Retribución empleados públicos de GALICIA

,

LEI 4/2022, do 22 de novembro, pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en aplicación do previsto no Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
>

Exposición de motivos

A Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, estableceu no seu artigo 11.dous que as retribucións do persoal ao servizo do sector público autonómico definido no artigo 11.un non poderían experimentar un incremento nas retribucións superior ao 2 por cento con respecto ás vixentes en 31 de decembro de 2021.

A situación económica xerada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética derivada motivou un aumento do custo da vida polo impacto da inflación, sendo necesario paliar os seus efectos no poder adquisitivo das empregadas e dos empregados do sector público neste mesmo exercicio orzamentario.

Neste escenario, a Administración xeral do Estado aprobou unha suba adicional do 1,5 por cento das retribucións do persoal ao servizo do sector público para compensar os efectos da inflación. Así, para o ano 2022 o Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro, polo que se aproban medidas de reforzo da protección dos consumidores de enerxía e de contribución á redución do consumo de gas natural en aplicación do «Plan + seguridade para a túa enerxía (+SE)», así como as medidas en materia de retribucións do persoal ao servizo do sector público e de protección das persoas traballadoras agrarias eventuais afectadas pola seca, no seu artigo 23 aprobou, con efectos do 1 de xaneiro do 2022, un incremento adicional do 1,5 por cento respecto ás retribucións vixentes en 31 de decembro de 2021.

A citada normativa ten carácter básico, de xeito que o incremento salarial das empregadas e dos empregados do sector público autonómico será dun máximo do 3,5 por cento con carácter consolidable, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2022, aboándose como atrasos o incremento correspondente aos meses xa transcorridos deste ano.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en aplicación do previsto no Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro.

Artigo único. Retribución de carácter extraordinario para o persoal do sector público autonómico

Un. Retribución de carácter extraordinario para o persoal do sector público autonómico

  1. Adicionalmente ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, as retribucións do persoal do sector público autonómico definido no artigo 11.un da citada lei experimentarán un incremento adicional do 1,5 por cento respecto ás vixentes en 31 de decembro de 2021.
  2. Este incremento adicional aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2022 e calcularase sobre as retribucións vixentes en 31 de decembro de 2021, de xeito que a suma deste incremento adicional do 1,5 por cento e do xa previsto no artigo 11.dous da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, consolidará, en todo caso, un incremento retributivo global máximo para o exercicio 2022 do 3,5 por cento.

Dous. Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais

  1. Para os efectos do previsto no punto un, para o cálculo das cantidades que se aboarán como atrasos a partir do 1 de xaneiro utilizaranse as regras de cómputo aplicables a cada tipo de persoal de acordo co seu réxime xurídico.
  2. O cálculo do importe que se percibirá efectuarase na parte proporcional que resulte en función do tempo de servizos efectivamente realizados no citado período.

Tres. Persoal ao servizo dos órganos estatutarios de Galicia

Os órganos estatutarios realizarán as operacións precisas para aplicar ao seu persoal a medida recollida no punto un anterior, co seu mesmo contido e alcance.

Catro. Persoal do Sistema Universitario de Galicia

  1. As universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia e as súas entidades instrumentais dependentes realizarán as operacións precisas para aplicar ao seu persoal a medida recollida no punto un anterior, co seu mesmo contido e alcance.
  2. Para os mencionados efectos, e segundo o disposto no Plan de financiamento das universidades do Sistema Universitario de Galicia, actualizaranse nas cantidades necesarias os importes das partidas do fondo de financiamento non condicionado do citado plan que evolucionan en función da masa salarial.
  3. Así mesmo, os custos de persoal máximos das universidades de Galicia establecidos no artigo 34 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, incrementaranse nun 1,5 por cento respecto aos vixentes en 31 de decembro de 2021.

Cinco. Persoal do ensino concertado en réxime de pagamento delegado

  1. Conforme o establecido na disposición adicional décimo segunda da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, os compoñentes dos módulos económicos para o sostemento dos centros concertados previstos no anexo IV da citada lei correspondentes a «Salarios de persoal docente, incluídas cargas sociais», «Gastos variables» e «Complemento retributivo Comunidade Autónoma, incluídas cargas sociais», así como persoal complementario, experimentarán un incremento adicional do 1,5 por cento respecto aos importes previstos nos módulos vixentes en 31 de decembro de 2021.
  2. O devandito incremento aplicarase con efectos do 1 de xaneiro do 2022.

Seis. Crédito extraordinario

  1. Para atender as obrigas de pagamento derivadas desta lei, concédese un crédito extraordinario no orzamento da sección 23 «Gastos de diversas consellarías», servizo 02 «Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos», programa 621B «Imprevistos e funcións non clasificadas», capítulo I «Gastos de persoal», artigo 18 «Fondo retributivo», concepto 180 «Fondo retributivo», por importe de 78.368.716 euros.
  2. Con cargo ao crédito extraordinario xerado no punto anterior, realizaranse as correspondentes transferencias de crédito para, de ser o caso, dotar nas seccións do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma os créditos precisos para proceder ao aboamento da retribución de carácter extraordinario recollida nos números anteriores.

Sete. Financiamento do crédito extraordinario

  1. O crédito extraordinario que se concede nesta lei financiarase con cargo aos maiores recursos que se vaian obter superando os importes dos orzamentos iniciais do ano 2022 e aos remanentes de crédito non empregados ao peche do exercicio.
  2. Excepcionalmente, caso de ser necesario, poderase recorrer ao mecanismo disposto no artigo 23.3 do Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Autorízase a consellaría competente en materia de facenda para que efectúe as transferencias de crédito oportunas nas partidas orzamentarias en que se incrementa o gasto correspondente derivado da aplicación desta disposición, así como para ditar as instrucións necesarias para a súa efectividade.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente