Violencia de género GALICIA

,

LEI 15/2021, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

A violencia de xénero ten múltiples formas de manifestarse e, cos avances nas novas tecnoloxías e, sobre todo, desde 2009, data en que Internet pasou a ser un contexto vital, téñense incrementado as denuncias sobre violencia de control, ameazas ou violencia psicolóxica a través de teléfonos móbiles e outros dispositivos dixitais.

Resulta necesario definir o concepto de ciberdelincuencia e, de forma específica, a que se exerce sobre a muller, xa que nos últimos tempos aumentou o control da vítima a través das redes sociais, dos dispositivos dixitais e, fundamentalmente, do teléfono móbil. Non se inclúen nestas actuacións aquelas ferramentas de control parental que cumpran coa lexislación vixente destinadas á protección e á seguridade das persoas menores de idade. Son novas formas de violencia de xénero que están a xurdir como consecuencia da aparición e desenvolvemento das novas tecnoloxías e das tecnoloxías da información. Trátase dunha nova forma de violencia de xénero que está a afectar, fundamentalmente, as mulleres máis novas, pois os datos amosan que o ciberacoso ten unha incidencia maior na adolescencia e, por tanto, esta convértese na idade de maior vulnerabilidade.

A violencia de xénero dixital engloba todas estas condutas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, das redes sociais ou de Internet mais tamén a gravación e difusión de imaxes tomadas sen consentimento, for no ámbito público ou no privado, que supoñan unha humillación ou vexación das mulleres, así como a distribución na rede de imaxes ou datos comprometidos de contido sexual, usurpación da identidade da vítima ou creación de perfís falsos para desprestixiar a vítima, dar de alta o correo electrónico da vítima en sitios web para estigmatizala ou ridiculizala, acceder dixitalmente ao ordenador da vítima para controlar as súas comunicacións con terceiros, control do dispositivo móbil e as súas comunicacións, que son exemplos da facilidade que ten Internet para alcanzar a unha muller vítima de violencia de xénero sen necesidade de ter contacto físico con ela.

O primeiro informe de avaliación do Grupo de Expertos na Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica (GREVIO) sobre as medidas lexislativas e doutra índole que dan efecto ás disposicións do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Convenio de Istambul) detectou carencias e retos que teñen que guiar a acción política nos próximos anos para poder dar pleno cumprimento ao Convenio, fundamentalmente no que ten que ver coa abordaxe integral de todas as formas e manifestacións da violencia contra as mulleres incluídas no Convenio. Expresamente, anima as autoridades do noso país a continuaren cos esforzos de sensibilización arredor da violencia contra as mulleres e a que a súa implementación inclúa todas as formas de violencia abranguidas polo Convenio de Istambul, en particular a violencia dixital, entre outras.

No seo da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados, na súa sesión do 30 de novembro de 2016, acordouse a creación dunha subcomisión cuxo obxecto era elaborar un informe no que se identificarían e analizarían os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero e que, unha vez escoitadas as persoas expertas designadas polos grupos parlamentarios, faría unha serie de propostas de actuación que incluirían especificamente as principais reformas que deberán acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin.

Tanto os informes emitidos como persoas expertas na materia que compareceron na subcomisión creada para un Pacto de Estado en materia de violencia de xénero coinciden en concluír que as novas tecnoloxías normalizan a violencia, en moitos casos ante a inconsciencia da xente moza, que non a identifica como tal.

A proposta de actuación número 91 do citado informe recomenda «perfeccionar a tipificación dos delitos no ámbito dixital».

O Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero establece, na medida 102, a obriga de ampliar o concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra as mulleres contidos no Convenio de Istambul e inclúe, na medida 109, a necesidade de perfeccionar a tipificación dos delitos no ámbito dixital, ou a 112, que promove non considerar as inxurias e calumnias a través das redes sociais no ámbito da violencia de xénero como unicamente un delito leve.

Todas estas cuestións fan precisa a modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que no seu artigo 3 establece as formas de violencia de xénero que permiten o recoñecemento de vítimas a aquelas mulleres que sofren algunha das formas descritas, o que lles outorgará a protección establecida lexislativamente, así como das axudas ás que teñen dereito como tales, e a poder acceder ao estatuto da vítima de violencia de xénero.

Resulta imprescindible definir a violencia de xénero dixital non só para identificar as vítimas e poñer á súa disposición todos os recursos precisos para a súa atención senón que temos que ser capaces de poñer en marcha políticas de prevención da sextorsión (sexting), o ciberbullying, o grooming ou o ciberacoso e abuso sexual a menores de idade, que permitan identificar neste ámbito con antelación condutas e fenómenos emerxentes e previr a violencia de xénero dixital.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo único. Modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, queda modificada como segue:

Un. Engádese a letra h) ao artigo 3 co seguinte contido:

«h) Violencia de xénero dixital ou violencia en liña contra a muller, que inclúe todo acto ou conduta de violencia de xénero cometido, instigado ou agravado, en parte ou na súa totalidade, polo uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), como Internet, plataformas de redes sociais, sistemas de mensaxaría e correo electrónico ou servizos de xeolocalización, coa finalidade de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento na privacidade da vítima; con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou de parentesco coa vítima.

Igualmente, terán a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar, social, profesional ou académico.

Exceptúanse as ferramentas de control parental que cumpran coa lexislación vixente destinadas á protección e seguridade das persoas menores de idade».

Dous. A actual letra h) pasa a ser a letra i) do artigo 3.

Tres. Modifícase o punto 2 do artigo 6, que queda redactado da seguinte maneira:

«2. As campañas que se desenvolvan dedicarán atención específica á sensibilización e á formación da poboación xuvenil na prevención e identificación de actitudes que constitúan actos de violencia de xénero, con especial incidencia na violencia de xénero dixital. Así mesmo, as campañas farán posible a súa accesibilidade ás mulleres con máis dificultades para se achegaren aos recursos e á información. As campañas faranse nun formato accesible e comprensible para as persoas con diversidade funcional, utilizando a linguaxe de signos ou outras modalidades de comunicación.

Deseñaranse campañas específicas que teñan en conta as circunstancias que dificultan ás mulleres do ámbito rural o acceso á información, e colaborarán no desenvolvemento delas coas asociacións de mulleres rurais».

Catro. Engádese un novo parágrafo in fine no punto 1 do artigo 12, coa seguinte redacción:

«Prestarase especial atención á violencia de xénero dixital, que debera orientarse ao perfil das mulleres vítimas desta violencia, así como dos autores que a exercen e divulgan, a súa frecuencia, os medios a través dos cales se comete, o impacto nas vítimas e a resposta institucional».

Cinco. Modifícase o artigo 16, que queda redactado como segue:

«Artigo 16. Actitudes

A Administración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, impulsará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de comportamentos e actitudes sexistas e da violencia de xénero, con especial atención á violencia de xénero dixital, destinadas a afondar nas estratexias para a análise e resolución dos conflitos, así como na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas, garantindo e fomentando actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade».

Seis. Engádese un punto 3 á disposición adicional segunda co seguinte contido:

«3. O Goberno galego impulsará coas principais plataformas intermediarias da Internet acordos de colaboración co fin de establecer criterios e mecanismos áxiles e urxentes de denuncia e retirada de contidos relacionados coa violencia de xénero dixital».

Disposición adicional única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente