Espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

,

LEI 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

[sc name=»secretario» ]
Exposición de motivos
I
A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos.
Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia, e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.
Tendo en conta o tempo transcorrido desde a dita transferencia, cómpre establecer unha lexislación propia que se adapte ás especiais circunstancias da Comunidade galega e homoxeneíce os distintos aspectos dispersos en diversos regulamentos, así como na Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá.
Esta lei fundaméntase nas ditas competencias para establecer o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global desta materia e enche o baleiro normativo autonómico existente na actualidade, todo iso co obxecto de acadar un marco normativo adecuado á realidade da sociedade actual conforme cos novos parámetros sociais e culturais, atendendo a actual xeneralización e diversificación das actividades relacionadas co ocio, que obriga a atopar equilibrio entre as distintas sensibilidades, dereitos e obrigas das persoas que organizan os espectáculos e actividades recreativas, das persoas espectadoras ou usuarias e das persoas alleas a estas actividades, acredoras do dereito ao descanso e a unha convivencia normalizada, e garantindo un equilibrio entre o principio de liberdade e o principio de seguridade e convivencia. A cidadanía é libre para elixir a forma de ocio e diversión e os/as promotores/as de espectáculos para ofertar un amplo e diverso elenco de eventos sen máis límite que o respecto ás obrigas legais derivadas do interese xeral por razóns de seguridade, convivencia e respecto aos dereitos das persoas. Esas razóns xustifican as medidas legais para compatibilizar a liberdade co dereito á seguridade das persoas espectadoras ou usuarias, a convivencia cidadá ou dereitos de terceiras persoas.
A importancia social e económica das actividades artísticas, culturais e de lecer require dunha regulación específica dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que, ademais de garantir a seguridade das persoas e dos bens, a hixiene dos establecementos, a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias, asegure adecuadamente a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso da cidadanía. Isto exixe poñer en primeiro plano, entre outros, aspectos tales como a protección das persoas menores, a defensa das persoas consumidoras e usuarias, o respecto polo medio ambiente e os animais, a loita contra actitudes discriminatorias e a conservación do noso patrimonio histórico-artístico e cultural.
Trátase, xa que logo, de actividades que teñen un inmediato eco na cidadanía por afectaren distintos ámbitos e espazos competenciais, e, neste sentido, o proceso de elaboración deste marco regulador articulouse coa participación necesaria dos órganos da Administración autonómica con competencias na materia e da Federación Galega de Municipios e Provincias, así como coa audiencia dos diversos colectivos afectados, na procura de acadar o maior consenso posible de todos os sectores implicados.
II
Por outra banda, a entrada en vigor da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, que foi trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e incorporada ao ordenamento galego pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, supuxo a introdución dunha nova regulación do réxime de autorización administrativa. Na mesma liña se sitúa a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.
Deste corpus normativo débense extraer os principios que permitan establecer os criterios que hai que ter en conta á hora de considerar unha actividade sometida ou non a un réxime de intervención administrativa. Entre estes principios cómpre subliñar a liberdade de establecemento para o exercicio dunha actividade de servizos, a prelación dun réxime de comunicación previa ou de declaración responsable, a aposta pola simplificación procedemental e a facilitación de trámites á persoa interesada, sen esquecer a materialización dunha política de calidade na prestación daqueles.
Esta lei remite, en materia de réxime de intervención administrativa, ao disposto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ao tempo que incorpora, na disposición derradeira primeira, unha serie de modificacións ao dito texto legal co fin de identificar con maior claridade e precisión tanto os supostos suxeitos ao mencionado réxime nas súas distintas modalidades como aqueloutras actividades que quedan exentas da súa aplicación. Así mesmo, tamén se matizan determinados aspectos relacionados coa tramitación dos diferentes expedientes administrativos desde a perspectiva da súa simplificación, na procura de facilitar as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis áxil resolución dos seus procedementos.
Agora ben, tendo en conta a variedade de situacións e a diversidade de intereses concorrentes que abrangue a materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, á cal xa se fixo mención, a lei non ten un carácter exhaustivo. Pola contra, cínguese a establecer unha regulación xenérica dos aspectos substanciais. Correspóndelles ás normas regulamentarias o desenvolvemento posterior dos aspectos concretos que se determinen nela. Así mesmo, a norma legal fai, cando procede, unha remisión expresa a outras normas en materias específicas que, porén, quedarían sometidas a esta lei en cantas disposicións non aparezan reguladas nesa normativa especial.
Sen prexuízo da habilitación xeral que autoriza ao Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias en desenvolvemento desta lei, a propia norma legal subliña algún dos aspectos que considera que se deben establecer por vía regulamentaria, como poden ser o procedemento para autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, a composición, a estrutura e o funcionamento da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia ou os datos que deben constar no Rexistro público de empresas e establecementos destinados á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.
III
A lei está estruturada en catro títulos, que comprenden corenta e dous artigos, unha disposición adicional, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras.
O título I, baixo a denominación de disposicións xerais, regula o obxecto e o ámbito de aplicación da lei, recolle as exclusións e establece as definicións dos conceptos esenciais a que fará referencia o texto da norma. Tamén se enumeran nel as competencias autonómicas e as municipais. En relación con estas últimas, a atribución competencial efectúase cumprindo o disposto no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 abril, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 1 da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.
Tamén se inclúen neste título os espectáculos públicos e as actividades recreativas prohibidos, así como as condicións técnicas e de seguridade apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiros afectados, a convivencia veciñal e a integridade dos espazos públicos.
Regúlanse tamén a exixencia de seguro e as relacións entre as administracións públicas de Galicia na xestión dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, que están presididas polos principios de cooperación e colaboración administrativa, créase a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, como órgano consultivo con funcións de coordinación entre as administracións, de estudo e de asesoramento, e, por último, disponse a constitución do Rexistro de empresas e establecementos destinados á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas, adscrito á consellaría competente por razón da materia.
O título II recolle unha remisión ao marco xurídico de intervención administrativa previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, para a apertura dos establecementos abertos ao público e a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
O título III, que regula a organización e o desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, está composto por dous capítulos. O primeiro deles dedícase aos aspectos xerais e ocúpase do dereito de admisión, respecto do cal a lei dispón especiais precaucións para evitar calquera tipo de discriminación que poida limitar a efectividade do dereito de acceso aos espectáculos públicos e ás actividades recreativas.
Tamén se regulan neste capítulo tanto o servizo de control de acceso, que debe contar con persoal habilitado consonte a normativa reguladora desta actividade, como os servizos de vixilancia e seguridade propios, que deben dispoñer de persoal encargado desa función nos termos previstos na lexislación de seguridade privada.
A lei outorga unha relevancia especial á protección integral da infancia e da adolescencia, recolle unha remisión ás obrigas introducidas pola normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en persoas menores de idade e prevé unha idade mínima para o acceso aos espectáculos taurinos en recintos pechados.
Este capítulo tamén se ocupa das disposicións relativas aos horarios e ás súas modificacións. Introdúcese como novidade a posibilidade de que os concellos poidan realizar ampliacións ou reducións sobre o horario xeral, nos supostos e nas circunstancias que, de ser o caso, determine a orde na cal se estableza o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas. Por último, este capítulo recolle a regulación das entradas, da información ao público e da publicidade dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
O capítulo II do título III regula os dereitos e as obrigas das distintas persoas implicadas nos espectáculos públicos e nas actividades recreativas, é dicir, espectadores/as, artistas, intérpretes ou executantes, titulares e organizadores/as.
O título IV divídese en catro capítulos. Nos dous primeiros regúlanse, respectivamente, as disposicións xerais e o réxime de vixilancia e de inspección. No capítulo III, as medidas provisionais previas á apertura do expediente sancionador. No capítulo IV, dedicado ao réxime sancionador, defínese, polo miúdo, a tipoloxía das infraccións e establécese a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores, que corresponderá aos concellos e aos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma, segundo os casos. Establécense tamén as sancións aplicables a cada tipo de incumprimento, que, en todo caso, deberán gardar proporcionalidade coa gravidade dos feitos constitutivos da infracción.
A parte final da lei está integrada por unha disposición adicional, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras. A disposición adicional única fai referencia á normativa técnica aplicable. As cinco disposicións transitorias establecen, respectivamente, o réxime transitorio dos expedientes sancionadores, o réxime transitorio das licenzas municipais, autorizacións autonómicas e comunicacións previas, os capitais mínimos das pólizas de seguro de espectáculos públicos e actividades recreativas e a adaptación das obrigas en materia de seguros e a vixencia transitoria da Orde do 16 de xuño de 2005 en materia de horario xeral e ampliacións e reducións sobre o dito horario. A disposición derrogatoria única, ademais da derrogación normativa xenérica das disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na lei, fai unha mención expresa dos artigos 4 e 7 do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como do Decreto 390/2009, do 24 de setembro, polo que se determina o procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora na materia de establecementos e espectáculos públicos.
Polo que se refire ás disposicións derradeiras, cómpre subliñar que a primeira delas incorpora unha serie de modificacións na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no que atinxe ao réxime de intervención administrativa e ao réxime sancionador.
Na disposición derradeira segunda establécese o carácter complementario das ordenanzas municipais respecto do réxime previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, así como o prazo de que dispoñerán os concellos para a súa adaptación ao réxime previsto nesta lei.
A disposición derradeira terceira prevé a posibilidade de actualizar as contías das sancións económicas.
A disposición derradeira cuarta establece un plan de inspección dos espectáculos públicos e actividades recreativas, que deberán aprobar os concellos, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei.
Na disposición derradeira quinta recóllese a habilitación para o desenvolvemento regulamentario da lei.
A disposición derradeira sexta fixa o prazo para a entrada en vigor da lei, que se producirá aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación desta lei, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
TÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
Esta lei ten por obxecto establecer, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Quedan sometidos a esta lei todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebren en establecementos e espazos abertos ao público, con independencia do carácter público ou privado de quen os organice, da titularidade pública ou privada do establecemento ou espazo aberto ao público en que se desenvolvan, da súa finalidade lucrativa ou non lucrativa e do seu carácter esporádico ou habitual.
2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:
a) Os actos e as celebracións de carácter privado ou familiar que non se efectúen en establecementos abertos ao público e que, polas súas características, non supoñan ningún risco para a integridade dos espazos públicos, para a convivencia entre a cidadanía ou para os dereitos de terceiros.
b) As actividades efectuadas en exercicio dos dereitos fundamentais de reunión e manifestación.
3. As disposicións desta lei aplicaranse con carácter supletorio a aqueles espectáculos públicos e actividades recreativas que conten con regulación sectorial propia.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos desta lei, entenderase por:
a) Espectáculos públicos: as representacións, exhibicións, actuacións, proxeccións, competicións ou audicións de concorrencia pública de carácter artístico, cultural, deportivo ou análogo.
b) Actividades recreativas: aquelas que ofrecen ao público, persoas espectadoras ou participantes actividades, produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou lecer.
c) Espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario: aqueles que se desenvolven esporadicamente en establecementos abertos ao público legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da actividade propia do establecemento.
d) Establecementos abertos ao público: locais, instalacións ou recintos dedicados a levar a cabo neles espectáculos públicos ou actividades recreativas. Poden ser dos seguintes tipos:
1º. Locais cerrados, permanentes non desmontables, cubertos total ou parcialmente.
2º. Locais non permanentes desmontables, cubertos total ou parcialmente, ou instalacións fixas portátiles ou desmontables pechadas.
3º. Recintos que unen varios locais ou instalacións, constituídos en complexos ou infraestruturas de ocio.
e) Espazos abertos ao público: lugares de titularidade pública, incluída a vía pública, ou de propiedade privada, onde ocasionalmente se levan a cabo espectáculos públicos ou actividades recreativas e que non dispoñen de infraestruturas nin instalacións fixas para facelo.
f) Instalacións portátiles ou desmontables: aquelas estruturas móbiles provisionais e eventuais ou aqueles recintos aptos para o desenvolvemento de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxo conxunto se encontre conformado por elementos desmontables ou portátiles constituídos por módulos ou compoñentes metálicos, de madeira ou de calquera outro material que permita operacións de montaxe ou desmontaxe sen necesidade de construír ou demoler algunha obra de fábrica.
g) Titulares: persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que, en calidade de propietarios/as, arrendatarios/as ou en virtude de calquera outro título xurídico, teñen o dereito de uso dos establecementos ou espazos abertos ao público previstos nesta lei para o desenvolvemento neles de espectáculos públicos ou actividades recreativas.
h) Organizadores/as: persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que, con ánimo de lucro ou sen el, son responsables da organización, produción ou promoción de espectáculos públicos ou actividades recreativas.
i) Artistas, intérpretes ou executantes: persoas, con independencia do seu carácter profesional ou afeccionado, que interveñen nos espectáculos públicos ou nas actividades recreativas ante o público, con ou sen retribución.
Artigo 4. Competencias autonómicas
Correspóndelle á consellaría competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas:
a) Autorizar a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, conforme o procedemento que deberá ser aprobado no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor da lei.
b) Autorizar a celebración dos espectáculos e festexos taurinos, que se rexerán pola súa normativa específica.
c) Determinar o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
d) Exercer as funcións de inspección e de control nos termos previstos no título IV.
e) Incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores relacionados cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas previstos nas alíneas a) e b) deste artigo.
f) Adoptar as medidas provisionais previas ao inicio do expediente sancionador nos supostos previstos nos números 1 e 2 do artigo 28.
g) Calquera outra que lle outorgue a normativa específica dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
Artigo 5. Competencias municipais
Correspóndelles aos concellos:
a) Recibir e comprobar as declaracións responsables, así como outorgar as licenzas que correspondan en relación cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas que se desenvolvan dentro do termo municipal, incluídas as de carácter extraordinario.
b) Recibir e comprobar as declaracións responsables, así como outorgar as licenzas que correspondan en relación coa apertura de establecementos abertos ao público.
c) Adoptar as medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento ordenado dos espectáculos públicos e das actividades recreativas da súa competencia, sen prexuízo das competencias estatais en materia de seguridade pública.
d) Exercer as funcións de inspección e de control nos termos previstos no título IV.
e) Incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores por infraccións cometidas en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas que non sexan de competencia autonómica conforme o disposto no artigo 4.
f) Autorizar as ampliacións ou reducións sobre o horario xeral, atendendo os criterios, os supostos e as circunstancias que, de ser o caso, figuren na orde de horarios prevista no artigo 17.
g) Engadir, dentro das súas competencias e sen prexuízo das que correspondan á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, os requisitos, condicións ou límites para a apertura de establecementos públicos e a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas no seo das súas ordenanzas municipais.
h) Adoptar as medidas provisionais previas ao inicio do expediente sancionador nos supostos previstos no número 1 do artigo 28.
i) A realización de todas as actuacións precisas para o axeitado desenvolvemento das competencias previstas nas alíneas anteriores.
Artigo 6. Prohibicións
Quedan prohibidos os espectáculos públicos e as actividades recreativas seguintes:
a) Os que inciten á violencia, ao racismo, á xenofobia, ao sexismo, ao negacionismo, á discriminación por identidade de xénero e orientación sexual ou a calquera outro tipo de discriminación, así como aqueles que atenten contra a dignidade humana e contra os dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidos na Constitución española.
b) Os que comporten un risco fundado de produción de desordes públicas.
c) Os que vulneren a normativa sobre protección de animais.
d) Os que sexan constitutivos de delito.
e) Os que se desenvolvan sen que estea garantida a indemnidade dos bens, calquera que sexa a súa titularidade e, en especial, cando se trate de espazos abertos ou que formen parte do patrimonio cultural e natural de Galicia.
Artigo 7. Condicións técnicas e de seguridade
1. Os establecementos ou espazos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas sometidas a esta lei deberán reunir as condicións de seguridade, calidade, comodidade, accesibilidade, salubridade e hixiene apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, a convivencia veciñal e a integridade dos espazos públicos, atendendo, como mínimo, a normativa reguladora dos seguintes aspectos:
a) Seguridade para artistas, intérpretes ou executantes, público asistente, persoal técnico, terceiras persoas afectadas e bens.
b) Solidez das estruturas e funcionamento das instalacións.
c) Garantías das instalacións eléctricas.
d) Prevención e protección de incendios e outros riscos inherentes á actividade, facilitando a accesibilidade dos medios de auxilio externo.
e) Salubridade, hixiene e acústica.
f) Protección do contorno urbano, do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural.
g) Accesibilidade e supresión de barreiras.
h) Plan de autoprotección, cando así o exixa a normativa aplicable.
2. Sen prexuízo da normativa técnica que en cada momento sexa aplicable, a Xunta de Galicia, regulamentariamente, poderá establecer requisitos técnicos adicionais para facilitar unha maior cobertura ou axuste ás especificidades dos distintos establecementos ou espazos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas, con independencia dos que poidan ser establecidos polos concellos.
3. Os concellos poderán establecer outros límites, requisitos ou características adicionais, baseándose nas súas competencias, para a aplicación desta lei a través das súas ordenanzas e regulamentos.
Especificamente, co fin de protexer o medio ambiente e o contorno urbano ou conservar o patrimonio histórico-artístico, os concellos, mediante ordenanzas ou regulamentos, poden establecer prohibicións, limitacións ou restricións destinadas a evitar a excesiva concentración de establecementos públicos e de actividades recreativas ou garantir a súa coexistencia con outras actividades humanas ou sociais.
Artigo 8. Seguros
1. Están obrigadas a dispoñer dunha póliza de seguro de responsabilidade civil as persoas titulares de establecementos abertos ao público ou organizadoras de espectáculos públicos e actividades recreativas, segundo o caso.
As persoas organizadoras de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario deben contratar a póliza de responsabilidade civil, independentemente da que tamén teñan contratada as persoas titulares dos establecementos ou espazos abertos ao público onde se leven a cabo os espectáculos públicos ou as actividades recreativas.
2. O seguro deberá cubrir a responsabilidade civil que sexa imputable, directa, solidaria ou subsidiariamente, ás persoas titulares dos establecementos abertos ao público ou ás persoas organizadoras dos espectáculos públicos ou das actividades recreativas, de tal maneira que cubra os danos persoais e materiais e os prexuízos consecutivos ocasionados ás persoas usuarias ou asistentes e a terceiras persoas e aos seus bens, sempre que os ditos danos e perdas sexan producidos como consecuencia da xestión e explotación do establecemento ou da realización do espectáculo público ou da actividade recreativa, así como da actividade do persoal ao seu servizo ou das empresas subcontratadas.
Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, enténdese por prexuízos consecutivos as perdas económicas que deriven directamente dos danos persoais e materiais sufridos pola persoa reclamante e que están amparados pola póliza de seguro.
3. Quedan excluídos da cobertura dos contratos de seguros regulados por esta lei os danos e perdas sufridos polas persoas que, directa ou indirectamente, dependan empresarialmente das persoas titulares ou das persoas organizadoras, que deben dispoñer dun contrato de seguro específico. Tamén quedan excluídos os danos que sufran os bens destinados ao uso do establecemento aberto ao público ou ao desenvolvemento do espectáculo público ou da actividade recreativa.
4. A vixencia do seguro terase que manter mentres permaneza en funcionamento o establecemento aberto ao público e durante o tempo en que se desenvolva o espectáculo público ou a actividade recreativa. A falta de seguro poderá comportar o peche do establecemento e a suspensión inmediata do espectáculo público ou da actividade recreativa nos termos establecidos no título IV.
5. A vixencia da póliza de seguro deberase acreditar mediante un exemplar da póliza e do recibo de pagamento das primas correspondentes ao período do seguro en curso ou de copia deles. Ambos os documentos poderán ser requiridos en calquera momento polo persoal funcionario dos órganos da Administración competente encargados de realizar as actuacións inspectoras, instrutoras ou sancionadoras.
6. Estableceranse regulamentariamente os capitais mínimos e as condicións do seguro atendendo especialmente a capacidade máxima e o tipo de espectáculo público ou actividade recreativa que se vaia desenvolver.
7. O seguro previsto neste artigo enténdese sen prexuízo dos que se poidan exixir de conformidade coa normativa sectorial que resulte aplicable.
Artigo 9. Cooperación e colaboración administrativa
1. No exercicio das súas propias competencias, a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos facilitaranse a información que precisen en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas e prestaranse reciprocamente a cooperación e a asistencia activa para o eficaz exercicio daquelas.
2. Os órganos competentes da Administración autonómica e da local, no marco das súas respectivas competencias e de acordo cos principios de eficacia, coordinación, colaboración e lealdade institucional, velarán pola observancia da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, exercendo as oportunas funcións de inspección, control e sanción, de conformidade co disposto nesta lei e na demais normativa vixente.
3. Os concellos poderán solicitar a colaboración e o apoio técnico que precisen da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das deputacións provinciais para a execución desta lei. Para este efecto, poderanse subscribir os oportunos convenios de colaboración.
4. Cando non se asinasen os convenios a que se refire o número 3, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, en función dos seus recursos, poderá prestar apoio aos concellos cando estes llo soliciten expresamente, coa motivación da concorrencia de circunstancias de carácter extraordinario que puntualmente desborden a capacidade municipal.
Artigo 10. Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia
1. Créase a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia como órgano consultivo de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento das administracións autonómica e local nas materias reguladas por esta lei.
2. Esta comisión terá as seguintes funcións:
a) A audiencia no procedemento de elaboración das disposicións de carácter xeral específicas que se teñan que ditar en desenvolvemento desta lei e na súa modificación.
b) A formulación de propostas sobre a interpretación, a aplicación e a modificación das disposicións que regulan os espectáculos públicos e as actividades recreativas e mais os establecementos ou espazos abertos ao público.
c) A emisión dos informes que se lle soliciten con carácter facultativo sobre a interpretación, aplicación e modificación das disposicións que regulan os espectáculos públicos e as actividades recreativas e mais os establecementos ou espazos abertos ao público.
d) A elaboración de recomendacións para mellorar a actuación e promover a coordinación das administracións autonómica e local nas materias reguladas por esta lei.
e) Calquera outra que se lle atribúa regulamentariamente.
3. Esta comisión estará adscrita á consellaría competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.
4. A súa composición, a súa estrutura e o seu funcionamento serán determinados regulamentariamente. En todo caso, deberán estar representados, polo menos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as entidades representativas do sector dos espectáculos públicos e das actividades recreativas. Na composición deste órgano deberá procurarse unha presenza equilibrada entre mulleres e homes.
5. A Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia reunirase como mínimo unha vez ao ano e sempre que sexa necesario.
Artigo 11. Rexistro de empresas e establecementos
1. A Administración autonómica constituirá un rexistro público de empresas e establecementos dedicados á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas, que xestionará a consellaría competente nesta materia, así como aquelas instalacións de titularidade pública que sexan susceptibles de ser utilizadas para o desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.
2. Regulamentariamente determinaranse os datos que deben figurar no rexistro, os cales se obterán das autorizacións autonómicas, das licenzas municipais e das declaracións responsables realizadas. Para tal fin, os concellos deberán remitir á consellaría a información relativa ás licenzas e ás declaracións responsables, así como as súas modificacións, na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente.
3. En ningún caso será necesaria a resposta, a confirmación ou a inscrición efectiva no rexistro para poder exercer a actividade.
4. O acceso a este rexistro será público e as consultas del serán gratuítas, sen prexuízo da aplicación da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e das previsións legais en materia de taxas e prezos públicos noutros trámites distintos da mera consulta.
TÍTULO II
RÉXIME DE INTERVENCIÓN ADMINISTRATIVA
Artigo 12. Réxime de intervención administrativa
O réxime de intervención administrativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas é o previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
TÍTULO III
ORGANIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DOS ESPECTÁCULOS PÚBLICOS E DAS ACTIVIDADES RECREATIVAS
CAPÍTULO I
DOS ASPECTOS XERAIS DA ORGANIZACIÓN E DO DESENVOLVEMENTO
Artigo 13. Dereito de admisión
1. Para os efectos do previsto nesta lei, enténdese o dereito de admisión como a facultade dos/as titulares de establecementos abertos ao público e dos/as organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas para determinar as condicións de acceso e permanencia neles, con base en criterios vinculados ao normal desenvolvemento do espectáculo ou da actividade e ao cumprimento das disposicións establecidas legal e regulamentariamente.
2. O exercicio do dereito de admisión non pode supoñer, en ningún caso, discriminación por razón de raza, identidade de xénero, orientación sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin atentado aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas das persoas usuarias dos establecementos ou espazos abertos ao público, tanto no relativo ás condicións de acceso e permanencia como ao uso dos servizos que se prestan neles.
3. No caso de que se ofrezan bebida e comida nos espectáculos públicos ou actividades recreativas naqueles establecementos nos que a súa actividade comercial principal non sexa a hostalaría e non se poida garantir a oferta de produtos para persoas con intolerancias ou alerxias alimentarias, ou a contaminación cruzada dos alimentos dispoñibles para a venda, non se poderá impedir o acceso co mesmo tipo de alimentos especiais para estas persoas.
Artigo 14. Servizo de control de acceso
1. Os establecementos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas que dispoñan de servizo de control de acceso deberán contar con persoal habilitado, de conformidade co disposto na normativa reguladora da actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas. Queda exceptuado desta habilitación o persoal cuxa función se limite á constatación do pagamento efectivo da entrada.
2. Regulamentariamente a Administración xeral da Comunidade Autónoma determinará os establecementos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas que deban ter servizo de control de acceso con persoal habilitado.
3. O persoal de control de acceso, baixo a directa dependencia dos/as titulares ou dos/as organizadores/as, encargarase das funcións de admisión e control de permanencia do público nos espectáculos públicos, nas actividades recreativas e nos establecementos abertos ao público. Asumirá as funcións que ten establecidas na normativa autonómica aplicable e cantas outras deriven da normativa específica sobre admisión e control de acceso, sen que en ningún caso poida desenvolver as funcións do servizo de vixilancia e seguridade.
Artigo 15. Servizos de vixilancia e seguridade propios
Os/As organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como, de ser o caso, os/as titulares dos establecementos abertos ao público en que estes se desenvolvan, deberán dispoñer de persoal encargado da vixilancia e seguridade, ao cal lle encomendarán a boa orde no desenvolvemento do espectáculo ou da actividade cando tal obriga veña establecida na lexislación vixente de seguridade privada.
Artigo 16. Protección das persoas menores de idade
1. Con carácter xeral, o acceso das persoas menores de idade a establecementos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas, así como as condicións para poder participar neles, están suxeitos ás limitacións e prohibicións previstas na normativa reguladora da protección integral da infancia e adolescencia e demais lexislación aplicable por razón da materia e, en particular, ás reguladas na normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas, tabaco e substancias ilegais en persoas menores de idade, e será aplicable o réxime sancionador que, en cada caso, resulte de aplicación.
2. En todo caso, queda prohibido o acceso aos espectáculos taurinos en recintos pechados ás persoas menores de 12 anos.
Artigo 17. Horarios
1. Mediante orde da persoa titular da consellaría competente na materia, e logo do informe da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, determinarase o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
2. A orde que determine os horarios de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos ou das actividades recreativas poderá establecer os criterios, os supostos e as circunstancias que permitan aos concellos autorizar, de xeito motivado, ampliacións ou reducións sobre o horario xeral.
Artigo 18. Entradas
1. As entradas que expidan para a venda os/as organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas deberán conter, como mínimo, a seguinte información:
a) O número de orde.
b) A identificación do/a organizador/a e do seu domicilio.
c) O espectáculo público ou a actividade recreativa.
d) O lugar, a data e a hora de celebración, os prezos das entradas e os lugares de venda.
e) A clase de localidade e o número, en sesións numeradas.
2. Os/As organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas deberán poñer á disposición do público, directamente ou mediante venda comisionada, nos lugares de venda, que deberán indicar na súa publicidade, a porcentaxe mínima das localidades que se indicase naquela. Se non se indicou unha porcentaxe mínima, entenderase que esta é do 70 % das localidades.
3. Nos supostos de venda por abonos ou cando se trate de espectáculos públicos ou actividades recreativas organizados por clubs ou asociacións, a porcentaxe a que se refire o número anterior determinarase en relación coas entradas non incluídas en abonos ou coas non reservadas previamente aos/ás socios/as ou asociados/as.
4. Prohíbese a revenda de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico.
5. Para estes efectos, enténdese por revenda de entradas a venda das adquiridas coa finalidade de obter beneficio económico. En todo caso, entenderase que existe esta finalidade cando o prezo de revenda sexa superior ao de adquisición. Non se entenderá como revenda a venda comisionada, efectuada logo da cesión acreditada por parte do/a organizador/a do espectáculo público ou da actividade recreativa e que sexa efectuada polo/a cesionario/a polo prezo e nos lugares indicados na publicidade.
Artigo 19. Información ao público no caso de establecementos públicos
Nos establecementos abertos ao público deberase dispoñer nun lugar visible ao público e perfectamente lexible, nos dous idiomas oficiais de Galicia, a seguinte información:
a) O número de teléfono, o número de fax, o enderezo postal ou o correo electrónico para efectos de reclamacións ou peticións de información.
b) O horario de apertura e peche.
c) A copia da licenza municipal de apertura, no caso de que esta sexa exixible.
d) A capacidade máxima.
e) A existencia de follas de reclamación.
f) As limitacións de entrada e a prohibición de consumo de alcohol e tabaco a persoas menores de idade, de conformidade coa lexislación vixente.
g) As condicións de admisión determinadas de acordo co previsto no artigo 13, no caso de existiren.
h) As normas particulares ou instrucións elaboradas polo/a titular do establecemento para o normal desenvolvemento do espectáculo ou da actividade.
Artigo 20. Publicidade
1. A publicidade da celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas terase que axustar aos principios de veracidade, transparencia e suficiencia. En ningún caso poderá conter informacións que induzan ao equívoco ou poidan distorsionar a capacidade electiva dos/as espectadores/as.
2. A publicidade de espectáculos públicos ou actividades recreativas deberá recoller, polo menos, os seguintes contidos:
a) A clase de espectáculo ou actividade.
b) A data, o horario e o lugar das actuacións, os prezos das entradas e os lugares de venda, así como, de ser o caso, as condicións de admisión, as normas particulares ou as instrucións para o normal desenvolvemento do espectáculo ou da actividade.
c) A denominación, o domicilio, o teléfono e o correo electrónico do organizador ou organizadora.
3. Prohíbese calquera forma de promoción ou publicidade que incite á violencia, ao racismo, ao machismo, ao negacionismo, á discriminación por razón de identidade de xénero ou opción sexual, ao consumo irresponsable de alcohol ou que atente contra o benestar animal ou faga apoloxía de actividades contrarias aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas recoñecidos pola Constitución e por tratados internacionais ratificados polo Estado español.
4. As empresas de publicidade ou de artes gráficas que interveñan na confección de publicidade deberán xustificar ante a Administración, cando sexan requiridas para iso, os datos identificativos das empresas contratantes da publicidade.
5. A publicidade dos espectáculos públicos e das actividades recreativas deberá respectar os principios e as normas contidos na normativa vixente en materia de drogodependencia, trastornos adictivos e consumo de substancias estupefacientes.
6. A Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá o uso da lingua galega e o respecto pola normativa en materia de toponimia na publicidade dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
CAPÍTULO II
DEREITOS E OBRIGAS DO PÚBLICO, ARTISTAS, INTÉRPRETES OU EXECUTANTES
E DOS/AS ORGANIZADORES/AS
Artigo 21. Dereitos e obrigas do público
1. Ademais dos que teña recoñecidos na correspondente normativa, especialmente en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias, o público terá os seguintes dereitos:
a) A que o espectáculo ou a actividade recreativa se desenvolva, se ofreza e se reciba nas condicións e na forma en que sexa anunciado pola empresa, agás por causa lexítima acreditada ou por razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas.
b) A que se lle facilite a utilización das follas de reclamacións, de acordo cos requisitos e coas condicións exixibles na normativa aplicable en razón da materia de que se trate.
c) A recibir un trato respectuoso e non discriminatorio nin sexista.
d) A ser admitido no establecemento ou espazo aberto ao público nas mesmas condicións obxectivas que calquera outra persoa usuaria, sempre que a capacidade do local o permita e non concorra ningunha causa de exclusión por razóns de seguridade ou alteración da orde pública.
e) A que a empresa respecte os termos contractuais derivados da adquisición das correspondentes localidades.
f) A que a publicidade dos espectáculos públicos e actividades recreativas se axuste aos principios de veracidade, transparencia e suficiencia e non conteña informacións que poidan inducir ao equívoco ou poidan distorsionar a capacidade electiva dos/as espectadores/as.
2. O público terá as seguintes obrigas:
a) Ocupar as súas localidades e permanecer nas zonas que sinale en cada caso a empresa para o público, sen invadir os espazos destinados a outros fins, agás que estea previsto no desenvolvemento do espectáculo ou que sexa inherente á natureza da actividade.
b) Cumprir os requisitos e as condicións de seguridade que establezan os/as titulares ou os/as organizadores/as para que o espectáculo ou a actividade se desenvolva con normalidade e seguir as instrucións do persoal técnico e do persoal de vixilancia e de seguridade, tanto no interior como na entrada e saída do establecemento ou espazo aberto ao público.
c) Non levar armas ou obxectos que se poidan usar como tales, así como non exhibir símbolos, roupa ou obxectos que inciten á violencia, poidan ser constitutivos dalgún dos delitos de apoloxía establecidos polo Código penal ou inciten a realizar actividades contrarias aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas recoñecidos pola Constitución, especialmente cando inciten ao racismo, ao sexismo e á discriminación por razón de identidade de xénero ou opción sexual.
d) Respectar os/as artistas, intérpretes ou executantes e demais persoal técnico ao servizo dos establecementos ou espazos abertos ao público, dos espectáculos públicos ou das actividades recreativas.
e) Cumprir as normas reguladoras da subministración e consumo de tabaco e bebidas alcohólicas e as normas que establecen a idade mínima para poder acceder aos establecementos ou espazos abertos ao público.
f) Cumprir os requisitos e as normas de acceso e de admisión establecidos con carácter xeral polos/as titulares dos establecementos ou espazos abertos ao público ou polos/as organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas. Os ditos criterios de admisión deben estar colocados nun lugar visible e perfectamente lexible para o público.
g) Respectar o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e os horarios de inicio e de finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
h) Evitar accións que poidan xerar situacións de perigo ou incomodidade para o público ou para o persoal técnico ao servizo do establecemento ou espazo aberto ao público ou que poidan impedir ou dificultar o desenvolvemento do espectáculo ou da actividade.
i) Adoptar unha conduta, á entrada e á saída do establecemento aberto ao público, que garanta a convivencia entre a cidadanía, non perturbe o descanso dos/as veciños/as e non dane o mobiliario urbano do contorno onde se leve a cabo o espectáculo ou a actividade.
Artigo 22. Dereitos e obrigas dos/as artistas, intérpretes ou executantes
1. Os/As artistas, intérpretes ou executantes terán, entre outros, os seguintes dereitos:
a) Ser tratados/as con respecto polos/as titulares, polos/as organizadores/as e polo público asistente.
b) Recibir a protección necesaria para executar o espectáculo público ou a actividade recreativa, así como para acceder ao establecemento ou espazo aberto ao público e para abandonalo.
c) Actuar, agás por causa lexítima acreditada ou por razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas. Considérase causa lexítima, entre outras, a carencia ou insuficiencia das medidas de seguridade e de hixiene requiridas, cuxo estado poden comprobar os/as artistas antes do comezo do espectáculo ou da actividade. Para acreditar estas carencias ou deficiencias deben estar certificadas por un informe dun técnico ou dunha técnica competentes na materia.
2. Os/As artistas, intérpretes ou executantes terán as seguintes obrigas:
a) Gardar o debido respecto ao público.
b) Actuar, agás por causa lexítima acreditada ou por razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas. Considérase causa lexítima a establecida no número 1.c).
c) Evitar calquera tipo de comportamento que poida poñer en perigo a seguridade do público asistente ou a indemnidade dos bens.
3. A intervención de artistas, intérpretes ou executantes menores de idade estará sometida ás condicións e aos permisos que estableza a lexislación laboral e de protección da persoa menor.
4. A intervención de artistas, intérpretes ou executantes con dereito a retribución, en canto traballadores/as por conta do/a organizador/a do espectáculo público ou da actividade recreativa ou do/a titular do establecemento ou espazo aberto ao público, estará sometida ás condicións e aos permisos que estableza a lexislación laboral e da Seguridade Social.
Artigo 23. Dereitos e obrigas dos/as titulares e dos/as organizadores/as
1. Os/As titulares de establecementos ou espazos abertos ao público e os/as organizadores/as de espectáculos públicos ou actividades recreativas terán, entre outros, os seguintes dereitos:
a) Que o espectáculo público ou a actividade recreativa se desenvolva de conformidade co disposto na correspondente autorización autonómica, declaración responsable ou licenza, agás que exista causa lexítima acreditada ou concorran razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas que o impidan.
b) Fixar os prezos que consideren pertinentes.
c) Adoptar as medidas que consideren pertinentes para garantir o funcionamento do establecemento aberto ao público, do espectáculo ou da actividade en condicións de seguridade e calidade.
d) Recibir o apoio das forzas e corpos de seguridade para garantir a orde no exterior do establecemento ou espazo aberto ao público, no caso de que se produzan incidentes que poidan poñer en perigo a seguridade das persoas, e tamén no interior do establecemento ou espazo.
2. Os/As titulares de establecementos ou espazos abertos ao público e os/as organizadores/as de espectáculos públicos ou actividades recreativas terán as seguintes obrigas:
a) Levar a cabo o espectáculo público ou a actividade recreativa de acordo co anunciado e nas condicións ofrecidas ao público, agás por causa lexítima acreditada ou por razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas.
b) No suposto de que se produzan variacións da orde, da data ou do contido do espectáculo ou da actividade, deberase informar delas coa antelación suficiente nos lugares onde habitualmente se fixa a propaganda ou nos espazos de venda de localidades.
c) Devolverlle ao público o importe aboado no caso de que o espectáculo ou a actividade se suspenda ou se modifique de forma esencial e atender as reclamacións que por este motivo sexan procedentes, de acordo coa lexislación aplicable, agás nos supostos en que se lle anunciase ao público, de forma expresa e clara, que os/as organizadores/as ou titulares reservan para si o dereito de modificar a programación e as condicións en que se efectuará a dita modificación ou nos supostos en que a suspensión ou a modificación se produza unha vez empezado o espectáculo ou a actividade e sexan debidas a causas fortuítas ou de forza maior, alleas ás persoas titulares ou organizadoras do espectáculo ou da actividade.
d) Realizar os controis técnicos obrigatorios de acordo coa normativa vixente e adoptar as medidas de seguridade, hixiene e salubridade establecidas con carácter xeral, ou especificadas na declaración responsable, na licenza municipal ou na autorización autonómica cando sexa exixible, mantendo en todo momento os establecementos abertos ao público en axeitado estado de funcionamento.
e) Permitir a entrada ao público, agás nos casos establecidos por lei ou por regulamento, en particular os derivados do lexítimo exercicio do dereito de admisión.
f) Respectar a capacidade máxima e absterse de vender entradas e abonos nun número que a exceda.
g) Non cobrar polas entradas un prezo superior ao que se anunciou na correspondente publicidade e comunicar ou denunciar a súa revenda.
h) Cumprir os horarios de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e os de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
i) Establecer os servizos de vixilancia e seguridade, cando estes sexan obrigatorios conforme o disposto na lexislación vixente de seguridade privada, e cumprir o disposto nesta lei e na normativa autonómica en materia de servizos de control de acceso, no caso de dispoñer de tales servizos.
j) Informar o persoal de control de acceso e o de servizos de vixilancia e seguridade sobre as funcións e as obrigas que lles atribúe a normativa específica.
k) Velar pola adecuada conservación dos espazos que se poidan ver afectados polos espectáculos públicos ou polas actividades recreativas e cumprir a normativa en materia de protección do medio ambiente.
l) Comunicar ás administracións competentes as modificacións non substanciais nos termos e coas consecuencias sancionadoras previstas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
m) Facilitar o acceso ás forzas e aos corpos de seguridade, aos servizos de protección civil, aos servizos de sanidade, aos/ás axentes da autoridade e ao persoal funcionario, así como ás entidades de certificación de conformidade municipal que desenvolvan actuacións de certificación, verificación, inspección e control nos termos establecidos na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
n) Permitir e facilitar as inspeccións que acorden as autoridades e realizar as inspeccións periódicas que sexan obrigatorias de acordo coa normativa vixente.
ñ) Ter á disposición dos axentes da autoridade e dos servizos de inspección, nos establecementos abertos ao público, toda a documentación que se estableza regulamentariamente.
o) Cumprir a normativa vixente sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, sobre seguridade e prevención de riscos laborais e sobre propiedade intelectual e demais normativa que sexa aplicable.
p) Colocar nun lugar visible e perfectamente lexible a información ao público regulada no artigo 19.
q) Responder dos danos e perdas que se poidan producir como consecuencia das características do establecemento aberto ao público ou da organización e desenvolvemento do espectáculo ou da actividade, así como constituír as garantías e concertar e manter vixentes os correspondentes contratos de seguro exixidos por esta lei.
3. Cando o/a organizador/a do espectáculo público ou da actividade recreativa sexa distinto/a do/a titular do establecemento público ou da instalación en que se desenvolve, responderán ambos solidariamente do cumprimento das obrigas establecidas no número 2 que lles correspondan conxuntamente atendendo as circunstancias concretas en que teña lugar o espectáculo ou a actividade, sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 28.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
TÍTULO IV
VIXILANCIA E INSPECCIÓN DOS ESTABLECEMENTOS ABERTOS AO PÚBLICO, DOS ESPECTÁCULOS PÚBLICOS E DAS ACTIVIDADES RECREATIVAS. RÉXIME SANCIONADOR
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 24. Administracións competentes
A Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos, no ámbito das súas respectivas competencias, velarán polo cumprimento da lexislación reguladora dos espectáculos públicos e das actividades recreativas e, para tal efecto, dispoñerán das facultades seguintes:
a) Inspección dos establecementos abertos ao público.
b) Control da celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas.
c) Prohibición, suspensión, clausura e adopción das medidas provisionais previas á incoación do expediente sancionador que se consideren necesarias.
d) Adopción das oportunas medidas cautelares e sanción das infraccións tipificadas nesta lei.
CAPÍTULO II
VIXILANCIA E INSPECCIÓN
Artigo 25. Facultades inspectoras
1. Os/As titulares e os/as organizadores/as deberán permitir e facilitar as inspeccións que acorde a autoridade competente. O persoal de inspección poderá acceder a calquera lugar, instalación ou dependencia, de titularidade pública ou privada, co límite constitucional de entrada no domicilio e restantes lugares cuxo acceso requira o consentimento da persoa titular.
2. Poderán realizar inspeccións os membros dos corpos e forzas de seguridade e o persoal funcionario dos órganos e das unidades administrativas con competencia en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sen prexuízo das que poida realizar o persoal funcionario doutros órganos e unidades administrativas no exercicio das súas competencias. Nos termos e coas consecuencias que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o dito persoal funcionario, no exercicio das súas funcións, terá a condición de autoridade. Na inspección tamén poderán colaborar as entidades de certificación de conformidade municipal nos termos establecidos na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
3. O persoal encargado de tarefas de inspección procurará non alterar o normal funcionamento do establecemento aberto ao público nin dificultar o desenvolvemento do espectáculo público ou da actividade recreativa.
4. As administracións públicas, no exercicio da potestade inspectora, están facultadas para solicitar a información ou os datos necesarios para confeccionar estatísticas ou memorias para utilizalas no deseño de programas de intervención nos sectores obxecto de regulación nesta lei.
Artigo 26. Actas
1. As actuacións realizadas no exercicio da facultade inspectora deberanse reflectir nunha acta en que as persoas interesadas poderán facer constar a súa desconformidade e as súas observacións. A acta deberá ser notificada ás persoas interesadas e ao órgano administrativo competente para acordar a inspección.
2. No caso de que as persoas interesadas neguen os feitos, será necesaria a ratificación do persoal funcionario actuante respecto dos feitos referidos na acta, durante a tramitación do correspondente procedemento sancionador.
3. Cando a actuación inspectora derive da presentación dunha denuncia que vaia acompañada dunha solicitude de iniciación, deberáselle notificar á persoa denunciante a iniciación ou non do procedemento sancionador, todo isto sen prexuízo dos dereitos que lle correspondan, se é o caso, como interesada.
CAPÍTULO III
MEDIDAS PROVISIONAIS PREVIAS
Artigo 27. Medidas provisionais previas á apertura do expediente sancionador
1. Os órganos competentes da Administración autonómica ou dos concellos, previamente á apertura do expediente sancionador que corresponda, poderán adoptar, por razóns de urxencia inaprazable e para a protección provisional dos intereses implicados, medidas provisionais previas nos supostos seguintes:
a) A celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas prohibidos por esta lei. No caso de que estes espectáculos ou actividades poidan ser constitutivos de delito, o órgano que acorde a medida provisional deberá comunicalo ao Ministerio Fiscal ou á autoridade xudicial competente dentro das corenta e oito horas seguintes.
b) Cando exista risco grave ou perigo inminente para a seguridade das persoas, dos animais ou dos bens ou cando se incumpran gravemente as condicións sanitarias, de salubridade e de hixiene.
c) A apertura ou funcionamento dun establecemento aberto ao público sen contar coa licenza municipal ou declaración responsable cando sexa exixible.
d) Cando se celebren espectáculos públicos e actividades recreativas en establecementos ou espazos abertos ao público sen contar con licenza municipal ou con autorización autonómica ou declaración responsable cando sexa exixible.
e) O incumprimento da prohibición de admitir persoas menores nos establecementos abertos ao público, nos espectáculos públicos ou nas actividades recreativas en que teñan prohibida a entrada.
f) A revenda de localidades.
g) Cando se careza do seguro exixido de acordo co disposto nesta lei.
h) Cando no desenvolvemento dos espectáculos públicos ou das actividades recreativas se produzan alteracións da orde pública con perigo para as persoas e os bens.
i) Cando se incumpran os horarios establecidos de acordo co previsto no artigo 17.
2. No caso de se dar algún dos supostos previstos no número anterior, os órganos competentes poderán adoptar algunha ou algunhas das seguintes medidas:
a) A suspensión do espectáculo público ou da actividade recreativa.
b) O desaloxo, a clausura e o precinto do establecemento aberto ao público.
c) O depósito, a retención ou a inmobilización dos bens, efectos ou animais relacionados co espectáculo ou coa actividade.
No suposto previsto na alínea f) do número 1, poderase adoptar a medida de intervención e depósito das entradas e dos ingresos procedentes da revenda.
3. As medidas adoptaranse mediante resolución motivada, respectando sempre o principio de proporcionalidade e logo da audiencia ás persoas interesadas. O trámite de audiencia poderase omitir en casos de extraordinaria urxencia debidamente xustificados na resolución.
4. As medidas provisionais adoptadas deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento sancionador, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes ao da súa adopción, o cal poderá ser obxecto do recurso que proceda.
En todo caso, as ditas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no dito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso sobre elas.
Artigo 28. Órganos competentes
1. A Administración competente para adoptar as medidas previstas anteriormente será a mesma que ten atribuída a competencia para recibir a declaración responsable ou para outorgar a licenza ou autorización. Nos supostos previstos no artigo 41 bis da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, a Administración competente será o respectivo concello, sen prexuízo do disposto no número 2.
O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar as ditas medidas será o órgano que teña atribuída a competencia para incoar o correspondente procedemento sancionador ou o órgano instrutor.
2. Tendo en conta a afectación ás competencias autonómicas, a Administración autonómica poderá adoptar as medidas provisionais previas en supostos de competencia dos concellos, de acordo co previsto no número 1, á custa e en substitución destes, no caso de inhibición da entidade local, logo do requirimento a esta que non sexa atendido no prazo indicado para o efecto, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes. A non atención do requirimento pola entidade local exixirá a alegación dunha causa xustificada e debidamente motivada.
Tamén poderá adoptar as citadas medidas por razóns de urxencia inaprazable e extraordinaria que así o xustifiquen, e, neste caso, as medidas deberán ser postas en coñecemento inmediato do concello respectivo.
O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar as medidas provisionais previas, nos supostos previstos neste número, será o que teña atribuída a competencia para a incoación ou para a instrución de expedientes sancionadores de competencia autonómica.
3. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo enténdese sen prexuízo das medidas que poidan ser adoptadas pola Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias.
Artigo 29. Medidas de adopción directa polos axentes das forzas e corpos de seguridade
1. En casos de espectáculos públicos e actividades recreativas que comporten un risco grave ou perigo inminente para as persoas e os bens ou a convivencia entre a cidadanía, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo do requirimento ás persoas responsables da celebración daqueles e no caso de que este non sexa atendido, as seguintes medidas:
a) A suspensión inmediata do espectáculo ou da actividade e o desaloxo e o precinto dos establecementos abertos ao público e o depósito, a retención ou a inmobilización dos bens, efectos ou animais relacionados co espectáculo ou coa actividade.
b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, atendendo as circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e dos bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción atendendo os bens e os dereitos obxecto de protección.
2. No caso en que os axentes adopten as medidas indicadas no número anterior, deberán proceder á súa comunicación inmediata ao órgano competente de acordo co artigo 28 para adoptar as medidas provisionais previas pertinentes, que deberá confirmalas, modificalas ou levantalas no prazo de corenta e oito horas desde a indicada comunicación. O incumprimento do dito prazo comporta automaticamente o levantamento das medidas inmediatas adoptadas.
3. Se o órgano indicado no número anterior ratifica as medidas adoptadas, o réxime de confirmación, modificación ou levantamento posterior rexerase polo que dispón o artigo 27.4.
4. O disposto nos números anteriores enténdese sen prexuízo das medidas que poida adoptar a Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias.
CAPÍTULO IV
RÉXIME SANCIONADOR
Sección 1ª. Infraccións e sancións
Artigo 30. Principios xerais
No ámbito desta lei, o exercicio da potestade sancionadora rexerase polo disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e polo previsto nesta lei e na demais normativa aplicable por razón da materia.
Artigo 31. Infraccións
1. Constitúen infraccións ao previsto nesta lei as accións ou as omisións tipificadas neste capítulo, sen prexuízo do réxime sancionador previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan derivar delas.
2. As infraccións administrativas reguladas nesta lei clasifícanse en moi graves, graves e leves.
Artigo 32. Infraccións moi graves
Considéranse infraccións moi graves as seguintes:
a) Superar a capacidade máxima cando comporte un risco grave para a seguridade de persoas ou bens.
b) Non permitir o acceso ao establecemento aberto ao público aos/ás axentes da autoridade ou ao persoal inspector que estea no exercicio do seu cargo.
c) Celebrar espectáculos públicos ou actividades recreativas expresamente prohibidos nesta lei ou incumprindo as resolucións polas cales se prohibe a súa celebración.
d) Incumprir a obriga de ter subscrito e en vigor o contrato de seguro de acordo co disposto nesta lei.
e) Cometer unha infracción grave cando, no prazo dun ano, o mesmo suxeito for sancionado pola comisión de dúas ou máis infraccións graves e a resolución ou resolucións sancionadoras foren firmes na vía administrativa.
Artigo 33. Infraccións graves
Considéranse infraccións graves as seguintes:
a) Superar a capacidade máxima cando non comporte un risco grave para a seguridade de persoas ou bens.
b) Exercer o dereito de admisión en contra do disposto no artigo 13.2.
c) Admitir o acceso a espectáculos taurinos en recintos pechados ás persoas menores de doce anos.
d) Incumprir os horarios establecidos de acordo co previsto no artigo 17.
e) A suspensión ou modificación esencial do contido dos espectáculos públicos ou actividades recreativas sen causa xustificada.
f) A publicidade e promoción dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que contraveñan o disposto nesta lei.
g) Incumprir as disposicións recollidas no artigo 15 referentes á obriga de dispoñer de servizos de vixilancia e seguridade propios cando sexan obrigatorios.
h) O incumprimento por parte da persoa titular do establecemento aberto ao público ou por parte do/a organizador/a do espectáculo público ou da actividade recreativa da obriga de contar con persoal habilitado encargado do control de acceso no caso de dispoñer de servizo de control de acceso.
i) A negativa a actuar por parte do/a artista, intérprete ou executante sen causa xustificada.
j) Os comportamentos que poidan producir alteracións da orde ou crear situacións de perigo para o público asistente, participantes, persoas organizadoras e traballadoras, artistas, forzas e corpos de seguridade, terceiros afectados e bens, así como a súa permisividade.
k) A perturbación grave do normal desenvolvemento do espectáculo público ou da actividade recreativa.
l) Non colaborar no exercicio das funcións de inspección sempre que non constitúa infracción moi grave.
m) A comisión dunha infracción leve cando, no prazo dun ano, o mesmo suxeito for sancionado pola comisión de dúas ou máis infraccións leves e a resolución ou resolucións sancionadoras foren firmes na vía administrativa.
n) Incumprir o disposto nesta lei sobre a venda de entradas ou practicar a súa revenda.
Artigo 34. Infraccións leves
Considéranse como infraccións leves as seguintes:
a) Incumprir a obriga de información ao público nos termos establecidos no artigo 19.
b) Calquera outra acción ou omisión que constitúa incumprimento das obrigas establecidas nesta lei ou vulneración das prohibicións previstas nela cando non proceda a súa cualificación como infracción moi grave ou grave.
Artigo 35. Responsabilidade
1. Poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa de acordo con esta lei as persoas físicas e xurídicas que resulten responsables deles.
2. Para estes efectos, os/as titulares dos establecementos abertos ao público e os/as organizadores/as de espectáculos públicos e actividades recreativas serán responsables solidarios/as das infraccións administrativas reguladas nesta lei que sexan cometidas polos/polas que interveñan no espectáculo ou actividade cando incumpran o deber de previr a infracción.
3. Cando exista unha pluralidade de responsables a título individual e non sexa posible determinar o grao de participación de cada un/unha na comisión da infracción, responderán todos/as eles/as de forma solidaria.
Artigo 36. Sancións
1. As infraccións leves serán sancionadas con multa de ata 300 euros.
2. Pola comisión de infraccións graves poderanse impoñer as seguintes sancións:
a) Multa de 301 a 30.000 euros.
b) Suspensión ou prohibición da actividade por un período máximo dun ano.
c) Clausura do establecemento aberto ao público por un período máximo dun ano.
d) Inhabilitación para a organización ou promoción de espectáculos públicos e actividades recreativas por un período máximo dun ano.
e) Incautación dos instrumentos, efectos ou animais utilizados para a comisión das infraccións. Os gastos de almacenamento, transporte, distribución, destrución ou calquera outro derivado da incautación serán por conta de quen cometa a infracción.
As sancións indicadas poderanse impoñer de maneira acumulativa, agás que resulten incompatibles.
3. Pola comisión de infraccións moi graves poderanse impoñer as seguintes sancións:
a) Multa de 30.001 ata 600.000 euros.
b) Clausura do establecemento aberto ao público por un período máximo de tres anos.
c) Suspensión ou prohibición da actividade ata tres anos.
d) Inhabilitación para a organización ou promoción de espectáculos públicos e actividades recreativas ata tres anos.
e) Incautación dos instrumentos, efectos ou animais utilizados para a comisión das infraccións. Os gastos de almacenamento, transporte, distribución, destrución ou calquera outro derivado da incautación serán por conta de quen cometa a infracción.
f) Peche definitivo do establecemento aberto ao público, que comportará para o/a infractor/a a revogación da licenza, a declaración de ineficacia da comunicación previa ou declaración responsable ou a revogación da autorización autonómica, así como a prohibición de presentar declaración responsable ou de obter licenza municipal ou autorización autonómica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para igual actividade durante un tempo máximo de dez anos.
As sancións indicadas poderanse impoñer de maneira acumulativa, agás que resulten incompatibles.
Artigo 37. Graduación
1. As sancións deberán gardar proporcionalidade coa gravidade dos feitos constitutivos da infracción e graduaranse atendendo os seguintes criterios:
a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.
b) A continuidade ou a persistencia na conduta infractora.
c) A natureza dos prexuízos causados.
d) A reincidencia por comisión, no termo dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza cando así for declarado por resolución firme en vía administrativa.
e) A reiteración.
f) A situación de predominio no mercado de quen cometa a infracción.
g) A conduta observada por quen cometa a infracción respecto do cumprimento das disposicións legais.
h) A transcendencia social da infracción.
2. Para os efectos desta lei, entenderase como reiteración a comisión de máis dunha infracción de distinta natureza no termo dun ano desde a comisión da primeira, cando así for declarado por resolución que poña fin á vía administrativa.
A toma en consideración da reiteración e da reincidencia só será posible se estas circunstancias non se teñen en conta para determinar a infracción sancionable.
3. Para a aplicación dos criterios de graduación das sancións, respectando os límites establecidos no artigo anterior, o órgano competente para sancionar deberá ponderar que a comisión da infracción non resulte máis beneficiosa para quen cometa a infracción que o cumprimento das normas infrinxidas, sen que en ningún caso a comisión da infracción resulte máis beneficiosa para o infractor. Cando, como consecuencia da comisión da infracción, a persoa infractora obteña un beneficio cuantificable, poderase superar o límite superior das multas previstas no artigo anterior ata acadar a contía do beneficio obtido.
4. A imposición acumulativa de sancións nos termos previstos no artigo anterior acordarase, en todo caso, naqueles supostos que impliquen alteración grave da seguridade.
Artigo 38. Prescrición
1. As infraccións tipificadas como leves nesta lei prescribirán no prazo de seis meses; as tipificadas como graves, no de dous anos; e as tipificadas como moi graves, no prazo de tres anos.
2. O prazo de prescrición das infraccións comezarase a contar desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que finalizou a conduta infractora.
Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e o prazo de prescrición reiniciarase se o expediente sancionador está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao/á presunto/a responsable.
3. Prescribirán ao ano as sancións impostas por infraccións leves a esta lei; aos dous anos, as impostas por infraccións graves; e aos tres anos, as impostas por infraccións moi graves.
4. O prazo de prescrición das sancións comezarase a contar desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para impugnala. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola cal se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.
Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao/á infractor/a.
Sección 2ª. Competencia e procedemento
Artigo 39. Competencia para sancionar
1. Correspóndelle á Administración autonómica a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores por infraccións relacionadas cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas previstos nas alíneas a) e b) do artigo 4.
2. Son órganos competentes para impoñer a sanción:
a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de infraccións leves e graves.
b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de infraccións moi graves e se propoña unha sanción consistente en multa por un importe máximo de 300.500 euros, así como calquera outra sanción das previstas para infraccións moi graves, excepto a consistente no peche definitivo do establecemento aberto ao público.
c) A persoa titular da consellaría competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de infraccións moi graves e se propoña unha sanción consistente en multa por un importe mínimo de 300.501 euros, así como cando se propoña o peche definitivo do establecemento aberto ao público.
3. Correspóndelles aos concellos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores polas infraccións tipificadas nesta lei, agás as relacionadas cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas previstos nas alíneas a) e b) do artigo 4.
4. Sen prexuízo do establecido no número anterior, os órganos competentes da Administración autonómica, de acordo coas regras competenciais previstas para os expedientes sancionadores de competencia autonómica, asumirán a incoación, instrución e resolución dos procedementos sancionadores previstos no número 3, no suposto da falta de actuacións dos concellos ante as denuncias presentadas pola cidadanía ou derivadas das actuacións de inspección, e unha vez instados a actuar polos órganos competentes da Comunidade Autónoma e transcorrido o prazo concedido, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes, desde a recepción do requirimento sen que se produza a notificación ao órgano competente da Administración da Comunidade Autónoma da incoación do procedemento sancionador.
Artigo 40. Procedemento
1. As infraccións tipificadas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento consonte os principios establecidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e a regulación procedemental contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e de acordo coas especificidades que regulamentariamente se establezan, respectando, en todo caso, a normativa básica estatal.
2. O prazo máximo en que se deberá ditar e notificar a resolución do procedemento sancionador no suposto de tramitación ordinaria será dun ano desde a súa incoación. Unha vez vencido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 41. Medidas preventivas durante o procedemento sancionador
1. Unha vez incoado o procedemento sancionador, o órgano administrativo competente para resolvelo poderá adoptar en calquera momento, mediante resolución motivada e logo da audiencia ás persoas interesadas, as medidas preventivas que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade. O trámite da audiencia previa poderase omitir no caso de urxencia, que deberá estar debidamente motivada na resolución que determine a adopción das medidas preventivas. Nestes casos, efectuarase un trámite de audiencia con posterioridade á adopción da medida.
2. As medidas preventivas deberán ser proporcionadas á natureza e á gravidade das infraccións cometidas, e poderán consistir nalgunha das previstas no artigo 27, ou en calquera outra que asegure a eficacia da resolución que se poida ditar. Non se poderán adoptar medidas preventivas que poidan causar prexuízo de difícil ou imposible reparación ás persoas interesadas ou que impliquen violación de dereitos amparados polas leis.
3. As medidas preventivas poderán ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En todo caso, extinguiranse coa eficacia da resolución administrativa que poña fin ao procedemento.
Artigo 42. Rexistro de infraccións e sancións
1. Co obxecto de garantir o cumprimento efectivo desta lei, a Administración xeral da Comunidade Autónoma creará un rexistro administrativo de infraccións e sancións en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, no cal se inscribirán todas as infraccións sancionadas por resolución firme en vía administrativa e a correspondente sanción imposta.
2. Determinaranse regulamentariamente a organización e o funcionamento do rexistro e o réxime de inscrición, cancelación e acceso, con suxeición á normativa sobre protección de datos de carácter persoal.
Disposición adicional única. Normativa técnica aplicable
Os criterios técnicos a que fai referencia esta lei aplicaranse consonte a regulación prevista no Código técnico da edificación e na súa normativa de desenvolvemento, sen prexuízo da normativa sectorial que, de ser o caso, resulte aplicable.
Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos expedientes sancionadores
Os expedientes sancionadores incoados antes da entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa vixente no momento da súa incoación, agás nos supostos en que os preceptos desta lei sexan máis favorables para os/as presuntos/as infractores/as tanto no referido á tipificación da infracción como á sanción e aos seus prazos de prescrición, mesmo respecto das sancións pendentes de cumprimento no momento de entrada en vigor desta norma.
Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio das licenzas municipais, das autorizacións autonómicas e das comunicacións previas
1. As solicitudes de licenzas municipais e de autorizacións autonómicas en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas presentadas antes da entrada en vigor desta lei tramitaranse e resolveranse de acordo coa normativa vixente no momento de presentación da solicitude. Se a normativa de aplicación recolle requisitos prohibidos segundo o disposto no artigo 10 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, estes non serán tidos en conta polo órgano competente.
2. Malia o anterior, a persoa interesada poderá, con anterioridade á resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación da nova normativa.
3. As autorizacións e as licenzas outorgadas, así como as comunicacións previas presentadas en materia de establecementos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao abeiro do disposto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, manterán a súa eficacia, sen prexuízo da aplicación do réxime de intervención previsto na nova redacción dada pola presente lei á Lei 9/2013, do 19 de decembro, no caso de modificacións substanciais, así como de apertura de novos establecementos abertos ao público e de desenvolvemento de novos espectáculos públicos e actividades recreativas con posterioridade á entrada en vigor desta lei.
Disposición transitoria terceira. Capitais mínimos das pólizas de seguro de espectáculos públicos e actividades recreativas
1. Mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario previsto no artigo 8, os capitais mínimos que deberán cubrir, no seu conxunto, as pólizas de seguro nel exixidas terán as seguintes contías, atendendo a capacidade:
a) Ata 100 persoas: 300.000 euros de capital asegurado.
b) Ata 150 persoas: 400.000 euros de capital asegurado.
c) Ata 300 persoas: 600.000 euros de capital asegurado.
d) Ata 500 persoas: 750.000 euros de capital asegurado.
e) Ata 1.000 persoas: 900.000 euros de capital asegurado.
f) Ata 1.500 persoas: 1.200.000 euros de capital asegurado.
g) Ata 2.500 persoas: 1.600.000 euros de capital asegurado.
h) Ata 5.000 persoas: 2.000.000 de euros de capital asegurado.
i) Cando a capacidade sexa superior á mencionada na alínea h), a cantidade mínima de capital asegurado incrementarase en 60.000 euros por cada 1.000 persoas ou fracción de capacidade superior a 5.000 persoas, ata chegar a 6.000.000 de euros.
2. As administracións públicas, os seus organismos autónomos, as entidades de dereito público dependentes ou a elas vinculadas e as demais entidades integrantes do sector público que organicen espectáculos públicos e actividades recreativas aseguraranos, de conformidade co establecido na normativa específica, tendo en conta que en ningún caso a contía mínima de capital asegurado por este concepto pode ser inferior a 300.000 euros.
3. A realización de espectáculos públicos ou actividades recreativas en espazos abertos ao público, non delimitados e de capacidade indeterminada, nos cales se exixa licenza, declaración responsable ou autorización para a súa celebración require a contratación dunha póliza de seguro de responsabilidade civil por unha contía mínima de 600.000 euros de capital asegurado nos casos en que se exixa licenza ou autorización, e de 300.000 euros nos casos en que se exixa declaración responsable.
4. No caso de instalacións ou estruturas eventuais portátiles ou desmontables que se utilicen con ocasión de feiras ou atraccións en espazos abertos ao público onde a súa capacidade sexa indeterminada o capital mínimo asegurado será de 150.000 euros por cada instalación ou estrutura, e a persoa propietaria ou arrendataria da instalación quedará obrigada a contratar a póliza de seguro.
5. Se as instalacións ou estruturas do número 4 se utilizan conxuntamente nun espazo delimitado, débese subscribir unha única póliza de seguro conxunta para todas as estruturas ou instalacións, cuxo capital mínimo asegurado deberá ser o correspondente á capacidade do espazo delimitado nos termos establecidos no número 1.
6. O establecido nos puntos anteriores entenderase sen prexuízo do disposto no artigo 8.7.
Disposición transitoria cuarta. Adaptación das obrigas en materia de seguros
No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, os/as titulares de establecementos abertos ao público que conten con licenza municipal ou que efectuasen a correspondente comunicación previa deberán dar cumprimento ao disposto no artigo 8 e na disposición transitoria terceira en canto ao réxime de seguros. Esta exixencia tamén será aplicable nos supostos de espectáculos públicos e actividades recreativas que estean en funcionamento no momento da entrada en vigor da lei, para o cal dispoñerán igualmente do prazo de seis meses para a súa adaptación.
Disposición transitoria quinta. Horarios
Mentres non se aprobe e entre en vigor a orde a que se refire o artigo 17 continuará vixente a Orde do 16 de xuño de 2005 pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que atinxe aos horarios de apertura e peche de establecementos, espectáculos públicos e actividades recreativas como á competencia autonómica para a súa alteración nos termos previstos na devandita orde.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei e nomeadamente:
a) Os artigos 4 e 7 do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) O Decreto 390/2009, do 24 de setembro, polo que se determina o procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora en materia de establecementos e espectáculos públicos.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia
Modifícase a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, nos seguintes termos:
Un. O artigo 40 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 40. Actividades sometidas a declaración responsable
1. Con carácter xeral, a apertura dos establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan espectáculos públicos ou actividades recreativas e a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas están sometidas ao réxime de declaración responsable. Porén, por razóns de interese xeral vinculadas á orde, seguridade e saúde públicas e protección do medio ambiente, exixirase a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica nos supostos establecidos no seguinte artigo.
2. A declaración responsable deberase presentar nos seguintes termos:
a) Con carácter previo á apertura do establecemento, á organización do espectáculo público ou ao inicio da actividade recreativa, as persoas interesadas deberán presentar unha declaración responsable dirixida ao concello respectivo, coa cal poñerán en coñecemento da Administración competente os seguintes datos:
1º) O nome, os apelidos e o enderezo da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa que actúe na súa representación.
2º) O tipo de establecemento ou, se é o caso, a descrición do espectáculo ou da actividade que se pretende realizar e a capacidade máxima.
3º) A localización do establecemento ou espazo aberto ao público e a data prevista de apertura do establecemento ou do inicio do espectáculo público ou da actividade.
4º) A sinatura da persoa solicitante.
5º) O órgano, o centro ou a unidade administrativa a que se dirixe.
b) Coa declaración responsable, na cal a persoa interesada manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre todos os requisitos establecidos na normativa vixente para o exercicio da actividade, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá á disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao dito exercicio, deberase achegar, de ser o caso, a documentación que figura a seguir, agás que esta xa estea en poder ou fose elaborada por calquera administración, suposto en que se observará o indicado no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
1º) Se for o caso, a autorización, o informe ou a declaración ambiental que proceda, de conformidade coa normativa específica aplicable.
2º) O proxecto e a documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da actividade. Para estes efectos, enténdese por proxecto o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto e a documentación técnica serán redactados e asinados por persoa técnica competente.
3º) A póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e o recibo de pagamento das primas correspondentes ao período do seguro en curso ou a copia destes.
4º) O documento acreditativo da dispoñibilidade do establecemento ou espazo aberto ao público en calidade de propietarios/as ou arrendatarios/as ou en virtude de calquera outro título xurídico.
5º) Se for o caso, o certificado, a acta ou o informe de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal reguladas nesta lei.
6º) O documento acreditativo asinado polo/a interesado/a da designación da persoa física ou xurídica que debe asumir a responsabilidade técnica da execución do proxecto e que debe expedir a certificación que acredite a adecuación do espectáculo público ou da actividade recreativa aos requisitos exixibles.
7º) Calquera outra documentación que veña exixida pola normativa aplicable.
c) Para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que requiran a montaxe de estruturas non permanentes desmontables, será preciso achegar, xunto coa documentación requirida nas alíneas a) e b), a seguinte documentación:
1º) O documento acreditativo da designación, por quen presente a declaración, da persoa física ou xurídica que debe asumir a responsabilidade técnica da montaxe da instalación.
2º) A marcación CE e a declaración CE de conformidade das instalacións que correspondan segundo as súas características e o certificado da instalación de baixa tensión de conexión coa rede.
3º) Calquera outra documentación que veña exixida pola normativa aplicable.
3. O custo dos informes, das certificacións e das actas de verificación ou control de funcionamento e de revisión será por conta dos/as solicitantes.
4. Se para o desenvolvemento da actividade é precisa a realización dunha obra, a documentación anterior presentarase coa comunicación previa prevista na normativa urbanística ou coa solicitude de licenza de obra, se procede. Logo de rematar a obra, presentarase a declaración responsable para o inicio da actividade.
5. A declaración responsable presentada cumprindo os requisitos habilita para o exercicio da actividade, o desenvolvemento do espectáculo ou a apertura do establecemento desde a súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección atribuídas á Administración nos termos previstos nos artigos 28 e 29 desta lei.
6. A inexactitude, a falsidade ou a omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, así como a non presentación da declaración responsable ou da documentación requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das posibles responsabilidades penais, civís ou administrativas.
A resolución que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao inicio da actividade, así como a imposibilidade de instar a un novo procedemento co mesmo obxecto durante un período de tempo de entre tres meses e un ano.
7. A persoa titular do establecemento ou organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa deberá comunicar á Administración competente as modificacións non substanciais, no prazo de quince días desde que teña lugar. Non obstante, no caso de cambio de titularidade, a comunicación, xunto coa documentación acreditativa do cambio e da dispoñibilidade do seguro de responsabilidade civil, deberase efectuar con anterioridade ao desenvolvemento da actividade polo/a novo/a titular.
Será necesaria a presentación de declaración responsable nos termos previstos neste precepto no caso de modificación substancial. En todo caso, terán a consideración de modificacións substanciais a modificación da clase de actividade recreativa ou espectáculo público, o cambio de lugar, a realización dunha reforma substancial dos establecementos ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento aberto ao público se así é declarado no informe técnico correspondente.
Igualmente, será necesaria a presentación de declaración responsable para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario que se desenvolvan esporadicamente en establecementos abertos ao público, suxeitos ao réxime de declaración responsable, legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da propia do establecemento. Nestes casos, deberase presentar a documentación prevista neste artigo que resulte procedente tendo en conta as características do espectáculo ou da actividade de carácter extraordinario. Así mesmo, deberase dispoñer do seguro previsto na lexislación de espectáculos públicos e actividades recreativas».
Dous. O artigo 41 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 41. Actividades sometidas a licenza ou autorización
Atendendo a concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública, saúde pública e protección do medio ambiente, será precisa a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica para:
a) A apertura de establecementos abertos ao público cunha capacidade superior a 500 persoas, ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade co disposto na normativa técnica en vigor.
b) A instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas ao establecemento aberto ao público.
c) A celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario, sempre que requiran de plan de autoprotección ou dun plan ou estudo específico segundo a normativa sectorial aplicable.
d) A montaxe de instalacións para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas e a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que deban dispoñer de plan de autoprotección ou dun plan ou estudo específico segundo a normativa sectorial aplicable.
e) A celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da Comunidade Autónoma, conforme o procedemento que regulamentariamente se estableza.
f) A celebración dos espectáculos e festexos taurinos, que se rexerán pola súa normativa específica.
g) A apertura de establecementos abertos ao público e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxa normativa específica exixa a concesión de licenza ou autorización».
Tres. Engádese un artigo 41 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 41 bis. Actividades exentas de declaración responsable, de licenza municipal e de autorización autonómica
1. Malia o disposto nos artigos anteriores e agás que as ordenanzas municipais, en supostos excepcionais expresamente xustificados, establezan un réxime de declaración responsable, quedan exentos de declaración responsable, de licenza e de autorización autonómica, sen prexuízo do cumprimento dos requisitos que sexan aplicables:
a) A apertura de establecementos abertos ao público que sexan de titularidade do propio concello.
b) Os espectáculos públicos e as actividades recreativas organizados polos concellos con motivo de festas e verbenas populares, con independencia da titularidade do establecemento ou espazo aberto ao público onde se leven a cabo.
2. As ordenanzas municipais poderán establecer xustificadamente supostos concretos de espectáculos públicos e actividades recreativas exceptuados do réxime de declaración responsable cando pola súa escasa entidade ou incidencia non sexa precisa a indicada declaración para a protección da orde pública, seguridade pública, saúde pública e medio ambiente».
Catro. Engádese un artigo 41 ter, coa seguinte redacción:
«Artigo 41 ter. Modificacións
1. Quedan suxeitas ao réxime de licenza ou autorización as modificacións substanciais das actividades recreativas e espectáculos públicos e dos establecementos abertos ao público suxeitos a un réxime de licenza ou autorización de acordo co previsto nesta lei. En todo caso, terán a consideración de modificacións substanciais a modificación da clase de actividade recreativa ou espectáculo público, o cambio de lugar, a realización dunha reforma substancial dos establecementos ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento aberto ao público se así é declarado no informe técnico correspondente.
2. As modificacións non substanciais deberán ser comunicadas á Administración competente pola persoa titular do establecemento ou organizadora do espectáculo ou actividade, no prazo de quince días desde que teña lugar. Non obstante, no caso de cambio de titularidade, a comunicación, xunto coa documentación acreditativa do cambio e da dispoñibilidade do seguro de responsabilidade civil, deberase efectuar con anterioridade ao desenvolvemento da actividade polo/a novo/a titular».
Cinco. O artigo 42 queda redactado como segue:
«Artigo 42. Tramitación da licenza municipal do artigo 41.1.a)
1. Con anterioridade á apertura do establecemento aberto ao público, o/a seu/súa titular deberá presentar a solicitude de licenza dirixida ao concello. A solicitude de licenza terá o seguinte contido:
a) Os datos identificativos do/a titular e, de ser o caso, da persoa que actúe na súa representación, coa indicación do seu nome e do seu enderezo.
b) A localización do establecemento aberto ao público.
2. Xunto coa solicitude da licenza, deberase presentar a documentación que figura a seguir, agás que esta xa estea en poder ou fose elaborada por calquera administración, suposto en que se observará o indicado no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
a) O proxecto técnico, entendido como o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto que se presente incluirá o contido mínimo previsto pola normativa sobre prevención e seguridade en materia de incendios, deberá estar asinado por técnico/a competente e deberá conter os datos e requisitos da normativa específica sobre edificación, prevención e control ambiental que sexan aplicables aos proxectos construtivos e de actividades.
b) O plan de emerxencia, o plan de autoprotección, o estudo de impacto acústico e o dispositivo de asistencia sanitaria, cando sexan exixibles de acordo coa normativa aplicable e conforme os requisitos que esta dispoña, redactados de conformidade coa normativa vixente e sempre que os seus contidos non se incorporasen ao proxecto técnico a que fai referencia a alínea anterior.
c) A declaración onde se faga constar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia ou documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
d) A documentación requirida pola normativa sobre ruídos, quecemento, contaminación acústica, residuos e vibracións e, en todo caso, a que determine a normativa sobre prevención e control ambiental segundo corresponda en función das características do establecemento e das actividades que se van desenvolver nel.
e) O documento acreditativo da designación da persoa que debe asumir a responsabilidade técnica da execución do proxecto e que debe expedir a certificación que acredite a adecuación do establecemento á licenza outorgada, en que debe constar o nome, o enderezo e a titulación e habilitación profesional da persoa designada.
f) Calquera outra documentación que lle sexa solicitada polo concello competente.
3. O custo dos informes, das certificacións e das actas de verificación ou control de funcionamento e de revisión será por conta dos/as solicitantes.
4. Unha vez recibida a solicitude de licenza e a documentación anexa, o concello emitirá os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable e remitirá, cando proceda, esta documentación ás autoridades competentes para que emitan os informes referidos ao cumprimento das exixencias técnicas reguladas segundo a normativa vixente que lle sexa aplicable, informes que serán vinculantes cando sexan negativos ou establezan condicións de obrigado cumprimento.
5. A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder os tres meses, contados desde a presentación da solicitude e da documentación anexa no concello ata a notificación da resolución municipal. Transcorridos tres meses sen que o concello notifique a resolución á persoa interesada, esta poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude.
6. Con carácter previo ao inicio da actividade, o titular deberalle efectuar ao concello comunicación en que exprese que cumpre as condicións establecidas na documentación presentada e na licenza.
O concello deberá efectuar visita de comprobación para os efectos de verificar o cumprimento das condicións establecidas na documentación presentada e na licenza e notificar o seu resultado no prazo que se sinale nas ordenanzas locais ou, na súa falta, no prazo máximo dun mes.
O concello notificaralle ao/á titular o resultado da visita de comprobación e sinalará expresamente se se cumpren os requisitos para o exercicio da actividade e a apertura do establecemento. O incumprimento dos requisitos citados determinará a aplicación do previsto nesta lei en canto á revogación da licenza e ao réxime sancionador, sen prexuízo do disposto na lexislación urbanística en canto ao restablecemento da legalidade. Serán tamén aplicables as medidas provisionais previas establecidas na lexislación de espectáculos públicos e actividades recreativas.
A visita de comprobación non será necesaria se se achega certificación dunha entidade de certificación de conformidade municipal, de acordo co previsto nesta lei.
7. A licenza de apertura de establecemento aberto ao público fará innecesaria a declaración responsable ou a solicitude de licenza respecto dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que nel se desenvolvan sempre que estean incluídas na solicitude de licenza e documentación presentada con esta.
8. O establecemento quedará suxeito ás potestades municipais de comprobación, control e sanción previstas no artigo 28».
Seis. Engádese un artigo 42 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 bis Licenza en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas e licenza urbanística
1. Os supostos que exixan licenza en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas e, ademais, licenza urbanística serán obxecto dunha soa resolución, sen prexuízo da formación e tramitación simultánea de pezas separadas para cada intervención administrativa.
2. A proposta de resolución da solicitude de licenza en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas terá prioridade sobre a correspondente á licenza urbanística. Se procede denegar a primeira, así se lle notificará á persoa interesada e non será necesario resolver sobre a segunda.
3. En cambio, se procede outorgar a licenza en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, o órgano municipal competente pasará a resolver sobre a licenza urbanística, e notificaráselle o pertinente en forma unitaria á persoa interesada.
4. De acordo co establecido na normativa urbanística, en ningún caso se entenderán adquiridas por silencio administrativo licenzas en contra da lexislación ou do planeamento urbanístico».
Sete. Engádese un artigo 42 ter, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 ter. Tramitación da licenza municipal do artigo 41.1.b)
1. Con anterioridade á instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública anexas a establecementos abertos ao público, o/a titular do establecemento deberá presentar unha solicitude de licenza dirixida ao concello. No caso de que a terraza se sitúe en dominio público municipal, a licenza solicitarase conxuntamente coa autorización para a ocupación do dominio público.
A solicitude de licenza terá o seguinte contido:
a) Os datos identificativos do/a titular e, de ser o caso, da persoa que actúe na súa representación, coa indicación do seu nome e enderezo.
b) A localización do establecemento aberto ao público en que se vai instalar a terraza e a descrición das características desta.
c) A declaración da persoa titular onde se faga constar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia para o establecemento en que estea incluída a terraza, ou a documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
2. Recibida a solicitude de licenza e a documentación anexa, o concello emitirá os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable.
3. A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder o prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude e da documentación anexa no concello, agás no suposto de que supoña tamén a ocupación do dominio público, en que será aplicable a normativa específica que estableza outro prazo maior. Transcorrido o dito prazo sen que o concello notifique a resolución á persoa interesada, esta poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude en relación coa licenza de actividade.
4. A instalación quedará suxeita ás potestades municipais de comprobación, control e sanción previstas no artigo 28».
Oito. Engádese un artigo 42 quater, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 quater. Tramitación da licenza municipal do artigo 41.1.c)
1. Con anterioridade á celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario a que se refire o artigo 41.1.c), as persoas titulares ou encargadas da súa organización deberán presentar unha solicitude de licenza dirixida ao concello. A solicitude de licenza terá o seguinte contido:
a) Os datos identificativos do/a titular ou de quen organice a actividade e, de ser o caso, da persoa que actúe na súa representación, coa indicación do seu nome e enderezo.
b) A localización do establecemento aberto ao público en que se vai desenvolver o espectáculo público ou a actividade recreativa.
2. Xunto coa solicitude da licenza, quen teña a titularidade ou as persoas encargadas da organización deberán presentar a documentación que figura a seguir, agás que esta xa estea en poder ou fose elaborada por calquera administración, suposto en que se observará o indicado no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
a) A memoria que defina as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. Nela figurarán, en particular, os seguintes datos: a información sobre o tipo de espectáculo, a previsión aproximada de asistencia de público e o horario da actuación.
b) O plan de emerxencia, o plan de autoprotección, o estudo de impacto acústico e o dispositivo de asistencia sanitaria que sexan exixibles de acordo coa normativa aplicable e conforme os requisitos que esta dispoña.
c) A declaración da persoa titular onde se faga constar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia ou documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
d) Calquera outra documentación que veña exixida pola normativa aplicable.
3. Recibida a solicitude de licenza e a documentación anexa, o concello emitirá os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable.
4. A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder un mes, contado desde a presentación da solicitude e da documentación anexa no concello, agás que a normativa específica estableza outro prazo maior. Transcorrido o dito prazo sen que o concello comunique a resolución á persoa interesada, esta poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude.
5. O desenvolvemento do espectáculo público ou da actividade recreativa quedará suxeito ás potestades municipais de comprobación, control e sanción previstas no artigo 28».
Nove. Engádese un artigo 42 quinquies, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 quinquies. Tramitación da licenza municipal do artigo 41.1.d)
1. Con anterioridade á montaxe de instalacións para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas e á celebración de espectáculos e actividades segundo o disposto no artigo 41.1.d), os/as seus/súas titulares ou as persoas encargadas da organización do evento deberán presentar unha solicitude de licenza municipal na cal se indicará o seu nome e enderezo.
2. Xunto coa solicitude da licenza, as persoas titulares das instalacións ou as encargadas da organización do evento deberán presentar a documentación que figura a seguir, agás que esta xa estea en poder ou fose elaborada por calquera administración, suposto en que se observará o indicado no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
a) A memoria que defina as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. Nela figurarán, en particular, os seguintes datos: a información sobre o tipo de espectáculo, a localización das instalacións, a previsión aproximada de asistencia de público e o horario da actuación.
b) A declaración onde se faga constar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia ou documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
c) O documento acreditativo da designación, por quen solicite a licenza, da persoa física ou xurídica que debe asumir a responsabilidade técnica da montaxe da instalación.
d) A marcación CE e a declaración CE de conformidade das instalacións que correspondan segundo as súas características e o certificado da instalación de baixa tensión de conexión coa rede.
e) Calquera outra documentación que veña exixida pola normativa aplicable.
3. Recibida a solicitude de licenza e a documentación anexa, o concello emitirá os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable.
4. A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder os quince días, contados desde a presentación da solicitude e da documentación anexa no concello, agás que a normativa específica estableza outro prazo maior. Transcorrido o dito prazo sen que o concello lle notifique a resolución á persoa interesada, esta poderá entender estimada por silencio administrativo a súa solicitude.
5. A instalación quedará suxeita ás potestades municipais de comprobación, control e sanción previstas no artigo 28».
Dez. Modifícase o artigo 52, que queda redactado nos seguintes termos:
«Artigo 52. Infraccións moi graves
Considéranse infraccións moi graves as seguintes:
1. Abrir un establecemento e levar a cabo actividades, ou realizar modificacións, sen efectuar a comunicación previa, sen presentar a declaración responsable a que se refire esta lei ou sen dispoñer das licenzas ou das autorizacións oportunas, ou incumprir as súas condicións, se supón un risco grave para as persoas ou os bens.
2. A reapertura de actividades afectadas por resolución firme na vía administrativa de clausura ou suspensión, mentres perdure a vixencia de tales medidas.
3. Incumprir as medidas e as condicións de seguridade e hixiene establecidas no ordenamento xurídico, así como aquelas específicas recollidas nas correspondentes comunicacións previas, nas declaracións responsables a que se refire esta lei, nas licenzas ou nas autorizacións, ou derivadas de inspeccións, cando iso supoña un risco grave para a seguridade das persoas ou dos bens.
4. O engano ou a falsidade nas comunicacións previas, nas declaracións responsables a que se refire esta lei ou na obtención das correspondentes licenzas ou autorizacións mediante a achega de documentos ou datos.
5. O mal estado dos establecementos, instalacións e servizos que supoña un risco grave para a seguridade das persoas.
6. A expedición de certificados, actas, informes ou ditames cuxo contido non se axuste á realidade dos feitos.
7. A realización de certificacións, verificacións, inspeccións e controis propios das entidades de certificación sen posuír a correspondente autorización en vigor para iso».
Once. Modifícanse os números 1 a 3 do artigo 53, que quedan coa seguinte redacción:
«1. Abrir un establecemento e levar a cabo actividades, ou realizar modificacións, sen efectuar a comunicación previa, sen presentar a declaración responsable a que se refire esta lei ou sen dispoñer das licenzas ou autorizacións oportunas, ou incumprir as súas condicións, se non supón un risco grave para as persoas ou os bens.
2. A inexactitude ou a omisión de carácter esencial nos datos obxecto de comunicación previa, da declaración responsable regulada nesta lei, na licenza ou na autorización.
3. Incumprir as medidas e as condicións de seguridade e hixiene establecidas na normativa urbanística e de edificación, así como aquelas específicas recollidas na comunicación previa, na declaración responsable a que se refire esta lei ou nas correspondentes licenzas ou autorizacións, ou derivadas de inspeccións, cando iso non supoña un risco grave para a seguridade das persoas ou os bens, e sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave».
Doce. Suprímese o número 1 bis do artigo 53.
Trece. Modifícase o número 2 do artigo 54, que queda coa seguinte redacción:
«2. A inexactitude, a falsidade ou a omisión en calquera dato ou documento que acompaña ou consta na comunicación previa ou na declaración responsable a que se refire esta lei cando non tiver carácter esencial».
Catorce. Modifícase o artigo 57, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 57. Competencia para sancionar
1. Correspóndelles aos concellos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións previstas nesta lei, agás as excepcións previstas neste artigo.
2. Correspóndelle á consellaría competente en materia de seguridade industrial a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións previstas nesta lei en todo o relativo ás entidades de certificación de conformidade municipal e ás súas actuacións, sen prexuízo de que se poida delegar nos concellos algunha delas.
3. Correspóndelle á consellaría competente en materia de espectáculos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións previstas nesta lei relacionadas cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas para cuxa autorización sexa competente a dita consellaría de acordo co previsto na normativa aplicable.
4. Nos termos establecidos nos artigos 3 e 141 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os órganos administrativos de calquera administración pública deben facilitar ao/á instrutor/a do expediente sancionador a documentación necesaria, así como a asistencia que requira para o desenvolvemento da actividade».
Quince. Engádese unha disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional cuarta. Festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas
1. As festas e as verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas requirirán a presentación dunha declaración responsable dirixida ao concello e formulada polo/s veciño/s ou veciña/s representante/s da agrupación, asociación ou comisión na cal se relate o programa das actividades que se van realizar e as súas características. Á declaración deberase xuntar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia ou documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
2. Se as actividades prevén a montaxe de instalacións suxeitas a declaración responsable ou a licenza a que se refiren os artigos 40 e 42 quinquies, esta será presentada ou solicitada pola persoa titular da instalación».
Disposición derradeira segunda. Carácter complementario e adaptación das ordenanzas municipais
1. As ordenanzas municipais terán carácter complementario do réxime previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, para a tramitación da declaración responsable e da licenza municipal.
2. A partir da entrada en vigor desta lei, os concellos dispoñerán dun prazo de dous anos para, de ser o caso, adaptar as ordenanzas municipais ao réxime previsto nela.
Disposición derradeira terceira. Actualización da contía das sancións
A contía das sancións económicas previstas nesta lei poderá actualizala o Consello da Xunta conforme os criterios establecidos na normativa de desindexación.
Disposición derradeira cuarta. Plan de inspección dos espectáculos públicos e das actividades recreativas
1. No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta norma, os concellos deberán aprobar un plan de inspección dos espectáculos públicos e actividades recreativas e dos establecementos abertos ao público aos cales se outorgue a correspondente licenza municipal ou dos cales se reciba a declaración responsable, segundo o réxime de intervención que resulte aplicable, co obxecto de verificar o cumprimento das condicións sinaladas na documentación presentada e na declaración responsable ou na licenza.
2. O plan de inspección determinará o obxecto, os medios persoais e materiais que serán empregados e os prazos e as condicións en que se deberá realizar a inspección e terá en conta a posible colaboración das entidades de certificación de conformidade municipal.
Disposición derradeira quinta. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario
Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil dezasete
Alberto Núñez Feijóo
Presidente

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.