Reducción de la temporalidad en empleo público de GALICIA

,

EI 5/2022, do 21 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
>

Exposición de motivos

I

A Constitución española de 1978, nos seus artigos 23.2 e 103.3, establece que o acceso á función pública se realizará en condicións de igualdade e sempre de acordo cos principios de mérito e capacidade.

Son estes principios establecidos na carta magna os que marcaron o desenvolvemento normativo do acceso ao emprego público tanto na lexislación estatal como na autonómica.

Así, a Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP), cuxo texto refundido foi aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establece no seu artigo 61 que os sistemas selectivos do persoal funcionario de carreira serán os de oposición e concurso-oposición. O sistema de concurso configúrase nesta norma legal como un sistema excepcional para a selección do persoal funcionario de carreira, pois indica que só en virtude de lei poderá aplicarse, con carácter excepcional, o sistema de concurso, que consistirá unicamente na valoración de méritos.

Na mesma liña de excepcionalidade en canto ao sistema de concurso, e sempre ao amparo dunha norma con rango de lei, pronúnciase o artigo 57 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, cando establece que tanto o persoal funcionario de carreira coma o persoal laboral fixo se seleccionará ordinariamente polo sistema de oposición ou concurso-oposición e que só en virtude dunha norma con rango de lei pode aplicarse, con carácter excepcional, o sistema de concurso.

Sobre o concurso como proceso excepcional cómpre ter en contra a doutrina do Tribunal Constitucional (SSTC 67/1989, 27/1991 e 60/1994), que considera que o principio de igualdade no acceso a empregos e cargos públicos (artigo 23.2 CE) só poderá ser exceptuado por razóns excepcionais e obxectivas. En todo caso, como establece a citada doutrina constitucional, deberán respectarse unha serie de principios para que non se aprecie infracción da igualdade no acceso a empregos e cargos públicos, como son unha situación excepcional, acudir a este tipo de procedementos por unha soa vez e a articulación deste tipo de procesos a través dunha norma con rango de lei (STC 12/1999, do 11 de febreiro de 1999).

II

A situación do emprego público na Comunidade Autónoma de Galicia, así como no conxunto do Estado, vén marcada por un aumento da taxa de temporalidade que tivo orixe en diversas causas orzamentarias e organizativas derivadas da normativa básica estatal incluídas nos orzamentos xerais do Estado.

A esta elevada taxa de temporalidade deben unirse as consecuencias que a Directiva 1999/70 CE do Consello, do 28 de xuño de 1999, relativa ao Acordo marco da CES, a UNICE e o CEEP sobre o contrato de duración determinada, tivo sobre o ordenamento xurídico e a xurisprudencia. O Acordo marco establece a equiparación entre as condicións do persoal temporal e fixo con base no principio de non-discriminación, salvo que as diferenzas aparezan xustificadas por causas obxectivas, e insta as autoridades nacionais a adoptaren medidas efectivas e axeitadas para previr a temporalidade.

Nos últimos anos a actividade lexislativa do Estado en materia de emprego público centrouse en acadar a redución da taxa de temporalidade.

Neste proceso enmarcáronse os procesos de estabilización previstos nos artigos 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.Un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, que se articularon a través do sistema de concurso-oposición. No entanto, os citados procesos de estabilización consideráronse insuficientes para atallar o problema, e é neste marco no que se ditaron o Real decreto lei 14/2021, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e a posterior Lei 20/2021, do 28 de decembro, sobre a mesma materia.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, recolle no seu artigo 2 e nas disposicións adicionais quinta, sexta e oitava unha serie de procesos extraordinarios de estabilización. Estes procesos garantirán o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade. O sistema de selección será o de concurso-oposición e, de modo excepcional e por unha soa vez, o sistema de concurso.

A Lei 20/2021 establece que estes procesos poderán ser obxecto de negociación en cada un dos ámbitos territoriais da Administración do Estado, as comunidades autónomas e os entes locais.

O fundamento competencial da lei atópase no artigo 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en canto establece a competencia da Comunidade Autónoma galega para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia do réxime xurídico da Administración pública de Galicia e o réxime estatutario dos seus funcionarios, en relación co artigo 33 do Estatuto, que recolle a competencia en materia de organización e administración da sanidade interior.

III

Os procesos extraordinarios de estabilización que están agora a iniciarse en desenvolvemento do artigo 2 e das disposicións adicionais quinta, sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, o seu réxime específico, o seu encaixe cos procesos de estabilización xa en marcha e coas ofertas de emprego que poidan realizarse no futuro en utilización da taxa ordinaria de reposición, así coma a harmonización, coordinación e concreción da súa execución e das problemáticas específicas que poidan xurdir polo excepcional da súa natureza, requiren dunha serie de medidas ás que esta lei busca dar resposta.

O articulado desta lei, con base no exposto con anterioridade, establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a articular os devanditos procesos extraordinarios de estabilización.

O artigo 1 establece o seu ámbito de aplicación.

O artigo 2 prevé os principios aplicables aos procesos selectivos realizados ao abeiro desta lei.

O artigo 3 regula os criterios para a determinación e concreción das prazas que se incluirán nestes procesos extraordinarios de estabilización.

O artigo 4 establece os órganos convocantes dos procesos extraordinarios de estabilización, que serán, segundo o tipo de persoal de que se trate, a Dirección Xeral da Función Pública e as entidades do artigo 45 da Lei de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia.

O artigo 5 establece, para os procesos que se realicen mediante o sistema de concurso-oposición, que a fase de oposición representará o 60 por cento da puntuación total e que os exercicios da fase de oposición terán carácter eliminatorio.

O artigo 6 regula o cómputo dos servizos prestados.

O artigo 7 regula o coñecemento da lingua galega.

Pola súa parte, os artigos 8 e 9 establecen a posibilidade de exixir requisitos específicos, como probas psicotécnicas ou físicas, en función das tarefas que se desempeñarán, e a data de valoración dos méritos.

Os artigos 10 e 11 buscan dar resposta á casuística complexa derivada da execución dos procesos extraordinarios, como posibles enriquecementos inxustos ou a superación de diversos procesos por unha mesma persoa aspirante.

Nos artigos 12 e 13 establécese que ás persoas que superen os procesos se lles ofertarán destinos provisionais, así como a posibilidade de crear unha ou varias comisións de valoración nos procesos selectivos mediante o sistema de concurso para unha maior axilidade destes.

O artigo 14 recolle cuestións atinentes á validez dos procesos selectivos e establece a cautela, para o suposto de non cumprir os prazos previstos na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de que tal incumprimento non afecte por este só feito a validez das referidas convocatorias e procesos.

A disposición adicional primeira recolle a posibilidade de que se aproben unhas bases comúns para os procesos selectivos suxeitos a esta lei referidos ao persoal do sector público autonómico incluído nas relacións de postos de traballo das distintas consellarías e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

A disposición adicional segunda establece a posibilidade de que as bases das convocatorias recollan unha autoavaliación dos méritos por parte das persoas aspirantes co carácter de declaración responsable.

A disposición adicional terceira establece as disposicións desta lei aplicables aos procesos selectivos convocados pola consellaría competente en materia de educación.

As disposicións adicionais cuarta e quinta modifican a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, incluíndo novas especialidades e funcións nunha serie de escalas da administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O motivo de incluír nesta lei estas disposicións adicionais, e non na Lei de medidas fiscais e administrativas, débese á necesidade de adaptación e á celeridade derivada da obrigatoriedade que impón a Lei 20/2021 de convocar os procesos extraordinarios derivados dela antes do 31 de decembro de 2022.

A disposición adicional sexta establece a posibilidade de modificar o cadro de equivalencias entre persoal laboral e funcionario para efectos do desenvolvemento dos distintos procesos por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, logo da correspondente negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos e da audiencia da Comisión de Persoal do artigo 18 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

A disposición adicional sétima abre a posibilidade de, a través dunha resolución da Dirección Xeral da Función Pública, reducir á metade os prazos establecidos na normativa para o desenvolvemento dos procesos selectivos, para adaptar estes á celeridade imposta pola Lei 20/2021.

A disposición adicional oitava dedícase aos procesos para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia.

A disposición adicional novena está dedicada ás escalas ou categorías profesionais extinguidas.

A disposición adicional décima recolle a non valoración de determinados servizos prestados polo persoal laboral fixo.

Por último, inclúese unha disposición derradeira única, relativa á entrada en vigor da lei.

Esta lei axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao se recolleren na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación como exixe o principio de transparencia, e ao se introduciren a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta lei será aplicable á oferta pública de emprego extraordinaria e mais aos procesos de estabilización de emprego temporal derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, desenvoltos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades do seu sector público reguladas pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con exclusión do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Principios aplicables nos procesos selectivos

  1. Os procesos de estabilización de emprego temporal derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público indicados no artigo 1 rexeranse polos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade establecidos na indicada lei, tendo en conta, así mesmo, a finalidade de estabilización do emprego temporal derivada dela.

Así mesmo, aplicaranse os principios establecidos no artigo 55 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

  1. En particular, tendo en conta a necesidade de cumprimento dos prazos recollidos na Lei 20/2021, do 28 de decembro, e o gran número de procedementos de selección e prazas convocadas, a Administración autonómica e as entidades convocantes adoptarán todas as medidas que sexan precisas para garantir a eficacia, eficiencia e axilidade dos procesos selectivos, sen prexuízo da obxectividade dos indicados procesos.
  2. Na configuración dos procedementos selectivos e na concreción das bases das convocatorias, dos requisitos que establezan, probas que se realizarán e determinación dos méritos valorables, a Administración autonómica e as entidades do seu sector público, cumprindo as previsións que se recollen nesta lei, poderán optar discrecionalmente polas opcións que consideren máis acordes cos principios indicados neste artigo, buscando, en particular, a adecuación obxectiva e proporcionada coas funcións e tarefas concretas que serán desenvoltas polo correspondente corpo, escala ou categoría de persoal, tal e como estiveren determinadas nas correspondentes normas ou convenio colectivo aplicable.

Artigo 3. Prazas incluídas na oferta pública de emprego extraordinaria derivada da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

  1. As prazas de natureza estrutural que, estean ou non dentro das relacións de postos de traballo ou en calquera outro instrumento de ordenación de recursos humanos, estean dotadas orzamentariamente e que estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 computaranse para o desenvolvemento dos procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Así mesmo, serán incluídas dentro do citado proceso de estabilización as prazas afectadas polos procesos de estabilización previstos nos artigos 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.Un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, sempre que estean incluídas nas correspondentes ofertas de emprego público de estabilización e, chegada a data de entrada en vigor desta lei, non fosen convocadas ou quedasen desertas tras a resolución dos procesos selectivos nos que foron convocadas.

  1. Adicionalmente, de conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 20/2021, do 28 de decembro, as administracións públicas convocarán, con carácter excepcional e de acordo co previsto no artigo 61.6 e 7 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP), polo sistema de concurso, aquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1 da citada Lei 20/2021, do 28 de decembro, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

A este proceso, de conformidade coa disposición adicional oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, engadiranse as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación desta natureza anterior ao 1 de xaneiro de 2016. Trátase, neste caso, de incluír prazas ocupadas en 31 de decembro de 2020 por persoal de longa duración, isto é, cun nomeamento anterior ao 1 de xaneiro de 2016, nunha praza distinta á ocupada en 2020.

  1. En ambos os supostos é requisito indispensable, para incluír a praza na oferta pública de emprego extraordinaria, que esta continuase ocupada na data da entrada en vigor da Lei 20/2021, do 28 de decembro.
  2. Considérase que non supoñen unha interrupción para estes efectos os períodos menores de tempo nos que a praza estivese vacante como consecuencia da necesidade de levar a cabo os trámites administrativos correspondentes por parte das consellarías ou entes instrumentais afectados, como pode ser o nomeamento dun novo persoal funcionario interino ou laboral temporal tras o cesamento do anterior.

Nese caso, poderá considerarse ininterrompido aínda cando tivese lugar algún cambio na persoa que ocupa a praza, sempre que volva ocuparse efectivamente nun prazo de tres meses.

Artigo 4. Órgano convocante

  1. Corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública convocar os procesos selectivos correspondentes a:
  2. a) Postos de traballo de persoal funcionario incluídos no artigo 4.1.a) e c) da Lei 2/2015, do 29 de outubro, do emprego público de Galicia.
  3. b) Postos de persoal laboral que se atopen catalogados nas distintas relacións de postos de traballo ou que estean incluídos dentro do ámbito de aplicación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, pertencentes á Administración xeral e entidades instrumentais do sector público autonómico.
  4. As entidades instrumentais do artigo 45 da Lei de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia terán a consideración de órganos convocantes exclusivamente respecto aos postos de traballo dos cadros do seu persoal laboral que non estean incluídos dentro do ámbito da aplicación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Procesos selectivos polo sistema de concurso-oposición

Nos procesos selectivos que se realicen mediante o sistema de concurso-oposición, a fase de oposición representará o 60 por cento da puntuación total e serán eliminatorios os exercicios da fase de oposición.

Artigo 6. Cómputo dos servizos prestados nas convocatorias derivadas da oferta pública de emprego extraordinaria

  1. Nas bases das convocatorias, a Administración autonómica e as entidades do seu sector público, tendo en conta os principios de igualdade, mérito e capacidade e de adecuación coas funcións e tarefas concretas que serán desenvoltas polo correspondente corpo, escala ou categoría de persoal, valorarán en todo caso os servizos prestados nas administracións públicas ou entidades do sector público no indicado corpo, escala ou categoría profesional obxecto da convocatoria, como persoal funcionario interino ou como persoal laboral temporal ou recoñecido como indefinido non fixo, ao ser manifestación da aptitude ou capacidade para desenvolver as correspondentes funcións.

Para os efectos indicados no apartado anterior, consideraranse tamén os corpos, escalas ou categorías profesionais que sexan equivalentes, atendendo á identidade substancial das funcións e tarefas concretas que desenvolve o indicado corpo, escala ou categoría de persoal, tal e como estean determinadas nas correspondentes normas ou, de ser o caso, no convenio colectivo aplicable. Para estes efectos, as bases das convocatorias deberán determinar os corpos, escalas ou categorías profesionais que se consideren equivalentes.

Non serán obxecto de valoración os servizos prestados como persoal eventual ao que se refire o artigo 29 da Lei 2/2015, do 29 de outubro, do emprego público de Galicia.

  1. De acordo co indicado no número anterior e tendo en conta os principios establecidos nel, por representar unha maior adecuación coas funcións e tarefas concretas que se desenvolverán, nas convocatorias outorgarase unha valoración superior aos servizos prestados na propia Administración autonómica no corpo, escala ou categoría de persoal obxecto da convocatoria.
  2. A concreta ponderación atribuída na convocatoria aos servizos prestados na Administración e sector público dentro do conxunto de méritos valorados deberá ser proporcionada, atendendo á finalidade de estabilización do emprego público temporal recollida na Lei 20/2021, do 28 de decembro, e nesta lei e na súa regulación, polo que non será o único mérito que se valorará, nin debe ter tal relevancia no conxunto do proceso selectivo que, de forma discriminatoria, exclúa do acceso á función pública persoas que non poidan acreditar a indicada prestación de servizos.
  3. No marco do indicado no número anterior, nos procesos selectivos que se realicen mediante o sistema de concurso-oposición, de acordo co establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, a valoración na fase de concurso dos servizos prestados na Administración ou sector público no corpo, escala, categoría ou equivalente será maioritaria, supoñendo, como máximo, un trinta por cento da puntuación total do proceso selectivo.
  4. Nos procesos selectivos que deban desenvolverse, por imperativo da Lei 20/2021, do 28 de decembro, mediante o sistema de concurso, tendo en conta a súa finalidade de estabilización do emprego temporal de longa duración, o carácter excepcional do sistema establecido pola lei citada e a súa realización por unha soa vez, a valoración dos servizos prestados na Administración ou sector público será tamén maioritaria.

Nestes casos de utilización do sistema de concurso, ademais dos servizos prestados e outros méritos que poidan establecer as convocatorias, valorarase como mérito, en todo caso, como manifestación dos principios de mérito e capacidade, a acreditación polos aspirantes de teren superado probas ou exercicios para o acceso ao correspondente corpo, escala ou categoría obxecto da convocatoria na administración convocante.

  1. Atendendo ao carácter excepcional dos procesos de estabilización previstos nesta lei e coa finalidade de dotar da maior axilidade posible o desenvolvemento dos procesos selectivos que se convoquen ao abeiro da dita lei, non será necesario recoller nos baremos destes procesos selectivos a valoración de aspectos relacionados coa conciliación persoal ou familiar previstos no artigo 51 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

Artigo 7. Coñecemento da lingua galega

  1. O nivel de coñecemento requirido da lingua galega será o que xustificadamente se estableza en cada convocatoria, atendidas as concretas funcións que se vaian desenvolver.
  2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos, tanto polo sistema de concurso-oposición como de concurso, recollerán, logo de consulta coa representación sindical, a forma de acreditar o nivel de coñecemento requirido da lingua galega para aquelas persoas aspirantes que no momento da convocatoria non conten co correspondente certificado oficial do nivel de coñecemento establecido nas bases da convocatoria.

Artigo 8. Exixencia de requisitos específicos

As convocatorias dos procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, poderán exixir o cumprimento doutros requisitos específicos, como requisitos de carácter psicotécnico e físico, que garden relación directa e obxectiva coas funcións e tarefas que se van desempeñar. Para os efectos de posibilitar ou facilitar a acreditación destes requisitos, as convocatorias preverán a realización das correspondentes probas psicotécnicas ou físicas.

Artigo 9. Data de valoración dos méritos

A data de valoración dos méritos nas convocatorias dos procesos selectivos derivados desta lei será a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Incompatibilidade da compensación económica e a adquisición da condición de persoal funcionario ou persoal laboral

  1. A compensación económica pola finalización da relación interina ou temporal coa Administración autonómica e o seu sector público pola non superación do proceso selectivo de estabilización, á cal se refire o número 6 do artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, será incompatible coa superación doutro proceso selectivo de estabilización derivado desta lei e o consecuente mantemento da prestación de servizos na Administración autonómica e o seu sector público, considerados no seu conxunto.
  2. Para os efectos do indicado no número anterior, as bases das convocatorias advertirán da indicada incompatibilidade para o caso da superación do proceso selectivo.
  3. De acordo coa incompatibilidade recollida no número 1, se o cesamento na praza que ocupa o persoal funcionario interino ou laboral se produce pola toma de posesión noutra praza da Administración autonómica ou do seu sector público como consecuencia da superación dun proceso selectivo de estabilización, non se percibirá a compensación.
  4. No caso de que, por non estar compasada a finalización dos procesos selectivos de estabilización derivados desta lei, no momento da superación dun deles a persoa candidata seleccionada tivese xa percibido a indicada compensación, aplicarase unha dedución das retribucións que corresponda percibir na Administración autonómica ou entidade do sector público autonómico en que se pase a prestar servizos equivalente á compensación percibida sen cómputo de xuros. A dedución aplicarase mensualmente e calcularase de tal modo que a compensación de cantidades se alcance en tres anos.

Artigo 11. Regras especiais no desenvolvemento destes procesos

  1. Coa finalidade de acadar unha efectiva redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, unha mesma persoa aspirante non poderá ser proposta para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo en máis dunha escala, corpo ou categoría profesional tanto na Administración xeral como nas entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico. Neste caso a persoa aspirante deberá comunicar ao órgano convocante a súa opción e será excluída doutro proceso, e o seu lugar será ocupado pola seguinte persoa aspirante, consonte a orde de prelación derivada das puntuacións do proceso selectivo. A devandita exclusión non suporá dereito a compensación.
  2. Coa mesma finalidade que a indicada no número anterior, as persoas que adquiran a condición de persoal funcionario de carreira ou de persoal laboral fixo como consecuencia dos procesos selectivos previstos nesta lei deberán permanecer en servizo activo na devandita escala, corpo ou categoría un mínimo de dous anos desde a toma de posesión antes de concedérselles excedencia por interese particular ou por prestación de servizos no sector público.

Artigo 12. Adxudicación de destinos con carácter provisional

Ao persoal que supere os procesos selectivos derivados desta lei ofertaránselle destinos con carácter provisional e, logo de se resolver o correspondente concurso de traslados que se convoque no seu corpo, grupo, subgrupo ou especialidade, ofertaráselle destino con carácter definitivo.

Artigo 13. Comisións de valoración nos procesos selectivos mediante o sistema de concurso

Nos procesos selectivos mediante o sistema de concurso convocados ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, coa finalidade de axilizar a súa resolución, o órgano convocante poderá nomear unha ou varias comisións de valoración, que realizarán as tarefas propias dun órgano de selección.

Artigo 14. Cuestións atinentes á validez dos procesos selectivos

  1. Serán aplicables ás bases das convocatorias, procesos selectivos e actos ditados neles os límites á extensión da nulidade ou anulabilidade dos actos e principios de conservación de actos e trámites previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, velando pola maior seguridade xurídica e a eficacia dos procesos selectivos. En particular, por razóns de protección da seguridade xurídica e da confianza lexítima, no caso de nulidade ou anulabilidade dos actos do proceso selectivo procurarase, na medida do posible, a máxima protección dos dereitos das persoas aspirantes de boa fe que non sexan responsables das irregularidades ou vicios acaecidos, valorando especialmente o tempo transcorrido e a existencia de situacións xurídicas consolidadas.
  2. As convocatorias destes procesos selectivos poderán establecer que a data de inicio do prazo de presentación de solicitudes sexa, como máximo, ata un mes despois da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Aprobación de bases comúns

  1. Co obxecto de promover a eficacia, eficiencia e axilidade dos procesos selectivos, a Administración autonómica poderá aprobar bases comúns para os procesos selectivos suxeitos a esta lei.

As bases comúns serán aplicables cando as diferentes convocatorias dos procesos selectivos se remitan expresamente a elas.

  1. Estas bases comúns serán aprobadas, co carácter de acto administrativo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública, sen prexuízo da súa posible delegación, logo de negociación previa coas organizacións sindicais en canto afecten as materias obxecto de negociación recollidas na Lei do emprego público de Galicia, e serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
  2. As distintas convocatorias dos procesos selectivos e as súas bases poderán remitirse ás bases comúns publicadas nos aspectos recollidos nelas co obxecto de evitar reiteracións, sen prexuízo de que poidan recoller as adaptacións e especificidades necesarias que se aparten das indicadas bases.

Disposición adicional segunda. Sistemas de autoavaliación

  1. Co obxecto de promover a eficacia, eficiencia e axilidade dos procesos selectivos, e tendo en conta o elevado volume de prazas convocadas e solicitudes que se poden presentar, a Administración autonómica poderá prever nas bases comúns ou nas bases dos procesos selectivos un sistema de autoavaliación consistente na formulación pola persoa aspirante dun modelo de declaración responsable no que se recollan a suma dos méritos que considera que lle corresponden de acordo co baremo da convocatoria.
  2. Nestes casos, a Administración só procederá a comprobar a autoavaliación realizada e a baremar a persoa aspirante no caso de que esta, atendendo ao sistema de avaliación que establezan as bases da convocatoria, número de prazas dispoñibles, puntuación obtida polos demais aspirantes e puntuación que manifesta ter, poida ter posibilidades reais de obter praza no proceso selectivo. Garantirase, en todo caso, a avaliación de todas as persoas aspirantes seleccionadas.
  3. As bases dos procesos selectivos preverán a exclusión das persoas aspirantes que cometan unha falsidade de carácter esencial na declaración responsable de autoavaliación, polo procedemento que estas establezan, garantindo, en todo caso, a audiencia da persoa interesada. A exclusión por este motivo considerarase equivalente, para todos os efectos legais, á non participación da persoa candidata no proceso selectivo de estabilización.

A persoa aspirante debe estar en condicións de acreditar eses méritos coa documentación xustificativa que se estableza como necesaria.

Disposición adicional terceira. Disposicións aplicables aos procesos selectivos convocados pola consellaría competente en materia de educación

Aos procesos selectivos que xa estiveren convocados pola consellaría competente en materia de educación no momento da entrada en vigor desta lei unicamente lles resultan aplicables as disposicións previstas nos artigos 2, 3, 7 e 9, nos números 1, 3 e 4 do artigo 10, nos artigos 13 e 14 e na disposición adicional segunda, na medida en que sexa compatible co establecido nas correspondentes bases das convocatorias.

Disposición adicional cuarta. Modificación da disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

Modifícase o cadro do número 3.ter da disposición adicional oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para a creación da seguinte escala:

Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala de persoal de mantemento  

 

 

 

 

 

 

AP – Realizar as operacións máis elementais na explotación e mantemento do centro e os seus exteriores.

– Axudar o xefe de mantemento ou os oficiais de mantemento nos traballos ou operacións que realicen.

– Colaborar cos oficiais de mantemento nas tarefas de limpeza de salas de máquinas, instalacións, cadros eléctricos, transformadores, talleres…

– Conservacións, mantemento e ordenación de ferramentas.

– Reparación de avarías elementais nos distintos servizos do centro e nos seus exteriores.

– Reparacións de emerxencia.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Non se exixe

Disposición adicional quinta. Modificación da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

  1. Modifícase o cadro do número 1 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala superior de sistemas de información xeográfica  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A1 – Estudo e propostas de normas técnicas cartográficas.

– Deseño e manexo de proxectos de sistemas de información xeográfica.

– Deseño e edición de cartografía de referencia e temática.

– Organización e deseño de proxectos de captura de información xeográfica de referencia e temática.

– Deseño e análise de bases de datos xeográficos.

– Xestión de bases de datos xeográficas.

– Xestión dos compoñentes do SIX corporativo e da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia.

– Deseño e desenvolvemento de proxectos fotograméticos e de teledetección.

– Elaboración de análises e informes baseados en información xeorreferenciada e cartografía.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama
  1. Modifícase o cadro do número 2 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala técnica de sistemas de información xeográfica A2 – Análise e desenvolvemento de ferramentas dos sistemas de información xeográfica.

– Edición de cartografía de referencia e temática.

– Análise de bases de datos xeográficas e datos xeorreferenciados.

– Desenvolvemento de proxectos fotogramétricos e de teledetección.

– Traballos de fotointerpretación e captura de información xeorreferenciada (fotografías aéreas e imaxes de satélite).

– Desenvolvemento de traballos de produción de datos xeográficos.

– Elaboración de análises e informes de información xeorreferenciada e cartografía.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama
  1. Modifícase o cadro do número 4 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, correspondente á escala técnica de recursos naturais e forestais, para a creación das especialidades de capataz, mecánico naval, patrón de embarcación e guía intérprete de patrimonio natural, engadindo á redacción existente o seguinte:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala técnica de recursos naturais e forestais Capataz C1 – Coordinación, organización e mantemento das instalacións, dos establecementos, dos edificios e dos espazos naturais correspondentes nos parques naturais e parques nacionais, centros de recuperación de fauna silvestre, centros cinexéticos, piscícolas ou análogos, e, en xeral, o desenvolvemento das actuacións que requiran o axeitado funcionamento destes.

– Coordinación do persoal da escala auxiliar de recursos naturais e do persoal da especialidade de recursos naturais e forestais da agrupación profesional que prestan servizos no espazo natural, establecemento ou instalación correspondente.

– Control do cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais do persoal que presta servizos no espazo natural, establecemento ou instalación correspondente.

– Elaboración dos cuadrantes do persoal ao seu cargo e control do cumprimento horario.

– Manexo das aplicacións informáticas, dos equipos informáticos e das telecomunicacións necesarios para o desenvolvemento, o rexistro e control das funcións que lle son propias.

– Participación en actividades divulgativas.

– Manexo de vehículos e maquinaria autopropulsada agrícola ou forestal (tractores).

– Manexo de embarcacións.

– Recollida de fauna silvestre.

– Actuacións en situacións de emerxencia nos establecementos, instalacións e, en xeral, nos espazos naturais en que desenvolven as súas tarefas, en colaboración cos servizos de protección civil e de xestión de emerxencias. Para tal fin poderán impartir instrucións ao persoal ao seu cargo.

– Apoio na supervisión do acceso a zonas restrinxidas, na supervisión de permisos de fondeo e permisos de mergullo e no control de furtivismo.

– Trampeo fotográfico e mecánico.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas anteriores.

Título de técnico na rama agraria ou na rama de recursos naturais

Carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria

Escala técnica de recursos naturais e forestais Mecánico naval C1 – Reparación, mantemento, planificación e operación en áreas tales como motores mecánicos mariños de embarcacións do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

– Revisións preventivas.

– Xestión de loxística e inventario de materiais, equipos e repostos.

– Funcións de mecánico naval que pode desempeñar o cargo de xefe de maquina de buques coas atribucións que a lexislación vixente outorgue e cos requisitos para enrolarse nun buque.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas anteriores.

Bacharelato ou técnico e título profesional de mecánico naval maior ou equivalente

Formación básica en seguridade marítima

Escala técnica de recursos naturais e forestais Patrón de embarcación C1 – Manexo e goberno das embarcacións nas distintas manobras: atracadas, amarres, toma de combustible, travesía…

– Organización e dirección dos traballos dos membros da tripulación.

– Responsable de decisións relativas ao traballo dependendo do estado do mar.

– Uso de radares e outros equipos electrónicos do barco, no ámbito da súa competencia.

– Responsable do bo estado dos elementos da embarcación, organización dos labores de mantemento das embarcacións.

– Responsable das inspeccións obrigatorias das embarcacións.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Bacharelato ou técnico e título profesional de patrón de cabotaxe, patrón de litoral ou equivalente

Formación básica en seguridade marítima

Escala técnica de recursos naturais e forestais Guía intérprete de patrimonio natural C1 – Determinar bens naturais e patrimoniais dun espazo natural protexido para a súa divulgación ante o visitante, xestionando a información, valorando o seu potencial interpretativo, efectuando a implementación de usos, medios, servizos e actividades, e considerando a tipoloxía do público, cumprindo as indicacións da persoa que exerza a dirección do espazo natural protexido e con cumprimento da normativa relativa de protección do patrimonio medioambiental, planificación da actividade preventiva, e os estándares de calidade.

– Dirixir grupos de persoas por espazos naturais protexidos de forma organizada e aplicando destrezas de comunicación estandarizadas, para garantir unha interpretación de calidade do recurso natural.

– Realizar a actividade interpretativa do recurso natural aplicando as técnicas dos servizos guiados, tales como demostracións, desenvolvemento de actividades prácticas, uso de conceptos universais, analoxías e comparacións e as mensaxes planificadas especificamente para a actividade guiada.

– Comunicar aos visitantes a normativa de protección do espazo natural protexido e os bens que o integren a través da intervención interpretativa para fomentar actitudes de respecto de cara a el e incidir na súa conservación.

– Contribuír á preservación dos parques e reservas naturais.

– Participación no deseño, execución e avaliación de plans e servizos interpretativos, rutas guiadas, folletos, paneis, rutas autoguiadas, programa de sinalización.

– Participación no deseño, execución e avaliación de programas de educación ambiental e actividades didácticas con escolares e outros colectivos, tales como a formación de profesionais que operan no Parque Nacional.

– Participación no deseño, execución e avaliación de programas e materiais de divulgación relacionadas co espazo natural protexido.

– Participación na realización dos informes de uso público e estudos de afluencia de visitantes e en sistemas de acreditación de turismo sustentable.

– Atención nos centros de visitantes e dinamización destes.

– Participación na planificación, execución e seguimento do programa de acollida e atención a visitantes: equipamentos, sinalización, información e accesibilidade.

– Atención a persoas con discapacidade.

– Deseño e realización de actividades accesibles e/ou específicas para colectivos con necesidades especiais.

– Participación na planificación, execución e seguimento do programa de participación cidadá, voluntariado e prácticas.

– Participación na planificación e implantación do sistema de calidade do uso público

– Calquera outra función que se lle encomende relacionada coas anteriores.

Bacharelato ou técnico

Curso de guías do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas ou outra formación oficial que habilite para a realización das funcións inherentes a esta especialidade

  1. Modifícase o cadro do número 4 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala técnica de gobernantes/as Gobernante/a C1 – Como responsable do departamento e baixo a dependencia directa do director/a do centro ou persoa en quen delegue ocuparase da organización, distribución e coordinación de todo o persoal adscrito ao ámbito da súa competencia, comunicando á dirección cantas deficiencias observe, coidando de que o persoal ao seu cargo cumpra co seu labor profesional, vixiando, así mesmo, a hixiene e uniformidade deste.

– A petición da dirección, asesorará esta na confección das quendas de traballo:

• Vixilancia da conservación do mobiliario, lenzaría, utensilios e enxoval, así como do bo uso e economía dos materiais, utensilios e maquinaria ao seu cargo, procedendo ao reconto e inventario deles.

• En coordinación co departamento de cociña, responsabilizarase da boa marcha do servizo de comedor, distribución de comidas, control de réximes, servizos especiais, montaxe, limpeza e retirada do servizo.

– Coñecemento do número de servizos diarios realizados no departamento.

– En coordinación co persoal de enfermaría, e contando co persoal que ten adscrito, control do bo estado dos alimentos que os residentes manteñan nos cuartos.

– Nos centros cuxo servizo de comedor se realice mediante concerto con terceiros, colaboración na confección de menús e supervisión das condicións sanitarias das dependencias e alimentos servidos.

– Supervisión, cando exista contrata de mantemento, das súas respectivas áreas profesionais (limpeza, desratización, desinfección e desinsectación, cristais, etc.), informando á dirección do cumprimento deles.

– Se por necesidades perentorias ou imprevisibles, a normal actividade do centro o require, colaborará nas tarefas propias do persoal á súa orde.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Título de técnico na rama de hostalaría e turismo
  1. Modifícase o cadro do número 4 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala de técnicos especialistas en reprodución cartográfica C1 – Captura de información xeográfica.

– Operacións de fotogrametría: restitución dixital.

– Actualización de bases de datos xeográficas.

– Preparación e maquetación de información xeográfica.

– Dixitalización de información xeográfica.

– Publicación e impresión de información xeográfica.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Bacharelato ou técnico
  1. Modifícase o cadro do número 4.bis da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, correspondente á escala auxiliar de recursos naturais e forestais, para a creación das especialidades de oficial e mariñeiro-vixilante, engadindo á redacción existente o seguinte:
Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais Oficial C2 – Manexo das aplicacións informáticas, equipos informáticos e de telecomunicacións necesarios para o desenvolvemento, rexistro e control das funcións que lle son propias.

– Desenvolvemento das operacións propias do coidado de establecementos, das instalacións e dos espazos naturais, con maquinaria ou non.

– Manexo de vehículos e maquinaria autopropulsada agrícola ou forestal (tractores) con todos os seus apeiros, o emprego de rozadoras ou calquera outro tipo de maquinaria mecanizada que precisen as tarefas para realizar, así como o mantemento destas.

– Manexo de fertilizantes e produtos fitosanitarios, así como de combustible, aceites e lubricantes para maquinaria e apeiros.

– Preparación, manexo, conservación e subministración de alimentos, no caso de persoal que desenvolva as súas funcións nos centros de recuperación de fauna silvestre, centros ictioxénicos e outros que teñan ao seu cargo animais.

– Manexo de animais, toma de mostras para controis en laboratorio das posibles enfermidades ou infeccións que se puidesen producir, colaboración na aplicación dos tratamentos veterinarios e similares.

– Execución e mantemento de peches, pasarelas ou elementos similares.

– Labores de conservación e mantemento de pistas, rozas de lindes ou traballos similares.

– Realización de infraestruturas para a protección das especies e espazos.

– Limpeza, desinfección e conservación das instalacións, establecementos e demais infraestruturas.

– Manexo de embarcacións.

– Recollida de fauna.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e maquinaria
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais Mariñeiro-vixilante C2 – Quedar xunto ao temón cando a embarcación estea co piloto automático, e verificar a precisión do rumbo, utilizando un compás magnético.

– Cargar ou descargar o cargamento da embarcación e asegurar o devandito cargamento.

– Manexar os cabos e as conexións de amarre, as pasarelas para desembarcar e as escaleiras cando o barco atraque e desatraque.

Titulación de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente

Certificado de competencia mariñeira

Formación básica en seguridade marítima

– Facer gardas na pasarela para impedir que persoas non autorizadas embarquen cando estean no porto.

– Gobernar o barco baixo a dirección do comandante ou oficial de navegación, seguindo os rumbos establecidos ou dirixir ao temoneiro para que goberne.

– Manexar, manter e reparar equipo e aparellos do barco e de cuberta (p. ex., cabrestantes, guindastres, mecanismo de carga, aparellos, e aparellos de extinción de lumes e salvavidas).

– Eliminar o óxido, tratar e pintar os laterais do barco e as estruturas e axudar no mantemento e reparación dos motores do barco e o equipo mecánico.

– Facer unha revisión xeral dos botes salvavidas e os seus equipos, botar á auga ou alzar os botes salvavidas con guindastres ou baixándoos, e tripular os botes en emerxencias.

– Manter a limpeza das cubertas e estruturas, e limpar a auga doce do barco, o lastre e os tanques de aceite e o compartimento da carga.

– Colocar e arriar a bandeira do barco.

– Control de fondeos e navegación.

– Control de actividade pesqueira e marisqueira seguindo instrucións e as liñas sinaladas no PRUX.

– Servizos de cuberta, manipulación de instrumentos e gardas de temón, retén de ponte.

– Manexo, carga e descarga de materiais para as illas.

– Axuda no embarque e desembarque dos pasaxeiros.

– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

  1. No cadro do número 4.bis da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no apartado referido á escala de gardas de recursos naturais, modifícase a titulación exixida nos seguintes termos: «Titulación de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente»; e engádense as seguintes funcións, que serán desempeñadas polo persoal desta escala:

– Manexo de aplicacións informáticas básicas e equipos de comunicación.

– Manexo de vehículos.

– Condución de vehículos cando así o demanden as necesidades do servizo.

Disposición adicional sexta. Equivalencias das categorías de persoal laboral cos distintos corpos, escalas ou especialidades do persoal funcionario para efectos do desenvolvemento dos distintos procesos selectivos

  1. Unicamente para os efectos dos procesos selectivos regulados por esta lei, e coa finalidade de establecer as equivalencias co fin de computar os servizos prestados entre as categorías de persoal laboral do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e os distintos corpos, escalas ou especialidades do persoal funcionario previstos na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as devanditas equivalencias serán as establecidas na Orde do 10 de marzo de 2021 pola que se modifica o anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
  2. Non obstante, e para os efectos indicados no apartado anterior, estas equivalencias poderán ser modificadas, mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, logo da correspondente negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos e da audiencia da Comisión de Persoal do artigo 18 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

Disposición adicional sétima. Redución de prazos

Atendendo ás razóns de urxencia que concorren nos procesos selectivos regulados por esta lei derivadas da necesidade de cumprimento dos prazos establecidos pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, a persoa titular da dirección xeral competente na materia de función pública ou, de ser o caso, o órgano competente da entidade do sector público autonómico convocante, poderá dispor a redución á metade dos prazos dos procesos selectivos, de acordo co previsto no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional oitava. Procesos para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia

No baremo dos concursos que se convoquen para a estabilización do emprego temporal do persoal estatutario do Sistema Público de Saúde de Galicia, en aplicación das disposicións adicionais quinta, sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, será aplicable o baremo que se determine nas bases da convocatoria, sen que sexa aplicable o establecido nos números 2 e 3 do artigo 22 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. En particular, sen prexuízo doutros posibles méritos que se poidan determinar nas bases da convocatoria, será obxecto de valoración a experiencia profesional acreditada no Sistema Nacional de Saúde, podendo outorgarse primacía aos servizos prestados na categoría e/ou especialidade, e, dentro destes, aos servizos prestados no Sistema Público de Saúde de Galicia.

Disposición adicional novena. Escalas ou categorías profesionais extinguidas

As prazas correspondentes a escalas de persoal funcionario ou categorías profesionais de persoal laboral extinguidas que figuran no Decreto 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non se convocarán.

Disposición adicional décima. Non valoración de determinados servizos prestados

Ao persoal laboral fixo que se presente a un procedemento de concurso de méritos ou concurso-oposición derivado da Lei 20/2021 non se lle computarán os servizos que teña  prestados como persoal laboral temporal en categoría equivalente á escala funcionarial para a adquisición da condición de funcionario de carreira na que teña a condición de laboral fixo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Como consecuencia dos prazos establecidos pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente