DECRETO 98/2021, do 24 de xuño, polo que se crea o Consello de Cooperación de Consumo de Galicia.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

O artigo 51.1 da Constitución española establece a garantía, por parte dos poderes públicos, da «defensa dos consumidores e usuarios», protexendo mediante procedementos eficaces a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos destes.

Na Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de «defensa do consumidor e usuario» está articulada no artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos do disposto nos artigo 38,131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución.

Así mesmo, nos artigos 80.2, letra g) e 109.1, letra a) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñécese ao municipio o exercicio de competencias en materia de defensa de persoas usuarias e consumidoras, nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, e á provincia o deber de asegurar a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal.

De conformidade co anterior, ante a exixencia de crear un marco xurídico adecuado regulador das actuacións das distintas administracións públicas para a defensa das persoas consumidoras e usuarias no ámbito territorial da nosa comunidade autónoma, a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras, dedica, dentro do título II, o seu capítulo IV, denominado «Competencias das entidades locais e coordinación e cooperación coa Administración autonómica competente en materia de consumo», á necesidade de que as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias e nos seus respectivos ámbitos territoriais, promovan e desenvolvan a defensa e protección das persoas consumidoras e usuarias, actuando nas súas relacións, de acordo cos principios de coordinación e cooperación.

Do mesmo xeito, para facer efectivos tales principios de coordinación e colaboración entre a Administración autonómica e as das corporacións locais, a dita norma dispón no seu artigo 73.2 a creación dun órgano colexiado de coordinación, cooperación e participación entre a Administración autonómica e as entidades locais.

Por tanto, para dar cumprimento ao establecido na devandita lei, a través do presente decreto procédese á creación do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia. A través deste decreto lévase a cabo a regulación do obxecto, composición, finalidade e funcións do Consello, así como os demais aspectos organizativos e funcionais inherentes a este órgano colexiado.

O presente decreto axústase aos principios de boa regulación recollidos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, conforme os cales deben actuar todas as administracións no exercicio da potestade regulamentaria. En particular, a norma responde á finalidade antes expresada; é eficaz ao ser o instrumento adecuado para a creación e regulación do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia e resulta proporcionada ao cumprimento deste labor, sen afectar dereitos e deberes da cidadanía. Ademais, contribúe á satisfacción do principio de seguridade xurídica na organización da Administración autonómica facendo posible un coñecemento adecuado da súa estrutura e funcionamento, así como un fácil acceso á norma. Por último, satisfai o principio de eficiencia ao non impoñer cargas administrativas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto do presente decreto é a creación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia como órgano colexiado de coordinación, cooperación e participación entre a Administración autonómica e as entidades locais ao abeiro do artigo 73 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Artigo 2. Natureza, adscrición e finalidade

  1. O Consello de Cooperación de Consumo de Galicia ten a condición de órgano colexiado de carácter consultivo, asesor e participativo en materia de consumo.
  2. O dito consello quedará adscrito á consellería competente en materia de consumo.
  3. A súa finalidade será procurar a máxima coordinación, colaboración e participación entre a Administración autonómica e as entidades locais de Galicia naquelas materias que afecten a defensa e protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

Artigo 3. Réxime xurídico

O funcionamento e actuación do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia axustarase ao establecido neste decreto, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 4. Sede

A sede do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia establécese na do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, sen prexuízo de que se poidan celebrar reunións noutros lugares.

Artigo 5. Funcións

  1. O Consello de Cooperación de Consumo de Galicia exercerá, sen prexuízo das que lle poidan ser encomendadas pola consellería competente en materia de consumo ou polo propio Instituto Galego do Consumo e da Competencia, as seguintes funcións:
  2. a) Servir de canle de colaboración, comunicación e información entre as autoridades de consumo da Administración autonómica e as entidades locais.
  3. b) Realizar propostas ou estudos de plans, programas ou accións conxuntos.
  4. c) Fomentar canles de información para a obtención de datos en materia de consumo.
  5. d) Promover o emprego racional de medios materiais e persoais da Administración autonómica galega e das entidades locais galegas.
  6. e) Propoñer actuacións de formación e perfeccionamento do persoal das distintas administracións públicas con tarefas específicas no ámbito do consumo.
  7. f) Propoñer campañas de control de mercado.
  8. g) Impulsar a colaboración das entidades locais na execución das campañas de control de mercado.
  9. h) Promover a cooperación das entidades locais no control de produtos inseguros, en especial os produtos incluídos na rede de alerta.
  10. i) Propoñer criterios de actuación común das entidades locais en materia de consumo.
  11. j) Exercer calquera outra función que se lle asigne legal ou regulamentariamente.
  12. O Consello, no exercicio das súas funcións, prestará especial atención ás previsións relativas a colectivos de protección especial, ás situacións de especial protección e ás previsións relativas á accesibilidade universal.

Artigo 6. Composición

  1. O Consello de Cooperación de Consumo de Galicia estará integrado polos seguintes membros:
  2. a) A persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que exercerá a Presidencia do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia.
  3. b) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de consumo.
  4. c) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de Administración local.
  5. d) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de saúde pública.
  6. e) Unha persoa en representación da consellería competente en materia do medio rural.
  7. f) Unha persoa en representación da consellería competente en materia do mar.
  8. g) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de ambiente.
  9. h) Catro persoas en representación dos concellos de Galicia designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
  10. Na composición do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
  11. Nas reunións do Consello participarán, como asistentes, con voz pero sen voto:
  12. a) A persoa responsable do servizo de protección ao consumidor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
  13. b) A persoa responsable do servizo de vixilancia do mercado e seguridade dos produtos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
  14. c) A persoa responsable do servizo de información, cooperación e fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
  15. d) A persoa responsable da Escola Galega de Consumo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
  16. Tanto os membros como os asistentes que compoñen o Consello de Cooperación de Consumo de Galicia non percibirán ningún tipo de retribución ou indemnización pola asistencia ou pertenza a el.

Artigo 7. Presidencia

  1. A Presidencia do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia corresponde á persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
  2. Son funcións da Presidencia:
  3. a) Representar o Consello.
  4. b) Nomear os membros do Consello, por proposta de cada unha das consellerías ou entidades correspondentes,  que designarán un titular e o seu suplente.
  5. c) Acordar a convocatoria das sesións e a fixación da orde do día.
  6. d) Presidir as sesións, dirixindo e moderando os seus debates.
  7. e) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello, velando posteriormente polo seu cumprimento.
  8. f) Cantas outras funcións lle encomende o Consello ou sexan inherentes á Presidencia.
  9. En caso de ausencia, enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, será substituída pola persoa que corresponda na orde establecida no artigo 6.1.
  10. A Presidencia do Consello poderá nomear persoas asesoras, por razón das materias que se traten, que poderán asistir ás súas reunións.
  11. A persoa titular da Presidencia  do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia non percibirá retribución ou indemnización pola asistencia ou pertenza a el.

Artigo 8. Secretaría

  1. A Secretaría do Consello de Cooperación de Consumo de Galicia recaerá nunha persoa funcionaria do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, nomeada pola persoa titular da Presidencia.
  2. Son funcións da Secretaría:
  3. a) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do Consello.
  4. b) Custodia e arquivamento da documentación dos órganos do Consello
  5. c) Preparar as reunións e asistir a elas con voz pero sen voto.
  6. d) Efectuar a convocatoria das sesións do Consello por orde da Presidencia.
  7. e) Recibir os actos de comunicación dos membros do Consello e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.
  8. f) Redactar e autorizar as actas das sesións.
  9. g) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados e custodiar a documentación xerada con motivo da celebración das súas reunións.
  10. h) Cantas outras funcións sexan inherentes á Secretaría.
  11. En caso de ausencia, enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a persoa titular da Secretaría será substituída por quen determine a persoa titular da Presidencia. O nomeamento pola Presidencia da persoa que deba substituir a persoa titular da Secretaría debe realizarse de acordo co previsto no artigo 18.1 da Lofaxga.
  12. A persoa titular da Secretaría non percibirá retribución ou indemnización pola asistencia ao órgano.

Artigo 9. Quórum

O Consello de Cooperación de Consumo de Galicia entenderase validamente constituído, en primeira convocatoria, cando estean presentes a persoa titular da Presidencia, a persoa titular da Secretaría, ou as persoas suplentes de ambos, e a metade máis un do resto dos membros a que se refire o artigo 6.1.

En caso de non chegar a este quórum, considerarase validamente constituído en segunda convocatoria, media hora despois da fixada para a primeira, coa presenza da persoa titular da Presidencia, a persoa titular da Secretaría, ou as persoas suplentes de ambos, e os membros presentes.

Artigo 10. Convocatoria e orde do día

  1. Corresponde á persoa que exerza a Presidencia do Consello a convocatoria das reunións por iniciativa propia e polo menos unha vez ao ano, ou cando o solicite, polo menos, a metade dos seus membros. A orde do día de cada reunión do Consello será proposta e fixada pola persoa titular da Presidencia.
  2. A convocatoria, que deberá acompañarse dos documentos necesarios cunha antelación mínima de 48 horas, terá que conter a orde do día prevista e fixada pola persoa titular da Presidencia para cada sesión e serán remitidas aos membros do Consello a través de medios electrónicos, salvo que non resulte posible.
  3. Cando o Consello teña que reunirse e os asuntos incluídos na súa orde do día o permita, a constitución e a adopción de acordos poderá efectuarse por medios electrónicos, que garantan a intercomunicación entre eles e a unidade de acto, tales como o correo electrónico, e os acordos entenderanse adoptados na sede do Consello.
  4. Os membros do Consello deberán recibir, cunha antelación mínima de 48 horas, a convocatoria coa orde do día. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará ao dispor dos membros en igual prazo.

Artigo 11. Adopción de acordos

  1. A adopción de acordos requirirá a votación previa dos membros do Consello.
  2. As votacións realizaranse, salvo que expresamente se acorde outro procedemento, mediante manifestación oral de cada membro do sentido do seu voto.
  3. Os acordos do Consello tomaranse por maioría dos votos dos seus membros e, en caso de empate, a Presidencia terá voto dirimente.
  4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día salvo que todos os membros do Consello asistan á reunión e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

Artigo 12. Actas

  1. De cada sesión que celebre o Consello levantará acta a persoa titular da Secretaría, que especificará necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados. Os textos dos acordos, informes ou propostas serán incorporados, se for o caso, como anexos á acta.

As sesións do Consello poderán ser gravadas.

  1. As actas serán redactadas e asinadas pola persoa titular da Secretaría, co visto e prace da persoa titular da Presidencia, e aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; con todo, a persoa titular da Secretaría poderá emitir certificacións sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Previamente á súa aprobación poderanse remitir a través de medios electrónicos, aos membros do Consello, os cales poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto, para efectos da súa posterior aprobación.

Artigo 13. Grupos de traballo

  1. O Consello de Cooperación de Consumo de Galicia poderá crear grupos de traballo para levar a cabo as tarefas técnicas que lles asigne o citado consello. A estes grupos de traballo poderán ser convidadas persoas expertas na materia que se vaia tratar.
  2. A dirección do grupo de traballo corresponderá a unha persoa representante do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, designada pola Presidencia do Consello.
  3. Os grupos de traballo poderán funcionar por medios electrónicos, telefónicos ou audiovisuais, que garantan a intercomunicación entre eles, tales como a videoconferencia ou o correo electrónico.
  4. Na composición dos grupos de traballo procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
  5. Na creación destes grupos de traballo terase en conta a perspectiva da discapacidade como persoas consumidoras e usuarias, así como da accesibilidade universal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería de adscrición do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos 20 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación