Salóns de xogo GALICIA
DECRETO 72/2019, do 4 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de planificación de autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia.
[sc name=»Seguridad Pública» ]
O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á nosa Comunidade Autónoma, no seu artigo 27.27, a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas con exclusión das apostas mutuas deportivo-benéficas e, no exercicio da dita competencia, ditouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.
O artigo 22.b) da dita Lei 14/1985, do 23 de outubro, especifica que é competencia do Consello da Xunta de Galicia a planificación dos xogos e apostas na Comunidade Autónoma de Galicia conforme as normas xerais do Estado.
De conformidade co artigo 5.1 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, as autoridades competentes que no exercicio das súas respectivas competencias establezan límites ao acceso a unha actividade económica ou ao seu exercicio de conformidade co previsto no artigo 17 da dita lei ou exixan o cumprimento de requisitos para o desenvolvemento dunha actividade motivarán a súa necesidade na salvagarda dalgunha razón imperiosa de interese xeral de entre as comprendidas no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Así mesmo, de acordo co artigo 5.2 daquela lei, calquera límite ou requisito establecido conforme o punto anterior deberá ser proporcionado á razón imperiosa de interese xeral invocada e deberá ser tal que non exista outro medio menos restritivo ou distorsionador para a actividade económica.
Entre os conceptos definidos como razóns de interese xeral no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, están comprendidas a orde pública, a saúde pública, a protección dos dereitos, a seguridade e a saúde das persoas consumidoras e das persoas destinatarias de servizos, así como a loita contra a fraude. Algúns destes conceptos están tamén recollidos no artigo 17 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, entre os que poden xustificar a exixencia dunha autorización administrativa.
A actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha intervención por parte da Administración de cara ao establecemento de mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas participantes nos xogos, garantan a protección das persoas menores de idade e daquelas persoas que o precisen por motivos de saúde, e que permitan velar pola orde pública e polo desenvolvemento regular dos xogos evitando a fraude. En definitiva, como admitiu o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, as consecuencias prexudiciais que para as persoas consumidoras e para a sociedade no seu conxunto comporta a actividade do xogo xustifica a imposición de límites e de exixencias co fin de controlar os riscos e de acadar os obxectivos fundamentais de prevención da incitación ao gasto excesivo en xogo e de loita contra a adicción ao xogo e contra a fraude.
A especial protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, a garantía da orde pública e impedir a fraude na actividade do xogo son así razóns imperiosas de interese xeral que xustifican o establecemento de limitacións en materia de xogo, como as relativas á imposición dun réxime de autorización previa para a instalación de establecementos de xogo, así como a necesidade dunha planificación que limite o número destas autorizacións de instalación.
Actualmente, na Comunidade Autónoma de Galicia existen catro tipos de establecementos de xogo sometidos ao réxime de autorización administrativa para a súa instalación: os casinos, os bingos, os salóns de xogo e as tendas de apostas. No caso dos casinos de xogo, a propia Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, recolle unha planificación no seu artigo 8. E, en relación coas salas de bingo, é no regulamento do xogo do bingo, aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio, onde se recolle unha planificación que limita a súa instalación. En cambio, no que respecta aos salóns de xogo e ás tendas de apostas non se recolle unha planificación nin na Lei 14/1985, do 23 de outubro, nin nos correspondentes regulamentos, sen prexuízo de que estes últimos establezan determinadas limitacións en materia de distancias a outros establecementos ou espazos de xogo e a centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade.
Con motivo dos estudos e dos traballos preparatorios previos para a elaboración dun anteproxecto de Lei reguladora dos xogos de Galicia, púxose de manifesto a necesidade de recoller no novo texto legal unha planificación dos salóns de xogo e das tendas de apostas consistente no establecemento dunha limitación do número máximo destes establecementos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así, nos últimos anos detectouse un incremento considerable nas solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas, que pasaron de 54 salóns de xogo en 2013 a 97 salóns en 2018 e de 20 tendas de apostas existentes en 2013 a 41 en 2018, o que, unido á preocupación social existente e ao aumento dos problemas de adicción aos xogos practicados nestes establecementos, xustifica a necesidade de realizar unha planificación que limite o número deste tipo de establecementos de xogo na Comunidade Autónoma fixando, logo de avaliar a oferta de xogo e as razóns de interese xeral implicadas, un número máximo que permita conseguir os obxectivos invocados de protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude na actividade do xogo a través dunha oferta cuantitativamente moderada.
As ditas razóns imperiosas de interese xeral en que se basea a regulación proxectada no anteproxecto de Lei reguladora dos xogos de Galicia, actualmente en tramitación, están xa presentes na actualidade, o que motivou que o Consello da Xunta, no exercicio da competencia de planificación recoñecida ao Consello da Xunta no artigo 22.b) da vixente Lei 14/1985, do 23 de outubro, adoptase o Acordo do 16 de maio de 2019, sobre planificación das autorizacións de instalacións de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, feito público pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (Diario Oficial de Galicia número 94, do 20 de maio de 2019).
No dito acordo recóllese unha planificación transitoria e provisional co fin de atender sen demora a tales razóns de interese xeral e, asemade, evitar que a aplicación da nova normativa legal na materia poida verse frustrada, tendo en conta a posible produción de accións especulativas ao ser factible que, de non se adoptar ningunha medida planificadora nestes momentos, se produza un incremento excesivo da oferta de xogo que supoña graves prexuízos para as razóns imperiosas de interese xeral sobre as cales descansa a intervención administrativa en materia de xogo.
Conforme o indicado no referido acordo, no momento en que a medida de planificación provisional e transitoria prevista nel foi sometida ao preceptivo informe da Comisión de Xogo de Galicia atopábanse en tramitación 21 novos expedientes de instalación de salóns de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, pendentes algúns da obtención do permiso de apertura e outros da propia autorización de instalación. Non constaba nese momento en trámite ningunha solicitude relativa á instalación de tendas de apostas.
Con posterioridade a que se fixese pública a medida na reunión da Comisión de Xogo de Galicia presentáronse varias solicitudes, o que confirmou a necesidade antes apuntada de adoptar unha medida planificadora que evite accións especulativas que supoñan graves prexuízos para as razóns imperiosas de interese xeral sobre as cales descansa a intervención administrativa en materia de xogo.
Atendida, polo tanto, a oferta de xogo xa existente na Comunidade Autónoma e as solicitudes que se atopaban en tramitación cando a medida de planificación provisional e transitoria recollida no acordo citado foi sometida á Comisión do Xogo de Galicia e, finalmente, foi dada a coñecer ao sector, considerando a situación noutras comunidades autónomas onde se está producindo un enorme crecemento da actividade do xogo, e avaliados os riscos do xogo desde a perspectiva da protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude, considérase necesario realizar a aludida planificación provisional e transitoria do número de salóns de xogo e de tendas de apostas. En concreto, a limitación que se estableceu no acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019 parte do número de salóns de xogo e tendas de apostas existentes e do respecto ás solicitudes xa presentadas cando a medida de planificación provisional e transitoria contida no acordo foi sometida a informe da Comisión de Xogo de Galicia e, finalmente, foi coñecida polo sector. Fixouse o número máximo destes establecementos nun número equivalente, co que se garante unha oferta de xogo respectuosa coas razóns de interese xeral citadas e se consegue tamén a finalidade antes indicada de impedir condutas especulativas, de que son exemplo as solicitudes presentadas tras o coñecemento da medida polo sector a través da Comisión de Xogo de Galicia, que tendan a menoscabar a regulación futura e impedir a eficacia das decisións de planificación que queira adoptar finalmente o lexislador, con grave prexuízo das razóns de interese xeral en que se fundamentan tanto a presente medida de planificación como as que se poidan prever na futura lei.
A dita planificación axústase así aos principios de necesidade e tamén de proporcionalidade. Neste sentido, as limitacións derivadas da planificación recollida no acordo, ademais de ser as necesarias para atender ás razóns de interese xeral en que se fundamentan, terán unha duración temporalmente limitada ata a entrada en vigor da nova Lei reguladora dos xogos de Galicia e, en todo caso, ata o prazo máximo de nove meses desde a publicación do acordo, isto é, o 20 de febreiro de 2020, de non terse producido con anterioridade a entrada en vigor da nova lei. Neste último caso, antes do vencemento do referido prazo de nove meses, o acordo prevé a realización dunha avaliación da oferta de xogo existente co fin de determinar a necesidade de adopción dun novo acordo.
O acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019 ordenou o inicio do procedemento de elaboración dunha norma regulamentaria que adaptase a regulación existente á planificación establecida nel.
O presente decreto efectúa a indicada adaptación e recolle as medidas necesarias para tal fin. Así, en primeiro lugar reprodúcese no decreto a planificación prevista no acordo indicado. Xunto co anterior, prevese expresamente que se, unha vez acadado o número máximo de autorizacións de instalación previstas no acordo, se producise con posterioridade a extinción dalgunha ou dalgunhas das autorizacións existentes, aquel número máximo decrecerá na mesma proporción, isto é, nunha cantidade igual á autorización ou autorizacións extinguidas. Trátase así de recoller unha regra que faga fronte a tal suposto, de carácter excepcional, dun xeito acorde coas razóns antes apuntadas en que se basea o acordo (entre elas, a fixación dun número baseado, en esencia, no respecto aos establecementos existentes, e incrementado só por un número equivalente ao de expedientes que se atopaban en tramitación antes de que a medida de planificación fose coñecida polo sector, na maior parte dos cales, ademais, xa se outorgara a autorización de instalación, e estaba pendente só a obtención do permiso de apertura). Ao anterior únese que a dita regra terá o mesmo carácter provisional e transitorio que a planificación contida no acordo, de xeito que se cumpre a finalidade de lograr a maior eficacia das decisións de planificación que queira adoptar finalmente o lexislador. Ademais, debe terse en conta que, conforme o disposto no acordo, de non aprobarse a nova lei no prazo máximo de nove meses desde a súa publicación, se efectuará, antes do vencemento do dito prazo, unha nova avaliación da oferta de xogo de cara á adopción, de ser necesario, dun novo acordo.
Como consecuencia do anterior, prevese expresamente como causa de desestimación das solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas a superación do número máximo fixado respecto de tales autorizacións.
Incorpórase, así mesmo, unha disposición transitoria relativa á aplicación do réxime previsto no decreto ás solicitudes que se atopen en tramitación na data da súa entrada en vigor (sen prexuízo dos efectos derivados, de ser o caso, da estimación por silencio administrativo), as cales deberán ser resoltas por estrita orde de presentación.
Xunto ao anterior, e tendo en conta a posible adopción de ulteriores medidas de planificación, no presente decreto inclúese tamén, nas disposicións derradeiras primeira e segunda, a modificación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia e do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de recoller neles, expresamente e con carácter xeral, como causa de desestimación das solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas, respectivamente, a superación do número máximo de autorizacións de instalación destes establecementos que fixe como medida de planificación o Consello da Xunta, así como a regra aplicable ás solicitudes que se atopen en tramitación na data de adopción da medida de planificación, salvo que exista disposición en contrario ou se prevexa outra solución na planificación que se aprobe.
O decreto contén tamén unha disposición derradeira terceira en que se precisa a vixencia temporalmente limitada das previsións do decreto derivadas da planificación prevista no acordo, expresamente cualificada nel como provisional e transitoria. Así, tales previsións permanecerán vixentes durante o prazo de duración máxima da dita planificación.
Por último, o decreto recolle unha disposición derradeira cuarta sobre a súa entrada en vigor, que se producirá na mesma data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, considerando a urxencia da aplicación das previsións contidas no decreto de cara a lograr a plena efectividade da planificación prevista no acordo e, finalmente, garantir a atención ás razóns imperiosas de interese xeral en que tal planificación se fundamenta.
O presente decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi exposto a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e sometido a audiencia dos grupos e sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia e a informe da Comisión de Xogo de Galicia. Así mesmo, foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica Xeral.
De conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que coa aprobación deste decreto se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xullo de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo 1. Limitación do número de autorizacións de instalación de salóns de xogo
1. Conforme a planificación aprobada polo acordo do Consello da Xunta, do 16 de maio de 2019, sobre planificación das autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, o número de autorizacións de instalación de salóns de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia queda limitado a un máximo de 118.
2. Se, con posterioridade a se acadar o dito número máximo, se produce a extinción dalgunha ou dalgunhas das autorizacións de instalación, o número máximo previsto no número 1 decrecerá nunha cantidade igual á autorización ou autorizacións extinguidas.
Artigo 2. Limitación do número de autorizacións de instalación de tendas de apostas
1. Conforme a planificación aprobada por acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019, sobre planificación das autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, o número de autorizacións de instalación de tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia queda limitado a un máximo de 41.
2. Se, con posterioridade a se acadar o dito número máximo, se produce a extinción dalgunha ou dalgunhas das autorizacións de instalación, o número máximo previsto no número 1 decrecerá nunha cantidade igual á a autorización ou autorizacións extinguidas.
Artigo 3. Réxime aplicable aos procedementos de outorgamento de autorización de instalación de salóns de xogo e de autorización de instalación de tendas de apostas
Nos procedementos de outorgamento de autorización de instalación de salóns de xogo e de autorización de instalación de tendas de apostas será causa de desestimación da solicitude a superación do número máximo fixado, respectivamente, nos artigos 1 e 2.
Disposición transitoria única. Solicitudes en trámite
1. O réxime previsto no presente decreto será de aplicación ás solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de autorización de instalación de tendas de apostas que se atopen en tramitación na data de entrada en vigor do presente decreto, sen prexuízo dos efectos derivados, de ser o caso, da estimación por silencio administrativo.
2. As ditas solicitudes deberán ser resoltas por estrita orde de presentación.
Disposición derradeira primeira. Modificación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro
Engádese un número 6 no artigo 67 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, coa seguinte redacción:
«6. Será causa de desestimación da solicitude a superación do número máximo de autorizacións de instalación de salóns de xogo que fixe como medida de planificación o Consello da Xunta. A dita causa de desestimación será aplicable tanto ás solicitudes que se presentasen con posterioridade á data de adopción da medida de planificación como ás que se atopasen en tramitación na dita data, salvo que exista disposición en contrario ou se prevexa outra solución na planificación que se aprobe».
Disposición derradeira segunda. Modificación do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 162/2012, do 7 de xuño
Engádese un número 8 ao artigo 47 do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 162/2012, do 7 de xuño, coa seguinte redacción:
«8. Será causa de desestimación da solicitude a superación do número máximo de autorizacións de instalación de tendas de apostas que fixe como medida de planificación o Consello da Xunta. A dita causa de desestimación será aplicable tanto ás solicitudes que se presentasen con posterioridade á data de adopción da medida de planificación como ás que se atopasen en tramitación na dita data, salvo que exista disposición en contrario ou se prevexa outra solución na planificación que se aprobe…».
Disposición derradeira terceira. Vixencia temporal limitada
As previsións contidas nos artigos 1 a 3 e na disposición transitoria única estarán vixentes durante o prazo de duración da planificación prevista no acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019, publicado no Diario Oficial de Galicia número 94, do 20 de maio de 2019, sobre planificación das autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor na data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!