Sanidad mortuoria en GALICIA

,

DECRETO 129/2023, do 31 de agosto, de sanidade mortuoria de Galicia.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

I

O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe a Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece no seu artigo 6 que as actuacións das Administracións públicas sanitarias estarán orientadas á promoción da saúde e a garantir que cantas accións sanitarias se desenvolvan estean dirixidas á prevención das enfermidades e non só á curación destas. A citada lei prevé, ademais, no capítulo V do seu título I, que as actividades e produtos que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, sexan sometidos a control polas Administracións públicas, o que afecta sen dúbida a sanidade mortuoria.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pola súa banda recolle no seu artigo 49.e), dentro das prestacións sanitarias, as de saúde pública, que comprenden o establecemento de estándares de produción e medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais, como os derivados da sanidade mortuoria, entre outros.

Conforme o anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias que ten atribuídas, ten emanado diferentes normas en materia de policía sanitaria mortuoria. A última delas é o vixente Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia.

II

Nos últimos anos de vixencia deste decreto a súa aplicación puxo de manifesto a conveniencia de abordar a modificación da regulación de certos aspectos que a realidade diaria, a experiencia práctica, e a evolución do sector tiñan posto de manifesto.

O que se pretende con esta nova norma na materia é a mellora dos aspectos técnicos da regulación para adaptalos aos requirimentos sociais e técnicos existentes, e aclarar certos aspectos que estaban a ocasionar dúbidas nas persoas destinatarias finais da norma.

Por outra banda, con data do 4 de abril de 2017, o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei na que se instaba a Xunta de Galicia a modificar o Decreto 151/2014, do 20 de novembro, para regular aqueles enterramentos que, por motivos confesionais, teñan que realizarse en contacto coa terra. Nesta liña, a nova regulación recolle a posibilidade de eximir do uso do féretro para enterramento naqueles casos en que por razóns de confesionalidade así se demande. Así pois, a nova regulación ten en conta as implicacións que o dereito á liberdade relixiosa, previsto no artigo 16 da Constitución española e na Lei orgánica 7/1980, do 5 de xullo, de liberdade relixiosa, ten respecto da materia aquí regulada, tendo en conta, en todo caso, o principio de máxima protección e tutela da saúde pública.

A nova regulación ten por obxecto tamén reducir o control administrativo preexistente, para substituílo por unha intervención máis limitada, centrada naqueles aspectos exclusivamente sanitarios derivados da actividade funeraria, mantendo, en todo caso, un alto nivel de protección da saúde pública.

Tamén se fai un recoñecemento competencial expreso ás administracións locais, como provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os que se inclúen os cemiterios e as actividades funerarias. Así, o artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificado pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, establece que o municipio exercerá, en todo caso, como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas, entre outras, en materia de cemiterios e actividades funerarias. Pola súa banda, o artigo 80.2.j) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, determina que o municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma en materia de cemiterios e servizos funerarios, e, conforme os artigos 42.3.e) da Lei 14/1986, do 25 de abril, e 80.3.f) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, os municipios terán a obriga do control sanitario dos cemiterios e policía sanitaria mortuoria.

Cómpre ter en conta tamén que a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, acordou a creación dun grupo de traballo formado por representantes das comunidades autónomas e coordinado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, para a elaboración dunha Guía de consenso sobre sanidade mortuoria, que foi aprobada pola citada Comisión o 24 de xullo de 2018.

Deste xeito, o presente decreto incorpora gran parte das determinacións da guía consensuada no referente ás definicións, á nova clasificación dos cadáveres en función do seu risco sanitario; ás condicións xerais sobre o uso de féretros e bolsas funerarias; ao traslado de cadáveres, restos humanos, restos cadavéricos e restos óseos; á exhumación de cadáveres, restos humanos e restos cadavéricos; aos fornos crematorios, así como á creación dun censo de prestadores de servizos funerarios.

Especial mención, merece a modificación dos tempos mínimos exixidos desde o falecemento para poder realizar practicas sanitarias sobre o cadáver, así como a redución a 12 horas do prazo mínimo para poder dar o destino final a un cadáver sempre que dispoña da correspondente licenza de enterramento.

Así mesmo, incorpórase un capítulo relativo ao procedemento de regularización de cemiterios preexistentes que, aínda que segue a ser un procedemento extraordinario, pasa a ser unha vía permanente e necesaria para facilitar a legalización dos numerosos cemiterios que, a día de hoxe, aínda non teñen cubertos os trámites administrativos exixidos pola normativa sectorial de aplicación.

E, respecto do enterramento en lugares especiais, suprímese a exixencia de autorización sanitaria e prevese que a construción de novos lugares especiais de enterramento estará sometida a licenza do concello no que estean situados.

III

O decreto consta de 55 artigos, distribuídos en once capítulos, dúas disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén disposicións xerais relativas ao seu obxecto e ás facultades de inspección.

O capítulo II contén as definicións dos distintos conceptos, para os efectos da aplicación do decreto.

O capítulo III dedícase a establecer a clasificación sanitaria dos cadáveres e restos, así como o seu destino final.

O capítulo IV dedícase ás prácticas sanitarias sobre cadáveres e restos. Así, establécense unhas normas xerais, as técnicas admitidas para a preservación de cadáveres, os requisitos das técnicas de tanatopraxia, tanatoestética e tanatoplastia, así como as condicións para a exposición do cadáver en lugar público distinto dos establecidos para tal efecto.

O capítulo V trata sobre o transporte de cadáveres, inhumacións, exhumacións, reinhumacións e incineracións. Este capítulo divídese en dúas seccións. Na primeira sección, contéñense as regras relativas ao transporte de cadáveres ou restos cadavéricos, restos humanos, restos óseos e cinzas, os medios de transporte e as formalidades que hai que cubrir.

A sección segunda dedícase á regulación das inhumacións, exhumacións, reinhumacións e incineracións de cadáveres e restos, incluíndo unha referencia expresa aos féretros e elementos de transporte admitidos desde o punto de vista sanitario.

O capítulo VI contén a regulación relativa ás empresas e establecementos funerarios. Este capítulo subdivídese en dúas seccións. Na primeira sección contéñense os requisitos sanitarios das empresas funerarias, tanatorios e velorios, os seus medios, responsabilidades, e características. Na sección segunda recóllense normas sanitarias específicas para os crematorios.

No capítulo VII disponse a creación dun censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia.

O capítulo VIII contén as normas sanitarias dos cemiterios e lugares especiais de enterramento. Este capítulo subdivídese en dúas seccións. Na primeira sección contéñense os requisitos sanitarios dos cemiterios e lugares especiais de enterramento. Na sección segunda regúlanse a suspensión de enterramentos, a declaración de ruína e a clausura de cemiterios.

O capítulo IX dedícase ao procedemento de regularización de cemiterios preexistentes.

O capítulo X é o relativo aos rexistros, declaracións responsables, solicitudes e comunicacións, como mecanismos de formalización e acreditación documental das empresas e actividades, que teñen a súa correspondencia nos anexos que acompañan o decreto, coa correspondente adaptación á normativa en materia de administración electrónica.

O capítulo XI contén o réxime de infraccións e sancións na materia, así como a determinación dos órganos competentes para a imposición das sancións correspondentes.

Completan o texto dúas disposicións adicionais relativas á actualización de modelos normalizados e á inscrición de oficio no Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia; cinco disposicións transitorias que determinan os prazos para a adaptación de empresas e establecementos de servizos funerarios existentes na actualidade á nova regulamentación, os procedementos en tramitación e os crematorios preexistentes, unha disposición relativa ás sepulturas, así como o réxime transitorio aplicable a determinados produtos e servizos; unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, relativas á habilitación para o desenvolvemento normativo e modificación de anexos e á entrada en vigor.

Tamén se inclúen un total de 11 anexos, que conteñen a relación de enfermidades infecciosas transmitidas por axentes patóxenos que coa súa presenza cualifican aos cadáveres coma grupo I, os modelos normalizados de declaración responsable para o inicio da actividade dunha empresa funeraria, tanatorio, velorio ou crematorio; para comunicación de traslado de cadáver; para a declaración responsable para exhumación de cadáveres, restos humanos, restos cadavéricos e óseos; a declaración responsable para a exposición pública dun cadáver e para solicitar o dilixenciado de libros oficiais de rexistro para unha empresa funeraria, tanatorio, velorio, crematorio ou cemiterio. Os anexos tamén inclúen os modelos de libro de rexistro de tanatorios, velorios, funerarias, cemiterios e crematorios.

IV

O contido deste decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Así, considérase que a aprobación dunha norma actualizada e completa é a mellor alternativa en contraposición a unha modificación parcial; contén os aspectos necesarios para garantir a protección da saúde pública; resposta aos principios e regras básicas consensuadas no seo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde; establece procedementos simples e regras claras dirixidas aos destinatarios e operadores económicos; limítase á regulación dos aspectos básicos que constitúen o núcleo esencial para a protección do dereito das persoas á saúde pública; resulta coherente co resto de normas sectoriais na materia; e tense garantido a participación da cidadanía a través dos trámites de consulta pública previa, audiencia e información pública, ao tempo que se deu oportunidade ás empresas do sector e ás súas entidades asociativas para manifestar o seu parecer sobre a regulación que agora se aproba.

Con fundamento en todas estas premisas e antecedentes normativos e, tendo en conta as especiais características de Galicia e os usos e costumes da súa poboación, faise necesario proceder ao establecemento dun marco normativo xeral no que se recolla o conxunto de materias que, desde o punto de vista estritamente sanitario, compoñen a actividade que constitúe o obxecto deste decreto e dea unha resposta normativa adecuada ás distintas situacións de feito que xeraron ao longo do tempo nesta materia tan específica.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de agosto de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

  1. É obxecto do presente decreto a regulación da sanidade mortuoria no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A sanidade mortuoria, coma parte integrante da actividade das administracións públicas en materia de saúde, comprende:
  3. a) A regulación de toda clase de prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos, agás as actividades relacionadas coa obtención de órganos, tecidos e pezas anatómicas de persoas doadoras falecidas e as autopsias clínicas ou xudiciais, que se rexerán pola súa normativa específica.
  4. b) As normas sanitarias de exposición, trasporte, cremación, inhumación, exhumación e reinhumación.
  5. c) As condicións técnico-sanitarias que deben reunir as empresas funerarias, tanatorios, velorios e crematorios.
  6. d) As condicións técnico-sanitarias que teñen que cumprir os cemiterios e lugares especiais de enterramento.
  7. e) A función inspectora e a potestade sancionadora para o caso do incumprimento da normativa vixente na materia.
  8. f) A creación do censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia.

Artigo 2. Inspección

  1. As empresas funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos, poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e local.
  2. Para tal efecto, estableceranse programas de vixilancia para os efectos de comprobar o cumprimento da normativa sanitaria por parte dos devanditos establecementos.

CAPÍTULO II

Definicións

Artigo 3. Definicións

Para os efectos do previsto no presente decreto, enténdese por:

  1. a) Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que implica extensión fóra dos seus muros de peche, de xeito que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.
  2. b) Autopsia: exame dun cadáver coa finalidade de determinar a causa da morte ou a natureza das alteracións patolóxicas.
  3. c) Cadáver: o corpo humano durante os cinco anos seguintes á morte. Este prazo compútase desde a data e hora da morte que figura na inscrición da defunción no Rexistro Civil. Así mesmo, considérase cadáver aquel corpo humano sobre o que, unha vez transcorridos 5 anos desde a morte, non terminaron os fenómenos de destrución dos tecidos brandos.
  4. d) Cadáver con medidas xudiciais: aquel cadáver suxeito a calquera dilixencia ou actuación acordada por un órgano xudicial.
  5. e) Cemiterio: recinto pechado adecuado para inhumar cadáveres, restos cadavéricos, restos óseos, cinzas ou restos humanos, así como para o depósito de cinzas, ou restos óseos, se é o caso, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos exixidos pola normativa aplicable. Dentro dos seus límites poderán existir edificios e instalacións de carácter relixioso ou establecementos funerarios descritos neste decreto.
  6. f) Cinceiro: depósito para cinzas ou restos óseos.
  7. g) Cinzas: residuo que queda dun cadáver, restos humanos, resto cadavérico ou restos óseos tras a incineración.
  8. h) Columbarios: depósito para urnas con cinzas procedentes da incineración.
  9. i) Condución ordinaria: transporte dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia dun cadáver sen inhumar, criatura abortiva ou membro procedente de amputación, en féretro ou caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, ata o seu destino final.
  10. j) Condución de recollida: transporte dun cadáver sen inhumar desde o lugar de falecemento ao domicilio mortuorio dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de cadáveres con medidas xudiciais, incluirá a recollida e o transporte ao lugar no que se vaian realizar probas ou actos de medicina legal ou forense e o seu retorno ao domicilio mortuorio disposto pola familia ou persoa representante, ou ao seu destino final.
  11. k) Conservación transitoria: métodos que atrasan os fenómenos de putrefacción mediante a aplicación de substancias químicas ou a redución da temperatura.
  12. l) Conxelación: método de conservación do cadáver ou restos mediante a hipotermia nunha instalación, a unha temperatura de polo menos -18ºC.
  13. m) Crematorio: establecemento habilitado para a incineración de cadáveres, restos humanos, restos cadavéricos ou restos óseos que conta cos requisitos exixidos pola normativa aplicable propios deste tipo de instalación.
  14. n) Domicilio mortuorio: lugar onde permanece o cadáver, criatura abortiva ou membro procedente de amputación, ata o momento de ser conducido ao seu destino final. Entenderase como tal o lugar de residencia, un centro hospitalario, un tanatorio ou un velorio.

ñ) Embalsamamento: método químico que impide a aparición dos fenómenos de putrefacción.

  1. o) Empresas funerarias: aquelas que legalmente prestan os servizos de manipulación e acondicionamento dos cadáveres ou restos e/ou transporte destes, xunto coa subministración de bens e servizos complementarios para os ditos fins.
  2. p) Esqueletización: fase final de desintegración da materia orgánica, desde a separación dos restos óseos, sen partes brandas nin medios unitivos do esqueleto, ata a total mineralización.
  3. q) Establecemento funerario: establecemento legalmente constituído, acondicionado e disposto para levar a cabo as prácticas e servizos funerarios de tanatorio, velorio e/ou crematorio.
  4. r) Exhumación: acción de extraer do seu lugar de inhumación un cadáver, restos humanos, restos cadavéricos ou restos óseos.
  5. s) Incineración: redución a cinzas dun cadáver ou de restos por medio da calor en fornos acondicionados para tal efecto.
  6. t) Inhumación: acción e efecto de enterrar un cadáver, restos humanos, restos cadavéricos, restos óseos ou cinzas.
  7. u) Lugar de etapa intermedia: tanatorio, velorio e todos aqueles lugares públicos ou privados onde o cadáver deba permanecer depositado o tempo estritamente necesario para a práctica de servizos relixiosos ou cerimonias laicas.
  8. v) Osario xeral: lugar pechado situado nun cemiterio e destinado unicamente a recoller restos.
  9. w) Prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos: calquera tipo de manipulación destinada ao acondicionamento ou preservación dun cadáver ou resto segundo o establecido no presente decreto, agás as destinadas á obtención de pezas anatómicas e tecidos para transplantes.
  10. x) Putrefacción: proceso que conduce á destrución da materia orgánica do cadáver por microorganismos e polos axentes auxiliares dela.
  11. y) Refrixeración: método de conservación que, mentres dura a súa actuación, atrasa o proceso de putrefacción por medio do descenso artificial de temperatura nunha instalación, a unha temperatura comprendida entre -2º e 5ºC.
  12. z) Recipientes funerarios: elementos destinados ao transporte, traslado, inhumación ou incineración dun cadáver, restos ou cinzas. A súa tipoloxía será a prevista no artigo 21.2 deste decreto.

a2) Restos cadavéricos: o que queda do corpo humano unha vez transcorridos os cinco anos seguintes á morte e xa acabados os fenómenos de destrución dos tecidos brandos sen completarse totalmente a esqueletización.

b2) Restos humanos: partes do corpo humano procedentes de abortos, mutilacións ou intervencións cirúrxicas, autopsias clínicas ou xudiciais e actividades de docencia ou investigación, de relevancia anatómica ou legal tal que exixa un tratamento específico segundo o determine a autoridade competente.

c2) Restos óseos: restos cadavéricos unha vez completada totalmente a esqueletización.

d2) Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver, restos cadavéricos, restos óseos, restos humanos ou cinzas dentro dun cemiterio ou lugar especial de enterramento. Inclúense neste concepto:

1º. Fosas: escavacións practicadas directamente na terra.

2º. Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.

e2) Servizos funerarios: prestación de calquera tipo de práctica sanitaria, transporte ou vela de cadáveres ou restos, así como a subministración de bens e servizos complementarios afíns á dita prestación.

f2) Sudario: lenzo ou bolsa coa que se envolve o cadáver.

g2) Tanatoestética: conxunto de técnicas de cosmética e modelaxe que permiten mellorar a aparencia do cadáver ou restos.

h2) Tanatoplastia: operacións utilizadas para restablecer a forma das estruturas do cadáver ou mellorar o aspecto estético, ou para extraer do cadáver ou restos aquelas próteses que se requiran.

i2) Tanatopraxia: conxunto de técnicas aplicadas ao cadáver ou restos, que atrasan ou impiden os fenómenos putrefactivos, a través de prácticas por métodos químicos de conservación transitoria ou embalsamamento.

j2) Tanatorio: establecemento funerario habilitado como lugar de etapa intermedia do cadáver, entre o lugar do falecemento e o destino final, debidamente acondicionado para a realización das técnicas de tanatopraxia, tanatoplastia e tanatoestética, e para a exposición e vela dos cadáveres.

k2) Técnicas de preservación: técnicas dirixidas a atrasar ou impedir os fenómenos putrefactivos mediante a aplicación de métodos químicos ou físicos previstos no presente decreto.

l2) Traslado: transporte dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos en féretro ou caixa de restos, desde o domicilio mortuorio, lugar do aborto, amputación ou cemiterio, a un tanatorio ou directamente a un cemiterio ou crematorio, fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o traslado dos cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos, destinados a fins científicos e de ensino.

Tamén terán o carácter de traslados os transportes de cadáveres, restos humanos, restos cadavéricos ou restos óseos, exhumados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

m2) Traslado internacional: transporte do cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos cando implique paso de fronteiras.

n2) Tratamento hixiénico básico: práctica hixiénica consistente no lavado do cadáver e taponamento dos orificios, así coma a colocación da mortalla.

ñ2) Urna cineraria: recipiente destinado a conter cinzas.

o2) Velorio: establecemento funerario habilitado como lugar de etapa intermedia do cadáver, entre o lugar do falecemento e o destino final, debidamente acondicionado para a exposición e vela dos cadáveres.

CAPÍTULO III

Clasificación sanitaria dos cadáveres e restos ao seu destino final

Artigo 4. Clasificación sanitaria dos cadáveres e restos

  1. Para os efectos previstos nesta disposición, os cadáveres e restos clasifícanse en tres grupos:
  2. a) Grupo I. Aqueles que presentan un risco para a saúde pública e/ou profesional porque a persoa falecida padecera unha das enfermidades infecciosas que figuran no anexo I.
  3. b) Grupo II. Aqueles que presenten un risco radiolóxico pola presenza neles de substancias ou produtos radioactivos. Para o seu tratamento observarase o que dispoña a normativa e a autoridade competente en materia de seguridade nuclear.
  4. c) Grupo III. Aqueles que non presenten os riscos dos grupos I ou II.
  5. O persoal facultativo e profesional que teña coñecemento da presenza dun cadáver ou resto dos grupos I e II, poñerano inmediatamente en coñecemento da persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, que adoptará as medidas oportunas.

Artigo 5. Destino final dos cadáveres e restos

  1. O destino final de todo cadáver ou restos será:
  2. a) Inhumación en lugar habilitado.
  3. b) Incineración en lugar habilitado.
  4. Os cadáveres ou restos que correspondan ao grupo III, poderán destinarse a fins científicos e de ensino, de acordo co establecido nas disposicións normativas aplicables. Isto non eximirá de que o seu destino final sexa un dos indicados no número anterior.
  5. Os restos humanos non requiren outro requisito sanitario para darlles o seu destino final que o documento no que se acredite a causa e a procedencia de tales restos.
  6. En casos excepcionais de situacións epidemiolóxicas ou sucesos con vítimas múltiples, a xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade poderá dispor o necesario en relación co destino final dos cadáveres ou restos, establecendo as condicións exixibles en cada caso.

CAPÍTULO IV

Prácticas sanitarias sobre cadáveres ou restos

Artigo 6. Normas xerais

Non se poderán realizar técnicas de tanatopraxia, tanatoestética e tanatoplastia sobre cadáveres clasificados no grupo I ou no grupo II.

Artigo 7. Técnicas de preservación de cadáveres e restos

A preservación de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos, poderase realizar por métodos físicos, como a conxelación ou a refrixeración, ou mediante a aplicación de produtos ou substancias químicas.

Artigo 8. Requisitos xerais das técnicas de preservación

  1. A conxelación, a refrixeración, o embalsamamento e a conservación transitoria dun cadáver só poderán realizarse unha vez obtida a certificación médica de defunción ou a autorización xudicial, segundo corresponda, e transcorridas 8 horas desde o falecemento.
  2. Exceptúanse os casos en que o cadáver fose autopsiado, nos cales estas técnicas se poderán aplicar unha vez rematada a autopsia.
  3. Aplicarase a técnica de preservación adecuada ao destino do cadáver e ao seu estado físico, que poderá ser supervisada polas autoridades sanitarias competentes.
  4. As técnicas de preservación química do artigo 7 efectuaranse en salas de tanatopraxia, baixo a supervisión e responsabilidade de persoal que dispoña dalgunha das seguintes titulacións ou cualificacións:
  5. a) Titulación de graduado ou licenciado en Medicina.
  6. b) Cualificación profesional de Tanatopraxia axustada ao Real decreto 140/2011, do 4 de febreiro, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de catro cualificacións profesionais da Familia profesional Sanidade.
  7. c) Certificado de profesionalidade en Tanatopraxia regulado polo Real decreto 1535/2011, do 31 de outubro, polo que se establece un certificado de profesionalidade da familia profesional Sanidade, que se inclúe no Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.
  8. A persoa profesional responsable certificará a súa actuación facendo constar a data da práctica, a descrición e xustificación das técnicas empregadas, así como o precinto final do féretro cando proceda. A realización da práctica correspondente farase constar no Libro Rexistro do Tanatorio. A persoa profesional entregará copia do certificado tanto a entidade encargada do tanatorio como á empresa funeraria que realice o traslado, de ser o caso.
  9. As substancias e preparados químicos empregados nas técnicas de preservación deberán cumprir as condicións establecidas pola normativa vixente nesta materia.
  10. Os residuos que se xeren deberán ser manipulados e xestionados de acordo co establecido na normativa vixente en materia de residuos sanitarios.
  11. Os cadáveres sometidos a refrixeración poderán permanecer nesta situación un máximo de 72 horas desde a data e hora do falecemento, e deberán ser inhumados ou incinerados antes das 12 horas posteriores á retirada da cámara de refrixeración, sen prexuízo do previsto no artigo 10.d).
  12. Excepcionalmente, os cadáveres con medidas xudiciais poderán estar sometidos a refrixeración por un prazo máximo de seis días naturais desde a data do falecemento. Transcorrido o dito prazo deberán ser inmediatamente inhumados ou incinerados, ou, no seu defecto, conxelados ou embalsamados.
  13. Os cadáveres conxelados ou embalsamados poderán permanecer nesta situación por un prazo máximo de 21 días, contados desde o día no que foron conxelados ou embalsamados. Transcorrido o dito prazo deberán ser conducidos ao seu destino final.

Artigo 9. Embalsamamento

  1. O embalsamamento dun cadáver será obrigatorio nos seguintes casos:
  2. a) Cando a inhumación ou a incineración non se poida realizar antes das 96 horas desde o momento do falecemento.
  3. b) Nos traslados por vía aérea, marítima ou ferroviaria, cando a normativa do medio de transporte así o exixa.
  4. c) Nos enterramentos en lugares especiais previstos neste decreto.
  5. d) Cando o cadáver vaia ser exposto nun lugar público por un prazo superior a 48 horas desde a hora do falecemento.
  6. e) Cando, a criterio da persoa profesional responsable, as técnicas de conservación transitoria non garantan a axeitada conservación do cadáver ata o momento da inhumación ou incineración.
  7. O transporte dun cadáver embalsamado efectuarase en féretro de traslado, agás nos casos de condución ordinaria.
  8. Poderán someterse a embalsamamento os cadáveres exhumados ou sobre os cales existan medidas xudiciais, para os supostos de traslados recollidos neste artigo. Tamén poderán ser embalsamados os cadáveres con medidas xudiciais no suposto previsto no artigo 8.9

Artigo 10. Supostos de conservación transitoria obrigatoria

A conservación transitoria por método químico dun cadáver será obrigatoria nos seguintes casos:

  1. a) Cando a inhumación ou a incineración vaia realizarse despois das 48 horas do falecemento e antes das 96.
  2. b) No caso de traslados a comunidades autónomas nas cales a súa normativa así o exixa.
  3. c) Cando o cadáver vaia ser exposto nun lugar público ata un máximo de 48 horas desde a hora do falecemento.
  4. d) En cadáveres conxelados que vaian ser inhumados ou incinerados despois das 24 horas posteriores á retirada da cámara e nos cadáveres refrixerados que vaian ser inhumados ou incinerados despois das 12 horas posteriores á retirada da cámara de refrixeración. En ambos os casos deberase dar o destino final ao cadáver antes das 72 horas posteriores á retirada das cámaras.

Artigo 11. Requisitos das prácticas de tanatoplastia e tanatoestética

  1. As técnicas de tanatoplastia efectuaranse en salas de tanatopraxia. Os estimuladores cardíacos e outras próteses subcutáneas provistas de pilas ou baterías extraeranse do cadáver con anterioridade á inhumación ou incineración.
  2. As técnicas de tanatoestética cumprirán as normas hixiénico-sanitarias aplicables.

Artigo 12. Exposición de cadáveres do grupo III en lugar público

  1. Con carácter excepcional, cando por razón da notoriedade ou a relevancia política, social ou cultural da persoa falecida, así se declare, o seu cadáver poderá expoñerse nun lugar público distinto dos establecidos no presente decreto, coas seguintes condicións:
  2. a) Que se trate dun cadáver do grupo III.
  3. b) Que a persoa falecida teña adquirido notoriedade ou relevancia política, social ou cultural, de xeito que, no caso de requirirse posteriormente, poida ser acreditado este punto mediante a presentación de cando menos dúas memorias ou informes emitidos por unha institución ou entidade, pública ou privada, de carácter político, social ou cultural, de ámbito local, autonómico ou nacional, que expresen os motivos daquela relevancia.
  4. c) Que exista certificado médico da defunción.
  5. d) O cadáver someterase previamente a técnicas de conservación transitoria ou a embalsamamento.
  6. e) O prazo máximo de permanencia en exposición do cadáver de grupo III en lugar público será de 48 horas se se realizou conservación transitoria, e 96 horas, se se realizou embalsamamento, contando en ambos os casos desde a hora do falecemento.
  7. f) Durante a exposición o féretro permanecerá pechado.
  8. g) Que exista consentimento previo da familia ou da persoa que teña a representación legal da persoa falecida respecto da súa exposición.
  9. h) Que no formulario de declaración se indique o lugar no que se realizará a exposición pública, contando para iso coa conformidade da persoa ou entidade titular del.
  10. Con carácter previo á exposición, a persoa ou entidade prestadora do servizo funerario presentará unha declaración responsable axustada ao modelo que se recolle no anexo II (SA441B), ante a xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade.

CAPÍTULO V

Transporte, inhumación, exhumación, reinhumación e incineración

Sección 1ª. Transporte

Artigo 13. Transporte de cadáveres ou restos cadavéricos, humanos e restos óseos ou cinzas

  1. O transporte de cadáveres ou restos cadavéricos, restos humanos, restos óseos ou cinzas poderá levarse a cabo unha vez obtida a constancia documental do falecemento, sempre que:
  2. a) Non concorran circunstancias que impliquen ou exixan a intervención xudicial.
  3. b) Non se trate de cadáveres clasificados nos grupos I ou II.
  4. Non se poderán realizar traslados de cadáveres clasificados no grupo I e no grupo II. Non obstante, en condicións excepcionais e con coñecemento da consellería competente en materia de sanidade poderase efectuar o traslado en coordinación coas autoridades competentes da comunidade autónoma onde se lle dea destino final e coas de tránsito.
  5. No transporte de cadáveres, restos cadavéricos e restos humanos do grupo II observarase o disposto na normativa vixente en materia de seguridade nuclear.
  6. Os cadáveres sen inhumar do grupo III poderán ser transportados en féretros comúns, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos en que se dean circunstancias excepcionais, a autoridade sanitaria poderá dispoñer medidas adicionais para o transporte.
  7. Os restos cadavéricos, restos óseos e restos humanos serán transportados en caixas de restos.
  8. O traslado internacional dun cadáver realizarase segundo o disposto na normativa estatal e nos convenios ou acordos de aplicación.
  9. Os cadáveres destinados a ser utilizados para actividades de docencia ou a investigación poderán ser transportados en arca de recollida e coas medidas de estanquidade suficientes e necesarias que garantan a ausencia de fugas ou verteduras.
  10. O transporte de urnas con cinzas procedentes da incineración dos cadáveres non está suxeito a ningunha exixencia sanitaria.
  11. Poderán utilizarse arcas ou padiolas co correspondente saco de recollida para o transporte do cadáver desde o lugar onde se produza o falecemento ata o domicilio mortuorio.

Artigo 14. Medios de transporte

  1. A condución e traslado de cadáveres e restos cadavéricos e restos humanos só se poderá efectuar nos medios de transporte seguintes:
  2. a) Vehículos funerarios.
  3. b) Furgóns de ferrocarril das características que sinalen os órganos competentes.
  4. c) Avións ou buques, de acordo coas normas e convenios aplicables e conforme o exixido polas compañías de navegación aérea ou marítima.
  5. A condución de restos óseos non requirirá medio de transporte específico.

Artigo 15. Vehículos funerarios

  1. Os vehículos funerarios estarán destinados exclusivamente a este fin e deberán dispoñer de toda a documentación exixida pola normativa vixente en materia de transporte para o seu funcionamento como vehículo funerario.
  2. Os requisitos e características sanitarias dos vehículos determinaranse mediante orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.

Artigo 16. Supostos excluídos

Quedarán excluídos da aplicación do disposto na sección primeira deste capítulo os seguintes supostos:

  1. a) A condución de cadáveres que se realice por orde xudicial para a súa retirada da vía pública a un domicilio mortuorio ou a un instituto de medicina legal.
  2. b) A condución de cadáveres cando a morte se producise durante un traxecto en transporte sanitario dun paciente ao seu centro hospitalario de referencia.

Artigo 17. Comunicación do traslado

  1. No caso do traslado de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos clasificados no grupo III, a empresa de servizos funerarios encargada de realizalo virá obrigada a comunicalo previamente á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade da provincia na que se orixine o traslado, mediante o modelo de comunicación que se recolle no anexo III (SA441A). Cando se realicen prácticas de tanatopraxia xuntarase, ademais, a certificación a que se refire o artigo 8.5.
  2. A empresa funeraria deberá conservar por un período de cinco anos copia da documentación correspondente a cada traslado realizado.

Artigo 18. Condución no caso de doazón de órganos e tecidos

Naqueles casos en que deba procederse á extracción de órganos ou tecidos, por mor da condición de doadora da persoa falecida, non será obrigatoria a condución en vehículo funerario desde o lugar de falecemento ou domicilio mortuorio ao centro autorizado para a extracción conforme a normativa vixente. Para os ditos efectos, e sempre que non transcorran máis de oito horas desde o falecemento ata a chegada ao centro autorizado para a extracción, a condución realizarase en vehículos de transporte sanitario, extremando en todo caso as condicións hixiénicas, mediante acondicionamento do cadáver con material impermeable.

Sección 2ª. Inhumación, exhumación, reinhumación e incineración

Artigo 19. Inhumación

  1. As inhumacións realizaranse sempre en lugares de enterramento legalmente habilitados, de conformidade co previsto neste decreto.
  2. A inhumación dun cadáver poderase realizar, unha vez obtida a licenza de enterramento, transcorridas 12 horas do falecemento e antes de que se cumpran as 48 horas daquel, coas seguintes excepcións:
  3. a) Cando se trate de cadáveres sobre os cales se teñan aplicado técnicas de preservación, para os cales rexerán os prazos previstos segundo a técnica empregada.
  4. b) Cando se trate de cadáveres nos que previamente se practicase a autopsia ou se obtivesen órganos para transplantes. Nestes casos poderase proceder á inhumación do cadáver antes de que transcorran as 12 horas desde o falecemento.

Artigo 20. Supostos de inhumación ou incineración inmediata

Cando existan razóns sanitarias que aconsellen a inhumación ou incineración inmediata dun cadáver ou cando se trate de cadáveres clasificados nos grupo I ou II poñerase o caso en coñecemento da autoridade sanitaria competente para proceder á súa inhumación tan pronto como sexa posible, agás nos casos que requiran intervención xudicial, nos que se aplicará o que dispoña a autoridade xudicial correspondente.

Artigo 21. Féretros e outros recipientes funerarios

  1. Os féretros e demais recipientes funerarios deberán dispor das medidas e características necesarias e suficientes que garantan a ausencia de fugas ou verteduras, as cales se establecerán por orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.
  2. Os recipientes funerarios, segundo o seu uso e características, poden ser dos seguintes tipos:
  3. a) Féretros comúns: construídos con material sen aberturas. A tapa encaixará no corpo inferior da caixa. Non se poderá empregar ningún tipo de material, revestimentos ou bolsas de características impermeables que impidan a normal putrefacción dos cadáveres.
  4. b) Féretros de traslado: compostos por dúas caixas. A exterior, de características análogas ás dos féretros comúns, de materiais e formatos comercializados legalmente, tales como bolsas destinadas para tal fin homologadas polo ministerio con competencia en materia de sanidade.

Os féretros de traslados serán acondicionados de forma que impidan os efectos da presión dos gases no seu interior mediante a aplicación de filtros depuradores e outros dispositivos adecuados.

  1. c) Féretros para incineración: féretro coas mesmas características que o féretro común, pero con materiais adecuados para a incineración.
  2. d) Caixa de restos: recipiente destinado ao transporte de restos cadavéricos, restos humanos e restos óseos. Serán metálicas ou de calquera outro material impermeable ou impermeabilizado.

Nos casos de reinhumación ou cremación, as caixas de restos serán de materiais adecuados para o dito fin.

  1. e) Arca de traslado: recipiente con tapa de material resistente e impermeable, fácil de desinfectar e de dimensións suficientes para conter un féretro común.
  2. f) Arca de recollida: recipiente para realizar a condución de recollida. Deberá de ser de dimensións axeitadas para conter un cadáver, resistente, impermeable e de fácil limpeza e desinfección.
  3. g) Saco de recollida: saco impermeable de dimensións adecuadas que se utilizará para recoller e transportar o cadáver introducido nun saco sudario, desde o lugar onde se produciu o falecemento ata o domicilio mortuorio. Deberá introducirse nunha arca de recollida ou nunha padiola.
  4. h) Urna cineraria: recipiente estanco e cerrado destinado exclusivamente a conter as cinzas procedentes da incineración de cadáveres e restos.
  5. i) Bolsa de restos: bolsa destinada a conter restos cadavéricos, restos humanos e restos óseos.

Deberá ser de material impermeable e con suficiente resistencia para o fin ao que se destina.

Artigo 22. Utilización de féretros e outros recipientes funerarios

  1. Toda condución, traslado e inhumación ou incineración de cadáveres, restos cadavéricos, restos humanos e restos óseos deberá realizarse empregando o correspondente recipiente funerario, de acordo co disposto neste decreto.
  2. Os féretros que conteñan cadáveres do grupo III, unha vez pechados, só se poderán abrir por orde xudicial ou por petición dos familiares ou persoa que teña a representación legal, nalgúns dos establecementos funerarios previstos neste decreto.

Así mesmo, o cambio de recipientes funerarios só poderá realizarse nos mesmos termos previstos no parágrafo anterior, quedando prohibida, en todo caso, a reutilización do recipiente funerario desbotado, que deberá ser destruído ou entregado a un xestor autorizado.

  1. No caso dos féretros, estes deberán conter exclusivamente o cadáver que se vai inhumar ou incinerar, e non poderán depositarse dous ou máis no mesmo féretro, agás nos casos das nais e neonatos falecidos ambos no momento do parto.
  2. Cando así veña determinado por razóns de confesionalidade e logo de conformidade da persoa ou entidade titular do cemiterio no que se vaia inhumar, non será exixible o uso de féretro para a inhumación en terra de cadáveres do grupo III, aínda que si para a súa condución ou traslado. En todo caso para este tipo de inhumación deberán cumprirse as condicións indicadas no artigo 38.

Nestes casos, o non emprego do féretro farase constar no correspondente Libro Rexistro de Cemiterios.

O féretro empregado para a condución ou traslado non poderá ser reutilizado, e deberá ser destruído ou entregado a un xestor autorizado.

Artigo 23. Exhumación e reinhumación

  1. A exhumación de cadáveres, agás os dos grupos I e II, restos humanos ou restos cadavéricos inhumados nun cemiterio, poderá realizarse por instancia da persoa titular dun dereito ou interese lexítimo e directo sobre aqueles, para a súa inmediata reinhumación, no mesmo ou distinto cemiterio, ou para a súa incineración.

Estas actuacións realizaranse baixo a responsabilidade da persoa ou entidade titular do cemiterio e quedarán inscritas no correspondente Libro Rexistro de Cemiterios á disposición da autoridade competente.

  1. Para poder levar a cabo esta exhumación, deberán cumprirse os seguintes requisitos:
  2. a) Contar coa correspondente partida de defunción literal do cadáver ou resto cadavérico que se pretenda exhumar, ou ben coa documentación acreditativa da procedencia no caso de restos humanos.
  3. b) Cando existan medidas xudiciais acordadas en relación co falecemento, co cadáver ou cos restos, ter solicitado previamente a autorización xudicial para a realización das operacións descritas neste artigo.
  4. c) Ter aboado a taxa correspondente.
  5. A exhumación de cadáveres, restos humanos e restos cadavéricos prevista no número anterior poderá levarse a cabo logo de presentación ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade dunha declaración responsable, de conformidade co modelo previsto no anexo IV (SA666A), na que se faga constar a data prevista da exhumación.
  6. Non será exixible a presentación de declaración responsable no caso de exhumacións de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos do grupo III, sempre que se proceda á súa inmediata reinhumación no mesmo cemiterio.
  7. As exhumacións realizaranse tendo en conta os seguintes criterios técnicos:
  8. a) Os cadáveres exhumados que vaian ser inmediatamente reinhumados no mesmo cemiterio poderanse reinhumar en féretro común. O féretro empregado na inhumación deberá ser substituído se se atopase en mal estado. Se a reinhumación se leva a cabo noutro cemiterio dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia empregarase unha arca de traslado. No caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.
  9. b) Para o traslado fóra da Comunidade Autónoma de Galicia de cadáveres exhumados deberá utilizarse féretro de traslado.
  10. c) Os restos cadavéricos para a súa exhumación e traslado deberán ser depositados en caixas de restos. No caso de reinhumación no mesmo cemiterio poderase empregar bolsa de restos.
  11. d) No caso de que, transcorridos 5 anos desde o falecemento, non se tivesen completado os procesos de destrución da materia orgánica do cadáver, a exhumación, o transporte e a posterior reinhumación levaranse a cabo nas mesmas condicións que se se tratase dun cadáver.
  12. Toda exhumación realizarase aplicando as necesarias medidas hixiénicas e sanitarias e observando a normativa en materia de saúde laboral e prevención de riscos laborais.

Artigo 24. Incineración de cadáveres

  1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 12 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, con excepción dos cadáveres conservados, conxelados, refrixerados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
  2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas cinerarias destinadas para o efecto, no exterior das cales figurará obrigatoriamente o nome da persoa defunta, e serán entregadas á familia ou á persoa que teña a súa representación legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes.
  3. Prohíbese a reutilización dos féretros que non se incineren, que serán destruídos inmediatamente ou entregados a un xestor autorizado.
  4. Nos casos en que previamente se practicase a autopsia ou se obtivesen órganos para transplantes, poderase realizar a incineración do cadáver antes de que transcorran as 12 horas do falecemento.

CAPÍTULO VI

Empresas e establecementos funerarios

Sección 1ª. Empresas funerarias, tanatorios e velorios

Artigo 25. Requisitos xerais

  1. Sen prexuízo da comunicación prevista nos artigos 24 e seguintes da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, as persoas titulares das empresas funerarias, tanatorios ou velorios presentarán ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, antes do inicio da actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, a declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto de conformidade co modelo establecido no anexo V (SA440A). Do mesmo xeito, procederase a comunicar calquera variación nas circunstancias ou datos previamente declarados, como o caso da modificación ou o cesamento total da actividade.
  2. As empresas que se atopen legalmente establecidas noutro lugar do territorio nacional non terán a obriga de presentar a declaración responsable, agás que teñan algún establecemento en Galicia. Neste último caso deberán presentar unha declaración responsable por cada establecemento que teñan en Galicia conforme o modelo previsto no anexo V.
  3. A presentación da declaración responsable de conformidade co modelo establecido no anexo V (SA440A), cumprindo con todos os requisitos, así como o pagamento da taxa correspondente, habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos contidos naquela declaración responsable.
  4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable ou a non presentación da documentación que, se é o caso, sexa requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento que se teña constancia dos ditos feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas nas que se poida incorrer.

Artigo 26. Requisitos específicos das empresas funerarias

  1. As empresas funerarias que teñan establecementos en Galicia disporán de:
  2. a) Organización administrativa, persoal, material e medios necesarios para a prestación dos servizos ofertados.
  3. b) Medios precisos para a desinfección, se é o caso, de vehículos, utensilios, roupas e material.
  4. As empresas funerarias poderán prestar servizos de:
  5. a) Manipulación e acondicionamento dos cadáveres ou restos e/ou transporte destes.
  6. b) Subministración de bens e servizos complementarios para os ditos fins.
  7. As empresas funerarias serán responsables da calidade do material que empreguen e oferten, así como dos servizos que presten.

Artigo 27. Requisitos específicos dos tanatorios e velorios

  1. Os tanatorios e velorios disporán das seguintes instalacións e infraestruturas:
  2. a) Os accesos, así como as dependencias de tránsito e estadía do público, serán independentes das de tránsito, permanencia, tratamento e exposición dos cadáveres.
  3. b) Material e equipamento necesarios para atender os servizos ofertados, garantindo un axeitado nivel de hixiene e o cumprimento da normativa en materia de seguridade e hixiene no traballo.
  4. c) Sistema axeitado de eliminación de roupas e outros obxectos.
  5. d) Auga apta para o consumo humano e sistema de eliminación de augas residuais á rede de sumidoiros, ou outro sistema autorizado.
  6. e) Aseos para o público.
  7. f) Zona de exposición do cadáver, que constará, como mínimo, de dúas áreas incomunicadas entre si e separadas por unha cristaleira impracticable:

1ª. Área para a exposición do cadáver: contará con refrixeración para asegurar unha temperatura entre 4 e 8 graos centígrados e disporá dun termómetro indicador visible desde o exterior.

2ª. Área para o dó.

  1. Os tanatorios disporán tamén de:
  2. a) Sala de tanatopraxia, deseñada e construída de xeito que favoreza a realización hixiénica de todas as operacións. As paredes serán lisas e o seu revestimento lavable, o chan impermeable e disporá de lavabo e mesa de material inalterable. Contará co material e equipamento apropiados para as actividades de tanatopraxia. A sala contará con instalación de ventilación e extracción de aire.

A sala de tanatopraxia poderase utilizar para a realización de prácticas de tanatoestética e tanatoplastia.

  1. b) Deberán dispoñer dunha zona con refrixeración para manter os cadáveres mentres non poidan ser expostos ou sometidos a prácticas sanitarias.
  2. c) Disporán de aseos, duchas e vestiarios para uso exclusivo do persoal.
  3. Nos velorios poderanse efectuar prácticas de tanatoestética no caso de dispoñer dunha sala con condicións hixiénico-sanitarias adecuadas para tal fin.
  4. Os hospitais, tanto públicos coma privados, poderán dispor de tanatorios propios ou contratados, que se axustarán ao establecido no presente decreto.

Sección 2ª. Crematorios

Artigo 28. Crematorios

  1. Os crematorios situaranse preferentemente en solos de uso industrial, de conformidade coas normas de planeamento urbanístico, nun edificio independente e exclusivo para servizos funerarios e actividades complementarias que sirvan para a mellor prestación do servizo.
  2. Nun raio de 200 metros, contados desde o foco de emisión que constitúe a cheminea do crematorio, non deberá haber zonas residenciais, residencias da terceira idade, centros sanitarios, centros educativos, parques infantís, instalacións deportivas ou outros edificios ou instalacións con servizos de características similares. Os concellos velarán polo cumprimento deste requisito.

Os concellos poderán establecer, motivadamente, nas súas ordenanzas e instrumentos de planeamento un perímetro maior do indicado no parágrafo precedente, en función das circunstancias e características de patrimonio cultural, urbanísticas e de desenvolvemento no seu ámbito territorial.

  1. No caso de crematorios situados por baixo do raio de 200 metros a que se refire o número anterior, deberán presentar ante o concello respectivo un estudo de dispersión de contaminantes das emisións esperadas no forno crematorio, utilizando modelos matemáticos recoñecidos por algún organismo internacional competente en materia de saúde e/ou ambiente.

O estudo remitirase á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación do crematorio, que emitirá informe preceptivo no prazo máximo de dous meses, contado a partir da recepción da documentación necesaria. Transcorrido o dito prazo sen emitirse o citado informe, entenderase que non existe obxección desde o punto de vista sanitario.

Para os efectos da evacuación do dito informe, e con suspensión do prazo para a emisión deste, a xefatura territorial poderá solicitar a colaboración da autoridade competente en materia de calidade do aire, para comprobar os valores declarados no estudo de dispersión de contaminantes á atmosfera.

Se do estudo de dispersión de contaminantes á atmosfera resultan niveis de inmisión superiores aos establecidos na lexislación vixente, a autoridade sanitaria dará traslado deste ao concello e á autoridade ambiental competente para os efectos da adopción das medidas correctoras necesarias.

  1. A autoridade medioambiental controlará os niveis de emisións deste tipo de instalacións de conformidade e coa periodicidade que determine a normativa sectorial de aplicación. Para estes efectos, teranse en conta os parámetros a que se refire o artigo 30.

Artigo 29. Instalacións e medios

  1. Sen prexuízo das instalacións exixidas por outra normativa aplicable a este tipo de establecementos, todo crematorio deberá contar coas seguintes instalacións:
  2. a) Sala de recepción do cadáver.
  3. b) Sala de incineración con forno crematorio, garantindo que as cinzas resultantes de cada cremación correspondan aos restos dunha soa persoa defunta.
  4. c) Sala de entrega de cinzas.
  5. d) Aseos para o público.
  6. e) Vestiarios, aseos e duchas para uso exclusivo do persoal.
  7. f) Acceso cuberto para vehículos fúnebres comunicado co interior das instalacións.
  8. g) Accesos e dependencias de tránsito e estadía do público, independentes e separadas dos accesos e da circulación de cadáveres.
  9. Os crematorios tamén disporán de persoal, material e equipamento suficiente e axeitado para atender os servizos ofertados, garantindo un adecuado nivel de hixiene.

Artigo 30. Contaminantes obxecto de control

Os contaminantes obxecto de control en crematorios serán os gases de combustión, o ácido clorhídrico, as partículas, o mercurio, o carbono orgánico total e as dioxinas e furanos.

Artigo 31. Expedientes de nova construción e de modificación de crematorios

  1. Os expedientes de construción ou de modificación de crematorios serán instruídos e resoltos polos concellos en que estean situados, aos cales lles corresponderá o outorgamento da licenza correspondente.
  2. Os ditos expedientes iniciaranse por instancia da persoa ou entidade titular, e neles constará a seguinte documentación:
  3. a) Memoria asinada por persoa técnica competente na que se fará constar o seguinte:

1º. Datos da persoa titular da instalación.

2º. Localización do forno crematorio, con expresión das coordenadas UTM.

3º. Descrición do forno crematorio e as súas características técnicas.

4º. Características dos féretros para utilizar na cremación.

5º. Dimensións da cheminea (altura e diámetro interior) do forno crematorio.

6º. Niveis de emisión estimados do forno crematorio: datos relativos ás emisións atmosféricas esperadas no forno crematorio, podendo achegar para ese efecto, datos de emisións dun forno de características similares (caudal, temperatura e velocidade de saída dos gases).

7º. Réxime máximo de funcionamento e réxime de funcionamento normal previsto.

8º. Programa de mantemento e de revisións do forno crematorio.

9º. Programa de controis e autocontrois das emisións atmosféricas.

10º. Plano de localización, indicando distancias a espazos vulnerables.

11º. Estudo de dispersión de contaminantes emitidos.

  1. b) Autorización do órgano da consellería competente en materia de calidade e avaliación ambiental, para os efectos previstos na Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.
  2. Aos expedientes incorporarase o informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación do crematorio. Para os efectos da evacuación do dito informe, o concello remitirá á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade copia da documentación prevista nas letras a) e b) do número anterior. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante e emitirase no prazo máximo dun mes.
  3. Sen prexuízo da comunicación prevista nos artigos 24 e seguintes da Lei 9/2013, do 19 de decembro, as persoas ou entidades titulares de crematorios situados na Comunidade Autónoma de Galicia presentarán ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, antes do inicio da actividade de crematorio, a declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto, e aboarán as taxas correspondentes, de conformidade co modelo establecido no anexo V (SA440A). Do mesmo xeito, procederase a comunicar calquera variación nas circunstancias ou datos previamente declarados, como o caso da modificación ou o cesamento total da actividade.

CAPÍTULO VII

Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia

Artigo 32. Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia

  1. Créase o Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia como instrumento de información baixo a dependencia da dirección xeral con competencias en materia de sanidade mortuoria da Administración autonómica.
  2. No censo inscribiranse as empresas funerarias obrigadas á presentación de declaración responsable conforme o disposto neste decreto así como os tanatorios, velorios e crematorios situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A inscrición practicarase de oficio, logo da presentación da correspondente declaración responsable.

  1. Ao asento de inscrición de cada empresa ou establecemento funerario asignaráselle un identificador formado por tres bloques, dous de catro díxitos e un código alfabético, co seguinte significado:
  2. a) Un bloque de catro díxitos que indicará o código da actividade específica:

1º. 6001: tanatorio.

2º. 6002: velorio.

3º. 6003: empresa funeraria.

4º. 6005: crematorio.

  1. b) Un bloque de catro díxitos no que se numerarán de xeito correlativo as empresas e os establecementos funerarias inscritos no censo.
  2. c) Un bloque alfabético correspondente á provincia en que a entidade dispoña de instalacións:

1º. C: A Coruña.

2º. LU: Lugo.

3º. OU: Ourense.

4º. PO: Pontevedra.

  1. Terán carácter público os seguintes datos da empresa rexistrada: denominación ou razón social, nome do establecemento (nome comercial ou denominación), enderezo, código postal, municipio, teléfono, correo electrónico, actividade (empresa funeraria, velorio, tanatorio, crematorio).
  2. A información sinalada no número anterior estará accesible ao público na páxina web da consellería competente en materia de sanidade.
  3. As persoas interesadas poderán acceder aos datos incluídos no censo de conformidade co establecido na normativa sobre transparencia e na normativa reguladora do réxime xurídico do sector público, dentro do necesario respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.
  4. Así mesmo, a consellería competente en materia de sanidade poderá, nas condicións fixadas na normativa sobre transparencia e na normativa reguladora do réxime xurídico do sector público e dentro do necesario respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal, difundir información que permita á cidadanía ou a outras administracións ou entidades ter coñecemento do sector.

CAPÍTULO VIII

Normas sanitarias dos cemiterios e lugares especiais de enterramento

Sección 1ª. Requisitos xerais

Artigo 33. Número e localización

Cada concello, independentemente ou asociado con outras entidades locais, disporá ao menos dun cemiterio con capacidade adecuada ás características da súa poboación.

Artigo 34. Regulamento de réxime interno

Cada cemiterio rexerase por un regulamento de réxime interno que aprobará a persoa ou entidade propietaria, con observancia do previsto na normativa sanitaria e na restante normativa de aplicación.

Artigo 35. Localización de cemiterios de nova construción

  1. A localización dos cemiterios de nova construción virá determinada nos instrumentos de planeamento municipais.
  2. Os concellos poderán establecer nas súas ordenanzas e instrumentos de planeamento un perímetro libre de construcións arredor dun novo cemiterio, medido a partir do seu peche exterior, en función das circunstancias e características de patrimonio cultural, urbanísticas e de desenvolvemento no seu ámbito territorial. Non obstante, poderán situarse dentro dese perímetro os edificios e instalacións de carácter relixioso ou os destinados a servizos funerarios regulados neste decreto.

Os concellos tamén poderán, excepcional e motivadamente, permitir a ampliación de cemiterios sen o cumprimento do requisito relativo ao perímetro citado anteriormente.

Artigo 36. Instalacións mínimas

Todo novo cemiterio ou ampliación doutro autorizado ou regularizado existente deberá contar obrigatoriamente, ademais do número de sepulturas previsto no proxecto, coas seguintes instalacións:

  1. a) Un osario xeral destinado a recoller os restos procedentes das exhumacións de restos.
  2. b) Un sistema adecuado para a eliminación de roupas e útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou da limpeza dos cemiterios ou contar cun xestor autorizado para a eliminación dos ditos residuos.
  3. c) Instalación de auga apta para o consumo humano e servizos hixiénicos.
  4. d) Un espazo destinado a depositar as cinzas procedentes das incineracións ou un columbario.
  5. e) Un peche perimetral que garanta a seguridade da instalación.

Artigo 37. Condicións construtivas das sepulturas

As sepulturas, en función da súa tipoloxía, deberán reunir, como mínimo, as condicións seguintes:

  1. a) Fosas:

1º. As medidas do oco interior das sepulturas serán as seguintes: o seu largo será de 0,85 metros, a súa lonxitude, como mínimo, de 2,40 metros, cun espazo de 0,50 metros de separación entre unhas e outras. A profundidade das fosas será, como mínimo, de dous metros, e situándose a base da fosa, como mínimo, a un metro de distancia do nivel freático, nas condicións máis adversas.

2º. O terreo terá suficiente permeabilidade e, como mínimo, unha capa de terra areosa de 40 cm de grosor.

  1. b) Nichos: os requisitos e as características destes determinaranse, atendendo á súa tipoloxía, mediante orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.

Artigo 38. Inhumación de cadáveres do grupo III directamente en terra

  1. A inhumación de cadáveres do grupo III directamente en terra queda suxeito ás seguintes condicións:
  2. a) O oco interior das sepulturas terá unha medida mínima de 0,85 metros de largo, e 2,40 metros de lonxitude, debendo existir cun espazo de 0,50 metros de separación entre unhas sepulturas e outras. A profundidade das fosas será, como mínimo, de dous metros, situándose a base da fosa, como mínimo, a un metro de distancia do nivel freático, nas condicións máis adversas.
  3. b) O terreo no que se leve a cabo a inhumación terá suficiente permeabilidade e, como mínimo, unha capa de terra areosa de 40 cm de grosor.
  4. c) No caso de que non exista e, co fin de evitar o risco de contaminación dos acuíferos, a persoa ou entidade titular do cemiterio no que se vaian realizar este tipo de enterramentos deberá dispoñer previamente dun estudo hidroxeolóxico no que se teña en conta a posibilidade de realización daqueles e se faga constar a permeabilidade do terreo, a profundidade da capa freática e a variación anual do nivel freático da zona e, en todo caso, se acredite que non existe risco de contaminación das captacións de auga para abastecemento de consumo humano. O dito estudo deberá estar á disposición da autoridade sanitaria competente cando sexa requirido.
  5. d) Queda expresamente prohibida a inhumación directamente en terra dos cadáveres do grupo I e do grupo II.

Artigo 39. Expedientes de nova construción e de ampliación de cemiterios

  1. Os expedientes de nova construción ou de ampliación de cemiterios autorizados ou regularizados, iniciaranse por instancia da persoa ou entidade titular e serán instruídos e resoltos polos concellos nos que estean situados, aos cales lles corresponderá o outorgamento da licenza correspondente, así como velar polo cumprimento doutros requisitos previstos na normativa urbanística.
  2. Os expedientes contarán coa seguinte documentación:
  3. a) Memoria asinada por persoa técnica competente en que se fará constar o seguinte:

1º. Planimetría de localización, superficie e capacidade prevista.

2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.

3º. Construcións existentes máis próximas ou o terreo urbanístico apto para a construción ou ampliación, e vías de comunicación.

4º. Clase de obra e materiais que se empregarán nos muros de cerramento e nas edificacións.

5º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.

  1. b) Estudo técnico hidroxeolóxico do terreo con indicación da permeabilidade, variación anual do nivel freático da zona e no cal expresamente se faga constar que non existe risco de contaminación de captacións de auga para abastecemento.
  2. c) Informe favorable do organismo de bacía competente.
  3. d) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello, relativo ao uso do solo segundo o planeamento urbanístico vixente.
  4. e) Autorización ou informe da consellería con competencia en materia de patrimonio cultural cando sexa preceptivo conforme a normativa vixente nesta materia.
  5. f) Informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación do cemiterio. Coa petición do dito informe achegarase copia da documentación prevista nas letras a), b) e c) deste número. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante, e emitirase no prazo máximo dun mes.
  6. g) Informes, autorizacións ou permisos exixidos segundo a normativa sectorial específica.
  7. No caso de ampliación de cemiterios que non teñan muro de peche, a persoa ou entidade propietaria deberá acreditar a delimitación do perímetro do cemiterio, mediante os documentos públicos oportunos ou o exercicio das accións procedentes. A ampliación deberá incluír necesariamente a construción do correspondente peche perimetral da totalidade do cemiterio.
  8. Non poderán tramitarse expedientes de ampliación de cemiterios non autorizados ou regularizados.

Artigo 40. Lugares especiais de enterramento

  1. Os expedientes de construción de lugares especiais de enterramento en lugares de culto e recintos institucionais de especial relevancia histórica e/ou artística serán instruídos e resoltos polos concellos en que estean situados, aos cales lles corresponderá o outorgamento da licenza correspondente.
  2. Os ditos expedientes iniciaranse por instancia da persoa ou entidade titular, e contarán coa seguinte documentación:
  3. a) Memoria asinada por persoa técnica competente, na que se fará constar o seguinte:

1º. Localización, superficie e capacidade prevista.

2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.

3º. Clase de obra e materiais que se empregarán na construción.

4º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.

  1. b) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello.
  2. c) Autorización da consellería competente en ordenación do territorio, nos supostos en que sexa preceptiva, de conformidade co disposto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
  3. d) Outros informes, autorizacións ou permisos exixidos segundo a normativa sectorial específica.
  4. Aos expedientes incorporarase o informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación da construción. Coa petición do dito informe achegarase copia da documentación prevista na letra a) do número precedente. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante, e emitirase no prazo máximo dun mes.
  5. O uso dos lugares especiais de enterramento en canto á exhumación e inhumación estará suxeito ás mesmas normas e limitacións que os cemiterios, sen prexuízo do previsto no artigo 9.1.d).

Sección 2ª. Suspensión de enterramentos, ruína de sepulturas
e clausura de cemiterios

Artigo 41. Suspensión de enterramentos en cemiterios ou lugares especiais

  1. Procederá a suspensión de enterramentos en cemiterios ou lugares especiais por parte dos concellos, de oficio ou por instancia de parte, e logo de tramitación de expediente contraditorio, cando concorra calquera das seguintes circunstancias:
  2. a) Cando se pretenda destinar o seu terreo ou parte del a outros usos.
  3. b) Por esgotamento transitorio ou definitivo da súa capacidade.
  4. c) Por razóns sanitarias ou de salubridade.
  5. Antes de proceder á suspensión de enterramentos, o concello ou a entidade titular do lugar especial de enterramento, solicitará informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que deberá emitilo no prazo máximo de dez días. O dito informe terá carácter preceptivo e non vinculante, polo que, transcorrido o prazo sen que se teña emitido, entenderase que é favorable.

Artigo 42. Actuacións para os efectos da declaración de ruína de sepulturas

  1. Para os efectos deste artigo, considérase como sepultura en estado de ruína aquela que cumpra os parámetros definidos para a súa consideración como tal na normativa urbanística de aplicación.
  2. O concello será competente para declarar o estado de ruína, de oficio ou por instancia de calquera persoa interesada, e logo de tramitación dun expediente contraditorio segundo a normativa urbanística, sen prexuízo da adopción das medidas necesarias en caso de inminente risco para os bens ou as persoas.

No expediente consideraranse como partes interesadas a persoa ou entidade titular do cemiterio e as persoas titulares de dereitos sobre as sepulturas afectadas, e solicitarase o informe da consellería con competencia en materia de patrimonio cultural no caso de que existan no cemiterio ou poidan resultar afectados bens protexidos.

  1. O concello notificará o acto de declaración de ruína á persoa ou entidade propietaria do cemiterio ou sepultura e ás persoas titulares de dereitos sobre as sepulturas afectadas, as cales disporán de tres meses, contados desde o día seguinte ao da notificación daquel acto, para adoptar as medidas que o ordenamento xurídico lles permita.

Así mesmo, o acto de declaración de ruína será publicado nos boletíns e diarios oficiais correspondentes e, polo menos, nun dos xornais de maior circulación no concello, para xeral coñecemento da cidadanía.

  1. A declaración do estado de ruína implicará a exhumación dos cadáveres ou restos existentes para a súa inmediata reinhumación no lugar que a persoa titular do dereito sobre a sepultura dispuxese.

Estas operacións rexeranse polo previsto para tal efecto no presente decreto. Se non constase manifestación expresa do titular da sepultura, a reinhumación efectuarase do xeito máis acaído á natureza dos restos ou cinzas.

  1. Rematada a exhumación, as sepulturas declaradas en estado de ruína serán derrubadas polas persoas ou entidades titulares destas ou, de non facelo, o concello procederá á execución forzosa conforme o previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
  2. A declaración do estado de ruína dunha sepultura comporta a extinción do dereito da persoa titular. En consecuencia, tanto a exhumación para a inmediata reinhumación como a derruba das sepulturas non darán por si mesmas lugar a ningún tipo de indemnización.

Artigo 43. Clausura de cemiterios

  1. O concello, de oficio ou por instancia de parte, iniciará o expediente de clausura dun cemiterio, coa conseguinte suspensión de enterramentos, que deberá acordarse consonte o previsto no artigo 41.

Non se poderá acordar a clausura dun cemiterio nin cambiar o seu destino sen acreditar previamente o transcurso de 10 anos desde a última inhumación, agás que razóns de interese público o aconsellen, e deberá quedar garantida, en todo caso, unha alternativa de enterramento para a poboación afectada.

  1. O acordo de inicio do expediente deberá ser comunicado ás persoas interesadas que sexan coñecidas e identificables, tendo en conta a titularidade ou dereitos de uso das sepulturas, para efectos de que, nun prazo de quince días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

O expediente someterase tamén ao trámite de información pública por un prazo dun mes mediante a publicación nos boletíns e diarios oficiais e polo menos nun dos xornais de maior circulación no concello, co obxecto de que as persoas interesadas poidan exercer os dereitos que as leis lles recoñezan.

  1. O concello remitirá o expediente á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que informará con carácter vinculante no eido das súas competencias. O prazo para a emisión do informe será dun mes.
  2. O concello, á vista da documentación, alegacións e informes, resolverá sobre a procedencia ou non da clausura.
  3. A clausura do cemiterio determinará, en todo caso, a retirada dos cadáveres e restos que existan nel. Os restos que se exhumen por petición dos familiares ou persoas con dereito ou interese lexítimo, ou no seu defecto por petición da persoa ou entidade titular do cemiterio, serán reinhumados ou depositados no osario xeral doutro cemiterio ou cremados. As ditas operacións levaranse a cabo cumprindo os requirimentos sanitarios previstos para estas.

CAPÍTULO IX

Regularización de cemiterios

Artigo 44. Regularización de cemiterios

  1. As entidades titulares dos cemiterios que á data de entrada en vigor deste decreto non teñan regularizada a súa situación, solicitarán do concello a tramitación do correspondente procedemento. No caso dos cemiterios de titularidade municipal, esta instancia será substituída pola certificación do acordo adoptado para tal efecto polo órgano competente.
  2. Xunto coa anterior solicitude deberán presentar a seguinte documentación técnica:
  3. a) Localización, superficie e capacidade do cemiterio.
  4. b) Instalacións, dependencias e tipos de enterramento.
  5. c) Declaración da antigüidade estimada do cemiterio segundo os documentos dispoñibles.
  6. d) Identificación dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia catalogados ou declarados de interese cultural.
  7. Nestes expedientes non resultará de aplicación o previsto nos artigos 35, 36 e 37, relativos á localización de cemiterios, ás instalacións mínimas e ás condicións construtivas das sepulturas, respectivamente.
  8. Durante a instrución do expediente, o concello solicitará á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade o informe correspondente, podendo aquela ordenar, de xeito previo á emisión deste, a realización de visita de inspección.
  9. O concello, á vista do informe anterior e daqueloutros que poidan ser solicitados, ditará a resolución que proceda.

CAPÍTULO X

Libros oficiais de rexistro, declaracións responsables,
solicitudes e comunicacións

Artigo 45. Libro oficial de rexistro

  1. As persoas ou entidades propietarias dos tanatorios, velorios, empresas funerarias, crematorios e cemiterios disporán dun libro oficial de rexistro de acordo co formato e cos datos que se especifican nos anexos VII a XI, respectivamente.
  2. Os libros oficiais de rexistro serán dilixenciados pola xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade da provincia correspondente. Para tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo VI (SA442A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, achegando o libro oficial de rexistro e o xustificante do pagamento das taxas (código da taxa 30.01.00), agás cando o pagamento desta se realice directamente a través da sede electrónica.
  3. Os libros oficiais de rexistro permanecerán custodiados baixo a responsabilidade da persoa titular do establecemento, empresa ou entidade, ou pola persoa designada por estas.
  4. Os libros oficiais de rexistro poderán ser controlados, en calquera momento, por requirimento das autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
  5. As persoas ou entidades titulares estarán obrigadas a cubrir os libros oficiais, cubrindo na súa totalidade os datos especificados en cada un dos seus puntos.

Artigo 46. Libros oficiais de rexistro en soporte informático

  1. As persoas ou entidades propietarias dos tanatorios, velorios e empresas funerarias, crematorios e cemiterios poderán utilizar libros oficiais de rexistro en soporte informático, que terán que ser dilixenciados ao rematar o exercicio correspondente pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade da provincia correspondente, en substitución dos libros oficiais de rexistro citados no artigo anterior.
  2. Para tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo VI (SA442A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, achegando o libro oficial de rexistro e o xustificante do pagamento das taxas (código da taxa 30.01.00), agás cando o pagamento desta se realice directamente a través da sede electrónica.

Artigo 47. Forma e presentación das declaracións responsables, solicitudes e comunicacións

  1. As declaracións responsables, solicitudes e comunicacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
  2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas que estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración conforme a normativa aplicable.
  3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
  4. Para a presentación das declaracións responsables, solicitudes ou comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
  5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as declaracións responsables, e solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 48. Documentación complementaria

  1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

  1. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración responsable, solicitude ou comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
  2. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 49. Comprobación de datos

  1. En relación coas declaracións responsables, solicitudes e comunicacións previstas neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións pública, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
  2. a) DNI/NIE da persoa declarante, solicitante ou comunicante.
  3. b) DNI/NIE da persoa representante.
  4. c) NIF da entidade declarante, solicitante ou comunicante.
  5. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar unha copia dos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
  6. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dunha copia dos documentos correspondentes.

Artigo 50. Trámites administrativos posteriores á presentación de declaración responsable, solicitudes ou comunicacións

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 51. Notificacións

  1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
  2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

  1. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
  2. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO XI

Infraccións e sancións

Artigo 52. Infraccións

  1. As infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo aos criterios de risco para a saúde, a contía do eventual beneficio obtido, o grao de intencionalidade, a gravidade da alteración sanitaria e social producida, a xeneralización da infracción e a reincidencia, de conformidade co previsto no artigo 40 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.
  2. Terán a consideración de infraccións, de acordo co disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as seguintes accións e omisións:
  3. a) Infraccións leves:

1º. O incumprimento da obriga das empresas funerarias de comunicar os traslados de cadáveres, restos cadavéricos ou restos humanos á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

2º. O incumprimento da obriga do dilixenciado e da levanza dos libros oficiais de rexistro establecidos nos artigos 45 e 46, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

3º. O incumprimento do establecido para os vehículos funerarios no artigo 15, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

4º. Non respectar nos tanatorios e velorios as condicións de temperatura ou ventilación e refrixeración establecidas para as zonas de exposición de cadáveres ou salas de tanatopraxia no artigo 27, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

5º. A inhumación de cadáveres, antes ou despois dos prazos establecidos, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

6º. A exposición dun cadáver nun lugar público distinto dos previstos neste decreto sen a previa presentación da declaración responsable regulada no artigo 12, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

7º. O incumprimento do establecido neste decreto para a exhumación de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

8º. A condución e traslado de cadáveres, restos cadavéricos e restos humanos en medios distintos dos recollidos no artigo 14, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

9º. O incumprimento dos demais requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación, e sempre que o dito incumprimento non estea tipificado como infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

  1. b) Infraccións graves:

1º. Carencia dos libros oficiais de rexistro, en formato físico ou electrónico, establecidos nos artigos 45 e 46, cando este incumprimento poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.l) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

2º. O incumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 25, 26, 27, 28, 29, 30 (control de contaminantes) e 31 (carencia de licenza ou falta de presentación de declaración responsable), para as empresas funerarias, tanatorios, velorios e crematorios, respectivamente, cando este incumprimento poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

3º. O incumprimento dos requisitos establecidos no presente decreto para cemiterios, cando este incumprimento poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

4º. Non respectar nos tanatorios e velorios as condicións de temperatura ou ventilación e refrixeración establecidas no artigo 27 para as zonas de exposición de cadáveres ou salas de tanatopraxia, cando poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que o dito incumprimento non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.l) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

5º. A inhumación de cadáveres, antes ou despois dos prazos establecidos, cando poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que o dito incumprimento non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

6º. A exposición dun cadáver nun lugar público distinto dos previstos neste decreto sen a previa presentación da declaración responsable regulada no artigo 12, cando poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que o dito incumprimento non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.l) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

7º. O incumprimento do establecido neste decreto para a exhumación de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos, cando poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexan constitutivas de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

8º. A condución e traslado de cadáveres, restos cadavéricos e restos humanos en medios distintos dos recollidos no artigo 14, cando poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que o dito incumprimento non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

9º. A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos doce meses, de acordo co previsto no artigo 42.bis.m) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

10º. A falta de colaboración ou a negativa a subministrar datos ou a facilitar información, ou a subministración intencionada de datos falsos, incorrectos ou incompletos ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios ou de investigación epidemiolóxica de gromos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación, cando non sexa constitutiva de infracción moi grave, de conformidade co previsto no artigo 42.bis.h) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

11º. A denegación de apoio, auxilio ou colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes, cando non sexa constitutivo de infracción moi grave, así como a resistencia ou a obstrución fronte ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no cumprimento ou execución daquelas actuacións que fosen exixibles de acordo con este decreto.

12º. O incumprimento dos requisitos establecidos neste decreto cando este incumprimento poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave.

13º. O incumprimento dos demais requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto, cando este incumprimento poida producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexa constitutivo de infracción moi grave, de conformidade co artigo 42.l) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

  1. c) Infraccións moi graves:

1º. O incumprimento dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa inhumación de cadáveres ou restos, cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación, de conformidade co previsto no artigo 43.bis.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

2º. O incumprimento dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa realización de prácticas de tanatopraxia, cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación, de conformidade co previsto no artigo 43.bis.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

3º. O incumprimento dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa condución e traslado de cadáveres sen o correspondente féretro, cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación, de conformidade co previsto no artigo 43.bis.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

4º. A denegación de apoio, auxilio ou colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes, así como a resistencia ou a obstrución fronte ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no cumprimento ou execución daquelas actuacións que fosen exixibles de acordo con este decreto, cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación.

5º. A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos, de conformidade co previsto no artigo 43.bis.g) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

6º. A denegación de apoio, auxilio ou colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes, así como a resistencia ou a obstrución fronte ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no cumprimento ou execución daquelas actuacións que fosen exixibles de acordo con este decreto, cando se produza un risco ou dano moi grave para a saúde da poboación.

7º. O incumprimento dos demais requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto, cando se produza un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación, de conformidade co artigo 43.bis.a) da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

Artigo 53. Medidas de adopción directa polos axentes das forzas e corpos de seguridade e medidas provisionais

  1. Será de aplicación o disposto no artigo 46.bis da Lei 8/2008, do 10 de xullo, sobre medidas de adopción directa polos axentes das forzas e corpos de seguridade.
  2. A adopción de medidas provisionais axustarase ao previsto nos artigos 46 e 46.ter da mesma lei.

Artigo 54. Sancións

A imposición de sancións axustarase ao previsto no artigo 44.bis da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

Artigo 55. Órganos competentes para a imposición de sancións

  1. Correspóndelle á Administración autonómica a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores polas infraccións que son obxecto de especificación neste decreto.
  2. Os órganos autonómicos competentes para o exercicio da potestade sancionadora son os determinados no artigo 45.bis da Lei 8/2008, do 10 de xullo.
  3. Corresponde aos concellos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores polas infraccións tipificadas neste decreto en canto á denegación de apoio, auxilio ou colaboración ás autoridades sanitarias e aos seus axentes, así como a resistencia ou a obstrución fronte ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes, cando as infraccións se cometan en relación coas autoridades sanitarias locais, cos seus axentes ou coa policía local.

Así mesmo, corresponderalles a instrución e resolución de expedientes sancionadores incoados pola comisión de infraccións que afecten ás áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario e, nomeadamente, as seguintes:

  1. a) Infracción do deber de comunicación de traslados, prevista no artigo 52.2.a).
  2. b) Infraccións en materia de exposición de cadáveres en lugar público, previstas no artigo 52, parágrafo 2, letras a) 6º e b) 6º.
  3. c) Infraccións en materia de falta de licenzas ou control de contaminantes, previstas no artigo 52.b) 2º.
  4. d) Infracción derivada da carencia do estudo hidroxeolóxico previsto no artigo 38, de conformidade co previsto no artigo 52, parágrafos a) 9º, b) 13º ou c) 7º, en función da existencia ou non de risco ou dano para a saúde da poboación.

De conformidade co previsto no artigo 45.bis.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, os órganos competentes da Administración autonómica, de acordo coas competenciais previstas para os expedientes sancionadores de competencia autonómica, asumirán a incoación, instrución e resolución dos procedementos sancionadores no suposto de falta de actuacións dos concellos ante as denuncias presentadas pola cidadanía ou derivadas das actuacións de inspección, unha vez instados a actuar polos órganos competentes da Comunidade Autónoma e transcorrido o prazo concedido, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes desde a recepción do requirimento, sen que se teña producido a notificación ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma da incoación do correspondente procedemento sancionador.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados previstos nos anexos poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Inscrición de oficio no Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia

Inscribiranse de oficio no Censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia, as empresas funerarias, tanatorios, velorios e crematorios autorizados na data de entrada en vigor do presente decreto, así como os que tivesen presentado no seu día a correspondente declaración responsable e teñan instalacións no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Adaptación das empresas e establecementos

  1. As empresas funerarias, tanatorios e velatorios existentes no momento da entrada en vigor deste decreto deberán axustarse ao aquí establecido no prazo dun ano a partir da data da súa entrada en vigor.
  2. Os crematorios existentes á entrada en vigor do presente decreto deberán axustarse ao establecido neste no prazo de dous anos a partir da data da súa entrada en vigor. Non obstante deberán presentar ao concello correspondente o estudo de dispersión de contaminantes das emisións esperadas no forno crematorio no prazo dun ano.
  3. Non será de aplicación o disposto no artigo 37 ás sepulturas existentes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria segunda. Procedementos en tramitación

Todos os procedementos sobre licenzas e de autorizacións presentadas antes da entrada en vigor do presente decreto rexeranse pola normativa de aplicación no momento en que se iniciaron, sen prexuízo do cumprimento en todo momento das condicións técnicas que poidan afectar a seguridade e saúde das persoas. Os interesados e interesadas poderán optar entre a continuación do procedemento ou a desistencia da solicitude, acolléndose ao previsto no presente decreto.

Disposición transitoria terceira. Crematorios preexistentes

As persoas titulares de crematorios existentes á entrada en vigor do presente decreto situados por baixo do raio de 200 metros a que se refire o artigo 28.2, deberán presentar ante o concello respectivo no prazo previsto na disposición transitoria primeira un estudo de dispersión de contaminantes das emisións esperadas no forno crematorio, utilizando modelos matemáticos recoñecidos por algún organismo internacional competente en materia de saúde e/ou ambiente.

Presentado o estudo, procederase do xeito previsto no artigo 28.3.

Disposición transitoria cuarta. Sepulturas

Non serán de aplicación ás sepulturas existentes á entrada en vigor deste decreto as condicións construtivas recollidas no artigo 37.

Disposición transitoria quinta. Réxime transitorio aplicable a determinados produtos e servizos

En tanto non se aproben as ordes de desenvolvemento establecidas neste decreto no relativo aos requisitos e características das padiolas de recollida de cadáveres, vehículos sanitarios, féretros e outros recipientes funerarios e nichos, continuará sendo de aplicación o disposto ao respecto no Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Queda derrogado o Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta.
  2. Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento e modificación de anexos

  1. Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, de conformidade co previsto no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
  2. Os anexos ao presente decreto poderanse modificar mediante orde da consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira en canto á actualización dos modelos normalizados, e sempre que as ditas modificacións non supoñan unha alteración da regulación contida naquel.
  3. A modificación no anexo I farase en función da evidencia científica dispoñible.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Relación de enfermidades infecciosas transmitidas por axentes patóxenos
que coa súa presenza cualifican aos cadáveres coma grupo I

  1. Carbúnculo.
  2. Difteria respiratoria.
  3. Enfermidades potencialmente transmisibles, de orixe coñecida ou descoñecida, que poden transmitirse de persoa a persoa e supoñan un risco relevante para a saúde pública
  4. Febres hemorráxicas víricas (por arbovirus, arenavirus, bunyavirus, filovirus, flavivirus, hantavirus e outros), así como febres hemorráxicas de orixe descoñecida.
  5. Febre Q.
  6. Peste pneumónica.
  7. Varíola.
  8. Encefalopatías esponxiformes transmisibles humanas.