Urgencia sanitaria GALICIA

,

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 16 de maio de 2020.

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 16 de maio de 2020, adoptou os seguintes acordos:

«O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 16 de maio de 2020,

ACORDA:

– Acordo sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e da Orde 388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado.

  1. A Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 1 de maio), ten por obxecto establecer as condicións en que as persoas de 14 anos en diante poderán realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma (artigo 1). Entre as súas previsións, a norma establece:
  2. a) Que as actividades permitidas son os paseos e a práctica non profesional de deportes individuais (artigo 2.2):

“Para os efectos do previsto nesta orde, queda permitida a práctica non profesional dos deportes individuais que non requiran contacto con terceiros, así como os paseos. As ditas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas no artigo 5. Non se atopa comprendida dentro desta habilitación a práctica da pesca e caza deportiva” (artigo 2.2).

  1. b) Que estas prácticas deben realizarse dentro do municipio de residencia (artigo 2.4):

“Os paseos realizaranse cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. A dita limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, estando esta permitida dentro do municipio onde se reside” (artigo 2.4).

  1. c) Que a práctica debe desenvolverse dentro de concretas franxas horarias e segundo, ademais, determinados rangos de idade (artigo 5.1):

“Establécense as seguintes franxas horarias para a realización das actividades previstas no artigo 2.2:

  1. a) A práctica de deporte individual e os paseos só se poderán levar a cabo entre as 6.00 e as 10.00 horas e entre as 20.00 e as 23.00 horas.
  2. b) Aquelas persoas que requiran saír acompañadas por motivos de necesidade e as persoas maiores de 70 de anos poderán practicar deporte individual e pasear entre as 10.00 e as 12.00 horas e entre as 19.00 e as 20.00 horas (…)”.
  3. Esta orde foi modificada pola Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (BOE do 9 de maio) que, ademais de incluír expresamente a prohibición da caza e da pesca deportiva (artigo 5.2.), recolle a habilitación ás comunidades e cidades autónomas para acordaren que as franxas horarias, dentro do seu ámbito territorial “(…) comecen ata dúas horas antes e terminen ata dúas horas despois, a condición de que non se incremente a duración total das devanditas franxas” (artigo 5.2).

III. A Orde 388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado (BOE do 3 de maio), na materia deportiva, establece que os deportistas con relación laboral especial de deportistas profesionais, xunto aos deportistas cualificados polo Consello Superior de Deportes como de alto nivel (deportistas DAN) ou de interese nacional, poderán realizar determinadas actividades dentro dos límites da provincia da súa residencia (artigo 8.1) e sen restrición horaria (artigo 8.3).

Pola súa parte, o resto de deportistas federados deberán observar as mesmas limitacións horarias (das 6.00 ás 10.00 horas e das 20.00 ás 23.00 horas) e territoriais (municipio) que as establecidas na Orde 380/2020, do 30 de abril (artigo 9.1), podendo en todo caso estes deportistas facer uso das dúas franxas horarias.

  1. A Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (BOE do 9 de maio), estableceu unha serie de medidas de carácter social, de reapertura de establecementos e locais retallistas e de prestacións de servizos, de hostalaría e restauración, de museos e bibliotecas, de espectáculos e actos culturais, de turismo activo e natureza e, tamén e entre outras, medidas para o desenvolvemento para a práctica deportiva e federada: apertura de centros de alto rendemento, desenvolvemento de ligas profesionais, apertura de instalacións ao aire libre, actividade deportiva en centros deportivos e caza e pesca deportiva (artigos 38 a 43).

Sen referencia ningunha a limitacións de franxas horarias nin a tramos de idade da poboación, a norma ministerial do 9 de maio establece que “en relación co establecido na presente orde, se poderá circular pola provincia, illa ou unidade territorial de referencia para os efectos do proceso de desescalada (…)”.

  1. A Orde TMA/400/2020, do 9 de maio, pola que se establecen as condicións que se aplicarán na fase 1 da desescalada en materia de mobilidade e se fixan outros requisitos para garantir unha mobilidade segura (BOE do 10 de maio), regula, entre outros ámbitos, o exercicio da navegación de recreo ou deportiva e outras actividades aeronáuticas de recreo, e estipula que “se permitirá a navegación ás persoas que teñan o seu domicilio na mesma provincia, illa ou cidade autónoma en que estea amarrada a súa embarcación ou estacionada a aeronave (…)” (artigo 7.2.a), sen que se determinen tampouco para esta práctica franxas horarias ou tramos por idades.
  2. Á vista das normas que se veñen de reproducir, evidéncianse manifestas contradicións na regulación da práctica deportiva polas distintas ordes ministeriais, así como tratamentos dispares entre esta práctica e as restantes actividades sociais reguladas, sen que se poidan argumentar razóns dirixidas á contención da pandemia ou á protección da saúde e seguridade dos cidadáns.

Entre as primeiras: a poboación en xeral, así como os deportistas con licenza federativa que non sexan profesionais nin DAN segundo o Consello Superior de Deportes, deben practicar deporte ao aire libre no seu municipio e en determinas franxas horarias, pero poden acudir a instalacións deportivas ao aire libre ou a centros deportivos, así como navegar, en toda a súa provincia e sen existiren nestes tres últimos casos limitación ningunha de horario –aínda que é preciso a cita previa no caso das instalacións ao aire libre e dos centros deportivos–, nin tramos por idades.

Xunto ás contradicións, hai que salientar tamén a disparidade de tratamento entre a práctica deportiva, que continúa limitada ao municipio e a determinados horarios nos supostos apuntados, con outras prácticas sociais xa permitidas na fase 1 con motivo da flexibilización do estado de alarma, e que se posibilitan en toda a provincia e sen horario ningún: actividades sociais, de ocio, turismo, restauración, culturais etc.

En definitiva, na actual fase do estado de alarma unicamente están suxeitas a limitacións horarias e á restrición do municipio as actividades deportivas apuntadas.

Por último, hai que lembrar que o establecemento de horarios restrinxe moi significativamente –chegando ás veces a impedir–, a práctica de determinadas modalidades deportivas suxeitas a outros condicionantes, como pode ser o ciclismo (falta de luz natural e de visibilidade) ou o surf (mareas), así como tamén é claramente determinante para que se produzan aglomeracións pola concentración de practicantes.

Polo exposto, acórdase:

Solicitar ao Goberno do Estado a modificación ou clarificación da Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na Orde 388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, co fin de suprimir as franxas horarias e a limitación do termo municipal nos termos descritos.

– Acordo referido ás medidas para a recuperación gradual da formación presencial e actividades da Academia Galega de Seguridade Pública.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 12 de marzo de 2020, acordou a adopción de medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo), complementado polas previsións contidas na Resolución desta dirección xeral, do día 13 de marzo de 2020, pola que se dispón a suspensión temporal da actividade académica docente da Academia Galega de Seguridade Pública e, polo tanto, do curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, correspondente a 12ª promoción de policía local de Galicia, en que se acordou que o alumnado dese curso selectivo, que acababa de comezar, se incorporase de xeito inmediato (16 de marzo de 2020) aos seus respectivos concellos para realizar, de xeito extraordinario, un período de prácticas, no marco do curso selectivo.

Por outra parte, é necesario iniciar a convocatoria dos procesos selectivos para a provisión de postos de auxiliares de policía local, e as prazas das categorías de policía e oficial dos corpos das policías locais de Galicia, considerando a súa cobertura indispensable para a protección do interese xeral e o funcionamento básico dos servizos, de acordo coas peticións efectuadas polos concellos.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa ACORDA:

– O reinicio, a partir do día 1 de xuño de 2020, do curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, correspondente a 12ª promoción de policía local de Galicia.

– O inicio dos procesos selectivos correspondentes á cobertura de postos de auxiliares de policía local e de prazas das categorías de policía e oficial dos corpos das policías locais de Galicia.

Para tal fin, a autoridade competente da Academia Galega de Seguridade Pública adoptará todas as medidas de prevención hixiénico-sanitarias requiridas para o desenvolvemento das actuacións presenciais, coa máxima garantía e para minimizar o risco de contaxio por COVID-19, de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.

Así mesmo, tómase razón do proxecto de Resolución da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, referida ás medidas para a recuperación gradual da formación presencial e actividades da Academia Galega de Seguridade Pública, que será obxecto de tramitación pola indicada dirección xeral.

– Levantamento da suspensión da actividade dos centros de visitantes dos espazos naturais e protocolo de prevención.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de marzo de 2020, adoptou determinadas medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre elas e no ámbito dos espazos naturais, na súa letra n):

“– Suspéndense as visitas guiadas en grupos aos parques naturais, nacionais e outros espazos naturais protexidos.

– Ao mesmo tempo, suspéndese a actividade ao público dos centros de visitantes e interpretación dos parques e as aulas de natureza”.

Conforme o disposto polo Consello da Xunta de Galicia o 27 de marzo de 2020, esta suspensión está vixente no que resulte compatible e non se opoña ao previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e na normativa e actos estatais e autonómicos ditados en desenvolvemento e aplicación de devandito real decreto.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, no seu artigo 7 establece as limitacións á liberdade de circulación das persoas, de sorte que só é posible circular polas vías de uso público para realizar as actividades que se enumeran ou actividades análogas, por forza maior, ou situación de necesidade. Entre estas actividades non está a actividade recreativa. Conforme o dito real decreto é, por tanto, unha actividade suspendida.

A dita situación cambia desde o Acordo do Consello de Ministros, do 28 de abril de 2020, para a recuperación da vida social e económica, partindo de que as medidas de contención da pandemia foron efectivas. O dito acordo inclúe unha “previsión” das actividades permitidas en cada fase, sinalando que será unha orde do ministro de Sanidade a que regule esas actividades ou o seu alcance. O plan carece de valor normativo e son as ordes do ministro de Sanidade as normas aplicables.

Mediante a Orde SND/380/2020, do 30 de abril, regúlanse as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, para facilitar a actividade física en “contacto coa natureza e a vexetación, cun demostrado efecto beneficioso na saúde”.

A dita orde regula que “se poderá circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas, sempre que se respecten os límites establecidos nesta orde”. Todo iso dentro das franxas horarias que se regulan, salvo no caso de municipios e entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, nos cales a práctica das actividades permitidas por esta orde se poderá levar a cabo entre as 6.00 e as 23.00 horas.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 13 de marzo de 2020, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no devandito acordo.

Á vista do exposto, e dada a habilitación ao Cecop, acórdase:

– Levantar a suspensión da actividade cara ao público dos centros de visitantes e interpretación dos parques e as aulas de natureza dos parques naturais, nacionais e outros espazos naturais protexidos e das visitas guiadas en grupo. A dita actividade deberá realizarse conforme o disposto na normativa estatal que resulte de aplicación, así como conforme o disposto no Protocolo de medidas de prevención do COVID-19 nos centros de visitantes dos parques naturais de Galicia e nas aulas da natureza aprobado pola dirección xeral competente.

O Cecop toma razón, así mesmo, do Protocolo de medidas de prevención do COVID-19 nos centros de visitantes dos parques naturais de Galicia e nas aulas da natureza, que aprobará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– Procedemento para a minoración na base impoñible liquidable do canon da auga e/ou coeficiente de vertedura determinada por estimación obxectiva como consecuencia da suspensión do exercicio da actividade.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A vixencia do estado de alarma foi prorrogada sucesivamente polo Real decreto 476/2020, do 27 de marzo; o Real decreto 487/2020, do 10 de abril; o Real decreto 492/2020, do 24 de abril, e o Real decreto 514/2020, do 8 de maio.

Entre as medidas que se establecen no Real decreto 463/2020, así como na normativa que o complementa, singularmente o Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, está a de suspender o exercicio de determinadas actividades empresariais, comerciais, hostalaría, restauración, culturais e de ocio.

Este cesamento da actividade por mandato legal terá, loxicamente, unha relación directa co consumo ou utilización da auga e, por conseguinte, na base impoñible do canon da auga e, se é o caso, do coeficiente de vertedura.

Non obstante, o cesamento no consumo de auga derivado do cesamento da actividade só vai verse reflectido naqueles contribuíntes que dispoñen dun contador que permita contabilizar o consumo real da auga pero, polo contrario, aqueles contribuíntes onde a base impoñible veña determinada de maneira expresa na resolución por non dispoñer o contribuínte de captacións propias (como pode ser o suposto de bases impoñibles determinadas por estimación obxectiva en función do volume máximo autorizado, das características do aproveitamento etc.), o feito de non dispoñer de contador non vai permitir constatar esa diminución do consumo e, polo tanto, virá obrigado ao pagamento do canon da auga e coeficiente de vertedura pola totalidade da base impoñible determinada na resolución correspondente.

Neste sentido, é importante lembrar que o feito impoñible do canon da auga é o consumo real ou potencial de auga e que, polo tanto, non só se grava o consumo cuantificable (real), senón que tamén aquel que o contribuínte pode consumir ou utilizar en virtude de dispoñer dunha determinada autorización administrativa ou dunhas determinadas características do aproveitamento (potencial), o que, a priori, motiva que mentres o contribuínte dispoña desa posibilidade de consumir auga se lle exixa o canon da auga.

Pois ben, a declaración do estado de alarma introduciu unha nova variable que afecta a relación causal potencialidade-consumo que permitía gravar a mera posibilidade de captar auga. Esta nova variable é a prohibición legal e, polo tanto, allea a toda voluntariedade do contribuínte, do desenvolvemento da actividade, o que tamén limita a posibilidade de captar auga.

Por conseguinte, faise preciso artellar un procedemento para que as diferentes actividades suxeitas ao canon da auga e/ou coeficiente de vertedura en que a base impoñible procedente de captacións propias non veña determinada por un contador poidan acreditar ante Augas de Galicia, con carácter previo á emisión da liquidación, o cesamento da súa actividade por estar incluída entre as actividades suspendidas nas diferentes normas derivadas da declaración do estado de alarma, de xeito que se minore de maneira proporcional a base impoñible liquidable.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presenta ao Cecop un procedemento para que as diferentes actividades suxeitas ao canon da auga e/ou coeficiente de vertedura en que a base impoñible procedente de captacións propias veña determinada por estimación obxectiva, poidan acreditar ante Augas de Galicia, con carácter previo á emisión da liquidación, o cesamento da súa actividade por estar incluída entre as actividades suspendidas nas diferentes normas derivadas da declaración do estado de alarma, de xeito que se minore de maneira proporcional a base impoñible liquidable. O Cecop toma razón da proposta que será obxecto de tramitación pola consellería, a través da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

– Acordo en relación cos horarios comerciais que se aplicarán na fase 2.

O punto cuarto do Acordo do 15 de marzo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia establecía a liberdade horaria para os establecementos de primeira necesidade.

Este acordo tiña por obxecto garantir o correcto funcionamento e o abastecemento da poboación durante a situación de emerxencia sanitaria, con independencia das diferentes circunstancias que puidesen concorrer.

Unha vez posto en marcha o Plan para a transición cara a unha nova normalidade e tendo en conta a previsión de actividade comercial establecida para a fase 2 do dito plan, deixa de estar vixente a finalidade que motivou o dito acordo.

En consecuencia, a partir da entrada en vigor da fase 2 déixase sen efecto o punto cuarto do Acordo do 15 de marzo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que só terán liberdade horaria os establecementos recollidos no artigo 8 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

– Acordo en relación coa mobilidade puntual do estudantado das universidades do SUG.

Na Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan. En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Entre as medidas preventivas adoptadas no mencionado Acordo do 12 de marzo de 2020, respecto do ensino universitario, establécese a suspensión das actividades académicas.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, por un período de 15 días. A vixencia desta situación foi prorrogada por sucesivos reais decretos co fin de garantir a eficaz xestión da emerxencia sanitaria e conter a propagación da enfermidade.

Entre as medidas previstas na normativa anterior atópanse fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, así como a suspensión da actividade educativa presencial.

En liña co anterior, mediante as correspondentes resolucións reitorais ditadas o 14 de marzo de 2020, as tres universidades galegas resolveron o peche temporal das súas instalacións a partir do luns 16 de marzo, o que comportou a suspensión da actividade presencial.

Nestas circunstancias excepcionais, a prioridade das autoridades tanto administrativas como académicas é a de garantir ao alumnado a continuidade dos seus estudos en condicións de calidade facilitando o remate do presente curso, mediante a realización das adaptacións precisas que o fagan posible, para o cal a Secretaría Xeral de Universidades ditou o 6 de abril de 2020 unhas instrucións de aseguramento da calidade da docencia non presencial nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Pola súa banda, as universidades do SUG están a realizar unha adaptación exprés á nova realidade facilitando a docencia non presencial ao seu alumnado.

A Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, determina no seu artigo 7 excepcións á mobilidade interprovincial nos supostos de retorno ao lugar de residencia familiar, así como a causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

Porén, tendo en conta a prolongación do estado de alarma e o inmediato inicio das probas de avaliación final, faise necesario levar a cabo unha adaptación excepcional das normas xerais limitadoras da mobilidade no relativo ao colectivo do estudantado universitario.

Neste sentido, cabe lembrar que dos máis de 61.000 estudantes do noso sistema universitario, máis dun 7 % provén doutras comunidades autónomas e, do 93 % restante, en moitos casos a residencia habitual non coincide coa temporal motivada pola localización do campus en que se imparte a titulación que está a cursar, o que obriga nunha importante porcentaxe a un traslado interprovincial.

A maior parte dos/as estudantes retornaron ao domicilio familiar nos primeiros días desde a declaración do estado de alarma, o que provocou un desaloxo precipitado e que deixasen as súas pertenzas nos aloxamentos que ocupan ao longo do curso académico (pisos, colexios maiores, residencias…).

Tendo en conta que desde o próximo 18 de maio se inicia a fase de avaliación final dos estudos universitarios no SUG e que moitos dos/as estudantes non teñen consigo o material imprescindible para o estudo satisfactorio das materias de que deben examinarse, urxe tomar medidas excepcionais para facilitar no posible a normalidade do desenvolvemento da actividade universitaria.

A esta circunstancia debe engadirse a problemática creada respecto do pagamento e desaloxo dos aloxamentos temporais antes citados. Neste sentido, hai que lembrar que, dada a precipitación do retorno aos fogares familiares para afrontar a fase de confinamento, as pertenzas e, en moitos casos, os materiais de estudo, continúan ocupando os pisos, residencias… polo que non é posible a cancelación de contratos e supón a obriga de seguir aboando o custo dun aloxamento que, tendo en conta o non retorno ás actividades presenciais neste curso académico, non volverán ocupar, coa conseguinte carga económica para as familias.

Por todo o anterior, por proposta dos tres reitores das universidades galegas, o Cecop adopta o seguinte acordo:

Interpretar como situación de necesidade aquela en que se encontra o estudantado matriculado nalgunha das tres universidades do SUG para os efectos do desprazamento necesario para recollida e desaloxo, se é o caso, por unha soa vez, dos aloxamentos contratados para o curso 2019/20, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias.

Cada universidade habilitará, para estes efectos, o procedemento correspondente para facilitar a indicada mobilidade, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e o enderezo do aloxamento de destino.

Darase traslado desta interpretación á Delegación do Goberno en Galicia, para os efectos de que manifeste expresamente a súa conformidade ou non con ela, facendo especial fincapé, tal e como se manifestou no Cecop, na necesidade de que este pronunciamento expreso teña lugar o máis axiña posible, tendo en conta a urxencia con que moitos estudantes galegos necesitarían facer os desprazamentos obxecto deste acordo.

– Acordo mediante o que se aproba o Protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e se establecen medidas preventivas fronte ao COVID-19.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de marzo de 2020, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Na mesma reunión do 12 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou tamén o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19.

Na reunión do 13 de marzo de 2020 aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude deste último acordo declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), con capacidade para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

Na súa reunión do 8 de maio de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aproba o Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

Mediante as ordes estatais, Orde SND/388/2020, do 3 de maio, e Orde SND/399/2020, do 9 de maio, establécense as condicións para a apertura, respectivamente, dos arquivos, no caso da primeira, e para as bibliotecas e museos, no caso da segunda, no marco da aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Neste marco, faise agora preciso adoptar medidas adicionais que contribúan a facilitar o reinicio das actividades e a reincorporación dos empregados públicos atendendo á contención da enfermidade e garantindo, ao mesmo tempo, o mantemento da prestación dos servizos que lles corresponden aos arquivos, bibliotecas e museos de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia no reinicio da súa actividade presencial.

De conformidade co exposto, logo do sometemento do texto do protocolo ao informe do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e tras a audiencia ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 16 de maio de 2020, por proposta da Consellería de Cultura e Turismo, adoptou o seguinte acordo:

Aprobar o protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e se establecen medidas preventivas fronte ao COVID-19, que se xunta como anexo a este acordo.

– Acordo relativo á xestión da biomasa, limpeza, roza e mantemento tanto en montes e terreos forestais, ou en predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, como nos predios existentes en solo urbano, urbanizable e de núcleo rural.

A Lei 3/2007, do 9 do abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, constitúe o eixe normativo contra os lumes forestais no ámbito da Comunidade Autónoma e, moi especialmente, pon o acento nas medidas de prevención de incendios forestais. A xestión da biomasa é a principal destas medidas preventivas, xa que actúa sobre a carga de combustible vexetal, procedendo á súa modificación ou á súa remoción total ou parcial na procura de romper a continuidade horizontal e vertical da biomasa presente nos montes e terreos forestais e, en xeral, en todo o solo clasificado como rústico. Permite, ademais, no caso de producírense os incendios forestais, que a súa propagación non sexa de forma incontrolada.

Así, o artigo 20 da Lei 3/2007, do 9 de abril, determina que a xestión da biomasa existente nos terreos forestais e zonas de influencia forestal se realizará a través de faixas, situadas en lugares estratéxicos, onde se procede á modificación ou remoción total ou parcial desta, buscando a aludida ruptura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente.

Atendendo, pois, a que estamos ante actuacións que forman parte da prevención e loita contra os incendios forestais como servizo esencial, indispensables para a protección do interese xeral e para o funcionamento básico dos servizos esenciais, o pasado 25 de abril de 2020 este centro operativo acordou, e a Consellería do Medio rural publicou o 28 de abril de 2020, a Resolución pola que se aclara a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa prevista no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos termos e coas condicións estipuladas na dita resolución.

Sen prexuízo do anterior, o tempo transcorrido desde a primeira declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo; a propia evolución da emerxencia sanitaria cunha importante redución no número de contaxios e persoas hospitalizadas nas últimas semanas; as últimas medidas adoptadas polo Goberno de España, entre elas unha desescalada progresiva por actividades e territorios, tal e como dispón a Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (orde que inclúe no seu anexo as catro provincias galegas, de modo que, de conformidade co artigo 2.1 da dita orde, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia está actualmente dentro do ámbito da fase 1 do Plan); así como a estación en que nos encontramos, en plena primavera e xa próxima a época de perigo alto de incendios forestais, aconsellan pronunciarse neste momento sobre outro tipo de actuacións de xestión da biomasa, limpeza, roza e mantemento tanto en montes e terreos forestais, ou en predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, como nos predios existentes en solo urbano, urbanizable e de núcleo rural.

Tomando, pois, en consideración o anterior, o Cecop, por proposta da Consellería do Medio Rural, adopta o seguinte ACORDO:

  1. Autorizar que as persoas titulares de montes ou terreos forestais e de predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, ou as persoas que teñan dereitos sobre estes que os habiliten para tal fin, desenvolvan actividades de xestión da biomasa, incluíndo rozas, os traballos de mantemento e a limpeza de restos nos devanditos terreos.
  2. Autorizar que as persoas titulares dos predios, ou as persoas que teñan dereitos sobre estes que os habiliten para tal fin, desenvolvan actividades de xestión da biomasa, incluíndo as rozas, os traballos de mantemento e a limpeza de restos en predios en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
  3. As persoas comprendidas nos números 1 e 2 anteriores que se despracen para a realización de actividades de xestión da biomasa deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que van levar a cabo as ditas actividades, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral; ademais, deberán levar consigo os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios para desenvolver as actividades de xestión da biomasa ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado.

Todo isto sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración para verificar o contido da dita declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Consellería do Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.

– Acordo relativo á apertura dos mercados de gando.

A Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo establece o seguinte:

“Suspéndese (…) a actividade comercial retallista en todo o territorio da Comunidade Autónoma, a excepción dos establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (…).

No caso de equipamentos comerciais colectivos, tales como mercados municipais, centros, parques e/ou galerías comerciais, suspenderase a actividade comercial daqueles establecementos integrados nestes e non incluídos na lista anterior”.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, determinou a imposición de importantes restricións á circulación e concentración de persoas, e adoptáronse co mesmo fin medidas de contención no ámbito da actividade comercial e de suspensión da apertura ao público de equipamentos e actividades, ao abeiro do disposto no artigo 10 da propia disposición normativa.

O tempo transcorrido desde a primeira declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo; a propia evolución da emerxencia sanitaria cunha importante redución no número de contaxios e persoas hospitalizadas nas últimas semanas; así como as últimas medidas adoptadas polo Goberno central, entre elas unha desescalada progresiva por actividades e territorios, tal e como dispón á Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (orde que inclúe no seu anexo as catro provincias galegas, de modo que, de conformidade co artigo 2.1 da dita orde, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia está actualmente dentro do ámbito da fase 1 do Plan), obrigan a reconsiderar a situación dos mercados de gando, actualmente suspendidos.

Os mercados de gando supoñen unha actividade cun grande interese para o sector primario galego, ao constituír a venda de animais unha fonte de ingresos adicionais para moitas explotacións que posúen excedentes, resultando fundamentais para a dinamización do dito sector. Ademais, os mercados de gando supoñen tamén un elemento relevante da cadea de produción agroalimentaria, en canto que espazo físico no cal os animais son parte das transaccións efectuadas, ben para utilizar na reprodución ben para o seu aproveitamento directo ou indirecto a través das súas producións.

Nese sentido, cómpre ter presente o disposto no artigo 15 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por el COVID-19, o cal establece que as autoridades competentes delegadas adoptarán as medidas necesarias para garantir o abastecemento alimentario nos lugares de consumo e o funcionamento dos servizos dos centros de produción, permitindo a distribución de alimentos.

Igualmente, debe traerse a colación o previsto na mencionada Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que no seu artigo 10 regula a reapertura dos establecementos e locais comerciais retallistas e de prestación de servizos asimilados, incluíndo tamén a reapertura dos mercados que desenvolvan a súa actividade ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública.

Tomando pois en consideración o anterior, o Cecop adopta o seguinte ACORDO:

Levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con estrita observancia dos protocolos de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria, e debe en todo caso cumprirse coas condicións e medidas recollidas nos artigos 4, 10, 11, 12 e 13 da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, do Ministerio de Sanidade en canto poidan ser de aplicación nestes eventos; todo o anterior sen prexuízo do obrigatorio cumprimento do determinado na normativa de sanidade animal que resulte aplicable e das competencias que correspondan aos concellos, en virtude da normativa sobre réxime local.

A Consellería do Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.

– Acordo relativo á Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Resolución do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dáse publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), adoptados na súa reunión do 14 de abril de 2020.

Entre os citados acordos atópase a Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o dito acordo:

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dá cobertura aos/ás traballadores/as da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da súa norma de creación (Decreto 204/1997, do 24 de xullo).

Cómpre ter presente que está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

Preséntase ante o Cecop a Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo obxecto é, en aplicación dos procedementos de actuación aprobados polas autoridades estatais, establecer o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Deste xeito, en primeiro lugar, a guía realiza unha determinación das exposicións de risco que concorren nas actividades declaradas esenciais con prestación presencial de traballo, ás cales se asocian as medidas de prevención que resultan de aplicación.

En segundo lugar, establécese a determinación das circunstancias que eventualmente poden implicar a declaración dun/dunha traballador/a como especialmente sensible, logo de tramitación do oportuno expediente técnico-sanitario.

En canto a estes dous aspectos, debe destacarse que a guía é a aplicación do Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2, do 8 de abril de 2020, aprobado polas autoridades estatais, e son igualmente de aplicación as revisións del que se poidan ditar con posterioridade.

En terceiro lugar, a guía protocoliza o procedemento para canalizar as solicitudes de declaración do persoal como especialmente sensible.

O Cecop acorda aprobar a guía, que se recolle como anexo II deste acordo.

A experiencia dun mes na aplicación da guía; a aprobación do Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19; a ulterior negociación efectuada por parte da Consellería do Medio Rural coas organizacións sindicais representantes dos traballadores respecto das estratexias e protocolos específicos de reincorporación para o servizo de prevención e extinción de incendios (servizo esencial segundo o sinalado no Acordo do Cecop do 15 de marzo de 2020) con carácter previo ao inicio da actividade de prevención, así como a época de risco alto de incendios –que necesariamente implicará que o persoal do servizo que estaba en situación de localizable pase a desenvolver as súas tarefas presencialmente en campo-; todo isto pon de relevo a oportunidade de levar a cabo determinados axustes en canto ao terceiro dos aspectos protocolizados na guía, cal é o procedemento para canalizar as solicitudes de declaración do persoal como especialmente sensible.

Así, na negociación desenvolvida no seo dos comités de prevención específicos de prevención e extinción de incendios, e da Consellería do Medio Rural, vénse poñendo de manifesto por parte das organizacións sindicais a petición de que se revise a citada guía, de xeito tal que se posibilite a petición directa por parte dos traballadores vulnerables ao servizo de prevención, e as ditas organizacións sinalan que a canle actual de solicitude, a través dos responsables das unidades á Secretaría Xeral Técnica para o seu envío ao servizo de prevención, ralentiza o procedemento.

Pois ben, tendo en conta o número de solicitudes de eventual persoal sensible tramitadas ata a data, así como tamén a importancia da celeridade neste tipo de procedementos e, sobre todo, a petición por parte dos representantes dos traballadores, a cal resulta conciliable coa finalidade perseguida pola guía e pola propia Administración autonómica, de articular dun xeito protocolizado e o máis eficaz posible a determinación das exposicións de risco que concorren nas actividades propias dos empregados públicos, e a declaración, de ser o caso, do persoal como especialmente sensible, resulta oportuno modificar a guía aprobada por este Cecop no sentido de que no procedemento relativo a este tipo de persoal a solicitude efectuada polo empregado público se dirixa directamente ao servizo de prevención.

Así mesmo, proponse ao Cecop, por razóns de homoxeneidade na tramitación dos expedientes, así como de coordinación entre todos os departamentos entre si, e con respecto aos empregados públicos que prestan servizos nos distintos centros directivos desta Administración autonómica, que a modificación da guía aprobada no sentido sinalado sexa efectuada con carácter xeral para os procedementos desta tipoloxía tramitados a partir do momento actual na totalidade da Administración, por entenderse que, tamén con carácter xeral, a problemática posta de manifesto nos comités de prevención do Medio Rural resultará con seguridade extrapolable ao persoal dependente das restantes consellerías e entidades do sector público autonómico.

Tomando pois en consideración o anterior, o Cecop adopta o seguinte ACORDO:

Modificar o punto 4 da Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobada na reunión do Cecop do pasado 14 de abril de 2020, que queda redactado como segue:

“4. Procedemento de determinación dun/dunha traballador/a como especialmente sensible.

De acordo co Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2 publicado polo Ministerio de Sanidade (versión do 30 de abril de 2020):

O servizo sanitario do SPRL debe avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación coa infección de coronavirus SARS-CoV-2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Para iso, terá en conta a existencia ou inexistencia dunhas condicións que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da persoa traballadora.

Coa evidencia científica dispoñible en data do 8 de abril de 2020, o Ministerio de Sanidade definiu como grupos vulnerables para COVID-19 as persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos.

Para cualificar unha persoa como especialmente sensible para COVID-19 debe aplicarse o indicado no primeiro parágrafo. Esa avaliación é a única actividade técnica que poderá servir de base para tomar as decisións preventivas adaptadas a cada caso”.

Nos anexos I e II a esta guía recóllense os distintos escenarios que se poden dar co persoal incluído como grupo vulnerable e indícanse, de ser o caso, as adaptacións de tarefas que a consellería deberá realizar para que poida seguir desempeñando o seu posto de traballo.

Tal e como se recolle nos anexos I e II, o simple feito de que o/a traballador/a presente algunha das patoloxías indicadas ou teña máis de 60 anos non determina a súa consideración de traballador como especialmente sensible, senón que deberá seguir traballando, agás que deba permanecer no seu domicilio polas causas xerais que determinen os protocolos ordinarios de aplicación (persoa con síntomas de coronavirus, contacto estreito cunha persoa enferma…). Polo tanto, para determinar a especial sensibilidade deberán concorrer as circunstancias indicadas nos anexos I e II e proceder segundo o disposto na presente guía.

De acordo co que antecede, cando un/unha traballador/a se atope dentro dun grupo vulnerable dos sinalados anteriormente, deberanse seguir os seguintes pasos:

  1. O/a traballador/a deberá presentar unha solicitude ante ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), no cal exprese que concorren causas para considerar o/a traballador/a como grupo vulnerable.
  2. O Servizo de Prevención de Riscos Laborais remitirá a solicitude ao servizo de prevención alleo con que está concertada a especialidade da medicina do traballo (na actualidade, Cualtis).
  3. O médico especialista en medicina do traballo avaliará a solicitude recibida e solicitará ao/á traballador/a a documentación acreditativa da súa situación que resulte procedente.

Igualmente, e de ser necesario, o Servizo de Prevención Alleo poderá solicitar un informe á unidade do/da traballador/a afectado en que se indiquen as tarefas e condicionantes específicos do posto de traballo.

Coa análise da devandita documentación e da relativa aos riscos existentes no centro de traballo da persoa solicitante, o facultativo emitirá informe.

A actuación do servizo sanitario non suporá a necesidade de desprazamento nin do/da traballador/a nin do facultativo e realizarase a través da análise da documentación que aquel lle achegue.

Resulta obrigatorio para o/a traballador/a achegar toda a documentación requirida polo servizo sanitario; no caso contrario, entenderase que desiste da súa petición.

O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal médico e ás autoridades sanitarias que leven a cabo a vixilancia da saúde dos traballadores.

Finalmente, mentres se tramita o informe do especialista, o/a traballador/a ten que continuar realizando o seu traballo, agás que se determine o contrario en aplicación dos protocolos da Consellería de Sanidade (o/a traballador/a presenta síntomas da enfermidade, tivo contacto estreito cunha persoa infectada…).

No que se refire ao informe que emitirá o servizo sanitario, deberá establecer algunha das seguintes medidas:

  1. a) Establecer que non concorre especial sensibilidade no/na traballador/a e que haberá que seguir mantendo as medidas de prevención establecidas nas avaliacións de riscos específicas do posto.
  2. b) Se hai novas circunstancias no posto de traballo que poden elevar o risco na saúde da persoa traballadora, realizará un informe de adaptación de posto en que se lle indiquen ao responsable da unidade as medidas de prevención, adaptación e protección que se deban adoptar. Estas medidas poderán consistir na adaptación do posto de traballo e a dotación dunha protección adecuada que evite o contacto ou de recolocación a outras funcións exentas de risco, tendo en conta as pautas incluídas no anexo I.
  3. c) Como última medida e, unha vez acreditada a imposibilidade de realizar as medidas do punto anterior, o facultativo emitirá informe en que indique a imposibilidade de adaptación do posto de traballo e a imposibilidade de aplicar unha protección adecuada que evite o contaxio ou recolocación a outras funcións exentas de risco e, polo tanto, considerarase o/a traballador/a como especialmente sensible para os efectos da tramitación da incapacidade laboral.

Nesta situación, o/a traballador/a deberá acudir ao seu médico de atención primaria para tramitar a súa incapacidade laboral e comunicarllo á Xunta de Galicia.

Para efectos do estudo das circunstancias concorrentes para a declaración dun/dunha traballador/a como especialmente sensible, realizarase o estudo das patoloxías do traballador en relación co seu posto de traballo, avaliando especificamente o risco que supoñen as súas funcións en relación coas súas doenzas.

Cómpre destacar que se as circunstancias do posto de traballo non variaron respecto á situación previa da pandemia do coronavirus, non existe no/a traballador/a maior sensibilidade que a que existía con anterioridade”.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.

– Liquidación das taxas aplicables ás instalacións no dominio público portuario de terrazas de hostalaría como consecuencia das medidas adoptadas no marco do estado de alarma motivado pola crise sanitaria por causa do COVID-19.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A vixencia do estado de alarma foi prorrogada sucesivamente polo Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, o Real decreto 487/2020, do 10 de abril, o Real decreto 492/2020, do 24 de abril, e o Real decreto 514/2020, do 8 de maio.

Entre as medidas que se estableceron no Real decreto 463/2020, así como na normativa que o complementa, singularmente o Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servicios esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, está a de suspender o exercicio de determinadas actividades empresariais, comerciais, hostalaría, restauración, culturais e lecer.

Así, o dito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e establece o confinamento da poboación prohibindo una serie de actividades económicas.

No artigo 10 do citado decreto establécese o seguinte:

“Suspéndense as actividades de hostalaría e restauración, e poderán prestarse exclusivamente servizos de entrega a domicilio”.

A suspensión de actividades de hostalaría mantívose ata a aprobación da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da medidas establecidas na fase 1 do Plan para a transición de cara a unha nova normalidade, a cal tivo plenos efectos desde as 00.00 horas do día 11 de maio de 2020, e establece no seu artigo 15 a reapertura das terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración.

O ente público Portos de Galicia dá traslado ao CECOP de que, tendo en conta que por causas non imputables ao suxeito pasivo este non puido realizar a utilización e conseguinte aproveitamento especial do dominio público nin o desenvolvemento da actividade de terraza de hostalaría nel, por imposición do Decreto 463/2020, do 14 de marzo, que declara o estado de alarma, ata a aprobación da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, vai proceder a adoptar unha serie de criterios de exacción tributaria respecto das taxas aplicables ás instalacións en dominio público portuario de terrazas de hostalaría, respecto das autorizacións:

  1. Portos de Galicia, conforme a normativa legal, adoptará as medidas necesarias para garantir que unicamente se cobrarán aquelas taxas nas cales se teña producido de xeito efectivo a utilización do dominio portuario coa instalación de terrazas, polo tempo correspondente desde a entrada en vigor do estado de alarma o 14 de marzo de 2020 ata a aprobación da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, de plenos efectos desde as 00.00 horas do día 11 de maio de 2020.
  2. Así mesmo, Portos de Galicia está estudando as medidas que se deberán adoptar para garantir o axuste do importe das taxas de aplicación ás terrazas de hostalaría ás limitacións que establece a normativa que regula o estado de alarma sobre capacidade máxima permitida nesas terrazas.

ANEXO

Protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e se establecen medidas preventivas fronte ao COVID-19

ÍNDICE.

Introdución
1. Disposicións de común aplicación
1.1. Medidas de protección para os/as traballadores/as
1.2. Persoas usuarias
1.3. Limpeza e desinfección
1.4. Coordinación de actividades externas
1.5. Publicidade
1.6. Vixencia
2. Arquivos, museos e bibliotecas
2.1. Arquivos
2.2. Museos
2.3. Bibliotecas

INTRODUCIÓN.

Este protocolo ten como obxectivo establecer as pautas e fases para o reinicio das actividades dos centros culturais públicos (arquivos, museos e bibliotecas) de xestión da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e as medidas preventivas e de protección e organizativas que sexan necesarias para garantir a seguridade e a saúde tanto dos/das empregados/as públicos como das persoas usuarias que acoden aos arquivos, bibliotecas e museos.

Nesta planificación primarán as tres medidas de control para garantir a seguridade sanitaria, de cara á recuperación da actividade, de maneira progresiva: distanciamento interpersoal, limitación no acceso dos/das usuarios/as e medidas de hixiene.

Os procedementos que se sinalan neste documento están contextualizados e supeditados ás seguintes normas de referencia:

  • Resolución do 8 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de maio de 2020, polo que se aproba o Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19 (en diante, Protocolo xeral da Xunta).
  • Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como para a práctica do deporte profesional e federado (BOE núm. 123, do 3 de maio).
  • Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (BOE número 130, do 9 de maio), en aplicación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
  • Calquera outra norma ou protocolo que se aprobe en materia de arquivos, museos e bibliotecas por parte do Mando Único, da Cecop ou das autoridades sanitarias.
  1. DISPOSICIÓNS DE COMÚN APLICACIÓN.

1.1. MEDIDAS DE PROTECCIÓN PARA OS/AS TRABALLADORES/AS.

Extremaranse as medidas de hixiene respiratoria, como cubrir a boca ao tusir cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado. Igualmente, evitarase tocar ollos, nariz ou boca.

Manterase unha adecuada e frecuente hixiene de mans como medida principal de prevención e control da infección. Esta hixiene farase con auga e xabón antiséptico, solución hidroalcólica ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade. Facilitarase en todo momento o acceso aos aseos para lavar as mans con auga e xabón.

Gardarase en todo momento a distancia de seguridade interpersoal de dous metros, tanto na prestación do traballo como na entrada e saída do posto, así como nos tempos de descanso. Se non se pode garantir a distancia de dous metros, recoméndase o uso de medios de barreira (máscaras ou pantallas separadoras).

Extremarase a orde no posto de traballo.

Os equipamentos de traballo (ordenador, rato, mesa, teléfono e material de oficina) deberán ser usados só pola persoa titular do posto e, de non ser posible, desinfectaranse adecuadamente antes de ser empregados por outra persoa.

Reorganizarase a disposición dos postos de traballo segundo as recomendacións aprobadas no Protocolo xeral da Xunta.

Establecerase unha distancia mínima de dous metros entre o usuario e o persoal nas mesas e mostradores de atención ao público e nas salas ás cales se poida acceder.

A Xunta de Galicia facilitaralle ao persoal os medios e equipamentos de protección que se establezan como obrigatorios para prestar o traballo.

No caso de síntomas de contaxio, resultan de aplicación as previsións establecidas no número 3 do Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19 (Resolución do 12 de marzo de 2020, DOG número 49 bis, do 12 de marzo), así como no Protocolo xeral da Xunta aprobado no DOG do 9 de maio.

1.2. PERSOAS USUARIAS.

As persoas que accedan ás instalacións dos arquivos, museos e bibliotecas deberán adoptar as medidas adecuadas para protexer a súa saúde e evitar contaxios, así como cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias, mantendo a correspondente distancia interpersoal, tanto nos circuítos de comunicación e demanda de servizos administrativos como nas salas de traballo e consulta, ou en calquera outra dependencia e espazo de uso público.

Nos ditos espazos as persoas usuarias deberán manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros, tanto entre elas como respecto do persoal dos centros.

Calquera persoa que acceda aos centros desinfectará as mans ou as luvas con solución hidroalcólica ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade que se lle proporcionarán no centro. Con esta finalidade habilitarase un espazo debidamente sinalizado nas zonas de acceso onde se situarán os ditos materiais desinfectantes.

Só será preciso para as persoas usuarias acceder aos centros con máscaras e luvas no caso de que as autoridades sanitarias determinen o seu uso con carácter obrigatorio.

Marcaranse as distancias de seguridade nas zonas de acceso e de agarda.

Limitarase o uso dos ascensores para garantir as distancias de seguridade.

Teranse en consideración as necesidades das persoas con algún tipo de discapacidade.

1.3. LIMPEZA E DESINFECCIÓN.

Limparanse e desinfectaranse as instalacións, mobiliario e equipamentos de traballo.

Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes (como mostradores, pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos e outros elementos de similares características), conforme as pautas establecidas nos artigos 6, 24 e 27 da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, en relación con bibliotecas e museos.

Utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado que foron autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta.

As medidas de limpeza estenderanse tamén a zonas privadas dos traballadores: aseos, áreas de descanso etc.

Cando existan postos de traballo compartidos por máis dun traballador, realizarase a limpeza e desinfección do posto tras a finalización de cada uso, con especial atención ao mobiliario e outros elementos susceptibles de manipulación.

Deberase dispoñer de papeleiras, se é posible con tapa e pedal, onde poder depositar panos e calquera outro material desbotable. As ditas papeleiras deberán ser limpadas de forma frecuente.

1.4. COORDINACIÓN DE ACTIVIDADES EXTERNAS.

As empresas externas á Xunta de Galicia cuxo persoal desenvolva o seu traballo nos edificios dos arquivos, museos e bibliotecas de xestión autonómica (tales como mantemento, limpeza, seguridade, asistencias técnicas etc.) deberán cooperar na aplicación das medidas de prevención da infección do COVID-19.

Con esta finalidade, os responsables dos contratos en que se dean estas circunstancias deberán remitir este protocolo aos representantes das ditas empresas, advertindo de que as medidas preventivas incluídas neste documento son de obrigatorio cumprimento para o seu persoal. Así mesmo, tamén se lle lembrará ao responsable da empresa externa a obriga que ten o seu persoal de cumprir os protocolos sanitarios e todas as medidas incluídas nas súas avaliacións de traballo específicas.

1.5. PUBLICIDADE.

As medidas establecidas neste protocolo serán obxecto de difusión entre os empregados públicos destinatarios, así como entre as persoas usuarias dos servizos que se prestan nos centros de referencia.

Para estes efectos, adoptaranse medidas de difusión destas obrigas e recomendacións en lugares visibles nos edificios públicos que acollan os servizos obxecto deste protocolo, así como a través das páxinas web e redes sociais, co fin de que sexan coñecidas polo persoal e polo público usuario e visitante.

1.6. VIXENCIA.

Este protocolo será de aplicación efectiva desde o momento da súa aprobación.

En todo caso, este documento será obxecto de revisión continua, especialmente en atención ás obrigas e ás recomendacións que diten as autoridades competentes.

  1. ARQUIVOS, MUSEOS E BIBLIOTECAS.

2.1. ARQUIVOS.

ACTUACIÓNS PRELIMINARES.

Data: desde o 4 de maio de 2020.

Duración: dúas semanas como mínimo.

Nesta fase preliminar levaranse a cabo nos arquivos as actuacións previstas no Protocolo xeral da Xunta e na Orde SND/388/2020, do 3 de maio.

PERSOAL.

Director/a, polo tempo indispensable para levar a cabo as actuacións organizativas e preparatorias propias desta fase.

Réxime de teletraballo, sen prexuízo da presenza puntual dun/dunha traballador/a, polo tempo indispensable, para o caso de que sexa absolutamente imprescindible.

SERVIZOS.

Atención telemática, agás nos supostos en que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial, caso en que se limitará a 10 documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo.

A atención presencial que sexa imprescindible realizarase en todo caso logo de cita previa. Atención prioritaria de peticións de información e copias de documentos que deban achegarse en procedementos xudiciais ou administrativos ou naqueles casos en que se puidese causar un prexuízo irreparable aos solicitantes da dita información ou documentación.

Non se prestarán servizos de consulta de materiais especiais. Todas as actividades que organice o centro serán dixitais.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar en corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

PRIMEIRA FASE.

Data: unha vez rematadas as actuacións preliminares.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Atención telemática, agás nos supostos en que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial, caso en que se limitará a 10 documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo.

A atención presencial que sexa imprescindible realizarase en todo caso logo de cita previa. Atención prioritaria de peticións de información e copias de documentos que deban achegarse en procedementos xudiciais ou administrativos.

Non se prestarán servizos de consulta de materiais especiais. Todas as actividades que organice o centro serán dixitais.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar en corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos baños e nas salas, de ser o caso, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores/as e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non poderán empregar as persoas usuarias dispositivos electrónicos, ordenadores ou medios informáticos do centro. Cada persoa usuaria deberá empregar os seus propios dispositivos e medios informáticos.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

SEGUNDA FASE.

Data: unha vez rematada a primeira fase.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Atención preferentemente telemática.

A atención presencial requirirá cita previa.

Servizos de consulta en sala limitados segundo a súa capacidade a un terzo e garantindo a distancia interpersoal entre usuarios/as.

Atención prioritaria de peticións de información e copias de documentos que deban achegarse en procedementos xudiciais ou administrativos.

Non haberá material de consulta libre á disposición das persoas usuarias. Os materiais serviranse baixo petición ao persoal do arquivo.

As actividades que organice o centro serán preferentemente dixitais.

As actividades grupais que poidan organizarse excepcionalmente garantirán sempre as distancias de seguridade e as medidas de protección axeitadas.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar en corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos baños e nas salas, de ser o caso, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores/as e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non poderán empregar as persoas usuarias dispositivos electrónicos, ordenadores ou medios informáticos do centro. Cada persoa usuaria deberá empregar os seus propios dispositivos e medios informáticos.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

TERCEIRA FASE.

Data: unha vez rematada a segunda fase.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Atención preferentemente telemática.

A atención presencial requirirá cita previa.

Servizos de consulta en sala limitados segundo a súa capacidade a un terzo e garantindo a distancia interpersoal entre usuarios/as.

Atención prioritaria de peticións de información e copias de documentos que deban achegarse en procedementos xudiciais ou administrativos.

Non haberá material de consulta libre á disposición das persoas usuarias. Os materiais serviranse baixo petición ao persoal do arquivo.

As actividades que organice o centro serán preferentemente dixitais.

As actividades grupais que poidan organizarse excepcionalmente garantirán sempre as distancias interpersoais de seguridade e as medidas de protección axeitadas.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar en corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos puntos de atención ao público, nos baños e nas salas, de ser o caso, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores/as e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non poderán empregar as persoas usuarias dispositivos electrónicos, ordenadores ou medios informáticos do centro. Cada persoa usuaria deberá empregar os seus propios dispositivos e medios informáticos.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

2.2. MUSEOS.

ACTUACIÓNS PRELIMINARES.

Data: desde o 11 de maio de 2020.

Duración: unha semana, como mínimo.

Nesta fase levaranse a cabo nos museos as actuacións previstas no Protocolo xeral da Xunta e na Orde SND/399/2020, do 9 de maio.

PERSOAL.

Director/a, polo tempo indispensable para levar a cabo as actuacións organizativas e preparatorias propias desta fase.

Réxime de teletraballo, sen prexuízo da presenza puntual dalgún traballador ou traballadora, no caso de ser preciso.

SERVIZOS.

Visitas virtuais.

Atención telemática ao persoal investigador.

Todas as actividades que se organicen serán dixitais.

PRIMEIRA FASE.

Data: unha vez rematadas as actuacións preliminares.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Apertura dos museos ata un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos públicos e salas.

Sempre que sexa posible, fomentaranse sistemas de venda de entradas non presenciais.

Prohibiráselle ao público que toque calquera elemento da museografía, mesmo os que habitualmente se poden tocar.

A visita será individual (entendida non como unha única persoa, senón como unha familia ou unha unidade de convivencia). Non estará permitida a reserva de grupos.

Os/as vixilantes de sala contribuirán á fluidez da visita e lembraranlles ás persoas visitantes a necesidade de cumprir as pautas establecidas, tanto nas zonas de circulación como nas salas de visita. As persoas visitantes deberán atender as súas indicacións.

Atención ao persoal investigador preferentemente de forma telemática. No caso de que sexa absolutamente imprescindible, a atención presencial farase logo de cita previa.

Non se permitirá a realización de actividades culturais nin educativas de carácter presencial.

Todas as actividades que organice o centro serán dixitais.

Non haberá material de consulta libre á disposición das persoas usuarias. Os materiais serviranse baixo petición ao persoal do museo.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas investigadoras de forma presencial deberán quedar nunha corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos puntos de atención ao público e nos baños, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

SEGUNDA FASE.

Data: unha vez rematada a fase anterior.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Apertura dos museos ata un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos públicos e salas.

Sempre que sexa posible fomentaranse sistemas de venda de entradas non presenciais.

Prohibiráselle ao público que toque calquera elemento da museografía, mesmo os que habitualmente se poden tocar.

A visita será individual (entendida non como unha única persoa, senón como unha familia ou unha unidade de convivencia). Non estará permitida a reserva de grupos.

Os/as vixilantes de sala contribuirán á fluidez da visita e lembraranlles ás persoas visitantes a necesidade de cumprir as pautas establecidas, tanto nas zonas de circulación como nas salas de visita. As persoas visitantes deberán atender as súas indicacións.

Atención a persoal investigador preferentemente de forma telemática. No caso de que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial farase logo de cita previa.

Todas as actividades que organice o centro serán dixitais.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar nunha corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Non haberá material de consulta libre á disposición das persoas usuarias. Os materiais serviranse baixo petición ao persoal do museo.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos puntos de atención ao público e nos baños, de ser o caso, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

TERCEIRA FASE.

Data: unha vez rematada a fase anterior.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determine o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Apertura dos museos ata a metade da súa capacidade en cada un dos espazos públicos e salas.

Sempre que sexa posible fomentaranse sistemas de venda de entradas non presenciais.

Prohibiráselle ao público que toque calquera elemento da museografía, mesmo os que habitualmente se poden tocar.

Os/as vixilantes de sala contribuirán á fluidez da visita e lembraranlles ás persoas visitantes a necesidade de cumprir as pautas establecidas, tanto nas zonas de circulación como nas salas de visita. As persoas visitantes deberán atender as súas indicacións.

Atención a persoal investigador preferentemente de forma telemática. No caso de que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial farase logo de cita previa.

As actividades que organice o centro serán preferentemente dixitais.

As actividades grupais que poidan organizarse excepcionalmente garantirán sempre a distancia interpersoal de seguridade e as medidas de protección axeitadas.

Non haberá material de difusión ao alcance das persoas visitantes.

Toda a documentación ou materiais a que accedan as persoas usuarias de forma presencial deberán quedar nunha corentena de 10 días, como mínimo, antes de ser empregados de novo. Habilitarase un espazo específico para este fin.

Non haberá material de consulta libre á disposición das persoas usuarias. Os materiais serviranse baixo petición ao persoal do museo.

Suspenderase o sistema de préstamos temporais e ingresos, agás en casos de urxencia.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos puntos de atención ao público e nos baños, de ser o caso, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

3.3. BIBLIOTECAS.

ACTUACIÓNS PRELIMINARES.

Data: desde o 11 de maio de 2020.

Duración: unha semana como mínimo.

Nesta fase levaranse a cabo nas bibliotecas as actuacións previstas no Protocolo xeral da Xunta e na Orde SND/399/2020, do 9 de maio.

PERSOAL.

Director/a.

Réxime de teletraballo, sen prexuízo da presenza puntual dun/dunha traballador/a, polo tempo indispensable, para o caso de que sexa absolutamente imprescindible.

SERVIZOS.

A atención aos/ás usuarios/as para consultas será telemática.

PRIMEIRA FASE.

Data: unha vez rematadas as actuacións preliminares.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determina o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Procederase á apertura das bibliotecas para as actividades de préstamo e devolución de materiais e lectura en sala. O préstamo farase baixo demanda, sen acceso directo aos fondos: as obras serán solicitadas polas persoas usuarias e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Os fondos devoltos serán descontaminados mediante unha corentena de 14 días.

Lectura e consulta en sala só de fondos non susceptibles de préstamo a domicilio.

Solicitude e entrega do carné de lector/a.

Na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas especializadas ou con fondos antigos, únicos, especiais ou excluídos de préstamo domiciliario por calquera motivo, permitirase a consulta de publicacións excluídas de préstamo domiciliario, con redución de acceso a un terzo da súa capacidade e só nos casos en que se considere necesario.

Non se realizarán actividades culturais, actividades de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario, non se poderá facer uso dos ordenadores e medios informáticos das bibliotecas destinados para o uso público da cidadanía, así como de catálogos de acceso público en liña ou catálogos en fichas da biblioteca. As coleccións en libre acceso permanecerán cerradas ao público.

Información bibliográfica e bibliotecaria.

Manteranse os servizos prestados de xeito dixital: asesoramento e recomendacións bibliográficas; Biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe; Biblioteca dixital patrimonial, Galiciana; información e referencia; atención ás RRSS e contacto e seguimento dos/das usuarios/as.

Non se prestará ningún outro servizo que non estea expresamente establecido neste protocolo.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos baños e nas zonas de servizo aos usuarios/as, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

SEGUNDA FASE.

Data: unha vez concluída a primeira fase.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determina o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Préstamo baixo demanda, sen acceso directo aos fondos: as obras serán solicitadas polas persoas usuarias e proporcionadas polo persoal da biblioteca.

Realizarase a descontaminación dos materiais devoltos mediante unha corentena de 14 días.

Solicitude e entrega do carné de lector/a.

Na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas especializadas ou con fondos antigos, únicos, especiais ou excluídos de préstamo domiciliario por calquera motivo, permitirase a consulta de publicacións excluídas de préstamo domiciliario, con redución de acceso a un terzo da súa capacidade e só nos casos en que se considere necesario.

Lectura e consulta, con cita previa, na sala específica habilitada con este fin. Terá unha limitación a un terzo de capacidade da sala, garantindo a distancia interpersoal entre usuarios/as de dous metros.

As persoas usuarias accederán a estas salas no horario ben de mañá, ben de tarde, co fin de dar acceso ao maior número de persoas. Mantense a prohibición do acceso directo aos fondos que poidan estar situados nesta sala.

As actividades de dinamización que organice o centro serán preferentemente dixitais.

Potenciaranse os clubs de lectura dixital.

As actividades de dinamización cultural e bibliotecaria presencial que poidan organizarse excepcionalmente garantirán sempre as distancias de seguridade e as medidas de protección axeitadas. A capacidade das salas limitarase a un terzo e non superará as 50 persoas. En todo caso, só se poderán programar actividades de dinamización destinadas a maiores de 12 anos: conferencias, exposicións, clubs de lectura, actividades de formación dos/das usuarios/as etc.

Información bibliográfica e bibliotecaria.

Préstamo de equipamentos telemáticos (se se dispón dun sistema de desinfección).

Manteranse os servizos dixitais prestados na fase anterior.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos baños e nas zonas de servizo aos/ás usuarios/as, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias.

TERCEIRA FASE.

Data: unha vez concluída a segunda fase.

Duración: dúas semanas, salvo que, en atención a criterios sanitarios, se acorde a súa ampliación por indicación das autoridades competentes.

PERSOAL.

Persoal que determina o Protocolo xeral da Xunta e nas condicións nel establecidas.

SERVIZOS.

Préstamo baixo demanda, sen acceso directo aos fondos: as obras serán solicitadas polas persoas usuarias e proporcionadas polo persoal da biblioteca; lectura e consulta en salas; e actividades de dinamización e formativas.

Realizarase a descontaminación dos materiais devoltos mediante unha corentena de 14 días.

Servizo de hemeroteca (se se dispón dun sistema de desinfección tras cada uso e con procedementos e produtos autorizados pola autoridade sanitaria). A súa capacidade estará delimitada pola distancia interpersoal de dous metros entre usuarios/as.

Acceso a todas as salas respectando as medidas de seguridade e de distancia interpersoal. De existiren fondos en acceso directo nestas salas habilitadas, manterase a prohibición de consulta directa por parte das persoas usuarias sen demanda previa ao persoal da biblioteca.

As actividades de dinamización que organice o centro serán preferentemente dixitais.

As actividades presenciais que poidan organizarse excepcionalmente garantirán sempre as distancias entre usuarios/as e as medidas de protección establecidas, e non superarán as 50 persoas. Sempre serán actividades para maiores de 12 anos. Amplíanse as salas ata a metade da súa capacidade.

Préstamo intra e interbibliotecario.

Información e referencia presenciais.

Uso de espazos comúns (salas de reunións etc.) ata un máximo da metade da súa capacidade e sempre respectando a distancia de seguridade.

Manteranse os servizos dixitais prestados nas fases anteriores.

As persoas usuarias poderán empregar os dispositivos electrónicos, ordenadores e medios informáticos do centro, que se limparán e desinfectarán tras cada uso, garantindo a distancia interpersoal de dous metros.

Préstamo de ordenadores e demais medios telemáticos da biblioteca.

MEDIOS.

Estarán dispoñibles dispensadores de xeles hidroalcólicos ou desinfectantes con actividade viricida autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade na entrada do centro, nos baños e nas zonas de servizo aos/ás usuarios/as, así como papel desbotable para limpar as mans á disposición de traballadores e persoas usuarias.

Os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadores/as e usuarios/as que sexan de doada limpeza e desinfección.

Non estará dispoñible o servizo de consigna para as persoas usuarias».

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.