Competencias digitales GALICIA
DECRETO 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
I
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2 que corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para remover os obstáculos e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.
As transformacións que se están producindo no mundo, especialmente no ámbito tecnolóxico, constitúen unha enorme proba para todos os países. Así, os profundos cambios vividos nos últimos anos neste ámbito están facendo mudar a nosa forma de traballar, de relacionarnos cos demais e coa Administración pública e están mudando a importancia e o peso da tecnoloxía no tecido empresarial e produtivo. Esta mesma situación está a producirse en Galicia, onde o uso da tecnoloxía experimentou un notable crecemento nos últimos anos.
O desenvolvemento dixital de todos os ámbitos da sociedade galega require promover na cidadanía as capacidades de aproveitamento que a tecnoloxía facilita tanto nos usos cotiáns como no desenvolvemento das actividades laborais.
A capacitación dixital convértese nun elemento imprescindible para garantir a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.
II
A recomendación do Parlamento Europeo e do Consello de Europa, do 18 de decembro de 2006, sobre as competencias chave para a aprendizaxe permanente (2006/962/CE), identifica a competencia dixital como unha das oito competencias chave que as persoas precisan para a súa realización e desenvolvemento persoais, así como para a cidadanía activa, inclusión social e emprego.
Posteriormente, a recomendación do Consello de Europa, do 22 de maio de 2018, relativa ás competencias chave para a aprendizaxe permanente (2018/C 189/01) incide na necesidade de ampliar e mellorar o nivel de competencias dixitais en todas as fases da educación e da formación, así como en todos os segmentos da poboación.
No desenvolvemento normativo galego, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, promove no seu artigo 106 e seguintes a creación do Marco galego de competencias dixitais, para dar resposta á necesidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto en que a relación coa Administración, a vida cotiá e o emprego requiren do uso continuado de tecnoloxías da sociedade da información.
Enténdese por competencia dixital a combinación de coñecementos, competencias e aptitudes para o uso seguro, crítico e responsable das tecnoloxías da información e a comunicación para a aprendizaxe, o traballo, o lecer, para a participación na sociedade, así como a interacción coas ditas tecnoloxías. Inclúe a alfabetización en información e datos, a comunicación e a colaboración, a alfabetización mediática, a creación de contidos dixitais, a seguridade, asuntos relacionados coa propiedade intelectual, a resolución de problemas e o pensamento crítico. As competencias dixitais van alén de ser hábil ou operativo no uso dos aparellos e dispositivos, pois implica o uso da tecnoloxía dixital dun xeito seguro, crítico, creativo e colaborador, en todos os eidos da vida.
Como referencia na concreción do que se denominan competencias dixitais, en agosto de 2013 publícase «DIGCOMP: A Framework for Developing and Understanding Digital Competence in Europe», froito dos traballos que sobre aprendizaxe e habilidades para a era dixital realizou o Centro Común de Investigación da Comisión Europea-Joint Research Centre (JRC), e cuxo obxectivo principal era contribuír á mellor comprensión e desenvolvemento da competencia dixital en Europa. En 2017 publícase unha versión actualizada: «Digcomp 2.1. The Digital Competence Framework for Citizens». En maio de 2018 foi publicada a guía «DigComp en acción» (DigComp into Action: Get inspired, make it happen. A user guide to the European Digital Competence Framework).
A definición do Marco galego de competencias dixitais ten coma referencia o Marco europeo de competencia dixital para a cidadanía na súa versión vixente e actualizada, traspoñéndoo e concretándoo para a súa mellor aplicación á realidade do contexto galego. O Marco galego de competencias dixitais determina os coñecementos, as competencias e aptitudes para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais avanzados, á mellora profesional e ao benestar colectivo.
O Marco galego de competencias dixitais pode tomarse como referencia inspiradora para múltiples definicións e usos prácticos nos eidos profesionais e formativos, nos recursos humanos, nos eidos institucionais ou de recoñecemento non formal. Do mesmo xeito, este marco constitúe a base para o desenvolvemento das ferramentas de autoavaliación recomendadas por Europa, vencelladas á avaliación das competencias en contornas formativas ou laborais, e para a recomendación de itinerarios formativos que permitan o desenvolvemento competencial.
Resulta especialmente salientable incidir no ámbito do sistema educativo, no cal a Resolución do 2 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación sobre o marco de referencia da competencia dixital docente, establece que o Marco galego de competencias dixitais docentes será adoptado pola consellería con competencias en educación con base no marco de competencia dixital docente establecido a nivel estatal na dita resolución.
Nas ensinanzas do sistema educativo, tal e como establecen o Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da Educación Primaria e o Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato, a competencia dixital é unha das competencias curriculares do alumnado impartida no marco das ditas ensinanzas regradas dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Na Formación Profesional, a Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da Formación Profesional, establece os instrumentos e accións para desenvolver a avaliación e acreditación das distintas competencias profesionais, entre as cales se atopan as competencias dixitais, a través das cualificacións identificadas no sistema produtivo e recollidas no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, a formación regrada asociada a elas (organizada en módulos formativos, articulados nun Catálogo modular de formación profesional), e os procedementos de avaliación, recoñecemento e acreditación aplicables en todo o territorio nacional.
III
Por medio deste decreto, defínese o Marco galego de competencias dixitais establecido pola Lei 4/2019, de xeito aliñado coas estratexias da Comisión Europea nesta materia.
O decreto regula os procesos de definición e xestión do Marco galego de competencias dixitais. Regula tamén a certificación galega en competencias dixitais como mecanismo normalizado de certificación por parte da Administración pública, e garante a calidade dos coñecementos, destrezas e capacidades que as persoas posúen no ámbito dixital e segundo os criterios establecidos no marco.
O decreto tamén crea o Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e entidades colaboradoras, co fin de simplificar a xestión do proceso de acreditación, e define o certificado galego en competencias dixitais, co que a persoa titular pode acreditar as súas competencias dixitais.
Esta certificación substituirá a regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.
Determínanse os órganos da Administración da Xunta de Galicia competentes na súa xestión e acreditación e regúlanse os criterios para a participación de centros colaboradores.
Prevese neste decreto a función xestora deste marco por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na súa condición de entidade pública instrumental do sector público que ten entre os seus obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico. A dita axencia ten entre as súas funcións favorecer un contexto dixital, no cal a cidadanía poida acadar, actualizar e mellorar as súas competencias dixitais, en liña cos cambios e os usos tecnolóxicos que se integren na sociedade. Tamén son da súa responsabilidade as funcións xestión dos programas de capacitación dixital do empregado público, en coordinación cos órganos competentes en materia de formación e, igualmente, inclúense nas súas funcións planificar e coordinar, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías.
Prevese tamén a participación dos departamentos con competencia en materia de función pública, o departamento competente en materia de formación profesional para o emprego, así como as escolas de formación da Administración pública galega, tanto na definición do Marco galego de competencias dixitais como na execución activa dos procesos que permitan acadar unha cidadanía galega competente dixitalmente.
Recóllese neste decreto tamén o eido específico do sistema educativo galego, no cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, organismo con competencias na ordenación e desenvolvemento das ensinanzas no sistema educativo galego, na formación e desenvolvemento profesional do profesorado que presta servizo nos centros do sistema educativo galego, e na avaliación, recoñecemento e acreditación das competencias e cualificacións profesionais, sexa a entidade xestora do Marco de competencias dixitais docente, así como entidade formadora e acreditadora.
IV
O decreto estrutúrase en 19 artigos, agrupados en catro capítulos, cunha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.
O capítulo I incorpora as disposicións xerais por medio das cales se define o obxecto de regulación e o Marco galego de competencias dixitais.
O capítulo II regula a certificación galega en competencias dixitais.
O capítulo III regula a estrutura organizativa para a xestión e soporte, así como da relación coas entidades colaboradoras nas competencias dixitais.
O capítulo IV regula o Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras.
V
O presente decreto tramitouse de conformidade aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A norma preséntase como unha iniciativa necesaria e eficaz, ao atoparse xustificada por unha razón de interese xeral, basearse nunha identificación clara dos fins perseguidos, ser o instrumento máis axeitado para garantir a seguridade xurídica e evitar cargas administrativas innecesarias á cidadanía. Ademais, é eficiente ao non supoñer incremento de custo, actuando de xeito proactivo, previndo conflitos e racionalizando, na súa aplicación, a xestión dos recursos públicos.
Do mesmo xeito, o presente decreto formula a regulación imprescindible para atender a necesidade que se quere cubrir, cumprindo así co principio de proporcionalidade, e sempre mantendo a coherencia co resto do ordenamento xurídico, nacional e da Unión Europea, garantindo a seguridade xurídica para desenvolver un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilite o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e toma de decisións da cidadanía, empresas e institucións.
Na súa tramitación deuse traslado ás diferentes consellerías e obtivéronse os informes da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, o informe da Dirección Xeral da Función Pública, o informe de sustentabilidade financeira e de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, o informe de impacto de xénero da Secretaría xeral de Igualdade, o informe de avaliación do impacto demográfico e o informe da Asesoría Xurídica Xeral.
Así mesmo, a Xunta de Galicia no proceso de elaboración e tramitación deste decreto cumpre co principio de transparencia, posibilitando que os potenciais destinatarios teñan unha participación activa na elaboración da norma. Para iso, con carácter previo á elaboración do decreto, abriuse unha consulta pública previa, que estivo dispoñible desde o 18 de decembro de 2019 ao 17de xaneiro de 2020 a través do portal web de transparencia e goberno aberto. Nesta consulta pública previa, facilitábase información sobre os antecedentes, problemas que se pretenden solucionar, necesidade e oportunidade da súa aprobación e obxectivos. Posteriormente, durante a tramitación do expediente promoveranse os trámites de audiencia e información pública para a garantir a participación cidadá.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de setembro de dous mil vinte e un,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
- Este decreto ten por obxecto definir a estrutura do Marco galego de competencias dixitais, regular a certificación galega en competencias dixitais e establecer os requisitos, criterios e procedementos para a súa obtención.
- Así mesmo, inclúe a creación do Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras.
- O presente decreto tamén regula os órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia encargados da xestión operativa do Marco galego de competencias dixitais e da certificación galega en competencias dixitais.
Artigo 2. Finalidade
As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade:
- a) Dispoñer dun mecanismo normalizado de certificación de competencias dixitais por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que permita a calquera persoa maior de dezaseis anos acreditar o seu nivel de coñecemento, capacidade e aptitude no eido dixital.
- b) Fomentar o uso eficiente e eficaz das tecnoloxías alén de ser hábil ou operativo no uso dos aparellos e dispositivos, promovendo o uso da tecnoloxía dixital dun xeito seguro, crítico, creativo e colaborador, en todos os eidos da vida.
- c) Ofrecer ás persoas empregadas, ás que aspiran a un posto de traballo, ás persoas que teñan a condición de empregadoras e ás administracións públicas unha ferramenta para mellorar a formación continua, promover o desenvolvemento profesional e simplificar, se é o caso, o proceso de selección e provisión de prazas.
- d) Desenvolver ferramentas obxectivas para avaliar as competencias dixitais, medindo coñecementos, capacidades e aptitudes e acreditando que os resultados son obtidos seguindo métodos apropiados, en condicións controladas, por organizacións autorizadas, e que coinciden cunha norma claramente definida e recoñecida.
- e) Promover nas persoas novas competencias para que poidan adaptarse na contorna cambiante da sociedade dixital e garantir que coñecen e aproveitan as vantaxes do uso das tecnoloxías.
- f) O desenvolvemento do Plan de capacitación dixital do persoal empregado público, que deberá definir as competencias dixitais mínimas do persoal empregado público.
Artigo 3. Marco galego de competencias dixitais
- O Marco galego de competencias dixitais define os coñecementos, capacidades e aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais en todos os eidos da cidadanía e vén de ser a referencia descritiva sobre a cal se sustenta a súa certificación e acreditación.
- O Marco galego de competencias dixitais defínese na súa estrutura e contidos de acordo coas seguintes dimensións:
- a) Dimensión 1: Áreas de dominio.
- b) Dimensión 2: Competencias pertinentes en cada área e a súa definición.
- c) Dimensión 3: Nivel de aptitude prevista para cada competencia.
- No Marco galego de competencias dixitais desenvolveranse os descriptores ou identificación dos coñecementos, capacidades e aptitudes relacionadas con cada competencia e que evidencian o seu manexo óptimo para cada nivel de aptitude, así como os exemplos ilustrativos que evidencian cada unha das competencias en canto aos descritores.
- Dentro do Marco galego de competencias dixitais estableceranse especializacións en función dos colectivos destinatarios. Ademais do colectivo da cidadania, recolleranse especializacións para o persoal empregado público. Así mesmo, poderanse identificar colectivos adicionais de especialización.
- O desenvolvemento concreto das dimensións e especializacións quedará recollido no documento «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais», que estará dispoñible a través do portal web institucional da Xunta de Galicia htpp://www.xunta.gal
- Este documento de «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais» será actualizado cando sexa necesario recoller cambios nas tecnoloxías e de coñecementos, competencias ou aptitudes, ou mesmo na estrutura detallada dos elementos que o compoñen.
- Cada actualización será publicada mediante resolución da entidade xestora do Marco, logo da aprobación do seu consello reitor e por proposta do comité especializado para a definición do Marco galego de competencias dixitais, e actualizado nas canles indicadas neste artigo.
CAPÍTULO II
Certificación galega en competencias dixitais
Artigo 4. Definición e persoas destinatarias
- A certificación galega en competencias dixitais acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías no eido persoal, social e profesional de forma efectiva, segura, crítica, creativa e cívica. Así mesmo, presenta as seguintes finalidades:
- a) Valorar a competencia dixital da persoa a través dos seus coñecementos, habilidades e aptitudes.
- b) Incorporar a visión de responsabilidade no uso tecnolóxico á hora de colaborar, comunicar, compartir, informarse e difundir información na contorna dixital.
- c) Favorecer o apoderamento da cidadanía dixital, ao crear un clima fiable e transparente no uso da tecnoloxía aproveitando as vantaxes na provisión dos servizos públicos ou comerciais.
- d) Promover aptitudes de pensamento critico, creatividade e aprendizaxe permanente que axudan a adoptar a vida dixital e adaptarse aos cambios tecnolóxicos constantes.
- Poderán acadar a certificación galega en competencias dixitais as persoas maiores de dezaseis anos que acrediten os coñecementos, capacidades e aptitudes exixidas para cada tipo de certificación.
- O documento que acredita ter acadado unha certificación en competencias dixitais é o certificado galego en competencias dixitais.
Artigo 5. Tipos de certificacións
- Establécense dous tipos de certificación:
- a) Certificación por áreas de dominio competencial ou agrupación de competencias destinada aos niveis de aptitude menores.
- b) Certificación por cada unha das competencias destinadas aos niveis de aptitude máis avanzados.
- Os modelos de tipo de certificación por nivel de aptitude estarán recollidos no documento «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais».
- O avance entre os diferentes niveis de aptitude será progresivo a través das formas de obtención previstas neste decreto, sendo obrigatorio ter o nivel de aptitude previo certificado para acceder ao posterior, agás o da primeira obtención, onde poderá obterse calquera dos niveis dispoñibles.
- A persoa titular dunha certificación galega en competencias dixitais poderá acreditar ante calquera instancia pública ou privada de Galicia as súas competencias dixitais.
- A certificación galega en competencias dixitais terá un período de validez máximo de cinco anos desde a data da súa obtención e, ao estar vinculada ao Marco galego de competencias dixitais, poderá perder a súa validez anticipadamente no caso de que o Marco sexa modificado.
- Cando a perda de validez da certificación se produza por unha modificación do Marco galego de competencias dixitais, ofrecerase ás persoas acreditadas a posibilidade de realizar unha proba destinada á renovación da súa certificación dentro do prazo dos doce meses seguintes á data de finalización do período de validez.
- Cando a perda de validez se produza por caducidade, transcorridos os cinco anos desde a data da súa obtención, as persoas acreditadas poderán renovar a certificación nos seis meses naturais posteriores desde a data de caducidade mediante a realización da correspondente proba destinada para o efecto.
- No caso de que a persoa usuaria non actualice a validez da súa certificación perderá o seu dereito de acreditar os seus coñecementos, competencias e aptitudes pasado o prazo de seis meses naturais desde a data de caducidade.
Artigo 6. Formas de obtención
- A certificación galega de competencias dixitais obterase mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
- Non obstante, non terán que superar esta proba para obter igualmente a certificación galega de competencias dixitais as persoas que xa teñan acreditados os seus coñecementos por calquera dos medios seguintes:
- a) Obtención por acreditación de formación superada e certificada na Administración xeral de Galicia e do seu sector público, cuxos contidos estean homologados como habilitantes para a obtención dalgunha das certificacións recollidas neste decreto.
- b) Obtención dunha acreditación de unidades de competencia incluídas no Catálogo nacional das cualificacións profesionais cuxo ámbito competencial cubra os contidos formativos que se recollan no Marco galego de competencias dixitais.
- c) Obtención por validacións, homologacións e recoñecemento de certificados de competencias dixitais doutras administracións públicas, ou a través da acreditación de títulos, diplomas ou certificados oficiais que acrediten ter os coñecementos, competencias e aptitudes descritas para a obtención dalgunha das certificacións recollidas neste decreto.
- Os criterios de validación, homologación e recoñecemento desenvolveranse mediante orde da consellería competente en materia de facenda e administración pública, e quedarán recollidos e publicados no documento «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais», con indicación de cal é o nivel e dimensión ou competencia a que dan acceso.
Artigo 7. Probas de avaliación
- As probas avaliativas poderán realizarse en formato presencial ou a distancia a través da rede de internet, e poden fornecerse modelos mixtos e en todo caso garantindo a fidedigna identificación da persoa que realiza a proba.
- A identidade das persoas que realicen as probas quedará garantida polo uso de servizos de autenticación baseados no uso de certificado electrónico, DNIe, autenticación Chave365, usuario e contrasinal previamente asignados ou polo uso doutros sistemas de identificación dixital.
- As probas de avaliación consistirán na realización de exercicios demostrativos de coñecementos e da posesión de habilidades, competencias e aptitudes, en dar resposta a preguntas de diferente natureza e en resolver casos diversos ou actividades prácticas.
- Promoverase o modelo de convocatoria continua online e cunha ampla oferta de lugares e datas onde realizar as probas presenciais. As persoas poderán elixir de entre a oferta dispoñible a data, o lugar e a hora para o exame. Co fin de garantir a igualdade de oportunidades, a oferta estará distribuída por todo o territorio galego e contará cunha rede de centros colaboradores ou lugares autorizados.
- As persoas interesadas que non se presenten sen xustificación a unha proba ou, presentándose, non a superen non se poderán volver a presentar a unha nova proba ata que teña discorrido un prazo mínimo dun mes contado desde a data de realización.
- A proba de avaliación levarase a cabo indistintamente en lingua galega ou castelá, e a lingua poderá ser elixida de xeito voluntario ao inicio da proba.
- As ferramentas dixitais que se empreguen na certificación galega en competencias dixitais terán que cumprir as pautas de accesibilidade ao contido na Web 2.0 establecidas polo Consorcio da World Wide Web.
- Así mesmo, as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poderán pedir, na solicitude de participación, a adaptación ou adecuación do tempo e dos medios materiais necesarios para a súa realización.
- Co fin de garantir un acceso igualitario á certificación galega en competencias dixitais, poderán promoverse convocatorias extraordinarias para persoas con discapacidade que impulsen a súa integración dixital.
- As persoas usuarias, ademais de obter o certificado que acredita a certificación galega en competencias dixitais acadada, poderán obter tras as probas un informe do exame con recomendacións de novos itinerarios formativos para mellorar os seus coñecementos ou avanzar de nivel.
Artigo 8. Solicitude de certificación
- As persoas interesadas en obter a certificación presentarán unha solicitude dirixida á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante o modelo normalizado que estableza a dita axencia pública autonómica, no cal figurará a documentación que as persoas interesadas deberán presentar para acreditar estar en condicións de obter a dita certificación.
- Promoverase a xestión dixital completa, segura e automatizada, seguindo os criterios de desenvolvemento da administración electrónica na Administración xeral de Galicia e do seu sector público, tanto para a inscrición, a reserva de data de exame, as comunicacións, a xestión do rexistro de certificacións e de entidades colaboradoras, e o acceso das persoas interesadas á información da súa certificación e descarga do seu certificado ou informe en formato dixital.
- Para poder participar en calquera das formas de avaliación establecidas para a obtención do certificado galego en competencias dixitais, as persoas interesadas terán que satisfacer o pagamento das taxas legalmente establecidas.
Artigo 9. Expedición e formato de certificados
- A expedición do certificado previsto nos artigos anteriores é competencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
- Establecerase o formato dixital e de documento electrónico como o principal para o certificado galego en competencias dixitais, independentemente da súa forma de obtención. Poderán empregarse outros formatos complementarios.
- Os certificados incorporarán marcas de seguridade e de autenticidade, e numeraranse mediante series alfanuméricas, independentemente da forma e soporte de expedición.
- Cada certificado identificarase cun número único.
- As persoas que acaden unha certificación galega en competencias dixitais poderán dispor do seu certificado dixital en liña ou tamén poderán dirixir unha solicitude á unidade competente na xestión do rexistro galego de competencias dixitais para obteren unha copia do certificado en papel, numerada e asinada.
- O certificado, en calquera dos seus formatos, terá polo menos o seguinte contido:
- a) A identificación da área de dominio, competencia e nivel de aptitude certificado, nos termos establecidos nas dimensións que conforman o Marco galego de competencias dixitais.
- b) Os coñecementos, capacidades e aptitudes que se acreditan.
- c) Os datos identificativos da persoa titular da certificación.
- d) O código do certificado.
- e) A data de certificación e modo de obtención.
- f) E, se é o caso, do centro formador e/ou avaliador autorizado.
- A certificación en competencias dixitais das persoas empregadas públicas formará parte integrante do seu expediente profesional.
- A expedición de copias auténticas do certificado galego en competencias dixitais rexerase polo disposto no artigo 64 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
- No caso de que unha persoa obteña máis dunha certificación en áreas de dominio e niveis de aptitude diferentes, poderanse expedir certificados acumulativos coas condicións e contidos anteriormente descritos.
CAPÍTULO III
Xestión do Marco galego de competencias dixitais
e da certificación galega en competencias dixitais
Artigo 10. Órganos competentes
Os órganos e entidades que se refiren a continuación deben garantir, nos termos establecidos neste decreto, o dereito da cidadanía a dispor dun medio de acreditación das competencias dixitais:
- a) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como entidade xestora.
- b) O comité especializado para a definición e concreción do Marco galego de competencias dixitais.
- c) As entidades públicas e privadas colaboradoras.
Artigo 11. Entidade xestora
- Corresponden á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia as seguintes funcións:
- a) A xestión do Marco galego de competencias dixitais.
- b) A aprobación do documento de «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais» e das súas actualizacións.
- c) A xestión do proceso de certificación galega de competencias dixitais e de expedición do certificado.
- d) A xestión do Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras.
- A aprobación do documento de «Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais» e das sucesivas actualizacións farase por resolución da persoa titular da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, por proposta do seu consello reitor.
- Adicionalmente corresponderá á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia:
- a) Levar a cabo as actuacións de carácter técnico e material que sexan necesarias para executar as previsións de acadar o establecemento do Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais do xeito que se prevé neste decreto.
- b) Promover a difusión do Marco galego de competencias dixitais.
- c) Promover acordos ou convenios de colaboración con outras administracións nacionais ou internacionais, e entidades públicas e privadas, que permitan o desenvolvemento dos plans de implantación necesarios para o desenvolvemento das accións reguladas neste decreto.
Artigo 12. Comité especializado para a definición do Marco galego de competencias dixitais
- Créase o Comité especializado para a definición do Marco galego de competencias dixitais, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que terá como finalidade a definición e actualización continuada do dito marco e o seguimento da súa implantación.
- Son funcións deste comité especializado:
- a) Propoñer os contidos concretos do Marco galego de competencias dixitais, así como a súa actualización para a adaptación ás necesidades dos colectivos de persoas destinatarias.
- b) Propoñer os criterios de homologación de formacións previas para acadar a certificación.
- c) Propoñer o recoñecemento de equivalencias con outras acreditacións, títulos, diplomas ou certificados ou títulos na materia, así como propoñer os criterios de validacións, equivalencias, homologacións e recoñecemento de certificacións de competencias dixitais doutras administracións.
- d) Facer seguimento do proceso de avaliación das competencias e propor estratexias para acadar os obxectivos do modelo de acreditación, desde a perspectiva técnica e pedagóxica.
- Este comité especializado estará composto por dúas persoas designadas por cada un dos seguintes departamentos e entidades: a entidade xestora deste Marco galego de competencias dixitais, os departamentos con competencia en materia de función pública, o departamento competente en materia de formación profesional para o emprego, o departamento con competencias na ordenación e desenvolvemento das ensinanzas no sistema educativo galego, na formación e desenvolvemento profesional do profesorado que presta servizo nos centros do sistema educativo galego; así como as escolas de formación da Administración pública galega. Na composición do comité respectarase o principio de composición equilibrada entre mulleres e homes.
- Corresponderá a presidencia do comité á representación da entidade xestora do Marco galego de competencias dixitais.
- Poderanse invitar a participar neste comité especializado outros departamentos, outras administracións ou entidades públicas ou privadas, en función da materia que se vaia tratar, para unha mellor concreción das áreas de interese na materia deste decreto.
Artigo 13. Entidades públicas colaboradoras
- A Escola de Administración Pública de Galicia (EGAP), a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e as outras escolas de formación do persoal da Administración xeral de Galicia e do seu sector público, así como a propia Amtega a través das aulas da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica (Rede Cemit) cooperarán, no seu ámbito de competencia, na execución das actuacións para a xestión da certificación en competencias dixitais, e están habilitadas e autorizadas para a formación e avaliación para a súa obtención.
- Nos programas de formación promovidos polas escolas de formación do persoal empregado público incluiranse os plans de capacitación dixital que garanten a posibilidade de obtención da acreditación para o persoal empregado público. A estes plans poderá acceder o persoal empregado público doutras administracións no territorio galego.
Artigo 14. Outras entidades colaboradoras
- A Amtega poderá asinar convenios con entidades recoñecidas como colaboradoras que faciliten a implantación do Marco galego de competencias dixitais, que serán habilitadas e autorizadas de acordo coas previsións deste decreto.
- As entidades colaboradoras interveñen no proceso de obtención da certificación galega en competencias dixitais mediante a disposición de instalacións e recursos para a celebración de probas avaliadoras ou a realización de actividades informativas, divulgativas, de asesoramento ou formativas para a obtención da certificación galega en competencias dixitais. Nos correspondentes instrumentos de colaboración delimitaranse os colectivos concretos e o alcance das actuacións.
- Por orde da consellería competente en materia de facenda e Administración pública, por proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, estableceranse os requisitos para a autorización das entidades colaboradoras e o procedemento administrativo de autorización. Corresponderá á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a tramitación dos procedementos de autorización, o seu seguimento técnico e administrativo, así coma o cumprimento e a súa supervisión.
- O persoal das entidades colaboradoras que interveñan como formadores, capacitadores, examinadores ou orientadores para acadar un determinado nivel da certificación galega en competencias dixitais, deberán contar con acreditación da certificación de competencias dixitais na área de dominio e competencia, e cun nivel de aptitude igual ou superior a aquel en que estean a colaborar.
- Poden adquirir a condición de entidades colaboradoras:
- a) Os centros de innovación e formación para o emprego dependentes do Servizo de Emprego de Galicia, así como os seus centros colaboradores.
- b) Outros centros, públicos ou privados que teñan como principal finalidade realizar actividades de ensino, formación, integración dixital ou de desenvolvemento do ecosistema económico dixital galego.
Artigo 15. Capacitación, divulgación e autoavaliación
- De conformidade co artigo 14 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, fomentarase a existencia dunha oferta de capacitación dixital suficiente para a obtención da certificación galega de competencias dixitais. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia elaborará o plan de capacitación para a preparación da certificación galega en competencias dixitais e porá ao dispor da cidadanía os medios e contidos necesarios para o seu desenvolvemento.
- Corresponde á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a facultade de levar a cabo as accións de divulgación sobre as competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, e promover a diagnose certa da realidade por vías diferentes ás de certificación e acreditación, como xeito de identificar as fendas de competencias, eliminar a crenza do falso dixital ou evidenciar a realidade comparativa co novo marco de competencias dixitais, aplicando a perspectiva de xénero nestas accións.
Artigo 16. A certificación galega en competencias dixitais e os procesos de emprego público
A acreditación da certificación dentro do Marco galego de competencias dixitais poderán valorarse como mérito ou establecerse como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal, nos termos que estableza a normativa reguladora da función publica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público ou doutras entidades do sector público autonómico nas súas áreas de competencia.
CAPÍTULO IV
Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais
e de entidades colaboradoras
Artigo 17. Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras
- Créase o Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras, co fin de simplificar a xestión da certificación e facilitar o seu arquivamento e control.
- O Rexistro estará adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que asume todas as funcións asociadas á xestión do Rexistro e, en particular, as seguintes:
- a) Informar, asesorar e orientar sobre a certificación e o Rexistro.
- b) Xestionar o proceso de inscrición e consulta das certificacións rexistradas.
- c) Resolver as reclamacións presentadas polas persoas usuarias do Rexistro.
- d) Preparar e emitir informes de seguimento relativos á certificación e ao funcionamento do Rexistro e realizar propostas de mellora.
- e) Elaborar periodicamente estatísticas dos datos reflectidos no Rexistro en coordinación co órgano estatístico sectorial que corresponda. Estas estatísticas faranse públicas a través do portal institucional http://www.xunta.es
Artigo 18. Contido e funcionamento do Rexistro
- O Rexistro organizarase en función do código das certificacións. Cada certificación recollerá, ademais do contido previsto no artigo 9, os datos relevantes para o funcionamento do Rexistro.
- Inscribiranse de oficio as certificacións de competencias dixitais, así como as súas renovacións, as emisións de duplicados e copias dixitais, de xeito que se poderá extraer para cada persoa interesada, identificada polo seu número de DNI ou NIE, unha lista das certificacións obtidas, vixentes, renovadas ou caducadas.
- As entidades colaboradoras autorizadas inscribiranse de oficio no Rexistro, farase publicidade da súa colaboración e estarán obrigadas a exhibir en lugar visible para as persoas usuarias os distintivos de entidade colaboradora. A declaración de ineficacia sobrevida, segundo o establecido no número 3 do artigo 14, comportará a cancelación da inscrición rexistral correspondente e o cesamento da colaboración por decisión unilateral ou acordo entre as partes.
Artigo 19. Acceso aos datos do Rexistro
- Os datos contidos no Rexistro poderán ser consultados de xeito electrónico e a través de sistemas de interoperatividade:
- a) Polo sector público autonómico de Galicia.
- b) Por outras administracións públicas ou entidades instrumentais vinculadas a estas ou dependentes delas.
- c) Polas persoas titulares da certificación ou as que elas autoricen, respecto da súa certificación e por accesos dixitais.
- Os datos de carácter persoal que consten na documentación de cada certificación e no Rexistro protexeranse conforme o previsto na normativa vixente.
Disposición adicional única. Competencias dixitais docentes no sistema educativo galego
- A avaliación, recoñecemento, acreditación e rexistro das competencias dixitais docentes no ámbito do sistema educativo galego corresponderá á consellería competente en materia de educación, que terá en conta o marco de referencia establecido na Resolución do 2 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación sobre o marco de referencia da competencia dixital docente e de acordo co establecido na normativa de aplicación en materia de educación e formación.
- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería competente en materia de educación establecerán mecanismos de coordinación dos procesos de xestión do Marco galego de competencias dixitais e o Rexistro de certificacións de competencias dixitais e os que se establezan no sistema educativo galego.
- Así mesmo, serán establecidas as correspondentes equivalencias das competencias dixitais docentes obtidas no sistema educativo coas que se establezan no Marco galego de competencias dixitais para os cidadáns de Galicia de acordo cos procedementos e polos órganos establecidos no presente decreto.
Disposición transitoria única. Validez das certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática
- As certificacións galegas de competencias dixitais en ofimática (CODIX) emitidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto ao abeiro do disposto no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, serán válidas e producirán efectos ata que se aproben os criterios para o procedemento da súa homologación.
- As convocatorias para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) realizadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto rexeranse pola normativa anterior.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, así como cantas normas regulamentarias preexistentes resulten contrarias ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
A persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública poderá ditar cantas disposicións normativas sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto, por proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Certificacións CODIX
- No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto ditarase a orde pola cal se aprobarán os criterios de homologación da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro.
- No caso do persoal empregado público estableceranse, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, os criterios de validacións das acreditacións que se teñan obtido e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías dixitais na administración pública, con contidos vixentes e aplicables.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022.
Santiago de Compostela, dous de setembro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública