Pagos Agencia Tributaria de GALICIA
DECRETO 95/2020, do 25 de xuño, polo que se regula o pagamento de recursos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia a través de entidades de crédito colaboradoras e mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal punto de venda.
O Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, regula a xestión recadatoria dos recursos de natureza pública en desenvolvemento da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e das demais leis que establezan aqueles.
Conforme o artigo 9 do dito regulamento, poderán actuar como entidades colaboradoras na recadación as entidades de crédito autorizadas por cada Administración, cos requisitos e co contido a que se refire o seu artigo 17. Así, o artigo 12.c) do mesmo regulamento prevé que os ingresos poidan efectuarse nas ditas entidades colaboradoras, o que se desenvolve nos seus artigos 17 a 19 e 29.
A intervención das entidades de crédito na xestión recadatoria non queda limitada, con todo, á súa posible condición de entidades colaboradoras autorizadas nos termos indicados. Así, o Regulamento xeral de recadación tamén prevé a posibilidade de ingresos a través de entidades de crédito que presten o servizo de caixa e de ingresos en contas restrinxidas abertas en entidades de crédito.
En coherencia co anterior, no ámbito autonómico, os artigos 21 e 91 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, prevén a posible recadación dos recursos da Facenda autonómica a través de entidades colaboradoras e en contas restrinxidas.
Por outra banda, o impulso do emprego de medios electrónicos foi obxecto de atención tanto na normativa xeral en materia de procedemento administrativo como na específica normativa tributaria.
Así, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu artigo 12.1, prevé que as administracións públicas deberán garantir que os interesados poidan relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que poñerán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que en cada caso se determinen. E, no que aquí interesa, o artigo 53.1.h) da dita lei recolle, entre os dereitos das persoas interesadas nun procedemento administrativo, o consistente en cumprir as obrigas de pagamento a través dos medios electrónicos previstos no artigo 98.2 da dita lei entre os que se atopa, na súa letra a), a tarxeta de crédito ou débito.
Por outra banda, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, regula no seu artigo 60 que o pagamento en efectivo das débedas tributarias poderá realizarse polos medios e na forma que regulamentariamente se establezan e engade que a normativa tributaria regulará os requisitos e condicións para que o pagamento poida efectuarse utilizando técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, e, na mesma liña, no seu artigo 96.2 dispón que, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a Administración tributaria, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir cos seus deberes a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento.
E o Regulamento xeral de recadación, tras recoller, no seu artigo 33.2, a posibilidade de pagamento das débedas por vía telemática, cando así estea previsto na normativa vixente, prevé expresamente, no seu artigo 34, a posibilidade de pagamento mediante tarxeta de crédito ou de débito, cos requisitos e condicións establecidos no regulamento e seguindo os procedementos que se dispoñan en cada caso. Por último, o artigo 36.4 do dito regulamento remite á Administración correspondente o establecemento das condicións para utilizar este medio de pagamento por vía telemática.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, atribúe a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, e exércense a través da Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) as funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público, de acordo co disposto no Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.
Actualmente, os progresos xerais tecnolóxicos e de mercado no ámbito dos pagamentos, en constante renovación, deu lugar á aparición de novos medios alternativos aos tradicionais, como son o uso xeneralizado de tarxetas de crédito ou débito que presentan a novidade da súa potencial utilización a través da internet mediante sistemas informáticos xestionados polas entidades financeiras (TPV virtual) ou mediante hardware asociado a un lector da tarxeta (datáfonos ou TPV físico).
Así, co obxecto de simplificar e facilitar o cumprimento das obrigacións de pagamento dos recursos xestionados pola Atriga, considérase conveniente, xunto á posibilidade de ingreso a través de entidades colaboradoras autorizadas, dar un paso máis no emprego de medios electrónicos posibilitando o pagamento de débedas utilizando para iso tarxetas de crédito ou de débito, en condicións de comercio electrónico, mediante a implantación dun sistema terminal punto de venda. Esta nova modalidade de pagamento xunto co feito de que na actualidade nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia non exista entidade colaboradora que asuma funcións en materia recadatoria conforme o previsto no artigo 2 do Decreto 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda, debido á resolución, de común acordo, dos convenios de colaboración subscritos para tal efecto, xustifican a aprobación dun novo decreto que derrogue aquel e que recolla un réxime actualizado.
O presente decreto está composto de tres artigos estruturados nun artigo primeiro relativo ao obxecto do decreto, un artigo segundo, que regula o pagamento das débedas tributarias e outros ingresos de dereito público xestionados pola Atriga a través das entidades de crédito colaboradoras na recadación, e un terceiro artigo relativo á posibilidade de realizar pagamentos con tarxeta de débito ou crédito mediante un sistema terminal punto de venda, o que requirirá a contratación dos correspondentes servizos e o uso de contas restrinxidas para o ingreso dos importes pagados a través deste medio. Conta, ademais, cunha disposición derrogatoria, en que se derroga expresamente o Decreto 104/2006, do 22 de xuño, e tres disposicións derradeiras, a primeira relativa á modificación da Orde do 2 de decembro de 2019, a segunda sobre a habilitación para o desenvolvemento normativo e a terceira sobre a entrada en vigor da norma.
Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento.
O seu contido adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de xuño de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O presente decreto ten por obxecto a regulación do pagamento dos recursos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) a través de entidades de crédito colaboradoras e mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal punto de venda.
Artigo 2. Ingresos xestionados pola Atriga a través de entidades colaboradoras na recadación
O pagamento das débedas tributarias e outros ingresos de dereito público xestionados pola Atriga poderá realizarse a través de calquera das entidades de crédito autorizadas por aquela para colaborar na recadación nos termos previstos na normativa aplicable e na correspondente autorización.
Artigo 3. Pagamentos con tarxeta de débito ou crédito mediante un sistema terminal punto de venda (TPV) físico ou virtual
1. O pagamento daquelas débedas tributarias e demais recursos xestionados pola Atriga que conforme a normativa vixente poida ser efectuado mediante tarxeta de crédito ou débito poderá efectuarse por este medio e en condicións de comercio electrónico seguro a través da oficina virtual da Atriga mediante un sistema de terminal punto de venda (TPV) virtual. Para os tributos xestionados de maneira presencial nas delegacións da Atriga, cuxa normativa permita o pagamento con tarxeta de crédito ou débito, o pagamento poderá ser efectuado mediante un terminal punto de venda (TPV) físico en calquera delas.
2. A aplicación do previsto no número anterior requirirá a contratación do correspondente servizo. Nos correspondentes pregos detallaranse as condicións de prestación do servizo con suxeición, en todo caso, ao disposto neste decreto e na restante normativa aplicable.
3. Os importes pagados deberán ingresarse en contas restrinxidas. As ditas contas clasificaranse conforme o previsto na disposición xeral 1.2 da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras. Para o ingreso do saldo das ditas contas observarase o procedemento regulado na disposición xeral segunda da citada orde.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Derrógase o Decreto 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda, e as demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto no presente decreto.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 2 de decembro de 2019 pola que se regula a xestión das contas bancarias onde se depositan os fondos integrantes da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia
1. Modifícase o artigo 11 da Orde do 2 de decembro de 2019 pola que se regula a xestión das contas bancarias onde se depositan os fondos integrantes da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
«1. Son contas restrinxidas de recadación as contas correntes destinadas á recadación dos tributos e demais ingresos de dereito público e privado a través de entidades colaboradoras, en que só se poden efectuar anotacións en concepto de aboamentos polas devanditas recadacións e en concepto de cargos, para o ingreso do saldo delas na conta da tesourería destinada á centralización destes cobramentos.
O réxime de funcionamento destas contas será o establecido na Orde do 21 de xuño de 2006, que regula os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.
2. Terán tamén a condición de contas restrinxidas de recadación as contas correntes destinadas á recadación dos tributos e demais recursos pagados mediante tarxeta de débito ou crédito a través dun sistema terminal punto de venda, nos termos previstos na normativa reguladora e nos correspondentes pregos de contratación. Nestas contas só se poden efectuar anotacións en concepto de aboamentos polas ditas recadacións e en concepto de cargos, para o ingreso do saldo delas na conta da tesouraría destinada á centralización destes cobramentos».
2. O precepto da Orde do 2 de decembro de 2019 que é obxecto de modificación nesta disposición poderá ser modificado posteriormente por orde.
Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento das previsións contidas neste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e cinco de xuño de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!