Plan de transporte metropolitano de Galicia
ORDE do 8 de agosto de 2016 pola que se regula o establecemento dunha tarifa específica para a xente nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia.
[sc name=»plataforma» ]
O Plan de transporte metropolitano de Galicia (en diante, PTMG) ten como finalidade básica afondar en actuacións que melloren a calidade e a competitividade no transporte público. A aplicación das medidas do plan requiren dun importante esforzo por parte das administracións públicas, así como dunha vontade de coordinación que, entre outras actuacións, supoña avances na integración das diferentes redes de transporte público, considerando a área de transporte metropolitano (en diante, ATM) como un todo integrado.
De xeito xenérico, as administracións partícipes pretenden potenciar de forma específica a utilización do transporte público colectivo. Un dos eixes de actuación prioritarios do PTMG é o programa de integración tarifaria, a través da ordenación da oferta de transporte e o abaratamento do custo por viaxe ás persoas usuarias. O cumprimento deses obxectivos articúlase a través da implantación dun sistema tarifario zonal, da introdución de medios de pagamento multimodais (fundamentalmente a tarxeta metropolitana de Galicia e outras tarxetas integradas no sistema), e da fixación dunhas tarifas máis baratas, á vez que se bonifica o transbordo e se premia o uso recorrente do transporte.
A posta en marcha do PTMG supón a confluencia de diferentes administracións, articulada a través de convenios de colaboración, en que se regulan os programas básicos sobre os cales pivota o plan. Así, actualmente hai subscritos cinco convenios de colaboración en virtude dos cales se constituíron as áreas de transporte metropolitano (en diante, ATM) da Coruña (convenio do 22 de outubro de 2010), de Santiago de Compostela (convenio do 3 de decembro de 2010), de Ferrol (convenio do 27 de decembro de 2010), de Lugo (convenio do 29 de decembro de 2010) e de Vigo (4 de marzo de 2015). Dos programas previstos, o programa tarifario é o que está actualmente en vigor nas cinco ATM implantadas. Do mesmo xeito, prevese a próxima implantación da ATM de Ourense. O convenio de colaboración en virtude do que se creou a ATM de Vigo e se implantaron as condicións do plan na devandita ATM establece a súa duración ata o 31 de decembro de 2019. Pola súa parte, os convenios de colaboración das ATM da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo foron prorrogados expresamente ata o 31 de decembro de 2017.
A política tarifaria aplicada no eido do Plan de transporte metropolitano supón unha especialidade respecto do marco tarifario xeral previsto no eido da nosa comunidade autónoma. Esta especialidade baséase en que se trata dun programa específico destinado a fomentar o uso do transporte público e afecta a tarifas aplicables ás persoas usuarias. De feito, a Orde do 6 de marzo de 2008 pola que se regula a revisión das tarifas de servizos públicos regulares permanentes de transporte de viaxeiros de uso xeral por estrada e de estacións de autobuses de competencia da Xunta de Galicia establece no seu artigo 3 a posibilidade de establecer sistemas tarifarios integrados e de políticas de fomento do transporte público nas ATM que se constitúan. O eixo fundamental sobre o cal pivota o programa tarifario é a tarxeta metropolitana de Galicia (en diante, TMG), que aspira a converterse en medio de pagamento básico dentro do plan e á cal van asociados os maiores niveis de desconto dentro deste. De feito, todas as bonificacións que se establecen adicionalmente dentro da política tarifaria vixente no plan se establecen respecto dos pagamentos coa tarxeta.
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece a necesidade de reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas en materia de xuventude. A transversalidade é definida como a coordinación a nivel sectorial entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia e establécese como un dos eixes principais da norma. O Plan estratéxico da xuventude de Galicia configúrase no artigo 4 da lei como o principal instrumento para acadar a devandita transversalidade en materia de xuventude coas consellerías da Xunta de Galicia. Neste marco, cómpre destacar que a Xunta de Galicia ten actualmente en marcha o Plan estratéxico da xuventude de Galicia 2014-2016. Horizonte 2020. Trátase dun documento flexible destinado a ir incorporando novas actuacións que, en cada caso, se adopten a prol da mocidade galega.
O Goberno galego aposta por mellorar a calidade de vida da infancia e da mocidade na Comunidade Autónoma de Galicia. Co obxectivo de fomentar a mobilidade e o uso do transporte público colectivo entre a xente nova ofrecendo condicións tarifarias especialmente favorables, considérase necesario recoller nunha disposición o conxunto de regras que garantan a aplicación da nova tarifa para a xente nova nos medios de transporte integrados no Plan de transporte metropolitano de Galicia, na dobre vertente dos dereitos e das obrigas das persoas beneficiarias desta tarifa.
En virtude do exposto, oído o Consello Galego de Transportes, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto desenvolver a regulación dunha tarifa específica aplicable ao colectivo de persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral incluídas na categoría de xente nova. Para os efectos desta orde, terán a consideración de xente nova as persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral por estrada con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos.
A tarifa establecida consonte co anterior, terá a denominación de tarifa para a xente nova.
Artigo 2. Tarifa aplicable á xente nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia
Á xente nova que cumpra cos requisitos establecidos nesta orde aplicaráselle unha tarifa de cero euros (0,00 €) nas viaxes en metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito do Plan de transporte metropolitano de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por persoa usuaria, e de acordo coas condicións de funcionamento establecidas nesta orde.
Artigo 3. Medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa para a xente nova
O medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa para a xente nova é a tarxeta metropolitana de Galicia Xente Nova (en diante, TMG Xente Nova).
Artigo 4. Requisitos para o acceso a unha TMG Xente Nova
Pode ser titular da TMG Xente Nova calquera persoa con idade comprendida entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos.
A emisión da tarxeta realizarase nas oficinas distribuidoras da tarxeta metropolitana de Galicia da/s entidade/s financeira/s que colaboren no proxecto. A xestión das substitucións ou cancelacións das tarxetas realizaranse igualmente nas oficinas distribuidoras da tarxeta metropolitana de Galicia da/s entidade/s financeira/s que colaboren no proxecto. Para organizar a xestión da TMG Xente Nova, a/s entidade/s financeira/s colaboradora/s desenvolverá unha aplicación informática que lles facilitará ás persoas interesadas solicitar unha cita previa para a xestión das altas de tarxetas en calquera das oficinas expendedoras.
A documentación que debe achegarse en todo caso, para poder dispoñer dunha TMG Xente Nova é:
- DNI, NIF, pasaporte, NIE, tarxeta de residente ou outro documento análogo da persoa titular da tarxeta que acredite a súa idade e identidade.
- Libro de familia.
- DNI ou documentos análogos da persoa representante.
Unha persoa só pode ser titular dunha única TMG Xente Nova.
Os documentos indicados nos puntos 2 e 3 anteriores non serán necesarios cando a persoa solicitante da TMG Xente Nova xa teña os 18 anos cumpridos.
Artigo 5. Procedemento de aplicación da tarifa para a xente nova
A persoa titular da TMG Xente Nova aboará con cargo á súa tarxeta os desprazamentos que realice en calquera dos servizos de transporte público integrados nas áreas de transporte metropolitano de Galicia implantadas. Sen prexuízo da posibilidade de utilización da TMG Xente Nova para o pagamento dun maior número de viaxes, a tarifa para a xente nova dará dereito ao reintegro do 100 % do importe das viaxes metropolitanas interurbanas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.
Quincenalmente, a Xunta de Galicia procesará os datos das viaxes pagadas con TMG Xente Nova para calcular os datos dos reintegros que deben operar respecto de cada tarxeta, e os días 5 e 20 de cada mes poranse á disposición das persoas titulares destas tarxetas os reintegros que lles correspondan para a súa aceptación nos caixeiros da/das entidade/s financeira/s colaboradora/s.
As persoas usuarias disporán dun prazo de dous meses para aceptar o reintegro desde a data en que este se pon á súa disposición. No caso de non aceptar a recarga dentro do devandito prazo, esta recarga caducará e perderán o dereito a percibila. As persoas titulares poderán consultar en calquera momento o estado das súas recargas na páxina web: http://tmg.xunta.gal/consulta-tarxeta
Artigo 6. Obrigas das persoas titulares da TMG Xente Nova
A TMG Xente Nova será de uso exclusivo da súa persoa titular, quen se responsabiliza da súa custodia e correcto uso, e estará obrigada a comunicar á entidade financeira en que se expedise a súa perda ou deterioración para proceder á súa substitución ou anulación. O uso dunha TMG Xente Nova por unha persoa distinta da súa titular dará lugar á súa anulación e deixará de resultarlle aplicable a tarifa para a xente nova.
No suposto de perda ou subtracción da tarxeta, será obriga da súa persoa titular, ou da persoa que a represente, a comunicación deste feito á entidade financeira colaboradora que corresponda. Nos casos de perda ou subtracción, a entidade financeira procederá á baixa da tarxeta, co cal non resultará posible realizar operacións de recarga nela, logo do cal poderá solicitarse a expedición dunha TMG Xente Nova en substitución daquela.
Non se expedirá unha nova TMG Xente Nova en substitución daquelas que fosen anuladas por incumprir os deberes que corresponden ás persoas titulares e, especificamente, as que fosen anuladas pola súa utilización por persoa diferente da titular sen comunicación previa da súa subtracción ou perda.
Para os efectos de facilitar os labores de control realizados por parte das empresas prestatarias dos servizos de transporte ou da Administración, os titulares da TMG Xente Nova deberán ir provistos durante a realización da viaxe dun documento acreditativo da idade e identidade (DNI ou análogo). As persoas titulares da TMG Xente Nova están obrigadas a amosar os documentos acreditativos da idade e identidade no suposto de que sexan requiridos para tales efectos por parte do persoal da empresa de transporte ou das persoas que realicen os labores de control por parte da Administración ou en colaboración coa Administración.
Artigo 7. Extinción do dereito á tarifa para a xente nova
Toda vez que a persoa titular da TMG Xente Nova cumpra os 19 anos de idade, perderá o dereito a beneficiarse da tarifa para a xente nova. A entidade financeira emisora bloqueará a tarxeta para a admisión de calquera recarga que non sexa remitida pola Administración, sen prexuízo da posibilidade de seguir empregando a tarxeta coa tarifa metropolitana ordinaria ata o esgotamento do saldo dispoñible.
O saldo da tarxeta TMG Xente Nova poderá transferirse a unha TMG de uso xeral para o seu consumo en transporte. Esta operación só pode efectuarse respecto da mesma persoa titular e sempre que esta non reúna os requisitos para poder beneficiarse dunha TMG Xente Nova. Agás en supostos excepcionais de necesidade económica previamente valorados e autorizados pola Administración e a entidade financeira colaboradora, o saldo da TMG Xente Nova non poderá ser recuperado en efectivo.
Disposición adicional primeira. Dispoñibilidade orzamentaria
Para atender as obrigas asumidas con base nesta orde, a Administración dispón de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria con base na que se financia o Plan de transporte metropolitano de Galicia (08.02.512A.470.1).
Disposición adicional segunda. Complementariedade co Plan de transporte metropolitano de Galicia
No non regulado de forma expresa nesta orde serán de aplicación as regras xerais de aplicación no Plan de transporte metropolitano de Galicia.
Disposición transitoria. Aplicabilidade da tarifa para xente nova
A tarifa para a xente nova será de aplicación a partir da entrada en vigor da presente orde.
A tarifa para a xente nova resultará de aplicación mentres manteñan a súa vixencia os convenios administrativos polos que se implantou ou se implante en novas áreas o Plan de transporte metropolitano de Galicia e, inicialmente, ata o 31 de decembro de 2017. Logo da prórroga dos indicados convenios, ou da formalización dos acordos ou instrumentos que os substitúan, este prazo poderá ser ampliado por resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e modificación
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar os actos de execución e interpretación que resulten oportunos en aplicación desta orde.
Igualmente, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderanse modificar as condicións económicas, o volume de utilización dos servizos de transporte aplicables na tarifa para a xente nova que establece esta orde, ou o abano de idade requirido para acceder á TMG Xente Nova.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2016
Ethel María Vázquez Mourelle Conselleira de Infraestruturas e Vivenda
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!