Lei dos xogos de GALICIA

,

LEI 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
></a

Exposición de motivos

I

Conforme o artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, coa exclusión das apostas mutuas deportivo-benéficas. En virtude do Real decreto 228/1985, do 6 de febreiro, traspasáronse as funcións e os servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de casinos, xogos e apostas.

No exercicio da competencia autonómica citada, ditouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Partindo do feito de considerar o xogo como unha realidade social lícita por supoñer unha manifestación máis do principio de liberdade individual recollido na Constitución española de 1978, ao longo destes anos mostrouse como un sector máis da actividade económica, cun marcado carácter dinámico e activo, influído en gran medida pola innovación tecnolóxica, en especial nos últimos anos, e cunha elevada transcendencia para a Comunidade Autónoma galega tanto desde o punto de vista económico e tributario como social.

Precisamente e coa finalidade de dar resposta a moitos dos cambios substanciais na concepción tradicional do xogo, tiveron lugar as correspondentes modificacións legais e aprobáronse tamén os regulamentos de desenvolvemento dos distintos tipos de xogos. Malia o anterior, e tendo en conta a antigüidade da Lei 14/1985, do 23 de outubro, non se considera suficiente efectuar novas modificacións, senón que resulta necesario elaborar un novo marco xurídico mediante a aprobación dunha nova lei que, con visión de conxunto e criterio de unidade, recolla no seu articulado as directrices básicas ás que deben axustarse a planificación e a ordenación do xogo, para que, tendo en conta as características e peculiaridades propias, permita a formación dunha política axeitada ás circunstancias sociais, económicas e administrativas da nosa Comunidade e, en definitiva, se adapte ás novas realidades sociais existentes no sector dos xogos de azar.

II

De conformidade co artigo 5.1 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, as autoridades competentes que no exercicio das súas respectivas competencias establezan límites ao acceso a unha actividade económica ou ao seu exercicio de conformidade co previsto no artigo 17 da dita lei ou exixan o cumprimento de requisitos para o desenvolvemento dunha actividade motivarán a súa necesidade na salvagarda dalgunha razón imperiosa de interese xeral de entre as comprendidas no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Así mesmo, de acordo co artigo 5.2 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, calquera límite ou requisito establecido conforme o número 1 do mesmo artigo deberá ser proporcionado á razón imperiosa de interese xeral invocada e deberá ser tal que non exista outro medio menos restritivo ou distorsionador para a actividade económica.

Entre os conceptos definidos como razóns de interese xeral no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, están comprendidos a orde pública, a saúde pública, a protección dos dereitos e mais a seguridade e a saúde das persoas consumidoras e das destinatarias de servizos, así como a loita contra a fraude. Algúns destes conceptos están tamén recollidos no artigo 17 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, entre os que poden xustificar a exixencia dunha autorización administrativa.

A actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha regulación por parte da Administración que estableza mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas usuarias dos xogos, garantan a protección das persoas menores de idade e daquelas persoas que o precisen por motivos de saúde e permitan velar pola orde pública e polo desenvolvemento regular dos xogos, evitando a fraude.

Nesta liña, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten admitido que as consecuencias prexudiciais que para as persoas consumidoras e para a sociedade no seu conxunto comporta a actividade do xogo xustifica a imposición de límites e de exixencias co fin de controlar os riscos e de acadar os obxectivos fundamentais de prevención da incitación ao gasto excesivo en xogo e de loita contra a adicción ao xogo e contra a fraude.

A especial protección da saúde e seguridade das persoas usuarias dos xogos, a garantía da orde pública e impedir a fraude na actividade do xogo son, así, razóns imperiosas de interese xeral que xustifican o establecemento das limitacións e dos requisitos en materia de xogo previstos nesta lei, os cales gardan a necesaria proporcionalidade ao seren necesarios para a salvagarda de tales razóns de interese xeral. Entre estas limitacións atópanse o réxime de autorización administrativa previa para o acceso e o exercicio de actividades económicas que se prevé nesta lei, para os casos nos que o control a posteriori non garante a necesaria protección, así como a planificación e a fixación dun límite ao número de establecementos de xogo e de terminais de xogo que se poden instalar no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, as indicadas razóns de interese xeral xustifican tamén os efectos desestimatorios que, con carácter xeral, ten o silencio administrativo nos procedementos iniciados por solicitude de persoa interesada que se regulan nesta lei.

En particular, respecto da planificación de establecementos de xogo, cómpre salientar que nos últimos anos se detectou un incremento considerable nas solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas, que pasaron de 54 salóns de xogo en 2013 a 118 salóns en 2020 e de 20 tendas de apostas existentes en 2013 a 41 en 2020, o que, unido á preocupación social existente e ao aumento dos problemas de adicción aos xogos practicados nestes establecementos, xustifica a necesidade de proceder a realizar unha planificación que limite o número deste tipo de establecementos de xogo e tamén dos casinos e das salas de bingo que se vaian instalar na Comunidade Autónoma, fixando, logo da avaliación da oferta de xogo e das razóns de interese xeral implicadas, un número máximo que permita conseguir os obxectivos invocados de protección da saúde e da seguridade das persoas usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude na actividade do xogo, a través dunha oferta cuantitativamente moderada. Na actualidade constan en Galicia 40 tendas de apostas, 2 casinos e 1 sala adicional, 11 bingos e 115 salóns de xogo. A fixación dun límite a este tipo de establecementos tomando como base a planificación realizada polo Decreto 72/2019, do 4 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de planificación de autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, en consonancia co establecido na disposición adicional única da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, cumpre o obxectivo de protección da saúde e seguridade das persoas usuarias e ao mesmo tempo mantén unha oferta real de xogo. En aplicación destes principios recollidos tanto no Tratado de funcionamento da Unión Europea como na Constitución española, esta norma establece un máximo de 4 casinos e 4 salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, fixando unha duración de quince anos para todas as autorizacións, tanto as existentes como as futuras, e fixando un sistema de concurso público para poder acceder ás novas autorizacións de instalación.

A duración de quince anos para as autorizacións de establecementos de xogo motívase na necesidade de amortizar os investimentos necesarios para poñer en funcionamento este tipo de locais, tendo en conta o elevado custo das máquinas recreativas e as continuas adaptacións que deben ter lugar por mor do tipo de mercado cambiante e continuamente necesitado de actualización.

Outra das restricións aos axentes de xogo vén recollida no artigo 4.5, no que se prohibe conceder préstamos ou calquera outra modalidade de crédito ás persoas usuarias dos xogos e conceder bonificacións, partidas gratuítas ou elementos que poidan trocar por diñeiro ás persoas usuarias dos xogos. Tamén se prohibe, aos axentes de xogo, en relación cos xogos autorizados, a permisión do pagamento aprazado aos usuarios dos xogos. Esta prohibición vén xustificada pola necesidade de limitar o uso non responsable do xogo, que pode verse favorecido por unha excesiva facilidade na obtención de crédito dentro do propio establecemento de xogo. Está demostrado que a falta de crédito para xogar e, polo tanto, a interrupción do xogo permite unha maior concienciación e responsabilidade no xogador e impide comportamentos obsesivos que poderían derivar en danos para a saúde.

Tamén recolle o texto legal a posibilidade de que os concellos poidan establecer, de forma proporcionada e xustificada, outros límites, requisitos ou características adicionais para a apertura de establecementos previstos neste artigo, baseándose nas súas competencias de organización, dirección e control da ocupación e utilización do solo e para velar pola protección do contorno urbano e a calidade de vida e a cohesión social da poboación a través do planeamento urbanístico e das súas ordenanzas. Esta posibilidade xa está recollida no artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, para todo tipo de establecementos aos que resulta aplicable a dita lei e entre os que se atopan os establecementos de xogo. Polo tanto, entra dentro das competencias municipais a fixación de prohibicións, limitacións ou restricións destinadas a evitar a excesiva concentración de establecementos de xogo e garantir a súa coexistencia con outras actividades humanas ou sociais. En todo caso, as ditas restricións deben ser motivadas e xustificadas e respectar a liberdade empresarial e a libre competencia.

Enténdese necesario introducir na Lei reguladora dos xogos en Galicia políticas de prevención dirixidas a planificar e limitar o xogo das máquinas comecartos e das máquinas de apostas, que é o que se considera máis adictivo. A iso van dirixidas, en primeiro lugar, as medidas de limitación de establecementos de xogo, fixando no texto legal un número máximo de casinos, salas de bingo, salóns de xogo e tendas de apostas que se poden instalar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os establecementos de restauración e de ocio e entretemento son, polas súas características, locais de fácil acceso para os menores de idade e precisan controis moito máis efectivos que os existentes nos establecementos específicos de xogo. Para evitar confusión entre ambos os tipos de establecementos e para centralizar a actividade de xogo nuns espazos concretos, é polo que se xustifican as medidas restritivas ao número de máquinas que se poden instalar nos ditos establecementos de restauración e de ocio e entretemento e se establecen tamén limitacións específicas para impedir o xogo dos menores. A fixación dun número máximo de 2 máquinas de xogo de calquera dos tipos permitidos nestes establecementos de restauración e de ocio e entretemento vén motivada por manter esa necesaria diferenciación entre os propios e específicos establecementos de xogo e o resto de establecementos en que, de xeito totalmente accesorio, se permite a instalación dun número limitado de máquinas de xogo.

A situación actual de oferta de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de máquinas recreativas como de máquinas de apostas, considérase excesiva a teor da demanda existente. Tomando en consideración os datos actuais, a 31 de decembro de 2020, constan autorizadas 3.600 máquinas de apostas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento. Malia o anterior, unicamente están efectivamente instaladas a esa data un total de 2.978 máquinas de apostas. Polo que respecta ás máquinas AE e B, a 31 de decembro de 2020, constan autorizadas un total de 184 e 13.312 respectivamente. Pese a iso, unicamente están efectivamente instaladas, a 31 de decembro de 2020, un total de 14 máquinas tipo AE e 7.921 máquinas tipo B en establecementos de restauración e de ocio e entretemento. Por iso, atendendo a eses datos, a oferta de xogo excede a demanda existente, polo que se considera xustificado e axeitado fixar un límite ao número de autorizacións de máquinas, para os efectos de axustar a oferta de xogo á demanda realmente existente, sen que iso menoscabe, en ningún caso, a libre competencia entre empresas operadoras de máquinas recreativas e empresas comercializadoras e explotadoras de máquinas de apostas.

As características intrínsecas do xogo demandan, así mesmo, actuacións específicas de prevención e protección, con especial atención aos colectivos máis vulnerables. A maioría da poboación poderá xogar sen problemas ao longo da súa vida; non obstante, unha porcentaxe dela desenvolverá problemas relacionados co seu patrón de xogo. De entre toda a poboación é preciso sinalar que hai varios colectivos potencialmente vulnerables aos que cómpre protexer especialmente. Trátase das persoas menores de idade, as persoas con problemas de adicción ao xogo ou en situación de risco de desenvolvelos, as persoas que teñan reducidas as súas capacidades intelectuais e/ou volitivas e as persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas, segundo o establecido na Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

Coa única finalidade de protexer este tipo de colectivos vulnerables, é polo que se establece nesta lei a prohibición de todo tipo de publicidade dos xogos de competencia autonómica na Radio e na Televisión de Galicia. Trátase dun medio de comunicación público, que non se financia de xeito exclusivo cos ingresos que poidan proceder da publicidade, polo que non pode considerarse, para estes efectos, que se vulnere a libre competencia en relación coa ausencia de prohibición nos medios de comunicación de carácter privado.

As administracións públicas deben articular as medidas necesarias que permitan que a poboación galega xogue sen problema e á súa vez que os colectivos vulnerables reduzan a probabilidade de desenvolver un problema ou recaer nel. Baseándose no anterior, cómpre habilitar as administracións coas ferramentas lexislativas que permitan promover na poboación patróns de xogo baseados en eleccións informadas que se manteñan dentro duns límites de tempo e diñeiro investidos alcanzables, en equilibrio coas demais actividades da vida diaria e que non xeren problemas asociados.

Baseándose en todo iso, a norma establece que as distintas consellarías colaborarán e promoverán políticas de prevención, desenvolvendo actividades de prevención da ludopatía dirixidas á poboación en xeral e adoptando medidas tendentes a desincentivar os hábitos e as condutas patolóxicas relacionadas co xogo, con especial atención aos sectores sociais máis vulnerables.

III

O texto consta dun título preliminar e seis títulos, cincuenta e seis artigos, tres disposicións adicionais, oito disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e sete disposicións derradeiras.

O título preliminar, «Disposicións xerais» (artigos 1 a 16), inclúe as disposicións xerais relativas ao obxecto, o ámbito de aplicación, os principios reitores das actuacións en materia de xogo, as políticas de xogo responsable e seguro, o réxime de publicidade, promoción, patrocinio e comunicación comercial, o Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia, o dereito de admisión, o control de acceso, o réxime de prohibicións, os xogos permitidos e os xogos prohibidos. Especifica tamén os dereitos e as obrigas das persoas usuarias dos xogos e os dereitos e as obrigas das empresas de xogos, así como o réxime de intervención administrativa en materia de xogo, os rexistros en materia de xogo e a homologación do material de xogo.

En relación co ámbito de aplicación, procede salientar a distinción de tres niveis de aplicación da norma. Así, no artigo 2 diferénciase entre o xogo ao que a lei é aplicable plenamente (xogo de ámbito autonómico); aquelas actividades excluídas totalmente do ámbito de aplicación da lei, fundamentalmente por non responder á definición de xogo para os efectos da lei ou por non tratarse de xogo de competencia autonómica, como é o caso do xogo reservado conforme a Lei 13/2001, do 27 de maio, de regulación do xogo; e, por último, as actividades de xogo de ámbito estatal non reservadas, respecto das cales se prevé o sometemento á autorización autonómica en termos respectuosos coa normativa estatal.

O título I, «Órganos e competencias» (artigos 17 a 20), regula as competencias do Consello da Xunta de Galicia, da persoa titular da consellaría competente en materia de xogo e do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo e mais o funcionamento e a composición da Comisión de Xogo de Galicia.

O título II, «Tipos de xogos» (artigos 21 a 28), especifica e define os xogos propios de casinos, o xogo do bingo, os xogos con máquinas recreativas ou de azar, o xogo da rifa, o xogo da tómbola, o xogo de lotarías e boletos e o xogo de apostas. Así mesmo, inclúe a clasificación de máquinas recreativas ou de azar, as máquinas de apostas e as súas modificacións.

O título III, «Locais habilitados para a práctica dos xogos» (artigos 29 a 38), regula os locais habilitados para a práctica dos xogos e distingue os establecementos de xogo, que son os casinos, as salas de bingo, os salóns de xogo e as tendas de apostas, dos espazos de apostas doutros locais habilitados para a práctica do xogo, como os establecementos de restauración e de ocio e entretemento. Así mesmo, recolle as modificacións dos ditos establecementos de xogo e dos espazos de apostas. Será nos locais previstos neste título III onde poderán practicarse os xogos de competencia autonómica permitidos, así como nos que poderán instalarse terminais de xogo de ámbito estatal non reservados, nos termos previstos para cada un deles no dito título. Neste título regúlanse tamén as limitación á instalación de terminais físicos de xogo.

O título IV, «Empresas de xogo» (artigos 39 a 41), regula os requisitos xerais das empresas de xogo e o réxime das fianzas, así como as modificacións das autorizacións de inscrición.

O título V, «Inspección e réxime sancionador» (artigos 42 a 55), regula o réxime de inspección e sancionador ao establecer as regras xerais, a tipificación das distintas infraccións, as persoas responsables, a prescrición e a caducidade, as sancións administrativas e a súa graduación, a competencia para o exercicio da potestade sancionadora, o procedemento sancionador e as medidas provisionais.

O título VI, «Réxime fiscal» (artigo 56), refírese ao réxime fiscal en materia de xogo.

A disposición adicional primeira regula a presentación de solicitudes e comunicacións polos suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración.

A disposición adicional segunda regula a tramitación administrativa electrónica.

A disposición adicional terceira regula o réxime de consentimentos e autorizacións.

A disposición transitoria primeira prevé un prazo de tres anos para que as empresas de xogo adapten as máquinas recreativas, de azar e de apostas e os establecementos ao disposto nesta lei.

A disposición transitoria segunda vai dirixida a manter a vixencia dos regulamentos de xogo existentes á entrada en vigor desta lei en todo o que non resulte contraditorio co disposto nesta.

A disposición transitoria terceira establece o réxime transitorio aplicable á publicidade e a promoción en materia de xogo.

A disposición transitoria cuarta establece o réxime transitorio aplicable ás autorizacións concedidas de acordo coa normativa anterior.

A disposición transitoria quinta fixa o réxime transitorio en materia de distancias que hai que aplicar á instalación de establecementos de xogo.

A disposición transitoria sexta especifica o réxime transitorio aplicable á Comisión de Xogo de Galicia.

A disposición transitoria sétima establece o réxime transitorio aplicable ás autorizacións das máquinas auxiliares de apostas e de máquinas de xogo tipo B non instaladas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento.

A disposición transitoria oitava fixa o réxime transitorio aplicable aos expedientes en tramitación.

Así mesmo, o texto consta dunha única disposición derrogatoria, pola que se derrogan as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei e, expresamente, a Lei 14/1985, do 23 de outubro, así como determinados preceptos de normas regulamentarias de desenvolvemento da dita lei.

A disposición derradeira primeira modifica tres artigos do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, referidos aos requisitos xerais das máquinas recreativas de tipo B e de tipo B especial. As razóns que xustifican a modificación destes artigos a través desta norma atópanse na necesidade de adaptar a homologación das máquinas recreativas de tipo B e de tipo B especial aos principios e criterios recollidos neste texto legal, pois, de se facer a modificación a través de vía regulamentaria, retardaríase a efectividade dos ditos criterios e principios en prexuízo do interese xeral que preside o espírito da norma.

A disposición derradeira segunda modifica un artigo do Regulamento de apostas de Galicia, en cumprimento do disposto no informe da Comisión Galega da Competencia.

A disposición derradeira terceira fixa o réxime de modificación das disposicións regulamentarias.

A disposición derradeira cuarta establece a habilitación para o desenvolvemento regulamentario.

A disposición derradeira quinta modifica a Lei de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, para establecer a posibilidade de inscrición gratuíta no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.

A disposición derradeira sexta modifica o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, para adaptalo á normativa reguladora dos xogos de Galicia.

A disposición derradeira sétima indica que esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta a materia regulada, deuse cumprimento ao trámite de notificación previsto na Directiva (UE) 2015/1535 do Parlamento Europeo e do Consello do 9 de setembro de 2015 pola que se establece un procedemento de información en materia de regulamentacións técnicas e de regras relativas aos servizos da sociedade de información e no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, polo que se regula a remisión de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información. Tamén se solicitaron os informes preceptivos da Comisión de Xogo de Galicia, ao recoller o texto medidas de planificación en materia de xogo, e da Comisión Galega da Competencia, por ter efectos sobre a competencia efectiva nos mercados, e mais o ditame do Consello Económico e Social, por afectar materias socioeconómicas directamente vinculadas ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei reguladora dos xogos de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

  1. Esta lei ten por obxecto a regulación do xogo, nas súas distintas modalidades e denominacións, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de garantir a protección da orde pública, a loita contra a fraude, a prevención de condutas adictivas, a protección dos dereitos das persoas menores de idade e a salvagarda dos dereitos das persoas usuarias dos xogos.
  2. Para os efectos desta lei, enténdese por xogo calquera actividade, incluídas as apostas, mediante a que se arrisquen cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables, en función dun resultado futuro e incerto, independentemente da incidencia que no xogo teña o grao de destreza ou habilidade das persoas usuarias, ou que sexa exclusivamente de sorte, envite ou azar, e tanto se se realiza por medios presenciais como por canles electrónicas, informáticas, telemáticas, interactivas ou de comunicación a distancia. Quedan incluídas nesta definición as actividades indicadas aínda que se realicen de forma esporádica ou ocasional.
  3. Para os efectos desta lei, enténdese por xogo presencial aquel que unicamente pode ser realizado pola persoa usuaria do xogo a través da súa presenza nos establecementos de xogo e locais habilitados para a práctica dos xogos nos que se autorice a súa organización e celebración, de acordo co disposto nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento.
  4. Considérase xogo non presencial, a través de medios electrónicos, informáticos, telemáticos, interactivos ou de comunicación a distancia, a organización e a explotación de calquera dos xogos incluídos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia cando se practiquen por estas canles e no ámbito exclusivamente da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario, e nos que a persoa usuaria dos xogos poida practicalos sen necesidade de acceder a ningún dos establecementos e locais referidos no número anterior.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Inclúense no ámbito de aplicación desta lei:
  2. a) A totalidade dos xogos incluídos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. b) As persoas físicas e xurídicas que, de calquera modo, interveñan na xestión, explotación e práctica dos xogos aos que se refire a letra a), así como as dedicadas á fabricación, comercialización, distribución, instalación e mantemento do material relacionado cos ditos xogos.
  4. c) Os locais e os establecementos onde se leven a cabo os xogos aos que se refire a letra a).
  5. d) As persoas que, na súa condición de titulares dos locais e establecementos regulados nesta lei, permitan o desenvolvemento dos xogos aos que se refire a letra a).
  6. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:
  7. a) As competicións de puro pasatempo ou recreo constitutivas dos usos sociais de carácter tradicional, familiar ou amigable, sempre que non sexan obxecto de explotación lucrativa polas persoas participantes ou por terceiras persoas e sen que en ningún caso interveña diñeiro ou premios susceptibles de valoración económica.
  8. b) O xogo do bingo organizado polas residencias da terceira idade e centros de día ou polas asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas e sempre que se reúnan todos os seguintes requisitos:

1º. Que as sesións realizadas polas residencias da terceira idade e centros de día ou polas asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas non superen en ningún caso o límite de catro sesións nun mes.

2º. Que as cantidades xogadas e os premios outorgados non superen os 300 euros por sesión.

3º. Que o xogo se desenvolva a través de medios manuais ou mecánicos sen que en ningún caso interveñan aplicacións informáticas ou programas de software.

4º. Que durante o desenvolvemento da sesión, en ningún caso, se atopen presentes na sala menores de idade.

5º. Que teñan lugar na propia residencia da terceira idade ou centro de día ou no local que figure como domicilio da correspondente asociación.

A asociación ou o responsable da residencia da terceira idade ou centro de día correspondente deberá presentar, cada vez que pretenda organizar un xogo de bingo nos termos expostos, unha comunicación ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo para os efectos de poder controlar o cumprimento dos anteriores requisitos.

  1. c) As rifas e as tómbolas de carácter benéfico ou de utilidade pública organizadas, con carácter esporádico, por institucións públicas ou privadas nas que o importe dos beneficios obtidos se destine exclusivamente a organizacións ou fins de carácter benéfico ou de utilidade pública.
  2. d) As máquinas expendedoras, entendéndose por tales as que se limitan a efectuar transaccións ou vendas, a través de calquera tipo de mecanismo, de produtos ou mercadorías a cambio dunha contraprestación económica que se corresponda co valor de mercado dos produtos ou mercadorías que se entreguen. Non obstante, se este tipo de máquinas inclúen algún elemento de xogo que dependa da destreza ou habilidade da persoa usuaria do xogo ou que sexa de sorte, envite ou azar, que condicione a obtención dun premio en especie ou en diñeiro, terán a consideración de máquina recreativa de tipo A especial ou de tipo B en función da contía do premio.
  3. e) As máquinas, os aparellos, os instrumentos ou os dispositivos que utilicen redes informáticas ou telemáticas ou calquera outro medio de comunicación ou conexión a distancia para a reprodución de imaxes e música ou coa finalidade de comunicación e información, sen posibilidade de acceso a ningún tipo de xogo nin de concesión de premios en metálico ou en especie.
  4. f) As máquinas de mero pasatempo ou recreo que non ofrecen á persoa usuaria ningún premio en metálico ou en especie, nin directa nin indirectamente, limitándose a conceder á persoa usuaria un tempo de uso a cambio do prezo da partida, podendo ofrecer como único aliciente adicional, por causa da habilidade da persoa usuaria, a posibilidade de seguir usando a máquina polo mesmo importe inicial en forma de prolongación do tempo de uso.

Dentro deste tipo de máquinas inclúense, entre outras, as seguintes:

1º. As máquinas e os aparellos de uso infantil accionados por moedas que permiten á persoa usuaria un entretemento consistente no gozo dunha simulación mecánica dunha acción dinámica, como son a imitación do trote dun cabalo, o voo dun avión, a condución dun tren ou dun vehículo ou imitacións de semellantes características.

2º. As máquinas ou os aparellos de natureza estritamente manual ou mecánica de competencia pura ou deporte entre dúas ou máis persoas usuarias, tales como as de fútbol de mesa, mesas de billar, tenis de mesa, boleiras, máquinas de hóckey ou de índole semellante, aínda que o seu uso requira a introdución de moedas.

  1. g) O xogo das combinacións aleatorias entendidas como aqueles sorteos que, con finalidade exclusivamente publicitaria ou de promoción dun produto ou servizo, e tendo como única contraprestación o consumo do produto ou servizo, sen sobreprezo nin tarifa adicional ningunha, ofrecen premios en metálico, especie ou servizos, exixindo, se é o caso, a condición de cliente do establecemento ao que pertencen os produtos ou servizos obxecto da publicidade ou promoción.
  2. h) Os xogos de ámbito estatal reservados conforme o disposto na disposición adicional primeira da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo.
  3. As actividades de xogo de ámbito estatal non reservadas rexeranse pola normativa estatal aplicable, sen prexuízo do sometemento a autorización autonómica nos termos previstos nesta lei.

Artigo 3. Principios reitores das actuacións en materia de xogo

  1. As actuacións en materia de xogo rexeranse polos principios de:
  2. a) Protección das persoas menores de idade e das que teñan reducidas as súas capacidades intelectuais e/ou volitivas, ou persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas, así como das persoas inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia, impedindo o seu acceso á práctica e aos establecementos de xogo en calquera das súas modalidades. En todo caso, a antedita prevención estenderase a toda a poboación residente en Galicia.
  3. b) Transparencia, salvagarda da orde e seguridade no desenvolvemento dos xogos nas súas distintas modalidades.
  4. c) Garantía do pagamento dos premios, prevención de fraudes no desenvolvemento dos xogos e colaboración no cumprimento da lexislación de prevención de branqueo de capitais.
  5. d) Prevención de prexuízos a terceiras persoas. En particular, prestarase especial protección aos colectivos máis vulnerables, como o dos menores de idade, os que teñan reducidas as súas capacidades intelectuais e/ou volitivas e os que sufran de adicción ao xogo ou se atopen incapacitados legal ou xudicialmente.
  6. e) Intervención e control por parte da Administración pública.
  7. f) Respecto ás regras básicas dunha política de xogo responsable e seguro.
  8. g) Seguridade xurídica na regulación das actividades de xogo.
  9. h) Fomento do emprego estable e de calidade no sector do xogo.
  10. En todo caso, a Administración autonómica poñerá especial atención á prevención das patoloxías relacionadas co xogo de toda a súa poboación e, en especial, das persoas máis vulnerables. Así mesmo, terá en conta a realidade e incidencia social, a súa repercusión económica e fiscal e a diversificación empresarial do xogo nas súas distintas modalidades, favorecendo a concorrencia en condicións de igualdade das persoas físicas e xurídicas dedicadas á explotación de xogos, non fomentando o hábito do xogo e reducindo os seus efectos negativos.
  11. A Administración autonómica deberá velar pola aplicación dos principios reitores previstos neste precepto que teñen como finalidade evitar o fomento irresponsable do hábito do xogo e reducir os seus efectos negativos, controlando o cumprimento destes principios por parte das persoas usuarias dos xogos e das empresas de xogo, así como promovendo actuacións e iniciativas orientadas á prevención do consumo de xogos en menores de idade e á implantación de actuacións preventivas e de asistencia ás persoas con problemas de xogo.

Artigo 4. Políticas de xogo responsable e seguro

  1. As políticas de xogo responsable e seguro supoñen que o exercicio das actividades de xogo se abordará desde unha política integral de responsabilidade social corporativa, que prevexa o xogo como un fenómeno complexo onde se combinan accións preventivas, de sensibilización, de intervención e de control, así como de reparación dos efectos negativos que se poidan producir.

As accións preventivas dirixiranse á sensibilización, información e difusión das boas prácticas do xogo, así como aos posibles efectos que unha práctica non adecuada do xogo pode producir.

  1. Crearase o Observatorio Galego do Xogo como órgano colexiado encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo responsable e seguro. A súa natureza, fins, composición e adscrición estableceranse regulamentariamente, debendo respectarse, en todo caso, na súa composición o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. Os seus estudos e traballos estatísticos deberán efectuarse sempre desagregando os datos por sexos.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá políticas de xogo responsable e seguro dirixidas á sensibilización e concienciación sobre as consecuencias dunha práctica inadecuada do xogo, especialmente relacionadas cos riscos de ludopatía, apoiando actitudes de xogo non compulsivo e responsable, prestando especial atención a aqueles colectivos máis vulnerables como menores de idade, persoas con adicción ao xogo e persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas.

Nesta liña, a Administración autonómica desenvolverá actividades de prevención da ludopatía, dirixidas á poboación en xeral, e adoptará medidas tendentes a desincentivar os hábitos e as condutas patolóxicas relacionadas co xogo, con especial atención aos sectores sociais máis vulnerables.

Para os efectos desta lei, entenderase por xogo responsable a elección informada dun patrón de xogo sobre o que a persoa exerce control, se mantén dentro duns límites de tempo e diñeiro sostible, se atopa en equilibrio coas outras actividades da súa vida e non xera problemas asociados. Isto implica que a frecuencia de xogo asumible por cada persoa dependerá das súas características persoais e en ningún caso se considerará que unha recomendación de frecuencia de xogo baixa sexa correcta para toda a poboación.

Para os efectos desta lei, entenderase como xogo seguro aquel que, baixo unha óptica común, no contexto social actual, se pode cualificar de xusto, transparente, fiable e íntegro, de tal xeito que considere os aspectos de seguridade da persoa xogadora.

Correspóndelle ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, no ámbito das súas competencias, velar pola efectividade das políticas de xogo responsable e seguro, polo respecto aos límites en materia de publicidade do xogo e polo cumprimento da normativa en materia de control de acceso e colaborar activamente coas asociacións que tratan persoas con adicción ao xogo, no desenvolvemento e na execución das actividades de prevención e información.

  1. Os axentes de xogo deberán respectar as regras básicas de política de xogo responsable e seguro elaboradas pola Administración autonómica, adoptando medidas que atenúen os posibles efectos prexudiciais que o xogo poida producir. En todo caso, polo que se refire á protección das persoas usuarias dos xogos, esas medidas incluirán as seguintes accións:
  2. a) Prestar a debida atención aos grupos en risco.
  3. b) Proporcionar á cidadanía a información necesaria para que poida facer unha selección consciente das súas actividades de xogo.
  4. c) Informar da prohibición de participar nos xogos as persoas menores de idade ou as persoas incluídas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.
  5. d) Dispoñer nun lugar visible e accesible a favor dos usuarios dos establecementos de xogo de follas informativas acerca das institucións e entidades dedicadas ao tratamento e á rehabilitación de persoas con patoloxías asociadas ao xogo.
  6. e) Atender aos requirimentos do órgano de dirección competente en materia de xogo respecto dos seus deberes de información e formación das persoas traballadoras, con relación á actividade do xogo, nomeadamente os establecidos neste artigo e no anterior.
  7. Os axentes de xogo non poderán conceder préstamos nin calquera outra modalidade de crédito ás persoas usuarias dos xogos nin conceder bonificacións, partidas gratuítas ou elementos que se poidan trocar por diñeiro ás persoas usuarias dos xogos. Non permitirán aos usuarios do xogo, en relación cos xogos autorizados, o pagamento aprazado. A vulneración desta prohibición levará consigo a correspondente responsabilidade administrativa nos termos previstos nesta lei.

Para garantir unha participación segura nos xogos, os axentes de xogo deben executar as seguintes actuacións mínimas:

  1. a) Establecer regras de xogo claras e transparentes para asegurar un xogo xusto, íntegro e fiable.
  2. b) Identificar os participantes, comprobando a súa idade, para impedir o acceso ao xogo ás persoas que o teñan prohibido.
  3. c) Realizar a súa actividade de xogo conforme os requisitos desta lei e da normativa regulamentaria que a desenvolva.
  4. Os axentes de xogo fomentarán a formación das persoas traballadoras dos establecementos de xogo dos que sexan titulares sobre os aspectos recollidos neste artigo. Esta formación abordará obrigatoriamente os patróns de xogo normais e patolóxicos, os indicios ou os síntomas de alerta e as recomendacións de actuación para estes casos.
  5. Os axentes de xogo recomendarán deixar de xogar a aquelas persoas que amosen síntomas que indiquen unha diminución significativa ou perda de control sobre o xogo.
  6. Enténdese por axentes de xogo, para os efectos deste artigo, as persoas físicas e xurídicas que, con ánimo de lucro, desenvolvan ou organicen as actividades en materia de xogo.
  7. As consellarías con competencias en materia de xogo e de sanidade consignarán crédito nos seus orzamentos correspondentes para financiar respectivamente o Observatorio Galego do Xogo e as actividades dirixidas á prevención da ludopatía.
  8. A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, desenvolverá as medidas que foren precisas para a prevención e o tratamento de condutas adictivas en relación co xogo, especialmente entre os grupos de idade máis novos. En todo caso, e coa finalidade de previr e atender a situacións de ludopatía e/ou xogo patolóxico en xeral, executará, como mínimo, as seguintes actividades:
  9. a) A realización de estudos de prevalencia que permitan a detección precoz da ludopatía, así como o desenvolvemento de protocolos de control dela, especialmente nos ámbitos educativo e sociosanitario.
  10. b) O desenvolvemento, dentro do sistema sanitario público galego, dun protocolo de atención global a persoas con trastornos de adicción.
  11. c) A realización de obradoiros e actividades formativas de educación para a saúde, información sanitaria e prevención do xogo patolóxico nos ámbitos educativo, sanitario, deportivo e sociolaboral.
  12. d) A realización de campañas de sensibilización de ocio alternativo e ocio educativo, especialmente para persoas menores de idade e para a mocidade en xeral.
  13. e) Medidas de atención integral e específicas para o tratamento da adicción ao xogo.

No artellamento das medidas anteriores deberase contar coa participación doutras administracións e/ou entidades de carácter profesional e social especialmente vinculadas con situacións de adicción relacionadas co xogo.

Artigo 5. Publicidade, promoción, patrocinio e comunicación comercial

  1. A publicidade, a promoción, o patrocinio e calquera forma de comunicación comercial das actividades de xogo de competencia autonómica que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia estarán suxeitos a autorización previa e efectuaranse nos termos e nas condicións previstos neste artigo e na normativa regulamentaria de desenvolvemento.
  2. A publicidade de calquera modalidade de xogo regulado nesta lei deberá axustarse á normativa específica sobre a publicidade e non conterá, en ningún caso, gráficos, textos ou imaxes xenófobas ou sexistas ou que fomenten comportamentos compulsivos ou actitudes de xogo non moderado e irresponsable ou calquera trato discriminatorio ou contrario á Constitución española ou ao Estatuto de autonomía de Galicia. En particular, queda prohibida a publicidade efectuada na Radio ou na Televisión cuxo ámbito de cobertura non supere o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia durante o programa e nos inmediatamente anteriores ou posteriores aos programas dirixidos específica e primordialmente ao público infantil.
  3. A publicidade e a promoción ás que se refire o número 1 deste artigo deberán respectar, en todo caso, a normativa sobre protección das persoas menores de idade e deberán ser acordes co establecido na normativa que regule a información, o comercio electrónico e a comunicación audiovisual e en ningún caso alterarán a dinámica dos xogos correspondentes.
  4. As disposicións acerca da publicidade ilícita contidas na lexislación xeral sobre publicidade serán aplicables á publicidade das actividades de xogo de competencia autonómica, así como ás empresas e aos establecementos autorizados para a comercialización dos ditos xogos.
  5. A publicidade e a promoción ás que se refire o número 1 deste artigo respectarán as regras básicas sobre xogo responsable e deberán conter a advertencia de que a práctica dos xogos pode producir ludopatía e que a dita práctica está prohibida ás persoas menores de idade. Esta advertencia debe figurar de forma claramente visible en todo momento e durante toda a comunicación da mensaxe publicitaria. En todos os locais con máquinas de xogo cuxa instalación estea suxeita a autorización autonómica existirá nun lugar visible un cartel coas prohibicións do uso destas.
  6. Queda prohibida a publicidade do xogo non presencial a través de medios electrónicos, informáticos, telemáticos ou interactivos e de calquera modalidade de xogo presencial, de competencia autonómica, na Radio e na Televisión públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia

  1. O Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia é aquel rexistro de titularidade pública no que constan inscritas aquelas persoas físicas que o soliciten, co fin de facer efectivo o dereito da cidadanía a que lles sexa prohibida a participación nas actividades de xogo, así como aquelas persoas físicas que, por resolución xudicial, teñan limitado o acceso ás actividades de xogo ou as persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas.

O control e a xestión deste rexistro serán responsabilidade do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, o cal colaborará coa Administración estatal na coordinación do rexistro autonómico e do correspondente rexistro estatal.

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia velará en todo momento pola implantación de procedementos electrónicos que garantan o correcto funcionamento do Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.

  1. O órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo inscribirá neste rexistro:
  2. a) As persoas que voluntariamente soliciten a súa inscrición.
  3. b) As persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas.
  4. c) As persoas ás que, por sentenza xudicial firme, de modo principal ou accesorio se lles limitase o acceso ao xogo.
  5. d) As persoas que se vexan afectadas por medidas provisionais consistentes na limitación de acceso ás actividades de xogo adoptadas no marco dun procedemento xudicial e durante a vixencia da medida.
  6. O procedemento de inscrición iniciarase por solicitude da persoa interesada e será gratuíto para quen o solicite. Non obstante, cando unha resolución xudicial ordene a práctica da inscrición, o procedemento iniciarase de oficio logo da comunicación da resolución xudicial. Neste último caso, o órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo procederá á inscrición inmediata logo da comunicación da resolución xudicial.
  7. O órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo ditará resolución de inscrición no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia no prazo máximo de quince días desde o inicio do correspondente procedemento.
  8. Nos supostos da letra a) do número 2, a inscrición no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia terá vixencia indefinida. Non obstante, a persoa interesada poderá solicitar a cancelación da inscrición logo de transcorreren seis meses desde a data da inscrición. Nos supostos previstos nas letras b), c) e d) do número 2, a inscrición manterase polo tempo que se estableza na correspondente resolución.
  9. O Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia conterá os datos necesarios para a identificación da persoa obxecto de inscrición, que estarán desagregados por sexos.
  10. As consellarías con competencias en materia de xogo e de sanidade implementarán un sistema que permita que as persoas que se inscriban neste rexistro, logo da prestación do seu consentimento, reciban unha comunicación na que sexan informadas sobre os recursos de axuda dispoñibles e unha proposta de derivación para realizar unha valoración sobre a conveniencia de incorporarse a algún tipo de programa de tratamento. Estas dúas consellarías tomarán as medidas oportunas para que o sistema sanitario galego e os seus recursos asistenciais coñezan a existencia deste rexistro.
  11. Regulamentariamente estableceranse o contido, a organización e o funcionamento do referido rexistro, que non poderá conter máis datos que os estritamente precisos para o cumprimento das finalidades determinadas nesta lei. A difusión dos datos incluídos no rexistro deberá servir, unicamente, para o cumprimento das devanditas finalidades legalmente establecidas.

Artigo 7. Dereito de admisión

  1. Para os efectos do previsto nesta lei, enténdese por dereito de admisión a facultade da Administración para determinar as condicións de acceso e permanencia nos establecementos de xogo, con base nos criterios vinculados ao normal desenvolvemento do xogo, á orde e ao protocolo no interior dos establecementos, ao respecto á intimidade do resto das persoas usuarias e das persoas traballadoras e ao cumprimento das disposicións establecidas legal e regulamentariamente. Neste sentido, estableceranse regulamentariamente os requisitos xerais e específicos para o acceso, segundo o tipo de establecemento de xogo.
  2. O exercicio do dereito de admisión non pode supoñer, en ningún caso, discriminación por razón de raza, identidade de xénero, orientación sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin atentado aos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas usuarias dos establecementos de xogo, tanto no relativo ás condicións de acceso e permanencia como ao uso dos servizos que neles se prestan.
  3. As persoas titulares dos establecementos de xogo poderán denegar o acceso ou a permanencia no establecemento ás persoas que se atopen nalgún dos supostos que se fixen regulamentariamente.

Artigo 8. Control de acceso

  1. Enténdese por control de acceso o sistema, constituído por medios técnicos e, de ser o caso, tamén humanos, mediante o que os establecementos de xogo obrigados a dispoñer del efectúan a comprobación do cumprimento dos requisitos e das condicións de admisión por parte das persoas que desexen acceder aos ditos establecementos.
  2. Quedan obrigados a dispoñer dun control de acceso os casinos, as salas de bingo, os salóns de xogo e as tendas de apostas.
  3. As persoas responsables dos establecementos enumerados no número 2 deberán impedir a entrada ás seguintes persoas:
  4. a) As menores de idade.
  5. b) As que consten inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.
  6. Para desenvolver as funcións de persoal de control de acceso, será necesario reunir os requisitos establecidos na normativa reguladora da actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas e contar coa habilitación prevista na dita normativa.
  7. O sistema de control de acceso deberá estar operativo en cada unha das entradas das que dispoña o establecemento, que deberá dispoñer dun sistema informático destinado á comprobación dos datos das persoas que pretendan acceder aos ditos establecementos de xogo a fin de impedir o acceso a quen o teña prohibido consonte o disposto nas letras a) e b) do número 1 do artigo 6. O dito sistema informático deberá permitir dispoñer de información actualizada das persoas inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia, para o cal estableceranse mecanismos de conexión e interoperabilidade respecto da información que conste no dito rexistro e deberá respectar o disposto na normativa en materia de protección de datos.

Artigo 9. Réxime de prohibicións

  1. Non poderán participar nos xogos regulados nesta lei as seguintes persoas:
  2. a) As menores de idade.
  3. b) As que consten inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.
  4. c) As accionistas, directivas e partícipes de empresas de xogo respecto dos xogos xestionados pola empresa da que sexan accionistas, directivas ou partícipes.
  5. d) As directivas das entidades participantes nos acontecementos sobre os que se realiza o xogo.
  6. e) As titulares dos establecementos de xogo e locais habilitados para a práctica dos xogos e o persoal ao servizo destes respecto dos xogos que se practiquen no correspondente local ou establecemento do que sexan titulares ou no que se preste servizo.
  7. f) As persoas con discapacidade que, por resolución xudicial, estean suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas.
  8. g) O persoal funcionario que preste servizos na Administración autonómica con funcións de inspección, control e tramitación administrativa en materia de xogo e as persoas que teñen a condición de altos cargos da consellaría competente en materia de xogo que desenvolvan funcións nesta materia.
  9. h) As persoas directivas das entidades deportivas, persoas participantes ou organizadoras, árbitros e tamén outros colectivos de persoas que poida determinarse regulamentariamente, respecto de acontecementos ou actividades deportivas sobre as que se realizan apostas.
  10. Regulamentariamente poderán establecerse outras prohibicións específicas para cada tipo de xogo.

Artigo 10. Xogos de competencia autonómica permitidos

  1. Os xogos de competencia autonómica permitidos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente poderán practicarse cos requisitos e condicións e nos establecementos, lugares e espazos sinalados nesta lei e nas súas disposicións regulamentarias.
  2. Para a organización, a práctica e o desenvolvemento dos xogos de competencia autonómica é requisito necesario a súa inclusión previa no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. O Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia é o instrumento básico de ordenación do xogo e especificará para cada xogo:
  4. a) As distintas denominacións coas que sexa coñecido e as súas posibles modalidades.
  5. b) Os elementos necesarios para a súa práctica.
  6. c) As regras aplicables a este.
  7. d) Os condicionamentos e as prohibicións que se considere necesario impoñer á súa práctica.
  8. No Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia serán incluídos como mínimo os seguintes:
  9. a) Os exclusivos dos casinos de xogo.
  10. b) O xogo do bingo.
  11. c) Os que se desenvolvan mediante o emprego de máquinas recreativas ou de azar.
  12. d) As rifas e as tómbolas.
  13. e) As apostas.
  14. A organización, a práctica e o desenvolvemento dos xogos enumerados no número anterior requirirán autorización administrativa previa.

Artigo 11. Xogos de competencia autonómica prohibidos

  1. Son xogos de competencia autonómica prohibidos todos os que non estean recollidos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia e aqueles que, aínda incluídos no dito catálogo, se realicen sen o preceptivo título habilitante ou na forma ou no lugar ou con persoas distintas das que especifica esta lei e as disposicións regulamentarias de desenvolvemento desta.
  2. Conforme o previsto no número anterior, están prohibidas, entre outros supostos:
  3. a) As modalidades dos xogos propios de casino, co mesmo ou distinto nome do que figura no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, cando se realicen fóra das instalacións dos casinos, ou que, tendo lugar dentro do propio establecemento, sexan realizadas á marxe das autorizacións, requisitos e condicións establecidos nesta lei e nos regulamentos que a desenvolvan.
  4. b) As modalidades do xogo do bingo, co mesmo ou distinto nome do que figura no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, realizadas á marxe das autorizacións, requisitos e condicións establecidos nesta lei e nos regulamentos que a desenvolvan.
  5. c) As apostas sobre acontecementos que atenten contra a dignidade das persoas, o dereito á intimidade, o honor e a propia imaxe, se baseen na comisión de delitos ou en acontecementos políticos ou relixiosos, ou en eventos prohibidos pola lexislación vixente, así como as realizadas á marxe das autorizacións, requisitos e condicións establecidos nesta lei e nos regulamentos que a desenvolvan.

Artigo 12. Dereitos e obrigas das persoas usuarias dos xogos

  1. As persoas usuarias dos xogos teñen os seguintes dereitos:
  2. a) Obter información sobre o xogo e as súas normas e regras.
  3. b) O tempo de uso correspondente ao prezo da partida de que se trate.
  4. c) O cobramento dos premios correspondentes de conformidade coa normativa aplicable.
  5. d) Xogar libremente, sen coaccións nin ameazas que proveñan doutras persoas usuarias dos xogos ou de terceiras persoas.
  6. e) Formular as queixas e reclamacións que consideren oportunas.
  7. f) Recibir a información necesaria sobre a práctica do xogo responsable.
  8. g) Coñecer a identidade da empresa de xestión e explotación dos xogos, especialmente os desenvolvidos por medios electrónicos, informáticos, telemáticos ou interactivos.
  9. h) Coñecer en todo momento o importe que xogou ou apostou naqueles xogos en que se xogue a través de soporte electrónico, así como, no caso de dispoñer dunha conta de usuario ou usuaria aberta coa empresa de xestión e explotación de xogos, coñecer o seu saldo e o historial completo de contías e apostas realizadas.
  10. i) Realizarse a identificación da persoa usuaria de maneira segura, mediante a exhibición do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento equivalente ou sistema de sinatura electrónica recoñecida, con suxeición á normativa vixente en materia de protección das persoas físicas polo que respecta ao tratamento de datos persoais.
  11. As persoas usuarias dos xogos teñen as seguintes obrigas:
  12. a) Identificarse ante as empresas de xestión e explotación de xogos para os efectos do control de acceso.
  13. b) Cumprir as normas e regras dos xogos nos que participen.
  14. c) Non alterar o normal desenvolvemento dos xogos.
  15. d) Respectar o dereito de admisión dos establecementos de xogo.
  16. e) Respectar as persoas que traballan ou prestan os seus servizos nos establecementos de xogo, así como cumprir as instrucións existentes para o normal desenvolvemento dos xogos e para manter a orde no establecemento.
  17. f) Evitar accións que poidan xerar no establecemento de xogo situacións incómodas para o resto das persoas usuarias dos xogos ou producir perturbacións na orde do establecemento.

Artigo 13. Dereitos e obrigas das empresas de xogo

  1. Terán a consideración de empresas de xogo, para os efectos do previsto nesta lei, as entidades dedicadas á fabricación, comercialización, distribución, importación, instalación, operación ou servizo técnico de material de xogo, as prestadoras de servizos de interconexión, as explotadoras de salóns de xogo, as comercializadoras e explotadoras de apostas, as dedicadas á explotación dos casinos ou das salas de bingo e calquera outra entidade dedicada con carácter xeral ou esporadicamente á explotación ou á organización dos xogos regulados nesta lei.
  2. As empresas de xogo terán os seguintes dereitos:
  3. a) Determinar as condicións de acceso aos seus establecementos de xogo nos termos previstos no artigo 7.
  4. b) Adoptar as medidas que consideren pertinentes para garantir o funcionamento do establecemento de xogo en condicións de seguridade e calidade.
  5. c) Recibir o apoio das forzas e corpos de seguridade, nos termos previstos na súa normativa reguladora, para garantir a orde no exterior e/ou no interior do establecemento de xogo no caso de que se produzan incidentes que poidan poñer en perigo a seguridade das persoas e/ou dos bens, así como para perseguir condutas fraudulentas no desenvolvemento do xogo e para o exercicio do dereito de admisión.
  6. d) Obter a información que precisen da Administración autonómica para o axeitado cumprimento das obrigas establecidas nesta lei.
  7. As empresas de xogo terán as seguintes obrigas:
  8. a) Facilitarlle ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo toda a información que este solicite para o cumprimento das súas funcións de control, coordinación e estatística. Sempre que sexa posible, os datos remitidos estarán desagregados por sexos.

Como manifestación concreta desta obriga, as empresas que exploten máquinas de xogo están obrigadas a presentar, cando sexa solicitado polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo e respecto das máquinas que se lles indiquen, un certificado de laboratorio habilitado que acredite que as ditas máquinas instaladas funcionan nas mesmas condicións e con idénticos requisitos consonte os que foron autorizadas e homologadas pola autoridade competente. Regulamentariamente establecerase o procedemento para a acreditación do funcionamento das máquinas instaladas nos termos indicados.

  1. b) Realizar os controis de identificación das persoas usuarias dos xogos nos termos recollidos no artigo 8.
  2. c) Ter nos establecementos de xogo as follas de reclamacións á disposición das persoas usuarias dos xogos.
  3. d) Facilitarlle ao persoal inspector a realización das funcións de control e inspección que este teña asignadas.
  4. e) Permitirlles ás persoas usuarias dos xogos finalizar o tempo de uso do xogo correspondente ao prezo da partida de que se trate.
  5. f) Non deixar fóra de funcionamento as máquinas de xogo durante o horario de apertura ao público do establecemento de xogo ou do local habilitado para a práctica dos xogos no que aquelas se atopen instaladas, cando iso provoque un menoscabo nos dereitos das persoas usuarias dos xogos, agás que concorra causa xustificada debidamente comunicada ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.
  6. g) Pagar os premios correspondentes de conformidade coa normativa aplicable.
  7. h) Facilitarlles ás persoas usuarias dos xogos toda a información sobre o xogo e as súas normas e regras.
  8. i) Facilitar a información que lles sexa solicitada sobre a práctica do xogo responsable.
  9. j) Recibir e xestionar as queixas e reclamacións que se presenten.
  10. k) Non conceder préstamos nin calquera outra modalidade de crédito nin conceder bonificacións, partidas gratuítas ou elementos cambiables por diñeiro ás persoas usuarias dos xogos.
  11. l) Garantir que o persoal que realice as funcións de control de acceso estea en posesión da correspondente habilitación.
  12. m) Informar, tanto nos establecementos de xogo como nas máquinas, na forma en que se determine regulamentariamente, sobre a prohibición de acceso e uso polas persoas menores de idade e dos potenciais efectos prexudiciais do xogo.
  13. n) Exhibir, de forma visible, nas entradas de público dos establecementos de xogo a indicación da prohibición de entrada ás persoas menores de idade e as restricións e as condicións de acceso.

ñ) Non explotar as máquinas de xogo sen estar claramente visible nestas a documentación exixida no correspondente desenvolvemento regulamentario.

  1. o) Desconectar a máquina de xogo cando se advirta unha avaría que implique o seu mal funcionamento e non for susceptible de ser reparada no acto, así como advertir mediante información visible do feito de que a máquina está avariada.
  2. p) Expoñer de forma visible nos establecementos de xogo os principios de xogo responsable e seguro.
  3. q) Trasladar as máquinas de xogo aos almacéns designados nas comunicacións dilixenciadas pola Administración e no prazo nelas previsto.
  4. r) Ter instalada na máquina e no establecemento a documentación exixida no correspondente desenvolvemento regulamentario.
  5. s) Calquera outra obriga establecida nesta lei ou que se determine regulamentariamente.

Artigo 14. Réxime de intervención administrativa en materia de xogo

  1. A organización e a explotación das distintas modalidades de xogos previstos nesta lei, así como a fabricación, a comercialización e a distribución do material de xogo correspondente, levaranas a cabo exclusivamente aquelas persoas físicas maiores de idade ou xurídicas posuidoras da autorización correspondente.

As empresas fabricantes e importadoras, as empresas comercializadoras e distribuidoras, as empresas operadoras, as empresas de servizos técnicos, as empresas prestadoras de servizos de interconexión, as empresas titulares de salóns de xogo, as empresas de explotación do xogo do bingo e as empresas titulares de casinos deben contar coa correspondente autorización do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo consonte o procedemento que se estableza regulamentariamente.

Así mesmo, a instalación de establecementos de xogo, a instalación de espazos de apostas regulados no artigo 36 e a instalación de máquinas de xogo estarán sometidas ao réxime de autorización previa.

Nas ditas autorizacións constará expresamente o sexo da persoa física solicitante ou do representante da persoa xurídica.

  1. As autorizacións outorgaranse sempre que se cumpran os requisitos exixidos por esta lei e polas súas normas de desenvolvemento.
  2. As autorizacións de instalación de establecementos de xogo outorgaranse por concurso público. A convocatoria do concurso publicarase no Diario Oficial de Galiciae incluirá as bases polas que debe rexerse o dito concurso. As solicitudes presentadas valoraranse conforme os criterios obxectivos recollidos nas bases do concurso, entre os que necesariamente deberán atoparse os seguintes:
  3. a) A calidade das instalacións e dos servizos complementarios.
  4. b) O programa de investimentos.
  5. c) A xeración de postos de traballo, o plan de formación do persoal e os recursos humanos con que se contará.
  6. d) A tecnoloxía que se pretende adoptar para a organización e a xestión dos xogos.
  7. e) O sistema de control de acceso proposto.
  8. f) O plan de medidas para a mitigación de posibles efectos prexudiciais que poida producir o xogo sobre as persoas e as regras básicas, estratexias e compromisos de política de xogo responsable e seguro.
  9. g) O programa de responsabilidade social empresarial, que inclúa medidas tendentes a acadar a igualdade por razón de xénero no concreto ámbito empresarial.
  10. h) O número de establecementos de xogo existentes no municipio no que se pretende instalar, valorándose negativamente a excesiva concentración de establecementos de xogo no dito municipio.
  11. i) O número de autorizacións das que dispoña un mesmo titular, valorándose negativamente a posesión dun poder de mercado significativo.
  12. Calquera cambio de situación dos establecementos de xogo requirirá autorización previa do órgano de dirección competente en materia de xogo e unicamente poderá ser concedido nos supostos en que a nova localización se sitúe no mesmo termo municipal que a anterior. O establecemento obxecto de cambio de situación non se considerará como un novo establecemento para os efectos do cómputo do número máximo de establecementos de xogo, pero deberá respectar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude de cambio de situación. Se a autorización de instalación do establecemento fose outorgada por concurso público, o cambio de situación só poderá autorizarse no caso de que a nova localización permita o mantemento das circunstancias determinantes do outorgamento da autorización por concurso.
  13. Así mesmo, as autorizacións de explotación de máquinas de xogo outorgaranse tamén por concurso público consonte o procedemento que se estableza regulamentariamente.
  14. Agás nos supostos de outorgamento das autorizacións por concurso público, as solicitudes de autorización tramitaranse e resolveranse de acordo cos requisitos e procedementos regulados nesta lei e nas súas disposicións regulamentarias. Nestes casos, o prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, agás o disposto nesta lei para o xogo das rifas e das tómbolas. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, a autorización entenderase desestimada.
  15. As autorizacións validamente outorgadas, agás as relativas ao xogo da rifa e da tómbola, que terán a duración que se fixe na correspondente resolución de autorización, terán unha duración máxima de quince anos.

Sen prexuízo doutras causas de extinción que se poderán establecer regulamentariamente, as autorizacións extinguiranse transcorridos trinta días naturais consecutivos desde o cesamento da actividade que constitúa o obxecto delas sen causa xustificada, por solicitude do titular do establecemento ou local no que se realice o xogo, por solicitude do titular da autorización correspondente ou transcorrido o prazo de duración máxima establecido no parágrafo anterior.

  1. As autorizacións de instalación de establecementos de xogo e as autorizacións de explotación de máquinas de xogo non poderán ser obxecto de prórroga.
  2. A instalación de terminais físicos accesorios de xogo e apostas realizados a través de canles electrónicas, informáticas, telemáticas, interactivas ou de comunicación a distancia de ámbito estatal non reservado precisará da previa autorización administrativa do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo. A instalación dos citados terminais deberá respectar as limitacións contidas no artigo 38. O procedemento e os requisitos para as ditas autorizacións estableceranse regulamentariamente.
  3. Igualmente, precisarán de autorización autonómica todos os terminais de xogo estatais non incluídos nas exencións de autorización que se recollen na disposición adicional primeira da Lei 13/2011, do 27 de maio. Así mesmo, o procedemento e os requisitos para as ditas autorizacións estableceranse regulamentariamente.

Artigo 15. Rexistros en materia de xogo

  1. O Rexistro de modelos é aquel no que se inscriben os modelos de máquinas e doutros aparellos de xogo, os sistemas de apostas e o material de casinos e bingos previamente homologados conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición do modelo especificaranse, como mínimo, a denominación e as características xerais do modelo. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a homologación correspondente.
  2. O Rexistro de empresas de máquinas de xogo é aquel no que se inscriben as empresas fabricantes, importadoras, comercializadoras, distribuidoras, operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos, prestadoras de servizos de interconexión e titulares de salóns recreativos conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición deberá constar, como mínimo, a identificación, o capital social e as fianzas depositadas. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a autorización correspondente.
  3. O Rexistro de establecementos autorizados é aquel no que se inscriben todos os establecementos de xogo autorizados conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición deberá constar, como mínimo, a identificación do establecemento e o titular. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a autorización correspondente.
  4. O Rexistro de empresas de apostas é aquel no que se inscriben todas as empresas fabricantes e importadoras, comercializadoras e explotadoras de apostas conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición deberá constar, como mínimo, a identificación, o capital social e as fianzas depositadas. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a autorización correspondente.
  5. O Rexistro de empresas de casinos de xogo é aquel no que se inscriben todas as empresas fabricantes e importadoras de material de casinos e as empresas titulares de casinos de xogo conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición deberá constar, como mínimo, a identificación, o capital social e as fianzas depositadas. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a autorización correspondente.
  6. O Rexistro de empresas do xogo do bingo é aquel no que se inscriben as empresas que realicen a explotación do xogo do bingo conforme o procedemento e os requisitos que regulamentariamente se establezan. Na inscrición deberá constar, como mínimo, a identificación, o capital social e as fianzas depositadas. A inscrición será realizada de oficio polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, logo de se conceder a autorización correspondente.

Artigo 16. Homologación de material de xogo

  1. As máquinas recreativas e de azar, as máquinas e os sistemas de apostas e todo o material de xogo de casinos e bingos, así como os distintos sistemas de interconexión e os aparellos utilizados para a práctica das actividades reguladas nesta lei, deben ser homologados polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo nos supostos e consonte o procedemento que regulamentariamente se estableza.
  2. As máquinas recreativas e de azar, as máquinas e os sistemas de apostas e calquera outro elemento para a práctica dos xogos regulados nesta lei deben contar coas marcas de fábrica nos supostos establecidos regulamentariamente.

TÍTULO I

Órganos e competencias

Artigo 17. Competencias do Consello da Xunta de Galicia

  1. É competencia do Consello da Xunta de Galicia:
  2. a) A aprobación mediante decreto do Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. b) A planificación e a ordenación dos xogos na Comunidade Autónoma de Galicia dentro do necesario respecto á normativa estatal aplicable.
  4. c) A aprobación dos regulamentos especiais dos xogos incluídos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  5. d) O exercicio da potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.
  6. e) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída por esta norma ou no seu desenvolvemento regulamentario.
  7. A planificación e a ordenación do xogo por parte da Administración autonómica estableceranse regulamentariamente, sobre a base do disposto nesta lei, atendendo ás razóns de interese xeral concorrentes, como a saúde pública, a orde pública, a protección da seguridade e da saúde das persoas consumidoras e a loita contra a fraude, coa finalidade de disciplinar as actividades de xogo de forma coherente, sistemática e proporcionada. Como mínimo, teranse en conta as seguintes determinacións:
  8. a) A continxentación, se é o caso, das máquinas recreativas e de apostas, dos establecementos de xogo e do material de xogo que se pode instalar nestes.
  9. b) A determinación do volume e da distribución xeográfica da oferta de xogo, para evitar un sobreexceso desta, de acordo coa política de dimensionamento do xogo propia da Comunidade Autónoma en cada momento conforme criterios que deberán ter en conta a realidade e a incidencia social.
  10. c) O establecemento dos criterios polos que se rexerá a concesión das autorizacións para o exercicio da actividade de xogo.

Artigo 18. Competencias da persoa titular da consellaría competente en materia de xogo

É competencia da persoa titular da consellaría competente en materia de xogo:

  1. a) O desenvolvemento dos regulamentos que aprobe o Consello da Xunta de Galicia na organización e materias propias do seu departamento e, se é o caso, a adopción de medidas necesarias para a súa execución.
  2. b) O exercicio da potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.
  3. c) O outorgamento, a denegación, a extinción e a renovación da autorización dos casinos de xogo.
  4. d) Presidir a Comisión de Xogo de Galicia.
  5. e) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída por esta norma ou polo seu desenvolvemento regulamentario.

Artigo 19. Competencias do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo

Correspóndelle ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo:

  1. a) O outorgamento, a denegación, a extinción e a renovación das autorizacións en materia de xogo, coa excepción do previsto na letra c) do artigo anterior.
  2. b) A homologación do material de xogo.
  3. c) A inspección e o control das actividades relacionadas co xogo e dos establecementos nos que se practiquen.
  4. d) O exercicio da potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.
  5. e) A xestión dos correspondentes rexistros en materia de xogo e a elaboración das estatísticas en materia de xogo que sexan necesarias.
  6. f) A autorización da instalación e apertura das salas adicionais dos casinos de xogo, así como a modificación da autorización dos casinos de xogo e as súas salas adicionais.
  7. g) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída por esta norma ou polo seu desenvolvemento regulamentario e, en todo caso, as que, sendo da competencia da consellaría competente en materia de xogo, consonte o disposto nesta norma ou no seu desenvolvemento regulamentario, non estean atribuídas expresamente a outro órgano.

Artigo 20. Comisión de Xogo de Galicia

  1. A Comisión de Xogo de Galicia é o órgano consultivo de estudo, coordinación e asesoramento sobre as actividades relacionadas coa práctica dos xogos no territorio da Comunidade Autónoma galega. Estará presidida pola persoa titular da consellaría competente en materia de xogo.
  2. A Comisión de Xogo de Galicia é un órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia adscrito á consellaría competente en materia de xogo.
  3. Regulamentariamente determinaranse a súa composición, organización e funcionamento.

A composición e a organización desta comisión rexeranse polo principio de paridade, tratarán de garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres e nela estarán representados, polo menos:

  1. a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente os representantes das consellarías competentes en materia de xogo, educación, sanidade, política social, xuventude e facenda.
  2. b) Representantes do sector dos casinos, bingos, máquinas recreativas e apostas.
  3. c) A Federación Galega de Municipios e Provincias.
  4. d) As asociacións de persoas con adicción ao xogo máis representativas de Galicia.
  5. e) As asociacións de persoas consumidoras e usuarias.
  6. f) As asociacións de nais e pais galegas.
  7. A persoa titular da consellaría competente en materia de xogo e calquera órgano superior ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicitar informe facultativo e non vinculante á Comisión de Xogo de Galicia naquelas materias relacionadas coas actividades reguladas nesta lei.

Os datos recollidos nos ditos informes, sempre que sexa posible, estarán desagregados por sexos.

TÍTULO II

Tipos de xogos

Artigo 21. Xogos de casinos

  1. Son xogos propios dos casinos os que, conforme as disposicións de desenvolvemento desta lei, só poidan practicarse nos establecementos autorizados como casinos de xogo e que, en consecuencia, figuren como exclusivos dos ditos establecementos de xogo no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, terán a consideración de xogos exclusivos de casinos os seguintes, incluídas as distintas variantes dos ditos xogos que se establezan regulamentariamente:

  1. a) Ruleta francesa.
  2. b) Ruleta americana.
  3. c) Bóla ou boule.
  4. d) Vinte e un ou black jack.
  5. e) Trinta e corenta.
  6. f) Punto e banca.
  7. g) Ferrocarril, bacará ou baccara ou chemin de fer nas súas distintas modalidades.
  8. h) Dados.
  9. i) Póker.
  10. j) Os desenvolvidos mediante máquinas de tipo C ou de azar.
  11. Unicamente nos casinos de xogo poderán organizarse e celebrarse torneos de calquera dos xogos propios destes establecementos de xogo.
  12. O material de xogo dos casinos deberá ser obxecto de homologación e inscrición na sección correspondente do Rexistro de modelos, consonte o procedemento establecido regulamentariamente. Fixaranse tamén regulamentariamente as condicións e o procedemento para a súa modificación e posible validación.

Artigo 22. Xogo do bingo

  1. O xogo do bingo desenvólvese mediante un proceso aleatorio de extracción de números conforme as diferentes modalidades que prevexa o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. As unidades de xogo serán cartóns ou tarxetas, tanto en soporte físico como electrónico.
  3. O xogo do bingo unicamente poderá practicarse nos establecementos autorizados como salas de bingo.
  4. O material de xogo do bingo deberá ser obxecto de homologación e inscrición na sección correspondente do Rexistro de modelos, consonte o procedemento establecido regulamentariamente. Fixaranse tamén regulamentariamente as condicións e o procedemento para a súa modificación e posible validación.

Artigo 23. Xogos con máquinas recreativas ou de azar

  1. O xogo con máquinas recreativas ou de azar consiste na introdución na máquina dun medio de pagamento, dos permitidos na normativa de desenvolvemento, o que produce o seu accionamento automático ou permite o seu accionamento manual, mecánico ou electrónico, iniciándose o xogo correspondente.
  2. Son máquinas recreativas ou de azar os aparellos de funcionamento manual ou automático que a cambio dun prezo lle permiten á persoa usuaria dos xogos un tempo de xogo e a posibilidade da obtención dun premio.
  3. As máquinas recreativas ou de azar poderán permitir a participación dunha única persoa usuaria dos xogos ou de varias persoas simultaneamente.

Artigo 24. Clasificación das máquinas recreativas ou de azar

  1. Para os efectos do seu réxime xurídico, as máquinas recreativas ou de azar reguladas nesta lei clasifícanse nos seguintes tipos:
  2. a) Máquinas tipo A especial: son aquelas que a cambio dun prezo lle permiten á persoa usuaria dos xogos un tempo de uso e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets, fichas, vales ou semellantes, con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Os premios outorgaranse conforme os requisitos e os límites que regulamentariamente se establezan e, en todo caso, deberán ser inferiores aos previstos para as máquinas tipo B.

En todo caso, terán a consideración de máquinas tipo A especial as máquinas que, baixo a denominación de guindastres, cadoiros ou denominacións semellantes, outorguen premios en metálico ou en especie nos termos indicados.

  1. b) Máquinas tipo B ou recreativas con premio programado: son aquelas que a cambio dun prezo lle permiten á persoa usuaria dos xogos un tempo de uso e eventualmente obter un premio de acordo co programa de xogo, cos límites que regulamentariamente se establezan.
  2. c) Máquinas tipo B especial: son aquelas máquinas recreativas con premio programado de instalación exclusiva en salóns de xogo, bingos e casinos que a cambio dun prezo lle permiten á persoa usuaria dos xogos un tempo de uso e eventualmente obter un premio, conforme os requisitos e os límites que regulamentariamente se establezan.
  3. d) Máquinas tipo C ou de azar: son aquelas de instalación exclusiva en casinos de xogo que a cambio dun prezo de partida lle conceden á persoa usuaria dos xogos un tempo de uso e eventualmente un premio que dependerá sempre do azar e dentro dos límites que regulamentariamente se establezan. Para estes efectos, entenderase que existe azar cando as probabilidades de obtención de calquera símbolo, resultado, combinación ou premio non dependan dos resultados das partidas anteriores ou posteriores ou da habilidade da persoa usuaria dos xogos.
  4. O Consello da Xunta de Galicia poderá, mediante decreto, incorporar á clasificación anterior outros tipos de máquinas que, polas súas características ou polo feito de combinar modalidades, elementos ou mecanismos de diferentes xogos autorizados, non estean comprendidas nos tipos previstos no número anterior.
  5. Regulamentariamente fixaranse as condicións de instalación e interconexión das máquinas, así como o número e o tipo de xogos permitidos. En todo caso, poderán interconectarse as máquinas de tipo B entre si e coas B especial, as máquinas B especial entre si e coas de tipo B e as máquinas de tipo C entre si.
  6. O número de autorizacións de explotación de máquinas de tipo B queda limitado na Comunidade Autónoma de Galicia a un máximo de 12.000.

Artigo 25. Homologacións, inscricións e modificacións de máquinas recreativas e de azar

  1. As máquinas recreativas e de azar deberán ser obxecto de homologación e inscrición na sección correspondente do Rexistro de modelos, consonte o procedemento establecido regulamentariamente.
  2. A homologación das máquinas recreativas e de azar validamente concedida noutra comunidade autónoma ou noutro país membro do espazo económico europeo poderá ser validada na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que as condicións técnicas das ditas máquinas sexan substancialmente iguais e segundo o procedemento que se fixe regulamentariamente.
  3. As modificacións dos modelos de máquinas poderán consistir en modificacións substanciais ou non substanciais.
  4. Enténdese por modificación substancial aquela alteración dos elementos do modelo previamente inscrito que afecte, de forma directa, o prezo da partida, o programa de xogo ou o seu plan de ganancias. As ditas cuestións deberán ser acreditadas, de forma concreta, mediante un informe de laboratorio habilitado achegado pola persoa solicitante da modificación.

Toda modificación substancial requirirá da autorización previa do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo. En consecuencia, só poderán comercializarse e explotarse máquinas de modelos modificados substancialmente a partir da data da notificación á persoa solicitante da citada autorización de modificación substancial.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen ditarse e notificarse resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

No procedemento de autorización de modificacións substanciais de modelos de máquinas serán aplicables os mesmos requisitos e trámites previstos regulamentariamente para o procedemento de homologación e inscrición. Nestes supostos, logo de ser autorizada previamente esta modificación, manterase para efectos rexistrais o mesmo número de modelo, engadíndolle a continuación e por orde alfabética a letra que corresponda á específica modificación autorizada.

  1. Enténdese por modificación non substancial do modelo aquela alteración que afecte os elementos e os dispositivos diferentes dos previstos no número 4.

As modificacións non substanciais deberán ser comunicadas ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, con carácter previo á súa realización, achegando a seguinte documentación:

  1. a) Un informe de laboratorio habilitado acreditativo de que a modificación é non substancial.
  2. b) A memoria explicativa asinada pola persoa solicitante da modificación.
  3. c) O xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

Artigo 26. Xogo da rifa

  1. Enténdese por xogo da rifa aquela modalidade que consiste no sorteo dun ou varios bens ou servizos previamente determinados entre diversas persoas que previamente adquirisen papeletas ou billetes. O importe de cada papeleta ou billete deberá ser o mesmo e o importe total das papeletas ou billetes emitidos deberá ser, como mínimo, igual ao valor dos bens ou servizos sorteados. As papeletas ou os billetes deberán estar numerados correlativamente ou diferenciados entre si de calquera outra forma. Os premios non poderán consistir en diñeiro en metálico nin poderán ser substituídos por diñeiro.

Cando os números premiados das rifas se fagan coincidir cos números correspondentes a sorteos da Organización Nacional de Ciegos Españoles ou da Sociedade Estatal Lotarías e Apostas do Estado, o número de papeletas ou billetes deberá ser como mínimo igual ao dunha serie das fixadas nos ditos sorteos.

  1. O número premiado poderá ser o que resulte dun sorteo específico realizado de forma pública e transparente ou o que coincida co que resulte doutro sorteo autorizado pola Administración autonómica ou estatal.
  2. A realización dunha rifa está suxeita a autorización administrativa. A solicitude deberá ser dirixida ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo cunha antelación mínima de trinta días á data de inicio da venda ou distribución das papeletas ou billetes. Na solicitude deberán constar os seguintes datos:
  3. a) A identificación da persoa física ou xurídica que presenta a solicitude, coa indicación do sexo da persoa física ou do representante da persoa xurídica.
  4. b) A data de realización do sorteo.
  5. c) O número e as características das papeletas ou dos billetes, coa indicación do importe unitario.
  6. d) O ámbito territorial que abrangue.
  7. e) A relación detallada dos premios que se outorgarán, coa expresión do seu valor e a forma de adxudicación ás persoas gañadoras, así como o lugar onde se atopen os bens mobles. Se se trata de bens inmobles, indicaranse a situación do predio, os seus límites, a extensión, as cargas e os datos rexistrais, así como tamén a forma de entrega do premio e calquera tipo de gastos que deba satisfacer a persoa gañadora. No suposto en que os premios consistan en viaxes, deberanse especificar os servizos que se inclúen. Igualmente, se os premios consisten en vehículos, deberase indicar a quen corresponde o pagamento do imposto especial sobre determinados medios de transporte ou calquera outro tipo de tributo que sexa aplicable.
  8. f) O lugar onde se vai realizar o sorteo.
  9. g) O destino dos beneficios obtidos pola realización da rifa.
  10. h) A relación detallada das persoas designadas para vender as papeletas ou os billetes, coa indicación do sexo de cada unha delas.
  11. Coa solicitude de autorización debe achegarse a seguinte documentación:
  12. a) A acreditación da representación, no caso de que se actúe por medio de representante.
  13. b) As bases ás que deberá axustarse a realización da rifa.
  14. c) A copia da documentación que acredite a titularidade por parte da persoa organizadora dos premios que se van sortear ou o documento acreditativo da constitución de garantía pola contía do seu valor.
  15. Presentada a solicitude e a documentación sinalada, o órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo ditará e notificará resolución de autorización ou denegación no prazo máximo de quince días desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolver.
  16. Se no prazo indicado non se ditou e notificou a resolución, a persoa física ou xurídica interesada pode considerala desestimada.

Artigo 27. Xogo da tómbola

  1. O xogo da tómbola consiste na adquisición por un prezo certo dun sobre ou papeleta que deberá conter ocultos números, símbolos ou textos que determinen a adquisición do premio, no caso de premio instantáneo, ou que determinen a adquisición de puntos, cando a obtención do premio se obteña pola suma de puntos ata acadar unha cifra determinada.
  2. O premio do xogo da tómbola deberá ser un ou varios obxectos e en ningún caso unha cantidade en metálico. O premio non poderá substituírse por diñeiro.
  3. A realización dunha tómbola está suxeita a autorización administrativa. A solicitude deberá ser dirixida ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo cunha antelación mínima de trinta días á data de realización do dito xogo. Na solicitude deberán constar os seguintes datos:
  4. a) A identificación da persoa física ou xurídica que presenta a solicitude, coa indicación do sexo da persoa física ou do representante da persoa xurídica.
  5. b) A data de realización do xogo.
  6. c) O número e as características dos sobres ou das papeletas, coa indicación do prezo unitario.
  7. d) O ámbito territorial que abrangue.
  8. e) A relación detallada dos premios que se outorgarán, coa expresión do seu valor e a forma de adxudicación ás persoas gañadoras, así como o lugar onde se atopen os bens mobles. No suposto en que os premios consistan en viaxes, deberanse especificar os servizos que se inclúen. Igualmente, se os premios consisten en vehículos, deberase indicar a quen corresponde o pagamento do imposto especial sobre determinados medios de transporte ou calquera outro tipo de tributo que sexa aplicable.
  9. f) O lugar onde se vai realizar a tómbola.
  10. g) O destino dos beneficios obtidos pola realización do xogo da tómbola.
  11. h) A relación detallada das persoas designadas para vender as papeletas ou os sobres, coa indicación do sexo de cada unha delas.
  12. Coa solicitude de autorización debe achegarse a seguinte documentación:
  13. a) A acreditación da representación, no caso de que se actúe por medio de representante.
  14. b) As bases ás que deberá axustarse a realización do xogo da tómbola.
  15. c) A copia da documentación que acredite a titularidade por parte da persoa organizadora dos premios que se van sortear ou o documento acreditativo da constitución de garantía pola contía do seu valor.
  16. Presentada a solicitude e a documentación sinalada, o órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo ditará e notificará resolución de autorización ou denegación no prazo máximo de quince días desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolver.
  17. Se no prazo indicado non se ditou e notificou a resolución, a persoa física ou xurídica interesada pode considerala desestimada.
  18. Nos supostos do xogo da tómbola organizado por colectivos de feirantes con ocasión de festas e verbenas populares, estes poderán presentar unha única solicitude na que especifiquen as datas e os lugares nos que terá lugar a devandita actividade ao longo do ano e demais cuestións previstas no número 3, achegando a documentación do número 4. Neste caso ditarase unha única resolución de autorización, que abranguerá todas as tómbolas incluídas na solicitude e realizadas polo solicitante durante o ano. A solicitude deberá presentarse cunha antelación de sete días ao inicio da primeira festa ou verbena popular na que se pretenda celebrar a tómbola suxeita a autorización e a resolución ditarase e notificarase no prazo de tres días posteriores á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Artigo 28. Xogo de apostas

  1. Enténdese por aposta aquela actividade pola que se arrisca unha cantidade de diñeiro sobre os resultados dun acontecemento previamente determinado, de desenlace incerto e alleo ás persoas que interveñen nela.
  2. A organización e os requisitos destes xogos serán obxecto de desenvolvemento regulamentario. Só poderá ser obxecto de comercialización e explotación na Comunidade Autónoma de Galicia o material de apostas que se atope previamente homologado e inscrito no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. As máquinas de apostas son aquelas destinadas especificamente á formalización deste tipo de xogo. Poden ser de dous tipos: terminais de expedición, que son aquelas manipuladas por unha persoa operadora da empresa ou do establecemento no que se atopen instaladas, ou máquinas auxiliares de apostas, que son aquelas operadas directamente polas persoas usuarias dos xogos.

A empresa comercializadora e explotadora de apostas será responsable do cumprimento da obriga de incorporar e manter na máquina auxiliar de apostas a documentación exixida regulamentariamente.

  1. Toda modificación dos modelos de máquinas de apostas e dos sistemas utilizados para a comercialización e a explotación das apostas que se atopen inscritos no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia precisará autorización do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, agás os supostos de modificacións non substanciais, que só deberán ser comunicadas ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, acompañadas da seguinte documentación:
  2. a) Un informe de laboratorio habilitado acreditativo das modificacións efectuadas e de que estas teñen o carácter de non substanciais, así como do cumprimento dos requisitos especificados regulamentariamente.
  3. b) A acreditación do pagamento da taxa administrativa correspondente.

Terá o carácter de modificación substancial aquela que afecte os boletos ou resgardos das apostas no suposto de máquinas de apostas, e a versión consonte a que foi homologado o sistema utilizado para a comercialización e a explotación das apostas no caso dos sistemas. O resto de modificacións terán o carácter de non substanciais.

TÍTULO III

Locais habilitados para a práctica dos xogos

Artigo 29. Establecementos de xogo

  1. Terán a consideración de establecementos de xogo aqueles locais que, reunindo os requisitos exixidos nesta lei e nas disposicións regulamentarias que a desenvolven, sexan expresamente autorizados para a práctica dos xogos permitidos.
  2. Son establecementos de xogo os seguintes:
  3. a) Os casinos.
  4. b) As salas de bingo.
  5. c) Os salóns de xogo.
  6. d) As tendas de apostas.
  7. Regulamentariamente determinaranse as condicións de funcionamento dos establecementos de xogo e as prohibicións de acceso, así como as distancias e as zonas de influencia nas que non poderán situarse novos establecementos para a práctica dos xogos permitidos.

Queda prohibida a apertura de calquera establecemento de xogo cuxa autorización corresponda outorgar á Administración autonómica a unha distancia inferior a 300 metros dos centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade e dos centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas, e a 300 metros de calquera outro establecemento de xogo xa autorizado ou respecto dos cales estea en tramitación o procedemento de outorgamento da autorización, incluídos os espazos de apostas en recintos deportivos e feirais. Estas distancias serán medidas radialmente.

Entenderase por distancia radial a medida do raio dunha circunferencia cuxo centro sexa a localización xeográfica do establecemento que se pretende instalar.

Enténdese por centro oficial o que conste recoñecido como tal pola consellaría correspondente respecto da materia concreta de que se trate.

Non será aplicable o requisito de distancias previsto nesta lei cando a apertura do centro de ensino ou do centro oficial de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas sexa posterior á data da autorización do establecemento de xogo.

Así mesmo, os concellos poderán establecer de forma proporcionada e xustificada outros límites, requisitos ou características adicionais para a apertura de establecementos previstos neste artigo, baseándose nas súas competencias de organización, dirección e control da ocupación e utilización do solo e para velar pola protección do contorno urbano e a calidade de vida e a cohesión social da poboación, a través do planeamento urbanístico e das súas ordenanzas. Especificamente, polos motivos indicados, os concellos poderán establecer prohibicións, limitacións ou restricións destinadas a evitar a excesiva concentración de establecementos de xogo ou garantir a súa coexistencia con outras actividades humanas ou sociais.

A Administración pública autonómica terá en conta estas distancias nos distintos plans de instalación de centros oficiais de ensino e de centros oficiais de rehabilitación aos que fai referencia este artigo.

  1. O órgano competente para autorizar o establecemento de xogo comunicará á persoa interesada, logo da súa consulta, nun prazo máximo de quince días, se a localización pretendida cumpre coas distancias de xogo exixidas. Esta comunicación refírese á data en que se notifica á persoa interesada e non constitúe nin xera dereito ningún para instalar o local obxecto de consulta, nin reserva a dita localización.
  2. Nos establecementos de xogo poderanse organizar ademais para as persoas usuarias rifas e tómbolas ás que se refire esta lei, segundo o procedemento e os requisitos establecidos para este tipo de xogos.
  3. A organización e a distribución interna dos diferentes elementos de xogo en cada establecemento concreto de xogo corresponderán exclusivamente á persoa titular do establecemento, sen prexuízo do cumprimento do resto de normativa sectorial aplicable aos ditos establecementos de xogo.
  4. Os establecementos de xogo terán carácter independente e non poderán estar comunicados entre si nin con ningún outro establecemento aberto ao público. Non obstante, poderán situarse en establecementos comerciais de carácter colectivo regulados pola Lei 10/2013, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, sempre que manteñan a súa diferenciación e non se comuniquen entre si nin co resto de establecementos comerciais integrados no establecemento colectivo.

Artigo 30. Casinos

  1. Terán a consideración legal de casinos os establecementos de xogo que, reunindo os requisitos exixidos, sexan autorizados, consonte o que dispón o artigo 14, para a práctica dos xogos especificados no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia como exclusivos de casinos.

Así mesmo, poderán practicarse nos casinos outros xogos dos incluídos no dito Catálogo de xogos e permitirase a instalación de calquera terminal de xogo cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. Unicamente se autorizará a instalación e o funcionamento dun casino en cada provincia da Comunidade Autónoma, que, en todo caso, deberá contar nun raio de 50 quilómetros desde o lugar da súa localización cun asentamento de poboación superior aos 70.000 habitantes.
  2. Poderá autorizarse, respecto de cada un dos casinos de xogo autorizados, a instalación dunha sala adicional que, formando parte do casino, se atope localizada fóra do recinto ou do complexo onde estea situado este, pero dentro da mesma provincia e nas condicións que regulamentariamente se determinen. En todo caso, o número de mesas en funcionamento da sala adicional non pode superar, en ningún momento, o 80 % do número de mesas en funcionamento do casino do que forme parte, en adiante casino matriz.

A devandita sala funcionará como apéndice do casino matriz. Nela poderán practicarse todos os xogos para cuxa práctica estea habilitado o dito casino.

  1. Todos os casinos matriz e as salas adicionais deberán contar cun rexistro de admisión e cun servizo de control de acceso.
  2. As autorizacións de instalación dos casinos de xogo e as súas salas adicionais constarán inscritas no Rexistro de casinos, consonte o disposto regulamentariamente.

Artigo 31. Modificacións dos casinos

  1. Todas as modificacións relativas a aspectos recollidos na resolución de autorización de instalación, así como o peche temporal do casino por máis de trinta días naturais consecutivos, requirirán autorización previa do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo. A autorización de modificación non supoñerá ampliación do período de vixencia da autorización de instalación outorgada no seu día.
  2. Calquera variación dos datos que consten no certificado de inscrición no Rexistro de casinos de xogos distinta das recollidas no número 1 deberá ser comunicada ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo no prazo máximo dun mes desde que se produza e deberase achegar coa devandita comunicación a documentación acreditativa dos cambios comunicados. Se a comunicación non reúne os requisitos exixidos ou non se achegan os documentos preceptivos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a comunicación ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá a comunicación por non realizada.

Artigo 32. Salas de bingo

  1. Terán a consideración de salas de bingo os establecementos de xogo autorizados especificamente para a práctica deste xogo, consonte o disposto no artigo 14.
  2. As salas de bingo deberán contar cun rexistro de admisión e cun servizo de control de acceso.
  3. A explotación dunha sala de bingo require a obtención previa da autorización de instalación.
  4. As salas de bingo non poderán ter unha cabida inferior a 100 persoas e a cabida máxima non poderá superar a que permita o establecemento. Estarán diferenciadas por categorías segundo o que se especifique regulamentariamente.
  5. Nas salas de bingo poderán instalarse máquinas recreativas de tipo A especial, B, B especial, máquinas de apostas e os terminais de xogo de ámbito estatal non reservado cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán realizarse tómbolas ou rifas consonte os requisitos e a normativa aplicable a este tipo de xogos.
  6. Limítase a 12 o número máximo de salas de bingo que se poderán autorizar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 33. Modificacións das salas de bingo

  1. Requirirán autorización previa:
  2. a) Os cambios de localización da sala de bingo nos supostos especificados no artigo 14.
  3. b) O peche da sala por máis de trinta días naturais consecutivos, agás que o período de funcionamento se limite a unha tempada concreta segundo a autorización.
  4. c) A transmisión da titularidade da autorización de instalación.
  5. d) As modificacións substanciais da sala, entendendo por tales as que supoñan un cambio de categoría da sala, amplíen o diminúan a superficie útil da sala, afecten as condicións de seguridade ou todas aquelas que non teñan a consideración de non substancial de conformidade co número seguinte.
  6. Terá a consideración de non substancial calquera cambio de configuración do espazo de xogo que non afecte as condicións básicas do proxecto autorizado. Os cambios non substancias deberán ser comunicados ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo con carácter previo á súa realización.

Artigo 34. Salóns de xogo

  1. Terán a consideración de salóns de xogo os establecementos de xogo autorizados consonte o disposto no artigo 14, para explotar neles máquinas de tipo A especial, B e B especial, máquinas de apostas e os terminais de xogo cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán realizarse tómbolas ou rifas consonte os requisitos e a normativa aplicable a este tipo de xogos.
  2. Os salóns de xogo deberán contar cun servizo de control de acceso.
  3. A explotación dun salón de xogo require a obtención previa da autorización de instalación outorgada polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.
  4. Limítase a 118 o número máximo de salóns de xogo que se poderán autorizar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 35. Tendas de apostas

  1. Terán a consideración de tendas de apostas os establecementos de xogo que sexan autorizados consonte o disposto no artigo 14 e de forma exclusiva para a comercialización e a explotación de apostas de ámbito autonómico. Nelas poderán instalarse tamén terminais de xogo de apostas cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán realizarse tómbolas ou rifas consonte os requisitos e a normativa aplicable a este tipo de xogos.
  2. As tendas de apostas deberán contar cun servizo de control de acceso.
  3. A explotación dunha tenda de apostas require a obtención previa da autorización de instalación.
  4. Os requisitos de autorización das tendas de apostas determinaranse regulamentariamente.
  5. Limítase a 41 o número máximo de tendas de apostas que se poderán autorizar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 36. Espazos de apostas

  1. Poderán autorizarse espazos de apostas en casinos, salas de bingo e salóns de xogo.
  2. Os requisitos de autorización dos espazos de apostas determinaranse regulamentariamente.
  3. Nos espazos de apostas poderán instalarse unicamente máquinas de apostas cos límites que se fixen regulamentariamente.

Artigo 37. Modificacións dos salóns de xogo, das tendas de apostas e dos espazos de apostas

  1. Requirirán autorización previa do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo as modificacións que impliquen unha alteración substancial dos planos achegados no seo do procedemento de autorización de instalación dos establecementos de xogo aos que se refire o artigo 28.2, e deberán achegarse coa solicitude correspondente os novos planos de reforma redactados por un técnico ou técnica competente e visados polo colexio oficial correspondente, nos supostos en que proceda.
  2. Tamén requirirán autorización previa os seguintes supostos:
  3. a) A suspensión do funcionamento do salón de xogo, da tenda de apostas ou do espazo de apostas por máis de trinta días naturais consecutivos.
  4. b) A transmisión da titularidade da autorización de instalación.
  5. c) O cambio de localización do establecemento nos supostos especificados no artigo 14.
  6. As restantes modificacións consideraranse non substanciais, especialmente as que supoñan unha mera redistribución interior de espazos, pequenas melloras ou simple decoración e variación na modalidade ou no número de máquinas autorizadas, sempre que neste último caso sexan respectados os límites máximos e mínimos que para cada tipo de máquinas se fixen regulamentariamente.

As ditas modificacións deben ser comunicadas ao órgano autonómico competente en materia de xogo con carácter previo á súa realización, achegando o plano xustificativo da nova redistribución e a memoria acreditativa dos cambios efectuados.

Artigo 38. Limitacións á instalación de terminais físicos de xogo

  1. Tendo en conta os efectos nocivos do xogo, para a salvagarda das razóns imperiosas de interese xeral de orde pública, saúde pública, protección da seguridade e saúde dos consumidores e protección do medio ambiente e do contorno urbano e dos obxectivos de política social, con singular atención aos relacionados coa protección de menores, todo isto no marco das competencias da Comunidade Autónoma nas materias citadas, e, en especial, en urbanismo, comercio interior e espectáculos públicos e actividades recreativas, queda prohibida a instalación de terminais físicos que permitan a participación en xogos cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia, agás nos seguintes establecementos:

1º. Nos regulados nesta lei como establecementos de xogo de competencia autonómica.

2º. Nos establecementos de xogo accesibles ao público abertos pola Sociedade Estatal Lotarías e Apostas do Estado e pola Organización Nacional de Ciegos Españoles, limitándose nestes casos á instalación de terminais físicos dos propios xogos de cada un dos organismos.

3º. Nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento, sempre que a instalación dos indicados terminais físicos de xogo sexa meramente marxinal e complementaria en relación coa actividade principal do establecemento, de tal modo que non interfira con ela ou a substitúa ou desnaturalice.

  1. Entenderase que a actividade de xogo resulta meramente marxinal e complementaria cando o número de terminais físicos de xogo instalados no establecemento non supere o número de 2.
  2. A instalación de terminais físicos de xogo de competencia estatal cuxa autorización corresponda outorgar á Comunidade Autónoma segundo o disposto no artigo 14 respectará a planificación que aproben os órganos competentes.
  3. Os terminais físicos que permitan a participación en xogos que se instalen en establecementos de restauración e de ocio e entretemento e cuxa instalación estea suxeita á autorización da Administración autonómica distintos dos terminais de máquinas de tipo B deberán dispoñer de sistemas ou mecanismos que impidan a participación nos xogos de persoas menores de idade, que deberán cumprir os requisitos e as condicións que se establezan regulamentariamente. Os terminais de máquinas de tipo B que se instalen en establecementos de restauración e de ocio e entretemento, atendendo á natureza destes xogos, deberán dispoñer dos indicados sistemas ou mecanismos de control cando o titular do establecemento así o exixa á empresa de xogo para facilitar o seu labor de control.
  4. Nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento unicamente poderá autorizarse a instalación de máquinas de tipo A especial, máquinas tipo B, terminais físicos de xogo de ámbito estatal non reservado e máquinas auxiliares de apostas.
  5. As persoas usuarias dos xogos destes establecementos terán dereito a formalizar as súas queixas e reclamacións conforme o establecido na normativa en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

As persoas titulares dos establecementos de restauración e de ocio e entretemento serán responsables de ter á disposición das persoas usuarias dos xogos as follas de reclamacións e de impedir que as persoas menores de idade poidan utilizar as máquinas, tanto recreativas como de apostas, que figuren instaladas nos ditos establecementos.

  1. Regulamentariamente poderá limitarse o número total das máquinas autorizables nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento. En todo caso, o número total de autorizacións para a instalación de máquinas auxiliares de apostas neste tipo de establecementos non poderá superar as 3.600.
  2. Nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento tamén poderán realizarse tómbolas ou rifas consonte os requisitos e a normativa aplicable a este tipo de xogos.

TÍTULO IV

Empresas de xogo

Artigo 39. Requisitos xerais das empresas de xogo

  1. As empresas titulares de casinos deberán estar constituídas baixo a forma de sociedade mercantil e ter un capital social mínimo equivalente ao produto resultante de multiplicar a capacidade da sala principal pola cantidade de 18.000 euros cun límite máximo de 3.000.000 de euros. Deberán estar en posesión da correspondente autorización e estar inscritas no Rexistro de empresas de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. As empresas que pretendan a xestión e a explotación do xogo do bingo deberán estar constituídas baixo a forma de sociedade mercantil e ter un capital social mínimo de 30.000 euros. Deberán estar inscritas na sección de empresas do Rexistro do xogo do bingo.
  3. As empresas dedicadas á fabricación, comercialización, distribución, importación, instalación, operación ou servizo técnico de material de xogo, ou prestadoras de servizos de interconexión, así como as empresas dedicadas á explotación de salóns de xogo que desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a súa actividade relacionada cos xogos de competencia autonómica, deberán estar constituídas baixo a forma de sociedade mercantil e ter un capital social mínimo de 30.000 euros. Deberán estar inscritas no Rexistro de empresas de máquinas de xogo.
  4. As empresas comercializadoras e explotadoras de apostas deberán estar constituídas baixo a forma de sociedade mercantil e ter un capital social mínimo de 2.000.000 de euros. Deberán estar inscritas no Rexistro de empresas de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 40. Fianzas

  1. Todas as empresas de xogo que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia en relación co xogo de competencia autonómica deberán dispoñer dunha fianza na contía que se determine regulamentariamente e co límite máximo de 750.000 euros. Considerarase que exercen a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia logo de obteren a autorización correspondente que as habilita para o devandito exercicio.
  2. A fianza prestada quedará afecta ás responsabilidades e ao cumprimento das obrigas que deriven do réxime sancionador previsto nesta lei e ao cumprimento das obrigas derivadas dos tributos autonómicos específicos en materia de xogo.
  3. As fianzas poderán ser constituídas en metálico, aval de entidades bancarias ou de sociedades de garantía recíproca, contrato de seguro de caución ou crédito ou outra garantía suficiente.
  4. As fianzas permanecerán vixentes ata que o órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo autorice a súa cancelación.
  5. A fianza debe manterse na contía exixida regulamentariamente. Se se produce a diminución na contía da fianza, por calquera circunstancia, a persoa ou a entidade que a constituíse deberá completala ata acadar a contía obrigatoria no prazo que en cada caso se estableza regulamentariamente, ou, na falta deste, no prazo dun mes, contado desde a data da súa diminución. De non se completar a fianza no dito prazo, incoarase o expediente de revogación da autorización.
  6. Calquera variación da fianza inicialmente constituída precisará autorización do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.

Artigo 41. Modificacións da autorización

  1. Calquera modificación societaria que non afecte os requisitos acreditados para o outorgamento da autorización deberá ser comunicada ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo, achegando a documentación acreditativa dos cambios producidos e no prazo dun mes desde a súa efectiva materialización.
  2. Calquera outra modificación societaria que afecte os requisitos acreditados para o outorgamento da autorización exixirá unha resolución de modificación da autorización.

TÍTULO V

Inspección e réxime sancionador

Artigo 42. Inspección

  1. A inspección, a vixilancia e o control das actividades de xogo correspóndenlle á consellaría competente en materia de xogo e serán desenvolvidos polo persoal funcionario que ocupe postos de traballo que teñan asignadas tales funcións.

Para tal efecto, aprobarase un plan de inspección no cal se especificarán as tarefas da inspección co obxecto de verificar o cumprimento das condicións sinaladas pola normativa correspondente en materia de xogo.

O órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo poderá requirir a colaboración da Unidade da Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, da Policía local e dos membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado nas tarefas de inspección, nos termos previstos na normativa reguladora aplicable.

  1. Ao persoal de inspección correspóndenlle as seguintes funcións:
  2. a) A vixilancia do cumprimento do previsto nesta lei e nas disposicións regulamentarias.
  3. b) O descubrimento e a persecución do xogo clandestino.
  4. c) Levantar as pertinentes actas de inspección.
  5. d) A emisión de informes e o asesoramento relacionados coa función de inspección en materia de xogo.
  6. e) As demais funcións de natureza inspectora que regulamentariamente se determinen.
  7. As persoas que exerzan as funcións de inspección poderán entrar libremente en calquera momento e sen previo aviso en todo establecemento de xogo, así como naqueles locais, recintos, lugares ou inmobles abertos ao público nos que se desenvolvan actividades de xogo, coa excepción expresa de entrada en domicilio e restantes lugares cuxo acceso requira o consentimento da persoa titular ou autorización xudicial. Ao efectuar a súa visita, o persoal de inspección deberá identificarse como persoal de inspección dependente da Administración autonómica presentando a correspondente acreditación e a súa actuación deberá rexerse por criterios de impacto mínimo na actividade do establecemento inspeccionado.
  8. O persoal da inspección de xogo terá a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións. Estará facultado para acceder e examinar as máquinas, o material de xogo e aquela documentación administrativa que poida servir de información para o mellor desenvolvemento das súas funcións.
  9. Os feitos constatados polo persoal de inspección deberán reflectirse nunha acta na que se consignarán todas e cada unha das circunstancias que sexan precisas para a mellor constatación dos feitos obxecto da inspección e na que as persoas interesadas poderán facer constar as súas observacións e a súa desconformidade. A acta será asinada polas persoas comparecentes, sen que o seu asinamento implique a aceptación do contido da acta. No caso de negativa das persoas comparecentes a asinar a acta, esta será igualmente válida. Entregaráselles ás persoas comparecentes unha copia da acta. As actas nas que, observándose os requisitos legais correspondentes, se recollan os feitos constatados polos inspectores farán proba destes, agás que se acredite o contrario.

Artigo 43. Regras xerais aplicables ao réxime sancionador

  1. Son infraccións administrativas en materia de xogo as accións e as omisións tipificadas nesta lei. As disposicións regulamentarias que a desenvolvan poderán introducir gradacións ou especificacións ao cadro de infraccións previstas nesta lei que, sen constituír novas infraccións nin alterar a natureza ou os límites das que prevexa esta lei, contribúan a unha máis correcta identificación das condutas.
  2. As infraccións en materia de xogo clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 44. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

  1. a) A organización, a práctica, a celebración ou a explotación dos xogos regulados nesta lei e incluídos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia carecendo da preceptiva autorización, así como a práctica destes xogos e actividades en establecementos ou locais distintos dos permitidos.
  2. b) A organización, a práctica, a celebración ou a explotación de xogos á marxe dos requisitos e das condicións establecidas nesta lei, así como a organización, a práctica, a celebración ou a explotación dos xogos non previstos no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non constitúa infracción grave ou leve.
  3. c) A comercialización, a distribución e a utilización do material para a práctica das actividades reguladas nesta lei sen posuír a correspondente homologación.
  4. d) A substitución, a alteración ou a manipulación fraudulenta dos sistemas técnicos e do material previamente homologado.
  5. e) Reducir o capital social das empresas de xogo por debaixo dos límites establecidos no artigo 39 e dos previstos nas normas regulamentarias ás que remite o dito precepto, agás que se restableza no prazo das corenta e oito horas seguintes á súa redución.
  6. f) A instalación e a explotación de máquinas ou calquera elemento para a práctica dos xogos regulados nesta lei carentes das marcas de fábrica ou a alteración ou a inexactitude de tales marcas.
  7. g) A manipulación dos xogos ou do material de xogo previamente homologado, tendente a alterar a distribución de premios e porcentaxes establecidos para o concreto xogo de que se trata.
  8. h) A concesión de préstamos ás persoas usuarias dos xogos nos lugares nos que se practique o xogo.
  9. i) A utilización ou a achega de datos non conformes coa realidade ou de documentos falsos ou alterados para obter autorizacións e inscricións ou para atender requirimentos efectuados polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.
  10. j) Carecer dun sistema de control de acceso nos supostos exixidos nesta norma.
  11. k) Permitiren as persoas titulares dos establecementos de xogo previstos no artigo 29 a entrada ou a práctica das actividades de xogo ás persoas menores de idade ou ás persoas que consten inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia.
  12. l) Permitiren as persoas titulares dos establecementos previstos no artigo 38 a práctica de actividades de xogo por persoas menores de idade nos ditos establecementos.

Artigo 45. Infraccións graves

Son infraccións graves:

  1. a) A participación nos xogos das persoas que o teñan expresamente prohibido polo artigo 9.
  2. b) Incumprir a persoa titular do establecemento de xogo os límites máximos de capacidade establecidos na correspondente autorización.
  3. c) Non exhibir de forma visible nas entradas de público dos establecementos de xogo a indicación de prohibición de entrada ás persoas menores de idade e as restricións e as condicións de acceso consonte o disposto no artigo 13.3.n).
  4. d) Non permitirlles ás persoas usuarias dos xogos finalizar o tempo de uso do xogo correspondente ao prezo da partida de que se trate.
  5. e) A fabricación e a importación de máquinas, elementos e sistemas de xogo por empresas non inscritas no Rexistro de empresas de máquinas de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.
  6. f) A reparación, o troco ou a modificación de elementos ou dispositivos de máquinas e sistemas de xogo por empresas non inscritas no Rexistro de empresas de máquinas de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.
  7. g) Realizar promocións informativas e publicidade nos supostos expresamente prohibidos por esta norma.
  8. h) Tomar parte como xogador en xogos non autorizados.
  9. i) Organizar xogos que consten como prohibidos nesta norma sempre que as cantidades xogadas superen os 300 euros pero non acaden os 1.000 euros.
  10. j) A non adaptación dos establecementos de xogo e das máquinas, tanto recreativas como de apostas, ás prescricións desta lei no prazo previsto na disposición transitoria primeira.
  11. k) A non instalación nas máquinas auxiliares de apostas instaladas nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento do dispositivo de control que impida o xogo das persoas menores de idade.
  12. l) A non instalación nas máquinas de tipo B instaladas nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento do dispositivo de control que impida o xogo das persoas menores de idade cando así sexa requirido polo titular do establecemento.

Artigo 46. Infraccións leves

Son infraccións leves:

  1. a) Non dispoñer nos establecementos ou non facilitar as follas de reclamacións ou non recibilas e xestionalas.
  2. b) A non desconexión da máquina pola persoa titular do local onde se explota a máquina de xogo cando se advirta unha avaría que implique o mal funcionamento da máquina e non for susceptible de ser reparada no acto, así como a non advertencia mediante información visible de que a máquina está avariada.
  3. c) A explotación de máquinas e sistemas de xogo sen estaren en perfectas condicións de funcionamento.
  4. d) Non expoñer de forma visible nos establecementos de xogo os principios de xogo responsable facilitados polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.
  5. e) A negativa ou a obstrución á actuación inspectora de control e vixilancia realizada polo persoal da inspección ao que se refire o artigo 42.
  6. f) Non facilitar ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo a información necesaria para o axeitado control das actividades de xogo.
  7. g) Calquera outra acción ou omisión que constitúa incumprimento das obrigas establecidas nesta lei ou vulneración das prohibicións previstas nela cando non proceda a súa cualificación como infracción moi grave ou grave.
  8. h) Non trasladar as máquinas de xogo aos almacéns designados nas comunicacións dilixenciadas pola Administración ou trasladalas fóra de prazo.
  9. i) O incumprimento da obriga de tenza e exhibición nos establecementos de xogo das normas xerais de funcionamento dos establecementos e das regras para a práctica dos xogos.
  10. j) Non ter instalada a empresa operadora na máquina ou no establecemento, segundo o caso, a documentación exixida preceptivamente.
  11. k) Organizar xogos que consten como prohibidos nesta norma sempre que as cantidades xogadas non superen os 300 euros.
  12. l) Deixar fóra de funcionamento as máquinas de xogo durante o horario autorizado para o establecemento con menoscabo dos dereitos das persoas usuarias do establecemento no que se atopen instaladas e sen causa xustificada debidamente comunicada ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.

Artigo 47. Responsables das infraccións

Son responsables das infraccións as persoas físicas e/ou xurídicas que incorran a título de dolo ou culpa nas accións ou nas omisións tipificadas nesta lei.

Artigo 48. Prescrición das infraccións

  1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses; as graves, aos dous anos; e as moi graves, aos tres anos.
  2. De acordo co artigo 30.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o prazo da prescrición comezará a contar desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que finalizou a conduta infractora.

Interromperá a prescrición a iniciación co coñecemento da persoa interesada dun procedemento administrativo de natureza sancionadora, e volverá transcorrer o prazo de prescrición se o expediente sancionador estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á presunta persoa responsable.

Artigo 49. Sancións administrativas

  1. As infraccións serán sancionadas con multas nas seguintes contías:
  2. a) As moi graves, desde 18.001 euros ata 100.000 euros. Non obstante, o límite máximo será de 600.000 euros nos casos nos que proceda a aplicación dos criterios de graduación especificados no artigo 50 co fin de que a comisión da infracción non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.
  3. b) As graves, desde 3.001 euros ata 18.000 euros.
  4. c) As leves, desde 100 euros ata 3.000 euros.
  5. Nos casos de infraccións graves e moi graves, poderán impoñerse así mesmo as seguintes sancións con carácter accesorio:
  6. a) A suspensión por un período máximo de dous anos da autorización concedida á empresa que a habilita para o exercicio da súa actividade.
  7. b) A suspensión por un período máximo dun ano da autorización de explotación para máquinas de xogo.
  8. c) O peche do establecemento de xogo onde se cometa a infracción por un período máximo de dous anos.
  9. d) A inhabilitación temporal por un período máximo de dous anos para ser titular de calquera autorización en materia de xogo.
  10. e) A incautación e a destrución ou a non utilización das máquinas ou dos elementos de xogo obxecto da infracción.

Artigo 50. Graduación das sancións

Na imposición das sancións observarase a debida idoneidade e necesidade da sanción que se vai impoñer e a súa adecuación á gravidade do feito constitutivo da infracción. A graduación da sanción considerará especialmente os seguintes criterios:

  1. a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.
  2. b) A continuidade ou a persistencia na conduta infractora.
  3. c) A natureza dos prexuízos causados.
  4. d) A reincidencia por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así sexa declarado por resolución firme en vía administrativa.

Artigo 51. Prescrición das sancións

  1. As sancións por infraccións leves prescribirán ao ano; as impostas por infraccións graves, aos dous anos; e as impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.
  2. De acordo co artigo 30.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impoña a sanción ou transcorrese o prazo para recorrer contra ela. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel estiver paralizado máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impoña a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que finalice o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.

Artigo 52. Prazo para resolver e caducidade do procedemento

  1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento sancionador será dun ano, contado desde a data do acordo de incoación. Transcorrido o prazo sen se ditar e notificar a resolución, producirase a caducidade do procedemento.
  2. De acordo co artigo 95.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a caducidade non producirá por si soa a prescrición das accións da persoa particular ou da Administración, pero os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Artigo 53. Competencia para o exercicio da potestade sancionadora

  1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a imposición de sancións de multa por faltas moi graves en contía superior a 300.000 euros.
  2. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de xogos a imposición de sancións de multa por faltas moi graves en contía superior a 60.000 euros e ata 300.000 euros, incluídos.
  3. Correspóndelle á persoa titular do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo a adopción de:
  4. a) O acordo de iniciación do procedemento sancionador en todos os casos.
  5. b) A imposición de sanción de multa por faltas moi graves en contía igual ou superior a 18.001 euros e ata 60.000 euros, incluídos.
  6. c) A imposición de sancións por faltas graves e leves.
  7. A imposición das sancións con carácter accesorio corresponderalle ao órgano competente para ditar a resolución sancionadora conforme as regras previstas nos números anteriores.

Artigo 54. Procedemento sancionador

As infraccións tipificadas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento consonte os principios establecidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e a regulación procedemental contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e de acordo coas especificidades que regulamentariamente se establezan, respectando en todo caso a normativa estatal aplicable.

Artigo 55. Medidas provisionais

  1. De acordo co disposto no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de se incoar o procedemento sancionador, o órgano administrativo competente para resolvelo, de oficio ou por instancia de parte, poderá adoptar en calquera momento, mediante resolución motivada e logo da audiencia ás persoas interesadas, as medidas provisionais que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade. O trámite de audiencia previa poderase omitir no caso de urxencia, que deberá estar debidamente motivada na resolución que determine a adopción das medidas provisionais. Nestes casos efectuarase un trámite de audiencia con posterioridade á adopción da medida.
  2. Antes da iniciación do procedemento sancionador, o órgano competente para iniciar ou instruír o procedemento, de oficio ou por instancia de parte, nos casos de ausencia inaprazable e para a protección provisional dos intereses implicados, poderá adoptar de forma motivada as medidas provisionais que resulten necesarias e proporcionadas. As medidas provisionais deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á súa adopción, o cal poderá ser obxecto do recurso que proceda. En todo caso, as ditas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no dito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca destas.
  3. As medidas provisionais deberán ser proporcionadas á natureza e á gravidade das condutas polas que se iniciase ou que motivasen o inicio do procedemento sancionador e non poderán causar prexuízos de difícil ou imposible reparación ás persoas interesadas ou que impliquen violación de dereitos amparados polas leis.

TÍTULO VI

Réxime fiscal

Artigo 56. Réxime fiscal

  1. A autorización, a organización ou a celebración de xogos e actividades comprendidas nesta lei quedan sometidas ás correspondentes taxas fiscais sobre xogos de sorte, envite ou azar e sobre rifas, tómbolas e apostas nos termos previstos na normativa aplicable.
  2. Pola prestación dos servizos relativos á práctica de inscricións, dilixenciado de libros, expedición de documentos, outorgamento de autorizacións e outros relacionados coas actividades previstas nesta lei exixirase a taxa que corresponda nos termos previstos nas disposicións legais de aplicación.

Disposición adicional primeira. Presentación de solicitudes e comunicacións polos suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración

  1. A presentación de solicitudes e comunicacións polas persoas obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
  3. Se algunha das persoas interesadas obrigadas a relacionarse electronicamente presenta a solicitude, a comunicación ou a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
  4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou o código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

Disposición adicional segunda. Tramitación administrativa electrónica

A Administración autonómica promoverá os instrumentos legais e técnicos necesarios para que os procedementos administrativos en materia de xogo poidan realizarse de xeito electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional terceira. Consentimentos e autorizacións

  1. A tramitación dos procedementos regulados nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas.
  2. De acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, as persoas interesadas teñen dereito a non achegar os documentos que xa se atopen en poder da Administración actuante ou fosen elaborados por calquera outra administración. A Administración actuante poderá consultar ou recadar os ditos documentos agás que a persoa interesada se opoña a iso, nos casos en que tal oposición sexa admisible. De se formular oposición á consulta, as persoas interesadas deberán achegar os documentos correspondentes, nos termos exixidos polas normas que resulten aplicables.
  3. Cando os documentos exixidos fosen achegados anteriormente polas persoas interesadas a calquera administración, estas non estarán obrigadas a achegalos sempre que indiquen en que momento e ante que órgano administrativo presentaron os citados documentos, e a Administración actuante deberá recadar tales documentos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada ou a lei especial aplicable requira o seu consentimento expreso.
  4. Os modelos de solicitudes e comunicacións acomodaranse ás previsións contidas nos números precedentes.

Disposición transitoria primeira. Prazo de adaptación

As empresas de xogo dispoñerán dun prazo de tres anos, desde a entrada en vigor desta lei, para a adaptación das máquinas recreativas, de azar e de apostas e dos establecementos de xogo ao disposto nesta lei e nas modificacións regulamentarias introducidas por ela.

Disposición transitoria segunda. Vixencia transitoria dos regulamentos de xogo

Ata que o Consello da Xunta non faga uso da facultade á que se refire a disposición derradeira primeira seguirán en vigor as normas regulamentarias sobre xogo en todo o que non se opoña a esta lei.

Disposición transitoria terceira. Réxime transitorio aplicable á publicidade e á promoción en materia de xogo de competencia autonómica

  1. Mentres non se aprobe a correspondente normativa regulamentaria de desenvolvemento en materia de publicidade, promoción e patrocinio das actividades de xogo de competencia autonómica, na que se regularán as excepcións da correspondente autorización previa de acordo co sinalado no número 1 do artigo 5, non se autorizará ningún tipo de publicidade, promoción e patrocinio das actividades de xogo de competencia autonómica. Especificamente, queda prohibida nas actividades de xogo de competencia autonómica a publicidade estática na vía pública ou nos medios de transporte.
  2. Non obstante, transitoriamente permitirase, sen necesidade de autorización administrativa, a publicidade dos xogos de carácter meramente informativo na prensa escrita. Para os efectos do previsto nesta disposición, entenderase por carácter meramente informativo a publicidade que inclúa:

1º. O nome ou a razón social, o enderezo, o teléfono, o sitio web e o enderezo de correo electrónico da empresa de xogo e do establecemento de xogo.

2º. Os tipos de xogos dos regulados nesta norma que ofreza a empresa autorizada.

3º. O horario da actividade de xogo e os días de práctica do xogo.

4º. Os servizos complementarios que preste o establecemento de xogo e o horario da súa prestación.

  1. Permitirase tamén, sen necesidade de autorización administrativa, no interior dos establecementos de xogo e dirixidos unicamente ás persoas usuarias destes a actividade publicitaria dos xogos que poidan practicarse nos correspondentes establecementos, así como a dos posibles premios e actividades complementarias do propio establecemento ou doutros establecementos de xogo.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio das autorizacións concedidas de acordo coa normativa anterior

As autorizacións concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei terán unha duración máxima de quince anos, contados desde a entrada en vigor desta norma, e poderán ser obxecto de renovación por períodos de igual duración co cumprimento dos requisitos establecidos nesta lei e tendo en conta as indicacións da planificación realizada pola autoridade competente en cada momento.

Disposición transitoria quinta. Réxime transitorio en materia de distancias que hai que aplicar á instalación de establecementos de xogo

Quedan exceptuados do cumprimento das distancias establecidas no artigo 29.3 desta lei aqueles establecementos de xogo con autorización vixente no momento da súa entrada en vigor, agás nos supostos de cambio de localización do establecemento.

Disposición transitoria sexta. Réxime transitorio aplicable á Comisión de Xogo de Galicia

En tanto non se aprobe e entre en vigor a adaptación da actual Comisión de Xogo de Galicia ao disposto nesta lei, continuará funcionando a existente en canto á súa composición conforme o disposto no Decreto 430/2009, do 19 de novembro, polo que se regula a composición, organización e funcionamento da Comisión de Xogo de Galicia.

Disposición transitoria sétima. Réxime transitorio aplicable ás autorizacións das máquinas auxiliares de apostas e de máquinas de xogo tipo B non instaladas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento

  1. As empresas que conten, no momento da entrada en vigor desta lei, coa autorización do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo para a comercialización e a explotación das apostas e máquinas de xogo tipo B dispoñerán dun prazo máximo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei para a instalación da totalidade das ditas máquinas que teñan autorizadas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento.
  2. Transcorrido o prazo anterior sen que consten efectivamente instaladas, procederase de oficio a acordar a extinción das devanditas autorizacións.

Disposición transitoria oitava. Réxime transitorio aplicable aos expedientes en tramitación

  1. Os expedientes que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude correspondente.
  2. Os expedientes sancionadores incoados antes da entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa vixente no momento da súa incoación, agás nos supostos nos que os preceptos desta lei sexan máis favorables para as persoas presuntas infractoras tanto no referido á tipificación da infracción como á sanción e aos seus prazos de prescrición, mesmo respecto das sancións pendentes de cumprimento no momento da entrada en vigor desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións:
  2. a) A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.
  3. b) O Decreto 167/1986, do 4 de xuño, polo que se regula o xogo de boletos.
  4. c) Os artigos 2.3, 17.4 parágrafo 4, 23.4 e 31 do Regulamento do xogo do bingo de Galicia, aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio.
  5. d) Os artigos 4, 22, 52.2.c), 67.5 e 71.2 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro.
  6. e) O Decreto 196/2010, do 25 de novembro, polo que se aproba a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B, na Comunidade Autónoma de Galicia.
  7. f) Os números 2, 3 e 4 da disposición adicional primeira e a disposición derradeira terceira do Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os artigos 10.2, 12.2, 19.3, 25.3, 48.2, 49.4, 50.1, 54.7, 55.6 e 67 do dito regulamento.
  8. g) A disposición transitoria segunda do Decreto 32/2016, do 17 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 21.2 do dito regulamento.
  9. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro

O Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7. Requisitos xerais das máquinas de tipo B

Para ser homologadas e inscritas na sección correspondente do Rexistro de modelos, as máquinas de tipo B terán que cumprir as seguintes condicións:

  1. a) O prezo máximo de cada partida será de 20 céntimos de euro, sen que obste a súa posible división en cantidades de menor importe. O anterior entenderase sen prexuízo do dispositivo opcional para a realización de ata cinco partidas simultáneas ás que se refire o artigo 8.c).
  2. b) O premio máximo que a máquina pode entregar non poderá exceder cincocentas veces o prezo máximo da partida simple ou a suma do prezo das partidas simultáneas e o programa de xogo non poderá provocar ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios cuxo resultado sexa a obtención dunha cantidade de diñeiro superior ao premio máximo establecido.
  3. c) Cada máquina estará programada de forma que devolva en todo ciclo de 40.000 partidas consecutivas unha porcentaxe de premios que nunca será inferior ao 70 % do prezo das partidas efectuadas.
  4. d) A duración media de cada partida non será inferior a 3 segundos e non poderán realizarse máis de 600 partidas en trinta minutos. Para os efectos da duración, a realización de partidas simultáneas contabilizarase como se se trata dunha partida simple.
  5. e) Nos establecementos de restauración e de ocio e entretemento o pagamento dos premios consistirá necesariamente en diñeiro de curso legal entregado pola máquina.

Nos salóns de xogo, salas de bingo e casinos poderá realizarse tamén o pagamento dos premios a través dos seguintes medios:

1º. Tíckets ou fichas expedidos pola propia máquina e homologados xunto con esta polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo. Neste caso, os ditos tíckets e fichas deberán trocarse por diñeiro de curso legal no mesmo establecemento ou, por elección da persoa usuaria dos xogos que obtivo o premio, por calquera outro medio legal de pagamento que non lle supoña ningún gasto.

2º. Tarxetas electrónicas de pagamento e reintegro en substitución do diñeiro de curso legal, adquiridas no propio establecemento e previamente homologadas polo órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo. As ditas tarxetas deberán ser trocadas no mesmo establecemento por diñeiro de curso legal ou, por elección da persoa usuaria dos xogos que obtivo o premio, por outros medios legais de pagamento que non lle supoñan gastos.

  1. f) As máquinas poderán dispoñer dun mecanismo de expulsión automática dos premios ao exterior, sen necesidade de acción ningunha por parte da persoa usuaria dos xogos.
  2. g) Para iniciar a partida, requirirase que a persoa usuaria dos xogos accione o interruptor ou dispositivo de posta en marcha. Transcorridos 3 segundos sen facelo, a máquina poderá funcionar automaticamente.
  3. h) No taboleiro frontal ou na pantalla de vídeo deberán constar, de forma gráfica, visible e por escrito, as regras de xogo, a descrición das combinacións gañadoras, a indicación dos tipos de fichas, tíckets ou tarxetas que acepta de ser o caso (podéndose indicar os valores de moedas aceptadas), o importe dos premios correspondentes a cada unha das partidas, a porcentaxe mínima de devolución en premios e a prohibición da súa utilización a menores de idade, así como a advertencia de que a práctica abusiva do xogo pode crear adicción.
  4. i) O contador de créditos da máquina non admitirá unha acumulación superior ao equivalente a cen veces o prezo máximo autorizado por partidas.
  5. j) A memoria electrónica da máquina que determina o xogo deberá ser imposible de alterar ou manipular.
  6. k) As máquinas incorporarán unha fonte de alimentación de enerxía autónoma que preserve a memoria no caso de desconexión ou interrupción do fluído eléctrico e permita, de ser o caso, o reinicio do programa no seu mesmo estado.
  7. l) As máquinas non poderán instalar ningún tipo de dispositivo sonoro que entre en funcionamento mentres a máquina non estea en uso por unha persoa xogadora.
  8. m) O xogo poderá desenvolverse mediante a utilización de pantalla de televisión ou soporte físico análogo controlado por sinal de vídeo ou semellante.
  9. n) As máquinas poderán conter tantos xogos como os indicados pola empresa fabricante na súa memoria explicativa. Os ditos xogos deberán ser ensaiados por un laboratorio habilitado, poderán funcionar indistintamente e requirirán autorización previa para o cambio de todos ou cada un deles por outros igualmente homologados. En calquera caso, para os efectos das porcentaxes de premios exixidos, estes xogos computarán como unha soa máquina».

Dous. Modifícase o artigo 7 bis, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7 bis. Requisitos xerais das máquinas de tipo B especial

Para ser homologadas e inscritas na sección correspondente do Rexistro de modelos, as máquinas de tipo B especial terán que cumprir as seguintes condicións:

  1. a) O prezo máximo de cada partida será de 20 céntimos de euro, sen que obste a súa posible división en cantidades de menor importe. O anterior entenderase sen prexuízo do dispositivo opcional para a realización de ata 30 partidas simultáneas ás que se refire o artigo 8.c).
  2. b) O premio máximo que a máquina pode entregar non poderá exceder mil veces o prezo máximo da partida simple ou a suma do prezo das partidas simultáneas. O programa de xogo non poderá provocar ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios cuxo resultado sexa a obtención dunha cantidade de diñeiro superior ao premio máximo establecido.
  3. c) Cada máquina estará programada de forma que devolva, en todo ciclo de 120.000 partidas consecutivas, unha porcentaxe de premios que nunca será inferior ao 80 % do prezo das partidas efectuadas.
  4. d) As demais condicións enumeradas nas letras d) a n) do artigo 7, agás a letra i)».

Tres. A letra d) do artigo 8 queda redactada como segue:

«d) Moedeiros aptos para admitir moedas ou billetes de valor non superior a 50 euros, agás no suposto das máquinas instaladas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento, nas que os moedeiros non poderán admitir moedas ou billetes de valor superior en cen veces o prezo máximo autorizado por partida».

Catro. A letra h) do artigo 8 queda coa seguinte redacción:

«h) As que conformando un só moble permitan a súa utilización simultánea e independente por dúas ou máis persoas usuarias dos xogos, para a súa instalación exclusiva en salóns de xogo e dependencias habilitadas para o efecto, en salas de bingo e en casinos de xogo.

Estas máquinas estarán amparadas por unha única autorización de explotación e para o efecto exclusivo de capacidade computarán como unha única máquina por cada dúas persoas usuarias dos xogos ou fracción excedente deste múltiplo.

Para os efectos da porcentaxe de premios exixible e independentemente do número de prazas de persoas usuarias dos xogos que a conformen, computarán como unha soa máquina.

Estas máquinas poderán dispoñer dun único contador que acumule créditos, premios e diñeiro introducido. Neste suposto, a persoa usuaria dos xogos, á súa vontade, poderá recuperar o diñeiro en calquera momento, agás no transcurso dunha partida».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 162/2012, do 7 de xuño

O Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 162/2012, do 7 de xuño, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 55.2, que queda redactado do seguinte xeito:

«A instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun establecemento de restauración ou de ocio e entretemento requirirá a solicitude previa da autorización de instalación e localización, á que se xuntará un documento de conformidade asinado pola persoa titular do negocio».

Dous. Modifícase o artigo 55.4.f), que queda redactado do seguinte xeito:

«Documento de conformidade asinado pola persoa titular do negocio».

Disposición derradeira terceira. Modificacións regulamentarias

As disposicións dos distintos regulamentos de xogo que son obxecto de modificación mediante esta lei poderán ser modificadas pola norma de rango regulamentario correspondente á norma na que figuran.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

  1. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.
  2. Dentro do prazo dun ano seguinte ao da entrada en vigor desta lei iniciaranse os trámites pertinentes para a aprobación dos regulamentos necesarios para o desenvolvemento desta lei, coa excepción do desenvolvemento regulamentario polo que se establezan a creación, a natureza, os fins, a composición e a adscrición relativo ao Observatorio Galego do Xogo, que deberá estar aprobado no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira quinta. Modificación da Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un novo número 16 ao artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«16. As inscricións no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia».

Disposición derradeira sexta. Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado

Modifícase o número 5 do apartado Un do artigo 19 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«5. Os xogos enumerados no apartado 2 do artigo 2 da Lei reguladora dos xogos de Galicia, coa excepción do previsto na letra g)».

Disposición derradeira sétima. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente