Augas termais de GALICIA

LEI 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

[sc name=»secretario» ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es

Exposición de motivos
I
Galicia é unha das rexións de Europa con maior riqueza en augas minerais e termais. Na actualidade é a comunidade autónoma líder en España en canto á oferta termal. Os seus 21 balnearios, con máis de tres mil prazas hostaleiras, representan ao redor do 20 % dos establecementos nacionais e reciben anualmente preto de cento cincuenta mil persoas usuarias. Boa parte dos trescentos mananciais de augas mineromedicinais existentes en Galicia son augas termais, segundo a lexislación, ao contaren estas augas cunha temperatura superior en máis de catro graos centígrados á media anual do lugar no que emerxen. Delas, só unha pequena parte se poden considerar augas hipertermais, segundo os criterios de aplicación terapéutica, que exixen unha temperatura superior aos 37 graos centígrados.
As augas termais, ademais de seren utilizadas polos balnearios con fins terapéuticos, poden ser aproveitadas para outras finalidades, e desde finais do século XX creceu en todo o mundo a demanda do uso non terapéutico das augas mineromedicinais e termais. Estas novas demandas no uso lúdico das augas termais, unha «nova cultura» no aproveitamento dos recursos termais, experimentaron un extraordinario desenvolvemento nalgunhas zonas de España e, especialmente, en Galicia. Por este motivo, debido á súa elevada demanda, proliferaron novos proxectos turísticos ao redor das augas termais con obxectivos non terapéuticos nin preventivos, senón cunha finalidade lúdica, de diversión e esparexemento. De feito, na actualidade, este sector de actividade presenta outras potencialidades asociadas ao benestar e lecer das persoas, asumindo polo tanto un papel fundamental na industria do turismo.
Acontece, polo tanto, que na actualidade na Comunidade Autónoma de Galicia existen estes novos tipos de establecementos relacionados co aproveitamento e uso lúdico de augas termais, que, aínda que se consolidan como focos de atracción turística, carecen das condicións establecidas legalmente para seren considerados balnearios e non dispoñen de regulamentación específica e actualizada.
Doutra banda, constátase que a maior parte dos recursos hidrominerais e termais susceptibles de seren aproveitados para a actividade termal e o termalismo localízanse en rexións do interior da comunidade autónoma, para as que esta nova demanda é de innegable interese, por constituír unha vía de desenvolvemento local ou rexional mediante a xeración de investimento e emprego.
Ademais, atopámonos cun número considerable e crecente de persoas usuarias desas instalacións que depositan a súa confianza na existencia dunha garantía sanitaria e na legalidade destes establecementos, que non perseguen fins terapéuticos. Para poder garantir as ditas condicións, faise necesario dispoñer dun instrumento lexislativo que permita regular e ordenar o sector, por outra banda tan diversificado e singular.
Respondendo a estes obxectivos, apróbase esta Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.
II
A dita norma dítase principalmente con base na competencia exclusiva que, en materia de augas minerais e termais, se lle recoñece á Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 27.14 do Estatuto de autonomía de Galicia, pero tamén en exercicio das competencias exclusivas que lle corresponden en materia de procedementos administrativos que deriven do específico Dereito galego, promoción e ordenación do turismo, promoción da adecuada utilización do ocio e medio ambiente (artigo 27, números 5, 21, 22 e 30, do Estatuto de autonomía de Galicia) e mais en exercicio das competencias de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de concesións administrativas e réxime mineiro e en materia de sanidade (artigo 28, números 2 e 3, e artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia).
O exercicio das ditas competencias autonómicas lévase a cabo dentro do necesario respecto á competencia estatal en materia de bases de réxime mineiro. A este respecto, convén salientar que, aínda que nin a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, nin o Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, regulan especificamente o aproveitamento lúdico das augas termais, tampouco o exclúen.
Polo tanto, sobre esta base, e con fundamento nas competencias autonómicas citadas, abórdase a regulación de tal aproveitamento.
Coa aprobación desta lei compleméntase ademais a regulación contida na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
III
Esta lei consta de corenta artigos, distribuídos en catro títulos, tres disposicións transitorias, cinco disposicións derradeiras e un anexo.
O título I, relativo ás disposicións de carácter xeral, define o obxecto da lei e as finalidades que persegue e determina os conceptos técnicos precisos para facilitar a súa aplicación. Neste sentido, debe partirse do establecemento previo dunha clara e fundamental distinción: a que procede realizar entre os «espazos termais», considerados como aquelas instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais, e os «establecementos balnearios», obxecto de regulación específica na referida Lei 5/1995, do 7 de xuño, e caracterizados pola aplicación, con fins terapéuticos, das augas mineromedicinais e termais. No concepto xenérico de «espazos termais» aínda convén singularizar aquelas instalacións agrupadas baixo o termo legal de «piscina termal de uso lúdico».
Ao longo do título II establécese o réxime xurídico do novo aproveitamento lúdico, sendo condición para este tipo de aproveitamento que as augas dispoñan da declaración de termais. A este respecto, cómpre remarcar que, pese a ser a soa declaración de augas termais aptas para o uso lúdico a declaración especificamente habilitante para o aproveitamento lúdico, este permitirase condicionadamente tamén respecto de augas termais que á súa vez fosen declaradas aptas para o uso terapéutico e respecto de augas que dispoñan da dobre declaración de termais e mineromedicinais. O feito de que habitualmente as mesmas augas compartan a condición de termais e mineromedicinais, unido á constatada suficiencia do recurso no territorio, explica o referido alcance do aproveitamento lúdico.
En canto á regulación procedemental necesaria para o outorgamento do título habilitante para o aproveitamento lúdico, distínguense dous procedementos intimamente vinculados, sendo o primeiro, o de declaración de augas termais, presuposto do segundo, o de estrito outorgamento do título de aproveitamento. En canto ao procedemento de declaración, a norma contén unha regulación mínima. O segundo procedemento está dirixido a ordenar os trámites precisos para outorgar, mediante o preceptivo título autorizatorio ou concesional, o correspondente aproveitamento lúdico das augas termais. A este respecto, son as persoas propietarias dos terreos onde emerxan as augas, ou as terceiras persoas que acrediten a dispoñibilidade dos terreos, as persoas lexitimadas para solicitar o preceptivo título de aproveitamento. Este particular réxime de titularidade do aproveitamento lúdico, diferenciado do previsto para o aproveitamento terapéutico en establecementos balnearios, considérase acorde coa utilidade pública que se aprecia respecto deste novo tipo de aproveitamento. Outra singularidade que convén destacar é o establecemento de previsións para tratar de compatibilizar os novos aproveitamentos lúdicos cos establecementos balnearios e os seus perímetros de protección.
Logo de regulada a tramitación do procedemento para o outorgamento do título habilitante, inclúense previsións relativas á súa eficacia e vixencia e mais á suspensión e caducidade, así como á modificación e transmisión daquel.
Por outra parte, prevese que a persoa titular da autorización ou concesión se someterá ao réxime de dereitos e obrigas legalmente previsto, debendo destacarse, en particular, a necesidade de que pola súa banda se asegure a satisfacción das condicións hixiénico-sanitarias aplicables aos espazos termais e ás piscinas termais de uso lúdico. En tal sentido, en tanto que a normativa existente en materia de piscinas constituirá o marco de referencia destas últimas instalacións, o resto dos espazos termais axustarase ás singularidades que regulamentariamente se establezan de acordo coa habilitación normativa prevista na lei.
No título III establécense previsións para harmonizar o novo aproveitamento lúdico das augas termais co tradicional uso terapéutico. Así, ante a posibilidade de que unhas mesmas augas termais sexan susceptibles de aproveitamento terapéutico ou de aproveitamento lúdico, condiciónase o aproveitamento lúdico a que resulte excluída a posibilidade do aproveitamento terapéutico con base na falta de exercicio dos dereitos preferentes e na ausencia de convocatoria pola Administración do concurso público previsto para o aproveitamento terapéutico. Por outra parte, recoñécese a posibilidade de compatibilizar o aproveitamento terapéutico e o lúdico das augas termais procedentes dunha única emerxencia cando se cumpran os requisitos sinalados na norma.
No último título, o IV, establécese o réxime de inspección e sanción, resultando especialmente destacable a tipificación de infraccións e sancións específicas do ámbito do aproveitamento lúdico das augas termais.
Finalmente, a lei establece, na disposición transitoria primeira, o procedemento para a regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes; nas disposicións transitorias segunda e terceira, previsións para garantir a aplicabilidade da norma mentres non se aproban os modelos normalizados de solicitudes e mentres non se dita o desenvolvemento regulamentario en materia de condicións hixiénico-sanitarias; nas disposicións derradeiras primeira e segunda, modificacións da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; e nas disposicións derradeiras terceira, cuarta e quinta, regras relativas ao dereito supletorio, habilitación normativa e entrada en vigor.
Por último, incorpórase como anexo a relación detallada da documentación técnica que debe acompañar a toda solicitude de aproveitamentos lúdicos.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Esta lei ten por obxecto a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais en harmonía co seu aproveitamento terapéutico e coa valorización patrimonial e cultural. Afecta aquelas augas termais cuxo lugar de nacemento ou afloramento estea situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Finalidades
As finalidades da lei son:
a) Velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos lúdicos das augas termais.
b) Garantir a sustentabilidade ambiental das augas termais para os efectos de evitar a súa degradación, en canto á súa calidade, e a súa redución, en canto á súa cantidade, a consecuencia dun uso inconveniente ou irracional do devandito recurso.
c) Protexer a integridade das augas termais como recurso natural, patrimonial, cultural, industrial, turístico e lúdico.
d) Promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden as augas termais.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos do disposto nesta lei, enténdese por:
a) Augas termais: aquelas nas que a temperatura de xurdimento sexa superior, cando menos, en catro graos centígrados á media anual do lugar no que nazan, conforme dispón a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Aproveitamento lúdico das augas termais: utilización das ditas augas con fins recreativos ou de lecer en espazos termais e piscinas termais de uso lúdico.
c) Espazos termais: instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais.
d) Piscina termal de uso lúdico: tipo de espazo termal que reúne as características e os requisitos técnicos para a súa consideración como piscina de acordo co previsto no Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas.
e) Emerxencia natural: aquela que brota de xeito natural na superficie, sen necesidade de intervención humana, especialmente sen necesidade de captación, perforación e bombeo.
TÍTULO II
Réxime xurídico do aproveitamento lúdico das augas termais
CAPÍTULO I
Declaración de augas termais
Artigo 4. Necesidade de declaración termal das augas
1. Para o aproveitamento lúdico das augas termais será condición previa que as augas dispoñan da declaración de augas termais, conforme dispón a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A declaración de augas termais aptas para o aproveitamento lúdico é a declaración específica para este aproveitamento.
3. O aproveitamento lúdico será tamén posible respecto de augas que dispoñan da declaración de augas termais aptas para usos terapéuticos, consonte a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e respecto de augas que dispoñan da dobre declaración de termais e mineromedicinais para usos terapéuticos. En ambos os casos o aproveitamento lúdico estará amparado na declaración termal das augas e só será posible nos termos do establecido no artigo 26.
Artigo 5. Procedemento de declaración de augas termais aptas para o aproveitamento lúdico
1. A declaración de augas termais aptas para o aproveitamento lúdico será realizada pola persoa titular da consellaría competente en materia de minas, por instancia das persoas lexitimadas para o aproveitamento lúdico ás que se refire o artigo 6.
2. Para a instrución do procedemento serán preceptivos o informe da consellaría competente en materia de sanidade e o informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
3. A resolución notificaráselles ás persoas interesadas e publicarase no Diario Oficial de Galicia.
4. Na tramitación do procedemento serán aplicables as previsións contidas nos artigos 4 a 8 do Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 402/1996, do 31 de outubro, en tanto non resulten incompatibles co disposto nesta lei.
CAPÍTULO II
Aproveitamento lúdico das augas termais
Sección 1ª. Condicións xerais para o aproveitamento lúdico
Artigo 6. Título habilitante
Para o aproveitamento lúdico das augas termais deberá obterse a correspondente autorización ou concesión por parte das persoas propietarias dos terreos onde se atopen as augas ou daquelas persoas que acrediten, mediante título xurídico suficiente, a dispoñibilidade dos ditos terreos.
Artigo 7. Aproveitamentos lúdicos en perímetros de protección de establecementos balnearios
1. As persoas titulares de autorizacións ou concesións para usos terapéuticos en establecementos balnearios terán dereito ao aproveitamento das augas termais que se encontren dentro do perímetro de protección fixado nas ditas autorizacións ou concesións, con suxeición ao establecido na normativa básica.
2. Se dentro do dito perímetro de protección as persoas ás que se refire o artigo 6, distintas das persoas ás que se alude no número 1 deste artigo, solicitan un título habilitante para o aproveitamento lúdico a partir dunha emerxencia natural, daráselle audiencia á persoa titular da autorización ou concesión para que manifeste:
a) Se os traballos ou actividades que comporte o dito aproveitamento lúdico prexudican ou non o normal aproveitamento das augas obxecto da autorización ou concesión outorgada para usos terapéuticos en establecementos balnearios.
b) A súa vontade de exercer ou non o dereito ao aproveitamento de tales augas.
No caso de que, non quedando acreditado o prexuízo previsto na letra a), a persoa titular da autorización ou concesión rexeite exercer o seu dereito de aproveitamento, outorgaráselle á persoa solicitante o aproveitamento lúdico, de se cumpriren os restantes requisitos aplicables conforme o disposto nesta lei.
3. Dentro do dito perímetro de protección non están permitidos ás persoas ás que se refire o artigo 6, distintas das persoas ás que se alude no número 1 deste artigo, os aproveitamentos lúdicos a partir de emerxencias artificiais.
Sección 2ª. Procedemento para o outorgamento do título habilitante
Artigo 8. Solicitude
1. Para o aproveitamento lúdico das augas termais deberase solicitar a oportuna autorización ou concesión administrativa, segundo corresponda.
2. A solicitude, conforme o modelo normalizado que se aprobe, dirixirase á consellaría competente en materia de minas, e irá acompañada da seguinte documentación:
a) O título que acredite a dispoñibilidade sobre os terreos afectados.
b) Un proxecto xeral de aproveitamento subscrito por técnico/a competente comprensivo das especificacións previstas no anexo.
c) Un estudo xustificativo da necesidade do perímetro de protección, que deberá conter as especificacións previstas no anexo, e que non poderá exceder un radio de 300 metros, agás que por causas excepcionais e debidamente xustificadas quede acreditada a necesidade dun perímetro de protección superior.
d) A documentación que xustifique as solvencias económica e técnica da persoa solicitante, de conformidade co previsto no artigo 18.1.c) da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.
e) Un certificado municipal relativo á situación urbanística dos terreos afectados.
f) A documentación exixida pola normativa aplicable en materia de avaliación ambiental, no caso de proxectos que deban someterse á dita avaliación, observándose, en tal caso, os trámites previstos na dita normativa.
g) Un informe sobre o impacto sociolaboral do proxecto xeral de aproveitamento.
h) Un plan de peche, restauración e abandono.
i) Calquera outra documentación establecida regulamentariamente.
3. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados nesta lei, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución.
Artigo 9. Instrución
1. Logo de presentada a solicitude, o procedemento impulsarase de oficio en todos os seus trámites.
2. Abrirase un período de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría correspondente. Durante o mesmo prazo daráselles audiencia ás persoas interesadas, singularmente ás que teñan dereitos que poidan resultar afectados pola decisión que se adopte.
3. O órgano instrutor solicitaralles os informes preceptivos, así como aqueloutros que xulgue necesarios, aos órganos en cada caso competentes para a súa emisión.
4. En todo caso, solicitaranse os seguintes informes, que terán carácter preceptivo e vinculante:
a) Informe da consellaría competente en materia de sanidade.
En particular, o informe versará sobre os criterios técnico-sanitarios da calidade das augas e sobre as condicións de salubridade que as instalacións deberán cumprir en todo momento durante a vixencia do título administrativo.
b) Informe da Administración hidráulica correspondente.
c) Informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.
d) Informe do municipio no que se proxecte o aproveitamento pretendido sobre a adecuación do dito aproveitamento á normativa urbanística e sobre a adecuación á normativa das características construtivas do vaso e do resto das instalacións existentes, de acordo coa normativa que resulte aplicable.
O dito informe poderá estenderse a outros aspectos de competencia municipal, aínda que só terá carácter vinculante, para os efectos da resolución do procedemento, o pronunciamento sobre os aspectos indicados no parágrafo anterior.
e) Informe do órgano da administración correspondente respecto do cumprimento do establecido na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
5. En todo caso, solicitaranse os seguintes informes, que terán carácter preceptivo e non vinculante:
a) Informe da consellaría competente en materia de medio rural.
b) Informe da consellaría competente en materia de turismo.
6. No caso de proxectos sometidos a avaliación ambiental, observarase o previsto na dita normativa.
7. Así mesmo, durante a fase de instrución realizaranse os actos de comprobación e inspección que sexan precisos para a fixación do perímetro de protección.
Artigo 10. Resolución
1. O procedemento finalizará mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de minas.
2. A resolución de outorgamento da autorización ou concesión de aproveitamento lúdico das augas termais terá o seguinte contido mínimo:
a) A denominación da instalación como «Espazo termal de/Piscina termal de uso lúdico de».
b) O prazo de vixencia da autorización ou concesión e as condicións para a solicitude da súa prórroga.
c) O prazo de inicio do aproveitamento.
d) A delimitación dun perímetro de protección que garanta a protección do acuífero en cantidade e calidade e o normal aproveitamento lúdico obxecto de autorización ou concesión.
e) A obriga de acreditar a dispoñibilidade da garantía financeira precisa e do preceptivo seguro de responsabilidade civil.
f) As medidas que deberán ser adoptadas para a protección do aproveitamento.
g) Se é o caso, as actuacións que a persoa titular da autorización ou concesión deberá realizar para os efectos de compatibilizar o aproveitamento lúdico co propio dos establecementos balnearios.
h) As medidas relativas ao peche definitivo, restauración e abandono da instalación.
i) Os condicionantes sanitarios, ambientais ou doutro tipo determinados nos informes sectoriais emitidos que teñan carácter preceptivo e vinculante.
j) As condicións que o órgano mineiro competente para resolver impoña para o aproveitamento obxecto de autorización ou concesión.
3. A resolución do procedemento deberá ditarse e notificarse no prazo máximo de doce meses e será obxecto de notificación ás persoas interesadas e de publicación no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que fose notificada a resolución expresa, a solicitude de aproveitamento lúdico deberase entender desestimada por silencio administrativo.
4. Así mesmo, practicarase de oficio a inscrición do aproveitamento no Rexistro de augas minerais, termais e de manancial da consellaría competente en materia de minas.
Artigo 11. Garantía financeira
No prazo dun mes, contado desde a notificación da resolución, a persoa titular da autorización ou concesión deberá acreditar que dispón dunha garantía suficiente, nos termos do disposto no artigo 32 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.
Artigo 12. Seguro de responsabilidade civil
Igualmente, no indicado prazo dun mes, contado desde a notificación da resolución, a persoa titular da autorización ou concesión deberá acreditar que dispón dun seguro de responsabilidade civil, para os efectos de facer fronte aos danos que se poidan causar ás persoas, aos animais, aos bens ou ao medio ambiente. Aplicaráselle ao devandito seguro o previsto no artigo 33 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.
Artigo 13. Prazo de inicio do aproveitamento e plan cuadrienal
1. A persoa titular da autorización ou concesión estará obrigada a iniciar o aproveitamento no prazo dun ano, contado desde a data de notificación da resolución de outorgamento da autorización ou concesión de aproveitamento lúdico.
2. A devandita persoa titular presentará ao órgano mineiro competente na vixilancia do aproveitamento, dentro do mes de xaneiro e con carácter cuadrienal, un plan de aproveitamento, cuxo obxecto será o seguimento do aproveitamento realizado pola persoa titular. O primeiro plan deberá presentarse dentro do mes de xaneiro do cuarto ano posterior ao do outorgamento da concesión ou autorización de aproveitamento. Ao referido plan seralle aplicable o previsto no artigo 19 do Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 402/1996, do 31 de outubro,
Sección 3ª. Eficacia e vixencia do título habilitante
Artigo 14. Efectos administrativos do título habilitante
As autorizacións e concesións reguladas nesta lei terán unicamente efectos de carácter administrativo, deixando a salvo os dereitos e as obrigas de carácter civil. Así mesmo, non eximen a persoa titular da autorización ou concesión de aproveitamento lúdico da obtención das autorizacións e licenzas de competencia doutros órganos ou administracións.
Artigo 15. Declaración de utilidade pública do aproveitamento
1. O outorgamento da autorización ou concesión de aproveitamento lúdico das augas termais levará implícita a declaración de utilidade pública para os únicos efectos da valoración da compatibilidade ou, no caso de incompatibilidade, da posible prevalencia do aproveitamento lúdico respecto doutros aproveitamentos declarados de utilidade pública.
2. A declaración de utilidade pública do aproveitamento lúdico non comporta o dereito á ocupación temporal ou expropiación forzosa dos terreos nos que emerxen as augas obxecto de aproveitamento.
Artigo 16. Prazo de vixencia e prórroga do título habilitante
1. As autorizacións outorgaranse polo período previsto no proxecto de explotación correspondente, cun límite máximo de revisión das condicións do seu outorgamento cada dez anos.
2. As concesións outorgaranse por un período de trinta anos, prorrogables de tal forma que, conxuntamente coa concesión inicial, nunca poidan superar os setenta e cinco anos.
3. O titular da concesión deberá solicitar a prórroga con anterioridade mínima dun ano ao remate do prazo de vixencia.
Sección 4ª. Suspensión, caducidade e peche definitivo e abandono
Artigo 17. Suspensión da actividade
Cando, como consecuencia das actuacións inspectoras, se comprobe que a actividade de aproveitamento pode xerar risco grave e inminente para a saúde das persoas ou para a seguridade dos bens ou o medio ambiente, poderase ordenar a suspensión da actividade, nos termos do previsto no artigo 49.c) da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.
Artigo 18. Caducidade do título habilitante
As autorizacións ou concesións de aproveitamento lúdico declararanse caducadas mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de minas nos seguintes supostos:
a) Por renuncia voluntaria da persoa titular, aceptada pola Administración.
b) Pola perda da condición de termal das augas obxecto de aproveitamento.
c) Polo esgotamento do recurso.
d) Pola diminución do caudal do acuífero que impida a súa explotación nas condicións establecidas no título de aproveitamento.
e) Pola finalización do prazo para o que foi outorgada a concesión ou as prórrogas sucesivas.
f) Pola contaminación irreversible do acuífero.
g) Por manter paralizados os traballos de aproveitamento máis dun ano sen autorización administrativa.
h) Polo incumprimento das condicións impostas na autorización ou concesión cuxa inobservancia estea expresamente sancionada coa caducidade.
i) Polos demais supostos previstos nesta lei que comporten a caducidade.
Artigo 19. Peche definitivo e abandono
A persoa titular da autorización ou concesión, ao pechar definitivamente e abandonar o aproveitamento, estará obrigada a deixar os terreos nas debidas condicións de seguridade para as persoas e bens. A este respecto, solicitaralle autorización para o peche definitivo e abandono á xefatura territorial competente en materia de minas, a cal, tras as comprobacións oportunas, autorizará o abandono ou impoñerá as condicións previas que considere necesarias. Neste último caso, deberá presentarse unha nova solicitude de autorización de peche definitivo e abandono. Presentada a dita solicitude, e verificado o cumprimento das condicións impostas, o devandito órgano autorizará o peche definitivo e o abandono do aproveitamento.
En todo caso, deberá comprobarse o cumprimento das condicións do peche ou abandono previamente establecidas segundo recolle o artigo 8.h) desta lei.
Sección 5ª. Modificación e transmisión do título habilitante
Artigo 20. Modificación
1. A modificación da autorización ou concesión de aproveitamento está sometida a previa autorización administrativa.
2. No caso de que a persoa titular da autorización ou concesión administrativa de aproveitamento quixer modificar o aproveitamento, mediante a disposición dun maior caudal, de novas instalacións ou dun novo réxime de explotación, ou en calquera outra cuestión, deberá presentar a oportuna solicitude ante a consellaría competente en materia de minas. Con esta solicitude achegará un novo proxecto de aproveitamento, subscrito por técnico/a competente, no que se especificarán as modificacións propostas, así como un novo estudo de viabilidade económica.
3. No caso de que as características técnicas da modificación pretendida supoñan unha alteración substancial do aproveitamento inicialmente autorizado ou concedido, a persoa interesada deberá presentar, a maiores do previsto no número 2, a documentación que xustifique as solvencias económica e técnica da persoa solicitante, á que se engadirá, se for necesario, a documentación exixida pola normativa aplicable en materia de avaliación ambiental e a que xustifique a ampliación da garantía acreditada dispoñible e do seguro de responsabilidade civil acreditado dispoñible.
4. Para o suposto de que a modificación se refira a un aproveitamento para uso lúdico autorizado no perímetro de protección dun establecemento de balneario, deberá outorgarse un trámite de audiencia á persoa titular do dito establecemento, para os efectos de que poida alegar o que considere oportuno en relación coa modificación que se pretende. En ningún caso se autorizará a modificación dun aproveitamento que poida comportar un prexuízo ao normal aproveitamento do establecemento de balneario.
Artigo 21. Transmisión
As autorizacións e concesións poderán ser gravadas, transmitidas ou arrendadas por calquera medio admitido en dereito, logo da autorización administrativa, a calquera persoa que reúna as condicións para obter o título habilitante para o aproveitamento lúdico.
CAPÍTULO III
Dereitos e obrigas das persoas titulares de autorizacións e concesións de aproveitamento lúdico
Artigo 22. Dereitos
A autorización ou a concesión de aproveitamento lúdico das augas termais outórgalle á persoa titular os seguintes dereitos:
a) Dereito á utilización exclusiva das augas na forma e condicións e durante o tempo que fose fixado na correspondente resolución administrativa.
b) Dereito á protección do acuífero na cantidade e calidade precisas para o normal aproveitamento, nos termos en que se concedese.
c) Dereito a impedir a realización, dentro do perímetro de protección fixado, de traballos ou actividades que poidan prexudicar o acuífero ou o seu normal aproveitamento. Para tal fin, o desenvolvemento de traballos ou actividades dentro do perímetro de protección estará sometido a autorización administrativa do órgano competente en materia de minas, debendo dárselle audiencia no correspondente procedemento á persoa titular da autorización ou concesión.
d) Dereito a solicitar dos organismos oportunos a observancia ou actuación cando teñan lugar no perímetro de protección ou nas súas inmediacións traballos ou actividades que, non prexudicando o acuífero, poidan ser lesivos respecto das condicións sanitarias, patrimoniais, medioambientais ou culturais do desenvolvemento do uso lúdico das instalacións.
Artigo 23. Obrigas e prohibicións
A autorización ou a concesión de aproveitamento exclusivamente lúdico das augas termais imponlle á persoa titular as seguintes obrigas e prohibicións:
a) Obriga, respecto das augas termais, de consignar en lugar visible os seus datos máis significativos, e nomeadamente os relativos á temperatura de emerxencia e á declaración termal das ditas augas; se é o caso, tamén de consignar os relativos á eventual declaración mineromedicinal que adicionalmente poidan ter as augas, sen que tal información obxectiva presupoña vinculación respecto do uso terapéutico que poidan atribuírlles as persoas usuarias, e remarcando neste caso que o aproveitamento se fai con base na declaración termal.
b) Obriga de informar das eventuais contraindicacións que o uso lúdico desas augas poida supoñer para a saúde das persoas.
c) Obriga, respecto dos usos, de limitarse á oferta e prestación dos servizos propios do aproveitamento lúdico, posibilitándose a existencia de instalacións complementarias para eses usos como as destinadas a saunas, baños de vapor ou tratamentos estéticos.
d) Prohibición, respecto dos usos, de que nas instalacións lúdicas se oferten, presten ou garantan servizos terapéuticos das augas que excedan os propios do seu aproveitamento lúdico, e correlativa obriga de consignar en lugar visible a dita prohibición.
As obrigas de información pública ás que se refire este artigo deberán igualmente reflectirse, se é o caso, na páxina web das instalacións termais correspondentes.
CAPÍTULO IV
Condicións das instalacións
Artigo 24. Condicións hixiénico-sanitarias das instalacións
1. En materia hixiénico-sanitaria, correspóndelle á consellaría competente en materia de sanidade establecer os requisitos técnicos e as condicións mínimas dos espazos termais e das piscinas termais de uso lúdico.
2. Mediante o correspondente desenvolvemento regulamentario, o Consello da Xunta determinará os requisitos hixiénico-sanitarios dos espazos termais distintos das piscinas termais de uso lúdico. Estas últimas suxeitaranse ao Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas, nos termos previstos no dito real decreto, e á normativa autonómica ditada en desenvolvemento da dita norma básica.
Artigo 25. Condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións
1. A persoa titular da autorización ou concesión estará obrigada a cumprir a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e a restante normativa aplicable en materia de accesibilidade, para os efectos de garantir que as instalacións termais sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da maneira máis autónoma e natural posible.
2. Da mesma forma, a persoa titular deberá asegurarse de que as instalacións termais conten cos elementos precisos dirixidos a previr situacións de risco para a saúde das persoas usuarias, así como cunhas adecuadas condicións de salubridade, todo o anterior co fin de acadar un elevado nivel de protección da saúde e seguridade das persoas no aproveitamento lúdico das augas termais.
3. A persoa titular garantirá a formación específica en materia de seguridade e prevención necesaria para o correcto funcionamento do previsto nos puntos 1 e 2, así como para previr situacións de risco para a saúde das persoas traballadoras da instalación.
TÍTULO III
Prelación e compatibilidade entre aproveitamentos terapéuticos e lúdicos das augas termais
Artigo 26. Prelación entre aproveitamentos terapéuticos e lúdicos
1. Cando, como consecuencia do previsto no artigo 4.3, unhas mesmas augas declaradas termais sexan, en virtude da súa declaración ou declaracións, susceptibles de aproveitamentos terapéuticos e lúdicos, o título habilitante para o aproveitamento lúdico poderá outorgarse logo de acreditado que transcorreron os prazos de exercicio dos dereitos preferentes para o aproveitamento terapéutico das augas sen que tales dereitos fosen exercidos e de declinada pola Administración a posibilidade de convocatoria do concurso público para o outorgamento de título habilitante para o dito aproveitamento terapéutico. No relativo aos dereitos preferentes e á convocatoria do concurso, haberá que aterse ao disposto na normativa reguladora dos ditos aproveitamentos terapéuticos.
2. No procedemento de outorgamento do título habilitante para o aproveitamento lúdico daráselles en todo caso audiencia ás persoas interesadas, e singularmente ás que poidan ter expectativas no aproveitamento terapéutico, para que aleguen o que consideren oportuno.
3. Para o outorgamento do título habilitante correspondente a cada tipo de aproveitamento haberá que aterse ao que dispoña a respectiva normativa aplicable.
Artigo 27. Compatibilidade de aproveitamentos terapéuticos e lúdicos
1. As augas termais procedentes dunha mesma emerxencia poderán ser simultaneamente obxecto de aproveitamento terapéutico e lúdico, sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as augas termais dispoñan da declaración ou declaracións necesarias para ambos os aproveitamentos.
b) Que a persoa titular de ambos os aproveitamentos sexa a mesma.
c) Que resulte acreditada a suficiencia e sostibilidade de recurso para ambos os aproveitamentos.
2. Para o outorgamento do título habilitante correspondente a cada tipo de aproveitamento haberá que aterse ao que dispoña a respectiva normativa aplicable.
3. A compatibilidade entre ambos os aproveitamentos deberá estar debidamente detallada no proxecto de aproveitamento e deberá figurar de forma clara e visible para as persoas usuarias.
TÍTULO IV
Réxime de inspección e sanción
Artigo 28. Inspección
Será aplicable á inspección en materia de aproveitamento lúdico das augas termais o réxime de inspección mineira previsto no capítulo I do título VI da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.
Artigo 29. Concepto e clasificación das infraccións
1. Son infraccións as accións e omisións que contraveñan as obrigas establecidas na lei, de acordo co previsto nos artigos seguintes.
2. As infraccións tipificadas nesta lei clasifícanse en moi graves, graves e leves.
Artigo 30. Infraccións moi graves
Son infraccións moi graves:
a) O aproveitamento lúdico das augas termais carecendo da preceptiva autorización ou concesión ou estando esta caducada, suspendida, anulada ou revogada.
Incluirase neste suposto a continuación do aproveitamento logo de ditada resolución de paralización nos termos previstos na disposición transitoria primeira.
b) A utilización das augas termais para usos distintos dos previstos na correspondente autorización ou concesión de aproveitamento lúdico.
c) A cesión ou transmisión da autorización ou concesión sen a previa autorización administrativa.
d) O incumprimento das condicións previstas na resolución de outorgamento da autorización ou concesión, cando con iso se poña en risco a saúde das persoas ou a seguridade dos bens ou o medio ambiente.
e) A negativa ou obstrución á actuación dos servizos de inspección mineira que impida total ou parcialmente o exercicio das funcións que legal ou regulamentariamente teñan atribuídas.
f) A deterioración significativa da calidade ou cantidade do acuífero por causas imputables á persoa titular da autorización ou concesión.
g) O incumprimento da obriga de dispoñer da necesaria garantía financeira e/ou do preceptivo seguro de responsabilidade civil.
h) A comisión dunha infracción grave, cando fose sancionado/a por resolución firme en vía administrativa, no prazo de dous anos, por dúas ou máis infraccións graves.
Artigo 31. Infraccións graves
Son infraccións graves:
a) A falta de inicio do aproveitamento no prazo establecido no artigo 13.1.
b) A modificación, paralización ou abandono do aproveitamento sen a previa autorización administrativa.
c) A obstrución que dificulte gravemente a actuación dos servizos de inspección mineira.
d) A inobservancia dos requirimentos formulados pola inspección mineira ou a demora na súa atención, referidos ao cumprimento das condicións dirixidas a garantir a seguridade e a evitar danos ás persoas, aos bens ou ao medio ambiente.
e) O incumprimento das obrigas de información recollidas no artigo 23 desta lei.
f) A comisión dunha infracción leve, cando fose sancionado/a por resolución firme en vía administrativa, no prazo de dous anos, por dúas ou máis infraccións leves.
Artigo 32. Infraccións leves
Son infraccións leves:
a) A presentación do plan cuadrienal de aproveitamento fóra do prazo establecido pero dentro do primeiro semestre do ano que corresponda.
b) A dispoñibilidade da necesaria garantía financeira e/ou do seguro de responsabilidade civil fóra do prazo establecido.
c) A inobservancia dos requirimentos formulados pola inspección mineira ou a demora na súa atención, sempre que non se refiran ao cumprimento das condicións dirixidas a garantir a seguridade e a evitar danos ás persoas, aos bens ou ao medio ambiente.
Artigo 33. Prescrición das infraccións
As infraccións tipificadas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos, contados desde a comisión do feito ou desde a súa detección:
a) Dous anos, no caso de infraccións moi graves.
b) Un ano, no caso de infraccións graves.
c) Seis meses, no caso de infraccións leves.
Artigo 34. Sancións
1. As infraccións tipificadas nesta lei serán sancionadas:
a) As infraccións leves, con multa de ata 900 euros. O grao mínimo desta multa abrangue ata 300 euros; o grao medio, de 301 a 600 euros; e o grao máximo, de 601 a 900 euros.
b) As infraccións graves, con multa desde 901 euros ata 9.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 901 a 3.600 euros; o grao medio, de 3.601 a 6.300 euros; e o grao máximo, de 6.301 a 9.000 euros.
c) As infraccións moi graves, con multa desde 9.001 euros ata 90.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 9.001 a 36.000 euros; o grao medio, de 36.001 a 63.000 euros; e o grao máximo, de 63.001 a 90.000 euros.
2. Pola comisión de infraccións graves poderá impoñerse como sanción accesoria a suspensión temporal do aproveitamento coa clausura da explotación por un período non superior a dous meses.
3. Pola comisión de infraccións moi graves poderá impoñerse como sanción accesoria a suspensión temporal do aproveitamento coa clausura da explotación por un período de entre dous meses e un ano ou a caducidade do título habilitante para o aproveitamento.
Artigo 35. Graduación das sancións
Na determinación do importe das sancións teranse en conta a transcendencia da infracción respecto de persoas e bens, a participación e o beneficio obtido, a intencionalidade do infractor, a deterioración producida na calidade do recurso e as demais previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Igualmente, haberá que aterse ao disposto no recollido no artigo 28 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 36. Prescrición das sancións
As sancións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:
a) Tres anos, no caso de infraccións moi graves.
b) Dous anos, no caso de infraccións graves.
c) Un ano, no caso de infraccións leves.
Artigo 37. Obrigas de reposición e de indemnización de danos e perdas
1. Sen prexuízo da sanción administrativa que se impoña, a persoa infractora estará obrigada á reposición da situación alterada ao seu estado orixinario e a indemnizar os danos e perdas causados.
2. O incumprimento desta obriga de restitución das cousas ao seu estado orixinario e/ou de indemnización de danos facultará a consellaría competente en materia de minas para actuar de forma subsidiaria realizando as obras por si ou a través das persoas físicas ou xurídicas que se determinen e á custa da persoa obrigada, utilizando, se é o caso, a vía de constrinximento para reintegrarse do seu custo. O importe dos gastos poderá liquidarse de forma provisional e realizarse antes da execución, a reserva da liquidación definitiva.
Artigo 38. Competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei
A competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei corresponderalle:
a) Nas infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial competente en materia de minas.
b) Nas infraccións graves, á persoa titular da dirección xeral competente en materia de minas.
c) Nas infraccións moi graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de minas.
Artigo 39. Remisión normativa
En relación co procedemento que se debe seguir para o exercicio da potestade sancionadora e cos principios aplicables ao exercicio da dita potestade, haberá que aterse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 40. Competencia sancionadora noutros ámbitos sectoriais
1. Os incumprimentos en materia sanitaria serán sancionados polo órgano sanitario competente de acordo co disposto na lexislación sectorial aplicable.
2. Os incumprimentos da restante normativa sectorial serán sancionados polo órgano en cada caso competente nos termos previstos na lexislación sectorial aplicable.
Disposición transitoria primeira. Regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes de augas termais
1. As instalacións dedicadas ao aproveitamento lúdico de augas termais que se atopen en funcionamento no momento da entrada en vigor desta lei poderán regularizarse de acordo co procedemento previsto, para os efectos de dispoñer do título habilitante en materia de minas, e sen prexuízo do necesario respecto ás exixencias derivadas doutra normativa sectorial aplicable.
2. Para iniciar o procedemento é presuposto que as augas dispoñan da declaración de augas termais, polo que, no caso de aproveitamentos lúdicos preexistentes sobre augas exclusivamente declaradas mineromedicinais, será necesario que previamente se obteña a declaración termal das ditas augas.
3. O procedemento iniciarase por quen teña a titularidade das instalacións mediante a presentación da solicitude, acompañada do proxecto xeral de aproveitamento e do estudo xustificativo do perímetro, ambos coas especificacións contidas no anexo, da documentación xustificativa das solvencias económica e técnica e do plan de peche e abandono. Solicitarase en todo caso informe da consellaría competente en materia de sanidade e daráselles trámite de audiencia ás persoas interesadas. A resolución que poña fin ao procedemento, de ser favorable, outorgará o correspondente título administrativo para o aproveitamento lúdico.
4. A resolución que poña fin ao procedemento, de ser favorable, outorgará o correspondente título administrativo para o aproveitamento lúdico de augas termais.
5. Logo de regularizados, a estes aproveitamentos seralles inmediatamente aplicable o réxime xurídico dos aproveitamentos lúdicos previsto nos artigos 11 e seguintes do título II, así como as restantes previsións dos títulos III e IV.
6. Os aproveitamentos lúdicos preexistentes deberán regularizarse no prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei.
7. No caso contrario, a persoa titular da consellaría competente en materia de minas resolverá a paralización do aproveitamento en cuestión, así como a imposición ao suxeito responsable das sancións correspondentes conforme o réxime sancionador previsto nesta lei, en ambos casos logo da incoación do oportuno procedemento administrativo, no que se lle concederá audiencia á persoa interesada.
Disposición transitoria segunda. Réxime aplicable ata a aprobación de modelos normalizados
Mentres non se aproben os modelos normalizados de solicitude para os procedementos previstos nesta lei, poderá empregarse a solicitude xenérica que a Administración autonómica ten prevista para os casos nos que non exista un modelo electrónico normalizado e que se atopa dispoñible na súa sede electrónica.
Disposición transitoria terceira. Réxime aplicable ata a aprobación do desenvolvemento regulamentario sobre condicións hixiénico-sanitarias dos espazos termais
Mentres non se dite a normativa regulamentaria á que se refire o artigo 24.2, as condicións hixiénico-sanitarias aplicables aos espazos termais distintos das piscinas termais de uso lúdico serán as que o órgano sanitario inclúa no seu informe preceptivo e vinculante previsto no artigo 9.3.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia
A Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o artigo 1, que queda redactado como segue:
«Esta lei ten por obxecto a regulación das augas minerais, termais e de manancial cuxo lugar de nacemento ou afloramento estea situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, é obxecto desta lei, dentro do ámbito territorial sinalado, a regulación dos establecementos balnearios.
Queda excluída do ámbito de aplicación desta lei a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais, que se rexerá polo disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulacción do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira terceira desta lei.».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 27, que queda redactado como segue:
«1. As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas, logo da incoación do oportuno expediente, de acordo coa seguinte graduación:
a) As infraccións leves, con multa de ata 900 euros. O grao mínimo desta multa abrangue ata 300 euros; o grao medio, de 301 a 600 euros; e o grao máximo, de 601 a 900 euros.
b) As infraccións graves, con multa desde 901 euros ata 9.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 901 a 3.600 euros; o grao medio, de 3.601 a 6.300 euros; e o grao máximo, de 6.301 a 9.000 euros.
c) As infraccións moi graves, con multa desde 9.001 euros ata 90.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 9.001 a 36.000 euros; o grao medio, de 36.001 a 63.000 euros; e o grao máximo, de 63.001 a 90.000 euros. Nestes casos, poderá impoñerse ademais, como sanción accesoria, a suspensión temporal da concesión ou autorización por período de ata seis meses ou a extinción da concesión ou autorización.».
Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia
Modifícase o número 2 do artigo 2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:
«2. Están excluídas do ámbito de aplicación desta lei as seguintes materias:
a) A exploración, a investigación, a explotación e o almacenamento subterráneo de hidrocarburos líquidos e gasosos.
b) A extracción ocasional e de escasa importancia de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que a leve a cabo a persoa propietaria dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.
c) As augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Calquera aproveitamento de recursos xeotérmicos de escasa importancia económica, en particular aos que se lles dea utilidade en calefacción, climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria, baseados en sistemas xeotérmicos de moi baixa entalpía, con intercambiadores en circuíto pechado, ata 200 metros de profundidade, sempre que sexa levado a cabo pola persoa propietaria do terreo para o seu uso exclusivo e que o aproveitamento non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.
Todo iso sen prexuízo de que os traballos subterráneos necesarios estarán sometidos á autorización previa das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de enerxía e minas, tal e como xa recolle o artigo 18.2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) O aproveitamento lúdico das augas termais, que se rexerá polo disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira terceira desta lei.»
Disposición derradeira terceira. Dereito supletorio
En todo o non previsto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento aplicaranse, no que non se opoña a elas e resulte compatible coa natureza e características propias dos aproveitamentos lúdicos, a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, así como os seus respectivos desenvolvementos regulamentarios.
Disposición derradeira cuarta. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario
1. Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para aprobar as disposicións necesarias de desenvolvemento desta lei.
2. Sen prexuízo do anterior, facúltase a persoa titular da consellaría competente en materia de minas para regular directamente cuestións técnicas da súa competencia, nomeadamente as correspondentes á sinalética das novas instalacións, así como para modificar o contido do anexo, naquelas modificacións que supoñan exclusivamente unha aclaración informativa dos puntos relacionados ou, se é o caso, un aumento da documentación e información exixida.
Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos trinta días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
ANEXO
Documentación técnica exixida para a solicitude do aproveitamento lúdico das augas termais
1. Proxecto xeral de aproveitamento:
a) Descrición da zona.
b) Deseño da captación: xeoloxía local, hidroloxía local (caudais, calidade termal), características técnicas das captacións (entubacións), a súa execución (se é o caso), conducións ata as instalacións do aproveitamento, réxime de explotación do recurso, instalacións da captación (bombas, valvularía), protección das captacións.
c) Explotación do recurso: instalacións (a ceo aberto e pechadas), conducións (aspectos hidráulicos, térmicos, corrosivos), proxecto básico de edificacións (edificios e naves).
d) Programa de explotación: funcionamento interno (programas ofertados para uso lúdico) e réxime de funcionamento.
e) Programa de vixilancia e control: instalacións e captación.
f) Estudo de viabilidade económica.
2. Estudo xustificativo da necesidade de perímetros de protección:
a) Descrición morfométrica da zona-conca.
b) Xeoloxía rexional e local do manancial.
c) Estudo de hidroloxía superficial: estimación de recarga, balance hidrolóxico, compoñentes do ciclo hidrolóxico.
d) Estudo hidroxeolóxico: caracterización hidrodinámica do medio xeolóxico, identificación de acuíferos, funcionamento hidrodinámico destes.
e) Estudo termal: caracterización termal das augas a partir das doce medidas mensuais de pH, condutividade, Eh, temperatura e oxíxeno disolto realizadas nun ano hidrolóxico achegadas para a súa declaración. Orixe, tempo de residencia.
f) Estudo de vulnerabilidade: inventario de puntos de auga, posibles puntos e áreas de contaminación difusa conservativa e non conservativa. Existencia doutros mananciais termais.
g) Cálculo do perímetro de protección: establecerase a metodoloxía para a definición do perímetro e a estimación deste. Incluirá as recomendacións referentes ás zonas de restrición determinadas no artigo 13 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.