Transporte público GALICIA

ORDE do 6 de maio de 2020 pola que se aproban medidas para aplicar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.


O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no cal se estableceron medidas dirixidas a limitar a mobilidade da cidadanía e, ao mesmo tempo, a garantir a prestación de servizos de transporte público que garantan a posibilidade de realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente permitidas.
A vixencia do estado de alarma declarado polo devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, foi prorrogada sucesivamente polo Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, o Real decreto 487/2020, do 10 de abril, e o Real decreto 492/2020, do 24 de abril.
Adicionalmente, o 13 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 50-Bis o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do COVID-19.
En consonancia coas medidas de restrición da mobilidade establecidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, a Administración autonómica de Galicia, no exercicio das competencias que lle son propias, publicou no Diario Oficial de Galicia nº 52-Bis, do 16 de marzo de 2020, a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 15 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros.
Estando previsto, como consecuencia da mellora relativa da situación de saúde pública que se vén manifestando nos últimos días, un levantamento das restricións á mobilidade da cidadanía que implicaba o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, procede adaptar as medidas que se aplicarán nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que resulta necesario, en todo caso, o mantemento de determinadas medidas de seguridade, co fin de conter a propagación da enfermidade.
Nese sentido, o artigo 1 da Orde TMA/230/2020, do 15 de marzo, pola que se concreta a actuación das autoridades autonómicas e locais respecto da fixación de servizos de transporte público da súa titularidade, establece que cada autoridade autonómica ou local competente poderá fixar as porcentaxes de redución dos servizos de transporte público da súa titularidade que coide convenientes, de acordo coa realidade das necesidades de mobilidade existentes nos seus territorios e a evolución da situación sanitaria, garantindo, en todo caso, que a cidadanía poida acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos en caso necesario, e que esas autoridades poderán, así mesmo, establecer condicións específicas de prestación dos devanditos servizos.
Neste escenario de contención e prevención das consecuencias do COVID-19 é preciso aprobar esta Orde que se adecua aos principios de boa regulación. Así, consonte aos principios de necesidade e eficacia, son evidentes as razóns económicas e sociais que determinan a elaboración desta norma para facer fronte aos efectos derivados da situación creada pola pandemia do COVID-19.
Tamén resulta proporcional, ao comprender a regulación necesaria para o mantemento de determinadas medidas de seguridade nos servizos de transporte público, co fin de conter a propagación da enfermidade, ao tempo que se acompasa á reactivación dos diferentes sectores da economía.
No tocante ao principio de seguridade xurídica, a norma é coherente co dereito da Unión Europea e co resto do ordenamento xurídico e facilita o seu coñecemento e comprensión por parte dos cidadáns, ao mesmo tempo que os trámites administrativos regulados son proporcionados e os necesarios para garantir a aplicación das medidas reguladas.
E, finalmente, polo que se refire ao principio de transparencia, exceptúase o trámite de audiencia e información pública consonte o apartado 5 do artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico, ao concorrer graves razóns de interese público derivadas da situación creada polo COVID-19.
Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia do transporte terrestre que se desenvolva integramente no seu territorio, ao abeiro do establecido no número 8 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e do transporte marítimo levado a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, ao abeiro do establecido na letra c) do artigo 2 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular as medidas que se adoptarán nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar unha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O ámbito de aplicación desta orde son os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e, en particular, os servizos de transporte terrestre que se desenvolvan integramente no territorio galego e os de transporte marítimo levado a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma.
Artigo 3. Reactivación da actividade de transporte
Co obxecto de realizar unha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19, será preciso avanzar nunha reactivación paulatina da actividade de transporte, que se establecerá en función da evolución epidemiolóxica en que se atopen as diferentes unidades territoriais nas cales, para tal fin, se divida a Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Servizos de transporte e horarios
Para os efectos desta orde, distínguense os seguintes tipos de servizos de transporte e horarios:
a) Servizos de transporte:
1º. Servizos de transporte que desenvolven a súa actividade dentro da mesma unidade territorial, segundo as defina a autoridade sanitaria.
2º. Servizos de transporte que desenvolven a súa actividade entre dúas unidades territoriais diferentes, segundo as defina a autoridade sanitaria.
b) Horarios:
1º. Horarios punta: os que discorren, en días laborais, entre as 06:00 e as 09:30 horas e entre as 13.00 e as 16.00 horas de cada día.
2º. Horarios val: os que non se definan como horarios punta.
CAPÍTULO II
Medidas para adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros
Sección 1ª. Medidas comúns
Artigo 5. Medidas para adoptar en todos os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia
En todos os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia adoptaranse as medidas indicadas nesta sección ata o momento en que a situación epidemiolóxica permita o levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19 nas unidades territoriais correspondentes.
Artigo 6. Medidas en relación coas persoas viaxeiras
1. As persoas que presenten síntomas respiratorios ou que crean que teñen probabilidade de infección deberán absterse de empregar os servizos de transporte público de viaxeiros.
2. Desaconséllase o emprego dos servizos de transporte público de viaxeiros por parte de persoas especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias, ou con persoas destas características no seu contorno próximo.
3. Para acceder ao vehículo ou embarcación, e mentres permanezan no seu interior, será obrigatorio que as persoas viaxeiras empreguen máscaras. É recomendable o emprego de luvas por parte das persoas usuarias.
4. Durante as operacións de acceso e saída dos vehículos ou embarcacións, na medida en que resulte materialmente posible, as persoas usuarias deberán manter unha distancia física de, cando menos, dous metros (2 m) entre elas. Cando polo tamaño dos vehículos ou embarcacións non sexa posible manter esta distancia co resto de persoas usuarias, asegurarase o maior espazo posible entre elas.
5. Nos servizos de transporte público de viaxeiros, sempre que os medios tecnolóxicos dispoñibles no vehículo ou embarcación o permitan, será recomendable que o pagamento se realice mediante a tarxeta do transporte metropolitano de Galicia (TMG), algunha das outras tarxetas adheridas ao sistema ou outros medios tecnolóxicos que eviten o contacto co persoal de condución.
6. Instalaranse dispensadores de xeles hidroalcohólicos á disposición das persoas viaxeiras en todos os vehículos e embarcacións, sendo recomendable o seu uso ao acceder e descender do vehículo ou embarcación, e obrigatorio antes e despois de realizar o pagamento cando este se realice en metálico.
Artigo 7. Medidas en relación co persoal de condución, acompañante ou doutro tipo
1. O persoal de condución, acompañante, pilotaxe ou doutro tipo disporá dos equipamentos de protección que se determinen segundo a avaliación realizada polos servizos de prevención de riscos laborais do operador do servizo. Ademais, recibirá información, por parte do operador, sobre os riscos e as medidas de protección adoptadas para mitigalos, segundo o indicado na lexislación de prevención de riscos laborais.
2. O persoal de condución, acompañante, pilotaxe ou doutro tipo recibirá información sobre as medidas que deben adoptar as persoas viaxeiras, de tal xeito que lles permita informalas e orientalas de xeito adecuado.
3. Será obrigatorio, en todo caso, o emprego de máscaras por parte do persoal de condución, acompañante, pilotaxe ou doutro tipo.
4. Deberá respectarse, ademais, o resto das instrucións e recomendacións que, en materia de hixiene, saúde pública e seguridade no traballo establezan as autoridades competentes e, en concreto, o Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade.
Artigo 8. Medidas en relación aos vehículos e embarcacións.
1. Os vehículos e embarcacións limparanse ao longo do día, sendo recomendable que esa limpeza se realice cada cambio de quenda, e limparanse e desinfectaranse completamente, cando menos, unha vez ao día. Ademais, sempre que sexa posible, manteranse ventilados de xeito natural.
2. Nos vehículos e embarcacións disporanse elementos de sinalización e/ou transmisión de información a modo de recordatorio das prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene por parte das persoas usuarias, así como dos riscos asociados ao seu incumprimento.
3. Recoméndase a instalación de anteparos ou pantallas transparentes que separen o posto de condución ou pilotaxe do espazo empregado polas persoas usuarias.
4. En relación coa capacidade dos vehículos e embarcacións, adóptanse as seguintes medidas:
a) Reducirase a ocupación dos vehículos e embarcacións á metade (1/2) da súa capacidade máxima.
b) No caso de vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, garantirase que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional. Ademais, impedirase a ocupación da primeira fila inmediatamente detrás do posto de condución.
c) Nos vehículos e embarcacións con prazas de pé, as persoas que as ocupen manterán o distanciamento físico, con respecto ao resto de persoas usuarias, que permita que a densidade se manteña en valores inferiores a dúas persoas por metro cadrado (2 persoas m2).
Artigo 9. Medidas en relación coas infraestruturas de transporte
1. Nas estacións de transporte de viaxeiros, e nas principais paradas, disporanse elementos de sinalización que permitan o mantemento dunha distancia física de, cando menos, dous metros (2 m) entre as persoas usuarias.
2. Disporanse elementos de sinalización e/ou transmisión de información a modo de recordatorio das prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene por parte das persoas usuarias, así como dos riscos asociados ao seu incumprimento.
Sección 2ª. Medidas específicas
Artigo 10. Medidas para adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia sometidos a contrato público ou a obrigas de servizo público
Ademais das medidas comúns previstas na sección anterior, nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia que están sometidos a contrato público ou a obrigas de servizo público adoptaranse as medidas indicadas nesta sección, nas unidades territoriais correspondentes, ata o momento en que a situación epidemiolóxica permita o levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19 nas unidades territoriais correspondentes.
Artigo 11. Medidas en relación co volume da oferta de servizos
1. O volume da oferta dos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia que están sometidos a contrato público ou a obrigas de servizo público establecerase segundo as seguintes regras:
a) No caso de servizos de transporte que desenvolven a súa actividade dentro da mesma unidade territorial, prestarase un volume da oferta de servizos equivalente a un mínimo do oitenta por cento (80%) en horarios punta e dun cincuenta por cento (50%) en horarios val, con respecto ao volume previsto segundo as condicións ordinarias de prestación do servizo e, en concreto, segundo as condicións das concesións e/ou contratos vixentes.
b) No caso de servizos de transporte que desenvolven a súa actividade entre dúas unidades territoriais diferentes, reducirase o volume da oferta de servizos nun mínimo do cincuenta por cento (50%) con respecto ao volume previsto segundo as condicións ordinarias de prestación do servizo e, en concreto, segundo as condicións das concesións e/ou contratos vixentes.
No caso dos servizos que se atopen nesta situación, os seus operadores adaptarán a súa oferta de servizos, de tal xeito que se garanta á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo.
2. Os operadores dos servizos poderán propoñer, cando sexa posible, intensificar a oferta de servizos nas franxas horarias de maior demanda, coa finalidade de mitigar o efecto das restricións da capacidade máxima dos vehículos.
3. As referencias que se establecen neste artigo aos servizos de transporte enténdense feitas ao conxunto das expedicións das diferentes rutas que integren a correspondente concesión de transporte público, segundo desenvolvan a súa actividade dentro da mesma unidade territorial ou entre dúas unidades territoriais diferentes.
4. Os operadores dos servizos de transporte darán publicidade aos cambios que se introduzan, en cada momento, na oferta de servizos como resultado da aplicación das regras establecidas nesta orde. Igualmente, remitirán a información da oferta de servizos ao conxunto de estacións de transporte de viaxeiros en que teñan parada.
5. Sen prexuízo do indicado nesta sección, e coa finalidade de garantir a acomodación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá resolver, en calquera momento, tanto sobre a reposición de servizos como sobre horarios de obrigado cumprimento por parte dos operadores dos servizos de transporte.
As ditas resolucións, que poderán ser ditadas sen necesidade de procedemento administrativo previo ningún, resultarán inmediatamente executivas.
Artigo 12. Outras medidas en relación coa oferta de servizos
1. No caso dos servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada, a implantación do calendario lectivo realizarase a medida que se reinicie a propia actividade docente ou lectiva, segundo o calendario que, para tal efecto, estableza a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ata ese momento, os servizos prestaranse, se for o caso, segundo o calendario non lectivo.
2. Os operadores, de ser necesario, adecuarán a oferta dos seus respectivos servizos ao réxime correspondente aos seus contratos, atendendo aos criterios indicados nesta orde.
3. O réxime de explotación dos servizos será comunicado á Dirección Xeral de Mobilidade, empregando exclusivamente medios electrónicos e anexando unha declaración responsable en que a persoa que teña a representación legal do operador manifeste expresamente que a dita explotación se adapta plenamente aos criterios establecidos nesta orde. No caso de que, atendendo ao previsto nesta orde, a oferta de servizos non deba sufrir variación, no momento da súa entrada en vigor, respecto da que veña prestando o operador con base na Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 15 de marzo de 2020, non será precisa a remisión da comunicación anteriormente indicada.
4. A dita comunicación cursarase no prazo máximo de vinte e catro horas desde a entrada en vigor desta orde. Non obstante, cando por razóns técnicas ou operativas, non resulte viable a aplicación e comunicación do réxime establecido para a explotación do servizo no prazo sinalado, efectuarase o axuste no prazo máis rápido posible, que non poderá durar máis de cinco (5) días naturais. Con posterioridade a estas datas, os operadores que teñan realizado o axuste da oferta de servizos por mor da situación de crise sanitaria poderán introducir novas adaptacións nela, para o que deberán realizar unha nova comunicación á Administración, na mesma forma e contido que o indicado anteriormente, garantindo, en todo caso, a información ás persoas usuarias.
5. As comunicacións realizadas consonte o anterior serán inmediatamente executivas.
Disposición adicional única. Servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade municipal
Sen prexuízo das normas de obrigado cumprimento que sobre a materia dite a Administración xeral do Estado, as normas referidas aos servizos de transporte público de viaxeiros que se ditan nesta orde terán carácter de recomendación para as administracións locais, en relación cos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade municipal.
Disposición derrogatoria única. Cláusula derrogatoria
Queda derrogada a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 15 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros. Sen prexuízo desta derrogación, os prestatarios de servizos poderán manter a oferta de servizos comunicada con base na dita orde no prazo previsto para a realización da comunicación que se establece no artigo 12.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Habilitase a Dirección Xeral de Mobilidade para interpretar esta orde e para resolver sobre a modificación e, en particular, flexibilización ou levantamento das medidas, restricións e parámetros indicados nesta orde, en función da evolución epidemiolóxica, coa finalidade de garantir a acomodación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación.
As resolucións a que se refire esta disposición, que poderán ser ditadas sen necesidade de ningún procedemento administrativo previo, resultarán inmediatamente executivas.
Disposición derradeira segunda. Título competencial
Esta orde dítase ao abeiro do disposto no artigo 148.1.5º da Constitución española, que establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias en materia de transporte por ferrocarrís, estradas ou cable cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma, do número 8 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que reserva á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de transporte terrestre que se desenvolva integramente no seu territorio, e da letra c) do artigo 2 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, pola que se lle transfire a competencia exclusiva en materia de transporte marítimo levado a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día 11 de maio de 2020.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.