Coordinación de Policías Locales de GALICIA
DECRETO 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
>
I
A Constitución española, no seu artigo 148.1.22, establece, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.
A Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, determina que lles corresponde ás comunidades autónomas, de acordo con esta lei e coa de bases de réxime local, coordinar as actuacións das policías locais dentro do seu ámbito territorial.
Tendo en conta este marco normativo, a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, define o marco regulador da competencia de coordinación de policías locais na Comunidade Autónoma de Galicia. Dentro do título III, «Da coordinación das policías locais», o artigo 12 entende por coordinación o conxunto de técnicas e medidas que posibiliten a unificación dos criterios de organización e actuación, a formación e o perfeccionamento uniforme do persoal, e a homoxeneización dos recursos técnicos e materiais ao seu dispor, así como o establecemento de información recíproca, asesoramento e colaboración.
Así mesmo, o artigo 13 da Lei 4/2007, do 20 de abril, establece que, respectando a autonomía local e as competencias estatais en materia de seguridade, a coordinación comprenderá o exercicio de distintas funcións, entre as cales se inclúen: determinar as normas marco ou criterios xerais a que se terán que axustar os regulamentos das policías locais de Galicia; propiciar a homoxeneización das retribucións do persoal; fixar criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade do persoal dos corpos; coordinar a súa formación profesional a través da Academia Galega de Seguridade Pública; propiciar a homoxeneización da estrutura, cadros de persoal e funcionamento das policías locais, así como fixar o réxime xurídico: dereitos, deberes e réxime disciplinario do persoal dos corpos de policía local no marco da normativa aplicable.
II
Como consecuencia da necesidade de modificar determinados aspectos que aparecían recollidos na Lei 4/2007, do 20 de abril, foi aprobada a Lei 9/2016, do 8 de xullo. As modificacións que recolle este novo texto derivan en boa parte dun obrigado axuste ás diversas resolucións de órganos xurisdicionais, pero tamén á normativa básica de aplicación aos corpos da Policía Local, singularmente a Lei orgánica 4/2010, do 20 de maio, do réxime disciplinario do Corpo Nacional de Policía, así como a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público. Neste senso, nesa modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, acometéronse outros cambios normativos, referidos a aspectos moi diversos que van desde a mobilidade do persoal dos distintos corpos ata a posibilidade de acordos entre concellos limítrofes para a prestación do servizo policial, sen esquecer outras cuestións que no transcurso do tempo se avaliaron como de interese.
Unha das modificacións máis demandadas, tanto desde os concellos como desde as asociacións profesionais e as organizacións sindicais, é unha nova regulación dos procesos de mobilidade do persoal dos corpos da Policía Local. A Lei 4/2007, do 20 de abril, recollía unicamente a mobilidade horizontal, e establecía o concurso como procedemento de selección para a provisión de prazas vacantes nestes corpos, para facilitar aos concellos a pronta cobertura das prazas ofertadas, xa que o procedemento de concurso resulta máis áxil que o de oposición libre ou o de concurso-oposición, cando ademais se trata de mobilidade para prazas da mesma categoría con que xa debe contar o persoal funcionario participante.
Deste xeito, a mobilidade pretendía orixinariamente converterse nun procedemento que, permitise aos concellos unha maior facilidade na cobertura de prazas vacantes, pero ao mesmo tempo establecíase tamén unha obriga para eles, xa que logo a mesma Lei 4/2007, do 20 de abril, no seu artigo 43, en relación cos artigos 35 e 37 ao 42, recolle a mobilidade como un dereito do persoal funcionario dos corpos da Policía Local.
Por esta razón, unha das modificacións de máis interese operada pola Lei 9/2016, do 8 de xullo, foi a ampliación das opcións para a promoción e a mobilidade do persoal, incorporadas nos artigos 35 e 37 a 42 da Lei 4/2007, do 20 de abril. Permítese así en determinados supostos tanto a promoción interna desde a segunda categoría inmediata inferior como a mobilidade con ascenso desde a categoría inmediata inferior, neste último caso empregando o procedemento de concurso-oposición, nos supostos en que as prazas ofertadas non se cubrisen por promoción interna ou por mobilidade horizontal.
Neste mesmo ámbito, debemos ter en conta a modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, realizada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, cuxa principal novidade consiste na regulación da mobilidade horizontal, que pasa de configurarse como un sistema de acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local a configurarse como un sistema de provisión de prazas vacantes. Tamén cabe destacar a regulación específica do informe que debe emitir a dirección xeral competente en materia de coordinación de policías locais, sobre as bases das convocatorias dos distintos sistemas de acceso e provisión previstos na norma e os requisitos exixidos para o acceso aos corpos de policías locais.
Ante este escenario lexislativo, faise necesaria a aprobación dun novo decreto que desenvolva todos os aspectos tratados pola Lei 9/2016, do 8 de xullo, así como as modificacións introducidas pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ademais de regular o sistema de mobilidade nun título específico, en que se recollan nel todos aqueles aspectos que precisen dun mellor desenvolvemento.
Así mesmo, este novo decreto ten por obxecto sistematizar e integrar a normativa dispersa en materia de coordinación de policías locais, recollida fundamentalmente no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, modificado polo Decreto 77/2010, do 29 de abril, e no Decreto 60/2010, do 8 de abril, de acreditación, uniformidade e medios técnicos á disposición das policías locais. Procédese así a unha actualización en determinados aspectos desta normativa e finalmente á derrogación destes tres decretos citados.
Así, neste decreto regúlanse a creación e estrutura dos corpos da Policía Local e as súas relacións intermunicipais, os procedementos para o ingreso e acceso ás distintas escalas e categorías dos corpos policiais, a mobilidade, os cursos selectivos de formación e os cursos de formación permanente, o réxime estatutario e a acreditación, uniformidade e os medios técnicos das policías locais, o persoal vixilante municipal e o persoal de auxiliares de policía local.
Exceptúase, porén, desta refundición o Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección do persoal dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, polo feito de operar nun eido moi específico, aínda que de moita importancia, recollido nos números 6 e 7 do artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, como é a posible colaboración da Xunta de Galicia nas probas selectivas que desenvolvan os propios concellos, mediante convenio previo, así como a posibilidade de desenvolver por parte da Xunta de Galicia, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, procesos selectivos unitarios para os corpos da Policía Local e vixilantes municipais, tamén a través dun convenio. Non obstante, a disposición derradeira primeira efectúa as modificacións oportunas para a necesaria actualización das referencias contidas no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, relativas ao Decreto 243/2008, do 16 de outubro.
III
Este decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos principios establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Xa que logo, os principios de necesidade, simplicidade e eficacia reflíctense na integración da normativa dispersa en materia de coordinación de policías locais, e este decreto é un instrumento adecuado para garantir a consecución dos fins anteditos. En virtude do principio de proporcionalidade, a iniciativa contén a regulación imprescindible para garantir a correcta coordinación dos corpos da Policía Local de Galicia, e en aplicación do principio de eficiencia o decreto non introduce cargas administrativas. Co obxecto de garantir o principio de seguridade xurídica, este decreto é coherente co resto do ordenamento xurídico e estrutúrase como segue:
O título I refírese ao obxecto e ámbito de aplicación deste decreto.
O título II establece as disposicións relativas aos corpos da Policía Local e regula a natureza, estrutura e creación dos corpos de policía, así como os convenios de colaboración policial intermunicipal e da asociación de concellos para a prestación do servizo policial.
O título III regula as disposicións xerais e os sistemas e procedementos para o acceso ás distintas escalas e categorías nos corpos da Policía Local, e introduce a novidade da regulación da mobilidade con ascenso como un procedemento de acceso a unha determinada categoría desde a categoría inmediata inferior, neste caso empregando o sistema de concurso-oposición, nos supostos en que as prazas ofertadas non se cubran por promoción interna ou polo procedemento de provisión por mobilidade.
Entre os requisitos exixidos para o ingreso na categoría de policía cómpre destacar a eliminación do requisito de ter un límite inferior de estatura, tanto para os homes como para as mulleres, que estaba establecido no Decreto 243/2008, do 16 de outubro. Este requisito suprímese ao considerar que as probas físicas e médicas previstas nos procedementos de ingreso nos corpos da Policía Local son suficientes para garantir a aptitude física adecuada para o desempeño da función policial no ámbito local. Este requisito suprímese tamén para o acceso á condición de persoal vixilante municipal e de auxiliares de policía local.
O título IV, dedicado á mobilidade, a confíguraa como un procedemento de provisión de prazas vacantes, a través do sistema de concurso, para a cobertura por parte do persoal doutros corpos da Policía Local que teñan a mesma categoría que a das prazas ofertadas, e establece os requisitos, as obrigas e os efectos da participación neste procedemento.
O título V refírese ao persoal vixilante municipal.
O título VI fai referencia ao persoal auxiliar de policía local.
O título VII regula os cursos selectivos de ingreso e acceso ás distintas escalas e categorías dos corpos da Policía Local e os cursos de ingreso na subescala facultativa dos corpos da Policía Local, que se configuran como obrigatorios dentro do procedemento selectivo. Neste título tamén se regulan os cursos de formación permanente para a actualización e especialización do persoal dos corpos da Policía Local.
O título VIII regula as cuestións xerais en relación co réxime estatutario, a regulación da segunda actividade e as disposicións sobre distincións e recompensas.
O título IX refírese aos sistemas de acreditación, ás modalidades de uniformidade en aos medios técnicos á disposición dos policías locais e do persoal vixilante municipal e do persoal auxiliar de policía local.
Unha disposición adicional única, trata sobre o procedemento para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de policías locais na Comisión de Coordinación das Policías Locais; unha disposición transitoria única fai referencia aos procesos selectivos para o acceso e provisión de prazas vacantes aos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local en curso no momento da publicación deste decreto. Hai ademais unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras. A primeira trata sobre a modificación do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares da policía local; a segunda, sobre o prazo para a adaptación dos regulamentos internos dos corpos da Policía Local ao previsto neste decreto, ou para a súa aprobación; a terceira, súa habilitación para o desenvolvemento deste decreto, e a cuarta, sobre a súa entrada en vigor.
IV
Na elaboración desta norma cumpríronse as exixencias establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Foi sometida a consulta pública previa a proposta presentada e a información pública o anteproxecto do decreto, mediante a súa exposición no portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, e foron solicitados, entre outros, os informes do Servizo Técnico-Xurídico da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Federación Galega de Municipios e Provincias, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral da Función Pública, da Comisión de Coordinación de Policías Locais segundo o establecido no artigo 17.1.a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, e da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Este decreto tamén se someteu a ditame do Consello Consultivo de Galicia, que foi emitido con data do 30 de novembro de 2022.
De conformidade co establecido no artigo 15 e nas disposicións derradeiras primeira e segunda da Lei 4/2007, do 20 de abril, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia ditar as normas xerais de coordinación no marco desta lei e realizar o seu desenvolvemento regulamentario.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil vinte e tres, ao abeiro da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
TÍTULO I
OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN
Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é o desenvolvemento da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no marco do disposto na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade; na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, e no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, así como na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Este decreto é de aplicación aos corpos da Policía Local dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu persoal, incluído o persoal auxiliar de policía que poida ser contratado en caso necesario. Tamén será de aplicación ao persoal vixilante municipal dos concellos que conten con este tipo de persoal.
Así mesmo, as disposicións contidas neste decreto relativas aos cursos selectivos e de formación serán de aplicación ao alumnado que os estea realizando na Academia Galega de Seguridade Pública.
TÍTULO II
DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
CAPÍTULO I
Natureza, estrutura e creación dos corpos da Policía
Artigo 3. Natureza xurídica e estrutura
- Os corpos da Policía Local son institutos armados de natureza civil e organización xerarquizada baixo a superior autoridade e dependencia directa da persoa titular da Alcaldía ou concellería en quen se delegue, de conformidade co artigo 5.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- De conformidade co artigo 5.5 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o persoal dos corpos da Policía Local ten a condición de persoal funcionario de carreira dos respectivos concellos, e queda expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local.
- En particular, prohíbense as contratacións de natureza laboral, calquera que sexa o seu tipo e a súa duración, sen prexuízo da contratación, de conformidade coa normativa laboral que regule as modalidades de contratación, do persoal con funcións de auxiliar de policía, previsto no artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e no título VI deste decreto.
- De conformidade co artigo 24.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril, os corpos da Policía Local de Galicia estrutúranse xerarquicamente nas seguintes escalas e categorías:
- a) Escala superior, que comprende a categoría de superintendente.
- b) Escala técnica, que comprende as categorías de intendente principal e intendente.
- c) Escala executiva, que comprende as categorías de inspector principal e inspector.
- d) Escala básica, que comprende a categoría de oficial e policía.
- De conformidade co artigo 26.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril, os concellos poderán crear a subescala facultativa, coas categorías que se consideren das sinaladas no número anterior, para desempeñar tarefas de cobertura e apoio ás funcións policiais, nas especialidades que se consideren oportunas, segundo as súas peculiaridades propias de organización e funcionamento.
En todo caso, non se poderán crear prazas nesta subescala naquela categoría que resulte ser a máxima no corpo da Policía Local de que se trate.
Artigo 4. Creación do corpo da Policía Local
- De conformidade co artigo 22.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, a creación do corpo da Policía Local nos concellos de máis de 5.000 habitantes corresponderá ao Pleno da corporación. Para a súa creación en concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes, ademais do acordo da corporación local, será necesario o informe preceptivo da persoa titular da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, que se emitirá de conformidade coa tramitación que se sinala nos números seguintes.
- A persoa titular da Alcaldía deberá presentar ante o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude, na cal se motiven suficientemente as necesidades de creación do corpo da Policía Local e se xustifique o cumprimento das condicións mínimas establecidas no número 3 do artigo 22 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- O dito órgano directivo instará do Gabinete Técnico a que se refire o artigo 20 da Lei 4/2007, do 20 de abril, a emisión dun ditame técnico previo sobre a procedencia da creación do corpo da Policía Local polo concello solicitante.
- Recibido o ditame, emitirase o informe preceptivo previsto no punto primeiro, o que se lle comunicará ao concello.
- En calquera caso, tanto o Gabinete Técnico como a persoa titular da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, poderán solicitar do concello, a través do órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais, a achega de información complementaria que consideren necesaria para a emisión do informe.
- O prazo máximo para a emisión e comunicación ao concello do informe preceptivo é de seis meses, contados desde a data da súa solicitude. De conformidade co artigo 80.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de non emitirse o informe dentro do prazo sinalado, poderá suspenderse o prazo máximo legal para resolver o procedemento nos termos establecidos no artigo 22.1.c) da dita lei.
Artigo 5. Comunicación da relación de postos de traballo do corpo da Policía Local
- Unha vez aprobada definitivamente a relación de postos de traballo pola creación dun corpo da Policía Local, ou cada vez que se produza unha variación dela nun corpo xa existente, o concello deberá comunicala dentro dun prazo de trinta días ao órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais, de acordo co disposto no artigo 202 da Lei 2/2015, do 29 de abril.
- No mes de xaneiro de cada ano, os concellos comunicaranlle ao Rexistro das Policías Locais de Galicia os datos estatísticos por categorías, segundo a relación dos postos de traballo dos corpos da Policía Local, con indicación das prazas totais e das efectivamente cubertas, con desagregación por sexo para cada categoría policial; xunto co anterior, facilitarase información estatística do persoal policial que solicitase licenzas ou permisos de maternidade, paternidade, redución de xornada ou excedencia para o coidado de familiares.
Artigo 6. Dispensa dos requisitos mínimos en canto á estrutura do corpo da Policía Local
- De conformidade co artigo 31 da Lei 4/2007, do 20 de abril, a consellería competente en materia de coordinación de policías locais poderá dispensar, con carácter excepcional, dos requisitos mínimos en canto á estrutura do respectivo corpo da Policía Local a aqueles concellos que o soliciten e que xustifiquen a imposibilidade do seu cumprimento, logo de informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais.
- Para a dita dispensa, a persoa titular da Alcaldía presentará ante o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude motivada, en que se xustifique suficientemente a excepcionalidade e a imposibilidade do cumprimento dos requisitos cuxa dispensa se solicita.
- Recibida a solicitude, o órgano directivo instará do Gabinete Técnico a emisión dun ditame técnico previo sobre a procedencia da dispensa. Para a emisión deste ditame teranse en conta aspectos tales como o incremento da poboación do municipio, incluído o estacional, a taxa de criminalidade, os índices de sinistralidade e os medios dispoñibles.
- Logo dese ditame técnico, a Comisión de Coordinación de Policías Locais emitirá o informe sobre a dispensa solicitada, de conformidade co artigo 17 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- Se durante a tramitación da solicitude se considerara necesaria a achega de información complementaria, o órgano directivo poderá solicitarlla ao correspondente concello.
- O prazo máximo para resolver a solicitude será de seis meses.
Artigo 7. Efectos da dispensa
A dispensa concederase por un período de dous anos, transcorrido o cal, de persistir a falta de cumprimento dos requisitos obxecto de dispensa, o concello deberá recorrer ao sistema de asociación previsto no capítulo II deste título, referido aos convenios de colaboración e de asociación de concellos para a prestación do servizo policial ou, de ser o caso, acordar a extinción do corpo de policía e tomar, neste último caso, algunha das medidas seguintes:
- a) Manter os postos de traballo do persoal policial ata a súa xubilación ou o pase á situación de segunda actividade, pero sen que poidan crearse prazas nin cubrir posibles vacantes. Este persoal estará na situación de «a extinguir» e poderá ata a súa xubilación optar pola mobilidade a postos de traballo que se poidan convocar noutros corpos da Policía Local.
- b) Acordar co persoal policial a modificación das condicións da súa relación de servizo co concello, integrándoo noutro corpo de persoal funcionario, con destino noutro posto de traballo nunha área distinta, mantendo as actuais condicións administrativas e económicas.
CAPÍTULO II
DOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN POLICIAL INTERMUNICIPAL
E DA ASOCIACIÓN DE CONCELLOS PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO POLICIAL
Artigo 8. Colaboración temporal para reforzar cadros de persoal
A colaboración temporal para reforzar o cadro de persoal policial dalgún concello que temporalmente teña dificultades para a prestación do servizo policial establecerase mediante convenios de colaboración con outros concellos con corpo da Policía Local.
A prestación realizarase de forma voluntaria por parte do persoal policial afectado e dará lugar ás compensacións económicas que se establezan nos correspondentes acordos da negociación colectiva.
Artigo 9. Características dos convenios de colaboración policial intermunicipal
- Os convenios de colaboración policial intermunicipal terán unha duración máxima de catro anos, prorrogables por outros catro, e responderán a calquera das seguintes circunstancias:
- a) Necesidade de reforzar temporalmente o cadro de persoal dun concello que, por circunstancias imprevistas, perdese un número de efectivos tal que non lle permita a prestación do servizo policial.
- b) Necesidades de carácter especial ou extraordinario, derivadas de eventos, celebracións, dispositivos específicos ou outras causas semellantes para as cales se precisase de máis persoal, ou tamén de persoal especialista.
- En todo caso, as actuacións ou os servizos policiais que se presten en virtude de convenios administrativos de colaboración quedarán limitados aos que se recollan nos propios convenios. Corresponderalle o mando á persoa titular da Alcaldía ou concellaría en que se delegue do concello en que se preste o servizo, coa distribución de custos ou compensacións económicas que expresamente deben figurar no convenio.
- De conformidade co artigo 6.4 da Lei 4/2007, do 20 de abril, poderase instar a colaboración da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, á cal, en todo caso, se lle dará conta dos acordos adoptados polos concellos, para a súa anotación no Rexistro de Policías Locais de Galicia.
Artigo 10. Asociación de concellos para a prestación dos servizos de policía local
- De conformidade co artigo 22 bis.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril, dous ou máis concellos galegos limítrofes que conten con cadanseu corpo de Policía Local, cuxa poboación non sobrepase en conxunto os 40.000 habitantes, pero que separadamente non dispoñan de recursos suficientes poderán asociarse para unha mellor prestación dos servizos de policía local de forma conxunta.
- Estes concellos deberán obter a correspondente autorización do Ministerio do Interior con carácter previo á subscrición do acordo de colaboración, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, e a normativa que a desenvolve.
TÍTULO III
DO ACCESO ÁS ESCALAS E CATEGORÍAS NOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 11. Convocatorias dos procesos selectivos
- Os procesos selectivos iniciaranse mediante convocatoria pública.
- As bases da convocatoria, como mínimo, deben conter:
- a) O número de prazas, subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no caso de que non teña subgrupo, o corpo e, se for o caso, a escala ou categoría laboral.
- b) As condicións e os requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.
- c) O sistema selectivo aplicable, con indicación do tipo de probas concretas e os sistemas de cualificación dos exercicios ou, de ser o caso, os baremos de puntuación dos méritos.
- d) O programa das probas selectivas ou a referencia da súa publicación oficial.
- e) A orde de actuación das persoas aspirantes.
- f) O réxime aplicable ao órgano de selección.
- g) As características, efectos e duración dos cursos e/ou do período de prácticas que deban realizar, de ser o caso, as persoas seleccionadas.
- h) Orde de desenvolvemento das probas e duración do seu proceso de realización; deberase ter en conta que desde o remate dunha proba ao comezo da seguinte terá que transcorrer un prazo mínimo de dous días.
- i) Composición do tribunal cualificador, de acordo co disposto no artigo 34 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- j) Previsión, de ser o caso, da posibilidade de que os órganos de selección propoñan para o acceso ao emprego público un número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas.
- k) Criterios para regular e ordenar os casos de empate na puntuación.
- l) Obrigatoriedade, de ser o caso, de superar o curso selectivo correspondente previsto para a categoría de que se trate pola Academia Galega de Seguridade Pública.
- m) Contía e forma de ingreso das taxas de participación no proceso selectivo, se é o caso.
- n) Medios de publicidade da convocatoria e do seu desenvolvemento.
- Nas convocatorias teranse en conta as condicións especiais aplicables ás persoas con discapacidade, consonte o previsto no artigo 54 da Lei 2/2015, do 29 de abril.
- As bases das convocatorias establecerán que as mulleres embarazadas que, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, prevexan a posibilidade de coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo, poderán poñelo en coñecemento do tribunal e xuntarán coa comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos dous días seguintes ao anuncio da data do exame e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as medidas conxuntamente.
- No caso de que nunha mesma convocatoria de prazas coexistan os sistemas de acceso mediante promoción interna e o de provisión por mobilidade horizontal desde outros corpos, as prazas non cubertas por mobilidade acrecentarán as reservadas para a promoción interna.
- As convocatorias e as súas bases publicaranse segundo o disposto no artigo 32.3 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
Artigo 12. Aprobación das bases das convocatorias
As bases das convocatorias para cubrir vacantes nos corpos da Policía Local, e tamén os postos de vixilantes municipais, serán aprobadas polos concellos, segundo a oferta anual de emprego, e deberán axustarse ao disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, na normativa que a desenvolve e, supletoriamente, nos criterios de selección que se fixan na lexislación básica do Estado e na autonómica en materia de función pública.
Artigo 13. Informe preceptivo en materia de coordinación de policías locais
De conformidade co parágrafo final do artigo 32.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, para os efectos do previsto no artigo 16.a) desa lei, os concellos remitiranlle as bases das convocatorias, con carácter previo á súa aprobación definitiva, ao órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais para a emisión do correspondente informe preceptivo, que será emitido nun prazo de 10 días, contado desde o seguinte ao da recepción das bases polo dito órgano. Este informe analizará a adecuación das bases das convocatorias á normativa de coordinación de policías locais.
Artigo 14. Medidas de reforzo da igualdade
- Os temarios dos procesos selectivos incluirán os contidos correspondentes en materia de igualdade e violencia de xénero.
- De conformidade co artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, cando nos corpos da Policía Local e nos postos de vixilantes municipais se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, na oferta de emprego público establecerase que, de existiren méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas, serán admitidas as mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nas persoas candidatas de ambos os sexos existan motivos non discriminatorios para preferir o home.
Enténdese, para estes efectos, a existencia de infrarrepresentación cando no corpo, escala, grupo ou categoría exista unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre o número de mulleres e o número de homes.
Artigo 15. Relación de persoas admitidas e excluídas
- Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, e despois de revisadas, o órgano convocante ditará resolución pola que declara aprobada a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, de ser o caso, con indicación das causas que motivaron a súa exclusión.
- Esta resolución publicarase no lugar que se determine nas bases da convocatoria e tamén no boletín oficial da provincia. Neste caso indicarase neste caso o lugar en que se poden consultar as listas expostas para coñecemento público, con indicación do prazo para que as persoas excluídas poidan emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.
- Transcorrido o prazo anterior, o órgano convocante ditará nova resolución pola que aprobará a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo correspondente, e fixará o lugar e a data de comezo das probas.
Artigo 16. Posibilidade de aprazamento das probas físicas no caso de embarazo, parto ou posparto
- Nos casos de aspirantes embarazadas ou en período de parto ou posparto, poderase aprazar por un tempo de ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles correspondese efectuar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado, acreditado mediante o correspondente certificado médico. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só o resto das probas para os demais participantes.
- Para o caso de que a puntuación final das persoas que se acollesen ao dereito de aprazamento non poida superar a puntuación final do resto das persoas que participan no proceso selectivo, a estas daráselle por superado o proceso selectivo sen que sexa necesario esperar á realización da totalidade das probas por parte das persoas que se acollesen ao dereito de aprazamento.
- Independentemente do anterior, a aspirante poderá renunciar á realización das demais probas físicas e, en consecuencia, á súa participación no proceso selectivo, con reserva do posto ordinal acadado na proba de coñecementos para o seguinte proceso selectivo que se convoque.
Artigo 17. Coincidencia das probas de recoñecemento médico coa situación de embarazo e lactación
En ningún caso as probas de recoñecemento médico estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo calquera que fose derivada da situación de embarazo e lactación. Por solicitude da muller que acredite encontrarse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas médicas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha nova data para súa realización, de acordo co previsto no artigo 16.1.
Artigo 18. Publicación da relación de persoas aprobadas
Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporalle ao órgano convocante e fará pública a relación de persoas que superaron o proceso selectivo, por orde decrecente de puntuación.
Artigo 19. Lista de reserva para posibles substitucións
- O tribunal elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva, na cal figurarán aquelas persoas que, aínda que superasen as probas do proceso selectivo, non resulten aprobadas por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas.
- No caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou outros supostos polos cales unha persoa aspirante aprobada non chegue a tomar posesión, e sempre con anterioridade ao desenvolvemento do curso selectivo correspondente, de ser o caso, o órgano convocante deberá substituíla pola seguinte aprobada na orde de puntuación da lista de reserva.
Artigo 20. Solicitude de prazas no curso selectivo
O concello convocante comunicaralle á Academia Galega de Seguridade Pública a relación do alumnado que, de ser o caso, teña que incorporarse aos cursos selectivos previstos neste decreto e solicitará a reserva das prazas correspondentes.
Artigo 21. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas
Para realizar o curso selectivo de formación e o período de prácticas, se é o caso, as persoas seleccionadas serán nomeadas funcionarias en prácticas, cos dereitos e deberes que legalmente lles correspondan segundo a súa situación e categoría.
CAPÍTULO II
SISTEMAS E PROCEDEMENTOS PARA O ACCESO
Sección 1ª. Disposición xeral
Artigo 22. Acceso ás distintas categorías dos corpos da Policía Local
- O ingreso na categoría de policía e en calquera das categorías da subescala facultativa realizarase polo sistema de oposición libre segundo o disposto nos artigos 35 e 26 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e neste decreto.
- O acceso ás categorías de oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente terá lugar polos sistemas de promoción interna e mobilidade con ascenso que, en cada caso, se determinan nos artigos 37 a 42 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e neste decreto. As persoas funcionarias dos corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma tamén poderán acceder á subescala facultativa polo sistema de concurso-oposición, de conformidade co disposto no artigo 26 da Lei 4/2007, do 20 de abril, e neste decreto.
Sección 2ª. Ingreso na categoría de policía
Artigo 23. Requisitos de acceso nos procesos selectivos para o ingreso na categoría de policía
- Para acceder á categoría de policía deben reunirse os seguintes requisitos:
- a) Ter nacionalidade española.
- b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.
- c) Estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para acceder á condición de persoal funcionario do subgrupo C1, consonte a normativa de función pública.
- d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.
- e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.
- f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.
- g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.
- h) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidos, que presentará en forma de declaración xurada, ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.
- i) Presentación dun informe de saúde, asinado por persoal facultativo, en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e psíquicas para a realizar os exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no dito informe. Este informe de saúde debe ser expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba de aptitude física.
- Os requisitos enumerados neste artigo deberán acreditarse na data da presentación da solicitude, dentro do prazo fixado na convocatoria para estes efectos, agás o informe de saúde recollido na letra i) do número anterior, que será entregado ao tribunal no acto de chamamento para as probas físicas, requisito necesario para a súa admisión na realización destas. Ademais, as persoas interesadas deberán posuír estes requisitos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes de participación e mantelos ata a toma de posesión como persoal funcionario.
Artigo 24. Probas de oposición e orde de desenvolvemento
- As probas da oposición, citadas pola orde en que se deberán desenvolver, son as seguintes:
- a) Probas de avaliación dos coñecementos das persoas aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.
- b) Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, só para aquelas persoas que non puidesen acreditalo documentalmente e que se realizará xunto coa proba anterior.
- c) Probas de aptitude física.
- d) Probas psicotécnicas.
- e) Recoñecemento médico.
- As probas recollidas no número anterior teñen carácter eliminatorio.
- Facúltase o tribunal cualificador, unha vez rematada a proba de coñecementos, para establecer por orde decrecente de puntuación as persoas aspirantes que deban desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario, cuxo número non será inferior en todo caso ao dobre das prazas convocadas.
Artigo 25. Descrición das probas
- As probas de avaliación dos coñecementos, xerais e específicos, en materias relacionadas co exercicio profesional deberán amosar a preparación intelectual das persoas aspirantes e o seu dominio dos contidos da totalidade do temario. Consistirán na contestación por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, que será proposto polo tribunal sobre o temario previsto no número 6 deste artigo.
- A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que as persoas participantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, e serán sometidos a unha proba de tradución dun texto do galego ao castelán e dun texto do castelán ao galego.
Porén, aquelas persoas que estean en posesión do título Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais xustificativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, ou norma que a substitúa, estarán exentas de realizar esta proba, que se lles dará por superada.
- As probas de aptitude física irán dirixidas a comprobar as capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade das persoas aspirantes.
- As probas psicotécnicas estarán dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes subxectivas das persoas aspirantes e a súa adecuación á función policial que se vai desempeñar. Consistirán na aplicación dunha proba de intelixencia, que medirá a capacidade intelectual e psicomotriz; e tamén na aplicación de probas de personalidade destinadas a medir os aspectos afectivos e volitivos que permitan unha apreciación global da personalidade.
- O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas, co fin de garantir que as persoas aspirantes estean en condicións adecuadas para o exercicio das funcións policiais.
- A descrición das probas de selección e os temarios para o ingreso nos corpos de policía local regularanse mediante unha orde da consellería con competencias en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 26. Puntuación final das persoas aspirantes
- Rematadas as probas, o tribunal outorgará a cada aspirante a puntuación final obtida, que se corresponderá coa cualificación da proba de coñecementos, referida ao temario.
- Sen prexuízo do carácter eliminatorio das sucesivas probas, a puntuación do número anterior será determinante para confeccionar a lista das persoas que superaron o proceso selectivo, así como a lista de reserva prevista no artigo 19.
- En caso de empate, para establecer o ordinal definitivo da lista de persoas aprobadas, ou da lista de reserva, o órgano de selección resolverá segundo a seguinte prelación:
- a) Preferencia á muller, mentres se manteña a infrarrepresentación do sexo feminino, nos termos expresados polo artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
- b) Menor tempo acadado na proba física de resistencia xeral que se estableza na orde prevista no artigo 25.6.
- c) Menor tempo acadado na proba física de velocidade que se estableza na orde prevista no artigo 25.6.
- d) Sorteo entre as persoas aspirantes.
Sección 3ª. Acceso ás categorías de oficial, inspector, inspector principal,
intendente, intendente principal e superintendente
Subsección 1ª. Promoción interna
Artigo 27. Promoción interna e sistemas de selección
- Por promoción interna mediante concurso-oposición poderá accederse ás categorías de oficial, inspector, inspector principal e intendente desde as categorías inmediatas inferiores; tamén poderá accederse polo mesmo sistema ás categorías de inspector, inspector principal e intendente desde as categorías de policía, oficial ou inspector, respectivamente, de acordo co disposto, en ambos os casos, nos artigos 37 a 40 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- Por promoción interna mediante concurso poderá accederse ás categorías de intendente principal e superintendente desde as categorías inmediatas inferiores, de acordo co disposto nos artigos 41 e 42 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
Artigo 28. Requisitos de acceso
- Os requisitos para acceder mediante promoción interna ás categorías de oficial, inspector, inspector principal, intendendente, intendente principal e superintendente son os previstos no artigo 33 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- Estes requisitos deberán acreditarse na data de presentación da solicitude, dentro do prazo fixado na convocatoria para estes efectos. Ademais, as persoas interesadas deberán posuír estes requisitos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes de participación e mantelos ata a toma de posesión como persoal funcionario.
Artigo 29. Puntuación específica para as situacións de maternidade, paternidade e coidado de familiares
O persoal funcionario que estea a utilizar ou utilizase nos últimos cinco anos unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares, na fase de concurso de méritos será cualificado, en función do tempo utilizado no exercicio deses dereitos, coa puntuación que se estableza na correspondente convocatoria.
Subsección 2ª. Mobilidade con ascenso
Artigo 30. Mobilidade con ascenso e sistema selectivo
- Mediante a mobilidade con ascenso o persoal funcionario doutros corpos da Policía Local de Galicia que posúa a categoría inmediata inferior en cada caso poderá acceder ás categorías de oficial, inspector, inspector principal e intendente, respectivamente, cuxa cobertura non fose posible mediante promoción interna ou polo procedemento de provisión de postos vacantes por mobilidade horizontal, de acordo co disposto nos artigos 37.c), 38.d), 39.d) e 40.d) da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- O sistema de selección da mobilidade con ascenso será o de concurso-oposición, que se axustará ao previsto no artigo 32.
Artigo 31. Requisitos de acceso
- Ademais dos requisitos de acceso establecidos no artigo 33 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o persoal funcionario terá que contar cunha antigüidade mínima de seis anos de servizo como persoal funcionario da Policía Local para o acceso ás categorías de inspector, inspector principal e intendente, e de cinco anos para o acceso á categoría de oficial.
- Estes requisitos deberán acreditarse na data da presentación da solicitude, dentro do prazo fixado na convocatoria para estes efectos. Ademais, as persoas interesadas deberán posuír estes requisitos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes de participación e mantelos ata a toma de posesión como persoal funcionario.
Subsección 3ª. Disposicións comúns aplicables aos sistemas de selección de promoción interna e a mobilidade con ascenso
Artigo 32. Descrición dos sistemas de selección
O sistema de selección na promoción interna e na mobilidade con ascenso abrangue as seguintes fases:
- a) O concurso consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados polas persoas aspirantes, de acordo co baremo que se determine.
- b) A oposición consistirá na realización e avaliación de probas de coñecementos das persoas aspirantes referidas ao temario para o acceso a cada categoría.
- c) Avaliación do coñecemento da lingua galega, nos termos previstos no artigo 25.2.
- d) As persoas aspirantes que resulten aprobadas deberán superar o curso selectivo de capacitación para a nova categoría que se describe no artigo 56, que será obrigatorio e necesario para poder tomar posesión como persoal funcionario de carreira no novo posto a que accedan.
Artigo 33. Temarios e baremos de méritos
Os temarios para acceder a cada categoría e os baremos de méritos para a promoción interna e a mobilidade con ascenso nos corpos da Policía Local determinaranse mediante unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 34. Supostos de empate na puntuación
- De se producir empate nas puntuacións finais obtidas por dúas ou máis persoas aspirantes, aplicaranse os seguintes criterios de prelación ata se producir o desempate:
- a) Preferencia á muller, mentres se manteña a infrarrepresentación do sexo feminino, nos termos expresados polo artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
- b) Maior antigüidade na categoría e, de persistir o empate e resultar posible, na categoría inmediata inferior e así de xeito sucesivo.
- c) Primarase a puntuación máis alta referida aos méritos na epígrafe de formación profesional.
- d) Primarase a posesión de titulación académica de máis nivel.
- No caso de persistir o empate despois da aplicación dos criterios anteriores, realizarase un sorteo entre as persoas aspirantes.
Sección 4ª. Acceso á subescala facultativa
Artigo 35. Acceso á subescala facultativa polo sistema de oposición
- De conformidade co artigo 26.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o acceso ás diferentes categorías da subescala facultativa producirase polo sistema de oposición libre, exixirase como requisitos de acceso, ademais dos xenéricos para cada categoría, estar en posesión da titulación académica ou profesional exixible en cada caso.
- As probas da oposición, a súa descrición e a orde de desenvolvemento axustaranse ao previsto nos artigos 24 e 25, e ademais incluirán unha proba de coñecementos da especialidade de que se trate, cuxo contido se determinará mediante unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
- A puntuación final das persoas aspirantes realizarase de acordo co previsto no artigo 26.
Artigo 36. Acceso á subescala facultativa polo sistema de concurso-oposición
- De conformidade co artigo 26.3 da Lei 4/2007, do 20 de abril, en cada convocatoria reservarase ata un vinte e cinco por cento das prazas para seren cubertas polo sistema de concurso-oposición entre os membros dos corpos da Policía Local de Galicia, sempre que conten coa titulación exixida e cunha antigüidade mínima de cinco anos no exercicio da función policial. No suposto de non poder cubrir as vacantes coa porcentaxe sinalada, as fraccións sobrantes acumularanse á seguinte ou seguintes convocatorias.
- O sistema de concurso-oposición desenvolverase consonte o previsto no artigo 32.
Artigo 37. Relación de persoas aprobadas e nomeamento de persoal funcionario en prácticas
Publicada a relación das persoas aprobadas no proceso selectivo tanto por oposición libre como por concurso-oposición, o concello realizará o seu nomeamento como persoal funcionario en prácticas para o desenvolvemento do curso selectivo de formación, cos dereitos e deberes que legalmente lle correspondan segundo a súa situación e categoría.
TÍTULO IV
MOBILIDADE
Artigo 38. Concepto e requisitos de participación
- De conformidade co previsto no artigo 43.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o persoal funcionario de carreira dos corpos da Policía Local de Galicia pertencente ás categorías de policía, oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente poderá participar nos procesos de provisión de postos vacantes da súa mesma categoría noutros corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma.
- Para participar nos procesos de mobilidade será necesario reunir os requisitos establecidos no artigo 43.4 da Lei 4/2007, do 20 de abril. Estes requisitos, xunto cos méritos que se aleguen, deberán reunirse e acreditarse documentalmente na data da presentación da solicitude.
Artigo 39. Procedemento de provisión
- De conformidade co previsto no artigo 43.3 da Lei 4/2007, do 20 de abril, a provisión por mobilidade de prazas correspondentes ás distintas categorías dos corpos da Policía Local levarase a cabo polo procedemento de concurso, de acordo co baremo establecido polo centro directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
- O procedemento de concurso consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, se é o caso, polas persoas participantes.
- A puntuación final de cada aspirante consistirá na suma das cualificacións dos méritos totais, sen limitación. Ao persoal con puntuacións máis altas, en número igual ao de prazas convocadas por este sistema, adxudicaránselle as prazas ofertadas.
Artigo 40. Obrigas no caso de participación simultánea en varios procesos de mobilidade
O persoal funcionario participante en dous ou máis procesos simultáneos de mobilidade horizontal está suxeito ás seguintes obrigas:
- Comunicar a cada concello afectado a súa participación en procesos idénticos noutros concellos, de xeito que se poida ter en conta esta circunstancia por cada concello, no suposto de resultar seleccionado, antes de ditar a proposta de resolución do proceso de mobilidade horizontal.
- Comunicarlle por escrito ao concello en que non vaia tomar posesión, antes da proposta de resolución do proceso de mobilidade horizontal, a renuncia a ela.
Artigo 41. Renuncia á praza e posibilidade de cobertura
- De conformidade co artigo 43.6 da Lei 4/2007, do 20 de abril, os destinos adxudicados son irrenunciables, agás que con anterioridade ao remate do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública. Nese caso a persoa adxudicataria poderá optar e comunicar a opción elixida.
Unha vez comunicada esta circunstancia ao concello convocante da praza a que renuncia, poderá tomar posesión da outra praza obtida en paralelo noutra convocatoria pública.
- O tribunal, realizará neste suposto unha segunda e, de ser o caso, sucesivas propostas en favor da persoa candidata que obtivese a seguinte mellor cualificación no concurso.
- A previsión do número anterior sería aplicable tamén no caso de que a persoa candidata proposta non reúna os requisitos de participación, unha vez que sexan comprobados.
Artigo 42. Cesamento e nomeamento
- A persoa funcionaria seleccionada para unha praza nun proceso de mobilidade cesará no prazo dos cinco días seguintes á publicación da resolución do concurso, e tomará posesión no prazo dos dez días seguintes ao cesamento.
- O concello de procedencia farase cargo das retribucións ata o día do cesamento incluído, e o concello de destino a partir dese momento.
- O tempo transcorrido entre a data do cesamento e a da toma de posesión computarase como de servizo activo no concello de destino.
- En todo caso, os prazos para a data do cesamento e da toma de posesión comezarán a contar unha vez que rematen os permisos ou licenzas que tivese concedidos a persoa interesada.
Nos supostos de incapacidade temporal, o cómputo do prazo para a toma de posesión iniciarase a partir da correspondente alta.
Non obstante, no caso de licenzas ou permisos vinculados ao embarazo, parto e posparto, nacemento de fillo, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, a persoa funcionaria poderá cesar no posto que ocupa con carácter definitivo e tomar posesión no posto adxudicado no concurso, e continuará o desfrute do permiso ata a súa finalización.
TÍTULO V
DO PERSOAL VIXILANTE MUNICIPAL
Artigo 43. Persoal vixilante municipal
1.O persoal vixilante municipal ten a condición de persoal funcionario de carreira dos concellos respectivos e queda expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local.
- De conformidade co artigo 88 da Lei 4/2007, do 20 de abril, non poderán crearse prazas de vixilantes municipais nos concellos en que xa exista un corpo da Policía Local.
Artigo 44. Acceso ao posto de vixilante municipal
- De conformidade co artigo 92 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o ingreso como vixilante municipal efectuarase polo sistema de oposición.
- Os requisitos para o acceso aos postos de vixilante municipal serán os previstos no artigo 23 para o ingreso nos corpos da Policía Local, coas seguintes particularidades:
- a) A titulación académica de acceso será a correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 92.3 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- b) Non será exixible o compromiso de portar armas previsto na letra h) do artigo 23.
- O desenvolvemento do correspondente proceso selectivo de oposición será o previsto nos artigos 24 e 25 para o ingreso nos corpos da Policía Local. Non obstante, para a exención da proba de coñecemento da lingua galega bastará con acreditar a posesión do título Celga 3 ou equivalente.
- A descrición das probas de selección e os temarios para o acceso a vixilantes municipais regularanse mediante unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 45. Curso selectivo de ingreso para vixilantes municipais
De conformidade co artigo 92.4 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o acceso á condición de vixilante municipal requirirá inescusablemente que as persoas aspirantes realicen e superen previamente un curso de formación programado pola Academia Galega de Seguridade Pública e adaptado ás características da súa función.
TÍTULO VI
DO PERSOAL AUXILIAR DE POLICÍA LOCAL
Artigo 46. Vinculación e sistema de selección
O persoal auxiliar terá a consideración de contratado laboral e a súa contratación poderán efectuala os concellos, de conformidade coa normativa laboral que regule as modalidades de contratación, en función das prazas que se van cubrir, mediante convocatoria pública, que se publicará no taboleiro de anuncios do concello, nun dos diarios de maior tirada de Galicia e no Boletín Oficial da provincia, polo sistema de oposición.
Artigo 47. Requisitos de acceso
Para participar nos procesos selectivos de acceso aos postos de persoal auxiliar deberán posuírse na data de presentación de solicitudes de participación e manterse ata a toma de posesión os seguintes requisitos:
- a) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, se é o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.
- b) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, así como tamén as persoas estranxeiras con residencia legal en España, nos termos previstos no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril.
- c) Ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.
- d) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía.
- e) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.
Artigo 48. Desenvolvemento do proceso selectivo
- A oposición comprenderá as seguintes probas, citadas pola orde en que se deberán desenvolver:
- a) Proba de avaliación de coñecementos. Nesta proba as persoas aspirantes deberán demostrar a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos da totalidade do temario.
- b) Proba de avaliación de coñecemento da lingua galega. Nesta proba as persoas aspirantes deberán demostrar que comprenden, falan e escriben correctamente o galego.
Porén, aquelas persoas que estean en posesión do título Celga 3 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais xustificativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, ou norma que a substitúa, estarán exentas da realización desta proba, que se lles dará por superada coa cualificación de apta.
- c) Probas de aptitude física. Nestas probas as persoas aspirantes deberán demostrar as súas capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade para as funcións que teñen que desempeñar.
- A descrición das probas de selección e os temarios para o persoal auxiliar de policía regularanse mediante unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 49. Curso de formación
- Para poder exercer as funcións de auxiliar de policía local será requisito indispensable ter superado un curso de formación, que para tal efecto programará e desenvolverá a Academia Galega de Seguridade Pública, que determinará a duración, estrutura e contidos relacionados coas funcións de apoio e auxilio ao persoal funcionario de policía, no marco do disposto na lexislación de forzas e corpos de seguridade.
- Este curso terá unha validez de catro anos naturais, incluído o ano en que se realizase, que deberá renovarse transcorrido o dito prazo.
Artigo 50. Autorización excepcional para a contratación de persoal auxiliar de policía
- O órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais, nos concellos con notorio aumento de poboación en temporadas determinadas ou en determinados casos, debida e obxectivamente xustificados, poderá autorizar a contratación aos concellos dun número de auxiliares superior ao 50 por cento do persoal funcionario da Policía Local, e/ou por unha duración superior aos catro meses, que en todo caso non pode superar os seis meses dentro do ano natural.
- Estas solicitudes de autorización excepcional, que presentará a persoa titular da Alcaldía ante o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais, deben xustificar obxectiva e suficientemente a necesidade de superar as limitacións establecidas no número 1 do artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- O prazo máximo para a resolución e a súa notificación ao concello da autorización solicitada será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude.
- En calquera caso, o órgano directivo, ben directamente ou ben por solicitude do Gabinete Técnico, requiriralle ao concello solicitante a achega da información complementaria que sexa necesaria para a resolución.
TÍTULO VII
OS CURSOS SELECTIVOS DE INGRESO E ACCESO ÁS ESCALAS E CATEGORÍAS E SUBESCALA FACULTATIVA DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL E OS CURSOS DE FORMACIÓN PERMANENTE
CAPÍTULO I
CURSO SELECTIVO DE INGRESO NOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
Artigo 51. Curso selectivo e obriga da súa superación
A superación do curso selectivo é obrigatoria para acceder á categoría de policía. Aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Academia Galega de Seguridade Pública estarán dispensadas de realizar o dito curso.
Artigo 52. Características do curso selectivo
- Sen prexuízo do disposto no artigo seguinte, o curso selectivo de ingreso será de tipo presencial e desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública.
As súas características mínimas, en canto duración, estrutura e contidos modulares, serán as seguintes:
- a) Duración mínima: 850 horas.
- b) Estrutura: curso teórico-práctico.
- c) Contidos modulares mínimos: módulos operativo, xurídico, técnico, asistencial e administrativo.
- d) Un módulo específico en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.
- Con carácter extraordinario, por causas que lle imposibilitasen á Academia Galega de Seguridade Pública realizar o curso teórico-práctico de forma presencial, poderase realizar ata o 40 por cento de forma telepresencial nas materias de contido teórico.
Artigo 53. Período de prácticas
- Para aquelas persoas que ingresen por primeira vez na categoría de policía, o curso selectivo comprenderá un período de prácticas, que se desenvolverá no posto de traballo e que conforma, xunto cos contidos teórico-prácticos, o proceso selectivo de formación e capacitación profesional.
Para o persoal funcionario en prácticas que se vaia integrar nos corpos da Policía Local de nova creación, o período de prácticas podería desenvolverse, en todo ou en parte, noutro concello de características semellantes.
- Este período de prácticas terá unha duración de 500 horas. Con carácter previo ao inicio do período de prácticas, será necesario ter realizado dous meses do curso teórico-práctico.
- Durante este período de prácticas, o alumnado desenvolverá o seu traballo profesional do xeito que lle permita unha mellor realización práctica dos coñecementos do curso teórico-práctico, sempre baixo a supervisión da xefatura do corpo da Policía Local ou da persoa profesional cualificada en que se delegue pola persoa titular da alcaldía. Neste período procurarase que o alumnado cumpra cos distintos labores encomendados aos corpos da Policía Local.
Artigo 54. Avaliación do período de prácticas e informe do concello
- A Academia Galega de Seguridade Pública facilitará os instrumentos de avaliación obxectiva do traballo e das actitudes e aptitudes amosadas polo alumnado no período de prácticas, que incluirán, como mínimo, os seguintes parámetros: actitude persoal, competencias na comunicación, traxectoria e actuación profesional, disciplina, relacións coa cidadanía, cantidade e calidade do traballo realizado, grao de compañeirismo e axuda ao resto do persoal na problemática da función policial, grao de cumprimento das regras, protocolos e instrucións recibidas, motivación e superación persoal. A Academia Galega de Seguridade Pública exercerá unha titoría conxuntamente coas autoridades locais e a xefatura do corpo da Policía Local.
- Ao remate deste período de prácticas, valéndose dese instrumento de avaliación obxectiva facilitado pola Academia Galega de Seguridade Pública, a xefatura do corpo da Policía Local elaborará un informe individualizado do persoal en prácticas que reflicta se superou ou non o dito período. Este informe deberá presentarse xunto co escrito, ao cal lle serve de base, asinado pola persoa titular da Alcaldía ou concellería en que delegue, mediante o cal o concello dá conta á Academia Galega de Seguridade Pública do resultado da avaliación das prácticas.
- De conformidade co previsto no parágrafo 2 do artigo 36 da Lei 4/2007, do 20 de abril, as persoas aspirantes, en calquera momento anterior a seren nomeadas persoal funcionario de carreira, poderán ser sometidas ás probas médicas que sexan precisas para comprobar a súa idoneidade.
Artigo 55. Certificación de superación do curso selectivo
Unha vez que a persoa aspirante supere o curso selectivo de que se trate, a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública certificará a dita circunstancia ao concello, de xeito que poida realizarse seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
CAPÍTULO II
CURSO SELECTIVO DE ACCESO ÁS ESCALAS E CATEGORÍAS
DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
Artigo 56. Curso selectivo de acceso ás escalas e categorías dos corpos da Policía Local
- A superación do curso selectivo é obrigatoria para o acceso ás escalas e categorías de oficial, inspector, inspector principal, intendente, intendente principal e superintendente dos corpos da Policía Local.
- O curso selectivo terá as seguintes características mínimas, en canto duración, estrutura e contidos modulares:
- a) Duración mínima: 250 horas para as categorías de oficial, inspector e inspector principal, e 200 horas para as categorías de intendente, intendente principal e superintendente.
- b) Desenvolvemento: os cursos selectivos para as categorías de oficial, inspector, inspector principal e intendente terán carácter presencial, pero poderanse desenvolver na modalidade semipresencial, que non excederá do 50 por cento da carga horaria do curso de que se trate. Os cursos selectivos para intendente principal e superintendente poderán ser de tipo presencial ou a distancia con sesións presenciais, mesmo coa posibilidade de participar naqueles cursos de contido semellante que se impartan noutros centros de formación, públicos ou privados, de recoñecido prestixio, con que a Academia Galega de Seguridade Pública manteña relacións de intercambio, recoñecemento ou colaboración.
- c) Contidos modulares mínimos: para as categorías de oficial e inspector o curso terá módulos operativo, xurídico, técnico, administrativo, de comunicación ou dirección de equipos, ademais dun módulo práctico.
O curso para as categorías de inspector principal e intendente contarán, ademais, cun módulo de xestión directiva e outro de estratexias e técnicas de mando.
Para as categorías de intendente principal e superintendente, os módulos serán sobre habilidades de mando, estratexias directivas, comunicación externa e protocolo, xestión administrativa e elaboración do proxecto directivo.
Incluirase para todas as categorías un módulo específico en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.
- A Academia Galega de Seguridade Pública poderá homologar cursos semellantes que fosen superados noutros centros de formación públicos, sempre que a súa duración, programa e contidos así o permitan e sexan aplicables os criterios de reciprocidade.
CAPÍTULO III
CURSO SELECTIVO DE INGRESO NA SUBESCALA FACULTATIVA
DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
Artigo 57. Obriga da superación dos cursos de formación
- Para acceder ás diversas categorías da subescala facultativa, será obrigatoria a superación do correspondente curso selectivo de formación que se describe nos artigos 59 e 60, segundo o sistema de acceso.
- O curso selectivo desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, de xeito presencial ou a distancia, mesmo coa posibilidade de participar o alumnado en actividades formativas alleas, de contido semellante, que se impartan noutros centros de formación, públicos ou privados, de recoñecido prestixio, con que a Academia Galega de Seguridade Pública manteña relacións de intercambio ou colaboración.
- No caso de non incorporación ao curso, ou abandono deste sen rematalo, agás por causas excepcionais ou alleas á súa vontade, a Academia Galega de Seguridade Pública instruirá o correspondente expediente á persoa aspirante para a declaración que proceda respecto da perda de todos os dereitos acadados no proceso selectivo.
- O alumnado que non supere o curso perderá todos os dereitos acadados no proceso selectivo.
Artigo 58. Curso selectivo de ingreso pola quenda libre
O persoal aspirante que supere o proceso selectivo pola quenda libre terá que superar un curso selectivo que terá por obxecto o coñecemento da estrutura, funcións e réxime estatutario dos corpos da Policía Local da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a adecuación dos coñecementos propios da especialidade de que se trate ás necesidades da función policial, que para tal efecto programará e desenvolverá a Academia Galega de Seguridade Pública, que determinará a duración, estrutura e contidos do curso.
Artigo 59. Curso selectivo de ingreso por concurso-oposición
O persoal aspirante que supere o proceso selectivo de concurso-oposición terá que superar un curso selectivo que terá por obxecto a adecuación dos coñecementos propios da especialidade de que se trate ás necesidades da función policial, que para tal efecto programará e desenvolverá a Academia Galega de Seguridade Pública, e determinará a duración, estrutura e contidos do curso.
Artigo 60. Certificación de superación do curso selectivo e nomeamento
Unha vez superado o curso selectivo de que se trate, a Academia Galega de Seguridade Pública certificará a dita circunstancia ao concello, de xeito que este poida realizar o seu nomeamento.
CAPÍTULO IV
DISPOSICIÓN COMÚN APLICABLE AOS CURSOS SELECTIVOS DE INGRESO E ACCESO ÁS ESCALAS E CATEGORÍAS E SUBESCALA FACULTATIVA DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
Artigo 61. Requisitos para a superación dos cursos selectivos
Serán requisitos necesarios para a superación dos cursos selectivos de ingreso e acceso ás escalas e categorías e á subescala facultativa dos corpos da Policía Local que o alumnado asista ao 90 por cento como mínimo das horas lectivas, que aprobe os exames ou que se lle avalíen positivamente os traballos ou probas que se determinen en cada curso, e que acaden tamén unha valoración positiva do seu comportamento e actitudes no período de formación, de conformidade coa normativa do centro.
CAPÍTULO V
CURSOS DE FORMACIÓN PERMANENTE: ACTUALIZACIÓN E ESPECIALIZACIÓN
Artigo 62. Cursos de actualización
Os cursos de actualización teñen por obxecto facilitarlle ao persoal policial unha formación que lle permita coñecer os cambios normativos, técnicos ou operativos, de xeito que a súa capacitación profesional para o desempeño das funcións policiais xerais se manteña continuamente nun adecuado nivel. Incluirán formación na materia de igualdade de xénero e violencia contra as mulleres.
Artigo 63. Cursos de especialización
Os cursos de especialización estarán dirixidos ao coñecemento de tarefas ou funcións policiais concretas que requiren formación teórica, ou á adquisición de habilidades e destrezas específicas, cun dominio dos contidos e das técnicas que permitan axustarse mellor ás novas demandas en cada área profesional.
Artigo 64. A formación continua do persoal vixilante municipal
- A Academia Galega de Seguridade Pública, tendo en conta as funcións, número e necesidades formativas do persoal vixilante municipal dos concellos, programará aqueles cursos ou actividades de formación continua que resulten necesarios para un mellor desempeño profesional deste persoal.
- Así mesmo, a Academia Galega de Seguridade Pública poderá permitir a participación deste persoal en determinadas actividades formativas, e procurará a súa actualización profesional.
Artigo 65. Homologación de cursos
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá homologar cursos semellantes que fosen superados noutros centros de formación públicos, sempre que a súa duración, programa e contidos así o permitan.
Artigo 66. Aprobación e publicación dos cursos
A Academia Galega de Seguridade Pública, logo da aprobación dos cursos pola consellería competente en materia de coordinación de policías locais e de informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, publicará no Diario Oficial de Galicia a duración, estrutura e contidos modulares de cada un dos cursos.
Artigo 67. Programa anual de formación
- Para garantir unha formación permanente, a Academia Galega de Seguridade Pública elaborará para cada ano o seu programa de formación, que incluirá actividades formativas, de actualización ou especialización.
- Para eses efectos, a Academia Galega de Seguridade Pública deberá ter en conta as demandas de formación que desde os concellos, as xefaturas de policía local ou os sindicatos e asociacións profesionais de policías lle poidan facer chegar, así como as achegas do Consello Autonómico de Formación Continua para o persoal empregado público da seguridade.
Artigo 68. Medidas de favorecemento da formación continua
Para favorecer a participación do persoal dos corpos da Policía Local nas actividades de formación continua, e tamén para que poidan conciliar mellor a súa vida familiar coa necesidade de formación, a Academia Galega de Seguridade Pública procurará que o desenvolvemento dos cursos de actualización, nunha porcentaxe non inferior ao 50 por cento das actividades programadas, presente algunha das seguintes características:
- a) Que se desenvolvan de maneira descentralizada e o máis conforme posible coa dispersión dos efectivos policiais, mediante convenios ou protocolos de colaboración cos concellos ou coas deputacións provinciais, cando se trate de cursos presenciais.
- b) Que se utilicen os sistemas de formación a distancia, favorecidos polas novas tecnoloxías de formación a través da internet, naquelas actividades en que resulte factible o uso desta ferramenta.
Artigo 69. Criterios de selección para participar en cursos ou actividades formativas
- Nas convocatorias das correspondentes actividades formativas, a Academia Galega de Seguridade Pública deberá determinar os criterios de selección que se empregarán para cubrir as prazas convocadas. No caso de non explicitarse na respectiva convocatoria, entenderase que a selección se realizará pola seguinte orde:
- a) Menor número de cursos realizados, segundo consten nas bases de datos da Academia Galega de Seguridade Pública, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.
- b) A igual número de cursos terá preferencia a persoa solicitante que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia Galega de Seguridade Pública.
- c) Antigüidade.
- Nos cursos de especialización terase en conta prioritariamente como criterio de selección o desempeño profesional do persoal solicitante, que deberá acreditarse na mesma solicitude de participación desde os concellos de orixe, tendo preferencia, en todo caso, o persoal que, no momento da convocatoria do curso, desenvolva en exclusiva ou principalmente tarefas relacionadas directamente coa temática do curso. En caso de existir empate, aplicaranse os criterios establecidos no número 1 deste artigo.
- Poderá participar nos cursos e actividades formativas o persoal funcionario durante o desfrute dos permisos por parto e nacemento, unha vez finalizado o período de descanso obrigatorio, por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, e excedencia por coidado de familiares.
- Á listaxe de persoas admitidas engadirase unha relación de suplentes para cubrir posibles baixas.
Artigo 70. Obrigas das persoas seleccionadas
O persoal seleccionado que non poida participar no curso ou actividade de que se trate ten a obriga de comunicar a súa imposibilidade de asistencia, sempre que o número de prazas estea limitado, con dous días de antelación ao comezo do curso ou actividade, para que desde a Academia Galega de Seguridade Pública se poida realizar a súa substitución. De non facelo, serán excluídos automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúna os requisitos exixidos de participación.
TÍTULO VIII
DO RÉXIME ESTATUTARIO
CAPÍTULO I
DEREITOS E DEBERES
Artigo 71. Deber de residencia
De conformidade co establecido no artigo 54 da Lei 4/2007, do 20 de abril, o persoal dos corpos da Policía Local poderá residir fóra da localidade onde traballa, exceptuados os casos en que por razóns do servizo sexa necesario o deber de residencia na propia localidade.
Sen prexuízo do anterior, a localidade onde resida non poderá distar máis de 180 quilómetros respecto da localidade de destino.
Artigo 72. Retirada de armas de fogo como medida de seguridade
- Como garantía para a seguridade propia e tamén de terceiras persoas, retiraráselle o armamento regulamentario ao persoal policial que estea nalgunha das seguintes situacións:
- a) Resultar condenado por sentenza xudicial firme que comporte a separación do servizo ou suspensión de funcións.
- b) Estar a cumprir unha sanción disciplinaria de separación do servizo ou suspensión de funcións.
- c) Estar en situación de baixa por incapacidade de tipo psicolóxico que resulte acreditada.
- d) Estar en situación de baixa por incapacidade temporal cando sexa superior a quince días e non se acredite mediante certificado médico que esta incapacidade non afecta negativamente as condicións psíquicas.
- Tamén poderá realizarse a retirada do armamento regulamentario cando o persoal policial manifeste algún episodio grave de comportamento anómalo ou de inestabilidade emocional reiterada, que deberá estar xustificada, e se considere obxectivamente que, de non retiralo, se podería producir unha situación de risco potencialmente grave.
Neste suposto, para evitar esa probable situación de risco grave para a propia persoa a que se lle retira o armamento, ou para terceiros, a persoa titular da Alcaldía ou da concellaría en que delegue poderá ordenar que esta sexa examinada por especialista que certifique a súa aptitude para o servizo policial, ou a incapacidade laboral para el.
- Para retirar o armamento será preciso que se acorde por resolución motivada da persoa titular da Alcaldía ou da concellería en que delegue, logo da tramitación dun expediente contraditorio en que quede acreditada algunha das situacións previstas nos números anteriores.
- Sen prexuízo da tramitación do procedemento sinalado no número anterior, a persoa titular da xefatura do corpo ou mando de que dependa o persoal policial poderá, por razóns de seguridade e como medida cautelar, ordenar a urxente retirada da arma ao persoal policial que estea nalgunha das situacións sinaladas nos números 1 e 2 deste artigo.
- O armamento retirado será entregado de novo unha vez que se cumpran as penas ou sancións impostas e se produza de novo a alta para o servizo, ou se acredite que desapareceron as causas que motivaron a súa retirada.
CAPÍTULO II
SEGUNDA ACTIVIDADE
Sección 1.ª Disposicións xerais
Artigo 73. Normativa aplicable
- O persoal funcionario dos corpos da Policía Local de Galicia poderá pasar á situación de segunda actividade prevista no artigo 62 da Lei 4/2007, do 20 de abril, por calquera das causas recollidas nos artigos 63 e seguintes, nos termos e condicións regulados no título VI, capítulos II e III da dita lei, neste decreto e, supletoriamente, segundo o previsto na lexislación vixente en materia de función pública. Exceptúase da súa aplicación o persoal da subescala facultativa.
- Unicamente procederá a declaración de segunda actividade desde a situación de servizo activo nalgún corpo da Policía Local de Galicia, e permanecerase nela ata o pase á xubilación ou a outra situación, que non poderá ser a de servizo activo, salvo que a causa do pase á situación de segunda actividade sexa por embarazo, lactación ou insuficiencia das aptitudes psicofísicas e que tales circunstancias desaparezan, logo da tramitación e resolución do correspondente procedemento de revisión.
Artigo 74. Acreditación profesional, uniformidade e armamento
- A situación de segunda actividade deberá figurar no documento de acreditación profesional do persoal funcionario.
- Os postos de segunda actividade non incluídos no corpo da Policía Local desempeñaranse sen uniformidade, agás o previsto no artigo 115.3, e sen armamento.
Artigo 75. Funcións propias dos postos de segunda actividade
- O persoal funcionario que se encontra na situación de segunda actividade poderá desempeñar, de acordo coa súa formación e categoría e de forma adecuadamente á súa experiencia e capacidade, sen perda da súa condición de persoal funcionario policial, entre outras, as seguintes funcións:
- a) Vixilancia da seguridade dos edificios destinados ás dependencias municipais.
- b) Xestión e control do mantemento dos medios técnicos que o corpo da Policía Local utiliza para cumprir coas súas obrigas:
1º. Vehículos e material relacionado con eles.
2º. Sistemas de transmisións e telecomunicacións.
3º. Vestiario e equipamento.
- c) Asistencia e apoio a traballos non operativos relacionados coa investigación de accidentes de tráfico e outras actividades relativas á seguridade viaria.
- d) Tarefas administrativas.
1º. Atención ao público.
2º. Apoio na tramitación de licenzas, permisos, autorizacións e sancións administrativas.
3º. Apoio na análise estatística e nas tarefas informáticas.
- e) En xeral, todas aquelas actividades técnicas de asesoramento, instrumentais de xestión e apoio da actividade policial ou relacionadas con ela, de características similares ás expresadas nos parágrafos anteriores, sempre que estas non impliquen actuacións policiais operativas.
- Cando non existan postos de segunda actividade no corpo da Policía Local, ou estes non conten coas condicións que requira a capacidade da persoa interesada, a segunda actividade poderá realizarse preferentemente noutros postos de traballo do propio concello, de igual ou similar categoría e nivel ao de procedencia.
Artigo 76. Formación e capacitación
Co fin de que se poidan desenvolver, do xeito máis eficaz posible, as funcións inherentes ao novo posto de traballo derivado do pase á situación de segunda actividade e así facilitar a súa integración, o concello propiciará as accións formativas que se consideren necesarias para o efecto e nas cales o persoal funcionario afectado deberá participar.
Artigo 77. Promoción e mobilidade
Na situación de segunda actividade non se poderá participar en procedementos de promoción interna ou mobilidade con ascenso nin no procedemento de provisión por mobilidade, excepto cando a súa causa fose por embarazo ou lactación.
Artigo 78. Melloras sociais
Durante a permanencia na situación de segunda actividade, o persoal funcionario terá dereito ás prestacións sociais e axudas que poidan corresponder aos policías locais en situación administrativa de servizo activo do respectivo concello.
Artigo 79. Resolucións e comunicación ao Rexistro de Policías Locais de Galicia
- Correspóndelle á persoa titular da Alcaldía ou da concellaría en que delegue ditar as resolucións de pase á situación de segunda actividade e, se é o caso, as resolucións de reingreso no servizo activo. As resolucións deberán ser expresas e motivadas.
- Unha vez adoptadas, tanto as resolucións para o pase á situación de segunda actividade como, de ser o caso, as de remate desta situación e o conseguinte retorno ao servizo activo comunicaranse ao Rexistro de Policías Locais de Galicia.
Artigo 80. Razóns excepcionais
- A persoa titular da Alcaldía ou da concellaría en que delegue poderá requirir, motivadamente e de maneira expresa, o persoal funcionario en situación de segunda actividade por razón de idade para o cumprimento de funcións operativas da policía local, polo tempo mínimo necesario, cando concorran razóns excepcionais de seguridade cidadá que presenten as dúas circunstancias seguintes, e se reflictan no informe técnico previo emitido pola persoa titular da xefatura do corpo da Policía Local:
- a) Que sexan imprevisibles e non periódicas.
- b) Que sexan de tal magnitude que non se poidan resolver polos medios policiais operativos ordinarios nin a través de convenios de colaboración con outros concellos.
- A designación deste persoal en situación de segunda actividade por razón de idade realizarase de acordo coa orde cronoloxicamente inversa ao pase á dita situación. Estará exento desta designación aquel persoal en situación de segunda actividade por ter diminuídas as aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais necesarias para o desempeño da función policial, ou por situacións derivadas de embarazo ou lactación.
- Deberán comunicarse de maneira inmediata ao órgano con competencias en materia de coordinación de policías locais os requirimentos efectuados e as razóns excepcionais que os motivaron.
- O persoal funcionario que teña que realizar os servizos enumerados neste artigo será dotado da uniformidade e dos medios necesarios para o desempeño das súas funcións.
Sección 2ª. Procedementos para o pase á situación de segunda actividade
Subsección 1ª. Por cumprimento da idade determinada para cada escala
Artigo 81. Iniciación do procedemento
O procedemento de pase á situación de segunda actividade polo cumprimento da idade determinada para cada escala no artigo 64 da Lei 4/2007, do 20 de abril, iniciara de oficio o concello a que pertence a persoa funcionaria ou mediante solicitude desta.
Artigo 82. Comunicación á persoa interesada
De iniciarse de oficio, o concello comunicaralle ao persoal o pase á situación administrativa de segunda actividade coa antelación suficiente, que en ningún caso será inferior aos tres meses anteriores ao cumprimento das idades establecidas para cada escala no artigo 64 da Lei 4/2007, do 20 de abril, co fin de que a persoa interesada poida solicitar, se o considera conveniente, a prórroga no servizo activo prevista no número 3 do dito artigo, sen que se produza a súa interrupción.
Artigo 83. Prórroga no servizo activo
- O persoal funcionario interesado poderá solicitar ante o concello respectivo o aprazamento do pase á situación de segunda actividade e, polo tanto, a prórroga no servizo activo, cunha antelación mínima de tres meses, anteriores ao cumprimento da idade ou do vencemento do aprazamento anual que tiña concedido.
- O concello, tras a comunicación á consellería competente en materia de coordinación de policías locais, ditará resolución motivada, que será notificada á persoa interesada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da presentación da súa solicitude, sobre o aprazamento do pase á situación de segunda actividade, por un período dun ano prorrogable, e sempre que medie o informe médico favorable previsto no artigo 64.3 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
Subsección 2ª. Por diminución das condicións psicofísicas
Artigo 84. Iniciación do procedemento
O procedemento de pase á situación de segunda actividade por diminución das condicións psicofísicas nos supostos previstos no artigo 65 da Lei 4/2007, do 20 de abril, iniciarao de oficio o concello cando así o aconselle o resultado da revisión médica anual.
O procedemento tamén poderá iniciarse mediante solicitude da persoa funcionaria, que deberá acompañarse dos informes médicos en que fundamente a súa petición.
Os concellos adoptarán medidas específicas de protección para o tratamento dos datos relativos á saúde, por tratarse de datos especialmente protexidos, e para garantir os dereitos da persoa funcionaria, nos termos previstos na normativa de protección de datos persoais.
Artigo 85. Avaliación do tribunal médico
- O concello remitiralle a solicitude ao tribunal médico que se deberá constituír para o efecto da avaliación da diminución das condicións psicofísicas.
- Este tribunal médico estará formado por tres facultativos da especialidade en medicina do traballo ou daquela que resulte apropiada en cada caso, e que pertenzan ao sistema sanitario público de Galicia ou aos cadros médicos das entidades colaboradoras, un por proposta da propia persoa interesada, outro por proposta do concello a que pertenza o persoal funcionario e o terceiro por proposta do Servizo Galego de Saúde.
- O tribunal médico deberase constituír para examinar a solicitude e a documentación presentada nun prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa presentación. No suposto de que a persoa interesada ou o concello non propoñan ningún persoal médico ou se os propostos non aceptan, o concello correspondente solicitará a designación directa do persoal médico necesario polo Servizo Galego de Saúde.
- Á vista da documentación presentada, o tribunal médico, logo de acordo dos seus membros, poderá citar a persoa funcionaria para a realización dun recoñecemento médico. Se a persoa funcionaria acreditase que está impedida para asistir, o tribunal poderá dispoñer o que coide conveniente para a realización do recoñecemento cando resulte imposible emitir ditame coa documentación que figure no expediente.
- No suposto de que a persoa funcionaria non compareza e non xustifique a súa incomparecencia, será citado por segunda vez. De non acudir, o tribunal médico emitirá o seu ditame con base nos documentos que figuran no expediente.
- En calquera caso, os responsables do ditame poderán solicitar información e asesoramento non vinculante de especialistas ou a realización de probas, exploracións ou recoñecementos que consideren necesarios para avaliar a aptitude psicofísica da persoa funcionaria.
- Seranlles de aplicación aos integrantes do tribunal médico as causas de abstención e recusación e o réxime de funcionamento dos órganos colexiados previstos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 86. Cadro de aptitudes
- A elaboración do ditame médico farase tendo en conta o seguinte cadro das causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinan o pase á situación de segunda actividade:
- a) Cronicidade da enfermidade, síndrome e/ou proceso patolóxico.
- b) Posibilidades de melloría clínica con/sen tratamento.
- c) Posibilidades de empeoramento pola permanencia no servizo activo.
- d) Posibilidades terapéuticas con que conta para a súa curación.
- e) Cando se trate de enfermidades infecto-contaxiosas, ademais, as posibilidades de contaxio.
- O diagnóstico dunha enfermidade ou a catalogación dunha síndrome ou proceso patolóxico non é un criterio de valoración en si mesmo, pero si o é a diminución nas aptitudes psicofísicas que orixine.
- O tribunal aplicará este cadro das causas de diminución das aptitudes físicas ou psíquicas en función das exixencias laborais propias da policía local, conforme as funcións e actividades propias da escala e categoría do funcionario.
- Teranse en conta as enfermidades, síndromes procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos, lle diminúan as aptitudes psicofísicas necesarias para permanecer na situación de servizo activo, sempre que non proceda a xubilación por declaración de incapacidade permanente.
Artigo 87. Ditame
- O tribunal médico ditaminará se as afeccións ou enfermidades están incursas ou non no cadro de causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinen o pase á segunda actividade previstas no artigo anterior.
- O ditame médico que se elabore garantirá o segredo necesario dos datos de saúde da persoa funcionaria e concluirá coa declaración de «apta» ou «non apta» para o servizo activo.
- O ditame que emita o tribunal médico é vinculante para o órgano competente para declarar o pase á situación de segunda actividade.
- O tribunal médico proporá no seu ditame o pase á situación de segunda actividade ou que se tramite o correspondente expediente para a xubilación por declaración de incapacidade permanente.
- O tribunal médico remitiralle o ditame á persoa titular da Alcaldía para que adopte a pertinente resolución, contra a cal se poderán interpoñer os recursos previstos na lexislación vixente en materia de réxime local.
Artigo 88. Reingreso no servizo activo
- A diminución das condicións psicofísicas do persoal que está na situación administrativa de segunda actividade poderá ser reavaliada de oficio ou por solicitude da persoa interesada. Cando o ditame médico fixe un prazo de recuperación, o concello disporá dun mes, contado desde o día seguinte ao da finalización do devandito prazo para iniciar de oficio o procedemento de reavaliación.
- O procedemento para a reavaliación das condicións psicofísicas será o regulado nos artigos anteriores. O ditame limitarase a indicar se a persoa é apta ou non apta para o reingreso ao servicio activo de acordo coas súas condicións psicofísicas.
- No caso de que o ditame considere a persoa apta, o concello resolverá o seu reingreso no servicio activo. En caso contrario, ditará resolución en que indique que non procede o reingreso.
Artigo 89. Prazos de resolución
O prazo máximo de resolución do procedemento para o pase á situación de segunda actividade por causa de diminución das aptitudes psicofísicas é de catro meses e o de reavaliación, de tres meses, contados desde a data da súa iniciación.
Subsección 3ª. Por embarazo ou lactación
Artigo 90. Iniciación do procedemento
- O procedemento de pase á situación de segunda actividade por embarazo ou lactación iniciarase por solicitude da funcionaria interesada, que deberá acompañarse dos informes médicos en que fundamente a súa petición, de conformidade co previsto no artigo 67 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
- Os concellos adoptarán medidas específicas de protección para o tratamento dos datos relativos á saúde, por tratarse de datos especialmente protexidos, e para garantir os dereitos da persoa funcionaria, nos termos previstos na normativa de protección de datos persoais.
Artigo 91. Duración
- A funcionaria embarazada permanecerá na situación administrativa de segunda actividade ata o momento en que remate o embarazo, a partir do cal pasará á situación de servizo activo, sen prexuízo da licenza ou da incapacidade temporal que lle corresponda.
- No suposto de lactación a funcionaria permanecerá na situación administrativa de segunda actividade ata o momento en que remate a lactación, a partir do cal pasará á situación de servizo activo, sen prexuízo da licenza que lle corresponda.
Artigo 92. Prazo de resolución
O prazo máximo de resolución do procedemento para o pase á situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación será de dez días, contados desde o día seguinte ao da data da súa iniciación.
CAPÍTULO III
DISTINCIÓNS E RECOMPENSAS
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 93. Modalidades.
Coa finalidade de premiar e distinguir publicamente o persoal dos corpos da Policía Local e o persoal vixilante municipal, por feitos excepcionais ou de particular relevancia que non formen parte das funcións e labores normais dos seus postos de traballo, así como aquelas persoas ou entidades públicas e privadas que destaquen pola súa conduta a prol das policías locais e das súas competencias, concederanse as seguintes modalidades de distincións e recompensas da Xunta de Galicia:
- a) Placa Colectiva ao Mérito da Policía Local.
- b) Placa Individual ao Mérito da Policía Local.
- c) Medalla ao Mérito da Policía Local.
- d) Distintivos de permanencia.
- e) Encomenda de dedicación ao servizo.
- f) Felicitacións públicas.
Artigo 94. A Placa Colectiva, a Placa Individual e a Medalla ao Mérito da Policía Local
- A Placa Colectiva ao Mérito da Policía Local destínase a distinguir os corpos das policías locais de Galicia ou das súas unidades operativas pola súa contribución e meritorio labor colectivo a prol da dignificación e recoñecemento público das policías locais, así como na súa defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas.
Excepcionalmente, poderán ser distinguidos os restantes corpos e forzas de seguridade cando cumpran algunha das condicións exixidas para a súa concesión e se valoren de xeito especial actuacións particularmente relacionadas coas competencias das policías locais.
- A Placa Individual e a Medalla ao Mérito da Policía Local destínanse a distinguir a título individual o persoal funcionario de policía e o persoal vixilante municipal que destacase de xeito relevante pola súa notoria entrega ao servizo, polo seu traballo humanitario, a súa contribución á dignificación, prestixio e recoñecemento público das policías locais, así como na defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas.
Excepcionalmente, poderá ser distinguido o persoal funcionario dos restantes corpos e forzas de seguridade cando cumpra algunha das condicións exixidas para a súa concesión e se valoren de xeito especial actuacións particularmente relacionadas coas competencias das policías locais.
Artigo 95. O distintivo de permanencia e a encomenda de dedicación ao servizo
- O distintivo de permanencia recoñecerase ao persoal da policía local e ao persoal vixilante municipal, calquera que sexa a súa categoría, ao cumprir 15, 25 e 35 anos de servizo efectivo.
- A encomenda de dedicación ao servizo policial recoñeceráselle ao persoal de policía local e ao persoal vixilante municipal, calquera que sexa a súa categoría, ao cumprir 35 anos de servizo efectivo e que fora distinguido coa Placa Individual ou a Medalla ao Mérito da Policía Local.
Artigo 96. As felicitación públicas
As felicitacións públicas concederanse a persoas alleas aos corpos de policías locais ou entidades públicas ou privadas que destaquen na promoción e apoio á función da policía local.
Sección 2ª. Requisitos para a concesión
Artigo 97. Placa Colectiva e Individual ao Mérito da Policía Local
- A concesión da Placa Colectiva ao Mérito da Policía Local require que concorra algunha das seguintes condicións:
- a) Participar nun acto de servizo de especial dificultade ou complexidade que requira do persoal funcionario interveniente unha acción de carácter extraordinario e excepcional que puxese en risco grave e inminente as súas vidas e do cal deriven inequívocos beneficios na defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas de especial transcendencia e repercusión no ámbito da Comunidade Autónoma.
- b) Por un destacado labor colectivo, con dedicación a sectores de especial protección, por estudos ou traballos científicos que comporten prestixio e evidencien unha decisiva contribución a prol da dignificación e recoñecemento público das policías locais.
- A concesión da Placa Individual ao Mérito da Policía Local require que nas persoas propostas concorra algunha das seguintes condicións:
- a) Resultar a persoa falecida ou en situación de incapacidade como consecuencia dun acto de servizo que impida a continuidade no exercicio da función policial, sempre que se evidencie un sobresaliente e excepcional valor persoal.
- b) Intervir en actos de servizo cunha conduta que evidencie un sobresaliente e excepcional valor persoal con risco grave e inminente para a propia vida, aínda que non se produzan os resultados recollidos na letra anterior.
Artigo 98. Medalla ao Mérito da Policía Local
A concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local require que concorra nas persoas propostas algunha das seguintes condicións:
- a) Intervir en actos en defensa e protección dos intereses que teñan encomendados e que poñan de manifesto calidades de valor, sacrificio, lealdade ou abnegación excepcionais, e dos cales derive risco grave para a persoa, con independencia do resultado producido, sempre que superen o estrito cumprimento das súas obrigas e deberes regulamentarios.
- b) Participar en tres ou máis servizos en que mediase agresión con armas ou outros medios perigosos que entrañen risco grave para a súa persoa, demostrando valor, capacidade e eficacia nas actuacións.
- c) Dirixir ou executar con éxito un servizo en que pola súa especial e extraordinaria dificultade ou importancia se evidencian importantes calidades profesionais ou cívicas.
- d) Sobresaír con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos deberes do seu cargo, que constitúa unha conduta exemplar e prolongada no tempo, para dignificación, prestixio e recoñecemento público das policías locais, así como na súa misión de defensa, promoción e protección das liberdades públicas.
- e) Realizar estudos profesionais ou científicos relevantes que prestixien as competencias e funcións das policías locais.
Artigo 99. Distintivos de permanencia e encomenda de dedicación ao servizo policial
- O distintivo de permanencia recoñecerase ao persoal de policía local e ao persoal vixilante municipal, calquera que sexa a súa categoría, ao cumprir 15, 25 e 35 anos de servizo efectivo e sen que consten no seu expediente persoal antecedentes por sancións disciplinarias ou condenas penais pendentes de cancelación.
- A encomenda de dedicación ao servizo policial recoñeceráselle ao persoal da policía local e ao persoal vixilante municipal, calquera que sexa a súa categoría, ao cumprir 35 anos de servizo efectivo, cunha traxectoria profesional excepcional, sen que consten no seu expediente persoal antecedentes por sancións disciplinarias ou condenas penais pendentes de cancelación, e que fora distinguido coa Placa Individual ou a Medalla ao Mérito da Policía Local.
Artigo 100. Felicitacións públicas
As felicitacións públicas concederanse de forma discrecional a persoas alleas aos corpos da Policía Local ou a entidades públicas ou privadas que, desde a súa actividade profesional ou docente destaquen no estudo, e promoción, dignificación, colaboración e apoio á función da policía local.
Sección 3ª. Competencia
Artigo 101. Competencia para a concesión de distincións
- A placa colectiva, a individual e a medalla ao mérito da policía local poderán concederse con periodicidade anual, mediante orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
- O distintivo de permanencia, a encomenda de dedicación ao servizo e as felicitacións públicas poderán concederse igualmente con periodicidade anual, mediante resolución do órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 102. Outras distincións
- O regulamento específico dos corpos da Policía Local e dos concellos con persoal vixilante municipal poderán establecer un réxime de outorgamento de distincións e recompensas ao seu persoal e a aquelas persoas alleas ao servizo policial, nos supostos e circunstancias que regulamentariamente se determinen.
- Nestes regulamentos os concellos poderán nomear persoal funcionario honorífico o seu persoal da policía local, coa categoría que posúan ao cesar no servizo pola xubilación ou incapacidade, e os seus vixilantes municipais.
Ademais, poderán nomear a persoas que non pertenzan á policía local como membros honorarios dos seus respectivos corpos da Policía Local.
Os concellos poderán expedir o correspondente documento que indique esta condición de persoal funcionario honorífico ou a de membros honorarios, para os efectos do seu recoñecemento de pertenza ou vinculación co corpo policial.
- Estas distincións e honores deberán ser comunicados ao órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
Sección 4ª. Procedemento para a concesión
Artigo 103. Procedemento para a concesión da Placa Colectiva e Individual e a Medalla ao Mérito da Policía Local e para a concesión de felicitacións públicas
- O procedemento para a concesión da Placa Colectiva e Individual e a Medalla ao Mérito da Policía Local e para a concesión de felicitacións públicas iniciarao de oficio o propio órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
- Poderán presentar propostas para a concesión das distincións sinaladas neste artigo o propio órgano directivo, os concellos e a Federación Galega de Municipios e Provincias.
As propostas indicarán o corpo policial, unidade ou persoal que se vai distinguir, xunto cos méritos que a xustifiquen e un informe polo cal se estima o merecemento da distinción.
- Iniciado o expediente, requirirase informe previo do órgano correspondente do concello en que o persoal proposto preste servizos, de non constar na proposta.
- As propostas serán sometidas á valoración e informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.
- A persoa titular da consellería competente en materia de coordinación de policías locais resolverá o que proceda á vista das propostas presentadas e dos informes previstos nos números anteriores, ponderando os méritos e as circunstancias alegados.
En todo caso, o dito órgano poderá solicitar aclaracións ou a achega de cantos documentos e datos consideren procedentes antes de ditar a correspondente resolución.
Artigo 104. Valoración dos actos de servizo
- Non terán carácter acumulativo para a concesión de distincións, aqueles actos xa considerados con anterioridade para o outorgamento doutras distincións, agás o previsto no artigo 99 respecto do distintivo de permanencia e a encomenda de dedicación ao servizo policial.
- As circunstancias xa coñecidas e non estimadas para a concesión dalgunha das distincións reguladas neste decreto ou na normativa anterior non poderán ser tomadas en consideración para un novo procedemento, agás que vaian acompañadas de novos feitos que poidan ser valorados como méritos.
- Será requisito imprescindible para o outorgamento das distincións previstas neste decreto que na conduta observada que orixine o expediente de concesión non mediase menoscabo da honra, imprudencia, impericia ou accidente.
Artigo 105. Procedemento para a concesión dos distintivos de permanencia e a encomenda de dedicación ao servizo
O procedemento para a concesión dos distintivos de permanencia e a encomenda de dedicación ao servizo iniciarao de oficio o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais.
Os concellos de pertenza do persoal que se vai distinguir achegarán ao dito órgano directivo a certificación do cumprimento das exixencias establecidas no artigo 99 para a súa concesión.
Artigo 106. Prazos
O prazo a que se refiren os artigos 103 e 105 para a presentación de propostas, certificacións e a xustificación do cumprimento de requisitos de concesión para cada ano natural rematará o 31 de xaneiro do ano seguinte.
O prazo máximo para a notificación da resolución do procedemento de concesión será de tres meses, contado desde a data do acordo de inicio, e poderá entenderse desestimada a proposta cando non se ditase e notificase resolución expresa unha vez transcorrido o dito prazo.
Sección 5ª. Disposicións comúns
Artigo 107. Descrición das distincións
A descrición das distincións, xunto cos pasadores, insignias de lapela e diplomas acreditativos estableceranse por orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Artigo 108. Acreditación documental e rexistro
- As distincións e recompensas previstas neste decreto acreditaranse documentalmente mediante os diplomas correspondentes. No suposto da placa colectiva, darase diploma individual ao persoal do corpo de policía ou das unidades distinguidas.
- As distincións outorgadas ao persoal funcionario de policía e ao persoal vixilante municipal serán anotadas no Rexistro das Policías Locais de Galicia e comunicaránselle ao concello de pertenza, para que conste no seu expediente persoal.
Artigo 109. Efectos das distincións
- As persoas titulares das distincións terán dereito ao uso delas sobre o uniforme.
- As distincións previstas neste decreto teñen carácter vitalicio, sen prexuízo da posibilidade da súa perda nos supostos previstos no artigo 111, e outórganse unicamente para os efectos honoríficos. Para estes efectos, sen prexuízo do establecido na normativa propia de cada institución, as persoas distinguidas poderán ocupar lugar ou sitio preferente nos actos oficiais a que sexan convocadas polas administracións públicas de Galicia.
- Respecto á promoción profesional, o persoal funcionario dos corpos das policías locais distinguidos terá dereito a que tal distinción figure no seu expediente persoal e que poida valorarse como mérito nos concursos de provisión de postos de traballo. Tamén poderán terse en conta nos procesos de provisión polo sistema de libre designación.
Artigo 110. Festividade da policía local e acto solemne de entrega das distincións
- O día 24 do mes de maio declárase día da festividade das policías locais de Galicia.
- A entrega das distincións nas súas distintas modalidades e dos diplomas acreditativos correspondentes efectuarase nun acto público solemne, que se celebrará na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.
Sección 6ª. Perda de distincións concedidas
Artigo 111. Causas para a perda das distincións
- O persoal funcionario dos corpos da Policía Local de Galicia e o persoal vixilante municipal que, por sentenza ou resolución administrativa firmes, sexan separados do servizo ou suspendidos por tres ou máis anos serán dados de baixa na distinción outorgada e perderán todos os dereitos e honras a que se refiren os artigos anteriores.
- Así mesmo, procederá a perda das distincións concedidas a persoas ou entidades non pertencentes aos corpos da Policía Local cando as súas condutas ou actuacións desmerezan a natureza, sentido ou alcance delas.
Artigo 112. Procedemento
- O órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais iniciará de oficio un procedemento, que se tramitará de igual forma que o de concesión, con audiencia das persoas ou entidades afectadas, do concello correspondente e, de ser o caso, de quen formulase a proposta de concesión.
- Para tal fin, os concellos en cuxos cadros de persoal exista persoal funcionario afectado polas circunstancias descritas no artigo 111 están obrigados a poñelas en coñecemento do dito órgano directivo.
- O prazo máximo de resolución do procedemento de perda será de seis meses, e producirase a súa caducidade por falta de resolución expresa nese prazo.
TÍTULO IX
Acreditación, uniformidade e medidos técnicos das policías locais
CAPÍTULO I
A acreditación profesional dos corpos de Policía Local: o documento de acreditación profesional e a placa-emblema
Artigo 113. O documento de acreditación profesional
- O documento de acreditación profesional é o que acredita a condición de persoal funcionario do corpo da Policía Local dun determinado concello. Este documento poderán utilizalo os seus titulares, cando así o determinen os respectivos concellos, para a identificación electrónica, así como para a sinatura electrónica e a cifraxe de datos.
- O documento de acreditación profesional presentará no seu anverso a fotografía da persoa titular, a súa categoría profesional, o seu número de identificación, o nome do concello, os escudos de Galicia e do concello respectivo e a lenda «Policía local» co logotipo que corresponda. No reverso constará o nome e os apelidos da persoa titular, o número do seu documento nacional de identidade e tamén a súa sinatura. Na súa parte inferior irá autorizado coa sinatura da persoa titular da Alcaldía e o selo do concello.
Conformarase nunha tarxeta plastificada, cunhas dimensións de 85×53 mm, que levará por ambas as caras como fondo a bandeira de Galicia.
Artigo 114. A placa-emblema
- A placa-emblema será metálica e estará composta polo escudo do concello correspondente, a lenda «Policía local» rodeando a metade inferior daquel e o número de identificación profesional, cuñado nunha cartela que se situará na base do conxunto, e disporá no seu reverso dun sistema de fixación que permita poder exhibila no uniforme, de ser o caso, pero tamén levala nunha carteira de dobre corpo, conxuntamente coa tarxeta do documento de acreditación profesional.
- Por cuestións de funcionalidade e operatividade, na uniformidade de traballo poderase empregar unha réplica, en material plástico, impresa, pegada ou cosida na peza correspondente.
CAPÍTULO II
DA UNIFORMIDADE E DOS DISTINTIVOS EXTERNOS
DE IDENTIFICACIÓN DAS POLICÍAS LOCAIS
Sección 1ª. Disposicións comúns en materia de uniformidade e distintivos externos
Artigo 115. Uso da uniformidade
- De acordo co previsto no artigo 9.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, todo o persoal dos corpos da Policía Local vestirá o uniforme regulamentario cando estean de servizo, agás nos casos de dispensa previstos na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, e naqueles casos excepcionais en que o órgano competente autorice o contrario. Neste suposto deberanse identificar co documento de acreditación profesional.
- A persoa titular da Subdelegación do Goberno poderá autorizar que determinados servizos se presten sen o uniforme regulamentario, nos casos específicos que afecten determinados lugares de traballo ou por necesidades do servizo.
- O persoal dos corpos da Policía Local en situación administrativa de segunda actividade non poderá facer uso do uniforme de traballo, salvo nos casos en que ocupe un posto da área de seguridade, e sen prexuízo da posibilidade de dispensa desta obriga en razón das funcións non operativas que teña atribuídas; poderá utilizar, porén, o uniforme de gala nos actos que o requiran, logo de comunicación á xefatura do corpo da Policía Local do respectivo concello.
- O persoal dos corpos da Policía Local que participe nos cursos programados pola Academia Galega de Seguridade Pública estará obrigado a vestir a uniformidade regulamentaria cando así se dispoña na convocatoria do curso ou actividade de que se trate.
Artigo 116. Uso de insignias, divisas e outros distintivos
- O persoal dos corpos da Policía Local unicamente poderá portar co uniforme as insignias, divisas e outros distintivos previstos neste decreto. Tamén se poderán portar os pasadores das condecoracións ou distincións que se mencionan nos números seguintes.
- Nos días ou actos que se determine na súa resolución de concesión ou norma que as regule poderán portarse as condecoracións ou distincións que fosen obtidas no exercicio do seu cargo ou función policial, outorgadas por entidades ou organismos oficiais das administracións públicas do Estado español ou de Estados estranxeiros, logo de constancia do título de outorgamento no seu expediente persoal.
- A Comisión de Coordinación de Policías Locais deberá autorizar o uso, xunto co uniforme, das distincións concedidas a título individual, en razón do exercicio da función policial, por organizacións de dereito público internacional ou por institucións públicas de recoñecido prestixio social.
O persoal policial titular destas distincións presentará as solicitudes para o seu uso, xunto coa documentación xustificativa, perante os concellos de destino, que as remitirá ao órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais para a súa avaliación e proposta á Comisión de Coordinación de Policías Locais.
Artigo 117. Obrigas no uso e coidado da uniformidade
O persoal dos corpos da Policía Local está obrigado a coidar e conservar as pezas de uniformidade que lle fosen entregadas, e procurará mantelas en bo estado, tendo en conta o disposto para as faltas disciplinarias nos artigos 80 e 81 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
Artigo 118. Dotación e renovación da uniformidade
- O concello dotará ao persoal do seu corpo da Policía Local da uniformidade correspondente para a mellor prestación do servizo, e estará obrigado a realizar a súa renovación cando, polo estado ou características de cada peza, sexa conveniente ou necesario.
- En calquera caso, deberase renovar nos supostos de deterioración, rachadura, perda ou cambio de cor, ou calquera outra circunstancia semellante, derivada ou non da prestación do servizo.
Artigo 119. Uso exclusivo da uniformidade
As pezas de uniformidade previstas neste decreto só poderá utilizalas o persoal dos corpos da Policía Local. Non se permite a utilización de pezas de uniformidade e emblemas iguais ou semellantes aos fixados neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento por parte de institucións públicas, empresas ou particulares.
Artigo 120. Condicións técnicas e de deseño
- Unha orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais determinará o deseño, características e demais condicións técnicas das pezas que compoñen a uniformidade, así como das insignias e divisas, atendendo fundamentalmente a criterios obxectivos de funcionalidade, estética, visibilidade, operatividade e duración das pezas.
- Para iso contarase coa colaboración de representantes das xefaturas de policía local, do persoal policial e dos propios concellos, integrados nun ou máis grupos de traballo, no seo da Comisión de Coordinación das Policías Locais.
Sección 2ª. Tipos de uniformidade
Artigo 121. Tipos de uniformidade
- Establécense dous tipos de uniformidade: de traballo e de gala ou de representación. Os concellos que así o consideren, por tradición ou protocolo especial, poderán establecer unha uniformidade especial de gran gala, en función das características e necesidades concretas, para o que determinarán o seu réxime de utilización.
- O catálogo de pezas de ambos os tipos será común para todos os corpos da Policía Local. Na uniformidade especial de gran gala cada concello deseñará a súa específica.
- As pezas da uniformidade serán adecuadas ás características fisiolóxicas do persoal policial, en tanto vaian ser empregada por mulleres ou por homes.
Artigo 122. Uniformidade de traballo
- A uniformidade de traballo terá as modalidades de inverno e verán. Cada concello fixará a data para o cambio en atención ás estacións anuais ou ás variacións climatolóxicas.
- Así mesmo, presentará os axustes necesarios para acomodarse á función que se vai realizar, de acordo coas distintas especialidades do traballo policial, ou ao medio en que teña lugar, conforme as uniformidades especiais referidas no artigo 124.
- Os concellos teñen a obriga de dotar as funcionarias embarazadas en servizo activo do uniforme adaptado ao seu estado, garantindo a realización das súas funcións con plena comodidade e seguridade. De maneira excepcional e por causas obxectivas debidamente xustificadas, a funcionaria poderá solicitar a exención de utilizar o uniforme regulamentario en atención ao seu estado físico. A dita solicitude deberá ser autorizada pola persoa titular da Subdelegación do Goberno.
Artigo 123. Enumeración das pezas de uniformidade de inverno e verán
- O uniforme de traballo de inverno do persoal dos corpos da Policía Local de Galicia está formado polas seguintes pezas:
- a) Gorra de prato con funda protectora da auga.
- b) Gorra tipo béisbol.
- c) Guerreira.
- d) Cazadora.
- e) Pantalón recto ou, no caso de persoal feminino, saia pantalón de inverno.
- f) Pantalón de faena.
- g) Camisa de manga longa.
- h) Polo de manga longa.
- i) Gravata con pasador.
- j) Xersei.
- k) Suéter.
- l) Chaleco.
- m) Chaquetón, anorak e cobrepantalón.
- n) Cinto.
ñ) Calcetíns ou, no caso de persoal feminino, medias tipo panti.
- o) Luvas.
- p) Zapatos, botas e outro calzado técnico policial.
- q) Botas de auga, forradas ou de poliuretano.
- r) Quentapescozo-bufanda protectora.
- s) Camiseta interior.
- t) Peto reflector.
- O uniforme de traballo de verán do persoal dos corpos da Policía Local de Galicia está formado, ademais de por aquelas pezas determinadas no número anterior que sexan susceptibles de ser usadas nesa estación, polas seguintes pezas:
- a) Pantalón de verán.
- b) Camisa de manga curta e colo aberto, sen gravata.
- c) Polo de manga curta.
- d) Camiseta de manga curta.
- As funcionarias embarazadas en situación de servizo activo poderán solicitar pezas adaptadas de maior comodidade, en atención ao seu estado físico.
Artigo 124. Uniformidades especiais
- Son uniformes de traballo especiais os uniformes das unidades de motoristas e os uniformes de praia.
- a) O uniforme das unidades de motoristas está integrado polas seguintes pezas:
1º. Casco modular.
2º. Pantalón de motorista.
3º. Botas de motorista.
4º. Chaquetón, anorak ou mono, reforzados interiormente con proteccións homologadas e desmontables en cóbados, ombros e costas.
5º. Cazadora de motorista.
6º. Luvas de motorista.
- b) O uniforme de praia está integrado polas seguintes pezas:
1º. Calzado e calcetíns deportivos.
2º. Pantalón curto de cor azul escura con petos laterais e traseiros.
3º. Camiseta ou polo, que serán da uniformidade de verán básica ou de traballo.
4º. Mochila ou bolso de cintura de cor azul escura, que poderán usala como complemento.
- A consellería competente en materia de coordinación de policías locais poderá autorizar uniformidades especiais para o persoal policial das unidades ou seccións de intervención policial creadas polos concellos que desempeñen funcións específicas e permanentes de tipo operativo que reforcen e complementen a actividade policial ordinaria.
A uniformidade especial para o persoal destas unidades será a de traballo ordinaria, pero de cor máis escura, na cal se suprimirá a cor azul clara nas ombreiras e nas costas. Ademais, a peza da cabeza poderá ser a gorra de béisbol propia da uniformidade ordinaria ou unha boina, da mesma cor máis escura. Noutros casos tamén se poderá utilizar unha peza específica, tipo mono, que permita axustarse á funcionalidade específica que exixan as tarefas da unidade ou sección de que se trate.
Esta uniformidade será obxecto de descrición e deseño na orde de uniformidade que desenvolva este decreto.
- Para tramitar a autorización prevista no número anterior, a persoa titular da Alcaldía presentará ante o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude motivada.
Este órgano directivo poderá requirir do concello solicitante a información complementaria que se considere necesaria, así como instar do Gabinete Técnico a emisión dun ditame técnico sobre a súa procedencia.
Logo dese ditame, emitirá o correspondente informe a Comisión de Coordinación de Policías Locais previamente á resolución da persoa titular da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
- O prazo máximo para resolver a solicitude será de seis meses, contados desde o día seguinte ao da data de presentación da solicitude.
Artigo 125. Uniformidade de gala
O uniforme de gala estará composto polas seguintes pezas:
- a) Gorra de prato de cor azul escura, tipo aviación, con viseira de plástico duro. Opcionalmente, o persoal feminino poderá utilizar unha gorra máis acorde co uso da saia, que se regulará na correspondente orde.
- b) Camisa de cor branca e de manga longa.
- c) Chaqueta: de tea, de cor azul escura, forrada, de colo con lapela clásica e con ombreiras, pechada con catro botóns dourados.
- d) Luvas de nailon, de cor branca, punto liso e con veas no dorso.
- e) Pantalón recto, de cor azul escura.
- f) Saia recta, de longo ata o xeonllo, de cor azul escura, con peche traseiro de cremalleira e abertura traseira de 100 mm.
- g) Zapatos de pel negra, lisos e con cordóns. O de muller terá unha altura máxima do tacón de 40 mm.
- h) Gravata de cor azul e forrada.
Sección 3ª. Insignias, divisas e outros distintivos externos
Artigo 126. Distintivos básicos
Son distintivos básicos dos corpos da Policía Local as insignias e divisas para a identificación externa do persoal que forma parte deles, de xeito que, dentro da necesaria homoxeneidade entre todos os corpos da Policía Local de Galicia, se poida diferenciar o persoal pertencente a cada corpo ou concello.
Artigo 127. Insignias
- Nas pezas do uniforme portaranse as insignias identificativas dos corpos das policías locais, constituídas pola placa co escudo do concello correspondente e os escudos de brazo, que será o da Xunta de Galicia no brazo dereito e o do concello no esquerdo. Nas pezas de cabeza irá o escudo do concello.
- Na uniformidade de traballo poderá colocarse a placa que se menciona no artigo 114 deste decreto, que se poderá substituír por unha réplica en material plástico ou semellante, pegada ou cosida, por cuestións de funcionalidade e operatividade.
- Na uniformidade de gala colocarase a placa-emblema metálica, convenientemente fixada, así como as medallas ou insignias das condecoracións ou distincións oficiais que se posúan.
- Os pasadores correspondentes ás ditas condecoracións ou distincións poderán levarse no uniforme de traballo.
Artigo 128. Divisas
- As divisas do persoal dos corpos da Policía Local consistirán en manguitos ou ombreiras de cor azul escura, que levarán na parte interior o escudo do concello correspondente e na exterior galóns ou barras coas especificacións seguintes:
- a) Escala superior. A ombreira para a categoría de superintendente levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, tres galóns ou barras paralelos en cor dourada.
- b) Escala técnica:
1º. A ombreira para a categoría de intendente principal levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, dous galóns ou barras paralelos en cor dourada.
2º. A ombreira para a categoría de intendente levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un galón ou barra en cor dourada.
- c) Escala executiva:
1º. A ombreira para a categoría de inspector principal levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, tres galóns ou barras paralelos en cor prata.
2º. A ombreira para a categoría de inspector levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, dous galóns ou barras paralelos en cor prata.
- d) Escala básica:
1º. A ombreira para a categoría de oficial levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un galón ou barra en cor prata.
2º. A ombreira para a categoría de policía levará no ángulo exterior traseiro un galón ou barra en cor prata.
- As ombreiras levarán un reberete da mesma cor que corresponda aos galóns ou barras, segundo a categoría.
- Se a peza do uniforme non permitise utilizar as ombreiras ou manguitos, empregarase un soporte portadivisas, que se prenderá no peito.
- A persoa que desempeñe a xefatura do corpo, con independencia da categoría a que pertenza, levará, ademais, dúas ramas de palma cruzadas da mesma cor que os galóns ou barras, situadas entre estes e o escudo do concello.
Artigo 129. Outros distintivos
- Os concellos poderán establecer o uso de determinados distintivos relativos ás distintas unidades existentes dentro do corpo da Policía Local, pero sen que poidan substituír aos previstos neste decreto nin mudar a súa localización.
- O acordo do concello polo que se establezan estes distintivos comunicaráselle ao órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais no prazo dun mes desde que se adoptase.
CAPÍTULO III
DOS MEDIOS TÉCNICOS DAS POLICÍAS LOCAIS
Artigo 130. Medios técnicos
- De conformidade co artigo 11.1 da Lei 4/2007, do 20 de abril, os medios técnicos son os elementos, aparellos e sistemas que o persoal dos corpos da Policía Local utiliza para cumprir coas súas obrigas.
- Os medios técnicos poderán ser de dotación individual ou colectiva, pero todos eles deberán cumprir coas características ou especificacións técnicas a que obriguen as normas vixentes.
- Todos os medios técnicos serán adecuados ás características fisiolóxicas do persoal policial en canto vaian ser empregados por mulleres ou por homes.
Artigo 131. Medios técnicos de dotación individual
O persoal dos corpos da Policía Local, para unha mellor prestación do seu servizo, deberá dispor dos seguintes medios:
- a) De dotación obrigatoria:
1º. Arma de fogo coa súa munición, cargador e funda antifurto, ademais dun portacargador de cinto e cargador de recambio.
2º. Chaleco antibalas e antipunzón que responda ao estándar de máximo nivel de protección, de acordo coa normativa regulamentaria.
3º. Defensa fixa semirríxida ou defensa extensible e a funda que corresponda.
4º. Grillóns, coa súa funda.
5º. Asubío metálico ou de plástico duro.
6º. Luvas anticorte, co portaluvas para o cinto.
7º. Teléfono móbil e/ou equipamento de comunicación, coa funda correspondente.
8º. Mochila ou bolsa de transporte de material policial persoal e documentos.
9º. Lanterna led pequena para portar no cinto.
- b) Son medios específicos para a regulación do tráfico os chalecos reflectores.
- c) Equipamento complementario, que será opcional ao criterio do concello:
1º. Spray de autodefensa, homologado, coa súa funda.
2º. Tiras de peche con freo (bridas) para detencións múltiples.
3º. Pinza portachaves.
4º. Navalla de tipo táctico homologada e a súa funda de cinto.
5º. Kit ou material preciso para limpeza e mantemento da arma.
6º. Chaleco táctico policial.
7º. Gafas protectoras.
8º. Outros elementos reflectores de seguridade.
Artigo 132. Medios técnicos de dotación colectiva
En función das necesidades e do criterio de cada concello, os medios de dotación colectiva poderán ser dos seguintes tipos:
- a) Medios de mobilidade:
1º. Coches, furgonetas, todoterreos, quads e outros tipos de vehículos.
2º. Motocicletas, que poderán ser de tipo e de cilindrada distintos.
3º. Bicicletas.
4º. Vehículos de mobilidade persoal.
5º. Embarcacións.
- b) Medios que irán nos vehículos policiais que presten habitualmente servizos operativos:
1º. Cámara fotográfica dixital ou calquera outro medio técnico de captación de imaxes.
2º. Lanternas e sistema de carga das súas baterías.
3º. Conos axustables á lanterna para a sinalización.
4º. Caixa de primeiros auxilios.
5º. Extintor homologado.
6º. Embocadura para RCP.
7º. Manta térmica.
8º. Caixa de luvas de látex.
9º. Cinta de balizar.
10º. Cadea punzante de control policial.
11º. Conos e sinalización coa indicación de «Policía» ou «Perigo».
12º. Bastóns luminosos ou outros aparellos ópticos para a regulación nocturna do tráfico.
13º. Corda para rescates.
14º. Dispositivo de navegación que, permita ao persoal usuario do vehículo coñecer en todo momento a súa localización.
15º. Medios de protección do persoal.
16º. Cascos de intervención, en número suficiente para os efectivos de cada quenda que ordinariamente prestan servizo; escudo de intervención e protección policial, e máscaras de protección, con filtros para fumes, gases ou axentes irritantes.
- c) Medios de inspección e control, en función das decisións e necesidades de cada concello, que serán obrigatorios cando sexan necesarios para o desenvolvemento do servizo policial que se vaia realizar:
1º. Cámaras portátiles de grabación de audio e video, de uso individualizado polo persoal policial, de acordo coa normativa vixente.
2º. Sonómetros.
3º. Etilómetros.
4º. Equipamentos para a detección de drogas na condución.
5º. Cinemómetros fixos ou móbiles.
6º. Medidores de fumes.
- d) Outros medios técnicos:
1º. Inmobilizador eléctrico homologado ou dispositivo semellante.
2º. Armas longas de uso policial que cumpran coa normativa vixente na materia.
3º. Equipos DESA (desfibriladores semiautomáticos), que poderán ir no vehículo policial ou estar depositados nas dependencias do corpo da Policía Local.
4º. Medios para vixilancia e obtención de imaxes aéreas, de acordo coa normativa vixente sobre a utilización civil das aeronaves pilotadas por control remoto.
5º. Medios para rescate acuático.
6º. Medios técnicos de visión nocturna e térmica, que permitan un mellor servizo policial.
Artigo 133. Custodia das armas e prácticas para o seu manexo
- Para a custodia das armas regulamentarias, así como para as armas longas previstas no artigo 132.d).2º utilizaranse armeiros e cámaras con capacidade suficiente que cumpran os requisitos exixidos polo Regulamento de armas, aprobado polo Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro, e a súa normativa de aplicación. Servirán, así mismo para o almacenamento da munición correspondente.
- Os corpos da Policía Local que dispoñan de galería ou foxo para as prácticas de tiro deberán establecer un calendario con periodicidade semestral, como mínimo, para que os seus efectivos poidan efectuar un número suficiente de prácticas que permita a súa actualización na seguridade e no manexo da arma regulamentaria, e levarán, para estes efectos, un control detallado e individualizado de tales prácticas.
- Do mesmo xeito, de ser o caso, exercitaranse tamén no manexo das armas longas de dotación colectiva, e poderán limitarse neste caso a aqueles efectivos que desempeñen labores operativos específicos.
- A consellería competente en materia de coordinación de policías locais disporá, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, dun plan anual para que os concellos poidan cumprir coa obriga sinalada nos números anteriores e dun sistema de control e homologación desta formación, especialmente para as armas de fogo.
CAPÍTULO IV
DA IMAXE CORPORATIVA DOS CORPOS DA POLICÍA LOCAL
Artigo 134. Imaxe corporativa
- A imaxe corporativa dos corpos da Policía Local será única e homoxénea, de maneira que constitúa o símbolo identitario destes corpos.
- Utilizarase tanto nos carteis da sinalización exterior e interior de oficinas ou dependencias policiais como na documentación profesional, nos distintivos externos de uniformidade e nos vehículos e medios técnicos en que resulte indicado o seu uso, o que lle facilitará á cidadanía unha mellor información e recoñecemento.
- O seu símbolo gráfico, o logotipo, as variables cromáticas e tamén a súa tipografía determinaranse mediante orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
CAPÍTULO V
ACREDITACIÓN, UNIFORMIDADE E MEDIOS TÉCNICOS DO PERSOAL VIXILANTE
MUNICIPAL E DO PERSOAL AUXILIAR DA POLICÍA LOCAL
Artigo 135. O persoal vixilante municipal
- A uniformidade do persoal vixilante municipal poderá conter as pezas sinaladas para o persoal dos corpos da Policía Local en función das súas necesidades e segundo determine o concello a que pertenzan, pero distinguiranse claramente nos seguintes aspectos:
- a) Non utilizarán logotipo da policía local.
- b) Levarán a lenda «Vixilante municipal» tanto na parte dianteira dereita do peito da peza de que se trate como centrada nas costas.
- c) As ombreiras serán de cor azul clara, co escudo do concello impreso nelas.
- d) De ser o caso, a persoa que desempeñe a xefatura entre os vixilantes levará unha barra de cor prata no ángulo traseiro exterior da ombreira.
- Os medios de acreditación profesional do persoal vixilante municipal son o documento de acreditación profesional e a placa-emblema.
O seu documento de acreditación profesional será o previsto no artigo 113.2, agás a súa lenda, que será «Vixilante municipal» sen o logotipo de policía local.
A placa-emblema non será metálica, senón que será substituída por un modelo en material plástico ou semellante, que irá impreso, pegado ou cosido na peza de que se trate.
- Os medios de dotación serán os que determine o concello de acordo coas súas necesidades concretas, pero non poderán levar armas.
- Os vehículos non levarán logotipo, pero nas portas dianteiras irá o escudo do concello e debaixo a lenda «Vixilancia municipal».
Artigo 136. O persoal auxiliar de policía local
- A uniformidade do persoal auxiliar de policía local será a prevista para o persoal dos corpos da Policía Local, en función das súas necesidades, da época en que sexan contratados e segundo determine a Xefatura da Policía Local, pero distinguiranse nos seguintes aspectos:
- a) Levará a lenda «Auxiliar de policía local» tanto na parte dianteira dereita do peito da peza de que se trate como centrada nas costas
- b) Non levarán placa-emblema nin distintivos nas ombreiras.
- O medio de acreditación profesional do persoal auxiliar de policía local é o documento de acreditación profesional.
O seu documento de acreditación profesional será o previsto no artigo 114.2 , no cal se substituirá a categoría pola de auxiliar de policía local. O concello facilitaralle un número de identificación, ao cal precederá a letra A.
- Os medios de dotación serán os que determine o concello ou a xefatura do corpo policial de acordo coas súas concretas funcións, pero non poderán levar armas de fogo nin defensas eléctricas.
Disposición adicional única. Determinación da representatividade das asociacións profesionais de policías locais na Comisión de Coordinación de Policías Locais
- Para os efectos de designar a persoa representante a que se refire o artigo 18.1.c) 6º da Lei 4/2007, do 20 de abril, o órgano directivo competente en materia de coordinación de policías locais realizará unha convocatoria para determinar aquela asociación profesional que exerza a maior representatividade para participar na Comisión de Coordinación de Policías Locais. Esta convocatoria realizarase cada catro anos, coincidindo coas eleccións sindicais, publicarase no Diario Oficial de Galiciano mes de xaneiro e será resolta no prazo máximo de dous meses.
- As asociacións profesionais de policías locais deberán cumprir os seguintes requisitos:
- a) Teren personalidade xurídica propia.
- b) Estaren inscritas nun rexistro oficial de asociacións como asociación profesional de policía local.
- c) Acreditaren que contan con persoal policial asociado nas catro provinciais galegas.
- A solicitude debe acompañarse da seguinte documentación.
- a) Acta de constitución e estatutos da asociación.
- b) Certificación ou documentación que xustifique o seu rexistro como asociación profesional de policía local.
- c) Tarxeta de identificación fiscal.
- d) Composición dos seus órganos de goberno.
- e) Memoria ou informe anual descritivos da actividade externa desenvolvida pola asociación.
- f) Certificación da secretaría da asociación ou do órgano responsable, comprensiva do número de persoas asociadas existente na data de solicitude, coa necesaria desagregación por provinciais, que incluirá como anexo unha relación do persoal policial por concellos, incluíndo o seu número de documento de acreditación profesional debidamente anonimizado.
- A representatividade corresponderá a aquela asociación que acredite o maior número de asociados. Determinada esta, solicitarase que comunique os datos da persoa designada para posuír a condición de vogal na Comisión de Coordinación de Policías Locais.
- A representación acadada terá vixencia ata unha nova designación, de acordo co procedemento sinalado.
Disposición transitoria única. Procesos selectivos para o acceso e provisión de prazas vacantes aos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local en curso
Os procesos selectivos para o acceso e provisión de prazas vacantes aos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local convocados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto rexeranse pola normativa vixente no momento da súa convocatoria.
Disposición derrogatoria. Derrogación normativa
- Quedan derrogadas as seguintes disposicións:
- a) O Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación dos policías locais de Galicia.
- b) O Decreto 60/2010, do 8 de abril, de acreditación, uniformidade e medios técnicos á disposición das policías locais.
- c) O Decreto 77/2010, do 29 de abril, que modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro.
- d) A disposición derradeira segunda do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.
- e) Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
- A Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada, manterá a súa vixencia nas materias que non se opoñan ao disposto neste decreto e mentres non se publiquen no Diario Oficial de Galiciaas disposicións necesarias para adaptala ás previsións deste decreto.
Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.
Modifícase o Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, nos seguintes termos:
Un. Modifícase a letra n) do artigo 5, que terá a seguinte redacción:
«n) Previsións para asegurar a igualdade de trato das aspirantes embarazadas ou en período de parto o posparto, de acordo co disposto no artigo 11.4 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais».
Dous. Modifícanse as letras a), c) e e) do número 1 do artigo 10 que terán a seguinte redacción:
«a) Proba de avaliación dos coñecementos das persoas aspirantes sobre os contidos do temario.
Ten como finalidade que as persoas aspirantes demostren a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos do temario, que se determinen na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test proposto polo órgano de selección, que constará do seguinte número de preguntas:
1º. Cen, nos procesos selectivos para o acceso á categoría de policía.
2º. Cincuenta sobre a parte xeral do temario e cincuenta sobre a parte específica nos procesos selectivos para o acceso á subescala facultativa.
3º. Cincuenta, nos procesos selectivos para o acceso aos postos de vixilante municipal.
As persoas aspirantes disporán de dúas horas para a súa realización no caso de acceso á categoría de policía e á subescala facultativa, e dunha hora no caso de acceso aos postos de vixilante municipal.
A proba será cualificada polo órgano de selección de cero a dez puntos e será preciso acabar cinco puntos, como mínimo, para superala. Corresponderalle ao órgano de selección determinar o número de respostas correctas exixido para conseguir esa puntuación mínima».
«c) Probas de aptitude física.
Estas probas van dirixidas á verificación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade das persoas aspirantes.
A descrición e as normas para o desenvolvemento destas probas, incluíndo o rango de valores en que se considera garantido o cumprimento do principio de non discriminación por razón de sexo, axustaranse ao establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Cualificaranse como apto/a ou non apto/a».
«e) Recoñecemento médico.
Será efectuado por persoal facultativo, que deberá axustarse á descrición do cadro médico previsto na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, para que se garantan as condicións adecuadas das persoas aspirantes.
Cualificaranse como apto/a ou non apto/a».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 10, que terá a seguinte redacción.
«2. As persoas aspirantes poderán solicitar o aprazamento das probas nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais».
Catro. Modifícase o número 2 do artigo 15, que terá a seguinte redacción.
«2. A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista no número 1 deste artigo soamente poderá aprazarse nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para as probas das oposicións.
Ás persoas aprobadas, ás cales non lles fose aprazada a reunión citada no parágrafo anterior, e que non comparezan persoalmente ou por medio de representante, seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación daquelas ás persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que quedasen sen adxudicar».
Cinco. Modifícanse as letras a) e b) do número 2 do artigo 18, que terán a seguinte redacción:
«a) Probas físicas, que medirán a capacidade física das persoas aspirantes para as funcións que teñan que desempeñar.
A descrición e as normas para o desenvolvemento destas probas, incluíndo o rango de valores en que se considera garantido o cumprimento do principio de non-discriminación por razón de sexo, axustaranse ao establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
- b) Cuestionario de cincuenta preguntas tipo test, proposto polo órgano de selección sobre o temario establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, e que se cualificará de cero a dez puntos, será preciso acadar cinco puntos, como mínimo, para superar a proba. Corresponderalle ao órgano de selección determinar o número de respostas correctas exixido para conseguir esa puntuación mínima. As persoas aspirantes disporán dunha hora para a súa realización».
Seis. Modifícase o número 2 do artigo 20, que terá a seguinte redacción:
«2. Os concellos formalizarán a contratación das ditas persoas como auxiliares de policía local, despois de verificar que superaron o curso de formación previsto no artigo 49 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais».
Disposición derradeira segunda. Prazo para a adaptación dos regulamentos internos dos corpos da Policía Local ao previsto neste decreto ou para a súa aprobación
- No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto todos os concellos deberán adaptar os regulamentos internos das súas policías locais ao previsto nel.
- No prazo de dous anos desde a entrada en vigor deste decreto, todos os concellos deberán aprobar os regulamentos internos dos seus respectivos corpos da Policía Local.
Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento e execución do decreto
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de coordinación de policías locais para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil vinte e tres
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes