Medidas fiscais e administrativas GALICIA

, ,

LEI 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

[sc name=»secretario» ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es

Exposición de motivos
I
Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas.
O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción.
Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se explicitan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, a presente lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria.
Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter e organización administrativos.
II
A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.
O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.
O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos. Así, no que atinxe o imposto sobre a renda das persoas físicas introdúcense modificacións puntuais en determinadas deducións por investimento co fin de suprimir o límite máximo de participación na sociedade nos supostos de sociedades laborais ou cooperativas compostas unicamente por dúas persoas socias. Alén diso, prevense dúas novas deducións na cota íntegra autonómica coa finalidade, por un lado, de permitir a dedución das cantidades investidas para mellorar a cualificación enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, e, por outro lado, de que as axudas ou subvencións recibidas polos deportistas recoñecidos como de alto nivel de Galicia non se vexan minoradas pola súa tributación, impulsando dese modo o deporte de alto nivel en Galicia.
En relación co imposto sobre sucesións e doazóns, increméntase a redución por parentesco do grupo II, co que se segue na senda, xa iniciada en 2016, de lograr manter íntegro o patrimonio familiar e a capacidade económica da familia. Ademais, introdúcense modificacións nas reducións pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades coa finalidade de continuar na senda de favorecer as empresas familiares que permanecen dentro do ámbito familiar xeración tras xeración, reforzando a aposta polo desenvolvemento do tecido empresarial de orixe familiar.
Por último, no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados incorpórase a regulación do tipo de gravame aplicable na adquisición de vivendas nas parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, co obxectivo de fomentar a adquisición de vivenda nestas zonas e de promover o asentamento con carácter permanente, cos conseguintes beneficios que iso supón para a contorna.
O capítulo II, relativo aos tributos propios, está integrado por tres preceptos.
No primeiro deles, sobre taxas, por un lado prevese a elevación dos tipos das taxas de contía fixa e, por outro, introdúcense diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación dalgunhas vixentes.
O seguinte precepto introduce modificacións na regulación do canon da auga e do coeficiente de vertedura que estriban, esencialmente, no establecemento dun sistema tarifario que evite as disfuncións advertidas, na práctica, na modalidade de carga contaminante. Así, co novo réxime, na modalidade de carga contaminante será aplicable un tipo de gravame xeral, que se aplicará sobre o volume de auga usado ou consumido, e un tipo de gravame especial determinado en función da carga contaminante. A carón das modificacións derivadas deste novo réxime, tamén se incorporan medidas tendentes a facilitar o cobramento dos importes de canon da auga xunto co resto dos conceptos contidos na factura da auga, e introdúcense previsións relacionadas co emprego de medios electrónicos.
No último precepto do capítulo II introdúcese unha modificación na regulación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamento da auga encorada co fin de arbitrar un sistema que simplifique a xestión. Así, naqueles supostos en que non coincida o contribuínte co titular da concesión e os usuarios da toma de auga sexan unha pluralidade de persoas prevese que o titular da concesión sexa suxeito pasivo substituto do contribuínte coa posibilidade de exixir a débeda tributaria dos contribuíntes, de xeito que se manteña a debida correspondencia co principio «quen contamina, paga», recaendo a carga tributaria naquel que pode adoptar as medidas conducentes á redución do dano medioambiental ou que se beneficia do referido dano medioambiental. Prodúcese así unha correcta atribución da carga tributaria no produtor do dano ao ambiente, co que se cumpre a finalidade extrafiscal e se interioriza o custo que o contribuínte externaliza á sociedade.
O título II, relativo ás medidas administrativas, está dividido en catorce capítulos.
O capítulo I aborda medidas en materia de emprego público. Por un lado, introdúcense modificacións na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa finalidade fundamental de crear varias escalas e especialidades dos corpos e da agrupación profesional do persoal funcionario de administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos corpos de administración especial.
Por outro lado, modifícase a Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, co fin de introducir nela unha nova disposición transitoria para regular un sistema transitorio de progresión na carreira administrativa que resulte de aplicación ao persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas de Galicia, que siga a liña do previsto no número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
No capítulo II introdúcense modificacións nos artigos do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, relativos á Conta Xeral da Comunidade Autónoma, coa finalidade fundamental da súa adaptación á regulación do sector público autonómico contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O capítulo III introduce, en primeiro lugar, unha modificación da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia. Entre as medidas que xa se teñen incorporado na Administración autonómica dirixidas á racionalización de procedementos, hai que engadir a ampliación do prazo de vixencia, de catro a seis anos, das declaracións de impacto ambiental. Esta ampliación impleméntase co obxecto de acadar os obxectivos da avaliación do impacto ordinaria, ao mesmo tempo que se garanta a adecuada prevención e, se for o caso, corrección dos impactos derivados da análise técnica dos expedientes, sen o freo que pode supoñer a realización dunha nova avaliación que non derive nun resultado diferente do finalizado en primeiro termo e que supoñería un atranco na tramitación dos expedientes e, por tanto, nas iniciativas dos distintos sectores produtivos galegos. Ademais, a Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, de ámbito estatal, conseguiu unha regulación máis eficaz do proceso de avaliación de impacto ambiental, adaptando as diversas etapas de que consta este proceso aos principios comunitarios de «mellor lexislación» e de redución de cargas administrativas para os cidadáns, garantindo a mellora da protección do ambiente e da saúde humana, e velando polo mantemento da diversidade de especies e a conservación da capacidade de reprodución do ecosistema como recurso fundamental da vida e o aumento da eficiencia no uso dos recursos naturais, mediante un sistema de toma de decisións sobre investimentos, tanto públicos como privados, máis previsible e sustentable a longo prazo. Esta regulación supón un reforzo das avaliacións de impacto ambiental, prestando máis atención a determinadas áreas como a eficiencia dos recursos, o cambio climático e a prevención de riscos, que agora se reflicten mellor no proceso de avaliación. Esta circunstancia posibilita a ampliación do prazo de vixencia das declaracións de impacto ambiental, de modo que se poida lograr o desenvolvemento produtivo e económico da Comunidade Autónoma conxunta e paralelamente coa garantía da preservación do ambiente.
O capítulo III tamén recolle outras medidas en materia de medio ambiente e territorio. Así, dunha parte, modifícase puntualmente a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, co fin de ampliar o ámbito de actuación dos plans de acción da paisaxe.
Doutra parte, para favorecer a práctica da caza sobre o xabaril e incrementar a efectividade no control das súas poboacións, modifícase a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, para permitir a caza desta especie mediante modalidades que comunmente se utilizan para a caza menor e que contribúan a aumentar a efectividade do aproveitamento cinexético desta especie.
Modifícanse a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e os seus desenvolvementos, coas seguintes finalidades: a) facer extensible ao solo urbano non consolidado e ao solo urbanizable a posibilidade de cumprir o deber de cesión mediante a substitución da entrega de solo polo seu valor en metálico; b) definir o solo rústico de protección de espazos naturais tendo en conta a regulación contida na recente Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; c) realizar axustes puntuais na regulación das condicións xerais das edificacións no solo rústico co fin de evitar dúbidas na interpretación e aplicación da lei e do seu regulamento de desenvolvemento; d) recuperar e poñer en valor as edificacións tradicionais existentes en calquera categoría de solo rústico e no solo de núcleo rural; e) clarificar a regulación da tramitación dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural; f) reforzar a seguridade xurídica e dotar de maior estabilidade o tráfico inmobiliario, clarexando o réxime xurídico vixente para as edificacións que se encontran en situación de fóra de ordenación e aquelas preexistentes á aprobación definitiva do planeamento que non sexan plenamente compatibles coas súas determinacións, pero que non estean incursas na situación de fóra de ordenación, así como aquelas para as cales xa transcorresen os prazos para a adopción de medidas de restauración da legalidade urbanística; e g) garantir a seguridade xurídica, clarexando determinadas previsións do réxime transitorio da lei e dun dos seus decretos de desenvolvemento.
Na Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, introdúcense modificacións puntuais dirixidas substancialmente a corrixir erros ou omisións postos de manifesto na aplicación da dita lei.
Por último, o capítulo III aborda a modificación puntual da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, coa finalidade, seguindo a liña doutras leis autonómicas e estatais, de prever un prazo de prescrición da obriga de reparar o dano causado de quince anos desde que a Administración ditou o acto que acorde a súa imposición, o que deberá entenderse sen prexuízo da aplicación da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade medioambiental, para a reparación dos danos medioambientais regulados nela.
O capítulo IV recolle medidas en materia de medio rural que atinxen tres textos legais.
Por unha banda, modifícase a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, coa finalidade de incidir na cooperación e colaboración entre administracións contra os incendios forestais, como servizo de interese xeral, e establecer a nivel legal un sistema público de xestión da biomasa que garanta a máis eficaz e eficiente actuación das administracións públicas competentes na materia de prevención de incendios forestais, de cara a protexer a seguridade das persoas e dos bens.
Por outra banda, é obxecto de modificación a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, para completar a listaxe de definicións e, especialmente, para introducir un novo artigo relativo ao fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo, deseñado como un sistema para recuperar e poñer en valor as terras circundantes a núcleos de poboación, incluíndo total ou parcialmente as súas faixas secundarias de protección de biomasa, coa finalidade de recuperar a capacidade agronómica do perímetro do proxecto, a súa rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística e a promoción do emprego e a dinamización socioeconómica.
Introdúcese una nova disposición adicional na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, co fin de ampliar o prazo de vixencia da declaración de impacto ambiental dos proxectos de concentración parcelaria, tendo en conta a especificidade dos procesos de reestruturación parcelaria que abordan as deficiencias estruturais das explotacións agrarias na procura da súa viabilidade técnico-económica, os cales resultan, non obstante, dilatados temporalmente dada a súa complexidade procedemental, que en Galicia, se cabe, se volve aínda máis complexo ao acusarse unha alta fragmentación da propiedade, que dificulta notablemente o avance nos ditos procesos de mellora da estrutura territorial.
No capítulo V modifícase a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, coa finalidade fundamental de regular os supostos en que as tarifas dos servizos de taxi terán o carácter de máximas e de prever o réxime aplicable en tales casos co fin de dotar de maior flexibilidade o exercicio da actividade á vez que queden garantidos os dereitos das persoas usuarias. Ademais, introdúcense modificacións puntuais respecto aos requisitos exixibles ás persoas condutoras, co fin de incluír o réxime de autónomo colaborador, e á capacidade dos vehículos, co obxectivo de avanzar cara á universalización do servizo de taxi e a súa prestación de xeito non discriminatorio. Do mesmo xeito, abórdase unha previsión en liña coa recente modificación do artigo 107.3 do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro. Finalmente, na liña avalada polo Tribunal Supremo, a prestación de servizos de transporte público en vehículos de turismo mediante arrendamento de vehículos con condutor require dunha contratación previa por parte das persoas usuarias, polo que se fai necesario fixar legalmente a antelación mínima que debe darse entre a contratación previa do servizo e a súa prestación material por parte da empresa, co fin, precisamente, de garantir que a dita contratación é anterior a esta última, e regular tamén a forma en que debe deixarse constancia da contratación dos servizos e, concretamente, do intervalo temporal transcorrido entre a contratación e a prestación do servizo; constancia que resulta esencial para o necesario seguimento do seu cumprimento.
No mesmo capítulo V recóllense modificacións da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Así, en materia de estudos e proxectos e de obras, trátase de simplificar e acurtar os trámites necesarios para a definición e materialización dos proxectos promovidos polas administracións competentes en materia de estradas e tamén de clarificar que o réxime derivado da declaración de interese xeral, da utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras promovidas pola administración titular da estrada se estende tamén ás reposicións de servizos afectados pola execución das obras. E, por outra banda, en materia de intervención administrativa nas zonas de protección do dominio público viario, introdúcese un réxime de declaración responsable para determinadas obras co fin de introducir criterios de axilidade, simplicidade e eficacia que, sen menoscabo da regulación dos usos que afectan o demanio viario, permitan compatibilizar a necesaria supervisión administrativa coa simplificación de trámites e prazos para un grupo de actuacións.
No capítulo VI recóllense modificacións puntuais da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, coa finalidade fundamental de corrixir erros e imprecisións de redacción, así como de completar o réxime aplicable ás solicitudes de autorizacións temporais de uso de postos de amarre.
O capítulo VII, en materia de política social, contén modificacións de varias disposicións normativas.
Por un lado, na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, introdúcense previsións destinadas a precisar o réxime de responsabilidades e a regular cuestións relativas ao procedemento e á competencia en materia sancionadora, así como a incluír a posibilidade de imposición de multas coercitivas. Ademais, atendendo a razóns de impulso demográfico e de conciliación, así como de apoio ás familias galegas, incorpórase á dita lei unha nova disposición adicional sobre actuacións para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos fillos ou fillas e sucesivos.
Por outro lado, modifícase a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, coa finalidade de que, no caso de acceso a unha actividade laboral, o importe do tramo de transición ao emprego sexa, como mínimo, do 25 % do IPREM, así como co obxectivo de clarexar a redacción da lei no que atinxe a subscrición do convenio de inclusión sociolaboral e a elaboración do itinerario de inserción sociolaboral.
Por último, introdúcense modificacións puntuais en normas regulamentarias ao concorreren razóns de urxencia que demandan a súa adopción inmediata pola presente lei, sen prexuízo do indicado na disposición derradeira primeira respecto das ulteriores modificacións que se efectúen das ditas normas regulamentarias. Así:
a) No Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, posibilítase facilitar o acceso a unha prestación inmediata do sistema sen excluír a posterior incorporación a un recurso público e introdúcense mecanismos tendentes a garantir a continuidade da atención nos supostos de tránsito desde o sistema educativo ao sistema de servizos sociais.
b) No Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, realízanse, en primeiro lugar, as adaptacións necesarias para a tramitación electrónica dos procedementos, e, en segundo lugar, trátase de cinguir o ámbito de supervisión dos informes técnicos que se emitan nos procedementos de autorización dos centros e programas de servizos sociais á verificación do cumprimento dos requisitos específicos esixidos pola normativa de aplicación segundo a tipoloxía do centro ou programa de que se trate.
c) No Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, por un lado, acomódase a normativa autonómica en materia de teleasistencia ao establecido na Resolución do 15 de xaneiro de 2018, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre determinación do contido do servizo de teleasistencia básica e avanzada, e, por outro lado, facilítase que a atención ás persoas en situación de dependencia moderada (grao I) poida proporcionarse a través dun recurso residencial, xa sexa nunha residencia, nun fogar residencial ou nunha vivenda comunitaria.
d) No Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, introdúcense as adaptacións necesarias para acomodar a norma ao novo réxime derivado das modificacións introducidas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de xeito que quede garantida a súa inmediata efectividade.
No capítulo VIII inclúense medidas en materia de economía e emprego. Recóllese nel a modificación da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, co fin de adaptar o réxime de convocatorias da asemblea xeral ao emprego de medios electrónicos e de permitir que unha cooperativa de traballo asociado poida contratar persoas en risco de exclusión, favorecendo así a súa paulatina inserción sociolaboral.
Na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, amplíanse os suxeitos que poden solicitar a autorización comercial autonómica no caso de establecementos comerciais de carácter individual, co que se facilita así o acceso á actividade comercial.
Tamén é obxecto de modificación neste capítulo a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, coa finalidade de adecuar a dita lei ao previsto na Directiva 2013/11/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo, e na súa norma de transposición ao ordenamento interno, a Lei 7/2017, do 2 de novembro.
Por último, o capítulo aborda a modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, coa finalidade de flexibilizar a estrutura e a organización do Plan Galego de I+D+i, facilitando a súa articulación con outros plans ou estratexias que incidan na mesma temática, permitindo incluso, cando sexa posible, que un mesmo documento responda ás distintas necesidades de planificación da I+D+i.
O capítulo IX inclúe medidas en materia de cultura e turismo con dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, unha mellor ordenación da sinalización dos Camiños de Santiago e, por outra, para o establecemento dunha regulación das vivendas de uso turístico acorde e coherente co modelo turístico de excelencia, calidade, sustentabilidade e garantía dos dereitos das persoas usuarias turísticas previsto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e á vez respectuosa cos principios de necesidade e de proporcionalidade exixidos pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e pola Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.
Así, é necesario velar por unha prestación de servizos turísticos que garanta a adecuada protección dos dereitos das persoas usuarias dos ditos servizos, nos termos dos artigos 11 e seguintes da Lei 7/2011, do 27 de outubro, e que evite erros e confusións respecto dos servizos amparados pola normativa turística que atenten contra tales dereitos e contra a boa fe nas transaccións comerciais. Ademais, a procura dun desenvolvemento turístico sustentable, a busca da excelencia e da calidade turísticas e o desenvolvemento dos valores propios da cultura e da identidade galegas a través do turismo constitúen obxectivos de política social e cultural que, xunto coa protección do contorno urbano, demandan medidas tendentes a evitar un modelo turístico desordenado que poida afectar a súa sustentabilidade e a convivencia, en contraposición ao mandato establecido no artigo 20 da dita lei dunha ordenación racional, equilibrada e sustentable dos recursos turísticos, e que non responda aos obxectivos mencionados. Concorren, pois, varias razóns imperiosas de interese xeral que xustifican a modificación da regulación sobre as vivendas de uso turístico contida no artigo 65 bis daquel texto legal.
Neste sentido, procede salientar que a competencia autonómica en materia de ordenación do turismo exixe definir os distintos tipos de establecementos e aloxamentos turísticos e establecer os requisitos para cada un deles. Sobre esta base, en relación coas vivendas de uso turístico, claréxase que só terán esa condición aquelas que sexan obxecto de cesión cunha finalidade turística, entendendo que tal finalidade existe cando a cesión se realice de maneira reiterada e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración, mantendo o concepto de estadía de curta duración xa recollido na redacción anterior do precepto e incorporando no texto legal o que debe entenderse por reiteración.
Na procura da atención ás razóns imperiosas de interese xeral apuntadas, as vivendas de uso turístico así definidas, igual que as vivendas turísticas, deberán cederse na súa totalidade ás persoas usuarias turísticas e deberán estar debidamente equipadas. Cómpre advertir que a cesión por estancias é propia doutros tipos de establecementos de aloxamento turístico, como as as pensións, previstos na Lei 7/2011, do 27 de outubro, todo isto sen prexuízo da posibilidade de que a cesión por estancias dunha vivenda poida desenvolverse, aínda que como actividade non turística, con suxeición á normativa que, segundo as circunstancias, resulte aplicable, que xa non será a normativa en materia de turismo. Precisamente porque en tales casos non se estará ante aloxamentos turísticos nin ante a prestación de servizos turísticos amparados pola normativa sectorial en materia de turismo, e en garantía e protección dos dereitos das usuarias e usuarios turísticos, estas cesións non poderán promocionarse, comercializarse nin publicitarse en canles de oferta turística ou por calquera outro modo de comercialización, promoción ou publicidade como servizos ou actividades turísticas ou de tal forma que creen confusión con estes servizos ou actividades. Para estes efectos, establécese expresamente que se crea confusión cando se utilicen canles de oferta turística sen advertencia expresa de que o aloxamento non ten a consideración dun servizo ou actividade turística nin, por tanto, está regulado pola normativa sectorial en materia de turismo nin amparado pola Administración turística.
Polo demais, mantense a previsión de posible comercialización das vivendas de uso turístico tanto polas empresas turísticas como polas persoas propietarias e engádense dúas medidas. Por un lado, imponse a obriga de subministración periódica de información sobre os datos de ocupación das vivendas de uso turístico, ao seren os únicos aloxamentos turísticos previstos na Lei 7/2011, do 27 de outubro, respecto dos cales a Administración non dispón de tales datos, que son necesarios para o cumprimento das súas funcións, esencialmente as relacionadas co deseño de políticas e medidas en materia turística na procura dunha ordenación racional, equilibrada e sustentable dos recursos turísticos, coa formulación de estatísticas ou co desenvolvemento do labor inspector.
Por outro lado, imponse a obriga de que en toda publicidade ou actuación de promoción de vivendas de uso turístico que se realice, por calquera medio ou canle, deberá figurar o código de inscrición correspondente no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de non dispoñer del, o código acreditativo da presentación da declaración responsable que facilite a Administración. Todo iso, como medida adecuada e proporcional na procura da garantía e protección das persoas usuarias turísticas, que deste modo terán coñecemento de que se trata de servizos turísticos desenvolvidos ao abeiro do correspondente título habilitante, á vez que como medida que facilite o control.
A regulación responde así aos principios de necesidade e de proporcionalidade, impoñendo os requisitos necesarios para garantir a prestación de servizos de aloxamento turístico desde uns mínimos tendentes a protexer os lexítimos dereitos das persoas usuarias dos servizos turísticos e as restantes razóns de interese xeral antes apuntadas.
No capítulo X recóllese unha previsión dirixida a garantir a continuidade da prestación dos servizos de transporte escolar ante a eventualidade de que, no momento de venceren os contratos existentes, non estea formalizado o novo contrato que garanta a continuidade da prestación, como consecuencia de incidencias resultantes de acontecementos imprevisibles para o órgano de contratación producidas no procedemento de adxudicación. Ademais, inclúese no dito capítulo unha modificación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, co fin de recoller a prórroga dun plan de financiamento ata a aprobación e comezo de efectos dun novo plan, co fin de garantir o normal funcionamento das universidades do Sistema Universitario de Galicia e o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira por parte delas.
No capítulo XI modifícase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Por unha parte, para reforzar a estabilidade da actividade docente a través da garantía de que determinados postos sexan cubertos por profesionais sanitarios que conten coa acreditación de titor, imprescindible para o exercicio da actividade docente, asegurando que os centros docentes acreditados conten cos titores suficientes para garantir a formación dos residentes. Por outra parte, para introducir nela unha nova disposición adicional reguladora dun Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia, que dea cobertura a todos os centros que o compoñen para aproveitar ao máximo as sinerxías en investigación clínica e atraer terapias innovadoras en fases temperás de desenvolvemento, e respecto da cal se adoptarán un conxunto de medidas organizativas, tecnolóxicas e de seguridade dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia. Así mesmo, incorpóranse determinados aspectos organizativos exixidos pola normativa de protección de datos no ámbito da investigación con datos de saúde, de conformidade co Regulamento xeral de protección de datos e coa normativa estatal en materia de protección de datos.
No capítulo XI modifícanse tamén os parámetros bacteriolóxicos referidos aos obxectivos de calidade das augas das rías de Galicia, recollidos na táboa primeira do anexo II da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co fin de que sexan coherentes co previsto no anexo I do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño, norma que vén incorporar ao ordenamento xurídico español as previsións contidas na Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño. Deste xeito, quedan establecidos uns valores comparables con independencia da normativa que se trate de aplicar.
No capítulo XII introdúcese unha medida en materia de protección civil dirixida a posibilitar a acreditación excepcional do nivel básico de coñecementos mediante a xustificación da posesión dos coñecementos e da formación necesarios que permitan o correcto desenvolvemento das actividades dentro da agrupación de protección civil a que pertenzan, habilitando, dado o carácter técnico da materia, a unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil para regular o correspondente procedemento.
No capítulo XIII modifícase a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cunha tripla finalidade: a) abordar o conxunto da realidade e funcións do feito deportivo –alén da vertente estritamente competitiva–, amparando as actuacións que, desde a Administración deportiva autonómica, son executadas para o desenvolvemento do deporte e da actividade física como ferramentas de saúde e calidade de vida da poboación; b) posibilitar a constitución en Galicia dunha única federación de deportes autóctonos, figura esta que xa existe noutras comunidades autónomas; e c) habilitar a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe, cando o exercicio da potestade sancionadora sexa competencia autonómica, para instruír e resolver os expedientes sancionadores correspondentes, conforme as regras e normas establecidas na Lei orgánica 3/2013, do 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e loita contra a dopaxe na actividade deportiva, suprimindo a intervención das federacións deportivas neste eido, ante o papel inexistente destas na materia desde o ano 2013.
O último capítulo, o XIV, aborda dúas modificacións puntuais: na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, coa finalidade de recoller de xeito expreso os supostos de informe preceptivo da Asesoría Xurídica da Xunta en materia de contratación do sector público; e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, co fin de incluír na dita lei unha regra relativa á actualización de modelos normalizados, na liña da que se contiña no artigo 33 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
Por último, na súa parte final, a lei recolle unha disposición adicional, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.
A disposición adicional única recolle unha medida de planificación do número de autorizacións de instalación de salóns de xogo, salas de bingo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia. En relación con esta medida procede salientar que, con motivo dos estudos e dos traballos preparatorios previos para a elaboración dun anteproxecto de lei reguladora dos xogos de Galicia, púxose de manifesto a necesidade de recoller no novo texto legal unha planificación dos establecementos de xogo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ante o incremento considerable detectado nos últimos anos nas solicitudes de autorizacións de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas. Isto, unido á preocupación social existente e ao aumento dos problemas de adicción aos xogos practicados nestes establecementos, xustifica a necesidade de realizar unha planificación que limite o número deste tipo de establecementos de xogo na Comunidade Autónoma e de fixar, após avaliar a oferta de xogo e as razóns de interese xeral implicadas, un número máximo que permita conseguir os obxectivos invocados de protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude na actividade do xogo a través dunha oferta cuantitativamente moderada. Tales razóns de interese xeral en que se basea a regulación proxectada no anteproxecto de lei reguladora dos xogos de Galicia, actualmente en tramitación, están xa presentes na actualidade, o que motivou que o Consello da Xunta adoptase o Acordo do 16 de maio de 2019 e aprobase o Decreto 72/2019, do 4 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de planificación de autorizacións de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia. No acordo e no decreto citados preveuse que a planificación recollida neles tiña un carácter provisional e transitorio, cunha duración máxima de nove meses contados desde a data de publicación do acordo e que, no caso de que antes do vencemento do referido prazo non estiver en vigor a nova lei reguladora do xogo de Galicia, se efectuaría unha nova avaliación da oferta de xogo existente co fin de determinar a necesidade de adopción dun novo acordo.
Tendo en conta, por un lado, o estado de tramitación do anteproxecto de lei reguladora do xogo de Galicia e, por outro lado, a subsistencia das razóns de interese xeral que motivaron a planificación contida no acordo e no decreto citados, é necesario recoller na presente lei unha disposición adicional que manteña a vixencia da dita planificación ata a entrada en vigor da nova lei reguladora do xogo de Galicia. Alén diso, as mesmas razóns de interese xeral xustifican a ampliación da limitación ás salas de bingo, xa que o feito da existencia dun peche do mercado no que afecta os salóns de xogo e as tendas de apostas, pode facer derivar o interese a favor doutros establecementos de xogo, como as salas de bingo, cunha oferta de xogo semellante, o que prexudicaría os obxectivos que se pretenden conseguir con carácter xeral. Cómpre indicar tamén que a planificación de establecementos de xogo prevista na disposición ten en conta o indicado no anteproxecto de lei reguladora dos xogos de Galicia, actualmente en tramitación. Ademais, o límite fixado para os salóns de xogo e as tendas de apostas axústase ao disposto no Acordo do 16 de maio de 2019 e no Decreto 72/2019, do 4 de xullo, e, respecto das salas de bingo, o límite máximo fíxase atendendo aos mesmos criterios tidos en conta na planificación contida no acordo e no decreto citados, isto é, en atención ás salas de bingo existentes actualmente en Galicia e a que non existe ningunha solicitude de autorización de instalación en tramitación que poida ser tida en conta.
A planificación prevista axústase así aos principios de necesidade e tamén de proporcionalidade previstos no artigo 5 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado. Neste sentido, as limitacións derivadas da planificación recollida, ademais de seren as necesarias para atender as razóns de interese xeral en que se fundamentan, terán unha duración temporalmente limitada ata a entrada en vigor da nova lei reguladora dos xogos de Galicia.
O réxime transitorio vai dirixido a recoller as previsións para a posta en marcha do novo réxime introducido na modalidade de carga contaminante no canon da auga e no coeficiente de vertedura, así como a precisar a aplicación do réxime de vixencia das declaracións de impacto ambiental introducido pola presente lei.
Por último, a lei recolle a derrogación expresa de disposicións concretas, así como de cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nela, unha habilitación para o seu desenvolvemento normativo e a previsión sobre a súa entrada en vigor.
A presente lei axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao se recolleren na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación como exixe o principio de transparencia, e ao se introduciren a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.
TÍTULO I
Medidas fiscais
CAPÍTULO I
Tributos cedidos
Artigo 1. Imposto sobre a renda das persoas físicas
O artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, queda modificado como segue:
Un. No número nove, relativo á dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación, a letra a) do punto 1 queda coa seguinte redacción:
«a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou das persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % nin inferior ao 1 % do capital social da sociedade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. O límite máximo de participación no capital social non se aplicará no caso de sociedades laborais ou cooperativas compostas unicamente por dúas persoas socias, mentres se manteña esta circunstancia.».
Dous. No número dez, relativo á dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación e o seu financiamento, no punto 1, a letra a), relativa aos requisitos para ter dereito ás deducións, queda redactada como segue:
«a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou das persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % nin inferior ao 1 % do capital social da sociedade obxecto do investimento, ou dos seus dereitos de voto, en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. En caso de préstamo ou garantía, non será necesaria unha participación do contribuínte no capital, pero, se esta existe, non pode ser superior ao 40 %, cos mesmos límites temporais anteriores. O importe prestado ou garantido polo contribuínte ten que ser superior ao 1 % do patrimonio neto da sociedade. O límite máximo de participación no capital social non se aplicará no caso de sociedades laborais ou cooperativas compostas unicamente por dúas persoas socias, mentres se manteña esta circunstancia.».
Tres. No número quince, relativo á dedución por investimento en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra, no punto 1, a letra a), relativa aos requisitos para ter dereito ás deducións, queda redactada como segue:
«a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou das persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % do capital social da sociedade obxecto do investimento, ou dos seus dereitos de voto, en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. En caso de préstamo ou garantía, non será necesaria unha participación do contribuínte no capital, pero, de esta existir, non pode ser superior ao 40 %, cos mesmos límites anteriores. O límite máximo de participación no capital social non se aplicará no caso de sociedades laborais ou cooperativas compostas unicamente por dúas persoas socias, mentres se manteña esta circunstancia.».
Catro. Engádese un número dezaoito coa seguinte redacción:
«Dezaoito. Dedución na cota íntegra autonómica por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares.
1. Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica no exercicio en que se remate a obra de mellora de eficiencia enerxética dos inmobles de uso residencial vivenda:
a) O 15 % das cantidades totais investidas. A base da dedución terá como límite 9.000 € por suxeito pasivo.
b) O custo dos honorarios para a obtención do certificado que xustifique o salto de letra na cualificación enerxética do inmoble, así como as taxas relacionadas coa súa inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite único de 150 € que será rateado en función da porcentaxe de titularidade da vivenda.
Para estes efectos, consideraranse obras de mellora de eficiencia enerxética as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que dispoñan dos permisos, autorizacións ou títulos habilitantes correspondentes.
b) Que melloren o comportamento enerxético das edificacións reducindo a demanda enerxética, mellorando o rendemento das instalacións térmicas e/ou incorporando equipos que utilicen fontes de enerxía renovable e que teñan por obxecto principal subir unha letra na escala de cualificación enerxética de emisións de CO2 e na escala de consumo de enerxía primaria non renovable.
2. En relación coa letra a) do número 1, a base desta dedución estará constituída polas cantidades efectivamente satisfeitas nas obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.
3. Para ter dereito a esta dedución deberá presentarse, antes de que expire o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo en que se remate a obra de mellora enerxética obxecto de dedución, a través da plataforma electrónica do Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Certificado de eficiencia enerxética do edificio, unha vez executadas as obras que dan lugar a esta dedución, que debe estar inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia mediante o procedemento establecido para tal fin.
b) Informe asinado por un técnico competente que xustifique o salto de letra conseguido coas melloras, segundo o modelo que conste no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) A totalidade das facturas correspondentes ás obras de mellora de eficiencia enerxética obxecto de dedución, así como as relativas á obtención do certificado de eficiencia enerxética.
d) Os xustificantes de pagamento destas facturas.
No caso de que o investimento se realice nunha vivenda unifamiliar, esta documentación será achegada polo suxeito pasivo. No caso de edificios en réxime de propiedade horizontal, será achegada polo representante legal da comunidade de propietarios, que, ademais, deberá xuntar un certificado das achegas económicas correspondentes a cada comuneiro.
4. Para poder practicarse esta dedución deberá constar na declaración tributaria do suxeito pasivo o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética tras a reforma no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, proporcionado polo propio Rexistro na etiqueta de eficiencia enerxética do inmoble.
5. A dedución prevista neste número é incompatible coa prevista por investimento en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual e destinada exclusivamente ao autoconsumo.».
Cinco. Engádese un número dezanove coa seguinte redacción:
«Dezanove. Dedución na cota íntegra autonómica polas axudas e subvencións recibidas polos deportistas de alto nivel de Galicia.
1. Cando o contribuínte integre na base impoñible xeral o importe correspondente a unha subvención ou calquera outra axuda pública obtida da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das restantes entidades do sector público autonómico para o desenvolvemento da actividade deportiva, poderá aplicar unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, sempre e cando a actividade deportiva non xere rendementos de actividades económicas.
O importe da dedución será o resultado de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da subvención ou axuda pública na base liquidable.
2. Para a aplicación desta dedución é requisito imprescindible que o contribuínte teña recoñecida a condición de deportista de alto nivel segundo resolución do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma con competencias en materia de deporte.».
Artigo 2. Imposto sobre sucesións e doazóns
O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, queda modificado como segue:
Un. A letra b) do número 2 do artigo 6 queda modificada como segue:
«b) Grupo II: adquisicións por descendentes e adoptados de 21 anos ou máis, cónxuxes, ascendentes e adoptantes, 1.000.000 de euros.».
Dous. O número catro do artigo 7 queda coa seguinte redacción:
«Catro. Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.
Nos casos en que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor dunha empresa individual ou dun negocio profesional, ou de participacións en entidades ou de dereitos de usufruto sobre estes, practicarase unha redución do 99 % do mencionado valor cando concorran as seguintes circunstancias:
a) Que o centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, estea situado en Galicia e se manteña durante os cinco anos seguintes á data da devindicación do imposto.
b) Que, na data da devindicación do imposto, á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:
b.1) Con carácter xeral, do 50 % como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao da persoa falecida, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.
b.2) Do 5 % computado de forma individual, ou do 20 % conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao do falecido, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 101 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.
No caso de que tan só se tiver dereito parcial á exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será aplicable, na mesma proporción, esta redución.
c) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.
d) Que a persoa adquirente manteña o adquirido e cumpra os requisitos da exención do imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes á devindicación do imposto de acordo co establecido nas alíneas anteriores deste artigo, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a adquisición en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.
e) Que a empresa individual ou a entidade viñese exercendo efectivamente as actividades do seu obxecto social durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación do imposto.».
Tres. O número catro do artigo 8 queda coa seguinte redacción:
«Catro. Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.
Nos casos de transmisión de participacións inter vivos dunha empresa individual ou dun negocio profesional ou de participacións en entidades, aplicarase unha redución na base impoñible, para determinar a base liquidable, do 99 % do valor de adquisición, sempre que concorran as seguintes condicións:
a) Que a persoa doadora teña 65 anos ou máis ou se encontre en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.
b) Que, se a persoa doadora vén exercendo funcións de dirección, deixe de exercer e percibir remuneracións polo exercicio das devanditas funcións no prazo dun ano desde o momento da transmisión.
Para estes efectos, non se entenderá comprendida entre as funcións de dirección a mera pertenza ao consello de administración da sociedade.
c) Que o centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se atope situado en Galicia e que se manteña durante os cinco anos seguintes á data da devindicación do imposto.
d) Que, na data da devindicación do imposto, á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:
d.1) Con carácter xeral, do 50 % como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.
d.2) Do 5 % computado de forma individual, ou do 20 % conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o sexto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 101 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.
No caso de que tan só se teña dereito parcial á exención regulada no número 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será de aplicación, na mesma proporción, esta redución.
e) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa doadora.
f) Que a persoa adquirente manteña o adquirido e cumpra os requisitos da exención do imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes á devindicación do imposto de acordo co establecido nas alíneas anteriores deste artigo, excepto que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a adquisición en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia. No suposto de que a persoa doadora non deixar de exercer e percibir remuneracións polo exercicio das funcións de dirección no prazo do ano a que se refire a letra b) non será tida en conta para determinar o grupo de parentesco para os efectos do cumprimento na persoa adquirente dos requisitos de exercicio de funcións directivas e remuneracións polo devandito exercicio.
g) Que a empresa individual ou a entidade viñese exercendo efectivamente as actividades do seu obxecto social durante un período superior aos dous anos anteriores á devindicación do imposto.»
Artigo 3. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados
Engádese un número 7 no artigo 14 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Sete. Tipo de gravame aplicable na adquisición de vivendas nas parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais.
Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de inmobles de uso vivenda que se encontren nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais ás que se refire o número sete do artigo 16 será do 6 %. Se ademais se trata da vivenda habitual do contribuínte e se cumpren os requisitos establecidos no número Dous do presente artigo, o tipo de gravame será do 5 %.».
CAPÍTULO II
Tributos propios
Artigo 4. Taxas
1. Elévanse os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia ata a cantidade que resulte da aplicación do coeficiente do 1,025 ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei, exceptuando as tarifas que experimenten algunha modificación na contía no número 2 deste artigo. Este coeficiente será de aplicación tanto ás contías, de carácter mínimo ou máximo, como ás deducións que se establecen en todo tipo de tarifas, tanto de taxas de contía fixa como variable.
Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.
Exceptúanse do incremento establecido anteriormente aquelas taxas que se recadan mediante efectos timbrados, así como a establecida na subalínea 11 da alínea 14 do anexo 1, «Licenza única interautonómica en materia de pesca continental», e a establecida na subalínea 05 da alínea 15 do anexo 1, «Licenza única interautonómica en materia de caza», da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 6 do artigo 15, que queda redactado como segue:
«6. As cotas tributarias revisaranse como mínimo cada cinco anos, baseándose nos rexistros de gastos e ingresos e na correspondente memoria económico-financeira sobre o custo e a actividade realizada. Non obstante, estas cotas tributarias poderán ser obxecto de actualización anual na Lei de orzamentos de Galicia en función da evolución do custo total de produción do ben, servizo ou actividade.
En relación coa variación dos custos de persoal, a dita actualización non poderá exceder a variación experimentada polas retribucións do persoal do sector público autonómico conforme o disposto na dita lei.».
Dous. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 40, que queda redactada como segue:
«c) Cando na instalación e na actividade obxecto de concesión ou autorización se implante un sistema de xestión medioambiental ou de xestión da calidade na prestación dos servizos e se acredite estar en posesión dunha certificación medioambiental ou de calidade, específica da concesión ou autorización, serán aplicables as seguintes bonificacións sobre o valor resultante da taxa de ocupación de terreos e augas do porto:
A) EMAS: a bonificación será do 1,75 %.
B) ISO 14001: a bonificación será do 1,25 %.
C) Bandeira azul: a bonificación será do 1,5 %.
D) Q de calidade: a bonificación será do 1,75 %.
E) Galicia Calidade: a bonificación será do 1 %.
A bonificación aplicarase anualmente logo da presentación da citada certificación.
A porcentaxe máxima de bonificación acumulada que se pode aplicar por estes apartados é dun 5 %.».
Tres. Modifícase a subalínea 3 da alínea 20 do anexo 1, de forma que onde di: «Certificado de nivel avanzado de idiomas» pase a dicir: «Expedición de certificados de idiomas nivel intermedio B2 e nivel avanzado C1 e C2».
Catro. Modifícase o derradeiro parágrafo da alínea 47 do anexo 1, que queda redactado como segue:
«Modificación, suspensión e/ou cancelación da primeira inscrición 57,45»
Cinco. Engádese unha alínea 59 no anexo 1 co seguinte teor:
«Actuacións administrativas encamiñadas a resolver as solicitudes de acreditación no Sistema acreditador de formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia:
– 01. Por cada actividade formativa de tipo presencial: 101 euros
– 02. Por cada actividade formativa de tipo a distancia ou mixta: 117,42 euros
– 03. Por cada reedición de actividades formativas presenciais, a distancia ou mixtas: 56,06 euros»
Seis. Modifícase a alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:
«Actuacións relativas a autorizacións habilitantes para realizar transporte público ou privado complementario de persoas viaxeiras e de mercadorías por estrada, ou para actividades auxiliares e complementarias deste:»
Sete. Modifícase a subalínea 01 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:
«– Outorgamento, transmisión, rehabilitación, cambio de residencia, troco ou modificación da autorización: 28,33 €
– Visado da autorización de oficio, ou, de ser o caso, por petición do interesado, por cada vehículo: 25,13 €
– Nova adscrición, baixa ou substitución de vehículos adscritos á autorización, por cada vehículo: 15,94 €»
Oito. Suprímese a subalínea 02 da alínea 01 do anexo 2.
Nove. Modifícase a subalínea 05 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:
«Outorgamento, modificación ou prórroga de autorizacións para servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso xeral: 28,33 €»
Dez. Modifícase a subalínea 07 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:
«07. Actuacións relativas ás concesións de servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada:
– Xestións por iniciativa do concesionario relativas a actuacións sobre os contratos de concesión de servizos de transporte agás procedementos automatizados 56,32 €
– Adscrición de vehículos aos contratos. Alta ou baixa de vehículos 56,32 €
– Por modificacións nas liñas e rutas do contrato:
Pola primeira liña ou ruta sobre a que se produzan modificacións 56,32 €
Por cada unha das restantes liñas e/ou rutas sobre as que se produzan modificacións 2,12 €
– Por modificacións en expedicións, calendarios e horarios:
Pola primeira expedición/calendario e/ou horario sobre os que se produzan modificacións 56,32 €
Por cada unha das restantes expedicións/calendarios e/ou horarios sobre os que se produzan modificacións 2,12 €
– Convenios con outras administracións ou entidades 56,32 €
– Sucesión do concesionario, subcontratación, colaboración entre concesionarios ou utilización dun mesmo vehículo en distintos contratos 56,32 €
– Por outras modificacións non previstas anteriormente 56,32 €»
Once. Suprímese a subalínea 11 da alínea 01 do anexo 2.
Doce. Modifícase a subalínea 15 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:
«15. Homologación de cursos de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada:
– cualificación inicial ordinaria 126,59 €
– cualificación inicial acelerada 126,59 €
– formación continua 108,38 €»
Trece. Engádese unha subalínea 10 á alínea 19 do anexo 2 co seguinte teor:
«10. Inicio de actividade de turismo activo 73,55 €»
Catorce. Engádese unha subalínea 36 á alínea 25 do anexo 3 co seguinte teor:
«36. Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación periódica de cinemómetros de tramo (tramo adicional) 680,00 €»
Quince. Modifícase a subalínea 16 da alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«16. Outorgamento dunha demasía mineira a unha concesión de explotación de recurso das seccións C) e D) 40 % da tarifa consignada na subalínea 04»
Dezaseis. Suprímese a alínea 65 do anexo 3.
Dezasete. Modifícase a alínea 68 do anexo 3 nos seguintes termos:
«68. Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado. 0,021»
Dezaoito. Modifícase a subalínea 1 da alínea 77 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Tramitación de expedientes de solicitude de participación en concursos mineiros. a) Permiso de investigación sección C) e D)
– de 1 a 15 cuadrículas mineiras………………..347,15 €
– de 16 a 150 cuadrículas mineiras………….1.205,38 €
– de 151 a 300 cuadrículas mineiras………..2.836,01 €
b) Concesión de explotación directa sección C) e D)
– de 1 a 15 cuadrículas mineiras………………..347,15 €
– de 16 a 50 cuadrículas mineiras………………633,23 €
– de 51 a 100 cuadrículas mineiras………..1.119,56 €»
Dezanove. Modifícase a alínea b) da regra terceira da tarifa X-4 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«b) O valor da pesca non poxada no porto de descarga determinarase polo valor real da dita pesca no porto de destino ou, no suposto de descoñecerse este valor, polo valor medio obtido nas poxas desta especie realizadas no porto de destino, ou, no seu defecto, no de orixe, no día ou, no seu defecto, e sucesivamente, na semana, mes ou ano anterior.».
Vinte. Modifícase a regra sexta da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«A contía da tarifa estará composta polos seguintes conceptos:
A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias.
B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións.
C) Pola dispoñibilidade doutros servizos.
O importe da tarifa X-5 será o resultado da suma dos conceptos A), B) e C) indicados anteriormente que lle sexan aplicables en función dos servizos prestados.
A contía dos conceptos dos que se compón a tarifa X-5, por metro cadrado arredondado por exceso e por día natural ou fracción, será a seguinte:
A) Pola utilización das augas do porto e mais das instalacións portuarias:
Zona I: 0,032311 €.
Zona II: 0,023028 €.
B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións:
1. Atracada en punta: 0,038380 €.
2. Atracada de costado: 0,095952 €.
3. Atracada a banqueta ou dique: 0,019191 €.
4. Ancoraxe: 0,038380 €.
5. Embarcacións en seco.
5.1. Embarcacións en seco que aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X-5: 0,027140 €.
5.2. Embarcacións en seco que non aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X-5: 0,081416 €.
C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos:
1. Por cada finger en cada posto de atracada: 0,016282 €.
2. Por brazo de amarre ou por tren de ancoraxe para amarre por popa de embarcacións atracadas: 0,008142 €.
3. Toma de auga: 0,005815 €.
4. Toma de enerxía eléctrica: 0,005815 €.
5. Servizo de mariñeiría a embarcacións atracadas:
Para embarcacións de menos de 12 metros de eslora 19,72 €/m2/ano, e de 22,17 €/m2/ano para o resto de embarcacións, correspondendo os metros cadrados á superficie nominal da praza teórica que ocuparía cada embarcación, e aplicando a parte proporcional ao período autorizado.
O servizo de mariñeiría inclúe as axudas á atracada e desatracada e o control e xestión das instalacións.
No suposto de que o servizo de mariñeiría non inclúa a parte proporcional do servizo de vixilancia continuada, as contías serán as indicadas anteriormente multiplicadas por 0,65.
Cando por parte do organismo portuario se acouten especificamente zonas do porto para ancoraxe ou depósito de embarcacións deportivas, as contías dos apartados 4 e 5 do concepto B) terán unha bonificación do 50 %, sempre que previamente se soliciten os correspondentes servizos a Portos de Galicia.
As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións de paso no porto serán as anteriormente indicadas multiplicadas por 1,5.
As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións tradicionais e históricas de Galicia debidamente acreditadas e recoñecidas no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia conforme o establecido na normativa de aplicación –actualmente, o Decreto 52/2019, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas da carpintaría de ribeira–, serán as anteriormente indicadas cunha bonificación de ata un 70 % da tarifa resultante. A dita bonificación calcularase en función da clasificación da embarcación, segundo sexa tradicional ou histórica (barco clásico ou barco de época), antigüidade e uso. Esta bonificación non será acumulable ás bonificacións descritas na regra oitava desta tarifa X-5.
Para os efectos da aplicación das bonificacións indicadas terase en conta o seguinte:
a) Para as embarcacións tradicionais de Galicia construídas con anterioridade ao ano 1950: aplicarase una bonificación dun 70 % sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.
b) Para os barcos clásicos postos en servizo con anterioridade ao ano 1950: aplicarase unha bonificación dun 70 % sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.
c) Para barcos de época postos en servizo entre 1950 e 1975: a bonificación será dun 60 % e aplicarase sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.
d) Para as restantes embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia que, pese a seren construídos en datas posteriores ás indicadas nas letras anteriores, fosen así declaradas de xeito excepcional e estean incluídas no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, a bonificación será dun 40 % e aplicarase sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.
Ademais, se for o caso, serán aplicables sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante as seguintes bonificacións adicionais:
1. O 20 % para embarcacións tradicionais e barcos históricos propiedade de asociacións náuticas ou culturais sen ánimo de lucro cando se acredite a súa posta a disposición para a promoción, divulgación, protección ou conservación dos seus valores culturais e históricos.
2. O 10 % para embarcacións tradicionais e barcos históricos propiedade dun armador particular que non sexan destinadas a fins lucrativos.
Será requisito imprescindible para poder aplicar as bonificacións indicadas anteriormente para as embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia que estean debidamente inscritos no censo voluntario de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.
Para os efectos do disposto nesta regra teranse en conta as seguintes definicións:
a) Enténdese por ancoraxe a dispoñibilidade dunha superficie de espello de auga destinado para tal fin e debidamente autorizado.
b) Enténdese por atracada en punta a dispoñibilidade dun elemento de amarre fixo a embarcadoiro, peirao, banqueta ou dique que permita fixar un dos extremos (proa ou popa) da embarcación.
c) Enténdese por embarcación en seco aquela que permaneza nas instalacións portuarias, fóra da lámina de auga, tanto en estadía transitoria non dedicada a invernada coma en estadías prolongadas en zonas habilitadas para tal fin.
d) Enténdese por dispoñibilidade dos servizos de auga e enerxía, dos números 3 e 4 do concepto C), a existencia nas proximidades do punto de atracada, a peirao ou embarcadoiro, de tomas de subministración de auga ou enerxía, con independencia do aboamento da tarifa E-3 que lle sexa aplicable polos consumos efectuados.».
Vinte e un. Modifícase a regra sétima da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Sétima. O aboamento da tarifa da regra sexta farase:
a) Para embarcacións de paso no porto, por adiantado á chegada e polos días de estadía que declaren, ou por períodos de 24 horas desde a súa chegada, contando desde as 12.00 horas do día de chegada. Se este prazo tiver que ser superado, o suxeito pasivo terá que formular unha nova petición e aboar de novo, por adiantado, o importe inherente ao prazo prorrogado.
b) Para embarcacións con base no porto, por semestres adiantados para o ano 2020. A domiciliación bancaria poderá ser exixida por Portos de Galicia de o considerar conveniente para a xestión tarifaria das instalacións.
Enténdese por embarcación con base no porto, para os únicos efectos da aplicación desta tarifa, aquela que teña autorizada a prestación do servizo de atracada ou ancoraxe ou estadía en seco por un período de un ou máis semestres naturais. O resto das embarcacións serán consideradas como de paso no porto.
Para embarcacións con base no porto, o importe da tarifa aplicable será polo período completo autorizado, independentemente das entradas, das saídas ou dos días de ausencia da embarcación, mentres teña asignado o posto de atracada ou ancoraxe.
As embarcacións que teñan base nun porto dependente de Portos de Galicia estarán exentas do pagamento da tarifa diaria aplicable a embarcacións de paso durante as súas estadías noutros portos dependentes de Portos de Galicia. Para a súa aplicación deberán acreditar no porto de destino estaren ao corrente do pagamento.
A baixa como embarcación de base producirá efectos fronte a Portos de Galicia desde o semestre natural seguinte ao da solicitude de baixa.».
Vinte e dous. Modifícase a regra oitava da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Oitava. Ás embarcacións con base no porto aplicaráselles unha redución do 20 % da tarifa que lles resulte aplicable no período considerado como temporada baixa, período este que é o abranguido entre o 1 de outubro e o 31 de marzo.
A bonificación no período de temporada baixa será do 45 % cando a embarcación con base no porto estea amarrada durante todo o ano natural.
Esta regra non será aplicable ás embarcacións atracadas ou ancoradas en instalacións propias de concesión de construción e explotación.
Portos de Galicia aplicaralles unha bonificación do 40 % ás embarcacións deportivas ou de lecer cando o resultado da fórmula 0,4×E×M×P for menor de 2 e con motores tamén menores de 20 HP, que sexan titularidade dos xubilados do mar. Na fórmula indicada, E = eslora máxima total, M = manga máxima, P = puntal de trazado.
Portos de Galicia aplicará unha bonificación do 50 % ás contías dos conceptos A), B) e C), excepto na contía correspondente a embarcacións en seco, ás embarcacións que atraquen en peiraos ou embarcadoiros de titularidade de Portos de Galicia que estean xestionados directamente ou parcialmente por este organismo e que teñan calados inferiores a 1 metro en baixamar viva equinoccial (BMVE). Será requisito para a aplicación desta bonificación que o calado máximo da embarcación permita a súa atracada en condicións de seguridade nestas prazas con calado reducido, que a bonificación sexa solicitada polo titular da autorización e que o aboamento da tarifa se realice por adiantado segundo o disposto na letra b) da regra sétima da presente tarifa. Esta bonificación é acumulable ás restantes indicadas nesta tarifa.».
Vinte e tres. Modifícase a regra décimo primeira da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Décimo primeira. As embarcacións atracadas ou ancoradas en instalacións propias de concesións de construción e explotación, agás que no título concesionario se determine outra cousa, aboarán en todo caso o concepto A) da regra sexta e os demais sumandos B) e C) por aqueles servizos prestados en instalacións alleas á concesión. Para o seu aboamento o concesionario poderá optar:
a) Pola liquidación directa da tarifa polo organismo portuario ao suxeito pasivo baseándose na documentación que o concesionario entregará a Portos de Galicia, cos datos diarios precisos para que este poida liquidar a tarifa tanto ás embarcacións de paso como ás que teñen base na concesión, de acordo co procedemento e formato que Portos de Galicia determine. A domiciliación bancaria poderá ser exixida por Portos de Galicia se o considera conveniente para a xestión tarifaria das instalacións.
b) Polo aboamento da tarifa, subrogándose na obriga dos suxeitos pasivos. Neste caso, o concesionario entregará a Portos de Galicia a documentación que lle sexa requirida, consonte o procedemento e formato que sinale este organismo, cos datos necesarios para realizar a liquidación que practicará Portos de Galicia. Neste caso, Portos de Galicia poderá acordar unha redución de ata un 15 % da contía base da tarifa que lle corresponda. Esta redución será dun 5 % se a relación de embarcacións de base declaradas é inferior a 100, do 10 % se está entre 100 e 200 e do 15 % se é superior a 200. Para as embarcacións en tránsito que ocupen prazas de uso público a redución na contía da tarifa base será do 5 %.».
Vinte e catro. Modifícase a regra décimo segunda da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Décimo segunda. Nas instalacións deportivas construídas e xestionadas parcialmente por Portos de Galicia que sexan explotadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa, poderase aplicar unha redución na contía da tarifa base, por petición previa do concesionario ou da persoa titular da autorización, ata do 21 %. Esta redución será dun 12 % se a relación de embarcacións de base declaradas é inferior a 100; do 15 % se está entre 100 e 200 embarcacións; e do 21 % se é superior a 200 embarcacións, sempre que o xestor se subrogue na obriga dos suxeitos pasivos. Neste caso, o xestor da instalación entregará a Portos de Galicia a documentación que lle sexa requirida por este organismo, consonte o procedemento e formato que se determine.
Nas instalacións deportivas construídas e xestionadas parcialmente por Portos de Galicia que sexan explotadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa que no momento da entrada en vigor desta lei inclúan nos pregos de condicións a redución da contía da tarifa X-5 de ata o 15 %, por se subrogaren nas obrigas de pagamentos dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións, aplicarase unha redución do 21 %. Manterase esta redución mentres estea vixente ese título administrativo.».
Vinte e cinco. Modifícase a regra quinta da tarifa E-3 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Quinta. As contías da tarifa por subministración de enerxía eléctrica serán as seguintes:
a) Por kWh ou fracción subministrada a través das tomas propiedade de Portos de Galicia: 0,331849 €. A facturación mínima será de 3,840155 €.
b) As contías da taxa para as restantes instalacións:
As bases de cálculo da taxa portuaria defínense segundo os conceptos de enerxía establecidos en referencia directa ao cálculo da factura eléctrica do mercado retallista español establecido no R.D. 1164/2001 e, en particular, á tarifa PVPC simple dun único período 2.0A establecida no R.D. 216/2014, con prezos dos termos de peaxes de acceso e marxe de comercialización fixo vixentes, segundo a formulación seguinte:
Taxas E-3 no período de devindicación = (PA+EA) × Rv × IE + Ct.
Sendo:
– Concepto de potencia accesible (PA): resulta da aplicación do prezo da potencia vixente no ano natural de devindicación. Fíxase para o exercicio 2020 e seguintes unha contía de 0,1152 €/kW.día, multiplicado pola potencia dispoñible da instalación, que vén determinada polo calibre do interruptor xeral de protección da liña de acometida (kW), multiplicado polos días comprendidos no período de facturación.
No suposto de a contía sufrir variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.
– Concepto de enerxía activa (EA): resulta da aplicación do prezo da enerxía vixente no ano natural de devindicación, multiplicado pola diferenza de lecturas do equipamento de medida tomadas o primeiro día e o último do período de devindicación en kWh.
O prezo da enerxía vixente no ano natural será unha contía fixa para todo o ano natural, sendo este valor o prezo medio da enerxía publicado polo ministerio con competencia en materia de enerxía do período interanual calculado a partir do 1 de xullo. Para o exercicio 2020 este valor medio é de 0,124677 €/kWh.
No suposto de a contía sufrir variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.
– Recarga polo volume de kWh consumidos (Rv): establécese unha recarga da tarifa base consumida comprendida entre o 2 % e o 10 %, dependendo a dita porcentaxe do consumo medio diario realizado durante o período de devindicación, segundo a seguinte táboa:
Media dos kWh consumidos por día durante o período liquidado Recarga ( %)
Igual ou superior a 300 kWh/día 10 %
Igual ou superior a 200 kWh/día e inferior a 300 kWh/día 8 %
Igual ou superior a 100 kWh/día e inferior a 200 kWh/día 6 %
Igual ou superior a 10 kWh/día e inferior a 100 kWh/día 4 %
Igual ou superior a 5 kWh/día e inferior a 10 kWh/día 2 %
Onde:
Rv = 1 + recarga (%)/100
– Imposto eléctrico (IE): sobre o concepto de potencia accesible e o concepto de enerxía activa será de aplicación a porcentaxe correspondente ao imposto eléctrico legalmente establecido polo organismo competente. O imposto eléctrico para o exercicio 2020 e seguintes é dun 5,11269632 %. Non obstante, no suposto de sufrir variacións durante este exercicio, adaptarase a formulación ao imposto vixente no período de devindicación.
Onde:
IE = 1 + gravame imposto eléctrico ( %)/100 = 1+5,11269632/100 = 1,0511269632.
– Contía por posta a disposición de contador (Ct): polos traballos de conexionado, desconexionado e tramitación administrativa de instalación e seguimento establécese unha contía fixa de 0,05 €/día en subministracións efectuadas en baixa tensión e de 0,5 €/día en subministracións efectuadas en media tensión, polos días comprendidos entre o primeiro e o último do período de devindicación.».
Vinte e seis. Modifícase a regra sexta da tarifa prevista na subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«6. Restantes actividades comerciais e industriais portuarias.
A cota anual da taxa polo exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias non previstas nos números anteriores establecerase por unha porcentaxe en función do importe neto da cifra anual de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización, de acordo coa seguinte táboa:
Actividade desenvolvida Tipo aplicable
Fábricas de xeo, cámaras de frío, naves de reparación e almacenaxe de redes; departamentos de armadores ou exportadores; subministración de combustible a buques; recollida de refugallos; medios mecánicos vinculados ás actividades portuarias, varadoiros, talleres de reparación de embarcacións e depósito de embarcacións, estaleiros; depuradoras de molusco, cetarias, viveiros, acuicultura; xestión de amarres náutico-recreativos, naves de almacenaxe e mercadoría expedida por vía marítima, redes de fornecementos e comunicacións a instalacións portuarias, ensinanzas náuticas. 1 por 100
Naves de almacenaxe, loxística; oficinas; venda de embarcacións, efectos navais; industrias conserveiras, transformación e manipulación da pesca, subministración de combustible a automóbiles propiedade dos usuarios do porto. 1,50 por 100
A anterior listaxe de actividades posúe para estes efectos un carácter indicativo e non limitativo.
O concepto de importe neto da cifra anual de negocios é o establecido no Plan xeral de contabilidade vixente para as empresas españolas, atendendo en cada caso á natureza e forma xurídica de cada empresario.
Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgados con anterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será de 30.792,38 euros para as actividades ás que se aplique o tipo do 1 % e de 61.584,75 euros para aquelas actividades ás que se aplique o tipo do 1,5 %.
Ás concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante indicados no parágrafo anterior que sexan actualizados ou modificados respectando o prazo inicial do orixinal e manteñan o seu destino e actividade conforme os títulos habilitantes iniciais, a taxa aplicable será de acordo co indicado no parágrafo anterior.
Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgados con posterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será de 61.584,75 euros para as actividades ás que se aplique o tipo do 1 % e que veñan expresamente indicadas no punto correspondente do cadro anterior, e de 92.377,13 euros para aquelas actividades ás que se aplique o tipo do 1,5 %.
No suposto do desenvolvemento da actividade de exportación de pesca fresca en locais vinculados directamente a unha lonxa localizada nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa será de 0,0015 euros por quilogramo de peixe declarado polo uso do local obxecto de autorización ou concesión. Tamén será de aplicación á pesca fresca descargada noutro porto da Comunidade Autónoma de Galicia que entre no porto por vía terrestre, sempre e cando se acredite o aboamento da tarifa X-4 que corresponda.».
Vinte e sete. Engádese a alínea 9 ao anexo 4:
«Venda de placas de instalación e inspeccións periódicas de equipamentos a presión 4,10»
Vinte e oito. Modifícase o parágrafo segundo da letra c) do número 2 da taxa 02, dominio público portuario, do anexo 5, que queda redactado como segue:
«Nas áreas destinadas a usos portuarios pesqueiros de exportación de peixe fresco e venda en locais situados en lonxas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nas edificacións de Portos de Galicia destinadas exclusivamente ao almacenamento das artes e aparellos de pesca da frota profesional do porto: o 5 % do valor das obras e instalacións, e o 60 % do valor da depreciación anual asignada naquelas.».
Vinte e nove. Modifícase o derradeiro parágrafo da letra c) do número 2 da taxa 02, dominio público portuario, do anexo 5, que queda redactado como segue:
«De xeito xeral, ás edificacións e obras e instalacións que teñan antigüidade superior á súa vida útil máxima aplicaráselles o 25 % do valor da depreciación anual asignada, sobre unha vida útil remanente que será, como máximo, un terzo da vida útil inicial asignada. A súa aplicación será gradual, de tal xeito que cando a antigüidade do ben for superior ao 75 % da vida útil máxima o valor da depreciación será dun 75 % e cando a antigüidade for superior ao 85 % da vida útil máxima a depreciación será do 50 %. A vida útil remanente será fixada na taxación efectuada para os efectos con base na normativa vixente de aplicación e será acorde ao prazo de vixencia da concesión ou autorización.»
Artigo 5. Canon da auga e coeficiente de vertedura
A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 1 do artigo 48 queda redactado como segue:
«1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos. No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores homologados de caudal de vertedura, na modalidade de carga contaminante poderá considerarse como base impoñible á que se aplique o tipo de gravame especial o volume de vertedura, nas condicións que se determinen regulamentariamente.».
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 55, que terá a redacción seguinte:
«3. A parte variable da cota resultará:
a) Na modalidade de volume, de aplicar sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido o tipo de gravame previsto para esta modalidade no artigo seguinte.
b) Na modalidade de carga contaminante, de sumar as cantidades que resulten de aplicar os tipos de gravame previstos no artigo seguinte para esta modalidade.».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 56, que queda coa redacción seguinte:
«1. A determinación do tipo de gravame suxeitarase ás seguintes regras:
a) Na modalidade de volume, aplicarase a tarifa prevista no número 3 sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido determinada por algún dos sistemas establecidos no artigo 48.
b) Na modalidade de carga contaminante, serán de aplicación os seguintes tipos de gravame:
1ª) O tipo de gravame xeral previsto no número 3, que se aplicará sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido determinada por algún dos sistemas establecidos no artigo 48.
2ª) O tipo de gravame especial en función da contaminación producida, que será o determinado a partir dos valores previstos no número 3.
Esta modalidade será aplicable naqueles casos en que Augas de Galicia, de oficio ou por instancia do suxeito pasivo, opte por determinar os tipos de gravame tendo en conta o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido, así como a contaminación producida. Augas de Galicia determinará de oficio a aplicación dos tipos de gravame correspondentes á modalidade de carga contaminante nos casos en que a cota resultante resulte superior á que puider deducirse da aplicación do tipo de gravame correspondente á modalidade de volume.».
Catro. Modifícanse os números 3 e 4 do artigo 56, que quedan coa seguinte redacción:
«3. O tipo de gravame expresarase en euros/metro cúbico, sendo:
a) Na modalidade de volume, de 0,433 €/m3.
b) Na modalidade de carga contaminante os tipos de gravame serán:
1º O tipo de gravame xeral, de 0,087 €/m3.
2º O tipo de gravame especial, determinado a partir dos seguintes valores dos parámetros de contaminación:
– Materias en suspensión: 0,202 €/kg.
– Materias oxidables: 0,406 €/kg.
– Nitróxeno total: 0,304 €/kg.
– Fósforo total: 0,609 €/kg.
– Sales solubles: 3,256 €/S/cm m3.
– Metais: 9,148 €/kg equimetal.
– Materias inhibidoras: 0,043 €/equitox.
4. O tipo de gravame especial establecido no apartado 2º da letra b) do número 3 poderá ser afectado, segundo os casos, polos coeficientes establecidos nos números seguintes, de conformidade cos seguintes criterios:
a) As achegas ou as detraccións de auga que efectúe o contribuínte, que se expresará mediante a relación existente entre o volume de auga vertido e o volume de auga consumido ou utilizado.
b) A dilución nas verteduras que se evacúen ao mar mediante instalacións de titularidade privada.
c) Os usos a que se destina a auga.
d) A realización de verteduras a zonas declaradas sensibles.».
Cinco. O número 1 do artigo 63 queda modificado no sentido de substituír o inciso final «indicados no apartado seguinte» por «indicados no número 3».
Seis. Modifícase o número 2 do artigo 63, que terá a seguinte redacción:
«2. Na modalidade de carga contaminante, cando a base impoñible a que se aplique o tipo de gravame xeral e a base impoñible a que se aplique o tipo de gravame especial non sexan coincidentes, por estar constituída esta última por volume vertido, a parte variable da cota resultante da aplicación de cada tipo repercutirase de maneira diferenciada. Así mesmo, nestes supostos, de abastecerse o suxeito pasivo a través dunha entidade subministradora, Augas de Galicia poderá liquidar directamente a parte variable da cota resultante da aplicación do tipo de gravame especial, quedando obrigada a entidade subministradora a repercutir a parte fixa da cota e a parte variable da cota resultante da aplicación do tipo de gravame xeral.».
Sete. Modifícase o primeiro parágrafo do número 10 do artigo 63, que terá a seguinte redacción:
«A xustificación das cantidades non cobradas ás que se refire o número anterior realizarase na forma e nos prazos que regulamentariamente se establezan, e nela conterase unha relación individualizada das débedas tributarias repercutidas aos contribuíntes e non satisfeitas por estes. A presentación desta relación exonera as entidades subministradoras de responsabilidade en relación coas débedas tributarias contidas nela, agás que o procedemento recadatorio seguido non fose unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga. Non obstante, se durante o período dun ano, contado desde a presentación da relación, o contribuínte pretende efectuar o pagamento da factura ou do recibo en que estea incluído o canon da auga declarado, a entidade subministradora non poderá admitilo de forma incompleta, e quedará obrigada a percibir o importe do canon da auga. Neste caso, o suxeito pasivo substituto deberá declarar e ingresar o importe do canon da auga na forma regulamentariamente establecida.».
Oito. Engádese un novo número 3 ao artigo 65, que terá a seguinte redacción:
«3. Regulamentariamente poderá dispoñerse que as declaracións e autoliquidacións se efectúen obrigatoriamente mediante os formularios electrónicos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, poderá dispoñerse que o cumprimento das obrigas tributarias se realice mediante medios electrónicos.».
Nove. Numérase o parágrafo actual do artigo 70 como número 1 e engádese un número 2 ao artigo 70, que terá a seguinte redacción:
«2. Nos supostos de usos non domésticos que tributen na modalidade de carga contaminante, o coeficiente corrector de volume establecido no número 5 do artigo 56 será tamén de aplicación ao tipo de gravame xeral. Non obstante, cando nestes supostos a base impoñible veña constituída polo volume vertido, aplicarase a esta base impoñible o tipo de gravame xeral.».
Artigo 6. Imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamento da auga encorada
O artigo 9 da Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamento da auga encorada, queda modificado como segue:
«Artigo 9. Suxeito pasivo
Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria que realicen calquera das actividades sinaladas no artigo 6.
Presumirase, salvo proba en contrario, que a actividade industrial é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión de aproveitamento para uso industrial.
Caso de o titular da concesión non realizar a actividade industrial a que se refire o artigo 6 terá o carácter de:
a) Suxeito pasivo substituto do contribuínte, no caso de haber máis dun usuario da concesión que realice a actividade industrial a que se refire o artigo 6. O suxeito pasivo substituto poderá exixir dos contribuíntes o importe das obrigas tributarias satisfeitas, na proporción do seu uso respecto ao total, caso en que os contribuíntes quedarán obrigados a resarcir o suxeito pasivo substituto das cantidades satisfeitas no seu lugar.
b) Responsable solidario, no resto dos casos.».
TÍTULO II
Medidas administrativas
CAPÍTULO I
Emprego público
Artigo 7. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 1 do artigo 43 queda coa seguinte redacción:
«1. Créase a agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que se estrutura en escalas e especialidades. Integrarase nesta agrupación profesional o persoal funcionario seleccionado sen a exixencia de estar en posesión de ningunha das titulacións previstas no sistema educativo.».
Dous. Engádese un parágrafo ao final do número 4 da disposición transitoria oitava coa seguinte redacción:
«Na aplicación do sistema transitorio previsto neste número, corresponderá á persoa titular da consellaría competente en materia de función pública a competencia para resolver as solicitudes de recoñecemento da progresión acadada na carreira administrativa.».
Tres. O título da disposición adicional oitava pasa a ser: «Escalas e especialidades dos corpos e da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia».
Catro. Modifícase o número 1 da disposición adicional oitava para a creación das seguintes escalas:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de protocolo e relacións institucionais A1 Organización de actos institucionais.
– Seguimento de actos institucionais.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama
Escala superior de orientación laboral A1 Información sobre o mercado de traballo e sobre as medidas e servizos ofrecidos polos Servizos Públicos de Emprego.
Realización de accións formativas e informativas dirixidas aos colectivos de persoas desempregadas, particularmente aos de longa duración e ás persoas mozas non integradas nos sistemas de formación regrada.
Diagnose individualizada e titorización das persoas demandantes de emprego para medir o grao de empregabilidade.
Deseño e seguimento dos itinerarios individuais que faciliten a inclusión de accións para a mellora da empregabilidade.
Prospección das necesidades profesionais que requiren as empresas.
Promoción da formación do persoal demandante segundo as necesidades empresariais e facilitación da inserción laboral.
Información e xestión das ofertas de emprego axeitadas a cada persoa usuaria, potenciando a captación e a cobertura de ofertas a través dun sistema de intermediación transparente e eficaz.
Asesoramento e motivación ás persoas empregadas na procura de mellora do emprego, acorde ao seu perfil profesional e de competencias.
Coordinación e supervisión das anteditas funcións no nivel de oficina de emprego ou superior en relación aos contidos e tarefas de orientación laboral.
Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama
Cinco. Modifícase o número 2 da disposición adicional oitava para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de orientación laboral A2 – Información sobre o mercado de traballo e sobre as medidas e servizos ofrecidos polos servizos públicos de emprego.
– Realización de accións formativas e informativas dirixidas aos colectivos de persoas desempregadas, particularmente aos de longa duración, e ás persoas mozas non integradas nos sistemas de formación regrada.
– Diagnose individualizada e titorización das persoas demandantes de emprego para medir o grao de empregabilidade.
– Deseño e seguimento dos itinerarios individuais que faciliten a inclusión de accións para a mellora da empregabilidade.
– Prospección das necesidades profesionais que requiren as empresas.
– Promoción da formación do persoal demandante segundo as necesidades empresariais, e facilitación da inserción laboral.
– Información e xestión das ofertas de emprego axeitadas a cada persoa usuaria, potenciando a captación e a cobertura de ofertas a través dun sistema de intermediación transparente e eficaz.
– Asesoramento e motivación ás persoas empregadas na busca de mellora do emprego, acorde ao seu perfil profesional e de competencias.
– Calquera outra de contido análogo ou que teña relación coas funcións anteriores. Diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama
Seis. Modifícase o número 3 da disposición adicional oitava para a creación, dentro da escala de axentes de inspección, da seguinte especialidade:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de axentes de inspección Dominio público hidráulico C1 – Vixilancia do estado de conservación dos leitos públicos e as súas zonas de protección (servidume e policía) e das actuacións que se desenvolvan en relación co outorgamento de concesións e autorizacións que se refiren ao dominio público hidráulico e ás súas zonas de protección.
– Denuncia ou informe de calquera anomalía ou infracción relativa ao dominio público hidráulico ou ás súas zonas de protección.
– Vixilancia daquelas actividades susceptibles de provocar verteduras no dominio público hidráulico ou no mar desde terra mediante o acceso aos puntos que se presuman contaminados, tomando a correspondente mostra segundo o protocolo de «tomas de mostras» .
– Vixilancia de tramos de ríos para localizar áreas que requiran limpeza de vexetación, obstrucións, localización de verteduras e tarefas semellantes.
– Elaboración de partes de servizo, boletíns de denuncias, informes e demais documentos relacionados coas súas funcións.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de bacharel ou técnico
Sete. Engádese un número 3 ter na disposición adicional oitava coa seguinte redacción:
«3 ter. Na agrupación profesional existirán as seguintes escalas:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de persoal subalterno AP Vixilancia, custodia, repartición de correspondencia e documentación, transporte manual, central telefónica, reprografía e outras semellantes. Non se exixe
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais Persoal de limpeza e cociña AP – Elaboración e condimentación de pratos sinxelos segundo as instrucións dos superiores.
– Mantemento e limpeza da maquinaria, instalacións e utensilios propios do departamento en que preste o seu traballo.
– Realización de labores de limpeza e desinfección de dependencias.
– Comunicación de incidencias ou anomalías.
– Realización dos traballos propios de comedor.
– Realización das funcións propias de lavandaría-lenzaría.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Non se exixe
Persoal de recursos naturais e forestais AP – Rozas manuais e mecanizadas.
– Tratamentos fitosanitarios con fitocidas e similares para o control de pragas e enfermidades.
– Conservación das instalacións: pintura, reparación de peches e obras de albanelaría.
– Manexo de ferramentas manuais, eléctricas e maquinaria en xeral. Limpeza, reparación, mantemento e substitución da ferramenta e maquinaria.
– Colocación de valados, sinalización e elementos similares.
– Manexo de animais dos centros: pesaxe, alimentación e tratamentos sanitarios e tarefas asimiladas a estas.
– Limpeza de instalacións e xestión de residuos.
– Recollida de fauna viva e morta.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Non se exixe
Oito. No número 1 da disposición adicional novena modifícase a denominación da «escala de facultativos de servizos sociais», que pasa a denominarse «escala de facultativos».
Nove. Modifícase o número 1 da disposición adicional novena para a creación das seguintes escalas:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de expertos/as lingüistas A1 – Revisión e tradución de textos galego-castelán, castelán-galego.
– Asesoramento lingüístico.
– Elaboración de modelos de documentos.
– Elaboración de informes.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Licenciatura en Filoloxía Galega; licenciatura en Filoloxía Hispánica, especialidade
Galego-Portugués; grao en Lingua e Literatura Galegas
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de restauración Documentos gráficos A1 – Estudo, informe, xestión, redacción, execución, dirección, supervisión, proposta de resolución e inspección sobre intervencións de conservación e restauración de documentos técnicos e administrativos.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Licenciatura en Belas Artes; grao en Belas Artes; grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais; título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais, ou calquera outro grao universitario do ámbito da restauración de bens culturais
Bens artísticos e arqueolóxicos – Estudo, informe, xestión, redacción, execución, dirección, supervisión, proposta de resolución e inspección sobre intervencións de conservación e restauración de bens culturais.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Licenciatura en Belas Artes; grao en Belas Artes; grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais; título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais, ou calquera outro grao universitario do ámbito da restauración de bens culturais
Dez. No número 2 da disposición adicional novena modifícase a denominación da «escala de técnicos facultativos de servizos sociais», que pasa a denominarse «escala técnica de facultativos».
Once. O cadro do número 2 da disposición adicional novena, correspondente á escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, queda coa seguinte redacción:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros A2 Prestar apoio aos profesores numerarios nas prácticas das ensinanzas marítimo-pesqueiras nas súas distintas especialidades. Diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama e máster que habilite para o exercicio da profesión de profesor
Doce. O cadro do número 2 da disposición adicional novena, relativo á escala técnica de facultativos, especialidade de educadores, queda modificado como segue:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de facultativos Educadores A2 Participación no seguimento e na avaliación do proceso recuperador ou asistencial das persoas usuarias.
Relación cos familiares das persoas usuarias, proporcionándolles orientación e apoio.
Coordinación das actividades da vida diaria das persoas usuarias.
Programación e participación nas áreas de ocio e tempo libre.
Programación e execución das actividades educativas e formativas das persoas usuarias que o requiran en centros ocupacionais e CAPD.
Participación, cando foren requiridos, no equipo multidisciplinar para a realización de probas ou valoracións relacionadas coas súas funcións.
Participación nas xuntas e sesións de traballo no centro.
En xeral, todas aquelas actividades non especificadas anteriormente incluídas dentro da súa profesión ou preparación técnica. Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en Educación Infantil ou Primaria ou diplomado en Educación Social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciado en Pedagoxía, da titulación de licenciado en Psicoloxía ou da titulación de licenciado en Psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores
Trece. Modifícase o número 2 da disposición adicional novena para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de restauración Documentos gráficos A2 – Funcións de apoio en materia de estudo, informe, xestión, redacción, execución, dirección, supervisión, proposta de resolución e inspección sobre intervencións de conservación e restauración de documentos técnicos e administrativos non reservadas ao corpo facultativo superior.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Diplomatura ou grao en Belas Artes; diplomatura ou grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais; título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais, ou calquera outra diplomatura ou grao universitario do ámbito da restauración de bens culturais
Bens artísticos e arqueolóxicos – Funcións de apoio en materia de estudo, informe, xestión, redacción, execución, dirección, supervisión, proposta de resolución e inspección sobre intervencións de conservación e restauración de bens culturais, non reservadas ao corpo facultativo superior.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Diplomatura ou grao en Belas Artes; diplomatura ou grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais; título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais, ou calquera outra diplomatura ou grao universitario do ámbito da restauración de bens culturais
Catorce. No número 3 da disposición adicional novena modifícase a denominación da «escala de axentes técnicos facultativos de servizos sociais», que pasa a denominarse «escala de axentes técnicos facultativos».
Quince. Modifícase o número 3 da disposición adicional novena para a creación da seguinte escala:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de interpretación de lingua de signos B – Mediación comunicativa entre as persoas xordas e ouvintes.
– Atención dentro da aula na totalidade da xornada lectiva, nas aulas de apoio, pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe; así como no desenvolvemento das diferentes actividades complementarias.
– Adaptación de materiais didácticos á lingua de signos e participación na elaboración de materiais audiovisuais accesibles.
– Desenvolvemento de labores de organización nas diferentes actividades de sensibilización sobre diversidade e inclusión no centro.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Técnico superior en Interpretación da Lingua de Signos
Dezaseis. O cadro do número 3 da disposición adicional novena, relativo á escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, queda modificado como segue:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais Bombeiro forestal xefe de brigada B Coordinación e dirección do persoal e medios encomendados para previr, combater e extinguir os incendios de natureza forestal, así como a vixilancia e supervisión dos labores de prevención. En particular, coordinación dos bombeiros/as forestais encargados/as de brigada e/ou bombeiros/as forestais ao seu cargo.
Coordinación e apoio en continxencias e situacións de emerxencia nas áreas rurais e forestais.
Colaboración coas persoas responsables do servizo de protección civil no amparo das persoas e bens ante a incidencia dos incendios forestais.
Condución de vehículos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural ou equivalente e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos
Dezasete. Modifícase o número 4 da disposición adicional novena para a creación das seguintes escalas:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de mantemento de servizos C1 – Calibración, regularización e seguimento de equipamentos e verificación e mantemento de todo tipo de contadores.
– Mantemento de instalacións. Realización de traballos de albanelaría, fontanaría, pintura, carpintaría e sollados nas instalacións.
– Supervisión das operacións de comprobación periódicas definidas nos regulamentos das instalacións e nas instrucións técnicas correspondentes.
– Montaxe e reparación dos utensilios ou aparellos necesarios para o funcionamento do centro ou instalación.
– Garda e custodia dos libros de mantemento, manuais de instrucións e libro de visitas. Anotación das operacións e revisións.
– Xestión e resolución de partes de avarías e sinatura de ordes de traballo. Formalización de rexistros.
– Realización do mantemento preventivo. Elaboración de plans de mantemento.
– Petición de material e subministracións.
– Realización dos informes necesarios para o funcionamento do centro.
– Limpeza da sala de máquinas, instalacións, cadros eléctricos, transformadores, taller e similares.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de técnico na rama de instalación e mantemento ou na rama de electricidade e electrónica
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de recursos naturais e forestais C1 – Coordinación, organización e mantemento das instalacións, dos establecementos, dos edificios e dos espazos naturais correspondentes nos parques naturais, centros de recuperación de fauna silvestre, centros cinexéticos, piscícolas ou análogos, e, en xeral, o desenvolvemento das actuacións que requiran o adecuado funcionamento destes.
– Coordinación do persoal da escala auxiliar de recursos naturais e do persoal da especialidade de recursos naturais e forestais da agrupación profesional que prestan servizos no espazo natural, establecemento ou instalación correspondente.
– Control do cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais do persoal que presta servizos no espazo natural, establecemento ou instalación correspondente.
– Elaboración dos cuadrantes do persoal ao seu cargo e control do cumprimento horario.
– Manexo das aplicacións informáticas, dos equipamentos informáticos e das telecomunicacións necesarios para o desenvolvemento, o rexistro e o control das funcións que lle son propias.
– Participación en actividades divulgativas.
– Manexo de vehículos e maquinaria autopropulsada agrícola ou forestal (tractores).
– Manexo de embarcacións.
– Recollida de fauna silvestre.
– Actuacións en situacións de emerxencia nos establecementos, instalacións e, en xeral, nos espazos naturais nos que desenvolven as súas tarefas, en colaboración cos servizos de protección civil e de xestión de emerxencias. Para tal fin poderán impartir instrucións ao persoal ao seu cargo.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de técnico na rama agraria
Escala técnica de cociña C1 – Organización, coordinación e control do persoal adscrito á unidade de cociña.
– Organización e planificación dos menús diarios, realización dos plans mensuais.
– Elaboración e condimentación dos pratos.
– Xestión de alérxenos, mantemento da documentación de rastrexabilidade, xestión de residuos.
– Control da despensa diaria, xestión e recepción de pedidos.
– Supervisión da limpeza e mantemento da maquinaria, instalacións e utensilios. Xestión e supervisión dos partes de avarías.
– Control e rexistro diarios de temperaturas.
– Xestión e supervisión dos gastos derivados do departamento.
– Asistencia a reunións e elaboración dos informes necesarios en relación coas funcións anteriores.
– Xestión de programas informáticos propios da unidade.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de técnico na rama de hostalaría
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de condución C1 Realizar o transporte de persoas, da correspondencia oficial ou de equipamentos ou de materiais, así como calquera outro servizo que lle sexa asignado polo parque móbil en atención á súa escala.
Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de bacharel ou equivalente e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de análises de laboratorio C1 – Organización e xestión da actividade do laboratorio.
– Desenvolvemento de métodos de análise e realización de ensaios e analíticas. Preparación de patróns.
– Organización de plans de mostras e toma delas. Etiquetaxe, conservación e custodia de mostras.
– Preparación e mantemento dos materiais e calibración dos equipamentos necesarios.
– Avaliación de datos e mantemento de rexistros.
– Etiquetaxe, almacenamento, illamento dos materiais e produtos.
– Xestión e control das existencias de materiais e produtos.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de técnico na rama de sanidade, de química ou marítimo-pesqueira
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica de arquivos, bibliotecas e museos Arquivos e bibliotecas C1 – Execución dos traballos necesarios para o funcionamento dos distintos servizos e procesos do arquivo/biblioteca.
– Colaboración nas funcións de organización e xestión técnica: xestión da colección e proceso técnico, acceso ao documento, desenvolvemento de actividades culturais, de promoción e de formación de persoas usuarias.
– Tarefas de atención ás persoas usuarias e de colaboración na confección de estatísticas.
– Manexo de programas e ferramentas tecnolóxicas.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de bacharel ou técnico
Museos – Execución dos traballos necesarios para o funcionamento dos distintos servizos e procesos do museo.
– Colaboración nas funcións de organización e xestión técnica: xestión da colección e proceso técnico, desenvolvemento de actividades culturais, de promoción e de formación de persoas usuarias.
– Tarefas de atención ao usuario/a e de colaboración na confección de estatísticas.
– Manexo de programas e ferramentas tecnolóxicas, entre outras.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de bacharel ou técnico
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala técnica operativa do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais Bombeiro forestal encargado de brigada C1 Coordinación e dirección dos bombeiros forestais ao seu cargo para previr, combater e extinguir incendios de natureza forestal, así como vixilancia e mantemento dos labores de prevención, coordinación en situacións de emerxencia nas áreas rurais e forestais e colaboración cos responsables dos servizos de protección civil no amparo de persoas e bens ante a incidencia dos incendios forestais.
Condución de vehículos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Título de bacharel ou técnico e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos
Dezaoito. Modifícase o número 4 bis da disposición adicional novena para a creación das seguintes escalas:
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de coidadores C2 – Prestación de servizos complementarios para a asistencia das persoas con necesidades especiais: transporte, limpeza e aseo, comedor, vixilancia e análogos.
– Colaboración na inserción na actividade social e laboral das persoas con necesidades especiais.
– Colaboración na realización de tarefas elementais que completen os servizos especializados, orientados a propiciar a autonomía persoal e a formación das persoas con necesidades especiais.
– Colaboración co persoal sanitario.
– Realización de cambios posturais, entrega, recollida de análises clínicas e limpeza e preparación de aparellos e axudas técnicas.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de cociña C2 – Elaboración e condimentación dos menús diarios. Aplicación dos protocolos relacionados coa súa unidade.
– Elaboración de pedidos. Recepción de alimentos, comprobación do estado e rastrexabilidade.
– Anotación dos rexistros de temperaturas e cobertura da documentación necesaria.
– Envasado, etiquetaxe e almacenamento de mostras.
– Comunicación de incidencias.
– Colaboración nas tarefas de limpeza da maquinaria, utensilios e accesorios de cociña.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de mantemento C2 – Realización directa das operacións máis elementais de mantemento.
– Auxilio á escala técnica de mantemento nos traballos e operacións que realicen.
– Realización dos traballos de demolición, picado, apertura, carrexos, retirada de entullo, útiles, maquinaria e mobles.
– Limpeza da sala de máquinas, instalacións, cadros eléctricos, transformadores, taller e similares.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de laboratorio C2 – Manexo elemental de datos e resultados, análise e control de parámetros.
– Almacenamento, identificación e ordenación do instrumental, así como o seu mantemento e conservación.
– Recepción e preparación de mostras e formalización de rexistros.
– Mantemento e limpeza das instalacións e recintos.
– Control e inventariado do material ao seu cargo.
– Realización de procedementos básicos no seu ámbito.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de condución C2 – Realizar o transporte de persoas, da correspondencia oficial ou de equipamentos ou de materiais, así como calquera outro servizo que lle for asignado polo parque móbil en atención á súa escala.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de recursos naturais e forestais C2 – Manexo das aplicacións informáticas, equipamentos informáticos e de telecomunicacións necesarios para o desenvolvemento, rexistro e control das funcións que lle son propias.
– Desenvolvemento das operacións propias do coidado de establecementos, das instalacións e dos espazos naturais, con maquinaria ou non.
– Manexo de vehículos e maquinaria autopropulsada agrícola ou forestal (tractores) con todos os seus apeiros, o emprego de rozadoras ou calquera outro tipo de maquinaria mecanizada que precisen as tarefas que se realicen, así como o mantemento destas.
– Manexo de fertilizantes e produtos fitosanitarios, así como de combustible, aceites e lubricantes para maquinaria e apeiros.
– Preparación, manexo, conservación e subministración de alimentos, no caso de persoal que desenvolva as súas funcións nos centros de recuperación de fauna silvestre, centros ictioxénicos e outros que teñan ao seu cargo animais.
– Manexo de animais, toma de mostras para controis en laboratorio das posibles enfermidades ou infeccións que se poidan producir, colaboración na aplicación dos tratamentos veterinarios e similares.
– Execución e mantemento de peches, pasarelas ou elementos similares.
– Labores de conservación e mantemento de pistas, rozas de lindes ou traballos similares.
– Realización de infraestruturas para a protección das especies e espazos.
– Limpeza, desinfección e conservación das instalacións, establecementos e demais infraestruturas.
– Manexo de embarcacións.
– Recollida de fauna.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos, embarcacións e maquinaria
Denominación Especialidades Subgrupo Funcións Titulación
Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos Arquivos e bibliotecas C2 – Tarefas de apoio para o funcionamento dos distintos servizos e procesos dos arquivos e bibliotecas.
– Apoio no acceso ao documento.
– Atención ás persoas usuarias.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente
Museos – Tarefas de apoio para o funcionamento dos distintos servizos e procesos dos museos.
– Apoio no acceso ás coleccións.
– Atención ás persoas usuarias.
– Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente
Artigo 8. Modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia
Engádese unha disposición transitoria cuarta na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria cuarta. Sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa
En canto non se implante un sistema de carreira profesional no Consello de Contas de Galicia, establecerase, para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas, un sistema transitorio de recoñecemento de progresión na carreira administrativa que lle permita ao dito persoal progresar de maneira voluntaria e individualizada, e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.
O persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e que estea incluído dentro do ámbito de aplicación do número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, poderá optar por acollerse ao sistema transitorio previsto no dito número ou ao recollido na presente disposición.
O persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas de Galicia e quede encadrado no sistema transitorio regulado nesta disposición percibirá, de acordo co que se dispoña para cada exercicio orzamentario na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, unha retribución adicional ao complemento de destino conforme o grupo ou subgrupo profesional de pertenza na Administración de orixe no que preste servizos no Consello de Contas de Galicia.
De conformidade coa disposición derradeira primeira do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, publicado por Resolución do 17 de febreiro de 2017, o Pleno adoptará as normas necesarias para a aplicación do sistema transitorio previsto nesta disposición, incluídos, entre outros, o procedemento e os requisitos para o acceso ao dito sistema e para o cobramento da retribución adicional.
Cando se implante o sistema de carreira profesional no Consello de Contas de Galicia terase en conta o desenvolvemento profesional alcanzado en aplicación desta disposición.».
CAPÍTULO II
Réxime orzamentario
Artigo 9. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro
O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, queda modificado como segue:
Un. O artigo 118 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 118. Estrutura
1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma comprenderá todas as operacións orzamentarias, patrimoniais e de tesouraría levadas a cabo durante o exercicio por todas as entidades incluídas nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de cada exercicio.
2. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma constará dos seguintes documentos:
a) Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
b) Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.
c) Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.».
Dous. O artigo 119 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 119. Contido
1. A Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.
Como mínimo, deberán figurar na Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma os seguintes documentos:
a) A liquidación do orzamento, especificando os créditos iniciais e as súas modificacións, así como a liquidación dos estados de ingresos e gastos nas súas distintas fases de xestión orzamentaria.
b) Un estado demostrativo dos compromisos de gastos adquiridos con cargo a exercicios futuros, facendo uso do disposto no artigo 58.
c) Un estado demostrativo da evolución e da situación dos dereitos que se deben cobrar e das obrigas que se deben pagar procedentes de exercicios anteriores.
d) Un estado demostrativo da situación da tesouraría e das operacións realizadas durante o exercicio.
e) Un estado demostrativo do endebedamento público.
f) O resultado do exercicio económico, que recollerá a determinación do superávit, o déficit ou nivelación da liquidación do orzamento, o remanente de tesouraría resultante e a variación dos activos e pasivos financeiros.
2. A conta das entidades en réxime de orzamento limitativo formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.
Como mínimo, deberán figurar na conta das entidades en réxime de orzamento limitativo os seguintes documentos:
a) As contas anuais de todas as entidades en réxime de orzamento limitativo incluídas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para cada exercicio, segundo o regulado no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.
b) A liquidación do orzamento, especificando os créditos iniciais e as súas modificacións, así como a liquidación dos estados de ingresos e gastos nas súas distintas fases de xestión orzamentaria.
c) Un estado demostrativo dos compromisos de gastos adquiridos con cargo a exercicios futuros, facendo uso do disposto no artigo 58.
d) Un estado demostrativo da evolución e situación dos dereitos que se deben cobrar e das obrigas que se deben pagar procedentes de exercicios anteriores.
e) Un estado demostrativo da situación da tesouraría e das operacións realizadas durante o exercicio.
f) O resultado do exercicio económico, que recollerá a determinación do superávit, o déficit ou nivelación da liquidación do orzamento, o remanente de tesouraría resultante e a variación dos activos e pasivos financeiros.
3. A conta das entidades en réxime de orzamento estimativo formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.
Como mínimo, deberán figurar na conta das entidades en réxime de orzamento estimativo as contas anuais de todas as entidades en réxime de orzamento estimativo incluídas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para cada exercicio, segundo o disposto no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.
4. A consellaría competente en materia de facenda establecerá a estrutura e o contido das contas e estados a que se fai referencia neste artigo, así como das demais contas que deban render as entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tres. O artigo 120 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 120. Información complementaria
1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma irá acompañada dunha memoria explicativa das principais magnitudes en que se proporcione unha visión global do conxunto do sector público da Comunidade Autónoma. En todo caso, incluirase información relativa ao movemento e situación dos avais ou préstamos concedidos.
A consellaría competente en materia de facenda establecerá a estrutura e o contido da memoria a que se refire este artigo.
2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá incorporar ao expediente relativo á Conta Xeral aquela información complementaria que considere necesaria para mellorar a comprensión dos documentos que forman parte da Conta.».
CAPÍTULO III
Medio ambiente e territorio
Artigo 10. Modificación da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia
Engádese un novo artigo 9 bis á Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa seguinte redacción:
«Artigo 9 bis. Vixencia da declaración de impacto ambiental
Respecto da avaliación de impacto ambiental de competencia autonómica, a declaración de impacto ambiental do proxecto ou actividade perderá a súa vixencia e cesará na produción dos efectos que lle son propios se, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non comezar a execución do proxecto ou actividade no prazo de seis anos.».
Artigo 11. Modificación da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia
A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 4 do artigo 8 queda coa seguinte redacción:
«4. Plans de acción da paisaxe.».
Dous. O título do artigo 12 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 12. Plans de acción da paisaxe»
Tres. Os números 1 e 2 do artigo 12 quedan redactados como segue:
«1. A consellaría competente en materia de paisaxe elaborará plans de acción para a protección, xestión e ordenación da paisaxe naqueles territorios declarados como espazos naturais protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de patrimonio natural, así como nas áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) identificadas nos catálogos da paisaxe.
Tamén se poderán elaborar plans de accións da paisaxe noutras zonas que, como consecuencia dos seus especiais valores paisaxísticos ou do seu estado de deterioración, precisaren medidas de intervención e protección.
2. O plan de acción axustarase ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para o territorio a que se refira, de conformidade cos obxectivos de calidade paisaxística establecidos, e incluirá ademais unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación ou rexeneración das paisaxes presentes no seu ámbito.».
Artigo 12. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia
Modifícase o número 1 do artigo 72 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, que quedará coa seguinte redacción:
«1. As modalidades autorizadas para a caza maior son as seguintes:
a) Montaría: consiste en bater con axuda de cans unha mancha ou extensión de monte pechada por cazadores/as que se distribúen en armadas e se colocan en postos fixos. Neste caso, os/as batedores/as só poderán portar armas brancas para o remate das pezas. O número de cazadores/as en postos será de entre 20 e 50, e o de cans, de ata 5 mandas.
b) Batida: é unha modalidade de caza colectiva para a caza maior e a caza do raposo na cal participan un mínimo de 10 cazadores/as e un máximo de 30, e na cal poden variarse os postos durante o desenvolvemento da actividade. Poderanse utilizar ata 30 cans, en dous grupos como máximo, sen prexuízo dunha posterior confusión. Os cans poden ser acompañados por cazadores/as no exercicio da caza. Nesta modalidade non hai auxiliares de caza. A acción consistente no rastrexo polos/as cazadores/as da zona da batida con cans atrelados para localizar o encame das pezas considérase acción preparatoria da caza.
Exclusivamente para a caza do xabaril, poderá practicarse esta modalidade de caza colectiva coa participación dun mínimo de oito cazadores.
c) Axexo: consiste en que o/a cazador/a, co ánimo de a abater, busca a peza con axuda dun/dunha garda ou dun/dunha guía.
d) Agarda ou espera: consiste en que o/a cazador/a espera apostado/a nun lugar a que a peza acuda espontaneamente a el.
e) En man e ao salto: para a caza do xabaril poderán practicarse estas modalidades de caza segundo a definición dada nas alíneas a) e d) do número 2 deste artigo.
En todas as modalidades de caza maior as pezas de caza cobradas deberán ir identificadas cun precinto de caza.».
Artigo 13. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádese un parágrafo na letra d) do número 1 do artigo 21 coa seguinte redacción:
«Este deber de cesión poderá cumprirse, no caso de conformidade do concello, mediante a substitución da entrega de solo polo seu valor en metálico, que deberá integrarse no patrimonio público do solo, agás cando poida cumprirse con solo destinado a vivenda sometida a algún réxime de protección pública en virtude da reserva que puider resultar exixible.».
Dous. Engádese un parágrafo na letra d) do artigo 29 coa seguinte redacción:
«Este deber de cesión poderá cumprirse, no caso de conformidade do concello, mediante a substitución da entrega de solo polo seu valor en metálico, que deberá integrarse no patrimonio público do solo, agás cando poida cumprirse con solo destinado a vivenda sometida a algún réxime de protección pública en virtude da reserva que puider resultar exixible.».
Tres. A alínea f) do número 2 do artigo 34 queda coa seguinte redacción:
«f) Solo rústico de protección de espazos naturais, constituído polos terreos incluídos na Rede galega de espazos protexidos, nas áreas de presenza e áreas críticas definidas nos plans de recuperación ou plans de conservación de especies ameazadas e naqueloutras zonas para as que así se determine expresamente nalgún dos instrumentos de planificación recollidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.».
Catro. A alínea d) do artigo 39 queda redactada como segue:
«d) Cumprir as seguintes condicións de posición e implantación:
1ª) Deberá xustificarse cumpridamente a idoneidade da localización elixida e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas en solo urbano ou urbanizable con cualificación idónea. Tal xustificación non será necesaria cando se trate das construcións sinaladas no artigo 35.1, letras g), h), i), l), m) e n).
2ª) A superficie mínima da parcela sobre a cal se situará a edificación será de 2.000 metros cadrados. O cumprimento deste requisito non resultará exixible para os usos regulados no artigo 35.1.m), para a ampliación de cemiterios e para as instalacións temporais que presten servizos necesarios ou convenientes para a utilización e desfrute do dominio público marítimo-terrestre.
Regulamentariamente poderá establecerse a exixencia dunha superficie mínima de parcela superior á prevista neste precepto cando así veña exixido pola natureza e as características dos usos de que se trate.
Así mesmo, no suposto de plans especiais de infraestruturas e dotacións que teñan por obxecto a implantación dos usos previstos nas letras o) e p) do artigo 35.1, regulamentariamente poderá establecerse unha superficie mínima referida á totalidade do ámbito que se delimite no plan. No caso de afectaren distintas clases de solo, a superficie incluída en solo rústico deberá cumprir coa condición de superficie mínima establecida con carácter xeral nesta lei.
Para todos estes efectos, non será admisible a adscrición doutras parcelas.
3ª) A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20 % da superficie do predio. No caso de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e facilmente desmontables, de explotacións gandeiras, de establecementos de acuicultura e de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas, poderán ocupar ata o 60 % da superficie da parcela, e a ampliación dos cemiterios, a totalidade dela.
Excepcionalmente, os instrumentos establecidos pola lexislación de ordenación do territorio poderán permitir unha ocupación superior para estas actividades, sempre que se manteña o estado natural, polo menos, nun terzo da superficie da parcela.
4ª) Os edificios situaranse dentro da parcela, adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.
5ª) Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento, e en ningún caso poderán ser inferiores a 5 metros.
6ª) As condicións de abancalamento obrigatorio e de acabado dos bancais resultantes deberán definirse e xustificarse no proxecto, de modo que quede garantido o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración da topografía natural dos terreos.
7ª) Manterase o estado natural dos terreos ou, se for o caso, o uso agrario deles ou con plantación de arboredo ou especies vexetais en, polo menos, a metade da superficie da parcela, ou nun terzo dela cando se trate de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas.».
Cinco. A letra f) do artigo 39 queda redactada como segue:
«f) As edificacións destinadas a uso residencial complementario da explotación agrícola ou gandeira deberán estar intimamente ligadas a elas, nos termos que se determinen regulamentariamente.».
Seis. O artigo 40 queda redactado como segue:
«As edificacións tradicionais existentes en calquera categoría de solo de núcleo ou de solo rústico poderán ser destinadas a usos residenciais, terciarios ou produtivos, a actividades turísticas ou artesanais e a pequenos talleres e equipamentos.
Logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, e sen necesidade de cumprir os parámetros urbanísticos aplicables, excepto o límite de altura, permitirase a súa reforma, rehabilitación e reconstrución e a súa ampliación, mesmo en volume independente, sen que a ampliación poida superar o 50 % do volume orixinario da edificación tradicional.
En calquera caso, deberanse manter as características esenciais do edificio, do lugar e da súa tipoloxía orixinaria.
Para os efectos do previsto neste artigo, considéranse edificacións tradicionais todas as edificacións existentes con anterioridade á entrada en vigor da Lei 19/1975, do 2 de maio, de reforma sobre o réxime do solo e ordenación urbana, con independencia da súa tipoloxía.».
Sete. A letra a) do número 2 do artigo 78 queda modificada como segue:
«a) O concello, tras a súa aprobación inicial, someterá o expediente de delimitación a información pública por un prazo mínimo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia. Así mesmo, notificaráselles individualmente ás persoas titulares catastrais dos terreos respecto dos cales se proxecte unha modificación na súa clasificación urbanística.
O concello deberá solicitar, no momento que corresponda en cada caso, os informes sectoriais que resulten preceptivos de conformidade coa normativa vixente.».
Oito. O artigo 90 queda coa seguinte redacción:
«1. Os edificios, construcións e instalacións erixidos con anterioridade á aprobación definitiva do planeamento urbanístico que resulten incompatibles coas súas determinacións por estaren afectados por viais, zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos públicos quedarán incursos no réxime de fóra de ordenación.
Nestes edificios, construcións e instalacións poderá manterse o uso preexistente, en todo caso, mesmo de se tratar de usos non permitidos pola ordenanza ou normativa urbanística vixente, e só poderán realizarse neles obras de conservación e as necesarias para o mantemento do dito uso preexistente.
O disposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo da posibilidade de cambio de uso para calquera dos usos permitidos pola ordenanza ou normativa urbanística que resulte de aplicación, sen máis obras que as mínimas e imprescindibles.
En ambos os casos, os propietarios deberán renunciar ao incremento do valor expropiatorio, sen que tal renuncia afecte as obras que sexa obrigatorio realizar para manter o inmoble en adecuadas condicións de conservación, de acordo co correspondente informe de avaliación do edificio, cando este sexa obrigatorio, segundo a normativa vixente.
O réxime previsto neste número será de aplicación no caso dos edificios, construcións e instalacións existentes en solo urbano non consolidado, en áreas de solo de núcleo rural nas cales se prevexan actuacións de carácter integral, no solo urbanizable e nos terreos afectados a sistemas xerais, mentres non estea aprobada definitivamente a ordenación detallada dos ditos ámbitos.
2. O planeamento urbanístico determinará o réxime a que deban someterse as edificacións, construcións e instalacións preexistentes á súa aprobación definitiva que non sexan plenamente compatibles coas súas determinacións, mais que non estean incursas na situación de fóra de ordenación, conforme o sinalado no número anterior, e poderán realizarse, como mínimo, as obras sinaladas no número anterior.
Nas edificacións, construcións e instalacións en solo rústico que se encontren na situación descrita no parágrafo anterior, poderá manterse o uso preexistente, aínda que se tratar de usos non axustados á normativa urbanística vixente. Tamén se admitirán os cambios de uso, sempre que se trate dun uso permitido nesta clase de solo, admitíndose as obras que se axusten ao réxime xurídico do solo rústico previsto nesta lei e nas súas disposicións regulamentarias de desenvolvemento, sen que, en ningún caso, poida agravarse a situación de incompatibilidade da edificación, construción ou instalación respecto da situación inicial.».
Nove. O número 3 da disposición transitoria primeira queda redactado como segue:
«3. Os decretos autonómicos de suspensión do plan que foron ditados antes da entrada en vigor da presente lei manterán a súa eficacia, como norma de dereito transitorio, ata a data de entrada en vigor do correspondente plan xeral de ordenación municipal, agás no relativo ao réxime do solo rústico, respecto do cal resultará de aplicación directa o réxime xurídico previsto nesta lei e nas súas disposicións regulamentarias de desenvolvemento.».
Dez. A disposición transitoria terceira queda coa seguinte redacción:
«1. As construcións executadas en solo rústico ao abeiro da licenza urbanística poderán manter o uso autorizado e cambialo para calquera dos previstos no artigo 40. Poderanse executar nelas, contando con licenza municipal previa e sen necesidade de autorización urbanística autonómica, obras de mellora e reforma das instalacións sen incrementar a superficie edificada legalmente, mesmo cando non cumpran as condicións de implantación, uso e edificación establecidas por esta lei.
2. Así mesmo, nas construcións previstas no número anterior, contando con licenza municipal previa e sen necesidade de autorización urbanística autonómica, poderán executarse obras de ampliación da superficie edificada licitamente, cumprindo os seguintes requisitos:
a) Cando se trate de terreos que deban ser incluídos no solo rústico de especial protección segundo esta lei, será necesario obter a autorización ou informe favorable do órgano coa competencia sectorial correspondente.
b) Que cumpra as condicións de edificación establecidas polo artigo 39 e polo planeamento urbanístico.
c) Que se adopten as medidas correctoras necesarias para minimizar a incidencia sobre o territorio e a mellor protección da paisaxe.
d) Que se manteñan o uso e a actividade autorizados orixinariamente, permitíndose, en todo caso, o cambio de uso para calquera dos regulados no artigo 40.».
Artigo 14. Modificación do Decreto 92/2019, do 11 de xullo, polo que se modifica o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Engádese unha nova disposición transitoria única ao Decreto 92/2019, do 11 de xullo, polo que se modifica o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria única. Adaptación do planeamento
O disposto neste decreto non será de aplicación obrigatoria a aqueles instrumentos de planeamento urbanístico para os cales estiver formulado o informe ambiental estratéxico na data da súa entrada en vigor.».
Artigo 15. Modificación da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 2 do artigo 14 queda coa seguinte redacción:
«2. Nos edificios localizados no territorio histórico dos Camiños de Santiago será aplicable o recollido nas seccións 1ª e 2ª do capítulo V do título I.».
Dous. Suprímese a letra a) do número 5 do artigo 15.
Tres. O artigo 43 queda redactado como segue:
«Nos edificios que teñan niveis de protección estrutural, ambiental ou asimilables a estes, así como nos edificios que carezan de protección específica, respectando os elementos, os materiais e mais as características das edificacións singularmente protexidos, e sempre que se manteña a referencia á estrutura parcelaria orixinal, permitirase:
a) Utilizar conxuntamente os portais e os núcleos de comunicación vertical, de xeito que poidan servir un máximo de tres edificios.
b) Regularizar parcelas cando a súa configuración actual sexa o resultado dunha distorsión da tipoloxía do parcelario do ámbito.
c) Agregar parcelas cando un dos edificios teña unha superficie ou unha configuración que fagan inviable resolver adecuadamente os seguintes parámetros:
1º. A accesibilidade universal ás vivendas.
2º. O cumprimento das condicións das normas de habitabilidade das vivendas de Galicia.
3º. A posibilidade de que a vivenda teña un mínimo de tres estancias destinadas a salón e dous dormitorios.
4º. O cumprimento dos estándares establecidos no Código técnico da edificación, coa admisión de solucións alternativas que garantan os mesmos niveis de prestacións.
d) Permitir unir locais de negocio en plantas baixas de varias edificacións, mantendo a lectura da estrutura parcelaria do ámbito.
e) Permitir a redacción de proxectos que afecten varios edificios que poidan agrupar, como espazos comúns do conxunto da promoción, as superficies non ocupadas polas edificacións.
Nestes casos permitirase a ocupación dos patios de rueiro, sen computar edificabilidade, para garantir a accesibilidade de varios inmobles ou parcelas a través dun único ascensor accesible, sempre que a actuación non afecte os elementos dos inmobles ou as súas características que estean especificamente protexidas, nin comprometa a habitabilidade das vivendas.».
Catro. Modifícase o número 1 do artigo 105, que terá a seguinte redacción:
«1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo manterá un censo de inmobles declarados en estado de abandono, que estará á disposición dos órganos a que se refire o artigo 119 para a xestión deste tributo. O Instituto Galego da Vivenda e Solo incluirá no censo, de oficio, os inmobles que fosen declarados en estado de abandono.».
Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 113, que terá a seguinte redacción:
«1. O canon xestionarase a partir da información contida no censo de inmobles declarados en estado de abandono a que se refire o artigo 105. O censo, que se formará anualmente, conterá a información relativa aos bens inmobles declarados en estado de abandono que estivesen nesta situación o 31 de decembro do ano anterior, por separado para os de cada clase, e será posto á disposición da Administración tributaria no mes de xaneiro de cada ano.».
Artigo 16. Modificación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia
A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 3 do artigo 136, que queda redactado do seguinte modo:
«3. A obriga de reparar o dano causado regulada nesta lei prescribirá no prazo de quince anos contados desde que a Administración ditou o acto que acorde a súa imposición, independentemente da data de inicio do cómputo da prescrición da sanción, consonte o que establece o número dous deste artigo. O anteriormente disposto entenderase sen prexuízo da aplicación da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade medioambiental, para a reparación dos danos medioambientais regulados nela.».
Dous. Engádese unha disposición transitoria novena coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria novena. Obrigas de reparación pendentes de cumprimento
Dentro do necesario respecto á normativa básica estatal, o disposto no número 3 do artigo 136 será de aplicación ás obrigas de reparación de danos pendentes de execución no momento da entrada en vigor da presente lei que fosen impostas pola Administración autonómica en aplicación da normativa en materia de protección da natureza.».
CAPÍTULO IV
Medio rural
Artigo 17. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 4 do artigo 12 queda coa seguinte redacción:
«4. Os titulares dos predios ou dos dereitos de aproveitamento nos que teñan que realizarse os traballos preventivos dispoñerán dun prazo de quince días para realizalos e, no caso de non o faceren, a consellaría con competencias en materia de prevención de incendios poderá realizalos con cargo aos seus orzamentos, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias.
Sen prexuízo do anterior, a Administración autonómica, ao abeiro dos principios de cooperación e colaboración administrativa en prevención e defensa contra incendios, poderá conveniar cos concellos a realización dos citados traballos preventivos, no marco do previsto na normativa vixente, e, en concreto, na lexislación en materia de administración local e na de prevención e defensa contra incendios.
Co obxectivo de promover actuacións de fomento do emprego e, en particular, as ligadas aos programas de formación e práctica profesional, os convenios a que se refire o parágrafo anterior poderán prever a realización dos traballos preventivos a través de obradoiros duais de emprego organizados con tal fin polo concello.».
Dous. Engádese un artigo 21 quater coa seguinte redacción:
«Artigo 21 quater. Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa
1. O sistema público de xestión da biomasa nos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, como sistema de cooperación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade do sector público autonómico Seaga, a Fegamp e os concellos que voluntariamente se adhiran ao sistema, ten por fin a prevención de incendios forestais, de modo que se logre a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.
Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral do Estado, as deputacións provinciais, ou calquera outra administración ou entidade do sector público dependentes delas, poderán, se for o caso, participar no sistema público de xestión da biomasa mediante a sinatura do convenio de colaboración a que se refire o número seguinte. Neste suposto, o convenio determinará os termos precisos en que se concretará a colaboración e cooperación da administración ou entidade que se incorpore a el e, en concreto, as súas achegas económicas, para os efectos de contribuír á sustentabilidade financeira do sistema.
2. O sistema público de xestión da biomasa instruméntase a través do correspondente convenio de colaboración, de acordo co previsto neste artigo.
O convenio de colaboración en que se instrumenta o sistema público de xestión da biomasa, baseado nos principios de colaboración e cooperación entre administracións, formalízase ao abeiro do previsto no número 1 do artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014; do regulado na Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, en canto á cooperación e coordinación mediante a subscrición de convenios entre a Administración autonómica e as administracións locais coa finalidade da máis eficaz xestión e prestación dos servizos da súa competencia; así como do disposto nesta lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no que di a respecto da regulación da colaboración coas entidades locais e cooperación administrativa en materia de prevención e loita contra os incendios forestais.
Atendendo ás necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais, poderán incluírse no convenio de colaboración, de modo complementario e con cargo ás achegas realizadas pola Administración autonómica, actuacións de execución subsidiarias da súa competencia.
3. O sistema público de xestión da biomasa comprende, nos termos que se estipulan no convenio de colaboración en que se instrumenta, e, en particular, de acordo cos criterios de prioridade que nel se determinan e coas dispoñibilidades orzamentarias existentes, todas ou algunha das seguintes actuacións:
a) A colaboración económica e técnica entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para garantir a xestión da biomasa das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, e, en particular, para o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22.
Dentro da colaboración económica e técnica sinalada inclúese, así mesmo, a asistencia técnica e o apoio aos concellos para a tramitación por parte destes dos procedementos de aprobación de plans de prevención e de determinación e delimitación de faixas.
Sen prexuízo do anterior, a colaboración poderá incluír calquera outro tipo de actuacións que teñan por obxecto lograr a finalidade do sistema público de xestión da biomasa nos termos sinalados no número 1 deste artigo, como, entre outras, actuacións de mobilización e recuperación de terras nas faixas secundarias que teñan como obxectivo combater o abandono de áreas rurais e garantir a adecuada xestión da biomasa a medio ou longo prazo.
b) A prestación por parte da Administración autonómica do sistema público de xestión da biomasa nos terreos rústicos incluídos nas faixas secundarias de xestión da biomasa mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos terreos.
4. As actividades materiais de xestión da biomasa previstas neste artigo, así como as restantes obrigas de cooperación técnica que a Administración autonómica asuma dentro do sistema público de xestión da biomasa serán xestionadas, se for o caso, de forma directa a través de Seaga, como entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico, da forma que se concrete no convenio de colaboración do sistema público de xestión da biomasa. Para tales efectos, Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público.
Para os efectos de compensación de custos, Seaga percibirá das persoas usuarias do servizo, nos casos en que así proceda, a tarifa prevista no número 7 deste artigo. Nos restantes supostos, Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación nos termos que se sinalen no convenio de colaboración do sistema público de xestión da biomasa.
5. O convenio de colaboración a través do cal se instrumenta o sistema público de xestión da biomasa preverá a adhesión voluntaria de calquera concello da Comunidade Autónoma ao dito convenio, para os efectos de que todos os concellos de Galicia poidan acceder ao sistema e á colaboración correspondente.
6. En todo caso, o previsto neste artigo non afecta nin altera o sistema de distribución de competencias na materia establecido na presente lei, e, en particular, non afecta as competencias atribuídas ás entidades locais, nin supón a súa asunción pola Administración autonómica.
Neste sentido, e para os efectos de colaborar economicamente co sistema, reservarase un subfondo cunha cantidade específica dentro do Fondo de Cooperación Local coa finalidade de contribuír economicamente ao convenio. Estas achegas das entidades locais ao convenio con cargo ao Fondo de Cooperación Local serán as que se determinen para cada anualidade na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
7. A Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos ao convenio mediante a formalización de contratos de xestión de biomasa cos titulares dos terreos.
O servizo público, no marco do sistema público de xestión da biomasa a que se refire este artigo, será prestado pola Administración autonómica nos termos previstos nel, así como no convenio de colaboración correspondente en que se establece o réxime xurídico da actividade prestacional.
As actividades de prestación levadas a cabo pola Administración autonómica no marco do sistema público de xestión da biomasa ás que se refire o parágrafo anterior constitúen un servizo público, de acordo co previsto no número 1 do artigo 33 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía de calidade dos servizos públicos e da boa administración, seralles aplicable a regulación e garantías establecidas na dita lei e serán asumidas como propias pola Administración autonómica e postas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía, para os efectos do previsto na citada Lei 1/2015, do 1 de abril, e con base no convenio de colaboración no que se regula o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Para os efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión regulado no presente artigo establecerase no convenio unha tarifa que deberán aboar as persoas responsables do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa que formalicen o contrato de xestión a que se refire este número. A tarifa será percibida por Seaga, como prestadora material da actividade, será uniforme para todas as persoas responsables, e será en todo caso inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais. Nos casos de impagamento da tarifa establecida no contrato, será de aplicación o réxime previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de modo que as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.».
Tres. Suprímese o artigo 22 bis.
Artigo 18. Modificación da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras
A Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, queda modificada como segue:
Un. Engádese un segundo parágrafo ao número 2 do artigo 3 coa seguinte redacción:
«Para os efectos desta lei, salvo proba en contrario, a Administración considerará persoa propietaria á titular que con este carácter conste en rexistros públicos que produzan presunción de titularidade que só poida ser destruída xudicialmente ou, no seu defecto, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais, ou, finalmente, a quen o sexa pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título escrito de propiedade.».
Dous. Engádese un artigo 47 ter coa seguinte redacción:
«Artigo 47 ter. Fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo
1. A consellaría competente en materia do medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, promoverá, por iniciativa e en colaboración cos respectivos concellos, a realización de actuacións integradas co obxectivo de fomentar a mobilización de terras a través de proxectos de aldeas modelo, consistentes na recuperación e posta en valor das terras circundantes a núcleos de poboación, incluíndo total ou parcialmente as súas faixas secundarias de xestión de biomasa.
Nos proxectos de aldeas modelo procurarase a recuperación da actividade económica e social deses núcleos, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e o aumento da calidade de vida da súa poboación. Para estes efectos, a consellaría competente en materia do medio rural coordinará as súas actuacións, ademais de cos respectivos concellos, coas consellarías e entidades competentes para promover, entre outras finalidades, a recuperación da capacidade agronómica do perímetro do proxecto, a rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística e a promoción do emprego. En particular, poderán habilitarse liñas específicas de axuda para o desenvolvemento de actividades neses proxectos.
2. Os proxectos de aldeas modelo realizaranse en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos, e terá por obxecto principal a volta á produción de áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que deron co paso do tempo en estados de abandono e/ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade económica agroforestal.
3. O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por solicitude previa dos concellos interesados, por proposta da persoa titular da dirección xeral da dita Axencia, poderá identificar e declarar zonas de actuación para a aplicación de proxectos de aldeas modelo, que virán definidas por un perímetro de actuación integral que poderá conter terreos que non se integren no proxecto por estaren xa en explotación.
4. As zonas que se pretendan declarar deberán cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:
a) Que o concello xustifique que dispón do acordo dos titulares dos dereitos de aproveitamento que alcancen o mínimo do 70 por cento da superficie do perímetro do proxecto, no que deberá incluírse, cando menos, o 70 por cento dos terreos que, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, se definan como faixas secundarias de xestión da biomasa. Así mesmo, os titulares deberán asumir o compromiso de incorporación dos terreos ao Banco de Terras para a súa cesión, nos termos establecidos neste artigo, polo período mínimo de 5 anos. O requisito da porcentaxe mínima de superficie da faixa secundaria poderá excepcionarse por parte da Axencia cando, por razóns de carácter técnico, agronómico ou produtivo, así se xustifique.
b) Así mesmo, será requisito previo para a presentación da solicitude que o concello se encontre adherido ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias definido no artigo 21 quater da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
5. A declaración da zona de actuación e aprobación do proxecto de aldea modelo irá precedida da valoración por parte da Axencia da prioridade entre as diferentes iniciativas, atendendo ás súas dispoñibilidades orzamentarias e técnicas e á viabilidade económica do proxecto, así como tamén da determinación da aptitude agroforestal dos terreos, os cultivos recomendados e os criterios que se terán en conta para decidir a preferencia para a súa cesión, no caso de que existan diversas solicitudes de operadores económicos interesados na participación no proxecto, e os requisitos destas.
En particular, na ponderación dos criterios para decidir a preferencia para a cesión dos terreos atenderase, entre outros, á complementariedade entre os proxectos dentro das aldeas modelo; ás propostas que teñan como finalidade a ampliación da base territorial das explotacións xa existentes, e ás propostas que se refiran á produción ecolóxica e ás producións de gandaría extensiva.
Así mesmo, atendidas as potencialidades produtivas do proxecto, este poderá establecer mecanismos que tendan á recuperación dos custos de acondicionamento, limpeza e posta en cultivo dos predios asumidos pola Axencia.
6. Será aplicable para estes proxectos na súa integridade o disposto no artigo 47 bis da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras de Galicia, coas adaptacións derivadas do disposto neste artigo.
7. Con carácter previo á aprobación do proxecto, remitirase este ao concello para que exprese o punto de vista correspondente ás súas competencias respectivas no prazo de 10 días.
Así mesmo, a Administración autonómica poderalle propoñer ao concello a adopción de medidas concretas que faciliten o desenvolvemento do proxecto, que, de seren aceptadas polo concello, se incluirán neste. Neste sentido, promoverase a realización de actuacións de fomento do emprego e, en particular, as ligadas aos programas de formación e práctica profesional, incluíndo, entre outras, a organización por parte do concello de obradoiros duais de emprego para a realización de actuacións previstas no proxecto.
8. Unha vez declarada a zona de actuación e aprobado o proxecto, a Axencia publicará a declaración no Diario Oficial de Galicia e daralle publicidade na súa páxina web, e abrirá un prazo mínimo de 10 días hábiles para a recepción de propostas de participación no proxecto. Estas, como mínimo, deberán identificar os terreos que se pretenden aproveitar, os cultivos correspondentes e os prezos que se terán que satisfacer aos titulares dos dereitos sobre eles, nos termos establecidos no proxecto.
Para os efectos da valoración das propostas e da súa viabilidade, a Axencia poderá requirir canta documentación complementaria considere pertinente, incluída a presentación dun proxecto básico da actuación.
Caso de se presentaren propostas que soliciten a cesión de terreos por un prazo superior ao mínimo de 5 anos, antes da selección da proposta deberá darse traslado aos titulares dos dereitos sobre os terreos para que presten a súa conformidade. No caso de que algún dos titulares non acepte o prazo superior, daráselle á persoa propoñente a oportunidade de reformular a súa proposta ou de retirala.
9. A selección das propostas efectuarase por proposta do órgano de xestión do Banco de Terras de Galicia, na que se xustifique a aplicación dos criterios establecidos na aprobación do proxecto.
10. No caso de non se presentaren en prazo propostas para o aproveitamento dalgunha das parcelas, a Axencia poderá abrir un novo prazo de presentación e admitiranse as propostas que se presenten, atendendo á súa prioridade temporal, sempre que cumpran os requisitos sinalados e dentro do prazo de duración do compromiso de incorporación dos titulares dos dereitos de aproveitamento das parcelas ao Banco de Terras.
11. A aprobación do proxecto determinará a asunción por parte da Administración autonómica da limpeza dos terreos dos titulares incluídos no perímetro do proxecto que asuman o compromiso de incorporaren os terreos ao Banco de Terras durante o prazo de cinco anos.
Así mesmo, a aprobación do proxecto determinará a aplicación aos terreos das faixas secundarias de xestión da biomasa da aldea modelo que non estean incluídos no perímetro do proxecto ou que, incluídos nel, non se incorporen ao Banco de Terras, do sistema público de xestión da biomasa definido no artigo 21 quater da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Nestes casos, de os titulares dos terreos aceptaren a súa incorporación ao indicado sistema, aplicarase por parte da Administración autonómica a tarifa correspondente durante o prazo de duración do dito sistema.
12. A Axencia promoverá a adopción de acordos con operadores económicos co obxectivo de tentar garantir a viabilidade económica do proxecto mediante o compromiso, entre outros, de adquisición das producións resultantes da posta en valor dos terreos, sen prexuízo da liberdade de contratación das persoas arrendatarias dos terreos.
13. Así mesmo, a Axencia impulsará a creación dunha Rede de Aldeas Modelo de Galicia como instrumento de colaboración funcional entre elas, que terá como obxectivos: a posta en común de experiencias e información; a coordinación de producións e a xeración de sinerxías entre as diferentes aldeas e a promoción e posta en valor dos produtos procedentes destas aldeas, e a consecución por estes de estándares de excelencia.».
Artigo 19. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia
Engádese unha disposición adicional quinta á Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional quinta. Vixencia da declaración de impacto ambiental no marco dos procesos de reestruturación parcelaria
A declaración de impacto ambiental dos proxectos de concentración parcelaria no marco dos procesos de reestruturación parcelaria perderá a súa vixencia e cesará a produción dos efectos que lle son propios se, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non tiver comezado a execución do proxecto no prazo de seis anos.».
CAPÍTULO V
Infraestruturas e mobilidade
Artigo 20. Modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia
A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A letra b) do artigo 3 queda coa seguinte redacción:
«b) A universalidade, accesibilidade e continuidade na prestación dos servizos de taxi, procurando, particularmente naquelas zonas onde exista unha falta de cobertura deles, unha suficiencia do servizo, e tamén acadar o equilibrio económico da actividade mediante a limitación no número de habilitacións e o establecemento de tarifas obrigatorias, que poderán ter o carácter de máximas nos supostos previstos nesta lei.».
Dous. Engádese un número 4 ao artigo 20 coa seguinte redacción:
«4. A persoa condutora tamén poderá ter unha relación de parentesco coa persoa titular da licenza e serlle aplicable o réxime de autónomo colaborador.».
Tres. Os números 2 e 3 do artigo 25 quedan redactados como segue:
«2. Non obstante, autorizaranse vehículos de ata nove prazas, incluída a da persoa condutora, cando os ditos vehículos estean adaptados para o transporte dunha ou máis persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas.
Nesta tipoloxía de vehículos, a praza ou prazas previstas para a fixación de cadeiras de rodas deberán resultar operativas, de requirilo unha persoa usuaria, sen necesidade de que esta realice unha reserva previa do servizo, e sen exixir operacións complexas de adaptación que diminúan a capacidade do vehículo ou demoren de xeito significativo a prestación do servizo.
3. En todo caso, os vehículos contarán cun espazo dedicado a maleteiro suficiente para transportar a equipaxe da súa pasaxe. Agás no suposto de vehículos adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas, o dito espazo deberá resultar independente e diferenciado do habitáculo destinado ás persoas.».
Catro. Engádese un número 4 ao artigo 33 coa seguinte redacción:
«4. Cando o vehículo utilizado para a realización da totalidade ou dunha parte das expedicións dun transporte regular de uso xeral ou de uso especial dispoña de título habilitante para o exercicio da actividade de transporte público en vehículos de turismo, non lle serán de aplicación as limitacións referidas ao lugar de inicio e destino do servizo para a realización das ditas expedicións.».
Cinco. O número 4 do artigo 40 queda redactado como segue:
«4. As tarifas de aplicación aos servizos urbanos de taxi serán fixadas polos concellos ou, de ser o caso, polas entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta. Estas tarifas serán tamén de aplicación aos servizos interurbanos, no tramo que discorra polo termo municipal do concello de orixe do transporte. Fóra deste, aplicaranse as tarifas interurbanas, que serán fixadas pola consellaría competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para fixar as referidas tarifas interurbanas será preceptivo dar audiencia, previa á súa aprobación, ao Consello Galego de Transportes, para recoller as consideracións que xulgue pertinentes.
A aprobación das tarifas está suxeita á lexislación vixente en materia de prezos.».
Seis. Modifícase o número 7 e engádese un número 8 no artigo 40 nos seguintes termos:
«7. Sen prexuízo do indicado nos números anteriores, con antelación ao inicio da prestación dos servizos de taxi, a persoa titular da licenza de taxi e as persoas usuarias poderán acordar un prezo fixo pola súa prestación, ou un desconto sobre a tarifa que resulte de aplicación polo conxunto de conceptos facturables. Nestes supostos, as tarifas vixentes terán a consideración de máximas.
En ambos os dous casos indicados no parágrafo anterior, o acordo referente á contratación do servizo e ao prezo ou porcentaxe de desconto aplicable deberá ser documentado en soporte papel ou electrónico, do cal se entregará unha copia á persoa usuaria con antelación ao inicio da súa prestación. No caso de establecemento dun prezo final fixo, no dito acordo deberá facerse constar tanto o importe acordado coa persoa usuaria como o que correspondería á prestación do servizo atendendo ao factor quilométrico da tarifa máxima aplicable, ao tempo de espera programado e facturable, ás peaxes, se for o caso, e aos suplementos que resultaren de aplicación.
No caso de se acordar a aplicación dunha porcentaxe de desconto sobre o prezo final do servizo, na documentación deste acordo deberá identificarse a dita porcentaxe de desconto. Igualmente, no documento xustificativo da prestación do servizo indicarase tanto o prezo do servizo resultante da aplicación da tarifa como o prezo efectivamente cobrado.
No caso de concertación dun prezo final fixo pola prestación do servizo, o taxímetro reflectirá esta circunstancia nos termos que regulamentariamente se establezan.
8. A normativa de desenvolvemento da lei poderá establecer as condicións específicas de cobramento anticipado, total ou parcial, dos servizos cando as condicións especiais da súa prestación así o aconsellaren.
Tamén se poderá establecer un réxime de tarifas específicas no suposto de servizos contratados por praza individual.».
Sete. Modifícase o número 1 do artigo 51, que queda redactado como segue:
«1. Os servizos de arrendamento de vehículos con condutor deberán contratarse cunha antelación mínima de quince minutos á súa prestación. No caso de que as empresas prestadoras do servizo lle recoñezan á persoa consumidora ou usuaria un período de tempo para exercer o dereito de cancelación ou desistencia, este considerarase incluído no intervalo mínimo sinalado.
O dito período temporal mínimo de precontratación non será de aplicación na contratación da prestación de servizos de transporte público regular.».
Oito. Modifícase o número 3 do artigo 51, que queda redactado como segue:
«3. Para que produza efectos fronte á Administración, a contratación de servizos de arrendamento de vehículos con condutor deberá formalizarse en soporte papel ou electrónico, co contido e requisitos que regulamentariamente se establezan.
Durante a prestación do servizo deberá levarse a bordo do vehículo unha copia do correspondente contrato, ou dispoñer dos medios que permitan acreditar a súa celebración por medios electrónicos e a remisión da información correspondente ao dito servizo a través das aplicacións oficiais de comunicación deste tipo de contratos que en cada caso estableza a normativa aplicable. En ambos os dous casos, da correspondente documentación deberá constatarse o contido mínimo exixido e o tempo transcorrido entre a reserva do servizo e o inicio da súa prestación.».
Nove. A letra d) do artigo 61 queda redactada como segue:
«d) Incumprir o réxime de tarifas vixentes para o servizo de taxi, ou calquera das obrigas establecidas no artigo 40.7.».
Dez. Engádese unha disposición transitoria décimo terceira coa seguinte redacción:
«Nos servizos en que a persoa titular da licenza de taxi e as persoas usuarias acordasen un prezo final fixo pola súa prestación de acordo co previsto no artigo 40.7, e en canto non se produza o desenvolvemento regulamentario do dito precepto, de dispoñer de taxímetro, este deberá marcar a posición de tarifa 0 desde o inicio do servizo.».
Artigo 21. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O artigo 19 queda coa seguinte redacción:
«Contando co informe técnico previo sobre os obxectivos, contido do documento e procedemento, os estudos e proxectos que deban someterse aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas serán aprobados de forma provisional polo órgano competente da administración promotora da actuación.
Tan só para os efectos da ocupación temporal dos terreos para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración de proxectos, a aprobación provisional dos proxectos ou a definitiva dos estudos informativos implicará a declaración de utilidade pública e a urxente necesidade de ocupación temporal dos devanditos terreos.».
Dous. O número 5 do artigo 22 queda redactado como segue:
«5. A aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.».
Tres. O artigo 27 queda modificado como segue:
«As obras de estradas promovidas pola Administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, así como as realizadas nas zonas onde se sitúen os seus elementos funcionais, no resto da zona de dominio público ou na zona de servidume, constitúen actuacións de interese xeral e, por tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local. Para os efectos do previsto neste artigo, enténdense como necesarias para a execución das obras as actuacións derivadas da necesidade de repoñer os servizos afectados, independentemente da súa titularidade.
A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia administración promotora ou pola autoridade xudicial.».
Catro. O título do capítulo II do título IV pasa a ser «Usos autorizables ou suxeitos a declaración responsable».
Cinco. Engádese un novo artigo 45 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 45 bis. Usos suxeitos a declaración responsable na zona de servidume e na zona de afección
1. Son usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches situados na zona de servidume ou na zona de afección da estrada.
2. Considéranse obras menores de conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches os seguintes traballos, sempre que sexan de escasa complexidade e entidade técnica ou económica e que non produzan cambio de uso nin incremento do volume edificado por encima ou por debaixo da rasante, nin que afecten a estrutura ou a cimentación:
a) O pintado e a impermeabilización de fachadas.
b) O cambio de fiestras.
c) A substitución de tellados.
d) Calquera outra actuación de mera conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches.
3. Non serán usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento que requiran a ocupación da zona de dominio público con algún elemento auxiliar (tales como andamios, guindastres ou calquera outro), para as cales será necesario obter a correspondente autorización.».
Seis. O título do capítulo III do título IV pasa a ser «Autorizacións e declaracións responsables».
Sete. O artigo 47 queda redactado como segue:
«Artigo 47. Réxime xeral e competencia
1. A execución de obras e instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, salvo que estea suxeita a declaración responsable ou sexa expresamente permitida por esta lei ou polo seu regulamento.
2. A competencia para autorizar a execución de obras e instalacións ou a realización de actividades suxeitas a autorización na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, así como para realizar as actividades de comprobación daquelas suxeitas a declaración responsable no que se refire á lexislación sectorial en materia de estradas, corresponde á Administración titular da estrada, agás na corta de arboredo, que terá que ser autorizada unicamente polo órgano competente en materia forestal, de acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa, contando co previo informe preceptivo e vinculante do órgano competente da Administración titular da estrada.
No caso de obras, instalacións ou actividades non executadas pola Administración titular da estrada, na parte da zona de dominio público dos tramos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, a competencia para outorgar a autorización corresponderá aos concellos, logo do informe vinculante da Administración titular da estrada. Ese informe será tamén preciso no caso de obras, instalacións ou actividades que vaia realizar o propio concello.
3. No outorgamento de autorizacións impoñeranse as condicións que, en cada caso, se consideren oportunas para evitar danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada.
4. A autorización ou a declaración responsable a que se refire este precepto son independentes e enténdense sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades de que se trate.».
Oito. Engádese un número 4 ao artigo 48 coa seguinte redacción:
«4. No caso dos usos suxeitos a declaración responsable, esta deberá dirixirse á Administración titular da estrada e nela a persoa interesada declarará, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos na normativa vixente para obter o recoñecemento do dereito ou facultade, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá á disposición da Administración cando lle for requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao dito recoñecemento. Os requisitos mencionados deberán estar recollidos de maneira expresa, clara e precisa na correspondente declaración responsable. A Administración poderá requirir en calquera momento que se xunte a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos, e a persoa interesada deberá achegala.
A declaración responsable deberá presentarse cunha antelación mínima de quince días ao inicio das obras, segundo o modelo normalizado que aprobe a Administración titular da estrada. A actuación deberá executarse no prazo máximo dun ano desde a presentación da declaración.».
Nove. O artigo 55 queda modificado como segue:
«Artigo 55. Medidas de protección
1. A administración competente poderá dispoñer, sen máis trámites, en resolución motivada a inmediata paralización das obras e a suspensión dos usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións outorgadas por ela.
2. A Administración titular da estrada terá a facultade de comprobar a veracidade e mais a exactitude dos datos consignados na declaración responsable, para o cal dispoñerá as oportunas tarefas de inspección.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a non presentación ante a administración titular da estrada da declaración responsable ou da documentación que puider ser requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar coa execución da actuación desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que puideren proceder. A resolución que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento anterior ao comezo da actuación correspondente, logo da tramitación dun expediente de reposición da legalidade viaria.
3. A administración competente poderá instar, mediante a oportuna notificación, as empresas subministradoras de servizos públicos para que procedan a suspender no prazo de sete días naturais a subministración do servizo correspondente ás obras ou aos usos en que se dispuxese a súa paralización ou suspensión. A suspensión da subministración só se poderá levantar unha vez que se procedese á legalización das obras ou do uso ou logo da notificación en tal sentido da administración competente ás empresas subministradoras.
4. A administración competente poderá precintar as obras ou instalacións e ordenar á persoa responsable da actuación, da obra ou do uso, a retirada, no prazo de dous días naturais, da maquinaria e dos materiais aprovisionados. De incumprir a obriga de retirada, esta poderá ser realizada, sen máis trámites, pola administración competente, por conta daquela.
5. Se as actuacións non autorizadas ou que non se axustan á autorización, así como, nos supostos de aplicación do réxime de declaración responsable, as non declaradas ou que non se axustan ao declarado, supoñen un risco grave para a seguridade viaria, a administración competente poderá adoptar, por conta da persoa responsable e sen máis trámites, as medidas que considere oportunas para garantir a seguridade da circulación.
6. Na resolución de paralización ou suspensión, ordenarase a incoación dun expediente de reposición da legalidade viaria que, unha vez instruído e logo da audiencia á persoa responsable, resolverá sobre a posible legalización das obras ou dos usos.
7. No caso de se apreciar que poderían ser legalizables, instarase a persoa responsable para que, no prazo de sete días naturais, solicite a legalización da actuación.
Se a persoa responsable non solicitar a legalización no devandito prazo ou cando a actuación non for legalizable, a administración competente poderá acordar, en resolución motivada, a demolición das obras e a suspensión definitiva dos usos e o restablecemento da realidade física alterada, e requiriralle á persoa responsable que proceda ao seu cumprimento no prazo que se lle conceda, que debe ser proporcional ás circunstancias da actuación que haxa que realizar.
Transcorrido o prazo sen que a persoa responsable atendese o requirimento, a administración competente procederá, sen máis trámites, á execución subsidiaria por conta daquela.».
Dez. A letra a) do número 1 do artigo 61 queda redactada como segue:
«a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións nas zonas de protección da estrada levados a cabo sen as autorizacións requiridas, sen a previa declaración responsable nos casos en que proceda ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.».
Once. A letra a) do número 2 do artigo 61 queda coa seguinte redacción:
«a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos nas zonas de protección da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando, nestes últimos casos, non for posible a súa legalización posterior.».
Doce. A letra b) do número 1 do artigo 63 queda redactada como segue:
«b) No caso de incumprimento das condicións dunha autorización administrativa ou dunha declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, a persoa titular da autorización ou a persoa declarante, respectivamente.».
Trece. O número 1 da disposición adicional primeira queda coa seguinte redacción:
«1. Nas edificacións, instalacións e peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada da estrada e a liña límite de edificación poderán ser autorizadas, ou quedarán suxeitas ao réxime de declaración responsable, de se tratar dos usos previstos no artigo 45 bis, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, e sempre que quede garantida a seguridade viaria na estrada e nos seus accesos e non se produza cambio de uso nin incremento de volume edificado, por encima ou por debaixo da rasante do terreo:
a) Con carácter xeral, as obras de mantemento, conservación e rehabilitación.
b) Excepcionalmente, obras de rehabilitación estrutural, naqueles supostos de interese público ou social así cualificados.».
CAPÍTULO VI
Mar
Artigo 22. Modificación da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 1 do artigo 102 queda redactado como segue:
«1. No prazo que se estableza na convocatoria correspondente, que non poderá ser inferior a quince días hábiles, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude debidamente cuberta segundo o modelo normalizado que figure nas bases e coa documentación que se indique na convocatoria. A documentación que se deberá presentar coa solicitude será a prevista regulamentariamente, sen prexuízo de que adicionalmente Portos de Galicia poida solicitar calquera outro documento ou xustificación que considere necesario para resolver fundadamente sobre a solicitude presentada.
Será de aplicación o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común respecto dos documentos elaborados ou que xa consten en poder das administracións públicas.»
Dous. O número 2 do artigo 137 queda redactado como segue:
«Nos supostos previstos nos artigos 131.n), 132.j) e 133.c), a multa será equivalente, respectivamente, ao quince por cento do valor das obras e instalacións para a infracción leve, ao trinta por cento do valor das obras e instalacións para a infracción grave e ao cincuenta por cento do valor das obras e instalacións para a infracción moi grave.».
Tres. A regra 2ª da letra b) da disposición transitoria sexta queda redactada como segue:
«2ª) Superficie edificable: máximo de 1,5 metros cadrados de superficie construída por cada metro cadrado sobre a superficie en planta da edificación resultante.».
CAPÍTULO VII
Política social
Artigo 23. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O artigo 77 queda coa seguinte redacción:
«1. Son suxeitos responsables das infraccións que tipifica a presente lei as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares ou xestoras dos centros, programas ou servizos sociais que incorran en tales infraccións. Tamén serán responsables as persoas físicas que asuman, naquelas persoas xurídicas ou nos centros, programas ou servizos sociais dependentes delas, as funcións de representación, administración, xerencia ou dirección cando interveñan, coa súa actuación, na comisión da infracción a título de dolo ou culpa.
2. Cando, como consecuencia dun proceso de transformación ou fusión, a persoa xurídica que cometeu a infracción se extinguise e a súa actividade económica a continúe a persoa xurídica resultante do dito proceso, con asunción dos medios materiais e persoais da explotación, esta última responderá da infracción cometida por aquela.
3. Así mesmo, cando unha persoa xurídica suceda á persoa xurídica que cometeu a infracción na realización das actividades económicas no ámbito dos servizos sociais e esta última, aínda que conserve a súa personalidade xurídica, deixe de realizar actividades económicas ou pase a actuar noutros ámbitos ou sectores diferentes dos servizos sociais, aquela responderá das infraccións tipificadas nesta lei cometidas por esta última.
4. No caso de que os feitos imputados puideren ser constitutivos de ilícito penal, poñeranse en coñecemento do ministerio fiscal ou do órgano xudicial competente, e o instrutor ou instrutora suspenderá a tramitación do procedemento sancionador ata que adquira firmeza a resolución que poña fin ao procedemento xudicial. A comunicación ao órgano xudicial ou ao ministerio fiscal ou o inicio de actuacións por parte destes non afecta o cumprimento inmediato das medidas cautelares adoptadas nos casos de risco grave para a seguridade ou a saúde das persoas usuarias.».
Dous. A letra b) do número 2 do artigo 83 queda redactada como segue:
«Inhabilitación para o desenvolvemento das funcións ou actividades en cuxo desenvolvemento se cometeu a infracción, ata un prazo máximo de cinco anos. A inhabilitación poderá referirse ás persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares ou xestoras dos centros, programas ou servizos sociais, e ás persoas físicas que asuman, naquelas persoas xurídicas ou nos centros, programas ou servizos sociais dependentes delas, as funcións de representación, administración, xerencia ou dirección.».
Tres. O artigo 86 queda coa seguinte redacción:
«1. O procedemento sancionador polas infraccións tipificadas nesta lei axustarase ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución dos expedientes sancionadores en materia de servizos sociais será dun ano.».
Catro. Engádese un artigo 88 bis coa seguinte redacción:
«1. Nos casos en que a infracción consista na omisión dalgunha conduta ou actuación exixible legalmente, a sanción irá acompañada dun requirimento en que se detallen tanto as actuacións concretas que debe realizar a persoa infractora para a restitución da situación ás condicións legalmente exixibles, como o prazo de que dispón para iso.
Para o caso de que a persoa infractora non cumprir co requirimento dentro de prazo e na forma procedente, o órgano competente para sancionar poderá acordar a imposición de multas coercitivas segundo o disposto no artigo 103 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. A imposición das multas coercitivas farase por lapsos de tempo non inferiores a un mes. A contía de cada multa será a resultante de multiplicar o 1 % do importe da sanción de multa imposta polos días transcorridos desde a finalización do prazo fixado para cumprir o requirimento sen que este se cumprise.
3. As multas coercitivas son independentes das sancións que corresponda impoñer e compatibles con elas.».
Cinco. O artigo 97 queda redactado como segue:
«1. No caso de infraccións leves e graves a iniciación do procedemento corresponderá á persoa titular da xefatura de servizo competente por razón da materia da xefatura territorial da consellaría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de servizos sociais.
A instrución será realizada polo persoal funcionario da xefatura territorial designado para o efecto, e para a resolución do procedemento será competente a xefa ou o xefe territorial.
2. Nos casos de infraccións moi graves a iniciación do procedemento corresponderá á persoa titular da xefatura de servizo competente por razón da materia dos servizos centrais da Administración autonómica.
A instrución corresponderá ao persoal funcionario designado para o efecto. Instruído o procedemento e logo de audiencia da persoa presuntamente infractora, emitirase unha proposta de resolución que se lle notificará á persoa interesada. A resolución do procedemento corresponderá á persoa titular do órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais.
3. O procedemento sancionador axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.».
Seis. Engádese unha disposición adicional novena coa seguinte redacción:
«Disposición adicional novena. Actuacións para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos/as
1. Nas escolas infantís de 0-3 anos dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, co fin de lograr o obxectivo de interese público, por razóns de impulso demográfico e conciliación, de acadar a gratuidade da atención educativa nelas no caso da matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar, aplicarase para estes unha bonificación do 100 % dos prezos públicos ou contraprestacións pecuniarias que se encontren en vigor en cada momento.
A bonificación do 100 % das cantidades correspondentes á atención educativa no suposto de matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar aplicarase tamén no caso das prazas contratadas pola consellaría competente en materia de servizos sociais en escolas infantís de titularidade privada, polo que a Administración autonómica asumirá, de acordo co réxime previsto no contrato, o pagamento das cantidades que, de ser o caso, correspondan polo indicado concepto á unidade familiar.
Esta medida terá efectos económicos desde o 1 de abril de 2020 ou desde a data anterior que se determine, atendidas as dispoñibilidades orzamentarias, por resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de servizos sociais, publicada no Diario Oficial de Galicia, e aplicarase directamente, sen prexuízo da posterior adaptación da normativa sobre prezos en vigor ao disposto nesta disposición.
2. Co mesmo obxectivo recollido no número anterior, nas escolas infantís de 0-3 anos dependentes das entidades locais que teñan implantado para a atención educativa un sistema de copagamento en contía equivalente á derivada do réxime de prezos establecido pola Xunta de Galicia nas escolas infantís de titularidade autonómica, no caso de que as indicadas entidades optaren voluntariamente polo establecemento e aplicación, a partir da matriculación nelas do segundo fillo ou filla da unidade familiar, estes incluídos, da bonificación do 100 % establecida no número anterior, e así o xustificaren, serán compensadas pola consellaría competente na materia de servizos sociais nesa contía mediante a súa inclusión no sistema de cofinanciamento de servizos sociais.
Caso de as entidades locais teren implantado para a atención educativa un sistema de copagamento en contía superior á derivada do réxime de prezos establecido pola Xunta de Galicia para as escolas infantís de titularidade autonómica, o importe da compensación regulada no parágrafo anterior só poderá alcanzar unha contía equivalente á derivada do aludido réxime de prezos, sempre que aquelas xustifiquen a aplicación da bonificación do 100 % da contía dos prezos públicos ou contraprestacións pecuniarias que se encontren en cada momento en vigor, e será a cargo das entidades locais a contía da bonificación no que exceda da cantidade compensada pola Administración autonómica, debendo consignarse nos orzamentos da entidade local as dotacións oportunas.
Para os efectos do disposto nesta disposición, respecto das entidades locais que opten pola aplicación da bonificación establecida, entenderase que existen razóns de interese público que permiten fixar a contía dos prezos públicos ou contraprestacións pecuniarias por debaixo do límite do custo do servizo.
A medida establecida neste número poderá ter efectos económicos no curso 2020-2021 e ser aplicable directamente, sempre que os órganos competentes das entidades locais acorden o seu establecemento e aplicación, sen prexuízo de que deban proceder á adaptación da súa normativa sobre prezos ou contraprestacións en vigor ao disposto nesta disposición.
Para que sexa aplicable a compensación prevista neste número, as entidades locais deberán acreditar estaren ao corrente no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
3. As bonificacións financeiras e compensacións financeiras establecidas nos números anteriores realizaranse sempre dentro dos créditos dispoñibles en cada exercicio orzamentario.
4. Nas bases reguladoras das subvencións para o mantemento das escolas infantís de 0-3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social que aprobe a consellaría competente en materia de servizos sociais, establecerase como condición para obter o financiamento a necesidade da aplicación de prezos equivalentes aos derivados do réxime de prezos públicos ou contraprestacións pecuniarias que se encontren en vigor en cada momento, así como da aplicación, desde a data que se determine nas bases reguladoras, da bonificación do 100 % das cantidades correspondentes á atención educativa no caso da matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar. Estas entidades serán compensadas de acordo co réxime de financiamento que se dispoña nas indicadas bases reguladoras.
5. A consellaría competente en materia de servizos sociais adoptará medidas tendentes a promover e fomentar que as entidades públicas distintas das recollidas nos números anteriores deste artigo, así como as entidades privadas, que sexan titulares de escolas infantís de 0-3 anos, apliquen para o segundo fillo ou filla da unidade familiar e sucesivos/as unha bonificación do 100 % da contraprestación pecuniaria que teñan establecida pola atención educativa. Entre tales medidas poderá estar a do establecemento de subvencións. Nestes casos será a cargo das entidades a contía da bonificación no que exceda da contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.».
Artigo 24. Modificación do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes
O Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificado como segue:
Un. O apartado I da letra c) do número 3 do artigo 37 queda coa seguinte redacción:
«Deberá indicarse que a persoa solicitante se incorpora a un programa de asignación de recursos, especificando os criterios de preferencia no acceso aos servizos, que deberá de producirse nun prazo non superior a tres meses desde a resolución do PIA. Transcorrido o prazo de tres meses e de non producirse o acceso ao servizo público, a persoa beneficiaria poderá solicitar unha modificación do seu PIA para efectos de obter unha libranza vinculada a un servizo. En tal caso poderá optar por seguir incorporado ao programa, á espera do acceso a un servizo público, ou non.».
Dous. O número 1 do artigo 45 queda redactado como segue:
«1. A asignación de prazas vacantes a persoas incluídas no programa de asignación de recursos en centros do sistema galego de servizos sociais será efectuada polo órgano superior competente en materia de dependencia, que aprobará o correspondente ingreso. Tal asignación deberá efectuarse a favor da persoa que estea mellor situada dentro do programa de asignación de recursos, con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate.
Non obstante o anterior, darase preferencia na asignación de recursos con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate, agás nas situacións de emerxencia social reguladas no artigo 16, ao suposto de persoas cuxa atención se viñese realizando con recursos do sistema educativo e que, por razón de idade, non poidan permanecer no devandito sistema, sendo necesaria unha continuidade na súa atención a través de recursos do sistema de servizos sociais. A orde de prelación destas persoas entre si virá determinada pola aplicación dos criterios xerais previstos no artigo anterior.».
Artigo 25. Modificación do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o artigo 5, que queda coa seguinte redacción:
«1. Os procedementos regulados neste decreto tramitaranse conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados aos procedementos previstos neste decreto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a actualización non supoña unha modificación substancial.
Se algunha das persoas interesadas presentar a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presentar a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal), dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
Para estes efectos, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal), para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. As resolucións ditadas en virtude deste decreto polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais non porán fin á vía administrativa, e contra elas caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.».
Dous. Modifícase o número 4 do artigo 32, que queda coa seguinte redacción:
«4. Os informes técnicos que se emitan durante a tramitación deste procedemento determinarán o cumprimento dos requisitos específicos exixidos pola normativa sectorial aplicable á tipoloxía do centro ou programa de que se trate.».
Artigo 26. Modificación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, queda modificado como segue:
Un. A letra c) do número 2 do artigo 5 queda redactada como segue:
«c) Os servizos de teleasistencia básica e avanzada.».
Dous. O número 2 do artigo 13 queda coa seguinte redacción:
«2. Se a capacidade económica da persoa usuaria é inferior á contía anual establecida pola Lei de orzamentos xerais do Estado para o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), esta non participará nos custos dos servizos de teleasistencia básica e avanzada, dos servizos asistenciais prestados no domicilio da persoa usuaria, nin dos servizos de prevención de situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal.».
Tres. O número 1 do artigo 23 queda redactado como segue:
«1. O sistema de bonificación sobre o custo de referencia do servizo establecido nesta norma será de aplicación aos servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal, agás os servizos de respiro familiar e a modalidade regular do servizo de transporte adaptado e asistido, aos servizos de teleasistencia básica e avanzada e á carteira do servizo de asistente persoal.».
Catro. No anexo I, no apartado III, relativo á codificación da carteira de servizos, a epígrafe 0104 queda coa seguinte redacción:
«0104 Servizos de teleasistencia básica e avanzada.
010401 Teleasistencia básica.
010402 Teleasistencia avanzada»
Cinco. No anexo I, apartado III, relativo á codificación da carteira de servizos, na epígrafe 0106, servizos de atención residencial e nocturna, engádese o seguinte servizo:
«010604 Vivendas comunitarias.».
Seis. No anexo II, a epígrafe 0104 queda redactada como segue:
«0104 Servizos de teleasistencia básica e avanzada.
010401 Teleasistencia básica.
O servizo de teleasistencia básica facilitará asistencia ás persoas beneficiarias de forma ininterrompida, mediante o uso da tecnoloxía da información e da comunicación, con apoio dos medios persoais necesarios, en resposta inmediata ante situacións de emerxencia, inseguridade, soidade e illamento.
Levarase a cabo a través da instalación dun terminal na vivenda da persoa beneficiaria conectado a unha central receptora, coa que se comunica en caso de urxencia mediante a activación dun pulsador.
Este servizo é compatible con todas as prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, excepto co servizo de atención residencial e coa prestación económica vinculada a este servizo.
I) Prestacións de teleasistencia básica.
Os servizos que se prestan no domicilio serán os seguintes:
a) Instalación e mantemento dos terminais de teleasistencia domiciliaria.
b) Información sobre os equipamentos, proporcionada ás persoas usuarias segundo a modalidade pola que mostren preferencia: escrita en formato impreso lexible, dispoñible en braille e escrita en formato electrónico accesible.
c) Información sobre recursos sociais.
d) Información permanente desde o centro de atención ás persoas usuarias e persoas coidadoras que o demanden e sobre actividades de interese para elas.
e) Atención as 24 horas do día os 365 días do ano.
f) Atención directa dando resposta adecuada á necesidade ou mobilizando outros recursos humanos ou materiais propios da persoa usuaria ou existentes na localidade onde resida.
g) Entrega de chaves que queden en custodia por parte da entidade ou por parte de, polo menos, unha persoa do ámbito sociofamiliar máis próximo, salvo as persoas usuarias que non a faciliten.
h) Emisión de comunicacións para o seguimento da persoa usuaria desde o centro de atención e comunicacións de cortesía (felicitación de aniversarios, en situacións de convalecencia, etc.).
i) Emisión de comunicacións de control de ausencia domiciliaria das persoas usuarias.
j) Atención persoal por iniciativa da entidade prestadora do servizo ou por petición das persoas usuarias ou persoas coidadoras, que cubrirá, como mínimo, funcións como axenda personalizada, resolución de dúbidas e intervención psicosocial:
1. Axenda personalizada, con comunicacións establecidas polo propio servizo de teleasistencia para lembrar datos importantes sobre a saúde (tratamentos crónicos, consulta médica), xestións sociais, campañas, ou calquera outro.
2. Resolución de cuestións e dúbidas que lles poidan xurdir á persoa usuaria, á persoa coidadora e aos familiares das persoas usuarias nun teléfono específico e de chamada gratuíta.
3. Intervención psicosocial telefónica, de ser o caso, con apoio emocional.
4. Unidade móbil, de ser o caso, entendida como o conxunto de medios humanos e materiais que complementan os servizos prestados desde o centro de atención, coa intervención presencial, para prestar apoio persoal ou actividades de mantemento dos terminais.
II) Tecnoloxía asociada aos servizos de teleasistencia básica
a) Dispositivos domiciliarios que posibiliten a recepción e emisión de comunicacións, coas súas correspondentes unidades de control remoto.
b) Un centro de atención á persoa usuaria.
c) Tanto os dispositivos domiciliarios como a tecnoloxía (hardware e software) utilizada pola persoa usuaria co centro de atención deben ser accesibles, co fin de garantir a correcta prestación do servizo, tendo en conta a diversidade que pode darse entre as persoas usuarias en canto ás súas capacidades e limitacións. Entre estas encóntranse as relacionadas co funcionamento cognitivo e a comunicación, a visión e audición, a mobilidade e o manexo dos dispositivos.
d) A tecnoloxía asociada aos servizos de teleasistencia debe posibilitar diversas modalidades de comunicación, non restrinxidas unicamente á emisión-recepción de mensaxes faladas. Entre as modalidades de comunicación que, a través da tecnoloxía adecuada, son posibles, encóntranse a comunicación vía texto, a comunicación aumentativa e alternativa (con uso de pictogramas ou imaxes) e a lingua de signos a través de vídeo-comunicación.
e) O terminal domiciliario debe ter pulsadores ou botóns diferenciables entre si polas súas características de cor, tamaño, texto, relevo, símbolo ou forma en función das necesidades da persoa usuaria.
f) O terminal debe poder ser activado mediante un produto de apoio adecuado para as persoas usuarias que, debido a limitacións de mobilidade de membros superiores, o necesiten.
010402 Teleasistencia avanzada.
A teleasistencia avanzada é aquela que inclúe, ademais dos servizos de teleasistencia básica de que a persoa usuaria precise, apoios tecnolóxicos complementarios dentro ou fóra do domicilio, ou en ambos os casos, así como a interconexión cos servizos de información e cos profesionais de referencia nos sistemas sanitario e social, desenvolvendo procesos e protocolos de actuación en función da situación de necesidade de atención detectada.
O servizo de teleasistencia avanzada só poderá ser asignado como prestación única a persoas que teñan recoñecido un grao I de dependencia moderada. Non obstante, no caso de revisión de grao, cando se lles recoñeza o grao II ou III, poderase dar continuidade ao servizo, como un servizo complementario das prestacións destes graos, en función da avaliación do equipo de valoración técnica, que será a que determine a adecuación do devandito servizo, en función de requisitos físicos e psíquicos necesarios para o seu uso.
O servizo de teleasistencia avanzada é compatible con todas as prestacións do Sistema de autonomía e atención á dependencia, agás a atención residencial, ou unha prestación vinculada a esta.
I) Prestacións de teleasistencia avanzada.
Ademais de incluír os servizos de teleasistencia básica, o servizo de teleasistencia avanzada deberá proporcionar un contacto directo e habitual coa persoa usuaria e facilitarlles ás persoas usuarias a prestación, como mínimo, de dous dos servizos que se relacionan a seguir:
a) Servizos no domicilio:
1. Supervisión remota que poida interpretar información con configuración personalizada por cada persoa usuaria mediante a detección do patrón de actividade e xeración de alertas e procesos de atención en función da situación detectada, que permita identificar o nivel de urxencia e o tipo de atención que cumpra prestar e que non estea comprendido no suposto de supervisión remota fóra do domicilio.
2. Detección de situacións de risco ou emerxencia por incidencias no domicilio (escapes de gas, de auga, de lume e outras).
3. Detección de alteracións nos hábitos ou rutinas e de incidencias relativas á actividade da persoa usuaria no domicilio (por exemplo, caídas). A detección destas incidencias pode alertar sobre unha situación que requira atención.
a) Servizos fóra do domicilio:
1. Supervisión remota e detección de situacións de risco ou emerxencia que permita identificar o nivel de urxencia e o tipo de atención que cumpra prestar e que non estea comprendido no suposto de supervisión remota no domicilio.
2. Teleasistencia móbil con xeolocalización.
a) Servizos de colaboración cos servizos sanitarios.
Nun marco de colaboración entre os servizos de saúde e os servizos sociais, considéranse como servizos de teleasistencia avanzada os seguintes:
1. Xestión de citas médicas nos sistemas de atención. Axenda.
2. Integración entre as plataformas de teleasistencia e dos sistemas de saúde e sociais públicos.
3. Definición de procesos e protocolos de información, derivación e actuación en función da situación da persoa, en coordinación cos servizos públicos.
4. Telediagnóstico e teleconsulta sanitaria e social.
5. Tele-estimulación cognitiva, tele-rehabilitación física e funcional.
d) Programas de atención integral.
Poderanse incluír como programas no servizo de teleasistencia avanzada a atención e o seguimento das persoas en situación de dependencia a través dos distintos servizos específicos en materia de prevención, promoción, apoio á persoa coidadora ou actuacións especiais que se desenvolvan no territorio, como por exemplo:
1. Programa de atención psicosocial.
2. Programa de promoción do envellecemento activo e saudable.
3. Programas de prevención e detección da deterioración cognitiva.
4. Programas de telemonitorización de persoas con enfermidades crónicas.
5. Programa de teleasistencia como apoio á persoa coidadora.
6. Protocolos especiais:
a) Atención en situacións de dó.
b) Prevención do maltrato.
c) Prevención do suicidio.
d) Atención en situacións de continxencia e grandes catástrofes.
f) Outros.
II) Tecnoloxía asociada aos servizos de teleasistencia avanzada como apoios complementarios.
Os prestadores de servizos de teleasistencia avanzada porán á disposición da persoa usuaria os dispositivos tecnolóxicos necesarios para a súa efectividade e para a atención das necesidades da persoa usuaria. Estes deberán cumprir as seguintes funcións:
a) Detección de caídas, escapes de gas, de auga, lume, convulsións, enurese e outras.
b) Localización e alertas na zona, por exemplo a través de wearables ou dispositivos de pulseira que teñan en conta estas funcións principais, entre outras.
c) Atención deslocalizada a través de dispositivos móbiles con posibilidade de emisión e recepción de comunicacións. Entre as posibles modalidades para a emisión e recepción de mensaxes está a videocomunicación.
d) Dispositivos adaptados para a recepción de mensaxes e eventos, axenda persoal ou compartida coa persoa coidadora, comunicación de incidencias, ou envío de pictogramas e mensaxes preestablecidos, como por exemplo smartphone ou tableta.
e) Aplicacións móbiles de teleasistencia (app) para xestionar e/ou solicitar os servizos considerados.
f) Outros dispositivos e solucións tecnolóxicas que poidan facilitar os servizos descritos nos apartados anteriores.
III) Características establecidas para a asignación desta prestación.
Este servizo considérase adecuado para, entre outras, as persoas que teñan algunha das características que a seguir se relacionan:
a) Persoas que requiren apoios con seguridade e independencia no seu fogar como complemento a outros servizos.
b) Persoas en risco de soidade, illamento ou perigo.
c) Persoas en risco de accidente ou perda de conciencia.
d) Persoas con dificultades na mobilidade.
e) Persoas con diabetes, hipertensión, bronquite ou asma.
f) Persoas con limitacións temporais.
g) Persoas en situación de demencias leves ou con inicios e sinais de esquecementos.
h) Persoas con incontinencia.
i) Persoas con necesidades de mellora ou rehabilitación física, cognitiva e/ou funcional.
j) Persoas que poden incorrer en riscos para a súa saúde fóra do ámbito domiciliario.
Participación no financiamento.
Para calcular a participación dos usuarios no financiamento do custo dos servizos de teleasistencia básica e avanzada aplicarase a seguinte táboa, na que se expresa a porcentaxe de participación, en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica, referenciada ao IPREM da persoa usuaria:
Capacidade económica (referenciada ao IPREM)
Ata % participación dos usuarios no custo do servizo
< 100 % 0,00 % 150 % 50,00 % >150 % 90,00 %
Sete. No anexo II, na epígrafe 0106, servizo de atención residencial e atención nocturna, engádese un parágrafo segundo coa seguinte redacción:
«Ás persoas cunha situación de dependencia en grao I para as cales, pola súa situación sociofamiliar, o recurso idóneo sexa o de atención residencial e así se acredite no seu expediente, proporcionaráselles, no marco da lexislación estatal de atención á dependencia, a atención nun centro de día, en tanto que o tempo non cuberto pola atención diúrna lles será proporcionada, desde o nivel adicional de protección da Comunidade Autónoma, por centros autorizados e inscritos no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Xunta de Galicia.».
Oito. No anexo II, na epígrafe 0106, engádese o seguinte servizo:
«010604 Vivendas comunitarias.
I) Prestacións.
Formarán parte deste servizo as seguintes prestacións:
A) Área de información, valoración, seguimento e orientación.
Información e orientación á persoa usuaria.
B) Área de formación básica e instrumental.
Apoio na realización de actividades da vida diaria.
C) Área de servizos xerais.
Aloxamento.
Manutención e dietas especiais.
Limpeza e mantemento.
Xestión e administración.
Supervisión e vixilancia.
Lavandaría/xestión da roupa.
Servizo de telefonía.
II) Participación no financiamento.
A participación no financiamento deste servizo efectuarase en función da capacidade económica e do custo do servizo, de acordo co establecido no artigo 24 deste decreto, e calcularase de acordo coa seguinte táboa:
% IPREM % capacidade económica
Ata Grao I
75,00 % 50,00 %
82,50 % 50,67 %
90,75 % 51,33 %
99,83 % 52,00 %
109,81 % 52,67 %
120,79 % 53,33 %
132,87 % 54,00 %
146,15 % 54,67 %
160,77 % 55,33 %
176,85 % 56,00 %
194,53 % 56,67 %
213,98 % 57,33 %
235,38 % 58,00 %
258,92 % 58,67 %
284,81 % 59,33 %
>284,81 % 60,00 %
Artigo 27. Modificación da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia
A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 3 do artigo 33 queda coa seguinte redacción:
«3. En todo caso, garantirase que a suma da Risga e do salario percibido non sexa inferior á Risga que xa se viña percibindo e que o importe do tramo de transición ao emprego sexa, como mínimo, do 25 % do IPREM.».
Dous. O número 6 do artigo 37 queda redactado como segue:
«6. Unha vez resolta a concesión do tramo persoal e familiar, cando exista a valoración inicial positiva dos servizos sociais comunitarios sobre a posible incorporación ao tramo de inserción e a elaboración dun convenio de inclusión sociolaboral, a que se refire o artigo 24.1, no prazo máximo dun mes o órgano da Administración autonómica que ditou a resolución facilitará ao Servizo Público de Emprego de Galicia o acceso á información que precise, para que, en contacto coa persoa interesada, se proceda á elaboración do diagnóstico de empregabilidade e á preparación e sinatura dun convenio de inclusión sociolaboral que posibilite a súa posterior incorporación ao tramo de inserción. En todo caso, a resolución que determine o acceso a este tramo será ditada con posterioridade á sinatura do convenio de inclusión sociolaboral.».
Tres. O número 1 do artigo 66 queda redactado como segue:
«1. De acordo co establecido no artigo 3 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, para a incorporación dunha persoa en situación de exclusión social a unha empresa de inserción esta deberá elaborar e aplicar, e a persoa contratada aceptar, un itinerario de inserción sociolaboral en función dos criterios que establezan os servizos sociais públicos competentes e os servizos públicos de emprego de acordo coas propias empresas de inserción.
As empresas de inserción poderán, así mesmo, aplicar os itinerarios e procesos de inserción das persoas traballadoras que, se é o caso, sexan proporcionados polos servizos públicos de emprego ou deseñados polos equipos técnicos de inclusión sociolaboral.».
Artigo 28. Modificación do Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social
O Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social, queda modificado como segue:
Un. O número 1 do artigo 28 queda coa seguinte redacción:
«1. Para poder acceder ao tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, a persoa que sexa titular da prestación deberá reunir os requisitos xerais de acceso á renda de inclusión social conforme este decreto, así como as condicións para incorporarse a un itinerario de formación-emprego segundo o informe dos servizos sociais e o diagnóstico de empregabilidade. Será necesario, con carácter previo á resolución de acceso ao tramo, ditada polo órgano competente da Administración autonómica de ámbito provincial, subscribir un convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade, que deberá reunir os requisitos e características expresados neste decreto, e do cal se entregará unha copia á persoa beneficiaria.».
Dous. O número 4 do artigo 39 queda coa seguinte redacción:
«4. En todo caso, garantirase que a suma da Risga e do salario percibido non sexa inferior á Risga que xa se viña percibindo e que o importe do tramo de transición ao emprego sexa, como mínimo, do 25 % do IPREM.».
CAPÍTULO VIII
Economía e emprego
Artigo 29. Modificación da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia
A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 1 do artigo 34 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, queda coa seguinte redacción:
«1. A asemblea xeral será convocada sempre mediante un anuncio exposto publicamente no domicilio social da cooperativa e en cada un dos demais centros en que desenvolva a súa actividade. Ademais, a convocatoria será notificada ás persoas socias, ben por carta ao seu domicilio ou ben a través de medios electrónicos, se así o establecen os estatutos ou a persoa socia manifesta a súa preferencia pola notificación practicada por medios electrónicos. Os estatutos poderán establecer, ademais, outras formas de publicidade para facilitar o seu coñecemento por todas as persoas socias.
A convocatoria farase pública cunha antelación mínima de quince días no suposto de asemblea ordinaria e dez días no de asemblea extraordinaria, e cun máximo de dous meses respecto da data da realización da asemblea xeral.».
Dous. A letra d) do número 1 do artigo 110 queda redactada como segue:
«d) O persoal traballador contratado en virtude de calquera disposición de fomento do emprego de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social.».
Artigo 30. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia
O número 1 do artigo 31 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, queda redactado como segue:
«1. No caso dun establecemento comercial de carácter individual, a autorización comercial autonómica será solicitada pola persoa promotora ou pola persoa que vaia desenvolver efectivamente a actividade comercial.».
Artigo 31. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, queda modificada como segue:
Un. O número 6 do artigo 32 queda coa seguinte redacción:
«6. As empresas deben actuar dilixentemente para encontrar unha solución satisfactoria ás reclamacións presentadas. Para estes efectos, a resposta que por parte das empresas se lle dea ao consumidor, ademais de ter que realizarse no prazo establecido para iso e unha vez presentada a reclamación, deberá, en todo caso, realizarse en papel ou noutro soporte duradeiro e dar contestación a todas as cuestións expostas polo consumidor, así como incorporar unha motivación precisa e completa respecto delas no caso de non acceder ás pretensións do consumidor, sen que caiban contestacións xenéricas.
Ademais do anterior, as empresas deberán cumprir cos requisitos de información establecidos pola normativa que resulte de aplicación e, en especial, as exixidas na Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo.».
Dous. Engádese un número 9 no artigo 32 coa seguinte redacción.
«9. A acreditación do cumprimento das obrigas establecidas neste artigo incumbirá a empresa.».
Tres. Engádese un número 42 no artigo 82 coa seguinte redacción:
«42. O incumprimento por parte das empresas das obrigas de información previstas no artigo 40 da Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo, sen prexuízo da existencia doutras posibles infraccións, en especial en materia de información ao consumidor, que veñan establecidas na normativa que resulte de aplicación.».
Artigo 32. Modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia
A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O artigo 11 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 11. Contido mínimo do Plan galego de investigación e innovación
1. O Plan galego de investigación e innovación establecerá, de acordo coas circunstancias de cada momento, os diferentes programas, eixos prioritarios, retos ou outro tipo de organización arredor dos cales se estruturarán os procesos de investigación, transferencia, valorización e innovación que se desenvolverán na Comunidade Autónoma de Galicia no período de tempo definido no propio plan e segundo os requirimentos evolutivos específicos do momento da súa elaboración.
2. O Plan galego de investigación e innovación incluirá, como mínimo:
a) Unha análise da situación de partida dos principais aspectos e indicadores relacionados coa investigación e a innovación no contexto galego.
b) Unha descrición dos obxectivos xerais e particulares que se pretenden alcanzar e os seus indicadores de seguimento e avaliación de resultados.
c) Os axentes, entre os que se encontran as universidades, os organismos públicos de investigación e outros organismos da I+D+i, como os centros tecnolóxicos ou as empresas.
d) Os mecanismos e criterios de articulación do plan coas políticas sectoriais, autonómicas, nacionais e comunitarias, para lograr a eficiencia no sistema e evitar redundancias e carencias.
e) Os custos previsibles para a súa realización e as fontes de financiamento.
f) O período temporal de vixencia.».
Dous. O artigo 12 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 12. Estrutura básica do Plan galego de investigación e innovación
1. Atendendo á rapidez intrínseca dos cambios no ámbito da investigación e da innovación, o Plan galego de investigación e innovación contará cunha estrutura acorde cos obxectivos e contidos definidos neste capítulo e, en todo caso, coas achegas realizadas polas distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas competencias específicas que estas teñan asignadas na materia.
2. A estrutura do Plan poderá articularse a través de programas, eixos prioritarios, retos ou outro tipo de organización que permita a súa concordancia e sincronización con outros instrumentos, plans ou estratexias de planificación da I+D+i de ámbito autonómico, nacional ou comunitario. No caso destes instrumentos autonómicos da I+D+i, de ser posible, establecerase un único documento que, ademais de constituír o Plan galego de investigación e innovación, responda simultaneamente ás diferentes necesidades de planificación.».
Tres. O artigo 13 queda redactado como segue:
«Artigo 13. Programas, eixes prioritarios, retos ou outro tipo de organización do Plan galego de investigación e innovación
1. As distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as distintas entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de innovación e investigación contribuirán á elaboración dos programas, eixes prioritarios, retos ou outro tipo de organización do plan, cada unha delas en función das competencias que lle resulten propias. Así mesmo, o Comité Asesor de Investigación e Innovación descrito no artigo 20 poderá realizar recomendacións en relación cos programas, eixes prioritarios, retos ou outro tipo de organización do Plan.
2. Terán preferencia para a súa inclusión nos programas, eixes prioritarios, retos ou outro tipo de organización do Plan aquelas accións que fomenten e desenvolvan o coñecemento científico e técnico naqueles ámbitos temáticos identificados como prioritarios para Galicia, así como as dirixidas a explotar as súas potencialidades innovadoras, a transferencia e a valorización dos resultados.».
Catro. O artigo 14 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 14. Misión e visión do Plan galego de investigación e innovación
1. O Plan galego de investigación e innovación constituirá o marco de referencia para articular as actuacións do sector público autonómico en materia de investigación e innovación e fixará as actuacións rexionais, que incluirán a análise e as medidas relativas á modernización do contorno financeiro, ao desenvolvemento dos mercados innovadores, á sociedade, á internacionalización das actividades innovadoras e á cooperación territorial como base fundamental da innovación.
2. Deseñaranse instrumentos que faciliten o acceso dos axentes do sistema de innovación ao financiamento da súa actividade e dos proxectos de investigación e innovación, mediante a promoción de liñas específicas para estes efectos e fomentando o investimento privado.
3. Impulsarase a contratación pública de actividades innovadoras, coa finalidade de aliñar a oferta tecnolóxica privada coas necesidades públicas.
4. Apoiarase a participación de entidades galegas en programas europeos e internacionais e impulsaranse instrumentos conxuntos no ámbito da Unión Europea para protexer a propiedade industrial e intelectual.
5. Fomentarase a sinatura de convenios de colaboración, cooperación e xestión compartida coa Administración xeral do Estado para o desenvolvemento dos obxectivos do Plan galego de investigación e innovación, nos cales se establecerá o desenvolvemento dos programas, eixos prioritarios, retos ou outro tipo de organización do Plan.
6. Desenvolveranse programas de incorporación ás empresas de doutores e tecnólogos e de xestores da transferencia do coñecemento ligados aos grupos de investigación, dedicados a protexer e transferir a propiedade industrial e intelectual xerada pola investigación da excelencia.
7. A Axencia Galega de Innovación promoverá un proceso participativo para a obtención de información e a redacción do plan. Neste senso, estableceranse os mecanismos necesarios para a achega de propostas e suxestións e a obtención de consensos das grandes liñas de actuación entre o conxunto dos axentes afectados e a Axencia Galega de Innovación.».
CAPÍTULO IX
Cultura e turismo
Artigo 33. Modificación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia
A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A letra k) do artigo 4 queda coa seguinte redacción:
«k) A promoción e sinalización dos Camiños de Santiago, así como a súa conservación e mantemento en colaboración con outras administracións públicas.
Os actos relacionados coa sinalización, así como coa conservación e o mantemento da traza dos Camiños de Santiago, que promova a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia estarán suxeitos a control municipal por medio de comunicación previa. En todos os casos será necesaria a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, contando co informe vinculante previo da entidade pública instrumental con competencias en turismo.».
Dous. Modifícase o artigo 65 bis, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 65 bis. Vivendas de uso turístico
1. Terán a consideración de vivendas de uso turístico as cedidas a terceiras persoas cunha finalidade turística. Para estes efectos, entenderase que existe finalidade turística cando a cesión se realice de maneira reiterada e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración. Constitúen estadías de curta duración aquelas en que a cesión de uso é inferior a trinta días consecutivos. Considerarase cesión reiterada cando a vivenda se ceda dúas ou máis veces dentro do período dun ano.
2. A comercialización das vivendas de uso turístico previstas no número 1 deberá consistir na cesión temporal do uso e desfrute da totalidade da vivenda, sen que se poidan formalizar contratos por cuartos nin coincidir dentro da vivenda persoas usuarias que formalicen diferentes contratos. Ademais, as vivendas deberán estar amobladas e equipadas en condicións de dispoñibilidade inmediata e coas características establecidas por vía regulamentaria.
As vivendas de uso turístico poderán ser comercializadas, ademais de polas empresas turísticas reguladas no artigo 33.1, polos seus propietarios ou pola persoa física ou xurídica que os represente. Neste último suposto, e sen prexuízo da consideración da vivenda como aloxamento turístico, non se aplicará o disposto no artigo 33.2.
3. As persoas propietarias e/ou comercializadoras quedarán obrigadas fronte á Administración turística ao cumprimento das obrigas impostas na presente lei e nas normas que a desenvolven, e responderán de maneira solidaria fronte a aquela, incluída a obriga de subscribir e manter vixentes os seguros de responsabilidade civil para estas vivendas.
Así mesmo, as empresas turísticas ou as persoas propietarias que comercialicen as vivendas de uso turístico deberán proporcionar, cunha periodicidade trimestral, á entidade pública instrumental competente en materia de turismo os datos de ocupación das vivendas de uso turístico.
4. As vivendas de uso turístico requiren da correspondente declaración previa de inicio de actividade ante a Administración turística.
5. En toda publicidade ou actuación de promoción que se realice, por calquera medio ou canle, deberá figurar o código de inscrición correspondente no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de non dispoñer del, o código acreditativo da presentación da declaración responsable que facilite a Administración.
6. As cesións temporais do uso e desfrute de vivendas que non cumpran os requisitos establecidos no número 1 deste artigo non terán a consideración de servizos ou actividades turísticas, de acordo co establecido no número 2 do artigo 21 desta lei, polo que quedan fóra do seu ámbito de aplicación.
De acordo con iso, en garantía e protección dos dereitos das usuarias e usuarios turísticos, estas cesións non poderán promocionarse, comercializarse nin publicitarse en canles de oferta turística ou por calquera outro modo de comercialización, promoción ou publicidade como servizos ou actividades turísticas ou de tal forma que creen confusión con estes servizos ou actividades. Para estes efectos, entenderase que se crea confusión cando se utilicen canles de oferta turística sen advertencia expresa de que o aloxamento non ten a consideración dun servizo ou actividade turística nin, por tanto, está regulado pola normativa sectorial en materia de turismo nin amparado pola Administración turística.
A contravención da prohibición prevista neste número será subsumible na infracción tipificada no artigo 110.15.».
Artigo 34. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
A letra c) do número 3 do artigo 78 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, queda redactada como segue:
«c) A publicidade ou os carteis en tramos non urbanos que excedan a finalidade meramente indicativa para a localización de servizos ou establecementos, o que terá que ser expresamente autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, contando co informe vinculante previo da entidade pública instrumental con competencias en turismo. En tramos urbanos, a súa regulación corresponde ao respectivo concello.».
CAPÍTULO X
Educación
Artigo 35. Garantía da continuidade da prestación dos servizos de transporte escolar que se liciten no exercicio 2020
1. A consellaría competente en materia de educación licitará ao longo do ano 2020 os servizos de transporte escolar respecto dos cales, de acordo co establecido no número tres do artigo 72 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, manteña as súas funcións como órgano de contratación, e que, de acordo co artigo 2 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, finalicen o 31 de decembro do ano 2020.
2. Nestas licitacións, a consellaría fomentará a concorrencia da pequena e mediana empresa mediante a definición de unidades de licitación adecuadas.
3. Tendo en conta o número dos contratos existentes, a complexidade da prestación e as eventuais necesidades derivadas da reorganización e optimización dos servizos, nos pregos que rexan as licitacións preveranse as medidas oportunas e os prazos necesarios para garantir que non existan dificultades ou interrupcións na transición dos anteriores contratos aos novos que poidan repercutir na calidade da atención educativa e na continuidade do servizo público.
Neste sentido, tendo en conta as razóns de interese público expresadas, de conformidade co establecido na lexislación de contratos do sector público, cando ao venceren os contratos existentes non estea formalizado o novo contrato que garanta a continuidade da prestación, como consecuencia de incidencias resultantes de acontecementos imprevisibles para o órgano de contratación producidas no procedemento de adxudicación, os contratos existentes continuarán a súa execución ata que o novo contratista se encontre en condicións de comezar a execución do novo contrato nas condicións establecidas nesta disposición.
3. A prolongación por razóns de interese público dos contratos indicada será obrigatoria para os contratistas existentes e producirase, sen modificar as restantes condicións dos contratos, por un período máximo de nove meses. Para estes efectos, será necesario que o anuncio de licitación do novo contrato se publique, de acordo coa lexislación de contratos do sector público, cunha antelación mínima de tres meses respecto da data de finalización do contrato orixinario.
4. En particular, para decidir o momento concreto de transición entre os contratos existentes e os novos e a duración do período de prórroga, dentro do período máximo de 9 meses expresado, escolleranse os períodos de menor afectación ao servizo público educativo e á comunidade educativa, procurando deste modo que a transición se efectúe en momentos coincidentes con períodos non lectivos ou ao remate do curso escolar.
Artigo 36. Modificación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia
Engádese un número 4 ao artigo 115 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, coa seguinte redacción:
«4. Se na data de finalización da vixencia dun plan de financiamento non estiver aprobado un novo plan, prorrogarase a vixencia daquel ata a aprobación e o comezo de efectos do novo plan, sempre que así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias da Administración autonómica.».
CAPÍTULO XI
Sanidade
Artigo 37. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádese un novo parágrafo no número 5 do artigo 125, co seguinte contido:
«A consellaría competente en materia de sanidade adoptará as medidas necesarias para cumprir co mandato da normativa estatal de disposición do Sistema público sanitario de Galicia para a súa utilización na docencia especializada dos profesionais. Entre tales medidas, poderá incluír a relativa a que en cada centro docente acreditado existan postos para cuxa cobertura se requira a correspondente acreditación como titor de formación sanitaria especializada, sen prexuízo da posibilidade de que calquera profesional dos citados centros poida acceder ás funcións de titoría de acordo coa normativa aplicable.».
Dous. Engádese unha disposición adicional única co seguinte contido:
«Disposición adicional única. Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia
1. A consellaría competente en materia de sanidade porá en marcha un Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia que dea cobertura a todos os centros que o compoñen, coa finalidade de aproveitar as sinerxías en investigación clínica e facilitar e fomentar a incorporación de terapias innovadoras en fases temperás de desenvolvemento.
2. Na implantación deste sistema adoptaranse todas as medidas tecnolóxicas, organizativas e de seguridade que sexan necesarias para garantir o cumprimento da lexislación sectorial específica e sobre protección de datos, así como para mellorar a coordinación das actuacións desenvolvidas na xestión das actividades de investigación e proporcionar maior valor aos seus resultados.
Dentro destas medidas, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde promoverá o traballo en rede que facilite a xestión dos distintos tipos de estudos de investigación e a colaboración e a coordinación entre os distintos centros, entidades e servizos sanitarios. Para iso, aprobará modelos de contratos para a realización dos ensaios clínicos e recomendacións e instrucións para a realización dos devanditos estudos de investigación no Sistema Público de Saúde de Galicia.
3. A consellaría competente en materia de sanidade, como responsable do tratamento dos datos dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia, incluirá no rexistro de actividades de tratamento efectuadas baixo a súa responsabilidade a información sobre os tratamentos de datos con fins de investigación en saúde e, en particular, con fins de investigación biomédica, conforme o previsto no artigo 30 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE. Así mesmo, aprobará modelos de contrato de encargado de tratamento de datos para a súa utilización dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia.
A consellaría competente en materia de sanidade incluirá no alcance da súa análise e xestión dos riscos do tratamento de datos os estudos de investigación con datos de saúde realizados dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia e realizará unha avaliación de impacto relativa á protección dos datos que abarque todos os anteditos estudos de investigación.
Así mesmo, calquera estudo de investigación con datos de saúde que se realice no Sistema Público de Saúde de Galicia requirirá a valoración previa por parte da consellaría competente en materia de sanidade, como responsable do tratamento, sobre a existencia de base lexítima para o tratamento.
4. Coa finalidade de mellorar a calidade e adecuación dos datos xerados nas actividades de investigación e axilizar a participación do Sistema Público de Saúde de Galicia na investigación, desenvolvemento e innovación en medicamentos, dispositivos ou outras tecnoloxías obxecto da investigación, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde poderá impulsar a realización de diálogos temperáns, de acordo coa normativa aplicable e co obxectivo de proporcionar un asesoramento científico prospectivo e oportuno antes do inicio dos ensaios clínicos.
5. A consellaría competente en materia de sanidade creará un rexistro autonómico de xestión dos consentimentos recollidos na disposición adicional décimo sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Neste rexistro recolleranse de xeito coherente e unificado os ditos consentimentos, garantindo o máximo respecto aos dereitos recoñecidos no tratamento de datos relativos ás persoas físicas no marco dos proxectos de investigación en saúde.
Este rexistro estará conectado co Sistema integrado de Información da Investigación Clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia e coa Historia Clínica Electrónica.».
Artigo 38. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
Modifícase a táboa (i) Bacteriolóxicos do anexo II da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:
(i) Bacteriolóxicos.
Parámetros Unidade Valor Observacións
Escherichia coli ufc/100 ml 100 90 % mostras
Enterococos intestinais ufc/100 ml 100 90 % mostras
CAPÍTULO XII
Protección civil
Artigo 39. Modificación da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia
Engádese unha disposición adicional sétima á Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sétima. Procedemento excepcional de acreditación do nivel básico de coñecementos
As persoas que na data do 1 de xaneiro de 2020 non teñan acreditada a realización do curso de formación básica previsto no artigo 46.3 e estean formando parte dunha agrupación de voluntarios de protección civil ou estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro da Sección de Rexistro de Voluntarios de Protección Civil, regulado nos artigos 59 e seguintes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, poderán acreditar o nivel básico de coñecementos mediante a xustificación da posesión dos coñecementos e da formación necesarios que lles permitan o correcto desenvolvemento das actividades dentro da agrupación de protección civil a que pertenzan.
Por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil regularase o procedemento que se seguirá para a aplicación desta disposición.».
CAPÍTULO XIII
Deporte
Artigo 40. Modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia
A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A letra b) do número 1 do artigo 5 queda redactada nos seguintes termos:
«b) Formular a política deportiva autonómica, definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis, así como planificar e organizar o sistema deportivo de Galicia.
Así mesmo, formular políticas transversais de fomento da actividade física mediante a planificación estratéxica e a colaboración e coordinación da información e das actuacións desenvolvidas nos ámbitos competenciais con incidencia nos hábitos de vida saudable, incluíndo o establecemento de mecanismos que permitan facer un seguimento da condición física da poboación en xeral.».
Dous. O número 5 do artigo 51 queda redactado como segue:
«5. Excepto no ámbito dos deportes autóctonos da Comunidade Autónoma, en que se poderán agrupar diferentes modalidades deportivas nunha única federación, só se poderá recoñecer unha federación deportiva por cada modalidade deportiva. Así mesmo, as especialidades deportivas só poderán estar adscritas a unha federación.».
Tres. A letra h) do número 4 do artigo 56 queda coa seguinte redacción:
«h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte.».
Catro. Suprímense as letras h) e k) do número 2 do artigo 130.
Cinco. A letra j) do número 2 do artigo 130 queda redactada como segue:
«j) Cando o exercicio da potestade sancionadora sexa competencia autonómica, instruír e resolver os expedientes sancionadores aos deportistas e demais titulares de licenzas deportivas conforme as regras e normas do réxime sancionador en materia de dopaxe establecido na Lei orgánica 3/2013, do 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e loita contra a dopaxe na actividade deportiva, ou normativa que a substitúa. Contra as resolucións que dite nestes expedientes a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe poderase recorrer ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Estarán lexitimadas as persoas físicas ou xurídicas afectadas pola resolución ditada, os prexudicados pola decisión, a federación deportiva galega interesada e a Administración deportiva autonómica, sen prexuízo doutras posibles persoas interesadas.».
Seis. Suprímense os artigos 134 a 146.
CAPÍTULO XIV
Procedemento e organización administrativos
Artigo 41. Modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público
A letra d) do artigo 8 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, queda modificada como segue:
«d) Os previstos con tal carácter na normativa en materia de contratos do sector público, incluíndo tanto os informes preceptivos previstos con carácter básico como todos aqueles supostos en que se estableza como preceptivo o informe dos servizos xurídicos do Estado.
En todo caso e sempre que unha norma legal autonómica non dispoña outra cosa, o persoal da escala de letrados da Xunta de Galicia emitirá informe con carácter preceptivo sobre os pregos de cláusulas administrativas particulares ou, se for o caso, sobre os documentos descritivos, os modelos de pregos así como as propostas de interpretación, modificación e resolución contractual. Tamén emitirá informe con carácter preceptivo sobre os encargos a medios propios cando o seu importe sexa igual ou superior a 40.000 € no caso de encargos que teñan por obxecto prestacións típicas do contrato de obras ou cando o seu importe sexa igual ou superior a 15.000 € no resto dos casos.».
Artigo 42. Modificación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia
Engádese unha disposición adicional sexta na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sexta. Actualización dos modelos normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación de procedementos, para a súa utilización en papel ou en formato electrónico, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente, en particular, co obxecto de adaptalos ao establecido nesta lei. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia».
Disposición adicional única. Planificación do número de autorizacións de instalación de salóns de xogo, salas de bingo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia
1. Tendo en conta as razóns imperiosas de interese xeral consistentes na especial protección da saúde e a seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, a garantía da orde pública e impedir a fraude na actividade do xogo, a planificación do número de autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas prevista no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de maio de 2019, sobre planificación das autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, feito público por Resolución do 16 de maio de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia número 94, de 20 de maio de 2019, así como as previsións contidas nos artigos 1 a 3 e na disposición transitoria única do Decreto 72/2019, do 4 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de planificación de autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, manterán a súa vixencia ata a entrada en vigor da nova lei reguladora dos xogos de Galicia.
2. Polas mesmas razóns imperiosas de interese xeral indicadas no número anterior, planifícase tamén o número de autorizacións de instalación de salas de bingo e limítase a un máximo de 12 ata a entrada en vigor da nova lei reguladora dos xogos de Galicia.
Como consecuencia do anterior, nos procedementos de outorgamento de autorización de instalación de salas de bingo será causa de desestimación da solicitude a superación do número máximo indicado.
O réxime previsto neste número será de aplicación ás solicitudes de autorización de instalación de salas de bingo que estean en tramitación na data de entrada en vigor desta lei.
Disposición transitoria primeira. Aplicación do novo réxime de tributación na modalidade de carga contaminante
1. O novo réxime de tributación na modalidade de carga contaminante aplicarase aos consumos e verteduras efectuados a partir da entrada en vigor da presente lei.
2. Con tal fin, naqueles supostos de suxeitos pasivos que no momento da entrada en vigor desta lei estean a tributar no canon da auga ou no coeficiente de vertedura na modalidade de carga contaminante, Augas de Galicia procederá a ditar unha nova resolución de determinación do canon da auga ou do coeficiente de vertedura na modalidade de carga contaminante conforme o novo réxime con mantemento das concentracións contaminantes vertidas tomadas como base na resolución vixente.
3. En canto non se dite a resolución indicada no número anterior, Augas de Galicia e, de ser o caso, as entidades subministradoras da auga, continuarán a aplicar o tipo de gravame previsto na resolución vixente.
4. Unha vez ditada a resolución a que fai referencia o número 2, Augas de Galicia procederá a regularizar os importes repercutidos ou liquidados.
Disposición transitoria segunda. Aplicación do réxime de vixencia da declaración de impacto ambiental
O réxime de vixencia da declaración de impacto ambiental contido no novo artigo 9 bis da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, será de aplicación ás declaracións de impacto ambiental de competencia autonómica que se publiquen no Diario Oficial de Galicia con posterioridade á entrada en vigor da presente lei, así como a aquelas publicadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, cuxos efectos non tivesen cesado antes da entrada en vigor da presente lei.
Disposición transitoria terceira. Aplicación do réxime de vixencia da declaración de impacto ambiental no marco dos procesos de reestruturación parcelaria
O réxime de vixencia da declaración de impacto ambiental contido na nova disposición adicional quinta da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, será de aplicación ás declaracións de impacto ambiental dos proxectos de concentración parcelaria no marco dos procesos de reestruturación parcelaria que se publiquen no Diario Oficial de Galicia con posterioridade á entrada en vigor da presente lei, así como a aquelas publicadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, cuxos efectos non tivesen cesado antes da entrada en vigor da presente lei.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogados:
a) O Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea.
b) O Decreto 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Quedan derrogadas, así mesmo, as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta.
Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias
As previsións do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, do Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, e do Decreto 92/2019, do 11 de xullo, que son obxecto de modificación pola presente lei poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran.
Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2020.
Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.