Axencia Galega de Innovación
DECRETO 85/2019, do 4 de xullo, polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza na súa disposición adicional segunda a creación da Axencia Galega de Innovación (Gain), adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria. A finalidade da Gain é apoiar e impulsar a innovación das empresas galegas e fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas. No ano 2012 aprobouse o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).
Polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, modificáronse os seus estatutos como consecuencia da extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a adscrición dos seus medios persoais e materiais á Axencia Galega de Innovación.
A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación autoriza, na súa disposición adicional sexta, a creación da Axencia Galega da Industria Forestal e o Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, establece que esta axencia asumirá os medios persoais e materiais e as competencias do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira, ata ese momento adscrito á Axencia Galega de Innovación.
Por outra parte, a Axencia Galega de Innovación está a promover o desenvolvemento dun Polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados en Galicia coa finalidade de facer da comunidade galega un referente a nivel internacional nesta materia e posicionar a Galicia nun dos sectores de maior potencial de mercado no futuro.
Polo que antecede, é necesario modificar a estrutura organizativa da Axencia Galega de Innovación ata o nivel de departamento para adaptala ás novas necesidades e funcións asignadas para outorgarlle a máxima eficacia no seu exercicio. Así mesmo, procede modificar a composición da Comisión de Control de Gain para adaptala ao disposto no artigo 87.1 da Lei 16/2010, do 17 de outubro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xullo de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
«Artigo único. Modificación do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.
Os estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, e modificados polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, e polo Decreto 125/2016, do 1 de setembro, quedan modificados como segue:
Un. Modifícase o punto 1 do artigo 18 dos estatutos que queda redactado como segue:
«Artigo 18. A Comisión de Control
1. Composición da Comisión de Control:
a) A Comisión de Control, baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros:
1) Unha persoa representante da Axencia Galega de Innovación.
2) Unha persoa representante da consellería de adscrición da Axencia.
3) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.
4) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.
b) En ningún caso, os membros da Comisión de Control serán coincidentes cos membros do Consello Reitor, a excepción dos membros que non teñan voto no dito consello.
c) A Presidencia da Comisión de Control corresponderá á persoa representante da consellería que ten competencias en materia de orzamentos.
d) A Secretaría da comisión corresponderá á persoa que exerza a Secretaría do Consello Reitor.
e) Os membros da comisión serán designados pola persoa titular da entidade/consellería con presenza na comisión, de entre o seu persoal técnico que ocupe postos con nivel de subdirección xeral, xefatura de servizo ou equivalente.
f) Sempre que se xustifique debidamente, poderán exixirse determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control e Seguimento.
g) Os membros da comisión poderán asistir con persoal asesor sempre que os asuntos que se vaian tratar o xustifique».
Dous. Modifícase o artigo 20 dos estatutos que queda redactado como segue:
«Artigo 20. Estrutura organizativa
1. A Axencia Galega de Innovación quedará estruturada en unidades orgánicas dependentes, directamente da Dirección da Axencia.
2. As unidades orgánicas nas que se estruturará a Axencia serán catro áreas e un departamento:
a) Área de Xestión.
b) Área de Programas.
c) Área de Servizos.
d) Área de Centros.
e) Departamento de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.
3. A estrutura das distintas unidades orgánicas da Axencia responderá á correcta execución das competencias e funcións definidas no artigo 9 dos estatutos da Axencia».
Tres. Modifícanse os puntos 2 e 4 e engádese un novo punto 5 ao artigo 21 dos estatutos que quedan redactados como segue:
«Artigo 21. Área de Xestión
2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes departamentos con nivel orgánico de xefatura de servizo:
– Departamento de Xestión de Axudas.
– Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria.
– Departamento de Xestión Financeira e Contratación.
4. O Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria será responsable da xestión económica e orzamentaria da Axencia e terá as seguintes funcións:
a) Colaborar na elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Axencia, o seu seguimento e control.
b) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.
c) A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.
d) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia dos fondos, por fontes de financiamento.
e) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económicos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos.
f) A habilitación xeral de pagamentos da Axencia e o seguimento de ingresos e a tesouraría.
g) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Axencia.
h) A xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas.
i) A tramitación da autorización para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.
j) A coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda.
k) A elaboración dos estudos e informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección da Axencia.
5. O departamento de Xestión Financeira e Contratación terá as seguintes funcións:
a) A elaboración e rendición das contas anuais da Axencia.
b) O seguimento en materia financeira da execución do orzamento.
c) O asesoramento financeiro e fiscal a todas as unidades da Axencia.
d) A realización das oportunas declaracións fiscais e o cumprimento das obrigas tributarias.
e) O estudo dos asuntos de natureza económico-financeira que teñan que elevarse ao Consello Reitor, ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Control.
f) A xestión do inventario e do patrimonio da Axencia.
g) O seguimento e control económico-financeiro dos proxectos europeos que desenvolve Gain.
h) A tramitación, seguimento e control económico-administrativo dos expedientes de contratación sometidos á normativa reguladora dos contratos do sector público, calquera que sexa o seu tipo ou forma de adxudicación, seguimento e control.
i) A tramitación, seguimento e control económico-administrativo dos expedientes de compra pública innovadora.
j) A elaboración de estudos e informes en materia de contratación administrativa».
Catro. Modifícase o punto 4 do artigo 22 ter dos estatutos que queda redactado como segue:
«Artigo 22 ter. Área de Centros
4. Corresponderá ao Departamento de Programación de Centros a xestión do CIS-GALICIA- Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño. A través deste centro a Axencia ofrécelles ás empresas galegas, con especial foco nas pemes, os seguintes servizos avanzados e desenvolvemento de produtos e procesos:
• Servizos especializados a empresas: asistencia técnica, mellora de procesos, desenvolvemento de software tecnolóxico e industrial, control de calidade e ensaios de materiais e produtos, etc.
• Participación en proxectos en colaboración con empresas, como partners tecnolóxicos.
• Transferencia de tecnoloxía e coñecemento nos seus ámbitos de especialización.
• Asesoramento tecnolóxico.
• Difusión de cultura do coñecemento e tecnolóxica.
• Formación tecnolóxica especializada».
Cinco. Engádese un novo artigo 22.quáter aos estatutos que queda redactado como segue:
«Artigo 22 quáter. Departamento de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas
Correspóndelle a este departamento a coordinación co CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas) promovendo a utilización do Parque Industrial de Rozas (Lugo) así como das súas infraestruturas como espazo tecnolóxico orientado á innovación, e terá atribuídas as seguintes funcións:
1. En relación co CIAR, como centro de investigación mixto creado entre a Axencia Galega de Innovación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial “Esteban Terradas” (INTA):
a) Seguimento do cumprimento das obrigas derivadas do convenio de creación do CIAR e coordinación das súas actividades.
b) Promoción do CIAR: promoción das súas infraestruturas, programación e organización de visitas, e as relacións con empresas interesadas nos seus servizos e no uso das súas instalacións e equipamentos.
c) Todas aquelas tarefas que lle asigne a dirección relacionadas co CIAR.
2. En relación co Parque Industrial de Rozas:
a) En coordinación co Igape, a xestión e o seguimento das convocatorias e procedementos orientados á implantación de empresas e entidades privadas.
b) A xestión e seguimento dos contratos que se asinen coas empresas que se implanten.
c) A promoción e difusión das actividades que se desenvolvan no Parque.
d) Calquera outra que se lle encomende no ámbito das súas competencias».
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!