Recursos marisqueiros e das algas GALICIA
DECRETO 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.
[sc name=»secretario» ]
(Boletín oficial de GALICIA del 9-12-2019)
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 27.15 do seu Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de marisqueo e cultivos mariños.
En exercicio destas competencias aprobouse a Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, que establece que a política da Administración autonómica terá entre outros obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. Entre as medidas de conservación e xestión que recolle a dita lei figura a adopción, logo de audiencia do sector afectado, de plans de xestión definidos como medidas reguladores da actividade pesqueira e marisqueira.
Os plans de explotación marisqueira tiveron o seu desenvolvemento normativo no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños. Por outra banda, a explotación de recursos específicos realizarase a través de plans de xestión, segundo o artigo 158 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dende os anos noventa a explotación dos recursos marisqueiros e das algas en Galicia organizouse principalmente a través plans de explotación anuais, mediante un sistema de coxestión entre a Administración e o sector. Os plans de explotación, xunto cos permisos de explotación para exercer a actividade e a organización do sector arredor de agrupacións sectoriais das confrarías de pescadores, conformaron os piares para a importante transformación do sector marisqueiro. Dentro de esta evolución cómpre destacar o proceso de profesionalización das persoas mariscadoras a pé, que deu lugar á conformación dun sector produtivo que na actualidade contribúe de forma salientable á creación de emprego e ao desenvolvemento sustentable nas zonas costeiras de Galicia.
Paralelamente á consolidación dos plans como a ferramenta fundamental de xestión de explotación, na última década foi revelándose a importancia da interdependencia da actividade marisqueira co estado ambiental do medio mariño, na medida en que o estado das poboacións dos recursos marisqueiros e das algas depende do estado do medio, ao tempo que a propia actividade contribúe ao mantemento das condicións do hábitat e da biodiversidade. Deste xeito, a través dos plans de xestión, a actividade de marisqueo encádrase na Directiva marco sobre a estratexia mariña (DMEM), xa que durante o seu desenvolvemento se obtén información relacionada con varios descritores recollidos na DMEM, que contribúen a determinar o estado ambiental das augas mariñas.
Ao mesmo tempo, esa relación estreita entre a conservación do medio mariño e a actividade marisqueira exercida mediante plans asegura que o marisqueo se axuste a unha perspectiva ambiental sistémica, xa que a metodoloxía artesanal con que se exerce mantén ou mellora a biodiversidade no litoral, fomenta o uso axeitado do territorio, contribúe á minoración do cambio climático e permite que as zonas en que se desenvolve se axusten ao concepto de infraestrutura verde.
O marisqueo, sendo unha actividade tradicional, artesanal e desenvolta por profesionais dun xeito sustentable, está declarado como compatible polo Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os plans de xestión, ao incorporaren os aspectos ambientais e ecosistémicos mencionados, poñen de manifesto a contribución desta actividade á conservación e recuperación dos hábitats e da biodiversidade, e permite aliñalos cos obxectivos e directrices dos usos marisqueiros recollidos no plan reitor mencionado.
Tendo como obxectivo desenvolver unha explotación sustentable dos recursos, a viabilidade biolóxica dos plans de xestión debe realizarse co obxectivo de ter uns stocks explotados saudables en función de variables relacionadas coa estrutura de tamaños da poboación, así como da avaliación do volume do stock cando sexa posible.
O novo concepto de plans de xestión incluirá obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, niveis de referencia e indicadores para o seu seguimento. Os obxectivos requiren de prazos medios para que se produzan cambios de tendencias e, por outra banda, a súa evolución pode estar moi influenciada pola variabilidade ambiental ou económica, polo que un prazo de tres anos é axeitado para observar a súa evolución. Os plans de xestión manterán o enfoque baseado na coxestión e gobernanza dos recursos, coa participación do sector produtor do marisqueo na súa elaboración e na asunción de responsabilidades na xestión sustentable dos recursos.
Para dar resposta a novas iniciativas do sector produtor do marisqueo relacionadas coa explotación dos recursos marisqueiros e das algas, como poden ser a xestión de novos recursos, novas zonas principais de traballo ou o emprego de novas técnicas ou artes regulamentarias, poderán aprobarse novos plans de xestión de vixencia inferior a tres anos, o que posibilitará determinar a súa viabilidade, antes de incorporarse como plans de xestión trianuais, as ordes que os aproban.
O desenvolvemento dos plans de xestión realizado polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar posibilita o seguimento e avaliación continua dos obxectivos previstos nos plans. O grao de organización do sector marisqueiro, o persoal técnico de que dispón e o seguimento polo persoal técnico da Administración propicia que non todas as actividades do marisqueo requiran de autorización previa para o seu desenvolvemento. As limpezas de algas ou elementos prexudiciais para o medio mariño, que son necesarias para evitar efectos negativos nos recursos, só requiriran de comunicación previa á Administración para poder realizarse.
Por outra banda, dentro das actividades de marisqueo que se poden recoller nun plan de xestión inclúese a realización de turismo mariño por parte das persoas mariscadoras en apoio do uso sustentable dos recursos.
O plan de xestión é un marco plurianual de medidas para a conservación e explotación dos recursos. As xefaturas territoriais, durante o desenvolvemento dos plans, poderán adaptar medidas en función da evolución dos obxectivos ou de que se produzan circunstancias que dificulten ou incrementen o potencial do plan. A flexibilidade do marco plurianual mediante a adaptación das medidas realizarase logo de consulta coas entidades titulares do plan de xestión.
Este decreto está formado por 24 artigos, estruturados en tres capítulos. Complétano oito disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha derrogatoria e sete disposicións derradeiras.
O capítulo I regula as disposicións xerais, nas cales se establece o obxecto do decreto e o seu ámbito de aplicación, así como a finalidade e definicións legais.
O capítulo II regula a conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas. Establécense as normas xerais para a explotación e conservación dos recursos marisqueiros xerais, recursos marisqueiros específicos e as algas, así como a regulación dos plans de xestión en canto a participantes, presentación, contido e procedemento de aprobación, os plans de xestión de nova incorporación, e o desenvolvemento dos plans de xestión aprobados, incluída a adaptación das súas medidas.
O capítulo III regula a extracción de moluscos cefalópodos, crustáceos e outros recursos, e establece a existencia de normas para a súa conservación e explotación e a posibilidade de establecer vedas, así como a posibilidade de establecer normas para outras especies diferentes.
A disposición adicional primeira regula o período de outorgamento e renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións que actualmente era anual, adecuándose a plans de xestión trianuais.
A disposición adicional segunda contén previsións en relación coa renovación das habilitacións para o exercicio do marisqueo a pé e desde embarcación, sinala as actividades de marisqueo que computan para a súa renovación se así se recolle no plan de xestión, e introduce como novidade as actividades de turismo mariñeiro. No caso dos permisos de explotación para marisqueo a pé, que se outorgan e renovan anualmente de acordo co artigo 40 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, para a súa renovación terase en conta a actividade desenvolvida no ano natural anterior ao da solicitude, sen prexuízo dun marco de plans de xestión trianuais.
A disposición adicional terceira establece previsións en relación coa explotación de algas polas entidades de carácter económico nas mesmas zonas que as entidades de interese colectivo, coa finalidade de avaliar o impacto da actividade de explotación deste recurso no ecosistema antes de aprobar novos plans de xestión a entidades de carácter económico distintos aos existentes.
A disposición adicional cuarta establece o tratamento dos datos persoais recadados nos procedementos administrativos previstos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición.
A disposición adicional quinta establece as normas polas que os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos administrativos afectados polas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición poden ser modificados, co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente.
A disposición adicional sexta dispón a forma e presentación de solicitudes dos procedementos administrativos recollidos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición.
A disposición adicional sétima establece a forma de realizar os trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes dos procedementos administrativos previstos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición.
A disposición adicional oitava dispón a practica das notificación de resolucións e actos administrativos dos procedementos recollidos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición.
As disposicións transitorias primeira e segunda establecen, respectivamente, un prazo de prórroga do Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019, e dos plans de xestión para recursos específicos para 2019. A finalidade da prórroga é realizar as adaptacións técnicas para a elaboración dos plans de xestión trianuais, continuando co desenvolvemento habitual da actividade marisqueira, e sen prexuízo de que se incorporen novos participantes nos plans prorrogados e se adapten medidas, de ser o caso. O período autorizado no ano 2020 para a extracción de recursos marisqueiros nas zonas de libre marisqueo non suxeitas a plan específico axústase ao calendario dese ano.
A disposición transitoria terceira refírese aos prazos de presentación dos primeiros plans de xestión trianuais de marisqueo de recursos xerais para o período 2021-2023 e de recursos específicos para o período 2022-2024.
A disposición transitoria cuarta vai dirixida á presentación e aprobación dos plans de xestión de nova incorporación para os anos 2020 e 2021 para recursos marisqueiros xerais e específicos, e ten como finalidade que as entidades interesadas poidan desenvolver novas iniciativas de explotación durante o período de tempo de vixencia prorrogada dos plans.
A disposición transitoria quinta recolle o réxime transitorio para a vixencia das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións outorgadas e renovadas en 2019 e 2020.
O decreto conta cunha única disposición derrogatoria pola que se derrogan as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o título I e a disposición transitoria do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.
A disposición derradeira primeira modifica un artigo do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, suprimindo a regulación do período de actividade profesional marisqueira, que agora se recolle no presente decreto. A modificación favorece o desenvolvemento de actividades complementarias do marisqueo, que poden realizarse todos os días do ano e facilita os labores de limpeza dos bancos marisqueiros que só requirirán de comunicación previa. Por outra banda, establécese a posibilidade de que en situacións extraordinarias e datas de celebración sinaladas, Semana Santa e decembro, poida realizarse actividade extractiva en sábados e días festivos, sempre que a petición se recolla no plan de xestión.
A disposición derradeira segunda modifica dous artigos da Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé, relacionados cos requisitos para a renovación dos permisos de explotación de marisqueo a pé e a súa acreditación. Co obxecto de favorecer a renovación do permiso ante situacións que as persoas non poden prever ou evitar, computaranse os períodos que a persoa estivo inactiva por causa debidamente xustificada, non limitándose a causas de forza maior. Para os efectos de actividade suficiente para renovar a habilitación, teranse en conta as actividades de turismo mariñeiro e a extracción de semente de mexillón cando coinciden cun día de actividade extractiva e, ademais, recoñécese como causa xustificada de inactividade o tempo empregado en labores de representación de postos de dirección das confrarías e federacións.
A disposición derradeira terceira modifica once artigos da Orde do 30 de decembro de 2015 pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Os requisitos para a renovación dos permisos de explotación de marisqueo a pé para recursos específicos e a súa acreditación modifícanse no mesmo senso que o indicado para os permisos de explotación de marisqueo a pé regulados pola Orde do 15 de xullo de 2011. Por outra banda, adáptanse os prazos relacionados co outorgamento e a renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións ao novo período de vixencia dos plans de xestión. A renovación das modalidades realizarase cada tres anos, polo que o período para acreditar actividade suficiente abranguerá o período de tres anos naturais anteriores á solicitude, e teranse en conta como actividade suficiente para os efectos da renovación os labores de turismo mariñeiro e a extracción de semente de mexillón cando coinciden cun día de actividade extractiva.
O período para a elaboración e presentación dos plans de xestión de recursos específicos modifícase e pode realizarse antes do 1 de outubro do ano anterior ao de inicio do plan, mentres que no caso dos plans de xestión de recursos marisqueiros xerais a data é antes do 1 de novembro. O desenvolvemento dos plans de xestión adáptase ás disposicións contidas no decreto, así o marco temporal das autorizacións da xefatura territorial que na actualidade era dun mes pode ampliarse ao período de tempo establecido nas resolucións de aprobación. Por outra banda, a necesaria flexibilidade nun marco de xestión plurianual a través da adaptación de medidas durante o desenvolvemento dos plans axustarase ao recollido no decreto, e ademais establécense os requisitos para que as xefaturas territoriais realicen as adaptacións, ben de oficio logo de consulta ao sector ou por petición das entidades.
A disposición derradeira cuarta modifica un artigo da Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019. As adaptacións das medidas durante o desenvolvemento do plans polas xefaturas territoriais axústanse ás disposicións do decreto e establécense os requisitos para que estas realicen as adaptacións.
A disposición derradeira quinta establece a habilitación para modificar as ordes modificadas polo decreto.
As disposicións derradeiras sexta e sétima establecen, respectivamente, a habilitación para o desenvolvemento e a entrada en vigor do decreto.
De acordo co artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quedan suficientemente xustificados os principios de boa regulación seguintes: de necesidade e eficacia, porque esta norma é o instrumento máis axeitado para mellorar o sistema de xestión do marisqueo en Galicia, ao ampliar os períodos de vixencia dos plans de xestión e ao recoller non só aspectos produtivos ou económicos senón tamén ambientais, sociais e de emprego; de seguridade xurídica, dado que se trata dunha norma que se insire con carácter estable no marco normativo autonómico; de transparencia, xa que as potenciais persoas destinatarias dela tiveron participación antes e durante o proceso de elaboración, e, finalmente, de eficiencia, dado que a iniciativa normativa non implica cargas administrativas innecesarias ou accesorias.
Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar, de acordo co Consello Consultivo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de novembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Este decreto ten por obxecto a regulación do réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As disposicións deste decreto serán de aplicación ao marisqueo e á explotación de algas con útiles, equipamentos e técnicas específicas de marisqueo na zona marítimo-terrestre, nas augas marítimas interiores, no mar territorial e na zona económica exclusiva correspondente ao litoral de Galicia.
Artigo 2. Finalidade
A finalidade do réxime de conservación e explotación é garantir unha xestión sustentable dos recursos marisqueiros e das algas tendo en conta aspectos ambientais, económicos, sociais e de emprego.
Artigo 3. Definicións
Para efectos do presente decreto aplicaranse, ademais das definicións establecidas no artigo 4 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, as seguintes:
1. Recursos marisqueiros: especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, obtidos mediante o exercicio do marisqueo e susceptibles de comercialización.
2. Recursos marisqueiros xerais: especies de moluscos bivalvos e moluscos gasterópodos, non incluídos na categoría de recursos específicos.
3. Algas: recursos mariños vivos de natureza vexetal non vascular, susceptibles de seren sometidos a explotación marisqueira con fins de comercialización. A súa explotación e conservación realizarase a través de plans de xestión de recursos específicos.
4. Argazos: as algas desprendidas do fondo por circunstancias naturais, que se acumulan nas praias e outras zonas do litoral.
5. Plan de xestión de marisqueo: instrumento que establece un marco plurianual de medidas reguladoras da actividade marisqueira que ten por obxecto desenvolver unha explotación sustentable dos recursos, e que terá en conta aspectos de carácter ambiental, social e económico. Os plans regularán medidas técnicas, horarios, réxime de uso das artes de marisqueo e, de ser o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro.
6. Plan de xestión de nova incorporación: plan de xestión para recursos, ámbitos zonais ou útiles, equipos e técnicas de marisqueo regulamentarios, diferentes aos plans plurianuais de xestión aprobados.
7. Entidade de interese colectivo: calquera formula asociativa con independencia do réxime xurídico de constitución ou suxeición, constituída por produtores de base de marisqueo e organizacións formadas por estas entidades, cando teñan por obxecto desenvolver actividades consideradas neste decreto.
8. Stock saudable: stock dun recurso marisqueiro cuxa poboación presenta unha distribución de idades e tamaños equilibrada e que se atopa dentro duns límites biolóxicos seguros que garanten a continuidade no tempo da actividade marisqueira e da poboación.
9. Avaliación do volume dun stock: estimación da biomasa total e comercial da poboación dun recurso marisqueiro nun banco ou conxunto de bancos marisqueiros.
10. Obxectivos xerais do plan de xestión de marisqueo: obxectivos globais a que se aspira na actividade de marisqueo a través do plan, tanto no plano biolóxico e ecolóxico das poboacións explotadas e do seu hábitat, como nos ámbitos social e económico das persoas relacionadas coa explotación dos recursos.
11. Obxectivos operacionais do plan de xestión de marisqueo: obxectivos precisos nos cales se concretan os obxectivos xerais, e que serán medibles, realistas e susceptibles de ser sometidos a seguimento a medio prazo. Poden facer referencia a tendencias, sen especificar valores concretos, ou incluír valores cuantitativos ou cualitativos, pero sempre estarán referidos a indicadores susceptibles de ser medidos e sometidos a seguimento.
12. Indicadores: variables con significado biolóxico, ecolóxico, económico ou social empregadas para medir o estado actual, a evolución e o grao de consecución dos obxectivos operacionais establecidos.
13. Niveis de referencia: valores dos indicadores que hai que evitar ou acadar no establecemento dos obxectivos operacionais ou na toma de decisións na xestión da explotación.
14. Estratexias de actuación: métodos, procedementos e/ou actuacións que se porán en marcha para acadar os obxectivos operacionais establecidos ou para que os indicadores empregados no seguimento da evolución do plan tomen valores acordes con estes obxectivos.
15. Infraestrutura verde: rede estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais de alta calidade con outros elementos ambientais, deseñada e xestionada para proporcionar un amplo abano de servizos ecosistémicos e protexer a biodiversidade.
16. Número máximo de participantes nun plan de xestión: o número de participantes que se considera óptimo para unha explotación sustentable dos recursos e que terá en conta aspectos relacionados coa saúde dos stocks, a conservación dos hábitats e a biodiversidade, e a obtención de beneficios sociais e económicos.
17. Traballos de limpeza de bancos marisqueiros: actividade de semicultivo mariño desenvolvida ao abeiro dun plan de xestión de marisqueo, consistente na retirada de argazos e/ou lixo mariño, realizada co obxectivo de favorecer o desenvolvemento das poboacións de recursos mariños e contribuír á protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.
CAPÍTULO II
Da conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas
Sección 1ª. Normas xerais de explotación
Artigo 4. Exercicio da actividade
1. A actividade de marisqueo de recursos xerais realizarase ao abeiro de plans de xestión ou en zonas de libre marisqueo no marco do Plan xeral de explotación marisqueira establecido no artigo 8.
2. A actividade de marisqueo de recursos específicos e de algas, tanto en zonas de autorización marisqueira como en zonas de libre marisqueo, realizarase ao abeiro de plans de xestión.
3. Os plans de xestión poderán incluír as seguintes actividades de marisqueo: labores extractivos e do seu control, actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción ou de recuperación de zonas, actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, e actividades de turismo mariñeiro realizadas polas persoas mariscadoras en apoio do uso sustentable dos recursos.
Artigo 5. Condicións para o exercicio da actividade
1. A extracción de recursos marisqueiros en zonas suxeitas a plan de xestión ou en zonas de libre marisqueo só poderá ser exercida polas persoas e embarcacións que estean en posesión da preceptiva habilitación.
2. Os membros das entidades titulares dos plans de xestión e aqueloutras persoas establecidas no plan terán acceso á explotación. Non obstante, no plan poderán recollerse acordos previos entre as distintas entidades para permitir o acceso dos seus membros.
Artigo 6. Días de actividade
1. As actividades de marisqueo poderán exercerse durante todos os días do ano.
2. Non obstante, a actividade extractiva, con carácter xeral, exercerase de luns a venres, agás festivos autonómicos e nacionais. Poderá realizarse actividade extractiva en días festivos autonómicos e nacionais, sábados en datas de semana santa e decembro sempre que se recolla no plan de xestión, así como en supostos extraordinarios, como os derivados de causas ambientais, meteorolóxicas ou calquera outra que afecte o normal desenvolvemento do plan.
Artigo 7. Extracción e resementeira ou engorda de individuos de tamaño inferior ao regulamentario
A extracción de individuos de tamaño inferior ao regulamentario no ámbito territorial do plan de xestión para a súa nova sementeira en zonas do ámbito doutros plans, ou para engorda en establecementos de cultivos mariños, deberá ser autorizada pola xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de marisqueo, cando non se prexudiquen os recursos.
Cando os individuos proveñan de zonas de libre marisqueo non sometidas a plan de xestión, a devandita extracción deberá ser autorizada pola dirección xeral competente en materia de marisqueo, como medida de protección e conservación dos recursos.
Sección 2ª. Do Plan xeral de explotación marisqueira
Artigo 8. Plan xeral de explotación marisqueira
1. O Plan xeral de explotación marisqueira é o conxunto de normas e orientacións destinadas a regular e programar a conservación e explotación sustentable dos recursos marisqueiros xerais durante un período de tres (3) anos.
2. A persoa titular da consellería competente en materia de marisqueo aprobará mediante orde o Plan xeral de explotación marisqueira, que estará integrado por:
a) Plans de xestión para autorizacións marisqueiras.
b) Plans específicos de xestión para zonas de libre marisqueo.
c) Normas de explotación para zonas de libre marisqueo.
Artigo 9. Plans de xestión para zonas de autorización marisqueira
As entidades titulares das autorizacións marisqueiras elaborarán a proposta de plan de xestión axustándose ao establecido nos artigos 16 a 19.
Artigo 10. Plans específicos de xestión para zonas de libre marisqueo
1. Cando a explotación dun banco natural sexa susceptible de mellora significativa, a consellería competente en materia de marisqueo autorizará o aproveitamento exclusivo polas entidades de interese colectivo das zonas de libre marisqueo mediante un plan específico de xestión.
A mellora significativa enténdese como a aplicación de medidas de conservación, entre as cales poden incluírse o establecemento de puntos de control da actividade extractiva, implementación de actividades de semicultivo ou o control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, para conseguir un aumento da produción.
En todo caso, o aproveitamento das zonas de libre marisqueo mediante un plan específico de xestión deberá ser compatible cos obxectivos de conservación e xestión dos recursos marisqueiros recollidos nos puntos 1 e 4 do artigo 6 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
A proposta do plan específico de xestión para zonas de libre marisqueo deberá incluír, ademais das medidas indicadas anteriormente, unha relación de persoas e embarcacións participantes que garanta os dereitos de terceiros afectados.
2. As entidades de interese colectivo do sector produtor do marisqueo elaborarán a proposta de plan específico de xestión axustándose ao establecido nos artigos 16 a 19.
Artigo 11. Normas de explotación para zonas de libre marisqueo
1. As normas de explotación para zonas de libre marisqueo, que incluirán, polo menos, o período autorizado para a extracción dos recursos xerais e as cotas de captura para as diferentes especies por zonas, serán elaboradas de oficio pola consellería competente en materia de marisqueo, logo de consulta cos representantes do sector produtor do marisqueo.
2. Aprobadas as devanditas normas, as persoas e embarcacións habilitadas exercerán a actividade marisqueira respectando as disposicións vixentes sobre extracción e comercialización.
3. A dirección xeral competente en materia de marisqueo, en función do estado dos recursos e dos informes técnicos emitidos, poderá modificar as especies, períodos e zonas de extracción de marisco establecidas nas normas de explotación, garantindo os obxectivos de conservación e xestión dos recursos mariños recollidos no punto 1 do artigo 6 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
4. No caso de aprobación dun plan específico de xestión en zonas de libre marisqueo, as normas de explotación para zonas de libre marisqueo establecidas no Plan xeral de explotación marisqueira non resultarán de aplicación na zona de traballo do plan de xestión.
Sección 3ª. Dos recursos específicos
Artigo 12. A conservación e explotación dos recursos específicos
1. As modalidades de explotación de recursos específicos son: percebe, equinodermos, solénidos, peneira, anemones e poliquetos, así como calquera outra que se determine mediante a aprobación do correspondente plan de xestión.
2. A entidades de interese colectivo do sector produtor do marisqueo elaborarán a proposta de plan de xestión, de conformidade co disposto nos artigos 16 a 19.
3. Os plans de xestión de recursos específicos serán aprobados mediante orde da consellería competente en materia de marisqueo.
Artigo 13. Percebe
1. A explotación de percebe realizarase no marco dos plans de xestión propostos polas entidades de interese colectivo dentro do seu ámbito territorial. Non obstante, se os propoñentes foren titulares dunha autorización de explotación deste recurso, a proposta do plan de xestión incluirá a zona de autorización, podendo superar o seu ámbito territorial.
Tamén poderá presentarse unha proposta de plan de xestión cuxa zona de produción comprenda parte do ámbito territorial doutra entidade, logo de autorización desta.
2. Os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón.
Artigo 14. Equinodermos
A explotación do ourizo realizarase no marco dos plans de xestión propostos polas entidades de interese colectivo. O período de explotación estará comprendido entre o 2 de xaneiro e o 30 de abril, e entre o 1 de outubro e o 31 de decembro.
Sección 4ª. Das algas e os argazos
Artigo 15. Algas e argazos
1. A xestión e conservación das algas realizarase conforme o regulado para os recursos específicos, e a súa explotación levarase a cabo a través dos plans de xestión previstos para estes recursos
2. A explotación de algas realizarase no marco dos plans de xestión propostos polas entidades de interese colectivo ou empresas de transformación ou comercialización de algas.
3. No caso da explotación de algas por entidades de carácter económico, a recolla será realizada polo seu persoal ou polas persoas que teñan a condición de socias, inscritos no plan de xestión da empresa.
4. As entidades de interese colectivo terán acceso preferente á conservación e explotación sustentable das algas, no marco de plans de xestión.
5. A extracción de argazos realizarase libremente durante todo o ano e non requirirá autorización da consellería competente en materia de marisqueo cando se realice de modo non intensivo e non supoña unha alteración das adecuadas condicións do medio mariño.
Sección 5ª. Dos plans de xestión de recursos marisqueiros
Artigo 16. Plans de xestión de marisqueo
1. Os plans de xestión conterán medidas de conservación e explotación dos recursos durante un período de tres anos para unha explotación sustentable destes nunha zona determinada, e incluirán obxectivos xerais e obxectivos operacionais con niveis de referencia e indicadores para o seguimento.
Os obxectivos xerais e operacionais englobarán obxectivos biolóxicos e ecolóxicos relacionados co uso sustentable e a longo prazo dos recursos marisqueiros, xunto con outros de carácter social e económico.
2. A xestión sustentable dos recursos basearase na saúde dos stocks explotados e na avaliación do volume do stock das especies.
3. Os plans de xestión contribuirán:
a) A avaliar a consecución do bo estado ambiental, a través dos diversos descritores da Directiva marco sobre a estratexia mariña ou aquela normativa que a substitúa.
b) A unha perspectiva sistémica, na medida en que contribúan a mellorar a biodiversidade, fomenten o uso axeitado do territorio, inclúan medidas de adaptación ao cambio climático, e se axusten ao concepto de infraestrutura verde.
c) Á infraestrutura verde, cando favorezan ou manteñan servizos ecosistémicos, apliquen a restauración ecolóxica e non afecten negativamente a conectividade.
Artigo 17. Participantes
1. Os plans de xestión establecerán o número máximo de persoas e/ou embarcacións participantes, sen prexuízo das medidas de adaptación establecidas no artigo 21.
2. Cando o número de participantes sexa inferior ao máximo establecido no plan de xestión, a xefatura territorial da consellería competente en materia de marisqueo incrementará anualmente o número de participantes no plan ata o máximo establecido, sen prexuízo das medidas de adaptación establecidas no artigo 21.
Artigo 18. Presentación, contido e procedemento de aprobación
1. As propostas dos plans de xestión serán presentadas polas entidades interesadas ante a dirección xeral competente en materia de marisqueo, axustándose ao contido disposto no anexo do presente decreto.
As propostas dos plans de xestión de recursos marisqueiros xerais serán presentadas antes do 1 de novembro do ano anterior ao de inicio do plan plurianual.
As propostas dos plans de xestión de recursos específicos serán presentadas antes do 1 de outubro do ano anterior ao de inicio do plan plurianual.
2. As xefaturas territoriais serán os órganos instrutores do procedemento e realizarán unha fase previa levando a cabo as actuacións necesarias para efectuar unha avaliación das propostas presentadas. Unha vez realizada a avaliación, as propostas avaliadas elevaranse á dirección xeral competente en materia de marisqueo.
3. A dirección xeral competente en materia de marisqueo, logo de audiencia aos interesados, determinará as medidas reguladoras da actividade marisqueira e, de ser o caso, proporá a aprobación do plan, que se realizará mediante orde da consellería competente en materia de marisqueo.
Artigo 19. Plans de xestión de nova incorporación
1. As entidades de interese colectivo do sector produtor do marisqueo poderán presentar propostas de plans de xestión para un período inferior a tres anos para recursos, ámbitos zonais ou útiles, equipos e técnicas de marisqueo regulamentarios, diferentes aos plans de xestión trianuais aprobados.
2. Os plans de nova incorporación permitirán determinar a viabilidade da explotación antes da súa aprobación como plan de xestión trianual e incorporación ao Plan xeral de explotación marisqueira ou, se é o caso, na orde que aprobe os plans de xestión trianuais de recursos específicos.
3. Os plans de xestión de nova incorporación de recursos marisqueiros xerais deberán ser presentados ante a consellería competente en materia de marisqueo antes do 1 de novembro do ano anterior ao de inicio.
4. Os plans de xestión de nova incorporación de recursos específicos deberán ser presentados ante a consellería competente en materia de marisqueo antes do 1 de outubro do ano anterior ao de inicio.
5. Os plans de xestión de nova incorporación serán aprobados por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de marisqueo, que determinarán o seu período de vixencia, que será inferior a tres anos, e non poderán superar o período de aprobación das ordes polas que se aproban os plans de xestión trianuais.
Artigo 20. Desenvolvemento dos plans de xestión
1. As xefaturas territoriais autorizarán o desenvolvemento das actividades de marisqueo dos plans de xestión, logo de petición da entidade titular do plan, e polo tempo establecido nas resolucións de autorización.
A avaliación continua dos plans de xestión levarase a cabo mediante o seguimento dos indicadores dos obxectivos operacionais establecidos.
2. Os rareos e o traslado de semente, as sementeiras, así como outras actividades de semicultivo necesarias para a mellora de produción ou de recuperación de zonas, poderán levarse a cabo durante todos os días do ano e requirirán de autorización da xefatura territorial correspondente.
3. Os traballos de limpeza dos bancos marisqueiros realizados polas persoas mariscadoras poderán levarse a cabo durante todos os días do ano e requirirán de comunicación previa á xefatura territorial correspondente e á subdirección xeral de Gardacostas de Galicia.
4. Os traballos ou actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, realizados polas persoas mariscadoras poderán desenvolverse todos os días do ano.
5. As actividades de turismo mariñeiro realizadas polas persoas mariscadoras son complementarias e compatibles co exercicio do marisqueo e poderán desenvolverse todos os días do ano.
Artigo 21. Adaptación das medidas durante o desenvolvemento do plan
1. As xefaturas territoriais poderán adaptar medidas para favorecer o cumprimento dos obxectivos dos plans, atendendo os obxectivos recollidos no punto 1 do artigo 6 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, logo de consulta coas entidades titulares destes, no marco do desenvolvemento dos plans de xestión.
2. A adaptación tamén poderá ser realizada polas xefatura territoriais, logo de solicitude das entidades titulares dos plans de xestión, ante circunstancias que dificulten ou potencien o seu desenvolvemento, e tendo en conta aspectos biolóxicos, socioeconómicos e de creación de emprego.
3. As medidas de adaptación poderán incluír:
a) As especies.
b) O número máximo de participantes.
c) Os días máximos anuais previstos.
d) Os topes de captura/persoa mariscadora/día ou embarcación para cada especie.
e) Novas zonas de traballo complementarias das unidades de xestión principais.
f) Actualización dos bancos marisqueiros.
g) Planificación da rotación dos bancos marisqueiros.
h) O horario da actividade marisqueira.
i) Os tamaños mínimos.
j) Útiles ou técnicas de marisqueo.
k) Outras vinculadas coa actividade marisqueira.
CAPÍTULO III
Da extracción de moluscos cefalópodos, crustáceos e outros recursos
Artigo 22. Extracción de moluscos cefalópodos
1. A consellería competente en materia de marisqueo establecerá as normas de conservación e explotación para moluscos cefalópodos, que incluirán medidas técnicas e, de ser o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro.
2. Para todos os moluscos cefalópodos poderase establecer un período de veda que terá en conta principalmente factores biolóxicos de conservación dos diferentes recursos. Para a mesma especie, os devanditos períodos poderán ser distintos nas diferentes zonas de Galicia.
Artigo 23. Extracción de crustáceos
1. A consellería competente en materia de marisqueo establecerá as normas de conservación e explotación para todos os crustáceos distintos ao percebe, que incluirán medidas técnicas e, de ser o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro.
2. Para todos os crustáceos distintos do cangrexo real e o percebe, a consellería competente en materia de marisqueo poderá establecer un período de veda que terá en conta principalmente factores biolóxicos de conservación do recurso.
Estes períodos de veda poderán ser distintos en diferentes zonas de Galicia e en zonas específicas de reprodución das especies en cuestión.
Artigo 24. Outras especies mariñas
A consellería competente en materia de marisqueo poderá establecer as normas de conservación e explotación relativas a outras especies mariñas, que incluirán medidas técnicas e, de ser o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro.
Disposición adicional primeira. As modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións
1. As modalidades de recursos específicos nos permisos de explotación das embarcacións outorgaranse polo período de vixencia do plan de xestión aprobado.
2. Estas modalidades renovaranse por períodos de tres anos, coincidindo coa aprobación do plan de xestión que corresponda, acreditando ter realizado actividade suficiente nos tres anos naturais anteriores.
Disposición adicional segunda. Renovación dos permisos de explotación para marisqueo a pé e modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións
1. Os días dedicados polas persoas mariscadoras aos rareos, traslados, sementeiras, limpezas e outros traballos de semicultivo necesarios para a mellora da produción e recuperación de zonas, e ás actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, poderán computar para a renovación das habilitacións para o exercicio do marisqueo sempre que así se recolla no plan de xestión aprobado.
2. Os días dedicados polas persoas mariscadoras ao turismo mariñeiro computará para a renovación das habilitacións para o exercicio do marisqueo, sempre que dita actividade se recolla no plan de xestión aprobado.
3. Para a renovación dos permisos de explotación para marisqueo a pé acreditarase ter realizado actividade suficiente no ano natural anterior.
Disposición adicional terceira. A explotación de algas polas entidades de carácter económico
Non se incrementará a extracción de algas, mediante novos plans de xestión, polas entidades de carácter económico nas zonas explotadas polas entidades de interese colectivo, ata que se avalíe o impacto da actividade no ecosistema mariño destas zonas.
Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados nos procedementos administrativos recollidos nas ordes relacionadas coa regulación do presente decreto serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, a rectificación, a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos, directamente do responsable do tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de acordo coa información adicional recollida en https:// www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Disposición adicional quinta. Actualización de modelos normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos administrativos recollidos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.
Disposición adicional sexta. Forma e lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes asociadas aos procedementos administrativos previstos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Disposición adicional sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos recollidos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición deberán practicarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición adicional oitava. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos dos procedementos previstos nas ordes relacionadas coa regulación da presente disposición practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición transitoria primeira. Prórroga do Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019
1. O Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019, aprobado pola Orde de 20 de decembro de 2018, prorrógase ata o 31 de decembro de 2020.
2. Para o ano 2020, o período autorizado para a extracción de recursos marisqueiros xerais nas zonas de libre marisqueo, non suxeitas a plan de xestión específico, será desde o 2 de xaneiro ao 31 de marzo, e desde o 1 de outubro ao 31 de decembro.
3. O número máximo de participantes establecidos nos plans de xestións aprobados no ano 2019 manteranse durante a vixencia prorrogada do plan, para efectos do incremento de participantes establecido no artigo 17.2.
4. As medidas dos plans de xestión serán adaptadas segundo o establecido no artigo 21.
Disposición transitoria segunda. Prórroga dos plans de xestión para recursos específicos aprobados para o ano 2019 pola Orde do 20 de decembro de 2018
1. Os plans de xestión regulados pola Orde de 20 de decembro de 2018 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos en Galicia para o ano 2019 prorróganse ata o 31 de decembro de 2021.
2. O número máximo de participantes establecidos nos plans de xestión aprobados no ano 2019 manteranse durante a vixencia prorrogada do plan, para efectos do incremento de participantes establecido no artigo 17.2.
3. As medidas dos plans de xestión serán adaptadas segundo o establecido no artigo 21.
Disposición transitoria terceira. Presentación dos plans de xestión de marisqueo de recursos xerais para o período 2021-2023 e de recursos específicos para o período 2022-2024
1. Os plans de xestión de recursos marisqueiros xerais para o período 2021-2023 presentaranse antes do 1 de outubro do ano 2020.
2. Os plans de xestión de recursos específicos para o período 2022-2024 presentaranse antes do 1 de outubro do ano 2021.
Disposición transitoria cuarta. Aprobación de plans de xestión de nova incorporación para os anos 2020 e 2021
1. Poderán presentarse plans de xestión de nova incorporación de recursos xerais para o ano 2020, para recursos, ámbitos zonais ou útiles, equipamentos ou técnicas de marisqueo regulamentarios diferentes aos de vixencia prorrogada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación deste decreto. Estes plans terán vixencia ata o 31 de decembro de 2020.
2. Poderán presentarse plans de xestión de nova incorporación de recursos específicos para o ano 2020 para recursos, útiles, equipos ou técnicas de marisqueo regulamentarios ou ámbitos zonais diferentes aos de vixencia prorrogada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación deste decreto. Estes plans terán vixencia ata ao 31 de decembro de 2021.
3. Poderán presentarse plans de xestión de nova incorporación de recursos específicos para o ano 2021 para recursos, útiles, equipos ou técnicas de marisqueo regulamentarios ou ámbitos zonais diferentes aos de vixencia prorrogada, antes do 1 de outubro de 2020. Estes plans terán vixencia ata o 31 de decembro de 2021.
Disposición transitoria quinta. As modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións outorgadas ou renovadas en 2019 e outorgadas en 2020
As modalidades que se outorguen ou renoven no ano 2019, e que se outorguen no ano 2020 terán vixencia ata o 31 de decembro de 2021, e renovaranse para o período 2022-2024 acreditando actividade suficiente nos dous anos naturais anteriores.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango, no que se opoñan ao disposto polo presente decreto e, en particular, o título I e a disposición transitoria do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.
Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Suprímese o número 2 do artigo 8 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Modificación da Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé
A Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé, en que se regula o procedemento administrativo PE401B. Permiso de explotación a pé, queda modificada como segue:
Un. O número 2 do artigo 11 queda redactado como segue:
«2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes teranse en conta as seguintes situacións:
a) Computará como día de actividade o tempo durante o cal a persoa titular permanecese inactiva por causa imprevisible ou inevitable debidamente xustificada, por violencia de xénero, e por atoparse nalgunha das seguintes situacións protexidas pola Seguridade Social: incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, por nacemento de fillo/a, adopción ou acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
No caso dos/as patróns/oas maiores, presidentes/as das agrupacións sectoriais e presidentes/as das federacións de confrarías, persoas que legalmente poidan substituílas ou nas cales deleguen expresamente, considerarase causa xustificada de inactividade o período de tempo empregado nos labores de representación, cando coincida co día de actividade de marisqueo.
b) Os días dedicados polas persoas mariscadoras ás actividades de turismo mariñeiro e aos labores de control da actividade extractiva terán a consideración de días de actividade marisqueira, para os efectos de renovación do permiso de explotación a pé, e computarán para a dita renovación cando coincidan cun día de actividade extractiva.
c) Os días dedicados polas persoas mariscadoras á extracción de semente de mexillón computarán para a renovación do permiso de explotación para marisqueo a pé cando coincidan cun día de actividade extractiva.
d) No caso de que unha persoa participe en varios plans de xestión, para renovar o permiso de explotación computará o total de días de traballo autorizados e que fosen efectivos para todos os plans en que participe, sen que poidan contabilizar días de actividade por duplicado».
Dous. Engádense as letras g) e h) ao do número 3 do artigo 12, coa seguinte redacción:
«g) Para acreditar a realización de actividades de turismo mariñeiro e de labores de control, un certificado da entidade titular do plan de xestión en que se fagan constar os días dedicados a esta actividade. O documento será asinado polo/a presidenta/e da agrupación sectorial, de estar constituída, ou, en caso contrario, pola persoa representante da confraría ou entidade asociativa.
h) Para acreditar a realización da actividade de extracción de semente de mexillón polas persoas mariscadoras, un certificado da confraría ou entidade asociativa en que se fagan constar os días dedicados a esta actividade».
Disposición derradeira terceira. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2015 pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia
A Orde do 30 de decembro de 2015 pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:
Un. O número 2 do artigo 16, que afecta o procedemento administrativo PE401B. Permiso de explotación a pé, queda redactado como segue:
«2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes teranse en conta as seguintes situacións:
a) Computará como día de actividade o tempo durante o cal a persoa titular permanecese inactiva por causa imprevisible ou inevitable debidamente xustificada, por violencia de xénero e por atoparse nalgunha das seguintes situacións protexidas pola Seguridade Social: incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, por nacemento de fillo/a, adopción ou acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
No caso dos/as patróns/oas maiores, presidentes/as das agrupacións sectoriais e presidentes/as das federacións de confrarías, persoas que legalmente poidan substituílas ou nas cales deleguen expresamente, considerarase causa xustificada de inactividade o período de tempo empregado nos labores de representación, cando coincida co día de actividade de marisqueo.
b) Os días dedicados polas persoas mariscadoras ás actividades de turismo mariñeiro e aos labores de control da actividade extractiva terán a consideración de días de actividade marisqueira, para os efectos de renovación do permiso de explotación a pé para recursos específicos, e computarán para a dita renovación cando coincidan cun día de actividade extractiva.
c) Os días dedicados polas persoas percebeiras á extracción de semente de mexillón computarán para a renovación do permiso de explotación a pé para percebe cando coincidan cun día de actividade extractiva.
d) No caso do percebe, non se computarán como días de actividade efectiva aqueles en que se acredite que traballaron menos do 15 % das persoas con permiso de explotación para percebe a pé.
e) No caso de que unha persoa participe en varios plans de xestión, para renovar o permiso de explotación, computarse o total dos días de traballo autorizados e que fosen efectivos para todos os plans en que participe, sen que se poidan contabilizar días de actividade por duplicado».
Dous. Engádense as letras f) e g) ao número 4 do artigo 18, que afecta o procedemento administrativo PE401B. Permiso de explotación a pé, coa seguinte redacción:
«f) Para acreditar a realización de actividades de turismo mariñeiro e de labores de control, un certificado da entidade titular do plan de xestión en que se fagan constar os días dedicados a esta actividade. O documento será asinado polo/a presidenta/e da agrupación sectorial, de estar constituída, ou, en caso contrario, pola persoa representante da confraría ou entidade asociativa».
g) Para acreditar a realización da actividade de extracción de semente de mexillón polas persoas percebeiras a pé, un certificado da confraría ou entidade asociativa en que se fagan constar os días dedicados a esta actividade».
Tres. O número 1 do artigo 24 queda redactado como segue:
«1. As modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación outórganse pola vixencia do plan de xestión para o que foron aprobadas e renóvanse por un período de tres anos, coincidindo coa aprobación do correspondente plan de xestión».
Catro. O número 2 do artigo 31 queda redactado como segue:
«2. As cotas de captura asignadas revisaranse cada tres anos coa renovación da modalidade de recursos específicos para axustalas ao número de persoas tripulantes con dereito á cota da embarcación que estiveron enroladas nos tres anos naturais anteriores».
Cinco. O artigo 32, que afecta o procedemento administrativo PE401F. Renovación de modalidades de recursos específicos no permiso de explotación para embarcación, queda redactado como segue:
«Artigo 32. Requisitos para a renovación
1. A renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación realizarase cada tres anos e requirirá:
a) Cumprir anualmente as prescricións específicas contidas nos plan de xestión.
As entidades titulares do plan de xestión, como responsables da relación de persoas e embarcacións integrantes deste, certificarán anualmente á xefatura territorial os participantes que cumpriron as prescricións no ano natural anterior, que conformarán os inscritos no plan de xestión na anualidade correspondente, para efectos do acceso á explotación do recurso previsto no artigo 3.2.
b) Que, cando menos, unha das persoas tripulantes enroladas estean en posesión dos certificados profesionais correspondentes.
c) Acreditar ter realizado actividade suficiente nos tres anos naturais anteriores, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo segundo se indica a seguir, e sen prexuízo de que o plan de xestión do recurso específico que corresponda poida recoller unha porcentaxe superior:
1º. Ter realizado un 15 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro dun plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que só dispoñan dunha modalidade de recursos específicos no permiso de explotación.
2º. Ter realizado un 8 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro dun plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que dispoñan de dúas modalidades de recursos específicos no permiso de explotación.
3º. Ter realizado un 5 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro dun plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que dispoñan de tres ou máis modalidades de recursos específicos no permiso de explotación.
4º. Do 95 % dos días efectivos dos autorizados dentro dun plan de xestión da entidade para as actividades de semicultivo asignados á embarcación que son necesarias para a mellora da produción; así como dos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros que foron autorizados con carácter xeral no marco do plan de xestión. Os días empregados nas actividades anteriores computaranse para os efectos de renovación da modalidade, sempre que así estea recollido nun plan de xestión aprobado.
2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes, teranse en conta as seguintes situacións:
a) Descontarase do período autorizado o tempo durante o cal a embarcación permanecese inactiva por causa debidamente xustificada.
b) Non se computarán como día de actividade efectiva aqueles en que se acredite que traballaron menos do 15 % das embarcacións autorizadas.
c) Os días dedicados polas persoas mariscadoras ás actividades de turismo mariñeiro terán a consideración de días de actividade marisqueira, e computarán para a renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación cando coincidan cun día de actividade extractiva.
d) Os días dedicados polas persoas percebeiras a extracción de semente de mexillón computarán para a renovación da modalidade de percebe no permiso de explotación da embarcación, cando coincidan cun día de actividade extractiva.
3. No caso dos plans de xestión nos cales o cálculo do esforzo pesqueiro se faga en función das persoas tripulantes, coa renovación da modalidade axustarase o número de cotas de captura da embarcación á media de persoas tripulantes que estivesen enroladas durante os tres últimos anos naturais.
Para os efectos de calcular a media, descontarase o tempo durante o cal a tripulación non estivo enrolada por causa debidamente xustificada.
4. No caso dos/as patróns/oas maiores, presidentes/as das agrupacións sectoriais e presidentes/as das federacións de confrarías, persoas que legalmente poidan substituílas ou nas cales deleguen expresamente, considerarase causa xustificada de inactividade o período de tempo empregado nos labores de representación, cando coincida co día de actividade de marisqueo.
5. As entidades asociativas xustificarán a inactividade da embarcación ou da tripulación cando se deba a causas conxunturais, como poden ser, entre outras, as relacionadas coa produción ou con causas organizativas que afectan os métodos de traballo».
Seis. O número 1 do artigo 33 queda redactado como segue:
«1. A renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións realizarase cada tres anos e levarase a cabo segundo o calendario que para cada provincia e entidade asociativa do sector se estableza por resolución da xefatura territorial da Consellería do Mar. Na resolución farase constar o prazo para presentar as solicitudes».
Sete. As letras c), d) e e) do número 4 do artigo 34, que afectan o procedemento administrativo PE401F. Renovación de modalidades de recursos específicos no permiso de explotación para embarcación, quedan redactadas como segue:
«c) Para acreditar o recollido no artigo 32.1.a) e c) 4º, un certificado da agrupación sectorial, de estar constituída, e da entidade titular do plan de xestión relativo:
1º. Á porcentaxe dos días dedicados, nos tres anos naturais anteriores, ás actividades de semicultivo, aos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, que exprese as datas dedicadas ás tarefas. Así mesmo, incluirase a información necesaria sobre o desenvolvemento das actividades, que permita calcular que se cumpre a porcentaxe necesaria para renovar a modalidade.
2º. Ao cumprimento anual das prescricións específicas dos plans nos tres anos naturais anteriores.
d) Para acreditar o recollido no artigo 32.1.c) 1º, 2º e 3º, a información relativa ás vendas en lonxa ou punto de venda autorizado realizadas durante os tres anos naturais inmediatamente anteriores será a que figure en poder da Consellería do Mar.
e) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela nos tres anos naturais anteriores».
Oito. Engádense as letras h) e i) ao número 4 do artigo 34, que afecta o procedemento administrativo PE401F. Renovación de modalidades de recursos específicos no permiso de explotación para embarcación, coa seguinte redacción:
«h) Para acreditar a realización de actividades de turismo mariñeiro, un certificado da entidade titular do plan de xestión en que se faga constar os días dedicados a esta actividade. O documento será asinado polo/a presidenta/e da agrupación sectorial, de estar constituída, ou, en caso contrario, pola persoa representante da confraría ou entidade asociativa.
i) Para acreditar a realización da actividade de extracción de semente de mexillón polas persoas percebeiras, un certificado da confraría ou entidade asociativa en que se fagan constar os días dedicados a esta actividade».
Nove. O artigo 53, que afecta o procedemento administrativo PE410A. Plan de xestión de recursos específicos, queda redactado como segue:
«Artigo 53. Elaboración
Os plans de xestión serán elaborados e presentados polas confrarías ou entidades asociativas do sector antes do 1 de outubro do ano anterior ao de inicio do plan».
Dez. O artigo 54 queda sen contido.
Once. O artigo 58, que afecta o procedemento administrativo PE410B. Autorización para o desenvolvemento dos plans de xestión de recursos específicos, queda redactado como segue:
«Artigo 58. Desenvolvemento dos plans de xestión
1. As xefaturas territoriais segundo o ámbito da súa competencia autorizarán as actividades para o desenvolvemento dos plans de xestión aprobados, e polo tempo establecido nas resolucións de autorización.
2. As xefaturas territoriais poderán adaptar as medidas do plan de xestión establecidas no artigo 21.3 do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.
3. As xefaturas territoriais adaptarán as medidas do plan de xestión, logo de consulta ao sector, en función dos datos de seguimento dos indicadores dos obxectivos establecidos no plan, e cando exista:
a) Informe emitido polo persoal técnico da consellería.
b) Proposta de adaptación da xefatura territorial á/ás entidade/s titular/es do plan de xestión.
4. As xefaturas territoriais adaptarán as medidas do plan de xestión, logo de petición do sector, ante circunstancias que dificulten ou ben permitan potenciar o desenvolvemento do plan de xestión e tendo en conta aspectos biolóxicos, socioeconómicos e de creación de emprego, cando exista:
a) Solicitude motivada da entidade titular do plan de xestión avalada por informe do seu técnico.
b) Informe favorable emitido polo persoal técnico da consellería».
Doce. O número 4 do artigo 59, que afecta o procedemento administrativo PE410B. Autorización para o desenvolvemento dos plans de xestión de recursos específicos, queda redactado como segue:
«4. Xunto á solicitude, achegaranse os datos de explotación necesarios para o seguimento e xestión dos bancos, de acordo coas indicacións da consellería.
Non obstante, non será necesaria a achega destes datos sempre e cando estean dispoñibles na páxina de seguimento técnico habilitada para a consulta desta información».
Disposición derradeira cuarta. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019
A Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019 queda modificada como segue:
Un. O artigo 7 queda redactado como segue:
«Artigo 7. Adaptación das medidas durante o desenvolvemento do plan
1. As xefaturas territoriais poderán adaptar as medidas do plan de xestión establecidas no artigo 21 do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.
2. As xefaturas territoriais adaptarán as medidas do plan de xestión, logo de consulta ao sector, en función dos datos de seguimento dos indicadores dos obxectivos establecidos no plan, e cando exista:
a) Informe emitido polo persoal técnico da consellería.
b) Proposta de adaptación da xefatura territorial á/ás entidade/s titular/es do plan de xestión.
3. As xefaturas territoriais adaptarán as medidas do plan de xestión, logo de petición do sector, ante circunstancias que dificulten ou ben permitan potenciar o desenvolvemento do plan de xestión, e tendo en conta aspectos biolóxicos, socioeconómicos e de creación de emprego, cando exista:
a) Solicitude motivada da entidade titular do plan de xestión avalada por informe do seu técnico.
b) Informe favorable emitido polo persoal técnico da consellería».
Disposición derradeira quinta. Ordes modificadas polo presente decreto
As previsións das ordes que son obxecto de modificación polo presente decreto poderán ser modificadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de marisqueo.
Disposición derradeira sexta. Competencias de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de marisqueo para ditar, dentro do ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira sétima. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de novembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar
ANEXO
Contidos das propostas dos plans de xestión
1. Obxectivos xerais e operacionais a tres anos, indicadores e estratexias de actuación para acadar unha xestión sustentable.
a) Obxectivos biolóxicos.
b) Obxectivos ecolóxicos.
c) Obxectivos socioeconómicos.
d) Indicadores anuais para os obxectivos operacionais.
e) Niveis de referencia anuais para os obxectivos operacionais.
Os indicadores anuais para os obxectivos biolóxicos e ecolóxicos operacionais estarán relacionados, polo menos, coa estrutura de tamaños dos stocks explotados ou das capturas e/ou volume dos stocks.
f) Estratexia de actuación para os obxectivos operacionais.
2. Participantes.
a) Número de persoas mariscadoras ou embarcacións actuais.
b) Número máximo de persoas mariscadoras ou embarcacións.
3. Avaliación dos recursos.
4. Plan de extracción e medidas de conservación.
a) Listaxe de especies obxectivo.
b) Ámbito do plan.
c) Horario de actividade.
d) Artes que se van empregar.
e) Tamaños mínimos.
f) Calendario anual previsto de extracción que inclúa o número probable de días.
g) Cotas de captura por especie previstas por persoa mariscadora e día ou embarcación.
h) Puntos de control.
5. Accións de conservación, mantemento, recuperación ou mellora dos hábitats e zonas de produción.
a) Accións previstas: limpezas, rareos, traslados, acondicionamento do substrato, control de depredadores, control de especies exóticas, etc.
b) Épocas e zonas previstas.
c) Metodoloxía que se vai empregar.
6. Accións de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros.
7. Información ambiental.
8. Perspectiva sistémica: biodiversidade, uso do territorio, cambio climático e infraestrutura verde.
9. Plan de comercialización.
a) Lonxa e/ou centro de venda.
b) Normas de comercialización.
10. Accións formativas para unha mellor xestión e conservación dos recursos marisqueiros.
11. Actividades de diversificación da actividade marisqueira coa fórmula de turismo mariñeiro.
12. Plan financeiro a tres anos:
a) Gastos previstos de xestión e investimentos.
b) Ingresos previstos: cotas, porcentaxes de ingresos que se reterán, subvencións e outras axudas, e outros recursos económicos previstos nos estatutos da entidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!