Plan estadístico de GALICIA

,

LEI 16/2021, do 20 de decembro, do Plan galego de estatística 2022-2026.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

O artigo 27.6 do Estatuto de autonomía de Galicia recolle a competencia exclusiva da estatística para os fins da Comunidade Autónoma. En aplicación dese artigo, o Parlamento aprobou a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada polas leis 7/1993, do 24 de maio, 10/2001, do 17 de setembro, 16/2006, do 27 de decembro, e 8/2011, do 9 de decembro.

No artigo 6 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, establécese que o Plan galego de estatística é o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia, que será obxecto de aprobación polo Parlamento mediante unha lei e que terá a vixencia establecida nel, ou, no seu defecto, a de catro anos. O artigo 7 da devandita Lei 9/1988, do 19 de xullo, encoméndalle ao Instituto Galego de Estatística a elaboración do Anteproxecto do Plan galego de estatística, que será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación, logo do informe do Consello Galego de Estatística. A ordenación e a planificación da actividade estatística levaranse a cabo mediante a progresiva constitución do sistema estatístico, entendendo por tal o conxunto ordenado e integrado de métodos, procedementos e resultados dos seus axentes institucionais.

O Parlamento aprobou cinco plans para os períodos 1998-2001, 2002-2006, 2007-2011, 2012-2016 e 2017-2021, nos que se fixaban os obxectivos que se debían concretar nos programas anuais.

Ao se esgotar o quinto plan, procede aprobar un novo para, mediante un sistema de planificación por obxectivos, crear, organizar e difundir o coñecemento estatístico, acorde coas necesidades das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e da cidadanía. Para acadalo, formúlanse obxectivos de tres tipos: informativos, instrumentais e de calidade.

Os primeiros concrétanse en metas estatísticas para responderen ás necesidades de información da sociedade. A planificación por metas dota o plan da flexibilidade necesaria para se adaptar á realidade cambiante e facilitar a cooperación con outros sistemas estatísticos oficiais, de acordo cos compromisos de coherencia, integración, harmonización e uso eficiente dos recursos públicos. Tamén son obxectivos informativos os vencellados coas liñas de actuación salientables do plan e coa consideración das perspectivas de xénero e idade.

Os obxectivos instrumentais fixan as características que deben ter os procesos para organizar, recoller, elaborar e difundir as estatísticas.

E os de calidade establécense de acordo co Código de conduta das estatísticas europeas, adoptado polo Comité do Sistema Estatístico Europeo o 16 de novembro de 2017.

A actividade que se realice en desenvolvemento deste plan axustarase aos principios e ás garantías de interese público, obxectividade e corrección técnica, obriga de colaboración, segredo estatístico e difusión de resultados, establecidos no capítulo III da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, así como ás recomendacións do Código de conduta das estatísticas europeas. Formarán parte desta actividade as tarefas de recompilación, elaboración e ordenación sistemática da información cuantificable, a publicación e a difusión de resultados necesarios ou útiles para o coñecemento cuantitativo, a análise das realidades demográfica, agraria, pesqueira, industrial, comercial, financeira, de servizos, social, cultural e ambiental de Galicia e, en xeral, calquera cuestión referida ás condicións de vida, aos fins e ás competencias da Comunidade Autónoma. Tamén se inclúen nesta categoría as tarefas previas ou complementarias das anteriores que non fosen incluídas dentro delas, as legalmente exixibles ou tecnicamente necesarias para poder acadar os requisitos que establecen as normas estatísticas e mais as de innovación, investigación e desenvolvemento técnico, metodolóxico e normalizador no eido estatístico.

Tamén poderán formar parte deste plan as tarefas de interese para o sistema estatístico que estean conectadas cos retos do Plan estratéxico de Galicia 2021-2030, así como as orientadas a mediren o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030, adoptada pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas, para pór fin á pobreza, protexer o medio e mellorar a vida e as perspectivas das persoas.

Visto o anterior, e como consecuencia da experiencia acumulada nos dous últimos plans, cómpre introducir un novo tipo de operación: a explotación estatística do enlazamento de ficheiros de datos estatísticos, administrativos e/ou doutro tipo, e anovar as operacións de síntese, co engadido dos indicadores compostos ou sintéticos.

O sistema estatístico proverá a información para que a cidadanía poida exercer os seus dereitos, orientar a xeración de riqueza e benestar, potenciar a creación de coñecemento e favorecer a toma de decisións. A inclusión na oferta de información estatística dos metadatos necesarios para axudar a comprender o significado dos resultados difundidos contribuirá á consecución destes obxectivos.

II

A lei ten tres títulos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.

O título I consta dun único capítulo de disposicións xerais, onde se recollen o obxecto da lei, o seu período de aplicación e as principais definicións.

Os títulos II e III correspóndense coas dúas dimensións do plan: a planificación e a ordenación da actividade estatística, respectivamente. O primeiro capítulo do título II agrupa os obxectivos do plan e o segundo establece como se satisfán mediante os programas anuais.

O título III ten catro capítulos sobre os proxectos técnicos e a estatística oficial, a recollida e a cesión de información, a colaboración institucional e o inventario de operacións e actividades estatísticas.

Nos anexos figuran a estrutura temática do plan, a relación de metas de información e o inventario inicial de operacións e actividades.

III

No proceso de elaboración desta lei, de acordo co previsto no artigo 46 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, o Consello Galego de Estatística, como órgano consultivo para asegurar a participación dos axentes sociais e a relación entre as persoas usuarias e a administración, emitiu un informe favorable sobre o anteproxecto. A participación cidadá promoveuse tamén mediante o Portal de transparencia e Goberno aberto.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei do Plan galego de estatística 2022-2026.

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

  1. O obxecto desta lei é aprobar o Plan galego de estatística (PGE) 2022-2026, o instrumento de ordenación e planificación da función estatística para os fins da Comunidade Autónoma, ao amparo do artigo 27.6 do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.
  2. Os obxectivos do PGE 2022-2026 clasifícanse en informativos, instrumentais e de calidade. Os primeiros comprenden as metas de información, as perspectivas de xénero e idade e mais as liñas de actuación salientables.
  3. Os obxectivos do PGE 2022-2026 concrétanse nos programas anuais executados pola organización estatística da Comunidade Autónoma.
  4. Forman parte desta organización o Instituto Galego de Estatística (IGE), os órganos estatísticos sectoriais (OES) e o Consello Galego de Estatística (CGE).
  5. A organización estatística desenvolverá as súas relacións internas e externas no marco deste plan.

Artigo 2. Definicións

  1. Para cubrir as metas de información e ampliar a información dispoñible sobre Galicia programaranse anualmente operacións estatísticas (OE) e actividades estatísticas (AE).
  2. Para cubrir os outros obxectivos do plan poderanse programar actividades de interese estatístico (AIE).
  3. Para os efectos desta lei, enténdese por:

3.1. Operación estatística (OE): a que se executa consonte un proxecto técnico e coa participación dunha administración pública galega nalgunha fase previa á difusión.

3.2. Actividade estatística (AE): a que se executa sen proxecto técnico, pero coa finalidade de difundir resultados que contribúan a ampliar a información estatística dispoñible sobre Galicia.

  1. As operacións e as actividades estatísticas deben estar clasificadas dentro das alíneas seguintes, ou ser unha combinación delas:
  2. a) O censo ou a estatística exhaustiva.
  3. b) A enquisa por mostraxe.
  4. c) A toma directa de datos.
  5. d) A explotación estatística de sistemas de información, rexistros, microdatos ou directorios.
  6. e) A explotación estatística do enlazamento de ficheiros de datos estatísticos, administrativos e/ou doutro tipo.
  7. f) De síntese: sistema de indicadores, números índices, indicadores compostos ou sintéticos, contas económicas e balances, proxeccións e métodos de estimación indirecta.
  8. As operacións estatísticas pódense programar nos seguintes estados:
  9. a) En implantación: a operación con proxecto técnico que se executa por primeira vez. Este estado permite comprobar se o proxecto técnico é axeitado para conseguir os obxectivos previstos.
  10. b) En curso: a operación periódica ou irregular con proxecto técnico que dá lugar a unha serie cronolóxica ou permite a comparanza temporal con outros períodos.
  11. c) En cumprimento: a operación que se executa no marco duns convenios, acordos, decretos de transferencia ou calquera outro tipo de norma ou vínculo xurídico, de xeito que as súas características técnicas xa veñen reguladas por outra administración.
  12. d) En reestruturación: a operación en curso ou en cumprimento cuxo proxecto técnico sufriu cambios substanciais.
  13. As operacións e as actividades estatísticas son de difusión obrigatoria.

Artigo 3. Período de aplicación

  1. O Plan galego de estatística 2022-2026 formula obxectivos para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2026. De non se aprobar un novo ao seu vencemento, quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte.
  2. O Consello da Xunta aprobará uns programas estatísticos anuais para desenvolver este plan.

Artigo 4. Avaliación

O Instituto Galego de Estatística elaborará un informe de avaliación do Plan galego de estatística, que someterá á consideración do Consello Galego de Estatística e porá en coñecemento do Parlamento de Galicia.

De ser o caso, e por petición do Parlamento, a persoa titular da dirección do Instituto Galego de Estatística dará conta do dito informe mediante unha comparecencia específica.

TÍTULO II

PLANIFICACIÓN DA ACTIVIDADE ESTATÍSTICA

CAPÍTULO I

Obxectivos

Artigo 5. Obxectivo central

  1. O obxectivo central do plan é desenvolver e consolidar o Sistema estatístico público galego e acadar un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos que garanta o avance no coñecemento da realidade galega e que responda ás demandas de información das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e da cidadanía, adecuándose a criterios de economía e de aproveitamento das fontes existentes, minimizando as molestias ás persoas informantes e garantindo o segredo estatístico.
  2. Este obxectivo central desenvólvese en:
  3. a) Obxectivos informativos, que comprenden os temas por abordar para responder ás metas de información, ás perspectivas de xénero e idade e ás liñas de actuación salientables. Para satisfacelos, os programas incluirán as operacións e as actividades estatísticas. As liñas de actuación salientables poderanse cubrir tamén coas actividades de interese estatístico.
  4. b) Obxectivos instrumentais, que pretenden acadar metodoloxías máis sólidas e procedementos estatísticos axeitados, diminuír a carga de resposta e aumentar a eficiencia. Para satisfacer estes obxectivos, os programas incluirán as actividades de interese estatístico.
  5. c) Obxectivos de calidade, que fixan as características desexables das estatísticas. Para satisfacelos, os programas incluirán as actividades de interese estatístico.

Artigo 6. Obxectivos informativos

  1. O plan inclúe as metas relacionadas no anexo II, que son os obxectivos específicos de información do quinquenio. Para que a oferta estatística sexa pertinente e facilite a comparanza temporal con outros períodos conservaranse as metas coa difusión dos resultados do Plan galego de estatística 2017-2021.
  2. As metas de información clasifícanse nas áreas e seccións temáticas do anexo I. Para a súa avaliación consideraranse as operacións e as actividades estatísticas dos programas coa difusión dos resultados.
  3. De conformidade co establecido no artigo 9 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, todas as operacións e actividades estatísticas deberán ter en conta a perspectiva de xénero. As incluídas nos programas que consideren os datos sobre as persoas físicas deberanse recoller e difundir por sexo.
  4. De conformidade co establecido no artigo 5 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, introdúcese a perspectiva de idade na difusión de datos sobre as persoas físicas, sempre que as restricións técnicas de segredo estatístico e a primacía da perspectiva de xénero o permitan.
  5. Como liñas de actuación salientables, impulsarase o uso da información estatística dispoñible para mellorar o seguimento e a avaliación das políticas públicas e profundarase na análise das seguintes materias: demografía, estrutura sociolaboral, estrutura sociocultural, cohesión territorial, conxuntura económica e estrutura económica.

Artigo 7. Obxectivos instrumentais

  1. O Instituto Galego de Estatística (IGE) implantará unha política de formación profesional continua para o persoal estatístico da Comunidade Autónoma.
  2. Realizarase a investigación estatística e cooperarase coa comunidade científica e con outras institucións para mellorar os métodos e os procedementos.
  3. Intensificarase o uso estatístico das fontes administrativas ou doutro tipo e estableceranse uns procedementos de colaboración entre os seus titulares e as autoridades estatísticas para garantir a calidade da información.
  4. Utilizaranse as fontes xa existentes e promoveranse as medidas tecnolóxicas, procedementais e formativas que permitan enlazar as distintas fontes de datos, para evitar que se dupliquen as solicitudes de información.
  5. Aproveitarase o desenvolvemento das tecnoloxías da información e as comunicacións para optimizar as formas tradicionais de recollida e difusión dos datos, así como para usar as novas fontes de información masiva e explorar a súa potencialidade.
  6. Intensificaranse a reutilización dos datos e as interoperabilidades organizativa, semántica e técnica, para incrementar a eficiencia e moderar os custos.
  7. Promoverase a xeorreferenciación da información para avanzar na obtención de estatísticas espaciais.
  8. Consolidaranse e profesionalizaranse os órganos estatísticos sectoriais.

Como ferramentas estatísticas de base, en coherencia cos obxectivos instrumentais 3, 4 e 5, e de conformidade co artigo 39 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, o IGE poderá desenvolver e manter unhas bases de datos sociodemográficas ou empresariais a partir do enlazamento de ficheiros de datos estatísticos, administrativos e/ou doutro tipo, cuxa finalidade será programar operacións ou actividades a partir da súa explotación, garantindo o cumprimento das normativas sobre protección de datos persoais e segredo estatístico.

Artigo 8. Obxectivos de calidade

  1. Pertinencia: as estatísticas deseñaranse consonte as necesidades das persoas ou entidades usuarias e do interese do conxunto da sociedade galega . Analizaranse o interese e a utilidade das estatísticas.
  2. Precisión e fiabilidade: as estatísticas tentarán reflectir a realidade axeitadamente. Avanzarase na validación das operacións e das actividades estatísticas.
  3. Oportunidade e puntualidade: as estatísticas divulgaranse consonte un calendario e seguindo as recomendacións europeas sobre a súa comunicación.
  4. Coherencia e comparabilidade: as estatísticas realizaranse sobre a base de normas comúns con respecto ao alcance, as definicións, as unidades e as clasificacións. Promoveranse a normalización e a homoxeneidade de métodos que permitan comparar a información proporcionada polo Sistema estatístico de Galicia verbo do estatal e do europeo.
  5. Accesibilidade: as estatísticas difundiranse nun sitio web específico, acompañadas de metadatos. A difusión dos datos realizarase nun formato reutilizable para a persoa usuaria. Do mesmo xeito, e para facilitar a investigación e o uso da información, asegurarase o ofrecemento de microdatos anonimizados das operacións ou das actividades que procedan.
  6. Transparencia: as estatísticas axustaranse a unha metodoloxía para reforzar a súa transparencia.

CAPÍTULO II

Programa estatístico anual

Artigo 9. Contido

  1. Para satisfacer os obxectivos do plan, o programa incluirá as operacións, as actividades estatísticas e as actividades de interese estatístico e considerará outras tarefas vinculadas coas liñas de actuación salientables. Os resultados das operacións e das actividades estatísticas son de difusión obrigatoria.
  2. Nas operacións estatísticas (OE) e actividades estatísticas (AE) especificaranse os datos seguintes:
  3. a) Os organismos responsables.
  4. b) As metas de información ou outros obxectivos informativos.
  5. c) Os obxectivos concretos.
  6. d) Os ámbitos de investigación.
  7. e) A periodicidade.
  8. f) O orzamento aproximado.
  9. g) As formas e os prazos de difusión.
  10. Nas operacións figurarán tamén o estado e, de proceder, as persoas ou as entidades obrigadas a subministraren información, así como as compensacións económicas establecidas no artigo 23 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia. As formas e os prazos de difusión especificaranse obrigatoriamente nas programadas en curso, en cumprimento coa difusión prevista no ano e sempre que sexa posible nas demais operacións.
  11. Nas actividades de interese estatístico (AIE) figurarán as liñas de actuación salientables e os obxectivos instrumentais ou de calidade que satisfán.

Artigo 10. Aprobación e vixencia

  1. O Instituto Galego de Estatística elaborará o proxecto de programa estatístico anual, logo do informe do Consello Galego de Estatística.
  2. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, aprobará por un decreto o programa estatístico anual.
  3. A vixencia do programa coincidirá co ano natural, sen prexuízo da súa prórroga respecto das operacións e das actividades que pola súa natureza sexa necesario continuar.

Artigo 11. Seguimento

O Instituto Galego de Estatística realizará un informe anual de seguimento do programa para a súa consideración por parte do Consello Galego de Estatística. Deste informe daráselle conta ao Parlamento de Galicia.

Artigo 12. Execución

  1. Os órganos da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico executarán o programa, directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante uns acordos, convenios ou contratos. Todos eles quedarán obrigados a cumprir o segredo estatístico, incluso despois de rematar os devanditos acordos, convenios ou contratos.
  2. O Instituto Galego de Estatística (IGE) será, con carácter xeral, o organismo responsable das operacións e das actividades cuxo ámbito de investigación implique simultaneamente varios sectores económicos ou ámbitos sociais. As de carácter sectorial serán executadas preferentemente polos órganos ou polas entidades públicas que sexan competentes na materia ou que, do exercicio das súas funcións, obteñan información susceptible de explotación estatística. Cando o departamento careza dos medios necesarios para realizar unha operación ou unha actividade, o IGE, dentro dos seus recursos, poderá levala a cabo para obter a información sobre unha meta insatisfeita.
  3. O contido do programa e a súa execución estarán suxeitos ás dispoñibilidades orzamentarias e organizativas.

TÍTULO III

ORDENACIÓN DA ACTIVIDADE ESTATÍSTICA

CAPÍTULO I

Proxecto técnico e estatística oficial

Artigo 13. Proxecto técnico

  1. As operacións dos programas disporán dun proxecto técnico, visto polo Consello Galego de Estatística e de carácter público.
  2. O proxecto técnico sistematizará os procedementos de execución de cada operación. Este debe especificar os obxectivos informativos, describir como se abordan as perspectivas de xénero e idade e detallar que soporte se utiliza para recoller os datos individualizados.
  3. O Instituto Galego de Estatística (IGE), de acordo cos seus recursos, prestará a súa asistencia na redacción dos proxectos do resto dos axentes do sistema e elevaraos á consideración do Consello Galego de Estatística.
  4. Coa finalidade de construír un sistema integrado de contas económicas, o IGE participará na elaboración e execución dos proxectos técnicos relativos ás operacións de síntese desta clase.

Artigo 14. Estatística oficial

  1. As operacións dos programas son oficiais logo da publicación dos resultados segundo o seu proxecto técnico.
  2. Os resultados das operacións serán difundidos preferentemente polos organismos responsables. De acordo coas alíneas 8 e 9 do artigo 39 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, o Instituto Galego de Estatística (IGE) poderá solicitar estes resultados para a súa recompilación, almacenaxe e difusión.
  3. Deberán ser obxecto de aprobación expresa os resultados das operacións oficiais que sexan aplicables obrigatoriamente ás relacións e situacións xurídicas en que a Comunidade Autónoma teña competencia para impolos. Para tal efecto, seguirase o seguinte procedemento:
  4. a) As propostas de aprobación serán presentadas polos organismos responsables perante o IGE, quen emitirá un informe preceptivo sobre o cumprimento das normas estatísticas aplicables.
  5. b) O IGE poderá requirir dos organismos responsables toda a información que considere necesaria para elaborar este informe.
  6. c) De o informe ser favorable, o IGE aprobará con carácter provisional os resultados e poraos en coñecemento do Consello Galego de Estatística e do Consello da Xunta. Se ao transcorrer o prazo de tres meses non se reciben unhas obxeccións expresas, quedarán aprobados definitivamente e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II

Recollida e cesión de información

Artigo 15. Colaboración cidadá

Será obrigatoria a colaboración cidadá nas operacións dos programas. A dita obriga deberá respectar a normativa vixente e aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

A información por subministrar axustarase ao establecido nos correspondentes proxectos técnicos, e dentro de cada programa anual especificaranse os colectivos obrigados a subministrala.

Artigo 16. Datos de orixe estatística, administrativa ou doutro tipo

Para reducir a carga de resposta das unidades informantes e mellorar a eficiencia da produción utilizarase como fonte prioritaria de información a contida nos ficheiros dispoñibles de datos estatísticos, administrativos ou doutro tipo.

Baixo este principio, e para executar os plans e programas estatísticos da Comunidade Autónoma, o Instituto Galego de Estatística (IGE) terá dereito a solicitar e obter os datos contidos nos ficheiros estatísticos, administrativos ou doutro tipo, incluídos os datos persoais identificados, dos órganos e das entidades do sector público autonómico, e os seus titulares prestaranlle a máis rápida e áxil colaboración no proceso. Os ficheiros postos á disposición do IGE irán acompañados dos metadatos pertinentes.

Artigo 17. Cesión da información estatística

A información sometida ao segredo estatístico soamente se poderá ceder para elaborar unha operación incorporada nos programas á unidade responsable da súa realización, sempre que sexa necesaria e a unidade forme parte da organización estatística de Galicia. Tamén se poderá ceder información no marco de acordos e convenios entre organismos públicos competentes en materia estatística.

Para favorecer a investigación científica, e de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, as universidades e os centros de investigación recoñecidos poderán establecer acordos co Instituto Galego de Estatística ou, de ser o caso, con outros órganos ou entidades do sector público autonómico, para explotar as bases de datos destinadas a elaborar as estatísticas reguladas pola dita lei. A solicitude será asinada pola persoa representante da institución á que pertenza a persoa responsable da investigación, e nela deberán concorrer as garantías necesarias para protexer a seguridade da información.

Cando sexa unha terceira persoa a titular da información prevista nos dous parágrafos anteriores, solicitarase a súa autorización para cedela.

CAPÍTULO III

Colaboración institucional

Artigo 18. Colaboración externa

  1. No ámbito das súas competencias, a organización estatística de Galicia poderá colaborar co Instituto Nacional de Estatística e con outras entidades e organizacións locais, autonómicas, estatais, europeas ou internacionais. Farase especial énfase na cooperación transfronteiriza coa Rexión Norte de Portugal.
  2. No ámbito das súas competencias, a organización estatística de Galicia poderá establecer unha colaboración con entidades e organizacións privadas.

Artigo 19. Cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno

  1. O Instituto Galego de Estatística (IGE) deberá ser informado, con carácter previo, de todos os convenios e acordos que en materia estatística formalice calquera órgano ou entidade do sector público autonómico.
  2. As actividades estatísticas derivadas destes convenios ou acordos quedarán amparadas por esta lei e incluiranse nos programas anuais, logo do informe favorable do IGE.
  3. O IGE será informado dos ficheiros de datos para fins estatísticos que os órganos ou as entidades do sector público autonómico deban remitir a outra administración. Neste caso, o IGE recibirá unha copia deles.
  4. No marco do principio de autoprovisión de servizos, o IGE será consultado previamente sobre os expedientes de contratación externa que pretendan tramitar os órganos e as entidades do sector público autonómico para desenvolver algunha das actuacións previstas no catálogo aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Planificación

  1. O Instituto Galego de Estatística e os órganos estatísticos sectoriais (OES) que corresponda deberán ser informados previamente de todos os plans de carácter xeral, por abrangueren varios ámbitos ou sectores, que formalicen os órganos e as entidades do sector público autonómico, cando poidan precisar información elaborada ao abeiro dos instrumentos de planificación estatística.
  2. Para que o Sistema estatístico de Galicia provexa información para estes plans, esta deberá ser incluída nos programas mediante unha operación ou actividade estatística, independentemente de que haxa unha meta de información prevista.

Artigo 21. Creación e modificación de rexistros e sistemas de información

Para garantir o cumprimento dos criterios recollidos no artigo 5.1, o Instituto Galego de Estatística e o órgano estatístico sectorial que corresponda deberán ser consultados, con carácter previo, dos rexistros administrativos e dos sistemas de información susceptibles de explotación estatística, creados polos órganos e as entidades do sector público autonómico, así como das modificacións que impliquen cambios na devandita explotación.

CAPÍTULO IV

Inventario de operacións e actividades estatísticas

Artigo 22. Inventario de operacións e actividades estatísticas

  1. O inventario será o marco de actuación da organización estatística da Comunidade Autónoma e recollerá as operacións e as actividades estatísticas dos programas.
  2. Os órganos e as entidades do sector público autonómico facilitaranlle ao Instituto Galego de Estatística a información sobre a actividade estatística que realizan, co fin de contribuír a un maior coñecemento desta e de proceder ao seu inventario.

Artigo 23. Contido

  1. Nas operacións estatísticas (OE) e nas actividades estatísticas (AE) especificaranse:
  2. a) O nome.
  3. b) Os organismos responsables.
  4. c) As metas de información ou os outros obxectivos informativos.
  5. d) Os obxectivos concretos.
  6. e) A periodicidade.
  7. O inventario recollerá para cada unidade inventariada os indicadores de calidade calculados por programa.
  8. Nas operacións figurarán os proxectos técnicos e, se procede, os cuestionarios.

Artigo 24. Altas

  1. No anexo III figuran as operacións en curso ou en cumprimento e mais as actividades estatísticas do anterior plan que formarán parte do inventario inicial. As operacións e as actividades causarán alta no inventario cando aparezan por primeira vez nun programa. As operacións daranse de alta en implantación, agás as que se poidan introducir en cumprimento e dispoñan da súa metodoloxía.
  2. Poderase inventariar unha operación ou unha actividade cando na normativa de creación dun rexistro administrativo ou sistema de información se estableza a posibilidade de realizar unha estatística e se determine o organismo responsable.

Artigo 25. Modificacións

Con cada programa anual modificaranse os datos do inventario. Para cambiar a periodicidade ou deixar de programar unha operación ou actividade, o organismo responsable deberalle comunicar ao Instituto Galego de Estatística estas circunstancias, xustificándoas. Delas daráselle conta ao Consello Galego de Estatística.

Disposición adicional única. Creación do Rexistro de Poboación de Galicia

  1. Créase o Rexistro de Poboación de Galicia (RPG), no que constarán os datos do nome, apelidos, domicilio, sexo e data de nacemento das persoas inscritas nos padróns municipais de habitantes de todos os concellos galegos.
  2. Baseándose nas previsións sobre as transmisións de datos entre administracións públicas recollidas no artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os datos persoais do RPG seranlle solicitados ao Instituto Nacional de Estatística, a quen a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, lle atribúe a coordinación de todos os padróns municipais.
  3. O Instituto Galego de Estatística (IGE) será o organismo responsable de manter, explotar e custodiar o RPG. As persoas interesadas poderán exercer perante o IGE os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos seus datos, así como limitar ou oporse ao seu tratamento.
  4. O RPG ten como finalidade que os órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia se comuniquen coas persoas interesadas residentes no seu territorio respecto das relacións xurídico-administrativas derivadas do exercicio das competencias que teñan atribuídas e exclusivamente para asuntos nos cales a residencia ou o domicilio sexan datos relevantes, así como tamén a de elaborar as estatísticas reguladas por esta lei. En todo caso, será aplicable o disposto no artigo 41.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nos procedementos iniciados de oficio e só para os efectos da súa iniciación.
  5. Agás os supostos previstos nas alíneas anteriores, os datos persoais do RPG son confidenciais e o seu tratamento e a súa libre circulación rexeranse polo disposto no Regulamento (UE) 2016/679, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e, con carácter supletorio, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
  6. As medidas de seguridade do RPG serán as previstas no Esquema nacional de seguridade, de acordo co disposto na disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición transitoria única. Metas de información de plans anteriores

A organización estatística da Comunidade Autónoma poderá programar as operacións e as actividades estatísticas que tenten satisfacer as metas sen difusión do Plan galego de estatística 2012-2016 e do Plan galego de estatística 2017-2021.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei e, expresamente, a Lei 15/2016, do 28 de xullo, do Plan galego de estatística 2017-2021, sen prexuízo do que se refire á execución e ao seguimento do Programa anual 2021 e á avaliación do Plan galego de estatística 2017-2021.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o Consello da Xunta para que dite as disposicións necesarias para desenvolver e executar esta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO I

Estrutura temática

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais

Sección 1.2. Medio ambiente

Área 2. Sociedade

Sección 2.1. Poboación e fogares

Sección 2.2. Sanidade

Sección 2.3. Educación e capital humano

Sección 2.4. Traballo

Sección 2.5. Condicións sociais

Sección 2.6. Cultura, deporte e lecer

Sección 2.7. Vivenda

Área 3. Estrutura produtiva

Sección 3.1. Sector agrario

Sección 3.2. Pesca e acuicultura

Sección 3.3. Enerxía e industria

Sección 3.4. Construción

Sección 3.5. Servizos de mercado

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado

Sección 3.7. Mercados e prezos

Sección 3.8. Actividade empresarial

Sección 3.9. Sistema de contas

Área 4. Coñecemento e tecnoloxía

Sección 4.1. Sociedade da información

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía

ANEXO II

Metas de información

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais

Territorio

Estradas

Caza e pesca continental

Recursos naturais e biodiversidade

Incendios forestais

Montes veciñais e comunidades de montes

Estática e dinámica forestal. Superficies e repoboacións

Sección 1.2. Medio ambiente

Climatoloxía

Calidade do aire

Reservas e usos das augas

Calidade e depuración de auga

Residuos urbanos e industriais. Reciclaxe

Hábitos e prácticas ambientais

Área 2. Sociedade

Sección 2.1. Poboación e fogares

Estrutura da poboación

Dinámica da poboación

Estrutura dos fogares

Dinámica dos fogares

Proxeccións demográficas

Sección 2.2. Sanidade

Asistencia sanitaria

Listas de agarda

Estado xeral de saúde da poboación

Morbilidade

Mortalidade por causas

Consumo de drogas e asistencia ás persoas drogodependentes

Sección 2.3. Educación e capital humano

Ensino preobrigatorio

Ensino obrigatorio

Ensino postobrigatorio non universitario

Acceso á universidade. Oferta e demanda de titulacións

Ensino universitario

Tránsito do sistema educativo ao mercado laboral

Outros tipos de formación, coa inclusión da realizada no seo das empresas

Sección 2.4. Traballo

Caracterización do mercado laboral

Accidentes laborais e enfermidades profesionais

Salarios e custos laborais

Outras condicións laborais

Flexibilidade na aplicación das condicións laborais

Concertación laboral

Eleccións sindicais

Infraccións e sancións

Regulación de emprego

Persoas traballadoras estranxeiras

Sección 2.5. Condicións sociais

Ingresos e gastos dos fogares

Benestar

Pensións e outras prestacións

Emprego do tempo

Desprazamentos por razón de traballo e outros tipos de mobilidade

Poboación dependente e segmentos sociais con máis necesidades potenciais

Discapacidade

Violencia de xénero

Conciliación familiar e laboral

Capital social e participación cidadá

Xustiza e seguridade

Sección 2.6. Cultura, deporte e lecer

Equipamentos e recursos culturais

Hábitos e prácticas culturais

Hábitos e prácticas deportivas e do lecer

Prácticas lingüísticas

Equipamentos e recursos deportivos

Sección 2.7. Vivenda

Demanda e acceso á vivenda

Parque de vivendas. Equipamento e características

Área 3. Estrutura produtiva

Sección 3.1. Sector agrario

Superficies agrarias

Efectivos gandeiros

Maquinaria e outro capital agrario

Producións e rendementos vexetais

Sacrificio de gando e outras producións e rendementos animais

Produción ecolóxica e de calidade

Características das explotacións agrarias

Sección 3.2. Pesca e acuicultura

Buques pesqueiros

Acuicultura

Primeira venda de produtos pesqueiros

Características das unidades de produción

Ocupación no sector da pesca

Sección 3.3. Enerxía e industria

Subsector industrial relacionado co sector primario

Produción, distribución e consumo de enerxía

Outras industrias manufactureiras

Sección 3.4. Construción

Edificación residencial e non residencial

Sección 3.5. Servizos de mercado

Comercio interior

Transporte de mercadorías e de pasaxeiros e pasaxeiras

Infraestruturas turística e hostaleira

Movemento de viaxeiros e viaxeiras. Ocupación en establecementos regulamentados e non regulamentados

Servizos financeiros, servizos ás empresas e outros de mercado

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado

Institucións sen fins de lucro

Ingresos tributarios e non tributarios

Recursos e gasto das administracións públicas galegas

Recursos e gasto na I+D+I

Sección 3.7. Mercados e prezos

Intercambios comerciais

Prezos nos sectores produtivos

Prezos no sector externo

Nivel xeral de prezos

Competitividade

Sección 3.8. Actividade empresarial

Estrutura e caracterización do sector empresarial

Conxuntura empresarial

Cooperativas, sociedades laborais e outras formas asociativas

Sección 3.9. Sistema de contas

Previsións macroeconómicas

Contas económicas

Marco input-output

Sectores institucionais

Contas satélites

Área 4. Coñecemento e tecnoloxía

Sección 4.1. Sociedade da información

Sociedade da información nos fogares

Sociedade da información nas empresas

Sociedade da información nas administracións

Sociedade da información no sistema educativo

Sociedade da información no sistema sanitario

Sociedade da información no medio rural

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía

I+D+I nas empresas

I+D+I nas administracións

I+D+I na universidade

Comercio externo de produtos tecnolóxicos

ANEXO III

Operacións e actividades estatísticas consolidadas

  1. Operacións estatísticas

Admisións a tratamento por consumo de substancias psicoactivas

Afiliacións á Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada

Análise da mortalidade

Centros especiais de emprego

Cifras poboacionais de referencia

Contas das sociedades mercantís de Galicia

Contas do sector fogares

Contas económicas anuais

Contas económicas trimestrais

Contaxe de vehículos nas estradas competencia da Comunidade Autónoma

Cooperativas

Datos estatísticos do Sistema universitario de Galicia

Datos sobre ocupacións máis contratadas

Desprazamento transnacional de persoas traballadoras

Eleccións sindicais

Empresas de traballo temporal

Empresas TIC de Galicia

Enquisa a empresas multilocalizadas

Enquisa conxuntural a fogares

Enquisa de ocupación na pesca

Enquisa de poboación activa de Galicia (EPA)

Enquisa estrutural a fogares (EEF)

Escenario macroeconómico de Galicia a curto prazo

Estado do planeamento urbanístico dos concellos

Estatística da administración electrónica nos concellos galegos

Estatística da primeira venda de produtos pesqueiros frescos

Estatística de chamadas ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112

Estatística de construción de edificios

Estatística de escolas, casas de oficio e obradoiros de emprego

Estatística de execución de medidas xudiciais impostas a menores

Estatística de familias numerosas

Estatística de licenzas de pesca e caza

Estatística de protección de menores

Estatística de sacrificio de gando en matadoiros

Estatística de violencia de xénero

Estatística do ensino non universitario en Galicia

Estatística sobre a administración electrónica na Xunta de Galicia

Estatística sobre as persoas beneficiarias da risga e das axudas de inclusión social

Explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil

Explotación do censo de persoas con discapacidade

Explotación do directorio de empresas e unidades locais

Explotación do Rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma

Explotación do Rexistro de gando bovino

Explotación do Rexistro de maquinaria agrícola

Explotación do Rexistro de ovino e cabrún

Explotación do Rexistro galego da sida

Explotación do Rexistro galego de interrupcións voluntarias do embarazo

Explotación do Rexistro galego de tuberculose

Explotación do Rexistro sobre prezos declarados polos compradores de leite

Explotación do Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais

Explotación do Rexistro vitícola

Explotación estatística do Rexistro de parellas de feito

Indicadores de actividade e de valor engadido bruto (VEB) do sector servizos

Indicadores de cohesión social

Indicadores de multilocalización empresarial

Indicadores de seguimento das Directrices de ordenación do territorio

Indicadores de xénero

Indicadores demográficos

Índices de competitividade

Índices de valor unitario para o comercio exterior e intracomunitario

Infraccións e sancións na orde social

Inserción laboral das persoas tituladas de formación profesional

Marco input-output

Matriz de contabilidade social

Mortalidade por reacción aguda ao consumo de drogas

Pensións da Seguridade Social por concello de residencia da persoa pensionista

Persoal ao servizo da Administración autonómica

Prezos agrarios

Prezos da terra

Procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos e redución de xornada

Produto interior bruto municipal

Proxeccións de fogares

Proxeccións de poboación a curto prazo

Renda municipal do sector fogares

Reservas de auga

Sector cunícola

Sector porcino industrial

Sinistralidade laboral

Sistema de indicadores complementarios para o seguimento do Plan de desenvolvemento rural

Sistema de indicadores da sociedade da información

Sistema de indicadores de lonxevidade

Sistema de información sobre a lista de espera cirúrxica

Sistema de información sobre a calidade microbiolóxica das zonas de baño

Situación das TIC nos centros sanitarios

Sociedades laborais

Superficies agrícolas

Táboas de mortalidade

Xestión de residuos de competencia municipal

  1. Actividades estatísticas

A sociedade da información no medio rural

Accesibilidade á vivenda

Actividade industrial en Galicia

Asistencia xurídica gratuíta

Balance enerxético

Banco de series de conxuntura

Calidade do aire

Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia

Climatoloxía

Comercio exterior de produtos de alta tecnoloxía

Conciliacións individuais e colectivas

Conxuntura hoteleira en Galicia: análise da demanda, a ocupación e a rendibilidade empresarial

Distribución espacial das características da poboación de Galicia por cuadrícula de 1 km2

EEF. Características básicas dos fogares

EEF. Coñecemento e uso do galego

EEF. Módulo sobre a poboación dependente

EEF. Novas tecnoloxías

Emprego na Seguridade Social e nas mutualidades

Emprego no sector turístico galego

Enfermidades de declaración obrigatoria

Enquisa trimestral de fabricación de pensos e consumo de materias primas

EPA. Decil de salarios do emprego principal

EPA. Emprego das persoas con discapacidade

EPA. Estatística de fluxos da poboación activa

EPA. Estatística de mobilidade laboral e xeográfica

EPA. Estudo sobre a relación coa actividade da poboación xuvenil

EPA. Variables de submostra

Estatística de bibliotecas públicas

Estatística de permisos de marisqueo a pé

Estatística de produción da acuicultura mariña

Estudo sobre salarios

Explotación da mostra continua de vidas laborais

Explotación do índice de comercio polo miúdo

Explotación do índice de produción industrial

Explotación do movemento natural da poboación

Explotación do Rexistro de avicultura

Explotación do Rexistro de contratos laborais

Explotación dos datos do comercio exterior e intracomunitario

Explotación dos movementos migratorios

Explotación estatística da información tributaria

Galicia aberta: a emigración en cifras

Incendios forestais

Indicador da intensidade da demanda turística

Indicadores ambientais

Indicadores de contexto da economía galega

Indicadores de contexto do Plan de desenvolvemento rural

Indicadores de demografía empresarial

Indicadores de innovación

Información do mercado laboral rexistrado

Información estatística do sistema sanitario galego

Informe das variacións do índice de prezos de consumo

Informe do paro rexistrado

Negociación colectiva

Nomenclátor e explotación do padrón municipal de habitantes

Observatorio da sociedade da información e da modernización de Galicia

Panorama dos sete grandes concellos

Panorama rural e urbano

Pensións e outras prestacións

Rendementos de cultivos

Seguimento e análise da construción