Contratación GALICIA
RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de abril de 2020, en relación coas medidas que deben adoptarse no período de vixencia da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria para a celebración de mesas de contratación e a realización doutros trámites necesarios en relación cos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico que deban continuar en aplicación da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do oito de abril de dous mil vinte, adoptou o seguinte acordo:
«Acordo do Consello da Xunta de Galicia en relación coas medidas que deben adoptarse no período de vixencia da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria para a celebración de mesas de contratación e a realización doutros trámites necesarios en relación cos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico que deban continuar en aplicación da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
- O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Posteriormente, na súa reunión do trece de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.
En virtude deste último acordo, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como para adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.
- Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no cal se adoptaron diversas medidas de protección da saúde pública, entre as que se atopan fortes restricións á mobilidade das persoas.
III. Mediante a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptaron medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.
Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, consonte o disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Porén, prevíase, en cumprimento tamén do establecido no dito real decreto, que o órgano competente pode acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.
Así mesmo, no referido acordo do Cecop adoptáronse unha serie de medidas que, no ámbito do sector público autonómico, contribúan á contención da enfermidade garantindo, ao mesmo tempo, o mantemento da prestación dos servizos esenciais. Neste sentido, disponse no acordo:
– Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalacións administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.
– O persoal que desempeñe funcións de carácter esencial deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos.
– Considéranse funcións de carácter esencial as desempeñadas polo persoal directivo, así como as vinculadas a funcións tales como a seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pagamento a provedores, habilitacións, gardaría forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e razas autóctonas, as propias do servizo de gardacostas de Galicia, servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades, servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental, servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.
- Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse, no BOE número 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.
- De acordo coas previsións do Acordo do Cecop do 15 de marzo de 2020 citado, e tendo en conta os medios técnicos postos á súa disposición en cumprimento do dito acordo, o persoal ao servizo do sector público autonómico con funcións relacionadas cos procedementos de adxudicación de contratos pode desempeñar a súa actividade en condicións de normalidade na modalidade de traballo non presencial, mediante o teletraballo ou o traballo a distancia.
- En relación cos procedementos de adxudicación dos contratos procede salientar que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2019, acordou a constitución do Nodo de contratación pública de Galicia, coa finalidade de impulsar o proceso de dixitalización da contratación pública. O Nodo de contratación pública de Galicia, que reforzou o uso de solucións dixitais no eido da contratación pública e, polo tanto, a transparencia neste eido, comprende basicamente a Plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG), o Sistema de licitación electrónica (Silex), o Sistema electrónico de facturación (SEF), o Rexistro Xeral de Contratistas (RXC) e o xestor de expedientes de contratación (Plation e Cadmo). No dito acordo determinouse que os sistemas que integran o Nodo de contratación pública de Galicia son de uso obrigatorio para a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
VII. Con data do 3 de abril de 2020 o Consello da Xunta adoptou senllos acordos relativos ao inicio, á continuación e á aprobación de expedientes de contratación e á continuación de procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico, tendo en conta as previsións da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
Cómpre adoptar, como complemento de tales acordos, outro sobre a realización de determinadas actuacións no seo dos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico respecto dos que se decida a súa continuación, buscando un equilibrio entre a continuación de tales actuacións e o necesario cumprimento das medidas de protección da saúde pública derivadas da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria.
VIII. Así, por unha banda, no que atinxe á actuación das mesas de contratación, dada a súa natureza xurídica de órganos colexiados, resúltanlles de aplicación, no que non se opoña á normativa contractual, os preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como a regulación ao respecto contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga), e, entre eles, os relativos ao uso de medios electrónicos. En concreto, conforme o artigo 17.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro:
“1. Todos os órganos colexiados poderanse constituír, convocar, celebrar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia, agás que o seu regulamento interno recolla expresa e excepcionalmente o contrario.
Nas sesións que celebren os órganos colexiados a distancia, os seus membros poderán atoparse en distintos lugares sempre e cando se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén tales os telefónicos, e audiovisuais, a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias”.
E conforme a redacción vixente do artigo 21 da Lofaxga:
“Artigo 21. Uso de medios electrónicos
- Os órganos colexiados desenvolverán a súa actividade nunha contorna dixital. A constitución dos ditos órganos colexiados, así como as comunicacións e a adopción de acordos realizaranse preferentemente por medios electrónicos, segundo o establecido na normativa básica sobre os órganos colexiados contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
- De acordo co artigo 17.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de medios electrónicos nos termos previstos no dito precepto.
- Os órganos colexiados poderán realizar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos consonte o previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
- As actas das sesións dos órganos colexiados e os certificados dos acordos constarán en documentos asinados electronicamente polas persoas que desempeñen a secretaría, a presidencia, ou ambas as dúas, segundo corresponda, e quedarán arquivadas electronicamente no Arquivo electrónico administrativo da Xunta de Galicia, con todas as garantías adecuadas para a súa autenticidade e conservación. Para a sinatura electrónica utilizaranse os sistemas previstos no artigo 73 da Lei reguladora da administración dixital de Galicia”.
Xunto ao anterior, naquelas actuacións das mesas de contratación que, conforme a normativa contractual, deban realizarse en acto público, cómpre artellar mecanismos que permitan a asistencia e, ao tempo, o cumprimento das medidas de restrición da mobilidade derivadas da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria.
- Por outra banda, de acordo co artigo 31 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, corresponde aos letrados da Xunta de Galicia “declarar a suficiencia, con carácter de acto administrativo, dos documentos xustificativos dos poderes ou facultades dos que actúen en representación doutros, e deberán expresar concretamente a súa eficacia en relación co fin para o que foron presentados”.
O documento de verificación de poder (bastanteo) pode ser validamente emitido por medios electrónicos, conforme as previsións normativas na materia contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e restante normativa aplicable, sempre que conste o pagamento da taxa correspondente, cuxa autoliquidación pode facerse na actualidade por medios electrónicos.
- Finalmente, debe terse en conta que o artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (de aplicación supletoria en materia de contratación pública, conforme o previsto na disposición derradeira cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014), establece que, como regra xeral, non se exixa a presentación de documentación orixinal ás persoas interesadas nos procedementos administrativos, sen prexuízo das facultades de comprobación que poidan ser necesarias.
Polo exposto, adóptase o seguinte
ACORDO:
- Medidas sobre a actuación das mesas de contratación nos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico, que deban continuar de acordo coas previsións da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, de xeito acorde coas restricións e garantías de protección da saúde pública derivadas da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria.
Coa finalidade de cumprir coas restricións e garantías de protección da saúde pública derivadas da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria, e, ao mesmo tempo, permitir o funcionamento do sector público autonómico nos termos permitidos polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, as mesas de contratación poderán celebrar as súas reunións a distancia, empregando medios electrónicos que garantan a identidade dos membros da mesa asistentes, o contido das súas manifestacións e o momento en que estas manifestacións se producen, a interactividade e a intercomunicación entre os membros da mesa en tempo real, así como a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.
No caso das actuacións das mesas de contratación que deban realizarse en acto público, proporcionarase acceso virtual ao correspondente acto público ás persoas interesadas que así o soliciten. Para estes efectos, poderase enviar aos licitadores unha invitación en que se indique a data e hora de celebración do acto público e un enlace para acceder ao dito acto público celebrado a distancia. Na invitación tamén deberán indicarse as canles de soporte tecnolóxico dispoñibles. A convocatoria, coa posibilidade de solicitar acceso virtual ás actuacións das mesas de contratación que deban realizarse en acto público, publicarase en todo caso no perfil do contratante, para garantir adecuadamente o principio de publicidade, durante o período de vixencia da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria.
Os órganos en cada caso competentes para o soporte tecnolóxico da Administración xeral ou entidades instrumentais do sector público autonómico aprobarán un protocolo para a celebración das mesas virtuais de contratación e de soporte tecnolóxico.
- Outras medidas que se adoptan en relación cos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico que deban continuar de acordo coas previsións da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
- a) Verificación da suficiencia de poderes (bastanteos).
Nos supostos en que os licitadores deban achegar unha verificación da suficiencia de poder (bastanteo) de acordo co previsto nos pregos que rexan a licitación e a normativa de contratos públicos, e non dispoñan dela por razón das restricións adoptadas como consecuencia da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria, poderán achegar no seu lugar os documentos xustificativos dos poderes ou facultades de representación acompañados da autoliquidación electrónica da taxa correspondente ao bastanteo ou verificación da suficiencia de poder. Neste caso, o letrado que asista á reunión da mesa de contratación en que se proceda a comprobar a documentación do licitador e, en concreto, a verificación da suficiencia de poder, poderá realizar nese acto a verificación da suficiencia de poder. Desta verificación deixarase constancia na acta correspondente que, por este motivo, deberá ser tamén asinada electronicamente polo letrado asistente á reunión da mesa celebrada a distancia.
- b) Presentación de documentación orixinal.
Coa finalidade de facilitar a tramitación dos procedementos de adxudicación de contratos do sector público autonómico durante o período de vixencia da declaración de estado de alarma e de situación de emerxencia sanitaria non se exixirá a presentación de documentos orixinais. A Administración reserva para si as facultades de comprobación da documentación achegada que, se é o caso, considere necesarias».
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020
Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!