Sede electrónica XUNTA GALICIA

DECRETO 25/2020, do 13 de febreiro, polo que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia.

[sc name=»secretario» ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es
I
O principio de boa administración debe presidir as actuacións das administracións públicas nas relacións coa cidadanía. Neste sentido, os medios electrónicos constitúen un instrumento idóneo para lograr unha boa administración na medida en que, como sinala a exposición de motivos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento integramente electrónico non só serve mellor aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos á cidadanía e ás empresas, senón que tamén reforza as garantías das persoas interesadas.
Un elemento esencial no funcionamento electrónico das administracións públicas e nas súas relacións coa cidadanía é a sede electrónica. No ámbito autonómico, a sede electrónica da Xunta de Galicia foi creada e regulada polo Decreto 198/2010, do 4 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Actualmente, a regulación desta sede electrónica recóllese na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia. Conforme o artigo 16 da dita lei, a sede electrónica da Xunta de Galicia é o enderezo electrónico dispoñible para a cidadanía nos termos establecidos no artigo 38 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. O seu ámbito de aplicación abrangue o conxunto de órganos e entidades que configuran o sector público autonómico de Galicia.
Desde a súa posta en marcha, a sede electrónica foi ampliando o conxunto de trámites e procedementos postos á disposición da cidadanía a través dela ata chegar a constituír un servizo fundamental no funcionamento ordinario do sector público autonómico.
Para que o emprego de medios electrónicos poida efectivamente contribuír á boa administración e non ser fonte de obstáculos a esta, é necesario que a xeneralización do emprego de tales medios nas relacións da cidadanía coa Administración vaia acompañada de solucións normativas para os supostos en que tales medios fallen.
En relación con este aspecto, xa con anterioridade á Lei 39/2015, do 1 de outubro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia se recolleron algunhas previsións ao respecto. Así, no artigo 11.4 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, e no artigo 36.4 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, preveuse que, no suposto de interrupción non planificada no funcionamento do Rexistro Electrónico, a persoa usuaria que accedese a este debía visualizar unha mensaxe almacenable e imprimible na cal se comunicase esta circunstancia con expresión da data e hora, que serviría de constancia documental para a presentación da solicitude, escrito ou comunicación. Nos supostos en que fose tecnicamente posible, o intento de presentación consideraríase válido, en cuxo caso se requiría a persoa interesada para que emendase a súa solicitude.
Estas previsións normativas, no entanto, amosáronse insuficientes para facer fronte aos diversos supostos xurdidos na práctica.
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, recolle unha regra específica sobre a materia. Así, dentro da regulación da ampliación de prazos, introdúcese unha nova causa no número 4 do artigo 32 desa lei, conforme o cal, cando unha incidencia técnica imposibilitase o funcionamento ordinario do sistema ou aplicación que corresponda, e ata que se solucione o problema, a Administración poderá determinar unha ampliación dos prazos non vencidos e deberá publicar na sede electrónica tanto a incidencia técnica acontecida como a ampliación concreta do prazo non vencido.
Así mesmo, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 104.2, respecto dos procedementos cuxa tramitación e resolución sexan da competencia do sector público autonómico, que regulamentariamente se establecerá o réxime de ampliación dos prazos aplicable e a emisión de certificados acreditativos da indispoñibilidade, no caso de incidencias técnicas non planificadas que imposibiliten o funcionamento ordinario do sistema ou da aplicación que corresponda. O artigo prevé, ademais, que se exceptuarán dese réxime aqueles procedementos que teñan unha normativa específica que resulte incompatible con él.
No caso de incidencias técnicas no funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia, pode verse afectado o exercicio de dereitos da cidadanía cando estes estean vinculados a prazos xa vez que, como se indicou antes, a sede electrónica dá acceso ao Rexistro Electrónico para a presentación electrónica de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos, de aí a importancia de conseguir que tales incidencias, de producirse, teñan a menor repercusión posible no exercicio de dereitos. Agora ben, a posibilidade de que, nestes casos e tratándose de incidencias técnicas non planificadas, se acorde ad hoc, e respecto de cada procedemento en concreto, a ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos antes do vencemento de tales prazos resulta practicamente imposible nos supostos en que esas incidencias se produzan no último día do prazo, tendo en conta que o Rexistro Electrónico permite a presentación de documentos todos os días do ano durante as vinte e catro horas, tal e como prescriben o artigo 31 da Lei 39/2015, do 1 de outubro; o artigo 29.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, e os artigos 36.3 e 43 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro.
O presente decreto responde así á necesidade de establecer, en exercicio das competencias autonómicas atribuídas polos artigos 27.5 e 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia en materia de procedementos administrativos que deriven do específico dereito galego e da organización propia dos poderes públicos galegos e de desenvolvemento normativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime xurídico da Administración pública galega, con carácter xeral e imperativo respecto dos procedementos administrativos de competencia autonómica, unha ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos nos supostos de produción de incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia cando tales incidencias afecten o día de vencemento do dito prazo. Todo iso na procura de incrementar a seguridade xurídica da actuación administrativa, de facilitar as relacións electrónicas da Administración coa cidadanía con plena garantía dos seus dereitos e de mellorar a xestión e a transparencia. Procede, porén, exceptuar do ámbito de aplicación da norma aqueles procedementos cuxa normativa específica resulte incompatible coa posibilidade de ampliacións dos prazos previstos como os casos en que na normativa exista precepto en contrario.
A duración desta ampliación fíxase en vinte e catro horas hábiles, atendido o lapso temporal necesario, na práctica totalidade dos casos, para a solución de incidencias técnicas que poidan presentarse. Non obstante, no caso de que, por circunstancias excepcionais e debidamente motivadas, se aprecie que a incidencia persistirá máis aló do dito prazo, mantense a posibilidade de que, respecto de cada procedemento, o órgano en cada caso competente valore a adopción dun acordo ad hoc de ampliación.
Polo demais, sen prexuízo da publicación, tanto da incidencia técnica acontecida como da ampliación de prazos, tanto na sede electrónica da Xunta de Galicia como na intranet corporativa (esta última é unha publicidade adicional á prevista na Lei 39/2015, do 1 de outubro), prevese no decreto que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa condición de entidade pública instrumental do sector público autonómico responsable da xestión tecnolóxica da sede electrónica da Xunta de Galicia, expida un certificado en que se constate a incidencia técnica producida e os prazos obxecto de ampliación; deberán incorporar unha copia deste certificado aos expedientes administrativos os órganos ou unidades administrativas responsables da súa tramitación.
II
En canto á estrutura do decreto, este consta de catro artigos, unha disposición transitoria única, unha disposición derrogatoria única e tres disposicións derradeiras.
Nos artigos 1 e 2 regúlanse, respectivamente, o obxecto da norma e o seu ámbito de aplicación; e nos artigos 3 e 4 recóllense as previsións concretas sobre os termos en que se producirá a ampliación de prazos, o modo en que debe deixarse constancia de tal ampliación nos expedientes administrativos afectados e sobre a publicidade que debe darse á incidencia técnica producida e á ampliación de prazos producida.
Na disposición transitoria única prevese a aplicación do novo réxime, no caso de que concorran os presupostos para a súa aplicación, a prazos iniciados pero non vencidos no momento da entrada en vigor deste decreto, co fin de que a salvagarda do exercicio de dereitos pola cidadanía que persegue a nova norma sexa aplicable sen dilación.
Na disposición derrogatoria única prevese a derrogación de todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.
En canto ás disposicións derradeiras, na primeira recóllese a modificación do número 4 do artigo 36 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, co fin de que o disposto nel garde coherencia coa regulación contida no presente decreto. Así, coa nova redacción dada a este precepto, diferénciase a interrupción do funcionamento do Rexistro Electrónico planificada e a non planificada e, neste último caso, inclúese expresamente a remisión ao presente decreto para o caso en que tal interrupción se deba a incidencias técnicas producidas no día de vencemento do prazo fixado para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos. No caso de interrupción non planificada por outras incidencias técnicas, prevese unha remisión ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de xeito que, en tales casos, ao non afectar a incidencia técnica o último día do prazo, poderá adoptarse, de considerarse necesario, o correspondente acordo de ampliación por parte do órgano competente.
A disposición derradeira segunda recolle unha habilitación para o desenvolvemento normativo e na disposición derradeira terceira prevese a entrada en vigor da disposición o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ao concorreren razóns xustificadas de perentoriedade que demandan a inmediata entrada en vigor da norma, como é ofrecer á cidadanía as máximas garantías no exercicio dos seus dereitos a través de medios electrónicos.
III
Na tramitación deste decreto seguiuse o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cumpríronse, así mesmo, os trámites previstos na normativa en materia de transparencia.
Ademais, o presente decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responder as medidas previstas nel á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao recollerse na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación e terse promovido durante a súa tramitación a participación cidadá en cumprimento do principio de transparencia, e, finalmente, ao introducirse a través del, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.
Na súa virtude, por proposta conxunta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do conselleiro de Facenda, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de febreiro de dous mil vinte
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto a regulación da ampliación de prazos non vencidos para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Este decreto é de aplicación a procedementos administrativos cuxa tramitación e resolución sexan de competencia de órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
2. Exceptúanse os procedementos administrativos especiais cuxa normativa específica resulte incompatible coas previsións contidas neste decreto.
Artigo 3. Ampliación do prazo para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas
1. O prazo para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos ampliarase automaticamente vinte catro horas hábiles, contadas a partir da súa finalización, cando se produza unha incidencia técnica non planificada no día de vencemento do prazo que imposibilite o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. No caso de que se produza unha incidencia na sede electrónica que dea lugar á ampliación de prazos segundo o establecido no número anterior, a entidade pública instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de administración electrónica expedirá un único certificado en que se constate a incidencia acontecida e a ampliación de prazos producida, con referencia aos procedementos afectados por tal ampliación.
3. Os órganos ou unidades administrativas responsables da tramitación dos procedementos afectados pola ampliación de prazos incorporarán unha copia do devandito certificado aos correspondentes expedientes para deixar constancia desta circunstancia.
4. Unha vez ampliado o prazo nos termos do número 1 deste artigo, para o caso de que se prevexa que a incidencia técnica poida persistir máis aló daquelas vinte e catro horas hábiles, o órgano competente respecto de cada procedemento poderá acordar, de xeito expreso e motivado, unha ampliación do prazo nos termos do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 4. Publicidade
A ampliación regulada neste decreto será obxecto de publicidade mediante un anuncio publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia e na intranet corporativa, no cal se indicará a incidencia técnica acontecida e a ampliación de prazos producida con referencia aos procedementos afectados por tal ampliación.
Disposición transitoria única. Prazos iniciados e non vencidos no momento da entrada en vigor do presente decreto
O presente decreto será de aplicación, cando concorran as circunstancias nel descritas, aos prazos de presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos iniciados e que non se atopen vencidos no momento da súa entrada en vigor.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto no presente decreto.
Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia
O número 4 do artigo 36 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:
«4. O funcionamento do Rexistro Electrónico soamente se poderá interromper de maneira planificada por motivos xustificados de carácter técnico, operativo ou relativos ao seu mantemento, e polo tempo mínimo posible. Esta interrupción terase que anunciar ás persoas interesadas coa máxima antelación posible, así como os efectos da interrupción, con indicación expresa, se é o caso, da prórroga dos prazos de inminente vencemento que se tivese acordado.
En procedementos administrativos de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, no caso de interrupción non planificada motivada por incidencias técnicas que imposibilitasen o funcionamento ordinario do Rexistro Electrónico, poderá acordarse a ampliación de prazos nos termos previstos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De producirse tales incidencias no día de vencemento do prazo fixado para a presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos, estarase ao disposto no Decreto 25/2020, do 13 de febreiro, polo que se regula a ampliación dos prazos de presentación de solicitudes, recursos administrativos, escritos, comunicacións e documentos no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o funcionamento ordinario da sede electrónica da Xunta de Galicia».
Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa
Facúltanse as persoas titulares da consellería competente en materia de administración electrónica e da consellería competente en materia de administracións públicas para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e ás materias propias dos seus respectivos departamentos.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Boqueixón, trece de febreiro de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.