Medidas fiscales y administrativas en GALICIA

, , ,

LEI 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
>

Exposición de motivos

I

Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas. O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción. Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria. Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter e organización administrativos.

II

A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.

O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.

O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos. Así, no referido ao imposto sobre a renda das persoas físicas, acométense determinadas reformas fiscais co obxectivo de seguir reducindo e redistribuíndo a carga tributaria.

Considerando que un dos problemas producidos e que persisten na complexa situación económica actual é o dunha elevada inflación provocada polo encarecemento da enerxía, dos alimentos e doutros produtos que reduce o poder adquisitivo das galegas e dos galegos, faise necesario introducir determinadas reformas fiscais no IRPF, facendo uso das competencias normativas autonómicas que contribúan a paliar eses efectos sobre a cidadanía galega e a combater a escalada de prezos, aliviando deste xeito a carga fiscal que soportan as familias. Así, na senda iniciada pola Xunta de Galicia en 2014 e continuada en 2016 e 2022, adóptanse unha serie de medidas, con efectos desde o 1 de xaneiro do 2022, rebaixando de novo o tipo aplicable ao tramo da tarifa máis baixo do IRPF, que pasa do 9,4 % ao 9 %, co obxectivo de beneficiar novamente as rendas máis baixas, nas que se sitúan o 44 % das persoas declarantes. Coa mesma finalidade, tendo en conta que o incremento reflectido na Enquisa trimestral de custo laboral elaborada polo INE para o segundo trimestre de 2022 é dun 4,3 % respecto de 2021, actualízase nesa porcentaxe a tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica, onde se atopan o 88 % dos declarantes, e, ademais, resulta necesario actualizar os mínimos persoal e familiar, dado que diminúen a cota, incrementándoos na mesma porcentaxe do 4,3 %.

O obxectivo que se pretende lograr con estas medidas é o de corrixir a denominada «progresividade en frío», evitando o impacto que, para os perceptores de rendas, na súa maior parte procedentes do traballo, supoñen os aumentos salariais que teñen por finalidade compensar o incremento do IPC, tratando de evitar que vexan incrementados os seus impostos cando non dispoñen de maior renda nin dunha maior capacidade económica e que, dada a progresividade do imposto, os contribuíntes tributen en tramos superiores da tarifa.

Un eixe fundamental da Xunta de Galicia é o reto demográfico para o cal, no marco das medidas fiscais de apoio á familia, núcleo fundamental da sociedade, se establece para 2023 unha nova dedución, no imposto sobre a renda das persoas físicas, de 250 euros para os contribuíntes con dous fillos, que se equipara así ao das familias numerosas co mesmo número de fillos ou fillas, e, por outra banda, increméntase a actual dedución aplicable ás familias numerosas, de xeito que a partir da terceira filla ou fillo a dedución aumenta en 250 € por cada filla ou fillo.

En relación co imposto sobre o patrimonio, continuando coa senda iniciada no ano 2022, modifícase a bonificación do imposto, pasando dun 25 % a un 50 % da cota, co obxectivo de adaptarnos de xeito progresivo ao noso contorno da UE, de incentivar o mantemento do patrimonio, de non penalizar o aforro e de favorecer os investimentos estratéxicos en Galicia.

No que se refire ao imposto sobre sucesións e doazóns, nestes momentos de incerteza económica, con períodos de alta inflación e as consecuentes subas de tipos de xuros, as empresas necesitan destinar recursos propios para acometer novos investimentos e non depender excesivamente do financiamento alleo. Para iso modifícase, en ambas as dúas modalidades do imposto, a redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades e ábrese a posibilidade a que determinados activos de tipo financeiro poidan considerarse afectos para non penalizar a retención que fagan as empresas do seu beneficio co fin de acometer no futuro novos investimentos.

Por outro lado, tendo en conta a situación pandémica vivida, que incidiu directamente no sector do xogo de xeito importante e provocou o peche dalgúns locais nos que se desenvolve o xogo, que non reverteron, e co obxecto de que a actividade se poida recuperar paulatinamente mantendo o emprego, acométese unha redución do tipo de gravame, que pasa do 50 % ao 30 %, asociado ao mantemento do cadro medio de persoal durante todo o período impositivo con respecto ao inmediato anterior.

O capítulo II, relativo aos tributos propios, só está integrado por un precepto, sobre as taxas, no que, por unha banda, se establece que os tipos das taxas de contía fixa non experimentarán ningunha actualización respecto das contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei e, por outra banda, se introducen diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación dalgunhas vixentes.

Pola súa banda, o título II divídese en trece capítulos.

O capítulo I aborda diversas medidas en materia de emprego público. Por un lado, modifícase a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en diversos preceptos, que responden á necesidade de adaptar a lei ás modificacións producidas no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público e na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Así mesmo, aprovéitase tamén para adaptar a normativa autonómica ás modificacións incorporadas no Estatuto básico do empregado público pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais, pola Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual e polas últimas leis de orzamentos xerais do Estado. E tamén se corrixen determinados erros na redacción dalgúns artigos para evitar confusións.

Por outra banda, na regulación do persoal funcionario interino, inclúese por primeira vez a regulación dun período de proba para o primeiro nomeamento deste persoal, cuns prazos similares aos establecidos tamén para o persoal laboral da Xunta de Galicia, así como as consecuencias no caso de súa non superación. E engádese unha nova disposición adicional na Lei do emprego público de Galicia que recolle unha modalidade específica de promoción do persoal laboral.

Así mesmo, en materia de escalas e especialidades, créase a escala de técnicos especialistas en patoloxía forense do Imelga, cun nivel formativo de técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico axeitado para as tarefas que deben realizar. Esta escala permitirá substituír paulatinamente os postos actuais de auxiliares de autopsias, do grupo IV, categoría 39 de persoal laboral, para os que non se exixe formación específica.

Tamén se modifican determinadas funcións para a escala de persoal de servizos xerais (PSX), co fin de completar a redacción do precepto, atendendo ao funcionamento cotián dos servizos de cociña e comedor, e para a escala de persoal xerocultor, xa que a situación das persoas usuarias que precisan da asistencia deste persoal non só é debida a situacións de discapacidade, senón tamén á súa situación de dependencia ou ao risco de padecela. Por último, recóllese a supresión da escala de protocolo e relacións institucionais, posto que as súas funcións non teñen un contido técnico e particularizado que faga necesario o seu mantemento. Deste xeito, as súas atribucións pódense entender encadradas nas de planificación atribuídas ao corpo superior ao que pertence a escala. Ademais, cómpre ter presente que a escala de protocolo e relacións institucionais non exixe unha titulación específica para o seu desempeño, o que pon de manifesto que non resulta necesaria a creación dunha escala específica dentro do corpo superior.

O capítulo II refírese a medio ambiente e territorio. Nesta materia regúlase, coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica, o prazo para impoñer a obriga de restitución das cousas e a reposición ao seu estado anterior no caso de obras e actuacións contrarias ao disposto na lexislación aplicable en materia de costas, realizadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre. Tamén se establece o réxime aplicable ás ditas obras e actuacións unha vez transcorrido o referido prazo sen que se impuxese a dita obriga.

Así mesmo, acométese a modificación de distintas normas: así, modifícase a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, co obxectivo de que a regulación contida nela e na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, na redacción pola presente lei, sexan coherentes no que atinxe á substitución da licenza de primeira ocupación polo réxime de comunicación previa. Tamén se modifica a duración do réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública, que se amplía a cincuenta anos desde a data da súa cualificación definitiva, coa finalidade de garantir que estas vivendas se destinen efectivamente ás persoas que realmente as necesitan, pasando dos trinta anos actuais aos cincuenta.

Modifícase a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, para eliminar a obriga imposta con carácter xeral de que os axexos se practiquen coa axuda dun garda ou guía, e manter a mesma unicamente para os parques naturais integrados na Rede de Parques Naturais de Galicia, nos terreos cinexéticos en réxime común e para os terreos cinexéticos en réxime especial nos que a titularidade cinexética corresponda á Comunidade Autónoma.

Acométese así mesmo a modificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director Rede Natura 2000 de Galicia, que resulta da máxima urxencia, sendo necesario dispor dun marco legal que permita adoptar medidas de conservación activa dos hábitats e medidas de xestión, preventivas e estruturais fronte aos incendios forestais e para a defensa fronte a catástrofes en toda a superficie da Rede Natura. Na medida en que todos os indicadores de biodiversidade están aconsellando acelerar a transición ata uns agrosistemas  sustentables e resilientes, a adopción de medidas de  protección fronte ás catástrofes naturais extremas e os cambios climáticos resulta imperiosa para garantir a longo prazo o noso benestar e constitúe a base da nosa resiliencia.

Modifícase a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, coa finalidade de clarexar determinadas dúbidas suscitadas con motivo da súa aplicación. Recóllese expresamente a inclusión das obras de ampliación do volume de edificacións existentes entre os supostos que determinan o deber de cesión gratuíta de terreos previsto nos citados preceptos para o solo urbano consolidado e de núcleo rural. Coa finalidade de protexer o recurso hídrico, establécese que, para edificar no ámbito dos núcleos rurais, só será exixible executar a conexión das redes de abastecemento de auga e saneamento coas redes existentes no núcleo ou nas súas proximidades, cando existan redes públicas autorizadas e con capacidade de servizo suficiente, e aclárase a continuación que, de non exixirse a conexión coas redes de servizo, deberán resolverse estas priorizándose nas de abastecemento a conexión a unha comunidade de usuarios legalmente constituída e con capacidade de servizo suficiente ou por medios individuais con cargo ao promotor ou promotora da edificación. Con esta modificación trátase de evitar o paradoxo que se producía nalgúns supostos, nos que, para poder edificar no solo de núcleo rural, se executaba a conexión a unha rede sen autorizar ou de capacidade insuficiente. Por outra banda, incídese na condición de manter o estado natural dos terreos no solo rústico, que virá referida, cando menos, á metade da superficie non ocupada da parcela ou a exceptuar a dita proporción no caso de determinadas infraestruturas e instalacións, previstas no artigo 35.m), así como nos establecementos de acuicultura, ao tempo que se aclara que as solucións alternativas que, de ser o caso, se adopten, deben impedir o selado do solo. Co fin de reforzar a seguridade xurídica e de dotar de maior estabilidade o tráfico inmobiliario, clarifícanse as obras que se poden levar a cabo nas edificacións existentes no solo rústico que non sexan plenamente compatibles coas determinacións previstas para este tipo de solo na normativa urbanística, pero que non estean incursas na situación de fóra de ordenación, así como aquelas para as que transcorresen os prazos para a adopción de medidas de restauración da legalidade urbanística. Ademais, dada a amplitude dos prazos de resolución das licenzas de primeira ocupación, particularmente nos concellos que teñen que tramitar un elevado número de solicitudes, óptase por dar un paso máis na senda da simplificación administrativa iniciada hai anos pola Administración autonómica galega, substituíndo o réxime de licenza urbanística polo de comunicación previa para a primeira ocupación dos edificios. Tamén se estende ao solo de uso residencial o réxime das solicitudes de licenza e comunicacións urbanísticas presentadas con certificación de conformidade emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal, o que determina que os informes xurídicos e técnicos municipais pasen a ser facultativos e permitirá reducir a un mes o prazo de resolución da licenza, fronte aos tres que rexían ata o momento.

Modifícase a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, coa finalidade de regular a obriga dos responsables da retirada dos cadáveres dos animais domésticos na vía pública de comprobar a súa identificación e de notificar a morte do animal aos seus propietarios coa finalidade de que estes poidan comunicar as mortes dos referidos animais ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía.

Modifícase a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, coa finalidade de clarexar os supostos nos que procede a avaliación de repercusións dos plans, programas ou proxectos que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, poidan afectar de forma apreciable as especies ou os hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, de conformidade co establecido no artigo 46.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e do artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE. Tamén se configuran como medidas de xestión dun espazo protexido Rede Natura 2000 as redes de faixas de xestión da biomasa, xa que resultan necesarias para a protección e conservación dos valores naturais polos que o espazo foi protexido e se axustan as regras relativas á construción de peches e cercados ás necesidades reais de conservación, atendendo á tipoloxía e magnitude das intervencións.

Modifícase a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, co obxecto de clarexar que o informe preliminar de situación establecido no artigo 55.3 debe presentarse con carácter previo ao inicio da actividade. Tamén se precisan as normas que se deben ter en conta para os efectos de acreditación das entidades que realicen o deseño e a implantación dos plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, as investigacións analíticas, tanto exploratorias como detalladas, e as valoracións de riscos, así como o deseño, execución, control e seguimento da recuperación e para os efectos da acreditación dos laboratorios para a realización das analíticas previstas no artigo 60.5 da citada lei.

Modifícase a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Por unha banda, como medida de simplificación e de mellora da calidade dos procedementos de avaliación ambiental, regúlase que os documentos de alcance dos estudos de avaliación ambiental dos proxectos sometidos á avaliación de impacto ambiental (e que son os pronunciamentos do órgano ambiental sobre o contido, amplitude, nivel de detalle e grao de especificación que deben ter tales estudos) deixan de emitirse cando o solicite potestativamente un promotor e pasan a ser documentos de referencia que se establecen de oficio polo órgano ambiental segundo as distintas clases de proxectos sometidos a impacto ambiental. Deste modo, e sobre a base dos documentos de alcance xa elaborados e sobre a base das avaliacións ambientais que xa se emitiron, establécese un documento de referencia que recolla o contido que deberán ter os estudos ambientais, o que permite aproveitar o camiño andado pola Administración e recoller as exixencias que xa foron establecidas polos distintos órganos administrativos que informan na fase de consultas. Con esta regulación, preténdese avanzar máis na simplificación administrativa dos procedementos, garantindo a calidade dos estudos de avaliación ambiental. Na mesma liña de avanzar na simplificación administrativa, aclárase que os proxectos con informe previo de non afección, como son aqueles sometidos a unha adecuada avaliación das súas repercusións que conten co informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, non necesitarán de autorización do órgano competente en materia de patrimonio natural. Por último, modifícase a referida Lei 9/2021, do 25 de febreiro, en coherencia coas modificacións operadas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, coa finalidade de estender ao solo de uso residencial o réxime das solicitudes de licenza e comunicacións urbanísticas presentadas con certificación de conformidade emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal que, ata o momento, só era aplicable á realización de iniciativas empresariais.

Modifícase a Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, co fin de incentivar a implantación da recollida selectiva de materia orgánica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o establecemento dunha bonificación de ata un 15 % da contía do canon unitario de tratamento por tonelada de Sogama. Tamén se modifica o texto vixente para incluír como débeda vencida, líquida e exixible a contía por todos os conceptos aplicables incluídos nas facturas emitidas por Sogama aos concellos ou ás mancomunidades no tratamento de residuos.

O capítulo III aborda distintas regulacións en materia de medio rural. Así, modifícase a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, no que atinxe á regulación do procedemento para a xestión da biomasa nas redes de faixas, establecendo o réxime aplicable no caso de que non se execute polas persoas responsables a obriga de xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, se é o caso, a retirada de especies arbóreas, de tal modo que se manteña un control da carga de combustible para impedir o risco de incendios forestais e a súa propagación durante todo o ano. A redacción deste precepto axústase ao disposto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, publicado no Diario Oficial de Galicia mediante a correspondente resolución do 9 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

Modifícase a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Así, refórmanse diversos artigos co obxecto de dotar de maior claridade o texto e de axustar a súa literalidade ao disposto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, de carácter básico. Por outra banda, introdúcense modificacións para mellorar o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Inclúese como suposto suxeito á obriga de declaración responsable previa ao seu inicio a adecuación á natureza do solo rústico de especial protección agropecuaria que teña por finalidade a súa adecuación á natureza do solo ou ao catálogo de solos agropecuarios e forestais. Engádese a referencia ás reforestacións no artigo 129, para coordinar a súa redacción co disposto na disposición transitoria novena da Lei 11/2021, do 14 de maio. Tamén se regula de forma expresa un prazo máximo para reparar o dano causado e a obriga de comunicarllo á Administración, de tal forma que a resolución produza maior eficacia e exista un mellor control do seu cumprimento, xa que a restauración do dano causado ao monte é un elemento esencial nos procedementos sancionadores, xa que a finalidade última destes é evitar os ditos danos e a súa perpetuación no terreo forestal. Tamén se regula a consideración da cesión ou o mantemento do carbono almacenado nos montes como aproveitamento forestal e protección da integridade das comunidades de montes veciñais en man común; así mesmo prevese a posibilidade de que a Xunta de Galicia articule un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario cun rexistro, no que se poderán inscribir aquelas persoas titulares dos dereitos derivados do aumento de carbono almacenado grazas ás súas actividades. Este sistema basearase na xestión forestal sustentable e activa como ferramenta diferencial para secuestrar un número de toneladas de carbono adicionais fronte a aqueles bosques exentos de xestión forestal.

En consonancia coa modificación da Lei de montes de Galicia, modifícase o número 6 do artigo 12 do Decreto 52/2014, do 16 de abril, co obxecto de regular de forma clara os informes precisos para presentar a solicitude de aprobación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal. Como novidade, prevese a exixencia dun informe de validación da documentación da persoa que vai presentar a solicitude. Esta modificación urxe para dotar de coherencia a normativa de desenvolvemento coa Lei de montes de Galicia. Xa que logo, na modificación recollida no artigo 81.2 da dita lei, ligada á modificación do decreto, regúlase como unha actuación previa á presentación da documentación que debe ser validada pola Administración antes de iniciar o procedemento.

Modifícase a Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Por unha banda, elimínase a referencia ás permutas na regulación da reestruturación parcelaria, por razón de congruencia normativa, dado que nunha modificación anterior da lei se suprimiu a figura da reestruturación parcelaria mediante permutas voluntarias. Adecúase a cualificación da infracción relativa ao abandono das terras consonte coa normativa agora vixente, isto é, a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Por outra banda, co fin de mellorar a coordinación entre os instrumentos de ordenación de usos agroforestais da Lei 4/2015 e a Lei 11/2021, inclúese no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria a elaboración dun catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais. Trátase, así mesmo, de dar solución a aqueles procesos de reestruturación parcelaria nos que, unha vez levado a cabo o levantamento topográfico e a investigación da propiedade, o resultado leve á consideración de que a reestruturación non é o instrumento axeitado para actuar sobre o terreo incluído no seu perímetro, pero do que, ao mesmo tempo, se obtivo unha información tanto respecto das clases de terras e cultivos como titulares ―resultante dos traballos realizados previamente― que poderían servir de base para implementar outras actuacións de recuperación da terra agraria de Galicia. Realízanse diversas modificacións coa finalidade de que, cando remate o proceso de reestruturación parcelaria, a documentación integrante dos títulos de propiedade resultantes del sexa o máis actualizada posible respecto da realidade do momento. Amplíanse as finalidades dos predios integrantes da masa común, comprendendo tamén os casos de corrección de erros ou outras circunstancias que deprecien de forma significativa ou fagan inutilizable un predio atribuído e non solicitado pola persoa interesada. Introdúcese unha modificación na tipificación da infracción moi grave prevista no artigo 90.1, co fin de garantir o cumprimento xeral dos plans de cultivos ou de ordenación de predios de especial vocación agraria non só para o caso de que ese incumprimento se produza sobre terreos afectados polos compromisos adquiridos durante un período de dez anos.

Modifícase o Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia. A regulación dunha nova letra g) no artigo 24.2 do Decreto 73/2020, do 24 de abril, urxe pola necesidade de adecuar a normativa de desenvolvemento á modificación que efectúa a Lei de medidas fiscais no artigo 92 bis.3 da Lei de montes de Galicia, que regula, como novo suposto en que se exixe declaración responsable, as cortas de arboredo que se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria que teñan por finalidade a súa adecuación á natureza do solo ou ao Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Esta previsión de declaracións responsables dotará de máis axilidade as cortas que se efectúen nos solos para adecualos ao seu verdadeiro uso.

Modifícase a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, facúltase o Consello Reitor, por proposta de Comisión Técnica de Prezos e Valores, a fixar un prezo mínimo que se terá en conta para o prezo de referencia do Banco de Terras de Galicia, co obxecto de promover a iniciativa dos particulares na incorporación de predios ao Banco de Terras. Modifícase o artigo 21.1 coa finalidade de dar cumprimento ao Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia. Introdúcense diversas modificacións co obxecto de facilitar a comprensión do texto, de dotalo dunha maior coherencia interna e de corrixir determinados erros detectados nel. Por outra banda, trátase de posibilitar a fixación dun límite mínimo, co obxecto de poder facer fronte á falta de pagamento daquelas rendas de maior contía, sen deixar de promover a iniciativa dos particulares na incorporación de predios ao Banco de Terras, e inclúense os gastos notariais nas liñas de axuda para as permutas de especial interese agrario. Prevese que, nos casos que afecten zonas preferentes ou outras xustificadas, se declare a utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. Recóllese expresamente a exixencia de publicación da declaración de utilidade pública e o interese social do polígono agroforestal para dotala de publicidade, e regúlanse os seus efectos. Posibilítase a modificación do catálogo parcial na fase de proxecto de polígono agroforestal, momento en que se dispón de maior información técnica para determinar os usos finais do polígono. Increméntase o contido dos estudos de viabilidade, ao permitir engadir os contidos que se regulan para o proxecto básico do polígono, de cara a dotar de maior eficiencia a tramitación e de recoller a obriga da súa exposición publica, co obxecto de que a cidadanía poida coñecer as actuacións que se practican. Regúlase a exixencia de que, no caso de que o estudo de viabilidade comprenda os contidos do proxecto básico do polígono agroforestal, se cumpra un requisito dun mínimo de porcentaxe de compromisos para a superficie. De non acadarse a dita porcentaxe mínima, resolverase o arquivo do expediente e a finalización do procedemento, dada a non conformidade. Con esta regulación pretende coñecerse desde un principio a necesaria conformidade das persoas titulares das parcelas e obter os seus compromisos para asegurar a viabilidade da tramitación do procedemento de aprobación dos polígonos. Prevese a exixencia de declaración de utilidade pública e interese social do polígono só no caso de que non se declarase con anterioridade conforme o previsto no artigo 83.3, e concreta a forma que se emprega para a dita declaración; é dicir, engádese que a declaración de utilidade pública se realizará por decreto. Debido á similitude entre os traballos realizados nas bases dunha reestruturación parcelaria e no procedemento descrito no artigo 90 e, especialmente, a que ambos os procesos teñen como obxectivo a investigación da titularidade das parcelas, considérase que aproveitar os resultados desta etapa da reestruturación parcelaria para o desenvolvemento de polígonos agroforestais permitirá unha maior eficiencia no uso dos recursos públicos. Exceptúanse da exixencia de nova exposición pública aquelas actuacións que xa foron expostas na fase de estudo de viabilidade e que non se modificaron. Recóllese a incorporación das parcelas ao Banco de Terras ao inicio do procedemento co fin de facelo máis rápido e eficiente.

O capítulo IV aborda diversas medidas en materia de infraestruturas e augas. Por un lado, modifícase a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, na que se regulan os efectos da declaración de obras de emerxencia de forma similar a como se recollen na lexislación estatal.

Así mesmo, modifícase a Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia, para os efectos de suprimir determinados artigos, xa que ao longo dos últimos anos Galicia se dotou de diferentes disposicións en materia de transporte de persoas por estrada. Así, as definicións do artigo 2 da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia, quedaron superadas logo da entrada en vigor da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, polo que procede a derrogación formal daquel precepto. No mesmo sentido, esta lei regula a tramitación que se debe seguir para a autorización de novas paradas, o que afecta tanto os ámbitos urbanos como os non urbanos, sen que no marco do Plan de transporte público de Galicia teña sentido o mantemento de vixencia do procedemento que establecen os artigos 17 e 18 da Lei 6/1996, do 9 de xullo; preceptos que, por tales motivos, procede tamén derrogar.

Por outro lado, modifícase a disposición adicional segunda da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, en relación coas medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública. A devandita modificación ten por obxecto dar cumprimento ao Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, publicado pola Resolución do 9 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 182, do 23 de setembro de 2022).

Así mesmo, a atribución ás entidades locais de competencias sancionadoras na materia, tras a modificación operada pola Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco, determinou a necesidade de ampliar a tipificación da infracción relativa ás condutas cometidas fronte ao labor de vixilancia e inspección dos correspondentes órganos de control ao persoal doutras administracións públicas, que, o mesmo que o persoal de Augas de Galicia, tamén debe verse amparado pola norma.

Por último, modifícase na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a definición de usos domésticos para as vivendas en réxime de alugamento onde o titular da vivenda é unha sociedade cuxo obxecto social é a propia actividade de alugamento ou é unha institución (tipo IGVS) que aluga ou cede vivendas a persoas vulnerables (risco de exclusión social, mulleres maltratadas, etc.). Actualmente, a definición de usos domésticos exclúe os consumos asociados a calquera actividade, o que imposibilita ou, cando menos, dificulta considerar como doméstico vivendas cuxa titularidade sexa dunha sociedade e que, polo tanto, os consumos alí efectuados estean asociados á actividade de alugamento, o que o sitúa fóra do ámbito da definición de usos domésticos.

O capítulo V aborda distintas regulacións en materia de política social. En primeiro lugar, modifícase a Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, coa finalidade de crear a categoría de can de asistencia en formación, ademais da xa existente de can de asistencia, co obxecto garantir plenamente o dereito de acceso aos lugares, establecementos e transportes das persoas con discapacidade que necesitan da axuda dun can de asistencia.

Modifícase tamén a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, coa finalidade de establecer a gratuidade dos carnés de servizos da xuventude.

Tamén se modifica a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, coa finalidade de incrementar as actuais contías da renda de inclusión social de Galicia (Risga), configurada como unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles. A necesidade de facer fronte ás consecuencias derivadas do conflito internacional que estamos a vivir e que se traducen nunha crise económica ocasionada polo incremento de prezos das necesidades primarias, combustibles, electricidade e enerxía en xeral, fai que as actuais contías da Risga sexan insuficientes, dada a inflación existente nestes momentos, e se estime conveniente incrementar as ditas contías para que as persoas e familias en situación ou risco de exclusión social poidan satisfacer axeitadamente as súas necesidades básicas de subsistencia. En concreto, procede incrementar as contías que compoñen o tramo básico persoal e familiar de tal xeito que permitan contrarrestar o efecto da suba do IPC. Así, por unha banda, increméntase o importe do ingreso mínimo, que pasa dun 75 % do IPREM a un 78,20 % do IPREM. Tamén se incrementa o importe dos complementos familiares, que soben do 14 % ao 14,60 % do IPREM, no caso da primeira ou primeiro convivente adicional, do 12 % ao 12,50 % do IPREM, no caso da segunda ou segundo, e do 10 % ao 10,40 % do IPREM, no caso da terceira ou terceiro e sucesivas ou sucesivos.

En coherencia, procede incrementar tamén os límites máximos que se poden percibir neste tramo, de tal xeito que as unidades familiares con maior número de membros poidan beneficiarse do incremento da prestación.

Modifícase o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, coa finalidade de recoller o límite mínimo de idade para o acceso aos servizos de atención residencial que se presten en centros ou residencias de maiores e acadar así unha atención máis centrada nas necesidades das persoas, tendo en conta o principio de especialización dos servizos en función dos colectivos que se atendan, así como a procura dunha homoxeneidade nas características de idade dos usuarios que dean cumprida resposta ás súas necesidades homoxéneas, como xa se recollía no seu día na Orde do 18 de abril de 1996. Por outra banda, as residencias de maiores non semellan ser a resposta asistencial máis axeitada ás necesidades residenciais de adultos non maiores con problemas de saúde mental e que son derivados do servizo de saúde despois de ter recibido unha atención sanitaria inicial ou de urxencia nos centros sanitarios.

A urxencia da medida vén motivada pola necesidade de acadar unha homoxeneidade nas características de idade dos usuarios para poder dar unha resposta máis axeitada ás súas necesidades, cunha asignación máis eficiente dos recursos, engadindo un parágrafo final no artigo 5.2, no que se introduce unha idade mínima para o ingreso nas residencias de maiores. Con esta reforma dáse cumprimento ao principio de especialización dos servizos en función dos colectivos que se atendan.

Modifícase o Decreto 84/2012, do 10 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre, coa finalidade de incluír descontos para as familias monoparentais e acolledoras, configuradas na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, como familias de especial consideración que requiren un tratamento máis favorable e unha especial consideración por parte dos poderes públicos. Trátase, neste momento, de establecer os correspondentes descontos nos prezos públicos establecidos para as estadías nas residencias de tempo libre, o mesmo que para as familias numerosas e vítimas de violencia de xénero, consideradas tamén familias de especial consideración. A situación económica actual, os grandes cambios que se produciron nas estruturas familiares e a necesidade de fomentar o acollemento familiar xustifican a urxencia desta medida.

Modifícase o Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, coa finalidade de adaptar as contías da renda de inclusión social de Galicia ás recollidas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, na redacción dada pola presente lei. A urxencia de acometer esta última reforma vén motivada polo contexto socioeconómico actual, no cal se está a producir un importante incremento de prezos que fai que os importes actuais das axudas que se conceden non permitan cumprir axeitadamente os obxectivos que perseguen, nomeadamente posibilitar ou reforzar os procesos de inclusión social das persoas solicitantes, así como atender gastos extraordinarios e urxentes en situacións de grave emerxencia que poidan desencadear un proceso de exclusión social.

O capítulo VI, relativo ao emprego, prevé, en primeiro lugar, a creación da Rede Xempre, como un instrumento de apoio ás políticas de emprego e de fomento do emprendemento vinculado ao territorio, desenvolvidas pola Xunta de Galicia. Esta rede estará integrada por todos os recursos de emprendemento e apoio ao emprego de que dispoña a consellaría competente. Ademais, establécese a necesidade de colaboración e coordinación de todas aquelas persoas e perfís que, a través de axudas económicas e/ou subvencións da Xunta de Galicia, desenvolvan tarefas e actividades relacionadas con ela, co obxecto de unir esforzos e actuar con unidade de criterio, acadando unha maior efectividade da dita rede.

Por outra banda, para poder dar cumprimento á obriga de inscrición de oficio como demandantes de emprego das persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital maiores de 18 anos e menores de 65 que residan en Galicia nos termos impostos pola disposición adicional undécima da Lei 19/2021, do 20 de decembro, pola que se establece o ingreso mínimo vital, recóllese que estas deberán facilitar determinada información, relativa a datos que non están en poder da Administración autonómica ou cuxa decisión corresponde ás persoas beneficiarias e que son imprescindibles para que o Servizo Público de Emprego de Galicia poida proceder ou non á súa inscrición, segundo corresponda.

Tamén se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, coa finalidade de incluír entre as formas de violencia de xénero a explotación sexual. En coherencia co anterior, inclúense como potenciais beneficiarias da prestación periódica as mulleres vítimas de explotación sexual.

O capítulo VII refírese ao patrimonio cultural e contén a modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, coa finalidade de dotala dunha maior coherencia. Así, precísase que a redución dos contornos de protección subsidiarios recollidos no artigo 38.3.c) serán aplicables no caso de bens integrantes do patrimonio arquitectónico, compasando a redacción deste apartado coa do apartado 2.d) do mesmo precepto. Por outra banda, inclúense as valorizacións entre as actuacións autorizables en bens con protección ambiental. Este tipo de actuacións de baixa intensidade xa está recollida nos niveis máis altos de protección, como son os niveis de protección estrutural e ambiental, pero omitiuse nos de protección integral, o que se corrixe mediante a presente lei. Co obxectivo de eliminar posibles dúbidas na aplicación da norma, claréxase que a prohibición de colocar publicidade ou carteis se aplica nos tramos non urbanos do ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago. Tamén se corrixe a data de publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos recollidos na disposición adicional duodécima, relativa á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, e suprímese a disposición transitoria sexta, que deveu innecesaria como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, no que se delimitan as rutas ás que fai referencia esta disposición, desaparecendo os supostos aplicables do dito réxime transitorio.

O capítulo VIII aborda diversas medidas en materia de sanidade. En primeiro lugar, modifícase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en diversos aspectos. No marco do novo modelo de atención primaria galega recollido tanto no Plan galego de atención primaria 2019-2021 como no documento estratéxico Por unha atención primaria vertebradora do sistema sanitario, proponse una modificación da lei no eido do trasporte sanitario. Esta modificación responde ao obxectivo de aumentar a capacidade resolutiva da atención primaria, levando ao límite máximo das súas competencias as categorías profesionais que exercen neste ámbito asistencial.

Tamén se inclúe a creación do Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, como órgano técnico especializado, responsable do asesoramento e coordinación das estratexias e políticas de saúde pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e regúlanse os seus obxectivos e funcións.

Así mesmo, modifícase a disposición transitoria única da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en materia da competencia dos concellos nos procedementos sancionadores para os efectos de aclarar a regulación xa existente, mantendo o designio orixinal da norma.

Por outra banda, modifícase a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, para que a atención poida ser realizada por un farmacéutico ou unha farmacéutica dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde para as entidades prestadoras de servizos sociais que formalicen acordos ou convenios de conformidade coa lei, consolidando a situación actual na que os farmacéuticos e as farmacéuticas de atención primaria do Servizo Galego de Saúde prestan atención farmacéutica nos centros sociosanitarios e posibilitando que a extensión do Programa de atención farmacéutica nas residencias sociosanitarias de Galicia poida seguir realizándose, facendo uso dos recursos dispoñibles: un farmacéutico ou unha farmacéutica dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde, independentemente da súa categoría profesional.

Finalmente, recóllense unha serie de medidas en materia de fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema Público de Saúde de Galicia, tendo en conta tamén a recente Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, na que se deu un novo pulo á carreira e ao desenvolvemento profesional do persoal investigador no ámbito da investigación biomédica.

O capítulo IX aborda diversas medidas en materia de industria. Así, modifícase a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Modifícase a disposición adicional sexta e a transitoria oitava para dar cumprimento ao Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e coa finalidade de clarificar a redacción de determinados aspectos da lei eólica, quedando patente que en ningún punto contradí a lexislación básica estatal.

Por outra parte, inclúese unha nova disposición adicional sétima para aclarar a situación dos expedientes que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do incumprimento dos fitos establecidos no Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, aclarando que se poderán seguir tramitando os expedientes ata o momento inmediatamente anterior á autorización e que procederá a devolución dos avais depositados ante a Administración autonómica.

Por outra banda, modifícase a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, co obxectivo de estender a figura da iniciativa empresarial prioritaria a todos os proxectos eólicos, con independencia da competencia estatal ou autonómica na súa tramitación. Establécense criterios de retorno local, ao engadir un suposto no que os proxectos eólicos teñan unha clara incidencia territorial e poidan ser declarados iniciativas empresariais prioritarias: cando a facturación do parque repercuta directamente nos concellos afectados. Igualmente, dada a redacción confusa que tiñan actualmente os preceptos modificados, con varios supostos que permiten cualificar un proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, proponse unha estrutura máis comprensible dos diversos casos en que o proxecto eólico poderá ser considerado como tal.

Así mesmo, modifícase a disposición transitoria sétima co fin de aclarar o réxime transitorio para a aplicación das distancias a núcleos de poboación establecidas na disposición adicional quinta, cando as modificacións dos proxectos veñen derivadas de modificacións nas infraestruturas de conexión compartidas entre varios promotores.

E, finalmente, modifícase a Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica. O obxecto da citada modificación é simplificar as axudas aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e outorgalas de forma directa, sen necesidade de solicitude previa nin da colaboración das empresas comercializadoras.

O capítulo X recolle as regulacións relativas á materia de consumo e comercio, modificando tres leis. En primeiro lugar, a Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia, para adaptala ás actuacións realizadas no marco do mercado en liña. Complétase tamén a definición de dilixencias, recollendo expresamente a posibilidade de incluír nelas o contido de páxinas web ou informacións ou comunicacións realizadas por calquera medio incluído na internet.

En segundo lugar, refórmase a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, coa finalidade de regular o prazo de realización dos proxectos de instalación de establecementos comerciais, que non poderá ter unha duración superior a catro anos.

En terceiro lugar, modifícase a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, coa finalidade de clarexar cando se dan determinados supostos previstos na dita norma para os efectos da aplicación desta, o que redunda nunha maior seguridade xurídica. Por outra banda, en coherencia co disposto no Regulamento (UE) 2019/1020 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, relativo á vixilancia do mercado e á conformidade dos produtos e polo que se modifican a Directiva 2004/42/CE e os Regulamentos (CE) nº 765/2008 e (UE) nº 305/2011, recóllese expresamente que a administración competente en materia de consumo poderá reclamar ao operador económico a totalidade dos custos derivados do control da vixilancia do mercado en caso de incumprimento, regulándose, ademais, o réxime aplicable para a súa exixencia.

Sen prexuízo do anterior, a maior parte das modificacións realizadas na Lei 2/2012, do 28 de marzo, atinxen á regulación do réxime sancionador e teñen por obxecto a adaptación da referida lei ás modificacións introducidas en materia sancionadora no texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo Real decreto lei 24/2021, do 2 de novembro, de transposición de directivas da Unión Europea nas materias de bonos garantidos, distribución transfronteiriza de organismos de investimento colectivo, datos abertos e reutilización da información do sector público, exercicio de dereitos de autor e dereitos afíns aplicables a determinadas transmisións en liña e ás retransmisións de programas de radio e televisión, exencións temporais a determinadas importacións e subministracións, de persoas consumidoras e para a promoción de vehículos de transporte por estrada limpos e enerxeticamente eficientes, tendo en conta o establecido no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación co Real decreto lei 24/2021, do 2 de novembro, antes citado, que foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 178, do 19 de setembro de 2022) mediante a correspondente Resolución do 29 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

O capítulo XI recolle as medidas en materia de innovación, incluíndo para iso unha actualización da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia. Esta pretende establecer na normativa autonómica a recente figura dos bancos de probas regulatorios, regulados na recente Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

O capítulo XII aborda diversas medidas en materia de procedemento e organización administrativa.

Desta forma, modifícase a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa finalidade de que os entes públicos instrumentais poidan adaptar a través dos correspondentes decretos de estrutura orgánica as adscricións iniciais previstas nas súas normas de creación.

Así mesmo, na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, modifícase o rango orgánico da Asesoría Xurídica Xeral e adáptase todo o articulado a tal modificación.

Por outra banda, incorpórase na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, unha nova disposición adicional, co obxecto de establecer que as competencias dixitais no sistema educativo galego lle corresponden a consellaría con competencias en materia de educación, tanto para o persoal docente, de acordo co seu marco específico de referencias de competencia dixital docente, como para o alumnado. Con esta modificación outórgase á consellaría competente en materia de educación a competencia sobre a avaliación, recoñecemento e rexistro das competencias dixitais no ámbito do sistema educativo galego, non só no relativo á competencia dixital docente no marco do Acordo do 23 de xuño de 2022 da Conferencia Sectorial de Educación sobre certificación, acreditación e recoñecemento da competencia dixital docente, publicado por Resolución do 1 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial (BOE núm. 166, do 12 de xullo), senón tamén con respecto ao alumnado, xa que a competencia dixital é unha das competencias educativas clave na formación regrada.

Igualmente, modifícase a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. O fin que se persegue con esta modificación é adaptar os cargos das persoas titulares da Comisión para a planificación e o impulso de proxectos para financiar polo instrumento Next Generation EU aos cambios da estrutura orgánica da Xunta de Galicia como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellarías da Xunta de Galicia e polo Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Neste capítulo tamén se modifica a Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, motivada pola necesidade de establecer na citada lei determinadas compensacións económicas que perciben as organizacións presentes no Consello Económico e Social de Galicia polos gastos en que incorran no desenvolvemento das actividades realizadas con motivo da súa participación. Igualmente, é preciso clarificar o feito da súa incompatibilidade coas compensacións económicas recollidas na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, para os efectos de evitarlles un pagamento duplicado ás devanditas organizacións.

Abórdase unha modificación do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que responde á necesidade da simplificación dos procedementos de tramitación de bases reguladoras de axudas públicas. Por conseguinte, busca a axilización dos procedementos de control interno da xestión económica e financeira do sector público mediante o exercicio da función interventora, o control financeiro permanente e a auditoría pública.

Por último, en materia de xestión recadatoria, establécese a asunción progresiva das funcións de recadación en período executivo por parte da Axencia Tributaria de Galicia desempeñadas ata o momento polas zonas de recadación reguladas no artigo 46 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997. Esa asunción producirase a medida que os titulares das zonas se xubilen ou cesen por algunha das causas previstas na súa normativa, e en todo caso a partir do 1 de xaneiro de 2026. Esta medida provocará maior eficiencia nas funcións de recadación das débedas en período executivo, xa que diminuirán os actuais custos de xestión e aumentarán os ingresos tributarios provocado polas sinerxías da xestión centralizada dos expedientes, tales como a aplicación de modernas técnicas informáticas e de intelixencia artificial, o uso de programas informáticos centralizados que realizan tarefas de forma automatizada e o acceso global á información tributaria.

Modifícase tamén o Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto. O obxecto da modificación é adecuar as funcións dos órganos da área de xestión tributaria como consecuencia da asunción, a partir do 1 de xaneiro de 2023, do imposto estatal sobre o depósito de residuos en entulleiras, a incineración e a coincineración de residuos. Ademais, derivado da asunción paulatina da recadación en período executivo levada a cabo nas zonas de recadación, modifícanse as funcións do Departamento de Control Tributario, dependente da área de Inspección Tributaria, e a estrutura organizativa da área de recadación para crear un novo departamento. Por último, redistribúense as funcións que corresponden aos departamentos da área de colaboración social, información e asistencia.

Así mesmo, inclúense modificacións que precisan a natureza xurídica das bases reguladoras e das convocatorias de subvencións, e acláranse os supostos en que cabe prescindir da consulta pública previa no procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

Finalmente, o capítulo XIII recolle unha serie de medidas en materia de réxime financeiro e orzamentario que se concretan na modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, por una banda, para os efectos de eliminar a restrición do carácter ampliable dos créditos nos supostos de sinistros e catástrofes aos gastos en bens correntes e servizos e de ampliala aos gastos de capital. E, por outra banda, modifícase o réxime de contabilización de recursos cando estes se vinculen á súa execución e non á súa certificación. Faise posible regular o principio de neutralidade no emprego dos fondos europeos nos casos en que así estea previsto.

E, por último, refórmase o réxime de contabilización dos ingresos que a final de ano están no período voluntario para realizar o ingreso. Mantense a súa imputación ao exercicio no que se contabilizaron orixinariamente e modifícase o criterio de anulación de dereitos pendentes ao peche do exercicio.

A parte final da lei está composta por oito disposicións adicionais, seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria única e catro disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira recolle unha serie de medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2023, cuxa finalidade responde á necesidade de contar con maior número de integrantes nas listas de contratación temporal do Decreto 37/2006 nas categorías profesionais que prestan servizos esenciais en centros residenciais de política social ou en centros educativos, así como de axilizar a propia xestión das listas de contratación temporal.

A disposición adicional segunda, relativa aos documentos de referencia, establece un prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, e de conformidade co disposto no número 3 do artigo 36 bis da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para que o órgano ambiental elabore para os grupos de proxectos que se recollen nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, os documentos de referencia dos parques eólicos, así como dos demais grupos de proxectos dos que xa se emitisen documentos de alcance ou xa se realizase a avaliación ambiental, aínda que, no caso destes últimos, non se determinase o alcance do estudo de impacto ambiental.

A disposición adicional terceira regula a adaptación do convenio do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, que se promoverá pola consellaría competente en materia forestal.

A disposición adicional cuarta prevé un prazo de dezaoito meses para a aprobación do correspondente Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais por parte dos concellos que non o teñan, así como as consecuencias do seu incumprimento.

A disposición adicional quinta habilita a Administración autonómica para promover a refundición da normativa vixente en materia de transporte por estrada.

A disposición adicional sexta inclúe, como consecuencia da modificación prevista no artigo 80.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, un réxime de rexistro contable para os dereitos dados de baixa ao peche do exercicio orzamentario 2022 e a súa inclusión nas contas do exercicio 2023.

A disposición adicional sétima establece un réxime particular, baixo o título de perda en redes de abastecemento, posto que a modificación da recentemente aprobada Lei de mellora do ciclo integral da auga implica o inicio do cobramento do canon da auga asociado ás perdas nas redes de abastecemento o 1 de xaneiro de 2023. Ben que esta aplicación xa veu anunciada na Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, o período transitorio de dous anos demostrou ser insuficiente para conseguir que as administracións implicadas sitúen as súas perdas por debaixo do limiar do 20 % e, por conseguinte, implicará que moitos concellos, e singularmente os de menor tamaño, veñan obrigados ao pagamento polas perdas desde o 1 de xaneiro de 2023. Por todo iso, e dado que o obxectivo de gravar as perdas naceu cunha finalidade incentivadora de reducir esas perdas máis que cunha finalidade recadatoria, considérase adecuado atrasar a obriga de pagar polas perdas, aínda que condicionado á efectiva adopción de medidas para a súa redución mediante a acreditación da aprobación ou, de ser o caso, inminente aprobación, do Plan de actuacións para minimizar as perdas, de acordo coa disposición adicional segunda da citada Lei 9/2019, así como da dispoñibilidade de contadores nos puntos de entrada de auga ao sistema de abastecemento tal e como así obrigaba a disposición adicional terceira da citada lei, co que esta exención temporal terá un carácter claramente incentivador da aprobación dos citados plans.

Inclúese, así mesmo, na disposición adicional oitava, a regulación da ampliación do prazo para a posta en marcha das emisións e do pagamento da taxa do servizo de comunicación audiovisual de televisión correspondente ás adxudicacións transformadas en licenzas e o establecemento dun prazo de igual período para as licenzas outorgadas mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2014.

A disposición transitoria primeira ten por obxecto establecer o réxime aplicable ás previsións desta lei en canto á restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

A disposición transitoria segunda determina o procedemento de tramitación dos instrumentos de planificación de espazos naturais protexidos xa declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei.

A disposición transitoria terceira prevé que as comunicacións e apercibimentos realizados antes da entrada en vigor desta lei, con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa redacción vixente á entrada en vigor desta disposición, habilitarán a administración competente para proceder á realización das actuacións materiais de execución subsidiaria dentro dos catro anos posteriores á súa realización.

A disposición transitoria cuarta prevé o réxime aplicable aos proxectos de instalación dos establecementos comerciais que conten cunha autorización comercial autonómica vixente e que no momento da entrada en vigor desta lei non tivesen iniciada a actividade comercial, aos cales se lles aplicará o prazo máximo de catro anos establecido para a execución do proxecto.

A disposición transitoria quinta determina o réxime aplicable para o exercicio da potestade sancionadora en materia de consumo.

A disposición transitoria sexta establece o réxime aplicable aos criterios de cálculo do valor das obras e instalacións para a determinación das taxas por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A lei prevé, na disposición derrogatoria única, a derrogación das disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nela.

A disposición derradeira primeira recolle unha cláusula de salvagarda do rango regulamentario aplicable aos decretos modificados a través desta lei.

A disposición derradeira segunda modifica as referencias á licenza de primeira ocupación contidas na lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que se entenderán feitas á comunicación previa.

A disposición derradeira terceira habilita o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

E a disposición derradeira cuarta establece a entrada en vigor desta lei o 1 de xaneiro de 2023, ben que os artigos 1 e 2 producirán efectos desde o 1 de xaneiro de 2022.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I

MEDIDAS FISCAIS

CAPÍTULO I

Tributos cedidos

Artigo 1. Escala autonómica ou complementaria do imposto sobre a renda das persoas físicas

Modifícase o artigo 4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 4. Escala autonómica ou complementaria do imposto sobre a renda das persoas físicas

A escala autonómica aplicable a base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas será a seguinte:

Base liquidable

Ata euros

Cota íntegra

Euros

Resto base liquidable

Ata euros

Tipo aplicable

Porcentaxe

0,00 0,00 12.985,35 9,00 %
12.985,35 1.168,68 8.083,25 11,65 %
21.068,60 2.110,38 14.131,40 14,90 %
35.200,00 4.215,96 24.800,00 18,40 %
60.000,00 8.779,16 En diante 22,50 %»

Artigo 2. Mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas

Engádese o artigo 4 bis no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 4 bis. Mínimo persoal e familiar

As contías correspondentes aos mínimos do contribuínte, por descendentes, por ascendentes e por discapacidade, establecidos nos artigos 57, 58, 59 e 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio, quedan fixadas nos seguintes importes:

  1. O mínimo do contribuínte regulado polo artigo 57 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, será:
  2. a) Con carácter xeral, 5.789 euros anuais.
  3. b) Cando o contribuínte teña unha idade superior a 65 anos, o mínimo aumentarase en 1.199 euros anuais. Se a idade é superior a 75 anos, o mínimo aumentarase adicionalmente en 1.460 euros anuais.
  4. O mínimo por descendentes regulado polo artigo 58 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, será:
  5. a) Nos supostos previstos no número 1 do artigo 58 da Lei 35/2006, do 28 de novembro:

1º. 2.503 euros anuais polo primeiro descendente.

2º. 2.816 euros anuais polo segundo descendente.

3º. 4.172 euros anuais polo terceiro descendente.

4º. 4.694 euros anuais polo cuarto descendente e seguintes.

  1. b) Cando o descendente sexa menor de 3 anos, o mínimo a que se refire a letra a) anterior aumentarase en 2.920 euros anuais.
  2. O mínimo por ascendentes regulado no artigo 59 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, será:
  3. a) No suposto previsto no número 1 do artigo 59 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, 1.199 euros anuais.
  4. b) Cando o ascendente sexa maior de 75 anos, o mínimo a que se refire a letra a) anterior aumentarase en 1.460 euros anuais.
  5. O mínimo por discapacidade regulado no artigo 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, será:
  6. a) Nos supostos previstos no número 1 do artigo 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro:

1º. 3.129 euros anuais cando o contribuínte sexa unha persoa con discapacidade e 9.387 euros anuais cando o contribuínte acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

2º. No suposto previsto no parágrafo segundo do número 1 do artigo 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, os mínimos regulados neste apartado aumentaranse en 3.129 euros anuais.

  1. b) Nos supostos previstos no número 2 do artigo 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro:

1º. 3.129 euros anuais por cada un dos ascendentes ou descendentes con discapacidade.

2º. 9.387 euros anuais por cada un dos ascendentes ou descendentes cando acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

3º. No suposto previsto no parágrafo segundo do número 2 do artigo 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, os mínimos regulados neste apartado aumentaranse en 3.129 euros anuais».

Artigo 3. Dedución por familias con dous ou máis fillos

Modifícase o artigo 5.Tres do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 5.Tres. Dedución por familias con dous ou máis fillos

  1. O contribuínte que, á data de devindicación do imposto, teña dous descendentes que xeren ao seu favor o dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecido pola normativa reguladora do imposto, poderá deducir da cota íntegra autonómica a cantidade de 250 euros.

No caso de que o contribuínte ou algún dos descendentes que dean dereito a aplicar esta dedución teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, a dedución anterior duplicarase.

  1. O contribuínte que, na data de devindicación do imposto, posúa o título de familia numerosa poderá deducir da cota íntegra autonómica:
  2. a) no caso de que se trate de familias con dous fillos/as, 250 euros.
  3. b) no resto dos casos, a dedución incrementarase en 250 euros adicionais por cada fillo/a.

No caso de que o contribuínte ou algún dos descendentes que dean dereito a aplicar esta dedución teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, as deducións anteriores duplicaranse.

  1. Cando máis dun contribuínte teña dereito á aplicación das deducións previstas neste número respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será rateado entre eles por partes iguais.
  2. As deducións previstas neste número son incompatibles entre si».

Artigo 4. Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades

Modifícase a letra b) do artigo 7.Catro do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«b) Que, na data da devindicación do imposto, á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:

b.1) Con carácter xeral, do 50 % como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao da persoa falecida, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.

b.2) Do 5 % computado de forma individual, ou do 20 % conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao da persoa falecida, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 101 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

No caso de que tan só se teña dereito parcial á exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será aplicable, na mesma proporción, esta redución. Con todo, tamén será aplicable a redución á tesouraría, aos activos representativos da participación en fondos propios dunha entidade e da cesión de capitais a terceiros cuxo prezo de adquisición non supere o importe dos beneficios non distribuídos obtidos pola entidade, sempre que os devanditos beneficios proveñan da realización de actividades económicas, co límite do importe dos beneficios obtidos tanto no propio exercicio como nos dez exercicios anteriores. Para estes efectos, asimílanse aos beneficios procedentes de actividades económicas os dividendos que procedan dos valores de entidades participadas cando os ingresos obtidos por estas procedan, polo menos no 90 %, da realización de actividades económicas».

Artigo 5. Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades

Modifícase a letra d) do artigo 8.Catro do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«d) Que, na data da devindicación do imposto, á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:

d.1) Con carácter xeral, do 50 % como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.

d.2) Do 5 % computado de forma individual, ou do 20 % conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 101 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

No caso de que tan só se teña dereito parcial á exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será aplicable, na mesma proporción, esta redución. Con todo, tamén será aplicable a redución á tesouraría, aos activos representativos da participación en fondos propios dunha entidade e da cesión de capitais a terceiros cuxo prezo de adquisición non supere o importe dos beneficios non distribuídos obtidos pola entidade, sempre que os devanditos beneficios proveñan da realización de actividades económicas, co límite do importe dos beneficios obtidos tanto no propio exercicio como nos dez exercicios anteriores. Para estes efectos, asimílanse aos beneficios procedentes de actividades económicas os dividendos que procedan dos valores de entidades participadas cando os ingresos obtidos por estas procedan, polo menos no 90 %, da realización de actividades económicas».

Artigo 6. Bonificación do imposto sobre o patrimonio

Modifícase o artigo 13 quater do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 13 quater. Bonificación na cota íntegra

Sobre a cota íntegra do imposto aplicarase unha bonificación do 50 % do seu importe».

Artigo 7. Tipo de gravame da taxa fiscal sobre o xogo do bingo

Modifícase a redacción do número 4 do apartado Tres do artigo 20 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«4. Bingo.

  1. Na modalidade do bingo electrónico aplicarase o tipo de gravame do 30 %.
  2. Nas modalidades do xogo do bingo diferentes ao bingo electrónico, aplicarase o tipo de gravame do 50 %. O suxeito pasivo poderá aplicar un tipo de gravame do 30 % en cada período impositivo en que manteña o emprego con respecto ao ano 2022.

Entenderase que o suxeito pasivo mantén o emprego con respecto ao ano 2022 cando o cadro medio de persoal relativo ao período impositivo en que aplique o tipo bonificado non sexa inferior ao correspondente ao ano 2022. Para o cadro medio de persoal total tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa. Cando o suxeito pasivo teña máis dunha autorización de sala de bingo e non teña contas de cotización da Seguridade Social diferenciadas para cada unha, calcularase o cadro medio tomando como persoas empregadas de cada local de bingo as que correspondan segundo o domicilio de prestación de servizos indicado no contrato depositado na Seguridade Social, e, de ser diferente ao enderezo dos locais de bingo, ratearase o número total de persoas empregadas con esta situación en proporción ao número de persoas empregadas asociadas a cada local de bingo.

O incumprimento do mantemento do emprego leva á perda do dereito a aplicar o tipo de gravame do 30 %. Para estes efectos, o suxeito pasivo, na autoliquidación que ten que presentar no mes de xaneiro de cada ano, procederá a aplicar o tipo de gravame do 50 % sobre a base impoñible correspondente á actividade desenvolvida no ano natural inmediato anterior, aplicará os pagamentos á conta que correspondan e ingresará o importe resultante».

CAPÍTULO II

Tributos propios

Artigo 8. Taxas

  1. Os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma non experimentarán ningunha actualización respecto das contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei.

Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.

  1. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 10 do artigo 23, que queda redactado como segue:

«10. A participación nas probas para a obtención do certificado de profesionalidade, logo da xustificación documental, con referencia ás seguintes persoas:

– As que figuren inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego.

– As que teñan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

– As que participen no proceso de homologación do CODIX recollido no Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.

– As que formen parte do persoal das entidades colaboradoras que interveñan como formadores, capacitadores, examinadores ou orientadores para acadar un determinado nivel da certificación galega en competencias dixitais, segundo o establecido no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais».

Dous. Engádese un número 15 ao artigo 23, que queda redactado como segue:

«15. As persoas maiores de 65 anos para a obtención da licenza de caza».

Tres. Modifícase a letra g) do número 2 do artigo 40, que queda redactada como segue:

«g) Nas concesións ou autorizacións de dominio público portuario outorgadas a outras administracións ou a entidades náuticas ou culturais sen ánimo de lucro para actividades de ensinanza da náutica deportiva ou de conservación ou recuperación de embarcacións tradicionais terá unha bonificación do 90 % no que se refire exclusivamente a estas actividades, sempre que non sexan obxecto de explotación económica.

Para aquelas concesións ou autorizacións nas que se realice a construción de embarcacións empregando os métodos construtivos establecidos no Decreto 52/2019, do 9 de maio, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas da carpintaría de ribeira, ou se realicen labores de reparación e conservación destas embarcacións ou daquelas inscritas no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, será aplicable unha bonificación do 50 % aos terreos, lámina de auga, obras e instalación. Para poder aplicar a bonificación será necesario que a persoa titular da concesión ou autorización achegue acreditación emitida polo órgano de xestión, definido no punto 1 do anexo II do Decreto 52/2019, de que na instalación se realicen maioritariamente os procesos construtivos declarados BIC polo dito decreto e contar dentro do seu cadro de persoal cun mestre carpinteiro de ribeira e de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia».

Catro. Modifícase a letra l) do número 2 do artigo 40, que queda redactada como segue:

«l) Cando tras un procedemento aberto para a selección de interesados na explotación de obras e instalacións propiedade de Portos de Galicia se declare deserto o devandito procedemento, exclusivamente pola falta de concorrencia, poderase establecer unha bonificación sobre o valor resultante da taxa de ocupación de terreos, obras e instalacións dun 30 %.

No suposto de que as ditas obras e instalacións se atopen sen explotación por un período superior a tres anos, esta bonificación poderá ampliarse a un 50 %, sempre e cando se poida acreditar a falta de concorrencia».

Cinco. Elimínase a subalínea 05 da alínea 14 do anexo 1.

Seis. Modifícase a subalínea 01 da alínea 15 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«A-2: españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos.

A-5: españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes».

O resto da subalínea permanece coa mesma redacción.

Sete. Modifícase a subalínea 02 da alínea 15 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«B-2: españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos.

B-5: españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes».

O resto da subalínea permanece coa mesma redacción.

Oito. Elimínase a alínea 37 do anexo 1.

Nove. Elimínase a alínea 56 do anexo 1.

Dez. Elimínase a alínea 03 do anexo 2.

Once. Modifícanse as subalíneas 00, 02 e 03 da alínea 13 do anexo 2, que quedan redactadas como segue:

«Declaración responsable de exhumación de cadáveres, criaturas abortivas, membros procedentes de amputacións e restos cadavéricos para reinhumación en distinto cemiterio 8,63»

Doce. Modifícanse as subalíneas 00 e 02 da alínea 16 do anexo 2, que quedan redactadas como segue:

«Acreditación dos centros sanitarios 900»

Trece. Elimínase a alínea 23 do anexo 2.

Catorce. Elimínase a alínea 28 do anexo 2.

Quince. Elimínase a alínea 37 do anexo 2.

Dezaseis. Elimínase a alínea 38 do anexo 2.

Dezasete. Elimínase a alínea 42 do anexo 2.

Dezaoito. Engádese a alínea 53 no anexo 2, que queda redactada como segue:

«Declaración responsable de inicio de actividade, de modificación de datos ou de cesamento total de actividades dunha empresa funeraria, tanatorio, velorio ou crematorio
Declaración responsable de inicio de actividade dunha empresa funeraria, tanatorio, velorio ou crematorio 89,13
Declaración responsable de modificación de datos ou de cesamento total de actividades dunha empresa funeraria, tanatorio, velorio ou crematorio. 20,22»

Dezanove. Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de minas e seguridade industrial: realización de probas para a obtención do certificado e a expedición de certificados de capacitación profesional».

Vinte. Elimínase a alínea 22 do anexo 3.

Vinte e un. Modifícase a subalínea 01 da alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Permisos de exploración sección C) e D)
– Polas primeiras 300 cuadrículas 1.653,56
– Por cada unha das restantes 2,18
– Prórroga 200,77 + 0,1* (tarifa consignada neste apartado)»

Vinte e dous. Modifícase a subalínea 02 da alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Permisos de investigación sección C) e D)
– Pola primeira cuadrícula 2.792,03
– Por cada unha das restantes 119,64
– Prórroga 200,77 + 0,1* (tarifa consignada neste apartado)»

Vinte e tres. Elimínase a subalínea 11 da alínea 29 do anexo 3.

Vinte e catro. Elimínase a subalínea 12 da alínea 29 do anexo 3.

Vinte e cinco. Modifícase a subalínea 15 da alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Transmisión, arrendamento ou gravame de dereito mineiro
Base en función do tipo do dereito mineiro
Permisos de exploración sección C) e D). 25 % da tarifa consignada na subalínea 01
Permisos de investigación sección C) e D) 25% da tarifa consignada na subalínea 02
Concesión de explotación derivada de permiso de investigación sección C) e D) 25 % da tarifa consignada na subalínea 03
Concesión de explotación directa sección C) e D) 25 % da tarifa consignada na subalínea 04
Recursos da sección B). Xacementos de orixe non natural e estruturas subterráneas 25 % da tarifa consignada na subalínea 05
Recursos da sección B). Augas minerais, termais e

de manancial

25 % da tarifa consignada na alínea 77, subalínea 02
Recurso da sección A) 25 % da tarifa consignada na subalínea 06»

Vinte e seis. Engádese a subalínea 19 na alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Aprobación ou modificación do proxecto de explotación dun dereito mineiro 220,05 + 0,1* (tarifa consignada na alínea 23)»

Vinte e sete. Modifícase a alínea 31 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Deslindamentos de dereitos mineiros
Da tarifa consignada na subalínea 04 da alínea 29 da alínea 04 50 %»

Vinte e oito. Elimínase a alínea 50 do anexo 3.

Vinte e nove. Modifícase a subalínea 02 da alínea 77 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Tramitación de expedientes en materia de augas minerais, termais e de manancial, con exclusión dos gastos relativos á información pública».

O resto da subalínea permanece coa mesma redacción.

Trinta. Modifícase a subalínea 04 da alínea 77 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Aprobación do proxecto de perforación para captación de auga ou aproveitamentos xeotérmicos de moi baixa entalpía».

O resto da subalínea permanece coa mesma redacción.

Trinta e un. Elimínase a alínea 79 do anexo 3.

Trinta e dous. Engádese unha nova regra na taxa E-2 contida no subalínea 02 do anexo 3 coa seguinte redacción:

«Vixésimo primeira. Exención da taxa E-2 Almacenaxe, locais e edificios

Entre o 1 de abril e o 30 de setembro de 2022 aplicarase con carácter extraordinario e transitorio unha exención da cota tributaria final, da taxa portuaria E-2 Almacenaxe, locais e edificios, nos espazos destinados ao tránsito e almacenamento en superficie cuberta ou descuberta, autorizados a armadores, sempre que se destinen ao almacenamento de aparellos de pesca necesarios para desenvolver as artes de pesca ou labores de acuicultura autorizadas.

Quedan excluídos da presente exención as ocupacións de superficies portuarias cuxo obxecto estea vinculado coa actividade de reparación de aparellos, embarcacións pesqueiras ou de artefactos ou estruturas flotantes destinadas ao cultivo mariño».

Trinta e tres. Engádese unha nova regra na taxa X-4 contida na subalínea 01 do anexo 3 coa seguinte redacción:

«Décimo cuarta. Bonificación da taxa portuaria X-4 Pesca fresca

Nos seis meses naturais seguintes á entrada en vigor desta lei será aplicable con carácter extraordinario e transitorio una bonificación adicional á taxa X-4, reducindo o valor da tarifa –resultante de aplicarlle outros beneficios tributarios que sexan pertinentes– indicada na regra quinta da citada taxa X-4, en 0,4 puntos da base establecida na condición terceira».

Trinta e catro. Modifícase a letra a) da regra 5ª da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3:

«Quinta. A contía da tarifa será a seguinte:

  1. a) Para os buques de igual ou máis de 300 GT, por cada unha das escalas que realicen nas que soliciten a recollida de refugallos do anexo I e/ou anexo IV incluídos no Convenio internacional para previr a contaminación polos buques, do 2 de novembro de 1973 (convenio MARPOL), o importe da taxa será a resultante de aplicar os seguintes importes ao volume realmente recollido en cada servizo prestado:
  2. Recollida de refugallos do anexo I.

Unha contía fixa de 566,10 €/servizo polos primeiros 5 m3.

Por cada m3 en exceso, sobre os primeiros 5 m3, incrementarase 94,35 € por cada m3.

  1. Recollida de refugallos do anexo IV.

Por cada m3 aplicarase unha contía de 146,88 €/m3.

  1. Recollida de refugallos do anexo V.

Independentemente do volume de refugallos recepcionados do anexo V, incluídos no convenio MARPOL, aplicarase unha contía fixa de 91,80 € por escala».

Trinta e cinco. Modifícase a tarifa portuaria polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos contida na subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«2. Os elementos cuantitativos desta taxa serán o tipo, o volume de actividade e mais a utilidade obtida.

Para os efectos do cálculo da base impoñible desta taxa, enténdese por importe neto da cifra anual de negocio o concepto establecido na normativa contable vixente, onde se define como o importe das vendas dos produtos e das prestacións de servizos e outros ingresos correspondentes ás actividades ordinarias desenvoltas na concesión ou autorización, deducíndolle o importe de calquera desconto, bonificación e redución, así como os impostos que, como o imposto sobre o valor engadido, deban ser obxecto de repercusión.

No suposto de que nunha concesión ou autorización, ou calquera outro título habilitante, se realicen diversas actividades gravadas con diferentes porcentaxes, a taxa resultante será a suma total do importe neto parcial da cifra anual de negocio de cada actividade, ou agrupación de actividades co mesmo gravame, pola súa porcentaxe e aplicados, se é o caso, aos topes que correspondan para cada unha das actividades autorizadas.

O importe neto da cifra anual de negocio será o que de xeito inequívoco figure nas contas públicas e nos modelos e declaracións fiscais oficiais. No caso de teren desagregadas actividades nun mesmo título, as contas deberán estar tamén desagregadas de xeito oficial por actividade. De non estaren desagregadas por actividade as contas correspondentes, o gravame que se aplicará será o maior dos de referencia no título concesional».

Trinta e seis. Modifícase a subalínea 04 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Inspección, mantemento e vixilancia anual das axudas a navegación para a sinalización dos artefactos ou estruturas flotantes destinadas ao cultivo mariño. 54,16

Esta taxa será emitida anualmente ao titular do título habilitante da explotación do artefacto ou estrutura flotante de acuicultura pola entidade pública empresarial Portos de Galicia na modalidade de liquidación.

Será recadada en período voluntario pola entidade pública empresarial Portos de Galicia e incorporarase á facenda propia desta entidade pública».

Trinta e sete. Elimínase a alínea 02 do anexo 4.

Trinta e oito. Engádese unha nova regra na taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia na subalínea 02 do anexo 5, coa seguinte redacción:

«4. Exención de taxa por utilización ou aproveitamento de dominio público portuario.

Entre o 1 de abril e o 30 de setembro de 2022 aplicarase con carácter extraordinario e transitorio unha exención da cota tributaria final, da taxa portuaria por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario nos departamentos de usuarios, propiedade de Portos de Galicia, destinados á almacenaxe de aparellos de armadores vinculados coa actividade pesqueira extractiva e de acuicultura».

Trinta e nove. Modifícase a letra e) da subalínea 02 do anexo 5, que queda redactada como segue:

«e) Tales valoracións poderanse revisar para a totalidade da zona de servizo cada cinco anos e, en todo caso, deberanse revisar cando se aprobe ou modifique o plan de utilización dos espazos portuarios, na parte da zona de servizo que se atope afectada pola devandita modificación ou cando se produza calquera circunstancia que poida afectar o seu valor».

TÍTULO II

MEDIDAS ADMINISTRATIVAS

CAPÍTULO I

Emprego público

Artigo 9. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«1.Teñen a condición de persoal funcionario interino as persoas que, por razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia, son nomeadas en tal condición para o desempeño de funcións propias do persoal funcionario de carreira.

  1. Para que se poida proceder ao nomeamento de persoal funcionario interino ten que concorrer algunha das seguintes circunstancias:
  2. a) A existencia de postos vacantes, con dotación orzamentaria, cando non sexa posible a súa cobertura por persoal funcionario de carreira, por un prazo máximo de tres anos, nos termos previstos no número 3 deste artigo.
  3. b) A substitución transitoria das persoas titulares dos postos, durante o tempo estritamente necesario. Nos casos de redución de xornada ou permisos a tempo parcial, poderá nomearse persoal funcionario interino para cubrir a parte da xornada que non realice a persoa titular do posto.
  4. c) A execución de programas de carácter temporal e de duración determinada que non respondan a necesidades permanentes da Administración. O prazo máximo de duración da interinidade farase constar expresamente no nomeamento e non poderá ser superior a tres anos, ampliables ata doce meses máis de o xustificar a duración do correspondente programa.
  5. d) O exceso ou acumulación de tarefas, de carácter excepcional e circunstancial, por un prazo máximo de nove meses dentro dun período de dezaoito meses.
  6. No suposto previsto no número 2.a) deste artigo, os postos vacantes desempeñados por persoal funcionario interino deberán ser obxecto de cobertura mediante calquera dos mecanismos de provisión ou mobilidade previstos nesta lei.

Con todo, transcorridos tres anos desde o nomeamento do persoal funcionario interino, producirase o remate da relación de interinidade, e o posto vacante só poderá ser ocupado por persoal funcionario de carreira, agás que o correspondente proceso selectivo quede deserto. Nese caso, poderase efectuar outro nomeamento de persoal funcionario interino.

Excepcionalmente, o persoal funcionario interino poderá permanecer no posto que ocupe temporalmente, sempre que se publicase a correspondente convocatoria dentro do prazo dos tres anos, contado desde a data do nomeamento do persoal funcionario interino e sexa resolta conforme os prazos establecidos no artigo 48 desta lei. Neste suposto poderá permanecer ata a resolución da convocatoria, sen que o seu cesamento dea lugar a compensación económica.

  1. O persoal funcionario interino docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou na norma que a substitúa, nomearase sempre cunha duración determinada, e a data de finalización do nomeamento non excederá o inicio do curso académico inmediatamente seguinte».

Dous. Modifícase o artigo 24, que queda redactado como segue:

«1. Os procedementos de selección do persoal funcionario interino serán áxiles, rexeranse en todo caso polos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade e terán por finalidade a cobertura inmediata do posto. O nomeamento derivado destes procedementos de selección en ningún caso dará lugar ao recoñecemento da condición de funcionario de carreira.

Para a selección do persoal funcionario interino docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, poderán ditarse normas adaptadas á súa especificidade.

  1. O primeiro nomeamento como persoal funcionario interino nun determinado corpo, escala ou especialidade estará suxeito a un período de proba. O dito período terá unha duración de tres meses para os corpos, escalas ou especialidades do grupo A; dous meses para o grupo B e un mes para os corpos, escalas ou especialidades do grupo C e da agrupación profesional de persoal funcionario. A non superación do período de proba implicará o cesamento da persoa nomeada como persoal funcionario interino. O regulado neste artigo con respecto ao período de proba non será aplicable para as persoas nomeadas funcionarias interinas que acrediten discapacidade intelectual.
  2. O cesamento do persoal funcionario interino producirase, ademais de polas causas que determinan a perda da condición de persoal funcionario de carreira, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
  3. a) Pola cobertura regrada do posto por persoal funcionario de carreira a través de calquera dos procedementos legalmente establecidos.
  4. b) Por razóns organizativas que dean lugar á supresión ou á amortización do posto asignado.
  5. c) Pola finalización do prazo autorizado expresamente recollido no seu nomeamento.
  6. d) Pola finalización da causa que deu lugar ao seu nomeamento.
  7. e) Polo incumprimento sobrevido dos requisitos exixidos para o desempeño do posto.
  8. f) Pola non superación do período de proba a que se refire o número 2 deste artigo.
  9. O incumprimento do prazo previsto no artigo 23.2.a) desta lei dará lugar a unha compensación económica para o persoal funcionario interino afectado, que será equivalente a vinte días das súas retribucións fixas por ano de servizo, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano, ata un máximo de doce mensualidades. O dereito a esta compensación nacerá a partir da data do cesamento efectivo e a contía estará referida exclusivamente ao nomeamento do que traia causa o incumprimento. Non haberá dereito a compensación no caso de que a finalización da relación de servizo sexa por causas disciplinarias, pola non superación do período de proba previsto no número 2 deste artigo ou por renuncia voluntaria.
  10. O persoal funcionario interino terá dereito á indemnización no caso de que por causa do seu cesamento non poida facer efectivo o seu dereito a vacacións nos termos previstos no artigo 132 desta lei».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 25, que queda redactado como segue:

«2. En todo caso, o persoal funcionario interino ten dereito ás excedencias por coidado de familiares, por razón de violencia de xénero ou de violencia sexual e por razón de violencia terrorista, nos termos e nas condicións establecidas nos artigos 176, 177 e 177 bis desta lei. Nestes supostos, a Administración pode nomear un substituto do persoal funcionario interino, o cal cesará pola concorrencia de calquera das circunstancias previstas na alínea 3 do artigo 24».

Catro. Engádense os números 5 e 6 ao artigo 27, que quedan redactados como segue:

«5. No caso do persoal laboral temporal, o incumprimento dos prazos máximos de permanencia dará dereito a percibir a compensación económica prevista neste apartado, sen prexuízo da indemnización que puidese corresponder por vulneración da normativa laboral específica.

A devandita compensación consistirá, de ser o caso, na diferenza entre o máximo de vinte días do seu salario fixo por ano de servizo, cun máximo de doce mensualidades, e a indemnización que lle correspondería percibir pola extinción do seu contrato, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano. O dereito a esta compensación nacerá a partir da data do cesamento efectivo, e a contía estará referida exclusivamente ao contrato do que traia causa o incumprimento. No caso de que a citada indemnización for recoñecida en vía xudicial, procederase á compensación de cantidades.

Non haberá dereito á compensación descrita no caso de que a finalización da relación de servizo sexa por despedimento disciplinario declarado procedente ou por renuncia voluntaria.

  1. Os períodos de proba do persoal laboral son os establecidos no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Non obstante, o período de proba non será aplicable para as persoas nomeadas como persoal laboral temporal que acrediten discapacidade intelectual».

Cinco. Modifícase o número 4 do artigo 55, que queda redactado como segue:

«4. Os órganos de selección non poderán propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas, excepto cando así o prevexa a propia convocatoria.

Malia o anterior, sempre que os órganos de selección propoñan o nomeamento de igual número de persoas aprobadas que o de prazas convocadas, e co fin de asegurar a súa cobertura, cando se produzan renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento, toma de posesión ou formalización do contrato, non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria ou non tomen posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan ás propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario de carreira ou contratación como persoal laboral fixo, segundo o caso».

Seis. Modifícase o número 5 do artigo 55, que queda redactado como segue:

«5. Para asegurar a protección das vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual durante o desenvolvemento dos procesos selectivos e nas listas de contratación temporal serán adaptadas todas as medidas necesarias para a salvagarda dos seus dereitos e intereses, e en especial a protección dos seus datos persoais, nos termos establecidos no artigo 72.3.a)».

Sete. Engádese unha letra m bis) ao artigo 71, que queda redactada como segue:

«m bis) Á intimidade no uso de dispositivos dixitais postos ao seu dispor e fronte ao uso de dispositivos de videovixilancia e xeolocalización, así como á desconexión dixital nos termos establecidos na lexislación vixente en materia de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais».

Oito. Modifícase o título e o punto 3 a) do artigo 72, que quedan redactados como segue:

«Artigo 72. Plans de igualdade e dereitos específicos das empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual»

«3. As empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual teñen dereito ás medidas de protección no ámbito do emprego público previstas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ou na norma que a substitúa, e na demais lexislación aplicable. En particular, teñen dereito:

  1. a) Á protección da súa intimidade e, en especial, dos seus datos persoais, dos dos seus descendentes e dos de calquera persoa que estea baixo a súa garda ou custodia nas actuacións e nos procedementos relacionados coa violencia de xénero ou coa violencia sexual».

Nove. Modifícase o número 3 do artigo 80, que queda redactado como segue:

«3. Todas as convocatorias dos procesos selectivos eximirán total o parcialmente o persoal que participe neles polo sistema de promoción interna vertical dalgunha das probas selectivas exixidas ao persoal de novo ingreso e/ou reducirán parte do temario. En todo caso, as probas para cubrir as prazas reservadas para a promoción interna vertical respectarán os principios de igualdade, mérito e capacidade, así como os demais establecidos nos artigos 49 e 55 desta lei, podendo levarse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así o autorice o Consello da Xunta de Galicia e o órgano competente da administración pública respectiva. Cando os procesos selectivos a que se refire este artigo comprendan a valoración de méritos das persoas que participen neles polo sistema de promoción interna, preverase unha puntuación específica para quen estea utilizando ou utilizase nos últimos cinco anos unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares. A dita puntuación será equivalente á que se obteña de continuar prestando servizos».

Dez. Modifícase o parágrafo primeiro do número 2 do artigo 89, que queda redactado como segue:

«Os concursos para a provisión de postos de traballo poden convocarse para a xeneralidade dos postos de traballo vacantes, para postos de traballo dun determinado ámbito ou para postos de traballo concretos, en atención ás necesidades do servizo. En todo caso, non se incluirán neles os postos de traballo que teñan adscrito persoal funcionario de carreira por motivos de saúde ou rehabilitación ou por motivos de violencia de xénero ou de violencia sexual».

Once. Modifícase o título e o número 1 do artigo 102, que quedan redactados como segue:

«Artigo 102. Traslado por motivos de violencia de xénero ou de violencia sexual

  1. As empregadas públicas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual que se vexan obrigadas a abandonar o seu posto de traballo na localidade onde viñan prestando servizos para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral teñen dereito ao traslado a outro posto de traballo propio do seu corpo, escala ou categoría profesional, de análogas características, noutra localidade, sen necesidade de que sexa vacante de necesaria cobertura.

Para a mobilidade interadministrativa por esta causa non é necesario que a relación de postos de traballo permita a cobertura do posto por persoal doutras administracións públicas».

Doce. Modifícase o número 5 do artigo 104, que queda redactado como segue:

«5. Os casos de mobilidade xeográfica das funcionarias vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual recibirán unha especial consideración nos acordos que as administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei subscriban coa finalidade de facilitar a mobilidade do seu persoal funcionario».

Trece. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 106, que queda redactada como segue:

«b) Para atender o coidado do fillo menor de idade por natureza ou adopción, ou nos supostos de acollemento preadoptivo, permanente ou simple dun menor, que padeza cancro (tumores malignos, melanomas e carcinomas) ou calquera outra enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de longa duración ou hospitalización a domicilio das mesmas características, e requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente acreditado polo informe do Servizo Público de Saúde ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma ou, de ser o caso, da entidade sanitaria concertada correspondente, concederase unha redución por horas completas de polo menos a metade da duración da xornada de traballo diaria, como máximo ata que o que era menor cumpra os 23 anos, sempre que ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo, permanente ou simple traballen. En consecuencia, o simple cumprimento dos 18 anos de idade do fillo ou do menor suxeito a acollemento ou a garda con fins de adopción non será causa de extinción da redución da xornada se se mantén a necesidade do coidado directo, continuo e permanente.

Regulamentariamente estableceranse as condicións e os supostos en que a redución de xornada prevista nesta letra poderá acumularse en xornadas completas, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei.

Cando concorran en ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo, permanente ou simple, polo mesmo suxeito e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito á redución da xornada prevista nesta letra ou, de ser o caso, poidan ter a condición de beneficiarios da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lles sexa aplicable, é requisito para a percepción das retribucións íntegras durante o tempo que dure a redución da xornada de traballo que o outro proxenitor adoptante ou acolledor de carácter preadoptivo, permanente ou simple, non cobre as súas retribucións íntegras en virtude do previsto nesta letra ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lle sexa aplicable. En caso contrario, só se terá dereito á redución de xornada, coa conseguinte redución de retribucións.

Así mesmo, no suposto de que ambos os dous proxenitores presten servizos no mesmo órgano ou entidade, este poderá limitar o exercicio simultáneo da redución de xornada prevista nesta letra por razóns fundadas no correcto funcionamento do servizo.

Cando a persoa enferma contraia matrimonio ou constitúa unha parella de feito, terá dereito á prestación quen sexa o seu cónxuxe ou parella de feito, sempre que acredite as condiciones para ser beneficiario».

Catorce. Modifícase o número 3 do artigo 106, que queda redactado como segue:

«3. As funcionarias vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual teñen dereito á redución da xornada de traballo diario por horas completas e con diminución proporcional das súas retribucións na medida en que sexa necesario para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito de asistencia social integral, ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que sexan procedentes nos termos que regulamentariamente se determinen.

No suposto enunciado no parágrafo anterior, a funcionaria pública manterá as súas retribucións íntegras cando reduza a súa xornada nun terzo ou menos».

Quince. Modifícase a letra c) do número 4 do artigo 106, que queda redactada como segue:

«c) Ser vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual as empregadas públicas».

Dezaseis. Engádese un número 6 ao artigo 132, que queda redactado como segue:

«6. O período de vacacións anuais retribuídas do persoal funcionario non pode ser substituído por unha contía económica. Nos casos de renuncia voluntaria deberá garantirse en todo caso o gozo das vacacións devindicadas. Non obstante o anterior, nos casos de conclusión da relación de servizos do persoal funcionario por causas alleas á vontade deste, terá dereito a solicitar o aboamento dunha compensación económica polas vacacións devindicadas e non gozadas; e en particular, nos casos de xubilación por incapacidade permanente ou de falecemento, ata un máximo de dezaoito meses».

Dezasete. Modifícase a letra e) do artigo 172, que queda redactada como segue:

«e) Excedencia por razón de violencia de xénero ou de violencia sexual».

Dezaoito. Modifícase o título e o número 1 do artigo 177, que quedan redactados como segue:

«Artigo 177. Excedencia por razón de violencia de xénero ou de violencia sexual

«1. As funcionarias vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, teñen dereito a solicitar a situación de excedencia sen que sexa exixible o requisito de ter prestado un tempo mínimo de servizos previos nin un prazo de permanencia nesta situación».

Dezanove. Modifícase a letra f) do artigo 189, que queda redactada coma segue:

«f) No caso de sanción pola falta prescrita na letra y) do artigo 186, a imposibilidade de participar en procesos selectivos por un período de dous anos».

Vinte. Modifícase o cadro do número 1 da disposición adicional oitava en materia de escalas e especialidades dos corpos e da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de suprimir a escala de protocolo e relacións institucionais.

Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala de protocolo e relacións institucionais A1 Organización de actos institucionais.

Seguimento de actos institucionais.

Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama

Vinte e un. Modifícase o cadro do número 3 da disposición adicional novena, para a creación da escala de técnicos especialistas en patoloxía forense do Imelga, engadindo á redacción existente o seguinte apartado:

Denominación Especialidade Grupo Funcións Titulación
Escala de técnicos especialistas en patoloxía forense do Imelga B 1. Controlar e xestionar a recepción, rexistro e a posterior entrega do cadáver, unha vez finalizadas as investigacións médico-legais pertinentes. Obter, preparar e tramitar toda a documentación necesaria.

2. Atender as funerarias, familias, FOP e outras entidades ou persoas en relación coas actividades propias do servizo, como son: visualización de cadáveres, documentación de identificación, obtención de pegada necrodactilar, etc., seguindo os protocolos establecidos.

3. Controlar e repoñer o material funxible e non funxible. Controlar o stock de material funxible e dar soporte á previsión de pedidos.

4. Controlar e repoñer a documentación da sala. Esterilizar o material de autopsias.

5. Preparar e custodiar o cadáver segundo as disposicións internas ata o inicio da necropsia.

6. Actuar durante a necropsia seguindo as directrices técnicas do/da médico forense responsable.

7. Controlar e custodiar as mostras desde a sala de autopsias ata a entrega á unidade responsable.

8. Adecuar o cadáver e a sala unha vez que acaba a necropsia.

9. Controlar, custodiar e xestionar a roupa e obxectos persoais do cadáver segundo as instrucións internas.

10. Colaborar noutras actividades como son: xestión de mostras para a súa remisión a laboratorios internos ou externos, asistencia a exhumacións, tarefas de esqueletización e/ou preparación de pezas óseas para estudos antropolóxicos médico-legais, participación en simulacros de grandes catástrofes, mobilización de cadáveres nos casos en que sexa necesaria a práctica de probas de imaxe (RX, TAC…).

11. Desenvolver todas as tarefas inherentes á súa categoría profesional na sección de histopatoloxía: preparación e fixación de mostras, documentación, tarefas derivadas da disección, procesamentos, arquivo de bloques, bases de datos. Preparación de reactivos, fixadores e descalcificadores.

12. Controlar a recollida e entrega de preparación e bloques de histoloxía tanto para o persoal do servizo como para servizos externos.

13. Mantemento do sistema de detección de formol e tomas de medidas de presión, con rexistro segundo o protocolo pautado.

14. Detectar anomalías de funcionamento de aparellos ou sistemas e comunicarllo ao xefe de servizo ou sección ou á persoa responsable.

15. Levar a cabo tarefas básicas de mantemento de aparellos tanto de histopatoloxía (limpeza, cambios de reactivos…) como en sala de autopsia.

16. Completar as bases de datos do Servizo de Patoloxía Forense, tanto propias como as doutros organismos oficiais aos que está obrigado legalmente.

17. Colaborar nas tarefas de control de calidade do Servizo de Patoloxía Forense.

18. Realizar os rexistros fotográficos e filmación de necropsias, e actuacións complementarias, e xestionar con posterioridade o material fotográfico obtido para garantir o control, uso e seguridade, segundo as disposicións do Servizo de Patoloxía Forense.

19. Facer calquera outra función relacionada coas expostas con anterioridade que lle sexan asignadas polos seus superiores xerárquicos.

Técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico

Vinte e dous. Modifícase, no cadro do número 3 bis da disposición adicional oitava, na escala de persoal de servizos xerais (PSX), o apartado das funcións, que queda redactado como segue:

Denominación Especialidade Subgrupo Funcións Titulación
Escala de persoal de servicios xerais (PSX) C2 Apoio administrativo e de xestión:

– Recepción, porteiro, atención e información aos usuarios.

– Apertura e peche de centros ou unidades.

Funcións de mantemento e apoio xeral:

– Limpeza, lavandaría, mantemento e soporte de funcións xerais.

– Apoio en cociña e comedor e elaboración de preparados sinxelos (almorzos e merendas), segundo o centro e tipo de servizo.

– Calquera outra de contido análogo ou relacionada coas funcións anteriores.

Graduado en ESO ou equivalente

Vinte e tres. Modifícase, no cadro do número 4 bis da disposición adicional novena, na escala de xerocultor, o apartado das funcións, que queda redactado como segue:

Denominación Especialidade Subgrupo Funcións Titulación
Escala de xerocultor C2 Asistir o usuario na realización das actividades básicas e instrumentais, tanto sociais como sanitarias, da vida cotiá que non poida realizar por el mesmo, debido á súa discapacidade ou situación de dependencia ou risco de padecela, e efectuar aqueles traballos encamiñados á atención persoal do seu contorno. En xeral, todas aquelas actividades que lle sexan encomendadas e que estean incluídas no exercicio da súa profesión e preparación técnica. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala

Vinte e catro. Modifícase a disposición adicional décimo sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo sexta. Medidas en materia de procesos selectivos

A aquelas persoas que, sen teren a condición de empregado público, participen en procesos selectivos para o acceso á función pública e cometan algunha das condutas reguladas nos artigos 185.1.p) e 186.1.y) da presente lei, aplicaráselles o previsto nos artigos 188.f) e 189.e), respectivamente, e o procedemento sancionador tramitarase de conformidade coas normas e garantías previstas na normativa vixente. Así mesmo, a comisión das condutas indicadas anteriormente determinará a exclusión do aspirante do proceso selectivo».

Vinte e cinco. Engádese unha disposición adicional décimo sétima coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo sétima. Modalidade específica de promoción do persoal laboral

  1. O persoal laboral fixo que desempeñe funcións correspondentes a persoal funcionario e non cumpra os requisitos establecidos no número 1 da disposición transitoria primeira desta lei, poderá acceder aos corpos ou escalas de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aos que figuren adscritas as funcións que realice, de conformidade coas equivalencias entre as categorías profesionais do persoal laboral e as escalas de persoal funcionario fixadas polo Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que posúa a titulación necesaria, reúna os restantes requisitos exixidos, non exceda da idade de xubilación forzosa e supere o correspondente proceso selectivo realizado de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como os demais establecidos nos artigos 49 e 55 desta lei.
  2. As convocatorias dos procesos selectivos poderán eximir total ou parcialmente o persoal previsto no número anterior que participe neles dalgunha das probas selectivas exixidas ao persoal de novo ingreso e/ou reducir parte do temario, de forma xustificada, atendendo ao contido das probas selectivas superadas no seu día para acceder á condición de persoal laboral fixo e ao feito do desempeño de funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico coas do corpo ou escala aos que intenta promocionar».

CAPÍTULO II

Medio ambiente e territorio

Artigo 10. Exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia para a reposición da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

  1. O exercicio das competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia para impoñer a obriga de restitución das cousas e reposición ao seu estado anterior, coa indemnización dos danos irreparables e perdas causadas, no caso de obras e actuacións contrarias ao disposto na lexislación en materia de costas realizadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, deberá producirse dentro dun prazo de quince anos, contados desde a terminación das obras ou actuacións contrarias á legalidade.

Tomarase como data de terminación das obras ou actuacións realizadas a que resulte da súa efectiva comprobación pola administración actuante, salvo que quede debidamente probada a súa terminación noutra data distinta por calquera medio de proba admitido en dereito.

  1. Transcorrido o prazo para impoñer a obriga de restitución das cousas e reposición ao seu estado anterior establecido no número anterior sen que se impuxese a dita obriga, só se poderán realizar, logo da solicitude de autorización do órgano autonómico competente en materia de zona de servidume de protección, as obras imprescindibles para a conservación e o mantemento do uso preexistente, sen que poidan incrementar o valor expropiatorio.
  2. Para os efectos do disposto no número 1, consideraranse rematadas aquelas construcións que aparezan reflectidas nas fotografías do voo de costas 1989-1991, recollidas no Plan nacional de ortofotografía aérea histórico.

Artigo 11. Prescrición da obrigación de restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

O prazo de prescrición de quince anos previsto no parágrafo segundo do número 1 do artigo 95 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, en canto á restitución das cousas e reposición ao seu estado anterior, por infraccións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, comezará a computarse desde o ditado do acto polo que a Administración acorde a súa imposición. Esta regra será igualmente aplicable aos supostos nos que se interpoña recurso administrativo fronte ao acto e a administración incumpra a súa obrigación de resolver o recurso nos prazos legalmente previstos.

Artigo 12. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Suprímese a letra e) do artigo 4, que queda sen contido.

Dous. Suprímese o artigo 42, que queda sen contido.

Tres. Suprímese o artigo 43, que queda sen contido.

Catro. O número 1 do artigo 60 queda redactado como segue:

«1. O réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública terá unha duración de cincuenta anos desde a data da súa cualificación definitiva. O réxime de protección das vivendas protexidas de protección autonómica construídas nun solo desenvolvido por un promotor público terá unha duración de trinta anos desde a data da súa cualificación definitiva.

Non obstante, as vivendas protexidas de promoción pública, unha vez transcorrido o prazo antes sinalado, manterán o seu réxime de protección mentres sexan de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, mentres os seus titulares teñan cantidades pendentes de pagamento ao devandito organismo, así como mentres se manteñan vixentes os contratos de copropiedade sinalados no artigo 51 desta lei».

Artigo 13. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia

A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, queda modificada como segue:

A letra c) do número 1 do artigo 72 queda redactada como segue:

«c) Axexo: modalidade practicada por unha soa persoa cazadora que de forma activa e a pé efectúa a busca, seguimento e aproximación á peza de caza maior co fin de capturala. Nos parques naturais integrados na Rede de Parques Naturais de Galicia, nos terreos en réxime cinexético común e nos terreos en réxime cinexético especial nos que a titularidade cinexética corresponda á Comunidade Autónoma, esta modalidade só se poderá practicar coa axuda dun garda ou guía».

Artigo 14. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. A letra a) do artigo 20 pasará a ter a seguinte redacción:

«a) Ceder gratuitamente ao concello os terreos destinados a vías fóra das aliñacións establecidas no planeamento cando pretendan parcelar, edificar e ampliar o volume ou rehabilitar integralmente edificacións existentes».

Dous. O número 2 do artigo 24 queda redactado como segue:

«2. Cando se pretenda parcelar, construír novas edificacións, ampliar o volume de edificacións existentes, substituír ou rehabilitar integralmente as existentes, as persoas propietarias deberán ceder gratuitamente ao concello os terreos necesarios para a apertura ou regularización do viario preciso».

Tres. O número 5 do artigo 24 queda redactado como segue:

«5. Para edificar no ámbito dos núcleos rurais deberá dispoñerse de acceso rodado de uso público e executarse a conexión coas redes de servizo existentes no núcleo rural ou nas súas proximidades. No caso das redes de abastecemento de auga e saneamento, esta conexión só será exixible cando existan redes públicas ou pertencentes ás comunidades de usuarios reguladas pola lexislación sectorial de augas, autorizadas e con capacidade de servizo suficiente.

No caso de non exixirse a conexión coas redes de servizo, deberán resolverse estas por medios individuais con cargo ao promotor ou promotora da edificación».

Catro. Modifícase a letra m) do número 1 do artigo 35, que queda redactada como segue:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, públicas ou privadas, e sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

Cinco. Modifícase a alínea 7ª) da letra d) do artigo 39, que queda redactada como segue:

«7ª) Manterase o estado natural dos terreos ou, alternativamente, introducirase a plantación de arboredo ou especies vexetais, en todo caso mediante solucións que impidan o selado do solo, en, cando menos, a metade da superficie non ocupada da parcela.

Xustificadamente e por razón da natureza e características da actividade, poderá reducirse a referida proporción no caso das infraestruturas e instalacións previstas na letra m) do artigo 35 desta lei e nos establecementos de acuicultura».

Seis. Modifícase o segundo parágrafo do número 2 do artigo 90, que queda redactado como segue:

«2. O planeamento urbanístico determinará o réxime a que deban someterse as edificacións, construcións e instalacións preexistentes á súa aprobación definitiva que non sexan plenamente compatibles coas súas determinacións, pero que non estean incursas na situación de fóra de ordenación, conforme o sinalado no número anterior, e poderán realizarse, como mínimo, as obras sinaladas no número anterior.

Nas edificacións, construcións e instalacións no solo rústico que se atopen na situación descrita no parágrafo anterior, poderá manterse o uso preexistente, aínda que se trate de usos non axustados á normativa urbanística vixente; tamén se admitirán os cambios de uso, sempre que se trate dun uso permitido nesta clase de solo. En ambos os casos, logo do título habilitante de natureza urbanística e sen necesidade de autorización urbanística autonómica, admitiranse as obras de conservación, mantemento, reforma e rehabilitación, sen que, en ningún caso, poida ampliarse a edificación».

Sete. Modifícase a letra g) do número 2 do artigo 142, que queda sen contido.

Oito. Engádese un número 5 ao artigo 142 coa seguinte redacción:

«5. Poderán presentarse comunicacións previas de primeira ocupación parciais, por edificios ou portais completos, nos termos e condicións que se determinan regulamentariamente».

Nove. Suprímese o número 4 do artigo 143.

Dez. Engádense as letras f) e g) ao número 1 do artigo 146 coa seguinte redacción:

«f) Certificado acreditativo da efectiva e completa finalización das obras subscrito por técnico competente, visado polo colexio profesional cando así o exixa a normativa vixente, no caso de comunicación previa de primeira ocupación de edificacións amparadas en licenza de obras que requiran proxecto técnico.

  1. g) Documentación xustificativa da posta en funcionamento das instalacións executadas no inmoble de conformidade coa súa normativa reguladora e, de ser o caso, certificación emitida polas empresas subministradoras dos servizos públicos da axeitada execución das acometidas das redes de subministración, no caso de comunicación previa de primeira ocupación de edificacións».

Once. Engádese un novo artigo 146 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 146 bis. Solicitudes de licenza e comunicacións presentadas con certificación de conformidade

  1. As solicitudes de licenza e as comunicacións que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo poderán presentarse acompañadas dunha certificación de conformidade coa legalidade urbanística e co planeamento aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal das previstas no capítulo IV do título III da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ou norma que a substitúa.
  2. As solicitudes de licenza que se refiran á execución de obras ou instalacións deberán ir acompañadas do proxecto básico redactado por persoal técnico competente, na forma e co contido determinados nesta lei e a demais normativa aplicable.
  3. Cando unha solicitude de licenza urbanística se presente acompañada dunha certificación de conformidade nos termos establecidos por este artigo, os informes técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade da solicitude coa legalidade urbanística previstos polo artigo 143.2 serán facultativos e non preceptivos.
  4. O prazo de resolución do procedemento será dun mes, contado desde a presentación da solicitude coa documentación completa, incluída a certificación de conformidade, no rexistro do concello.
  5. O órgano municipal competente poderá outorgar a licenza asumindo a certificación de conformidade coa legalidade urbanística e co planeamento aplicable da entidade de certificación de conformidade municipal que acredite expresamente que o proxecto foi sometido a esa verificación.
  6. A presentación dunha comunicación urbanística acompañada da documentación exixida nesta lei e a demais normativa aplicable e dunha certificación de conformidade nos termos establecidos no presente artigo, habilitará con efectos inmediatos desde a súa presentación no rexistro do concello para a realización do acto de uso do solo ou do subsolo que constitúa o seu obxecto, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do concello respectivo.
  7. As entidades de certificación de conformidade municipal serán as únicas responsables fronte ao concello do contido das certificacións emitidas e a súa actuación substitúe a responsabilidade das demais persoas interesadas».

Artigo 15. Modificación da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia

Engádese un número 5 ao artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, coa seguinte redacción:

«5. Os responsables da retirada dos cadáveres dos animais domésticos na vía pública deberán comprobar a identificación destes e notificar a morte do animal ás persoas propietarias co obxecto de que poidan dar cumprimento á obrigación recollida na letra d) do artigo 21».

Artigo 16. Modificación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Os números 2, 3, 4, 5 e 6 do artigo 84 quedan redactados como segue:

«2. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, poida afectar de forma apreciable as especies ou os hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no espazo, que se realizará de acordo coas normas que sexan aplicables, conforme o establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta os obxectivos de conservación do dito espazo.

Para acreditar que un plan, programa ou proxecto está directamente relacionado coa xestión dun espazo protexido da Rede Natura 2000 de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou é necesario para a súa xestión, o promotor poderá indicar o apartado correspondente do plan de xestión en que conste a dita circunstancia ou solicitar informe do órgano competente para a xestión do dito espazo.

Así mesmo, para acreditar que un plan, programa ou proxecto non é susceptible de producir efectos apreciables nun espazo protexido da Rede Natura 2000 de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o promotor poderá indicar o apartado correspondente do plan de xestión no que conste expresamente, como actividade permitida, o obxecto do dito plan, programa ou proxecto, ou solicitar informe do órgano competente para a xestión dese espazo.

Nos supostos previstos nos dous parágrafos anteriores, non será necesario someter o plan, programa ou proxecto a unha avaliación ambiental nin a unha avaliación de repercusións.

  1. Os proxectos establecidos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, serán obxecto de avaliación ambiental ordinaria ou simplificada, segundo proceda.

Aqueles proxectos que, conforme o disposto no artigo 7.2 b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, sexan susceptibles de someterse a avaliación de impacto ambiental simplificada unicamente por esta afección, someteranse a unha adecuada avaliación de repercusións consonte o establecido no artigo 39 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

  1. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no espazo e supeditado ao disposto no número 5 deste artigo, os órganos competentes para aprobar ou autorizar os plans, os programas ou os proxectos soamente poderán manifestar a súa conformidade con estes tras se asegurar de que non causarán prexuízo á integridade do espazo en cuestión e, de proceder, tras o someter a información pública.
  2. Se, a pesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e da falta de solucións alternativas, debe realizarse o plan, o programa ou o proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas as razóns de índole social ou económica, as administracións públicas competentes tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global da Rede Natura 2000 quede protexida.

A concorrencia de razóns imperiosas de interese público de primeira orde só se poderá declarar para cada suposto concreto:

  1. a) Mediante unha lei.
  2. b) Mediante un acordo do Consello de Ministros, cando se trate de plans, programas ou proxectos que deba aprobar ou autorizar a Administración xeral do Estado, ou mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia, cando se trate de plans, programas ou proxectos que deba aprobar ou autorizar a Administración autonómica. O devandito acordo deberá ser motivado e público.

A adopción das medidas compensatorias levarase a cabo, se é o caso, durante o procedemento de avaliación ambiental dos plans e programas, e o de avaliación do impacto ambiental dos proxectos consonte o disposto na normativa aplicable. Estas medidas aplicaranse na fase de planificación e de execución que determine a avaliación ambiental.

As medidas compensatorias adoptadas remitiranse, pola canle correspondente, á Comisión Europea.

  1. No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural ou unha especie prioritaria, sinalados como tales nos anexos I e II da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, unicamente se poderán alegar as seguintes consideracións:
  2. a) As relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública,
  3. b) As relativas ás consecuencias positivas de primordial importancia para o ambiente, e
  4. c) Outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, logo da súa consulta á Comisión Europea».

Dous. Engádese o número 7 ao artigo 84 coa seguinte redacción:

«7. Desde o momento da declaración dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA), esta quedará sometida ao disposto nas alíneas 2, 3, 4 e 5 deste artigo».

Tres. O artigo 85 queda redactado como segue:

«Artigo 85. Avaliación dos plans, programas e proxectos que poidan afectar espazos naturais protexidos da Rede galega de espazos protexidos

Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, poida afectar de forma apreciable os valores naturais dos espazos protexidos da Rede galega de espazos naturais, fóra do ámbito da Rede Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións, e procederase de forma análoga co disposto nos números 2 e 3 do articulo 84 para os espazos da Rede Natura 2000».

Catro. A disposición adicional sexta queda redactada como segue:

«Disposición adicional sexta. Medidas de defensa e protección en materia de xestión da Rede Natura 2000 de Galicia

  1. Considéranse medidas de xestión dun espazo protexido Rede Natura 2000 a realización das redes de faixas de xestión da biomasa, xa que é unha medida necesaria para a protección e conservación dos valores naturais polos que o espazo foi protexido. As ditas actuacións só estarán sometidas á normativa sectorial de defensa contra incendios forestais e tan só contarán coa restrición de evitar a erosión ou perda de estrutura do solo en hábitats de queirogais húmidos e turbeiras.
  2. Terán a condición de usos ou actividades autorizables nas zonas 1 dunha zona especial de conservación ou dunha zona de especial protección para as aves da Rede Natura 2000 as construcións, instalacións ou infraestruturas destinadas á defensa forestal privada, cando non resulte posible a súa localización nas zonas 2 e 3 e sempre que quede acreditada a compatibilidade da actividade co mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats ou das especies protexidas, de conformidade co disposto nos artigos 46.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e 84 da Lei 5/2019, do 22 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
  3. No solo cualificado como rústico de protección situado no ámbito das zonas de especial conservación ou das zonas de especial protección para as aves da Rede Natura 2000, a construción de muros de contención e o peche ou valado de terreos terán a consideración de uso ou actividade autorizable na zona 1. A realización destes axustarase ás condicións de edificación e termos que establece a normativa do solo vixente.

Os peches destinados á protección do gando ou dos cultivos agrícolas fronte a especies de fauna silvestre que engloben unha superficie superior a 1 hectárea e empreguen mallas metálicas, terán unha altura máxima de 2 metros, cunha separación mínima entre os dous arames horizontais máis baixos de 15 centímetros.

Os peches que engloben unha superficie superior a 50 hectáreas incluirán os dispositivos necesarios para garantir o fluxo e a circulación das especies de interese para a conservación, minimizando os efectos sobre a fragmentación dos ecosistemas e o illamento das poboacións. Neste caso teranse en consideración as especies e hábitats que figuran no formulario normalizado de datos Natura 2000 que motivaron a designación da ZEC ou os valores da ZEPA».

Artigo 17. Modificación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia

A Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 3 do artigo 55 queda redactado como segue:

«3. Os suxeitos titulares de actividades potencialmente contaminantes do solo deberán presentar, ante o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados, un informe preliminar de situación, previo ao inicio da actividade, para cada un dos solos en que se desenvolva a dita actividade, co alcance e contido mínimo establecidos no anexo II do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro».

Dous. O número 1 do artigo 60 queda redactado da seguinte forma:

«1. Deberán estar debidamente acreditadas por unha entidade nacional de acreditación, segundo a Norma UNE-EN ISO/IEC 17020, para a inspección do sector medioambiental, campo e solos, as entidades que realicen o deseño e a implantación dos plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, as investigacións analíticas, tanto exploratorias como detalladas, e as valoracións de riscos, así como o deseño, execución, control e seguimento da recuperación».

Tres. Elimínase o número 3 do artigo 60.

Catro. O número 5 do artigo 60 queda redactado da seguinte forma:

«5. As análises químicas ex situ correrán a cargo de laboratorios debidamente acreditados para os parámetros que se determinen segundo a Norma UNE-EN ISO/IEC 17025, que establece os requisitos xerais relativos á competencia técnica dos laboratorios de ensaio e calibración».

Artigo 18. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese o artigo 36 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 36 bis. Documentos de referencia para a elaboración dos estudos de impacto ambiental

  1. O órgano ambiental poderá aprobar documentos de referencia para a determinación do contido, amplitude, nivel de detalle e grao de especificación dos estudos de impacto ambiental que correspondan aos grupos de proxectos dos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, suxeitos á avaliación de impacto ambiental. Os documentos de referencia aprobados serán publicados na páxina web da consellaría competente en materia de medio ambiente.
  2. Os documentos de referencia regulados neste artigo serán elaborados polo órgano ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de proxectos suxeitos a avaliación de impacto ambiental e serán sometidos antes da súa aprobación á consulta, por un prazo de vinte días hábiles, das administracións públicas afectadas por razón da materia e das persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, vinculadas á protección do medio ambiente.
  3. Cando se solicite a determinación do alcance do estudo de impacto ambiental dun proxecto que non entre no ámbito de aplicación de ningún dos documentos de referencia aprobados, o documento de alcance ambiental que se elabore para o caso poderá ser aprobado como novo documento de referencia.

Así mesmo, poderán elaborarse documentos de referencia sobre a base dos resultados das consultas efectuadas en procedementos de avaliación de impacto ambiental, aínda que nos devanditos procedementos non se determinase o alcance do estudo de impacto ambiental.

Nos supostos previstos neste número, para a aprobación do documento de referencia non será necesario reiterar as consultas ás administracións públicas afectadas por razón da materia nin ás persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, vinculadas á protección do medio ambiente.

  1. Unha vez aprobados os documentos de referencia e publicados na páxina web da consellaría competente, o órgano ambiental poderá inadmitir as solicitudes de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental dos proxectos que entren no ámbito de aplicación dos citados documentos, remitindo ao suxeito promotor o documento de referencia que corresponda.
  2. Os documentos de referencia serán obxecto de actualización cando se produzan modificacións normativas ou avances nos coñecementos científicos ou técnicos que afecten o seu contido.

A actualización será sometida ao trámite de consulta previsto no número 2 deste artigo, agás nos casos en que sexa consecuencia de modificacións normativas de obrigado cumprimento, e aprobarase por orde da consellaría competente en materia de medio ambiente, que se publicará na súa páxina web xunto cun texto consolidado do documento de referencia».

Dous. Engádese o número 5 ao artigo 39 coa seguinte redacción:

«5. Tanto os proxectos con informe previo de non afección como aqueles sometidos a unha adecuada avaliación das súas repercusións que conten co informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural non necesitan de autorización do órgano competente en materia de patrimonio natural».

Tres. Suprímese o artigo 54, que queda sen contido.

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 55, que queda redactado como segue:

«1. Para os efectos previstos no artigo 146 bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, cando o proxecto construtivo ou de instalación veña acompañado de certificación de conformidade coa legalidade urbanística e co planeamento aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal, aplicarase o mesmo réxime regulado no devandito artigo, agás o prazo de resolución do procedemento, que será de quince días naturais, para os supostos previstos no número seguinte deste artigo».

Artigo 19. Modificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

O Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Os procedementos de avaliación das repercusións de plans, programas e proxectos sobre os espazos protexidos incluídos no ámbito de aplicación deste decreto realizaranse consonte o disposto no artigo 84 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e no artigo 39 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia».

Dous. O artigo 28 do anexo II queda redactado como segue:

«1. A avaliación ambiental, cando proceda, de plans, programas e proxectos que afecten os espazos protexidos incluídos no ámbito de aplicación do Plan director da Rede Natura 2000 rexerase pola Lei 21/2013, do 9 de decembro, de impacto ambiental, ou norma que a substitúa, e polo artigo 39 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

  1. Para os efectos do establecido neste decreto, establécense as seguintes definicións:
  2. a) «Afectar de forma apreciable» ou «efecto apreciable»: toda alteración permanente ou de longa duración e que poida supoñer alteracións de carácter irreparable dun valor natural e, no caso de espazos Rede Natura 2000, cando ademais afecte os elementos que motivaron a súa designación e obxectivos de conservación.
  3. b) «Efecto permanente» é aquel que supón unha alteración indefinida no tempo de factores de acción predominante na estrutura ou na función dos sistemas de relacións ecolóxicas ou ambientais presentes no lugar.
  4. c) «Impacto residual» é asimilable a «perda irreparable»: é a perda ou alteración de valores naturais cuantificada en número, superficie, calidade, estrutura e función, que non pode ser evitada nin reparada, unha vez aplicadas in situ todas as posibles medidas de prevención e corrección».

Tres. Engádese unha letra d) ao número 4 do artigo 44 do anexo II coa seguinte redacción:

«d) O mantemento das faixas de xestión de biomasa, ao tratarse de medidas de xestión, xestionarase de acordo co disposto na disposición adicional sexta da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia».

Catro. A letra f) do número 2 do artigo 45 do anexo II queda redactada como segue:

«f) Considerar o carácter dinámico dos mosaicos de queirogais secos (4030, 4060,4090), das matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e das formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*) e ter en conta, para a xestión destes hábitats, que experimentan cambios significativos nas distintas etapas de sucesión, desde chan espido e etapas herbáceas (6230*, 6410, 6420 e 6430) ata queirogais densos maduros e, máis adiante, matogueiras e bosques. Estas distintas etapas ocorren simultaneamente nun lugar, resultando un mosaico que alberga especies de alta especialización. As especies asociadas con estes hábitats requiren da presenza dunha estrutura vexetal diversa, incluídos o chan espido e os mosaicos de vexetación baixa e alta».

Cinco. A letra c) do número 3 do artigo 45 do anexo II queda redactada como segue:

«c) As medidas que simulan un réxime de perturbación pertinente, e a xestión tradicional, que preveña a expansión das árbores e promova a rexeneración de queirogais, son adecuadas para manter estes hábitats en bo estado de conservación. Os mosaicos con queirogais secos (4030, 4060, 4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*) requiren dalgunha forma de xestión de conservación para reducir a sucesión de matogueiras a bosques. Da mesma forma, os herbais con 6160, 6170, 6210*, 6220* e 6230*, para o seu mantemento, tamén requiren dunha xestión periódica que evite a sucesión a matogueira».

Seis. Engádense as letras d), e) e f) ao número 3 do artigo 45 do anexo II, que quedan redactadas como segue:

«d) A aplicación de medidas recorrentes (pastoreo, roza, queima controlada, etc.) de forma regular son prácticas de xestión fundamentais para manter en bo estado de conservación os queirogais secos (4030, 4060,4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*).

  1. e) Outras accións e medidas de diversificación ecolóxica encamiñadas á recuperación de especies en declive ligadas a estes hábitats. Neste senso, considérase favorable a sementeira de cultivos de cereais (trigo, cebada…, excluíndo o millo) en superficies inferiores ás 10 hectáreas, nos mosaicos con queirogais secos (4030, 4060, 4090) ou matogueiras esclerófilas (5120 y 5230*).
  2. f) Establécense os seguintes criterios de xestión para os mosaicos de queirogais secos (4030, 4060,4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*):

– Criterio 1. Garantir unha xestión óptima mediante unha combinación de pastoreo, roza e queima controlada para conseguir unha estrutura vexetal diversa.

– Criterio 2. Manter unha diversidade estrutural da vexetación para proporcionar unha ampla variedade de microhábitats e nichos, incluídos, cando sexa posible, chans espidos (mínimo o 1 %, pero non máis do 10 %), zonas dominadas por brións e liques, herbas, arbustos ananos de diversas clases de idade, queirogais secos ou matogueiras esclerófilas e árbores e arbustos dispersos.

– Criterio 3. A queima prescrita invernal, entre outubro e febreiro, é unha técnica de xestión admisible para manter os queirogais secos. O obxectivo da queima sería eliminar a vexetación sobre a superficie, pero deixando as raíces intactas para a rexeneración. A frecuencia de queima máis adecuada en Galicia fíxase como mínimo en seis anos.

– Criterio 4. Poderase complementar a queima controlada co pastoreo de gando.

– Criterio 5. A realización das tarefas de roza e queimas controladas non se desenvolverá en abril, maio e xuño, salvo que exista unha xustificación de non afección ás especies de interese u outras circunstancias apreciadas polo órgano competente en patrimonio natural.

– Criterio 6. O pastoreo, a roza e a queima controlada son medidas de xestión adecuadas para os mosaicos con queirogais secos (4030, 4060, 4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*). Establecerase un límite anual do 20 % da superficie do hábitat estimado no momento da declaración do LIC para as medidas de xestión que impliquen a roza, incluído un máximo do 5 % para as queimas controladas. Unha mesma zona non poderá rozarse de novo ata pasados polo menos tres anos desde a última roza. Para efectos de cómputo, serán comunicados previamente aos servizos provinciais. O pastoreo estará permitido sen límite de superficie».

Sete. O número 4 do artigo 45 do anexo II queda redactado como segue:

«4. Actuacións que non supoñen unha afección apreciable sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario.

As formacións de queirogais e matogueiras secas en zonas que no momento da declaración dos LIC estaban ocupadas por cultivos, pastos naturais e seminaturais e plantacións forestais de arborado teñen a consideración de formacións temporais e, polo tanto, permítense as accións de xestión de roza e queimas controladas ou a implantación de pasteiros alí onde xa os houbese no momento da declaración. Está tamén permitida a recuperación dos agrosistemas preexistentes no momento da declaración como LIC».

Oito. A letra a) do número 5 do artigo 45 do anexo II queda redactada como segue:

«a) Os cambios de uso que afecten de forma irreversible, permanente ou a longo prazo e supoñan unha redución significativa da superficie ocupada por hábitats de matogueiras secas, formacións herbáceas pioneiras e medios rochosos, ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación».

Nove. Déixanse sen contido as letras b), j) e k) do número 5 do artigo 45 do anexo II.

Dez. A letra i) do número 5 do artigo 45 do anexo II queda redactada como segue:

«i) As repoboacións forestais sobre superficies de queirogais secos (4030, 4060,4090) ou matogueiras esclerófilas (5120 y 5230*) que existan no momento da declaración como LIC poden xerar unha afección apreciable sobre a integridade do espazo natural, sobre a estrutura, funcionamento e composición taxonómica dos ecosistemas naturais de matogueiras e medios rochosos ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, incluíndo especialmente a forestación con espécimes alóctonos».

Once. A letra l) do número 5 do artigo 45 do anexo II queda redactada como segue:

«l) A erosión e perda da estrutura do solo en hábitats de interese comunitario ou en hábitats de especies de interese para a conservación, derivadas dun uso non axeitado de vehículos ou maquinaria».

Doce. A letra m) do número 5 do artigo 45 do anexo II queda redactado como segue:

«m) O depósito de restos de cortas ou outros aproveitamentos forestais sobre hábitats de matogueiras e medios rochosos do anexo I da Directiva 92/43/CEE ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación».

Trece. A letra c) do número 3 do artigo 46 do anexo II queda redactada como segue:

«c) As actividades e aproveitamentos tradicionais dos soutos, tendo en conta as súas características intrínsecas e a súa condición de hábitat seminatural de interese comunitario (9260), entre as cales se atopan a súa esmouca periódica, rozas manuais do sotobosque, plantación e enxerto de novos individuos de Castanea sativa, tratamentos fitosanitarios, etc., todas elas necesarias para asegurar o mantemento temporal do devandito hábitat. No ámbito de influencia da tinta do castiñeiro considérase permitido o emprego de pés enxertados con variedades de castiñeiro (Castanea sativa) e portaenxertos de castiñeiro híbrido resistente á tinta».

Catorce. Engádense as novas letras d), e), f) e g) ao número 3 do artigo 46 do anexo II, que quedan redactadas como segue:

«d) A mellora da diversidade forestal mediante a creación de mosaicos de hábitats non forestais, a apertura dos pequenos claros no bosque con vexetación herbácea ou a conservación dos existentes para que non se pechen.

  1. e) As actuacións controladas para a mellora das características ecolóxicas dos bosques, a preservación dalgunhas árbores grandes, vellas ou moribundas que poidan servir de hábitat para as especies, ou ben non retirar dos bosques algunhas pequenas cantidades de madeira morta caída ou en pé.
  2. f) O destino dunha parte da superficie de creación de novos pasteiros ao fomento de hábitats naturais ou ben á creación de bosquetes de frondosas autóctonas, situando as frondosas prioritariamente co fin de protección de zonas fráxiles e, de non existiren estas, con criterios de mellora do pasteiro.
  3. g) A ordenación forestal e o incremento e restauración dos hábitats boscosos de interese comunitario. Procurarase incrementar a superficie de hábitats boscosos de interese comunitario suxeita a instrumentos de ordenación forestal».

Quince. As letras a), b) e c) do número 4 do artigo 46 do anexo II quedan redactadas como segue:

«a) A recollida de follaxe, castañas, cogomelos, landras e outros pequenos froitos (excluíndo o aproveitamento das especies silvestres de interese para a conservación).

  1. b) Os aproveitamentos de leñas nas masas arborizadas.
  2. c) As cortas selectivas nas formacións forestais de carácter autóctono».

Dezaseis. A letra c) do número 5 do artigo 46 do anexo II queda redactada como segue:

«c) Os cambios de uso que afecten de forma irreversible, permanente ou a moi longo prazo e supoñan unha redución significativa da superficie ocupada por hábitats boscosos que constitúan tipos de hábitat de interese comunitario ou as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación dos bosques».

Dezasete. Déixase sen contido a letra i) do número 5 do artigo 46 do anexo II.

Dezaoito. As letras m) e n) do número 5 do artigo 46 do anexo II quedan redactadas como segue:

«m) Actividades que provocan a erosión e perda da estrutura do solo en hábitats de interese comunitario ou en hábitats de especies de interese para a conservación, derivadas dun uso non axeitado de vehículos ou maquinaria.

  1. n) A non retirada por máis de seis meses dos restos de cortas ou outros aproveitamentos forestais sobre hábitats boscosos do anexo I da Directiva 92/43/CEE ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación».

Dezanove. A letra a) do número 2 do artigo 47 do anexo II queda redactada como segue:

«a) Manter e conservar os sistemas ligados á actividade agraria é unha das prioridades para constituír algúns dos tipos de hábitats máis ameazados na Unión Europea. A biodiversidade asociada a estes sistemas (hábitats, flora e fauna) caracterízase por estar en continuo declive. Os prados naturais e seminaturais que antigamente estaban xestionados de forma extensiva sufriron nas últimas décadas unha acusada redución da súa superficie. As aves e o resto da fauna dependentes de pradeiras tamén están en declive. Entre as presións que sofren actualmente os prados cítanse a modificación das prácticas de cultivo e pastoreo (incluídos o abandono de sistemas de pastoreo e o pastoreo insuficiente)».

Vinte. Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 47 do anexo II coa seguinte redacción:

«d) Considerar o carácter dinámico dos mosaicos de agrosistemas e áreas herbosas de carácter seminatural que constitúen tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520) e ter en conta, para a xestión destes hábitats, que experimentan cambios significativos nas distintas etapas de sucesión, desde chan espido e etapas herbáceas (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520) ata queirogais densos maduros e, máis adiante, matogueiras máis ou menos evolucionadas. Estas distintas etapas ocorren simultaneamente nun lugar, e resulta un mosaico que alberga especies de alta especialización. As especies asociadas con este hábitat requiren da presenza dunha estrutura vexetal diversa, incluídos o chan espido e os mosaicos de vexetación baixa e alta. Para a conservación e o restablecemento dos prados e herbais recoméndase manter estes hábitats a través dunha xestión periódica, xa sexa mediante o pastoreo extensivo ou a sega e a roza. As medidas de conservación requiridas inclúen o mantemento, a reparación e a reconstrución, dependendo do estado en que se encontre o prado nunha zona determinada».

Vinte e un. O número 3 do artigo 47 do anexo II queda redactado como segue:

«3. Actuacións que son susceptibles de xerar un estado de conservación favorable dos hábitats de interese comunitario, ou na súa recuperación.

  1. a) Manter e conservar os sistemas ligados á actividade agraria e a recuperación dos hábitats herbáceos (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520), así como da biodiversidade asociada a estes sistemas (flora e fauna).
  2. b) A xestión periódica que evite a sucesión a matogueira. En xeral, as medidas que simulan un réxime de perturbación pertinente de forma regular (pastoreo, sega, queima, etc.) e a xestión tradicional, que preveña a expansión de matogueiras, son adecuadas para manter estes hábitats en bo estado de conservación. Estas son prácticas de xestión fundamentais para manter estes hábitats en bo estado. Os agrosistemas formados por mosaicos de cultivos con formacións herbosas de carácter natural ou seminatural, que constitúen tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*,6410, 6420, 6510, 6520), requiren dunha xestión periódica para o seu mantemento e conservación.
  3. c) Medidas de control e erradicación das especies invasoras presentes nos agrosistemas formados por mosaicos de cultivos con formacións herbosas de carácter natural ou seminatural (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520).
  4. d) Reducir o uso de praguicidas químicos, así como de fertilizantes químicos.
  5. e) Establécense os seguintes criterios para os agrosistemas formados por mosaicos de cultivos con formacións herbosas de carácter natural ou seminatural (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520):

– Criterio 1. Manter as prácticas de cultivo e un pastoreo ambientalmente sustentable contribúe a un bo estado de conservación destes hábitats, podendo incluso ser necesario abordar medidas de restablecemento ou restauración fronte á degradación polo abandono rural.

– Criterio 2. Unha xestión óptima permite unha combinación de pastoreo, roza e queima controlada para conseguir unha estrutura vexetal diversa.

– Criterio 3. Introducir elementos paisaxísticos de gran diversidade nas terras de cultivo e pasteiros, como franxas de protección, lindes de campo con flores autóctonas, estanques, corredores de hábitats e pasarelas de pedras, así como manter os sistemas tradicionais de deslindamento como sebes, árbores ou muros de terrazas, resulta esencial e de interese para a conservación destas formacións e das especies asociadas.

– Criterio 4. A realización das tarefas de rozas e queimas controladas non se desenvolverá en abril, maio e xuño, salvo que exista unha xustificación de non afección ás especies de interese ou outras circunstancias apreciadas polo órgano competente en patrimonio natural.

– Criterio 5. O pastoreo, a roza e a queima controlada son medidas de xestión adecuadas para os agrosistemas e áreas herbosas que constitúen tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520), e establécese un límite anual do 20 % da superficie do hábitat estimado no momento da declaración do LIC, para as medidas de xestión que impliquen a roza, incluído un máximo do 5 % para as queimas controladas. O pastoreo estará permitido sen límite de superficie».

Vinte e dous. As letras a), b) e c) do número 4 do artigo 47 do anexo II quedan redactadas como segue:

«a) As actividades tradicionais de carácter agrícola e gandeiro. Neste senso, a xestión dos cultivos existentes e a recuperación dos perdidos ou degradados polo abandono desde a declaración da Rede Natura 2000 galega están permitidas.

  1. b) As explotacións tradicionais de gandaría extensiva sometidas a un control adecuado que evite incrementos da presión incompatibles co mantemento dos hábitats sometidos a aproveitamento directo.
  2. c) O uso de xurros, fertilizantes, emendas orgánicas e biocidas nos terreos de labor, hortas, explotacións froiteiras e nos pasteiros, sempre e cando a súa aplicación se realice de acordo coa normativa sectorial vixente, o Código galego de boas prácticas agrarias e os criterios de ecocondicionalidade».

Vinte e tres. A letra a) do número 5 do artigo 47 do anexo II queda redactada como segue:

«a) Os cambios de uso que afecten de forma irreversible, permanente ou a longo prazo e supoñan unha redución significativa da superficie dos hábitats de interese comunitario ligados a agrosistemas (6230* 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510, 6520), das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, dos cultivos tradicionais ou do pastoreo. Os cambios dinámicos dos mosaicos de cultivos e das formacións herbosas de carácter natural ou seminatural, así como a recuperación dos cultivos abandonados, non constitúen un cambio de uso».

Vinte e catro. Déixanse sen efecto as letras b) e h) do número 5 do artigo 47 do anexo II.

Vinte e cinco. A letra l) do número 5 do artigo 47 do anexo II queda redactada como segue:

«l) O depósito por máis de seis meses de restos de corta, incluíndo os agrícolas e os de xardinaría, ou outros aproveitamentos forestais sobre hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE ligados a agrosistemas ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación».

Vinte e seis. As letras a), b e c) do número 3 do artigo 57 do anexo II quedan redactadas como segue:

«3. Normativa xeral.

  1. a) As plantacións forestais que no momento da entrada en vigor deste plan estean poboadas por especies forestais, así como aquelas con autorización posterior no marco deste plan director, poderán seguir sendo explotadas en sucesivas quendas, sen excepcións, sempre e cando non se realicen cambios de especie, salvo cando os ditos cambios supoñan a transformación de eucaliptais a piñeirais ou de eucaliptais e piñeirais a pasteiros, ou cando, tras a rexeneración, se creen masas de frondosas do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño. As ditas masas poderán ser rexeneradas de forma natural ou ben mediante repoboación. Aquelas plantacións que fosen realizadas sen a necesaria autorización con posterioridade á entrada en vigor do plan director poderán ser aproveitadas, ben que as sucesivas reforestacións quedarán supeditadas a unha autorización de plantación do órgano autonómico competente en materia de patrimonio natural.

No suposto de superficies forestais arborizadas no momento da declaración como LIC que fosen destruídas polo lume, poderanse recuperar ou transformar igualmente que no caso anterior. A citada recuperación requirirá dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado de acordo coa normativa sectorial forestal e que conte co informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio natural. Estes proxectos incluirán medidas preventivas estruturais que minimicen o risco de incendios forestais así como criterios ambientais que garantan unha mellora da sustentabilidade respecto da situación anterior.

  1. b) O mantemento anual das faixas de xestión da biomasa teñen a consideración de medidas de xestión dos espazos protexidos Rede Natura 2000, xa que son medidas necesarias para a protección e conservación dos valores naturais polos que o espazo foi declarado. As ditas actuacións só estarán sometidas á normativa sectorial de defensa contra incendios forestais e tan só contarán coa restrición de evitar a erosión ou perda de estrutura do solo en hábitats de queirogais húmidos e turbeiras.
  2. c) Considéranse usos permitidos aquelas actividades de carácter tradicional vinculadas coas explotacións forestais existentes no espazo protexido:
  3. i) Todos os usos e aproveitamentos forestais incluídos nos correspondentes proxectos de ordenación, documento simple de xestión ou documento compartido de xestión, aprobado de acordo coa normativa sectorial forestal e que conte co informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio natural.
  4. ii) A produción de madeira nos montes xa arborizados con especies alóctonas ou autóctonas cultivadas, continuando co ciclo produtivo de rexeneración, os coidados culturais e os aproveitamentos, mantendo a mesma especie ou modificándoa, se así o prevé o instrumento de ordenación e de xestión forestal aprobado.

iii) A recollida de follaxe, castañas, cogomelos, landras e doutros pequenos froitos por parte dos propietarios dos montes.

  1. iv) Os aproveitamentos de leñas nas masas arborizadas por parte dos propietarios, destinados ao autoconsumo e ao uso doméstico, que non sexan obxecto de comercialización sen superar os límites de volume anual por propietario de acordo coa normativa sectorial vixente.
  2. v) Tendo en conta as características intrínsecas dos soutos e a súa condición de hábitat seminatural de interese comunitario (9260), as actividades e aproveitamentos destes, entre as cales se encontran a súa esmouca periódica, rozas do sotobosque, plantación e enxerto de novos individuos de Castanea sativa, tratamentos fitosanitarios, etc., todas elas necesarias para asegurar o mantemento temporal do dito hábitat. No ámbito de influencia da tinta do castiñeiro considérase permitido o emprego de pés enxertados con variedades de castiñeiro (Castanea sativa) e portaenxertos de castiñeiro híbrido resistente á tinta.
  3. vi) As cortas dos tipos de bosques do anexo I da Directiva 92/43/CEE vinculadas estritamente ás necesidades de mantemento, restauración, rexeneración e sanidade vexetal, e así mesmo cando sexan necesarias para garantir a seguridade das persoas, infraestruturas ou propiedades.

vii) Nas cortas de arboredo de obrigada execución das especies da disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, será suficiente unha comunicación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio. O dito órgano enviará anualmente unha relación das ditas comunicacións ao órgano inferior competente en materia de conservación da natureza por razón do territorio, para o seguimento da incidencia destas cortas nos espazos protexidos do ámbito de aplicación deste decreto.

viii) A eliminación de rodais e exemplares do xénero Acacias e do xénero Robinias.

  1. ix) A erradicación de especies do xénero Pinus, Eucalyptus, Acacias e Robinias, a menos de 15 metros do dominio público hidráulico daqueles leitos fluviais de máis de 2 metros de largo, así como a plantación de frondosas autóctonas, se é o caso».

Vinte e sete. Déixase sen contido a alínea 1ª da letra d) do número 3 do artigo 57.

Vinte e oito. As alíneas 2ª e 3ª da letra d) do número 3 do artigo 57 do anexo II quedan redactadas como segue:

«2ª) Nas masas forestais de frondosas de carácter autóctono e nas masas mixtas de especies alóctonas e frondosas autóctonas poderán ser autorizadas cortas selectivas atendendo a que se realicen garantindo a conservación dos solos e dos compoñentes naturais e non supoñan unha deterioración apreciable sobre os hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE e as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, e se realicen de acordo coa normativa sectorial aplicable e obxectivos do presente plan.

3ª) Os plans empresariais de aproveitamento da biomasa cando definan áreas de xestión de biomasa que afecten terreos incluídos no ámbito de aplicación deste plan director».

Vinte e nove. Modifícase a redacción da alínea 1ª da letra e) do número 3 do artigo 57 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«1ª) As forestacións ou reforestacións sobre terreos que estivesen rasos, no momento da declaración como LIC, de especies autóctonas ou de especies do xénero Pinus (Pinus pinea, Pinus pinaster, Pinus sylvestris) que non supoñan unha afección apreciable sobre os hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación».

Trinta. Déixase sen contido a alínea 4ª da letra e) do número 3 do artigo 57 do anexo II.

Trinta e un. Modifícase a redacción da alínea 8ª da letra e) do número 3 do artigo 57 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«8ª) Os cambios de actividade, forestal a agrícola e á inversa, cando non sexan sometidos ao procedemento de avaliación ambiental».

Trinta e dous. Modifícase a redacción das letras g), h) e i) do número 3 do artigo 57 do anexo II, que quedan coa seguinte redacción:

«g) De acordo cos criterios definidos no artigo 45.d), considéranse medidas de conservación e xestión as seguintes actuacións sobre superficies conformadas por queirogais secos (4030), incluídas dentro das unidades ambientais UA310 Grandes superficies de queirogais e UA320 Matogueiras e medios rochosos silíceos:

1º) A roza anual de ata o 20 % da superficie de hábitat estimada no momento da declaración do LIC. Unha mesma zona non poderá rozarse de novo ata pasados polo menos tres anos desde a última roza. Para efectos de cómputo, serán comunicados previamente aos servizos provinciais.

2º) A queima controlada de ata o 5 % da superficie de hábitat estimada no momento da declaración do LIC. A superficie xestionada como queima controlada descontarase do tope do 20 % indicado no apartado 1º) para as rozas. Para efectos de cómputo, serán comunicados previamente aos servizos provinciais.

3º) O mantemento anual das faixas de xestión da biomasa, que non computarían no tope do 20 % indicado no apartado 1º) para as rozas.

  1. h) Consideraranse permitidas as seguintes actuacións sobre superficies conformadas por queirogais secos (4030), incluídas dentro das unidades ambientais UA310 Grandes superficies de queirogais, e UA320 Matogueiras e medios rochosos silíceos:

1º) As actividades que recuperen aquelas áreas que estean ocupadas por pasteiros e/ou cultivos no momento da declaración como LIC. Para efectos de cómputo, serán comunicados previamente aos servizos provinciais. Poderán recuperarse con pasteiros as zonas de cultivo.

2º) As áreas que no momento da declaración como LIC estean ocupadas por plantacións forestais exóticas ou de coníferas autóctonas puras ou mixtas, así como aquelas que fosen obxecto de reforestación posterior con autorización dos órganos de patrimonio natural, e que fosen destruídas polo lume, poderán ser de novo reforestadas co condicionado seguinte:

  1. i) Non poderán utilizarse plantas do xénero Eucalyptus, que en todo caso poderán substituírse por piñeiros autóctonos.
  2. ii) Poderán substituírse por pasteiros, total ou parcialmente, en áreas con pendente inferior ao 30 % e cun 10 % de enclavados no seu interior, sen transformar ou con frondosas autóctonas, sen prexuízo do establecido na normativa de avaliación ambiental e de incendios forestais e tendo en conta que non ten a condición de cambio de uso para os efectos do presente plan director.

iii) As reforestacións, en todo caso, ao estaren incluídas previamente en instrumentos de ordenación ou xestión forestal aprobados pola normativa forestal e que conten con informe favorable do órgano competente en materia de patrimonio natural. As implantacións de pasteiros poden realizarse previamente á aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal. Para os efectos de cómputo, as implantacións de pasteiros serán comunicadas previamente aos servizos provinciais.

  1. iv) Considéranse actividades suxeitas a autorización preceptiva a implantación de pasteiros, a realización de repoboacións forestais e os cultivos, nas áreas ocupadas no momento da declaración do LIC, por queirogais secos (4030), incluídas dentro das unidades ambientais UA310 Grandes superficies de queirogais e UA320 Matogueiras e medios rochosos silíceos, ata un máximo anual do 2 % do tipo de hábitat no espazo protexido. Quedan excluídos desta porcentaxe os terreos que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal aprobados pola normativa forestal e que conten con informe favorable do órgano competente en materia de patrimonio natural, así como as actuacións de mantemento das faixas de xestión de biomasa.

3º) As autorizacións estarán sometidas ás seguintes condicións:

  1. i) Que non se provoque unha afección apreciable sobre os núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación.
  2. ii) Que non se afecte os compoñentes clave da paisaxe ou da xeodiversidade.

iii) Que non se desenvolvan en áreas ecotónicas con matogueiras húmidas (4020*) ou orófilas (4060, 4090).

  1. iv) No que atinxe á implantación de pasteiros, soamente serán autorizables as actuacións inferiores a 10 hectáreas por solicitude, cunha pendente inferior ao 30 %. Deberán empregarse polo menos 2 gramíneas e 1 leguminosa autóctona na súa implantación. En ningún caso terán a consideración de cambio de uso. As autorizacións para os pasteiros de máis de 10 hectáreas sobre queirogais secos (4030) realizaranse conforme o establecido no artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE e no artigo 45.4 da Lei 42/2007, do 28 de xuño, así como na normativa establecida no presente plan.
  2. v) Con respecto ás repoboacións forestais, estas serán autorizables ata un máximo de 10 hectáreas por solicitude. As forestacións deberán facerse con especies frondosas autóctonas. As autorizacións para as repoboacións forestais de máis de 10 hectáreas sobre queirogais secos (4030) realizaranse conforme o establecido no artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE e no artigo 45.4 da Lei 42/2007, do 28 de xuño, así como na normativa establecida no presente plan.
  3. vi) Con respecto aos cultivos de cereal (excluíndo o millo), as superficies de actuación non poderán superar as 10 hectáreas, cunha pendente inferior ao 20 %.

vii) Ao longo dun sexenio a superficie estimada no momento de cada LIC, ocupada por queirogais secos (4030) en cada ZEC, non poderá verse reducida nunha porcentaxe superior ao 5 % debido á reforestación, implantación de pasteiros ou cultivo de cereal».

Trinta e tres. Engádense as letras j), k) e l) ao número 3 do artigo 57 do anexo II, que quedan coa seguinte redacción:

«j) O órgano competente en materia de patrimonio natural velará polo mantemento do estado de conservación favorable dos queirogais secos (4030), promovendo, de ser o caso, as medidas de conservación e xestión.

  1. k) As actuacións de subsolado, sangrado e rozas mecánicas sobre os hábitats lacunares (1150*, 3110, 3120, 3130, 3140, 3150, 3160, 7210*), marismas (1140, 1310, 1320, 1330, 1420, 7210*), turbeiras (7110*, 7130*, 7140, 7150, 7230, 91D0*) ou corredores fluviais (3260, 3270, 91E0*, 91F0, 92A0) requirirán da elaboración dun proxecto que será sometido á avaliación de impacto ambiental, excepto as actuacións de xestión do espazo protexido.
  2. l) Considéranse usos prohibidos:

1º) As cortas a feito ou a matarrasa sobre formacións arborizadas naturais e, especialmente, sobre aquelas incluídas dentro do anexo I da Directiva 92/43/CEE.

2º) O depósito de materiais sobrantes de cortas ou outros aproveitamentos forestais sobre hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación.

3º) As novas plantacións de eucaliptos no territorio delimitado polo ámbito deste plan, excepto o disposto no artigo 57.3.a)».

Trinta e catro. Modifícase o artigo 59 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 59. Urbanismo e ordenación territorial en solo urbano e de núcleo rural

  1. Obxectivos do plan director
  2. a) Contribuír á ordenación equilibrada e á protección do medio rural no ámbito da Rede Natura 2000, harmonizando a conservación dos hábitats e das especies de interese comunitario tendo en conta as exixencias económicas, sociais e culturais da poboación.
  3. b) Garantir que a realización de plans, programas ou proxectos no ámbito do urbanismo e da ordenación territorial permite o mantemento dun estado de conservación favorable dos hábitats e especies que son obxecto de protección nas ZEC e ZEPA.
  4. c) Incorporar criterios orientadores ás distintas escalas do planeamento urbanístico territorial, nos termos do que dispón o artigo 52.g) da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
  5. Directrices
  6. a) A elaboración dos instrumentos de planificación urbanística e ordenación territorial a que fai referencia a normativa reguladora e que afecten o ámbito do artigo 1 deste decreto estará suxeita aos obxectivos, directrices e normas deste decreto de acordo cos termos que dispón o artigo 50 da Lei 5/2019, do 2 de agosto.

A aprobación dos instrumentos de planeamento a que fai referencia a normativa reguladora estará suxeita ás determinacións da normativa sectorial, así como ao disposto nos artigos 4 e 26 do anexo II deste decreto referidos á avaliación das repercusións ambientais dos plans e programas.

  1. b) Na elaboración e desenvolvemento do planeamento urbanístico no ámbito da Rede Natura 2000 incorporaranse tamén as condicións expostas na planificación hidrolóxica, sobre todo no referente ás condicións de urbanización, edificación e obras en zonas asolagables.
  2. c) Na planificación e desenvolvemento das actuacións urbanísticas no ámbito da Rede Natura 2000 terán que ser consideradas as previsións dos instrumentos específicos da normativa sectorial relativas ao litoral e ordenación territorial.
  3. d) A clasificación do solo para os efectos urbanísticos dentro das ZEC e ZEPA que se realice no planeamento adaptarase ás disposicións da normativa estatal e autonómica en materia do patrimonio natural e desenvolverá os obxectivos desta co fin de garantir a protección e conservación dos compoñentes dos espazos protexidos Rede Natura 2000.
  4. e) Os concellos, no seu ámbito competencial, poderán propoñer excepcións para garantir a prestación dos servizos mínimos previstos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Estas excepcións deberán estar suficientemente motivadas e someterse á aprobación da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.
  5. Normativa xeral
  6. a) A aprobación de instrumentos de planeamento urbanístico ou territorial que inclúan os espazos que integran o ámbito de aplicación deste decreto desenvolverase de conformidade co que dispón a normativa reguladora do solo e do patrimonio natural.
  7. b) Aos usos urbanísticos e actividades que se desenvolvan en solo urbano ou de núcleo rural non lles será aplicable a regulación contida neste decreto, e rexeranse exclusivamente pola normativa urbanística que proceda, en coherencia co disposto no artigo 21.2 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
  8. c) Os usos e actividades que se desenvolvan en solos cualificados como solo urbanizable, nos termos definidos na normativa do solo de Galicia, serán autorizables de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 5/2019, do 2 de agosto.
  9. d) Consideraranse usos autorizables as intervencións sobre edificacións cualificadas como fóra de ordenación, situadas no solo rústico de protección de espazos naturais, nos termos establecidos pola normativa vixente do solo.
  10. e) As actuacións de escavación, investigación, mantemento e conservación de restos arqueolóxicos estarán sometidas exclusivamente á normativa sectorial de patrimonio cultural, non sendo aplicables as disposicións deste plan director, nin requirirán de informe da consellaría competente en patrimonio natural.
  11. f) De conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o solo rústico incluído nas ZEC e ZEPA será cualificado nos instrumentos de planeamento como rústico de protección de espazos naturais. Os usos urbanísticos admisibles no ámbito do solo rústico de protección de espazos naturais poderán ser desenvoltos conforme o réxime de usos previstos na normativa sectorial de acordo cos obxectivos, directrices e normas regulados deste plan director, así como tamén nos instrumentos de planificación aprobados dos espazos naturais protexidos.
  12. g) Para o desenvolvemento das actuacións urbanísticas en solo rústico de protección de espazos naturais no ámbito de aplicación deste decreto, incluíndo a realización de edificacións, será necesaria a avaliación de repercusións, consonte o artigo 4 deste decreto, con independencia das autorizacións que resulten preceptivas por parte dos órganos competentes.
  13. h) Usos e actividades prohibidos: as actividades prohibidas pola normativa reguladora do solo».

Trinta e cinco. Engádese a letra f) ao número 1 do artigo 60 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«f) Protexer os valores naturais polos que o espazo protexido Rede Natura 2000 foi declarado fronte aos efectos destrutores dos grandes incendios, a través da creación e mantemento daquelas infraestruturas preventivas contra incendios forestais necesarias para defender a integridade do lugar, e que serán consideradas en todo caso medidas de xestión do propio espazo».

Trinta e seis. Dáse nova redacción á letra a) do número 3 do artigo 60 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«a) O mantemento das redes de infraestruturas preventivas contra os incendios forestais constitúe unha medida de xestión necesaria para a protección e conservación dos valores naturais polos que o espazo da Rede Natura 2000 foi declarado.

Así mesmo, as novas infraestruturas públicas de prevención de incendios forestais deberán estar incluídas nunha relación de infraestruturas preventivas contra incendios forestais, elaborada polo órgano competente en materia de defensa contra incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia, con suficiente detalle de localización e características construtivas que, unha vez informada positivamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, terán, para todos os efectos, a consideración de medidas de xestión do espazo».

Trinta e sete. Dáse nova redacción ao apartado 1º da letra b) do número 3 do artigo 60 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«1º) As tarefas de mantemento e conservación das infraestruturas lineais existentes no espazo natural, así como a reposición de sinais, que non supoñan modificacións no seu trazado e largo, incluídas as zonas de dominio público pertencentes ás infraestruturas lineais, que se rexerán pola súa lexislación sectorial, non sendo aplicables as disposicións deste plan director, nin requirirán de informe da consellaría competente en patrimonio natural».

Trinta e oito. Déixase sen contido o apartado 1º da letra d) do número 3 do artigo 60 do anexo II.

Trinta e nove. Modifícase o título do artigo 67 do anexo II, que pasa a titularse:

«Artigo 67. Zona 3: Área de uso xeral»

Corenta. Modifícase o título do artigo 68 do anexo II, que pasa a titularse:

«Artigo 68. Ordenación do territorio e urbanismo en solo rústico»

Corenta e un. Modifícase o apartado 2º da letra a) do número 1 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«2º) As obras de recuperación, rehabilitación, consolidación, investigación e posta en valor dos xacementos arqueolóxicos».

Corenta e dous. Déixase sen contido o apartado 5º da letra b) do número 1 do artigo 68 do anexo II.

Corenta e tres. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«c) Usos e actividades prohibidos.

Todas as actividades prohibidas pola lexislación sectorial en solo rústico ordinario e solo rústico especialmente protexido, a excepción daquelas que sexan consideradas como permitidas ou autorizables de acordo coas determinacións establecidas no presente plan».

Corenta e catro. Modifícase a letra a) do número 2 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«a) Usos e actividades permitidos.

Todas aquelas actividades de urbanismo e ordenación do territorio e de patrimonio arqueolóxico consideradas como permitidas na Zona 1 (Área de protección) da presente normativa».

Corenta e cinco. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«c) Usos e actividades prohibidos.

Todas as actividades prohibidas pola lexislación sectorial en relación co solo rústico ordinario e solo rústico especialmente protexido, a excepción daquelas que sexan consideradas como permitidas ou autorizables de acordo coas determinacións establecidas no presente plan».

Corenta e seis. Modifícase o apartado 1º da letra a) do número 3 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«1º) Todas aquelas actividades de urbanismo e ordenación do territorio e patrimonio arqueolóxico consideradas como permitidas na zona 2 (Área de conservación) da presente normativa».

Corenta e sete. Déixase sen efecto o número 21 da letra a) do número 3 do artigo 68 do anexo II.

Corenta e oito. Modifícase a letra c) do número 3 do artigo 68 do anexo II, que queda coa seguinte redacción:

«c) Usos e actividades prohibidos.

  1. Todas as actividades prohibidas pola lexislación sectorial en relación co solo rústico ordinario e solo rústico especialmente protexido, a excepción daquelas que sexan consideradas como permitidas ou autorizables de acordo coas determinacións establecidas no presente plan».

Artigo 20. Modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014

Modifícanse os números Tres bis e Seis da disposición adicional vixésimo primeira, que quedan redactados como segue:

«Tres bis. Cando as circunstancias económicas da Sociedade Galega do Medio Ambiente o permitan, por cumprir os obxectivos orzamentarios e as previsións do seu plan de viabilidade, a persoa titular da consellaría competente en materia de residuos, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de facenda, poderá establecer unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada nunha porcentaxe que non exceda o 15 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

A aprobación da contía do canon bonificado por tonelada publicarase no Diario Oficial de Galicia conxuntamente coa actualización anual do canon unitario prevista no número Dous desta disposición.

Para poder beneficiarse da dita bonificación, as entidades locais deberán presentar a súa correspondente solicitude ante a Sociedade Galega do Medio Ambiente no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación. Xunto coa solicitude deberá presentarse unha declaración cos seguintes compromisos:

  1. a) Modificación ou adaptación das prestacións patrimoniais de carácter público establecidas para o servizo público de recollida de residuos urbanos, tratamento e eliminación destes, coa finalidade de trasladar ás persoas beneficiarias do referido servizo o importe equivalente ao da devandita bonificación con efectos económicos do 1 de xaneiro da anualidade correspondente á aprobación do canon bonificado.
  2. b) Mantemento ou aprobación de novas medidas que fomenten a recollida selectiva orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional ou ao fomento da reciclaxe dos envases lixeiros.
  3. c) Implantación, antes do 31 de decembro de 2023, da recollida diferenciada da materia orgánica a través da instalación do quinto contedor de cor marrón. Exceptúanse do disposto neste apartado os concellos de menos de 2.000 habitantes, que deberán ter implantado un programa de compostaxe domiciliario e/ou comunitario.

A presentación da declaración co contido indicado determinará a inmediata aplicación do canon bonificado con efectos económicos do 1 de xaneiro correspondente á anualidade de aprobación do canon bonificado.

Non obstante, nos dous primeiros meses do ano seguinte ao da aplicación do canon bonificado, as entidades locais beneficiarias deste deberán presentar a correspondente certificación acreditativa do cumprimento efectivo dos compromisos recollidos nas letras a) e b) deste número e, se é o caso, da letra c).

No caso de que, no prazo sinalado no parágrafo anterior, non se achegue a correspondente certificación ou cando se constate o incumprimento das condicións requiridas para o gozo da bonificación, será aplicable o canon ordinario sen bonificación, polo que a Sociedade Galega do Medio Ambiente procederá a facturar, antes do 30 de marzo, o importe da bonificación aplicada o ano anterior. No caso de impagamento deste importe, aplicarase o disposto no número Seis desta disposición».

«Seis. En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, entre as condicións para a adhesión figurará a dun tempo mínimo de adhesión que permita realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos que se traten e que, no caso de impagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario, imposto de valor engadido e demais impostos que resulten aplicables, estas terán a consideración de vencidas, líquidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada concello como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do Fondo de Cooperación Local, de acordo co establecido na regulación deste. As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

Cando o obrigado ao pagamento sexa unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes serán responsables solidarios, na parte que corresponda, segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema polo impagamento do canon unitario, imposto de valor engadido e demais impostos que resulten aplicables».

CAPÍTULO III

Medio rural

Artigo 21. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais

O artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, queda modificado como segue:

«Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas

  1. As persoas que resulten responsables de acordo co artigo 21 ter procederán á execución da obrigación de xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, se é o caso, a retirada de especies arbóreas, de tal modo que se manteña un control da carga de combustible para impedir o risco de incendios forestais e a súa propagación durante todo o ano. Co obxecto de preparación das campañas de prevención dos incendios forestais de cada ano nos períodos de maior risco de incendios, as administracións competentes, coa antelación precisa, intensificarán as súas accións de control co obxectivo de que a xestión da biomasa polos responsables estea concluída, en todo caso, antes de que finalice o mes de maio de cada ano, procurando actuar con preferencia nas zonas de maior risco de incendios forestais.

Con todo, no caso de que nalgún dos catro anos anteriores, as persoas responsables non atendesen a advertencia para o cumprimento das súas obrigacións de xestión da biomasa e retirada de especies, efectuada de acordo co establecido no punto 2, a administración competente realizará as súas accións de control co obxectivo de que a xestión estea concluída, en todo caso, con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano.

Cando pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, esta planificación anual terá que ser aprobada polo órgano directivo competente en materia de prevención de incendios, agás no caso de que a infraestrutura sexa de titularidade estatal, caso en que corresponderá a súa aprobación ás autoridades estatais, sen prexuízo das actuacións que se adopten entre ambas as administracións públicas en aplicación dos principios de colaboración e cooperación que establece o artigo 140.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. O órgano directivo competente en materia de prevención de incendios, na aprobación das actuacións de planificación da súa competencia, procurará a súa coordinación coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e retirada de especies respecto de infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa.

A xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas realizarase conforme os criterios establecidos mediante orde da consellaría competente en materia forestal.

  1. No suposto de incumprimento da obrigación establecida no número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, poderá enviar á persoa responsable unha comunicación na que se lle lembrará a súa obrigación legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, e concederáselle para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das faixas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación.

Esta comunicación incluirá a advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido do devandito prazo, poderanse impoñer multas coercitivas reiteradas cada tres meses, cuxa contía será de 900 euros por hectárea de superficie de parcela non xestionada, ou a parte proporcional se a área for inferior, mentres persista o incumprimento, ou ben proceder á execución subsidiaria a través da realización pola administración das actuacións materiais necesarias, con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, de ser o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola administración, nas condicións establecidas neste precepto.

En todo caso, a contía mínima que se impoña por multa coercitiva será de 100 euros, con independencia das hectáreas que integren a superficie da parcela non xestionada. Na comunicación advertirase de que, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais necesarias pola administración poderase verificar en calquera momento transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, atendidas as súas posibilidades materiais e orzamentarias de actuación, sempre que se manteña o incumprimento. Unha vez transcorrido este prazo de catro anos, a administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria. Igualmente, incluirase na comunicación que, ante a falta de atención do devandito apercibimento, a administración competente realizará as súas accións de control durante os catro anos seguintes co obxectivo de que a xestión estea concluída, en todo caso, con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano.

A imposición de multas coercitivas ou, de ser o caso, da execución subsidiaria será independente da instrución do procedemento sancionador que se poida levar a cabo, sen prexuízo de que no caso de que a administración opte pola imposición de multas coercitivas estas se substitúan no seu momento polas que se poidan acordar no procedemento sancionador. Para tal fin, na comunicación indicada informarase de que a falta de cumprimento das obrigacións indicadas é constitutiva de infracción administrativa, polo que dará lugar ao comezo do procedemento sancionador que corresponda, no que poderán adoptarse medidas de carácter provisional consistentes en traballos preventivos de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas co obxecto de evitar os incendios forestais e comiso das indicadas especies.

A persoa responsable que reciba a comunicación e apercibimento terá a obriga de poñer en coñecemento do órgano requirente o inicio e a realización dos traballos de xestión. En ausencia da indicada comunicación, a administración poderá considerar os traballos como non realizados mentres non conste proba en contrario.

  1. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable da xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, cando se ignore o lugar de notificación ou cando, tentada esta, non poida practicarse a notificación da comunicación prevista no número anterior, farase por medio dun anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estadoe no taboleiro de anuncios do concello, e conterá os datos catastrais da parcela. Nestes supostos, o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

No suposto previsto no parágrafo anterior, a publicación no Diario Oficial de Galicia non supoñerá ningún custo para as entidades locais, sen que poida aplicarse ningunha taxa pola devandita publicación. No caso de que non poida determinarse a identidade da persoa responsable, poderase promover a investigación da titularidade dos inmobles a que se refire o artigo 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, coa aplicación das consecuencias derivadas da tramitación do devandito procedemento.

No marco dos procedementos de investigación da titularidade ou mobilización de terras poderanse adoptar medidas provisionais de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

  1. Transcorridos os prazos sinalados no número 2 deste artigo sen que conste que a persoa responsable cumprise a súa obrigación de xestión da biomasa e, se é o caso, de retirada das especies arbóreas prohibidas, e sen prexuízo da posibilidade de proceder a unha visita de comprobación, a administración pública competente poderá proceder, sen máis trámite, á realización dos traballos materiais en que consista a execución subsidiaria, atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

No ámbito das redes de faixas secundarias, cando as actuacións materiais de execución subsidiaria nas parcelas se agrupen por concellos, parroquias ou núcleos, con carácter previo ao seu inicio, a administración competente deberá publicar un anuncio no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia á que pertence e no taboleiro de anuncios do concello, mediante o que comunicará a previsión de inicio das indicadas actuacións materiais no ámbito territorial que corresponda e que levarán a cabo sobre aquelas parcelas nas que persista o incumprimento de xestión de biomasa. Este anuncio non será necesario nos casos previstos nos números 7 e 8.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria pola administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e será notificada á persoa responsable para o seu pagamento.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da administración que realice tales vendas, a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia.

  1. Alternativamente á execución subsidiaria prevista no número anterior, poderán impoñerse as multas coercitivas previstas no punto 2, mentres persista o incumprimento de xestión da biomasa. Con todo, no caso de que se aprecie unha necesidade sobrevida derivada do risco de incendios, poderase proceder á execución subsidiaria mesmo naqueles supostos nos que previamente se impuxeron unha ou varias multas coercitivas, se tras a súa imposición non se levou a cabo a xestión da biomasa requirida, e sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable. Para a realización desta execución subsidiaria deberá publicarse previamente o anuncio previsto no número anterior, excepto nos casos previstos nos números 7 e 8.
  2. Os concellos que dispoñan dun plan de prevención e defensa contra incendios aprobado poderán delimitar, en función da presenza de factores obxectivos de risco, tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais, zonas de actuación prioritaria, nas cales se priorizarán as actuacións de comprobación de xestión de biomasa e, se é o caso, da execución subsidiaria. Da mesma forma, a Administración autonómica poderá priorizar a execución subsidiaria, no marco do sistema público de xestión da biomasa, de acordo cos factores obxectivos de risco de incendios forestais.
  3. Poderán delimitarse zonas de actuación prioritaria e urxente, nas cales o incumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión da biomasa vexetal ou a retirada de especies arbóreas prohibidas na data a que se refire o número 1 habilitará as administracións públicas competentes para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria de tales obrigas, en función da presenza de factores obxectivos de risco tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais na zona. A dita delimitación efectuarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, sobre a base dunha avaliación técnica especializada das zonas que se van delimitar.

Sen prexuízo desta delimitación xeral, cando concorran razóns urxentes derivadas dunha situación obxectiva de grave risco para as persoas ou os bens no caso de que non se efectúe inmediatamente a xestión da biomasa e a retirada de especies prohibidas, as administracións públicas poderán delimitar, mediante resolución, nas faixas da súa competencia, unha ou varias zonas como de actuación prioritaria e urxente co fin de habilitar para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria en caso de incumprimento das obrigacións de xestión da biomasa ou retirada de especies prohibidas por parte das persoas responsables. A delimitación provisional destas zonas de actuación prioritaria e urxente publicarase no Diario Oficial de Galicia e incluirá un apercibimento das consecuencias establecidas nesta lei no caso de aprobación. Transcorridos quince días, a resolución pola que se delimitan as zonas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

  1. Con independencia do previsto nos números anteriores, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de comunicación previa nin de autorización de ningún tipo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens.
  2. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitar os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.
  3. A competencia para efectuar as comunicacións e tramitar os procedementos de execución subsidiaria e multas coercitivas regulados neste artigo corresponde ás entidades locais nos casos de incumprimento do disposto no artigo 21, así como nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, e á consellaría competente en materia forestal nos demais casos.

Non obstante, no marco do convenio que regula o sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa a que se refire o artigo 21 quater desta lei, poderase prever como fórmula de colaboración, entre outras actuacións, que a consellaría competente en materia forestal asuma a competencia para efectuar as comunicacións, apercibimentos, a imposición de multas coercitivas, as publicacións e o desenvolvemento das actuacións materiais de execución subsidiaria previstas neste precepto. Así mesmo, nos casos de incumprimento do disposto no artigo 21, en que, por razóns técnicas debidamente motivadas, resulte inviable que a Administración local poida realizar a execución subsidiaria, poderán arbitrarse medios de colaboración entre as entidades locais non adheridas ao sistema público de xestión da biomasa e a autonómica para posibilitar a execución subsidiaria. Para estes efectos o convenio poderá prever, entre outras actuacións, as previstas no parágrafo anterior. Os instrumentos de colaboración determinarán igualmente o destino dos fondos que, de ser o caso, se perciban da venda das especies arbóreas.

Nos casos en que a Administración autonómica, no marco do convenio previsto no artigo 21 quater.2 para as redes de faixas secundarias, asuma a consideración de administración actuante e desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria a través de Seaga, compensará todos os gastos ou custos en que incorra esta sociedade. Para estes efectos, como garantía da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión da biomasa, os custos derivados da execución subsidiaria debidos pola persoa responsable terán a consideración de créditos de dereito público da Administración autonómica, e a súa recadación executiva corresponderá aos órganos competentes desta. De acordo co exposto, nestes casos, a consellaría competente en materia forestal será a encargada de ordenar a execución subsidiaria e, de acordo coa xustificación documental de custos da execución subsidiaria presentada por Seaga, deberá aprobar a liquidación definitiva e notificala á persoa responsable, concedéndolle un período de pagamento voluntario dun mes para o pagamento dos gastos e custos correspondentes á execución subsidiaria, achegando o correspondente documento de ingreso segundo o modelo que aprobe a consellaría competente en materia de facenda. A xestión recadatoria levarase a cabo polos órganos de recadación competentes da Administración autonómica.

  1. O incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública. No caso de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia».

Artigo 22. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 2, que queda redactado como segue:

«3. En todas as categorías de solos rústicos de especial protección, os aproveitamentos forestais rexeranse polo disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento en todo aquilo en que non se lles aplique a súa normativa específica».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 21, que queda redactado como segue:

«1. Poderán ser declarados como montes protectores de Galicia aqueles montes ou terreos forestais privados que cumpran algunha das condicións que para os montes públicos establece o artigo 27 desta lei».

Tres. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 28, que quedan redactados como segue:

«1. Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou de parte dun monte, por acordo do Consello da Xunta, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídas a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública.

  1. Con carácter excepcional, por acordo do Consello da Xunta, logo do informe do seu órgano forestal e, de ser o caso, da entidade titular, poderase autorizar a exclusión dunha parte dun monte catalogado por causa de interese público prevalente».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«2. A permuta deberá ser expresamente autorizada mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta do órgano forestal e coa conformidade das persoas propietarias, e comportará a automática exclusión do catálogo da parte permutada do monte catalogado e o simultáneo ingreso no dito catálogo dos novos terreos. No caso dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma, o acordo de permuta implicará a desafectación da parte que se vai permutar e a correspondente afectación da parte permutada».

Cinco. Modifícase o número 2 do artigo 45, que queda redactado como segue:

«2. A xestión dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo poderá efectuarse mediante unha xunta xestora que administre os intereses de todos os copropietarios ou, na súa falta, mediante a asemblea de copropietarios. Regulamentariamente desenvolverase a composición e funcións da xunta xestora, o procedemento para a súa constitución, convocatoria, réximes de maiorías, os requirimentos para que a dita constitución se considere válida e a súa vixencia. Tamén será obxecto do desenvolvemento regulamentario o funcionamento da asemblea».

Seis. Suprímense os números 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 do artigo 45, que quedan sen contido.

Sete. Suprímese o artigo 67 bis.

Oito. Modifícase o número 2 do artigo 68 bis, que queda redactado como segue:

«2. No caso de incumprimento dos réximes de distancias mínimas a que se refire o número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, poderá enviar á persoa que resulte responsable, consonte o artigo 140, unha comunicación na que se lle recordará a súa obriga de retirada do arboredo afectado, e concederáselle para facelo un prazo máximo de tres meses, contado desde a recepción da comunicación. A comunicación será obrigatoria no caso de que a Administración pretenda proceder á execución subsidiaria con carácter previo ao inicio do procedemento sancionador e incluirá a advertencia de que, no caso de persistencia no incumprimento transcorrido o devandito prazo, se poderá proceder á execución subsidiaria á custa do obrigado e se poderá acordar a incoación do procedemento sancionador que corresponda e a medida cautelar de comiso dos produtos procedentes da corta de especies arbóreas, se for o caso».

Nove. Modifícase o número 2 do artigo 81, que queda redactado como segue:

«2. Terá carácter de actuación previa, consonte o previsto no artigo 55 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a introdución por parte do persoal técnico redactor na oficina agraria virtual accesible desde a páxina da consellaría competente en materia forestal (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/tramites/xorfor) dos datos tabulados do instrumento, cartografía dixital e documentación técnica complementaria descrita no regulamento de desenvolvemento desta lei.

O procedemento iniciarase coa solicitude da persoa interesada, que deberá ir en todo caso acompañada do informe de validación da documentación emitido pola unidade técnica competente da xefatura territorial correspondente e previsto na normativa de desenvolvemento desta lei.

O procedemento terá unha duración de seis meses. Se transcorridos seis meses desde a solicitude de aprobación do instrumento de ordenación ou de xestión forestal, a administración competente non resolve, entenderase estimada a solicitude. Non obstante o anterior, prohíbese o silencio positivo contra legem.

Se durante a tramitación do procedemento a persoa solicitante presenta unha nova versión do instrumento de ordenación ou xestión forestal cuxo contido sexa substancialmente distinto do anterior, de tal xeito que exixa unha nova valoración técnica ou modifique aspectos dela que requiran da emisión de novos informes sectoriais, a presentación desa nova versión do instrumento de ordenación ou xestión forestal implicará o reinicio do prazo máximo de seis meses de duración do procedemento. Tal reinicio deberá comunicarse de forma motivada á persoa solicitante».

Dez. Engádese a letra e) no artigo 92 bis.3, que queda redactada como segue:

«e) Para os efectos do cumprimento do previsto na normativa sobre a legalidade da madeira, as cortas de arboredo que se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria que teñan por finalidade a súa adecuación á natureza do solo ou ao catálogo de solos agropecuarios e forestais.

A persoa interesada deberá declarar, así mesmo, que dispón do informe sectorial favorable da dirección xeral ou organismo competente en materia de desenvolvemento rural sobre a procedencia da adecuación do uso agrícola e das operacións que se efectúen, así como sobre o prazo máximo para a súa execución e as condicións que haxa que respectar, que terán en consideración a lexislación sectorial correspondente».

Once. Modifícase o número 5 do artigo 95, que queda redactado como segue:

«5. O aproveitamento da biomasa forestal realizarase seguindo criterios de sustentabilidade, e a regulación do aproveitamento da biomasa forestal garantirá a conservación da biodiversidade, a estabilidade dos solos, facilitando o desenvolvemento dos ciclos ecolóxicos, a valorización integral dos montes nos seus usos e aproveitamentos e a súa compatibilidade coas actividades tradicionais da industria forestal galega, como doutros sectores tradicionais.

Para garantir a dita compatibilidade, non poderán ser obxecto de valorización enerxética con fins eléctricos aquelas partes dos fustes ou troncos de madeira cuxo diámetro en punta delgada sexa maior ou igual a 7 centímetros sen casca, agás nos casos de tratarse de árbores do xénero Acacia spp, que si poderán destinarse integramente á xeración eléctrica».

Doce. Engádese o número 5 no artigo 122 coa seguinte redacción:

«5. Tendo en consideración as finalidades sociais e de interese xeral que perseguen coa súa actuación as agrupacións forestais de xestión conxunta, de acordo co disposto no número 2 deste artigo, a administración forestal poderá executar accións directas de recuperación e desenvolvemento das formacións arbóreas, con cargo ao seu orzamento. Estas accións serán demostrativas dos modelos de xestión forestal e do fomento dunha xestión forestal activa».

Trece. Modifícase a letra a) do número 1 do artigo 123, que queda redactada como segue:

«a) Propietarios de montes protectores».

Catorce. Modifícase a letra n) do número 2 do artigo 129, que queda redactada como segue:

«n) As infraccións tipificadas na letra i) 1º do artigo 128, cando se trate de repoboacións realizadas co xénero Eucalyptus que incumpran a disposición transitoria novena da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia».

Quince. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 133, que quedan redactados como segue:

«1. Sen prexuízo das sancións penais ou administrativas que en cada caso procedan, o infractor deberá reparar o dano causado na forma, prazo e condicións fixadas polo órgano sancionador. Esta obriga é imprescritible no caso de danos ao dominio público forestal.

O prazo que se concederá na resolución para a reparación do dano terá unha duración que variará en función da superficie afectada pola comisión da infracción e as condicións desta superficie, sen que en ningún caso poida exceder dos seis meses no caso de arranque das repoboacións forestais ilegais.

A persoa sancionada deberá comunicar á correspondente xefatura territorial da consellaría competente en materia de montes o cumprimento da obriga de reparación do dano causado.

Unha vez rematado o prazo sinalado polo órgano sancionador na resolución do procedemento para a reparación do dano, a xefatura territorial correspondente imporá de forma reiterada multas coercitivas consonte o que prevé o artigo 145, ata constatación do cumprimento da obriga de reparación.

  1. A reparación terá como obxectivo a restauración do monte ou ecosistema forestal á situación previa aos feitos constitutivos da infracción sancionada. Para os efectos desta lei, enténdese por restauración a volta do monte ao seu estado anterior ao dano, e por reparación, as medidas que se adoptan para lograr a súa restauración. O causante do dano estará obrigado a indemnizar a parte dos danos que non poidan ser reparados, así como os prexuízos causados.

A transmisión da parcela polo responsable da infracción non extinguirá a obrigación de reparar o dano causado na forma e condicións fixadas polo órgano sancionador, nin transmitirá a dita obrigación ao novo titular da parcela. Nos casos de transmisión, o novo titular da parcela deberá facilitar o cumprimento das obrigas de reparación do dano causado á persoa responsable da infracción».

Dezaseis. Modifícase o número 4 do artigo 136, que queda redactado como segue:

«4. O órgano competente para resolver impoñerá acumulativamente, de ser o caso, a sanción accesoria de comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas retiradas pola Administración no caso das execucións subsidiarias realizadas consonte o establecido no artigo 68 bis. Se a madeira se vendeu, o comiso referirase ao produto obtido pola súa venda, ao cal se lle deberá dar o destino previsto nesta lei».

Dezasete. Modifícase o número 2 do artigo 138, que queda redactado como segue:

«2. A incoación dos correspondentes expedientes sancionadores corresponde á persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de montes que sexa competente por razón do territorio, que actuará de oficio ou por instancia de parte.

No caso de que a infracción presuntamente cometida afecte o ámbito territorial de máis dunha provincia, a competencia para a incoación do expediente sancionador corresponderá á persoa titular da xefatura territorial en cuxa provincia se atope a maior parte do monte afectado pola comisión a que se refira a conduta infractora.

A persoa titular da xefatura territorial que corresponda encomendaralle a instrución dos expedientes sancionadores ao servizo competente da dita xefatura».

Dezaoito. Modifícase o número 2 do artigo 145, que queda redactado como segue:

«2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 20 % da multa fixada pola infracción cometida.

O requirimento previo previsto no número 1 deste artigo efectuarase unha soa vez antes da imposición da primeira multa coercitiva».

Dezanove. Engádese unha disposición adicional terceira bis coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira bis. Consideración da cesión ou mantemento do carbono almacenado nos montes como aproveitamento forestal e protección da integridade das comunidades de montes veciñais en man común

  1. A Administración autonómica velará pola conservación, protección, restauración, mellora e ordenado aproveitamento do servizo de fixación do carbono atmosférico que prestan os montes, tendo en conta que a fixación do dióxido de carbono nos montes contribúe á mitigación do cambio climático, en función da cantidade de carbono fixada na biomasa forestal do monte. A persoa titular do monte é a propietaria do carbono almacenado, como recurso forestal que no monte se produce, de acordo co número 1 do artigo 84, e ten dereito ao seu aproveitamento, que se realizará con suxeición ás prescricións desta lei e ás disposicións que a desenvolvan. Para os efectos desta lei, a realización de negocios xurídicos que teñan como obxecto a cesión ou mantemento do dióxido de carbono, presente ou futuro, almacenado nos montes considerarase como un aproveitamento forestal incluído no número 3 do seu artigo 8, como servizo característico dos montes.
  2. A realización de negocios xurídicos sobre o carbono almacenado en montes de xestión pública polas persoas titulares dos seus dereitos deberá obter previamente a autorización da administración forestal.
  3. Tendo en conta a limitación que supoñen ao aproveitamento madeireiro e ás obrigas que implican de mantemento da masa arborada, os posibles riscos consecuentes e a posible interferencia coas quendas de corta, os negocios xurídicos que supoñan a cesión ou adquisición das absorcións de dióxido de carbono futuras realizados polas comunidades de montes veciñais en man común consideraranse como un acto de disposición para os efectos do establecido na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

O período contractual non poderá ser superior a trinta anos, excepto nos casos de que os anos asociados á quenda de corta de rexeneración asociada á especie principal sexan superiores. No caso de presentar varias especies principais, aplicaranse os anos da maior quenda.

De acordo co exposto, a validez destes negocios xurídicos requirirá a aprobación da asemblea xeral da comunidade co voto favorable da maioría dos presentes que represente polo menos o 50 % do censo de comuneiros en primeira convocatoria e o 30 % en segunda. Dentro da documentación posta á disposición da asemblea, e para a súa información, deberá existir un informe económico que analice as obrigas que o negocio xurídico supón para a comunidade, especialmente as referidas á conservación da masa arborada. O prezo que percibirá a comunidade deberá compensar as obrigas asumidas e xustificarase que responde a prezos de mercado. Así mesmo, como actos de disposición, estes negocios xurídicos deberán formalizarse en escritura pública e deberán ser obxecto de inscrición no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

Estes negocios xurídicos deberán incluír estipulacións referidas aos riscos e responsabilidades en caso de incendio forestal ou outra causa de forza maior. Así mesmo, estes negocios xurídicos deberán incluír en todo caso que, no caso de transmisión polo cesionario dos seus dereitos, a comunidade de montes terá dereito a percibir a parte do prezo da transmisión que se estableza.

  1. A consellaría competente en materia de montes poderá mediante resolución administrativa aprobar modelos tipo orientativos de contrato relativos ao carbono almacenado, de utilización voluntaria, co obxecto de orientar e facilitar a actuación das comunidades de montes veciñais en man común e protexer os seus dereitos.
  2. Os negocios xurídicos sobre o carbono almacenado formalizados polas comunidades de montes veciñais en man común antes da entrada en vigor desta disposición que pola súa natureza e condicións deban ter a consideración de actos de disposición e incumpran o establecido nas disposicións da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, vixentes no momento da súa celebración, serán nulos, sen prexuízo da posibilidade de que poidan someterse á aprobación da asemblea; aprobación que terá efectos desde o momento da súa adopción e que deberá suxeitarse aos preceptos establecidos nesta disposición.
  3. A realización de negocios xurídicos sobre o carbono almacenado en montes de xestión pública polas persoas titulares dos seus dereitos sen obter a autorización da Administración forestal ou en montes veciñais en man común, sen cumprir cos requisitos establecidos na lexislación vixente e nesta disposición, considerarase como infracción administrativa en materia de aproveitamentos de acordo coa letra ñ) do artigo 128 da lei, que se sancionará de acordo co previsto no número 2 do artigo 129 como infracción grave».

Vinte. Engádese unha disposición adicional terceira ter coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira ter. Sistema voluntario de créditos de carbono

  1. A Xunta de Galicia poderá articular un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario cun rexistro no que se poderán inscribir aquelas persoas titulares dos dereitos derivados do aumento de carbono almacenado grazas ás súas actividades. Este sistema servirá de nexo entre os titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións.

O sistema basearase na xestión forestal sustentable e activa como ferramenta diferencial para secuestrar un número de toneladas de carbono adicionais fronte a aqueles bosques exentos de xestión forestal. Ademais, non só contabilizará o carbono almacenado pola cuberta arbórea, senón tamén aquel carbono almacenado en produtos de madeira, fomentando aqueles que presenten ciclos de vida longa.

A metodoloxía de cálculo do carbono almacenado, así como a superficie forestal obxecto de ser elixida, basearanse nun sistema de cuantificación auditado e validado baixo os máis altos estándares internacionais no marco das directrices das guías de inventarios nacionais de gases de efecto invernadoiro do Panel Intergobernamental do Cambio Climático (IPCC).

  1. Aquelas persoas titulares que desexen inscribir proxectos no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán cumprir, cando menos, cos seguintes requisitos ou obrigas:
  2. a) Dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola administración forestal.
  3. b) En complementariedade coas exixencias establecidas en materia de inventario forestal no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, aqueles titulares que inscriban de forma voluntaria superficies no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán realizar a toma de parcelas de mostraxe seguindo os requirimentos establecidos no dito sistema, axustándose a súa monitoraxe e inventariación aos requisitos de forma e tempo establecidos. A Administración autonómica poderá recoller, nas axudas públicas dirixidas ao fomento da ordenación e xestión forestal, os custos na aplicación dos devanditos requisitos.
  4. c) As persoas titulares dos dereitos de carbono inscritos no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán estar suxeitas ás auditorías continuadas e permitir a entrada ao persoal responsable do sistema, así como cooperar con el no que for necesario co fin de dotar da maior transparencia o dito sistema, en particular na detección de posibles casos de dobre contabilidade en materia de créditos en Galicia.
  5. d) As persoas titulares dos dereitos de carbono inscritos no sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán asegurar unha permanencia do proxecto inscrito de, cando menos, os anos asociados á quenda de corta de rexeneración da asociada á especie principal establecida. No caso de presentar varias especies principais, aplicaranse os anos da maior quenda.
  6. Os contratos para a comercialización de créditos de carbono que se subscriban con comunidades de montes veciñais en man común como aproveitamento forestal estarán suxeitos ao establecido na disposición adicional terceira bis desta lei.
  7. Co fin de que a consellaría con competencias en materia de montes avalíe o cumprimento dos requirimentos legais vixentes e detecte posibles casos de dobre contabilidade en materia de créditos en Galicia, o titular dos dereitos de carbono deberalle remitir á dita consellaría unha copia do contrato para a comercialización de créditos de carbono».

Artigo 23. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia

O Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e xestión de montes de Galicia, queda modificado como segue:

Modifícase o número 6 do artigo 12, que queda redactado como segue:

«6. Introducidos os datos previstos no número anterior, a unidade técnica competente da xefatura territorial correspondente procederá á súa análise e, de ser o caso, á súa validación, emitindo un informe de validación da documentación, que deberá acompañar en todo caso a solicitude de aprobación do instrumento, como documentación complementaria. O informe de validación incluirá un número do expediente unívoco que se empregará para a presentación da solicitude de aprobación.

Sen prexuízo do anterior, o persoal técnico redactor poderá obter de xeito automático un informe resumo, co fin de que poida verificar a información finalmente cargada. Este resumo deberá ser asinado pola persoa solicitante e presentarse como documentación complementaria na solicitude de aprobación do proxecto de ordenación ou do documento simple ou compartido de xestión forestal».

Artigo 24. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia

A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 5, que queda redactado como segue:

«2. No caso de procesos especiais, o ámbito de aplicación será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous. Suprímese o número 3 do artigo 6, que queda sen contido.

Tres. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 12, que queda redactada como segue:

«b) Impedir o estado de abandono ou infrautilización dos predios de substitución atribuídos, mantendo as terras cultivadas conforme a súa capacidade agronómica e o aproveitamento adecuado dos seus recursos, respectando os seus valores medioambientais, facendo fronte, por si mesma ou por cesión a terceira persoa, aos compromisos adquiridos durante un período mínimo de dez anos a partir de que o acordo de reestruturación parcelaria sexa firme ou, na súa falta e polo mesmo período de tempo, incorporar ao Banco de Terras os predios de substitución atribuídos en que non se poida garantir o compromiso.

O incumprimento desta obriga será sancionado conforme o disposto nos artigos 139.2.e), 139.3 c) e 139.4.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, segundo a infracción estea cualificada como leve, grave ou moi grave, ou norma vixente na materia».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 20, que queda redactado como segue:

«Este plan seguirá as directrices establecidas no Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia para o ámbito da reestruturación parcelaria, aínda que poderán precisarse para adaptalas a unha escala espacial de maior detalle. No suposto de non estar desenvolvido o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, elaborarase un catálogo parcial para a zona da reestruturación parcelaria, que formará parte do Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria e que se elaborará segundo a metodoloxía descrita na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Así mesmo, poderase ter en conta calquera iniciativa que incida na mitigación e adaptación para os efectos do cambio climático».

Cinco. Modifícase o punto 1 do artigo 26, que queda redactado como segue:

«1. Á vista do resultado do procedemento de elaboración das bases de reestruturación parcelaria e da viabilidade da continuación deste, o comité técnico asesor emitirá informe non vinculante dirixido á dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, no que recomende a continuación do proceso ou, no caso contrario, a súa suspensión ou o seu arquivo. Este informe deberá ser emitido coa antelación dun mínimo dun mes previo á convocatoria da xunta local de zona a que fai referencia o punto seguinte.

No caso de que o comité técnico asesor recomende non continuar co proceso de reestruturación parcelaria da zona de que se trate, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural solicitará do servizo provincial de infraestruturas agrarias a elaboración dun informe sobre a procedencia do inicio dun procedemento para a aprobación dun instrumento de recuperación de terras ou dun procedemento de mobilización da terra agroforestal. Nestes procedementos poderán conservarse os datos e a información derivada dos traballos levados a cabo ata ese momento. Todo isto sen prexuízo de que, á vista do informe remitido, por parte da antedita dirección xeral se acorde, sen máis actuacións, o arquivo do proceso de reestruturación parcelaria».

Seis. Engádese o número 4 bis ao artigo 27 coa seguinte redacción:

«4 bis. A firmeza das bases de reestruturación parcelaria non impedirá a súa motivada modificación para os efectos da actualización do expediente por causas sobrevidas como consecuencia de actuacións doutros organismos ou administracións públicas que impidan que a documentación integrante das ditas bases garde a necesaria correspondencia coa situación real dos terreos afectados polo proceso de reestruturación parcelaria. Non obstante, e co obxecto de evitar atrasos prexudiciais para o referido proceso, só poderá facerse efectiva a dita modificación ata a aprobación do acordo de reestruturación parcelaria».

Sete. Modifícase o número 1 do artigo 34, que queda redactado como segue:

«1. A finalidade dos predios integrantes da masa común será a compensación derivada da estimación das reclamacións de superficie, resolucións dos recursos, corrección de erros ou outras circunstancias que deprecien de forma significativa ou fagan inutilizable un predio atribuído e non solicitado pola persoa interesada».

Oito. Engádese o número 6 ao artigo 41 coa seguinte redacción:

«6. Durante o proceso de reestruturación parcelaria, aínda que as bases acadasen firmeza, e co obxecto da actualización dos elementos construtivos, as persoas titulares destes poderán poñer en coñecemento do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria durante a exposición dos planos de bases, dos planos de enquisa previa ao acordo ou dos planos do acordo, as modificacións destes co fin da súa incorporación á documentación e planos do proceso. Para tal fin deberán achegar a correspondente licenza municipal que serviu de base para levar a cabo a alteración que se pretende reflectir.

Para os efectos indicados no parágrafo anterior, o servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria establecerá a data de inicio do cómputo do prazo de dous meses, durante o cal se poderá solicitar a actualización dos elementos construtivos que se recollerán nos planos e documentación do proceso de reestruturación parcelaria.

As solicitudes presentadas fóra de prazo ou desestimadas serán arquivadas sen máis actuación que a súa notificación á persoa interesada. As solicitudes estimadas veranse reflectidas coa notificación da fase seguinte do proceso de reestruturación parcelaria».

Nove. Modifícase a letra b) do artigo 81, que queda redactada como segue:

«b) A reestruturación parcelaria de carácter público, reestruturación da propiedade de predios de vocación agraria polas persoas particulares e procesos especiais inherentes aos casos de proxectos de grandes obras públicas lineais e coutos mineiros».

Dez. Modifícase o número 1 do artigo 90, que queda redactado como segue:

«1. O incumprimento do Plan de aproveitamento de cultivos ou o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona, segundo sexa o caso, en tanto non se aprobe outro instrumento de ordenación dos aproveitamentos dos terreos obxecto do proceso de concentración ou reestruturación parcelaria».

Artigo 25. Modificación do Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia

O Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue:

Engádese unha letra g) no número 2 do artigo 24, que queda redactada como segue:

«g) Para os efectos do cumprimento do previsto na normativa sobre legalidade da madeira, as cortas de arboredo que se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria que teñan por finalidade a súa adecuación á natureza do solo ou ao Catálogo de solos agropecuarios e forestais.

Coa declaración responsable, a persoa interesada deberá declarar, así mesmo, que dispón do informe sectorial favorable da dirección xeral ou organismo competente en materia de desenvolvemento rural sobre a procedencia da adecuación do uso agrícola e das operacións que se efectúen, así como sobre o prazo máximo para a súa execución e as condicións que se deban respectar, que terán en consideración a lexislación sectorial correspondente, incluíndo na declaración a data dese informe».

Artigo 26. Modificación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra m) do artigo 4, que queda redactada como segue:

«m) Prezo de referencia do Banco de Terras de Galicia: prezo fixado en función do tipo de actividade, da superficie, da localización do predio e, de ser o caso, da súa calidade agronómica, por acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Este prezo constitúe o de partida para a formulación de ofertas de predios de titularidade da Axencia e o prezo mínimo de incorporación das parcelas achegadas por persoas particulares, agás no caso de arrendamentos pactados.

Para a determinación do prezo de referencia terase en conta o prezo mínimo establecido por acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por proposta da Comisión Técnica de Prezos e Valores».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 21, que queda redactado como segue:

«1. Os resultados dos procedementos administrativos de investigación de titularidade e revisión xeométrica e topográfica recollidos nos artigos anteriores, así como dos procedementos e instrumentos de mobilización e recuperación regulados nesta lei, incluíndo o resultado do trámite de audiencia ás persoas interesadas, serán notificados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural á entidade responsable da elaboración e mantemento do catastro rústico relativo á Comunidade Autónoma de Galicia nos termos acordados no convenio de colaboración correspondente, para que proceda, de acordo coa normativa aplicable, á súa incorporación a este».

Tres. Elimínase o punto 6º do artigo 38.a).

Catro. Modifícase o número 3 do artigo 47, que queda redactado como segue:

«3. Dentro da solicitude, a persoa solicitante poderá propor o uso para o cal incorpora a parcela, dentro dos permitidos no Catálogo de solos agropecuarios e forestais, no caso de existir, e establecer condicións particulares, tales como cultivos ou aproveitamentos específicos, sistemas de produción ou outras condicións agronómicas.

A solicitude de incorporación implicará un compromiso por parte da persoa solicitante de formalizar o arrendamento por un período mínimo de cinco anos para actividades agrogandeiras e de vinte anos para actividades forestais».

Cinco. Modifícase o número 3 do artigo 48, que queda redactado como segue:

«3. Agás no caso dos predios sinalados nas letras a), b) e f) do número 1 do artigo 36, as operacións derivadas do proceso de revisión serán realizadas pola persoa ou entidade solicitante da incorporación, salvo no caso de que solicite que estas operacións sexan executadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Neste último caso, a Axencia, de acordo co establecido nas condicións de prestación do servizo do Banco de Terras e negocios xurídicos del derivados, preparará un orzamento coa enumeración e custo das operacións necesarias e remitirao para a súa aceptación e aboamento pola persoa interesada con carácter previo á realización ou á contratación, de ser o caso, agás nos casos recollidos no título VI, en que se levarán a cabo segundo os procedementos incluídos nel».

Seis. Elimínase o número 4 do artigo 48.

Sete. Modifícase o número 1 do artigo 55, que queda redactado como segue:

«1. As persoas titulares de predios agroforestais poderán solicitar a súa incorporación ao Banco de Terras facendo constar expresamente na solicitude a condición de arrendamento pactado, propoñendo a este o seu arrendamento de mutuo acordo con terceiras persoas, comunicándolle no momento da solicitude a identidade da persoa interesada e acreditando o seu consentimento e as condicións do arrendamento. No caso de que a parcela se atope xa incorporada ao Banco de Terras de Galicia, poderase solicitar igualmente que se tramite un arrendamento pactado.

Neste caso, non serán aplicables as disposicións sobre prezos mínimos e marxes de incremento destes recollidos no artigo 46, nin se someterá o predio ao proceso de oferta pública sinalado no artigo 54 desta lei».

Oito. Modifícase o número 2 do artigo 57, que queda redactado como segue:

«2. Con carácter previo á formalización do correspondente contrato de arrendamento, e cando a renda anual sexa igual ou superior aos 1.000 €, a persoa arrendataria deberá prestar unha fianza arrendaticia para garantir o cumprimento das obrigas correspondentes á dita persoa arrendataria. A fianza arrendaticia que deberá prestar a persoa arrendataria equivalerá a unha anualidade da renda correspondente, e será ingresada pola persoa arrendataria á disposición da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, de xeito que o importe ingresado quede afecto ás finalidades propias da fianza arrendaticia».

Nove. Modifícase o número 3 do artigo 66, que queda redactado como segue:

«3. A consellaría competente en materia de medio rural poderá establecer liñas de axudas específicas que cubran os gastos notariais e de inmatriculación rexistral dos predios. Así mesmo, as permutas acollidas a este procedemento non precisarán de permisos nin licenzas de segregación».

Dez. Modifícase a letra c) do artigo 70.1, que queda redactada como segue:

«c) Aquelas en que desde o inicio do proceso se acredite o acordo dun total de persoas propietarias ou representantes dos titulares dos dereitos de uso ou aproveitamento sobre as parcelas afectadas que supoñan un mínimo do 70 % do total da superficie incluída dentro do perímetro do polígono agroforestal. Quedan excluídas do cómputo desta porcentaxe as parcelas cuxos titulares non sexan coñecidos ou non se puidesen localizar».

Once. Modifícase o número 4 do artigo 79, que queda redactado como segue:

«4. A declaración de aldea modelo irá seguida da elaboración, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dun proxecto de ordenación produtiva. Os cultivos e aproveitamentos incluídos dentro do proxecto de ordenación produtiva deberán desenvolverse sempre mediante métodos e técnicas de produción sustentable».

Doce. Engádese un número 3 no artigo 83, coa seguinte redacción:

«3. Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2».

Trece. Engádese un número 4 no artigo 83, coa seguinte redacción:

«4. A declaración de utilidade pública e interese social deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia».

Catorce. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 84, que queda redactada como segue:

«c) Identificación de usos e actividades admisibles: seguiranse as directrices establecidas no Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia para o perímetro de afección, aínda que poderán precisarse para adaptalas a unha escala espacial de maior detalle. No suposto de non estar aprobado o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, elaborarase un catálogo parcial para o perímetro de afección do polígono consonte a metodoloxía recollida nesta lei, que poderá ser modificado coa aprobación do proxecto básico do polígono. Este catálogo determinará os usos e actividades admisibles no polígono».

Quince. Modifícase o número 2 do artigo 84, que queda redactado como segue:

«2. Nos supostos previstos no artigo 83.3, ademais dos contidos indicados no número anterior, o estudo de viabilidade poderá incluír tamén os contidos do proxecto básico do polígono agroforestal previstos nas letras b), c), d) ou e) do artigo 86.1. Neste caso, cando finalice o estudo de viabilidade, a documentación resultante deberá ser obxecto de exposición pública nos termos sinalados no artigo 91».

Dezaseis. Engádese un número 3 no artigo 84 coa seguinte redacción:

«3. No caso de que o estudo de viabilidade comprenda os contidos do proxecto básico recollidos nas letras b) e e) do artigo 86.1, será necesario para a súa aprobación o cumprimento do requisito de que a superficie que se integre nese momento no instrumento represente un mínimo dun 70 % do total da superficie do perímetro do polígono, nos termos que para ese cómputo regula o artigo 92.4. De non acadarse a dita porcentaxe mínima, resolverase o arquivo do expediente e a finalización do procedemento».

Dezasete. Engádese un número 4 no artigo 84, que queda redactado como segue:

«4. Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa aprobación».

Dezaoito. Modifícase o número 1 do artigo 85, que queda redactado como segue:

«1. No caso de non terse realizada a declaración de utilidade pública e interese social, conforme o previsto no artigo 83.3, por proposta da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta».

Dezanove. Modifícase o número 2 do artigo 86, que queda redactado como segue:

«2. Aqueles contidos do proxecto básico que se inclúan no estudo de viabilidade conforme o disposto no artigo 84.2 non requirirán de nova elaboración, e incorporaranse de forma automática ao proxecto».

Vinte. Engádese un número 3 ao artigo 86, coa seguinte redacción:

«3. O proxecto básico será elaborado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural».

Vinte e un. Modifícase o número 1 do artigo 89, que queda redactado como segue:

«1. Para os efectos da redacción do proxecto básico, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizará unha comprobación sobre o terreo da precisión do parcelario existente mediante revisión das estremas das parcelas, e, de ser necesario, executarase un levantamento topográfico ou fotogramétrico complementario. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá realizar tarefas de acondicionamento das devanditas parcelas co fin de poder levar a cabo estes traballos nas mellores condicións posibles».

Vinte e dous. Modifícase o título do artigo 90, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 90. Trámites previos á investigación da titularidade»

Vinte e tres. Engádese un novo artigo 90 bis co seguinte contido:

«Artigo 90 bis. Suposto especial de trámites previos á investigación da titularidade

Os trámites descritos no artigo 90 desta lei poderán ser substituídos pola información do plano parcelario das parcelas e da súa titularidade que conteña a resolución firme de aprobación das bases dunha concentración ou reestruturación parcelaria cuxo perímetro inclúa o polígono agroforestal, que se actualizarán nos casos en que sexa necesario».

Vinte e catro. Modifícase o número 1 do artigo 91, que queda redactado como segue:

«1. Unha vez finalizadas as actuacións recollidas nos artigos anteriores, a documentación resultante será exposta na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro edictal do concello ou concellos afectados polo polígono agroforestal para a súa consulta durante un prazo de vinte días hábiles, agás respecto das actuacións que xa fosen obxecto de exposición pública na tramitación do estudo de viabilidade, consonte o previsto no artigo 84.2, sempre que non variase o seu contido».

Vinte e cinco. Modifícase o número 3 do artigo 94, que queda redactado como segue:

«3. Á vista das alegacións presentadas, a persoa que exerza a dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural proporá á súa presidencia a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal».

Vinte e seis. Modifícase a letra b) do artigo 100, que queda redactada como segue:

«b) A execución das obras sinaladas no artigo 99, que correrán a cargo das persoas promotoras. Caso de se tratar de varios axentes, os custos distribuiranse de maneira proporcional á superficie ocupada por cada un deles. Os casos sinalados no número 3 do artigo 67 e na letra c) do número 2 do artigo 95 poderán ser financiados, total ou parcialmente, pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de acordo coas previsións do título VII.

En todos os casos a dirección facultativa das obras e a coordinación de seguridade e saúde serán levadas a cabo por técnicos competentes. Deberá darse traslado á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co fin de que verifique os requisitos mínimos de solvencia técnica previamente establecidos.

De ter que realizarse obras da rede viaria, instalacións comúns a todas as parcelas ou labores de acondicionamento e mellora dos terreos obxecto de compravenda, arrendamento ou permuta, a execución deses labores poderá correr a cargo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sempre por motivos de interese público ou social, de acordo co establecido no título VII.

As obras sinaladas no proxecto de execución iniciaranse nun período non superior a tres meses desde a aprobación do proxecto, agás que se solicite, cunha antelación mínima de quince días á data límite de inicio, unha prórroga por causas extraordinarias e non imputables ás persoas promotoras, que deberá ser aprobada pola dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

As obras serán executadas pola persoa ou persoas promotoras e á súa custa, sen prexuízo, de ser o caso, da posibilidade de apoio ou da percepción de financiamento público nas condicións que se dispoñan de acordo con esta lei ou na normativa aplicable».

Vinte e sete. Modifícase a letra c) do artigo 100, que queda redactada como segue:

«c) O levantamento topográfico final e a implantación das parcelas resultantes da reestruturación, notificación ao catastro e inscrición no rexistro da propiedade. Todas estas actuacións serán levadas a cabo pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A inscrición rexistral poderá ser financiada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de acordo co establecido no título VII desta lei.

O axente promotor produtivo poderá facer uso das parcelas orixinais sobre as que teña efectuado os compromisos de compra, arrendamento ou permuta antes de que se executen as obras e o procedemento de reestruturación parcelaria».

Vinte e oito. Modifícase o artigo 105, que queda redactado como segue:

«Artigo 105. Declaración de utilidade pública e interese social

O recoñecemento da viabilidade determinará que a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural propoña á persoa titular da consellaría competente en materia do medio rural que eleve ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do proxecto de polígono agroforestal, segundo o regulado no artigo 85 desta lei. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta».

Vinte e nove. Modifícase a letra a) do número 1 do artigo 111, que queda redactada como segue:

«a) Que o concello xustifique que dispón do acordo das persoas titulares dos dereitos de aproveitamento que alcancen o mínimo do 70 % da superficie do perímetro proposto da aldea modelo.

Coa solicitude, os concellos presentarán unha relación de persoas titulares de dereitos de aproveitamento das parcelas incluídas dentro da proposta de perímetro de aldea modelo, con indicación, respectivamente, daquelas para as que se dispón de autorización, daquelas que non foi posible localizar e das que rexeitaron a súa inclusión. As autorizacións irán acompañadas dunha declaración responsable, que terá a consideración de acreditativa de titularidade nos termos establecidos no artigo 19.8 desta lei.

No caso das parcelas incluídas no perímetro da aldea modelo para as que resulte imposible identificar as persoas propietarias, con respecto, en todo caso, dos dereitos dos posibles titulares, aplicarase o procedemento de investigación de titularidade das parcelas, de conformidade co disposto no artigo 19 desta lei.

As persoas titulares dos dereitos de aproveitamento sobre parcelas incluídas no perímetro proposto con facultades para arrendalas conforme a lexislación civil e que voluntariamente acorden adherirse a unha aldea modelo deberán asumir o permiso de entrada nelas para a realización das actuacións preparatorias necesarias para materializar a cesión e incluír adicionalmente un compromiso de incorporación das ditas parcelas ao Banco de Terras para a súa cesión por un período mínimo de dez anos, que por causas técnicas xustificadas poderá ser reducido a cinco, a partir do momento en que exista, de ser o caso, unha proposta seleccionada no proceso de concorrencia competitiva.

A cesión realizarase mediante a sinatura dun modelo normalizado aprobado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no que se declare a firmeza dos compromisos asumidos, incluído o da formalización, por parte das referidas persoas titulares de dereitos de aproveitamento, dos contratos de arrendamento coas persoas arrendatarias nas condicións que resulten de aplicar o correspondente proxecto de ordenación produtiva e do resultado do procedemento de concorrencia para a selección das persoas arrendatarias previsto nesta lei.

No caso de incumprimento do devandito compromiso, a persoa titular do predio deberá reembolsar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural os custos derivados das actuacións preparatorias sinaladas anteriormente.

As parcelas adheridas ao proxecto de aldea modelo que xa estean en produción na data de declaración da aldea quedarán eximidas dos devanditos compromisos de incorporación ao Banco de Terras e arrendamento. Así mesmo, quedarán eximidas destes compromisos as parcelas adheridas ao proxecto de aldea modelo que non poidan ser postas en produción por afeccións ambientais, paisaxísticas ou de patrimonio cultural ou nas que existan edificacións non relacionadas coa actividade agroforestal».

Trinta. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 111, que queda redactada como segue:

«c) Que existe grave situación de abandono nun mínimo do 50 % do perímetro proposto, o que se acreditará mediante informe do órgano xestor do Banco de Terras».

Trinta e un. Modifícase a letra d) do artigo 111.1, que queda redactada como segue:

«d) Que as terras incluídas no perímetro proposto posúan maioritariamente boas características produtivas, o que se acreditará mediante informe do órgano xestor do Banco de Terras».

Trinta e dous. Modifícase o número 1 do artigo 112, que queda redactado como segue:

«1. Por proposta da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social da aldea modelo. Esta declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta».

Trinta e tres. Modifícase o número 1 do artigo 113, que queda redactado como segue:

«1. Unha vez declarada a utilidade pública e o interese social da aldea modelo, procederase á incorporación das parcelas ao Banco de Terras de Galicia e a persoa titular da dirección da Axencia acordará o inicio dos trámites necesarios para a redacción do proxecto de ordenación produtiva e autorizará as operacións de limpeza para as parcelas que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras. O ámbito da zona de actuación definirase por un perímetro de actuación integral, que poderá abranguer terreos que non se inclúan no proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo por estaren xa en explotación ou parcelas que foron excluídas voluntariamente polas persoas titulares. En calquera caso, as parcelas excluídas deberán cumprir cos requisitos de limpeza e mantemento recollidos nesta lei, sen prexuízo, se é o caso, da aplicación do procedemento de declaración de abandono».

Trinta e catro. Modifícase o número 10 do artigo 116, que queda redactado como segue:

«10. Unha vez resolto o procedemento de selección, que non poderá exceder do prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación da convocatoria, procederase á sinatura dos contratos de arrendamento coa persoa que formulou a proposta seleccionada».

Trinta e cinco. Modifícase o número 1 do artigo 125, que queda redactado como segue:

«1. Unha vez declarado o espazo agrario de experimentación, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá asumir como arrendataria a sinatura dos contratos de arrendamento das ditas parcelas polo tempo de vixencia do espazo agrario de experimentación. Nestes contratos de arrendamento aplicaranse os prezos mínimos recollidos no proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo».

Trinta e seis. Modifícase a letra d) do número 3 do artigo 139, que queda redactada como segue:

«d) A realización de actividades distintas das admitidas polo Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia ou polos catálogos parciais, caso de estaren estes vixentes, así como aquelas distintas ás permitidas na disposición transitoria primeira desta lei».

Trinta e sete. Engádese un novo número 4 ao artigo 142 co seguinte contido:

«4. A contía da sanción poderase minorar motivadamente, atendendo as circunstancias específicas do caso, cando a sanción resulte excesivamente onerosa ou cando o infractor corrixa a situación creada pola comisión da infracción. Este efecto minorador da culpabilidade poderá implicar que o órgano sancionador aplique unha sanción correspondente a categorías infractoras de inferior gravidade que a infracción cometida».

Trinta e oito. Modifícase o número 1 do artigo 147, que queda redactado como segue:

«1. Sen prexuízo das sancións penais ou administrativas que en cada caso procedan, as persoas infractoras deberán reparar o dano causado na forma e nas condicións fixadas polo órgano sancionador ou, de non ser posible, indemnizar polos danos e perdas causados, para o que poderán ser requiridas».

CAPÍTULO IV

Infraestruturas e augas

Artigo 27. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

Engádese unha nova disposición adicional quinta na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que queda como segue:

«Disposición adicional quinta. Efectos da declaración de obras de emerxencia de estradas

  1. A declaración de obras de emerxencia de estradas implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a implantación da actuación e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, que se levarán a cabo en todo caso de acordo co establecido na lexislación estatal para estes supostos.
  2. Para os efectos do previsto no apartado anterior, a declaración de obra de emerxencia de estradas deberá incluír, entre os documentos que compoñen o expediente, a relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a realización daqueles traballos, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias.
  3. Para os efectos desta disposición, consideraranse obras de emerxencias os supostos nos que a Administración teña que actuar de maneira inmediata por causa de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan grave perigo».

Artigo 28. Modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia

Modifícase o apartado 4 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«4) Non serán aplicables as limitacións referidas ao lugar de inicio e destino do servizo:

  1. a) No suposto da realización da totalidade ou dunha parte das expedicións dun transporte regular de uso xeral ou de uso especial por vehículos que dispoñan de título habilitante para o exercicio da actividade de transporte público en vehículos de turismo.
  2. b) A realización de servizos incluídos nun convenio cunha administración pública cuxo fin xustifique a necesidade ou conveniencia de non limitar a súa prestación por razón do termo municipal en que estean domiciliados os títulos habilitantes. Estes convenios deberán previamente ser informados favorablemente pola dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en transporte».

Artigo 29. Modificación da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia

Suprímense os artigos 2, 17 e 18, que quedan sen contido.

Artigo 30. Modificación da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Modifícase a disposición adicional segunda da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional segunda. Medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública

Un. Atendendo á concorrencia de razóns de interese xeral e para garantir a viabilidade económica dos contratos de obra pública, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico quedan habilitados para adoptar as medidas previstas nesta disposición, naqueles supostos en que se producise unha alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais tidos en conta na formalización do contrato ou, de ser o caso, nas modificacións posteriores que tivese o contrato.

Dous. As medidas que poden adoptarse nos supostos previstos neste artigo poderán consistir no seguinte:

  1. a) A aplicación dunha revisión excepcional de prezos nos supostos e nos termos previstos no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) nº 2020/1057, do 15 de xullo, pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, sempre que concorran as circunstancias establecidas no devandito real decreto lei.

Para a adopción desta medida seguirase o procedemento previsto no artigo 9 do real decreto lei e a contía resultante da revisión excepcional calcularase conforme o previsto no seu artigo 8.

Tal normativa básica será aplicable á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu sector público, así como ás universidades públicas e ás entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a calquera das entidades que forman parte do seu sector público.

  1. b) As medidas que resulten da aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

En concreto, e co seguimento, en todo caso, do establecido para iso na referida lei, caberá unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto que serviu de base para a licitación que permita un abaratamento dos seus prezos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra en execución. Neste caso, deberase optar, na medida do posible, por materiais cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono.

Tres. En todo caso, a adopción de calquera destas medidas acordarase necesariamente dentro dos límites das dotacións consignadas cada ano no orzamento dos distintos órganos de contratación.

Catro. Nos supostos da presente disposición, cando non sexa posible adoptar algunha das medidas previstas, o órgano de contratación poderá optar pola resolución do contrato, de conformidade co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

No caso de que o órgano de contratación acorde resolver o contrato, os órganos de contratación deberán proceder a unha nova licitación coa finalidade de finalizar a obra.

Do mesmo xeito, de acordo co disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, cando concorra unha situación que supón grave perigo, o órgano de contratación quedará lexitimado para acudir ao procedemento de emerxencia para a execución da obra inacabada que permita garantir a prestación do servizo público afectado.

Nestes supostos, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico poderán impoñerlles como condición aos novos contratistas a asunción da parte da infraestrutura xa executada e de todos os riscos de construción inherentes a ela.

Cinco. Esta disposición só poderá aplicarse conforme a regulación establecida na lexislación básica para estes supostos. En todo caso, as cantidades percibidas ao amparo desta disposición deberán ser computadas e tidas en consideración en calquera outra resolución ou medida que se poida acordar orientada a garantir a viabilidade económica do contrato, de modo que non se poida obter unha dobre compensación pola mesma causa».

Artigo 31. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

Modifícase a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada coma segue:

Un. O punto 42 do artigo 2 queda redactado como segue:

«42. Usos domésticos da auga: os usos particulares que corresponden co uso da auga para beber, para sanitarios, para duchas, para cociña e comedor, para lavados de roupa e de vaixelas, para limpezas, para regas de parques e xardíns, para refrixeración e para acondicionamentos domiciliarios sen actividade industrial e mais con outros usos da auga que se poidan considerar consumos inherentes ou propios da actividade humana non industrial, nin comercial, nin agrícola, nin gandeira, nin forestal. Non obstante, terán a consideración de usos domésticos os usos da auga destinados ás finalidades antes indicadas cando os ditos usos da auga se realicen en vivendas cuxa propiedade sexa dunha persoa xurídica cuxo obxecto social ou estatutos teña por obxecto o alugamento de vivendas a persoas físicas, agás que o dito alugamento sexa realizado no marco das actividades reguladas na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia».

Dous. Modifícase a letra k) do artigo 85, que queda redactada como segue:

«k) A desobediencia ás ordes ou requirimentos, tanto do persoal de Augas de Galicia no exercicio das funcións que ten encomendadas como do persoal doutras administracións públicas competentes na materia que realice funcións de vixilancia e inspección, así como a obstaculización do devandito exercicio».

CAPÍTULO V

Política social

Artigo 32. Modificación da Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia

A Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ao contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 2, que queda redactado como segue:

«Artigo 2. Definicións

  1. a) Can de asistencia: aquel que finalice satisfactoriamente o seu adestramento nun centro oficialmente recoñecido ou homologado na Comunidade Autónoma de acordo coa normativa aplicable para a formación de cans destinados ao acompañamento, condución e auxilio das persoas con discapacidade, e sexa recoñecido e identificado na forma establecida na presente lei. Quedan excluídos desta denominación os cans utilizados como elementos de apoio no ámbito terapéutico.
  2. b) Unidade de vinculación: unidade legalmente recoñecida formada pola persoa usuaria e o can de asistencia.
  3. c) Contrato de cesión do can de asistencia: acordo subscrito entre a persoa propietaria e a persoa usuaria do can de asistencia ou o seu representante legal polo que se cede o uso do animal.
  4. d) Dereito de acceso: comprende a liberdade de acceso, deambulación e permanencia no espazo ou lugar de que se trate, en igualdade de condicións que o resto de persoas usuarias del.
  5. e) Documentación acreditativa da unidade de vinculación: carné onde figuren a persoa usuaria e o can de asistencia e distintivo identificativo para o can.
  6. f) Documento sanitario oficial: cartilla veterinaria oficial ou pasaporte europeo para animais de compañía no que constan as vacinacións e demais tratamentos ou revisións obrigatorias que establece a normativa vixente en materia de sanidade animal e as adicionais requiridas pola súa condición de can de asistencia.
  7. g) Póliza de responsabilidade civil ou garantía financeira equivalente: póliza de seguro ou garantía financeira equivalente que cobre os eventuais danos a terceiras persoas que cause o can de asistencia».

Dous. Engádese o artigo 4 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 4 bis. Rexistro Galego de Cans de Asistencia

Créase o Rexistro Galego de Cans de Asistencia como un rexistro público autonómico dependente da consellaría competente en materia de servizos sociais onde se inscribirán os centros de adestramento existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os cans de asistencia, os cans de asistencia en formación e as súas respectivas unidades de vinculación.

Regulamentariamente definiranse as súas características e estrutura».

Tres. Modifícase o artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Órgano competente

Corresponderalle á consellaría competente en materia de servizos sociais o recoñecemento, a suspensión e a perda da condición de can de asistencia e das súas respectivas unidades de vinculación así como a emisión das súas respectivas identificacións mediante a concesión dos distintivos oficiais correspondentes.

Igualmente será función da consellaría competente en materia de servizos sociais o recoñecemento oficial e o establecemento dos requisitos que deben reunir os centros de adestramento de cans destinados ao acompañamento, condución e auxilio das persoas con discapacidade».

Catro. Engádese o artigo 13 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 13 bis. Can de asistencia en formación

  1. Considérase can de asistencia en formación aquel ao que se lle recoñece tal condición pola consellaría competente en materia de servizos sociais ao estar este en proceso de educación, socialización e adestramento para dar asistencia a persoas con discapacidade.
  2. Para o recoñecemento da condición de can de asistencia en formación deberase acreditar que o can se atopa no proceso de educación, socialización e adestramento para dar asistencia a persoas con discapacidade nun centro oficialmente recoñecido ou homologado na Comunidade Autónoma de acordo coa normativa aplicable para a formación de cans destinados ao acompañamento, condución e auxilio das persoas con discapacidade. Tamén será necesario cumprir co establecido nas letras b) e c) do artigo 4.1.
  3. Para os efectos da presente lei, os cans de asistencia en formación terán a consideración de cans de asistencia e aplicaráselles aos cans de asistencia en formación a regulación establecida nesta lei para os cans de asistencia, incluído o réxime sancionador, coas particularidades que se determinan neste artigo.
  4. Corresponderalle á consellaría competente en materia de servizos sociais o recoñecemento, a suspensión e a perda da condición de can de asistencia en formación, así como a emisión da súa identificación mediante a concesión do distintivo oficial correspondente.
  5. A condición de can de asistencia en formación manterase durante o período de tempo en que o can se atope no proceso de educación, socialización e adestramento indicado no apartado segundo deste artigo».

Artigo 33. Modificación da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia

Suprímese o artigo 30 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, que queda sen contido.

Artigo 34. Modificación da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 21 queda redactado como segue:

«1. A contía do ingreso mínimo do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia será equivalente ao 78,20 % do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), fixado na lexislación específica que resulta aplicable».

Dous. O número 2 do artigo 21 queda redactado como segue:

«2. O complemento familiar será aplicable ás persoas pertencentes á unidade de convivencia que, respecto da persoa titular, manteñan un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente. A contía que se concederá nestes supostos será a seguinte:

  1. a) Primeiro ou primeira convivente adicional: o 14,60 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).
  2. b) Segundo ou segunda convivente adicional: o 12,50 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).
  3. c) Terceiro ou terceira e sucesivos ou sucesivas conviventes adicionais: o 10,40 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM)».

Tres. O número 3 do artigo 21 queda redactado como segue:

«3. En todo caso, a contía do tramo persoal e familiar terá un límite máximo do 125 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), salvo que existan menores, suposto no que o límite máximo sería o 140 % do dito indicador».

Artigo 35. Modificación do Decreto 84/2012, do 10 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre

Modifícase o apartado 1.1 do anexo do Decreto 84/2012, do 10 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre, que queda redactado da seguinte maneira:

«1.1. Descontos:

  1. a) Nenos/as menores de 2 anos que non utilicen os servizos de comedor ou durman nos cuartos dos seus responsables: exentos/as.
  2. b) Nenos/as comprendidos/as entre 2 e 12 anos: 50 % sobre o importe da estadía.
  3. c) Familias numerosas: 30 % sobre o prezo final que resulte da súa estadía.
  4. d) Familias monoparentais: 30 % sobre o prezo final que resulte da súa estadía.
  5. e) Familias acolledoras: 30 % sobre o prezo final que resulte da súa estadía.
  6. f) Persoas con discapacidade: 10 %.
  7. g) Persoas maiores de 60 anos: 10 %.
  8. h) Grupos integrados por persoas adultas e nenos/as maiores de 12 anos, que excedan 25 prazas, para a mesma residencia e data en tempada baixa e media: 10 %.
  9. i) Mulleres vítimas de violencia de xénero: 50 %, sempre que a acreditación da dita circunstancia fose emitida nos doce meses anteriores á data da presentación da solicitude por calquera dos motivos recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Os descontos que se especifican anteriormente considéranse incompatibles entre si».

Artigo 36. Modificación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo

Modifícase o número 2 do artigo 5 do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, que queda redactado como segue:

«2. Forman parte da carteira de servizos comúns os servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia dirixidos a persoas cuxo diagnóstico non requira a asignación de servizos que, sendo da mesma natureza, estean incluídos en calquera das carteiras específicas. Intégranse nesta carteira:

  1. a) Os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal. Estes servizos poderán asignarse individualmente ou como complemento doutros servizos da carteira de servizos comúns ou das carteiras específicas, coas limitacións que en materia de incompatibilidades establece a Lei 39/2006. Así mesmo, poderán configurar os plans de prevención que se destinen a persoas que, non estando en situación de dependencia, se atopan en situación ou risco de padecela.
  2. b) O servizo de axuda no fogar, para atención a persoas dependentes, que inclúe unha especialidade no servizo dirixida a persoas con discapacidade auditiva.
  3. c) Os servizos de teleasistencia básica e avanzada.
  4. d) Os servizos de atención diúrna, con modalidade básica e terapéutica.
  5. e) Os servizos de atención residencial, con modalidade básica e terapéutica.
  6. f) O servizo de atención nocturna.

Os servizos que forman parte desta carteira poderán prestarse a persoas dependentes con idade igual ou superior a 16 anos, excepto os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal, así como o servizo de axuda no fogar, que se prestarán sempre que sexa necesario, sen limitacións de idade.

Dentro dos servizos de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, o servizo de atención temperá dirixirase exclusivamente a nenos/as de entre 0 e 6 anos.

Os servizos de atención residencial, nas súas modalidades básica e terapéutica, prestaranse a persoas con idade igual ou superior a 65 anos, agás que na súa normativa específica se estableza outro límite de idade. Con carácter excepcional, poderanse prestar estes servizos ás persoas menores de 65 anos que, polo seu grao de dependencia, tipoloxía desta e intensidade de coidados que precisen, teñan unhas condicións asistenciais equiparables ás do resto de usuarios destes servizos».

Artigo 37. Modificación do Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social

O Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 22 queda redactado como segue:

«1. A contía do ingreso mínimo do tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia será equivalente ao 78,20 % do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), fixado na lexislación específica que resulta aplicable».

Dous. O número 2 do artigo 22 queda redactado como segue:

«2. O complemento familiar será aplicable ás persoas pertencentes á unidade de convivencia que, respecto da persoa titular, manteñan un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente. A contía que se concederá nestes supostos será a seguinte:

  1. a) Primeiro ou primeira convivente adicional: o 14,60 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).
  2. b) Segundo ou segunda convivente adicional: o 12,50 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).
  3. c) Terceiro ou terceira e sucesivos ou sucesivas conviventes adicionais: o 10,40 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM)».

Tres. O número 3 do artigo 22 queda redactado como segue:

«3. En todo caso, a contía do tramo persoal e familiar, incluído o complemento de alugamento, terá un límite máximo do 125 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), salvo que existan menores, suposto en que o límite máximo sería o 140 % do dito indicador, coa excepción de non computar o complemento de alugamento no suposto previsto no artigo 23».

Catro. O número 1 do artigo 23 queda redactado como segue:

«1. Cando a persoa beneficiaria e a súa unidade de convivencia residan nunha vivenda independente alugada e con contrato de arrendamento que, no caso de matrimonio ou relación análoga á conxugal, poderá estar a nome de calquera das persoas que a integran, e conste no informe social que o mantemento do contrato de arrendamento da vivenda é necesario para acadar os obxectivos establecidos no proxecto de integración social, concederase un complemento de alugamento cun importe do 10,40 % do IPREM. No caso de unidades de convivencia en que existan un ou máis menores, o importe do complemento será do 15,60 % do IPREM».

Cinco. O número 5 do artigo 23 queda redactado como segue:

«5. Nos supostos de unidade de convivencia en que existan dúas ou máis persoas membros que non alcancen a maioría de idade, ou ben só un/unha é menor no caso de unidades de convivencia monoparentais, o complemento de alugamento exceptuarase do cómputo para os efectos de superación do límite máximo do 140 % do importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), establecido con carácter xeral neste decreto para cando existan menores na unidade de convivencia».

Seis. O artigo 70 queda redactado como segue:

«O importe dos distintos tipos de axudas de inclusión social determinarase, en cada caso concreto, de acordo coa situación económica e familiar da persoa solicitante e da súa unidade de convivencia, cos seguintes límites:

  1. Axudas vinculadas ao uso da vivenda: o importe máximo destas axudas será 2,60 veces o importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo cada dous anos na mesma unidade de convivencia.
  2. Axudas vinculadas á mellora da habitabilidade da vivenda habitual: o importe máximo destas axudas será de 10,40 veces o importe mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda deste tipo cada cinco anos na mesma unidade de convivencia, salvo nos supostos de caso fortuíto ou forza maior, entendendo por tales os feitos imprevisibles e inevitables, que deberán ser acreditados.
  3. Axudas destinadas ao equipamento mobiliario básico da vivenda, para necesidades primarias de alimentación, vestido e enxoval doméstico e destinadas á atención sanitaria e sociosanitaria: o importe máximo destas axudas será 2,09 veces a contía mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda destes tipos cada dous anos na mesma unidade de convivencia.

Excepcionalmente, respecto das axudas de inclusión social para a atención de necesidades primarias de alimentación, vestido e enxoval doméstico, e para a atención sanitaria e sociosanitaria non cubertas polos sistemas públicos de saúde e de servizos sociais, destinadas aos ou ás menores, cando se acredite no informe social a existencia dunha situación urxente e extraordinaria de grave necesidade nunha unidade de convivencia con menores, poderá concederse outra axuda do mesmo tipo antes do transcurso de dous anos, sempre e cando as axudas teñan como finalidade cubrir as necesidades dos ou das menores.

En todo caso, os custos utilizados para determinar o importe da axuda serán os prezos mínimos de mercado.

  1. As axudas para gastos causados por actuacións complementarias e de acompañamento vinculadas aos itinerarios de inclusión social e formación e as axudas para gastos extraordinarios de axuste persoal: o importe máximo destas axudas será 2,09 veces a contía mensual do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM). Só se poderá conceder unha axuda destes tipos unha vez ao ano na mesma unidade de convivencia».

CAPÍTULO VI

Emprego

Artigo 38. Rede Xempre

  1. Créase a Rede Xempre como un instrumento de apoio ás políticas de emprego e de fomento do emprendemento vinculado ao territorio, desenvolvidas pola Xunta de Galicia.
  2. A Rede estará formada por todos os recursos do Servizo Público de Emprego e polos de emprendemento e apoio ao emprego que cree a consellaría competente en materia de emprendemento.
  3. As persoas que desenvolven actividades de orientación laboral, ou actividades de axentes de emprego e desenvolvemento local, que sexan subvencionadas pola Xunta de Galicia, serán colaboradoras da Rede Xempre, e deberán, no exercicio das súas funcións, observar e cumprir as directrices e instrucións relacionadas coas políticas e programas de emprego ou de emprendemento ditadas pola consellaría competente en materia de emprendemento.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as bases das convocatorias de axudas e subvencións para a contratación de persoal que desenvolva actividades de orientación laboral, ou actividades de axentes de emprego e desenvolvemento local, poderán determinar outros programas en que as directrices e instrucións da consellaría competente en materia de emprendemento serán de obrigado cumprimento para as beneficiarias, así como determinar obrigas concretas para persoas colaboradoras.

Artigo 39. Inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia, como demandantes de emprego, dos beneficiarios do ingreso mínimo vital

  1. Co fin de facer efectivo o cumprimento do establecido na disposición adicional undécima da Lei 19/2021, do 20 de decembro, pola que se establece o ingreso mínimo vital, as persoas beneficiarias deste, que teñan o seu domicilio en Galicia e sexan maiores de 18 e menores de 65 anos de idade, deberán comunicar ao Servicio Público de Emprego de Galicia o ámbito territorial de busca de emprego e a ocupación solicitada, así como non atoparse en ningunha das circunstancias seguintes:
  2. a) Estar a traballar por conta allea ou desenvolvendo unha actividade por conta propia fóra do territorio nacional ou de calquera outro xeito que non xere situación de alta na Seguridade Social española.
  3. b) Estar a cursar estudos regrados nun centro fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e ser menor de 28 anos.
  4. Malia o establecido no apartado anterior, o Servizo Público de Emprego de Galicia poderá realizar actuacións tendentes ao fomento da busca activa de emprego para todas as persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital que sexan maiores de 18 e menores de 65 anos de idade que teñan o seu domicilio en Galicia.

Artigo 40. Modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra i) do artigo 3, que queda redactada do seguinte xeito:

«i) A explotación sexual. Para os efectos desta lei, entenderase vítima de explotación sexual aquela muller que realice o exercicio da prostitución, incluídos os actos pornográficos ou a produción de material pornográfico, con obtención de lucro por parte dunha terceira persoa, física ou xurídica, cando a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica ou se lle impoñan condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas».

Dous. A letra i) do artigo 3 pasa a enumerarse como letra j) coa seguinte redacción:

«j) Calquera outro xeito de violencia recollida nos tratados internacionais que lesione ou sexa susceptible de lesionar a dignidade, a integridade ou a liberdade das mulleres».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 39 coa seguinte redacción:

«2. A Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas das formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) violencia física, b) violencia psicolóxica, f) trata de mulleres e nenas, g) violencia vicaria, e i) explotación sexual, do artigo 3».

CAPÍTULO VII

Patrimonio cultural

Artigo 41. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 3 do artigo 38, que queda redactada como segue:

«c) Cando se trate de bens integrantes do patrimonio arquitectónico, as parcelas, edificios e espazos públicos situados a unha distancia inferior a 50 metros, no caso de bens inmobles declarados de interese cultural, e a 20 metros, no caso de bens catalogados».

Dous. Modifícase a letra a) do número 3 do artigo 42, que queda redactada como segue:

«a) As de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación parcial ou total».

Tres. Modifícase a letra c) do número 3 do artigo 78, que queda redactada como segue:

«c) A publicidade ou os carteis en tramos non urbanos que excedan a finalidade simplemente indicativa para a localización de servizos ou establecementos, o que terá que ser expresamente autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, contando co informe vinculante previo da entidade pública instrumental con competencias en turismo».

Catro. Modifícase a disposición adicional décimo segunda, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo segunda. Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla

Igualmente, establécese o recoñecemento como Camiño de Santiago da denominada Ruta da Translatio, pola Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, tendo en conta que xa ten iniciados a súa delimitación e o seu deslindamento por acordos do 19 de febreiro de 1998, publicados no Diario Oficial de Galicia número 44, do 5 de marzo de 1998, ao amparo da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago. En calquera caso, con independencia da súa delimitación, deberán terse en conta as súas peculiaridades e as prescricións da autoridade marítima competente para o establecemento das canles de navegación».

Cinco. Suprímese a disposición transitoria sexta, que queda sen contido.

CAPÍTULO VIII

Sanidade

Artigo 42. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

Un. Modifícase o número 2 do artigo 56 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«2. A indicación corresponderalle ao persoal sanitario que preste asistencia e/ou á inspección de servizos sanitarios, e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria».

Dous. Engádense os números 2, 3, 4, 5, 6, e 7 no artigo 107 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, coa seguinte redacción:

«2. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para modificar a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade co obxecto de crear o Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, como órgano técnico especializado, responsable do asesoramento e coordinación das estratexias e políticas de saúde pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento das previsións contidas nos artigos 49, 77 e 107.1 desta lei e no artigo 23 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública.

  1. O Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, con nivel orgánico mínimo de subdirección xeral, adscribirase á Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Sen prexuízo de tal adscrición, operará como estrutura de xestión compartida entre a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde e terá os seguintes obxectivos:

  1. a) Empregar a totalidade dos recursos dispoñibles no Sistema de Saúde de Galicia de modo coordinado, de forma que permita a dispoñibilidade de toda a información, criterios epidemiolóxicos e estratéxicos, aproveitando e optimizando o emprego dos recursos asistenciais e preventivos dispoñibles, para a preservación e mellora da saúde da cidadanía.
  2. b) Ofertar e prestar un servizo integral na identificación, planificación e traslación da información relevante tanto ás autoridades e profesionais responsables da prestación asistencial directa como á poboación en xeral.
  3. c) Estudar e implementar estratexias que permitan a recomendación de medidas, hábitos de vida ou actividades encamiñadas a impedir a extensión das enfermidades ou a mellorar as patoloxías crónicas.
  4. d) Proporcionar asesoramento técnico en materia de saúde pública e na avaliación de intervencións en saúde pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ou en colaboración con outras administracións.
  5. e) Contribuír á preparación do Sistema Público de Saúde de Galicia ante riscos e ameazas para a saúde pública e á coordinación técnica da resposta que se deba aplicar.
  6. f) Reforzar a coordinación operativa coas institucións de saúde pública das distintas administracións públicas, así como servir de punto de enlace con outros centros e institucións de saúde pública nas materias da súa competencia.
  7. g) Impulsar o traballo en rede con todos os recursos administrativos dispoñibles, e coas entidades académicas e de investigación, para articular unha política de saúde integral, garantindo a seguridade sanitaria e abordando de maneira solvente os retos presentes e futuros para a saúde pública.
  8. h) Contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras na saúde pública, á súa capacitación, captación e retención do talento, así como á xeración e mobilización do coñecemento.
  9. i) Desenvolver outras tarefas ou funcións que, no seu ámbito de actuación, lle sexan encomendadas polos órganos e entidades do sector público, e aquelas que lle atribúan as normas de estrutura orgánica da consellaría competente en materia de sanidade.
  10. O Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades realizará o seguimento e a avaliación da Estratexia galega de saúde en canto se refira á saúde pública e coordinará as accións desenvolvidas polos centros nesta materia.
  11. Para o desenvolvemento das súas competencias, o Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades poderá dispor de persoal laboral, funcionario de administración xeral e da escala de saúde pública e administración sanitaria, así como dun cadro diferenciado de persoal estatutario diplomado e licenciado sanitario especialista en medicina preventiva e saúde pública, que poderá ampliarse a outras especialidades, atendendo ás especificidades das funcións que se deban desempeñar.
  12. As condicións laborais e retributivas das/dos profesionais que desenvolvan as súas competencias neste centro serán as propias do seu réxime de vinculación, para cada unha das categorías e postos ocupados. Así mesmo, a selección do persoal e a provisión de prazas efectuarase consonte as normas reitoras do seu respectivo estatuto regulador.
  13. Co fin de conseguir a adecuada planificación e integración dos recursos de saúde pública que mellore a resposta ante situacións de emerxencia sanitaria e na prevención e vixilancia da saúde poboacional, as/os profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia, que desenvolvan as súas competencias nas xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade e nas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, nos ámbitos do control e prevención de enfermidades, actuarán baixo a coordinación funcional da persoa titular do órgano directivo da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde pública».

Artigo 43. Modificación da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia

Modifícase o número 3 do artigo 60 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«3. O depósito, dependendo da súa vinculación, será atendido por un farmacéutico ou unha farmacéutica dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde da área sanitaria para as entidades prestadoras de servizos sociais que formalicen acordos ou convenios de conformidade co disposto no número 1, ou polo farmacéutico ou pola farmacéutica titular da oficina de farmacia coa que o centro estea vinculado».

Artigo 44. Modificación da disposición transitoria única da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

Modifícase o número 3 da disposición transitoria única, que queda redactado como segue:

«3. Corresponderalles aos concellos a competencia para resolver os procedementos sancionadores por feitos acaecidos antes da entrada en vigor desta lei que sexan constitutivos de infracción en materia de saúde pública, sempre que tales infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario de acordo co artigo 42 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e co artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De acordo co establecido no parágrafo anterior, corresponderalles aos concellos a competencia para resolver os procedementos sancionadores por feitos acaecidos antes da entrada en vigor desta lei que sexan constitutivos de infracción en materia de saúde pública de acordo coa normativa vixente no momento da súa comisión, cando as condutas correspondentes afecten as competencias municipais de control sanitario en lugares de vivenda e convivencia humana, incluída a vía pública, e de control sanitario de establecementos públicos ou abertos ao público, actividades e servizos.

En particular, e de acordo co indicado, corresponderalles aos concellos a competencia para a resolución dos procedementos sancionadores relativos ás seguintes condutas:

  1. a) Condutas relativas ao uso de máscaras.
  2. b) Incumprimento das medidas de prevención consistentes en limitacións ás agrupacións de persoas e aglomeracións.
  3. c) Incumprimento das medidas preventivas de seguridade sanitaria e hixiene exixibles nos lugares de traballo, establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público ou que se encontren abertos ao público.
  4. d) Incumprimento do horario de apertura ou peche de establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público ou que se encontren abertos ao público ou para o desenvolvemento de actividades establecido como medida preventiva polas autoridades sanitarias competentes.
  5. e) Incumprimento, por parte dos establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público ou que se encontren abertos ao público ou con ocasión do desenvolvemento de actividades de medidas preventivas sobre limitación de capacidade ou outras relativas á organización ou ao exercicio da actividade adoptadas polas autoridades sanitarias.
  6. f) Incumprimento das medidas preventivas adoptadas pola autoridade sanitaria competente en materia de distancia de seguridade entre persoas ou entre mesas ou agrupacións de mesas nos locais abertos ao público e en terrazas ao aire libre.

O establecido neste precepto aplicarase aínda que o concello non tivese aprobado no seu día a ordenanza á que se refería o artigo 45.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, na súa redacción orixinaria».

Artigo 45. Fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema Público de Saúde de Galicia

  1. A administración autonómica adoptará os actos necesarios para que as fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que actualmente xestionan os centros e institutos de investigación sanitaria do ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia adquiran o carácter de fundacións do sector público autonómico para os efectos do establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, promovendo as modificacións dos seus estatutos que sexan precisas. No momento da autorización das modificacións estatutarias por acordo do Consello da Xunta, de acordo co establecido no artigo 114.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, adquirirán formalmente o carácter indicado.
  2. A xestión da investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema Público de Saúde de Galicia, sen prexuízo das competencias e funcións atribuídas a outros órganos ou entidades, levarase a cabo polas fundacións referidas no número anterior, de acordo co previsto nos seus estatutos e nos convenios, encargas ou encomendas que, de conformidade co establecido no ordenamento xurídico, se formalicen entre as fundacións e a administración autonómica ou administracións que formen parte delas. O réxime aplicable a estas fundacións, en atención aos fins de interese xeral que perseguen, adaptarase para a óptima e eficaz realización das súas funcións.
  3. As fundacións referidas neste precepto poderán contratar persoal de investigación consonte as modalidades contractuais reguladas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, e de acordo co preceptuado na dita lei.
  4. Todo o persoal das fundacións anteriormente referidas terá a consideración de empregado público ou de empregada pública de saúde, tal e como se recolle no artigo 108 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, como normativa supletoria, no Decreto 129/2019, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO IX

Industria

Artigo 46. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a disposición adicional sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional sexta. Planificación de novas solicitudes de parques eólicos

  1. Atendendo ao número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, que excede a prevista no Plan sectorial eólico de Galicia, e co obxecto de procurar unha ordenación racional desde a perspectiva das competencias galegas en relación coa ordenación do territorio, durante o prazo de dezaoito meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Esta disposición non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite.

  1. Exceptúanse do establecido no número anterior:
  2. a) Aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.
  3. b) Aqueles proxectos que, tendo solicitado un permiso de acceso e conexión antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o obteñan durante o prazo que dura a moratoria.
  4. Atendendo ás eventuais desistencias, renuncias, declaracións de caducidade ou resolucións desestimatorias das solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta de Galicia, motivadamente, poderá reabrir temporalmente o prazo para presentar novas solicitudes utilizando como referencia os MW en trámite.
  5. En todo caso, o establecido neste artigo será unicamente aplicable a aquelas instalacións que sexan competencia da Comunidade Autónoma en virtude do disposto na lexislación básica».

Dous. Modifícase a disposición transitoria oitava, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria oitava. Tramitación de expedientes sen permisos de acceso e conexión

Os proxectos admitidos a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que non dispoñan de permiso de acceso e conexión disporán dun prazo de doce meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para obter un permiso de acceso e conexión. No caso contrario, procederase ao arquivo da solicitude, logo da audiencia do interesado.

En todo caso, a autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes e demais que requira a lexislación básica aplicable».

Tres. Engádese unha disposición adicional sétima, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional sétima. Solicitudes para a instalación de parques eólicos que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica

  1. A Administración autonómica continuará a tramitación das solicitudes para a instalación de parques eólicos que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do incumprimento dos fitos temporais establecidos no Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica. De a tramitación da solicitude chegar ao momento inmediatamente anterior á obtención da autorización administrativa e cumprir con todos os requisitos, excepto ter o citado permiso, o órgano substantivo para a súa autorización emitirá unha declaración en que faga constar que o proxecto cumpre con todos os requisitos para a autorización, a excepción do permiso de acceso e conexión, e que a autorización administrativa previa e de construción non pode emitirse ata a obtención do permiso.

A indicada declaración notificarase ao promotor. Así mesmo, daráselle traslado á Delegación do Goberno en Galicia, para os efectos do coñecemento desta circunstancia.

  1. Para todos aqueles proxectos que non sexan iniciativas empresariais prioritarias de acordo co establecido na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, os expedientes que dispoñan de permiso de acceso e conexión terán preferencia na tramitación sobre os que non o teñan.
  2. Tendo en conta a brevidade dos prazos establecidos no Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, e o elevado número de solicitudes presentadas e expedientes de avaliación ambiental en tramitación como consecuencia da aplicación da indicada norma, entenderase que a perda dos permisos de acceso e conexión por incumprimento dos fitos de obtención de declaración de impacto ambiental (DIA) establecidos no real decreto lei se debe á imposibilidade material de cumprimento dos indicados prazos, polo que se apreciará a existencia de causas non imputables ao promotor. Deste modo, no caso de caducidade dos citados permisos, non se procederá á execución das garantías económicas depositadas ante a Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 1.2 do citado Real decreto lei 22/2020. O establecido neste número non será aplicable nos supostos en que a Administración autonómica aprecie motivadamente que o incumprimento do fito se deba directamente a defectos graves da documentación presentada ou a outras causas unicamente imputables ao promotor. Neste caso, procederase ao arquivo da solicitude, logo da audiencia ao interesado».

Catro. Modifícase o número 2 da disposición transitoria sétima, que queda redactado como segue:

«2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos, solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación nin por modificacións derivadas do uso compartido de infraestruturas de conexión comúns que non supoñan cambios nas posicións dos aeroxeradores. No resto dos casos, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros».

Artigo 47. Modificación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

Modifícase a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que queda redactada como segue:

Os artigos 42 e 43 quedan redactados como segue:

«Artigo 42. Requisitos para a declaración das iniciativas empresariais prioritarias

  1. Poderán ser declaradas polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:
  2. a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluíndo aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables en que o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o autoconsumo da industria galega.
  3. b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de 25 postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo aplicable para os proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica.
  4. c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.
  5. d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.
  6. Para o caso dos proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica que non estean asociados ao autoconsumo industrial, e sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente, poderán ser consideradas como iniciativas empresariais prioritarias:
  7. a) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.
  8. b) Proxectos que xustifiquen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010.
  9. c) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.
  10. d) Proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.
  11. e) Proxectos que teñan un impacto no territorio ao se comprometeren os promotores a que, durante a vida útil do parque desde a autorización de explotación, unha porcentaxe do 2,5 % dos beneficios anuais do parque repercuta directamente nos concellos en cuxo termo municipal se pretende situar o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación.

Artigo 43. Procedemento de declaración das iniciativas empresariais prioritarias

  1. O procedemento de declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria iniciarase por solicitude da persoa interesada dirixida á consellaría competente en materia de industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos conforme o previsto no artigo anterior.
  2. A consellaría competente en materia de industria, a través da unidade tramitadora correspondente, poderá solicitar ás demais consellarías afectadas todos os informes que considere convenientes para motivar o acordo.

En todo caso, remitirá o expediente ao Instituto Galego de Promoción Económica, que emitirá un informe vinculante no que se valore o cumprimento dos requisitos desta lei.

  1. A declaración de iniciativa empresarial prioritaria será acordada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de industria».

Artigo 48. Modificación Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica

A Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, queda modificada como segue:

Un. O artigo 15 queda redactado como segue:

«Artigo 15. Prestación: alcance e procedemento

  1. Créase un programa de concesión de axudas directas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social.

A axuda que se conceda ten por finalidade compensar os gastos necesarios para garantir a subministración de enerxía eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social.

  1. Esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos e privados, así como coa percepción do bono social de electricidade.
  2. Estas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e o seu outorgamento estará condicionado á existencia e dispoñibilidade orzamentaria e, en todo caso, ao límite de dispoñibilidade orzamentaria fixado na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para cada anualidade.
  3. En cada exercicio serán persoas beneficiarias aqueles consumidores que sexan beneficiarios do bono social de electricidade de consumidor vulnerable severo a 31 de decembro do ano anterior e ademais estean nalgunha das seguintes situacións:
  4. a) Sexan beneficiarios da Risga (renda de inclusión social de Galicia).
  5. b) Sexan beneficiarios do IMV (ingreso mínimo vital).
  6. c) Sexan beneficiarios dunha PNC (pensión non contributiva).
  7. A contía da axuda por beneficiario concretarase cada ano na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
  8. A xestión e pagamento das axudas poderán instrumentarse a través da consellaría competente en materia de enerxía ou da consellaría competente en materia de inclusión social atendendo á efectiva disposición dos créditos orzamentarios».

Dous. Suprímense os artigos 16 e 18, que quedan sen contido.

CAPÍTULO X

Comercio e consumo

Artigo 49. Modificación da Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia

A Lei 11/2004, do 19 de novembro, de inspección de consumo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Os números 2 e 3 do artigo 8 quedan redactados da seguinte maneira:

«2. O disposto no punto anterior, no relativo ao carácter previo da identificación, non será aplicable naqueles casos en que a finalidade da inspección poida frustrarse por tal motivo, incluídos os supostos de contratación de bens ou servizos, e para calquera fin relacionado coas actuacións inspectoras, entre as que se entenderán, en todo caso, as tomas de mostras.

Só poderá actuarse da forma establecida no parágrafo anterior sempre que os labores de inspección se realicen en lugares físicos ou virtuais de acceso público e se determinen, por escrito, as causas que xustifiquen tal actuación.

  1. As actuacións da Inspección de Consumo practicaranse, na medida do posible, na forma que resulte máis cómoda para aquelas persoas coas que deban de realizarse e compatible coas súas obrigacións laborais ou profesionais».

Dous. O número 2 do artigo 12 queda redactado da seguinte maneira:

«2. As dilixencias son os documentos que redacta o funcionariado da Inspección de Consumo para facer constar calquera feito ou circunstancia, incluído o contido de páxinas web ou información ou comunicacións realizadas por calquera medio, incluído na internet, ou manifestación con relevancia para a inspección.

A dilixencia será válida coa sinatura unicamente do persoal actuante naqueles casos en que non se requira a presenza dun comparecente ou esta non sexa posible, ou ben cando a súa presenza poida frustrar a acción inspectora».

Artigo 50. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia

O número 2 do artigo 34 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, queda modificado como segue:

«2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, a autorización concedida caducará en caso de que o proxecto de instalación do establecemento comercial autorizado non se leve a cabo no prazo dun ano, contado desde que finalice o prazo indicado no calendario presentado para a súa realización. Non obstante, a persoa interesada poderá solicitar, mediante escrito motivado e con anterioridade á terminación do prazo do ano citado, a prórroga deste por un período máximo de seis meses.

O prazo establecido no calendario de realización do proxecto non poderá ter unha duración superior a catro anos».

Artigo 51. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, queda modificada como segue:

Un. O número 4 do artigo 24 queda redactado como segue:

«4. A empresa debe determinar con carácter previo á contratación, de modo claro e inequívoco, o ben ou servizo obxecto de venda ou prestación e a contraprestación que, se é o caso, deba satisfacer o consumidor. De existiren dúbidas respecto do ben ou servizo polo que se satisfaga unha contraprestación ou sobre as condicións de contratación, interpretarase a favor do consumidor.

En todo caso, considerarase que existen dúbidas respecto do ben ou servizo polo que se satisfaga unha contraprestación ou sobre as condicións de contratación cando a adquisición do ben ou servizo o sexa como consecuencia dunha oferta comercial pola empresa e por parte desta non se acredite, de forma plena e cumprida, a súa concordancia co efectivamente contratado».

Dous. O número 3 do artigo 25 queda redactado como segue:

«3. En caso de contradición respecto do prezo ou contraprestación ou sobre as condicións de contratación pola adquisición dun ben ou servizo que se realice en calquera comunicación comercial, interpretarase a favor do consumidor.

En todo caso, considerarase que existe contradición respecto do prezo ou contraprestación ou das súas condicións de contratación cando a adquisición do ben ou servizo o sexa como consecuencia dunha oferta comercial pola empresa e por parte desta non se acredite, de forma plena e cumprida, a súa concordancia co efectivamente contratado».

Tres. Engádese o artigo 56 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 56 bis. Reclamación de custos derivados do control da vixilancia do mercado en caso de incumprimento

A administración competente en materia de consumo poderá reclamar ao operador económico a totalidade dos custos derivados do control da vixilancia do mercado en caso de incumprimento, de conformidade co establecido no artigo 15 do Regulamento (UE) 2019/1020 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, relativo á vixilancia do mercado e a conformidade dos produtos e polo que se modifican a Directiva 2004/42/CE e os regulamentos (CE) nº 765/2008 y (UE) nº 305/2011.

Os custos indicados terán a consideración de créditos de dereito público e, unha vez ditado o acto de liquidación, poderán exixirse de acordo co establecido nas normas que regulan o procedemento de recadación».

Catro. A letra b) do número 3 do artigo 64 queda redactada como segue:

«b) Comunicando, no prazo de oito días hábiles, a súa intención de realizar a análise contraditoria nun laboratorio oficial ou privado autorizado, utilizando as mesmas técnicas empregadas na análise inicial.

O resultado analítico e, de ser o caso, o informe técnico complementario a que se refiren as letras a) e b) deberán ser remitidos no prazo máximo dun mes, contado a partir da comunicación da súa intención de realizar a análise contraditoria. De transcorrer devandito prazo sen que se remitise o resultado da análise, entenderase que renuncia ao seu dereito de realización da análise contraditoria.

A renuncia expresa ou tácita a efectuar a análise contraditoria ou a non achega da mostra que estea en poder do interesado supón a aceptación dos resultados aos cales se chegou na práctica da primeira análise».

Cinco. O número 2 do artigo 65 queda redactado como segue:

«2. Con independencia do previsto no artigo anterior, cando o motivo da toma de mostras sexa a realización de ensaios analíticos sobre produtos sometidos a certificación ou homologación que se sometan a investigación para determinar a súa seguridade ou aptitude funcional, así como nos supostos en que non sexa posible a súa obtención por triplicado no momento da toma de mostras, o resultado dos ensaios poderá quedar acreditado cun único resultado analítico obtido nun laboratorio oficial dunha mostra composta dun único exemplar.

Nestes casos, a realización das probas notificarase previamente ás partes interesadas das que se teña coñecemento, co obxecto de que poidan acudir e efectuar cantas alegacións estimen oportunas».

Seis. O número 1 do artigo 68 queda redactado como segue:

«1. A tramitación do procedemento administrativo correspondente realizarase de acordo co previsto na lexislación aplicable, debendo entenderse as actuacións coas persoas interesadas das que se teña coñecemento. Cando sexa a Administración autonómica a competente para tramitar este procedemento, o prazo máximo no que debe notificarse a resolución expresa será de seis meses».

Sete. Os números 2 e 3 do artigo 76 quedan redactados como segue:

«2. Considérase que un feito infractor é independente doutro cando a comisión dun poida realizarse sen a realización do outro e viceversa. Neste suposto impoñeranse tantas sancións como feitos realizados.

En especial, salvo que sexa aplicable a condición do número 1, cada cláusula, acto, actuación ou práctica abusiva considerarase como un feito infractor independente».

«3. Non obstante o disposto no apartado anterior, sancionarase como única infracción, aínda que valorando a totalidade da conduta, a pluralidade continuada de accións ou omisións idénticas ou similares realizadas por un suxeito en relación cunha serie de produtos ou prestacións do mesmo tipo. Nestes supostos impoñerase a sanción máis elevada posible das previstas para a infracción máis grave cometida».

Oito. Engádense os número 3 e 4 ao artigo 77 coa seguinte redacción:

«3. En ningún caso existirá igualdade de feitos cando a sanción imposta se refira a persoas distintas respecto das que se lles vulneraron os seus dereitos.

  1. Cando se trate de feitos concorrentes constitutivos de infracción, procederá a imposición de todas as sancións ou multas previstas nesta e noutras leis aplicables para cada unha das infraccións. Non obstante, ao impoñérense as sancións, teranse en conta, para efectos da súa gradación, as outras sancións recaídas para que conxuntamente resulten proporcionadas á gravidade da conduta do infractor . Considerarase que hai feitos concorrentes constitutivos de infracción cando o mesmo suxeito incumpra diversos deberes que supoñan diferentes lesións do mesmo ou de distintos intereses públicos sen que unha das infraccións comporte necesariamente a outra, aínda que sirva para facilitala ou encubrila, e iso con independencia de que se refiran aos mesmos produtos ou servizos, ou que eses incumprimentos sexan sancionables conforme o mesmo tipo de infracción».

Nove. Os números 7 e 8 do artigo 81 quedan redactados como segue:

«7. A negativa para aceptar o pagamento en efectivo como medio de pagamento dentro dos límites establecidos pola normativa tributaria e de prevención e loita contra a fraude fiscal.

  1. O incumprimento das normas relativas a rexistro, normalización, tipificación ou denominación, etiquetaxe, envasado e publicidade de bens e servizos, incluídas as relativas á información previa á contratación, que non teñan o carácter de grave ou moi grave».

Dez. O número 15 do artigo 81 queda redactado como segue:

«15. Toda actuación discriminatoria contra persoas consumidoras vulnerables, independentemente do motivo, ou contra calquera consumidor ou usuario polo exercicio dos dereitos que confire a normativa aplicable en materia de protección aos consumidores e usuarios, xa sexa non atendendo as súas demandas, negándolles o acceso aos establecementos ou dispensándolles un trato ou impoñéndolles unhas condicións desiguais, así como o incumprimento das prohibicións de discriminación previstas no Regulamento (UE) 2018/302, cando a dita actuación non sexa constitutiva de delito».

Once. Engádense os números 16, 17 e 18 ao artigo 81 coa seguinte redacción:

«16. As condutas discriminatorias no acceso aos bens e a prestación dos servizos e, en especial, as previstas como tales na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, cando non sexan constitutivas de delito.

  1. O incumprimento das obrigacións en relación cos servizos de atención ao cliente establecidas na normativa aplicable en materia de protección aos consumidores e usuarios, que non teñan o carácter de grave ou moi grave.
  2. Os incumprimentos dos requisitos, obrigacións ou prohibicións recollidas nesta presente lei ou outras normas de protección dos consumidores que non teñan a cualificación de infraccións graves ou moi graves nos artigos seguintes».

Doce. O número 10 do artigo 82 queda redactado como segue:

«10. A venda ao público de bens ou a prestación de servizos a prezos superiores aos máximos establecidos na normativa aplicable, sempre que non teñan o carácter de moi grave».

Trece. O número 18 do artigo 82 queda redactado como segue:

«18. O incumprimento das disposicións e réxime sobre garantía ou conformidade dos produtos e servizos de consumo, así como a insuficiencia da asistencia técnica con relación á ofrecida ou exixible polo consumidor na adquisición de tales bens».

Catorce. Engádese o número 22 bis ao artigo 82 coa seguinte redacción:

«22 bis. O incumprimento dos compromisos previstos no número 2 do artigo 92».

Quince. O número 28 do artigo 82 queda redactado como segue:

«28. A realización de calquera práctica ou actuación abusiva ou calquera actuación abusiva».

Dezaseis. O número 34 do artigo 82 queda redactado como segue:

«34. O incumprimento ou non acreditación de facilitar ao consumidor a información previa ao contrato exixida na normativa aplicable».

Dezasete. O número 36 do artigo 82 queda redactado como segue:

«36. A exixencia de datos ou o rexistro do consumidor sempre que non sexan necesarios para a subministración ou o funcionamento de bens ou prestación de servizos ou para que a empresa cumpra coas obrigas establecidas na normativa aplicable».

Dezaoito. O número 43 do artigo 82 queda redactado como segue:

«43. Non devolución ou aboamento aos consumidores de cantidades indebidamente cobradas, retidas ou aboadas polos consumidores por gastos que non lles correspondan, en especial como consecuencia da aplicación de cláusulas abusivas ou da realización de prácticas ou de calquera actuación abusiva, da entrega de bens ou da prestación de servizos non solicitados ou non prestados efectivamente, ou do exercicio do dereito de desistencia, revogación, inexistencia de relación de consumo ou calquera outra circunstancia; así como a non remoción dos efectos para os consumidores derivados das accións ou situacións anteriores».

Dezanove. Engádense os números 48, 49, 50 e 51 ao artigo 82 coa seguinte redacción:

«48. O incumprimento dos deberes e prohibicións impostos pola Administración mediante ordes ou como medidas cautelares ou provisionais ditadas co fin de evitar a produción ou continuación de riscos ou lesións para os consumidores, así como o incumprimento dos compromisos adquiridos para poñer fin á infracción e corrixir os seus efectos.

  1. O envío ou subministración, con pretensión de cobranza, de bens ou servizos non solicitados polo consumidor.
  2. O uso de técnicas de comunicación que requiran o consentimento expreso previo ou a falta de oposición do consumidor e usuario, cando non concorran estes.
  3. A negativa ou obstaculización ao exercicio do dereito de desistencia polo consumidor».

Vinte. O artigo 84 queda redactado como segue

«Artigo 84. Infraccións graves ou moi graves por concorrer determinadas circunstancias

  1. As infraccións que, de acordo cos artigos 81 e 82 teñan a cualificación de leve ou grave serán cualificadas, respectivamente, como graves ou moi graves se concorre algunha das seguintes circunstancias:
  2. a) Ter sido realizadas aproveitando situacións de necesidade de determinados bens, produtos ou servizos de uso ou consumo ordinario e xeneralizado, así como orixinar igual situación.
  3. b) Ter sido realizadas explotando a especial inferioridade, subordinación ou indefensión de determinados consumidores ou grupos deles.
  4. c) Cometerse con incumprimento total dos deberes impostos ou cunha habitualidade, duración ou outras circunstancias cualitativas ou cuantitativas que impliquen desprezo manifesto dos intereses públicos protexidos na normativa aplicable en materia de protección de persoas consumidoras e usuarias.
  5. d) Producir unha alteración social grave, inxustificada e previsible no momento da comisión, orixinando alarma ou desconfianza nos consumidores ou incidindo desfavorablemente nun sector económico.
  6. e) Realizarse facendo valer a situación de predominio do infractor nun sector do mercado.
  7. f) Ser reincidente ou responsable pola comisión de calquera delito ou infracción lesiva dos intereses dos consumidores ou usuarios nas condicións e prazos previstos no artigo 29.3.d) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
  8. g) Terse creado unha situación de desabastecemento dun sector ou dunha zona de mercado.
  9. h) A aplicación de prezos ou marxes comerciais en contía moi superior aos límites autorizados ou comunicados á administración competente, ou como consecuencia dunha actuación ilícita, así como a concorrencia na maioría dos bens e servizos ofrecidos por unha empresa de prezos que excedan de tales límites aínda que, individualmente considerados, non resulten excesivos.
  10. As infraccións que, de acordo co disposto nos artigos 82, 83 e no presente artigo, teñan a cualificación de graves ou moi graves consideraranse respectivamente como leves ou graves se antes de iniciarse o procedemento sancionador o responsable corrixiu dilixentemente as irregularidades en que consista a infracción sempre que non causase prexuízos directos, devolveu voluntariamente as cantidades cobradas, colaborou activamente para evitar ou diminuír os efectos da infracción ou observou espontaneamente calquera outro comportamento de análogo significado. Con todo, non se terá en conta o disposto no parágrafo anterior, e impoñerase a sanción no seu grao máximo, cando se acredite algunha das seguintes circunstancias:
  11. a) Que se trate dunha infracción continuada ou dunha práctica habitual.
  12. b) Que a infracción comporte un risco para a saúde ou a seguridade dos consumidores, salvo que o risco forme parte do tipo infractor.
  13. Cando concorran circunstancias do número 1 coas do número 2 poderán compensarse para cualificar a infracción».

Vinte e un. O número 1 do artigo 86 queda redactado como segue:

«1. As sancións aplicables ás infraccións previstas nesta lei serán as seguintes:

  1. a) As infraccións leves serán sancionadas con multa de 150 a 10.000 euros e poderán exceder esta cantidade, ata alcanzar o triplo do valor dos bens ou servizos obxecto de infracción, ou do custo da campaña publicitaria ou comunicacións comerciais, sempre que a infracción se cometa a través destes medios, ou alcanzar entre dúas e catro veces o beneficio ilícito obtido.
  2. b) As infraccións graves serán sancionadas con multa de 10.001 a 100.000 de euros e poderán exceder esta cantidade, ata alcanzar o quíntuplo do valor dos bens ou servizos obxecto de infracción, ou do custo da campaña publicitaria ou comunicacións comerciais, sempre que a infracción se cometa a través destes medios, ou alcanzar entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido.
  3. c) As infraccións moi graves serán sancionadas con multa de 100.001 a 1.000.000 de euros e poderán exceder esta cantidade, ata alcanzar o quíntuplo do valor dos bens ou servizos obxecto de infracción, ou do custo da campaña publicitaria ou comunicacións comerciais, sempre que a infracción se cometa a través destes medios, ou alcanzar entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido.

Porén, cando a aplicación dos rangos indicados anteriormente implique a imposición dunha sanción desproporcionada en relación coa capacidade económica do infractor, poderase utilizar o rango asignado á cualificación dun menor nivel de gravidade para o cálculo da sanción. Esta utilización do rango asignado a un menor nivel de gravidade poderá acadar a redución en dous niveis e será particularmente considerada nos supostos de microempresas, pequenas e medianas empresas».

Vinte e dous. Engádese o número 5 ao artigo 86 coa seguinte redacción:

«5. A clausura ou peche de establecementos, instalacións ou servizos que non conten coas autorizacións ou rexistros sanitarios preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se rectifiquen os defectos ou se cumpran os requisitos exixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade e a retirada do mercado precautoria ou definitiva de bens ou servizos por razóns de saúde e seguridade, non teñen o carácter de sanción».

Vinte e tres. O artigo 87 queda redactado como segue:

«Artigo 87. Gradación das sancións

Para determinar, dentro dos límites mínimos e máximos establecidos, o importe da multa correspondente a cada infracción, atenderase á concorrencia dalgunha das circunstancias establecidas no artigo 84 que non puideron ser tidas en conta para alterar a cualificación da infracción ou que non se deron con todos os requisitos, ademais da natureza da infracción, o grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade, o carácter continuado da infracción, o número de consumidores afectados, o nivel dos danos e prexuízos que sufrisen, as sancións impostas pola mesma infracción ao seu autor noutros estados membros en casos transfronteirizos, así como o volume de negocio anual ou calquera outro indicador da súa capacidade económica.

Tamén se terán conta para determinar o importe da multa correspondente as circunstancias agravantes, atenuantes e mixtas recollidas nos artigos seguintes».

Vinte e catro. Engádese a letra k) ao artigo 88 coa seguinte redacción:

«k) A existencia de sancións previas por feitos concorrentes de acordo co establecido no artigo 77.2».

Vinte e cinco. O número 2 do artigo 91 queda redactado como segue:

«2. A imposición das sancións deberá garantir, en calquera circunstancia, que a comisión dunha infracción non resulte máis beneficiosa para a parte infractora que o cumprimento das normas infrinxidas».

Vinte e seis. Engádese o número 3 ao artigo 91 coa seguinte redacción:

«3. O beneficio ilícito calcularase, cando non poida ser determinado exactamente, con criterios estimativos e incluirá o aumento de ingresos e o aforro de gastos que supoña directa ou indirectamente a infracción sen descontar multas, prexuízos dos comisos ou peches, nin as cantidades que por calquera concepto teña que aboar o responsable á Administración ou aos consumidores como consecuencia da infracción».

Vinte e sete. Engádese un número 4 ao artigo 91 coa seguinte redacción:

«4. Cando se impoñan sancións de acordo co artigo 21 do Regulamento (UE) 2017/2394, o seu importe máximo para infraccións moi graves, equivalerá ao 4 % do volume de negocio anual do empresario en España ou nos estados membros afectados pola infracción. En caso de non dispoñerse desta información, poderanse impoñer multas cuxo importe máximo equivalerá a dous millóns de euros».

Vinte e oito. As letras a) e c) do número 1 do artigo 92 quedan redactadas como segue:

«a) Cunha redución dun setenta por cento nos supostos de conformidade co contido do acordo de iniciación do expediente sancionador, sempre que este non se inicie como consecuencia de denuncia ou reclamación dunha persoa prexudicada e se xustifique ter rectificado as circunstancias da infracción cometida.

O importe resultante da devandita redución nunca poderá, en ningún caso, ser inferior ao límite mínimo establecido no artigo 86 para as sancións previstas nel segundo a gravidade da infracción imputada.

Para poder acollerse a tal redución, deberá manifestarse a dita conformidade e xustificarse o ingreso da sanción coa dedución ou solicitar o seu fraccionamento no prazo de alegacións ao acordo de iniciación do expediente sancionador. En todo caso, tanto o ingreso da sanción coa dedución como a solicitude do seu fraccionamento no prazo indicado supoñerá a conformidade co contido do acordo de iniciación. O cumprimento dos requisitos anteriores para acollerse á redución poñerá fin ao procedemento».

«c) Cunha redución dun vinte e cinco por cento nos supostos de conformidade coa resolución sancionadora, caso en que deberá manifestarse a dita conformidade e xustificarse o ingreso da sanción coa redución ou solicitar o seu fraccionamento no prazo dun mes desde a notificación da resolución. O ingreso da sanción coa dedución no prazo indicado supoñerá a conformidade coa resolución sancionadora. O importe resultante desta redución non poderá ser, en ningún caso e baixo ningunha circunstancia, inferior ao límite mínimo establecido no artigo 86 para as sancións previstas nel segundo a gravidade da infracción imputada».

Vinte e nove. O número 2 do artigo 92 queda redactado como segue:

«2. O órgano competente para impoñer a sanción poderá resolver a terminación do procedemento sancionador cando os presuntos infractores propoñan compromisos que resolvan os efectos sobre os consumidores derivados das condutas obxecto do expediente e quede garantido suficientemente o interese público. Os compromisos serán vinculantes e producirán plenos efectos unha vez incorporados á resolución que poña fin ao procedemento.

Nestes supostos imporase a sanción correspondente pero inferior nun grao, sen que en ningún caso poida chegar a redución á prevista nas letras a) e b) do apartado anterior».

Trinta. Engádese un número 6 ao artigo 92 coa seguinte redacción:

«6. A interposición de recursos administrativos ou xudiciais suporá a perda das reducións determinadas neste artigo».

Trinta e un. O artigo 93 queda redactado como segue:

«Artigo 93. Sancións accesorias

  1. A administración pública competente poderá acordar, como sancións accesorias, fronte ás infraccións en materia de defensa dos consumidores previstas nesta norma:
  2. a) O comiso da mercadoría adulterada, deteriorada, falsificada, fraudulenta, non identificada ou que poida entrañar risco para o consumidor. O comiso das mercadorías obxecto da infracción que sexan propiedade do responsable, salvo que xa fose adoptado definitivamente para preservar os intereses públicos ou que, podendo resultar de lícito comercio tras as modificacións que procedan, o seu valor, sumado á multa, non garde proporción coa gravidade da infracción, en cuxo caso poderá non acordarse tal medida ou acordarse só parcialmente de cara á proporcionalidade. A resolución sancionadora que impoña esta sanción decidirá o destino que, dentro das previsións que, de ser o caso, se atopen establecidas na normativa aplicable, deba dar a administración competente aos produtos comisados.
  3. b) A publicidade das sancións impostas, cando adquiran firmeza en vía administrativa, así como os nomes, apelidos, denominación ou razón social das persoas naturais ou xurídicas responsables e a índole e natureza das infraccións, sempre que concorra risco para a saúde ou seguridade dos consumidores e usuarios, reincidencia en infraccións de natureza análoga ou acreditada intencionalidade na infracción ou traian causa na difusión de contidos racistas, xenófobos e sexistas, LGTBIfóbicos, denigrantes ou discriminatorios.
  4. c) O peche temporal do establecemento, instalación ou servizo por un prazo máximo de cinco anos nos casos de infraccións moi graves.
  5. Todos os gastos derivados das medidas adoptadas do parágrafo anterior, incluídas as derivadas do transporte, distribución e destrución, serán por conta da persoa infractora.
  6. Non terá o carácter de sanción, a publicación por parte da administración competente en materia de consumo por calquera medio, incluídas as redes sociais do infractor, dos pronunciamentos xudiciais firmes que ratifiquen sancións impostas en vía administrativa».

Trinta e dous. Os números 2, 3 e 4 do artigo 94 quedan redactados como segue:

«2. O prazo de prescrición da infracción da normativa de consumo non comezará a computar ata que esta se manifeste ou exteriorice e, no caso de infraccións continuadas ou de efectos continuados, só cando finalice ou deixe de realizarse a acción infractora ou o último acto co que a infracción se consume.

  1. As actuacións xudiciais penais e a tramitación doutros procedementos administrativos sancionadores, se impiden iniciar ou continuar o procedemento para sancionar as infraccións tipificadas por medio de lei, suspenden o prazo de prescrición das infraccións.

Interromperán a prescrición das infraccións as actuacións xudiciais no ámbito penal sobre os mesmos feitos ou sobre outros feitos conexos cuxa separación dos constitutivos da infracción da normativa de consumo sexa xuridicamente imposible, de maneira que a sentenza que puider recaer vincule a administración actuante.

  1. O prazo de prescrición das infraccións estará suspendido desde a presentación da reclamación polo consumidor á empresa ata que esta dea contestación a aquela de acordo coa normativa aplicable, así como durante o tempo en que se estea buscando unha solución á reclamación presentada polas propias partes ou coa intervención dun terceiro».

Trinta e tres. Os números 5, 7, 8 e 9 do artigo 96 quedan redactados como segue:

«5. Se unha infracción é imputada a unha persoa xurídica, poden ser consideradas tamén como responsables as persoas que integran os seus organismos reitores ou de dirección ou administración, así como os técnicos responsables da elaboración e control.

Para efectos desta lei, integran os órganos reitores ou de dirección ou administración as persoas que consten nos rexistros públicos como tales, as que fagan ostentación pública desta condición ou as que actúen como se a tivesen».

«7. En caso de infraccións cometidas por persoas xurídicas que se extingan ou se atopen en situación concursal antes de ser sancionadas, a responsabilidade administrativa poderá exixirse tamén ás persoas físicas que compoñan os órganos de dirección ou administración no momento da comisión da infracción.

  1. A responsabilidade dos coautores dunha mesma infracción será independente e impoñerase a cada un a sanción correspondente á infracción na extensión adecuada á súa culpabilidade e demais circunstancias persoais. En particular, entenderanse incluídos neste caso os anunciantes e axencias de publicidade respecto das infraccións de publicidade subliminar, enganosa ou que infrinxa o disposto na normativa sobre publicidade de determinados bens ou servizos.
  2. A morte do infractor extingue a responsabilidade. En caso de sancións pecuniarias impostas sobre entidades disoltas e liquidadas, a administración correspondente poderá dirixirse, para a cobranza das sancións pecuniarias impostas ás devanditas entidades, contra os socios ou partícipes que responderán solidariamente do importe da débeda e ata o límite do valor da cota de liquidación que se lles adxudicou».

Trinta e catro. Engádense os números 10 e 11 ao artigo 96 coa seguinte redacción:

«10. Conforme o previsto no artigo 28.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no procedemento sancionador poderá exixirse ao infractor a reposición da situación alterada pola infracción ao seu estado orixinal e, de ser o caso, a indemnización de danos e perdas causados ao consumidor, que será determinada e exixida polo órgano ao que corresponda o exercicio da potestade sancionadora, debendo notificarse ao infractor para que proceda á súa satisfacción nun prazo que será determinado en función da contía. De non satisfacerse a indemnización no prazo que para o efecto se determine en función da súa contía, procederase na forma prevista no artigo 101 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

  1. Sen prexuízo do establecido nos apartados anteriores e nos artigos seguintes, nos supostos de vendas automáticas de bens ou servizos serán responsables os determinados na normativa de ordenación do comercio retallista aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia».

Trinta e cinco. O número 1 do artigo 97 queda redactado como segue:

«1. Nas infraccións cometidas en bens envasados ou identificados, considéranse responsables o marquista e a firma ou razón social que figure na etiqueta ou identificación, salvo que se demostre a falsificación da etiqueta ou identificación, a súa utilización sen permiso ou a responsabilidade dalgún integrante da cadea de distribución ou comercialización distinto dos anteriores».

Trinta e seis. Engádense os números 3 e 4 ao artigo 100 coa seguinte redacción:

«3. Os importadores ou quen distribúa por primeira vez no mercado nacional produtos de consumo que poidan afectar a seguridade e saúde dos consumidores teñen o deber de asegurar que os devanditos produtos cumpren os requisitos exixibles para ser postos ao dispor dos consumidores e usuarios. Así mesmo, responderán solidariamente das sancións impostas aos seus subministradores ou provedores, con independencia da responsabilidade que lles corresponda polas súas propias infraccións, cando, dentro do seu deber de dilixencia, non adopten as medidas que estean ao seu alcance, incluíndo a facilitación de información, para previr as infraccións cometidas por estes.

  1. Os prestadores de plataformas serán responsables, en igual medida que o provedor do ben ou servizo, cando actúen con fins relacionados coas súas propias actividades e en calidade de socio contractual directo do consumidor respecto da oferta ou contratación de bens ou servizos realizada a través das ditas plataformas».

Trinta e sete. O número 4 do artigo 102 queda redactado como segue:

«4. Non se poderán iniciar novos procedementos de carácter sancionador por feitos ou condutas tipificados como infraccións en cuxa comisión o infractor persista de forma continuada, en tanto non recaia unha primeira resolución sancionadora, con carácter executivo.

En ningún caso se considerará que existe persistencia de forma continuada cando a iniciación do procedemento se refira a persoas distintas respecto daquelas ás que se lles vulneraron os seus dereitos, ou feitos ou condutas independentes unhas doutras».

Trinta e oito. Os números 9 e 11 do artigo 109 quedan redactados como seguen:

«9. Corresponderá á empresa probar o cumprimento das súas obrigacións establecidas na normativa aplicable, incluídas as obrigacións de dar ou facer, así como as manifestacións realizadas de acordo co establecido no artigo 36 desta lei.

  1. Non será precisa a proba dos contidos de calquera comunicación pública realizada pola empresa ou pola súa conta e por calquera medio, incluídas as comunicacións realizadas a través da web ou redes sociais».

Trinta e nove. O artigo 110 queda redactado como segue:

«Artigo 110. Proposta de resolución

  1. Concluída, de ser o caso, a proba, o órgano instrutor do procedemento formulará proposta de resolución, na cal se fixarán de forma motivada os feitos, especificándose os que se consideren probados e a súa exacta cualificación xurídica; determinarase a infracción que, de ser o caso, aqueles constitúan e a persoa ou persoas que resulten responsables, e especificarase a sanción que propón que se impoña e as medidas provisionais que fosen adoptadas, de ser o caso, polo órgano competente para iniciar o procedemento ou pola persoa designada para a instrución deste, ou ben se proporá a declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade.
  2. Non obstante o establecido no apartado anterior, o órgano instrutor resolverá a finalización do procedemento, con arquivo das actuacións, sen que sexa necesaria a formulación da proposta de resolución, cando na instrución do procedemento se poña de manifesto que concorre algunha das circunstancias establecidas no artigo 89.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Corenta. Engádese un número 6 ao artigo 112 coa seguinte redacción:

«6. Cando adquiran firmeza en vía administrativa as resolucións polas que se poña fin ao procedemento sancionador en relación con infraccións que teñan a cualificación de moi graves conforme esta norma, así como aquelas que se diten de acordo co artigo 21 do Regulamento (UE) 2017/2394, serán de libre acceso e publicadas na páxina web da autoridade correspondente, unha vez sexan notificadas aos interesados. A dita publicación levarase a cabo tras resolver, de ser o caso, sobre os aspectos confidenciais do seu contido e logo da disociación dos datos de carácter persoal a que se refire o artigo 4.1 Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e o Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, agás no que se refire ao nome dos infractores».

Corenta e un. Engádese unha disposición adicional oitava coa seguinte redacción:

«Disposición adicional oitava. Microempresas, pequenas e medianas empresas

Para os efectos desta lei, consideraranse microempresas, pequenas e medianas empresas as que así o sexan e se xustifiquen de acordo co establecido na Recomendación da Comisión Europea (2003/361/CE), do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

Non obstante o anterior, mediante decreto poderanse modificar os criterios aplicables para os efectos de considerar unha empresa como microempresa, pequena ou mediana empresa».

CAPÍTULO XI

Innovación

Artigo 52. Modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia

Engádese unha nova disposición adicional na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional novena. Bancos de probas regulatorios do Sistema galego de investigación e innovación

  1. De conformidade co disposto na disposición adicional trixésima primeira da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, co fin de fomentar a investigación e a innovación de vangarda, a Administración autonómica, no seu ámbito de competencias, poderá establecer bancos de probas regulatorios que permitan a execución de proxectos piloto de I+D+i conforme un marco normativo e administrativo adecuados para garantir o respecto á legalidade e a competitividade internacional.
  2. O establecemento dos bancos de probas regulatorios e das condicións de funcionamento e acceso dos proxectos de I+D+i a eles realizarase mediante os oportunos desenvolvementos regulamentarios.

En todo caso, será necesario prever un protocolo de probas no que se inclúan cláusulas de confidencialidade e segredo empresarial, así como cláusulas, suxeitas á regulación específica, sobre os dereitos de propiedade industrial e intelectual, obtencións vexetais ou segredos empresariais que puideren verse afectados durante a realización de probas. O protocolo de probas tamén deberá incluír as normas, condicións e límites aos que estará suxeito o proxecto piloto, aspectos relevantes sobre o seu seguimento e os seus obxectivos, así como a previsión dun sistema de garantías e indemnizacións.

A execución de probas, proxectos ou actividades nos bancos de probas regulatorios realizarase con fins exclusivamente de investigación ou innovación, polo tempo necesario para a súa execución nos termos programados, limitándose o volume e alcance deles, e non supoñerá, en ningún caso, o outorgamento de autorización para o exercicio de actividades comerciais ou industriais alleas ou non relacionadas cos fins propios da investigación e innovación.

Sen prexuízo do disposto no número 3, as actividades que se realicen en execución de proxectos de I+D+i desenvoltos nos bancos de probas deberán acomodarse á normativa reguladora destes, que establecerá prazos abreviados e procedementos administrativos específicos ou simplificados.

  1. Os bancos de probas regulatorios deberán estar circunscritos a espazos xeograficamente delimitados, vinculados á actividade de infraestruturas científico-técnicas de titularidade pública.

Os proxectos que se repitan de maneira recorrente neste tipo de bancos de probas someteranse á avaliación de impacto ambiental simplificada, cando este trámite resulte preceptivo.

  1. Para a elección da localización destes bancos de probas regulatorios terase en conta como criterio de selección a súa implantación en áreas despoboadas, así como outros criterios de cohesión territorial».

CAPÍTULO XII

Procedemento e organización administrativa

Artigo 53. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

Modifícase a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que queda redactada coma segue:

Un. O artigo 56 queda redactado como segue:

«Artigo 56. Adscrición

Cada entidade pública instrumental adscríbese directamente, ou a través doutra entidade instrumental, á consellaría ou ao órgano que sexa competente por razón da materia de acordo co que se determine nos decretos de estrutura previstos nos artigos 25.5 e 27.1, que poderán adaptar a adscrición inicial prevista na lei que autorice a creación da entidade á distribución de competencias que efectúen en cada momento».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 38, que queda redactado como segue:

«1. Para os efectos desta lei, enténdense por regulamentos as disposicións administrativas de carácter xeral de rango inferior á lei ditadas polos órganos que teñan atribuída expresamente competencia para isto.

As bases reguladoras aplicables á concesión de subvencións e as súas convocatorias non terán a consideración de disposicións administrativas de carácter xeral para os efectos establecidos neste título, e rexeranse polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Tres. O número 2 do artigo 41 queda redactado como segue:

«2. Iniciado o procedemento, con carácter previo á elaboración do anteproxecto, levarase a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e Goberno aberto co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma sobre os seguintes aspectos: os problemas que se pretenden solucionar coa norma, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas, regulatorias e non regulatorias.

A consulta pública previa deberá realizarse de tal forma que todos os potenciais destinatarios da norma teñan a posibilidade de emitir a súa opinión, para o cal deberá proporcionarse un tempo suficiente, non inferior a quince días naturais. Por razóns de urxencia debidamente xustificadas no expediente, poderá acordarse un prazo inferior.

Poderá prescindirse do trámite de consulta pública previa en calquera dos seguintes supostos:

  1. a) Que se trate de normas orzamentarias ou organizativas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das organizacións dependentes ou vinculadas a ela.
  2. b) Que concorran razóns graves de interese público que o xustifiquen.
  3. c) Que a proposta normativa non teña impacto significativo na actividade económica.
  4. d) Que a proposta normativa non impoña obrigacións relevantes ás persoas destinatarias.
  5. e) Que a proposta normativa regule aspectos parciais dunha materia.

A concorrencia dalgunha ou dalgunhas destas razóns xustificarase debidamente no expediente».

Artigo 54. Modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público

Un. Modifícase o número 1 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«1. A Asesoría Xurídica Xeral, con rango de secretaría xeral, é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma ao que lle corresponde, en relación co ámbito descrito no artigo 2, a dirección, a coordinación e a inspección da asistencia xurídica».

Dous. As referencias realizadas na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, á persoa titular da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral ou á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral entenderanse feitas á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral ou á Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

Artigo 55. Modificación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia

Engádese unha disposición adicional sétima coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima. Competencias dixitais no sistema educativo galego

  1. A avaliación, recoñecemento e rexistro das competencias dixitais no ámbito do sistema educativo galego, tanto para o persoal docente de acordo co seu marco específico de referencias de competencia dixital docente como para o alumnado, corresponderá á consellaría competente en materia de educación.
  2. A consellaría competente en materia de educación e a entidade con competencias na xestión do Marco galego de competencias dixitais establecerán os mecanismos de coordinación dos procesos de xestión do Marco galego de competencias dixitais e do Rexistro de Certificacións de Competencias Dixitais e os que se establezan no sistema educativo galego.
  3. Así mesmo, estableceranse as correspondentes equivalencias das competencias dixitais obtidas no sistema educativo coas que se establezan no Marco galego de competencias dixitais para os cidadáns de Galicia de acordo cos procedementos e polos órganos que se establezan regulamentariamente».

Artigo 56. Modificación Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

Modifícase o número 3 do artigo 60, que queda redactado como segue:

«3. A presidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, que poderá delegar na persoa titular da vicepresidencia. A vicepresidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da consellaría competente en materia de economía. As funcións de secretaría da Comisión corresponderán á persoa titular da dirección xeral competente en materia de fondos europeos».

Artigo 57. Modificación da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia

Modifícase a Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, do seguinte xeito:

Engádese un novo artigo 26 na Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 26. Compensacións económicas

Sen prexuízo das contías que poidan percibir en concepto de axudas de custo os membros do Consello Económico e Social de Galicia, as organizacións representadas nel terán dereito a percibir compensacións económicas polos gastos en que incorran no desenvolvemento das actividades realizadas con motivo da súa participación. Estas compensacións axustaranse ás bases que acorde o Pleno, e a súa determinación, procedemento de libramento e xustificación determinaranse anualmente por resolución da súa presidencia. As compensacións serán incompatibles coas compensacións económicas recollidas na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. A contía máxima que percibirá cada organización atenderá ao número de representantes con que conte, e para calculala dividirase a contía global consignada no orzamento do Consello Económico e Social anualmente para estas compensacións entre o número total de representantes».

Artigo 58. Modificación do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro

O Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, queda modificado como segue:

Un. Os números 2 e 3 do artigo 17 quedan redactados como segue:

«2. Os órganos xestores que pretendan establecer ou modificar unha subvención remitirán ao centro directivo competente en materia de axudas de Estado o correspondente proxecto, unha vez que recibiron informe as bases reguladoras, xunto coa información necesaria e nos modelos normalizados de comunicación establecidos para a súa notificación á Comisión Europea segundo a normativa prevista por esta, polo menos dous meses antes da data prevista para a súa entrada en vigor.

  1. A dirección xeral competente en materia de relacións exteriores, unha vez posto no seu coñecemento o proxecto polo centro directivo competente en materia de axudas de Estado, remitirá no prazo de dez días a información necesaria ao órgano da Administración do Estado competente para a súa remisión á Comisión Europea».

Dous. O número 2 do artigo 18 queda redactado como segue:

«2. As bases reguladoras deberán someterse ao informe da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Este último informe integrará un pronunciamento expreso no que se recolla a valoración en materia de axudas de Estado».

Tres. Suprímese o artigo 19, que queda sen contido.

Artigo 59. Modificación do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto

Un. Modifícase o número 2 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Estudos, Información e Asistencia, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

  1. a) A coordinación dos departamentos de Información e Asistencia Tributaria das delegacións, doutros órganos de xestión e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia, en materia de información e asistencia tributaria.
  2. b) A xestión do contido da sede electrónica da Axencia Tributaria de Galicia.
  3. c) A elaboración e o mantemento dos modelos oficiais de declaracións tributarias e de calquera documento normalizado.
  4. d) O mantemento da base de datos de coñecemento, así como a recompilación e publicación dos textos actualizados das normas tributarias e de doutrina administrativa de maior transcendencia.
  5. e) A elaboración de estudos e informes sobre as distintas actuacións e procedementos desenvoltos pola Axencia Tributaria de Galicia.
  6. f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.
  7. g) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento de Colaboración Social e Administrativa, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

  1. a) A tramitación e supervisión dos acordos de colaboración social con outras administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais.
  2. b) A colaboración e intercambio de datos e información necesarios cos órganos de control e inspección autonómicos e doutras administracións públicas e, en particular, co Consello de Contas de Galicia, coa Inspección de Servizos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, co Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria e co Consello Territorial para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria.
  3. c) A canalización das relacións entre os órganos da Axencia Tributaria de Galicia e os órganos económico-administrativos e os xuíces e tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.
  4. d) A elaboración de informes para a proposta de interposición de recursos contencioso-administrativos, o seguimento e control en materia de medidas cautelares e de execución de resolucións, autos e sentenzas, canalizando a relación coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
  5. e) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.
  6. f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.
  7. g) A tramitación dos procedementos de revogación e dos procedementos especiais de revisión de actos nulos de pleno dereito e de declaración de lesividade de actos anulables, cando a resolución ou a súa proposta corresponda á Dirección».

Dous. Modifícase a letra a) do número 2.2 do artigo 23, que queda redactada como segue:

«a) As funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellaría competente en materia de facenda».

Tres. Modifícase o número 2.3 do artigo 24, que queda redactado como segue:

«2.3. O Departamento de Planificación do Control Tributario, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

  1. a) A planificación xeral das actuacións de control tributario que desenvolven as diferentes áreas da Axencia con competencia en control tributario.
  2. b) A elaboración do proxecto do Plan de control tributario que deberá aprobar a Dirección da Axencia.
  3. c) O estudo das diferentes áreas de risco para a detección da fraude fiscal co obxecto da planificación do control tributario.
  4. d) O estudo e análise dos resultados obtidos nas actuacións de control.
  5. e) A colaboración coa Área de Recadación para a análise e definición de perfís e indicadores de risco recadatorio».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 25, que queda redactado como segue:

«2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Recadación, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

  1. a) Promover e impulsar a xestión recadatoria no ámbito das súas competencias, exercendo a debida vixilancia para que os procedementos se ultimen con rapidez.
  2. b) A xestión recadatoria nos dous períodos respecto das débedas das unidades centrais e órganos con sede no concello de Santiago de Compostela.
  3. c) Ditar providencias de constrinximento respecto das débedas sinaladas no apartado anterior.
  4. d) A relación coas entidades colaboradoras no ámbito da comunidade autónoma.
  5. e) Facer o seguimento dos procesos concursais en que compareza a Axencia Tributaria de Galicia.
  6. f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de recadación executiva no ámbito das súas competencias.
  7. g) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento de Recadación Executiva, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

  1. a) Planificar a xestión recadatoria executiva que corresponda á Axencia Tributaria de Galicia, para o cal colaborará co Departamento de Planificación do Control Tributario.
  2. b) A xestión centralizada da recadación executiva.
  3. c) A coordinación de órganos e unidades que leven a cabo a xestión recadatoria en período executivo.
  4. d) Tramitar as reclamacións por terzarías que se poidan formular.
  5. e) Tramitar expedientes de derivación da acción administrativa aos responsables solidarios e subsidiarios e sucesores en período executivo.
  6. f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de recadación executiva no ámbito das súas competencias.
  7. g) Canalizar as relacións con outras administracións públicas e entidades colaboradoras para os efectos de establecer e mellorar as canles de intercambio de información necesarias para o desenvolvemento das competencias de recadación executiva.
  8. h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias».

Cinco. Engádese unha disposición transitoria quinta, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria quinta. Funcións do Departamento de Recadación Executiva

En tanto non se doten os medios persoais e materiais necesarios, as funcións atribuídas ao Departamento de Recadación Executiva no artigo 25.2.2 do presente estatuto serán levadas a cabo polo Departamento Central de Recadación».

Artigo 60. Asunción das funcións de recadación en período executivo pola Axencia Tributaria de Galicia

  1. A Axencia Tributaria de Galicia asumirá progresivamente as funcións de recadación en período executivo en vía de constrinximento desempeñadas, no momento da entrada en vigor deste artigo, polas zonas de recadación reguladas no artigo 46 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.
  2. As zonas de recadación establecidas ao amparo do artigo 46.3 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, quedarán suprimidas o 1 de xaneiro de 2026, ou no momento anterior á indicada data no caso en que o recadador á fronte dalgunha das devanditas zonas cese no cargo por cumprimento dos 70 anos de idade, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, ou por calquera do resto das causas establecidas nese artigo. No momento da supresión da correspondente zona as súas funcións serán asumidas pola Axencia Tributaria de Galicia.
  3. As persoas á fronte das zonas de recadación suprimidas poderán solicitar, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia no seu corpo ou escala de procedencia e serán adscritas provisionalmente a un posto de traballo nun prazo máximo de quince días.
  4. O recadador deberá, de acordo coa normativa laboral aplicable, proceder á extinción das súas relacións laborais co seu persoal colaborador, de acordo co establecido no artigo 48 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, asumindo integramente todas as obrigas e responsabilidades inherentes á dita relación.

Co obxecto de atender os gastos ocasionados polo pagamento, por parte do recadador, das cantidades xustificadas debidas pola extinción das relacións laborais de acordo co establecido na normativa laboral aplicable, a persoa titular da consellaría competente en materia de facenda poderá aprobar, mediante acto administrativo, a percepción polo recadador dunha cantidade con cargo ás cantidades recadadas pola zona, considerándose os indicados gastos como gastos derivados da supresión da zona de recadación. Para os únicos efectos indicados do cálculo da indicada percepción polo recadador, o titular da devandita consellaría terá en conta o cadro de persoal comunicado á administración de acordo co artigo 17.2 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, e aplicará os límites de retribución do persoal establecidos, para os efectos da percepción da asignación mínima, no artigo 2.2.4 da Orde do 8 de outubro de 1997 pola que se desenvolve o Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta e o Estatuto dos recadadores de zona.

  1. A Axencia Tributaria de Galicia asumirá cos seus propios medios, mediante persoal funcionario, as funcións de recadación desempeñadas polas zonas de recadación, de acordo co establecido nesta disposición.

Para asegurar a continuidade do servizo os órganos competentes da Axencia Tributaria de Galicia, con antelación ao momento da supresión das zonas de recadación e dos órganos unipersoais de recadador á fronte da zona, procederán á adopción das medidas que sexan precisas. No momento da supresión tomarase posesión da documentación correspondente á recadación en vía executiva, de acordo co establecido no número 2 do artigo 16 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro.

CAPÍTULO XIII

Réxime financeiro e orzamentario

Artigo 61. Modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, queda modificado como segue:

Un. A letra e) do número 1 do artigo 64 queda redactada como segue:

«e) Os créditos destinados á cobertura de necesidades de toda orde motivadas por sinistros, catástrofes ou outros de recoñecida urxencia».

Dous. O número 3 do artigo 79 queda redactado como segue:

«3. O contraído dos recursos procedentes da Unión Europea efectuarase unha vez certificada, ante a unidade estatal ou comunitaria administradora destes recursos, a realización do gasto financiado coas transferencias dos devanditos recursos.

Sen prexuízo do anterior, poderán contraerse estes recursos no mesmo exercicio en que se realizou o gasto que financian sen esperar á tramitación da certificación a que se refire o parágrafo anterior, cando as disposicións recollidas no Sistema europeo de contas nacionais e rexionais ou nas disposicións que o desenvolven, vinculen a imputación temporal destes recursos á execución material do gasto en lugar da súa certificación.

Con carácter xeral, sen prexuízo das excepcións que, no marco do proceso de elaboración do orzamento anual, estableza a dirección xeral competente en materia de orzamentos, a xestión destes recursos incluirase dentro do orzamento da Administración xeral, aínda que o beneficiario sexa calquera das entidades incluídas no ámbito do sector público autonómico definido segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou se trate de entidades que estean incluídas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo.

Realizada esta xestión orzamentaria, as entidades percibirán os recursos correspondentes desde a sección orzamentaria pola que reciben as transferencias correntes e de capital».

Tres. O numero 2 do artigo 80 queda redactado como segue:

«2. Non obstante, aplicaranse ao exercicio corrente os ingresos procedentes de dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do pechamento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento ou fraccionamento».

Disposición adicional primeira. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2023

Como consecuencia da escaseza de persoal de perfil sanitario, agravada pola situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia derivada da pandemia da COVID-19, e para garantir a dispoñibilidade do dito persoal nas listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino, adóptanse as seguintes medidas:

  1. No suposto de non existiren aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes ás categorías profesionais indicadas, poderá:
  2. a) solicitarse directamente do Servizo Público de Emprego, sen prexuízo dos demais procedementos establecidos; ou
  3. b) acudir opcionalmente á relación de penalizados da categoría profesional, corpo ou escala correspondente que solicitaron a reincorporación; ou
  4. c) acudir aos integrantes das listas que solicitaron a inclusión durante o ano en curso, no caso de que non estean publicadas as listas definitivas e lles corresponda ser admitidos.
  5. Cando pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II, e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, non existan candidatos que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.
  6. O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses.
  7. A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos ao día seguinte ao da súa presentación.
  8. O establecido nesta disposición ten vixencia limitada ao ano 2023.

Disposición adicional segunda. Documentos de referencia

  1. O órgano ambiental, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, e de conformidade co disposto no número 3 do artigo 36 bis da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, elaborará para os grupos de proxectos que se establecen nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, os documentos de referencia dos grupos de proxectos dos que xa se emitisen documentos de alcance ou xa se realizase a avaliación ambiental, aínda que, no caso destes últimos, non se tivese determinase o alcance do estudo de impacto ambiental.
  2. Para a aprobación destes documentos de referencia non será necesario realizar novas consultas ás administracións públicas afectadas por razón da materia e ás persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, vinculadas á protección do medio ambiente.
  3. A partir da entrada en vigor da presente lei queda suspendida a tramitación das solicitudes de emisión de documento de alcance en tanto non se elabore o correspondente documento de referencia conforme o previsto no número 1 da presente disposición.

Disposición adicional terceira. Adaptación do convenio do sistema público de xestión da biomasa

  1. A consellaría competente en materia forestal promoverá a adaptación ás modificacións introducidas por esta lei do convenio de colaboración para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga.
  2. Unha vez formalizado e publicado o convenio adaptado a esta lei, os concellos que desexen deixar de estar adheridos a el terán un prazo de dous meses para manifestalo por escrito e desistir da súa adhesión voluntaria, para o cal deberán remitir comunicación á consellaría competente en materia forestal e á Federación Galega de Municipios e Provincias. Caso de que, transcorrido este prazo, non realicen a dita comunicación, o convenio seralles aplicable en todos os seus termos.
  3. Con independencia da adaptación do devandito convenio que se realice de acordo co número 1, desde o momento da entrada en vigor da presente disposición, a consellaría competente en materia forestal poderá acordar a asunción das competencias previstas no número 10 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, logo da aprobación por escrito do correspondente concello.

Disposición adicional cuarta. Concellos que non dispoñan dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado

Os concellos que, na data da entrada en vigor desta lei, non dispoñan dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado, dispoñerán dun prazo de dezaoito meses para a súa aprobación, contados desde esa data.

Transcorrido o prazo previsto no parágrafo anterior, caso de que non se aprobase o citado plan, o concello non poderá adherirse ao convenio previsto no artigo 21 quater.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e, de estar xa adherido, suspenderase a súa adhesión ata que se produza a aprobación do plan.

Disposición adicional quinta. Refundición da normativa vixente en materia de transporte por estrada

Habilítase a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a aprobar, mediante decreto lexislativo, no prazo de dezaoito meses, contados desde a entrada en vigor desta lei, un texto refundido da normativa vixente na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte por estrada.

Disposición adicional sexta. Rexistro en contas de dereitos dados de baixa en 2022

Como consecuencia da modificación prevista no artigo 80.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os dereitos dados de baixa ao peche do exercicio orzamentario 2022 deberán ser obxecto de inclusión nas contas do exercicio 2023.

Disposición adicional sétima. Perdas en redes de abastecemento

  1. Aquelas administracións públicas que no día 1 de xaneiro de 2023 teñan aprobado o Plan de actuacións para minimizar as perdas establecidas na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, estarán exentas do pagamento do canon da auga polos ditos usos durante un prazo de dous anos desde o inicio da súa exixibilidade.
  2. Así mesmo, estarán igualmente exentas polo mesmo período de tempo aquelas administracións públicas responsables que, na data do 1 de xaneiro de 2023, estean elaborando o antedito plan. Non obstante, esta exención estará condicionada a que o plan sexa aprobado antes do 1 de xullo de 2023.
  3. As exencións indicadas nas alíneas anteriores estarán condicionadas a que, ademais de cumprir os requisitos que nesas alíneas se sinalan, as ditas administracións dispoñan na data do 1 de abril de 2023 de contadores instalados en cada un dos puntos de captación de auga e, se é o caso, de subministración en alta de auga. Estes contadores deben permitir cuantificar a totalidade do volume de auga entrante no sistema de abastecemento de auga.
  4. A exención de pagamento do canon da auga establecida nesta disposición non exime as administracións públicas beneficiarias da obriga de presentar as declaracións que regulamentariamente se establezan en relación coa determinación da base impoñible do canon da auga na modalidade de perdas nas redes de abastecemento e, singularmente, da obriga establecida na alínea 4 do artigo 65 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Disposición adicional oitava. Ampliación do prazo para a posta en marcha das emisións e o pagamento da taxa do servizo de comunicación audiovisual de televisión correspondente ás adxudicacións transformadas en licenzas e establecemento dun prazo de igual período para as licenzas outorgadas mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2014

O prazo para responder das obrigas e materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e para acreditar o cumprimento das obrigas contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións e o pagamento da taxa do servizo de comunicación audiovisual de televisión correspondente ás adxudicacións transformadas en licenzas queda ampliado en dous anos, que se contarán desde a finalización do prazo anterior.

Igualmente, fíxase un prazo de dous anos, a partir da entrada en vigor da presente lei, para materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e acreditar o cumprimento das obrigas contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións dos servizos de comunicación audiovisual de televisión local correspondentes ás licenzas outorgadas mediante Acordo do Consello da Xunta do 26 de decembro de 2014 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro do 2015).

Disposición transitoria primeira. Aplicación das previsións desta lei en canto á restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

  1. O disposto no artigo 10 será aplicable ás obras, actuacións e construcións existentes no momento da entrada en vigor desta lei.
  2. O disposto no artigo 11 será aplicable aos procedementos de restitución ou reposición da legalidade pendentes de execución no momento da entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Tramitación dos plans de xestión e das normas de xestión e conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza

A tramitación dos plans de xestión e das normas de xestión e conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, axustándose os contidos dos instrumentos de planificación ao previsto nos artigos 60.1 ou 64, segundo se trate dun plan de xestión ou de normas de xestión e conservación. O instrumento de planificación será aprobado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, agás as normas de xestión e conservación do espazo natural de interese local ou do espazo privado de interese natural que se aprobarán mediante orde, xunto coa súa declaración definitiva.

Disposición transitoria terceira. Comunicacións e apercibimentos realizados con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

As comunicacións e apercibimentos realizados antes da entrada en vigor desta lei, con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa redacción vixente á entrada en vigor desta disposición, habilitarán a administración competente para realizar as actuacións materiais de execución subsidiaria dentro dos catro anos posteriores á notificación dos apercibimentos, de acordo co réxime previsto nesta lei. Unha vez transcorrido este prazo de catro anos, a administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio relativo aos proxectos de instalación de establecementos comerciais que conten cunha autorización comercial autonómica vixente da vixencia das autorizacións comerciais

Aos proxectos de instalación de establecementos comerciais que conten cunha autorización comercial autonómica vixente e que á entrada en vigor desta lei non iniciasen a actividade comercial, seralles aplicable o disposto no artigo 34 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, na redacción dada por esta lei.

Disposición transitoria quinta. Réxime transitorio aplicable ao exercicio da potestade sancionadora en materia de consumo

  1. Respecto dos feitos cometidos con anterioridade á entrada en vigor das modificacións introducidas na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, introducidas mediante a presente lei, serán aplicables as disposicións sancionadoras vixentes no momento de se produciren tales feitos.
  2. Os procedementos sancionadores en tramitación no momento da entrada en vigor das modificacións introducidas na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, introducidas mediante a presente lei, rexeranse pola normativa vixente no momento da súa incoación.
  3. Non obstante o disposto nos dous apartados anteriores, de conformidade co artigo 26.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as disposicións sancionadoras previstas na presente lei producirán efecto retroactivo en canto favoreceren o presunto infractor ou presunta infractora ou o infractor ou infractora, tanto no referido á tipificación da infracción como á sanción e aos seus prazos de prescrición, mesmo respecto das sancións pendentes de cumprimento ao entrar en vigor a nova disposición.

Disposición transitoria sexta. Réxime aplicable aos criterios de cálculo do valor das obras e instalacións para a determinación das taxas por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario da Comunidade Autónoma de Galicia

A Orde do 2 de novembro de 2011 pola que se aproban os criterios de cálculo do valor das obras e instalacións, do valor da súa depreciación e do valor dos terreos e augas da zona de servizo dos portos adscritos á Comunidade Autónoma de Galicia será aplicable para a determinación das taxas por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario da Comunidade Autónoma de Galicia mentres non se proceda á revisión da dita orde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias

As previsións contidas nos seguintes decretos, que son obxecto de modificación por esta lei, poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran:

  1. a) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  2. b) Decreto 84/2012, do 10 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.
  3. c) Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia.
  4. d) Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
  5. e) Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director Rede Natura 2000 de Galicia.
  6. f) Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.
  7. g) Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
  8. h) Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Referencias á licenza de primeira ocupación contidas na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

As referencias á licenza de primeira ocupación contidas na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, entenderanse realizadas á comunicación previa de primeira ocupación de edificacións.

Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023. Os artigos 1 e 2 producirán efectos desde o 1 de xaneiro de 2022.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente