Acuerdos sociales GALICIA
DECRETO 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Constitución española, no seu artigo 148.1.20º, establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de asistencia social.
En virtude do citado precepto, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, recolle a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia social.
A competencia exclusiva da comunidade autónoma na materia desenvolveuse mediante a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular como servizo público os servizos sociais de Galicia para a construción do Sistema galego de benestar. Con esta finalidade a norma configura un sistema de servizos sociais que atende aos trazos propios da sociedade galega. Para isto cómpre realizar a incorporación continua dos novos enfoques das políticas sociais que responden aos cambios que se están a producir nas familias e nas persoas como consecuencia do envellecemento, da crise demográfica, da crise da familia tradicional extensa, do aumento da vulnerabilidade social e doutras circunstancias.
Neste proceso de adaptación permanente, a Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, introduce, no título II desta última, o concerto social como forma de prestación de servizos sociais.
A exposición de motivos da norma modificativa remite á liberdade que a Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública, e pola que se derroga a Directiva 2004/18/CE, recoñece aos Estados membros e aos poderes públicos para prestaren por si mesmos ou organizaren os servizos sociais de modo que non sexa necesario formalizar contratos públicos, sempre que o dito sistema garanta unha publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación. A mesma norma reitera esta potestade dos Estados membros para organizar a prestación dos servizos sociais obrigatorios ou de calquera outro servizo, como os servizos postais, os servizos de interese económico xeral ou os servizos non económicos de interese xeral, ou unha combinación de ambos, así como definir o seu ámbito de aplicación e as características do servizo. De forma similar, a Directiva recoñece a posibilidade dos Estados membros de definiren, de conformidade co dereito da Unión, o que consideran servizos de interese económico xeral, como deben organizarse e financiarse e a que obrigas específicas deben estar suxeitos.
Todas estas consideracións foron incorporadas ao noso marco normativo coa transposición das directivas de contratación que realizou a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014. En particular, debe destacarse a exclusión do ámbito obxectivo da normativa en materia de contratación da prestación dos servizos sociais por parte de entidades privadas realizada sen necesidade de subscribir contratos públicos, por distintos medios e sempre que o sistema empregado garanta unha publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación. Así mesmo, na disposición adicional cuadraxésimo novena da lei recollese a posibilidade de que as comunidades autónomas, no exercicio das competencias que teñen atribuídas, lexislen articulando instrumentos non contractuais para a prestación de servizos públicos destinados a satisfacer necesidades de carácter social.
Nesta liña, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, incorpora o concerto social como unha modalidade diferenciada do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público. Con isto dótase a Administración autonómica dun novo mecanismo que permite impulsar as súas relacións coas entidades prestadoras de servizos sociais e acadar unha maior seguridade xurídica nas actividades económicas deste sector. Pola súa vez, o establecemento de concertos sociais incorporará na provisión dos servizos sociais os principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa no contorno de atención social, elección da persoa e continuidade na atención no seu ciclo de vida e calidade.
O desenvolvemento legal da figura do concerto social recóllese nos artigos 33 bis a 33 septies da Lei 13/2008, do 3 de decembro, dentro do título II, que regula a prestación dos servizos sociais. Ademais do réxime xurídico do concerto social, figuran establecidos de xeito amplo o obxecto, os efectos, os requisitos exixidos para acceder a este réxime, a duración, modificación, renovación e extinción, así como os requisitos da súa formalización. En todos estes artigos remítese ao desenvolvemento regulamentario para a concreción de todos estes aspectos.
O presente decreto ten por obxecto desenvolver as prescricións legais para o establecemento do procedemento, especificacións e condicións básicas para a execución dos concertos sociais dentro da submisión ao dereito administrativo e á normativa de servizos sociais. O contido do regulamento divídese en oito capítulos que recollen as disposicións xerais, o réxime para concertar, o procedemento de concertación, a regulación da execución, a modificación e renovación, a extinción do concerto social, o réxime económico e a resolución de conflitos e xurisdición.
A tramitación desta disposición vén precedida da consulta á cidadanía e durante a instrución deuse audiencia e información ás entidades que puideren resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezasete de decembro de dous mil vinte,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
1. O presente decreto ten por obxecto regular o réxime de concerto social en desenvolvemento do previsto na lexislación de servizos sociais de Galicia.
2. De conformidade co artigo 33 bis.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, enténdese por concerto social o instrumento por medio do cal se produce a prestación de servizos sociais de responsabilidade pública a través de entidades cuxo financiamento, acceso e control sexan públicos.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1.O presente decreto será de aplicación aos concertos sociais que realice a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, e o sector público autonómico, a través das entidades instrumentais adscritas a ela, con entidades que ofrezan servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.
2. As restantes administracións públicas incluídas no sistema galego de servizos sociais poderán prestar mediante o réxime de concerto social o seu catálogo de servizos, segundo o disposto na lei e neste marco normativo, dentro do ámbito das súas competencias e do seu propio ámbito territorial.
Artigo 3. Principios
1. O establecemento de concertos sociais rexerase, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, polos principios xerais recollidos na lei e de forma específica polos de:
a) Atención personalizada e integral: a acción concertada estará orientada a prover aqueles servizos que melloren a calidade de vida e benestar das persoas usuarias, partindo do respecto pleno á súa dignidade e dereitos.
b) Elección da persoa do centro e prestador do servizo: as preferencias e intereses das persoas usuarias serán, na medida do posible, o criterio prioritario para a asignación do prestador do servizo, dentro da dispoñibilidade de recursos adecuados para cada caso.
c) Continuidade e regularidade na atención ao longo do ciclo vital: a prestación dos servizos realizarase coa continuidade e regularidade que a persoa usuaria precise e adaptarase permanentemente ás circunstancias cambiantes do seu proceso.
d) Arraigo da persoa no contorno de atención social: os vínculos das persoas usuarias co contorno social e profesional en que recibe a atención social deberanse ter en conta na continuidade da prestación dos servizos concertados.
e) Igualdade na atención: garantirase que a atención que se preste ás persoas usuarias dos concertos sociais se realice en igualdade con aquelas que son atendidas de forma directa pola Administración.
f) Calidade da prestación: os servizos prestados mediante concerto deberán cumprir cuns estándares mínimos de calidade técnica, organizativa e interpersoal, que sexan percibidos polas persoas usuarias e permitan a súa avaliación e control por parte da Administración.
2. Tamén se deberán respectar os principios de:
a) Subsidiariedade: a provisión de servizos sociais mediante concerto con entidades estará subordinada, con carácter previo, a óptima utilización dos recursos propios da Administración.
b) Proximidade: á poboación de referencia para procurar a prestación de servizos nun ámbito preto do lugar de vida habitual das persoas usuarias.
c) Eficiencia orzamentaria: o cálculo das compensacións económicas ás entidades que presten servizos sociais a través de concerto realizarase sobre unha análise previa, obxectiva e transparente que permita determinar o nivel necesario para dar cobertura aos custos, tanto fixos como variables, da prestación dos servizos.
3. Nos procedementos de concerto social garantirase o respecto aos principios de publicidade, transparencia, libre concorrencia, igualdade de trato e non discriminación.
Artigo 4. Ámbito obxectivo
1. De conformidade co previsto no artigo 33 ter da Lei 13/2008, do 3 de decembro, poderán ser obxecto do concerto social:
a) A reserva e ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias de servizos sociais ou de colectivos vulnerables, cuxo acceso fose autorizado polas administracións públicas mediante a aplicación dos criterios previstos na normativa das administracións competentes.
b) A xestión integral de prestacións técnicas, tecnoloxías de servizos, programas ou centros.
2. O obxecto dos concertos sociais deberá ser concreto e determinado; deberán especificarse adecuadamente os servizos e as prestacións que comprenden, con referencia á normativa que os regule.
3. O acceso das persoas usuarias ás prazas concertadas con entidades prestadoras de servizos sociais realizarase, en todo caso, a través do órgano administrativo competente da Administración concertante.
Artigo 5. Ámbito subxectivo
Poderán subscribir concertos coas administracións públicas galegas para a prestación de servizos sociais as entidades que desenvolvan prestacións, programas, servizos ou xestionen centros nos ámbitos obxecto do concerto social que se convoque e cumpran cos requisitos exixidos no capítulo seguinte.
CAPÍTULO II
Réxime para concertar
Artigo 6. Requisitos exixidos ás entidades para concertar
Para poderen acollerse ao réxime de concerto social as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Contar coa oportuna autorización administrativa dos seus centros e coa tramitación da oportuna autorización, declaración responsable ou comunicación previa dos seus servizos, en función do réxime de intervención previsto na lexislación vixente.
c) De ser o caso, contar coa correspondente acreditación administrativa dos servizos prestados.
d) Na convocatoria do concerto social exixiráselles aos participantes que acrediten a súa solvencia económica e financeira e técnica ou profesional, así como unha experiencia mínima de atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto.
e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.
f) Cando o obxecto do concerto social consista en servizos que, de acordo coa normativa vixente, deban prestarse nun espazo físico determinado, deberá acreditarse a titularidade do centro ou a dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se atopa o centro e/ou se prestan os servizos.
g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.
h) Contar cun seguro de responsabilidade civil.
Os requisitos das alíneas a), b) e c) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social.
Artigo 7. Prohibicións para concertar
1. As administracións públicas galegas non poderán concertar coas entidades prestadoras de servizos sociais en que concorra algunha das circunstancias seguintes:
a) Que a entidade se atope nalgunha das circunstancias previstas como causa de prohibición de contratar recollidas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
b) Que a entidade fose sancionada coa prohibición de acceder ao financiamento público da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 83.2.a) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, polo tempo que dure a dita sanción.
c) Que a entidade non se atope ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións. Considerarase que se atopa ao día cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se acordase a súa suspensión con ocasión da impugnación de tales débedas.
d) Que estivese resolto ou non formalizado un concerto social anterior nos últimos catro anos coa mesma entidade por causas imputables á solicitante.
2. As prohibicións recollidas no número anterior tamén afectarán aquelas entidades das cales, por razón das persoas que as rexen ou doutras circunstancias, se poida presumir que son continuación ou que derivan, por transformación, fusión ou sucesión, doutras entidades en que concorresen aquelas.
Artigo 8. Duración dos concertos
1. De acordo co artigo 33 sexies da Lei 13/2008, do 3 de decembro, os concertos sociais terán que establecerse sobre unha base plurianual co fin de garantir a estabilidade na súa provisión. A duración inicial dos concertos sociais no ámbito da Administración autonómica non superará os catro anos.
2. Cando a convocatoria do concerto social así o prevexa, o concerto poderá renovarse ata acadar un máximo de dez anos. A duración de cada unha das renovacións non poderá exceder a duración máxima indicada no número anterior.
3. Só mediante acordo do Consello da Xunta poderá superarse o límite dos catro anos para a duración inicial e as renovacións dos concertos sociais.
4. Ao remate do concerto social a Administración poderá convocar un novo concerto.
CAPÍTULO III
Procedemento de concertación
Artigo 9. Modalidades de concertación
1. A consellería competente en materia de servizos sociais ou os seus entes instrumentais poderán convocar procesos para concertar a prestación de servizos sociais da súa competencia mediante procedementos de asignación de concertos ou a articulación de concertos de adhesión.
2. Nos procedementos de asignación de concertos seleccionaranse os prestadores dos servizos e o número de prazas, as prestacións ou programas que cada un deles prestará durante o concerto social, de acordo cos criterios de selección e preferencia da convocatoria.
A asignación de concertos será o procedemento que se empregará cando sexa preciso realizar unha selección das entidades concertantes en función das limitacións orzamentarias ou do número e características das prestacións susceptibles de concerto social.
3. Nos concertos de adhesión as entidades que teñan a autorización ou cumpran co réxime de control a que estean sometidas ou, de ser o caso, conten coa acreditación requirida e cumpran os requisitos de admisión poderán adherirse ao sistema durante toda a vixencia do concerto social. Coa periodicidade que estableza a convocatoria, o órgano competente efectuará a concertación de prazas, prestacións ou programas atendendo prioritariamente á elección da persoa usuaria.
Artigo 10. Expediente dos concertos sociais
1. A celebración de concertos sociais por parte das administracións públicas requirirá a tramitación previa do correspondente expediente, que iniciará o órgano que o promova motivando a súa necesidade por ausencia de oferta pública propia.
2. Ao expediente incorporaranse os seguintes documentos:
a) Memoria xustificativa da necesidade do concerto social e da concorrencia das circunstancias que fagan necesario acudir á convocatoria dun concerto social, a modalidade de concerto social, a idoneidade desta forma de xestión polo contido concreto da prestación ou polos criterios de planeamento dos recursos do sistema público de servizos sociais para garantir o acceso a este dos usuarios, así como a xustificación dos criterios e requisitos establecidos, de ser o caso.
b) Informe da insuficiencia de medios no caso de prestación de servizos.
c) Prego técnico en que se fixarán as condicións técnicas e materiais do concerto social, en particular, aqueles elementos técnicos, recursos materiais e humanos e aspectos organizativos e de funcionamento adicionais ou por riba dos mínimos establecidos na normativa sectorial de aplicación para a correspondente autorización ou acreditación de funcionamento.
d) Estudo de custos, elaborado por instancia do órgano instrutor, que calculará o prezo do concerto tendo en conta a fiscalidade dos servizos e os custos, variables, fixos e permanentes do servizo.
e) Informe da asesoría xurídica sobre a adecuación á normativa da concertación social.
Artigo 11. Inicio e convocatoria do concerto
1. Os procedementos de concerto social iniciaranse de oficio mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.
2. As resolucións de convocatorias de concertos sociais publicaranse no Diario Oficial de Galicia e deberán ter o contido mínimo seguinte:
a) Necesidade administrativa que se pretende satisfacer.
b) Obxecto do concerto social.
c) Modalidade de concertación.
d) Réxime económico do acordo (orzamento, distribución en anualidades, crédito orzamentario a que se imputa o gasto e prezo ou módulos económicos).
e) Duración do concerto social e posibilidade de renovacións.
f) Requisitos que deben cumprir as entidades para poder presentarse ao procedemento de concertación.
g) Prazo e lugar de presentación de solicitudes.
h) Documentación que se debe achegar coa solicitude.
i) Órganos competentes para a tramitación e resolución do procedemento.
j) Procedemento do concerto social.
k) Prazo de resolución e publicación.
l) Recursos contra a resolución.
m) Criterios de selección e preferencia.
n) Composición da Comisión de Valoración.
o) Condicións técnicas e materiais da prestación obxecto do concerto social .
p) A indicación da existencia da obriga de subrogarse como empregador en determinadas relacións laborais, así como a información precisa para permitir unha exacta avaliación dos custos laborais que implicará a medida, cando esta veña imposta pola normativa laboral.
q) Aspectos relativos á execución do concerto social, dereitos e obrigas das partes, necesidade de constitución de garantías e referencia ao réxime de pagamentos.
r) Modificacións.
s) Resolución e extinción do concerto social.
t) Calquera outra referencia que resulte conveniente incluír.
Artigo 12. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da persoa solicitante da totalidade do contido da dita convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.
2. Para os procedementos de asignación de concertos o prazo establecido na resolución de convocatoria non poderá ser inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
Nos concertos de adhesión o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ao longo da duración do concerto social e, no caso de prorrogarse este, abrirase un novo prazo de solicitudes polo tempo da renovación. Nestes casos os anuncios de renovación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 13. Criterios de preferencia e selección
1. Para a formalización de concertos sociais, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.
Cando non se dean análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, ou en ausencia de entidades de iniciativa social, a Administración poderá concertar co resto de entidades prestadoras de servizos sociais.
2. Nos procedementos de asignación de concertos poderán establecerse criterios para a selección das entidades e servizos, coa finalidade de acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para concertar. Os criterios deberán quedar determinados na convocatoria de cada procedemento e poderán basearse nos seguintes:
a) A continuidade das persoas usuarias atendidas e o seu arraigo no contorno de atención social.
b) A elección das persoas usuarias nos casos en que proceda.
c) A implantación da entidade na localidade onde se vaia a prestar o servizo.
d) A valoración das persoas usuarias do servizo recibido, se este xa fose prestado con anterioridade.
e) As certificacións de calidade.
f) A experiencia acreditada na xestión e mellora dos servizos.
g) A continuidade na atención ou atención prestada.
h) O cumprimento por parte da entidade da normativa sectorial de aplicación e das obrigas derivadas da formalización doutros concertos sociais.
i) O cumprimento das obrigas en material social e laboral establecidas no ordenamento xurídico, así como as disposicións en materia de saúde laboral e as melloras que afecten o persoal encargado da execución das prestacións obxecto do concerto social.
j) A formación e experiencia do persoal que prestará o servizo que se vai concertar. Nos concertos sociais de atención a infancia deberase ter en consideración este criterio, valorando a experiencia na atención a menores do cadro de persoal e a súa formación específica nos dereitos da infancia, maltrato infantil e atención a menores vítimas de violencia de xénero e abuso sexual.
k) A incorporación ao cadro de persoal que vai executar o servizo obxecto do concerto social dunha porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade superior á que lle impoña a normativa ou de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo. Na convocatoria do concerto social poderán establecerse as porcentaxes que resulten máis relevantes en relación co ámbito social en que se presten os servizos.
l) O cumprimento das obrigas e a acreditación da implantación de medidas de igualdade e conciliación recollidas na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
m) Calquera outro criterio que resulte relevante para valorar a idoneidade e capacidade das entidades.
3. Para os concertos de adhesión, nos casos en que a elección das persoas usuarias non sexa posible ou suficiente para a asignación das prazas, prestacións ou programas, estableceranse criterios secundarios baseados nos principios recollidos neste decreto, en especial os de continuidade na atención e arraigo no contorno.
Artigo 14. Tramitación de solicitudes
1. O órgano competente para a tramitación do procedemento será a dirección xeral ou o ente instrumental promotor do concerto social, a través dos órganos de dirección dependentes.
2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para comprobar que a solicitude reúne os requisitos exixidos e se presenta coa documentación preceptiva.
Artigo 15. Comisión de Valoración
1. Nas convocatorias de concerto social crearase unha Comisión de Valoración que será a encargada de verificar o cumprimento das condicións impostas ás entidades para concertar e, de ser o caso, valorar as solicitudes de acordo cos criterios de selección.
2. A Comisión de Valoración estará composta por persoal da consellería con competencias en materia de servizos sociais ou das entidades instrumentais adscritas a ela que promovan o concerto social, preferentemente persoal funcionario de carreira, e con coñecementos e experiencia na materia.
Na composición da comisión procurarase atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.
Na convocatoria do concerto social recollerase a composición da Comisión de Valoración.
3. Nos procedementos de asignación de concertos, a Comisión de Valoración determinará aquelas entidades que cumpran os requisitos para concertar e elaborará unha listaxe ordenada, de acordo coas puntuacións obtidas, asignando o número de prazas ou servizos correspondentes a cada participante.
Nos concertos de adhesión, a Comisión de Valoración determinará se as entidades solicitantes cumpren os requisitos para a súa admisión no sistema.
4. Na organización e funcionamento da Comisión de Valoración aplicarase o disposto, en materia de órganos colexiados, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 16. Resolución de concertación
1. A resolución dos procedementos de concerto social promovidos pola consellería con competencias en materia de servizos sociais correspóndelle á persoa titular desta, que poderá delegar a competencia na persoa titular do órgano de dirección competente no ámbito dos servizos sociais que se vaian concertar. No caso de procedementos promovidos polas entidades instrumentais adscritas, esta competencia corresponderalle ao órgano destas que estableza as súas normas de organización e funcionamento.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concertación será de tres meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo, por un prazo máximo doutros tres meses.
3. Nos concertos de adhesión en que as entidades poden presentarse durante a vixencia do concerto social, o prazo do número anterior contarase a partir da data de presentación da solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Transcorrido o prazo establecido en cada caso sen se ditar e notificar resolución, a entidade poderá entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.
Artigo 17. Publicidade dos concertos
1. Nos procedementos de concerto social rexen os principios de publicidade e transparencia, polo que se lles dará publicidade tanto na tramitación do procedemento como no seguimento da súa execución.
2. A resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sen prexuízo do indicado no número precedente, de forma complementaria poderase efectuar a notificación da resolución a todas as entidades solicitantes por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Nos concertos de adhesión deberán publicarse as resolucións de prazas, prestacións ou programas.
4. Cada concerto social será obxecto de publicidade activa durante a súa vixencia. Para estes efectos, os órganos competentes para a súa tramitación e xestión deberán ter actualizada no portal de transparencia da consellería competente a seguinte información:
a) Convocatoria do concerto social.
b) Informe de insuficiencia de medios.
c) Resolución de concertación.
d) Prezos unitarios ou módulos económicos actualizados.
e) Relación de concertos sociais formalizados con indicación das entidades asinantes, obxecto, duración, renovacións eventuais e efectivas, valor estimado e importe, servizos complementarios autorizados e o seu prezo.
Nos concertos de adhesión deberá publicarse a relación de entidades admitidas no sistema e a asignación de prazas, prestacións ou programas. A información actualizarase coa periodicidade en que se realice a asignación de prazas, prestacións ou programas.
Artigo 18. Recursos
As resolucións dos procesos de asignación de concertos e as resolucións de admisión e asignación de prazas, prestacións ou programas nos concertos de adhesión poñerán fin a vía administrativa. Contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo, nos prazos e na forma establecidos na súa respectiva normativa reguladora.
Artigo 19. Formalización
1. Os concertos sociais, resultado dos procedementos de asignación de concertos ou da asignación de prazas, prestacións ou programas dentro dos concertos de adhesión, formalizaranse mediante un documento administrativo dentro dos 30 días seguintes ao da publicación das resolucións de concertación.
2. Os documentos de formalización dos concertos sociais promovidos pola consellería competente en materia de servizos sociais serán subscritos, en representación da Administración, pola persoa titular desta ou pola persoa en que delegue. No caso das entidades instrumentais adscritas á dita consellería, asinará por estas a persoa titular do órgano competente segundo as súas normas de funcionamento.
3. O concerto social perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.
4. Efectuada a formalización, a entidade concertada estará obrigada a prestar ás persoas usuarias os servizos sociais nas condicións establecidas na normativa sectorial aplicable, na resolución da convocatoria do concerto social e, de ser o caso, nos criterios de preferencia e selección da entidade.
5. O documento de formalización dos concertos sociais conterá as seguintes mencións:
a) Órgano administrativo e entidade prestadora de servizos sociais que formalizan o concerto, con referencia á súa competencia e capacidade, respectivamente.
b) Antecedentes administrativos do concerto social.
c) Definición dos servizos que constitúen o obxecto do concerto social, con indicación das súas características, do seu número, referencia ao prego técnico do concerto e, de ser o caso, aos criterios de preferencia e selección da entidade.
d) Importe que aboará a Administración, con expresión do réxime de pagamentos previsto.
e) De ser o caso, posibilidade de revisión de prezos ou módulos económicos.
f) Réxime de participación, de ser o caso, das persoas usuarias no custo do servizo, de acordo coa normativa de aplicación.
g) Prazos totais e parciais de duración do concerto social, posibilidade de renovación, causas de modificación, revisión e extinción.
h) Referencia á posibilidade e condicións para realizar prestacións non gratuítas e servizos complementarios, con indicación, de ser o caso, dos importes destas.
i) Medios, recursos materiais e humanos necesarios para garantir o cumprimento das condicións establecidas para o servizo obxecto do concerto social.
j) Garantía definitiva, de ser o caso, constituída pola entidade concertada.
k) Dereitos e obrigas da entidade concertada, con especial referencia a aquelas que atinxan ás condicións de prestación do servizo, aos dereitos das persoas usuarias, á obriga de dispoñer dun seguro de responsabilidade civil para cubrir as continxencias que se poidan producir na prestación do servizo, á obrigatoriedade de continuar prestando os servizos concertados de existiren usuarios que deban ser atendidos no caso de finalización ou extinción do concerto social e ás obrigas laborais e sociais co persoal contratado para a prestación do servizo.
l) Condicións e limitacións da subcontratación e excepcións á prohibición de cesión do concerto social.
m) Calquera outra cláusula que a Administración considere conveniente establecer en cada caso, de conformidade coa convocatoria de concerto social e cos seus pregos técnicos.
6. Poderase subscribir un único concerto social para a reserva e ocupación de prazas en varios centros ou para a xestión integral dunha pluralidade de prestacións ou servizos cando todos eles dependan dunha mesma entidade titular e exista unha necesaria complementariedade ou continuidade entre eles. Esta subscrición farase cando a Administración considere que deste xeito se acada unha maior eficacia ou eficiencia na prestación e xestión dos servizos. No documento de formalización deberanse singularizar aqueles aspectos propios e diferenciais de cada centro, prestación ou servizo.
7. Cando por causas imputables á entidade concertada non se formalizase o concerto social, a Administración acordará a súa resolución e a incautación da garantía, no caso de terse constituído.
8. Se as causas da non formalización fosen imputables á Administración, indemnizarase a entidade polos danos e perdas que a demora lle puidese ocasionar.
CAPÍTULO IV
Execución
Artigo 20. Obrigas da entidade concertada
A formalización dun concerto social obrigará a entidade concertada a:
a) Organizar e prestar o servizo con estrita suxeición ao réxime xurídico de aplicación, de acordo coas características establecidas no concerto social e coa continuidade e calidade convida.
b) Admitir na utilización do servizo toda persoa usuaria remitida pola Administración concertante e garantir a súa prestación nas condicións que foron establecidas, de acordo cos principios de igualdade e non discriminación.
c) Prestar ás persoas usuarias de forma gratuíta os servizos establecidos no concerto social, excepto cando estivese previsto a participación económica das persoas usuarias no custo do servizo, sen prexuízo do establecido para os servizos ou prestacións complementarias no artigo 24.
d) Respectar os dereitos das persoas usuarias recollidos no ordenamento xurídico e no réxime xurídico do servizo. En particular, cando se dea unha relación xurídico-privada de prestación dos servizos coas persoas usuarias, as entidades concertadas garantiranlles a estas os dereitos recollidos no artigo 38 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa Administración.
e) Indemnizar polos danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira o desenvolvemento do concerto social, excepto cando o dano se produza por causas imputables á Administración.
Para estes efectos, a entidade estará obrigada a subscribir un seguro de responsabilidade civil para cubrir as continxencias que se poidan producir pola prestación do servizo.
f) Manter o servizo público conforme o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental, de accesibilidade e eliminación de barreiras e de seguridade das persoas usuarias que resulte de aplicación.
g) Dar a coñecer a condición de entidade concertada mediante a difusión na documentación e publicidade das actuacións obxecto deste. A entidade disporá tamén dun rótulo, no lugar ou centro onde se presten os servizos, en que se identifique que o centro ou servizo está concertado coa Xunta de Galicia ou que conta con prazas concertadas coa Xunta de Galicia.
h) Comunicar á Administración calquera cambio ou variación que se produza na prestación dos servizos, en especial os relacionados co centro en que se presten e os recursos humanos empregados.
i) Facilitar os labores de control e inspección do cumprimento do concerto social, en particular, poñendo á disposición da Administración toda a información económica, fiscal, laboral, técnica e asistencial ou de calquera outra clase que sexa precisa para este fin, con suxeición á lexislación en materia de protección de datos e á restante normativa aplicable.
j) Someterse ás actuacións de control financeiro que correspondan aos órganos competentes da Administración en relación cos fondos públicos achegados para o financiamento dos concertos sociais.
k) Comunicar á Administración concertante calquera subvención, axuda ou achega privada recibida relacionada coa prestación dos servizos recollidos nos concertos sociais.
l) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda aquela outra información necesaria para que esta cumpra as obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
m) Cumprir coas disposicións vixente en materia laboral, de seguridade social, de seguridade e saúde laboral e igualdade de xénero. Ademais, deberá proporcionarlles aos seus traballadores e traballadoras un traballo de calidade e estable, protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais e promover condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.
n) Cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, de integración social de persoas con discapacidade, de prevención de riscos laborais e de protección do ambiente que estableza a normativa vixente, os convenios colectivos que sexan de aplicación e as recollidas na convocatoria do concerto social. En particular, deberán cumprir coa cota de reserva de postos de traballo para persoas con discapacidade recollida no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e de inclusión social.
ñ) Cumprir coa obriga de subrogarse como empregador en determinadas relacións laborais cando esta lle veña imposta por unha norma legal, un convenio colectivo ou un acordo de negociación colectiva de eficacia xeral.
o) As entidades concertadas que poidan ter contacto con menores estarán obrigadas ao cumprimento do establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código civil e da Lei de axuizamento civil, e polo Real decreto 1110/2015, do 11 de decembro, polo que se regula o Rexistro central de delincuentes sexuais.
p) O persoal asignado á prestación do concerto social dependerá exclusivamente da entidade concertada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes a súa calidade de empregador respecto del, sendo a Administración concertante de todo allea ás referidas relacións laborais. En ningún caso poderá alegar ningún dereito o referido persoal en relación coa Administración concertante, nin exixirse a esta responsabilidades de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade concertada e os seus empregados.
q) A entidade concertada facilitará que as persoas usuarias poidan formular suxestións e queixas sobre a prestación do servizo concertado, que se poderán presentar ante a Administración ou ben ante a propia entidade concertada. Para estes efectos, existirá un libro de reclamacións en que as persoas usuarias e quen as represente legalmente poderán facer constar as queixas que coiden pertinentes. A entidade concertada deberá remitir as suxestións e queixas recibidas á Administración.
r) A entidade concertada manterá absoluta confidencialidade e reserva sobre calquera dato que poida coñecer con ocasión da execución do concerto social, especialmente os de carácter persoal, que non poderá copiar ou utilizar con outra finalidade, nin tampouco ceder a outros nin sequera para efectos de conservación, e queda obrigada a respectar na súa integridade a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como todas as disposicións que en materia de protección de datos se encontren en vigor na data de formalización do concerto social ou que poidan estalo durante a súa vixencia.
s) Calquera outra prevista na normativa que, con carácter xeral ou específico, sexa de aplicación, no réxime xurídico do servizo ou na convocatoria do concerto social.
Artigo 21. Incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada
1. As convocatorias de concertos sociais poderán prever, sen prexuízo de que concorra causa de extinción do concerto, penalizacións para os casos de cumprimento defectuoso do servizo ou prestación obxecto deste. As penalizacións deberán ser proporcionais á gravidade do incumprimento e a contía de cada unha delas non poderá ser superior ao 10 por cento do importe do concerto social.
2. Nos casos en que, debido o cumprimento defectuoso da entidade concertada ou ao incumprimento das condicións esenciais do concerto social, a Administración teña que intervir en defensa dos dereitos das persoas usuarias, poderá exixirlle á entidade os danos e perdas sufridos.
3. Os actos ou resolucións que finalicen os procedementos administrativos no relativo á imposición de penalizacións ou determinación dos danos e perdas producidos serán inmediatamente executivos e faranse efectivos mediante deducións nos pagamentos que se deben facer á entidade e, de ser o caso, sobre a garantía exixida.
Artigo 22. Obrigas da Administración concertante
1. A Administración concertante está obrigada a aboar á entidade concertada o prezo estipulado dentro dos trinta días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, de acordo coa forma de pagamento recollida na convocatoria do concerto social.
2. Nos concertos sociais de prazas, a Administración concertante está obrigada a cumprir cos compromisos que se poidan establecer na convocatoria do concerto, en relación coa garantía dun número mínimo de prazas ocupadas ou co pagamento pola reserva de prazas sen ocupar.
3. A Administración concertante respectará as preferencias das persoas usuarias na elección do centro e prestador do servizo, en función da dispoñibilidade dos recursos e das necesidades técnicas ou asistenciais que para o caso determinen os profesionais da Administración.
4. A Administración deberá ter informada a entidade concertada de calquera circunstancia da que teña coñecemento e que afecte de xeito relevante o concerto social formalizado, especialmente nos casos en que esta poida ter incidencia na futura configuración dos termos e condicións do concerto.
Artigo 23. Incumprimento das obrigas por parte da Administración
1. Se a Administración se demora no pagamento e incumpre o prazo establecido no artigo 22.1, deberá aboar á entidade concertada, a partir do cumprimento do dito prazo, os xuros de demora e a indemnización por custos de cobramento, nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
2. Se a Administración incumpre o compromiso de prazas mínimas ocupadas, deberá aboar á entidade concertada o prezo ou módulo económico como se ese número de prazas estivesen efectivamente ocupadas, salvo que na convocatoria do concerto social se estableza outro sistema de indemnización para estes casos.
Artigo 24. Servizos ou prestacións complementarias
1. Os servizos ou prestacións complementarias ás que constitúen o obxecto do concerto social non poderán ter carácter lucrativo e deberán ser voluntarias e non discriminatorias para as persoas usuarias do concerto.
2. A Administración concertante deberá autorizar os servizos ou prestacións complementarias con anterioridade ao seu comezo. A autorización poderase realizar con anterioridade á formalización do concerto social ou durante a execución deste, mediante solicitude da entidade concertada.
3. Para acadar a autorización deberase comprobar que os servizos ou prestacións sexan efectivamente complementarios e non os propios do concerto, nin supoñan unha inferior intensidade, volume ou perda de calidade deste último.
Na documentación que a entidade achegue con esta finalidade deberá constar unha memoria xustificativa e económica do cumprimento dos requisitos exixidos para a súa autorización.
4. O órgano competente poderá elaborar e publicar, para cada concerto social, un catálogo de servizos e prestacións complementarias non gratuítas con prezos de referencia en función dos custos de mercado e dos establecidos en autorizacións previas.
Artigo 25. Limitacións á subcontratación e cesión de servizos concertados
1. Na convocatoria de cada concerto social estableceranse as limitacións precisas de subcontratación e poderase fixar unha porcentaxe respecto do prezo do concerto. En todo caso, só se poderán subcontratar aquelas prestacións accesorias ou complementarias do obxecto principal do concerto social. Para estes efectos, nos servizos asistenciais de atención diúrna ou nocturna, poderase admitir a subcontratación total do servizo de transporte.
2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, dos servizos obxecto do concerto social, excepto cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Administración, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.
Artigo 26. Inspección e control
1. Sen prexuízo das competencias de inspección en materia de servizos sociais da Administración da Xunta de Galicia, as entidades concertadas estarán sometidas ás actuacións de control e vixilancia que leve a cabo o órgano competente para asegurar o correcto cumprimento do concerto social subscrito.
Para estes efectos, na convocatoria de cada concerto social determinarase a xustificación documental que, xunto coa facturación ou coa periodicidade que se considere, deberán achegar as entidades concertadas.
2. Os servizos concertados estarán sometidos aos procesos de inspección e controis sanitarios, económicos e administrativos que correspondan en razón da natureza do servizo e da utilización do financiamento público.
CAPÍTULO V
Modificación e renovación
Artigo 27. Modificación do acordo de concertación
1. Unha vez formalizado o concerto social, poderanse introducir modificacións só cando estas obedezan a razóns de interese público como consecuencia de circunstancias sobrevidas, debidamente xustificadas e derivadas das necesidades de atención ás persoas usuarias.
As modificacións dos concertos sociais non poderán alterar as condicións esenciais da concertación e deben ser as estritamente indispensables para responder ás causas obxectivas que as fagan necesarias.
As modificacións só serán posibles cando non afecten os requisitos legais para a prestación dos servicios, non supoñan unha mingua na calidade do servizo e, de implicar un custo, exista crédito adecuado e suficiente para poder asumilo.
2. O procedemento de modificación poderase iniciar de oficio, con audiencia á parte interesada, ou por instancia de parte mediante proposta da entidade concertada. Estes aspectos deberán quedar documentados, xunto co informe da Asesoría Xurídica e os demais informes que procedan, con carácter previo á formalización da modificación.
3. O órgano competente para autorizar a modificación será o mesmo que formalizou o concerto social coa entidade afectada.
Artigo 28. Modificación do número de prazas ou de servizos concertados
1. A Administración concertante, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, poderá modificar o número de prazas ou unidades de servizos obxecto do concerto social durante a súa vixencia. Esta modificación deberá estar xustificada na demanda dos servizos polas persoas que teñan ou poidan ter dereito a estes.
2. Nos acordos formalizados a partir de procedementos de asignación de concertos a porcentaxe de incremento do número de prazas ou servizos de cada concerto social deberá respectar o límite máximo recollido na convocatoria, que nunca poderá exceder o 50 %.
3. Poderase minorar o número de prazas ou servizos concertados nos casos en que non exista suficiente demanda para a súa cobertura. Nos casos en que esta insuficiencia da demanda sexa prolongada, durante tres meses consecutivos ou de seis meses nun período de doce, a Administración poderá impoñer unilateralmente a minoración do número de prazas afectadas.
4. Nos concertos de adhesión a asignación de prazas non terá a condición de modificación do concerto; non obstante, deberase documentar, mediante as correspondentes resolucións ou acordos, e notificar á entidade concertada as variacións no número de prazas ocupadas.
Artigo 29. Modificación das condicións técnicas
1. As condicións recollidas nos pregos técnicos do concerto social poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Administración concertante.
2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto no cambio das condicións técnicas nos prezos unitarios ou módulos económicos. De ter incidencia nestes últimos, deberase proceder ao seu reaxuste.
3. Se é a Administración a que decide revisar as condicións técnicas do concerto social, os cambios deberán estar motivados na mellor ou máis axeitada prestación dos servizos mediante informe dos técnicos do órgano competente.
Deberáselles dar audiencia ás entidades concertadas afectadas para que poidan formular propostas e alegacións á revisión proposta.
A modificación das condicións técnicas deberá afectar todas as prazas ou unidades de servizos da mesma tipoloxía, sen que se poida facer distinción en función da entidade concertada.
Artigo 30. Sucesión da entidade concertada
1. O cambio da titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terá a consideración de modificación do concerto social.
2. Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando a primeira se fusione ou transforme noutra. Neste caso o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.
A entidade sucesora deberá subrogarse nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estivesen vixentes no momento da sucesión.
3. Se non for posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase para todos os efectos un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.
4. Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Administración competente a circunstancia que se producise.
Artigo 31. Renovación dos concertos sociais
1. Os concertos sociais poderán renovarse por mutuo acordo das partes, segundo o establecido na súa convocatoria e dentro dos límites temporais recollidos no artigo 8.
2. A formalización da renovación só será posible cando a Administración competente xustifique a necesidade de continuar atendendo a demanda do servizo, comprobe que a entidade concertada está prestando o concerto de conformidade, segue cumprindo os requisitos exixidos e existan consignacións orzamentarias axeitadas e suficientes para asumir o compromiso de gasto.
3. O procedemento deberá iniciarse de oficio, por parte do órgano administrativo competente, coa antelación suficiente para que poida continuar o concerto social que, en todo caso, deberá ser dous meses antes do seu remate. Ademais de obter o consentimento conxunto de ambas as partes para a renovación, a entidade concertada deberá acreditar que segue cumprindo os requisitos exixidos para concertar.
4. A renovación deberá formalizarse dentro dos 15 días seguintes ao da notificación da resolución.
CAPÍTULO VI
Extinción do concerto social
Artigo 32. Causas de extinción do concerto social
Os concertos para a prestación dos servizos sociais extinguiranse polas seguintes causas:
a) Cumprimento do concerto social.
b) Resolución do concerto social.
Artigo 33. Cumprimento dos concertos
O concerto social entenderase cumprido pola entidade concertada cando este se realizase, de acordo cos seus termos, na totalidade da prestación e finalizase o seu período de vixencia.
Artigo 34. Extinción do concerto por resolución
1. Serán causas de resolución do concerto social as seguintes:
a) O mutuo acordo entre a Administración concertante e a entidade concertada.
b) A non formalización do concerto social ou da súa renovación no prazo establecido.
c) A extinción da personalidade xurídica da entidade concertada.
d) A declaración de concurso de acredores da entidade concertada ou a declaración de insolvencia en calquera procedemento.
e) O cesamento voluntario, coa autorización previa da Administración, da entidade concertada na prestación do servizo.
f) A inviabilidade económica da entidade titular do concerto social, constatada por informes de auditoría externa, cando lle sexan solicitados pola Administración.
g) A revogación da acreditación, homologación ou autorización administrativa da entidade concertada que a habilitaba para a prestación do servizo concertado.
h) O incumprimento das obrigas cualificadas como esenciais no concerto social ou o incumprimento dos estándares e parámetros de calidade exixidos nel, sempre que o incumprimento sexa imputable á entidade concertada.
i) O incumprimento das obrigas relativas á seguridade das instalacións do centro.
j) A comisión dunha infracción grave ou moi grave das tipificadas nos artigos 81 e 82 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, cando leven aparellada unha das sancións accesorias previstas no artigo 83.2 da dita norma.
k) O incumprimento grave da lexislación en materia fiscal, laboral, de Seguridade Social e da integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.
l) Negarse a atender as persoas usuarias derivadas pola Administración concertante.
m) Prestar servizos como se fosen concertados coa Administración cando isto non sexa así.
n) Solicitar o pagamento ás persoas usuarias de servizos ou prestacións complementarias cando os ditos servizos non fosen autorizados pola Administración concertante.
o) O incumprimento dos límites á subcontratación e cesión de servizos concertados recollido no artigo 25.
p) A ausencia de demanda para a cobertura do servizo prestado de xeito relevante e prolongado, xa sexa para a totalidade das prazas ou servizos ou para un número significativo que faga inviable economicamente o mantemento do servizo.
q) A imposibilidade de continuar prestando o concerto social nos termos inicialmente acordados ou facelo sen ocasionar un prexuízo ao interese público, cando non sexa posible a modificación do concerto dentro dos límites establecidos nel.
r) A demora no cumprimento das obrigas económicas por parte da Administración concertante por prazo superior a catro meses, salvo que se fixe outro inferior.
s) A suspensión por causa imputable a Administración concertante da iniciación do concerto social por prazo superior a seis meses desde a data sinalada para o comezo, salvo que se fixe un prazo inferior.
t) A desistencia ou suspensión do concerto social por prazo superior a seis meses acordado pola Administración concertante, salvo que se fixe outro inferior.
u) O resto de causas establecidas na normativa sectorial de aplicación ao concerto social ou as recollidas expresamente na convocatoria ou documento de formalización deste.
2. A resolución dos concertos sociais por mutuo acordo das partes só poderá ter lugar cando medien razóns de interese público que fagan innecesaria ou inconveniente a continuación do concerto social, e non concorra outra causa de resolución que sexa imputable á entidade concertada.
3. A entidade concertada poderá solicitar a resolución do concerto social cando considere que a Administración incorreu nalgunha das causas imputables a esta. Se a Administración se nega á resolución do concerto social, a entidade estará obrigada a continuar prestando os servizos mentres existan persoas usuarias que deban ser atendidas, sen prexuízo dos recursos que procedan.
4. Se a Administración considera que se produciu un incumprimento da entidade concertada que poida ser causa de resolución do concerto social, iniciará un procedemento administrativo en que se deberá dar audiencia á entidade. Se procede a resolución do concerto social, a Administración deberá establecer a data en que terá efectos a dita resolución para garantir a continuidade do servizo ás persoas usuarias.
Artigo 35. Efectos da resolución
1. Cando a resolución se produza por mutuo acordo, os dereitos das partes acomodaranse ao validamente estipulado por elas.
2. A resolución motivada por un incumprimento da Administración determinará, con carácter xeral, o pagamento dos danos e perdas causados á entidade, tendo en conta os prezos ou módulos económicos vixentes no momento da resolución.
3. Cando a resolución do concerto social teña lugar por incumprimento culpable da entidade concertada, a entidade deberá indemnizar a Administración polos danos e perdas causados.
Independentemente da indemnización e das posibles responsabilidades administrativas, civís ou penais, de observarse unha infracción da normativa en materia de servizos sociais poderase incoar o correspondente expediente sancionador.
CAPÍTULO VII
Réxime económico
Artigo 36. Financiamento dos concertos sociais
1. Os servizos obxecto dos concertos sociais serán compensados cos prezos ou módulos económicos que se establezan para cada tipo de prestación.
2. A determinación dos prezos ou módulos económicos efectuarase de acordo co principio de eficiencia orzamentaria, mediante o estudo de custos a que se refire o artigo 10.2.d).
A Administración coidará de que os prezos ou módulos económicos sexan adecuados para o cumprimento dos concertos sociais. Os cálculos deberán efectuarse en función dos prezos de mercado e tomando como base a análise de custos dunha entidade media, ben xestionada e adecuadamente equipada.
Na estimación dos custos laborais deberán considerarse os termos económicos dos convenios colectivos sectoriais, nacionais, autonómicos e provinciais aplicables no lugar de prestación do servizo, así como as cotizacións sociais.
Os prezos ou módulos económicos resultantes compensarán como máximo os custos variables, fixos e permanentes estimados para o tipo de servizo.
3. Nas convocatorias dos concertos sociais darase transparencia ao cálculo dos prezos ou módulos mediante a fixación destes e o desagregamento do orzamento, indicando os custos directos e indirectos calculados para a súa determinación.
Dentro desta desagregación de custos deberase facer unha indicación específica para os salarios das persoas que deban empregarse, de acordo co convenio laboral de referencia. Cando sexa posible, a desagregación farase por sexo e categoría profesional.
Artigo 37. Revisión dos prezos ou módulos
1. Os prezos ou módulos económicos fixados na convocatoria do concerto social poderán ser revisados:
a) Cando se realice unha modificación do concerto social, segundo o establecido no artigo 27, que teña incidencia nos custos do servizo.
b) Cando se produza unha variación substancial nos custos do servizo respecto das condicións económicas do concerto social.
2. A revisión de prezos ou módulos precisará dun informe do órgano directivo da Administración propoñente sobre os custos económicos do concerto social, en que se evidencie a necesidade da revisión.
Para o cálculo das revisións deberanse ter en conta as previsións recollidas na normativa en materia de desindexación. Nas actualizacións de prezos ou módulos económicos o carácter diferenciado da acción concertada excluirá a consideración do período de recuperación dos investimentos aplicable á modalidade contractual.
Cando os servizos concertados teñan unha estrutura de custos en que a man de obra sexa significativa, poderase referenciar a actualización desta compoñente dos custos ás variacións económicas dos convenios colectivos sectoriais, nacionais, autonómicos e provinciais aplicables ao lugar de prestación dos servizos, coas limitacións que a normativa vixente estableza.
3. A revisión dos prezos ou módulos efectuarase, segundo proceda, no acordo de modificación ou mediante resolución ditada para o efecto polo órgano competente ao abeiro da norma.
4. A frecuencia con que se realice a revisión dos prezos ou módulos pola causa establecida na alínea b) do número 1 poderá establecerse na convocatoria do concerto social e non será inferior a un ano natural.
Artigo 38. Incompatibilidade coa percepción doutros ingresos
O réxime de concertos sociais será incompatible coas subvencións para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto destes.
Artigo 39. Pagamento do custo do concerto
1. Para o aboamento das compensacións económicas a entidade concertada deberá presentar, no prazo que se estableza dentro do mes seguinte á prestación dos servizos, a correspondente factura, unha relación das prazas, prestacións ou servizos prestados e a restante documentación que sexa exixible de acordo coa convocatoria do concerto social.
A factura e demais documentación deberá presentarse de forma telemática a través do Sistema electrónico de facturación da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para aqueles servizos que teñan unhas características especiais poderase establecer na convocatoria do concerto social formas de facturación sobre as prazas ou servizos concertados en función da súa reserva e da súa situación de vacante ou non ocupación.
3. Cando as persoas usuarias participen no financiamento do servizo, a súa contribución virá determinada pola Administración concertante, de acordo coa normativa que ao respecto sexa de aplicación.
A entidade concertada facturará directamente ás persoas usuarias na forma e nos prazos establecidos pola Administración, que deberá establecer os procedementos que se deberán seguir para os casos de falta de pagamento e reintegro de cantidades indebidamente percibidas.
4. Nos casos a que se refire o número anterior, na facturación dos prezos ou módulos económicos que se percibirán polos servizos prestados, a entidade concertada descontará á Administración a participación das persoas usuarias.
En ningún caso a cantidade percibida pola entidade concertada, a través da participación das persoas usuarias e da achega da Administración, poderá superar os prezos ou módulos económicos vixentes no concerto social.
5. A Administración concertante terá a obria de aboar o prezo dentro dos 30 días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade co disposto no concerto social dos servizos prestados.
Artigo 40. Reintegro de cantidades percibidas indebidamente
A percepción indebida de cantidades por parte da entidade concertada comportará a obriga de reintegralas á Administración ou persoa que as aboase. Cando o reintegro se efectúe por requirimento da Administración, daráselle audiencia á entidade e seguirase o procedemento que corresponda, sen prexuízo das posibles sancións e resolución do concerto social.
Artigo 41. Transmisión dos dereitos de cobramento
1. As entidades concertadas que teñan dereitos de cobramento fronte á Administración poderán cedelos conforme dereito.
2. Para a cesión dos dereitos de cobro seguirase o mesmo procedemento e exixiranse os mesmos requisitos que os recollidos no artigo 200 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.
CAPÍTULO VIII
Conflitos e xurisdición
Artigo 42. Resolución de conflitos
As cuestións litixiosas derivadas da aplicación do réxime de concerto social serán resoltas polo órgano competente da Administración concertante, sen prexuízo de que, unha vez esgotada a vía administrativa, se poidan someter á xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada
Os concertos sociais regulados neste decreto poderán acollerse ao réxime de tramitación anticipada de expedientes de gasto, regulado na normativa de réxime financeiro e orzamentario da Administración autonómica, de forma análoga ao establecido para os expedientes de gasto de contratación.
Disposición adicional segunda. Diferenciación e complementariedade da modalidade contractual
O réxime de concerto social regulado neste decreto establécese como modalidade diferenciada dos instrumentos contractuais, en virtude da disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 9/2017, do 8 de outubro, e, en todo caso, é complementario e non excluínte destes, de acordo coa planificación e programación do sistema de servizos sociais.
Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.
Disposición transitoria primeira. Transición ás primeiras convocatorias de concertos sociais
1. As primeiras convocatorias de concertos sociais de servizos que se estean prestando mediante outras formulas de colaboración ou contratación terán lugar segundo a planificación da implantación que faga a Administración e, en todo caso, dentro do prazo máximo de 18 meses desde a entrada en vigor deste decreto. Terá prioridade a aprobación das convocatorias de concertos sociais en función do grao de concreción dos requisitos técnicos de cada servizo e da situación e duración das fórmulas contractuais e de colaboración que estean vixentes.
2. Estas convocatorias de concerto social realizaranse, cando sexa factible, para todo o ámbito xeográfico da comunidade autónoma e para a maior parte posible dos servizos obxecto de concerto que se estean prestando por outras fórmulas de provisión.
3 As fórmulas contractuais e de colaboración para a prestación dos servizos susceptibles de concerto social que estean vixentes na data de entrada deste decreto manterán a dita vixencia e poderán continuar coexistindo ata a súa extinción de maneira complementaria aos concertos que se convoquen.
4. Nas primeiras convocatorias de concertos sociais poderase ter en conta como criterio de preferencia, de acordo co principio de continuidade, as prazas ou servizos ocupados mediante contratos ou fórmulas de colaboración.
Disposición transitoria segunda. Requisitos técnicos non regulados
Mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario que defina as características técnicas dos servizos recollidos nas distintas carteiras susceptibles de seren prestados mediante concerto social, estas especificacións recolleranse no prego de condicións técnicas. Nestes casos, non se lles exixirá ás entidades inscritas o requisito de acreditación.
Disposición transitoria terceira. Transparencia
Para dar cumprimento ao principio de transparencia, mentres non se efectúe o desenvolvemento da normativa nesta materia á figura do concerto social, serán de aplicación os principios xerais sobre publicidade activa que recolle a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, coas obrigas específicas recollidas neste decreto.
Disposición derrogatoria única. Normas que se derrogan
Quedan derrogadas cantas disposicións ditadas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Réxime supletorio
No caso de dúbidas ou lagoas, para o non previsto neste decreto nin nas condicións establecidas para cada concerto social, para a execución destes observaranse as regras e os principios da normativa en materia de contratación pública que sexan compatibles con esta modalidade de xestión.
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de servizos sociais para ditar cantas disposición administrativas de carácter xeral, así como actos e instrucións, sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
A presente norma entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!