Medidas contra Covid-19 GALICIA
ORDE do 25 de agosto de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, e do 17, do 24 e do 30 de xullo, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.
Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade, do 12 e do 15 de agosto de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.
A evolución da situación sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia puxo de manifesto a necesidade de introducir unha modificación puntual no anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia para establecer determinadas medidas de prevención no caso de espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, rexidas pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
En efecto, cómpre ter en conta que, pola súa propia natureza, estes espectáculos públicos e actividades recreativas supoñen actividades nas cales se poden producir aglomeracións de persoas e ambientes de lecer e entretemento proclives á relaxación das medidas de prevención.
Estas actividades encóntranse reguladas, fundamentalmente, pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que prevé que os establecementos ou espazos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas sometidas a esta lei deberán reunir as condicións de seguridade, salubridade e hixiene apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, atendendo, como mínimo, á normativa reguladora destes aspectos.
Deste modo, resulta claro que no desenvolvemento destas actividades deberán cumprirse en particular as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do COVID-19, medidas que resultan de obrigado cumprimento tanto para as persoas titulares dos establecementos ou organizadoras das actividades como para os clientes e o público asistente.
A Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos, no ámbito das súas respectivas competencias, establecidas nos artigos 4 e 5 da Lei 10/2017, deben velar polo cumprimento da lexislación reguladora dos espectáculos públicos e actividades recreativas, dispoñendo, para ese efecto, de determinadas facultades, como son as de inspección e control, e, en particular, as de prohibición, suspensión, clausura e adopción das medidas provisionais previas á incoación dos expedientes sancionadores, de medidas cautelares e de imposición de sancións polas infraccións tipificadas na lei.
Para estes efectos, de acordo coa Lei 10/2017, poderán realizar inspeccións os membros dos corpos e forzas de seguridade e o persoal funcionario dos órganos e unidades administrativas con competencia en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sen prexuízo das que poida realizar o persoal funcionario doutros órganos e unidades administrativas no exercicio das súas competencias.
Co obxecto de facilitar o labor das forzas e corpos de seguridade no seu labor esencial para a saúde pública de inspección e control destas actividades, precísase nesta orde que, para os efectos do artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, se entenderá que existe un risco grave ou perigo inminente para as persoas naqueles casos en que se desenvolvan espectáculos públicos e actividades recreativas en que se incumpran de forma grave as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar o COVID-19, dada a súa condición de enfermidade transmisible e o risco grave e inmediato que representa para a saúde. Deste modo, no suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables da celebración dos espectáculos públicos e, no caso de que este non for atendido, as medidas de suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precinto dos establecementos abertos ao público, así como aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e os bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.
Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, no caso de que os axentes adopten as medidas indicadas, deberán proceder á súa comunicación inmediata ao órgano competente de acordo co artigo 28 da lei para adoptar as medidas provisionais previas pertinentes, que deberá confirmalas, modificalas ou levantalas no prazo de corenta e oito horas desde a indicada comunicación. Todo isto sen prexuízo da posterior adopción de medidas provisionais de acordo coa lei e a eventual iniciación do correspondente procedemento sancionador.
Adicionalmente, co mesmo obxecto de facilitar o labor das forzas e corpos de seguridade, procede aclarar aqueles incumprimentos de medidas de prevención que a autoridade sanitaria considera que son aptos e suficientes para entender que concorre un perigo grave e inminente para as persoas, sen prexuízo doutros posibles supostos.
Por último, precísase que, con suxeición ao establecido no artigo 37.2.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o persoal ao servizo da Administración sanitaria que actúe no exercicio da función de inspección, nos mesmos supostos de perigo grave e inminente para a saúde, poderá adoptar de maneira motivada a medida de suspensión temporal das actividades ou outras, que se consideren necesarias e proporcionadas, co fin de evitar prexuízos para a saúde.
A modificación operada no acordo ten o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
En atención ao exposto, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade
Engádese un número 2.13 no anexo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, coa seguinte redacción:
«2.13. Medidas de prevención no caso de espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, rexidas pola Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
1. De acordo co artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, os establecementos ou espazos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas sometidas a esa lei deberán reunir as condicións de seguridade, salubridade e hixiene apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, atendendo, como mínimo, á normativa reguladora destes aspectos.
2. En particular, de acordo co establecido na lei, o/a titular de establecementos ou espazos abertos ao público e os/as organizadores/as de espectáculos públicos ou actividades recreativas teñen a obrigación de adoptar as medidas de seguridade, hixiene e salubridade establecidas con carácter xeral, mantendo en todo momento os establecementos abertos ao público en adecuado estado de funcionamento, así como responder dos danos e perdas que se poidan producir como consecuencia da organización e desenvolvemento do espectáculo ou actividade.
Así mesmo, o público asistente ten a obrigación de cumprir os requisitos e as condicións de seguridade, así como a de evitar accións que poidan xerar situacións de perigo ou incomodidade para o público ou para o persoal técnico ao servizo do establecemento ou espazo aberto ao público.
3. De conformidade co establecido no artigo 24 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos, no ámbito das súas respectivas competencias, establecidas nos artigos 4 e 5 da lei, velarán polo cumprimento da lexislación reguladora dos espectáculos públicos e actividades recreativas e disporán, para ese efecto, das facultades seguintes:
a) Inspección dos establecementos abertos ao público.
b) Control da celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas.
c) Prohibición, suspensión, clausura e adopción das medidas provisionais previas á incoación do expediente sancionador que se consideren necesarias.
d) Adopción das oportunas medidas cautelares e sanción das infraccións tipificadas na lei.
Para estes efectos, poderán realizar inspeccións os membros dos corpos e forzas de seguridade e o persoal funcionario dos órganos e unidades administrativas con competencia en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sen prexuízo das que poida realizar o persoal funcionario doutros órganos e unidades administrativas no exercicio das súas competencias.
4. Para os efectos do artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, entenderase que existe un risco grave ou perigo inminente para as persoas naqueles casos en que se desenvolvan espectáculos públicos e actividades recreativas en que se incumpran de forma grave as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar o COVID-19, dada a súa condición de enfermidade transmisible e o risco grave e inmediato que representa para a saúde.
5. De acordo co indicado no número anterior, no suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables da celebración dos espectáculos públicos e no caso de que este non for atendido, as seguintes medidas:
a) A suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precinto dos establecementos abertos ao público.
b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e os bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.
6. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, no caso de que os axentes adopten as medidas indicadas no punto anterior, deberán proceder á súa comunicación inmediata ao órgano competente de acordo co artigo 28 da lei para adoptar as medidas provisionais previas pertinentes, que deberá confirmalas, modificalas ou levantalas no prazo de corenta e oito horas desde a indicada comunicación. O incumprimento do dito prazo comporta automaticamente o levantamento das medidas inmediatas adoptadas.
Se o órgano indicado no número anterior ratifica as medidas adoptadas, o réxime de confirmación, modificación ou levantamento posterior rexerase polo que dispón o artigo 27.4.
7. En particular, para os efectos do establecido no número 4, entenderase que concorre un perigo grave e inminente para as persoas nos casos de incumprimento das seguintes medidas de prevención:
a) Incumprimento xeneralizado no establecemento ou actividade das distancias de seguridade interpersoal, xa sexa por unha deficiente organización dos espazos ou polo incumprimento da organización existente.
b) Incumprimento da obrigación do uso adecuado de máscaras por parte do persoal, clientes ou público asistente, cando non sexa meramente singular, puntual ou episódico.
c) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19.
d) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de traballadores ou público asistente sometidos a obrigas de illamento ou corentena.
e) Incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección.
f) Incumprimento das medidas relativas á capacidade máxima dos establecementos ou espazos.
g) Existencia de aglomeracións de persoas no interior ou no exterior dos establecementos ou espazos en que se desenvolvan os espectáculos públicos ou actividades recreativas.
h) Incumprimento das medidas relativas a agrupacións máximas de persoas nas mesas ou agrupacións de mesas nos locais de hostalaría ou restauración.
i) Incumprimento nas instalacións deportivas das medidas relativas ás agrupacións máximas de persoas e contacto físico.
8. Así mesmo, con suxeición ao establecido no artigo 37.2.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o persoal ao servizo da Administración sanitaria que actúe no exercicio da función de inspección, nos mesmos casos expresados no número anterior, poderá adoptar de maneira motivada a medida de suspensión temporal das actividades ou outras, que se consideren necesarias e proporcionadas, co fin de evitar prexuízos para a saúde».
Segundo. Eficacia
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020
Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!