Calidad alimentaria de GALICIA

LEI 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar y su texto íntegro, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
>

Exposición de motivos

I

Galicia, grazas á súa posición xeográfica, ao seu longo e sinuoso perfil costeiro e á súa accidentada orografía, contén unha gran diversidade de microclimas que, unida á presenza de solos moi diversos, deu lugar a unha rica agricultura produtora de materias primas dun inmenso valor culinario, que se suman á variadísima oferta de produtos da pesca, da acuicultura e do marisqueo. A esta influencia do medio natural haille que engadir o saber facer xeracional das mulleres e homes do noso agro, preservando o patrimonio xenético que representan as variedades e razas autóctonas, facendo uso de técnicas de cultivo, produción e elaboración tradicionais e enchendo de vida o noso rural.

Esta riqueza de materias primas de primeira calidade deu lugar a unha variada gastronomía, que é un dos principais atractivos da nosa oferta turística. Isto aumenta a importancia e o valor da actividade das persoas que traballan no mar e no agro en Galicia e mais das empresas que transforman e comercializan os nosos produtos alimenticios. Na conformación dese patrimonio gastronómico tiveron unha especial relevancia as mulleres galegas, que souberon gardar e transmitir de xeración en xeración coñecementos culinarios e de dietas, así como as formas de conservación, de condimentación e de elaboración de alimentos segundo o ciclo anual. Esas materias primas e esa cultura culinaria son a base do que xa se coñece como «dieta atlántica», que dá un papel principal a peixes e mariscos, verduras e hortalizas, pero tamén inclúe hidratos de carbono, lácteos, aceite de oliva e un consumo moderado de carne e viño. Esta dieta contén todos os ingredientes necesarios para unha alimentación saudable.

O sector agroalimentario galego está composto principalmente por pequenas explotacións agrarias, a maioría de tipo familiar, e un bo número de industrias que transforman as materias primas que aquelas lles fornecen. Neste sector agroindustrial conviven empresas de considerable tamaño con multitude de microempresas. Estas agroindustrias atópanse espalladas por todo o territorio galego, moitas veces próximas ás zonas de produción das materias primas e, polo tanto, afastadas das zonas máis desenvolvidas da comunidade autónoma, razón pola cal son un elemento importante para xerar riqueza e para dinamizar áreas do noso territorio en que son escasas outras actividades industriais. Alén diso, determinadas actividades agrarias, como a gandaría extensiva e a viticultura, son fundamentais para protexer o territorio, para frear o abandono do medio rural, para manter a paisaxe e a biodiversidade e para previr os incendios forestais.

Así mesmo, a actividade pesqueira, do marisqueo e da acuicultura reflicte unha situación similar canto á tipoloxía das empresas que integran o sector.

Son moitas as empresas alimentarias galegas que están a facer unha importante aposta pola diversificación das súas producións e a calidade destas, pola innovación e pola apertura cara a novos mercados. Certamente, a calidade e a diversidade da produción alimentaria de Galicia constitúen uns dos seus principais activos, o cal non só contribúe a engrandecer o noso patrimonio cultural e gastronómico, senón que permite ofrecer unha vantaxe competitiva ás persoas operadoras alimentarias e proxecta unha imaxe moderna, dinámica e actual do rural galego.

Pola súa vez, a cidadanía aumentou a demanda de produtos de calidade e máis sustentables, así como a de produtos tradicionais e locais. Por iso, a industria alimentaria debe continuar apostando polo valor engadido, pola sustentabilidade, pola innovación tecnolóxica e pola dixitalización, para camiñar cara a unha Galicia con máis calidade, máis verde e máis innovadora. Ao mesmo tempo, o sector necesita comunicar ás persoas consumidoras as características da súa produción, identificando correctamente os seus produtos no mercado. Todo isto no marco dunha competencia leal.

Neste senso, os avances tecnolóxicos deben levar as persoas operadoras alimentarias a perseguiren o desenvolvemento de solucións holísticas de rastrexabilidade cunha visión integral da cadea alimentaria. Estas solucións deben ter por obxectivo unificar, enriquecer e establecer estándares de reporting, así como crear sistemas de marcaxe física que permitan identificar o produto ou o lote de forma unívoca, posibilitando a captura dos datos de maneira automatizada e o seu rexistro nunha base de datos compartida e inalterable.

Os cambios experimentados na produción e na comercialización alimentaria, a incorporación de novas tecnoloxías e formas de comercialización e o incremento dos intercambios entre estados fan necesario acometer unha adaptación da normativa á nova situación, establecendo medidas que permitan controlar os alimentos destinados á Comunidade Autónoma de Galicia ou procedentes dela.

Tamén se debe ter en conta que o Parlamento Europeo publicou a Resolución do 14 de xaneiro de 2014 sobre a crise alimentaria, as fraudes na cadea alimentaria e o control ao respecto [2013/2091(INI)], en que se recoñece un grande incremento da fraude alimentaria e en que se insta a Comisión Europea e os estados membros para incrementaren e reforzaren os controis oficiais, ademais dos medios humanos e materiais dispostos para loitar contra a fraude alimentaria. Tamén declara o seu apoio á proposta da Comisión Europea de endurecer as sancións impostas polos incumprimentos da lexislación alimentaria, para estas seren efectivas na disuasión das condutas fraudulentas.

Neste contexto adquiren unha relevancia especial a protección, o fomento e o desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada –como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas–, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permiten ás persoas consumidoras identificaren os produtos con valores e utilidades que merezan a súa confianza, alén de asegurar rendas dignas aos produtores e ás produtoras que compensen o seu esforzo.

Con esta finalidade e, en xeral, coa de garantir a calidade dos alimentos que se produzan ou que se comercialicen en Galicia, hai xa máis de dezaoito anos que se publicou a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega. Aínda que o desenvolvemento do sector foi positivo e a lei se mostrou como unha ferramenta útil para a evolución da calidade dos produtos alimenticios galegos, persisten problemas e hai novos retos que fan necesaria a súa actualización. Por outra banda, cómpre dirixir a actuación da Administración autonómica cara ao obxectivo de que os produtos alimenticios de calidade diferenciada da nosa comunidade autónoma sexan accesibles ao conxunto da poboación e que a calidade diferenciada non chegue a ser sinónimo de acceso diferenciado.

A evolución que experimentou o sector alimentario e a experiencia acumulada nestes anos de aplicación, alén dos cambios que se produciron no marco legal comunitario e español en materia de regulación da calidade alimentaria, fan preciso establecer unha nova regulación da calidade alimentaria en Galicia. Neste contexto, hai que sinalar que o marco normativo comunitario e español sobre a calidade alimentaria, tanto no tocante á calidade alimentaria estándar –a relacionada co cumprimento de normas obrigatorias– coma no tocante á calidade alimentaria diferenciada –a vinculada co cumprimento de normas de carácter voluntario– experimentou unha profunda modificación nos anos transcorridos desde a aprobación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro. Deste xeito, no ámbito da calidade alimentaria estándar, en 2017 aprobouse un novo regulamento sobre o control oficial dos alimentos, o Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios, e, anos antes, a normativa comunitaria sobre a etiquetaxe dos alimentos, o Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor.

Pola súa parte, no ámbito da calidade diferenciada a normativa europea tamén mudou profundamente desde a aprobación da citada Lei 2/2005, do 18 de febreiro. Así, após a aprobación desa lei publicáronse os seguintes regulamentos, algúns deles con especificacións que tamén afectan aspectos da calidade estándar: o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, que regula as denominacións de orixe protexidas (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP) do sector alimentario e as especialidades tradicionais garantidas (ETG); o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que regula as DOP e IXP do sector vitivinícola; o Regulamento (UE) 2019/787 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de abril de 2019, sobre a definición, designación, presentación e etiquetaxe das bebidas espirituosas, a utilización dos nomes das bebidas espirituosas na presentación e etiquetaxe doutros produtos alimenticios, a protección das indicacións xeográficas das bebidas espirituosas e a utilización de alcohol etílico e destilados de orixe agrícola nas bebidas alcohólicas, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 110/2008; e o Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello.

Así mesmo, a normativa estatal tamén experimentou importantes cambios nos últimos anos. Así, no eido da calidade alimentaria estándar aprobouse a Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, que centra o seu obxecto nos aspectos técnicos das regulamentacións técnico-sanitarias e na normativa da Unión Europea e nacional que regula as características dos alimentos ou os seus procesos de produción e que teñen contido esencialmente económico, por estaren dirixidas a tentar previr fraudes alimentarias e a mellorar a calidade dos bens postos no mercado, superpoñendo a todas elas uns sistemas comúns de autocontrol acreditado, control oficial administrativo e réxime sancionador do seu incumprimento.

Ademais, dentro do campo da calidade diferenciada, a nivel estatal aprobouse a Lei 6/2015, do 12 de maio, de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de ámbito territorial supraautonómico, que, se ben regula principalmente as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas cuxo ámbito territorial abrangue máis dunha comunidade autónoma, tamén ten algúns preceptos de aplicación básica. A aprobación tardía desta normativa estatal fronte á normativa que se aprobara con anterioridade desde varias comunidades autónomas, como é o caso de Galicia, e a formulación dalgúns conflitos de competencia resoltos no Tribunal Constitucional tamén fan necesario modificar a lexislación galega para a adecuar a estes cambios e facilitar a súa aplicación.

Doutra banda, desde a aprobación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, produciuse un importante avance na profesionalización do funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, especialmente no que se refire á súa actividade de control e certificación, función que se delegou nos consellos reguladores de maior dimensión económica e que, polo tanto, teñen unha estrutura organizativa mínima que fai viable esa delegación. Con todo, a norma internacional a que debe axustarse o funcionamento dos organismos de certificación de produtos tamén cambiou desde a aprobación da Lei 2/2005, polo que hoxe os consellos reguladores en que se delegou a tarefa de certificar os produtos amparados deben adecuar o seu funcionamento á norma UNE-EN-ISO/IEC 17065:2012 para poderen contar coa acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac).

A creación no ano 2018 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria supón unha importante aposta da Xunta de Galicia polo fortalecemento da calidade alimentaria diferenciada galega e polo apoio á profesionalización dos consellos reguladores, non só pola vía das axudas públicas ao seu funcionamento e ás súas actividades de promoción e de control e certificación da produción, senón tamén mediante o acompañamento na súa xestión ordinaria. O obxectivo final é o impulso do conxunto da calidade alimentaria diferenciada galega como unha actividade que dea rendibilidade aos diferentes elos das respectivas cadeas de valor, procurando o desenvolvemento dunha actividade no territorio que sexa económica, social e ambientalmente sustentable.

Sen prexuízo deste labor de actualización lexislativa, son obxecto desta lei o impulso da calidade diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia e o establecemento das bases para o control oficial do cumprimento dos requisitos establecidos para a comercialización dos produtos alimenticios e a persecución da fraude alimentaria.

A produción agroalimentaria en Galicia mantén o prestixio que historicamente fai que sexa recoñecida no resto do Estado español pola súa calidade, asociándose a producións sustentables moi vencelladas ao territorio e con capacidade para fixaren poboación no rural, grazas ao mantemento e á creación de postos de traballo. A loita contra as prácticas desleais na produción e na comercialización de alimentos debe ser un obxectivo prioritario. Este labor de control, sustentado no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a aplicación da lexislación en materia de alimentos e pensos, constitúe un elemento indispensable para garantir a lealdade das transaccións comerciais e a seguridade xurídica das diferentes persoas operadoras e para non defraudar as expectativas das persoas consumidoras. Así mesmo, o citado regulamento, no seu artigo 139, prevé que os estados membros establecerán normas sobre as sancións aplicables ás infraccións da lexislación en materia de alimentos e que tomarán todas as medidas necesarias para garantir a súa aplicación. Indica, ademais, que as sancións establecidas deberán ser eficaces, proporcionadas e disuasorias.

Por outra parte, esta lei impulsa a calidade diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia, mellorando, integrando e desenvolvendo a súa regulación e reforzando a posta en valor dos produtos de calidade a través do apoio ás denominacións de orixe protexidas, ás indicacións xeográficas protexidas e a outras figuras de protección, para que os produtos galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía. Preténdese deste modo favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva e proporcionar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e de comercialización.

En relación co impulso ás producións de calidade diferenciada a que nos estamos a referir, esta lei tamén regula os consellos reguladores, entidades que se constitúen como corporacións de dereito público para xestionaren as figuras de protección da calidade daqueles sectores e produtos de calidade diferenciada que teñen unha maior capacidade autoorganizativa. Estas figuras de protección da calidade diferenciada poden coexistir con outras marcas de calidade, de titularidade pública ou promovidas por calquera administración, que garanten a calidade das nosas producións e que poden ser instrumentos útiles para a súa promoción no mercado.

A demanda de produtos diferenciados e exclusivos que ofrece a artesanía alimentaria, debido ao seu carácter local e artesanal, móstrase útil como motor de desenvolvemento das economías rurais, ao propiciar a instalación de pequenas industrias e explotacións agrarias, o cal contribúe ao asentamento da súa poboación. A produción artesanal alimentaria é unha actividade de suma importancia para a Comunidade Autónoma de Galicia, polo que é preciso conservar, protexer e regular aqueles métodos de produción artesanais realizados por pequenas empresas ou explotacións agrarias en que a intervención persoal de quen exerce a súa titularidade é relevante no proceso produtivo. A Comunidade Autónoma de Galicia apostou decididamente pola produción artesanal coa aprobación do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.

O Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro, sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor, salienta a importancia das novas tecnoloxías na comercialización de produtos alimenticios, en particular a venda a distancia, polo que resulta necesario que sexa obxecto desta lei reforzar o seu control oficial.

Nos últimos anos produciuse un incremento substancial dos sistemas privados de certificación da calidade. Estas certificacións están baseadas en normas internacionalmente recoñecidas e confían a garantía de que os produtos cumpren os requisitos establecidos a unha terceira parte independente dos intereses das empresas que operan no mercado e das persoas consumidoras, as entidades de control e certificación. En moitos mercados, este tipo de certificacións estase a converter nunha condición imprescindible para acceder a eles. Neste contexto, regúlase nesta lei a necesidade de que estas entidades de control e certificación, cando exerzan actividades relacionadas coa verificación do cumprimento de esquemas de certificación públicos, realicen unha declaración responsable ante a autoridade competente, de xeito que pasen a formar parte dun rexistro de entidades de certificación.

No ámbito da calidade e como mecanismo para garantir a transparencia nas transaccións comerciais e o equilibrio na cadea comercial, o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, establece a obrigatoriedade da clasificación de canais de gando vacún e porcino, así como a voluntariedade para cada estado membro de aplicar a clasificación de canais no caso do gando ovino e caprino. Para garantir o correcto cumprimento das disposicións recollidas na normativa comunitaria e na procura dunha maior transparencia comercial e seguridade xurídica das persoas operadoras, faise necesario establecer un réxime de infraccións e sancións específico neste ámbito.

A transformación dos sistemas alimentarios e de uso da terra do mundo é necesaria para lograr os obxectivos para o clima e o desenvolvemento sustentable establecidos nos Obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e o Acordo de París sobre o cambio climático. As autoridades públicas xogan un rol importante dado o seu papel no establecemento e na promulgación de regras económicas e sociais. A importancia particular das administracións na creación da contorna propicia para o cambio cara a unha agricultura máis produtiva e rexenerativa débese ver reflectida na incorporación da sustentabilidade alimentaria neste texto, de xeito que esta lei se converta nunha ferramenta para desencadear e acelerar o tránsito cara a uns sistemas alimentarios máis sustentables na comunidade autónoma.

A transición a unha economía hipocarbónica, máis sustentable, eficiente no uso dos recursos e circular, en consonancia cos Obxectivos de desenvolvemento sustentable, é fundamental para garantir a competitividade no longo prazo da economía da Unión Europea. Recoñecendo este reto, a Comisión presentou o Pacto verde europeo en decembro de 2019. O Pacto verde europeo constitúe unha nova estratexia de crecemento destinada a transformar a Unión nunha sociedade equitativa e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na cal non haberá emisións netas de gases de efecto invernadoiro a partir de 2050 e o crecemento económico estará disociado do uso dos recursos. En relación coa produción agraria, destaca a importancia das agricultoras e dos agricultores europeos na xestión da transición cara aos obxectivos fixados pola Unión e a importancia de apoiar os esforzos para facer fronte ao cambio climático, protexer o medio e preservar a biodiversidade, a través da definición de sistemas alimentarios sustentables.

En liña co anterior, o 20 de maio de 2020 a Comisión Europea adoptou a Estratexia sobre a biodiversidade e a Estratexia «da granxa á mesa», en prol dun sistema alimentario equitativo, san e respectuoso co medio. As dúas estratexias refórzanse mutuamente, xa que conxugan a natureza, os agricultores e as agricultoras, as empresas e as persoas consumidoras en prol dun futuro sustentable e competitivo. En concordancia co Pacto verde europeo, ambas as estratexias propoñen accións e compromisos ambiciosos da Unión Europea para acoutar a perda de biodiversidade e converter os nosos sistemas alimentarios en modelos para o mundo, en beneficio da sustentabilidade competitiva e da protección da saúde humana e planetaria, sen esquecer os medios de subsistencia de todas as partes na cadea de valor alimentaria.

En definitiva, os obxectivos da Unión Europea son: reducir a pegada ambiental e climática do seu sistema alimentario e reforzar a súa resiliencia, garantir a seguridade alimentaria fronte ao cambio climático e a perda de biodiversidade e mais liderar unha transición global cara á sustentabilidade competitiva «da granxa á mesa», aproveitando as novas oportunidades. Isto contribuirá a lograr a aspiración a unha contaminación cero do Pacto verde da UE.

De acordo con estes antecedentes, nesta lei recóllese a creación dun referencial que servirá para identificar no mercado os produtos que se obtiveron conforme unhas normas que garanten a súa sustentabilidade, entendida esta non só desde o punto de vista ambiental, senón tendo en conta tamén os aspectos económicos e sociais. As persoas produtoras primarias do agro e do mar desempeñan un papel chave na transición cara a un sistema alimentario máis equitativo e sustentable e recibirán apoio da política agrícola común e da política pesqueira común a través de novos fluxos de financiamento e de réximes ecolóxicos para adoptaren prácticas sustentables. Polo tanto, facer da sustentabilidade unha marca abre novas oportunidades de negocio e diversifica as fontes de ingresos tanto para as mulleres e os homes do campo e do mar coma para as empresas alimentarias.

De acordo co anterior, seguindo os principios de responsabilidade social e ambiental e as recomendacións da Unión Europea e da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), introdúcese a compra ou a contratación pública verde de produtos alimenticios como instrumento mediante o cal as autoridades públicas poderán adquirir produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido durante o seu ciclo de vida e que acheguen beneficios ambientais e sociais. Isto concretarase mediante a aprobación por parte do Consello da Xunta, tras a proposta da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, dunha guía procedemental que recollerá as condicións ou os criterios sociais, ambientais e de calidade alimentaria que resulten axeitados nos contratos do sector público autonómico que teñan por obxecto a subministración de alimentos ou nos contratos de servizos ou de concesión de servizos para cuxa execución sexa imprescindible utilizar este tipo de produtos.

Esta lei dítase de conformidade coa ordenación básica estatal e en execución, cumprimento e desenvolvemento do dereito da Unión Europea, sistematizando nunha única disposición a complexa normativa na materia da calidade alimentaria, favorecendo a mellora da seguridade xurídica das persoas operadoras e dos axentes implicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

II

Esta lei estrutúrase nunha exposición de motivos, onde se resume de forma breve os obxectivos do texto e as novidades introducidas na regulación da calidade alimentaria, e nunha parte dispositiva, dividida nun título preliminar, sete títulos e as disposicións adicionais, transitorias, derrogatoria e derradeiras necesarias para a súa aplicación e entrada en vigor.

O título preliminar establece o obxecto, o ámbito de aplicación e os fins desta lei, así como as súas definicións xerais.

O título I ten por obxecto as competencias e a organización administrativa e institucional no ámbito da calidade alimentaria. Divídese en dous capítulos, destinados a regular as competencias e a organización administrativa e mais os órganos de asesoramento, consulta e participación. En particular, establécese neste título a regulación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e créanse dous novos órganos de consulta e participación, o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia.

O título II regula a aseguranza da calidade alimentaria. No capítulo I establécese o concepto e o ámbito da aseguranza da calidade alimentaria. No capítulo II regúlanse as obrigas das persoas operadoras alimentarias en relación co cumprimento dos requisitos de calidade, así como o autocontrol e a súa modulación, e recóllese a posibilidade de establecer maiores exixencias para cada produto, sector ou tipo de persoa operadora. Igualmente, establécese a necesidade de sistemas de aseguranza baseados na rastrexabilidade que sexan efectivos, de xeito que permitan identificar e localizar as persoas subministradoras e receptoras e que obriguen as persoas operadoras a levaren un sistema de rexistros. Así mesmo, regula os produtos non-conformes, que deben ser retirados das canles de comercialización, e determina os destinos que se lles poden dar e a súa forma de identificación. Por último, incorpórase un capítulo III que ten por obxecto o sistema de certificación da sustentabilidade do sector agroalimentario galego.

O título III contén as disposicións relativas á calidade alimentaria diferenciada. No seu capítulo I, regúlanse as diferentes figuras de protección de calidade diferenciada; no capítulo II, as denominacións xeográficas de calidade; no capítulo III, as especialidades tradicionais garantidas; no capítulo IV, a produción ecolóxica; no capítulo V, a artesanía alimentaria; no capítulo VI, os produtos alimenticios tradicionais de Galicia; e, no capítulo VII, as obrigas das persoas operadoras alimentarias de calidade diferenciada. Neste título incorporáronse as novidades normativas introducidas con respecto á normativa anterior. Ademais, no capítulo VIII regúlase a promoción de marcas de garantía.

O título IV contén a regulación da xestión das figuras de protección da calidade diferenciada. O capítulo I regula a xestión destas figuras directamente pola administración. No capítulo II recóllese a posibilidade de delegación desas tarefas de xestión en consellos reguladores para o caso das denominacións de orixe protexidas, das indicacións xeográficas protexidas e para a produción ecolóxica. Esta delegación de tarefas de xestión, que pode incluír tamén as relativas ao control oficial do cumprimento das normas específicas da figura de protección da calidade por parte das persoas operadoras inscritas, poderase realizar cando se dean determinados requisitos que a fagan posible. Estes requisitos tamén se recollen neste capítulo. Alén diso, a regulación dos consellos reguladores que se fai neste título esténdese aos seus recursos e financiamento, ao que se dedica o capítulo III, e á súa supervisión, auditoría e tutela, cuestións que se abordan no capítulo IV. Así mesmo, desenvólvese o réxime de incumprimentos das funcións dos consellos reguladores no capítulo V, no cal se detallan as medidas aplicables polo incumprimento nas funcións de xestión e, de ser o caso, nas funcións de control delegadas, así como a posibilidade de revogar a súa autorización e de suspender e disolver os seus órganos de goberno. Polo seu lado, o capítulo VI prevé a creación de entidades asociativas sectoriais para aquelas figuras de protección da calidade diferenciada que non conten con entidades de xestión.

O título V establece as medidas de fomento aplicables no sector alimentario. Fai unha mención especial ás medidas relativas á calidade diferenciada e á compra pública verde.

O título VI establece as disposicións relativas ao control oficial e regula, no capítulo I, o control oficial da calidade de xeito xeral; no capítulo II, a toma de mostras; e, no capítulo III, as especificidades do control oficial das figuras de protección da calidade diferenciada.

O título VII ocúpase de regular a actividade inspectora realizada polo persoal funcionario da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes encargado do control do cumprimento da normativa sobre calidade alimentaria. Este título regula tamén o réxime sancionador. Os capítulos I, II e III regulan a inspección da calidade alimentaria, o establecemento e a adopción de medidas cautelares e as normas comúns en materia sancionadora. O capítulo IV incorpora o catálogo de infraccións para todas as persoas operadoras alimentarias en materia de calidade estándar e diferenciada e en control de canais, así como para as entidades de control e certificación. Esta regulación faise ao corresponder á Comunidade Autónoma ditar as normas administrativas sancionadoras naquelas materias substantivas en que ten competencia, após a Sentenza 142/2016, do 21 de xullo, ditada no recurso de inconstitucionalidade interposto en relación con diversos preceptos da Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, que declarou inconstitucional o catálogo de infraccións que con carácter básico contiña e que obrigaba, na falta de regulación autonómica, á aplicación supletoria do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e de produción agroalimentaria. Como novidade fronte á actual regulación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, o réxime de infraccións e sancións recollido nesta lei aplícase tamén ao viño e mais aos produtos derivados da uva e do viño; en particular, ao vinagre de viño, á augardente de bagazo e ao mosto.

Esta lei conta ademais con dúas disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

As disposicións adicionais establecen as normas relativas á colaboración interadministrativa e a constitución dos órganos colexiados creados na lei.

Pola súa banda, as disposicións transitorias establecen o réxime aplicable aos procedementos anteriores e as previsións sobre o desenvolvemento regulamentario relacionado cos consellos reguladores e a adaptación destes organismos a el.

Mediante a disposición derrogatoria única déixanse sen efecto as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ás disposicións desta lei; en particular, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

As disposicións derradeiras primeira e segunda inclúen as habilitacións para o desenvolvemento regulamentario da lei, así como para actualizacións do importe das sancións e penalizacións establecidas nela. Finalmente, nas disposicións derradeiras terceira e cuarta establécense normas sobre as remisións regulamentarias relativas á artesanía alimentaria contidas nesta lei e sobre a súa entrada en vigor.

Este texto legal dítase ao abeiro dos puntos 3 e 4 do artigo 30.I do Estatuto de Autonomía de Galicia, que outorga á nosa comunidade autónoma competencia exclusiva, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria, en materia de agricultura e gandaría, así como de denominacións de orixe, sendo esta última en colaboración co Estado.

No devandito marco competencial aprobáronse os reais decretos 4189/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de denominacións de orixe, e 2165/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria.

A lei foi axustada aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade e eficacia que prevé o artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. En concreto, adecúase aos principios de necesidade e eficacia, ao perseguir o interese xeral de mellorar o marco regulatorio da calidade alimentaria e ao tratarse do instrumento máis adecuado para garantir os obxectivos expostos. Así mesmo, garántese o principio de seguridade xurídica, dado que esta norma é coherente co resto do ordenamento xurídico e, en particular, unifica a normativa sancionadora dispersa na materia. Para alén diso, no seu contido procurouse establecer unha regulación clara que non supoña un incremento das cargas administrativas e que sexa respectuosa co principio de proporcionalidade.

No procedemento de elaboración desta lei respectáronse os principios de accesibilidade e transparencia e promoveuse a participación cidadá a través do Portal de transparencia e goberno aberto. Así mesmo, na tramitación do anteproxecto de lei seguíronse os trámites previstos na normativa aplicable, entre os cales se pode salientar o informe do Consello Agrario Galego, o informe da Comisión Galega da Competencia e o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de calidade alimentaria de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

Esta lei ten por obxecto:

  1. a) Establecer o marco normativo que permita asegurar e garantir na Comunidade Autónoma de Galicia a calidade dos produtos alimenticios producidos, elaborados ou comercializados no seu territorio e a súa conformidade coa normativa aplicable, na defensa da lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos das persoas produtoras primarias, operadoras económicas e profesionais do sector, así como das persoas consumidoras finais.
  2. b) Fomentar, potenciar e garantir a produción e a comercialización de alimentos de calidade diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia, así como favorecer o acceso de toda a poboación a produtos de calidade diferenciada.
  3. c) Regular os consellos reguladores cando estas entidades realicen a xestión de figuras de protección da calidade diferenciada.
  4. d) Determinar, en materia de calidade estándar e diferenciada dos produtos alimenticios, as obrigas das persoas que operan en Galicia, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador.
  5. e) Mellorar a eficacia do sistema de control oficial, perseguir a comisión das prácticas fraudulentas e establecer sancións disuasorias.
  6. f) Impulsar a sustentabilidade da produción alimentaria galega tanto desde o punto de vista ambiental coma do económico e o social.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Esta lei aplícase á totalidade das actuacións que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de calidade e conformidade dos procesos de produción, transformación, envasado, transporte, conservación e comercialización de produtos alimenticios e de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:
  3. a) Os aspectos relativos á saúde, á seguridade física das persoas ou dos animais, á sanidade animal e vexetal, ao benestar animal e á lexislación específica dos organismos modificados xeneticamente e da irradiación de produtos alimenticios.
  4. b) Os aspectos regulados pola normativa sobre requisitos hixiénico-sanitarios e seguridade alimentaria. Non obstante, os requisitos hixiénico-sanitarios que estean regulados na normativa específica das figuras de protección da calidade diferenciada non estarán excluídos do ámbito de aplicación da lei.
  5. c) As cuestións relacionadas coa produción primaria, agás as que teñan que ver coas obrigas específicas das persoas operadoras que produzan materias primas que se pretendan comercializar, directamente ou tras un proceso de transformación, baixo algún distintivo de calidade diferenciada e con aquelas obrigas que teñan as persoas operadoras primarias en aspectos relacionados coa comercialización e coa rastrexabilidade.
  6. d) Os aspectos regulados pola normativa específica sobre rastrexabilidade, etiquetaxe e información ás persoas consumidoras dos recursos mariños en fresco en relación coa descarga, a primeira venda e a súa comercialización, excepto os que teñan que ver coas obrigas específicas das persoas operadoras que produzan materias primas que se pretendan comercializar, directamente ou tras un proceso de transformación, baixo algún distintivo de calidade diferenciada.
  7. e) A oferta para a venda á persoa consumidora final. Non obstante, cando pola natureza das investigacións ou polo tipo de infracción que se persiga se considere necesario en prol de conseguir un marco de competencia leal entre as persoas operadoras, poderá estenderse a inspección e o control ao comercio polo miúdo.
  8. f) Os aspectos relacionados coa materia de disciplina de mercado e os de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

Artigo 3. Fins

  1. Os fins desta lei son os seguintes:
  2. a) Garantir e protexer a calidade dos produtos alimenticios producidos, elaborados ou comercializados en Galicia e contribuír a xerar un alto nivel de confianza neles e mais a valorizar a súa respectiva calidade.
  3. b) Protexer os dereitos das persoas operadoras da industria alimentaria e das persoas consumidoras, garantindo o cumprimento dos principios xerais de veracidade e de demostrabilidade da información que figure na etiquetaxe dos produtos alimenticios e evitando a confusión ás persoas consumidoras.
  4. c) Contribuír á unidade de mercado e á competitividade, ademais de á transparencia e a claridade do sector alimentario galego.
  5. d) Garantir a coordinación do control exercido sobre a calidade alimentaria polas autoridades competentes.
  6. e) Vixiar que os procesos de elaboración e de transformación dos produtos alimenticios se axusten á normativa vixente.
  7. f) Colaborar coa industria alimentaria e coas restantes persoas operadoras da cadea alimentaria para abordar cuestións que afecten os obxectivos desta lei.
  8. g) Fomentar a diversidade e a calidade dos produtos alimenticios galegos.
  9. h) Potenciar unha produción alimentaria de calidade, con equidade social e sustentabilidade ambiental e económica.
  10. i) Promover a participación dos axentes sociais e económicos do sector e fomentar a cooperación entre as empresas alimentarias acollidas ás diferentes figuras de protección da calidade alimentaria para a posta no mercado dos seus produtos, así como fomentar e potenciar as entidades de economía social que produzan, elaboren ou comercialicen alimentos de calidade diferenciada.
  11. j) Contribuír, desde a unidade de mercado, a garantir prácticas equitativas no comercio dos produtos alimenticios.
  12. k) Promover e protexer as producións e elaboracións dos produtos alimenticios de calidade diferenciada como ferramenta imprescindible para alcanzar unha mellor posición competitiva que permita facer fronte aos retos que se lles presentan aos operadores e ás operadoras do sector alimentario galego e potenciar a accesibilidade destes produtos alimenticios para o conxunto da poboación.
  13. l) Regular o uso e a xestión das figuras de protección da calidade diferenciada no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o réxime xurídico aplicable ao seu control e certificación.
  14. m) Valorizar a peculiaridade dos produtos alimenticios tradicionais e innovadores de Galicia, fomentando os signos distintivos de orixe e calidade e o prestixio e a rendibilidade da industria alimentaria galega como instrumento básico de desenvolvemento económico no medio rural e no costeiro. De xeito específico, mellorar as rendas percibidas por quen participe na produción primaria, para acadar unha remuneración xusta polo seu traballo.
  15. n) Garantir a protección das figuras de calidade diferenciada, tanto polos medios establecidos nesta lei coma, se for o caso, pola normativa da Unión Europea.
  16. o) Fomentar a produción local e os circuítos curtos de comercialización.
  17. p) Protexer os intereses lexítimos das produtoras e dos produtores e das demais persoas operadoras alimentarias e das persoas consumidoras.
  18. q) Promover que as producións do sector primario galego completen a súa transformación no territorio da comunidade autónoma.
  19. r) Promover e impulsar a formación e a cualificación profesional das persoas operadoras alimentarias.
  20. s) Promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en todas as actividades relacionadas coa produción, a transformación e a comercialización alimentarias e promover o emprendemento feminino no rural, a contratación de mulleres e as medidas de conciliación que permitan que as mulleres se poidan incorporar en igualdade de condicións ao sector alimentario en todos os elos da cadea produtiva e comercial.
  21. t) Promover o desenvolvemento da investigación e a incorporación das novas tecnoloxías no sector alimentario e nos seus produtos.
  22. u) Establecer unha regulación simplificadora, transparente e comprensible do sector alimentario, para facilitar o seu coñecemento e o cumprimento por parte de todas as persoas destinatarias dela.
  23. v) Contribuír a compatibilizar a mellora da calidade dos produtos alimenticios coa protección do medio, o uso responsable dos recursos naturais e o desenvolvemento sustentable do medio rural e do mar.
  24. w) Promover que na comercialización dos productos alimenticios galegos de calidade o seu valor de mercado estea acorde coas súas características e sirva para remunerar adecuadamente as persoas participantes da cadea de valor.
  25. As actividades que realicen os distintos axentes da cadea alimentaria no desenvolvemento dos fins previstos nesta lei deberanse realizar dentro do cumprimento da normativa estatal e comunitaria de defensa da competencia.

Artigo 4. Definicións xerais

Para os efectos desta lei, atenderase ás seguintes definicións:

  1. a) Alimento ou produto alimenticio: segundo o establecido no Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, calquera substancia ou produto destinados a seren inxeridos polos seres humanos ou con probabilidade razoable de o ser, tanto se foron transformados enteira ou parcialmente coma se non. Inclúe as bebidas, a goma de mascar e calquera substancia, incluída a auga, incorporada voluntariamente ao alimento durante a súa fabricación, preparación ou tratamento. Igualmente, para os efectos desta lei, teñen a consideración de alimento ou produto alimenticio os moluscos bivalvos, os equinodermos, os tunicados e os gasterópodos recolectados ou producidos e, de ser preciso, tratados, con destino ao consumo humano, tanto se foron transformados total ou parcialmente coma se non.
  2. b) Auditoría: o exame sistemático e independente para determinar se as actividades e os seus correspondentes resultados cumpren as disposicións previstas, e se tales disposicións se aplican eficazmente e son adecuadas para lograr os obxectivos.
  3. c) Autocontrol: o conxunto de actuacións, procedementos e controis que, de forma específica, programada e documentada, realizan as persoas operadoras alimentarias para asegurar que os alimentos, materias ou elementos para a produción e a comercialización alimentarias cumpran os requisitos establecidos pola normativa que sexa aplicable.
  4. d) Autoridades competentes: as así definidas no punto 3 do artigo 3 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.
  5. e) Autoridade de control ecolóxico: unha organización administrativa pública para a produción ecolóxica e a etiquetaxe de produtos ecolóxicos á cal a autoridade competente atribúe, na súa totalidade ou en parte, as súas competencias en relación coa aplicación da normativa europea sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos. Na súa actuación axustarase ao réxime xurídico dos organismos delegados de control.
  6. f) Cadea alimentaria: o conxunto de actividades que levan a cabo as distintas persoas operadoras que interveñen na produción, transformación, distribución e comercialización de alimentos ou produtos alimenticios, directamente ou por vía electrónica, excluíndo as actividades da hostalaría e a restauración. En particular, inclúense as actividades de produción, fabricación, elaboración, manipulación, procesamento, preparación, tratamento, acondicionamento, envasado, embotellado, embalaxe, etiquetaxe, depósito, almacenaxe, exposición, conservación, expedición, transporte, circulación, importación, exportación, distribución, presentación do produto, venda e subministración á persoa consumidora final.
  7. g) Calidade alimentaria: o conxunto de propiedades e características dun alimento relativas ás materias primas ou os ingredientes utilizados na súa elaboración, á súa natureza, composición, pureza, identificación, orixe e rastrexabilidade, así como aos procesos de elaboración, almacenamento, envasado e comercialización utilizados e á presentación do produto final, incluíndo o seu contido efectivo e a información á persoa consumidora final, especialmente a etiquetaxe.
  8. h) Calidade diferenciada: o conxunto de características dun produto alimenticio que son consecuencia do cumprimento de requisitos establecidos en disposicións de carácter voluntario, relativos á súa orixe xeográfica, ás súas materias primas ou procedementos de produción, transformación ou comercialización, e adicionais ás exixencias de calidade estándar obrigatorias para un produto alimenticio.
  9. i) Calidade estándar: o conxunto de características dun produto alimenticio que son consecuencia do cumprimento de requisitos establecidos en disposicións de carácter obrigatorio. Esta definición aplícase tamén a produtos alimenticios con mencións facultativas reservadas reguladas na normativa comunitaria que empregue voluntariamente a persoa operadora alimentaria.
  10. j) Circuíto curto de comercialización: a cadea de subministración formada polo trato directo, ou como máximo cun intermediario, entre a persoa produtora e a persoa consumidora final ou, no caso dos produtos pesqueiros e acuícolas, entre a lonxa ou o establecemento autorizado de primeira venda e a persoa consumidora final. Para estes efectos, non se considerarán intermediarias as entidades asociativas de produtoras e produtores, baixo calquera fórmula xurídica, constituídas ou que se constitúan para a comercialización en común de produtos alimenticios. A comercialización mediante estes circuítos curtos implica persoas operadoras comprometidas coa cooperación, o desenvolvemento económico local e a sustentabilidade ambiental que actúan baixo criterios como son a redución da pegada de carbono e da distancia entre persoa produtora e persoa consumidora e a potenciación do comercio de proximidade.
  11. k) Certificación de produto: a confirmación, por medio dun documento emitido por unha entidade de control e certificación ou dun organismo público, de que un ou varios tipos de produtos elaborados e/ou envasados por unha persoa operadora cumpren cos requisitos do prego de condicións dunha denominación xeográfica de calidade ou un documento equivalente noutras figuras de protección da calidade diferenciada.
  12. l) Comercialización: a posesión, a tenza, o almacenamento ou o depósito de produtos alimenticios e de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias co obxectivo de os vender, de os despachar, de os ofrecer á venda ou de os someter a calquera outra forma de transferencia ou cesión, gratuíta ou non.
  13. m) Persoa consumidora final: a última persoa consumidora dun produto alimenticio, que non empregará ese alimento como parte de ningunha operación ou actividade mercantil no sector da alimentación.
  14. n) Conformidade dun produto, materia ou elemento para a produción e a comercialización alimentarias: a adecuación dun produto, materia ou elemento ao establecido nesta lei e nas demais normas, tanto de calidade estándar coma diferenciada, que lle sexan aplicables.
  15. o) Consellaría competente por razón da natureza do produto: considérase como tal a consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes para os produtos de orixe agraria, o que inclúe os produtos agrícolas, gandeiros e forestais; e a consellaría competente en materia de pesca para os produtos de orixe mariña, incluíndo, ademais da pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura mariña ou continental.
  16. p) Control: a realización dunha serie programada de observacións ou eventuais análises ou medicións co fin de obter un seguimento do grao de cumprimento da lexislación alimentaria.
  17. q) Control oficial: o así definido no artigo 2.1 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017.
  18. r) Denominacións xeográficas de calidade: as figuras de protección da calidade alimentaria aplicables a produtos cuxas características de calidade están, en maior ou menor medida, vinculadas a unha orixe xeográfica concreta e que poden adoptar a forma de denominacións de orixe protexidas ou de indicacións xeográficas protexidas.
  19. s) Documento único: o resumo dos principais elementos do prego de condicións, de acordo co establecido no artigo 8.1.c) do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, no caso dos produtos agrícolas e alimentarios diferentes dos viños e das bebidas espirituosas; no artigo 94.1.d) do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no caso dos produtos vitivinícolas; e no artigo 23.1.c) do Regulamento (UE) 2019/787 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de abril de 2019, no caso das bebidas espirituosas.
  20. t) Entidades de control e certificación: os organismos privados, obxectivos e imparciais, acreditados segundo as normas pertinentes para realizaren o control dos procesos de produción, transformación e comercialización e das características específicas que definen un produto alimenticio amparado por unha figura de protección da calidade diferenciada. Inclúense as entidades que certifican mencións voluntarias reguladas polas administracións públicas e baseadas nun prego de condicións ou documento equivalente. Para os efectos desta lei, baixo esta definición non se inclúen os consellos reguladores.
  21. u) Evocación: a utilización de elementos denominativos ou figurativos na etiquetaxe, na presentación e na publicidade de produtos alimenticios que, aínda que non presenten semellanza fonética, visual ou conceptual con outro produto comparable, provocan unha proximidade conceptual, de maneira directa e unívoca, que condiciona ou pode condicionar a decisión de compra da persoa consumidora.
  22. v) Falsificación: a comercialización de produtos agroalimenticios como produtos amparados por figuras de protección da calidade diferenciada ou de maior valor comercial cando en realidade son de natureza distinta ou se someteron a prácticas non autorizadas nas cales os seus compoñentes esenciais ou caracterizantes foron subtraídos ou substituídos por outros co obxecto de incrementar, de xeito enganoso, o seu valor comercial, facéndoos parecer orixinais ou xenuínos.
  23. x) Figuras de protección da calidade diferenciada: calquera norma de carácter administrativo promovida pola administración para a protección de produtos alimenticios que recoñeza unha calidade diferenciada.
  24. y) Guía de prácticas correctas: o documento elaborado pola industria alimentaria para a correcta aplicación dos principios do Sistema de análise de perigos e puntos críticos de control (APPCC), conforme o disposto no Regulamento (CE) nº 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios.
  25. z) Inspección: o exame por parte da autoridade competente de todos os aspectos relativos á calidade alimentaria, co fin de verificar que as persoas operadoras cumpren os requisitos legais establecidos na normativa vixente a que están sometidas. Estas funcións serán realizadas polo persoal a que se refire o artigo 93.
  26. aa) Inmobilización cautelar: a medida provisional adoptada no marco dun procedemento mediante a cal as autoridades competentes garanten que os animais e as mercadorías suxeitas a controis oficiais non son desprazados nin manipulados indebidamente á espera dunha decisión sobre o seu destino. Inclúe o almacenamento por parte das persoas operadoras seguindo as instrucións e baixo o control das autoridades competentes.
  27. bb) Lote ou partida: o conxunto de unidades dun produto alimenticio ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias producidas, fabricadas ou envasadas en circunstancias practicamente idénticas.
  28. cc) Materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias: todo produto ou substancia, materia prima, aditivo, produto intermedio, produto acabado e outros produtos de adición, así como os envases, etiquetas, útiles, ferramentas, instalacións, documentos, actividades e servizos utilizados na produción, na transformación ou na comercialización alimentarias ou con probabilidade razoable de seren utilizados. Para os efectos da aplicación do título VII desta lei, tamén terán esta consideración os fertilizantes e os substratos de cultivo.
  29. dd) Mostra: o conxunto composto dunha ou varias porcións de materia seleccionada a partir dun produto, ou dunha ou varias unidades seleccionadas de entre unha poboación de unidades, de xeito que resulte representativo con respecto ao produto ou poboación de unidades, destinado á realización dunha análise.
  30. ee) Mostraxe: a toma de mostras co fin de verificar mediante análise se se cumpren os requisitos da normativa alimentaria vixente.
  31. ff) Organismo delegado: unha persoa xurídica distinta das autoridades competentes en que estas delegasen determinadas funcións de control oficial ou determinadas funcións relacionadas con outras actividades oficiais.
  32. gg) Persoa operadora alimentaria (ou persoa explotadora da empresa alimentaria): a persoa física ou xurídica, así como as súas agrupacións, que desenvolvan por conta propia, con ou sen ánimo de lucro, algunha das actividades relacionadas con calquera das etapas de produción, transformación, envasado, distribución e comercialización dun produto alimenticio. O concepto de persoa operadora alimentaria exclúe as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de produción primaria, excepto nas obrigas inherentes á pertenza destes produtores e produtoras a denominacións xeográficas e outras figuras de protección da calidade diferenciada. Esta persoa física ou xurídica será a responsable de garantir o cumprimento dos requisitos da lexislación alimentaria na empresa alimentaria baixo o seu control.
  33. hh) Plan de control: a descrición elaborada polas autoridades competentes que contén información sobre a estrutura e a organización do sistema de control oficial e do seu funcionamento, así como da planificación detallada dos controis oficiais que deben efectuarse ao longo dun período de tempo.
  34. ii) Prego de condicións: o documento que establece as condicións que debe cumprir un produto para obter a protección que se outorga ás denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e que contén os elementos especificados nalgún destes artigos, segundo o sector de que se trate: no artigo 7.1 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; no artigo 94.2 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007; e no artigo 22 do Regulamento (UE) 2019/787 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de abril de 2019, sobre a definición, designación, presentación e etiquetaxe das bebidas espirituosas, a utilización dos nomes das bebidas espirituosas na presentación e etiquetaxe doutros produtos alimenticios, a protección das indicacións xeográficas das bebidas espirituosas e a utilización de alcol etílico e destilados de orixe agrícola nas bebidas alcólicas, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 110/2008.
  35. jj) Produción local: aquela que se comercializa á persoa consumidora final dentro dun territorio de produción ou transformación coincidente coa comarca, de acordo co Decreto 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o mapa comarcal de Galicia, e os concellos limítrofes. No caso dos produtos agrarios, procederán de explotacións situadas no territorio así definido. No caso dos produtos da pesca, o seu lugar de desembarco ou da empresa de transformación será tamén a mesma comarca e concellos limítrofes onde se realiza o consumo final.
  36. kk) Transformación (alimentaria): calquera acción que altere substancialmente o produto inicial, incluíndo o tratamento térmico, a afumadura, a curación, a maduración, o secado, a marinada, a extracción, a extrusión ou unha combinación destes procedementos. Para os efectos desta lei, o termo «transformación» é equivalente ao de «elaboración».
  37. ll) Rastrexabilidade: a capacidade de coñecer a orixe e o destino dos produtos alimenticios ou das materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias, así como a identidade, o lote ou a partida e a localización dos operadores e das operadoras que interveñen ao longo de todas as etapas, no espazo e no tempo, da súa produción, transformación, distribución, conservación e comercialización, incluído o transporte, mediante un sistema documentado.
  38. mm) Verificación de aptitude: cotexar, confirmar ou outorgar validez a un produto previamente cualificado favorablemente por unha persoa operadora.
  39. nn) Viño: alimento natural obtido exclusivamente por fermentación alcólica, total ou parcial, de uva fresca, estrullada ou non, ou de mosto de uva.

TÍTULO I

Competencias e organización administrativa e institucional

CAPÍTULO I

Competencias e organización administrativa

Sección 1ª. Competencias e organización administrativa

Artigo 5. Atribucións da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes

A consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, respecto dos produtos alimenticios e sen prexuízo das funcións que realice a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, terá as seguintes atribucións no ámbito desta lei:

  1. a) Actuacións relacionadas coa defensa contra as fraudes e os incumprimentos na calidade alimentaria.
  2. b) Ordenación, fomento e mellora das industrias agroalimentarias.
  3. c) Fomento da actividade de transformación, comercialización e promoción das producións agrarias e agroalimentarias.
  4. d) Elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política alimentaria.
  5. e) Formación, promoción e fomento do asociacionismo e a cooperación, en particular a través da economía social no sector alimentario, impulsando ferramentas de emprendemento, as finanzas éticas, o mercado social ou a compra pública responsable, o fomento de novas tecnoloxías no agro, a redución de emisións contaminantes e o fomento do aforro enerxético.
  6. f) Promover a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria; a consecución dun maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre as diferentes persoas operadoras da cadea alimentaria; o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialice nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción; e a garantía da unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.

Artigo 6. Atribucións da consellaría competente en materia de pesca

A consellaría competente en materia de pesca, respecto dos produtos alimenticios de orixe mariña e acuícola, terá as seguintes atribucións no ámbito desta lei:

  1. a) Fomento e mellora das industrias alimentarias dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  2. b) Fomento da comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  3. c) Elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política alimentaria referida aos produtos do seu ámbito.
  4. d) Formación, promoción e fomento do asociacionismo alimentario referido aos produtos do seu ámbito.
  5. e) Realización de accións de promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  6. f) Fomento das figuras de protección da calidade diferenciada no sector da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  7. g) Control oficial do cumprimento dos pregos de condicións das denominacións xeográficas de calidade dos produtos da pesca, da acuicultura e do marisqueo, antes da comercialización.

Sección 2ª. Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Artigo 7. Natureza da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria é unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Obxecto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten por obxecto:

  1. a) Operar como instrumento básico de actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección da calidade alimentaria diferenciada, así como en materia de promoción do consumo dos produtos agroalimenticios en xeral e, en particular, dos acollidos ás distintas figuras de protección da calidade diferenciada.
  2. b) Investigar e promover o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario.
  3. c) Desenvolver as actividades de I+D+I nos sectores agrario, gandeiro e forestal.
  4. d) Realizar aqueloutras actuacións relacionadas coas actividades anteriores que determine a consellaría de adscrición.
  5. e) Fomentar, mediante o seu persoal docente e investigador, a formación e a transferencia de coñecemento ao sector agrario.

Artigo 9. Funcións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en materia de calidade alimentaria

  1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria realizará funcións relacionadas co control, o fomento e a posta en valor da produción agroalimentaria de calidade de Galicia e, en particular, desenvolverá as seguintes funcións:
  2. a) Elaborar as liñas estratéxicas que permitan o impulso do conxunto da calidade alimentaria diferenciada galega como unha actividade que dea rendibilidade aos diferentes elos das respectivas cadeas de valor, procurando o desenvolvemento dunha actividade no territorio que sexa económica, social e ambientalmente sustentable.
  3. b) Aliñar a evolución das figuras de protección da calidade alimentaria diferenciada galegas aos obxectivos que veñen recollidos pola normativa europea xerada no ámbito do Pacto verde europeo, na procura dun marco alimentario sustentable.
  4. c) Executar accións destinadas á promoción do consumo dos produtos de calidade diferenciada e crear e xestionar liñas de axuda con ese fin ou co obxecto de fomentar a elaboración e a comercialización destes produtos.
  5. d) Deseñar a planificación estratéxica da promoción da calidade alimentaria diferenciada galega de xeito coordinado cos consellos reguladores e coas propostas da Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, sen prexuízo das funcións de planificación dos plenos dos consellos reguladores.
  6. e) Executar os programas de control oficial relacionados coa comprobación dos requisitos que deben cumprir, antes da súa comercialización, os produtos acollidos a algunha denominación xeográfica de calidade do ámbito agroalimentario, así como os recoñecidos como especialidades tradicionais garantidas. Do mesmo xeito, a Axencia fará o control oficial da produción ecolóxica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas funcións implican tanto a realización de actividades de control directamente sobre as persoas operadoras coma a supervisión da actividade dos organismos en que se fixese delegación de tarefas de control.
  7. f) Realizar o control e a certificación das persoas operadoras que pretendan comercializar produtos baixo a marca «artesanía alimentaria» e xestionar o Rexistro da artesanía alimentaria de Galicia.
  8. g) Supervisar a actividade dos consellos reguladores do ámbito da súa competencia, así como asesoralos no seu funcionamento.
  9. h) Asesorar os consellos reguladores do ámbito da súa competencia no seu funcionamento, especialmente no caso daqueles que, polo seu reducido número de persoas operadoras ou pola escasa facturación do conxunto desas persoas, teñan dificultades para o cumprimento dos requisitos establecidos nesta lei para o seu recoñecemento como entidades de xestión da correspondente figura de calidade alimentaria diferenciada.
  10. i) Recompilar e analizar a información estatística relacionada coa actividade produtiva das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e outras figuras de protección da calidade diferenciada e elaborar informes relacionados con estas producións.
  11. j) Identificar posibles novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas do ámbito agroalimentario, caracterizar novos produtos agroalimenticios que sexan susceptibles dun recoñecemento das súa especificidade e apoiar os sectores interesados nos traballos de preparación da documentación precisa para a tramitación da súa inscrición no rexistro europeo. Así mesmo, realizar os trámites necesarios ante a Administración xeral do Estado e ante a Comisión Europea para a inscrición de novas denominacións xeográficas de calidade e os trámites correspondentes á modificación dos pregos de condicións das xa rexistradas.
  12. k) Realizar as encargas que, no ámbito das súas competencias en materia de calidade alimentaria, lle faga a Administración xeral da Comunidade Autónoma.
  13. En relación coa sustentabilidade da produción alimentaria, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria fomentará a identificación e a recuperación de variedades vexetais e de razas animais autóctonas como base para a produción de alimentos de calidade diferenciada. Ademais, aprobará os pregos de condicións da produción sustentable aos cales se refire o artigo 27, autorizará as entidades certificadoras ás cales lles encargue o control deses pregos de condicións e supervisará o seu funcionamento.

Artigo 10. Adscrición e réxime xurídico e fiscal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

  1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría de seu, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, tanto no campo do dereito público coma no do dereito privado e con suxeición á normativa correspondente.
  2. O réxime xurídico interno da Axencia Galega da Calidade Alimentaria regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo determine a normativa aplicable. En todo caso, cando se exerzan potestades administrativas, rexerase polo dereito administrativo.
  3. Para o desenvolvemento das súas actuacións no ámbito da I+D+I a Axencia réxese, ademais, pola lexislación básica do Estado nesta materia; en particular, pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e pola Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ou polas normas que as substitúan.
  4. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria gozará do tratamento fiscal aplicable á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Réxime económico e de contratación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

  1. Para o cumprimento dos seus fins, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria dispoñerá dos seguintes bens e recursos económicos:
  2. a) Os importes consignados anualmente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. b) As subvencións e as demais achegas públicas ou privadas.
  4. c) O produto das taxas, dos prezos públicos e dos demais ingresos que devindique pola súa actividade.
  5. d) Os bens e dereitos que constitúen o seu patrimonio, así como os produtos e as rendas destes.
  6. e) Os derivados dos convenios.
  7. f) Os ingresos procedentes das operacións de crédito necesarias para o cumprimento dos seus fins.
  8. g) O produto da execución dos documentos de garantía que impoña no exercicio das súas competencias.
  9. h) Calquera outro recurso económico que lle sexa atribuído legalmente.
  10. A contratación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO II

Órganos de asesoramento, consulta e participación

Sección 1ª. Consello Alimentario de Galicia

Artigo 12. Consello Alimentario de Galicia

  1. Créase o Consello Alimentario de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, como órgano colexiado de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, a promoción, o fomento e o desenvolvemento da calidade alimentaria de Galicia.
  2. Son funcións do Consello Alimentario de Galicia, entre outras, as seguintes:
  3. a) Recibir e avaliar as propostas estratéxicas e xerais que trasladen a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, os consellos reguladores e as distintas entidades integrantes do consello e formular propostas para a mellora da actividade económica, do emprego e da formación no sector alimentario.
  4. b) Propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para a calidade alimentaria de Galicia.
  5. c) Formular propostas sobre medidas e actividades que fomenten a incorporación de mulleres e mozas á actividade agraria, pesqueira e alimentaria, incorporando unha perspectiva de transversalidade de xénero en todas as súas actuacións.
  6. d) Calquera outra que regulamentariamente se lle atribúa ou delegue.
  7. A Administración autonómica, de forma potestativa, poderá solicitar ao Consello Alimentario de Galicia a emisión dun informe facultativo e, en todo caso, non vinculante sobre os plans estratéxicos e as disposicións legais e regulamentarias en materia alimentaria.
  8. O Consello Alimentario de Galicia estará integrado por unha presidenta ou un presidente, unha vicepresidenta ou un vicepresidente e un número máximo de vinte e cinco vogais, que representarán as administracións públicas con competencias en materia alimentaria, o Clúster Alimentario de Galicia, as universidades que conforman o Sistema universitario de Galicia e as organizacións galegas máis representativas da industria alimentaria, da distribución e das persoas consumidoras, as cooperativas alimentarias, as entidades de xestión das figuras de protección da calidade diferenciada, as organizacións profesionais agrarias, as asociacións de produtores e produtoras con maior representatividade no conxunto dos consellos reguladores, as organizacións de produtores e produtoras pesqueiros e confrarías de pescadores e pescadoras, os grupos de desenvolvemento rural e aquelas institucións públicas ou privadas que se determinen regulamentariamente.

As persoas titulares das consellarías competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e de pesca ocuparán, respectivamente, a presidencia e a vicepresidencia do Consello Alimentario de Galicia.

  1. O réxime de elección dos membros do consello, a composición, a organización e o funcionamento interno estableceranse regulamentariamente e deberase procurar a presenza equilibrada entre mulleres e homes no órgano.

Sección 2ª. Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia

Artigo 13. Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia

  1. Créase a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada como órgano de carácter técnico para o asesoramento e o impulso do sector alimentario da calidade diferenciada de Galicia.
  2. A Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada está adscrita á consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes e estará composta por representantes de todas e cada unha das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica e ata un máximo de tres en representación das principais asociacións sectoriais da artesanía alimentaria. Participarán tamén, con voz e sen voto, representantes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da dirección xeral competente en mercados da pesca. Así mesmo, tamén participarán, con voz e sen voto, persoas expertas de recoñecido prestixio nas materias que atanguen á Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, ata un máximo de cinco, designadas por acordo maioritario da mesa.

Procurarase a paridade de xénero na composición deste órgano colexiado.

  1. A presidencia da mesa corresponderá á persoa representante da figura de protección da calidade diferenciada que elixan as persoas que exerzan as vogalías e a duración do mandato será por dous anos.
  2. Na toma de decisións, cada figura de protección da calidade diferenciada terá como mínimo un voto. Ademais, en función do valor económico da produción e do número de persoas operadoras inscritas nos diferentes rexistros, cada figura de protección da calidade diferenciada poderá ter un ou varios votos adicionais, ata un máximo de cinco, de acordo coas normas que se establezan regulamentariamente.
  3. A consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, facilitará á Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das funcións establecidas nesta lei.
  4. Os membros da Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada terán dereito á información relativa ás materias sobre as cales teñan competencia, con acceso e consulta, en calquera momento e nun tempo razoable, de datos ou documentos de que dispoña a administración da cal depende o órgano consultivo.
  5. As funcións da Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada son:
  6. a) Propoñer actuacións que supoñan unha maior coordinación e fomento da calidade diferenciada.
  7. b) Coñecer os plans de actuación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e, se procede, formular observacións e suxestións.
  8. c) Coñecer a evolución e as perspectivas do sector alimentario, os plans de modernización e a orientación produtiva, ser informada sobre iso e, de ser o caso, emitir informes sobre estas cuestións.
  9. d) Asesorar a Axencia Galega da Calidade Alimentaria en relación coas súas actividades e funcións e en relación coas materias e os estudos que lle sexan encomendados, para o cal a Axencia escoitará as propostas que lle faga a Mesa sobre estes asuntos.
  10. e) Establecer relacións de cooperación e colaboración con outras entidades que contribúan aos obxectivos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en materia de calidade alimentaria diferenciada.
  11. f) Elevar propostas de acción ou medidas para a promoción de políticas de calidade no sector alimentario ás consellarías competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e de pesca.
  12. g) Garantir a participación activa e dinámica dos sectores representativos da calidade alimentaria diferenciada na Comunidade Autónoma de Galicia.
  13. h) Estudar e propoñer novas actividades artesanais alimentarias.
  14. i) Buscar fórmulas de cooperación entre as distintas figuras de protección da calidade diferenciada para aproveitar as sinerxías que permitan mellorar a súa posición comercial no mercado.
  15. j) Identificar tendencias do mercado para tratar de se adaptar a este e aproveitar as novas oportunidades que se vaian producindo.
  16. k) Analizar en cada momento as debilidades e fortalezas do sector e as ameazas e oportunidades que o mercado presenta e, de acordo con iso, facer propostas de mellora dirixidas tanto ao conxunto das figuras de protección da calidade diferenciada coma á administración.
  17. l) Recibir e avaliar as propostas que lle trasladen os consellos reguladores, as asociacións sectoriais a que se refire o artigo 61 e as asociacións sectoriais de empresas artesás alimentarias.
  18. m) Asesorar a Axencia Galega da Calidade Alimentaria na coordinación da promoción da calidade alimentaria diferenciada nos diferentes medios e mercados.
  19. n) Promover a contratación de estudos de mercado co fin de coñecer o posicionamento dos produtos nos mercados cando afecten máis dunha figura de protección da calidade diferenciada.
  20. o) Calquera outra función que lle poida ser encomendada.
  21. A Administración autonómica, de forma potestativa, poderá solicitar á Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada a emisión dun informe facultativo e, en todo caso, non vinculante sobre os plans estratéxicos e as disposicións legais e regulamentarias en materia alimentaria.

TÍTULO II

Aseguranza da calidade alimentaria e da sustentabilidade
da cadea alimentaria

CAPÍTULO I

Aseguranza da calidade alimentaria

Artigo 14. Aseguranza da calidade alimentaria

  1. Por aseguranza da calidade alimentaria enténdese o conxunto de principios e actuacións que se desenvolvan para garantir a conformidade e a calidade dos alimentos e das materias e elementos destinados á produción e comercialización alimentarias, así como a leal competencia nas transaccións comerciais das persoas operadoras alimentarias e a defensa dos intereses económicos das persoas consumidoras.
  2. A responsabilidade da aseguranza da calidade alimentaria recaerá na persoa operadora a través do seu autocontrol, sen prexuízo do control oficial realizado pola autoridade competente.
  3. No caso das persoas operadoras alimentarias que utilicen sistemas dixitais de rastrexabilidade a través de sensores ou outros procesos de recollida de datos automática, a información recollida relativa á seguridade alimentaria deberá formar parte dun rexistro de datos compartido e accesible pola autoridade competente ou por outras persoas operadoras que participen nas transaccións comerciais. Ese rexistro de datos debe ser inalterable.

Artigo 15. Ámbito da aseguranza da calidade alimentaria

  1. A aseguranza da calidade alimentaria, tanto no relativo aos produtos alimenticios como ás materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias, esténdese a toda a cadea alimentaria.
  2. Corresponde ás persoas operadoras aseguraren e garantiren que os alimentos e as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias cumpran coa normativa vixente en materia de calidade e avaliación da conformidade.
  3. Os gastos que deriven das actuacións de autocontrol necesarias para garantir o cumprimento desta exixencia, incluídos, de ser o caso, os correspondentes aos sistemas dixitais de rastrexabilidade a que se refire o artigo 14.3, serán por conta das respectivas persoas operadoras.

CAPÍTULO II

Obrigas das persoas operadoras para a aseguranza
da calidade alimentaria

Artigo 16. Obrigas xerais das persoas operadoras alimentarias

  1. As persoas operadoras alimentarias con instalacións situadas en Galicia deben cumprir esta lei e a normativa que a desenvolve, así como as demais normas concordantes, tanto do ámbito autonómico coma do estatal e do europeo. Tamén deben cumprilas as persoas físicas ou xurídicas que importen, exporten, almacenen, distribúan, subministren, preparen, vendan ou entreguen ao consumo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia produtos alimenticios, materias ou elementos empregados na produción alimentaria.
  2. As anteditas persoas operadoras alimentarias serán responsables do cumprimento dos requisitos de calidade establecidos na lexislación básica en materia de defensa da calidade alimentaria e da demais normativa aplicable, e deberán cumprir as seguintes obrigas:
  3. a) Asegurar e garantir que os produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias son conformes coa lexislación alimentaria vixente en todas as etapas da produción, a transformación e a distribución en que a persoa operadora participa.
  4. b) Dispoñer dun sistema documentado de autocontrol das operacións que se realicen nas etapas de produción, transformación, distribución e comercialización necesarias, que permita asegurar a calidade e a rastrexabilidade dos alimentos e de calquera materia e elemento para a produción e a comercialización alimentarias, procurando en todo caso a simplificación administrativa en beneficio das persoas operadoras alimentarias.
  5. c) Poñer en coñecemento dos órganos competentes calquera forma de fraude, falsificación, alteración, adulteración, abuso e neglixencia, así como calquera outra práctica enganosa ou que induza a erro outras persoas operadoras alimentarias ou as persoas consumidoras. Tamén debe poñer en coñecemento das autoridades competentes calquera práctica que prexudique ou poña en perigo a imaxe ou a calidade dos produtos alimenticios, a protección das persoas consumidoras ou os intereses xerais, económicos ou sociais do sector alimentario.
  6. d) Dispoñer dos elementos necesarios que demostren a veracidade e a exactitude das informacións facilitadas ou que figuren na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento, nos documentos comerciais, na publicidade e na presentación dos produtos alimenticios, materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias que comercialicen, así como dos produtos utilizados na súa produción ou transformación e informar con veracidade e exactitude sobre os produtos na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento, nos documentos comerciais e na publicidade.
  7. e) Etiquetar ou identificar os produtos alimenticios comercializados ou con probabilidade de se comercializar de acordo co que establece a lexislación alimentaria.
  8. f) Conservar en condicións que permitan a súa comprobación por parte das autoridades competentes a documentación acreditativa do cumprimento das súas obrigas relativas á aseguranza da calidade alimentaria durante un prazo mínimo de seis anos. No caso de que a vida útil do produto sexa superior a seis anos, este prazo ampliarase nun ano máis, contado desde o cumprimento da data de duración mínima do produto ou da data de caducidade.
  9. g) Estar inscritas nos rexistros administrativos obrigatorios ou, de ser o caso, ter realizada a comunicación previa de inicio de actividade, ou declaración responsable, cando así veña exixido pola normativa aplicable.
  10. h) Calquera outra obriga establecida nesta lei e no resto da normativa aplicable.
  11. Durante os controis oficiais e outras actividades oficiais, as persoas operadoras alimentarias deberán cooperar co persoal das autoridades competentes e, se for o caso, co persoal dos organismos delegados no exercicio das súas funcións.

Artigo 17. Sistema de autocontrol

  1. As persoas operadoras alimentarias son as responsables de garantir que os produtos que elaboran, producen ou transforman cumpran coa normativa que lles sexa aplicable. Para tal efecto, deberán dispoñer dun sistema de autocontrol que garanta que os produtos cumpren con eses requisitos.
  2. O sistema de autocontrol mencionado no punto anterior deberá estar documentado e abranguerá todas as operacións da cadea alimentaria en que a persoa operadora participe. Reflectirá a rastrexabilidade dos produtos, a identificación do produto e os seus ingredientes e procedementos de elaboración, produción e transformación e especificará, para cada fase, os riscos de incumprimento e as medidas preventivas para os evitar. Existirá un plan de control de calidade que prevexa, polo menos, os procedementos, a periodicidade e a frecuencia das tomas de mostras, as especificacións e o destino dos produtos no caso de que non se axusten á normativa. Este plan tamén deberá xustificar a necesidade ou non de que as persoas operadoras dispoñan dun laboratorio de control.
  3. O sistema de autocontrol poderá estar integrado no sistema de análise de perigos e puntos críticos de control (APPCC) ou na guía de prácticas correctas con que conte a persoa operadora.
  4. As persoas operadoras alimentarias deberán dispoñer dun sistema documental de rexistro e xestión das reclamacións recibidas, que inclúa o tratamento destas, a análise das causas e, de ser o caso, a adopción de accións correctivas para tratar de evitar a súa repetición.
  5. Igualmente, as persoas operadoras alimentarias deberán prever un sistema de retirada rápida dos produtos non-conformes que se atopen no circuíto de distribución ou comercialización.

O sistema deberá permitir coñecer con exactitude o destino dos produtos que teñan que ser retirados. Antes dunha nova posta en circulación, estes deberán ser avaliados de novo polo control de calidade.

  1. A documentación e os rexistros correspondentes ao autocontrol deberán estar ao dispoñer dos servizos de inspección e control oficial e, de ser o caso, dos organismos delegados nos locais ou na explotación da persoa operadora.
  2. A persoa operadora é a responsable de efectuar as correccións necesarias no sistema de autocontrol que garantan a eficacia deste. Nos casos en que a persoa operadora detecte deficiencias no sistema deberá aplicar as medidas correctoras necesarias no prazo de quince días hábiles desde que se tivo coñecemento daquelas, agás que, por causa xustificada, por apreciación da autoridade competente ou do organismo delegado, sexa necesario un prazo máis amplo ou que, polo feito de estar acollido a unha figura de protección da calidade diferenciada, o seu manual de calidade estableza outros prazos.

Artigo 18. Modulación do autocontrol

Sen prexuízo dos requisitos específicos que establezan disposicións de ámbito sectorial, as normas de desenvolvemento desta lei poderán determinar para cada produto, sector ou tipo de persoa operadora o nivel das obrigas que se establecen para o autocontrol, particularmente en función da natureza e do risco especial dos produtos ou actividades, da complexidade dos procesos de transformación, da dimensión da persoa operadora e do volume e a frecuencia dos intercambios de produtos.

Artigo 19. Rastrexabilidade

  1. As persoas operadoras alimentarias deberán asegurar, en todas as fases da cadea alimentaria, a rastrexabilidade dos alimentos e das materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias. No caso de se utilizaren sistemas dixitais de rastrexabilidade a través de sensores ou outros procesos de recollida de datos automática, a rastrexabilidade deberá garantirse mediante un rexistro seguro, inalterable e válido.
  2. As persoas operadoras alimentarias establecerán sistemas e procedementos adecuados e comprensibles de rastrexabilidade, os cales deben permitir coñecer en todo momento a identidade e a localización das persoas subministradoras e das receptoras dos lotes ou das partidas de produtos alimenticios e materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias con que traballen, así como as informacións relativas aos devanditos produtos e, en particular, a súa identificación, a natureza, a orixe, os rexistros dos produtos, as características cualitativas e mais as condicións de produción e comercialización.
  3. A Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, promoverá a implantación de sistemas e procedementos de rastrexabilidade que leven a cabo un rexistro descentralizado e sincronizado en todas as fases da cadea alimentaria a través de ferramentas dixitais que validen a información e non permitan modificala.
  4. As persoas operadoras alimentarias deberán ter á disposición dos servizos de inspección e control oficial e dos organismos delegados toda a información relativa ao sistema e aos procedementos de garantía da rastrexabilidade, así como os datos que conteñan. No caso de teren un sistema de rastrexabilidade dixital baseado na tecnoloxía blockchain ou en tecnoloxía similar ou equivalente, deberán configurar un acceso de persoa usuaria específico para os servizos de inspección e control oficial.
  5. As informacións que non poidan ser verificadas nin contrastadas pola propia persoa operadora e polos servizos de inspección e control oficial e os organismos delegados non poderán ser incluídas nos sistemas e nos procedementos de garantía da rastrexabilidade.
  6. Os sistemas de aseguranza da rastrexabilidade que deben levar as persoas operadoras alimentarias terán que conter, como mínimo e sen prexuízo das normas sectoriais aplicables, os seguintes elementos:
  7. a) A identificación da persoa subministradora e da receptora e os seus enderezos, así como do produto ou dos produtos.
  8. b) Os rexistros dos produtos, incluíndo, de ser o caso, o lote.
  9. c) A documentación de acompañamento do transporte dos produtos.
  10. d) As operacións de manipulación ás cales a persoa operadora alimentaria sometese o produto ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  11. Naqueles supostos nos cales a persoa operadora alimentaria teña distintas liñas de produción, deberá implantar procedementos de xestión que posibiliten a rastrexabilidade na cadea produtiva e nos produtos que manexa, con clara distinción entre os produtos que gocen da protección de figuras de calidade diferenciada e os que non teñan tal carácter. No caso de estas persoas operadoras teren sistemas de rastrexabilidade dixital conforme o indicado no artigo 14.3, os procedementos de xestión deberán incluír ferramentas de sensorización.

Artigo 20. Identificación da persoa subministradora, da persoa receptora e dos produtos

  1. As persoas operadoras alimentarias deberán implantar sistemas efectivos que permitan identificar e localizar as persoas subministradoras e receptoras de calquera lote ou partida dun produto alimenticio ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  2. Os produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias acabados, susceptibles de seren comercializados con destino á persoa receptora ou á consumidora final, deberán ser convenientemente identificados mediante a etiquetaxe ou a marcaxe regulamentaria.
  3. No suposto de produtos a granel, as persoas operadoras están obrigadas a identificaren os depósitos, silos, contedores ou calquera outro tipo de envase que os conteña, agás que a normativa sectorial específica permita ou exixa outra forma ou tipo de identificación. Esta identificación farase de xeito claro mediante unha rotulación ou marcaxe única, visible, lexible, indeleble e inequívoca, e deberá quedar rexistrada e en correlación cos rexistros aos cales fai referencia o artigo 22 e, se procede, coa documentación descritiva dos produtos, sen prexuízo doutras disposicións adicionais que estableza a normativa específica.
  4. Queda prohibido o depósito ou almacenamento de produtos non identificados, en calquera instalación ou medio de transporte.
  5. Cando non conste claramente o destino dos produtos alimenticios acondicionados en depósito ou almacenamento presumirase que son para a súa comercialización, agás que poida demostrarse un destino ou unha finalidade distintos.

Artigo 21. Accesibilidade e claridade da identificación dos produtos alimenticios

  1. De acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor, na identificación dos produtos alimenticios comercializados na comunidade autónoma de Galicia usarase unha linguaxe clara e comprensible. Así mesmo, a información alimentaria obrigatoria indicarase nun lugar destacado, de maneira que sexa facilmente visible, claramente lexible e, se for o caso, indeleble. De ningún modo estará disimulada, tapada ou separada por ningunha outra indicación ou imaxe, nin por ningún outro material interposto.
  2. A Administración autonómica promoverá campañas para dar a coñecer entre as persoas consumidoras os aspectos básicos da información que as persoas operadoras lles deben subministrar na etiquetaxe, na presentación e na publicidade dos produtos alimenticios e o significado de cada unha das mencións específicas e dos distintivos de calidade dos produtos alimenticios.

Artigo 22. Rexistros dos produtos

  1. Sen prexuízo do que dispoña, de ser o caso, a normativa específica, as persoas operadoras alimentarias deberán ter actualizado un sistema de rexistros para a conservación da información ou a contabilidade material dos produtos alimenticios e das materias e elementos que utilicen para a produción, a transformación e a comercialización alimentarias.
  2. Os rexistros deberán ser suficientes e adecuados para que en todo momento se poida dispoñer da información necesaria para poder contrastar a identificación dos produtos que hai nas instalacións coas características principais destes produtos e, en particular, a identificación e o domicilio da persoa subministradora ou da receptora, a súa natureza, a orixe, a composición, as características esenciais e cualitativas, a designación e a cantidade.
  3. Nos rexistros anotaranse as entradas e as saídas dos produtos, as materias primas e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias das instalacións da persoa operadora, así como as manipulacións, tratamentos e prácticas realizadas.
  4. O rexistro de produtos que procedan doutras instalacións da mesma ou doutra persoa operadora deberá reproducir fielmente os datos identificativos, así como as características que consten no documento que acompaña o seu transporte ou na documentación comercial.
  5. Os rexistros relacionados coa aseguranza da calidade alimentaria de todas as operacións realizadas deberán conservarse durante un período mínimo de seis anos á disposición dos servizos de inspección e control, agás que se dispoña outra cousa nunha norma específica. No caso de que a vida útil do produto sexa superior a seis anos, este prazo ampliarase nun ano máis, contado desde a data de duración mínima do produto ou a data de caducidade.

Artigo 23. Produtos non-conformes

  1. Terán a consideración de produtos alimenticios, materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias non-conformes os seguintes:
  2. a) Os que non cumpran o establecido nesta lei ou nas normas específicas que lles sexan aplicables no tocante á calidade.
  3. b) Todos aqueles do mesmo lote, partida ou remesa a que pertenza o produto, materia ou elemento non-conforme, a non ser que a persoa operadora acredite a súa conformidade coa norma xurídica que resulte aplicable.
  4. Os produtos alimenticios e as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias non-conformes non poderán utilizarse nin comercializarse dentro do sector alimentario nos supostos en que non sexa posible a súa regularización de acordo co disposto nesta lei, sen prexuízo do destino a que se refire a letra c) do punto 3 deste artigo.
  5. De se detectar a non-conformidade dun produto alimenticio, materia ou elemento para a produción e a comercialización alimentarias, a persoa operadora poderá optar por algún dos seguintes destinos para o devandito produto, materia ou elemento:
  6. a) A inmediata regularización. Para produtos de persoas operadoras alimentarias acollidos a unha figura de protección da calidade diferenciada que non sexan conformes coa normativa específica desa figura, a regularización pode consistir, de ser o caso, na súa descualificación, para a posterior comercialización sen o amparo desta, sempre que o produto cumpra a normativa xeral da calidade estándar que lle sexa aplicable.
  7. b) A reexpedición ao lugar de orixe.
  8. c) A entrega a entidades sociais para a alimentación de colectivos vulnerables, sempre que estea garantida a súa calidade hixiénico-sanitaria.
  9. d) O destino, de forma controlada, a un sector distinto do alimentario.
  10. e) A destrución.

Os citados destinos non son excluíntes entre si. Deberá quedar constancia documental no autocontrol da persoa operadora de cal foi o destino ou os destinos dos produtos non-conformes. Cando se opte polos destinos recollidos nas letras d) ou e), deberase cumprir en todo caso o establecido na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia. Ademais, cando se opte pola destrución tamén se terá en conta, cando proceda, a lexislación sobre subprodutos animais non destinados ao consumo humano e os produtos derivados destes (SANDACH).

  1. Os produtos alimenticios e as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias non-conformes identificaranse debidamente con etiquetas ou rótulos que fagan referencia á súa non-conformidade e deberán almacenarse de maneira separada ou delimitada para evitar a súa confusión cos produtos conformes.
  2. As existencias, entradas e saídas de produtos alimenticios e de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias non-conformes serán obxecto de rexistro consonte o que dispón o artigo 22 desta lei. Nos documentos de acompañamento dos produtos non-conformes farase constar expresamente esta condición.

Artigo 24. Documentos de acompañamento

  1. No caso de exencións da etiquetaxe regulamentaria, calquera transporte ou circulación de produtos alimenticios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias deberá ir acompañado dun documento no cal constarán os datos necesarios para que a persoa receptora ou a consumidora da mercadoría teña a adecuada e suficiente información, agás nos casos en que a normativa sectorial non o exixa. Este documento como mínimo deberá incluír a identificación e o domicilio da persoa subministradora e da destinataria, as características principais do produto, en particular a calidade, a natureza, a orixe, a composición, a utilización, a finalidade, a designación, a denominación, a categoría, a data de duración mínima ou de caducidade e, de ser o caso, as instrucións de uso e as condicións de produción e distribución.
  2. Os orixinais dos documentos de acompañamento de produtos recibidos e as copias dos documentos de acompañamento de produtos expedidos débense conservar durante un período mínimo de seis anos á disposición dos servizos de inspección e control. No caso de que a vida útil do produto sexa superior a seis anos, este prazo ampliarase nun ano, contado desde a data de duración mínima do produto ou a data de caducidade.
  3. Regulamentariamente poderanse establecer outros sistemas de identificación e codificación que substitúan os documentos de acompañamento dos produtos durante o seu transporte e circulación.

Artigo 25. Substancias e materias primas non autorizadas

Nas instalacións das persoas operadoras alimentarias queda prohibida a tenza de calquera substancia ou materia prima non autorizada na elaboración ou na comercialización dos produtos alimenticios que elabora ou comercializa.

Artigo 26. Rexistro Industrial de Galicia

  1. As persoas operadoras alimentarias que participen nas fases de transformación, envasado e/ou etiquetaxe deberán inscribir as actividades que desenvolvan e as súas instalacións no Rexistro Industrial de Galicia, segundo as condicións e coas exencións que se establezan regulamentariamente.

Quedan excluídas desta obriga as persoas que comercialicen a súa produción de forma directa, consonte o establecido no Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final ou a norma que a substitúa.

  1. A inscrición neste rexistro non exime da inscrición naqueloutros que legalmente estean establecidos.

CAPÍTULO III

Sustentabilidade da cadea alimentaria

Artigo 27. Sistema de certificación da sustentabilidade do sector alimentario galego

  1. Co fin de mellorar a sustentabilidade da produción alimentaria galega nas súas vertentes ambiental, social e económica, establécese un sistema de certificación da sustentabilidade do sector alimentario galego, que será xestionado e coordinado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria no relativo aos produtos agroalimenticios e pola consellaría competente en materia de pesca no relativo aos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  2. O sistema de certificación da sustentabilidade basearase nun conxunto de normas de produción e boas prácticas encamiñadas a garantir o respecto ao medio, a calidade e a seguridade alimentarias, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía e mais unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso das persoas operadoras primarias. Tamén atenderá á incorporación de directrices de igualdade e plans de igualdade ou de seguridade laboral en clave de xénero. Este conxunto de normas de produción e boas practicas será definido en pregos de condicións específicos, axeitados ás características dos diferentes ámbitos do sector alimentario galego.
  3. O sistema de certificación da sustentabilidade constará dos seguintes elementos:
  4. a) Os comités de sustentabilidade dos diferentes ámbitos do sector alimentario galego, aos que lles corresponderá elaboraren os pregos de condicións e propoñeren a súa aprobación á Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou á consellaría competente en materia de pesca, segundo corresponda por razón da natureza do produto.
  5. b) Os correspondentes pregos de condicións, que fixarán as normas de produción e boas prácticas e os requisitos do produto en cada un dos ámbitos do sector alimentario galego. Estes pregos de condicións serán aprobados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou pola consellaría competente en materia de pesca, de acordo co que proceda por razón da natureza do produto, logo da proposta do correspondente comité de sustentabilidade, unha vez que sexa posto en funcionamento.
  6. c) O sistema de seguimento da sustentabilidade dos diferentes ámbitos do sector alimentario galego. Este sistema comprenderá a identificación dos indicadores de seguimento que se utilizarán para definir e actualizar a disciplina de produción a que se refire o sistema de certificación, así como para avaliar o impacto das eleccións realizadas e os resultados alcanzados.
  7. A adhesión ao sistema de certificación será voluntaria e implicará o sometemento a controis por parte dunha entidade de certificación que avaliará a conformidade da produción, transformación e comercialización cos requisitos do prego de condicións. A conformidade do proceso produtivo cos requisitos do prego de condicións acreditarase cun certificado de conformidade emitido pola entidade de certificación que realice os controis. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria será a encargada de autorizar as entidades certificadoras, así como de supervisar a súa actividade.
  8. O conxunto de normas de produción e boas prácticas revisarase periodicamente. Procederase ás actualizacións necesarias co obxectivo de adoptar as directrices máis recentes sobre sustentabilidade económica, ambiental e social.
  9. Os produtos certificados baixo o sistema definido neste artigo serán distinguidos por un logotipo público específico e recoñecible polas persoas consumidoras. Con este fin, poderase rexistrar unha marca de garantía que acolla os produtos alimenticios sustentables de acordo co establecido neste artigo e nas normas que o desenvolvan. Esta marca poderá ser obxecto de promoción por parte da Administración autonómica de Galicia.
  10. Durante o primeiro ano de vixencia da lei, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a consellaría competente en materia de pesca poñerán en funcionamento os comités de sustentabilidade dos diferentes ámbitos do sector alimentario galego. Regularanse as súas atribucións, a súa composición e as súas normas de funcionamento, co fin de que sexan estes os que elaboren os pregos de condicións para a súa aprobación por parte da axencia ou por parte da consellaría competente na materia de pesca. Na antedita composición participarán as organizacións profesionais agrarias e do mar e as asociacións máis representativas en relación cos pregos que versen sobre materias do seu ámbito de actuación.
  11. Regulamentariamente definiranse as normas comúns que deban conter os pregos de condicións a que se refire este artigo e os requisitos para a autorización das entidades certificadoras.

TÍTULO III

Figuras de promoción e de protección da calidade alimentaria

CAPÍTULO I

Figuras de promoción e de protección da calidade diferenciada

Artigo 28. Clasificación das figuras de promoción e de protección da calidade diferenciada

  1. Consideraranse figuras de promoción da calidade diferenciada as seguintes:
  2. a) As denominacións xeográficas de calidade: denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP).
  3. b) As especialidades tradicionais garantidas (ETG).
  4. c) A produción ecolóxica.
  5. d) A artesanía alimentaria.
  6. e) Outros réximes de calidade diferenciada públicos, de conformidade coas normas da Unión Europea e coas ditadas polo Estado ou a Comunidade Autónoma galega no exercicio das súas competencias.
  7. f) As marcas de garantía que se regulan no capítulo VIII deste título.
  8. Para os efectos desta lei, teñen a consideración de figuras de protección da calidade as recollidas nas letras a) a e) do punto 1 deste artigo.

CAPÍTULO II

Denominacións xeográficas de calidade

Artigo 29. Ámbito

  1. Para os efectos desta lei, son denominacións xeográficas de calidade as seguintes:
  2. a) As denominacións de orixe protexidas e as indicacións xeográficas protexidas de produtos agrarios e alimenticios a que se refire o Regulamento (UE) nº 1151/2012, do 21 de novembro.
  3. b) As denominacións de orixe protexidas e as indicacións xeográficas protexidas dos produtos vitivinícolas a que se refire o Regulamento (UE) nº 1308/2013, do 17 de decembro.
  4. c) As indicacións xeográficas de bebidas espirituosas a que se refire o Regulamento (UE) 2019/787, do 17 de abril.
  5. Esta lei aplícase a aquelas denominacións xeográficas de calidade sinaladas no punto anterior que non superen o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Porén, o réxime inspector e sancionador que se recolle no título VII desta lei será aplicable ás infraccións que se detecten en Galicia en relación coas denominacións xeográficas doutro ámbito territorial.
  6. As zonas de produción, de elaboración e, de ser o caso, de maduración, de envasado, de envellecemento ou as relativas a outras operacións posteriores á elaboración dos produtos amparados por cada denominación xeográfica de calidade deben delimitarse no prego de condicións, de acordo cos criterios agronómicos, climáticos, ambientais e humanos que correspondan.

Artigo 30. Natureza e uso dos nomes protexidos

  1. Os nomes protexidos asociados cunha denominación xeográfica de calidade son bens de dominio público autonómico e non poden ser obxecto de apropiación individual, venda, alleamento ou gravame. A titularidade e protección destes bens corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia cando a súa respectiva área xeográfica se sitúe integramente no seu ámbito territorial.
  2. Calquera persoa física ou xurídica previamente inscrita nos rexistros da correspondente denominación xeográfica poderá facer uso dos nomes protexidos sempre que así o solicite e cumpra os requisitos establecidos no correspondente prego de condicións, agás por perda temporal ou definitiva do dereito de uso do nome protexido ou por calquera outra causa legalmente establecida.

Artigo 31. Protección

  1. As denominacións xeográficas de calidade gozarán da protección ofrecida pola normativa da Unión Europea e, de conformidade con ela, coa establecida neste artigo.
  2. Os nomes protexidos por unha denominación xeográfica de calidade non poderán utilizarse para a designación doutros produtos comparables non amparados.
  3. A protección estenderase a todas as etapas de produción, transformación, distribución e comercialización dos produtos afectados, así como á publicidade e aos documentos comerciais destes.
  4. A protección aplícase contra calquera uso indebido, imitación ou evocación e implica a prohibición de empregar calquera indicación falsa ou enganosa no tocante á procedencia, a orixe xeográfica, a natureza ou as calidades esenciais dos produtos na designación, no envase ou na embalaxe, na publicidade ou nos documentos relativos a eles.
  5. Os nomes que sexan obxecto dunha denominación xeográfica de calidade non poderán ser empregados na designación, na presentación ou na publicidade de produtos similares aos cales non lles fose asignado o nome ou que non cumpran os requisitos do devandito tipo de protección ou designación, aínda que tales nomes vaian traducidos a outras linguas ou precedidos de expresións como «tipo», «estilo», «imitación», «sabor», «parecido» ou outras similares; nin sequera cando se indique a verdadeira orixe xeográfica do produto. Tampouco poderán empregarse expresións tales como «producido en», «fabricado en» ou outras análogas.

O anterior será aplicable tamén nos casos en que o nome do produto protexido se utilice como ingrediente.

  1. Os nomes obxecto dunha denominación xeográfica de calidade están protexidos fronte ao seu uso nos dominios de Internet que consistan, conteñan ou evoquen as anteditas figuras de protección da calidade diferenciada cando a persoa titular careza de dereito de uso sobre eles ou os empregue para a promoción ou a comercialización de produtos non amparados por elas.
  2. As persoas operadoras alimentarias deberán introducir nas etiquetas e na presentación dos produtos acollidos a unha denominación xeográfica de calidade elementos suficientes para diferenciar de maneira sinxela e clara a súa designación ou tipo de protección e a súa orixe xeográfica ou procedencia, para evitar a confusión nas persoas consumidoras.
  3. Non poderá exixirse ás persoas operadoras dunha determinada denominación xeográfica de calidade o uso de marcas en exclusiva para os produtos desa denominación. En calquera caso, a designación e a presentación dos produtos da devandita persoa conterán elementos identificativos suficientes para evitar que se induza a erro ou confusión as persoas consumidoras.
  4. Co fin de evitar a evocación, a protección outorgada á denominación xeográfica de calidade na etiquetaxe, na presentación e na publicidade dos produtos esténdese tamén ao uso dos nomes das comarcas, dos concellos ou doutros nomes xeográficos notoriamente vinculados á denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida en produtos de natureza similar.

Artigo 32. Recoñecemento

  1. Toda agrupación ou grupo de produtores e produtoras dun alimento determinado poderá solicitar o recoñecemento e a inscrición dunha denominación xeográfica de calidade nos rexistros comunitarios correspondentes, consonte o establecido na normativa da Unión Europea. Cando concorran os requisitos exixidos nesa normativa, poderá ser considerada agrupación unha persoa física ou xurídica única.
  2. Regulamentariamente establecerase o procedemento para a tramitación do recoñecemento das denominacións xeográficas de calidade, de conformidade coa normativa da Unión Europea e coa lexislación básica estatal.

Corresponderá á persoa titular da dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou á persoa titular da dirección xeral coas atribucións relativas ás denominacións xeográficas de calidade da consellaría competente en materia de pesca, respectivamente, de acordo coa natureza dos produtos, examinar as solicitudes de recoñecemento e inscrición para comprobar que están xustificadas e cumpren coas condicións do réxime de calidade ao cal correspondan.

Os citados órganos resolverán motivadamente, sen que as resolucións poñan fin á vía administrativa.

Contra esas resolucións poderase interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ante a persoa titular da consellaría competente por razón da natureza do produto.

A resolución anterior deberase producir no prazo de seis meses, contados desde a presentación da solicitude.

A falta de resolución por silencio administrativo terá efecto desestimatorio por afectar o recoñecemento dun ben de dominio público.

Se a resolución é desfavorable, a persoa solicitante poderá presentar unha nova solicitude adaptada ao contido da resolución.

Se a resolución da solicitude é favorable, co obxecto de dar publicidade a esta publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esa publicación incluirá a ligazón ou as ligazóns ao portal web da Xunta de Galicia, onde se poidan consultar tanto o prego de condicións coma o documento único. Tamén se publicará un anuncio no Boletín Oficial del Estado co contido da devandita resolución e o das citadas ligazóns ao portal web da Xunta de Galicia.

  1. No prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no diario ou boletín oficial en que se publique en último lugar, calquera persoa física ou xurídica establecida ou que resida legalmente en España cuxos lexítimos dereitos ou intereses considere afectados poderá opoñerse ás solicitudes mediante a correspondente declaración de oposición, debidamente motivada, dirixida aos citados órganos.
  2. Corresponderá á persoa titular da dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou da dirección xeral coas atribucións relativas ás denominacións xeográficas de calidade da consellaría competente en materia de pesca resolver o procedemento de oposición. A resolución do procedemento, que non poñerá fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da consellaría competente por razón da natureza do produto.
  3. A resolución adoptada será motivada en todo caso e notificada á persoa solicitante da inscrición e a cantas se opuxeron a ela.

No caso de que a resolución for favorable ao rexistro da denominación xeográfica de calidade, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

  1. O prazo máximo para resolver o procedemento de oposición e notificar a resolución será de seis meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das declaracións de oposición.

Transcorrido o prazo máximo de duración do procedemento de oposición sen se ditar e notificar a correspondente resolución, a solicitude de rexistro entenderase desestimada, por afectar o recoñecemento dun ben de dominio público.

Nos casos en que a resolución sexa favorable á solicitude presentada e unha vez foi resolto o procedemento de oposición e publicada a devandita resolución favorable polo seu órgano competente, este comunicarao ao ministerio competente, para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, a través da canle establecida.

  1. Logo de que a solicitude de rexistro sexa transmitida á Comisión Europea, a persoa titular da consellaría competente por razón da natureza do produto de que se trate poderá concederlle a protección nacional transitoria. A resolución deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado e incluirá o prego de condicións do produto ou a ligazón ao portal web da Xunta de Galicia onde se poida consultar. Ademais da publicación da resolución de concesión, deberá informarse o ministerio competente.
  2. Regulamentariamente establecerase o procedemento para a tramitación das modificacións dos pregos de condicións das denominacións xeográficas xa rexistradas, de acordo coa normativa da Unión Europea e coa lexislación básica estatal.

Artigo 33. Prego de condicións das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas

  1. As denominacións de orixe protexidas e as indicacións xeográficas protexidas deben ter un prego de condicións, que debe permitir comprobar as condicións pertinentes de produción dos produtos amparados pola denominación xeográfica de calidade e o seu vínculo co territorio.
  2. O contido dos pregos de condicións, así como a súa aprobación e modificación, deberá axustarse á normativa da Unión Europea que resulte aplicable atendendo á natureza do produto de que se trate.

CAPÍTULO III

Especialidades tradicionais garantidas

Artigo 34. Réxime xurídico e protección

  1. As persoas produtoras ou transformadoras que queiran protexer un produto como especialidade tradicional garantida deberán presentar un prego de condicións do produto e cumprir cos restantes requisitos establecidos na normativa comunitaria e no resto de regulación aplicable sobre réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, en particular co establecido no título III do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.
  2. O procedemento para recoñecer e inscribir unha especialidade tradicional garantida ou para modificar o seu prego de condicións adecuarase ao disposto nas normas da Unión Europea, no artigo 32 desta lei e no regulamento que se dite en desenvolvemento desta.
  3. A protección de especialidades tradicionais garantidas implica a prohibición de todo uso indebido, imitación ou evocación ou calquera práctica que poida levar a erro as persoas consumidoras, de acordo co disposto no artigo 24 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012.

CAPÍTULO IV

Produción ecolóxica

Artigo 35. Réxime xurídico e protección

A produción ecolóxica gozará de protección de conformidade co Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, e afectará todas as fases de produción, elaboración e comercialización dos produtos, incluíndo a presentación, a etiquetaxe e a publicidade e documentación comercial, os seus ingredientes e as materias primas para a alimentación animal.

CAPÍTULO V

Artesanía alimentaria

Artigo 36. Definicións

  1. Considérase artesanía alimentaria a actividade de elaboración, manipulación e transformación de produtos alimenticios que, ademais de cumpriren os requisitos que establece a normativa vixente, están suxeitos a unhas condicións durante todo o seu proceso produtivo que son respectuosas co medio e garanten á persoa consumidora un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, resultado da produción en cantidades limitadas controladas pola intervención persoal da artesá ou do artesán.
  2. Para os efectos desta lei, entenderase por persoa artesá alimentaria aquela persoa que realiza unha actividade de artesanía alimentaria e cumpre os requisitos que regulamentariamente se establezan. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria fará a súa acreditación como tal mediante a expedición da correspondente carta de persoa artesá alimentaria.
  3. As empresas artesás alimentarias son aquelas que están inscritas no Rexistro da artesanía alimentaria a que se refire o artigo 40 desta lei e que realizan unha actividade artesanal alimentaria a través de procesos de elaboración que dean lugar a un produto final individualizado, respectuoso co medio e con características diferenciais, nas cales a intervención persoal do artesán ou da artesá constitúe un factor predominante.
  4. Considéranse produtos artesáns aqueles que, elaborados por empresas artesás, se obteñan consonte os procesos de elaboración que para cada actividade se aproben na norma técnica correspondente.

Artigo 37. Réxime xurídico

  1. Os requisitos para a obtención da carta de persoa artesá a que se refire o punto 2 do artigo 36 estableceranse regulamentariamente.
  2. As condicións técnicas de carácter xeral necesarias para a produción artesanal dos produtos alimenticios referidos nesta lei determinaranse regulamentariamente.

Pola súa parte, as condicións particulares aplicables ás diferentes producións recolleranse na correspondente norma técnica específica. As normas técnicas deberá aprobalas a consellaría competente por razón da natureza do produto e recollerán o emprego de materias primas seleccionadas, a presentación singular e, de ser o caso, a elaboración tradicional, requisitos que dan ao produto final unha calidade diferencial.

  1. Para garantir a elaboración tradicional, nos produtos para os cales exista algunha denominación xeográfica de calidade coa que se poidan confundir, a norma técnica correspondente exixirá que estes produtos estean acollidos á devandita denominación, alén doutros requisitos específicos que poidan establecerse.
  2. Corresponderá á Axencia Galega da Calidade Alimentaria adoptar as medidas de fomento da actividade artesanal alimentaria, coa finalidade de recoñecer e impulsar os valores económicos, culturais e sociais que esta representa para a comunidade autónoma de Galicia.
  3. A inspección e o réxime sancionador, en caso de incumprimento das condicións técnicas xerais e específicas legalmente establecidas para a actividade de produción artesanal de alimentos, adecuarase ao establecido no título VII desta lei.
  4. O control do cumprimento por parte das empresas artesás alimentarias galegas das especificacións establecidas e a certificación dos produtos da artesanía alimentaria que elaboren e comercialicen serán realizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Artigo 38. Produtos artesáns de montaña e caseiros

  1. Considéranse produtos artesáns de montaña aqueles produtos artesanais elaborados por empresas artesás alimentarias radicadas en zonas cualificadas como «de montaña», de acordo co que establece o artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, e que utilicen na súa elaboración materias primas procedentes desas zonas. Estes produtos cumprirán, ademais, as especificacións que se establecen nos artigos 1 a 6 do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, no que atinxe ás condicións de uso do termo de calidade facultativo «produto de montaña».

Os produtos definidos no parágrafo anterior poderán utilizar os termos de calidade facultativos «artesán de montaña» ou «artesá de montaña».

  1. As empresas artesás alimentarias que, de acordo co regulamento de desenvolvemento desta lei e, de ser o caso, coas normas técnicas específicas, utilicen para a elaboración dos seus produtos como ingredientes principais caracterizadores materias primas procedentes da propia explotación agraria á que estean ligadas poderán utilizar as mencións de calidade facultativas «artesán da casa» ou «artesán caseiro».

Artigo 39. Protección dos termos referidos á artesanía alimentaria

Os termos «artesán», «artesá», «artesanal», «caseiro», «caseira», «da casa» e outros análogos só poderán utilizarse na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos que cumpran os requisitos establecidos nesta lei e nas normas que a desenvolvan.

Malia o anterior, os produtos artesáns alimenticios producidos e elaborados legalmente noutras comunidades autónomas do Estado español ou noutros estados membros da Unión Europea e dos países da Asociación Europea de Libre Comercio (AELC), partes contratantes no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (EEE), de acordo cunha normativa oficial específica de artesanía alimentaria, poderán comercializarse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia baixo esa mesma denominación.

Artigo 40. Rexistro da artesanía alimentaria de Galicia

  1. O Rexistro da artesanía alimentaria, creado mediante a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, está adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria e ten como función a inscrición das empresas que realicen unha actividade artesanal alimentaria.
  2. Regulamentariamente determinaranse as normas de funcionamento deste rexistro.

CAPÍTULO VI

Produtos alimenticios tradicionais de Galicia

Artigo 41. Produtos alimenticios tradicionais de Galicia

  1. Para os efectos desta lei, entenderase que un alimento é tradicional de Galicia cando se acredite un mínimo de trinta anos de produción, elaboración e comercialización en Galicia e sempre que se cumpra co establecido no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2074/2005 da Comisión, do 5 de decembro de 2005.
  2. Poderanse adoptar medidas que permitan continuar a utilizar métodos tradicionais para garantir as características dos alimentos tradicionais de Galicia, de acordo co establecido no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 2074/2005 da Comisión, do 5 de decembro de 2005, polo que se establecen medidas de aplicación para determinados produtos conforme o disposto no Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e para a organización de controis oficiais conforme o disposto nos regulamentos (CE) nº 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e (CE) nº 882/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, se introducen excepcións ao disposto no Regulamento (CE) nº 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello e se modifican os regulamentos (CE) nº 853/2004 e (CE) nº 854/2004.

Artigo 42. Catálogo de produtos alimenticios tradicionais de Galicia

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co sector, elaborará, manterá actualizado e promocionará un catálogo de produtos alimenticios tradicionais, en que se recollerá a identificación e a definición dos produtos típicos e tradicionais de Galicia con independencia de estaren ou non protexidos mediante un distintivo referido á orixe ou á calidade do produto, co fin de preservar e revalorizar estes, e efectuará a súa caracterización e seguimento histórico.

CAPÍTULO VII

Obrigas das persoas operadoras alimentarias relacionadas coa produción,
a elaboración e a comercialización das figuras de protección
da calidade diferenciada

Artigo 43. Obrigas das persoas operadoras alimentarias relacionadas coa produción, a elaboración e a comercialización das figuras de protección da calidade diferenciada

  1. As persoas operadoras alimentarias relacionadas coa produción, a elaboración e a comercialización das figuras de protección da calidade diferenciada estarán obrigadas a:
  2. a) Cumpriren as normas de aseguranza da calidade alimentaria establecidas no título II desta lei.
  3. b) Inscribírense no rexistro ou nos rexistros da figura de protección da calidade diferenciada que lles corresponda. Para tal efecto, deberán notificar os datos que sexan necesarios ao consello regulador da figura de protección da calidade diferenciada ou, na súa ausencia, á autoridade competente para o seu control.
  4. c) Cumpriren o prego de condicións da denominación xeográfica de calidade ou da especialidade tradicional garantida, as disposicións en materia ecolóxica ou as do réxime de calidade correspondente, así como as normas necesarias para a súa correcta aplicación.
  5. d) Subministraren toda clase de información sobre instalacións, produtos, servizos ou sistemas de produción ou elaboración e permitiren a comprobación directa no marco do control oficial.
  6. e) Mostraren, durante o desenvolvemento das actuacións de control, a documentación administrativa, industrial, mercantil, contable ou calquera outra relativa á súa actividade, mesmo a relacionada con outras producións non protexidas coas figuras de calidade diferenciada, e facilitaren a obtención de copias ou a súa reprodución.
  7. f) Permitiren, durante as actuacións de control, que se practique a oportuna toma de mostras ou calquera outro tipo de control, ensaio ou verificación de aptitude sobre os produtos ou as mercadorías que produzan, elaboren ou comercialicen e sobre as materias primas, os aditivos ou outras materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias que utilicen.
  8. g) Sometérense á verificación do cumprimento do prego de condicións na elaboración do produto amparado, que afecta todas as fases e actividades da produción, a manipulación, a elaboración, a transformación, o envasado, o almacenamento, a etiquetaxe, a presentación e o transporte.
  9. h) Facilitaren os medios materiais e humanos necesarios de que dispoñan para o desenvolvemento das actuacións de control oficial.
  10. i) Comunicaren as etiquetas comerciais á autoridade competente no control oficial da figura de protección da calidade diferenciada ou, de a haber, á entidade de xestión desa figura, con antelación á súa posta en circulación, para a verificación da súa conformidade co disposto no prego de condicións e, de ser o caso, nos estatutos, no manual de calidade da figura de protección da calidade diferenciada ou noutras disposicións da antedita entidade de xestión.
  11. j) Utilizaren exclusivamente as mencións, as abreviaturas, os símbolos ou calquera outro signo referente á calidade dos produtos, de conformidade coas normas do réxime de calidade correspondente.
  12. k) Cumpriren as obrigas que, de ser o caso, estableza a normativa propia do consello regulador.
  13. l) Colaboraren cos consellos reguladores e coas autoridades competentes para defender e promocionar as figuras de protección da calidade diferenciada e os produtos amparados por elas.
  14. m) Colaboraren cos consellos reguladores e coas autoridades competentes achegando os datos da súa actividade necesarios para a elaboración das estatísticas e os estudos económicos da figura de protección da calidade diferenciada. Estes datos serán tratados de xeito confidencial e, de seren publicados, serano de forma conxunta, para evitar dar información empresarial individual. As persoas operadoras están obrigadas a achegaren datos fiables, que se presumirá que son aqueles sustentados en declaracións fiscais.
  15. n) Contribuíren economicamente ao financiamento dos consellos reguladores da figura de protección da calidade para o exercicio das funcións que lles son propias. Para iso, deberán aboar as cotas que, de ser o caso, lles sexan aplicables.
  16. o) Aboaren o custo correspondente ás auditorías e outras actividades de avaliación e vixilancia que se lles realicen para a comprobación do cumprimento do prego de condicións ou dos requisitos específicos que se apliquen á figura de protección da calidade diferenciada.
  17. p) Calquera outra obriga establecida nesta lei e no resto de normas aplicables.
  18. Para poderen comercializar, promover ou publicitar produto amparado, as persoas operadoras deberanse ter sometido á verificación do cumprimento do prego de condicións ou da normativa correspondente á figura de protección da calidade diferenciada, sempre que tal normativa recolla esa obriga para tales persoas operadoras. Así mesmo, deberán ter vixente o certificado de conformidade correspondente.

A pesar do anterior, as persoas operadoras, malia non teren o seu certificado de conformidade en vigor por téreno suspendido ou retirado, poderán comercializar o produto de que dispoñan, sempre e cando ese produto xa estivese disposto para a comercialización antes da perda de vixencia e, ademais, o produto fose conforme coa normativa.

CAPÍTULO VIII

Promoción de marcas de garantía

Artigo 44. Promoción de marcas de garantía sectoriais

  1. Co fin de organizar e dinamizar os diferentes sectores produtivos do ámbito alimentario, a Administración autonómica promoverá o rexistro, de conformidade co disposto na lexislación comunitaria ou estatal, de marcas de garantía. Estas marcas, ademais de cumpriren a lexislación que as regula, deberán cumprir os seguintes requisitos:
  2. a) Contar cun regulamento de uso, cun informe favorable do órgano administrativo competente de acordo co que se indica no número 2 deste artigo, que estableza obrigas detalladas en relación con métodos de produción e elaboración que garantan características específicas e unha calidade do produto final que exceda a calidade estándar do tipo de produto de que se trate.
  3. b) Que se atribúa a comprobación do cumprimento das cuestións anteriores a unha entidade de control e certificación que actúe con independencia e imparcialidade.
  4. c) Estar abertas a todas as persoas que cumpran os requisitos establecidos.
  5. O órgano administrativo competente para emitir informe sobre os regulamentos de uso das marcas de garantía a que se refire o punto 1 anterior será a consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no caso de produtos agroalimenticios, ou a consellaría competente en materia de pesca, no caso de produtos da súa competencia.
  6. As marcas rexistradas conforme o establecido neste artigo poderán ser obxecto dun especial recoñecemento por parte da Administración autonómica e favorecerse das accións que para a súa promoción realice esa administración.

Artigo 45. As marcas de garantía no sector público galego para a promoción da produción alimentaria de calidade de Galicia

  1. A Administración autonómica, co obxecto de promocionar os produtos alimenticios de calidade da comunidade autónoma, poderá utilizar unha marca de garantía rexistrada conforme o disposto no artigo 68 da Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas.
  2. O previsto no punto anterior será aplicable ás marcas de garantía xa rexistradas do sector público galego que, de acordo cos seus regulamentos de uso e os criterios de calidade que teñan establecidos ou establezan, inclúan entre as súas finalidades distinguir, ademais doutros produtos e servizos, os produtos alimenticios destinados ao consumo humano certificados polo titular da marca en función das súas características e respecto dos que non posúan a devandita certificación, sempre que sexan producidos ou transformados no territorio de Galicia, teñan uns requisitos de calidade superiores á estándar establecida para tal produto ou cumpran uns requisitos específicos de calidade que os distingan doutros da mesma natureza e de acordo coas especificacións que se establezan.

TÍTULO IV

Xestión e control das figuras de protección da calidade diferenciada

CAPÍTULO I

Xestión pública

Artigo 46. Xestión a través da administración competente en materia de calidade alimentaria

  1. A xestión das figuras de protección da calidade diferenciada a que se refire este título realizaraa a consellaría competente por razón da natureza do produto de que se trate. No caso das denominacións xeográficas relativas aos produtos agroalimenticios, no da produción ecolóxica e no da artesanía alimentaria, estas funcións da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes exerceranse a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
  2. No caso das denominacións xeográficas de calidade, a consellaría competente por razón da natureza do produto poderá delegar estas funcións en consellos reguladores, constituídos consonte o disposto no capítulo II do título IV.
  3. Para o caso da produción ecolóxica, a consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes poderá delegar a xestión desta figura de protección da calidade diferenciada no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e este poderá actuar como autoridade de control.

CAPÍTULO II

Xestión das denominacións xeográficas e da produción ecolóxica
a través de consellos reguladores

Artigo 47. Natureza dos consellos reguladores de Galicia

  1. Os consellos reguladores do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia terán personalidade xurídica de seu baixo a forma de corporacións de dereito público e gozarán de autonomía financeira e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. Axustarán o seu funcionamento ao dereito privado, excepto cando exerzan potestades públicas, situación en que se rexerán polo dereito administrativo.
  2. No caso das denominacións xeográficas de calidade, un mesmo consello regulador poderá realizar a xestión de dúas ou máis destas figuras de protección da calidade diferenciada.
  3. Os consellos reguladores autorizados como entidades de xestión poderán exercer tamén actividades de control da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate actuando como organismos delegados, de acordo co establecido no capítulo III do título VI.
  4. Nos consellos reguladores estarán representadas as persoas operadoras alimentarias inscritas nos seus rexistros.

No caso da produción ecolóxica, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia poderá actuar como autoridade de control ecolóxico, de conformidade co establecido nos regulamentos do Parlamento Europeo e do Consello 2017/625, do 15 de marzo de 2017, e 2018/848, do 30 de maio de 2018.

  1. Os consellos reguladores poderán participar ou relacionarse con toda clase de asociacións, fundacións, sociedades civís ou mercantís, agrupacións de persoas produtoras, organizacións interprofesionais, así como coas administracións públicas, establecendo os oportunos acordos ou convenios de colaboración.

Igualmente, para o desenvolvemento das súas actividades, os consellos reguladores poderán colaborar entre si ou asociarse con terceiros mediante a integración en entidades asociativas de nivel superior.

Artigo 48. Requisitos dos consellos reguladores para actuaren como entidades de xestión

Os consellos reguladores, para poderen realizar actuacións como entidade de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada, deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. a) Ter presentado, de conformidade co que se estableza regulamentariamente, unha solicitude en que conste o acordo dun número mínimo de dez persoas operadoras alimentarias, que deben representar a maioría da produción amparada baixo a figura de protección da calidade diferenciada de que se trate.

A devandita solicitude, no caso das denominacións xeográficas de calidade, deberá presentarse despois da inscrición da figura de protección da calidade diferenciada no rexistro da Unión Europea.

  1. b) Carecer de ánimo de lucro.
  2. c) Dispoñer dos medios persoais, técnicos e económicos adecuados para o desempeño das súas funcións e o cumprimento das súas obrigas. Estes medios deben incluír unha xerencia con solvencia profesional acreditada para o desempeño dos labores de xestión do consello regulador e de execución dos acordos do seu pleno, así como das funcións de secretariado. Esta xerencia actuará sempre baixo as indicacións dos órganos de goberno do consello regulador e poderá ser compartida entre varios consellos reguladores que así o acorden. Ademais, de ser o caso, para poderen actuar como órgano delegado para o control oficial, os consellos reguladores deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 29 e 30 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.
  3. d) Ter unha estrutura organizativa e un réxime de funcionamento interno democráticos.
  4. e) Dispoñer, como órganos de goberno, dos seguintes: a presidencia, a ou as vicepresidencias e o pleno. O pleno é o órgano superior de goberno e de decisión do consello regulador e nel estarán representados, de maneira equilibrada, todos os intereses económicos e sectoriais que participen de forma significativa na obtención do produto protexido.
  5. f) Elaborar uns estatutos de conformidade co establecido no artigo 49 desta lei.

Artigo 49. Estatutos dos consellos reguladores

  1. Os consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas, das indicacións xeográficas protexidas e da produción ecolóxica rexeranse polos seus estatutos, nos cales deben constar os aspectos organizativos internos.
  2. Os estatutos deben incluír, como mínimo, os seguintes aspectos:
  3. a) A súa finalidade e os seus obxectivos.
  4. b) O seu réxime de funcionamento interno.
  5. c) Os aspectos de réxime electoral específicos.
  6. d) O réxime económico, financeiro e orzamentario.
  7. e) Calquera outra cuestión que complemente o funcionamento da figura de protección da calidade diferenciada e do seu consello regulador.
  8. Igualmente, os estatutos que rexerán o funcionamento dos consellos reguladores deberán establecer como obrigas dos seus membros, alén das recollidas no artigo 43, as seguintes:
  9. a) Aplicar as normas adoptadas polos órganos de goberno do consello regulador en materia de notificación da produción, comercialización e protección do medio.
  10. b) Facilitar a información solicitada polo consello regulador con fins estatísticos e de seguimento da produción e da comercialización, conforme o indicado no artigo 43.1.m).
  11. c) Remitir as declaracións ou os informes a que estean obrigados.
  12. d) Responder dos incumprimentos das obrigas previstas nos estatutos, así como facilitar a supervisión do seu cumprimento.
  13. Os estatutos dos consellos reguladores en ningún caso poderán contradicir o disposto nesta lei, nas súas normas de desenvolvemento e na normativa específica de cada figura de protección da calidade diferenciada.
  14. Regulamentariamente estableceranse os requisitos mínimos que deben recoller os estatutos dos consellos reguladores.

Artigo 50. Autorización dos consellos reguladores e aprobación dos seus estatutos

  1. Sen prexuízo do previsto na disposición transitoria segunda, o procedemento de autorización dun consello regulador como entidade de xestión iniciarase por instancia de parte, coa que deberá achegarse unha proposta de estatutos do consello regulador xunto co resto de documentación que se estableza regulamentariamente.
  2. Unha vez instruído o procedemento mediante a revisión do contido da solicitude e a comprobación do cumprimento dos requisitos expostos nos artigos 48 e 49 desta lei, a persoa titular da consellaría competente por razón da natureza do produto de que se trate emitirá a resolución correspondente.

A antedita resolución, de ser estimatoria, autorizará conxuntamente a constitución do consello regulador e aprobará os seus estatutos. A resolución deberase publicar no Diario Oficial de Galicia. Este mesmo procedemento deberase seguir para a modificación das condicións da autorización ou dos estatutos do consello regulador.

  1. O prazo máximo para resolver o procedemento de autorización e aprobación dos estatutos do consello regulador será de seis meses. En caso de transcorreren estes sen se notificar a resolución expresa entenderase desestimada a solicitude.

Artigo 51. Funcións de xestión dos consellos reguladores

  1. Corresponderá aos consellos reguladores realizar actuacións relacionadas coa xestión da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate, que inclúen as da súa representación, defensa, desenvolvemento e promoción da figura e dos produtos amparados por ela, sen prexuízo das competencias e funcións que, nestas materias, poidan atribuírse ás consellarías competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e en materia de pesca. Ademais, de acordo co indicado no punto 3 do artigo 47, tamén poderán realizar actividades de control da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate, actuando como organismos delegados, conforme o establecido no capítulo III do título VI desta lei.
  2. Os consellos reguladores realizarán as súas funcións de acordo coa normativa europea, estatal e autonómica, sen que en ningún caso se faciliten ou xeren condutas contrarias á competencia incompatibles cos artigos 101 e 102 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e á Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.
  3. Os consellos reguladores desenvolverán, entre outras, as seguintes funcións sometidas ao dereito privado:
  4. a) Velar polo prestixio da figura de protección da calidade diferenciada e polo cumprimento do seu prego de condicións ou, de ser o caso, das disposicións en materia ecolóxica.
  5. b) Denunciar, se for o caso, calquera uso incorrecto da figura de protección da calidade diferenciada ante os órganos administrativos competentes.
  6. c) Realizar actividades promocionais no marco do correspondente plan de promoción, informando as persoas consumidoras sobre o produto e, en particular, sobre as súas características específicas de calidade.
  7. d) Propoñer as modificacións do prego de condicións á consellaría competente por razón da natureza do produto.
  8. e) Colaborar coas autoridades competentes na materia e cos órganos encargados do control oficial.
  9. f) Exercer as accións xudiciais ou extraxudiciais ao seu alcance para defender o nome protexido ou a indicación reservada fronte á súa utilización ilexítima ante os órganos administrativos e xurisdicionais competentes, poñendo en evidencia as prácticas non-conformes co establecido no prego de condicións ou nas disposicións en materia ecolóxica, así como calquera uso indebido que supoña unha utilización ilexítima ou que constitúa actos de competencia desleal ou fraude.
  10. g) Elaborar, con base en datos fiables, as estatísticas de produción, elaboración e comercialización dos produtos amparados pola figura de protección da calidade, incluíndo os datos relativos ao seu valor no mercado, e remitilas á consellaría competente, xunto co resto das informacións que lles sexan solicitadas por esa consellaría para a súa difusión e coñecemento xeral.
  11. h) Colaborar coas distintas administracións públicas na preparación, a elaboración e a aplicación de normas que afecten materias propias das figuras de protección da calidade diferenciada, realizando estudos e emitindo informes por requirimento destas.
  12. i) Participar de xeito activo na preparación e na elaboración das estratexias sectoriais que afecten a respectiva figura de protección da calidade.
  13. j) Subministrar toda a información que requira a consellaría competente por razón da natureza do produto para elaborar estudos e informes sectoriais.
  14. k) Propoñer os requisitos mínimos de control oficial en cada unha das etapas da produción, a transformación, o envasado, a distribución e a comercialización a que deba someterse cada persoa operadora inscrita e, de ser o caso, os requisitos exixidos para a concesión inicial e o mantemento da certificación.
  15. l) Establecer e xestionar as cotas obrigatorias para o seu financiamento, de acordo co disposto polos seus estatutos.
  16. m) Xestionar contraetiquetas, precintos e outros sinais de garantía.
  17. n) Crear e manter actualizados os censos electorais de persoas operadoras inscritas.
  18. o) Velar polo desenvolvemento sustentable da zona de produción.
  19. p) Impulsar a profesionalización de todas as persoas operadoras alimentarias inscritas nos seus rexistros e fomentar, entre outros aspectos, a súa formación e o aseguramento das súas producións, así como promover a comercialización destas.
  20. q) Elaborar as liñas estratéxicas que permitan o impulso e o crecemento da respectiva figura de protección da calidade alimentaria diferenciada, con rendibilidade para os diferentes elos da correspondente cadea de valor, e procurar o desenvolvemento dunha actividade no territorio que sexa económica, social e ambientalmente sustentable.
  21. r) Elaborar os orzamentos respectivos e mais a memoria de actividades, que se deberán aprobar na forma que determinen os seus estatutos.
  22. s) Outras funcións que lles sexan atribuídas pola normativa aplicable.
  23. Os consellos reguladores realizarán as seguintes funcións sometidas ao dereito administrativo:
  24. a) Levar os rexistros oficiais exixidos polas normas de aplicación, incluídos os rexistros de persoas operadoras.
  25. b) Adoptar, nos termos previstos na Política agrícola común e no marco do prego de condicións aplicable a cada denominación xeográfica de calidade para cada campaña, segundo criterios de defensa e mellora da calidade, os límites máximos de produción e de transformación ou a autorización de calquera aspecto de conxuntura anual que poida influír nestes procesos. Estas decisións faranse públicas de xeito que se garanta a posibilidade de acceso a todas as persoas interesadas e comunicaranse á consellaría competente por razón da natureza do produto, a cal, cando proceda, comunicará á comisión as medidas adoptadas.
  26. c) Emitir, cando corresponda no exercicio da función de control, logo da solicitude da persoa interesada, os certificados de produto ou de persoa operadora acollida á figura de protección da calidade diferenciada.
  27. d) Verificar o cumprimento dos requisitos adicionais, recollidos no prego de condicións e outras disposicións da entidade de xestión ou nas disposicións en materia ecolóxica, que deben figurar nas etiquetas e nos envases comerciais, así como levar un inventario de tales etiquetas e envases comerciais.
  28. e) Realizar todas aquelas funcións de carácter público que lles sexan expresamente delegadas pola consellaría competente por razón da natureza do produto. Entre estas funcións delegadas poderán estar as relacionadas co control oficial da figura de protección da calidade diferenciada, de acordo co que se establece no capítulo III do título VI.
  29. Contra os actos e acordos adoptados polos consellos reguladores no exercicio das funcións públicas a que se refire o punto 4 deste artigo poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a persoa titular da consellaría competente por razón da natureza do produto protexido no prazo e cos requisitos que se establecen na lexislación xeral de procedemento administrativo. Porén, as decisións sobre a certificación de produtos ou persoas operadoras non serán obxecto de recurso perante a consellaría competente, agás que o recurso se fundamente en irregularidades no funcionamento do consello regulador como entidade certificadora.

Artigo 52. Obrigas dos consellos reguladores

Os consellos reguladores deberán cumprir as seguintes obrigas:

  1. a) Subministrar toda a información que requiran os servizos de inspección e control oficial e colaborar con eles.
  2. b) Mostrar toda a documentación administrativa, contable e calquera outra relativa a súa xestión requirida durante as actuacións de inspección e control, así como facilitar a obtención de copias ou a súa reprodución.
  3. c) Denunciar perante as autoridades competentes as irregularidades detectadas na produción, na elaboración e na comercialización que afecten gravemente a figura de protección da calidade diferenciada, ben como colaborar con esas autoridades.
  4. d) Manter actualizados os rexistros e realizar as declaracións exixidas.
  5. e) Dar publicidade aos acordos e as decisións adoptados.
  6. f) Deseñar e presentar perante a consellaría competente un plan estratéxico para un horizonte temporal de entre tres e cinco anos, en que se recolla unha diagnose do sector e se fixen os obxectivos estratéxicos e as medidas e accións que se desenvolverán para acadalos. No caso dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario, o plan debe ser validado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
  7. g) Presentar ante a consellaría competente por razón da natureza do produto e con antelación suficiente o orzamento coas previsións de ingresos e gastos para cada período anual e, co ano vencido, a memoria de funcionamento xunto coas contas correspondentes, así como unha auditoría externa destas.
  8. h) Deseñar e presentar ante a consellaría competente e con antelación abonda ao seu inicio un plan de promoción anual ou plurianual da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate, no cal se detallen os obxectivos que se van perseguir no período ao cal que se refira e a estratexia e as accións deseñadas para acadalos. Este plan deberá ser coherente coa planificación estratéxica da consellaría competente e poderá prever a colaboración con outras figuras de protección da calidade diferenciada con que comparta obxectivos. No caso dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario, o plan debe ser validado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
  9. i) Calquera outra obriga establecida nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 53. Publicidade dos cargos dos consellos reguladores

Os consellos reguladores deben comunicar á consellaría competente por razón da natureza do produto a composición dos seus órganos de goberno e as modificacións que se produzan. Igualmente, deben comunicar o nomeamento e o cesamento, de ser o caso, da persoa que ocupe a secretaría. Estas comunicacións practicaranse nun prazo máximo de quince días naturais desde o nomeamento, a modificación ou o cesamento.

CAPÍTULO III

Recursos e financiamento dos consellos reguladores

Artigo 54. Recursos e financiamento dos consellos reguladores

Para cumpriren as súas funcións, os consellos reguladores financiaranse cos seguintes recursos:

  1. a) Os bens que constitúan o seu patrimonio e os produtos, as rendas e as vendas deste.
  2. b) As subvencións, os legados e as doazóns que reciban.
  3. c) As cotas de pertenza que poderán exixir ás persoas operadoras que as integren.
  4. d) Os rendementos pola prestación de servizos. Cando tales rendementos deriven do exercicio das funcións públicas deberán ser autorizados pola consellaría competente por razón da natureza do produto.
  5. e) Calquera outro ingreso que proceda.

CAPÍTULO IV

Tutela, supervisión e auditoría dos consellos reguladores

Artigo 55. Tutela e supervisión dos consellos reguladores

  1. A consellaría competente por razón da natureza do produto velará polo correcto exercicio por parte de cada consello regulador das súas funcións.

No caso das denominacións xeográficas de calidade do ámbito agroalimentario e no da produción ecolóxica, o exercicio das funcións de tutela sobre os consellos reguladores queda encomendado á Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No caso das denominacións xeográficas de calidade relacionadas cos produtos de orixe pesqueira, marisqueira ou de cultivo acuícola, esta competencia corresponderá á dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de comercialización pesqueira.

  1. As funcións de control oficial delegadas nos consellos reguladores serán obxecto de supervisión por parte da Administración autonómica para garantir a certificación correcta dos produtos alimenticios acollidos a unha figura de protección da calidade diferenciada.
  2. As autoridades competentes, no exercicio das funcións de tutela e supervisión sobre os consellos reguladores, poden facer as visitas, auditorías e inspeccións que coiden convenientes para comprobaren o grao de cumprimento das súas obrigas.

Artigo 56. Auditorías

Os consellos reguladores están sometidos a auditorías técnicas, económicas, financeiras ou de xestión, que deben facer os órganos da consellaría competente por razón da natureza do produto a que se refira a figura de protección da calidade diferenciada.

CAPÍTULO V

Incumprimentos dos consellos reguladores

Artigo 57. Medidas polo incumprimento das funcións e das obrigas como entidade de xestión

  1. Cando un consello regulador incumpra algunha das obrigas e funcións que como entidade de xestión lle atribúe esta lei, a persoa titular da dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou da dirección xeral con competencias en materia de comercialización pesqueira, segundo corresponda por razón da natureza do produto, formulará un apercibimento ás persoas responsables e outorgará un prazo para a súa emenda.

No devandito apercibimento indicaranse as medidas correctoras que se deberán aplicar, de ser o caso, e o prazo, que non excederá os catro meses, para a súa posta en práctica e a comunicación á autoridade competente da súa aplicación.

  1. Nos supostos en que no prazo sinalado non se proceda a emendar o incumprimento, iniciarase un procedemento co obxecto de determinar as responsabilidades dos membros dos órganos de goberno do consello regulador e poderanse adoptar medidas de suspensión temporal ou definitiva ou a inhabilitación para o exercicio do cargo.

Regulamentariamente desenvolveranse as disposicións relativas ás medidas que haberá que tomar no caso de incumprimento das funcións dos consellos reguladores, así como da tramitación do procedemento de suspensión.

  1. O incumprimento reiterado das funcións ou das obrigas que corresponden aos consellos reguladores poderá determinar o inicio dun procedemento de revogación da autorización de funcionamento como entidade de xestión.

Artigo 58. Revogación da autorización

  1. A consellaría competente por razón da natureza do produto resolverá, logo da tramitación do correspondente procedemento, a revogación da autorización de funcionamento do consello regulador como entidade de xestión nos seguintes supostos:
  2. a) Perda dos requisitos establecidos no artigo 48 desta lei para obter a autorización como entidade de xestión.
  3. b) Incumprimentos detectados e non emendados das funcións previstas no artigo 51 desta lei.
  4. c) Incumprimento reiterado das obrigas establecidas no artigo 52 desta lei.
  5. Resultará competente para a revogación da antedita autorización o mesmo órgano que a concedeu, logo da tramitación do correspondente procedemento, en que se dará audiencia ao consello regulador afectado.
  6. No acordo de inicio do procedemento de revogación da autorización figurarán a causa e as circunstancias que determinan o inicio do procedemento de revogación da autorización concedida, o prazo para presentar alegacións e mais, se for o caso, a suspensión provisional das funcións do consello regulador.
  7. Regulamentariamente desenvolveranse as normas relativas á tramitación do procedemento de revogación da súa autorización.

Artigo 59. Medidas polo incumprimento das funcións delegadas de control oficial

  1. Nos supostos de incumprimento de funcións delegadas de control oficial, procederase á revogación total ou parcial de tal delegación.
  2. Cando se detecte un incumprimento dos requisitos que deron lugar á delegación ou das obrigas derivadas desta, ou calquera outro suposto que poña en risco o exercicio das tarefas de control delegadas, a consellaría competente por razón da natureza do produto requirirá o consello regulador que exerce funcións delegadas de control para que nun prazo determinado proceda á corrección. De o consello regulador non emendar estes incumprimentos ou deficiencias no prazo concedido, mediante resolución da persoa titular da consellaría revogarase sen demora a mencionada delegación.
  3. En todo caso, procederá a revogación da delegación cando o consello regulador, no exercicio das funcións delegadas de control oficial, non estea a realizar correctamente as funcións delegadas ou non adopte medidas correctoras adecuadas nun tempo oportuno para emendar as deficiencias detectadas, así como nos supostos en que a independencia ou a imparcialidade quedasen comprometidas.
  4. A resolución de revogación da autorización publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 60. Suspensión e disolución dos órganos de goberno do consello regulador

  1. A consellaría competente por razón da natureza do produto poderá suspender a actividade dos órganos de goberno dos consellos reguladores no caso de se produciren transgresións do ordenamento xurídico vixente que, pola súa gravidade ou reiteración, fagan aconsellable esa medida, así como no suposto de imposibilidade de funcionamento normal do consello regulador.

No caso das denominacións xeográficas de calidade do ámbito agroalimentario e no da produción ecolóxica, a eventual suspensión produciríase tras a proposta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

  1. O acordo de suspensión determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder os seis meses, así como a asunción por parte da consellaría competente por razón da natureza do produto das funcións imprescindibles para a xestión da figura de protección da calidade diferenciada.

No caso das denominacións xeográficas de calidade do ámbito agroalimentario e no da produción ecolóxica, as devanditas competencias serán asumidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Se transcorrido o prazo de suspensión subsisten as razóns que deron lugar a esta, procederase, dentro do prazo dun mes, a disolver os órganos do consello regulador, así como a convocar novas eleccións.

No caso de non se poderen levar a cabo eleccións no devandito prazo ou de transcorreren seis meses desde a constitución do novo pleno e subsistiren as causas que deron lugar á suspensión do consello regulador, procederase á revogación da autorización para a xestión da figura de protección da calidade diferenciada. Nesa situación, a consellaría competente por razón da natureza do produto asumirá a xestión do consello regulador e iniciaranse os trámites para a súa disolución e liquidación.

CAPÍTULO VI

Asociacións sectoriais nas denominacións xeográficas de calidade

Artigo 61. Asociacións sectoriais nas denominacións xeográficas de calidade sen entidades de xestión

  1. No caso de denominacións xeográficas de calidade nas cales, por non se cumpriren os requisitos previstos no artigo 48 desta lei ou por falta de interese das persoas operadoras alimentarias, non se constituíse un consello regulador, a consellaría competente por razón da natureza do produto promoverá a constitución de asociacións sectoriais para o fomento e a defensa da correspondente figura de protección da calidade diferenciada.
  2. As asociacións sectoriais a que se refire este artigo deberán estar abertas á integración de calquera persoa operadora que participe na figura de calidade de que se trate e deberán recoller como obxecto social nos seus estatutos a promoción e a defensa da figura de protección da calidade diferenciada.
  3. As asociacións sectoriais constituídas conforme o establecido no punto anterior terán a consideración de interlocutoras coa Administración autonómica nos asuntos relacionados coa figura de protección da calidade diferenciada de que se trate e poderanse beneficiar das liñas de apoio á promoción dos produtos de calidade diferenciada que estableza a Administración autonómica.

TÍTULO V

Medidas de fomento

CAPÍTULO I

Medidas de fomento da calidade alimentaria

Artigo 62. Fomento da formación, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación alimentaria

  1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, en colaboración co sector alimentario, entre outras, as seguintes actuacións:
  2. a) O fomento da transferencia de coñecemento e a innovación da industria alimentaria.
  3. b) O apoio a iniciativas e proxectos sectoriais ou empresariais para o desenvolvemento da comercialización dos produtos alimenticios.
  4. c) O apoio a proxectos de investigación para xerar o coñecemento necesario que responda á demanda do sector alimentario.
  5. d) O desenvolvemento tecnolóxico para situar o sector alimentario nunha posición de liderado.
  6. e) O impulso da dixitalización e da innovación no sector alimentario.
  7. f) O fomento da formación ocupacional en materia curricular do ámbito da alimentación que preve esta lei e a formación para o emprego, así como a formación do persoal da Administración autonómica neste ámbito.
  8. g) O impulso da economía circular no sector alimentario.
  9. As actuacións a que se refire o punto 1 deste artigo poderanse realizar mediante recursos propios ou en colaboración e poderanse subscribir para iso convenios con institucións públicas ou privadas, sen prexuízo do establecido na normativa de contratos, de subvencións e no resto de normativa que sexa aplicable.
  10. O resultado dos programas de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación alimentaria desenvoltos mediante recursos propios da Administración autonómica ou contando coa súa colaboración ou financiamento deberá ser posto á disposición do sector alimentario co alcance que se determine nas disposicións reguladoras das axudas ou das subvencións.

Artigo 63. Desenvolvemento e promoción dos produtos alimenticios

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o desenvolvemento e a promoción dos produtos alimenticios do territorio autonómico, dando prioridade ás iniciativas e aos proxectos que teñan algún dos seguintes obxectivos:

  1. a) Incentivar a comercialización das producións amparadas polas figuras de protección da calidade diferenciada, así como de alimentos tradicionais de Galicia.
  2. b) Contribuír á promoción dos produtos galegos de calidade no mercado e ao fomento das boas prácticas comerciais.
  3. c) Comercializar produtos alimenticios en novos mercados emerxentes e consolidar os mercados existentes.
  4. d) Promover a concentración da oferta e a comercialización conxunta de cara a chegar tanto ao mercado local como ao resto dos mercados.
  5. e) Desenvolver programas orientados á formación e ao asesoramento en materia de comercialización.
  6. f) Facer promoción dos modelos de produción propios, os mercados internos, a produción local, as variedades locais e a produción ecolóxica.
  7. g) Difundir e informar sobre a calidade dos produtos alimenticios, impulsando o seu coñecemento tanto no mercado interior coma no exterior, destacando os aspectos históricos, tradicionais, culturais, a súa vinculación co territorio, as innovacións e as novas elaboracións.
  8. h) Incorporar a promoción de produtos de calidade diferenciada nas políticas de desenvolvemento rural, costeiro, turístico e cultural, para destacar a produción alimentaria galega como un elemento adicional na construción da paisaxe, na vertebración territorial do mundo rural e do medio costeiro e na conservación dos recursos naturais en clave de sustentabilidade.
  9. i) Promover actuacións de colaboración e interacción entre as persoas operadoras para realizar actuacións conxuntas en materia de promoción.
  10. j) Promover a formación técnica nas materias curriculares de alimentación relacionadas co ámbito desta lei.
  11. k) Articular iniciativas públicas e privadas para o desenvolvemento da produción ecolóxica.
  12. l) Fomentar a implantación de sistemas e canles de comercialización que permitan acurtar a distancia entre as persoas produtoras e as consumidoras, potenciando a produción local, os circuítos curtos de comercialización, os alimentos frescos, de tempada e de calidade diferenciada, para acadar unha maior sustentabilidade ambiental e desenvolvemento rural.

Artigo 64. Promoción da economía social no sector alimentario

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de incrementar o nivel de renda no medio rural, promoverá o cooperativismo e outras fórmulas de economía social entre as persoas operadoras do sector alimentario. Así mesmo, favorecerá a integración das cooperativas e doutras entidades de natureza asociativa como medio para lograr os seguintes obxectivos:

  1. a) Mellorar a eficiencia e a competitividade dos operadores e das operadoras, incrementando a concentración da oferta, así como a súa posición nos mercados e o control sobre o valor engadido dos seus produtos.
  2. b) Incrementar o protagonismo das persoas operadoras na regulación dos mercados en que operan, mediante a súa agrupación.
  3. c) Poñer en valor as súas producións, mellorando a formación e especialización dos equipos directivos e de xestión das cooperativas e outras entidades de natureza asociativa, especialmente nas novas ferramentas e instrumentos de xestión e comercialización.
  4. d) Favorecer os procesos de transformación dos produtos alimenticios e mellorar o seu acceso aos mercados.
  5. e) Contribuír á mellora da renda das persoas produtoras agrarias integradas nas empresas de economía social.

Artigo 65. Contratación pública de produtos alimenticios

  1. Nos contratos do sector público autonómico que teñan por obxecto a subministración de produtos alimenticios ou nos contratos de servizos ou de concesión de servizos para cuxa execución sexa imprescindible a utilización deste tipo de produtos, procurarase a compra pública socialmente responsable de alimentos saudables procedentes de sistemas de produción sustentable e respectuosos co medio e que garantan a seguridade e a calidade alimentarias.
  2. Para cumprir o previsto no punto 1, nun prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes propoñerá, para a súa aprobación polo Consello da Xunta e após o informe do órgano consultivo autonómico en materia de contratación, unha guía procedemental en que se recollan as condicións ou os criterios sociais, ambientais e de calidade alimentaria que resulten axeitados e garden vinculación co obxecto do contrato, de conformidade coas previsións da lexislación vixente en materia de contratos do sector público. Entre eles poderanse incluír os seguintes criterios:
  3. a) Ambientais, incorporando a contribución á preservación do medio e á loita contra o cambio climático, a través da minimización da pegada de carbono e, en especial, das emisións de CO2 á atmosfera nas actuacións de aprovisionamento e transporte de alimentos, así como da redución ao mínimo dos residuos alimentarios e de envases de alimentos.
  4. b) De calidade diferenciada, incorporando a utilización, entre outros, dos produtos seguintes, con suxeición aos requisitos establecidos nos artigos 126 e 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público:

1º) inscritos nos rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas protexidas, ou

2º) con certificación ecolóxica.

A citada guía será obxecto de publicación no Portal de transparencia da Xunta de Galicia e na páxina web do órgano consultivo de contratación da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar a súa máxima difusión.

CAPÍTULO II

Medidas específicas de fomento da calidade alimentaria diferenciada

Artigo 66. Fomento da calidade diferenciada

  1. Os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia adoptarán e potenciarán medidas de fomento da calidade alimentaria diferenciada, impulsando a divulgación, o mellor coñecemento, a defensa e a promoción. As medidas responderán aos seguintes obxectivos:
  2. a) Incentivar entre as persoas operadoras alimentarias do sector a utilización das diferentes figuras de protección da calidade diferenciada de produtos alimenticios.
  3. b) Contribuír á promoción dos produtos alimenticios de calidade de Galicia nos mercados nacionais e internacionais e ao fomento das boas prácticas comerciais.
  4. c) Preservar e valorar as técnicas e os coñecementos asociados aos produtos alimenticios de calidade de Galicia.
  5. d) Propiciar as iniciativas de colaboración e interacción entre as persoas operadoras alimentarias para a realización de actuacións conxuntas en materia de promoción.
  6. e) Articular as iniciativas públicas e privadas en favor da calidade dos produtos alimenticios.
  7. f) Promover iniciativas dirixidas á clarificación e á adecuación das denominacións de venda e definicións dos produtos para unha mellor información ás persoas consumidoras que permita revalorizar e diferenciar a calidade dos produtos alimenticios e a protección das persoas consumidoras e operadoras.
  8. g) Articular iniciativas públicas para o desenvolvemento da produción ecolóxica.
  9. A Administración autonómica poderá financiar campañas de información e de promoción de produtos alimenticios de calidade, no marco da normativa europea e da normativa básica estatal.

Estas campañas servirán para difundir e informar sobre a calidade, as propiedades e as características diferenciais dos produtos de calidade de Galicia, promocionando o seu coñecemento tanto no mercado interior coma no exterior, destacando os aspectos históricos, tradicionais e culturais, a súa vinculación co territorio, as innovacións e novas elaboracións, e, en xeral, para recomendar o consumo de produtos alimenticios de calidade diferenciada.

TÍTULO VI

Control oficial

CAPÍTULO I

Control oficial da calidade dos alimentos

Artigo 67. Control oficial

  1. Son obxectivos do control oficial a garantía da calidade alimentaria, a persecución da fraude alimentaria, a garantía da lealdade nas transaccións comerciais alimentarias e a protección dos dereitos e intereses económicos das persoas operadoras alimentarias e das persoas consumidoras finais, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.
  2. Este título aplicarase a todas as actuacións de control que, en materia de calidade e conformidade dos produtos alimenticios, se realicen nas etapas de produción, de transformación, de transporte e de comercialización deses produtos e das materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias que se desenvolvan no territorio da comunidade autónoma de Galicia.
  3. Exclúense do ámbito de aplicación deste título os aspectos en que interveña calquera compoñente regulado por normas de carácter obrigatorio, xa sexan sanitarias, veterinarias, de benestar animal ou relativas á seguridade física das persoas ou animais, en particular as cuestións relacionadas coa saúde, co control microbiolóxico, coa inspección veterinaria, co control de puntos críticos, co control de residuos en animais, en carnes e en vexetais, ou coa normativa sobre substancias perigosas e ambiente, así como calquera control realizado por outros órganos sectoriais específicos no ámbito das súas competencias.

Artigo 68. Organismos delegados de control

  1. As autoridades competentes poderán delegar determinadas funcións de control oficial nun ou en máis organismos delegados ou en persoas físicas, de conformidade coas condicións establecidas nos artigos 29 e 30, respectivamente, do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios. A autoridade competente asegurarase de que o organismo delegado ou a persoa física en quen se deleguen tales funcións dispoñan das facultades necesarias para as levar a cabo eficazmente.
  2. Os organismos delegados de control terán as seguintes obrigas:
  3. a) Estar debidamente acreditados segundo a norma pertinente para as funcións delegadas de que se trate e manter actualizada a correspondente acreditación.
  4. b) Cumprir as tarefas delegadas nos termos establecidos pola autoridade competente e informar esta das actuacións realizadas.
  5. c) Denunciar ante as autoridades competentes, consonte o indicado no artigo 85.5, as irregularidades detectadas na produción e na comercialización que afecten gravemente a figura de protección da calidade diferenciada que corresponda e colaborar coas devanditas autoridades.
  6. d) Informar a autoridade competente das súas actuacións en relación coas actividades de control oficial delegadas.
  7. e) Manter actualizados os seus rexistros e a súa documentación, así como realizar as declaracións exixidas.
  8. f) Calquera outra obriga establecida nesta ou noutra norma.

CAPÍTULO II

Toma de mostras para o control da calidade fisicoquímica

Artigo 69. Realización da toma de mostras

  1. Para os efectos desta lei, considerarase toma de mostras o acto mediante o cal a persoa inspectora recolle unha mostra segundo se define na letra dd) do artigo 4.
  2. A toma de mostras para o control da calidade fisicoquímica reflectirase nunha acta formalizada ante a persoa titular da empresa ou do establecemento suxeito a inspección ou ante a persoa representante legal ou responsable e, na ausencia delas, ante calquera persoa que traballe para esa empresa ou establecemento. Cando calquera das persoas mencionadas anteriormente se negue a asinar a acta, o persoal inspector reflectirao nesta. A ausencia de sinatura da acta por parte da persoa inspeccionada non privará aquela do seu carácter probatorio.

Artigo 70. Representatividade das mostras

As mostras serán representativas do produto obxecto de control. Cada mostra poderá constar dun ou de varios exemplares. Cando se trate de substancias a granel ou cando sexa preciso fraccionar ou mesturar o contido de diferentes envases, deberase homoxeneizar o produto antes de proceder á toma da mostra, co fin de garantir a súa representatividade.

Artigo 71. Procedemento de toma de mostras

O procedemento de toma de mostras axustarase ao establecido nas normas específicas para cada produto e, na súa ausencia, ao disposto nesta lei e nas demais normas aplicables. As cantidades que teñan que retirarse de cada exemplar serán abondas en función das determinacións analíticas que se teñan que realizar.

Artigo 72. Acondicionamento das mostras

As mostras tomaranse, manipularanse e etiquetaranse de xeito que se asegure a súa validez xurídica, científica e técnica, polo que os exemplares da mostra deben acondicionarse e precintarse de tal modo que se garanta a súa inviolabilidade, así como identificarse e ser asinados polas persoas intervenientes, co obxecto de garantir a identidade das mostras co seu contido durante o tempo da súa conservación ata que se practiquen as correspondentes analíticas.

Artigo 73. Depósito dos exemplares

Os exemplares das mostras custodiadas pola autoridade de control serán enviados ao laboratorio no prazo máis curto posible.

Artigo 74. Métodos de análise e laboratorios

  1. As probas periciais analíticas practicaranse en laboratorios oficiais para a realización dos controis oficiais.
  2. Os métodos de análise, ensaio e diagnóstico de laboratorio deben cumprir a normativa da Unión Europea. De non haber normativa, e en función da súa idoneidade para as súas necesidades específicas de análise, ensaio e diagnóstico, os laboratorios empregarán un dos seguintes métodos:
  3. a) Os métodos dispoñibles que se axusten ás normas ou aos protocolos pertinentes internacionalmente recoñecidos, incluídos os aceptados polo Comité Europeo de Normalización (CEN).
  4. b) Os métodos pertinentes desenvolvidos ou recomendados polos laboratorios de referencia da Unión Europea e validados consonte protocolos científicos aceptados a nivel internacional.
  5. De non existiren as normas ou os protocolos pertinentes mencionados no punto anterior, empregaranse os métodos que cumpran as normas pertinentes establecidas a nivel nacional ou, de non existiren estas normas, os métodos pertinentes desenvolvidos ou recomendados polos laboratorios de referencia nacionais e validados conforme protocolos científicos aceptados a nivel internacional, ou ben os métodos pertinentes desenvolvidos e validados con estudos de validación de métodos realizados polo laboratorio ou entre varios laboratorios conforme protocolos científicos aceptados a nivel internacional.

Artigo 75. Resultados analíticos

  1. O laboratorio que reciba o exemplar da mostra, en función dela e da documentación que se achegue, realizará a análise e emitirá coa maior brevidade posible os resultados analíticos correspondentes e, no caso de se lle solicitar, un informe técnico. Este pronunciarase de maneira clara e precisa sobre a cualificación que lle mereza a mostra analizada.
  2. Unha vez recibidos os datos analíticos, a autoridade competente de control, á vista do resultado do laboratorio, emitirá un informe favorable ou desfavorable da mostra en relación co cumprimento da lexislación.

Cando do resultado da análise se poñan de manifesto incumprimentos das disposicións vixentes, a autoridade competente adoptará as medidas coercitivas e correctivas pertinentes, incluíndo, de ser o caso, a incoación dun expediente sancionador.

Artigo 76. Segundo ditame pericial

As autoridades competentes garantirán que as persoas operadoras cuxos produtos se sometan a mostraxe, análise, ensaio ou diagnóstico teñan dereito a un segundo ditame pericial, que deberá ser sufragado pola propia persoa operadora, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.

Artigo 77. Actuacións que non requiren a práctica de probas analíticas

  1. Cando a inspección investigue características de calidade de produtos presentados en fresco e sometidos a normalización e esta investigación non requira a práctica de probas analíticas, como é o caso, entre outros, das froitas, hortalizas e canais de especies animais, efectuaranse os seguintes trámites:
  2. a) A persoa inspectora fará constar na acta os feitos e as circunstancias pertinentes sobre a partida inspeccionada.
  3. b) A persoa inspeccionada fará constar na acta a aceptación de tales cuestións ou a súa discrepancia con elas. Neste suposto, tras a intervención da mercadoría e no prazo de dous días hábiles, contados a partir do día da inspección, solicitará a realización dunha nova inspección por parte doutro inspector ou inspectora. Na inspección, a persoa interesada poderá designar unha persoa que faga a peritaxe de parte e a persoa inspectora que levantou a acta inicial tamén poderá concorrer á nova inspección. Os ditames emitidos por ambas as partes faranse constar na acta desta última inspección, á cal poderán achegarse probas documentais ou fotografías, así como calquera outra documentación que se xulgue oportuna.
  4. Todo o actuado elevarase á autoridade competente, que acordará a incoación do expediente sancionador de o estimar procedente.

Artigo 78. Mostras para o control de produtos comercializados por Internet ou por outros medios de comunicación a distancia

  1. Para os produtos alimenticios ofertados para se comercializaren a través de Internet ou por outros medios de comunicación a distancia, a inspección de calidade alimentaria poderá encargar as mostras dos produtos obxecto do control oficial sen se identificar ante as persoas responsables da súa comercialización, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.
  2. Unha vez en posesión das mostras, a administración informará o operador ou a operadora da súa actuación e comunicaralle que se trata dunha toma de mostras realizada no marco dun control oficial e que estas van ser analizadas para os efectos da execución dese control.
  3. A persoa operadora poderá exercer o dereito a un segundo ditame pericial, tal e como se establece no artigo 36 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017.
  4. As disposicións relativas ao control de produtos comercializados a distancia poderán ser obxecto de desenvolvemento regulamentario.

CAPÍTULO III

Control oficial das figuras de protección da calidade diferenciada

Artigo 79. Autoridade competente e organismos delegados de control

  1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria terá a condición de autoridade competente para os efectos do control oficial da produción ecolóxica, da artesanía alimentaria, dos produtos acollidos a algunha especialidade tradicional garantida e o dos produtos agroalimenticios amparados por denominacións xeográficas de calidade.

De acordo co anterior, a Axencia é a encargada de verificar que as persoas operadoras cumpran os requisitos para o outorgamento da certificación de conformidade que as faculta para produciren baixo estas figuras de protección da calidade e de supervisar as tarefas delegadas de control a que se refire o punto 3 deste artigo.

Os feitos constatados polo persoal acreditado da Axencia Galega da Calidade Alimentaria encargado do control oficial relativos ao incumprimento da normativa específica da figura de protección da calidade diferenciada terán presunción de certeza e constituirán proba documental pública para os efectos da súa valoración no procedemento sancionador, sen prexuízo das probas que, na defensa dos seus dereitos ou intereses, poida sinalar ou achegar a persoa interesada.

Por orde da persoa titular da consellaría competente en función da natureza do produto de que se trate, regularase a acreditación do persoal encargado do citado control oficial.

  1. A consellaría competente en materia de pesca será a autoridade competente para o control oficial en relación coas denominacións xeográficas de calidade de produtos de orixe pesqueira, marisqueira ou de cultivo acuícola. Esta consellaría poderá encomendar á Axencia Galega da Calidade Alimentaria a supervisión dos organismos delegados de control a que se refire o punto 3 deste artigo que operen no ámbito das denominacións xeográficas de calidade.
  2. De acordo co indicado no artigo 68, a autoridade competente poderá delegar tarefas de control específicas nun ou en máis organismos de control ou en persoas físicas, sempre que se cumpra co establecido nos artigos 29 e 30 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.

Artigo 80. Control oficial das figuras de protección da calidade diferenciada

  1. O control oficial das figuras de protección da calidade diferenciada consistirá na verificación do cumprimento da súa normativa específica e afectará todas as etapas de produción, de transformación, de envasado, de distribución e de comercialización dos produtos alimenticios e das materias e elementos que interveñan na súa produción, así como os procesos e equipos tecnolóxicos de fabricación, elaboración e tratamento de alimentos, os medios de conservación e de transporte e a etiquetaxe, presentación e publicidade dos alimentos. Tamén incluirá, de ser o caso, a supervisión das tarefas delegadas de control.
  2. Este control consistirá na inspección de locais, instalacións e explotacións relacionados co produto amparado pola figura de protección da calidade diferenciada, na toma de mostras e na súa análise, así como na auditoría e o exame documental para verificar a planificación e a execución dos sistemas de autocontrol e control interno e dos seus rexistros documentais.
  3. O control oficial das figuras de protección da calidade exercerase nos termos exixidos polas normas da Unión Europea e consonte os principios de legalidade, proporcionalidade, seguridade, contradición, axilidade e simplificación administrativa.

Artigo 81. Delegación de tarefas de control de figuras de protección da calidade diferenciada

  1. A consellaría competente por razón da natureza do produto, mediante resolución da persoa titular, poderá delegar determinadas tarefas de control no correspondente consello regulador, de existir este para a figura de protección da calidade diferenciada de que se trate. Deste xeito, o consello regulador actuará como organismo delegado de control. Alternativamente, a consellaría competente poderá delegar esas tarefas nun ou en varios organismos delegados de control que actúen como organismos de certificación de produto alimenticio ou en persoas físicas, consonte o establecido na normativa europea sobre os controis oficiais.
  2. Os organismos delegados de control que actúen como entidades de certificación de produto de figuras de protección da calidade diferenciada reguladas pola normativa da Unión Europea deberán estar acreditados de conformidade coa norma UNE-EN ISO/IEC 17065:2012 ou coa norma que a substitúa.
  3. De acordo co establecido no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios, só poderán delegarse tarefas específicas de control oficial nun organismo delegado de control sempre e cando este:
  4. a) Posúa a experiencia, os equipos e a infraestrutura necesarios para realizar as tarefas que lle foron delegadas.
  5. b) Conte con persoal suficiente coa cualificación e a experiencia axeitada.
  6. c) Sexa imparcial e non teña ningún conflito de intereses con respecto ao exercicio das tarefas que lle foron delegadas.
  7. d) Traballe e estea acreditado segundo as normas pertinentes para as tarefas delegadas.
  8. e) Dispoña de competencias suficientes para exercer as funcións de control oficial que lle foron delegadas.
  9. Para outorgar a delegación será necesario que na autorización de delegación se describan con precisión as tarefas que o organismo delegado de control pode levar a cabo e mais as condicións en que pode realizalas e que se establezan mecanismos de coordinación efectiva e eficaz entre a autoridade competente e o organismo en que delegase.
  10. No exercicio das tarefas delegadas, o organismo delegado de control deberá actuar consonte as normas da Unión Europea que resulten aplicables, esta lei, as súas disposicións de desenvolvemento e cantas condicións particulares e instrucións se impoñan no acto de delegación.
  11. O organismo delegado de control comunicará á autoridade competente con regularidade, e tamén sempre que esta última o solicite, os resultados dos controis levados a cabo. Se os controis revelan un incumprimento ou fan sospeitar dun incumprimento que poida afectar gravemente a figura de protección da calidade diferenciada, o organismo delegado de control informará decontado a autoridade competente, de conformidade co indicado no artigo 85.5 desta lei.
  12. Nos supostos dos consellos reguladores en que se delegasen funcións de control oficial, os informes derivados de incumprimentos da normativa específica da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate por parte dalgunha persoa operadora poderán ter a consideración de solicitude de iniciación dun procedemento sancionador por petición razoada doutro órgano, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
  13. A maiores do previsto no punto anterior, os feitos constatados polo persoal acreditado dos consellos reguladores relativos ao incumprimento da normativa específica da figura de protección da calidade diferenciada de que se trate por parte dalgunha persoa operadora terán presunción de certeza e constituirán proba documental pública para os efectos da súa valoración no procedemento sancionador, sen prexuízo das probas que poida sinalar ou achegar a persoa interesada na defensa dos seus dereitos ou intereses.

Por orde da persoa titular da consellaría competente en función da natureza do produto de que se trate, regularase a acreditación do persoal encargado do citado control oficial.

  1. Os organismos delegados de control estarán sometidos á supervisión da consellaría competente por razón da natureza do produto.

No caso de se detectar un incumprimento dos requisitos que deron lugar á delegación ou das obrigas derivadas desta, ou no de calquera outro suposto que poña en grave risco o exercicio das tarefas de control delegadas, aplicarase o disposto no artigo 59.

  1. A resolución de delegación e a de revogación, se for o caso, publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 82. Obrigas das entidades de control e certificación

  1. As entidades de control e certificación teñen a obriga de estaren inscritas no Rexistro de entidades de control e certificación de produtos alimenticios de Galicia a que se refire o artigo 86 desta lei.
  2. Se unha entidade de control e certificación propón a suspensión ou a cancelación da certificación dunha persoa operadora, débelles comunicar esta circunstancia á consellaría competente por razón da natureza do produto e, de existir, ao órgano de xestión da figura de protección da calidade diferenciada correspondente, no prazo de tempo máis breve posible e, en todo caso, sen superar o de cinco días hábiles.
  3. As entidades de control e certificación deben conservar e poñer á disposición da consellaría competente por razón da natureza do produto os datos e os expedientes das actuacións dos últimos cinco anos.

Artigo 83. Manual de calidade e procedementos de control

  1. Os controis oficiais que realice a Axencia Galega da Calidade Alimentaria directamente sobre as persoas operadoras e os que realicen por delegación os consellos reguladores ou outros organismos con delegación de tarefas de control oficial levaranse a cabo de conformidade con procedementos documentados integrados nos seus sistemas de calidade.
  2. O manual de calidade é o documento principal do sistema de calidade no cal se reflicte a política de calidade e os obxectivos xerais, así como as formas de actuación no tocante ás actividades que afectan o control oficial. Serve como marco de referencia permanente e del emanan o resto dos documentos do sistema de calidade.
  3. Os procedementos de control son un conxunto de documentos integrados no manual de calidade que describen, coordinan e guían, con suficiente detalle, o desenvolvemento das actividades de control, quen as realiza, que métodos se empregan, quen as supervisa, cales son os diferentes controis que se realizan a cada unha das persoas operadoras certificadas para cada produto e a cualificación das non-conformidades.

Artigo 84. Non-conformidades

Cando, como consecuencia da actividade de control ás persoas operadoras a autoridade competente ou, de ser o caso, os consellos reguladores e outros organismos con delegación de tarefas de control oficial detecten incumprimentos da normativa aplicable ou unha aplicación deficiente do autocontrol, identificaranse non-conformidades, que se notificarán ás persoas operadoras para que, no prazo establecido nos procedementos, estas tomen as medidas oportunas para solucionalas e trasladen un plan de accións correctivas.

Artigo 85. Consecuencias dos incumprimentos

  1. As persoas operadoras que comercialicen produtos acollidos a unha figura de protección da calidade diferenciada para o poderen facer deberán contar cun certificado de conformidade emitido pola autoridade competente ou, se esta realizou delegación de tarefas, polo consello regulador ou por outros organismos en que se fixese delegación de tarefas.
  2. A autoridade competente ou, de ser o caso, o consello regulador ou outro organismo ou organismos en que se delegasen tarefas de control poderán acordar a suspensión ou a cancelación do certificado de conformidade á persoa operadora, en función da maior ou menor gravidade dos incumprimentos detectados.
  3. Os consellos reguladores e outros organismos en que se delegasen tarefas de control oficial deberán comunicar á autoridade competente as decisións relativas á suspensión ou á retirada do certificado de conformidade a unha persoa operadora nun prazo máximo de cinco días desde o momento en que se produciu a decisión.
  4. As suspensións e as cancelacións do certificado de conformidade a que se refire este artigo circunscríbense ao procedemento de certificación e en ningún caso teñen carácter de sanción.
  5. As non-conformidades que afecten gravemente unha figura de protección da calidade diferenciada que, de acordo co recollido no título VII desta lei, poidan ser constitutivas de infracción poderán dar lugar a un expediente sancionador. De acordo con isto, os consellos reguladores ou outros organismos en que se delegasen tarefas de control deberán comunicar á Axencia Galega da Calidade Alimentaria ou á dirección xeral con competencias en comercialización pesqueira, segundo corresponda, os incumprimentos desta natureza detectados durante a súa actividade de control, para o inicio, de ser o caso, da tramitación do correspondente expediente.

Artigo 86. Rexistro de entidades de control e certificación de produtos alimenticios de Galicia

  1. Créase o Rexistro de entidades de control e certificación de produtos alimenticios de Galicia.
  2. O rexistro terá carácter administrativo, público e único no ámbito da Comunidade Autónoma.
  3. Inscribiranse no rexistro todas as entidades de control e certificación de produtos alimenticios suxeitos a un réxime de calidade de carácter público que operen na Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. Regulamentariamente estableceranse o contido, a estrutura e o procedemento de inscrición no devandito rexistro.

TÍTULO VII

Inspección da calidade alimentaria e réxime sancionador

CAPÍTULO I

Inspección da calidade alimentaria

Artigo 87. Obrigas das persoas operadoras alimentarias en relación coa inspección

As persoas operadoras, por requirimento dos órganos administrativos competentes previstos no título I desta lei ou do seu persoal no exercicio da función inspectora, están obrigadas a:

  1. a) Permitiren e facilitaren as visitas da inspección, prestaren a asistencia requirida e cooperaren co persoal inspector no exercicio das súas competencias.
  2. b) Subministraren toda clase de información sobre os sistemas de produción, de transformación ou de comercialización e mais sobre as instalacións, os produtos, os equipos ou os servizos e, en particular, sobre as autorizacións, os permisos e as licenzas necesarias para o exercicio da actividade, ben como permitiren que o persoal inspector comprobe directamente os datos achegados.
  3. c) Achegaren a documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas, como os contratos, as facturas, os albarás e os demais documentos exixidos legalmente, así como aqueles que sexan necesarios para determinar as responsabilidades pertinentes.
  4. d) Facilitaren a obtención dunha copia ou a reprodución da documentación requirida.
  5. e) Permitiren que se practique a oportuna toma de mostras ou que se efectúe calquera tipo de control ou de ensaio sobre os produtos e bens en calquera fase de produción, de elaboración, de envasado, de transporte, de almacenamento ou de comercialización.
  6. f) Xustificaren as verificacións e os controis efectuados sobre os produtos alimenticios.

Artigo 88. Dereitos das persoas inspeccionadas

As persoas inspeccionadas teñen os seguintes dereitos:

  1. a) A recorrer a unha contraperitaxe das probas ou das mostras tomadas na inspección, dentro do prazo e consonte o procedemento establecido no capítulo II do título VI desta lei.
  2. b) A exixir, no momento da inspección, a acreditación do persoal inspector, a obter unha copia da acta e a efectuar alegacións no mesmo acto.
  3. c) A recibir sempre un tratamento respectuoso do persoal que realiza a inspección.

Artigo 89. Función inspectora

  1. A Administración autonómica desenvolverá actuacións de control e de inspección sobre os produtos alimenticios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias, co fin de dar cumprimento ao disposto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.
  2. As actuacións de inspección terán como obxectivo preferente o control:
  3. a) Da calidade, da idoneidade, da etiquetaxe, da presentación e da publicidade dos produtos alimenticios e das materias primas e os elementos empregados para a súa produción e a súa comercialización.
  4. b) Da lealdade das transaccións comerciais en materia da produción e da comercialización alimentarias, para contribuír a manter a unidade de mercado.
  5. c) Da identidade e a actividade das persoas operadoras.
  6. d) Do uso adecuado das denominacións xeográficas de calidade e doutras figuras de protección da calidade diferenciada.
  7. e) Da documentación relativa aos procesos de elaboración e de comercialización de produtos alimenticios.
  8. A actuación inspectora levarase a cabo:
  9. a) En desenvolvemento de plans anuais de inspección.
  10. b) En desenvolvemento de estratexias para fomentar a calidade dentro do sector alimentario.
  11. c) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.
  12. d) Por petición razoada doutros órganos administrativos ou dun consello regulador.
  13. e) Como consecuencia dunha orde superior xerárquica debidamente motivada.
  14. f) Por iniciativa propia do persoal inspector, cando medie causa xustificada.

Artigo 90. Do ámbito da función inspectora

  1. A consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes velará polo cumprimento da lexislación en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias en todas as fases de produción, de transformación e de comercialización, sen prexuízo do que estableza a normativa específica en materia de disciplina de mercado e de defensa das persoas consumidoras e usuarias.
  2. Estarán sometidos á inspección os produtos alimenticios, as materias e os elementos para a produción e a comercialización que se atopen en establecementos físicos ou se comercialicen a través do comercio electrónico. En particular, estarán sometidos á inspección:
  3. a) Os terreos, os locais, as oficinas, as instalacións e a súa contorna, os medios de transporte, os equipos e os materiais, nas diferentes fases reflectidas no punto 1 deste artigo.
  4. b) Os produtos semiacabados e os produtos acabados dispostos para a súa comercialización.
  5. c) As materias primas, os ingredientes, os auxiliares tecnolóxicos e o resto de produtos utilizados para a preparación e a produción de produtos alimenticios.
  6. d) Os materiais e os obxectos destinados a entraren en contacto cos produtos alimenticios.
  7. e) Os procedementos utilizados para a fabricación, a elaboración ou o tratamento de produtos alimenticios.
  8. f) A etiquetaxe, a presentación e a publicidade dos produtos alimenticios.
  9. g) Os medios de conservación.

Artigo 91. Funcións da inspección

As funcións da inspección consisten en controlar e inspeccionar a calidade e a conformidade dos produtos alimenticios e, en particular, o seguinte:

  1. a) Verificar os produtos acabados, as materias primas, os ingredientes, os auxiliares tecnolóxicos, os produtos intermedios e outros produtos que poidan utilizarse como compoñente.
  2. b) Comprobar as condicións en que se leva a cabo cada unha das fases de produción, de transformación e de comercialización e que teña incidencia na calidade e na conformidade dos produtos.
  3. c) Controlar e inspeccionar a designación, a denominación, a presentación e mais as inscricións de calquera natureza dos produtos, os envases, as embalaxes, os documentos de acompañamento dos transportes, as facturas, os documentos comerciais, a publicidade, os rexistros, a contabilidade, a documentación e os sistemas de garantía da rastrexabilidade.
  4. d) Establecer os correspondentes programas de previsión que definan o carácter, a frecuencia e os criterios das accións de control que deberán levarse a cabo nun período determinado.
  5. e) Detectar e comprobar riscos de fraude, adulteración, falsificación e prácticas non autorizadas, prohibidas, antirregulamentarias ou clandestinas dos produtos alimenticios, así como as condutas que poidan afectar negativamente ou prexudiquen os intereses económicos do sector alimentario de Galicia ou das persoas consumidoras.
  6. f) Localizar os produtos alimenticios e as materias e os elementos para a produción e a comercialización alimentarias non conformes e impedir o seu acceso aos circuítos de comercialización.
  7. g) Avaliar a sistemática de control da rastrexabilidade e os medios e os sistemas de control interno utilizados polas persoas operadoras alimentarias para asegurar a execución correcta da súa actividade, en cumprimento da regulamentación aplicable en materia de calidade e conformidade dos produtos.
  8. h) Prestar apoio aos órganos encargados da tramitación das accións correctivas ou punitivas derivadas das presuntas infraccións detectadas nas accións de control.

Artigo 92. Actuación da inspección

  1. A actuación inspectora consistirá nunha ou en varias das seguintes operacións:
  2. a) Visitas e revisións presenciais das instalacións, das oficinas, dos terreos ou dos transportes onde se atopen os produtos e a documentación obxecto de control.
  3. b) Realización de cuantificacións de existencias e de balances, tanto de produtos acabados como de materias primas.
  4. c) Toma de mostras e análise.
  5. d) Exame do material escrito e documental relacionado coa calidade e conformidade dos produtos alimenticios.
  6. e) Exame dos sistemas de rastrexabilidade e control interno.
  7. f) Comprobación dos procesos produtivos, da maquinaria utilizada e das materias primas empregadas.
  8. g) Calquera outra operación que se considere pertinente para a comprobación dos feitos susceptibles de motivaren a realización da función inspectora.

Para realizar as operacións anteriores, poderase acceder libremente a todas as instalacións da persoa operadora, incluídos os vehículos de transporte, en calquera momento e sen notificación previa.

  1. O persoal inspector poderá acceder directamente á documentación industrial, mercantil e contable e aos rexistros informáticos das empresas que inspeccione cando o considere necesario no decurso das súas actuacións.
  2. Así mesmo, o persoal inspector poderá facer copias ou extractos do material escrito, informático e documental sometido ao seu exame.
  3. As operacións mencionadas nos puntos anteriores poderanse completar, no caso necesario:
  4. a) Coas manifestacións da persoa responsable da empresa inspeccionada e das persoas que traballan por conta desta empresa.
  5. b) Coa lectura dos valores rexistrados polos instrumentos de medida utilizados pola empresa.
  6. c) Cos controis realizados polo inspector ou a inspectora cos seus propios instrumentos e coas medicións efectuadas cos instrumentos instalados pola empresa.
  7. Unha vez realizadas todas as pescudas que coide oportunas, o persoal inspector estenderá unha acta en que se fará unha relación detallada das condutas e dos feitos que sirvan de base para o correspondente procedemento sancionador, se for o caso.
  8. A actuación inspectora axustarase ás prescricións establecidas legal e regulamentariamente e, en todo caso, de conformidade con procedementos documentados.

Artigo 93. Persoal inspector

  1. No exercicio das súas funcións, o persoal funcionario da Administración autonómica que realiza funcións inspectoras terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de persoas consumidoras.
  2. O persoal inspector está obrigado de modo estrito a cumprir o deber de segredo profesional. O incumprimento deste deber poderá dar lugar a responsabilidade disciplinaria, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.
  3. Nas actuacións de inspección, o persoal funcionario inspector redactará unha acta en que constarán os datos relativos á identificación da empresa e da persoa ante a que se realiza a inspección, detallando todos os feitos que constitúen a inspección e, de ser o caso, as medidas que se ordenaron.
  4. As funcións inspectoras serán realizadas polo persoal que con esa consideración conste na relación de postos da consellaría competente, alén de por aquel que en circunstancias excepcionais debidamente motivadas determine a persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes de entre o persoal expresamente habilitado da consellaría, que en todo caso terá a condición de persoal funcionario.
  5. A Administración autonómica deberá velar polo mantemento da formación continuada do persoal inspector e por que a dotación de recursos da inspección sexa a adecuada á función que ten que realizar. Ademais, a Administración autonómica velará pola formación específica das persoas operadoras alimentarias, co fin de facilitar a comprensión por parte delas da normativa alimentaria e a súa correcta aplicación.
  6. Regularase mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes o sistema de acreditación do persoal funcionario inspector da calidade alimentaria.

Artigo 94. Valor probatorio das actas de inspección

De conformidade co disposto no artigo 77.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os feitos constatados polo persoal funcionario inspector que se formalicen na acta terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que poidan sinalar ou achegar as persoas interesadas na defensa dos respectivos dereitos ou intereses.

Artigo 95. Colaboración nas funcións inspectoras

  1. No exercicio das funcións de inspección alimentaria poderase solicitar o apoio, o auxilio e a colaboración das forzas e corpos de seguridade competentes, que manterán sempre deberes de segredo profesional.
  2. Mediante convenios ou outros instrumentos de cooperación fixaranse formas de colaboración entre a inspección alimentaria e as forzas e corpos de seguridade e estableceranse protocolos de coordinación, de formación e de desenvolvemento de actuacións conxuntas para comprobar o cumprimento da normativa aplicable en materia de calidade alimentaria.
  3. Os feitos comprobados directamente polo persoal funcionario que exerza a condición de autoridade contidos en comunicacións que se formulen en execución do establecido nos convenios ou instrumentos indicados no parágrafo anterior, tras a súa valoración e cualificación polos servizos de inspección alimentaria, poderán ser aducidos como proba nos procedementos iniciados por esta e serán tidos por certos, agás proba en contrario das persoas interesadas.

CAPÍTULO II

Medidas cautelares e preventivas

Artigo 96. Adopción

  1. Naqueles supostos en que existan claros indicios de infracción en materia de calidade e conformidade da produción e da comercialización alimentarias, a persoa inspectora, nos casos de urxencia e para a protección provisional dos intereses implicados, poderá adoptar motivadamente as medidas cautelares ou preventivas que coide oportunas, sen prexuízo das que poidan acordar os órganos competentes para incoar, instruír ou resolver o procedemento.
  2. As medidas cautelares que adopte a persoa inspectora faranse constar na acta correspondente, así como os motivos da súa adopción.
  3. De se adoptaren as medidas cautelares antes da iniciación do procedemento sancionador, no acto de notificación destas fixarase un prazo máximo de audiencia á persoa interesada de tres días hábiles.

As medidas cautelares deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que deberá efectuarse dentro dos quince días hábiles seguintes á súa adopción.

O acordo de inicio debe conter un pronunciamento expreso sobre as medidas cautelares, polo que, en todo caso, tales medidas quedarán sen efecto de non se iniciar o procedemento no citado prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca delas.

  1. En calquera caso, as medidas cautelares deberán ser proporcionadas á irregularidade detectada e manterse o tempo estritamente necesario para a realización das dilixencias oportunas ou, no suposto de que a non-conformidade sexa corrixible, o tempo necesario para a eliminación do feito que motivou a actuación, o que deberá ser verificado polo persoal que realiza funcións inspectoras.

Estas medidas poderán ser alzadas ou modificadas, de oficio ou por instancia de parte, durante a tramitación do procedemento e extinguiranse coa eficacia da resolución administrativa que poña fin ao procedemento correspondente.

  1. En particular, as medidas cautelares poderanse adoptar nos seguintes supostos:
  2. a) Cando se vulneren de forma xeneralizada os lexítimos intereses económicos e sociais das persoas operadoras do sector alimentario.
  3. b) Cando se usen de xeito inadecuado os nomes protexidos polas denominacións xeográficas e outras figuras de protección da calidade diferenciada ou outras indicacións falsas que non correspondan ao produto ou induzan a erro ou a confusión.
  4. c) Cando exista fraude, adulteración ou prácticas non permitidas nos produtos alimenticios ou nas materias e os elementos para a produción e a comercialización.
  5. d) Se se comproba que se transportan ou se comercializan produtos alimenticios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias sen o preceptivo documento de acompañamento ou que este contén indicacións falsas, erróneas ou incompletas.
  6. e) Cando existan indicios de risco para a saúde e a seguridade das persoas. Neste caso, daráselles coñecemento inmediato ás autoridades sanitarias.

Artigo 97. Tipos de medidas cautelares

  1. As medidas cautelares consistirán nunha ou en varias das seguintes actuacións:
  2. a) A inmobilización de produtos alimenticios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  3. b) O control previo dos produtos que se pretenden comercializar.
  4. c) A paralización dos vehículos en que se transportan produtos alimenticios ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  5. d) A retirada do mercado de produtos alimenticios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  6. e) A suspensión temporal do funcionamento dunha área, dun elemento ou dunha actividade do establecemento inspeccionado.
  7. f) A suspensión provisional da comercialización, da compra ou da adquisición de produtos alimenticios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias.
  8. A autoridade competente para iniciar o procedemento sancionador poderá acordar, sen carácter de sanción, a clausura ou pechamento temporal de empresas, instalacións, locais ou medios de transporte que non conten con autorización ou coa inscrición nos rexistros preceptivos ou que non realizasen as preceptivas comunicacións ou declaracións responsables ata que se solucionen os defectos ou se cumpran os requisitos exixidos para elas.
  9. Sen prexuízo do establecido nos puntos 1 e 2 deste artigo, para persoas operadoras inscritas en rexistros de denominacións xeográficas ou outras figuras de protección da calidade diferenciada, a medida cautelar poderá consistir tamén na suspensión temporal do dereito ao uso da denominación, da marca ou do elemento identificador de que se trate.
  10. Cando a presunta infracción detectada sexa imputable a unha entidade de control e certificación, poderase acordar a suspensión cautelar da citada entidade e establecerase o sistema de control aplicable en tanto se substancia o procedemento sancionador.
  11. As medidas cautelares poderán ser obxecto de recurso administrativo e posterior recurso contencioso-administrativo.
  12. Os gastos xerados pola adopción das medidas cautelares serán por conta da persoa responsable da infracción ou da persoa titular de dereitos sobre a mercadoría.

Artigo 98. Destino dos produtos sometidos á inmobilización cautelar

  1. Se o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador confirma a inmobilización cautelar que prevé o artigo anterior, este comunicaralle no acordo de incoación á persoa responsable ou á titular de dereitos sobre as mercadorías inmobilizadas que dispón dun prazo de quince días naturais para optar por algunha das seguintes operacións, en función dos supostos que motivaron a adopción da medida cautelar:
  2. a) Regularizar e corrixir a non-conformidade das mercadorías, coa súa adaptación á normativa mediante a aplicación de prácticas ou de tratamentos autorizados.
  3. b) Regularizar e corrixir a non-conformidade das mercadorías, coa adaptación da súa etiquetaxe e presentación á normativa aplicable.
  4. c) Destinar as mercadorías a outros sectores diferentes do alimentario, en particular para uso industrial, con exclusión da alimentación humana ou animal, segundo corresponda.
  5. d) Reexpedir ou retornar as mercadorías ao seu lugar de orixe.
  6. e) Destruír as mercadorías ou mantelas en depósito, en tanto non se resolva o procedemento sancionador.
  7. Antes da confirmación da inmobilización cautelar, a persoa responsable ou a persoa titular de dereitos sobre as mercadorías inmobilizadas poderase dirixir ao órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, co obxecto de que lle faciliten as opcións ás cales pode optar respecto delas.

O órgano competente, mediante resolución motivada, comunicará as opcións que procedan de entre as especificadas no punto 1 deste artigo.

  1. A execución das opcións a que fan referencia os puntos 1 e 2 deste artigo deberá ser verificada polo persoal inspector da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes.
  2. Na resolución motivada a que fai referencia o punto 2 ou no acordo de incoación, de ser o caso, o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador decidirá subsidiariamente o destino das mercadorías inmobilizadas para o suposto de que a persoa responsable ou a titular destas non opten, no prazo outorgado para o efecto, por ningunha das especificadas singularmente.
  3. O órgano competente poderá ordenar o levantamento da medida cautelar de se constatar que as mercadorías inmobilizadas foron regularizadas ou que se lles deu un dos destinos especificados singularmente, sen prexuízo da sanción que poida, de ser o caso, corresponder.
  4. Os gastos xerados por estas operacións serán por conta da persoa responsable ou da titular de dereitos sobre as mercadorías.

Artigo 99. Medidas cautelares respecto de produtos perecedoiros

No caso de produtos alimenticios de difícil conservación no seu estado inicial ou de produtos perecedoiros, a xefatura territorial correspondente da consellaría competente, de acordo co establecido no artigo 103.2 desta lei, poderá ordenar a venda en poxa pública do produto retido. O importe da venda depositarase nunha conta á disposición da devandita xefatura territorial. Cando na resolución se indique a inexistencia de infracción, devolveráselle á persoa interesada o produto, ou o seu valor, no caso de que fose poxado.

Artigo 100. Multas coercitivas

No suposto de que a persoa operadora alimentaria non realice as actividades ordenadas pola inspección ou non aplique as medidas cautelares que se lle impoñan, o órgano competente para confirmar a medida cautelar poderá impoñer multas coercitivas de ata 3.000 euros, cunha periodicidade de tres meses ata o cumprimento total das obrigas impostas.

Artigo 101. Requirimento de rectificación e paralización provisional de canais

De acordo coa normativa comunitaria, nos casos en que se produza un erro na categoría, a conformación ou o estado de engraxamento na clasificación de canais, o persoal inspector poderá requirir a persoa operadora para que rectifique tal erro na marcaxe do canal e nos documentos de acompañamento, para o cal se lle outorgará un prazo.

O persoal inspector poderá paralizar provisionalmente a comercialización destes canais ata se realizar a devandita rectificación. No caso de non se rectificar o erro, o órgano competente iniciará o correspondente procedemento sancionador.

CAPÍTULO III

Normas comúns en materia sancionadora

Artigo 102. Atribución da potestade sancionadora

  1. Corresponde á Administración autonómica a potestade sancionadora en materia da calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias. Esta será exercida polos órganos administrativos que a teñan atribuída.
  2. O órgano competente para resolver, logo da tramitación do correspondente procedemento, sancionará as infraccións en materia de calidade e conformidade da produción e a comercialización alimentarias detectadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 103. Principios xerais e cualificación das infraccións

  1. Constituirá infracción administrativa o incumprimento do disposto na lexislación alimentaria aplicable que recolle a normativa de calidade alimentaria de obrigado cumprimento ditada polas administracións competentes en cada sector e a normativa xeral aplicable en materia de calidade alimentaria, así como o incumprimento do disposto na lexislación en materia de calidade diferenciada.

As infraccións administrativas cualificaranse como leves, graves ou moi graves.

  1. O exercicio da potestade sancionadora, en execución do disposto nesta lei, corresponderá á consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, que a exercerá mediante os órganos administrativos que a teñan atribuída consonte esta lei e os principios establecidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como o resto de disposicións que sexan aplicables. Exceptúase desta previsión a potestade sancionadora relativa ás infraccións en materia de denominacións xeográficas de calidade do ámbito dos produtos alimenticios de orixe mariña, que corresponderá á consellaría competente en materia de pesca.
  2. Cando os órganos competentes en materia de control da calidade alimentaria, no exercicio das súas funcións de control oficial, aprecien que poidan existir riscos para a saúde das persoas, a sanidade animal ou vexetal, incluído o material de reprodución vexetal, o medio ou un incumprimento da lexislación en materia de consumo, trasladarán a parte correspondente das actuacións ás autoridades competentes.
  3. Se como consecuencia dunha inspección se comproba a existencia de irregularidades, a persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes poderá efectuar un requirimento previo á empresa para que emende os defectos detectados nun prazo determinado, coa condición de que non fose requirida no último ano por un feito igual ou similar e, ademais, que a irregularidade poida ser constitutiva unicamente de infracción leve.

Artigo 104. Concorrencia de infraccións ou de accións ou omisións

  1. Cando concorran dúas ou máis infraccións en materia de calidade alimentaria imputables por un mesmo feito a un mesmo suxeito, impoñerase como sanción conxunta a correspondente á infracción máis grave, no seu grao máximo, sen que poida exceder a que represente a suma das que correspondería aplicar se se sancionan por separado as infraccións. Neste caso, cando se exceda este límite sancionaranse as infraccións por separado.
  2. Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou doutras, deberase impoñer unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.
  3. Será sancionable como infracción continuada a realización dunha pluralidade de accións ou de omisións que infrinxan o mesmo ou semellantes preceptos administrativos en execución dun plan preconcibido ou aproveitando idéntica ocasión.

Artigo 105. Vinculación coa orde xurisdicional penal

O réxime de infraccións e sancións establecido nesta lei enténdese sen prexuízo de que os feitos poidan ser constitutivos de ilícito penal. Nestes casos, dispoñerase a suspensión do procedemento sancionador, no caso de estar iniciado, e darase traslado das actuacións á xurisdición competente.

Artigo 106. Responsabilidade polas infraccións

  1. Serán responsables das infraccións administrativas reguladas neste título as persoas físicas e xurídicas que, por acción ou omisión, incorran nos supostos tipificados como infraccións administrativas nesta lei, sen prexuízo da responsabilidade exixible en vía penal, civil ou doutra orde en que poidan incorrer.
  2. Cando a responsable sexa unha persoa xurídica, serán responsables subsidiarias as persoas administradoras ou liquidadoras das devanditas entidades que incumpran as obrigas impostas pola lei que leven o deber de previren a infracción cometida por aquelas.
  3. Cando non sexa posible determinar o grao de participación das distintas persoas que interviñeron na comisión da infracción, a responsabilidade será solidaria.
  4. Das infraccións en produtos envasados serán responsables as firmas ou as razóns sociais que figuren na etiqueta, ben nominalmente ou ben mediante calquera indicación que permita a súa identificación certa. Exceptúanse os casos en que se demostre falsificación ou mala conservación do produto por parte da persoa posuidora, sempre que se especifiquen na etiquetaxe as condicións de conservación.

Do mesmo xeito, será responsable solidaria a persoa elaboradora, fabricante ou envasadora e a distribuidora que non figure na etiqueta se se proba que coñecía a infracción cometida e que prestou o seu consentimento ou encubriu a infracción de forma voluntaria. No caso de se falsificaren ou se utilizaren de maneira fraudulenta as etiquetas e contraetiquetas, a responsabilidade corresponderá á persoa falsificadora e ás persoas que comercialicen os produtos obxecto da falsificación a sabendas dela.

  1. Das infraccións en produtos a granel ou envasados sen etiqueta, ou cando na etiqueta non figure ningunha firma ou razón social, será responsable a persoa posuidora, agás cando se poida identificar de maneira certa a responsabilidade dunha posuidora anterior, sen prexuízo da responsabilidade que corresponda á actual posuidora, incluída a distribuidora.
  2. Das infraccións cometidas polas entidades de control e certificación poderán ser responsables subsidiariamente as persoas administradoras ou titulares destas que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa responsabilidade para o cumprimento das súas obrigas infrinxidas, consentisen o incumprimento por parte das persoas que delas dependan ou adoptasen acordos que fixesen posibles tales infraccións.
  3. Así mesmo, será responsable subsidiariamente o persoal técnico responsable da elaboración dos produtos alimenticios ou do seu control, respecto das infraccións directamente relacionadas coa súa actividade profesional.

CAPÍTULO IV

Infraccións en materia de calidade alimentaria

Artigo 107. Infraccións leves

  1. Constitúen infraccións leves en materia de calidade alimentaria estándar as seguintes:
  2. a) Non presentar o certificado acreditativo dos rexistros administrativos obrigatorios ou non exhibir a documentación nos locais na forma establecida na normativa aplicable.
  3. b) Non estar inscrita unha industria agraria no Rexistro Industrial de Galicia.
  4. c) Non comunicar ou non inscribir as modificacións dos datos xa declarados das explotacións e industrias agrarias e alimentarias, particularmente as relativas ás ampliacións ou reducións substanciais, ao traslado, ao cambio de titularidade, ao cambio de domicilio social ou ao pechamento.
  5. d) A presentación dunha declaración defectuosa, sempre e cando estes defectos non afecten a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe do produto, así como a presentación fóra dos prazos establecidos na normativa alimentaria; todo isto sen prexuízo do establecido na letra h) do artigo 108.1.
  6. e) A falta de habilitación ou autorización para levar os rexistros cando este trámite sexa preceptivo.
  7. f) A ausencia de validación ou de autenticación cando este trámite sexa obrigatorio nos documentos de acompañamento ou nos documentos comerciais.
  8. g) Calquera inexactitude ou erro en rexistros, documentos ou declaracións establecidas na normativa alimentaria cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta non exceda nun quince por cento esta última e iso non afecte a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos.
  9. h) Non ter actualizados os rexistros, cando non transcorrese máis dun mes desde a data en que tivo que practicarse o primeiro asento non reflectido, sempre que os asentos non rexistrados poidan xustificarse mediante outra documentación.
  10. i) Calquera aplicación de tratamentos, de prácticas ou de procesos de forma diferente á establecida, sempre que non afecten a composición, a definición, a identidade, a natureza, as características ou a calidade dos produtos alimenticios ou as materias ou elementos para a produción alimentaria e que non entrañen riscos para a saúde.
  11. j) Non ter identificados os depósitos, silos, colectores e calquera clase de envase de produtos a granel ou a súa identificación de forma non clara ou sen marcaxe indeleble e inequívoca e, de ser o caso, non indicar o volume nominal ou outras indicacións establecidas na normativa aplicable.
  12. k) Non dispoñer dun sistema de rexistro e tratamento das reclamacións e de retirada de produtos non-conformes.
  13. l) A discrepancia entre as características reais do produto alimenticio ou a materia ou elemento para a produción e a comercialización alimentarias e as que ofreza a persoa operadora alimentaria, cando se refiran a parámetros ou elementos cuxo contido estea limitado pola regulamentación aplicable e o seu exceso ou defecto non afecte a propia natureza, a identidade, a definición regulamentaria, a calidade, a designación ou a denominación do produto, ou cando as diferenzas non superen o dobre da tolerancia admitida regulamentariamente para o parámetro ou elemento de que se trate.
  14. m) Calquera inexactitude, erro ou omisión de datos ou informacións na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento, nos documentos comerciais, nos rexistros, na rotulación, na presentación e na embalaxe dos produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias, cando estas inexactitudes, erros ou omisións non se refiran a indicacións obrigatorias ou non afecten a súa natureza, a identidade, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe.
  15. n) Incumprir as medidas cautelares, sempre que se trate dun incumprimento meramente formal, non tipificado como grave.
  16. o) A subministración incompleta de información ou de documentación necesarias para as funcións de inspección e control administrativo.
  17. p) En xeral, o incumprimento das instrucións que sobre a súa actividade emanen das administracións competentes en materia de defensa da calidade da produción alimentaria e dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas nas normas relacionadas coa produción e a comercialización alimentarias, incluído o transporte, sempre que se trate de incumprimentos meramente formais, non tipificados como infraccións graves ou moi graves.
  18. En materia de calidade diferenciada considéranse infraccións leves, ademais das anteriores:
  19. a) Non comunicar ao órgano de xestión e/ou ao órgano de control da figura de protección da calidade diferenciada calquera variación nos datos facilitados ao comezo da actividade, cando non transcorrese máis dun mes desde o prazo de comunicación fixado na normativa aplicable.
  20. b) Calquera inexactitude ou erro en rexistros, documentos ou declaracións, cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta non supere nun cinco por cento esta última e iso non afecte a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos.
  21. c) O incumprimento das obrigas de calquera persoa operadora que establezan as normas reguladoras das denominacións xeográficas ou outras figuras de protección da calidade diferenciada, en materia de declaracións, libros de rexistro, documentos de acompañamento e outros documentos de control que non afecten o control ou a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos e que non estea tipificada como grave ou moi grave.
  22. d) Non cumprir cos acordos e coas decisións que a consellaría competente ou, de ser o caso, o consello regulador adopten no exercicio das funcións que teñan atribuídas de xestión da figura de protección da calidade diferenciada correspondente.
  23. e) A expresión en forma distinta á indicada nas disposicións que regulen a figura de protección da calidade diferenciada de indicacións obrigatorias ou facultativas na etiquetaxe ou na presentación dos produtos, así como a reprodución de forma distinta á indicada dos símbolos identificativos da Unión Europea ou de calquera outro símbolo asociado a unha figura de protección da calidade diferenciada, sempre e cando esta expresión en forma distinta non afecte a súa natureza, a identidade, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe do produto.
  24. f) Non facilitar, total ou parcialmente, a información que a consellaría competente ou, de ser o caso, o consello regulador correspondente requira no exercicio da súa función de xestión, en especial no referente ás etiquetas cando se establecesen requisitos mínimos que deban cumprir estas.
  25. En materia de control de clasificación de canais considéranse infraccións leves, ademais das anteriores:
  26. a) Levar a cabo a preparación do canal dun xeito diferente a calquera dos permitidos segundo a normativa específica.
  27. b) Utilizar, na preparación dos canais, presentacións diferentes ás permitidas pola normativa específica.
  28. c) Non informar a persoa provedora dos animais e, de ser o caso, a persoa titular da explotación gandeira, se así o solicita, do resultado da clasificación coas mencións legalmente establecidas, facelo de maneira incompleta ou incorrecta ou non facelo no prazo establecido na normativa aplicable.
  29. d) A concorrencia de erros reiterados á hora de determinar o peso, entendéndose como tal cando afecten todos os canais inspeccionados no mesmo control.
  30. e) No caso da clasificación de canais de vacún, o incumprimento dos criterios mínimos de aceptabilidade establecidos na normativa aplicable.
  31. f) Nos casos en que sexa preciso que a empresa dispoña de persoal clasificador, que ese persoal teña caducada a súa autorización conforme a normativa vixente.

No caso da clasificación automatizada, non ter actualizados os métodos dos equipos de clasificación conforme a normativa vixente.

  1. As entidades de control e certificación incorrerán nunha infracción leve nos seguintes casos:
  2. a) Non comunicar á autoridade competente, dentro dos prazos establecidos regulamentariamente, a información pertinente relativa ás súas actuacións, á organización e ás persoas operadoras suxeitas ao seu control.
  3. b) Demorarse de maneira inxustificada, por un tempo igual ou inferior a un mes, na realización das comprobacións solicitadas pola autoridade competente.
  4. c) Emitir informes acerca das súas actuacións ou ensaios cuxo contido non estea baseado en observacións directas e circunstanciadas, recollidas por escrito e subscritas por unha persoa adecuadamente identificada.
  5. d) Apartarse de forma inxustificada do establecido nos seus propios procedementos de actuación.

Artigo 108. Infraccións graves

  1. Constitúen infraccións graves en materia de calidade alimentaria estándar as seguintes:
  2. a) O exercicio de actividades relacionadas con calquera das etapas de produción, de transformación ou de comercialización de produtos alimenticios ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias sen estar autorizados ou, de ser o caso, debidamente rexistrados, ou cando as actividades non estean previstas na mencionada autorización ou esta fose cancelada ou estea caducada ou non renovada, así como o incumprimento das cláusulas da autorización.

Así mesmo, a falta de inscrición dos produtos ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias na forma que para cada un deles se estableceu.

Todo o anterior enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 107.1.b) desta lei.

  1. b) A falta de autorización para empregar indicacións na etiquetaxe, nos rexistros, na rotulación, na presentación e nas embalaxes, ou cando as indicacións que consten non sexan as autorizadas, nos supostos en que tal autorización sexa preceptiva.
  2. c) A validación ou a autenticación dos documentos de acompañamento ou documentos comerciais sen ter a autorización do órgano competente.
  3. d) A tenza ou a comercialización de produtos a granel sen ter a autorización para iso, así como a de substancias non autorizadas pola lexislación específica aplicable ou para as cales se carece de autorización para a súa posesión ou venda.
  4. e) A falta de rexistros, de libros de rexistro comerciais, de talonarios matrices de facturas de venda ou doutros documentos establecidos polas disposicións vixentes, ou a falta de lexibilidade ou comprensibilidade da información que conste nesa documentación.
  5. f) Non ter realizada unha anotación nos rexistros cando transcorrese máis dun mes desde a data en que regulamentariamente debeu practicarse ou cando, sen transcorrer este período de tempo, os asentos non rexistrados non poidan xustificarse mediante outra documentación.
  6. g) Calquera inexactitude ou erro nos rexistros, nos documentos ou nas declaracións establecidas na normativa alimentaria, cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta supere nun quince por cento esta última ou cando, sen a superar, afecte a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos.
  7. h) A presentación de declaracións exixidas pola normativa alimentaria defectuosas, cando estes defectos afecten a natureza, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos consignados, así como a non-presentación de tales declaracións ou a presentación fóra de prazo das declaracións relacionadas coa execución de prácticas de elaboración e tratamento dos produtos.
  8. i) Non ter á disposición, sen causa xustificada, a documentación dos rexistros, cando sexa requirida para o seu control en actos de inspección.
  9. j) A modificación da verdadeira identidade dos produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias mediante a falsificación dos datos ou dos documentos que sirvan para os identificar.
  10. k) Non conservar durante o período regulamentariamente establecido os rexistros, os documentos de acompañamento de produtos expedidos e recibidos e mais calquera outra documentación que sexa preceptiva segundo a actividade exercida pola persoa operadora.
  11. l) A posesión de maquinaria ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias para a realización de prácticas non permitidas para a actividade que se desenvolve nas dependencias da empresa.
  12. m) A aplicación de calquera tratamento, práctica ou proceso que non estean autorizados pola normativa vixente ou de maneira diferente á establecida, a utilización de materias primas que non reúnan os requisitos mínimos de calidade establecidos na normativa vixente ou a adición ou subtracción de substancias ou elementos, cando calquera destas operacións afecten a composición, a definición, a identidade, a natureza, as características ou a calidade dos produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias e sempre que o produto final non se considere unha falsificación.
  13. n) Inducir a confusión ou a engano no que atinxe a produtos alimenticios ou materias primas ou ingredientes ou calquera outra substancia para a elaboración e a comercialización alimentarias, así como expedilos ou comercializalos.
  14. o) A existencia de produtos non identificados ou identificados erroneamente en calquera instalación ou medio de transporte.
  15. p) Non ter ou non levar un sistema de autocontrol e de rastrexabilidade interna ou non dispoñer dalgún dos elementos regulamentarios no sistema de aseguranza da rastrexabilidade, como a identidade das persoas subministradoras e receptoras de produtos, así como a identificación, os rexistros e a documentación de acompañamento dos produtos, ou non ter sistemas e procedementos de autocontrol e rastrexabilidade suficientes, comprensibles e actualizados.
  16. q) A imposibilidade de correlacionar os produtos que hai nas instalacións coas características principais destes produtos que constan nos rexistros e na documentación de acompañamento ou, de ser o caso, na documentación comercial, así como que non consten as entradas e saídas dos produtos, nin as manipulacións, os tratamentos e as prácticas que sufriron.
  17. r) As defraudacións nas características dos produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias, particularmente as relativas á identidade, a natureza, a especie, a composición, o contido, a designación, a definición regulamentaria, a calidade, a riqueza, o peso, o volume ou a cantidade, o exceso de humidade, o contido en principios útiles, a aptitude para o uso ou calquera outra discrepancia que exista entre as características reais do produto alimenticio ou a materia ou elemento para a produción e a comercialización alimentarias de que se trate e as que ofreza a persoa operadora alimentaria que non estean comprendidas no suposto do artigo 107.1.i).
  18. s) A imposibilidade de demostrar a exactitude e veracidade das informacións que consten na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento ou nos documentos comerciais, así como dos produtos utilizados na súa produción ou transformación.
  19. t) A comercialización de produtos ou de materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias sen a etiquetaxe correspondente, os documentos de acompañamento, os documentos comerciais, a rotulación, a presentación, as embalaxes, os envases ou os recipientes que sexan preceptivos, ou ben que a información que conteñan induza a engano ou a erro as persoas receptoras ou consumidoras.
  20. u) Calquera inexactitude, erro ou omisión de datos ou de informacións na etiquetaxe, nos documentos de acompañamento, nos documentos comerciais, nos rexistros, na rotulación, na presentación e nas embalaxes, se esas inexactitudes, erros ou omisións se refiren a indicacións obrigatorias e afectan a natureza, a identidade, a calidade, as características, a composición, a procedencia ou a orixe dos produtos.
  21. v) A omisión na etiquetaxe do nome ou da razón social da persoa operadora responsable da información alimentaria ou a falta de correspondencia do nome ou razón social que figure na etiquetaxe coa verdadeira identidade da persoa operadora.
  22. w) A utilización na etiquetaxe, nos envases, nas embalaxes, na presentación, na oferta, na publicidade dos produtos alimenticios ou as materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias de indicacións, razóns sociais, nomes ou denominacións comerciais, expresións, signos, marcas, símbolos, emblemas, denominacións, designacións, cualificacións, clases de produto, indicacións de orixe ou procedencia, indicacións sobre o sistema de produción ou elaboración que:

1º) Non correspondan ao produto e/ou que, pola súa similitude fonética, gráfica ou ortográfica, poidan inducir a confusión, aínda que vaian precedidos polos termos «tipo», «estilo», «xénero», «imitación», «sucedáneo» ou outros análogos.

2º) Non correspondan ao verdadeiro lugar de produción, fabricación, elaboración, envasado, comercialización ou distribución.

Todo o anterior enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 109.1.e).

  1. x) Non introducir nas etiquetas e na presentación dos produtos alimenticios os elementos suficientes para diferenciar claramente a súa cualificación e procedencia, para evitar a confusión nas persoas consumidoras derivada da utilización dunha mesma marca, nome comercial ou razón social na comercialización de produtos incluídos nunha determinada denominación xeográfica ou noutra figura de protección da calidade diferenciada con outros que non o están.
  2. y) A negativa ou a resistencia a subministrar datos ou a facilitar total ou parcialmente a información requirida polos órganos competentes ou polos seus axentes para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución nas materias a que se refire esta lei, así como subministrar información inexacta ou documentación falsa; entre elas, as accións seguintes:

1ª) Non xustificar as verificacións ou os controis efectuados sobre os produtos postos en circulación.

2ª) Non achegar total ou parcialmente a documentación, os datos e a información solicitada polo persoal que realiza funcións inspectoras no momento de se realizar a inspección ou non achegar a documentación requirida no prazo sinalado.

  1. z) A dilación inxustificada para permitir o acceso ás instalacións da persoa operadora aos axentes da inspección co obxecto de realizaren os controis ou actuacións oficiais.
  2. aa) Os insultos, a desconsideración e o trato irrespectuoso ao persoal que realiza o control oficial.
  3. bb) A manipulación, a comercialización, a compra, a adquisición ou a disposición en calquera forma, sen contar coa autorización do órgano competente, de mercadorías intervidas cautelarmente, así como a mobilización dos vehículos paralizados cautelarmente ou a posta en funcionamento dunha área, un elemento, unha maquinaria ou unha actividade do establecemento cautelarmente suspendido, sempre e cando calquera de todas estas actuacións non entrañe riscos sanitarios nin afecte produtos falsificados.
  4. Constitúen infraccións graves en materia de calidade diferenciada, ademais das anteriores, as seguintes:
  5. a) A expedición, a comercialización ou a circulación de produtos amparados por unha figura de protección da calidade diferenciada ou as súas materias primas sen estaren provistos das contraetiquetas, dos precintos numerados ou de calquera outro medio de control establecido para o réxime de calidade correspondente.
  6. b) Calquera inexactitude ou erro en rexistros e documentos de acompañamento e declaracións, cando a diferenza entre a cantidade consignada e a correcta supere nun cinco por cento esta última.
  7. c) O incumprimento das normas específicas da figura de protección da calidade diferenciada ou dos acordos da autoridade competente ou, de ser o caso, dos consellos reguladores sobre prácticas de produción, elaboración, transformación, conservación, transporte, acondicionamento, etiquetaxe, envasado, presentación e características dos produtos amparados.
  8. d) Non introducir nas etiquetas e na presentación dos produtos elementos suficientes para diferenciar de maneira sinxela e clara a súa cualificación e procedencia e mais para evitar, en todo caso, a confusión das persoas consumidoras.
  9. e) A indebida tenza, cesión ou utilización dos documentos, das etiquetas, das contraetiquetas, dos precintos e doutros elementos de identificación propios da figura de protección da calidade diferenciada, sempre que isto non sexa constitutivo de delito ou de falta.
  10. En materia de control da clasificación de canais, considéranse infraccións graves as seguintes:
  11. a) Non levar a cabo a clasificación de canais nos casos en que esta sexa obrigatoria.
  12. b) Nos casos en que sexa preciso dispoñer de persoal clasificador, que ese persoal non estea autorizado conforme a normativa vixente. No caso da clasificación automatizada, non dispoñer de equipos de clasificación autorizados conforme a normativa vixente.

Todo o anterior enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 107.3.f).

  1. c) Non marcar o canal ou non facelo segundo a normativa vixente, marcalo sen indicar todas as mencións obrigatorias ou facelo empregando unha marcaxe que poida supoñer confusión ou erro para as persoas operadoras ou consumidoras.
  2. d) Non realizar os rexistros establecidos na normativa específica de clasificación de canais, non conservar os rexistros sobre a clasificación de canais o tempo establecido na normativa específica ou non comunicar os rexistros e os datos cando sexan preceptivos.
  3. e) Mobilizar, sen realizar previamente as modificacións pertinentes, os canais paralizados preventivamente nos casos en que o organismo responsable do control sobre o terreo solicite ao axente económico que rectifique o erro na marcaxe do canal e nos documentos correspondentes.
  4. As entidades de control e certificación incorrerán nunha infracción grave nos seguintes casos:
  5. a) Exercer a actividade delegada de control e certificación cando se deixase de cumprir cos requisitos exixidos para iso.
  6. b) Expedir certificados ou informes cuxo contido non se axuste á realidade dos feitos.
  7. c) Realizar controis, inspeccións, ensaios ou probas de forma incompleta ou con resultados inexactos por unha insuficiente constatación dos feitos ou pola deficiente aplicación de normas técnicas.
  8. d) Presentar cun atraso superior a un mes ante a autoridade competente a información ou a documentación a que estean obrigadas por disposición legal.

Artigo 109. Infraccións moi graves

  1. Constitúen infraccións moi graves en materia de calidade alimentaria estándar as seguintes:
  2. a) A negativa á actuación dos servizos públicos de inspección, como non permitir o acceso aos locais, ás instalacións ou aos medios de transporte ou non permitir que se tomen mostras ou se realicen outro tipo de controis sobre os produtos.
  3. b) As coaccións, ameazas, inxurias, represalias ou agresións ao persoal da administración pública e dos consellos reguladores que realiza funcións de inspección e control oficial e ás persoas instrutoras ou tramitadoras dos expedientes sancionadores.
  4. c) A subministración a industrias alimentarias, a título oneroso ou gratuíto, de produtos alimenticios ou materias primas, ingredientes ou substancias non permitidas ou prohibidas para a elaboración dos produtos para os cales están autorizadas tales industrias.
  5. d) A falsificación de produtos ou materias e elementos para a produción e a comercialización alimentarias ou a comercialización destes produtos ou materias e elementos falsificados, sempre que non sexan constitutivas de infracción penal.
  6. e) A utilización, cando non se teña dereito a iso, de indicacións, nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que conteñan os nomes protexidos por unha denominación xeográfica ou outras figuras de protección da calidade diferenciada, aínda que vaian acompañados dos termos «tipo», «estilo», «xénero», «imitación», «sucedáneo» ou outros análogos.
  7. f) A manipulación, a comercialización, a compra, a adquisición ou a disposición en calquera forma, sen contar coa autorización do órgano competente, de mercadorías intervidas cautelarmente, así como a mobilización dos vehículos paralizados cautelarmente ou a posta en funcionamento dunha área, un elemento ou unha actividade do establecemento suspendidos cautelarmente, sempre e cando estas actuacións entrañen riscos sanitarios ou afecten produtos falsificados.
  8. En materia de calidade diferenciada considéranse infraccións moi graves, ademais das anteriores:
  9. a) O uso dos termos ou nomes protexidos en produtos aos cales expresamente lles fose negado.
  10. b) A produción, a transformación ou a elaboración dos produtos amparados por unha denominación xeográfica ou outras figuras de protección da calidade diferenciada con materias primas non permitidas na súa normativa específica.
  11. c) A falsificación de contraetiquetas, de precintos ou doutros elementos identificadores da figura de protección da calidade diferenciada, sempre que isto non sexa constitutivo de delito ou de falta.
  12. En materia de control da clasificación de canais considérase infracción moi grave alterar o resultado da clasificación dos canais destinados á intervención de mercado.
  13. As entidades de control e certificación incorrerán nunha infracción moi grave no caso de achegaren á autoridade competente datos falsos ou no caso de non subministraren no prazo outorgado, cando fosen requiridas para iso, as declaracións, a información ou a documentación a que estean obrigadas, sen prexuízo do establecido no artigo 108.4.d).

CAPÍTULO V

Sancións

Artigo 110. Sancións

As sancións que poderá impoñer a autoridade competente no ámbito de aplicación desta lei serán do seguinte modo:

  1. a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de ata 4.000 euros. O apercibimento só se impoñerá se nos dous últimos anos a persoa responsable non foi sancionada en vía administrativa pola comisión do mesmo tipo infractor. Para o cómputo do prazo terase en conta como data inicial aquela en que a resolución sancionadora poña fin á vía administrativa e como data final a de detección da nova infracción.
  2. b) As infraccións graves serán sancionadas con multa entre 4.001 e 150.000 euros.
  3. c) As infraccións moi graves serán sancionadas con multa entre 150.001 e 3.000.000 de euros.

A sanción que se impoña en ningún caso poderá ser inferior na súa contía ao beneficio ilícito obtido pola comisión das infraccións.

Artigo 111. Sancións accesorias

  1. Nas infraccións graves ou moi graves o órgano competente para resolver poderá impoñer algunha das seguintes sancións accesorias:
  2. a) O comiso de mercadorías, produtos, envases, etiquetas e demais obxectos relacionados coa infracción. Son por conta da persoa infractora os gastos que orixinen as operacións de intervención, de depósito, de comiso e de destrución da mercadoría.
  3. b) A clausura temporal, parcial ou total, da empresa ou a explotación sancionada por un prazo máximo de cinco anos.
  4. c) Cando as infraccións graves sexan cometidas por persoas operadoras acollidas a unha figura de protección da calidade diferenciada e afecten esta, poderase impoñer a perda temporal do seu dereito de uso por un prazo máximo de tres anos. Se se trata de infraccións moi graves, poderase impoñer a perda temporal por un prazo máximo de cinco anos ou a perda definitiva de tal dereito de uso.

A perda do dereito de uso da figura de protección da calidade diferenciada supón a perda do dereito para utilizar etiquetas ou outros documentos desta, así como a perda do dereito para comercializar produtos con referencia á figura na etiquetaxe ou na publicidade.

  1. d) A suspensión temporal das funcións das entidades de control e certificación por un período máximo de dez anos.
  2. e) A cancelación da inscrición das entidades de control e certificación no Rexistro de entidades de control e certificación de Galicia.
  3. Nos casos de infraccións graves e moi graves en materia de calidade alimentaria estándar e diferenciada, o órgano competente poderá impoñer, alén das previstas no punto anterior, calquera das sancións accesorias establecidas na lexislación básica de defensa da calidade alimentaria, así como a inhabilitación para obter subvencións ou axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia por un período máximo de cinco anos.

Así mesmo, o órgano competente poderá acordar, por razóns de exemplaridade ou en caso de reincidencia en infraccións de natureza análoga ou acreditada intencionalidade na infracción ou cando estime que existen razóns de interese público e a través do procedemento que regulamentariamente se determine, a publicación no diario oficial correspondente e nos medios de comunicación social que considere oportunos das sancións impostas pola comisión de infraccións moi graves, así como os nomes e apelidos ou a razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, unha vez que tales sancións adquiran o carácter de firmes.

Artigo 112. Graduación das sancións

  1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña entre as asignadas a cada tipo de infracción tomaranse en consideración os seguintes criterios:
  2. a) A existencia de intencionalidade ou o grao de culpabilidade.
  3. b) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.
  4. c) A natureza dos prexuízos causados; en particular, o efecto prexudicial que a infracción puidese producir sobre os intereses económicos das persoas consumidoras, os prezos, o consumo ou, de ser o caso, o prestixio das figuras de protección da calidade diferenciada.
  5. d) O incumprimento dos requirimentos previos de corrección.
  6. e) A reincidencia por comisión no prazo de tres anos de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarado mediante resolución firme.
  7. f) O volume de vendas ou de produción relacionado co feito infractor e a posición da empresa infractora no sector, así como o valor das mercadorías ou dos produtos afectados pola infracción.
  8. g) O recoñecemento e a emenda da falta antes de que se resolva o correspondente procedemento sancionador.
  9. A imposición das sancións pecuniarias farase de xeito que a comisión das infraccións non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.
  10. No entanto, a contía da sanción poderase minorar motivadamente, en atención ás circunstancias específicas do caso, cando a sanción resulte excesivamente onerosa. Este efecto minorador da culpabilidade poderá implicar que o órgano sancionador aplique unha sanción correspondente a categorías infractoras de inferior gravidade que a infracción cometida.
  11. As sancións establecidas nesta lei serán compatibles coa perda ou coa retirada dos dereitos económicos regulados na normativa comunitaria, estatal ou autonómica, cuxo procedemento de reintegro se rexerá pola lexislación aplicable.

Artigo 113. Medidas non sancionadoras

Non terán carácter sancionador as seguintes medidas:

  1. a) A clausura ou o pechamento de empresas, instalacións, locais ou medios de transporte que non conten coas autorizacións ou cos rexistros preceptivos para o seu funcionamento.
  2. b) A suspensión temporal ou definitiva do dereito ao uso do nome dunha figura de protección da calidade diferenciada, cando iso sexa resultado do incumprimento dos requisitos que as disposicións correspondentes exixen para o uso desa denominación.
  3. c) A retirada, cautelar ou definitiva, das canles de produción ou de distribución daqueles produtos que sexan subministrados por establecementos que carezan da preceptiva autorización.

Artigo 114. Multas coercitivas

  1. Cando a persoa infractora non cumpra cunha obriga imposta como sanción accesoria ou o faga dunha forma incompleta, o órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá impoñer multas coercitivas co fin de que se cumpra integramente a obriga establecida, cunha periodicidade de tres meses, ata o cumprimento total da sanción accesoria a que se refire. O seu importe non poderá ser superior a 6.000 euros por cada unha delas.
  2. As multas coercitivas serán independentes e compatibles coas que procedan como sanción pola infracción cometida.
  3. As multas coercitivas serán exixibles polo procedemento de constrinximento.

CAPÍTULO VI

Procedemento sancionador e órganos competentes

Artigo 115. Procedemento sancionador

  1. O procedemento sancionador será o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coas particularidades recollidas na normativa específica aplicable e, en todo caso, nos puntos seguintes.
  2. O prazo máximo para resolver o procedemento sancionador e notificar a resolución polas infraccións establecidas nesta lei será de dezaoito meses. A falta de resolución nese prazo producirá a caducidade do procedemento. Poderase iniciar un novo procedemento sempre que a infracción non prescribise, no cal se conservará a toma de mostras, as análises efectuadas, así como os actos, documentos e trámites cuxo contido se mantería igual de non caducar o procedemento anterior, e sen que iso afecte o prazo de caducidade do punto 3.
  3. Caducará a acción para perseguir infraccións cando, coñecida pola administración a existencia dunha infracción e rematadas as dilixencias dirixidas ao esclarecemento dos feitos, transcorra máis dun ano sen que a autoridade competente ordenase incoar ningún procedemento en relación coa infracción. Para estes efectos, cando exista toma de mostras as actuacións da inspección entenderanse rematadas despois da comunicación dos datos analíticos ao órgano competente para emitir informe sobre as actuacións. Ata despois desta comunicación tampouco comezará o cómputo do prazo dun ano previsto neste artigo cando existan outras infraccións detectadas na mesma inspección, aínda que non fosen obxecto de analítica, pero que se vaian imputar no mesmo procedemento sancionador.
  4. As infraccións moi graves prescribirán aos seis anos, as graves prescribirán aos catro anos e as leves prescribirán aos dous anos, contados desde o día en que a infracción se cometese.

Nos supostos de infraccións continuadas, o prazo de prescrición comezará a contar desde o momento da finalización da actividade ou do último acto co que a infracción se consume. No caso de que os feitos ou actividades constitutivos de infracción sexan descoñecidos por careceren de signos externos, o devandito prazo computarase desde que estes se manifesten.

  1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos seis anos, as impostas por infraccións graves prescribirán aos catro anos e as impostas por infraccións leves prescribirán aos dous anos, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución mediante a cal se impón a sanción.

Artigo 116. Órganos competentes en materia sancionadora

  1. O procedemento sancionador iniciarao a persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente, de acordo co establecido no artigo 103.2.

En particular, desde o punto de vista territorial o órgano competente para incoar os expedientes sancionadores será a persoa titular da xefatura territorial onde a operadora ou o operador teña o seu domicilio ou razón social, agás no suposto de ter o seu domicilio fóra da comunidade autónoma, caso en que a incoación a realizará a persoa titular da xefatura territorial do ámbito xeográfico onde se detectase a infracción.

  1. Serán competentes para a imposición de sancións os seguintes órganos:
  2. a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente, no caso de infraccións leves.
  3. b) A persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións en materia de industrias agroalimentarias da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, no caso de infraccións graves, excepto no caso das infraccións graves relativas a incumprimentos relacionados con figuras de protección da calidade diferenciada do ámbito dos produtos mariños, para as cales será competente a persoa titular da dirección xeral con competencias en comercialización pesqueira.
  4. c) A persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes ou de pesca, segundo cal sexa o obxecto do procedemento sancionador, no caso de infraccións moi graves.

Disposición adicional primeira. Colaboración interadministrativa

Os organismos e os departamentos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan competencias en materia de agricultura, gandaría e montes, de calidade alimentaria, de pesca, de consumo, de saúde pública, de medio ambiente e de turismo deben establecer protocolos de coordinación cos obxectivos de garantir o desenvolvemento correcto desta lei, de incrementar a efectividade dos controis exixidos pola lexislación e de avanzar cara á simplificación administrativa.

Disposición adicional segunda. Constitución dos órganos colexiados creados na lei

No prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei aprobaranse mediante decreto os regulamentos de desenvolvemento do Consello Alimentario de Galicia e da Mesa da Calidade Diferenciada de Galicia e constituiranse ambos os órganos.

Disposición transitoria primeira. Procedementos anteriores

Os procedementos incoados antes da entrada en vigor desta lei continúanse a tramitar consonte o establecido pola normativa anterior.

Disposición transitoria segunda. Adaptación dos consellos reguladores ao novo marco legal

  1. No prazo dos doce meses seguintes á entrada en vigor desta lei aprobarase o desenvolvemento regulamentario previsto no capítulo II do título IV.
  2. Os consellos reguladores existentes no momento da entrada en vigor desta lei deberanse adecuar ao disposto nela e no seu desenvolvemento regulamentario no prazo de tres anos desde a aprobación do devandito desenvolvemento. De transcorrer este prazo sen que o consello regulador se adapte ás disposicións desta normativa, entenderase automaticamente revogada a autorización e procederase á disolución e á liquidación do consello regulador.

Sen prexuízo do establecido no artigo 48, para estes consellos reguladores o requisito para a súa adaptación ao previsto nesta lei será a presentación dos correspondentes estatutos e a acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos na letra c) do mencionado artigo.

Así mesmo, para aqueles consellos reguladores do ámbito agroalimentario existentes no momento da entrada en vigor desta lei que no ano inmediatamente anterior tivesen un valor da produción certificada inferior a un importe de un millón e medio de euros, e durante o antedito período de tres anos, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria poderá prestarlles o apoio e o asesoramento necesarios para o cumprimento dos requisitos aos cales se refire o artigo 48 e para o cumprimento das funcións e obrigas que se lles asignan nos artigos 51 e 52, co obxectivo de facilitar a súa transición á nova regulación que establece esta lei.

  1. Sen prexuízo do período transitorio previsto no punto precedente, calquera dos consellos reguladores legalmente constituídos no momento da entrada en vigor desta lei poderá presentar perante a consellaría competente a solicitude da súa disolución e liquidación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei. En particular, queda derrogada a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

  1. Facúltase o Consello da Xunta para pronunciar cantos actos e disposicións regulamentarias sexan necesarios para o desenvolvemento desta lei, sen prexuízo das habilitacións expresas de desenvolvemento e execución que esta lei establece a favor do departamento competente en materia de agricultura, gandaría e montes.
  2. Os actos e as disposicións regulamentarias de desenvolvemento desta lei terán en conta as previsións e as propostas de actuación recollidas na lexislación de igualdade de xénero para o desenvolvemento rural.
  3. No desenvolvemento regulamentario dos rexistros referidos nesta lei procurarase recoller información desagregada por sexos cando proceda, para facilitar o desenvolvemento de actividades estatísticas e o coñecemento da participación das mulleres nas actividades obxecto de inscrición neles.

Disposición derradeira segunda. Actualizacións, importes, sancións e penalizacións

Facúltase o Consello da Xunta para actualizar, mediante decreto, o importe das sancións e das penalizacións establecidas por esta lei.

Disposición derradeira terceira. Remisións regulamentarias relativas á artesanía alimentaria

As remisións regulamentarias realizadas no capítulo V do título III considéranse feitas ao Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria ou á norma que o substitúa.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente