Medidas Covid-19 GALICIA

ORDE do 10 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.


Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, e do 17, do 23 e do 30 de xullo, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.
Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade do 12, 15, 25, 27 e 28 de agosto, e do 9 de setembro de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.
Logo do acordo do Consello Interterritorial de Saúde adoptado o día 14 de agosto, foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, o mesmo día, como actuacións coordinadas en saúde pública para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, unha serie de medidas e recomendacións dirixidas ao control da transmisión nos eidos que actualmente son a orixe dos gromos epidémicos de maior impacto e risco e para controlar a transmisión comunitaria.
Polo que se refire á medida relativa ao lecer nocturno, a Orde comunicada do Ministerio de Sanidade, do 14 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública para responder ante a situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, indica que «os locais de lecer con horario maioritariamente nocturno (bares de copas, discotecas e salas de baile), constitúen actualmente a orixe dos gromos epidémicos con maior número de casos asociados» e continúa indicando que «neste sentido, a propia natureza da actividade que se desenvolve no interior destes locais dificulta enormemente a implementación práctica doutras medidas como o distanciamento interpersoal».
En cumprimento da Orde comunicada do Ministerio de Sanidade, a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, acordouse o peche destes locais.
Non obstante, entendendo que nas medidas de prevención actualmente vixentes se establecen tamén unha serie de requisitos e limitacións para toda a actividade de hostalaría e restauración e, especialmente, un réxime de utilización das terrazas no exterior onde se recollen limitacións de capacidade, distancia interpersoal e de control das aglomeracións de persoas, considérase que medidas asimilables poderían ser tamén aplicables aos locais afectados pola medida de peche, cando dispoñan de alternativas de uso no exterior. Neste sentido, pode considerarse que as dúas maiores preocupacións que motivaban a referida Orde comunicada do Ministerio de Sanidade, o horario da actividade e que esta se poida desenvolver no interior dos locais, poderían evitarse cunha actividade exclusivamente en espazos exteriores e cun horario limitado, sempre nas mesmas condicións que os locais de hostalaría e restauración.
En atención ao exposto, escoitado o Comité Clínico de Expertos, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade
O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:
Un. O número 3.34 do anexo queda redactado como segue:
«3.34. Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno.
1. Entenderase por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido nestas medidas, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.
2. Estes establecementos poderán manter abertas ao público exclusivamente as terrazas ao aire libre, para consumo e servizo sentado en mesa, nas condicións que se indican a continuación.
As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán a súa capacidade ao setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.
Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.
Non estará permitida a instalación de barras para consumo ou servizo nelas a clientes da terraza.
En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.
3. Os establecementos deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.
4. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.
Segundo. Aplicación desta orde nos concellos e ámbitos territoriais en que se adoptasen medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19
As disposicións do punto primeiro serán tamén de aplicación nos concellos e ámbitos territoriais en que, no momento en que produza efectos esta orde, se adoptasen por orde da Consellería de Sanidade medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 máis restritivas que as xerais establecidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Terceiro. Eficacia
Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.