciasen circunstancias que fagan considerar a posibilidade da súa repudiación.
  2. Cando a proposta de improcedencia sexa ratificada pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, de mediar unha denuncia, acordarase a súa inadmisión, que será notificada a quen a presentou, sen prexuízo do disposto na alínea 5 deste artigo.

Se a improcedencia da incoación estiver motivada na existencia de herdeiros con mellor dereito, daráselles comunicación aos órganos tributarios correspondentes para os efectos da liquidación dos impostos derivados da sucesión, así como, cando corresponda, ao órgano xudicial ou ao notario do que partise a comunicación do ab intestato.

  1. Do seu dereito preferente a suceder informarase ás persoas herdeiras das que conste o enderezo no expediente e non sexan sabedores de tal circunstancia.
  2. Se se considera que a sucesión procede a favor da Administración xeral do Estado ou doutra comunidade autónoma, daráselles traslado do informe e da documentación que o fundamenta, incluíndo o escrito de denuncia ou a comunicación que motivaron as actuacións, informándose ás persoas interesadas comparecidas, de ser o caso, da remisión do expediente.
  3. A documentación e os efectos da persoa causante incorporados ao expediente serán entregados aos herdeiros preferentes identificados se acrediten a aceptación da herdanza ou á administración á que se trasladase o expediente. Noutro caso serán devoltos a quen os achegase ao procedemento.
  4. A través da unidade administrativa tramitadora, cando así o autoricen expresamente e no seu interese propio, poderanse intercambiar datos persoais entre os afectados particulares na sucesión.

Artigo 153. Incoación do procedemento, publicación e alegacións

  1. A resolución pola que se acorde a incoación do procedemento publicarase gratuitamente no Boletín Oficial del Estado conforme a lexislación sobre patrimonio das administracións públicas, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio.

Así mesmo, a resolución será remitida, para a súa exposición pública por un prazo non inferior a trinta días naturais nos seus taboleiros de anuncios, aos concellos correspondentes ao derradeiro domicilio da persoa causante e, de estes seren distintos, tamén no do seu lugar de nacemento, de falecemento e de residencia habitual se se coñece.

Para os efectos anteriores, entenderase por derradeiro domicilio da persoa causante o do seu empadroamento ao tempo da súa defunción, e por residencia habitual, a definida no artigo 168.1.

Da publicación nos diarios oficiais deixarase constancia no expediente, así como da certificación municipal na que conste a data e o prazo de exposición da resolución nos taboleiros de anuncios dos concellos.

  1. Publicada a resolución de inicio, calquera persoa interesada poderá presentar, perante a consellaría competente en materia de patrimonio, alegacións ou achegar documentos ou outros elementos de xuízo con anterioridade á resolución do procedemento, mención que se incluirá no corpo do acordo de incoación xunto co modo de presentación.
  2. A incoación do procedemento notificaráselles á persoa denunciante e ao resto das persoas interesadas que consten no expediente das que se coñeza o seu enderezo.

Artigo 154. Instrución

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio realizará as actuacións necesarias para determinar a procedencia da sucesión a favor da Comunidade Autónoma de Galicia e a concreción dos bens, dos dereitos e das obrigas da herdanza.
  2. Con base na expectativa a herdar da Comunidade Autónoma, solicitarase das autoridades e do funcionariado, dos rexistros e dos demais arquivos públicos información sobre a persoa causante, os seus bens, dereitos e obrigas, que remitirán xunto con calquera outro dato relevante relacionado coa súa sucesión e situación patrimonial.

Para a realización tanto das actuacións previas ao acordo de incoación do procedemento coma das comprobacións e concrecións posteriores, o órgano instrutor valerase das facultades e das prerrogativas que a lexislación establece para a protección e a defensa do patrimonio autonómico, en especial polo que afecta as obrigas e os deberes de colaboración e cooperación nesta materia.

  1. De se considerar necesario para asegurar o patrimonio da persoa causante e para a mellor e adecuada tramitación do expediente, segundo o disposto na Lei de axuizamento civil, poderase solicitar a intervención xudicial do cadal hereditario ou, de o ter xa acordado o tribunal competente, comunicarlle a resolución de inicio do procedemento para acadar a administración dos bens da herdanza.
  2. Cando da investigación patrimonial se deduza que bens da persoa causante se localizan nun municipio distinto ao do seu derradeiro domicilio, ao do seu lugar de nacemento, de falecemento ou de residencia habitual, a resolución de inicio tamén será remitida para a súa exposición pública nese concello, nos termos da alínea 1 do artigo anterior.
  3. Para a mellor determinación física e xurídica de todos ou dalgúns dos bens e dereitos da herdanza, poderase acordar facer pública a súa relación mediante o seu anuncio gratuitamente no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da consellaría competente en materia de patrimonio ou no taboleiro de anuncios do concello en que se localicen, co obxecto de que se formulen alegacións no prazo que se estableza.
  4. Antes da declaración de herdeiros, solicitaráselle un informe á Asesoría Xurídica da consellaría competente en materia de patrimonio sobre a suficiencia das actuacións practicadas para declarar a Comunidade Autónoma herdeira ab intestatoda persoa causante.

Non constituirá causa impeditiva para a declaración de herdeiros a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que durante a tramitación do expediente se teña coñecemento da posible existencia de herdeiros preferentes da persoa causante, sempre e cando estes non puidesen ser localizados ou identificados e non se presentasen alegacións no procedemento neste sentido. O anterior entenderase sen prexuízo do disposto no artigo 159.

Artigo 155. Resolución do procedemento

  1. A resolución do procedemento, que corresponderá á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, será ditada e notificada aos interesados que comparecesen no expediente no prazo máximo dun ano, contado desde a data de adopción do acordo de incoación, agás que se acordase excepcionalmente e de forma motivada a súa ampliación por un máximo de seis meses.

A resolución publicarase nos mesmos medios e expoñerase nos mesmos lugares en que se anunciase o acordo de incoación do procedemento e comunicarase, de ser o caso, ao órgano xudicial que estea a ser coñecedor da intervención do cadal hereditario, coas consecuencias que sobre a administración da herdanza poidan derivar de conformidade coa Lei de axuizamento civil.

  1. Acordarase o arquivo do procedemento se a sucesión non procede a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, cando non se constate a existencia de bens ou dereitos na herdanza, cando se supere o prazo para a resolución do procedemento ou se considere propoñer a repudiación da herdanza.

A resolución de arquivo, ademais de se notificar e publicar nos termos da alínea anterior, comunicaráselles aos órganos afectados do artigo 152.3.

  1. A resolución que acorde a declaración a favor da Comunidade Autónoma de Galicia comprenderá ademais a adxudicación administrativa dos bens e dereitos da herdanza.

Se no transcurso do procedemento se acredita que a persoa causante resulta á súa vez ser sucesora, a título universal ou particular, dunha terceira persoa, a resolución administrativa poderá tamén acordar a declaración e aceptación da correspondente herdanza ou legado, incluíndo estes bens e dereitos así adquiridos entre os da herdanza da persoa causante.

A resolución poderá incluír a apertura dun trámite de información previa destinado a que aquelas institucións ou entidades posibles beneficiarias da herdanza, nos termos do capítulo IV deste título, adianten unhas peticións de cesión gratuíta sobre aqueles bens que consideren que poden destinar directamente aos fins de asistencia social ou cultural establecidos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Sen prexuízo do prescrito no artigo 165 sobre a resolución da condición de denunciante e do dereito a premio xunto coa aprobación da conta xeral de liquidación da herdanza, se no transcurso deste procedemento declarativo se advirte a falta de requisitos para ter tal condición ou para que se poida recoñecer o dereito a premio, resolverase para o efecto neste acto.

  1. Os actos administrativos ditados neste procedemento poderán ser obxecto de recurso de acordo co establecido na normativa de aplicación xeral sobre o patrimonio das administracións públicas e, na súa falta, sobre o procedemento administrativo común.

Artigo 156. Repudiación da herdanza

Por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio poderase repudiar a herdanza, de acordo coa información, os indicios ou os datos dispoñibles sobre ela, e tendo en conta, en particular, entre outros posibles factores, a renuncia das persoas herdeiras chamadas con anterioridade, cando poida deducirse que o pasivo da herdanza supera o seu activo patrimonial ou se estime que os custos previsibles de tramitación da sucesión e da administración, conservación e liquidación do haber hereditario se xulgue que poidan chegar a exceder ou ser equivalentes ao seu valor; cando se observe a inadecuación dos bens, pola súa natureza, estado ou circunstancias, para o cumprimento dos fins establecidos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, ou para a súa posible venda; ou cando, en xeral, baseándose nos principios de eficacia, eficiencia e economía na xestión, se aprecie a concorrencia doutras circunstancias ou razóns que así o xustifiquen, apreciadas discrecionalmente.

O acordo de repudiación levará consigo o arquivo do procedemento para a declaración da Administración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato.

Artigo 157. Aceptación da herdanza

A declaración administrativa de herdeiros supoñerá a aceptación da herdanza a beneficio de inventario, por virtude desta lei e do disposto no artigo 268 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 158. Responsabilidades

A quen, con base no seu dereito a deliberar, acabe provocando danos ou perdas na herdanza polo atraso na adopción da súa decisión, declarada finalmente herdeira a Comunidade Autónoma de Galicia, exixiránselle as responsabilidades derivadas do seu proceder.

Artigo 159. Aparición de herdeiros e herdeiras preferentes con posterioridade á declaración de herdeiros

  1. Sen prexuízo do exercicio das accións xudiciais pertinentes polas que se consideren prexudicados nos seus dereitos sucesorios, se resultando firme a resolución de declaración da Comunidade Autónoma como herdeira legal ab intestatose constatar con posterioridade a existencia de herdeiros con dereito preferente, por seren descoñecidos ou a súa renuncia non ser válida, revogarase a declaración de herdeiros por unha resolución da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio, co que se desvincula á Administración autonómica da herdanza.

Esta resolución será comunicada aos órganos tributarios correspondentes para os efectos da liquidación dos impostos derivados da sucesión e notificarase ás persoas interesadas no expediente e, en todo caso, á persoa denunciante, quen decaerá no seu dereito a premio.

Do acordo da resolución informarase mediante un anuncio nos mesmos medios e lugares en que se publicase e expuxese a declaración a favor da Comunidade Autónoma.

De terse tomado efectiva posesión dos bens e dereitos da herdanza, poñeranse á disposición das herdeiras e dos herdeiros que a aceptasen, na situación física e xurídica en que se atopen, sen que nada se lle poida reclamar á Administración autonómica.

  1. Cando os herdeiros preferentes estean aínda en disposición da facultade de repudiar a herdanza, con base no principio de conservación dos actos administrativos, antes de acordar a resolución de revogación en que se recoñeza o seu mellor dereito a suceder, daráselles un prazo de ata trinta días naturais para que manifesten a súa vontade de aceptar ou renunciar aos seus dereitos, sen prexuízo do oportuno uso dun requirimento notarial se así máis conviñer. De non se recibir contestación nun prazo ou de se aceptar a herdanza tras a comunicación notarial ou administrativa, acordarase a resolución.

En todo caso, aínda que se produza a repudiación da herdanza, a persoa denunciante perderá o seu dereito a premio consonte o artigo 151.3.

  1. Como resarcimento polos custos administrativos e de xestión da herdanza aboaráselle á administración, con cargo ao haber hereditario ou polos herdeiros aceptantes, unha cantidade equivalente a un vinte por cento do activo patrimonial, cun mínimo de seis mil euros, así como, cando for o caso, os gastos asumidos de conformidade co artigo 161.4, parágrafo segundo, que se aboarán xunto cos seus xuros legais.

A obriga de pagamento derivada do parágrafo anterior poderase facer efectiva polo procedemento de execución forzosa mediante un constrinximento sobre o patrimonio hereditario ou dos herdeiros, se procede.

Polas cantidades derivadas da aplicación deste artigo, acordarase o seu ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO III

Administración, xestión e liquidación da herdanza

Artigo 160. Toma de posesión e tratamento dos bens e dereitos da herdanza

  1. Realizada a declaración administrativa de herdeiros, a Administración autonómica tomará posesión como titular dos bens e dereitos da herdanza e razón das súas obrigas, realizando o órgano directivo competente en materia de patrimonio, se for necesario, as actuacións adicionais pertinentes para á súa completa e correcta identificación e a formación da súa relación detallada e valorada.

Para estes efectos, de existir unha intervención xudicial da herdanza, solicitarase do tribunal que os custodie a entrega dos bens, dos documentos e das demais pertenzas da persoa causante.

  1. Se con posterioridade á adopción do acordo de declaración de herdeiros se detectaren novos bens ou dereitos pertencentes á herdanza, estes incorporaranse ao haber hereditario mediante a súa adxudicación por unha resolución da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio.
  2. Da relación de bens e dereitos da herdanza e do remanente hereditario da liquidación excluiranse os de valor económico nulo, os de imposible identificación ou acreditación e mais os mobles dos que o seu aproveitamento ou conservación resulten antieconómicos, sexan obsoletos ou perecedoiros, ou estean deteriorados, procurando a súa destrución ou entrega directa e sen máis trámite ás administracións públicas, ás súas entidades públicas instrumentais, ás fundacións públicas ou ás entidades sen ánimo de lucro.
  3. Os bens e dereitos adquiridos por este título terán inicialmente carácter patrimonial con vinculación legal de destino e integraranse transitoriamente no patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma, reflectíndose nunha relación separada do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma, a expensas do que resulte da súa liquidación.
  4. De acordo coa natureza e a finalidade da sucesión ab intestatodeferida a favor da administración, así como cos principios de aceptación da herdanza a beneficio de inventario e de límite de asunción de obrigas, os bens e dereitos así adquiridos terán un tratamento independente do patrimonio ordinario da Administración xeral da Comunidade Autónoma, co que se evita, en todo caso, a súa confusión e afección.

De acordo co anterior, as actuacións de administración e de liquidación da herdanza terán a consideración de operacións extraorzamentarias. Porén, se conforme o disposto no artigo 161 é necesaria a realización de gastos orzamentarios, compensaranse na conta xeral de liquidación da herdanza.

  1. A herdanza considerarase en administración ata a firmeza da resolución que aprobe a conta xeral de liquidación, nos termos do artigo 166. Ata ese momento, os gastos ocasionados pola administración dos bens e dereitos derivados da súa titularidade ou tenza, como impostos, taxas, cotas de comunidades de propietarios e calquera outro semellante, consideraranse débedas e cargas da herdanza para os efectos previstos no artigo 1023 do Código civil.

Artigo 161. Administración e xestión

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio administrará os bens e dereitos herdados e adoptará as medidas que coide máis adecuadas para a súa xestión, conservación e custodia, tendo en conta os criterios de rendibilidade e menor custo.

De acordo co tratamento especial deste patrimonio, as actuacións de xestión ordinaria non precisarán informes previos, sen prexuízo de solicitar un asesoramento potestativo e do seu control no tempo da presentación da conta xeral de liquidación.

En todo caso, serán consideradas actividades de xestión ordinaria, entre outras, as relativas á materialización de dereitos, tales como o cobramento de indemnizacións por seguros, os rescates de plans, a liquidación de sociedades de gananciais, a división e adxudicación de herdanzas, a disolución de comunidades de bens en xeral e as demais operacións similares, así como as que afecten a satisfacción das obrigas que sexan recoñecidas expresamente pola persoa causante ou cando procedan de procedementos administrativos ou xudiciais.

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio liquidará as obrigas herdadas, vixentes e non prescritas, ata o límite establecido polo principio de aceptación a beneficio de inventario. Neste sentido, tampouco se poderán asumir novas obrigas por riba do patrimonio neto da herdanza, agás que resulte imprescindible por motivos de seguridade ou salubridade pública. Os posibles procedementos xudiciais ou administrativos de responsabilidade patrimonial derivados da sucesión quedarán constrinxidos no seu resultado e, en todo caso, na súa execución, por todos os conceptos, ao haber hereditario.

Respectando os límites de gasto establecidos no parágrafo anterior, cando non sexa posible a atención da administración da herdanza con medios propios, poderanse contratar os servizos e as asistencias externas que se xulguen necesarias.

Só se poderán recoñecer obrigas ou asumir custos que excedan da xestión ordinaria da herdanza logo dun informe da Asesoría Xurídica e da Intervención.

  1. Respecto dos bens e dereitos da herdanza que sexa posible, promoverase a súa inscrición no Rexistro da Propiedade, a alta no Catastro Inmobiliario e nos demais rexistros pertinentes a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo constar o modo de adquisición por sucesión intestada, a aceptación da herdanza a beneficio de inventario, o seu tratamento patrimonial independente e extraorzamentario e mais o límite de responsabilidade patrimonial establecido na alínea 2 deste artigo e da alínea 6 do artigo 160.

A falta de inscrición nos rexistros públicos dos bens e dereitos da herdanza non será óbice para a tramitación dos procedementos para o seu alleamento.

  1. Para a xestión de cada herdanza manterase activa algunha das contas bancarias que fose da persoa causante, e poderase integrar nela, ademais dos cartos, os rendementos e o resultado das liquidacións patrimoniais que se vaian practicando. Contra a dita conta sufragaranse os gastos derivados do patrimonio hereditario e, se for o caso, o premio á persoa denunciante.

De non existir saldo abondo na conta ou de non ser posible a súa utilización por outra causa, os custos poderán ser atendidos con créditos da consellaría competente en materia de patrimonio, sen prexuízo da súa posterior compensación na conta da liquidación da herdanza. Excepcionalmente, poderanse atender os gastos da herdanza coa partida orzamentaria establecida na disposición adicional vixésimo terceira.

Cando a herdanza non dispoña de contas ou de depósitos hábiles para a adecuada e eficiente realización dos referidos actos de xestión, imputación de ingresos e gastos, e non sexa posible a utilización dalgunha das contas sobrantes saldadas doutras herdanzas intestadas, solicitarase do Tesouro a constitución dunha conta bancaria para o efecto.

Das contas, dos depósitos e dos demais efectos bancarios da herdanza daráselle comunicación ao Tesouro.

  1. Os ingresos no Tesouro que se poidan producir con motivo das actividades de xestión e liquidación dos bens e dereitos da herdanza terán a consideración de operacións extraorzamentarias ata a aprobación da conta xeral de liquidación e a firmeza da resolución aprobatoria.
  2. Os bens e dereitos da herdanza poderán ser utilizados temporalmente ata a liquidación da herdanza para un uso ou servizo público.

Artigo 162. Alleamento oneroso

  1. Constitúe un principio xeral no tratamento do patrimonio hereditario adquirido por sucesión ab intestatoou intestada a súa realización e conversión en metálico, co obxecto de lle dar o destino previsto na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.
  2. Os bens e dereitos da herdanza, de calquera clase e valor, sen prexuízo do disposto nos artigos 160.3 e 163, serán vendidos pola consellaría competente en materia de patrimonio sen necesidade de motivación adicional, seguíndose no resto do procedemento os trámites ordinarios establecidos nesta lei para o seu alleamento. No caso de acordarse a venda mediante unha poxa, seguirase o sistema de tramitación simplificada con acumulación do artigo 117.

Para o alleamento destes bens e dereitos non será precisa a súa previa depuración física e xurídica, sempre que estas circunstancias se poñan en coñecemento de quen sexa adquirente e sexan aceptadas por esta persoa.

As accións, os valores, as participacións, as cotas ou os títulos análogos representativos de capital, así como as obrigas, os bonos ou os títulos similares de débeda, que coticen en bolsa ou noutros mercados primarios ou secundarios organizados serán realizados nos referidos mercados sen necesidade de autorizacións ou informes previos, dando orde de venda directamente ás entidades financeiras depositarias ou xestoras.

Os títulos non cotizados en mercados organizados poderaos allear directamente a consellaría competente en materia de patrimonio por calquera das causas previstas no artigo 182.4.

  1. Ocasionalmente, poderase acordar a permuta de bens ou dereitos da herdanza sempre que coa devandita operación se mellore a rendibilidade ou as opcións de venda, ou cando a permuta teña como finalidade adquirir un ben ou dereito co obxecto de ser excepcionado de alleamento conforme os criterios do artigo 163.
  2. Igualmente, cando as circunstancias así o aconsellen, o alleamento poderá ter por obxecto a venda dos dereitos hereditarios. En tal suposto, a persoa adquirente asumirá expresamente os dereitos, as cargas e as obrigas derivados dos dereitos adquiridos.

Para este caso poderase acudir directamente ao prescrito no artigo 116 sen necesidade de previas poxas.

  1. Ao se cumpriren os trámites preceptivos do alleamento, se este non resulta posible, os bens e dereitos non alleados excluiranse do remanente hereditario da herdanza, e na orde aprobatoria da conta xeral de liquidación acordarase a súa incorporación definitiva ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma, á súa libre disposición.

Artigo 163. Excepcións ao alleamento: exclusións do remanente hereditario e repartición

  1. Por un acordo do Consello da Xunta, atendidas as características dos bens e dereitos incluídos no cadal relicto, poderanse excluír do remanente hereditario da liquidación todos ou algúns deles.
  2. Así mesmo, por unha orde da consellaría competente en materia de patrimonio, poderase acordar a exclusión de bens ou dereitos da herdanza para a súa afectación demanial a un servizo público autonómico ou para a súa cesión gratuíta en propiedade a favor daquelas institucións ou entidades posibles beneficiarias da herdanza nos termos do capítulo IV deste título que presentasen peticións no trámite de información previa aberto para o efecto, co obxecto de os destinar directamente aos fins establecidos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, no ámbito territorial previsto. Se houber varias peticións en concorrencia, discriminaranse atendendo aos criterios establecidos no artigo 170.

A abdicación da propiedade de bens ou dereitos da herdanza, por resultar antieconómicos, corresponderalle á mesma consellaría, o que comporta a consecuente exclusión do remanente hereditario.

  1. As persoas beneficiarias destas exclusións faranse cargo das débedas ou das obrigas pendentes dos bens ou dereitos adscritos ou cedidos, mesmo daquelas que sexan descoñecidas, así como dos custos derivados da adscrición ou da transmisión, incluídos os tributarios e os da entrega, ben pola súa asunción directa ou por reembolso.

Excepcionalmente, tamén serán do seu cargo os gastos sinalados na alínea 3 do artigo 164.

  1. O acordo de cesión en propiedade de bens ou dereitos excluídos establecerá unha vinculación de destino mínima de trinta anos e determinará que, para o caso de incumprimento do fin ou doutra condición establecida, a persoa beneficiaria asumirá a obriga de reintegrar a cantidade económica en que fose valorado o ben ou dereito no tempo da súa cesión, máis os xuros legais desde aquela data. En todo caso, a beneficiaria ou o beneficiario infractor non terá dereito ao reembolso de ningún dos custos que puido afrontar.

Se aínda non fose liquidada a herdanza, a cantidade reintegrada computarase como un ingreso na conta xeral de liquidación. No caso de que xa se ditase a orde aprobatoria da liquidación, se a cantidade reintegrada for susceptible de ser considerada cadal distribuíble da herdanza, acordarase directamente o seu ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma de acordo co disposto no artigo 166, para a súa repartición polo procedemento establecido no capítulo IV deste título.

  1. As cantidades derivadas das obrigas de reembolso e reintegro, estipuladas nas alíneas 3 e 4 deste artigo, poderán facerse efectivas polo procedemento de execución forzosa mediante un constrinximento sobre o patrimonio das persoas beneficiarias da cesión en propiedade.
  2. De ser procedente, e en todo caso no suposto da alínea 3 do artigo 164, o acordo de exclusión e, se corresponde, o de adscrición ou cesión aprobaranse xunto co da conta xeral de liquidación da herdanza. Neste suposto, se a exclusión debe ser adoptada por un acordo do Consello da Xunta, tamén lle corresponderá a aprobación do resto dos acordos para a liquidación da herdanza.

Artigo 164. Remanente hereditario e cadal distribuíble

  1. Realizadas as actuacións referidas nos artigos anteriores, formarase a conta xeral de liquidación da herdanza calculando o remanente hereditario obtido, e tras o desconto do importe correspondente ao dereito a premio estimarase o cadal distribuíble.
  2. Para calcular o remanente hereditario computaranse os ingresos obtidos na materialización ou no alleamento dos bens e dereitos do haber hereditario, e imputaranse os gastos derivados da tramitación da sucesión, da administración, da xestión e da liquidación da herdanza, entre os que se incluirá unha dedución do vinte por cento sobre o valor do activo patrimonial da herdanza, cun mínimo de seis mil euros, en concepto de custos administrativos indeterminados.
  3. Se no remanente hereditario non existe liquidez suficiente para facer fronte aos gastos derivados da herdanza e ao premio, como consecuencia de excluír bens ou dereitos, as persoas beneficiarias da exclusión deberán facer fronte aos referidos custos.

Neste caso, de se tratar de beneficiarios ou beneficiarias por cesión, seralles notificada a proposta de aprobación dos acordos de exclusión, cesión e liquidación para que, nun prazo non superior a trinta días naturais, amosen a súa expresa conformidade e ingresen os custos da herdanza e do premio, coa advertencia de que no caso contrario se darán por desistidos do seu interese, o que producirá efectos automaticamente e sen máis trámite polo transcurso do prazo outorgado, e procederase á liquidación ordinaria do ben ou dereito.

Artigo 165. Aprobación da conta xeral de liquidación

  1. O órgano directivo competente en materia de patrimonio, logo do informe da Intervención, presentará a conta xeral de liquidación para a súa aprobación por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, que comprenderá tamén, de ser o caso, o recoñecemento do dereito a premio e a estimación do cadal distribuíble da herdanza.

Se como consecuencia das operacións de liquidación non queda remanente hereditario ou cadal distribuíble suficiente de acordo co parágrafo seguinte, presentarase unha proposta de conta xeral de liquidación sen saldo.

Non se incluirá cadal distribuíble na proposta se a súa estimación final é inferior a cinco mil euros, por resultar antieconómica a repartición da herdanza, tendo en conta os subseguintes custos administrativos que se deben afrontar para a súa tramitación. Polos saldos que non acaden tal cantidade acordarase o seu ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. Ao ser estimada conforme a conta xeral de liquidación, a orde aprobatoria será publicada gratuitamente no Diario Oficial de Galiciae na páxina web da consellaría, e notificada ás persoas interesadas no procedemento.

Artigo 166. Ingreso no Tesouro do cadal distribuíble

Firme a resolución pola que se aprobou a conta xeral de liquidación, tanto na vía administrativa coma xudicial, aboarase o premio á persoa denunciante e o importe do cadal distribuíble da herdanza ingresarase no Tesouro, que se aplicará a un concepto específico do orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO IV

Repartición da herdanza

Artigo 167. Distribución

Para dar ao cadal distribuíble da herdanza o destino establecido na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, a través da súa repartición, o setenta por cento do ingresado no Tesouro dedicarase a actuacións en materia de asistencia social e o trinta por cento restante a actividades culturais, a non ser que un acordo do Consello da Xunta estableza outras porcentaxes.

Artigo 168. Convocatoria

  1. O procedemento de repartición iniciarase de oficio, coa publicación gratuíta da súa convocatoria no Diario Oficial de Galiciae na páxina web da consellaría competente por razón da materia para que, segundo corresponda, as entidades con establecementos de asistencia social ou as institucións culturais radicadas en Galicia que se consideren con dereito a participar na repartición da herdanza presenten a súas solicitudes. A convocatoria tamén será remitida para a súa exposición pública no taboleiro de anuncios do concello correspondente ao derradeiro lugar de residencia da persoa causante.

Para estes efectos, entenderase por derradeiro lugar de residencia aquel de Galicia en que a persoa causante vivise habitualmente con vontade de permanencia con anterioridade ó seu finamento, con independencia de que este acontecese ocasionalmente nun lugar de tránsito, nun centro, nunha residencia ou nun establecemento similar de atención ou estadía, ou fóra da comunidade autónoma ou mesmo no estranxeiro.

O derradeiro lugar de residencia, municipio e comarca da persoa causante así determinado expresarase na convocatoria de repartición da herdanza.

  1. Consideraranse entidades ou institucións posibles beneficiarias da herdanza as administracións públicas territoriais, as súas entidades públicas instrumentais ou as fundacións do sector público, as fundacións de interese galego debidamente inscritas no rexistro correspondente e as asociacións declaradas de utilidade pública inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán participar na repartición do cadal da herdanza as solicitantes que incorran nalgunha das circunstancias que impiden acceder á condición de beneficiaria de subvencións ou de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo acreditar polos medios establecidos na lexislación sobre tal materia o cumprimento dos requisitos necesarios para acceder á referida condición no tempo de presentar a súa solicitude, así como, se é o caso, no momento de ser declaradas beneficiarias da herdanza.

  1. O recoñecemento do dereito a participar na repartición como beneficiaria ou beneficiario da herdanza consistirá nunha achega dineraria a favor dos declarados beneficiarios, suxeita á xustificación e á comprobación previa da execución do proxecto ou á realización da actividade asistencial ou cultural para a que se solicitou a participación.

No caso de as administracións públicas territoriais, as súas entidades públicas instrumentais ou as fundacións do sector público obteren a condición de beneficiarias, poderán recibir a achega a xeito de anticipo, sen prexuízo da súa posterior xustificación e comprobación e mais do seu reintegro no caso de incumprimento das condicións da adxudicación.

  1. A condición de persoa beneficiaria terá un carácter persoalísimo e a achega non poderá destinarse a gastos administrativos, de persoal, contenciosos, financeiros, tributarios ou operativos, tales como pagamento de alugamentos, material de oficina, subministracións e abastecementos, ou gastos similares. Malia o anterior, a achega poderase dedicar a investimentos e equipamentos maiores e será compatible con outras axudas públicas, sen que, en ningún caso, a contía global poida superar o custo do proxecto ou da actividade.

Artigo 169. Solicitude de participación

  1. As solicitudes dirixiranse á consellaría convocante e presentaranse nun rexistro propio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais. Caso de se presentaren noutros rexistros públicos ou por outros medios legalmente admitidos, precisarase obter a confirmación da recepción da solicitude nun prazo para alegar a súa eficacia.
  2. A solicitude identificará a convocatoria do Diario Oficial de Galiciaco que se corresponde, o proxecto ou a actividade para desenvolver, o seu custo global e a achega que se solicita e, segundo proceda, o lugar ou ámbito, o prazo e a cronoloxía de execución, as autorizacións, os permisos e requisitos legais pertinentes, o número de persoas beneficiadas e as condicións do acceso, os medios persoais e os recursos propios implicados, outras axudas concorrentes solicitadas ou xa aprobadas e mais calquera outra información que se considere relevante.

As fundacións e as asociacións solicitantes deberán acreditar a vixencia da súa condición de fundación de interese galego ou de asociación declarada de utilidade pública, a capacidade representativa de quen sexa asinante, xuntar unha copia compulsada dos seus estatutos, a memoria descritiva de actividades nas dúas anualidades precedentes, presentar as contas anuais aprobadas dos dous últimos exercicios, o certificado de encontrarse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, a acreditación de non estar incursa en causa que impida acceder a subvencións ou axudas públicas e, se é o caso, a relación actualizada dos seus membros asociados e mais unha memoria de cumprimento de proxectos e actividades desenvoltos nos últimos dous anos con axudas públicas.

  1. Se a solicitude non reúne os requisitos indispensables para a súa tramitación, será inadmitida, agás que o defecto resulte emendable; suposto en que se outorgará un prazo para a súa reparación, coa indicación de que se así non se fixer se dará a ou o solicitante por desistido, o que producirá efectos automaticamente e sen máis trámite polo transcurso do prazo outorgado.

Con independencia do anterior, as persoas solicitantes poderán ser requiridas para a ampliación de información ou a achega de documentos adicionais cando así se considere necesario. A falta de contestar o requirimento ou de presentar a documentación en tempo e forma comportará a desistencia da solicitude cos mesmos efectos que se prescriben no parágrafo anterior.

  1. Cando non se presentasen as solicitudes válidas en tempo e forma, estas non acadasen a puntuación mínima exixida ou non for posible formular unha proposta de repartición, ditarase unha resolución de arquivo do procedemento, que será publicada no Diario Oficial de Galiciae na páxina web da consellaría convocante. O crédito quedará á libre disposición da consellaría.

Artigo 170. Valoración das solicitudes de participación

  1. O procedemento para a determinación dos beneficiarios da herdanza de entre as solicitudes válidas admitidas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos seguintes criterios de valoración:
  2. a) O ámbito de actuación da actividade ou do proxecto circunscrito ao derradeiro lugar de residencia da persoa causante, ao seu termo municipal ou comarca.
  3. b) A avaliación técnica da actividade ou do proxecto: o custo, o volume, o prazo de execución, a perduración, o carácter innovador, a factibilidade e os demais subcriterios similares establecidos na convocatoria.
  4. c) A incidencia social ou cultural do proxecto: o número de persoas potencialmente beneficiarias, os criterios de acceso, as áreas de actuación sobre a marxinalidade, a discapacidade, a protección de maiores ou menores, a violencia de xénero ou violencia sexual, a prevención ou intervención sociosanitaria, a promoción da cultura galega, da lectura ou das artes, a conservación do patrimonio cultural e os demais subcriterios similares establecidos na convocatoria.
  5. d) Os medios persoais e os recursos propios implicados, a creación de emprego e o cofinanciamento público.
  6. e) A condición de administración pública territorial, de entidade pública instrumental ou de fundación do sector público.
  7. Consonte o disposto no artigo 269 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o criterio da alínea a) será preferente sobre os demais, e dentro del antepoñerase o de ámbito de actuación máis reducido, tendo en conta que, necesariamente, a actividade ou o proxecto deberán desenvolverse en territorio da Comunidade Autónoma galega.
  8. Aos criterios de valoración das alíneas b), c) e d) asignaráselles unha puntuación de ata cinco puntos. De concorrer o suposto da alínea e), este valorarase en cinco puntos.

Non se considerarán as actividades ou os proxectos que non acaden un mínimo de puntos do baremo. Esta puntuación básica establecerase na convocatoria de repartición.

  1. O órgano administrativo ao que corresponda a valoración das solicitudes poderá requirir a asistencia doutros órganos da administración para a emisión de seu informe.

Artigo 171. Proposta de repartición

  1. Logo da emisión do informe de valoración das solicitudes, formularase a proposta de repartición da herdanza, que será motivada e incluirá, ademais da distribución en achegas, as condicións de execución da actividade ou do proxecto, o deber de quen resulte beneficiario ou beneficiaria de subministrar información segundo as normas de transparencia e, de ser procedente, outras obrigas, tales como as relativas á difusión e publicidade da actuación e do seu financiamento.
  2. Unha proposta provisional de repartición da herdanza poderá ser trasladada ás persoas solicitantes, na cal se outorgará un prazo de quince días naturais para presentar alegacións. En todo caso, tal notificación procederá se a proposta comporta a reformulación de solicitudes.
  3. Con carácter previo á súa aprobación, a proposta de repartición seralles notificada aos beneficiarios propostos para a súa aceptación expresa.

A falta de aceptación no prazo que se lles outorgue comportará a realización dunha nova proposta, da que se deberán excluír as persoas beneficiarias non aceptantes.

  1. A proposta de repartición non creará dereito a favor da beneficiaria ou do beneficiario proposto.

Artigo 172. Acordo de repartición

  1. Estimada conforme, a proposta de repartición aprobarase por unha orde da consellaría convocante, que será publicada gratuitamente no Diario Oficial de Galiciae na súa páxina web, así como notificada ás persoas solicitantes.
  2. O prazo ordinario máximo para resolver o procedemento de repartición da herdanza e notificar a súa resolución será de catro meses, contados desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Ao transcorrer o dito prazo sen se ditar unha resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 173. Xestión da repartición

  1. A xustificación das condicións impostas e da consecución dos obxectivos da actividade ou do proxecto polo beneficiario ou pola beneficiaria revestirá a forma de conta xustificativa, agás que se dispuxese outra modalidade.

A persoa beneficiaria deberá presentar a súa xustificación no prazo que se determine no acordo de repartición.

  1. A xustificación, no non previsto nesta lei, así como a comprobación, o control financeiro e o pagamento e mais, de ser o caso, a nulidade, o reintegro, as infraccións e as sancións administrativas rexeranse pola lexislación en materia de subvencións de Galicia e pola normativa xeral en materia de axudas públicas.

TÍTULO IV

PATRIMONIO EMPRESARIAL

Artigo 174. Concepto

Para os efectos previstos neste título, formarán parte do patrimonio empresarial da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou das súas entidades públicas instrumentais as accións, os títulos, os valores, as obrigas, as obrigas convertibles en accións, os dereitos de subscrición preferente, os contratos financeiros de opción, os contratos de permuta financeira, os créditos participativos e outros susceptibles de ser negociados en mercados secundarios organizados que sexan representativos de dereitos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das súas entidades públicas instrumentais.

Tamén formarán parte do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os fondos propios das entidades públicas empresariais, expresivos da achega de capital da Administración xeral, que se rexistrarán na contabilidade patrimonial desta como o capital achegado para a constitución destas entidades. Estes fondos xeran a favor da Administración xeral uns dereitos de participación na repartición das ganancias da entidade e no patrimonio resultante da súa liquidación.

Artigo 175. Réxime patrimonial

  1. As entidades públicas empresariais axustarán a xestión do seu patrimonio a esta lei. No non previsto nela, axustaranse ao dereito privado, agás en materia de bens demaniais, nos cales serán aplicables as disposicións reguladoras destes bens.
  2. As sociedades mercantís públicas autonómicas, así como as sociedades previstas no artigo 102.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, axustarán a xestión do seu patrimonio ao dereito privado, sen prexuízo das disposicións desta lei que lles resulten expresamente aplicables.

Artigo 176. Reestruturación do patrimonio empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia

  1. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, pode acordar a incorporación de accións ou de participacións sociais de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a entidades públicas instrumentais ou ás sociedades mercantís públicas autonómicas. Igualmente, o Consello da Xunta pode acordar, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio e logo do informe favorable da consellaría interesada, a incorporación de accións ou de participacións sociais de titularidade das entidades públicas instrumentais ou das sociedades mercantís públicas autonómicas á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas operacións non están suxeitas ao procedemento de alleamento a título oneroso de títulos representativos do capital.

  1. Para os efectos do disposto neste artigo, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais ou as sociedades mercantís públicas autonómicas adquirirán o pleno dominio das accións recibidas desde a adopción do acordo correspondente, cuxa copia será o título acreditativo da nova titularidade, xa sexa para os efectos do cambio das anotacións na conta e nas accións nominativas coma para os efectos de calquera outra actuación administrativa, societaria e contable que sexa preciso realizar. As participacións accionariais recibidas rexistraranse na contabilidade do novo titular polo mesmo valor neto contable que tiñan no anterior titular na data do devandito acordo, sen prexuízo das correccións valorativas que procedan ao final do exercicio.
  2. As operacións de cambio de titularidade e de reordenación interna do patrimonio empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia que se realicen en execución deste artigo non están suxeitas á lexislación do mercado de valores nin ao réxime de oferta pública de adquisición, e non dan lugar ao exercicio de dereitos de tenteo, retracto ou calquera outro dereito de adquisición preferente que estatutaria ou contractualmente poidan posuír sobre estas participacións outros accionistas das sociedades das que sexan transferidas as participacións ou, de ser o caso, terceiros a esas sociedades, nos mesmos termos previstos na lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas para o sector público empresarial da Administración xeral do Estado.
  3. A mera transferencia e reordenación de participacións societarias que se realice en aplicación desta norma non pode ser entendida como unha causa de modificación ou de resolución das relacións xurídicas que manteñan tales sociedades.
  4. As transmisións patrimoniais, as operacións societarias e os actos derivados, directa ou indirectamente, da aplicación do disposto nas alíneas anteriores, así como as achegas de fondos ou de ampliacións de capital, están exentas de calquera tributo autonómico ou local. Igualmente, os aranceis dos notarios e das notarias e dos rexistradores e das rexistradoras da propiedade e mercantís que interveñan nas transmisións, nas operacións e nos actos mencionados reduciranse na mesma contía establecida na lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas para o patrimonio empresarial da Administración xeral do Estado.

Artigo 177. Achegas de bens e dereitos

  1. O Consello da Xunta poderá acordar a achega, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio e por iniciativa da consellaría ou da entidade pública instrumental interesada, de bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou das entidades públicas instrumentais ás sociedades mercantís públicas autonómicas e ás entidades públicas empresariais.
  2. Nestes casos, o informe de expertos independentes previsto na lexislación mercantil substituirase polo informe de taxación regulado no artigo 64.

Artigo 178. Utilización de bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia

A consellaría competente en materia de patrimonio, por petición da sociedade interesada e após o informe da consellaría da que dependa, pode permitir a utilización polas sociedades mercantís públicas autonómicas de bens e dereitos do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais para o cumprimento dos fins e a xestión dos servizos públicos que teñan encomendados, por calquera dos medios previstos nesta lei.

Artigo 179. Inventario patrimonial

  1. As sociedades mercantís públicas autonómicas formarán un inventario dos bens e dereitos dos que sexan titulares ou utilicen, e procederán á súa remisión á consellaría competente en materia de patrimonio no primeiro trimestre de cada ano.
  2. A consellaría competente en materia de patrimonio pode ditar unhas instrucións respecto da formación e actualización deste inventario.

Artigo 180. Adquisición de títulos representativos do capital

  1. A adquisición pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de accións, cotas ou partes alícuotas de sociedades, así como doutros títulos ou valores enumerados no artigo 174, correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, oída a consellaría interesada por razón da materia.
  2. A adquisición por unha entidade pública instrumental dos títulos regulados no artigo 174 autorizaraa o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, oída a sociedade ou entidade pública instrumental interesada por razón da materia.

Correspóndelle acordar esta adquisición ao órgano superior colexiado de goberno da entidade pública instrumental.

  1. O acordo de adquisición determinará os procedementos para fixar o importe da compra, segundo os métodos de valoración comunmente aceptados. Cando os títulos ou valores coticen nalgún mercado secundario organizado, o prezo de adquisición será o correspondente de mercado no momento e na data da operación.
  2. Porén, no suposto en que os servizos técnicos estimaren que o volume de negociación habitual dos títulos non garante a adecuada formación dun prezo de mercado, poderán propoñer, motivadamente, a adquisición e a determinación do prezo deles por outro método legalmente admisible de adquisición ou valoración.
  3. Cando a adquisición de títulos tiver por finalidade obter a plena propiedade de inmobles ou de parte destes pola Administración xeral ou polas entidades públicas instrumentais, a valoración destas participacións exixirá a realización da taxación dos bens inmobles consonte o artigo 64.
  4. A formalización en nome da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das adquisicións reguladas neste artigo correspóndelle á persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou á persoa en quen delegue.

Artigo 181. Exercicio de dereitos

  1. Correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio o exercicio dos dereitos que correspondan á Administración xeral como partícipe directa de empresas mercantís, teñan ou non a condición de sociedades mercantís autonómicas.
  2. A consellaría competente en materia de patrimonio ou, se é o caso, a entidade pública instrumental poderán dar aos representantes do capital autonómico nos consellos de administración das ditas empresas as instrucións que consideren oportunas para o adecuado exercicio dos dereitos inherentes á titularidade das accións ou participacións.
  3. Os títulos ou os resgardos de depósito correspondentes custodiaranse na consellaría competente en materia de patrimonio.

Artigo 182. Alleamento de títulos representativos do capital

  1. O alleamento de títulos representativos do capital, de cotas ou de partes alícuotas de sociedades correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, logo da audiencia da consellaría interesada por razón da materia.
  2. O alleamento por unha entidade pública instrumental de títulos representativos do capital, de cotas ou de partes alícuotas de sociedades será autorizado polo Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, logo da audiencia da entidade pública instrumental interesada por razón da materia.

Correspóndelle acordar este alleamento ao órgano superior colexiado de goberno das entidades públicas instrumentais.

  1. O alleamento de valores representativos do capital de sociedades mercantís autonómicas que sexan de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais poderase realizar en mercados secundarios organizados ou fóra destes, de conformidade coa lexislación vixente e por medio de calquera acto ou negocio xurídico.
  2. Cando os títulos ou valores coticen nalgún mercado secundario organizado, o prezo de alleamento será o prezo de cotización que estableza o mercado no momento e na data da operación. Noutro caso, o órgano competente para o alleamento determinará a forma deste, que pode ser o concurso ou a poxa pública, agás que se acorde motivadamente a adxudicación directa, cando concorra algún dos seguintes supostos:
  3. a) A existencia de limitacións estatutarias á libre transmisibilidade das accións ou a existencia de dereitos de adquisición preferente.
  4. b) Cando a ou o adquirente sexa calquera persoa xurídica de dereito público ou privado pertencente ao sector público.
  5. c) Cando fose declarada deserta unha poxa ou esta resulte falida como consecuencia do incumprimento das súas obrigas por parte do adxudicatario ou da adxudicataria. Neste caso, a venda directa deberase efectuar no prazo dun ano desde o desenvolvemento da poxa, e as súas condicións non poderán diferir das publicitadas para a poxa ou daquelas en que se producise a adxudicación.
  6. d) Cando a venda se realice a favor da propia sociedade ou doutro socio nos casos e coas condicións e cos requisitos establecidos na lexislación mercantil.
  7. O alleamento de obrigas e de títulos análogos efectuarase, no que non sexa incompatible coa natureza da operación, de conformidade co previsto nas alíneas anteriores.
  8. A formalización no nome da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dos alleamentos regulados neste artigo correspóndelle á persoa titular do centro directivo competente en materia de patrimonio ou á persoa en quen delegue.

Artigo 183. Administradores en sociedades mercantís

  1. As persoas representantes da Administración xeral nos órganos de goberno e administración das sociedades mercantís con participación pública autonómica serán designadas pola persoa titular do centro directivo competente en materia de patrimonio. No caso das sociedades mercantís públicas autonómicas, a persoa titular da consellaría ou da presidencia da entidade de adscrición propoñerá o nomeamento de dúas terceiras partes dos administradores que lle correspondan á Administración autonómica.
  2. A xunta xeral de accionistas impulsará a implantación de boas prácticas e normas de bo goberno na xestión das sociedades mercantís públicas autonómicas.

Artigo 184. Publicidade da actividade societaria

Sen prexuízo da publicidade legal a través do Rexistro Mercantil que, se é o caso, sexa obrigatoria, as sociedades reguladas nos artigos 102.1 e 102.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, difundirán, a través da súa páxina web, toda a información relevante relativa á súa actividade empresarial que pola súa natureza non teña un carácter reservado e, en particular, os seus estatutos ou normas de creación, os integrantes dos seus órganos de administración, dirección, xestión e control, os poderes e as delegacións conferidos por estes, as contas anuais, os códigos de conduta ou as guías de boas prácticas que deban observar e a identificación da parte da súa actividade vinculada a servizos de interese xeral.

TÍTULO V

XESTIÓN E OPTIMIZACIÓN NA UTILIZACIÓN DOS EDIFICIOS ADMINISTRATIVOS

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 185. Edificios administrativos

  1. Terán a consideración de edificios administrativos os seguintes:
  2. a) Os edificios e locais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais afectados a usos administrativos de carácter xeral, tanto se se trata de oficinas coma de dependencias auxiliares destas.
  3. b) Os destinados a outros servizos públicos que se determinen regulamentariamente.
  4. c) Os edificios do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan susceptibles de ser destinados aos fins expresados nas alíneas anteriores, independentemente do uso ao que sexan dedicados.
  5. Para os efectos previstos neste título, asimílanse aos edificios administrativos os terreos adquiridos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma e polas entidades públicas instrumentais para a construción de inmobles destinados a algún dos fins sinalados nas alíneas a) e b) anteriores.

CAPÍTULO II

Principios de xestión e competencias

Artigo 186. Principios de xestión

  1. Na xestión dos edificios administrativos serán observados os principios de eficacia, eficiencia, racionalización e sustentabilidade, coa procura da optimización dos investimentos e coa avaliación, en cada actuación, da incidencia ou do impacto que a súa implantación podería xerar no desenvolvemento urbano e na calidade dos servizos que se van prestar.
  2. A planificación global e integrada dos programas de actuación destinados a satisfacer as necesidades de inmobles para usos administrativos e o establecemento de criterios xerais e uniformes de asignación e de utilización de espazos corresponderanlle á consellaría competente en materia de patrimonio.

Artigo 187. Competencias

  1. Corresponderalle á consellaría competente en materia de patrimonio a construción e ampliación, a gran reparación ou a rehabilitación de inmobles destinados a albergar edificios administrativos de uso compartido ou espazos adscritos a máis dunha consellaría ou entidade pública instrumental, cando as ditas obras afecten a imaxe unificada do edificio, no referido ás súas características técnicas e construtivas.
  2. A construción, a reforma, a reparación ou a rehabilitación de edificios administrativos destinados a albergar os servizos centrais ou territoriais, calquera que sexa o seu ámbito, pertencentes a unha consellaría ou entidade pública instrumental serán competencia do órgano que as promova.

Con carácter previo á aprobación do proxecto técnico en que se defina a actuación, este deberá ser obxecto de informe favorable pola consellaría competente en materia de patrimonio, co obxecto de garantir a aplicación dos principios xerais de xestión de inmobles, a uniforme aplicación de criterios xerais de planificación de espazos e usos administrativos e mais a imaxe unificada do edificio.

  1. A realización de obras de reforma e reparación simple de espazos adscritos a unha consellaría ou entidade pública instrumental nun edificio administrativo de uso compartido será da súa competencia, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. A realización doutro tipo de obras, tanto en edificios administrativos de uso compartido coma nos de uso non compartido, será competencia do órgano que as promova.
  3. A contratación dos servizos xerais relativos ao mantemento, á conservación e análogos correspondentes a edificios de uso compartido, así como dos servizos da mesma natureza destinados a edificios administrativos non compartidos, que presenten ou poidan implicar economías de escala corresponderalle á consellaría competente en materia de presidencia.

TÍTULO VI

RELACIÓNS INTERADMINISTRATIVAS

CAPÍTULO I

Convenios entre administracións públicas

Artigo 188. Contido dos convenios

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais poden formalizar convenios con outras administracións públicas ou con persoas xurídicas de dereito público ou de dereito privado pertencentes ao sector público, co fin de ordenar as relacións de carácter patrimonial e urbanístico entre elas nun determinado ámbito ou de realizar actuacións comprendidas nesta lei en relación cos bens e dereitos dos seus respectivos patrimonios para un fin común.

Na formalización destes convenios respectaranse as previsións sobre os convenios urbanísticos contidas na correspondente normativa urbanística da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. Os convenios patrimoniais poden conter cantas estipulacións se consideren necesarias ou convenientes para a ordenación das relacións patrimoniais entre as partes que interveñan, sempre que non sexan contrarias ao interese público, ao ordenamento xurídico ou aos principios da boa administración.
  2. O prazo de duración dos convenios será determinado, e poderán superar a duración dos catro anos se a natureza das figuras e dos negocios xurídicos patrimoniais que poidan recollerse no convenio así o require. No caso de non existir un límite máximo temporal na normativa específica aplicable para tales figuras ou negocios xurídicos, aplicarase o límite máximo dos catro anos, sen prexuízo da posibilidade de prórroga por un período de ata catro anos adicionais.
  3. A formalización de calquera convenio patrimonial requirirá o informe previo da Asesoría Xurídica.
  4. Os convenios patrimoniais de natureza declarativa non producirán efectos de carácter patrimonial en tanto non sexan tramitados os correspondentes procedementos que sexan exixibles conforme esta lei.
  5. A formalización dun convenio patrimonial de natureza executiva requirirá a necesaria tramitación previa dos procedementos específicos previstos nesta lei para cada negocio xurídico patrimonial. Unha vez asinados, constituirán un título abondo para inscribir no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros as operacións previstas neles, consonte o establecido pola lexislación xeral do patrimonio das administracións públicas.

Artigo 189. Competencia e procedemento

  1. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será órgano competente para formalizar os convenios aos que se refire o artigo 188 a persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, por proposta do órgano directivo competente en materia de patrimonio. Nas entidades públicas instrumentais esta competencia corresponderalles aos órganos unipersoais de goberno, após a comunicación ao órgano directivo competente en materia de patrimonio.
  2. As persoas titulares das diferentes consellarías e os órganos unipersoais de goberno das entidades públicas instrumentais poden formalizar convenios para a ordenación das facultades que lles correspondan sobre os bens e dereitos que teñan ou, por razón do fin, vaian ter adscritos organicamente, logo do informe favorable do órgano directivo competente en materia de patrimonio.
  3. A subscrición de calquera convenio patrimonial requirirá a previa incorporación ao expediente dunha memoria xustificativa onde se analice a súa necesidade e oportunidade, o impacto económico e o cumprimento desta lei.
  4. Os convenios patrimoniais de natureza executiva deberaos autorizar o Consello da Xunta, co informe previo da Asesoría Xurídica e da Intervención.

CAPÍTULO II

Réxime de xestión urbanística dos bens públicos

Artigo 190. Comunicación de actuacións urbanísticas

  1. A aprobación inicial, a provisional e a definitiva dos instrumentos de planeamento urbanístico que afecten uns bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia serán notificadas polo concello respectivo á consellaría competente en materia de patrimonio.

Recibida esta comunicación, que se deberá achegar xunto coa documentación correspondente, o órgano directivo competente en materia de patrimonio poderá formular cantas alegacións xulgue conveniente.

  1. Os prazos para formular alegacións ou interpoñer recursos, de ser o caso, comezarán a contarse desde a data da recepción destas comunicacións.
  2. No caso de que se produza unha modificación de uso nos instrumentos de planeamento urbanístico que afecte uns bens e dereitos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia fóra dos supostos previstos na alínea 1, será preceptiva a notificación do dito feito á consellaría competente en materia de patrimonio, co obxecto de que se formulen as alegacións que se xulgue conveniente.

Artigo 191. Execución do planeamento

  1. As cesións e as demais operacións patrimoniais sobre bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que deriven da execución do planeamento réxense polo disposto na lexislación urbanística, con estrita aplicación do principio de equidistribución de beneficios e cargas. Son órganos competentes para acordalas os mesmos previstos nesta lei para a operación patrimonial de que se trate.
  2. A incorporación de bens e dereitos demaniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais a actuacións de execución do planeamento requirirá a desafectación deles.
  3. A incorporación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais a calquera sistema de actuación urbanística exixe a adhesión expresa da consellaría competente en materia de patrimonio ou da entidade pública instrumental. Correspóndelles a estes mesmos órganos a realización dos distintos actos que requira a participación nas devanditas actuacións de execución.

Artigo 192. Réxime urbanístico dos inmobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia

En ningún caso a cualificación que o planeamento urbanístico outorgue aos bens inmobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia determinará por si mesma a afectación ou desafectación deles ao dominio público.

TÍTULO VII

PROTECCIÓN E DEFENSA DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

CAPÍTULO I

Obrigas e deberes

Artigo 193. Obriga de protección e defensa

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as súas entidades públicas instrumentais están obrigadas a protexer e defender o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia por calquera dos medios previstos pola lexislación vixente, e, en particular, investigando e inventariando os bens e dereitos que os integran, promovendo as anotacións e inscricións que procedan, exercendo as potestades administrativas orientadas á súa defensa e interpoñendo as accións xudiciais e realizando as actuacións administrativas que sexan pertinentes.
  2. Toda persoa, física ou xurídica, pública ou privada, que teña ao seu cargo bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia está obrigada a velar pola súa custodia, conservación e defensa e, se for o caso, pola súa adecuada utilización e o cumprimento dos fins para os que foron destinados, e será responsable dos danos, prexuízos e incumprimentos sobrevidos, pola súa perda, deterioración ou inadecuado uso ou destino.

Artigo 194. Deber de colaboración

  1. As autoridades, o funcionariado e o persoal en xeral ao servizo de calquera administración pública de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais están obrigados a colaborar na protección e defensa dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, débenlles facilitar aos órganos competentes en materia de patrimonio cantos datos, documentos ou informes lles sexan requiridos, poñer no seu coñecemento os feitos que poidan ser lesivos para a integridade física ou xurídica destes bens e dereitos e mais prestar auxilio en cantos labores sexan precisos para a súa axeitada protección e defensa.

A consellaría competente en materia de patrimonio poderalle encargar circunstancialmente a realización de determinadas actuacións en favor do patrimonio autonómico a persoal do resto da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou das súas entidades públicas instrumentais.

  1. O persoal ao servizo doutras administracións públicas e das súas entidades, os notarios e as notarias e os rexistradores e as rexistradoras da propiedade e a cidadanía en xeral colaborarán na protección e defensa dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos que se establecen na lexislación xeral en materia de patrimonio das administracións públicas respecto da cooperación na defensa dos patrimonios públicos e, de ser o caso, na normativa sectorial aplicable que así o impoña.
  2. A Policía Autonómica de Galicia colaborará na protección e defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma e prestará especialmente asistencia en materia de inspección, de investigación e para a execución forzosa dos actos que se diten en defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da cooperación do resto de forzas e corpos de seguridade.
  3. A falta de colaboración en tempo ou en forma cando esta sexa requirida constituirá unha infracción administrativa nos termos desta lei, sen prexuízo da reclamación dos danos e das perdas que de tal omisión poidan derivar. Para estes efectos, nos supostos de requirimento de información, cando se sinalase expresamente un enderezo de remisión, o envío a outro diferente será considerado unha infracción sancionable por incumprimento.

CAPÍTULO II

Protección dos bens e dereitos do patrimonio da
Comunidade Autónoma

Sección 1ª. Inventario xeral de bens e dereitos da
Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 195. Concepto

  1. O Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia é o instrumento de apoio á xestión patrimonial en que se deixa constancia de todos os bens e dereitos que integran o patrimonio da Comunidade Autónoma, coa incorporación dos datos necesarios para a súa identificación e dos que resulten precisos para reflectir a súa situación xurídica, das limitacións que poida ter a súa disposición e do destino ou uso ao que estean a ser dedicados.

O labor de inventario comprende a valoración dos bens e dereitos inventariados consonte o disposto no artigo 64.

As operacións patrimoniais relativas aos bens e dereitos que deben formar parte do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma terán constancia na contabilidade pública de forma individual ou agregada, segundo dispoña a normativa contable.

  1. Quedan excluídos do inventario xeral os bens e dereitos que sexan adquiridos co propósito de os devolver ao tráfico xurídico patrimonial de acordo cos seus fins peculiares ou para cumprir cos requisitos sobre provisións técnicas obrigatorias, así como os bens de natureza consumible de vida útil inferior a un ano. Tampouco serán obxecto de inventario aqueles bens mobles que teñan un valor unitario inferior ao límite que fixe a consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. As accións e os títulos representativos do capital dos que sexa titular a Comunidade Autónoma en sociedades mercantís quedarán reflectidos na correspondente contabilidade patrimonial, de acordo cos principios e coas normas que lles sexan aplicables, e incluiranse nun inventario de carácter auxiliar, que deberá estar coordinado co sistema de contabilidade patrimonial.
  3. O Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia non ten a consideración de rexistro público e os datos reflectidos nel, así como os resultados da súa agregación ou explotación estatística, constitúen unha información de apoio para a xestión interna e a definición de políticas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais. Estes datos non producen efectos fronte a terceiros nin poden ser utilizados para facer valer dereitos fronte á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou ás entidades públicas instrumentais.

Artigo 196. Composición do Inventario xeral de bens e dereitos

  1. O inventario xeral comprenderá a relación dos seguintes bens e dereitos:
  2. a) Os bens inmobles e os dereitos reais de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
  3. b) Os dereitos de arrendamento e calquera outro de carácter persoal en virtude dos cales se lle atribúa á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o uso ou gozo de inmobles alleos.
  4. c) Os valores mobiliarios e os títulos representativos de accións e de participacións no capital de sociedades mercantís ou de obrigas emitidas por estas de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  5. d) Os bens mobles e os dereitos de propiedade incorporal da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
  6. e) Os bens e dereitos das entidades públicas instrumentais.
  7. As relacións de cada unha das alíneas anteriores configuraranse como inventarios independentes que se integrarán no inventario xeral.

Artigo 197. Competencias

  1. A formación e a actualización do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia estarán a cargo da consellaría competente en materia de patrimonio. As consellarías e as entidades públicas instrumentais actuarán como órganos auxiliares e deberán manter actualizados os seus datos e remitirllos, para a súa inclusión, á consellaría competente en materia de patrimonio. Tamén deberán colaborar neste labor os terceiros que, de acordo coas disposicións desta lei, poidan dispoñer dun título habilitante para o uso de bens públicos.
  2. As normas relativas á elaboración, á actualización e ao soporte do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia determinaraas a consellaría competente en materia de patrimonio mediante unha orde.
  3. A consellaría competente en materia de patrimonio levará directamente o inventario correspondente aos seguintes bens e dereitos da Comunidade Autónoma, ben sexan demaniais, ben patrimoniais:
  4. a) Os bens inmobles e os dereitos reais de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  5. b) Os dereitos de arrendamento e calquera outro de carácter persoal en virtude dos cales se lle atribúa á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o uso ou gozo de inmobles alleos.
  6. c) Os valores mobiliarios e os títulos representativos de accións e de participacións no capital de sociedades mercantís ou de obrigas emitidas por estas.
  7. As consellarías levarán o inventario dos bens mobles adscritos ou adquiridos por estas e dos dereitos de propiedade incorporal xerados pola súa actividade, ou dos que teñan encomendadas a administración e a xestión, sen prexuízo doutros rexistros, catálogos ou inventarios de bens e dereitos que estean obrigadas a levar en virtude de normas especiais.
  8. Cada entidade pública instrumental debe formar e levar o inventario dos bens e dereitos da súa titularidade.
  9. Os inventarios que, consonte o establecido nas alíneas anteriores, deben formar e levar as consellarías e as entidades públicas instrumentais forman parte do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, e garantirase a súa plena actualización e funcionamento integrado.

Artigo 198. Custodia de títulos

  1. A custodia dos documentos, das escrituras públicas e dos títulos que acrediten, representen ou materialicen bens e dereitos do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a que fai referencia a alínea 3 do artigo 197, correspóndelle á consellaría competente en materia de patrimonio. Porén, os soportes dos títulos derivados de procedementos de expropiación forzosa para obras de infraestruturas hidráulicas, de transporte e de estradas, ou de expedientes de reorganización da propiedade, custodiaranse na consellaría que os promova, sen prexuízo do seu directo acceso pola consellaría competente en materia de patrimonio para o desenvolvemento das actividades que lle son propias neste ámbito.

A custodia dos documentos, das escrituras públicas e dos títulos que acrediten, representen ou materialicen bens mobles e dereitos de propiedade incorporal corresponderalle a cada consellaría competente por razón da materia, consonte o disposto na alínea 4 do artigo 197. No caso dos dereitos de propiedade incorporal, as consellarías deberán remitirlle unha copia á consellaría competente en materia de patrimonio.

  1. A custodia dos títulos relativos a bens e dereitos dos patrimonios das entidades públicas instrumentais correspóndelles a estas, que deberán remitir unha copia á consellaría competente en materia de patrimonio dos relativos aos seus bens inmobles, agás daqueles que, de acordo co disposto no artigo 195.2, queden excluídos do inventario.

Artigo 199. Valoracións dos bens e dereitos inventariados

A valoración dos bens e dereitos inventariados e a súa actualización seguirá os criterios aplicados de acordo co Plan xeral de contabilidade pública de Galicia e, en especial, con aquelas normas valorativas que segundo este teñan carácter obrigatorio.

Artigo 200. Xestión patrimonial, contabilidade e inventario

A consellaría competente en materia de patrimonio coordinarase coas demais consellarías, as entidades públicas instrumentais e a Intervención, encargada da contabilidade patrimonial, mediante as aplicacións informáticas precisas que permitan recoller simultaneamente no inventario xeral e na contabilidade patrimonial as operacións patrimoniais relativas aos bens e dereitos que deben formar parte do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma, coa finalidade de que as ditas operacións queden reflectidas na contabilidade pública, de forma individual ou agregada, segundo dispoña a normativa contable.

Artigo 201. Relacións separadas de determinados bens e dereitos

  1. As consellarías e as entidades públicas instrumentais levarán relacións separadas e independentes do inventario, dos bens e dereitos de calquera tipo adquiridos co propósito de os devolver ao tráfico xurídico patrimonial de acordo cos seus fins peculiares, así como dos bens de natureza consumible de vida útil inferior a un ano.
  2. Os bens e dereitos adquiridos como consecuencia da sucesión legal ab intestatoa favor da Comunidade Autónoma seguirán o réxime establecido no artigo 160.4.

Artigo 202. Acceso ao Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma por outras administracións públicas

  1. O acceso por outras administracións públicas á información do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma estará suxeito á normativa de protección de datos de carácter persoal e aos criterios de competencia, idoneidade e proporcionalidade, e someterase aos principios de cooperación e lealdade institucional.
  2. Para estes efectos, consideraranse criterios de acceso:
  3. a) A disposición que atribúa á administración pública solicitante a competencia correspondente.
  4. b) A adecuación ou congruencia entre a información solicitada e a finalidade á que vaia ser destinada no exercicio da competencia de que se trate.
  5. c) A correspondencia entre o volume e a extensión da información solicitada e a finalidade perseguida.
  6. A consulta formularaa o órgano competente en materia de patrimonio da administración solicitante, con determinación, se é o caso, do órgano ao que se destinará e da competencia para cuxo exercicio se solicita a información, e dirixirase ao órgano competente, consonte o disposto no artigo 197.

Artigo 203. Acceso por parte de particulares aos datos do inventario

  1. O acceso por particulares aos datos do Inventario xeral de bens e dereitos aos que se refire esta lei estará suxeito á normativa de protección de datos de carácter persoal e aos principios de oportunidade, idoneidade, racionalidade, proporcionalidade e seguridade.
  2. As consultas dirixiranse ao órgano competente, consonte o disposto no artigo 197.
  3. As consultas só poderán ter por obxecto os datos numéricos ou estatísticos do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma, e poderán non ser atendidas cando, a xuízo dos citados órganos ou das entidades, non concorran os principios sinalados na alínea 1. A súa denegación deberase fundamentar debidamente na correspondente resolución.

Artigo 204. Control de inscrición no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma

  1. Nos expedientes de contratación relativos a obras sobre inmobles nos que a Administración xeral da Comunidade Autónoma teña as titularidades xurídicas que impliquen a súa incorporación ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia requirirase a emisión dun certificado do que se desprenda a dispoñibilidade do inmoble necesaria para a execución das obras. Os termos e o procedemento para a emisión deste certificado determinaranse mediante unha orde da consellaría competente en materia de patrimonio.
  2. Non poderán outorgarse os títulos de ocupación do dominio público a favor de terceiros regulados no capítulo VI do título I desta lei se os bens ou dereitos non se atopan debidamente inscritos no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma.

Sección 2ª. Protección dos rexistros

Artigo 205. Inscrición nos rexistros públicos dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma

Os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia susceptibles de inscrición, tanto demaniais coma patrimoniais, inscribiranse ou anotaranse nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 206. Inscrición no Rexistro da Propiedade e no Catastro Inmobiliario

  1. A inscrición no Rexistro da Propiedade e a incorporación ao rexistro administrativo do Catastro Inmobiliario dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia axustaranse, respectivamente, ao establecido na lexislación hipotecaria e catastral e mais na normativa en materia de patrimonio das administracións públicas.
  2. Correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio a promoción das inscricións ou, de ser o caso, as modificacións ou as cancelacións das altas dos bens e dereitos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma no Rexistro da Propiedade e no Catastro Inmobiliario.

Emporiso, corresponderalle a inscrición no Rexistro da Propiedade e no Catastro Inmobiliario á consellaría que adquirise para o patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma un ben ou dereito, no exercicio da potestade expropiatoria ou no desenvolvemento de procedementos de reorganización da propiedade, ou á consellaría que, non cumprindo os anteriores criterios, sexa competente para acordar a reversión dun ben ou dereito expropiado.

A consellaría promovente remitiralle unha certificación da inscrición rexistral e catastral ao órgano directivo competente en materia de patrimonio para a súa constancia no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma.

  1. Os bens e dereitos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma inscribiranse no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 207. Certificación administrativa

  1. Mediante unha certificación administrativa poderanse inscribir no Rexistro da Propiedade os bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia e practicar as operacións rexistrais así autorizadas pola lexislación hipotecaria e pola normativa en materia de patrimonio das administracións públicas.
  2. A adopción de acordos declarativos e a consecuente emisión das certificacións administrativas co obxecto do seu acceso ao Rexistro da Propiedade correspóndenlle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio.

Con todo, cando a certificación administrativa resulte necesaria para a inscrición no Rexistro da Propiedade nos termos do artigo 206.2, parágrafo segundo, será competente a persoa titular da consellaría adquirente ou a persoa titular da consellaría con competencias para acordar a reversión.

Artigo 208. Comunicacións en materia do Rexistro da Propiedade

As comunicacións que os rexistradores e as rexistradoras da propiedade deban efectuar en defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia polas inscricións de excesos de cabida ou a inmatriculación de predios estremeiros, así como por calquera outro suposto recollido na lexislación xeral de patrimonio das administracións públicas e na normativa hipotecaria, dirixiránselle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio ou, de corresponder, á entidade pública instrumental.

Artigo 209. Inscricións noutros rexistros

As inscricións e as anotacións e mais as altas e as baixas noutros rexistros a nome da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderanlle á consellaría que adquirise o ben ou dereito para o patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da remisión da certificación correspondente ao órgano directivo competente en materia de patrimonio.

Artigo 210. Inscricións dos bens e dereitos das entidades públicas instrumentais

  1. Os bens e dereitos de titularidade das entidades públicas instrumentais inscribiranos estas ao seu propio nome.

As entidades públicas instrumentais deberanlle remitir unha certificación de cada inscrición, anotación ou alta no rexistro correspondente ao órgano directivo competente en materia de patrimonio.

  1. A adopción de acordos declarativos e a emisión de certificacións administrativas co obxecto do seu acceso ao Rexistro da Propiedade correspóndenlle ao órgano unipersoal de goberno de cada entidade pública instrumental.

Sección 3ª. Aseguramento

Artigo 211. Aseguramento

  1. Os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia estarán cubertos por unha póliza de aseguramento cando veña establecido legalmente, así como cando se considere conveniente polo seu valor histórico-artístico, económico ou doutra índole.
  2. As persoas concesionarias, cesionarias, usufrutuarias e titulares en xeral de dereitos de uso ou aproveitamento sobre os bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser obrigados a asegurar estes bens e dereitos de acordo co que se estableza no correspondente título habilitante.

CAPÍTULO III

Defensa dos bens e dereitos do patrimonio da
Comunidade Autónoma

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 212. Defensa dos bens e dereitos

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais presentarán as accións xudiciais e desenvolverán as actuacións administrativas que sexan pertinentes para a defensa dos seus patrimonios, e dispoñerán das seguintes facultades e prerrogativas:
  2. a) Inspeccionar os seus bens e dereitos.
  3. b) Investigar a situación daqueles bens e dereitos que presumiblemente lles pertenzan.
  4. c) Deslindar na vía administrativa os inmobles da súa titularidade.
  5. d) Recuperar de oficio a posesión sobre os seus bens e dereitos.
  6. e) Desafiuzar na vía administrativa os posuidores dos inmobles demaniais, unha vez extinguido o título que amparaba a súa posesión.
  7. No marco da tramitación de calquera dos procedementos derivados das anteriores prerrogativas, así como nos expedientes sancionadores, as persoas físicas ou xurídicas terán a obriga de comparecer cando o órgano competente llelo requira.
  8. O persoal funcionario actuante nos procedementos derivados das anteriores facultades e prerrogativas, así como na instrución de expedientes sancionadores, terá a condición de axente da autoridade.
  9. Fronte aos actos administrativos adoptados en exercicio destas facultades e potestades, poderanse interpoñer os recursos e as accións establecidos na lexislación xeral en materia de patrimonio das administracións públicas respecto do seu réxime de control xudicial.

Artigo 213. Competencia para a defensa extraxudicial

  1. A interposición de reclamacións, de requirimentos, de recursos e de calquera outra actuación administrativa en defensa do patrimonio inmobiliario da Administración xeral da Comunidade Autónoma e o exercicio das facultades e das prerrogativas enunciadas no artigo 212 correspóndenlle á consellaría competente en materia de patrimonio, agás que, para determinados bens ou dereitos, por lei se lle atribúa o exercicio das facultades dominicais a outra consellaría ou, en concreto, algunha das competencias enunciadas.

Correspóndelle a cada consellaría o exercicio das actuacións administrativas en defensa do patrimonio mobiliario, das propiedades incorporais e dos demais dereitos adscritos, así como a potestade de desafiuzamento en relación cos bens que teña en adscrición.

  1. Nas entidades públicas instrumentais, correspóndelle ao órgano unipersoal de goberno a competencia para exercer as facultades e prerrogativas de defensa do seu patrimonio.
  2. As entidades públicas empresariais que por lei teñan que adecuar a súa actividade ao ordenamento xurídico privado só poden exercer as potestades enumeradas no artigo 212 para a defensa dos seus bens e dereitos demaniais.

Artigo 214. Defensa xudicial

A representación e a defensa xudicial do patrimonio da Comunidade Autónoma correspóndenlle á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 215. Transacción e arbitraxe

  1. A transacción xudicial ou extraxudicial sobre os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais, así como o sometemento aos procedementos de arbitraxe das controversias que xurdan sobre eles, serán autorizados por un decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio ou da consellaría á que se encontra adscrita a entidade pública instrumental.

O acordo de transacción extraxudicial subscribirao, segundo corresponda, a persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou do órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental.

  1. De ser o caso, a homologación xudicial dos acordos de transacción, así como a representación e defensa nos procedementos arbitrais, corresponderanlle á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 216. Procedementos administrativos: comunicacións e notificacións preceptivas

  1. Cando na tramitación de calquera procedemento administrativo resulten implicados uns bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberáselle comunicar individualmente o trámite de audiencia ou, se for caso, de información pública, así como a súa resolución, ao órgano competente para a súa defensa, determinado no artigo 213.

A falta de realización das sinaladas comunicacións nos procedementos de competencia dunha administración pública galega determinará a nulidade de pleno dereito do acto que se dite se comprender bens ou dereitos de dominio público, e a súa anulabilidade se estes foren de carácter patrimonial.

O órgano competente para a defensa do ben ou dereito implicado poderá designar o centro concreto que seguirá a tramitación do procedemento comunicado e o enderezo ao que deberán dirixirse necesariamente as notificacións do expediente. A remisión a outro centro ou enderezo distinto dos designados comportará igualmente os efectos do parágrafo anterior.

  1. Se na tramitación de procedementos administrativos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma ou polas súas entidades públicas instrumentais xorden conflitos derivados da concorrencia de diferentes intereses ou utilidades, públicas ou sociais, sobre bens ou dereitos da Comunidade Autónoma, o órgano directivo competente en materia de patrimonio decidirá sobre a prevalencia ou compatibilidade de intereses, logo da audiencia das consellarías e das entidades interesadas.
  2. A aprobación, a modificación ou a execución de instrumentos de planeamento urbanístico, cando comprendan bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, requirirán as comunicacións e os acordos prescritos no capítulo II do título VI.

Artigo 217. Denuncia cidadá

  1. Calquera persoa pode denunciar feitos que causen prexuízos ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A denuncia, que deberá formularse por escrito dirixido á consellaría competente en materia de patrimonio, poderá realizarse tamén de forma anónima consonte o disposto no artigo 17 da Lei 2/2003, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.

O escrito de denuncia deberá incluír os feitos ou as condutas denunciadas, o tempo en que se produciron ou se seguen a producir, o ben ou dereito da Comunidade Autónoma prexudicado, os danos causados e, de constituír unha posible infracción administrativa, a data da comisión, as probas documentais, as testemuñas e os presuntos responsables.

Sobre a procedencia da iniciación do correspondente procedemento administrativo ditarase unha resolución motivada, que se lle comunicará á persoa denunciante, no caso de estar identificada.

  1. Esta denuncia non leva aparellada unha gratificación económica nin máis beneficios ca os establecidos no artigo 235 para os casos de denuncia por unha das persoas participantes nun feito constitutivo de infracción administrativa, nos termos do título VIII.

Sección 2ª. Inspección

Artigo 218. Facultade de inspección

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais teñen a facultade de inspeccionar o seu patrimonio co obxecto de o identificar e comprobar o seu estado de conservación, o uso ou o destino.

A función inspectora estará modulada polos principios de oportunidade e eficacia, autonomía e proporcionalidade.

  1. A facultade de inspección é independente e compatible con calquera outro dereito de supervisión que se puido establecer nun título de concesión, cesión, usufruto ou en calquera outro que outorgue a favor dun terceiro o uso ou aproveitamento sobre bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 219. Procedemento de inspección

  1. A acción inspectora desenvolverase con autonomía técnica e funcional, non precisará, necesariamente, dunha orde ou autorización superior e poderase desenvolver presencialmente ou a través de requirimentos escritos de achega de información ou de documentos.
  2. A inspección presencial poderase efectuar en calquera momento e sen necesidade de anuncio previo, e supoñerá o acceso libre e incondicionado aos lugares que hai que supervisar, sempre que non afecte a intimidade das persoas, o segredo das comunicacións ou o dereito á inviolabilidade do domicilio, que faga imprescindible obter a pertinente autorización xudicial por non se aceptar voluntariamente a súa execución.
  3. Durante a intervención, o inspector ou a inspectora poderase valer de persoal técnico e administrativo de apoio, de auxilio policial, practicar dilixencias de investigación e de comprobación, requirir información, examinar documentación e obter copias, realizar fotografías, gravacións e medicións, levantar planos, exixir a identificación e comparecencia de persoas e, de o estimar oportuno, adoptar unhas medidas cautelares conformes coa finalidade perseguida.

No caso de bens e dereitos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, a inspección estará dirixida por persoal coa condición de funcionario público.

  1. A actuación inspectora concluirá coa emisión dunha acta sobre a situación do ben ou dereito supervisado, na que se propoñerá a adopción das medidas ou a iniciación dos procedementos administrativos que se consideren pertinentes. A acta emitida gozará da presunción de veracidade.

Artigo 220. Obstaculización ou resistencia á inspección

  1. A ilícita obstaculización do normal desenvolvemento da inspección, o falseamento da información subministrada ou o incumprimento dos deberes de colaboración e cooperación constitúen unha infracción administrativa nos termos desta lei, sen prexuízo da concorrencia doutras responsabilidades civís ou penais.
  2. A resistencia á inspección determinará a súa execución forzosa, logo de apercibimento, para o que se poderán impoñer tres multas coercitivas sucesivas do un, do cinco e do vinte por cento do valor de inventario dos bens ou dereitos que se pretendan inspeccionar, reiteradas por períodos non superiores a dez días naturais. De persistir a resistencia á execución ou de se considerar máis conveniente por razóns de eficacia ou urxencia, procederá a súa execución forzosa subsidiaria e, se é o caso, a directa compulsión sobre as persoas, para o que se poderá solicitar o auxilio das forzas e corpos de seguridade.

Sección 3ª. Investigación

Artigo 221. Facultade de investigación

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais teñen a facultade de investigar a situación dos bens e dereitos que presumiblemente formen parte do seu patrimonio, cando non conste de modo certo a súa titularidade.

Artigo 222. Procedemento de investigación

  1. O procedemento de investigación iniciarase de oficio, por propia iniciativa, por comunicación ou por denuncia.
  2. Como actuación previa ao acordo de iniciación do procedemento, comprobarase a existencia de indicios razoables suficientes que fagan presumir a titularidade da Administración autonómica, coa identificación do ben ou dereito que hai que investigar. De non concorreren tales presupostos, ao mediar unha denuncia, acordarase a súa inadmisión, que será notificada a quen fose o seu presentador.

O procedemento de investigación pode levar aparellada, se for preciso, a inspección dos bens ou dereitos afectados nos termos previstos na sección 2ª deste capítulo.

  1. A resolución de inicio do procedemento de investigación, que incorporará a descrición do ben ou dereito obxecto do expediente, acordará ademais a apertura dun trámite de alegacións, a achega de documentos e a proposta de proba.

A resolución de inicio publicarase gratuitamente no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do órgano competente para a tramitación e no taboleiro de anuncios do concello en que se localice o ben, para a súa exposición pública por un prazo non inferior a trinta días naturais. Se o ben se localiza fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, solicitarase tamén a publicación do acordo no Boletín Oficial del Estado ou no diario oficial da comunidade autónoma correspondente.

O acordo seralles notificado á persoa denunciante e a aqueloutras persoas interesadas que fosen identificadas no transcurso das actuacións previas de comprobación, e, particularmente, de se tratar dun ben inmoble, a quen sexa titular catastral dos predios estremeiros.

Da publicación no diario oficial deixarase constancia no expediente, así como da certificación municipal en que conste a data e o prazo de exposición da resolución no taboleiro de anuncios do concello.

  1. Despois do transcurso do prazo outorgado para a proposta de proba, procederase, se é o caso, á práctica da admitida, notificándolles ás persoas interesadas, con antelación suficiente, o lugar, a data e a hora para a súa realización, o seu dereito a seren asistidas por persoal técnico e, de corresponder, o importe do anticipo dos custos derivados da práctica solicitada.
  2. Ao se cumpriren os anteriores trámites, e sen prexuízo da solicitude dos informes facultativos que se xulguen necesarios para mellor resolver, abrirase un trámite de audiencia aos interesados e ás interesadas que comparecesen no procedemento por un prazo non inferior a vinte días naturais, poñéndolles de manifesto o expediente para que poidan examinalo e presentar as alegacións, os documentos e os xustificantes que coiden pertinentes.
  3. Ao se finalizar o trámite de audiencia, cando se considere suficientemente acreditada a titularidade autonómica, presentarase a proposta de resolución do procedemento, que comprenderá, polo menos, a descrición do ben ou dereito, a fundamentación xurídica do seu domino e a súa taxación. A proposta de resolución someterase a un informe da Asesoría Xurídica.
  4. A resolución do procedemento de investigación que declare a titularidade autonómica deberase ditar e notificar dentro do prazo máximo de dous anos, contados desde a data do acordo de iniciación. No caso contrario, declararase a caducidade do expediente e acordarase o seu arquivo.

Cando o procedemento se iniciase a partir dunha denuncia, a resolución incluirá a decisión sobre a procedencia do dereito a premio. Se o procedemento de investigación non é resolto expresamente no prazo establecido, a persoa denunciante poderá entender desestimado o seu dereito.

Tamén finalizará o procedemento de investigación, con independencia da súa fase de tramitación, cando á vista das alegacións, dos documentos ou doutros medios de proba incorporados ao expediente se constate a improcedencia da declaración da titularidade autonómica ou cando simplemente non se logre a súa suficiente acreditación, e en ambos os dous supostos acordarase o seu arquivo.

A resolución que poña fin ao procedemento de investigación será publicada nos termos da alínea 3 deste artigo e notificada ás persoas interesadas que comparecesen no expediente e, de ser o caso, á persoa denunciante.

  1. O ben ou dereito declarado de titularidade autonómica incorporarase ao Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia e instarase a súa alta nos rexistros públicos pertinentes. Así mesmo, adoptaranse as medidas necesarias para tomar a súa efectiva posesión.

Artigo 223. Denuncia e premio no procedemento de investigación

  1. Á persoa que, non estando obrigada por razón do seu cargo ou emprego público a colaborar na protección e defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma, dea un primeiro coñecemento ao denunciar a presunta existencia dun ben ou dereito da Comunidade Autónoma de Galicia que comporte a iniciación dun procedemento de investigación que se resolva coa declaración da titularidade autonómica recoñeceráselle o dereito a percibir un premio do dez por cento do valor da taxación do ben ou dereito.

Por primeiro coñecemento entenderase que, no tempo da presentación da denuncia, a Administración autonómica non teña aínda noticia do seu dereito. De ter coñecemento previo, o órgano competente para a tramitación do procedemento de investigación inadmitirá a denuncia e notificará tal resolución a quen a presentou.

  1. O escrito de denuncia, que deberá formularse expresamente como tal para non ser considerada unha simple comunicación consecuencia da colaboración cidadá, presentarase nun rexistro propio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das súas entidades públicas instrumentais, dirixido á consellaría competente en materia de patrimonio ou á entidade pública presuntamente titular, segundo corresponda. Caso de se presentar noutro rexistro público ou por outro medio legalmente admitido, precisarase obter a confirmación da recepción da denuncia para alegar a súa eficacia, sen prexuízo do establecido na alínea 3 deste artigo.

O escrito incluirá os seguintes datos e declaracións:

  1. a) O nome e os apelidos da persoa denunciante, o documento nacional de identidade ou a documentación identificativa equivalente expedida por unha autoridade gobernamental, a profesión, o enderezo e, se dispón deles, o número de teléfono, o correo electrónico ou calquera outro medio de contacto.
  2. b) A declaración responsable de non ter un cargo ou emprego público.
  3. c) A identificación do ben ou dereito denunciado, con indicación da súa localización, da referencia catastral, a situación rexistral, o título que fai presumir o dereito autonómico, o estado de conservación, as cargas e os gravames. De estar ou ter estado en administración, custodia, explotación, uso ou posesión por terceiros, informarase do seu nome, enderezo e teléfono.
  4. d) Calquera outro dato relevante relacionado coa situación patrimonial do ben ou dereito por investigar.

Ao escrito de denuncia xuntaránselle todos aqueles documentos que poidan resultar de interese para a determinación da titularidade autonómica, particularmente as escrituras, públicas ou privadas, unhas fotografías, uns planos e os certificados orixinais do Rexistro da Propiedade, do Rexistro Mercantil, do Rexistro de Bens Mobles, da Dirección Xeral de Tráfico ou de calquera outro rexistro de acceso público en que figure anotado o ben ou dereito que hai que investigar. A falta da achega destes certificados cando o ben ou dereito estea inscrito determinará a perda do dereito ao premio.

  1. Da recepción do escrito de denuncia remitirase un xustificante de recepción a quen a presentou nun prazo non superior a vinte días naturais. No caso de non recibir a confirmación, a persoa denunciante deberá presentar perante o órgano competente o recibo ou a copia da denuncia que acredite o rexistro e a data da súa presentación.
  2. A denuncia de bens ou dereitos procedentes dunha herdanza intestada da que poida derivar o dereito a suceder da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase exclusivamente polo disposto no título III.

Non terán dereito a premio as denuncias que versen sobre os inmobles vacantes ou sen dono coñecido, así como sobre os saldos ou os depósitos abandonados do artigo 89.

Tampouco se lles recoñecerá premio ás persoas denunciantes que fixesen uso, explotación ou disposición irregular dos bens ou dereitos denunciados, os cedesen por calquera título, fosen os seus administradores, xestores ou comisionados, ou estivesen en comunidade, copropiedade, e cando sexan titulares de créditos derivados deles.

  1. O dereito a premio só será exixible unha vez que gañase firmeza e fose inatacable o acordo polo que se finalice o procedemento de investigación, logo da resolución dos recursos ou procedementos xudiciais aos que puido dar lugar, e o ben ou dereito se incorporase definitivamente ao patrimonio da Comunidade Autónoma, tendo esta a súa pacífica posesión e figurando inscrito a favor da Administración autonómica no Rexistro da Propiedade ou noutro rexistro pertinente.

Perderá a persoa denunciante o seu dereito a percibir o premio se no tempo do seu aboamento non se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa Seguridade Social, así como cando fose sancionada por unha infracción grave ou moi grave e non concorra o suposto de exención do artigo 235.1.

Sección 4ª. Deslindamento

Artigo 224. Potestade de deslindamento

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais poderán deslindar na vía administrativa os bens inmobles da súa titularidade, cando os seus límites sexan imprecisos.
  2. Consonte o establecido na normativa básica en materia de patrimonio das administracións públicas, así que se inicie o procedemento administrativo de deslindamento, e mentres dure a súa tramitación, non se poderá instar un procedemento xudicial con igual pretensión.

Artigo 225. Procedemento de deslindamento

  1. O procedemento iniciarase de oficio, por propia iniciativa ou por comunicación do órgano de adscrición ou da persoa usuaria autorizada do inmoble.
  2. Con anterioridade á adopción do acordo de iniciación do procedemento realizaranse as actuacións previas precisas para a emisión dun informe preliminar sobre a procedencia do deslindamento, no que consten polo menos os seguintes datos: a situación que o motiva, a descrición dos inmobles afectados, a identificación dos titulares de dereitos implicados, os títulos que se incorporan, a situación posesoria, o contraste co Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma e a consulta ao Rexistro da Propiedade, ao Catastro Inmobiliario e, se é o caso, ao órgano de adscrición ou á persoa usuaria autorizada.
  3. O acordo de iniciación do procedemento identificará o inmoble ou a zona obxecto do deslindamento e abrirá un trámite de alegacións e de achega de documentos por un prazo non inferior a trinta días naturais.

A resolución que acorde a iniciación publicarase gratuitamente no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do órgano competente para a tramitación e no taboleiro de anuncios do concello en que se localice o inmoble, para a súa exposición pública polo prazo aberto para a presentación de alegacións. Se o ben estiver fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, solicitarase tamén a publicación do acordo no Boletín Oficial del Estado ou no diario oficial da comunidade autónoma correspondente.

O acordo de iniciación seralles notificado a aqueles titulares de dereitos sobre os predios estremeiros que figuren identificados no informe preliminar.

Da publicación no diario oficial deixarase constancia no expediente, así como da certificación municipal en que conste a data e o prazo de exposición da resolución no taboleiro de anuncios do concello.

  1. O acordo de iniciación do procedemento comunicaráselle ao Rexistro da Propiedade co fin de que, se o inmoble estiver inscrito, se practique unha anotación marxinal ao asento de inscrición e, se é o caso, na dos estremeiros afectados ou, en ausencia de inmatriculación, se estenda unha anotación de suspensión.
  2. Recibidas as alegacións presentadas no prazo debido, tendo en conta a documentación que consta no expediente, en especial os títulos achegados, orixinais ou autenticados, intentarase definir con precisión os lindeiros do inmoble e confeccionar un axeitado plano parcelario a escala.
  3. Se a anterior definición non for posible, acordarase a práctica do deslindamento, coa sinalización do lugar, do día e da hora do apeo. Esta resolución seralles notificada ás persoas interesadas que comparecesen no procedemento e, en todo caso, aos titulares de dereitos reais sobre os predios estremeiros que figuren identificados no expediente.

O apeo realizarao o órgano competente para a tramitación do procedemento, coa dirección técnica dunha ou dun facultativo con titulación adecuada. Ao acto poderán concorrer, ademais, as interesadas e os interesados cos técnicos que os asistan, unha persoa representante do órgano de adscrición ou da persoa usuaria autorizada do inmoble, se é o caso, e o persoal de apoio necesario.

Do apeo estenderase unha acta, na que se farán constar as seguintes circunstancias:

  1. a) O lugar, a data e a hora de comezo da actuación.
  2. b) O nome, os apelidos, o documento nacional de identidade ou a documentación identificativa equivalente expedida por unha autoridade gobernamental e unha representación dos concorrentes. Sinalarase a condición en que comparecen e a acreditación do seu interese, de non constar no procedemento.
  3. c) A descrición do inmoble ou da zona, a denominación, a situación, a cabida aproximada, as liñas perimetrais, as distancias ou lonxitudes e os estremeiros identificados.
  4. d) Os traballos realizados, o método e os instrumentos utilizados.
  5. e) As incidencias, as manifestacións ou as observacións que se formulen.
  6. f) A lectura, a hora de finalización e a sinatura das persoas asistentes.
  7. g) As e os asinantes que solicitan remisión dunha copia da acta.

Se non se pode rematar o apeo nunha soa xornada, proseguirán as operacións durante as sucesivas ou noutras que se conviñeren, coa extensión por cada unha delas da correspondente acta, na cal se deixará constancia da data de continuación dos traballos, sen necesidade dunha nova convocatoria.

Ao se concluír a práctica do deslindamento, incorporarase ao expediente a acta ou as actas elaboradas e un plano parcelario a escala do inmoble ou da zona obxecto do procedemento.

  1. Tras cumprir os trámites anteriores, abrirase un trámite de audiencia que se lles notificará ás persoas interesadas que comparecesen no procedemento e, en todo caso, aos titulares de dereitos reais sobre os predios estremeiros que figuren identificados, xuntando unha copia do plano elaborado. O expediente poñerase de manifesto para poder examinalo e presentar as alegacións por un prazo non inferior a vinte días naturais.
  2. Ao finalizarse o trámite de audiencia, presentarase a proposta de resolución do procedemento, que se someterá a un informe da Asesoría Xurídica.
  3. A resolución aprobatoria do deslindamento deberase ditar e notificar no prazo máximo de dezaoito meses, contados desde a data do acordo de iniciación. No caso contrario, caducará o procedemento e acordarase o arquivo das actuacións.

Se resulta necesario o posterior amolloamento do inmoble, acordarase na resolución aprobatoria do deslindamento.

A resolución seralles notificada aos interesados e ás interesadas que comparecesen no procedemento e, en todo caso, aos titulares de dereitos reais sobre os predios estremeiros que figuren identificados no expediente. De se acordar o amolloamento, na comunicación daráselles un prazo para solicitar a súa participación na colocación dos marcos.

Se for procedente, unha copia da resolución e do plano confeccionado seralle remitida ao órgano de adscrición ou á persoa usuaria autorizada do inmoble autonómico.

  1. Unha vez que o acordo resolutorio sexa firme, anotarase o deslindamento no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitarase a modificación ou a alta correspondente no Catastro Inmobiliario e inscribirase no Rexistro da Propiedade.

De se acordar o amolloamento, sinalarase o día e a hora para a súa práctica, que se lles comunicará con suficiente antelación ás persoas interesadas que solicitasen a súa participación e, se é o caso, ao órgano de adscrición ou usuario autorizado do inmoble deslindado.

Artigo 226. Inscrición

  1. Se o predio deslindado estiver inscrito no Rexistro da Propiedade, ao ser firme o acordo resolutorio, solicitarase a inscrición do deslindamento administrativo.
  2. Conforme a normativa de aplicación xeral en materia de patrimonio das administracións públicas, a resolución aprobatoria do deslindamento será un título abondo para a inmatriculación do ben no Rexistro da Propiedade, sempre que cumpra co resto dos requisitos exixidos pola lexislación hipotecaria.

Sección 5ª. Recuperación posesoria

Artigo 227. Potestade de recuperación posesoria

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais poden recuperar por si mesmas a posesión indebidamente perdida sobre os bens e dereitos dos seus respectivos patrimonios. Tamén poderán exercer esta potestade sobre bens e dereitos que se incorporen aos seus patrimonios por sucesión na posición xurídica da persoa transmitente, cando a posesión sexa perdida polo seu anterior titular.

Sen prexuízo do anterior, de se considerar máis conveniente para o interese público, instarase a recuperación posesoria xudicial.

  1. Se os bens e dereitos dos que se trata de recuperar a posesión teñen a condición de demaniais, a potestade de recuperación poderase exercer en calquera momento.
  2. De se tratar de bens e dereitos patrimoniais, a recuperación da posesión na vía administrativa require que a iniciación do procedemento sexa notificada antes de que transcorra o prazo dun ano, contado desde o día seguinte ao da usurpación. Ao pasar ese prazo, para recuperar a posesión destes bens deberanse exercitar as accións xudiciais correspondentes.

Artigo 228. Procedemento de recuperación posesoria

  1. O procedemento de recuperación posesoria iniciarase de oficio, por propia iniciativa ou como consecuencia da colaboración na defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma.
  2. Con anterioridade á adopción do acordo de iniciación do procedemento realizaranse as actuacións previas precisas para a emisión dun informe preliminar sobre a procedencia da recuperación, no que consten polo menos os seguintes datos: a descrición do ben ou dereito, a súa titularidade autonómica e a natureza demanial ou patrimonial, a ocupación por un terceiro sen constancia de título e o tempo desde que se produce, así como a identificación da persoa ocupante e a súa resistencia á restitución da posesión.

Entre as actuacións previas por desenvolver, requirirase da persoa ocupante a presentación do título habilitante da súa ocupación. No caso contrario, será instada para que devolva a posesión e restitúa ou compense o danado ou alterado, apercibíndoa así mesmo da incoación do procedemento de recuperación de oficio e, de proceder, da apertura dun expediente sancionador e da promoción das accións xudiciais pertinentes.

  1. A resolución pola que se acorde a iniciación do procedemento incorporará a identificación do ben ou dereito de titularidade autonómica por recuperar e a da persoa que o ocupa e mais o acordo de apertura dun trámite de audiencia por un prazo non superior a dez días naturais, poñéndose de manifesto o expediente para o seu exame e para presentar alegacións e documentos.

A resolución seralles notificada á persoa ocupante e ás demais persoas interesadas que consten no expediente.

  1. Ao se incorporaren as alegacións e os documentos presentados, formularase unha proposta de resolución favorable á recuperación de oficio da posesión ou ao arquivo das actuacións.
  2. A resolución pola que se acorda a recuperación de oficio deberase ditar e notificar no prazo máximo de seis meses, contados desde a data de iniciación. No caso contrario, caducará o procedemento e acordarase o seu arquivo.

A resolución do procedemento, ademais de acordar, se procede, a devolución do ocupado e a restitución ou a compensación do danado ou alterado, determinará a indemnización correspondente polos prexuízos ocasionados pola detentación, incluíndo os gastos orixinados na tramitación do procedemento e, en todo caso, o valor da utilidade que reportase. Estes importes poderanse facer efectivos polo procedemento de constrinximento.

A resolución aprobatoria incluirá, en todo caso, como gastos de tramitación do procedemento un tres por cento do valor que conste no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma para o ben ou dereito por recuperar, cun mínimo de mil euros, agás se se orixinasen custos por un importe superior, suposto no cal se incluirán estes.

  1. A resolución pola que se acorde a recuperación posesoria é inmediatamente executiva. No caso de resistencia ao seu cumprimento voluntario, logo de apercibimento, poderá ser executada forzosamente a través da imposición de tres multas coercitivas sucesivas do un, do cinco e do vinte por cento do valor dos bens ocupados, reiteradas por períodos non superiores a dez días naturais ata a total realización do resolto.

De persistir a resistencia á execución ou de se considerar máis conveniente por razóns de eficacia ou urxencia, procederá a súa execución forzosa subsidiaria e, se é o caso, a directa compulsión sobre as persoas, para o que se poderá solicitar o auxilio das forzas e corpos de seguridade.

Sección 6ª. Desafiuzamento administrativo

Artigo 229. Potestade de desafiuzamento

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais poderán recuperar na vía administrativa a posesión dos seus bens demaniais cando decaian ou desaparezan o título, as condicións ou as circunstancias que lexitimaban a súa ocupación por terceiros. Tamén poderán exercer esta potestade sobre bens e dereitos que se incorporen aos seus patrimonios por sucesión na posición xurídica da persoa transmitente, cando a posesión sexa perdida polo seu anterior titular.

Artigo 230. Procedemento de desafiuzamento

  1. O procedemento de desafiuzamento iniciarase de oficio, logo da declaración da extinción ou caducidade do título que outorgaba o dereito de utilización dos bens de dominio público.

Antes da adopción do acordo de iniciación, deberáselle ter notificado á persoa ocupante a declaración de extinción ou caducidade do seu título e requirila para que, no prazo que se determine, devolva a posesión do ben demanial e, se houber lugar, aboe as penalizacións pertinentes e restitúa o alterado ou danado, apercibíndoa da incoación do procedemento de desafiuzamento e, de proceder, da apertura dun expediente sancionador e da promoción das accións xudiciais pertinentes.

  1. A resolución pola que se acorde a iniciación do procedemento incorporará a descrición do ben demanial por recuperar, a referencia á declaración da extinción ou caducidade do título que outorgaba o dereito de utilización e a identificación da persoa ocupante. Na mesma resolución acordarase a apertura dun trámite de audiencia por un prazo non superior a dez días naturais, poñéndose de manifesto o expediente para o seu exame e para presentar alegacións e documentos.

A resolución seralles notificada á persoa ocupante e ás outras persoas interesadas que consten no expediente.

  1. Ao se incorporaren as alegacións e os documentos presentados, formularase unha proposta de resolución favorable ao desafiuzamento ou ao arquivo das actuacións.
  2. A resolución pola que se acorda o desafiuzamento deberase ditar e notificar no prazo máximo de seis meses, contados desde a data do acordo de iniciación. No caso contrario, caducará o procedemento e acordarase o seu arquivo.

A resolución do procedemento, ademais de acordar, se procede, a devolución do retido, a restitución ou a compensación do danado ou alterado e as penalizacións pertinentes, determinará a indemnización correspondente polos prexuízos ocasionados pola indebida retención, incluíndo os gastos orixinados na tramitación do procedemento e, en todo caso, o valor da utilidade que reportase. Os seus importes poderanse facer efectivos polo procedemento de constrinximento.

A resolución incluirá, en todo caso, como gastos de tramitación do procedemento un tres por cento do valor que conste no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma para o ben ou dereito por recuperar, cun mínimo de mil euros, agás se se orixinasen custos por un importe superior, suposto no cal se incluirán estes.

  1. A resolución pola que se acorde o desafiuzamento será inmediatamente executiva. No caso de resistencia ao seu cumprimento voluntario, logo de apercibimento, poderá ser executada forzosamente a través da imposición de tres multas coercitivas sucesivas do un, do cinco e do vinte por cento do valor dos bens retidos, reiteradas por períodos non superiores a dez días naturais ata a total realización do resolto.

De persistir a resistencia á execución ou de se considerar máis conveniente por razóns de eficacia ou urxencia, procederá a súa execución forzosa subsidiaria e, se é o caso, a directa compulsión sobre as persoas, para o que se poderá solicitar o auxilio das forzas e corpos de seguridade.

TÍTULO VIII

RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 231. Responsabilidades

  1. Incorrerán nunha infracción administrativa as persoas físicas ou xurídicas e aquelas entidades, grupos, unións ou patrimonios que, aínda sen personalidade xurídica, teñan legalmente recoñecida a capacidade de obrar, que resulten ser responsables dolosa ou neglixentemente de causar danos ou perdas nos bens ou dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, que os ocupen, utilicen, reteñan ou alteren indebidamente, ou incumpran os deberes aos que veñen obrigadas para con eles, de acordo co tipificado neste título.
  2. As responsabilidades derivadas destas infraccións serán exixibles na vía administrativa a través do procedemento sancionador, no cal se concretarán as sancións impoñibles e, se é o caso, e con independencia das anteriores, a indemnización polos prexuízos causados, a restitución ou reposición do danado ou alterado e a extinción da relación xurídica coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Na cuantificación da indemnización incluirase tamén, e en todo caso, o valor do obtido irregularmente pola persoa infractora, de xeito que a comisión dalgunha das infraccións tipificadas nunca poderá resultar máis beneficiosa para o infractor ca o cumprimento das normas infrinxidas.

  1. Das obrigas derivadas das anteriores responsabilidades responderán solidariamente os que participasen conxuntamente na comisión da infracción, agás no caso de corresponder sancións pecuniarias e ser posible a individualización do grao de participación de cada responsable.
  2. Se os responsables das infraccións estiveren sometidos ao réxime do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitarase o expediente disciplinario correspondente.
  3. O réxime sancionador establecido neste título ten carácter subsidiario respecto do establecido na lexislación especial que poida resultar aplicable a determinados bens e dereitos.

Artigo 232. Infraccións

  1. Son infraccións moi graves:
  2. a) A produción de danos e perdas ou a obtención irregular de beneficios a partir de bens de dominio público da Comunidade Autónoma, cando o seu importe supere a cantidade de trescentos mil euros.
  3. b) A usurpación de bens de dominio público, cando o valor de taxación do usurpado sexa superior a cincocentos mil euros.
  4. c) As condutas constitutivas de infraccións graves cando sexan cometidas por unha persoa sancionada con carácter firme no ano anterior por unha ou máis infraccións graves.
  5. Son infraccións graves:
  6. a) A produción de danos e perdas ou a obtención irregular de beneficios a partir de bens de dominio público da Comunidade Autónoma, cando o seu importe supere a cantidade de cinco mil euros e non exceda os trescentos mil euros.
  7. b) A usurpación de bens de dominio público, cando o valor de taxación do usurpado non exceda os cincocentos mil euros.
  8. c) O incumprimento das obrigas de custodia, conservación, defensa e adecuada utilización e destino establecidas no artigo 193.2.
  9. d) A realización de obras, traballos ou outras actuacións non autorizadas en bens de dominio público.
  10. e) A retención de bens de dominio público unha vez extinguido o título que lexitimaba a súa ocupación.
  11. f) O uso común especial ou o uso privativo de bens de dominio público sen a correspondente autorización ou concesión.
  12. g) O uso de bens de dominio público obxecto de autorización ou concesión sen se suxeitar ao seu contido ou para fins distintos dos que motivaron o seu outorgamento.
  13. h) A utilización de bens cedidos gratuitamente ou que fosen obxecto de adscrición ou mutación demanial a favor de terceiros para fins distintos dos previstos nos acordos de cesión, adscrición ou mutación.
  14. i) As actuacións sobre bens afectos a un servizo público que impidan ou dificulten gravemente a súa normal prestación.
  15. j) As actuacións que obstaculicen o normal desenvolvemento da tramitación dos procedementos iniciados para a protección e a defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma ou para a súa declaración como herdeira legal ab intestato.
  16. k) O falseamento da información subministrada á administración en cumprimento de deberes impostos por esta lei, sen prexuízo doutras responsabilidades en que se puido incorrer.
  17. l) As condutas constitutivas de infraccións leves cando sexan cometidas por unha persoa sancionada con carácter firme no ano anterior por unha ou máis infraccións leves.
  18. Son infraccións leves:
  19. a) A produción de danos e perdas ou a obtención irregular de beneficios a partir de bens de dominio público da Comunidade Autónoma, cando o seu importe non exceda os cinco mil euros.
  20. b) O incumprimento das disposicións que regulan a utilización dos bens destinados a un servizo público polos seus usuarios e usuarias.
  21. c) O incumprimento das disposicións que regulan o uso común xeral dos bens de dominio público.
  22. d) O incumprimento dos deberes de comunicación, colaboración e cooperación establecidos nesta lei non cualificados como infracción grave.
  23. e) Calquera outro incumprimento das obrigas establecidas nesta lei.

Artigo 233. Sancións

  1. As infraccións tipificadas no artigo anterior sancionaranse coas seguintes multas:
  2. a) Infraccións leves: multa de 300 ata 5.000 euros.
  3. b) Infraccións graves: multa de 5.001 ata 50.000 euros. Non obstante, a obstaculización do normal desenvolvemento dos procedementos iniciados para a protección e a defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma sancionarase con multa de entre 300 e 50.000 euros.
  4. c) Infraccións moi graves: multa de 50.001 ata 1.000.000 de euros.

A sanción poderase incrementar ata o triplo do valor do dano ou da perda ocasionada ou do beneficio indebidamente obtido, cando estes superen o límite máximo da sanción correspondente.

  1. Para graduar a contía das multas atenderase ao importe e á natureza dos danos ou das perdas causados, ao valor dos bens ou dereitos afectados, ao grao de culpabilidade ou intencionalidade da persoa infractora, ao beneficio que obtivese e, se se trata dunha infracción continuada, á persistencia ou reiteración nos feitos. No caso de infraccións moi graves, terase en conta tamén a reincidencia na comisión dunha infracción da mesma natureza sancionada no ano anterior.
  2. No caso de reincidencia nun prazo de tres anos en infraccións graves ou en cinco anos en moi graves, poderase declarar a inhabilitación da persoa infractora, por un prazo de un a cinco anos, para ser titular de autorizacións e concesións ou contratar con calquera administración pública galega.

A sanción por infraccións leves ou graves poderá levar aparellada, de concorrer, a extinción da relación xurídica coa Comunidade Autónoma de Galicia. Tal extinción acordarase, en todo caso, de se tratar dunha infracción moi grave.

Artigo 234. Reducións na contía da multa

  1. Con independencia da restitución ou da reposición do danado ou alterado e, se é o caso, do aboamento da indemnización polos prexuízos causados pola persoa infractora, o recoñecemento da súa responsabilidade comportará unha redución do vinte por cento no importe da multa aplicable, cando esta sexa a única sanción procedente.

Igual redución acumulable acordarase nas sancións exclusivamente pecuniarias polo pagamento voluntario no prazo outorgado na fase anterior á resolución do procedemento sancionador.

En ambos os casos anteriores, as reducións están condicionadas á desistencia ou á renuncia de calquera acción xudicial ou de recurso na vía administrativa contra a sanción.

  1. En atención ás circunstancias económicas da persoa infractora, cando así o solicite e acrediten os ingresos económicos brutos anuais da unidade familiar en que se integre, non constituíndo un caso de reincidencia ou de infracción continuada persistente e logo de reparar e indemnizar o que corresponda, a contía da multa tamén poderá reducirse nas seguintes porcentaxes:
  2. a) Nun dez por cento para as unidades familiares con máis de tres membros e ingresos inferiores a tres veces do indicador público de renda de efectos múltiples, anual doce mensualidades.
  3. b) Nun vinte por cento para as unidades familiares con ingresos inferiores a dúas veces do indicador público de renda de efectos múltiples, anual doce mensualidades.
  4. c) Nun trinta por cento para as unidades familiares con ingresos inferiores a 1,5 veces do indicador público de renda de efectos múltiples, anual doce mensualidades.

Engadirase un dez por cento adicional de redución por cada un dos supostos relacionados a continuación, ata un máximo dun trinta por cento, cando, nos limiares das anteriores unidades familiares, estas teñan recoñecida a condición de familia numerosa, algún dos seus membros teña declarada unha discapacidade superior ao trinta e tres por cento ou unha situación de dependencia, constitúa unha unidade familiar monoparental con dous ou máis fillos a cargo ou cando a persoa infractora estea, no tempo de se acordar a sanción, en situación de desemprego ou fose vítima de violencia de xénero.

Para a determinación da unidade familiar haberá que aterse ao establecido na Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas, e para o cálculo dos ingresos familiares, ás declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar respecto do referido imposto polo período impositivo anterior, con prazo de presentación vencido, ao do ano en que se deba acordar a sanción. Se a persoa infractora non ten presentada a declaración por non estar obrigada, solicitarase un certificado da Axencia Tributaria e unha declaración responsable de ingresos e a achega, coma no resto dos casos, da documentación acreditativa económica, familiar ou doutra índole pertinente.

  1. As reducións establecidas neste artigo son compatibles entre si para a fixación da contía da multa da sanción, ben que a porcentaxe de redución máxima acumulable non poderá ser, en ningún caso, superior ao setenta por cento.

Artigo 235. Exención e redución especial por denuncia

  1. Cando a persoa denunciante a que fai referencia o artigo 217 participase na comisión dunha infracción contra o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en colaboración con outros infractores, será eximida do pagamento da multa correspondente e, se for o caso, da aplicación das sancións de carácter non pecuniario tipificadas no artigo 233.3 cando sexa a primeira en achegar os elementos de proba que permitan iniciar o procedemento sancionador ou, no caso de se ter incoado, cando no momento da presentación da denuncia aínda non se dispoña de elementos suficientes que permitan a comprobación da infracción e os achegados pola persoa denunciante resulten determinantes.

En todo caso, para que se acorde a exención, a persoa denunciante deberá, nos termos desta lei, reparar e indemnizar previamente os prexuízos causados e identificar con suficiencia o resto de partícipes no feito infractor.

  1. Se non se cumpre algunha das condicións do parágrafo primeiro da alínea anterior, mais a persoa denunciante infractora recoñecese a súa responsabilidade, reparase e indemnizase os danos e as perdas ocasionados, identificase o resto de partícipes e facilitase os elementos de proba con valor significativo respecto daqueles dos que se dispoña, reducirase o importe da multa á metade da súa contía e será eximida das sancións de carácter non pecuniario que foren aplicables.

Esta redución non será compatible coa redución do parágrafo primeiro da alínea 1 do artigo 234, mais si co resto de reducións establecidas, acumulables ata a porcentaxe máxima fixada do setenta por cento.

  1. A exención e a redución da sanción á persoa infractora denunciante estarán condicionadas ao cesamento na participación na conduta infractora e a que non se destruísen elementos de proba relacionados cos feitos que denuncia.

Artigo 236. Competencias sancionadoras

Sen prexuízo da iniciación e da instrución do procedemento sancionador por un órgano distinto, corresponderalle a súa resolución, segundo o tipo de infracción e sanción aplicable:

  1. a) Ao Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, no caso das sancións por infraccións moi graves.
  2. b) Á persoa titular da consellaría competente en materia de patrimonio, no caso das sancións por infraccións graves do artigo 232.2 previstas nas alíneas b) e c) cando a conduta non se poida tipificar noutra alínea, h) e j), agás que se trate de cesión de bens mobles ou de dereitos de propiedade incorporal ou dun procedemento de desafiuzamento administrativo.
  3. c) Á persoa titular da consellaría que teña adscritos os bens ou dereitos, polo resto das infraccións graves e leves previstas no artigo 232, agás as tipificadas na súa alínea 2.k) e na alínea 3.d), supostos nos cales lle corresponderá á persoa titular da consellaría que solicitase a colaboración ou cooperación ou sexa a destinataria da actuación.
  4. d) Ao órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais, no caso das infraccións cometidas sobre os bens e dereitos dos seus patrimonios e sobre aqueloutros que teñan adscritos, agás, neste último suposto, que teñan a cualificación de moi graves.

Artigo 237. Prescrición

  1. As infraccións tipificadas nesta lei prescriben nos seguintes prazos, que se contarán, segundo corresponda, desde a comisión do feito, desde o cesamento da conduta cando esta for continuada no tempo ou desde a manifestación do dano se este non for inmediato:
  2. a) Un ano, no caso das infraccións leves.
  3. b) Tres anos, no caso das infraccións graves.
  4. c) Catro anos, no caso das infraccións moi graves.
  5. As sancións impostas polas infraccións tipificadas nesta lei prescriben nos seguintes prazos, que se contarán desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza na vía administrativa a resolución sancionadora:
  6. a) Un ano, no caso das sancións impostas por infraccións leves.
  7. b) Tres anos, no caso das sancións impostas por infraccións graves.
  8. c) Catro anos, no caso das sancións impostas por infraccións moi graves.

Artigo 238. Procedemento sancionador

En todo o non previsto neste título, na tramitación dos procedementos sancionadores polas infraccións tipificadas nesta lei observaranse os principios e o procedemento establecidos con carácter xeral na normativa de réxime xurídico do sector público e do procedemento administrativo común.

Artigo 239. Execución

  1. O importe das sancións e o cumprimento das obrigas pecuniarias contraídas en virtude das responsabilidades derivadas do disposto neste título poderán ser exixidos polo procedemento de execución forzosa mediante un constrinximento sobre o patrimonio da persoa infractora.
  2. Autorízase a imposición de tres multas coercitivas sucesivas do un, do cinco e do vinte por cento do valor do retido, danado ou alterado, reiteradas por períodos non superiores a dez días naturais, para a execución forzosa das obrigas aparelladas de restitución ou reposición que se acorden adicionalmente á sanción e á indemnización correspondentes.

De persistir a resistencia á execución ou de se considerar máis conveniente por razóns de eficacia ou urxencia, procederá a súa execución forzosa subsidiaria e, se é o caso, a directa compulsión sobre as persoas, para o que se poderá solicitar o auxilio das forzas e corpos de seguridade.

  1. No caso do incumprimento dos deberes de colaboración e cooperación establecidos nesta lei, ou cando se obstaculice o desenvolvemento da tramitación dos procedementos iniciados para a protección e a defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma, para a súa declaración como herdeira legal ab intestato, ou cando se impida ou dificulte a prestación dun servizo público, poderase impoñer unha multa coercitiva de entre 20 e 500 euros por día de atraso na achega dos datos, documentos ou informes que sexan requiridos, ou na desistencia das actitudes obstrutivas ou impeditivas, sen prexuízo de que, de considerarse máis conveniente por razóns de eficacia ou urxencia, se proceda á directa compulsión sobre as persoas que obstaculicen a tramitación ou impidan ou dificulten a normal prestación do servizo público.

Artigo 240. Feitos constitutivos de infracción penal

Cando na tramitación de procedementos administrativos en materia patrimonial se descubran indicios racionais dunha infracción penal, darase conta á Asesoría Xurídica para que, se for o caso, promova as accións penais correspondentes ou poña os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal.

Artigo 241. Concorrencia de sancións

Non se impoñerá unha sanción polos feitos que, concorrendo identidade de suxeito, feito e fundamento, xa fosen sancionados na vía penal ou administrativa, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades que correspondan polos danos e as perdas causados, agás que as anteriores resolucións conteñan un pronunciamento sobre a indemnización e a restitución ou reposición do danado ou alterado.

Disposición adicional primeira. Coordinación patrimonial

  1. En todas as consellarías e entidades públicas instrumentais existirán unidades encargadas da administración, a xestión, a conservación e a colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan adscritos ou cuxa administración e xestión lles corresponda.
  2. Estas unidades, que non supoñerán incremento de persoal, coordinarán as súas actuacións co centro directivo competente en materia de patrimonio para a adecuada administración e optimización do uso destes bens e dereitos.
  3. As secretarías territoriais das delegacións territoriais da Xunta de Galicia configúranse como órganos de apoio na xestión patrimonial, baixo as directrices, as instrucións ou os criterios, que emanen na orde funcional, da persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio.
  4. O anterior enténdese sen prexuízo do establecido no capítulo I do título VII, relativo ás obrigas de protección e aos deberes de colaboración na defensa do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Facultades da Administración local de Galicia

Serán aplicables ás entidades que integran a Administración local do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia as figuras xurídicas previstas no capítulo V do título I.

Disposición adicional terceira. Réxime competencial das entidades públicas instrumentais

  1. As competencias atribuídas nesta lei aos órganos superiores colexiados e unipersoais de goberno das entidades públicas instrumentais seranlles aplicables, agás que as súas normas estatutarias dispoñan outra cousa.
  2. As entidades públicas instrumentais someterán os seus expedientes patrimoniais ao informe previo da Intervención nos casos previstos nesta lei, agás que dispoñan dun réxime propio de control interno.

Disposición adicional cuarta. Réxime xurídico do patrimonio do Instituto Galego da Vivenda e Solo

  1. O réxime xurídico do patrimonio do Instituto Galego da Vivenda e Solo rexerase pola súa lexislación específica, sen prexuízo da aplicación supletoria desta lei. Non obstante, as normas desta lei serán aplicables ás actuacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo que garden relación cos seus edificios administrativos e cos inmobles que non sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins propios.
  2. As vivendas e os seus anexos existentes en solo urbano adquiridas con base no artigo 59 bis da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, integraranse no patrimonio do Instituto Galego da Vivenda e Solo como bens da súa titularidade para o cumprimento dos seus fins, unha vez tramitado o correspondente expediente de investigación.

Disposición adicional quinta. Réxime xurídico do patrimonio do Servizo Galego de Saúde

O réxime xurídico do patrimonio do Servizo Galego de Saúde rexerase polo establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, na súa falta, polo previsto nesta lei.

O Inventario de bens e dereitos do Servizo Galego de Saúde forma parte do Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional sexta. Consorcios autonómicos

O patrimonio dos consorcios autonómicos regularase polos seus estatutos e, na súa falta, por esta lei.

Disposición adicional sétima. Fundacións e sociedades mercantís do sector público autonómico

  1. O Consello da Xunta poderá acordar, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio, a achega de bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia a fundacións do sector público autonómico, nos termos establecidos no artigo 177.
  2. As normas sobre o uso de bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia polas sociedades mercantís públicas autonómicas, establecidas no artigo 178, aplicaranse nos mesmos termos ás fundacións do sector público autonómico.
  3. As fundacións e as sociedades mercantís do sector público autonómico deberanlle remitir á consellaría competente en materia de patrimonio, no primeiro trimestre de cada ano, unha relación detallada dos contratos de arrendamento vixentes en que teñan a posición de arrendatarias.

Disposición adicional oitava. Réxime patrimonial dos órganos estatutarios

A afectación de bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia aos órganos estatutarios, así como a súa desafectación, administración e utilización, rexeranse polas normas establecidas nesta lei para a Administración xeral.

Disposición adicional novena. Adquisicións de bens e dereitos entre persoas xurídico-públicas autonómicas

No caso de adquisicións de bens e dereitos entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades públicas instrumentais acudirase ás distintas figuras xurídicas gratuítas previstas nesta lei, sen prexuízo do disposto na normativa específica e do establecido no artigo 69.

Disposición adicional décima. Encomenda patrimonial

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico poderán organizarse executando de xeito directo prestacións propias dos negocios xurídicos previstos na normativa patrimonial, valéndose, mediante unha resolución unilateral de encarga, dunha das entidades instrumentais do sector público autonómico previstas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Estas encargas de natureza patrimonial poderán ser onerosas ou gratuítas.

Disposición adicional décimo primeira. Transferencias ou delegacións de competencias

A consellaría competente en materia de patrimonio participará nos procesos de transferencia ou delegación de competencias, de funcións ou de servizos entre a Comunidade Autónoma de Galicia e outras administracións públicas, cando impliquen traspaso de bens ou dereitos.

Disposición adicional décimo segunda. Prórrogas

Non será posible prorrogar os contratos de tracto sucesivo nos supostos en que a Administración autonómica sexa parte deles como consecuencia dunha subrogación, se o contrato en orixe non foi formalizado baixo os principios de igualdade, publicidade e concorrencia.

O anterior non será aplicable para os casos derivados de sucesión legal ab intestato, regulada no título III.

Disposición adicional décimo terceira. Parques científicos e tecnolóxicos

  1. O valor das parcelas de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma, localizadas en parques científicos e tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia, será determinado mediante un acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio. Por razóns de especial idoneidade e interese público poderase establecer un valor distinto ao de mercado.
  2. Así mesmo, o valor das parcelas que sexan titularidade do Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., será determinado polo seu órgano competente de goberno. Por razóns de especial idoneidade e interese público poderase establecer un valor distinto ao de mercado.

Disposición adicional décimo cuarta. Acceso á documentación dos expedientes patrimoniais

O acceso aos expedientes patrimoniais rexerase pola lexislación xeral na materia, coa particularidade prevista no artigo 203 para o acceso á información patrimonial do Inventario de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional décimo quinta. Expropiacións

Decláranse de utilidade pública as obras de primeiro establecemento, reforma, restauración, rehabilitación ou gran reparación de inmobles destinados a albergar edificios administrativos tal e como se definen no artigo 185, que dependan da Comunidade Autónoma no seu ámbito territorial, para os efectos da expropiación forzosa dos bens ou dereitos necesarios para a realización das obras ou o establecemento dos servizos.

Disposición adicional décimo sexta. Dereitos de adquisición preferente en materia de patrimonio cultural, natural e forestal

Na falta de regulación específica, en materia de patrimonio cultural, natural e forestal, cando unha norma lle atribúa á Administración xeral da Comunidade Autónoma un dereito de adquisición preferente sobre un determinado tipo de bens e dereitos, a competencia para a adquisición onerosa corresponderalle á persoa titular da consellaría competente por razón da materia, tras un informe do órgano directivo competente en materia de patrimonio.

A consellaría competente por razón da materia substituirá a consellaría competente en materia de patrimonio en todos os trámites regulados no artigo 64.

Disposición adicional décimo sétima. Bens mobles

  1. Os bens mobles de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia que carezan de valor económico como consecuencia do paso do tempo ou pola súa deterioración poderán ser obxecto de actos de plena disposición sen suxeición aos requisitos e aos procedementos regulados nesta lei.

Deberá incorporarse un informe de taxación realizado ao abeiro do disposto no artigo 64 e formalizarse, de ser o caso, unha acta de entrega, previamente a se dar de baixa no Inventario xeral de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. A entrega de bens mobles de natureza demanial de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia no marco dun contrato administrativo implicará a súa desafectación.
  2. A transmisión a terceiros dunha construción ou edificación desmontable para o seu transporte dun punto a outro seguirá as normas de competencia e procedemento dos bens mobles.

Disposición adicional décimo oitava. Dereitos de propiedade incorporal

Os dereitos de propiedade incorporal de natureza patrimonial da Administración xeral da Comunidade Autónoma serán xestionados pola consellaría competente por razón da materia e, de existir varias, pola consellaría que tramitase a súa adquisición.

Disposición adicional décimo novena. Prezo mediante contraprestación nos contratos administrativos

Nos contratos administrativos que teñan por obxecto a realización de actuacións en bens inmobles á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase establecer que o pagamento do prezo poida realizarse mediante a entrega doutras contraprestacións, que poderán consistir, logo da taxación, na entrega dun ben inmoble presente ou futuro ou de bens mobles, no marco do disposto na lexislación de contratos do sector público.

No ámbito da Administración xeral, no caso de entrega dun ben inmoble será preciso o informe previo da Asesoría Xurídica, da Intervención e da consellaría competente en materia de patrimonio previa á desafectación, de ser o caso.

Disposición adicional vixésima. Sobrantes de expropiación

  1. Os sobrantes ou os restos de parcelas adquiridas polo procedemento de expropiación forzosa con destino á creación de infraestruturas poderán ser obxecto de venda aos estremeiros, unha vez desafectados do dominio público logo dun informe da consellaría competente na materia, sen prexuízo da audiencia aos titulares dos posibles dereitos de reversión.

Ademais de polos supostos regulados no artigo 103, poderase acordar a venda directa a favor dos expropiados ou dos seus sucesores patrimoniais, sempre e cando non exista un dereito de reversión.

  1. De ser precisa a parcelación urbanística, a segregación ou a división do terreo sobrante obxecto da venda, non será necesaria a licenza municipal prevista no artigo 150.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sempre e cando a transmisión se efectúe coa condición de que o inmoble obxecto de alleamento sexa agrupado con outro da persoa adquirente, estremeira con este, e exista o compromiso da parte compradora de inscribir o ben no Rexistro da Propiedade.
  2. Emporiso, tamén se poderán ceder terreos sobrantes a outras administracións públicas interesadas neles para algunha actividade de uso ou interese público, sen necesidade da licenza municipal nin da agrupación indicada no parágrafo anterior e tendo en conta o disposto no artigo 102.

Disposición adicional vixésimo primeira. Cámaras agrarias

Os bens inmobles de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes das extintas cámaras agrarias locais e provinciais poderán ser destinados a outros usos distintos dos agrarios, sempre e cando as consellarías ou as entidades públicas instrumentais interesadas incrementen o crédito da consellaría competente en materia de agricultura polo importe do valor do ben para destinar a fins agrarios.

Disposición adicional vixésimo segunda. Débedas e embargos

Cando para facer efectivas as obrigas económicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou das súas entidades públicas instrumentais se proceda ao embargo e á realización forzosa dun ben ou dereito patrimonial, ou se compense a débeda cun crédito procedente doutra consellaría ou entidade pública instrumental, a consellaría competente en materia de orzamentos tramitará unha retención de crédito de non dispoñibilidade no orzamento da consellaría ou da entidade pública de quen proceda a débeda.

Disposición adicional vixésimo terceira. Xestión orzamentaria das herdanzas ab intestato

As cantidades procedentes das actuacións previstas no título III, nos artigos 159.3, 163.4 cando o reintegrado non sexa susceptible de ser considerado cadal distribuíble da herdanza, 164.2 por custos administrativos indeterminados e 165.1, parágrafo terceiro, ingresaranse no Tesouro aplicándose a un concepto específico do orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma distinto do establecido no artigo 166, con destino a sufragar os gastos excepcionais ou extraordinarios derivados da sucesión legal hereditaria regulada no citado título III.

Disposición transitoria primeira. Réxime xeral transitorio dos procedementos administrativos patrimoniais

Os expedientes patrimoniais xa iniciados á entrada en vigor desta lei rexeranse pola lexislación anterior, agás os regulados nos capítulos VI, VIII e IX do título II e no título III segundo o establecido na disposición transitoria segunda.

O réxime dos prazos e das prórrogas regulado no artigo 84 do Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, continuará a aplicarse nas cesións de uso a título gratuíto de bens inmobles de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, xa outorgadas e formalizadas a favor de terceiros á entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Procedementos de sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma en tramitación

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei conforme o Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, pasarán a rexerse por esta lei e adaptarán a súa tramitación á nova lexislación coas seguintes especialidades:

  1. a) As denuncias presentadas ata a entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa anterior aplicable polo que á determinación da condición de denunciante con dereito a premio se refire.

Porén, se as denuncias aínda non desen lugar á incoación do procedemento para a declaración administrativa de herdeiros, de non cumprir os requisitos relativos ao contido do escrito de presentación e á achega de documentación establecidos no artigo 150, outorgarase un prazo para a súa reparación conforme a alínea 5 do dito precepto.

Así mesmo, e en todo caso, para a determinación e a percepción do importe do dereito a premio resultará aplicable esta lei, conforme os criterios establecidos para a liquidación da herdanza e sen prexuízo da repartición proporcional do premio no suposto de concorrencia de denuncias conforme a lexislación anterior.

  1. b) O disposto no artigo 159 tamén será aplicable cando a Comunidade Autónoma fose declarada herdeira por un auto xudicial.
  2. c) Se se publicase, consonte o artigo 10 do Decreto 94/1999, do 25 de marzo, o anuncio para a formulación de solicitudes de participación na herdanza, e sempre que exista cadal distribuíble conforme o regulado nesta lei, darase por cumprido o trámite da convocatoria de repartición, coa aceptación, se é o caso, das presentadas sen ter en conta o establecido no artigo 168.2, parágrafo primeiro. Así e todo, exixiranse o resto dos requisitos relativos tanto ao acceso á condición de beneficiario coma ao contido das solicitudes, co outorgamento para o efecto dun prazo de trinta días naturais no caso de que se precise unha reparación. A falta de contestar en tempo e forma comportará a desistencia da correspondente solicitude, o que producirá efectos automaticamente e sen máis trámite polo transcurso do prazo outorgado.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei, e particularmente:

  1. a) A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, con excepción do artigo 59 bis e da súa disposición adicional décima, que seguirán en vigor.
  2. b) O artigo 52.2 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
  3. c) O Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.
  4. d) O Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

Modifícase o artigo 108.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. As persoas representantes da Administración autonómica nos órganos de goberno e administración das sociedades mercantís públicas autonómicas serán designadas nos termos previstos no artigo 183.1 da Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira segunda. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro

Introdúcese unha alínea f) no artigo 69.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coa seguinte redacción:

«f) Liquidacións de herdanzas ab intestato ou intestadas deferidas a favor da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira terceira. Habilitación para a modificación normativa

A regulación dos procedementos establecidos nesta lei relativa á forma de publicación das convocatorias e dos actos administrativos, aos indicadores económicos de referencia na ponderación das sancións, as porcentaxes e as contías e mais aos prazos poderá ser modificada mediante unha norma regulamentaria polo Consello da Xunta de Galicia, sempre que tales trámites non estean suxeitos á reserva de lei na lexislación xeral do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento regulamentario

  1. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia a ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento desta lei.
  2. Autorízase a persoa titular do departamento competente en materia de patrimonio para regular os procedementos e sistemas que permitan a aplicación de medios electrónicos, informáticos e telemáticos á xestión patrimonial e á protección e á defensa do patrimonio de Galicia, consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente