Ordenación do territorio de GALICIA

LEI 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.


Exposición de motivos
I
A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, ten a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.
A Carta europea de ordenación do territorio, de 1983, conceptúa a ordenación do territorio como «a expresión espacial da política económica, social, cultural e ecolóxica de toda sociedade» e defínea como «unha disciplina científica, unha técnica administrativa e unha política concibida como un enfoque interdisciplinario e global cuxo obxectivo é un desenvolvemento equilibrado das rexións e a organización física do espazo segundo un concepto reitor», ademais de establecer unha serie de obxectivos fundamentais da política territorial.
A Constitución española, no seu artigo 40, establece que «os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa». No artigo 45 a Constitución española «consagra o dereito de todos a gozar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa e impón aos poderes públicos a obriga de velar pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente».
Á ordenación do territorio, pola forza mesma dos principios de que trae causa, correspóndelle o papel integrador das distintas perspectivas e a consecución dunha visión superadora da parcialidade inherente a estas, determinando o seu carácter organizador das funcións sectoriais, presidido pola idea central dos principios de colaboración e cooperación. A globalidade do fin perseguido demanda primariamente a articulación dunha política pública integrada, capaz de darlle satisfacción, e isto, no marco dun ordenamento xurídico complexo e dun Estado baseado na existencia de varias instancias territoriais dotadas de poder político, exixe a articulación dos procesos de decisión nun dobre sentido: asegurando a necesaria integración das políticas sectoriais no seo de cada instancia territorial e establecendo os eixes de interconexión das distintas instancias territoriais entre si.
II
Sobre estas bases aprobouse a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que veu completar o sistema de planificación urbanística con outro sistema, o de ordenación territorial, que puidese solucionar as insuficiencias que ofrecía aquel, e na que se definiron unha serie de instrumentos de ordenación do territorio orientados, fundamentalmente, a corrixir os desequilibrios territoriais e a mellorar a coordinación das actuacións territoriais supramunicipais.
No ano 1999, como resultado dunha serie de reunións celebradas entre os ministros europeos responsables da ordenación do territorio, publicouse a Estratexia territorial europea, na que se establecía que as políticas de desenvolvemento territorial deberían orientarse a conseguir un desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio da Unión Europea. Segundo se recolle neste documento, é importante asegurar que os tres seguintes obxectivos fundamentais da política europea se alcancen por igual en todas as rexións da Unión Europea: o desenvolvemento sustentable, a xestión intelixente e a protección da natureza e do patrimonio cultural.
Neste sentido, a achega das políticas de desenvolvemento territorial consiste en promover o desenvolvemento sustentable da Unión Europea mediante unha estrutura equilibrada do territorio, para o cal se acordaron os tres principios ou directrices da política de desenvolvemento territorial da Unión Europea: o desenvolvemento dun sistema equilibrado e policéntrico de cidades e unha nova relación entre campo e cidade; a garantía dun acceso equivalente ás infraestruturas e ao coñecemento e o desenvolvemento sustentable; e a xestión intelixente e a protección da natureza e do patrimonio cultural.
No ano 2011, seguindo os obxectivos establecidos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, aprobáronse as primeiras directrices de ordenación do territorio de Galicia, o instrumento de ordenación do territorio de rango superior que serviría de marco de referencia para o desenvolvemento da planificación territorial e urbanística da Comunidade Autónoma.
A consecución dos obxectivos sinalados pola Estratexia territorial europea e a necesaria adaptación do contido da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, a eles, así como os anos de aplicación da dita lei, tras máis de dúas décadas de vixencia dela que poñen de manifesto as súas debilidades e fortalezas, xustifican a necesidade da revisión da normativa vixente en materia de ordenación do territorio mediante a aprobación dunha nova lei que, baseada nos principios de colaboración e cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación, configura os instrumentos ordenadores que permiten obter un marco territorial global e flexible, no que se establecen as referencias básicas, as pautas espaciais para o desenvolvemento económico e social, os criterios e os mecanismos que posibilitan a harmonización dos distintos elementos que conforman o territorio e a coordinación entre os distintos poderes e axentes económicos e sociais implicados.
Estes criterios reflíctense en numerosas políticas europeas, expresadas, entre outros documentos, na Estratexia territorial europea, no Libro verde sobre a cohesión territorial, na Axenda territorial da Unión Europea 2020 e na Estratexia Europa 2020: unha estratexia para un crecemento intelixente, sustentable e integrador, na que se aposta polo fomento das actividades que aproveiten as oportunidades que ofrece o territorio, sen menoscabar os seus valores ambientais e culturais.
A lei explicita o tratamento integral do territorio, de xeito que, ao tempo que harmoniza todas as escalas espaciais da planificación, establece mecanismos de avaliación dos aspectos ambientais, territoriais, paisaxísticos, económicos e sociais, contribuíndo a unha maior eficiencia do feito planificador.
Un dos obxectivos desta lei é incorporar a perspectiva de xénero como concepto transversal e transformador, para os efectos de acadar un cambio de paradigma dos modelos de cidades, adoptando enfoques do desenvolvemento urbano e territorial sustentables, integrados e centrados nas persoas e tendo en conta a idade e o xénero.
Por iso, esta lei tamén atende os principios de igualdade entre homes e mulleres, avanzando cara a unha cidade coidadora, na que os elementos deben atender as persoas e a súa diversidade, situalas como elementos clave sobre as que regular o territorio no que habitan. A perspectiva de xénero achega a visión de que o territorio, as cidades e a forma en que ordenamos a paisaxe deben perseguir a idea de xerar espazos sustentables medioambiental e economicamente e accesibles humanamente; é dicir, que a finalidade última da ordenación debe ser mellorar de forma equitativa a vida das persoas tendo en conta o conxunto da súa diversidade e complexidade.
Igualmente, as políticas de planificación territorial deben orientarse aos principios e ás propostas a escala europea e mundial, como son impulsar o desenvolvemento de infraestruturas verdes en todos os ámbitos territoriais (nacional, rexional e local) e garantir a súa consideración na ordenación do territorio, creando así unha rede interconectada dos espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, planificada de xeito estratéxico e deseñada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos e para protexer a biodiversidade, tanto dos asentamentos rurais como urbanos. Do mesmo xeito que as infraestruturas tradicionais, esta infraestrutura servirá para vertebrar o territorio, dotándoo de continuidade, sendo necesaria a súa definición con carácter previo á planificación das novas demandas de solo.
Unha infraestrutura verde, composta polos espazos naturais, cursos e masas de auga, os espazos non urbanizados e os grandes espazos verdes das cidades, así como os corredores ecolóxicos que os interconectan, permitirá manter en bo estado os ecosistemas, para que poidan continuar prestando os seus valiosos servizos á sociedade, como son o aire limpo e a auga pura. O investimento nunha infraestrutura verde ten unha lóxica económica: manter a capacidade da natureza, por exemplo, para mitigar os efectos negativos do cambio climático, o que resulta moito máis rendible que substituír eses servizos perdidos por solucións tecnolóxicas humanas moito máis custosas.
III
A lei componse de sesenta e un artigos, distribuídos en dous títulos, seis disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.
O título preliminar delimita o obxecto da lei e recoñece os principios e os criterios orientadores, así como os fins e os obxectivos que deben presidir a ordenación do territorio. Como eixes fundamentais sobre os que debe pivotar a ordenación territorial recóllense o desenvolvemento territorial sustentable; a racionalidade territorial, que entende o solo como un ben limitado e esgotable; a cohesión social e económica, o impulso e a dinamización demográfica e a perspectiva de xénero; a necesidade de ter en conta a conectividade e a restauración ecolóxicas e as directrices da Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas; o coidado da paisaxe como ben de especial interese; e a atención ao sistema rural e costeiro non urbano de Galicia como un conxunto de espazos que desempeñan un papel territorial fundamental para a Comunidade Autónoma.
A lei introduce, en liña coas políticas da Unión Europea e coas políticas que está desenvolvendo a Comunidade Autónoma, a necesidade de que a planificación territorial e sectorial que realicen as administracións públicas permita e asegure a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e a adaptación aos efectos do cambio climático, a desfragmentación de áreas estratéxicas para a conectividade e a restauración de ecosistemas degradados. Así, a lei incorpora como marco de referencia previo para os plans que se elaboren as estratexias estatal e galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que están desenvolvendo as dúas administracións.
De acordo con estes eixes, o capítulo I delimita o obxecto da lei e recoñece os principios e os criterios orientadores e os fins e os obxectivos en materia de ordenación do territorio.
No capítulo II recoñécese a competencia administrativa en materia de ordenación do territorio á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e establécese que as relacións entre as administracións públicas con competencias sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia se rexerán polos principios de colaboración e cooperación, conforme o previsto na normativa estatal aplicable e, con respecto a esta, nesta lei.
Os dereitos e os deberes da cidadanía respecto da ordenación do territorio desenvólvense no capítulo III, garantíndose o dereito á información territorial e a participación cidadá.
O capítulo IV regula o Instituto de Estudos do Territorio como organismo autónomo adscrito á consellaría competente en materia de ordenación do territorio e co obxecto de analizar, estudar e asesorar en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
IV
O título I desenvolve o contido da ordenación do territorio e os instrumentos de ordenación do territorio: as Directrices de ordenación do territorio, os plans territoriais integrados e especiais, os plans sectoriais e os proxectos de interese autonómico.
No capítulo I establécese o contido da ordenación do territorio, o carácter das determinacións dos distintos instrumentos de ordenación do territorio e a vinculación que supoñerán para o planeamento urbanístico que se vexa afectado pola súa aprobación.
Resulta de especial relevancia a nova regulación que se prevé co fin de garantir a eficacia das determinacións contidas nos instrumentos de ordenación do territorio e os principios de celeridade, eficacia, simplificación administrativa e seguridade xurídica. Para tal efecto, prevese nesta lei a posibilidade de que se tramiten nun único procedemento, asemade, a aprobación do instrumento de ordenación do territorio e a modificación do planeamento urbanístico, respectándose, en todo caso, o principio de autonomía municipal.
Igualmente, regúlase a posibilidade de suspensión cautelar motivada pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio, dos procedementos de aprobación do planeamento urbanístico e dos seus instrumentos de xestión ou execución, así como dos procedementos de outorgamento ou a presentación de títulos habilitantes municipais para ámbitos determinados, así como a necesidade de sometemento dos instrumentos de ordenación do territorio a avaliación ambiental estratéxica ordinaria ou simplificada, de conformidade e nos termos previstos na lexislación básica estatal.
Nas diferentes seccións do capítulo II desenvólvese cada un dos instrumentos de ordenación do territorio, definindo o seu obxecto, ámbito de aplicación e funcións; o seu contido e documentación; e a eficacia e as limitacións de cada instrumento.
A base dos instrumentos de ordenación do territorio tómase da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, aínda que se leva a cabo un importante labor de sintetización deles, eliminando figuras que se prevían naquela, como os plans de ordenación do medio físico, ao considerar que existen outras figuras de ordenación que xa están previstas na lexislación vixente en materia de espazos naturais ou noutra normativa sectorial relativa ao ámbito afectado, ou ben que podería acudirse ás figuras dos plans territoriais integrados ou especiais ou dun plan sectorial para acadar os seus fins, segundo os seus obxectivos. Igualmente, desaparece a regulación dos programas coordinados de actuación, dado o seu carácter netamente investidor.
Este esquema segue a permitir a configuración dun marco territorial global e flexible, que dea cabida a actuacións tanto de carácter sectorial como integradas, sen excluír a posibilidade de arbitrar solucións puntuais alí onde sexa preciso.
As Directrices de ordenación do territorio son o instrumento que ofrece unha visión global da ordenación territorial de Galicia e que serve de referencia para a formulación dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e dos previstos na normativa urbanística, así como para as actuacións con incidencia no territorio que desenvolvan as persoas particulares e as administracións públicas, con pleno respecto, neste último caso, ás competencias respectivas.
Dentro da figura dos plans territoriais, diferéncianse os plans territoriais integrados e os plans territoriais especiais, en función da súa maior ou menor escala e ámbito de afección territorial.
Así, os plans territoriais integrados son instrumentos dirixidos á organización de áreas xeográficas supramunicipais que, ben por presentaren características homoxéneas, ben polo seu tamaño e relacións funcionais, demanden unha planificación dos usos do solo, das actividades produtivas, das infraestruturas e dos equipamentos de tipo comarcal e de carácter integrado.
Os plans territoriais especiais, pola súa banda, poderán dar soporte a requirimentos especiais de planificación de ámbitos en función das súas características morfolóxicas, agrícolas, gandeiras, forestais, etnográficas, produtivas, paisaxísticas ou ecolóxicas diferenciadas, que exixan unha consideración e tratamento unitarios. Estes plans terán como obxectivo propio a definición dun modelo territorial que faga compatible o desenvolvemento e a defensa do medio natural co fin de conseguir un crecemento equilibrado e unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
Redefínense os plans sectoriais, como os instrumentos de ordenación do territorio que teñen por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de actividades sectoriais, establecendo, se é o caso, as condicións xerais para as futuras actuacións que desenvolvan os ditos plans e definindo os criterios de deseño e as características funcionais e de localización que garantan a súa accesibilidade e coherente distribución territorial, segundo a súa natureza.
Finalmente, os proxectos de interese autonómico configúranse como instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución inmediata de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, que non teñan previsión nin acomodo no planeamento urbanístico.
Dado o seu carácter de instrumento directamente executivo, a lei regula a execución dos proxectos de interese autonómico e a posible subrogación na posición xurídica da persoa ou da entidade promotora privada do dito proxecto que teña atribuída a súa execución.
O capítulo III prevé unha importante novidade respecto da regulación anterior, que responde aos principios inspiradores da lei, como son a simplificación administrativa e o interese por acadar os principios de axilidade e eficacia, que consiste no establecemento dun único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio, diferenciando os dous posibles supostos de avaliación ambiental estratéxica ordinaria ou simplificada, segundo corresponda, integrándose nel o procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Deste xeito, incorpórase a nova tramitación derivada da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o que responde á necesidade de adecuar a normativa autonómica ao marco normativo común europeo e estatal, garantindo así a unidade de mercado interior e a competitividade. Este procedemento unificado desenvolverase desde o principio da elaboración do instrumento de ordenación do territorio ata a súa aprobación definitiva.
O capítulo IV regula a modificación dos instrumentos de ordenación do territorio, distinguindo entre modificacións substanciais e non substanciais. Terán a consideración de modificación substancial aquelas que supoñan unha alteración xeral ou fundamental do instrumento de ordenación do territorio e, en todo caso, as que teñan que someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria; no caso dos proxectos de interese autonómico non previstos, terán esta consideración as modificacións que afecten os aspectos que fundamentaron a declaración de interese autonómico. Para a súa tramitación seguirase o mesmo procedemento previsto para a aprobación do instrumento de ordenación do territorio, que se modifica substancialmente.
Por outra banda, terán a consideración de modificacións non substanciais, e tramitaranse a través dun procedemento específico e simplificado, as que non supoñan unha alteración xeral ou fundamental do instrumento de ordenación do territorio e, en todo caso, as que non impliquen unha revisión dos seus obxectivos xerais nin a alteración substancial dos elementos esenciais da ordenación establecida nel.
O capítulo V prevé os efectos e a vixencia dos instrumentos de ordenación do territorio, así como a necesidade de que estes se inscriban no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
V
Finalmente, a lei complétase cunha serie de disposicións adicionais, transitorias, derrogatoria e derradeiras.
En relación coas disposicións adicionais, destaca a previsión contida na disposición adicional cuarta sobre o procedemento de outorgamento dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística para edificacións que se localicen en terreos situados en varios termos municipais. O procedemento que se establece, xustificado por razóns de seguridade xurídica, eficacia, celeridade e boa administración, e que ata agora non contaba cunha solución legal na normativa vixente, baséase nun réxime de concorrencia procedemental cun único acto resolutorio, no que o concello tramitante, unha vez recibida a solicitude de licenza, dará traslado ao concello ou concellos afectados para a emisión dun informe preceptivo, coa apertura dun período de exposición pública polo prazo de quince días hábiles.
As disposicións transitorias prevén cuestións que poden derivar da entrada en vigor desta lei, para obter o menor impacto posible como consecuencia das innovacións da lei e garantindo a seguridade xurídica.
A disposición derrogatoria prevé a derrogación da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia; e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; así como de cantos preceptos de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.
O texto remata cunha serie de disposicións derradeiras nas que se prevén, entre outras cuestións, modificacións normativas derivadas da necesidade de que todos os instrumentos de ordenación do territorio conten cun informe en materia de paisaxe ou da necesidade de adaptar a regulación prevista na lexislación urbanística aos cambios derivados da posible tramitación conxunta dos instrumentos de ordenación do territorio e da modificación do planeamento urbanístico que se prevé nesta lei.
Tamén se prevén outras cuestións como a previsión do seu desenvolvemento regulamentario ou a súa entrada en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
VI
Esta lei axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no que se exixe que «en todas as iniciativas normativas xustificarase a adecuación delas aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia».
Así, o principio de necesidade desta iniciativa lexislativa vén determinado non só porque cómpre abordar unha actualización normativa na materia que procure ofrecer solucións ás problemáticas detectadas, senón tamén por canto as medidas propostas unicamente poden ser introducidas mediante unha norma con rango de lei, ben por afectar materias que están reservadas a este tipo de norma, ben por requirir a modificación integrada e coordinada doutras normas.
Respéctase o principio de proporcionalidade, xa que para acadar os obxectivos da lei non se impoñen con carácter xeral novas obrigas ou cargas administrativas, senón que se realiza un esforzo de simplificación e integración da normativa vixente.
Préstase especial atención á efectividade do principio de seguridade xurídica, directamente conectado coa integración coherente da nova norma no ordenamento xurídico vixente, de xeito que o resultado sexa un marco normativo estable, claro, integrado e de certeza; e ao principio de transparencia, promovendo a máis ampla participación da cidadanía en xeral e, en particular, dos operadores técnicos e xurídicos implicados na materia, tanto na elaboración da propia lei como na dos instrumentos de ordenación previstos nela; así como ao principio de accesibilidade, garantindo o acceso a toda a información documental e gráfica de que dispoña a Administración na materia obxecto de regulación.
Finalmente, en virtude dos principios de simplicidade e eficacia, e dentro do obxectivo de simplificación administrativa e da normativa aplicable, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con elas.
Na tramitación do anteproxecto de lei observáronse todas as garantías exixidas pola lexislación vixente en materia de participación pública, promovendo unha participación pública real e efectiva ao longo de todo o procedemento de tramitación.
O texto do anteproxecto de lei foi obxecto do ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de ordenación do territorio de Galicia.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto da lei
Esta lei ten por obxecto, ao abeiro da competencia autonómica en materia de ordenación do territorio e dentro do obrigado respecto ás competencias das restantes administracións, establecer os principios obxectivos e os criterios básicos e regular os instrumentos necesarios para a articulación da política territorial e a ordenación do espazo físico na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Principios e criterios orientadores
1. A ordenación do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase polos principios de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativas, na procura da coherencia na actuación das administracións públicas, e de garantía da participación social. Estes principios observaranse na elaboración, aprobación, execución e seguimento dos instrumentos regulados nesta lei.
2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia orientará as súas políticas de actuación, no ámbito do desenvolvemento sustentable, a favorecer a utilización racional e equilibrada do territorio baixo o principio do desenvolvemento territorial sustentable ao que se refire o artigo 4, de acordo cos seguintes criterios:
a) A ordenación territorial como función pública desde unha perspectiva de xénero e inclusiva, nos termos previstos no artigo 6.
b) A sustentabilidade ambiental e a harmonización dos requirimentos do desenvolvemento social e económico coa preservación e a mellora do medio urbano, rural e natural.
Para estes efectos, procurarase a ocupación, o uso e a construción sustentables do solo e o desenvolvemento racional e equilibrado das actividades no territorio, garantindo a súa diversidade e óptimo aproveitamento de acordo coa súa aptitude natural e coa súa produtividade potencial. Para isto, terase en conta, en función da escala dos diferentes instrumentos de ordenación do territorio, a Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, con carácter previo á ordenación de usos e actividades no territorio, segundo o disposto no artigo 9.
c) A solidariedade interxeracional, cuxa finalidade será garantir a calidade de vida das xeracións presentes e futuras, tendo en conta a consideración do solo como recurso natural non renovable.
d) A protección do medio natural e dos procesos ecolóxicos propios do solo, a preservación da biodiversidade e o aproveitamento dos recursos naturais renovables, garantindo a súa recuperación.
e) A protección do patrimonio natural, histórico e cultural.
f) A promoción da cohesión e da integración sociais, nos termos sinalados no artigo 6, así como a solidariedade autonómica, intermunicipal e municipal.
g) A accesibilidade, garantindo un acceso equivalente, eficaz e sustentable a infraestruturas, equipamentos e servizos, en especial mediante redes de transporte integrado sustentables.
h) A garantía ao dereito á igualdade por parte das persoas con discapacidade a través da promoción da autonomía persoal e da accesibilidade universal, erradicando calquera forma de discriminación ao respecto.
i) A publicidade e a garantía de participación da cidadanía nos procedementos de ordenación territorial.
Artigo 3. Fins e obxectivos fundamentais en materia de ordenación do territorio
Son fins e obxectivos fundamentais da ordenación do territorio:
a) Definir, protexer e mellorar a estrutura do territorio, co fin de acadar un desenvolvemento equilibrado na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa conexión cos principais núcleos nacionais e internacionais da actividade, así como a súa integración no espazo nacional e europeo.
b) Mellorar a calidade de vida e procurar o máximo benestar da poboación, facilitándolle a accesibilidade ás infraestruturas e aos equipamentos de toda índole, tendo en conta a dispersión xeográfica e os seus efectos sobre a cidadanía e, especialmente, na vida das mulleres, coa finalidade de evitar as discriminacións que se produzan por razón do xénero e de garantir a igualdade entre mulleres e homes.
c) Promover unha xestión prudente e eficaz dos recursos naturais, que coordine as necesidades do desenvolvemento socioeconómico coas obrigas de conservación e mellora do medio ambiente e dos lugares e construcións de interese cultural e natural.
d) Promover o impulso e a dinamización demográfica de Galicia a través do desenvolvemento sustentable e do equilibrio territorial e social, de xeito que se creen contornos favorables para o asentamento da poboación.
e) A fixación dos núcleos de poboación que, polas súas características e posibilidades, teñan que constituírse en impulsores do desenvolvemento socioeconómico dunha zona, evitando a despoboación do medio rural, atendendo o previsto no artigo 8.
f) A adecuación da planificación territorial das dotacións, dos recursos mineiros e dos solos produtivos á súa función vertebradora, definindo os criterios de deseño, as características funcionais e a localización que garantan a accesibilidade e a inserción da totalidade do territorio nunha racional dispoñibilidade dos ditos elementos estruturantes, promovendo un modelo de mobilidade sustentable.
g) A compatibilización do desenvolvemento do sistema produtivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no referente ao litoral, aos recursos hidráulicos, á paisaxe e á calidade do aire.
Igualmente, a planificación da ordenación territorial e a explotación e o aproveitamento racionais dos recursos agrarios, forestais, mineiros, extractivos e enerxéticos, mediante fórmulas compatibles coa preservación e a mellora do medio ambiente.
h) A promoción do desenvolvemento económico e social a través do fomento de actividades produtivas e xeradoras de emprego estable.
i) Identificar as áreas territoriais que, pola súa idoneidade actual ou potencial para a explotación agrícola, forestal, gandeira, enerxética ou mineira, ou pola súa riqueza natural ou cultural, deban ser obxecto de especial protección, garantindo o seu uso racional e a súa conservación, coordinando as accións que se proxecten ou executen en cada ámbito territorial ou empregando fórmulas de colaboración ou cooperación de tratarse de accións estatais.
j) A recuperación e conservación e a posta en valor da paisaxe, de conformidade co disposto no artigo 7, como elemento de benestar individual e colectivo con valores estéticos e ambientais e dimensión económica, cultural, social, patrimonial e identitaria, co fin de integrala na planificación territorial e sectorial con incidencia sobre ela.
k) A preservación do patrimonio natural de Galicia incluído nalgunha das categorías de espazos naturais protexidos, impedindo a destrución, a deterioración ou a transformación dos hábitats, das especies e/ou da xeodiversidade que motivaron a súa declaración e impulsando a mellora do seu estado de conservación, de acordo coa normativa específica.
l) A preservación do patrimonio cultural de Galicia, impedindo a súa destrución, deterioración ou transformacións e impulsando a súa recuperación e rehabilitación, de acordo coa súa normativa específica.
m) A loita contra o cambio climático, favorecendo a adopción de medidas de mitigación e adaptación, aproveitando a transversalidade da ordenación do territorio.
n) Procurar a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e a adaptación aos efectos do cambio climático, a desfragmentación de áreas estratéxicas para a conectividade territorial entre os diferentes elementos constitutivos da infraestrutura verde, con especial referencia aos leitos fluviais e ás súas ribeiras e ás zonas húmidas, para preservar os recursos hídricos no marco dunha xestión integral da auga, así como aos demais corredores ecolóxicos, e a restauración de ecosistemas degradados.
ñ) A prevención adecuada dos riscos para a seguridade e a saúde públicas e a eliminación efectiva das perturbacións que se poidan xerar.
o) O establecemento, en aplicación dos principios de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativas, dos criterios e procedementos necesarios na procura da coherencia das accións con incidencia territorial que lles corresponda desenvolver ás diferentes administracións públicas e a súa integración nunha visión do conxunto do territorio. Nestes termos, garantirase a coherencia da política territorial da Comunidade Autónoma de Galicia coa Estratexia territorial europea e coa actuación territorial do Estado en Galicia.
p) A integración das perspectivas de xénero, de autonomía persoal e de idade, empregando mecanismos e instrumentos que fomenten e favorezan a participación da cidadanía no proceso de ordenación territorial para conseguir que esta responda ás aspiracións e necesidades da poboación.
q) Calquera outro que, no marco dos principios xerais da ordenación territorial, en particular do principio de desenvolvemento territorial sustentable previsto no artigo seguinte, tenda a acadar unha equilibrada, coordinada e integrada relación entre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa poboación, o medio ambiente, as actividades económicas, o patrimonio natural e cultural e os equipamentos, servizos e infraestruturas.
Artigo 4. O desenvolvemento territorial sustentable
1. O desenvolvemento territorial sustentable defínese como a utilización racional do territorio e do medio ambiente para combinar as necesidades de crecemento coa preservación da biodiversidade e a xeodiversidade e dos recursos naturais e dos valores paisaxísticos, históricos e culturais, co fin de garantir a calidade de vida das xeracións presentes e futuras. Esas necesidades de crecemento deberán responder a necesidades reais e obxectivas, de xeito que se xustifique a ocupación racional e sustentable do solo e o consumo sustentable de recursos naturais e enerxéticos.
2. O desenvolvemento territorial sustentable atenderá o principio de accesibilidade universal con carácter xeral, cumprindo as condicións necesarias que faciliten o acceso e a utilización del por todas as persoas, con independencia das súas capacidades e limitacións na súa mobilidade ou na súa percepción e comprensión do contorno.
3. Os instrumentos de ordenación do territorio terán en conta as determinacións establecidas nos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, así como nas estratexias de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.
Artigo 5. A racionalidade territorial
Atendendo o carácter de recurso natural non renovable do solo, o desenvolvemento territorial sustentable comportará a configuración de modelos de ocupación de solo que eviten a dispersión da urbanización e das edificacións no territorio, dando prioridade á culminación dos desenvolvementos existentes, favorecendo a cohesión e o equilibrio territorial, a compactación das cidades e a rehabilitación, rexeneración e renovación do solo urbano, atendendo a preservación e a mellora dos sistemas de vida tradicionais nas áreas rurais, favorecendo a interdependencia entre o urbano e o rural e consolidando un modelo de territorio globalmente eficiente.
Artigo 6. A cohesión social e económica e a perspectiva de xénero
1. A ordenación territorial procurará as condicións necesarias para acadar cidades socialmente integradas, evitando solucións espaciais discriminatorias que xeren áreas marxinais e ambientes de exclusión social, propiciando a interdependencia entre núcleos urbanos e asentamentos rurais e favorecendo a complementariedade de funcións entre eles, así como a integración dos sistemas e infraestruturas de transporte e a previsión das dotacións necesarias en condicións óptimas de accesibilidade e funcionalidade.
2. As políticas e os plans en materia de ordenación do territorio deben incluír medidas tendentes a facer efectivo o principio de igualdade entre as persoas. Neste sentido, a ordenación do territorio terá en conta o impacto dos roles de xénero no uso diferenciado do territorio por mulleres e homes.
3. A ordenación territorial estará orientada a procurar o máximo grao de cohesión social e económica en todo o territorio da Comunidade Autónoma, arbitrando os mecanismos necesarios para acadar un equilibrio territorial baseado no seu modelo de asentamentos e apoiado nas áreas funcionais que se definan.
4. A ordenación do territorio debe facilitar, garantir e mellorar a accesibilidade universal aos servizos públicos e aos dereitos cidadáns, como o dereito á vivenda, ao emprego, á mobilidade ou a un contorno saudable, en todo o territorio galego.
Artigo 7. A paisaxe
1. Os instrumentos de ordenación do territorio tomarán en consideración a paisaxe atendendo o seu carácter de elemento diferencial e activo de singular valor para a Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Os instrumentos de ordenación deberán preservar e protexer a paisaxe e o dereito da poboación a vivir nun contorno cultural, social e ambientalmente significativo, ademais de promover a responsabilidade colectiva de protexer este ben común.
3. A planificación territorial contribuirá á recuperación, mellora, valorización e protección da paisaxe e propoñerá os mecanismos que permitan unha adecuada xestión da súa transformación de acordo cos instrumentos aprobados en desenvolvemento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.
Artigo 8. O sistema rural e costeiro non urbano de Galicia
1. Os instrumentos de ordenación do territorio prestarán unha especial atención ao medio rural e costeiro non urbano de Galicia, co obxectivo de promover o equilibrio territorial e desenvolver medidas de impulso demográfico que aseguren a permanencia no territorio da súa poboación, contribuíndo á viabilidade das actividades económicas que poidan desenvolverse nel que sexan compatibles coa defensa dos seus valores sociais, económicos, culturais e medioambientais.
2. Os instrumentos de ordenación do territorio terán en conta as formas territoriais históricas do noso territorio, procurando estratexias que preserven e manteñan a coherencia con elas, asumindo a identidade territorial como factor positivo de referencia, de creación, de respecto e de innovación.
Artigo 9. A infraestrutura verde
1. A infraestrutura verde constitúe un sistema territorial básico, composto polos ámbitos de máis relevante valor ambiental, cultural, agrícola e paisaxístico; as áreas críticas do territorio cuxa transformación implique riscos ou custos ambientais para a comunidade; e os corredores ecolóxicos e conexións funcionais que poñan en relación todos os elementos anteriores.
A infraestrutura verde estenderase aos solos urbanos e urbanizables, comprendendo, como mínimo, os espazos libres e as zonas verdes públicas máis relevantes, así como os itinerarios que permitan a súa conexión.
2. Os instrumentos de ordenación do territorio terán en conta, en función da súa escala, as determinacións da Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, así como a que desenvolva a Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, os instrumentos de ordenación do territorio recollerán a identificación e a caracterización dos espazos da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A infraestrutura verde estará integrada por determinados espazos e elementos que desempeñan unha función ambiental e territorial, incluíndo tanto ámbitos protexidos por unha regulación específica como outros que non posúen esa protección. En ambos os dous casos os instrumentos de ordenación do territorio regularán os usos e os aproveitamentos que resulten compatibles co mantemento da estrutura e da funcionalidade da dita infraestrutura.
4. As funcións da infraestrutura verde son as seguintes:
a) Preservar os principais elementos e procesos do patrimonio natural e cultural e dos seus bens e servizos ambientais e culturais.
b) Asegurar a conectividade ecolóxica e territorial necesaria para a mellora da biodiversidade, a saúde dos ecosistemas e a calidade da paisaxe.
c) Proporcionar unha metodoloxía para o deseño eficiente do territorio e unha gradación de preferencias en canto ás alternativas dos desenvolvementos urbanísticos.
d) Orientar de xeito preferente as posibles alternativas dos desenvolvementos urbanísticos cara aos solos de menor valor ambiental, paisaxístico, cultural e produtivo.
e) Evitar os procesos de implantación urbana nos solos sometidos a riscos naturais e inducidos, de carácter significativo.
f) Favorecer a continuidade territorial e visual dos espazos abertos.
g) Vertebrar os espazos de maior valor ambiental, cultural, agrícola e paisaxístico do territorio, así como os espazos públicos e os fitos conformadores da imaxe e identidade urbana, mediante itinerarios que propicien a mellora da calidade de vida das persoas e o coñecemento e gozo da cultura do territorio.
h) Mellorar a calidade de vida das persoas nas áreas urbanas e no medio rural e fomentar unha ordenación sustentable do medio urbano.
CAPÍTULO II
Competencia, colaboración e cooperación administrativas
Artigo 10. Competencia administrativa
A titularidade da competencia en materia de ordenación do territorio correspóndelle á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que a desenvolverá con respecto das que son propias doutras administracións públicas, promovendo con estas a participación da iniciativa privada, nos termos previstos na lexislación vixente.
Artigo 11. Colaboración e cooperación entre administracións públicas
1. No exercicio da competencia en materia de ordenación do territorio, as relacións da Administración autonómica coas restantes administracións públicas con competencias sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse polos principios de colaboración e cooperación, conforme o previsto na normativa estatal aplicable e, con respecto a esta, nesta lei.
2. Así mesmo, dentro do necesario respecto á normativa sectorial aplicable, na aprobación de instrumentos, plans e proxectos por outras administracións públicas que teñan incidencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia procurarase o emprego de fórmulas de colaboración e cooperación para a articulación das correspondentes competencias sectoriais coas competencias autonómicas.
CAPÍTULO III
A transparencia e a participación cidadá
Artigo 12. Dereitos e deberes da cidadanía
1. O recoñecemento, o respecto e a protección dos dereitos da cidadanía informarán a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias en materia de ordenación do territorio, promovéndose o gozo, entre outros, dos seguintes dereitos:
a) Dereito a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, tanto no contorno urbano como no medio natural, mediante unha ordenación racional equilibrada e sustentable dos usos do solo e das dotacións urbanísticas.
b) Dereito a usar e gozar dos terreos polas persoas titulares deles nos termos previstos na normativa vixente.
c) Dereito a gozar do patrimonio cultural e a que se adopten as medidas necesarias para garantir a súa protección, conservación e mellora.
d) Dereito a participar na elaboración e tramitación dos instrumentos de ordenación do territorio.
e) Dereito a acceder a toda a información de que dispoña a Administración xeral da Comunidade Autónoma en materia de ordenación do territorio, sen necesidade de acreditar a existencia dun interese determinado e sen máis limitacións que as establecidas nesta lei e demais normativa que resulte aplicable, nomeadamente a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
2. Para a consecución dos fins que esta lei encomenda á actividade pública de ordenación do territorio, a cidadanía deberá observar os seguintes deberes:
a) Contribuír á preservación e á mellora do medio ambiente natural e urbano.
b) Respectar e protexer o patrimonio cultural.
c) Utilizar de forma correcta e adecuada, atendendo súas características, os bens de dominio público e os equipamentos, as infraestruturas e os servizos urbanos.
d) Evitar accións que comporten riscos para o medio ambiente natural e urbano, así como para os bens públicos ou de terceiros ou para a saúde e a seguridade das persoas, agás nos casos nos que tales accións teñan amparo normativo, debendo, en tales casos, cumprirse os requisitos exixibles e adoptar as medidas correctoras que poidan establecerse.
e) Respectar as limitacións de usos e de edificación que a lexislación ou o planeamento territorial e urbanístico impoñan sobre os terreos dos que sexan titulares.
f) Colaborar na actuación pública de ordenación do territorio nas condicións previstas nesta lei.
g) Colaborar coas administracións públicas de Galicia na conservación e na mellora dos valores paisaxísticos existentes, mediante a axeitada integración paisaxística das actuacións individuais e colectivas no territorio.
Artigo 13. A participación cidadá
1. As administracións públicas de Galicia velarán para que a actividade de ordenación do territorio se desenvolva promovendo a máis ampla participación social, garantindo os dereitos de información e de iniciativa das persoas particulares. A dita participación deberá ser fomentada e facilitada pola administración competente en materia de ordenación do territorio, integrando as perspectivas de xénero e de idade, empregando mecanismos que fomenten, garantan e favorezan a participación da cidadanía en xeral e das mulleres en particular no proceso de ordenación territorial.
2. A cidadanía ten o dereito a participar nos procedementos de elaboración e tramitación dos instrumentos de ordenación do territorio, nomeadamente mediante a formulación de alegacións durante o período de información pública ao que preceptivamente aqueles deban ser sometidos.
Artigo 14. Dereito de acceso á información territorial
1. Garantirase o acceso da cidadanía aos documentos que integran os instrumentos de ordenación do territorio, así como á restante información territorial durante os períodos de información pública e con posterioridade á súa aprobación, nos termos previstos na normativa estatal aplicable e nesta lei.
2. As administracións públicas de Galicia adoptarán as medidas necesarias para garantir o acceso á información territorial da súa competencia a todas as persoas, físicas e xurídicas, sen necesidade de que acrediten un interese determinado e con garantía de confidencialidade sobre a súa identidade, sen aplicación doutros límites que os previstos nesta lei e na demais normativa aplicable.
3. Co obxecto de facilitar a dispoñibilidade e o uso da información territorial mediante o emprego de novas tecnoloxías, as administracións públicas de Galicia promoverán as medidas oportunas que permitan a presentación e a utilización de toda a documentación de ordenación territorial en formato dixital. Neste caso, as administracións garantirán a accesibilidade universal dos soportes electrónicos a través de sistemas que permitan obter a información de xeito seguro e comprensible por toda a cidadanía.
4. Conforme a normativa básica estatal, as solicitudes de información territorial deberán ser resoltas no prazo máximo dun mes, que poderá ampliarse por outro mes no caso de que o volume ou a complexidade da información que se solicita así o fagan necesario, logo da notificación ao solicitante.
CAPÍTULO IV
O Instituto de Estudos do Territorio
Artigo 15. Natureza da entidade e adscrición
1. O Instituto de Estudos do Territorio é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
2. Estará adscrito organicamente á consellaría competente en materia de ordenación do territorio.
Artigo 16. Obxecto e fins xerais
1. O Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
2. As funcións do Instituto de Estudos do Territorio serán as seguintes:
a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
b) Prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, a fin de implementar as políticas da paisaxe na planificación urbanística e territorial.
c) Prestar apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
d) A recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellarías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural.
e) O apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade.
f) Delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as que se desenvolverán os catálogos da paisaxe e elaborar os catálogos da paisaxe de Galicia.
g) Formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes.
h) Avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.
i) Promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, sobre todo mediante asistencia científica e técnica mutua, e intercambios de experiencias con fins de formación e información.
j) O seguimento de iniciativas de investigación e difusión de coñecementos de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe.
k) Fomentar o intercambio de información e experiencias, así como a asistencia científica e técnica mutua en materia de paisaxes transfronteirizas.
l) Elaborar cada catro anos un informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, que a Xunta de Galicia presentará ao Parlamento de Galicia.
3. As funcións atribuídas ao Instituto de Estudos do Territorio entenderanse sen prexuízo das que lles correspondan aos órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma.
Artigo 17. Réxime xurídico
1. O Instituto de Estudos do Territorio réxese polo disposto nesta lei, polos seus estatutos e polas normas aplicables aos organismos autónomos dependentes da Administración autonómica.
2. Os actos dos órganos de goberno do Instituto de Estudos do Territorio ditados no exercicio das súas competencias poñen fin á vía administrativa.
TÍTULO I
A ordenación do territorio
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 18. Contido da ordenación do territorio
1. Para os efectos do previsto nesta lei, enténdese por ordenación do territorio o conxunto de técnicas, normas, plans e criterios expresamente formulados que orienten e regulen as actuacións e os asentamentos sobre o territorio, co fin de conseguir unha adecuada interrelación entre medio ambiente, poboación, actividades, servizos e infraestruturas co territorio galego no que se implantan, procurando a coherencia das actuacións sobre este dos distintos órganos e das diferentes administracións públicas, dentro do necesario respecto ás competencias destas.
2. Igualmente, a ordenación territorial comprende a elaboración, a aprobación e, se é o caso, a execución dos instrumentos necesarios para planificar e plasmar no territorio as políticas económicas, sociais, medioambientais e culturais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. De conformidade co disposto no número 1 do artigo 4 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, a ordenación territorial e a urbanística son funcións públicas non susceptibles de transacción que organizan e definen o uso do territorio e do solo de acordo co interese xeral, determinando as facultades e os deberes do dereito de propiedade do solo conforme o destino deste.
Artigo 19. Instrumentos de ordenación do territorio
1. Sen prexuízo da utilización dos instrumentos de ordenación urbanística e dos establecidos na lexislación sectorial que rexe as diversas actividades con impacto territorial, a ordenación do territorio de Galicia realizarase a través dos seguintes instrumentos:
a) Directrices de ordenación do territorio.
b) Plans territoriais:
1º. Plans territoriais integrados.
2º. Plans territoriais especiais.
c) Plans sectoriais.
d) Proxectos de interese autonómico.
2. En aplicación dos principios de cooperación e colaboración, os organismos públicos prestarán o seu apoio á redacción dos instrumentos de ordenación do territorio e, para o efecto, facilitarán ás persoas encargadas da súa redacción os documentos e a información necesarios.
3. A redacción dos instrumentos de ordenación do territorio efectuarana facultativos ou facultativas coa correspondente titulación universitaria, en función da materia obxecto de regulación.
Os instrumentos de ordenación do territorio que impliquen a transformación urbanística do solo deberán ser redactados por persoas ou equipos multidisciplinares, nos que polo menos un dos seus membros deberá ser arquitecto ou arquitecta ou enxeñeiro ou enxeñeira de camiños, canais e portos, ou, se é o caso, dispoñer de titulación equivalente que habilite para o exercicio das ditas profesións.
A identidade e a titulación dos distintos profesionais que interveñen na redacción dos instrumentos de ordenación do territorio deben constar nos documentos que elaboren.
Artigo 20. Vinculación das determinacións dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Os instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos conforman un sistema integrado que se articula segundo os principios de competencia, especialidade e coordinación.
En todo caso, as competencias en materia de ordenación do territorio deberán exercerse sen prexuízo das que deriven das diferentes normativas sectoriais que resulten aplicables.
2. Os instrumentos de ordenación do territorio deberán redactarse de xeito que quede garantida a coherencia entre todos eles, tendo en conta o alcance e o grao de vinculación das súas determinacións, que poden ser as seguintes:
a) Determinacións de aplicación directa, que serán inmediatamente aplicables aos terreos sobre os que incidan e que, como determinacións de ordenación territorial, prevalecerán sobre as previsións contrarias do planeamento municipal.
b) Determinacións vinculantes para o planeamento, que non terán aplicación directa e inmediata, pero obrigan a aterse ao seu contido ao elaborar, aprobar e modificar a planificación urbanística local, ben sexa cando se decida levala a cabo, ben sexa no prazo previsto na propia determinación.
c) Determinacións orientativas, que constituirán criterios, directrices e guías de actuación de carácter non vinculante, informadores das pautas que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia considera adecuadas para a actuación territorial dos poderes públicos.
3. Os instrumentos de ordenación do territorio, en congruencia coa súa escala territorial e cos fins perseguidos, poderán modificar, xustificadamente, o réxime de usos e condicións da edificación previstos na normativa urbanística vixente para o solo rústico.
4. Nos supostos previstos nesta lei e con pleno respecto á autonomía municipal, co fin de garantir a eficacia das determinacións contidas nos instrumentos de ordenación do territorio e os principios de celeridade, eficacia, simplificación administrativa e seguridade xurídica, tramitaranse simultaneamente, mediante un dos procedementos previstos no capítulo III desta lei, a aprobación do instrumento de ordenación do territorio e a modificación do planeamento urbanístico, nas cuestións estritamente afectadas polas determinacións do instrumento de ordenación territorial e para garantir a súa efectividade.
Artigo 21. Suspensión cautelar motivada pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio
1. Acordada a iniciación do procedemento de elaboración de calquera dos instrumentos de ordenación do territorio recollidos no artigo 19.1 desta lei, a persoa titular da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, de xeito motivado, poderá suspender cautelarmente os procedementos de aprobación do planeamento urbanístico e dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento, así como o procedemento de outorgamento de licenzas e a presentación doutros títulos habilitantes municipais de natureza urbanística para ámbitos determinados, coa finalidade de salvagardar as competencias autonómicas de ordenación do territorio.
O acordo de suspensión, no que deberán identificarse graficamente as áreas ou zonas afectadas por ela, non afectará as seguintes actuacións:
a) As obras de mantemento, conservación e reforma, agás no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.
b) As licenzas de primeira ocupación.
c) Os proxectos que cumpran asemade o instrumento de planeamento en vigor e o previsto no instrumento de ordenación do territorio, sempre que este estea aprobado inicialmente.
d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados pola nova ordenación proxectada.
2. Con carácter previo á adopción do acordo de suspensión, darase audiencia ao concello ou concellos afectados polo prazo dun mes. Durante a dita audiencia, os concellos deberán informar das licenzas solicitadas que se verían afectadas pola suspensión.
3. O acordo de suspensión e as súas eventuais modificacións deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia. Igualmente, notificarase de forma individualizada ás persoas peticionarias de licenzas pendentes de outorgamento que poidan resultar afectadas, relacionadas no informe ou informes referidos no número anterior, que terán dereito a ser indemnizadas do custo oficial dos proxectos e á devolución, se é o caso, das cantidades correspondentes aos tributos municipais, nos termos sinalados no artigo 47 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
4. Durante o procedemento de aprobación do instrumento de ordenación do territorio poderán modificarse os ámbitos territoriais e materiais da suspensión acordada, sen que tal circunstancia altere a duración máxima prevista no número seguinte.
5. A suspensión extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a súa adopción e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos, contado desde a data do acordo de suspensión.
6. Extinguidos os efectos da suspensión conforme o disposto neste artigo, non poderán acordarse novas suspensións no mesmo ámbito e por idéntica finalidade no prazo de catro anos.
Artigo 22. Avaliación ambiental dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Serán obxecto de avaliación ambiental estratéxica ordinaria os seguintes instrumentos de ordenación do territorio, así como as súas modificacións:
a) As Directrices de ordenación do territorio.
b) Os plans territoriais integrados.
c) Os plans sectoriais.
d) Os proxectos de interese autonómico e os plans territoriais especiais que requiran unha avaliación por establecer o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental, nos termos previstos no artigo 6.1.a) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; e os plans territoriais especiais e os proxectos de interese autonómico que requiran unha avaliación por afectaren espazos da Rede Natura 2000, nos termos previstos na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.
e) Os comprendidos no número seguinte, cando así o decida, caso por caso, o órgano ambiental no informe ambiental estratéxico ou cando así o determine o órgano ambiental, por solicitude da persoa promotora.
2. Serán obxecto de avaliación ambiental estratéxica simplificada:
a) As modificacións menores dos instrumentos de ordenación do territorio mencionados no número anterior.
b) Os plans territoriais especiais e os proxectos de interese autonómico e as súas modificacións, coas particularidades recollidas no número anterior.
3. En todo caso, no suposto de proxectos de interese autonómico que establezan o marco para a futura autorización de proxectos, estes proxectos deberán someterse ao procedemento de declaración de impacto ambiental e poderá adoptarse, a prol do principio de eficacia, a incorporación de trámites e de actos administrativos do procedemento de avaliación ambiental estratéxica noutros procedementos de avaliación ambiental, nos termos previstos no artigo 13.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
CAPÍTULO II
Instrumentos de ordenación do territorio
Sección 1ª. As Directrices de ordenación do territorio
Artigo 23. Obxecto, ámbito e funcións das Directrices de ordenación do territorio
1. As Directrices de ordenación do territorio son o instrumento de ordenación estrutural que serve para proxectar, dirixir e coordinar os fins e obxectivos da política territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, constituíndo o principal elemento de planificación territorial e a base do desenvolvemento das actuacións con incidencia no territorio que deban producirse na Comunidade Autónoma, dentro do necesario respecto ás competencias das distintas administracións públicas.
No marco desta lei, as Directrices de ordenación do territorio son o instrumento que ofrece unha visión global da ordenación territorial de Galicia e que serve de referencia para a formulación dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos, que deberán xustificar a súa coherencia e conformidade coas súas determinacións, así como para as actuacións con incidencia no territorio que desenvolvan as persoas particulares e as administracións públicas, con pleno respecto, neste último caso, ás competencias respectivas.
2. O ámbito das Directrices de ordenación do territorio será a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Corresponden ás Directrices de ordenación do territorio as seguintes funcións:
a) Formular, con carácter global e interrelacionado, e no marco do plan económico-social da Comunidade Autónoma, o conxunto de criterios e normas que orienten e regulen os procesos de asentamento no territorio das distintas actividades económicas e sociais dos axentes públicos e privados que operen no dito territorio, dentro do necesario respecto ás competencias das distintas administracións públicas.
b) Construír un marco xeral de referencia para a formulación dos restantes instrumentos de ordenación do territorio, así como dos instrumentos previstos na normativa urbanística, e para a formulación e a execución das distintas políticas sectoriais da Administración xeral da Comunidade Autónoma, ao que deberán acomodarse os plans, programas e accións con incidencia no territorio que poidan desenvolver a Administración autonómica, as entidades locais de Galicia e as entidades públicas vinculadas ou dependentes daquela e destas, co fin de garantir unha axeitada coordinación e compatibilización de todas elas.
c) Propoñer as accións territoriais que requiran a actuación conxunta con outras comunidades autónomas e restantes administracións públicas, ofrecendo as bases suficientes para subscribir os convenios ou acordos de cooperación, logo do cumprimento das exixencias impostas pola normativa aplicable.
d) Identificar as grandes oportunidades do territorio e propoñer as accións necesarias para o seu aproveitamento racional e sustentable.
e) Integrar de forma coordinada as Directrices de ordenación do territorio de Galicia coas estratexias territoriais propias das rexións da Unión Europea, de acordo coa estratexia territorial común desta.
f) Identificar e sinalar áreas que deban estar suxeitas a medidas especiais de protección, conservación, ordenación ou mellora.
Artigo 24. Contido das Directrices de ordenación do territorio
1. As Directrices de ordenación do territorio conterán as seguintes determinacións:
a) Definición do modelo territorial para Galicia.
b) Descrición e interpretación das características propias do territorio da Comunidade Autónoma, formulando unha diagnose da problemática existente e potencial, en relación cos asentamentos urbanos e produtivos, o medio físico e os recursos naturais e coas pautas de desenvolvemento territorial manifestadas ou previsibles.
c) Definición dos criterios que se deban adoptar en relación coa problemática obxecto de diagnose, de acordo cos obxectivos referidos na alínea seguinte.
d) Formulación dos obxectivos sociais, económicos e ambientais relacionados co territorio, tendo en conta, entre outros, os criterios de desenvolvemento territorial sustentable, de impulso demográfico, de accesibilidade universal e de loita contra o cambio climático.
e) Formulación, a partir dos distintos elementos das políticas sectoriais, de propostas de ordenación do territorio destinadas a reorientar ou, se é o caso, regular as actuacións públicas e privadas no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo cos obxectivos sinalados na alínea precedente, como marco de referencia pública para a actuación dos axentes sociais e económicos que operen no dito ámbito, dentro do necesario respecto ás competencias das distintas administracións públicas.
f) Proposición das relacións entre as distintas administracións e organismos públicos que interveñan no territorio da Comunidade Autónoma, formulando as propostas relativas aos procedementos e instancias a través dos que deban ser resoltos os conflitos que poidan xurdir na fixación ou execución das actividades que se vaian desenvolver, deixando a salvo en todo caso as facultades que ao Estado lle recoñece a normativa vixente.
g) Establecemento dos sistemas de información recíproca entre as distintas administracións e organismos públicos capaces de facilitar a uns e a outros os datos necesarios para a correcta elaboración dos seus plans e programas e procurar a súa coherencia co marco territorial de referencia que as directrices establecen.
h) Delimitación de ámbitos que hai que desenvolver mediante plans territoriais especiais, cando as Directrices de ordenación do territorio o consideren necesario en función das súas características morfolóxicas, agrícolas, gandeiras, forestais, etnográficas, produtivas, paisaxísticas ou ecolóxicas diferenciadas, que exixan unha consideración e tratamento unitarios nese ámbito, sen prexuízo das delimitacións específicas que poidan realizarse en aplicación da lexislación sectorial correspondente.
Igualmente, as Directrices de ordenación do territorio identificarán a Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia como sistema de espazos que garantan a conectividade ecolóxica e a provisión de servizos ecosistémicos a escala rexional, e conterán as determinacións que resulten necesarias para a súa correcta xestión e ordenación.
i) Proposta de pautas e medidas para a preservación dos recursos naturais e do patrimonio cultural e paisaxístico.
j) Delimitación de áreas xeográficas supramunicipais que, ben por presentaren características homoxéneas, ben polo seu tamaño e relacións funcionais, demanden unha planificación dos usos do solo, das actividades produtivas, das infraestruturas e dos equipamentos de tipo comarcal e de carácter integrado, que poderán desenvolverse mediante plans territoriais integrados.
k) Fixación dos criterios para a cuantificación, a localización, o deseño e a execución das infraestruturas e dos equipamentos de carácter supramunicipal, procurando a mellora da súa accesibilidade e considerando as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e a planificación sectorial, así como o necesario respecto ás competencias estatais.
l) Sinalamento das condicións ás que deban someterse as propostas de desenvolvemento urbano, industrial, terciario ou agrario, en función da dispoñibilidade dos recursos enerxéticos, hidráulicos e de saneamento correspondentes.
m) Criterios para establecer as condicións ás que deberá suxeitarse a localización de vivendas sometidas a algún réxime de protección ou das que se incorporen a programas de rehabilitación, tomando en consideración as previsións que nesta orde se conteñan no planeamento local e na restante normativa aplicable.
n) Criterios de actuación en áreas desfavorecidas polo declive económico ou demográfico, por situacións de incomunicación, por outras desvantaxes obxectivas ou pola existencia de riscos naturais ou tecnolóxicos.
ñ) Sinalamento das causas e dos supostos que vaian determinar a modificación substancial ou non das Directrices de ordenación do territorio, en función da aparición de necesidades non previstas nelas ou dos cambios introducidos na política económica ou social que vaian desenvolver as administracións públicas implicadas.
Para tal efecto, as directrices conterán os indicadores e os criterios para a análise da evolución territorial da Comunidade Autónoma.
2. As determinacións previstas no número anterior teñen carácter enunciativo e non limitativo, polo que as Directrices de ordenación do territorio poderán conter cantas outras sexan congruentes coas funcións previstas no artigo anterior.
En todo caso, as Directrices de ordenación do territorio respectarán a autonomía das administracións locais para a xestión dos seus intereses propios, así como as competencias estatais.
Artigo 25. Documentación das Directrices de ordenación do territorio
1. As Directrices de ordenación do territorio conterán os documentos gráficos e escritos que reflictan adecuadamente os contidos expostos no artigo anterior, co grao de precisión apropiado ás súas funcións, e, como mínimo, os seguintes:
a) Unha memoria na que se identifiquen e expliquen os obxectivos, as fortalezas, as debilidades e os conflitos territoriais, así como as medidas propostas e os criterios e as opcións previstas.
b) A documentación gráfica precisa para plasmar o estado do territorio e as cuestións fundamentais da ordenación e as previsións a que se refiran as Directrices de ordenación do territorio.
c) Determinacións.
d) Síntese e conclusións do proceso de participación pública.
e) A documentación ambiental exixida conforme a lexislación vixente.
2. Para a súa difusión pública, elaborarase un documento resumo non técnico das Directrices de ordenación do territorio, que facilite o coñecemento dos aspectos esenciais do seu contido.
Artigo 26. Borrador das Directrices de ordenación do territorio
1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia acordar a iniciación do procedemento de elaboración das Directrices de ordenación do territorio. O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará o prazo de formulación do correspondente borrador das Directrices de ordenación do territorio.
2. Correspóndenlle á consellaría competente en materia de ordenación do territorio a tramitación e o impulso do procedemento de elaboración das Directrices de ordenación do territorio e a preparación do borrador das Directrices de ordenación do territorio. As consellarías con competencias con proxección territorial formularán as previsións e as determinacións que lles correspondan respecto dos contidos sectoriais das directrices, para os efectos da súa integración efectiva no borrador. A dita formulación farase no prazo de tres meses, contados desde a súa petición pola consellaría tramitadora do procedemento.
Coa mesma finalidade, solicitarase da Administración do Estado e das administracións locais a formulación de propostas nas materias da súa competencia, que emitirán en igual prazo ao expresado no parágrafo anterior.
3. En calquera caso, para a elaboración do borrador de directrices, a consellaría tramitadora do procedemento solicitará dos órganos e entidades mencionados cantos datos e informacións sexan necesarios para a máis correcta redacción do dito documento, que deberán ser achegados no prazo de dous meses a partir do momento no que lles sexan solicitados. Igualmente, os ditos órganos e entidades poderanlle achegar cantas informacións e suxestións consideren convenientes para os mesmos fins.
4. O borrador das directrices remitiráselles ás administracións e aos órganos citados nos números anteriores e ás entidades públicas e privadas que se consideren interesadas, para que no prazo de tres meses acheguen cantas observacións, propostas e alternativas xulguen oportunas. Así mesmo, será remitido ao Parlamento de Galicia para o seu coñecemento e valoración.
5. Unha vez realizados os trámites sinalados neste artigo, seguirase o procedemento previsto no artigo 54.
Artigo 27. Eficacia das Directrices de ordenación do territorio
1. As determinacións contidas nas Directrices de ordenación do territorio terán, en todo caso, a eficacia que sexa congruente coa súa función de instrumento directriz. Para este efecto, expresarán de forma clara e inequívoca o alcance concreto co que deberán operar todas e cada unha das súas determinacións, segundo o previsto no artigo 20.
2. As Directrices de ordenación do territorio non poderán clasificar solo nin substituír en ningún caso o planeamento urbanístico nas funcións que lle son propias, de acordo coa lexislación vixente na materia.
Artigo 28. Control parlamentario das Directrices de ordenación do territorio
1. Determinarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia o procedemento que regule o seguimento dos obxectivos e das determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e o seguimento dos efectos sobre o medio ambiente da aplicación ou execución das devanditas directrices.
2. A Administración autonómica remitiralle ao Parlamento de Galicia, cada tres anos, unha memoria de seguimento do grao de desenvolvemento dos obxectivos e das determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia.
Sección 2ª. Os plans territoriais
Subsección 1ª. Plans territoriais integrados
Artigo 29. Obxecto, ámbito e funcións dos plans territoriais integrados
1. Os plans territoriais integrados son instrumentos dirixidos á organización de áreas xeográficas supramunicipais que, ben por presentaren características homoxéneas, ben polo seu tamaño e relacións funcionais, demanden unha planificación dos usos do solo, das actividades produtivas, das infraestruturas e dos equipamentos de tipo comarcal e de carácter integrado.
2. Como norma xeral, o ámbito dun plan territorial integrado será unha das áreas xeográficas supramunicipais definidas nas Directrices de ordenación do territorio.
3. Cando circunstancias non previstas nas Directrices de ordenación do territorio o aconsellen por darse os requisitos previstos no número 1, o Consello da Xunta de Galicia poderá acordar a elaboración dun plan territorial integrado, sinalando o seu ámbito territorial e os obxectivos que hai que acadar, por proposta da persoa titular da consellaría competente por razón do obxecto e en función da materia sobre o que verse o dito instrumento, e logo do informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio.
O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia e notificado aos concellos e ás deputacións provinciais afectados, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará a consellaría competente para a tramitación do procedemento de elaboración do plan, así como aqueloutros órganos que teñan que participar nel.
4. Os plans territoriais integrados só poderán ser promovidos pola iniciativa pública, entendendo por tal, para efectos do establecido nesta lei, as administracións públicas, as entidades de dereito público dependentes delas, as sociedades en cuxo capital social sexa total ou maioritaria a participación directa ou indirecta das ditas administracións e entidades e os consorcios con participación dalgunha das anteriores administracións públicas e entidades de dereito público dependentes.
5. Son funcións dos plans territoriais integrados, entre outras:
a) Desenvolver e completar determinados aspectos das Directrices de ordenación do territorio no ámbito territorial obxecto do plan.
b) Establecer os elementos básicos para a organización e a articulación do territorio comprendido no ámbito.
c) Impulsar un desenvolvemento do territorio ordenado e eficiente, contribuíndo a unha planificación adecuada, racional e equilibrada dos usos do solo en canto recurso natural non renovable, identificando as áreas funcionais presentes no seu ámbito territorial e definindo os usos máis idóneos en coherencia co modelo territorial que se formula e cos diagnósticos de partida.
d) Procurar a coherencia nas políticas sectoriais e urbanísticas de interese, para garantir un desenvolvemento territorial sustentable e equilibrado, co necesario respecto ás competencias estatais.
e) Constituír o marco de referencia para a formulación, o desenvolvemento e a coherencia das políticas, dos plans, dos programas e dos proxectos das administracións e entidades públicas no ámbito, así como para o desenvolvemento das actividades das persoas particulares, con incidencia nel, co necesario respecto ás competencias estatais.
Artigo 30. Contido dos plans territoriais integrados
Os plans territoriais integrados conterán, como mínimo, as seguintes determinacións:
a) Identificación e, se é o caso, delimitación do ámbito xeográfico concreto de actuación, coa indicación dos municipios afectados.
b) Diagnose territorial da área, en especial no referente aos recursos naturais, poboación, planeamento vixente e situación socioeconómica, coa delimitación das áreas merecedoras de especial protección polos seus valores ou por tratarse de zonas susceptibles de riscos naturais ou doutro tipo, que deberán identificarse.
c) Identificación das áreas funcionais presentes no seu ámbito territorial, en función das súas características e dos obxectivos da ordenación.
d) Orientación dos usos do solo de xeito racional, en consonancia coas áreas funcionais que se identifiquen.
e) Establecemento de relacións entre as paisaxes e as áreas funcionais que se identifiquen, tendo en conta os instrumentos aprobados en desenvolvemento da normativa aplicable en materia de paisaxe.
f) Identificación da infraestrutura verde precisa para mitigar, entre outros, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.
g) Definición dos obxectivos da ordenación, con especial atención ao estudo das posibilidades de desenvolvemento socioeconómico. Esquema de distribución espacial das grandes áreas de actividade e, se é o caso, criterios para a implantación delas, en consonancia coas áreas funcionais identificadas.
h) Sinalamento dos espazos aptos para servir de soporte ás infraestruturas estratéxicas, determinando a localización e as características daquelas que deban crearse ou modificarse para potenciar o desenvolvemento socioeconómico da área.
i) Definición da localización dos equipamentos de interese común para a área ou a zona obxecto do plan.
j) Criterios, principios e normas xerais que constitúan o referente para a ordenación urbanística municipal.
k) Medidas para a súa articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio.
l) Recomendacións e propostas relativas aos espazos que deban ser obxecto de remodelación, rexeneración ou rehabilitación, co fin de evitar a súa degradación ou de conseguir a súa recuperación.
m) Principios e criterios xerais para o uso e a protección do patrimonio cultural de interese no ámbito.
n) Determinacións tendentes a evitar desequilibrios funcionais en zonas limítrofes de distintos concellos.
ñ) Proposta de posibles medidas de apoio encamiñadas a incentivar actuacións que favorezan a consecución dos obxectivos fixados nas Directrices de ordenación do territorio e no propio plan, e que contribúan a acadar un desenvolvemento territorial eficiente e racional.
o) Pautas e directrices para unha eficaz coordinación, colaboración e cooperación administrativa.
p) Supostos de modificación do plan territorial integrado e normas específicas para o seu seguimento.
q) Criterios, normas e principios necesarios para o desenvolvemento das súas determinacións.
Artigo 31. Documentación dos plans territoriais integrados
Os plans territoriais integrados conterán os documentos gráficos e escritos que reflictan adecuadamente as determinacións expostas no artigo anterior, co grao de precisión apropiado ás súas funcións, e, como mínimo, os seguintes:
a) Unha memoria descritiva, na que se detallen:
1º. Xustificación da coherencia e da oportunidade para a súa formulación.
2º. Descrición do ámbito territorial obxecto da actuación.
3º. Identificación e explicación dos obxectivos, das fortalezas, das debilidades e dos conflitos territoriais, así como as medidas propostas, os criterios e as opcións previstas.
4º. Anexos nos que se detallen os estudos elaborados.
b) Unha memoria urbanística que conteña unha análise da relación do contido do plan territorial integrado co planeamento urbanístico vixente, incluíndo as determinacións relativas aos solos cuxa clasificación ou cualificación se recollerá no plan con prevalencia á contida no planeamento urbanístico ou, se é o caso, determinando as posibles discrepancias e xustificando as determinacións do dito planeamento que deban ser modificadas posteriormente.
Nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do plan territorial integrado e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 20, elaborarase a documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a tramitación da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
Neste caso, o plan territorial integrado deberá conter, respecto da clase ou categoría de solo que defina, as determinacións que resulten exixibles conforme a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
En todo caso, a previsión, polo plan territorial integrado que proceda á clasificación e categorización do solo, de protección especial para determinados solos ou a modificación da protección especial que estes teñan recoñecida exixirá informe favorable do órgano sectorial competente e o cumprimento dos restantes requisitos exixibles.
c) Unha xustificación da adecuación do plan territorial integrado ás determinacións das Directrices de ordenación do territorio. Neste sentido, incluirase a análise de compatibilidade para garantir a coherencia da planificación en cadoiro e a consideración da prevención e minimización dos posibles efectos adversos que o plan puider xerar no medio ambiente.
d) A documentación gráfica precisa para plasmar o estado do territorio e as cuestións fundamentais da ordenación a que se refira o plan, a unha escala adecuada para a correcta lectura e difusión do seu contido.
e) Disposicións normativas que poidan resultar necesarias.
f) Estudo de viabilidade económico-financeira das actuacións derivadas do plan.
g) Plan de seguimento.
h) Síntese e conclusións do proceso de participación pública.
i) Documentación ambiental conforme a lexislación aplicable.
Subsección 2ª. Plans territoriais especiais
Artigo 32. Obxecto, ámbito e funcións dos plans territoriais especiais
1. Os plans territoriais especiais teñen por obxecto desenvolver as Directrices de ordenación do territorio nos ámbitos nos que aquelas o consideren necesario, en función das súas características morfolóxicas, agrícolas, gandeiras, forestais, etnográficas, produtivas, patrimoniais, paisaxísticas ou ecolóxicas diferenciadas, que exixan unha consideración e tratamento unitarios nese ámbito.
2. Cando circunstancias non previstas nas Directrices de ordenación do territorio o aconsellen, por concorreren os requisitos previstos no número 1, o Consello da Xunta poderá acordar a elaboración dun plan territorial especial para a protección de determinados espazos ou a ordenación de áreas singulares, sinalando o seu ámbito territorial e os principais obxectivos que hai que acadar, por proposta da persoa titular da consellaría competente por razón do obxecto e en función da materia sobre a que verse o dito instrumento, e logo do informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio.
O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia e notificado aos concellos e ás deputacións provinciais afectados, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará a consellaría competente para a tramitación do procedemento de elaboración do plan, así como aqueloutros órganos que teñan que participar nel.
3. Os plans territoriais especiais só poderán ser promovidos pola iniciativa pública, nos termos sinalados no número 4 do artigo 29.
Artigo 33. Contido e documentación dos plans territoriais especiais
1. Os plans territoriais especiais conterán cantas determinacións resulten precisas en función do seu obxecto e, como mínimo, as seguintes:
a) Descrición do ámbito obxecto de ordenación e das características diferenciadas, sinaladas no número 1 do artigo anterior, coa indicación dos seus valores naturais ou patrimoniais e potencialidades como soporte de usos e actividades.
b) Diagnose sobre a problemática suscitada polos usos existentes no ámbito e as tendencias previsibles deles, analizando a súa adecuación ou inadecuación ás exixencias de uso, protección ou explotación dos recursos naturais.
c) Sinalamento das zonas que presenten características homoxéneas e establecemento das medidas e normas de protección e das actuacións públicas ou privadas necesarias para a ordenación, preservación, restauración ou mellora delas.
d) Identificación das infraestruturas verdes precisas para mitigar, entre outros, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.
e) Sinalamento da localización, magnitude e carácter das construcións vinculadas ao gozo e explotación dos recursos naturais e definición, se é o caso, das infraestruturas e dos equipamentos correspondentes.
f) Normativa reguladora dos usos e das actividades previstos.
g) Estudo económico, no que se analice a coherencia entre as normas e as actuacións propostas e a dispoñibilidade de recursos.
h) Formulación, se é o caso, dos programas de investimentos públicos vinculados ao desenvolvemento das actuacións de ordenación, preservación, restauración ou mellora das diferentes zonas, establecendo as prioridades das distintas actuacións previstas.
2. Os plans territoriais especiais conterán os documentos gráficos e escritos necesarios para reflectir o contido das súas determinacións e, en todo caso, os seguintes:
a) Memoria descritiva na que se xustifique a coherencia e a oportunidade para a súa formulación, o ámbito territorial sobre o que se vai actuar e os criterios da ordenación, coa análise da situación actual, a descrición dos obxectivos e as medidas de actuación.
b) Memoria urbanística, na que se analice a relación do contido do plan territorial especial co planeamento urbanístico vixente, incluíndo as determinacións relativas aos solos cuxa clasificación ou cualificación se recollerá no plan con prevalencia á contida no planeamento urbanístico ou, noutro caso, determinando as posibles discrepancias e xustificando as determinacións do dito planeamento que deban ser modificadas posteriormente.
Nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do plan territorial especial e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 20, elaborarase a documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a tramitación da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
Neste caso, o plan territorial especial deberá conter, respecto da clase ou categoría de solo que defina, as determinacións que en cada caso resulten exixibles conforme a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
En todo caso, a previsión, polo plan territorial especial que proceda á clasificación e categorización do solo, de protección especial para determinados solos ou a modificación da protección especial que estes teñan recoñecida exixirá informe favorable do órgano sectorial competente e o cumprimento dos restantes requisitos exixibles.
c) Documentación gráfica con planos de información e ordenación a escala axeitada.
d) Disposicións normativas que poidan resultar necesarias.
e) Documentación ambiental conforme a lexislación aplicable.
f) Memoria económica, na que se estime e ordene a programación de actuacións planificadas.
g) Síntese e conclusión do proceso participativo.
Subsección 3ª. Eficacia dos plans territoriais
Artigo 34. Eficacia dos plans territoriais
1. As determinacións dos plans territoriais terán, en todo caso, a eficacia que sexa congruente coa súa funcionalidade e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance co que deberán operar, de acordo co establecido no artigo 20.
2. Cando os plans territoriais conteñan determinacións de aplicación directa ou vinculantes para o planeamento urbanístico existente, o decreto de aprobación definitiva daqueles precisará, necesaria e respectivamente, os puntos concretos nos que as súas determinacións prevalecerán sobre as previsións do planeamento ou o momento ou os prazos nos que os concellos deberán adaptarse ás ditas determinacións.
Para tal efecto, os plans territoriais poderán establecer a clasificación e a categorización do solo dos ámbitos delimitados, cando sexa condición mesma para a súa efectividade.
3. Nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do plan territorial e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 20, o decreto de aprobación definitiva daquel terá por obxecto tamén a aprobación definitiva da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
Sección 3ª. Os plans sectoriais
Artigo 35. Obxecto, ámbito e funcións dos plans sectoriais
1. Os plans sectoriais son instrumentos de ordenación do territorio que teñen por obxecto ordenar e regular a implantación territorial das actividades sectoriais que se sinalan no número 2, establecendo, se é o caso, as condicións xerais para as futuras actuacións que desenvolvan os ditos plans e definindo os criterios de deseño e as características funcionais e de localización que garantan a súa accesibilidade e coherente distribución territorial, segundo a súa natureza.
2. Para os efectos do sinalado no número anterior, poderán formularse plans sectoriais referidos aos seguintes ámbitos ou sectores:
a) Abastecemento e saneamento.
b) Xestión de residuos.
c) Produción, transporte e distribución de enerxía.
d) Infraestruturas de transporte e comunicación.
e) Vivendas de protección.
f) Actividades económicas, agroforestais e turísticas.
g) Creación e desenvolvemento de solo empresarial.
h) Rede de equipamentos de carácter supramunicipal.
i) Instalacións de acuicultura e de apoio a esta.
j) Actividades extractivas.
k) Portos deportivos.
3. A formulación dun plan sectorial terá carácter integrador e, polo tanto, referirase ao conxunto de actuacións que, pola súa función ou destino, requiran dunha planificación ou ordenación conxunta.
Para tal efecto, o ámbito territorial dos plans sectoriais será a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que pola súa especificidade sexa preciso delimitar un ámbito menor.
4. Os plans sectoriais só poderán ser promovidos pola iniciativa pública, entendendo por tal as administracións e entidades descritas no artigo 29.4.
5. Os plans sectoriais desenvolveranse por medio de proxectos de interese autonómico.
6. Son funcións dos plans sectoriais, entre outras:
a) A planificación dos sectores de actividade sinalados no número 2 que, por teren incidencia territorial, requiren dun instrumento técnico de apoio para a expresión e formulación das correspondentes políticas sectoriais.
b) Procurar a coherencia das planificacións sectoriais e urbanísticas de interese autonómico antes sinaladas, para acadar un desenvolvemento territorial sustentable e equilibrado e a planificación de infraestruturas e de equipamentos de ámbito supramunicipal.
c) Concretar e completar os obxectivos, os principios, os criterios e as propostas de carácter sectorial das Directrices de ordenación do territorio, adaptándoos á realidade territorial.
d) Establecer os obxectivos, os principios e os criterios territoriais para as actuacións sectoriais supramunicipais das administracións públicas que se concretan neste artigo, dentro do respecto ás competencias respectivas.
e) Propiciar a utilización adecuada, racional e equilibrada do territorio, en canto recurso natural non renovable e soporte obrigado das actividades sectoriais realizadas por axentes públicos e privados con incidencia nel.
f) Propoñer accións, proxectos, directrices e fórmulas de actuación territorial para asegurar un desenvolvemento territorial eficiente e racional das actividades sectoriais sinaladas neste artigo.
Artigo 36. Contido dos plans sectoriais
Os plans sectoriais conterán as seguintes determinacións:
a) Definición e xustificación do ámbito espacial do plan, coa indicación dos municipios aos que afecte, no caso de non se referir á totalidade da Comunidade Autónoma.
b) Identificación da área ou do sector de actividade suxeito a ordenación, distinguíndoo coa maior claridade posible doutros afíns e sinalando a relación con eles.
c) Xustificación da súa necesidade para o sector do que se trate e o ámbito territorial delimitado.
d) Establecemento de criterios de coordinación con outros sectores e co marco xeral da ordenación territorial establecido polas Directrices de ordenación do territorio, e cos plans territoriais integrados vixentes no ámbito, de ser o caso.
e) Descrición da problemática territorial presentada polo sector e análise do impacto das actuacións públicas e privadas producidas no pasado e previstas para o futuro dentro do ámbito sectorial.
f) Definir os obxectivos, os principios e os criterios territoriais para as actuacións sectoriais supramunicipais das administracións públicas obxecto do plan, de modo que se executen con carácter integrado.
g) Propoñer as medidas e os proxectos concretos que contribúan a acadar un desenvolvemento territorial eficiente e racional, en relación co ámbito da materia sectorial obxecto do plan.
h) Delimitación, se é o caso, dos ámbitos territoriais nos que se poderán asentar as actuacións que desenvolvan o plan a través de proxectos de interese autonómico.
Para tal efecto, o plan sectorial poderá establecer a clasificación e categorización do solo dos ditos ámbitos delimitados, cando sexa condición mesma para a súa efectividade.
Neste caso, o plan sectorial deberá conter, respecto da clase ou categoría de solo que defina, as determinacións que en cada caso resulten exixibles conforme a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
En todo caso, a previsión, polo plan sectorial que proceda á clasificación e categorización do solo, de protección especial para determinados solos ou a modificación da protección especial que estes teñan recoñecida exixirá informe favorable do órgano sectorial competente e o cumprimento dos restantes requisitos exixibles.
i) Descrición das características xerais das actuacións que desenvolvan o plan.
j) Se é o caso, directrices para a redacción dos proxectos de interese autonómico que desenvolvan o contido do propio plan sectorial.
k) Medidas para a súa articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio.
l) Medidas de protección do medio ambiente, do patrimonio cultural e da paisaxe, de acordo coa normativa vixente.
m) Identificación das infraestruturas verdes precisas para mitigar, entre outros, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.
n) Determinación das prioridades de actuación e definición de estándares e normas de distribución territorial, de ser o caso.
ñ) Pautas e directrices para unha eficaz coordinación, colaboración e cooperación administrativa.
o) Supostos de modificación do plan sectorial e normas específicas para o seu seguimento.
Artigo 37. Documentación dos plans sectoriais
Os plans sectoriais conterán, cando menos, os seguintes documentos:
a) Unha memoria descritiva, na que se detalle:
1º. Xustificación da coherencia e oportunidade para a súa formulación.
2º. Descrición das características do ámbito territorial obxecto da actuación.
3º. Análise e diagnóstico da área ou do sector de actividade suxeito a ordenación, referida ao desenvolvemento das determinacións contidas no artigo anterior.
4º. Xustificación da ordenación e das súas alternativas, se é o caso, definindo obxectivos e criterios para o seu posterior desenvolvemento.
5º. Xustificación da idoneidade das localizacións elixidas para futuras actuacións de desenvolvemento, de ser o caso.
6º. Definición das características técnicas das posibles actuacións que desenvolvan o plan.
7º. Estudo da incidencia territorial do plan, especialmente sobre os núcleos de poboación, usos do solo, infraestruturas, equipamentos e servizos, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais, coa previsión dos medios adecuados de corrección ou de minimización de impactos.
8º. Anexos nos que se detallen os estudos elaborados.
b) Unha memoria urbanística que conteña unha análise da relación do contido do plan sectorial co planeamento urbanístico vixente, incluíndo as determinacións relativas aos solos cuxa clasificación ou cualificación se recollerá no plan con prevalencia á contida no planeamento urbanístico, se é o caso, ou os criterios orientadores para a posterior clasificación ou cualificación do solo cando se desenvolva a través de proxectos de interese autonómico.
Nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do plan sectorial e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 20, elaborarase a documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a tramitación da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
c) Xustificación do acomodo do plan sectorial aos instrumentos de ordenación do territorio vixentes. Neste sentido, incluirase a análise de compatibilidade estratéxica para garantir a coherencia da planificación en cadoiro e a consideración da prevención e minimización dos posibles efectos adversos que o plan puider xerar no medio ambiente.
d) Documentación gráfica comprensiva da diagnose e da ordenación, a escala adecuada para a correcta lectura e difusión do seu contido, que incluirá estudos e planos de información, e planos de delimitación do seu ámbito territorial, así como planos de clasificación e cualificación dos terreos, obtidos do planeamento urbanístico vixente nas zonas afectadas, e os correspondentes á nova clasificación e cualificación do solo cando corresponda.
e) Réxime normativo aplicable.
f) Memoria económica, coa estimación das accións comprendidas no plan e orde de prioridade de execución delas, de ser o caso, e estudo de viabilidade económico-financeira das actuacións derivadas do plan.
g) Síntese e conclusións do proceso de participación pública.
h) Documentación ambiental necesaria, de acordo coa normativa vixente na materia.
Artigo 38. Eficacia dos plans sectoriais
1. As determinacións dos plans sectoriais terán, en todo caso, a eficacia que sexa congruente coa súa funcionalidade e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance co que deberán operar, de acordo co establecido no artigo 20.
2. Cando os plans sectoriais conteñan determinacións de aplicación directa ou vinculantes para o planeamento urbanístico existente, o decreto de aprobación definitiva daqueles precisará, necesaria e respectivamente, os puntos concretos nos que as determinacións do plan prevalecerán sobre o planeamento urbanístico ou o momento ou os prazos nos que os concellos deberán adaptarse ás ditas determinacións.
3. Nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do plan sectorial e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, de conformidade co previsto no artigo 20, o decreto de aprobación definitiva daquel terá por obxecto tamén a aprobación definitiva da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
Artigo 39. Carácter limitativo dos plans sectoriais
1. Cando se aprobe un plan sectorial só poderán formularse, dentro do obxecto e do ámbito delimitados por este, os proxectos de interese autonómico que desenvolvan o dito plan sectorial.
2. Como consecuencia do anterior, a realización, dentro do obxecto e do ámbito delimitados por un plan sectorial, dunha actuación non prevista nel requirirá da súa modificación.
Sección 4ª. Os proxectos de interese autonómico
Subsección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 40. Obxecto, ámbito e funcións dos proxectos de interese autonómico
1. Os proxectos de interese autonómico son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma que teñen por obxecto planificar e proxectar as seguintes actuacións, sempre que transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado:
a) Implantación de dotacións urbanísticas (equipamentos e infraestruturas).
b) Creación de solo destinado a vivendas protexidas.
c) Creación de solo destinado á realización de actividades económicas.
2. De acordo co establecido no número anterior, considéranse:
a) Dotacións urbanísticas: son o conxunto de instalacións e servizos destinados á satisfacción das necesidades da cidadanía. Poden ser de uso e titularidade públicos ou privados e comprenden as infraestruturas de transporte e comunicación, as redes de servizos de telecomunicacións, de execución da política enerxética, de subministración de enerxía eléctrica e de gas, de abastecemento de auga e de evacuación de augas residuais e depuración e mais de tratamento e eliminación de residuos, as instalacións destinadas á loita contra a contaminación e á protección da natureza e os grandes equipamentos de uso sanitario-asistencial, educativo, cultural, deportivo, administrativo-institucional e de servizos públicos, de acordo co establecido nos artigos 65, 71 e 72 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
b) Solo destinado a vivendas protexidas: é o constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística promovidas e desenvoltas pola consellaría competente en materia de vivenda a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e polo sector público autonómico con destino maioritario á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, pola necesidade demostrada de forte demanda social.
c) Solo destinado á realización de actividades económicas: é o constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística con destino á creación de solos para o desenvolvemento de actividades primarias, industriais ou terciarias que teñan por obxecto a produción, a distribución ou a comercialización de bens e servizos, incluída a urbanización complementaria que precisen.
3. En función do seu obxecto, diferéncianse os seguintes tipos:
a) Proxectos de interese autonómico previstos, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións previstas nun plan sectorial vixente.
b) Proxectos de interese autonómico non previstos, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións non previstas en ningún plan sectorial.
Neste caso, o proxecto deberá axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establezan as Directrices de ordenación do territorio e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes cos que poida concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto.
4. Unha vez aprobado un plan sectorial, non poderán aprobarse, dentro do obxecto e do ámbito delimitados polo dito plan, proxectos de interese autonómico non previstos que planifiquen e proxecten a implantación de actuacións diferentes das previstas no dito plan sectorial, e deberá procederse, se é o caso, á modificación deste.
5. Os proxectos de interese autonómico poderán ser promovidos e desenvoltos por iniciativa pública ou privada.
6. No caso de proxectos de iniciativa privada que impliquen a transformación urbanística do solo, a persoa promotora deberá acreditar a aceptación polas persoas propietarias que representen máis do 50 % da superficie total do ámbito de actuación do proxecto.
7. Os proxectos de interese autonómico definirán os criterios de deseño, as características funcionais e a localización das actuacións obxecto do proxecto que garantan a accesibilidade e a sustentabilidade ambiental de tales actuacións.
Igualmente, garantirán a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúan o seu obxecto, a súa conexión coas redes e cos servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes mediante a realización de cantas obras sexan precisas, a súa adaptación ao contorno no que se localicen e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico e territorial vixente.
8. Todas as obras, os servizos públicos, as infraestruturas e as instalacións previstas no proxecto se axustarán ás dimensións e características exixidas pola lexislación sectorial que lles sexa aplicable.
Artigo 41. Declaración de interese autonómico
1. No caso de proxectos de interese autonómico non previstos, será necesaria, como requisito previo ao inicio do procedemento de aprobación, a declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.
2. Para os efectos do sinalado no número anterior, as persoas ou as entidades promotoras da actuación solicitaranlle á consellaría competente por razón da materia a declaración de interese autonómico, para o que deberán achegar unha proposta de actuación na que se indiquen, cando menos, as seguintes cuestións:
a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo, de acordo co establecido nos números 1 e 2 do artigo 40.
b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.
c) Características nas que se fundamenta o interese autonómico, xustificando e motivando os seguintes aspectos:
1º. Que as actuacións previstas transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características, que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.
2º. Que as actuacións previstas posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, ou que sirvan para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais previstas na lexislación sectorial, ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes ou a súa adaptación ao contorno no que se localicen.
d) Se é o caso, a inadecuación da actuación ao planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver a actuación ao abeiro del por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.
e) Xustificación da súa adecuación ás Directrices de ordenación do territorio e a outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito no que se desenvolva o proxecto.
f) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.
g) Aspectos ambientais que hai que ter en conta.
Artigo 42. Procedemento de declaración de interese autonómico
1. O procedemento de declaración de interese autonómico poderá iniciarse de oficio, por acordo da consellaría competente por razón da materia relacionada coa actuación, no que se deberá motivar expresamente a procedencia da declaración, ou por solicitude das persoas ou das entidades promotoras, nos termos previstos no artigo anterior.
No suposto de inicio por solicitude da persoa interesada, a consellaría competente por razón da materia deberá emitir informe sobre a procedencia da declaración solicitada no prazo de dous meses.
Tanto no caso de iniciación do procedemento de oficio como por solicitude de persoa interesada solicitarase informe á consellaría competente en materia de ordenación do territorio sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das Directrices de ordenación do territorio e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio vixentes que afecten o ámbito do proxecto, que deberá ser emitido no prazo de dous meses.
2. Unha vez realizados os trámites anteriores, darase audiencia polo prazo de dous meses aos concellos e demais administracións públicas cuxas funcións poidan resultar afectadas pola actuación.
3. Á vista do resultado das actuacións sinaladas, a consellaría competente por razón da materia formulará unha proposta de resolución e remitiraa, xunto co resto do expediente, ao Consello da Xunta para que este proceda, se é o caso, á declaración do interese autonómico, así como á determinación da consellaría competente para a tramitación do procedemento de aprobación do proxecto e daquelas que, se é o caso, deban colaborar na dita tramitación.
4. O acordo do Consello da Xunta polo que se aprobe a declaración de interese autonómico publicarase no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da provincia correspondente.
5. A declaración de interese autonómico en ningún caso condicionará a resolución que poña fin ao procedemento de aprobación do proxecto.
Artigo 43. Caducidade da declaración de interese autonómico
1. Acordada a declaración de interese autonómico, a persoa promotora dispoñerá dun prazo dun ano para a presentación da documentación necesaria para iniciar a tramitación do procedemento de aprobación do proxecto. O mesmo prazo resultará aplicable para o suposto de inicio do procedemento de aprobación do proxecto de oficio. De non se iniciar o procedemento no dito prazo, a declaración de interese autonómico quedará sen efectos, e declararase a súa caducidade, logo da audiencia á persoa promotora.
2. Transcorridos tres anos desde a aprobación da declaración sen que se publicase no Diario Oficial de Galicia o acordo de aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico, producirase a caducidade daquela, agás que no dito tempo recaese acordo de aprobación inicial do proxecto.
3. De transcorreren tres anos desde o acordo de aprobación inicial do proxecto sen que se publicase no Diario Oficial de Galicia o acordo da súa aprobación definitiva, producirase a caducidade da declaración de interese autonómico, agás que antes de rematar o prazo sinalado se acordase unha prórroga por un período non superior a dous anos. Neste último caso, producirase a caducidade da declaración se, transcorrida a prórroga, non se publicase no Diario Oficial de Galicia o acordo de aprobación definitiva do proxecto.
4. Nos supostos previstos nos números anteriores a caducidade declararase por acordo do Consello da Xunta, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 44. Contido dos proxectos de interese autonómico
1. Os proxectos de interese autonómico detallarán as determinacións do plan sectorial que desenvolvan, de ser o caso, e, como mínimo, conterán as seguintes determinacións:
a) Identificación completa da administración pública, entidade mercantil, persoa física ou xurídica promotora do proxecto e responsable da súa execución.
b) Identificación da localización das actuacións obxecto do proxecto, de acordo coa delimitación establecida no correspondente plan sectorial, de ser o caso, ou delimitación do ámbito no caso dun proxecto de interese autonómico non previsto, e descrición dos terreos nel comprendidos e das súas características, usos do solo e aproveitamentos existentes e previstos para o seu adecuado funcionamento.
No caso de proxectos de interese autonómico previstos nun plan sectorial, o proxecto poderá, xustificadamente, reaxustar o ámbito delimitado polo plan, sempre que non supoña unha alteración superior ao 10 % del, mesmo cando o reaxuste afecte a clasificación urbanística do solo. En todo caso, no procedemento de aprobación do proxecto deberá darse audiencia ás persoas propietarias afectadas.
c) Descrición detallada da ordenación e das características técnicas da actuación obxecto do proxecto.
d) Xustificación da coherencia entre as actuacións proxectadas e as previsións contidas nas Directrices de ordenación do territorio e noutros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito.
e) Incidencia no planeamento municipal vixente no termo ou termos municipais en que se asente a actuación, coa indicación das determinacións do dito planeamento que resultarán modificadas conxuntamente coa aprobación do proxecto de interese autonómico.
f) Determinación da nova clasificación e cualificación do solo, así como as determinacións de carácter xeral e pormenorizado que, de ser o caso, sexan precisas segundo a clase e a categoría de solo.
g) Duración temporal estimada da súa execución e prazos de inicio e remate das obras, desde a entrada en vigor do proxecto de interese autonómico, coa determinación, se é o caso, das fases en que se divida a dita execución.
h) Recursos económicos afectados á actuación.
i) Estudo da incidencia sobre o territorio físico, afeccións ambientais e paisaxísticas e medios de corrección ou minimización delas.
j) Identificación das infraestruturas verdes precisas para mitigar, entre outros, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.
k) No caso de actuacións de iniciativa privada, obrigas asumidas pola persoa promotora do proxecto e garantías que, se é o caso, se presten e constitúan, en calquera das formas admitidas en dereito, e que deberán incluír, como mínimo, as correspondentes ás obrigas legais derivadas do réxime da clase de solo resultante do proxecto.
Para tal efecto, a persoa promotora deberá depositar unha fianza equivalente ao 5 % do custo das obras e infraestruturas necesarias para a implantación das actuacións previstas no proxecto ou, de ser o caso, a establecida expresamente pola normativa sectorial correspondente.
l) Os proxectos de interese autonómico que impliquen a transformación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións exixidas neste artigo, as que se indican no artigo 68 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para os plans parciais.
m) No caso de que o proxecto de interese autonómico se refira á implantación de equipamentos ou solos destinados a vivendas protexidas ou á realización de actividades económicas, xustificación do cumprimento dos estándares urbanísticos para o solo urbanizable, de acordo co disposto na normativa urbanística vixente.
n) Calquera outra que veña imposta por disposicións legais ou regulamentarias.
2. Cando, por razón do seu obxecto, a inclusión dalgunha das anteriores cuestións resulte imposible ou innecesaria para o proxecto de interese autonómico de que se trate, deberá xustificarse debidamente a dita circunstancia.
Artigo 45. Documentación dos proxectos de interese autonómico
1. Os proxectos de interese autonómico incluirán as determinacións expostas no artigo anterior e conterán, como mínimo, os seguintes documentos:
a) A declaración de interese autonómico, no caso de proxectos de interese autonómico non previstos.
b) Unha memoria na que se detallen:
1º. Xustificación da coherencia e oportunidade para a súa formulación e do interese público e utilidade social da actuación.
2º. Xustificación da idoneidade da localización elixida no caso de proxectos de interese autonómico non previstos ou de acomodo ao plan sectorial que desenvolve o proxecto.
No caso de proxectos de interese autonómico non previstos incluirase unha análise de compatibilidade estratéxica para garantir a coherencia da planificación en cadoiro e a consideración da prevención e minimización dos posibles efectos adversos que o proxecto poida xerar no medio ambiente.
3º. Descrición das características técnicas das actuacións obxecto do plan, así como do ámbito territorial afectado.
4º. Estudo da incidencia territorial da actuación prevista, especialmente sobre os núcleos de poboación, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais e medios de corrección ou de minimización de impactos.
5º. Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas nos artigos 91 e 92 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e, de ser o caso, dos estándares urbanísticos correspondentes ás clases de solo que resulten da nova ordenación.
6º. Análise da relación do contido do proxecto de interese autonómico co planeamento urbanístico vixente.
c) Documentación gráfica a escala adecuada para a correcta medición e identificación das súas determinacións e difusión do seu contido, que incluirá, polo menos:
1º. Planos de información expresivos das características naturais, físicas e topográficas actuais dos terreos afectados polo proxecto, así como da estrutura da propiedade e da clasificación e cualificación urbanística de acordo co planeamento vixente, incluíndo a rede de infraestruturas viarias e demais servizos urbanísticos existentes.
2º. Planos de ordenación expresivos da ordenación urbanística prevista no proxecto, identificando as determinacións correspondentes tanto á ordenación estrutural como á detallada, e descritivos, co grao de desenvolvemento suficiente, do obxecto do proxecto e de todas as obras necesarias para a súa correcta execución. Se é o caso, deberán definir todas as obras necesarias para a eficaz conexión do proxecto coas correspondentes redes xerais de servizos e as igualmente necesarias para manter a operatividade e a calidade do servizo prestado polas infraestruturas existentes.
d) Normativa.
1º. Regulamentación detallada do uso pormenorizado, do volume, das características técnicas e funcionais e das condicións de deseño e de adaptación ao medio ambiente das actuacións obxecto do proxecto de interese autonómico.
2º. Documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a tramitación da modificación do instrumento de planeamento urbanístico.
e) Documentación exixida pola lexislación de avaliación ambiental.
f) Memoria económica.
1º. Estudo económico e financeiro xustificativo da viabilidade do proxecto, en termos de rendibilidade, así como, en todo caso, a identificación das fontes de financiamento e dos medios con que conte a persoa promotora para facer fronte ao custo total previsto para a execución do proxecto.
2º. Informe de sustentabilidade económica, no que se ponderará en particular o impacto da actuación nas facendas públicas afectadas pola implantación e o mantemento das infraestruturas necesarias ou a posta en marcha e a prestación dos servizos resultantes, así como, se é o caso, a suficiencia e a adecuación do solo destinado a usos produtivos. Tamén se preverá a eventual constitución ulterior dunha entidade urbanística de conservación da urbanización.
3º. Orzamento.
g) Documento de asunción expresa, fidedigno e en firme, por parte da persoa promotora do proxecto de interese autonómico, das obrigas que, se é o caso, comporte a execución da actuación.
h) No caso de proxectos de interese autonómico que supoñan transformación urbanística do solo, deberán conter, ademais da documentación exixida neste artigo, a que se indica no artigo 69 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, para os plans parciais.
i) Síntese e conclusións do proceso de participación pública.
j) Calquera outra documentación que poda vir establecida no plan sectorial que desenvolvan, no caso dos proxectos de interese autonómico previstos.
2. Os proxectos de interese autonómico poderán prever o seu desenvolvemento mediante os instrumentos técnicos de ordenación necesarios para formalizar con claridade e precisión as determinacións a que se refire o número anterior, en función da súa aplicación á clase de solo e ao destino final previsto na actuación.
Para tal efecto, a actuación poderá definirse co detalle suficiente para que poida levarse a cabo a súa execución directamente, ou ben remitirse a un ou a varios proxectos de urbanización de desenvolvemento posterior.
Artigo 46. Relación con outros instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos
1. Os proxectos de interese autonómico non poderán vulnerar as determinacións contidas noutros instrumentos de ordenación do territorio regulados nesta lei.
2. Sen prexuízo do disposto nos outros instrumentos de ordenación territorial previstos nesta lei e do que se dispón no número seguinte, os proxectos de interese autonómico poderán desenvolverse en calquera clase de solo.
3. Malia o disposto no número anterior, cando resulten afectados terreos con valores que sexan obxecto de protección pola lexislación aplicable, a aprobación do proxecto exixirá contar co informe favorable do órgano sectorialmente competente en función dos valores obxecto de protección.
4. Os proxectos que teñan por obxecto actuacións que impliquen a transformación urbanística do solo rústico e o seu conseguinte cambio de clasificación ou cualificación deberán cumprir as condicións e os estándares de reservas mínimas para zonas verdes, equipamentos, arboredo e aparcadoiros que estableza a normativa urbanística en vigor para o solo urbanizable.
5. As dotacións públicas obxecto dun proxecto de interese autonómico serán cualificadas como sistemas xerais, de acordo co establecido no artigo 72.2 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, para os equipamentos de ámbito funcional superior ao do plan xeral.
Artigo 47. Iniciación do procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico
1. No caso de proxectos de interese autonómico previstos, o procedemento de aprobación poderá iniciarse ben de oficio por acordo da consellaría competente na materia obxecto do proxecto ou ben por solicitude das persoas ou das entidades promotoras do proxecto, a cal deberá ir acompañada do proxecto redactado por persoal técnico competente e dirixirse á consellaría competente por razón da materia obxecto do proxecto. Unha vez iniciado o procedemento, seguiranse os trámites previstos no capítulo III do título I.
2. Conforme o disposto nos artigos 41 e 42, no caso de proxectos non previstos será necesaria a previa declaración de interese autonómico. Producida a dita declaración e determinada polo Consello da Xunta a consellaría competente para a tramitación do procedemento de aprobación do proxecto así como, se é o caso, as consellarías que deberán colaborar na dita tramitación, a persoa ou a entidade promotora deberá presentar un borrador de proxecto dirixido á consellaría competente para a tramitación do procedemento de aprobación do plan. No caso de se iniciar de oficio, unha vez presentado o borrador do proxecto, seguiranse os trámites previstos no capítulo III do título I.
Artigo 48. Eficacia dos proxectos de interese autonómico
1. As determinacións contidas nos proxectos de interese autonómico terán a eficacia correspondente segundo o establecido no artigo 20.
2. A aprobación definitiva dos proxectos de interese autonómico determinará o réxime de dereitos e deberes aplicable para a súa execución, de conformidade coa clase de solo que aqueles determinen e segundo o disposto na normativa urbanística aplicable.
3. Os municipios serán beneficiarios das cesións de solo e aproveitamento urbanístico que deriven da execución de proxectos de interese autonómico, conforme a normativa urbanística aplicable.
4. Cando os proxectos de interese autonómico consistan na implantación de actuacións concretas para dotacións públicas que non supoñan actuacións de transformación urbanística definidas na lexislación básica estatal en materia do solo, e nas que non resulten aproveitamentos lucrativos, non será aplicable o disposto no número anterior.
5. Os proxectos de urbanización de carácter público que desenvolvan un proxecto de interese autonómico serán autorizados pola consellaría tramitadora do procedemento de aprobación deste, logo da audiencia do concello ou concellos afectados.
6. As obras e as instalacións públicas definidas detalladamente nun proxecto de interese autonómico serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, sen prexuízo da obrigatoriedade do cumprimento da normativa de aplicación exixible. Neste caso, con carácter previo ao inicio das obras, remitiráselles aos concellos nos que se asente a actuación un exemplar do proxecto técnico delas.
7. Os proxectos de urbanización de carácter privado que desenvolvan un proxecto de interese autonómico deberán obter a aprobación do concello no que se desenvolvan, cando aqueles afecten un único termo municipal.
No caso de que se desenvolvan en máis dun concello, o proxecto de urbanización deberá ser aprobado por cada un dos concellos afectados, co obxecto de dispoñer dunha aprobación conxunta del.
Para estes efectos, os concellos deberán instrumentar os mecanismos de colaboración previstos na lexislación vixente, co fin de coordinar os criterios aos que deberá axustarse a actuación obxecto de licenza, unificar a tramitación dos expedientes de aprobación da dita actuación e determinar o procedemento para recibir as obras de urbanización, así como establecer as bases do procedemento que haberá que seguir na xestión das infraestruturas e dos servizos urbanísticos afectados e o grao de participación de cada concello nos gastos e ingresos xerados pola dita xestión e os que se poidan xerar en función da concesión dos correspondentes títulos administrativos habilitantes de obras e actividades no ámbito.
8. No caso das edificacións que se localicen en terreos situados en varios termos municipais, o outorgamento ou, se é o caso, a presentación do correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística resolverase de acordo co establecido na disposición adicional cuarta.
Artigo 49. Vixencia e caducidade dos proxectos de interese autonómico
1. Os proxectos de interese autonómico terán vixencia indefinida.
2. Malia o disposto no número anterior, o Consello da Xunta, de oficio ou por instancia de persoa interesada, poderá acordar a caducidade dun proxecto de interese autonómico no suposto de que, por causa imputable ao promotor do proxecto, se incumpran os prazos previstos para o seu inicio ou remate, agás que, respecto dalgún ou dalgúns de tales prazos, fose concedida prórroga pola consellaría que tramitase o procedemento de aprobación do proxecto, a cal non poderá ser superior á metade do prazo correspondente fixado no proxecto.
Artigo 50. Declaración de caducidade
1. O procedemento de declaración de caducidade poderá iniciarse de oficio ou por petición dun concello afectado ou de calquera persoa interesada.
2. A declaración de caducidade corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta e tras o informe da consellaría competente por razón da materia que tramitou o proxecto de interese autonómico, logo de:
a) Informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio.
b) Audiencia das persoas interesadas polo prazo dun mes. No caso de que o procedemento non se iniciase por petición do concello afectado, daráselle tamén audiencia polo mesmo prazo.
3. Declarada a caducidade dun proxecto de interese autonómico de iniciativa particular, produciranse automaticamente os seguintes efectos:
a) Os terreos afectados recuperarán a súa clasificación e cualificación orixinaria.
b) A persoa física ou xurídica responsable da execución do proxecto deberá repoñer os terreos ao estado que tiñan antes do inicio da actuación e perderá, se é o caso, a garantía que constituíse.
c) As persoas titulares dos terreos que fosen obxecto de expropiación para a execución da actuación poderán solicitar a reversión, cando así proceda nos termos do disposto na normativa vixente en materia de expropiación forzosa.
4. A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construcións e as instalacións xa realizadas e aqueloutras que resulten adecuadas para corrixir ou eliminar os impactos que poidan producirse no medio físico.
5. A declaración de caducidade non dará lugar, por si soa, a ningunha indemnización.
Subsección 2ª. Xestión e execución dos proxectos de interese autonómico
Artigo 51. Xestión dos proxectos de interese autonómico
1. Cando a xestión dos proxectos de interese autonómico o precise, levarase a cabo polo procedemento de expropiación forzosa, de acordo co establecido na normativa vixente en materia de expropiación forzosa. Noutro caso, poderán empregarse os sistemas de actuación previstos na normativa urbanística vixente.
2. Os instrumentos de xestión urbanística non poden vulnerar as determinacións dos instrumentos de ordenación do territorio.
3. Correspóndenlle á Administración autonómica, a través da consellaría competente por razón da materia á que se refira o proxecto, as seguintes funcións:
a) Exercer a supervisión e a tutela da execución dos proxectos de interese autonómico.
b) Exercer a potestade expropiatoria a prol da persoa beneficiaria e adoptar todas as resolucións que impliquen exercicio da dita potestade, sen prexuízo da intervención, das facultades e das obrigas que legalmente lle corresponden á persoa beneficiaria.
Para tal efecto, terá a consideración de persoa beneficiaria da expropiación a persoa ou persoas naturais ou xurídicas promotoras da actuación.
c) Prestar a colaboración requirida pola persoa promotora e os concellos interesados para levar a bo termo as actuacións do proxecto de interese autonómico.
4. O procedemento de expropiación forzosa será tramitado pola consellaría competente por razón da materia á que se refire o proxecto. O prezo xusto dos bens e dos dereitos expropiados fixarase mediante expediente individualizado ou polo procedemento de taxación conxunta. A valoración dos bens e dos dereitos axustarase aos criterios establecidos ao respecto na lexislación vixente aplicable.
Artigo 52. Execución dos proxectos de interese autonómico
1. A execución dos proxectos de interese autonómico correspóndelle á persoa promotora. Para estes efectos, enténdese por persoa promotora a administración pública ou a persoa física ou xurídica que teña tal condición no momento da súa aprobación definitiva. A identificación da persoa promotora efectuarase no decreto de aprobación definitiva do proxecto.
2. A persoa promotora do proxecto de interese autonómico deberá cumprir os deberes inherentes á clase de solo resultante do proxecto, así como os que, se é o caso, sexan asumidos por ela con carácter voluntario. Igualmente, a persoa promotora dun proxecto de interese autonómico está obrigada á completa realización das obras e das instalacións previstas nel.
3. Os actos de edificación necesarios para a execución dos proxectos de interese autonómico que lle corresponda levar a cabo á persoa promotora realizaranse sobre a base e consonte o proxecto ou proxectos técnicos que concreten as obras ou as instalacións que, se é o caso, sexan precisos.
Os ditos proxectos técnicos remitiranse aos concellos afectados para os efectos de dispoñer do correspondente título habilitante, de acordo co disposto no artigo 48.
4. A recepción das obras de urbanización e dos solos que sirvan de soporte ás oportunas infraestruturas formalizarase de acordo co establecido na normativa urbanística vixente.
5. O proxecto de interese autonómico poderá prever que, unha vez recibidas as obras de urbanización e os solos que lles sirvan de soporte, se constitúa unha entidade urbanística de conservación que asuma o seu mantemento durante un prazo máximo de dez anos. As entidades urbanísticas de conservación suxeitaranse ao previsto na normativa urbanística.
6. No caso de incumprimento na execución, o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente na materia correspondente, poderá declarar a caducidade dun proxecto de interese autonómico, coas condicións establecidas nos artigos 49 e 50.
Artigo 53. Subrogación na posición xurídica da persoa ou da entidade promotora privada do proxecto de interese autonómico
1. A persoa ou a entidade promotora a que se refire o número 1 do artigo anterior á que o decreto de aprobación definitiva atribúa a responsabilidade da execución dun proxecto de interese autonómico estará obrigada á completa realización das obras e das instalacións previstas neste.
2. Excepcionalmente, en virtude de circunstancias sobrevidas, cando sexa indispensable para asegurarse da conclusión da execución e por acordo do Consello da Xunta adoptado por instancia de persoa interesada na execución do proxecto, poderá autorizarse a substitución, total ou parcial, da persoa promotora nos dereitos e nas obrigas derivados do decreto de aprobación definitiva dun proxecto de interese autonómico e relativos, polo tanto, á súa execución. Non será necesario o acordo do Consello da Xunta no suposto de que a persoa promotora sexa unha administración pública ou calquera das súas entidades instrumentais.
3. Para os efectos do disposto no número anterior, deberá presentarse ante a consellaría competente na materia de ordenación do territorio a correspondente solicitude acompañada de copia da escritura pública do acordo subscrito entre as partes, no que deberá identificarse a persoa ou persoas que pretendan subrogarse, total ou parcialmente, na posición xurídica da persoa promotora, expresarse todas e cada unha das condicións en que se verificaría a subrogación e conterse o compromiso da persoa ou persoas que pretendan subrogarse na posición de prestar garantías suficientes e, como mínimo, equivalentes ás xa constituídas.
4. O Consello da Xunta resolverá as solicitudes a que se refire o número anterior no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, por proposta da persoa titular da consellaría competente na materia obxecto do ámbito do proxecto de interese autonómico e logo do informe da Comisión Superior de Urbanismo, atendendo en todo caso a persistencia do interese público na execución do proxecto de que se trate, o grao de cumprimento por parte da persoa promotora na dita execución, a situación deste e das obras e a solvencia económica, técnica e profesional da persoa ou persoas que pretendan asumir, por subrogación, a ulterior realización do proxecto.
O transcurso do dito prazo permitirá entender desestimada a solicitude.
En todo caso, a autorización da dita subrogación comportará a perda da garantía que prestase ante a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na proporción que representen as obras pendentes de execución sobre o total das previstas no proxecto.
CAPÍTULO III
Procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio
Artigo 54. Procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica ordinaria
1. O órgano substantivo, segundo o sinalado nesta lei, remitiralle ao órgano ambiental unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria, acompañada dun borrador do instrumento de ordenación do territorio e dun documento inicial estratéxico, co contido previsto na normativa básica estatal en materia de avaliación ambiental.
O órgano ambiental comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá ao órgano substantivo que repare as ditas deficiencias, achegando a documentación sinalada.
2. O órgano ambiental, no prazo de tres meses, contados desde a recepción da documentación completa, formulará o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, tras someter o borrador de instrumento de ordenación territorial e o documento inicial estratéxico a consultas das administracións públicas afectadas e das persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo máximo de dous meses desde a súa recepción. No caso de que a consellaría tramitadora non sexa a consellaría competente en materia de ordenación do territorio, esta deberá ser consultada neste momento.
O documento de alcance do estudo ambiental estratéxico estará á disposición do público a través da sede electrónica do órgano ambiental e do órgano substantivo. Este documento determinará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas que deban ser consultadas no seo do procedemento de aprobación do instrumento de ordenación territorial e, como mínimo, incluirá todas aquelas administracións públicas que deban emitir informe sectorial, de conformidade coa normativa aplicable.
3. A persoa promotora do instrumento de ordenación do territorio elaborará o estudo ambiental estratéxico, atendendo os criterios contidos no documento de alcance e de conformidade co contido exixible pola normativa vixente.
4. A persoa promotora elaborará a versión inicial do instrumento de ordenación do territorio tendo en conta o estudo ambiental estratéxico e a consellaría tramitadora procederá á súa aprobación inicial e someterao a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos boletíns oficiais da provincia correspondentes e na sede electrónica da Xunta de Galicia. O acceso á dita sede poderá efectuarse a través do Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.
A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.
Igualmente, darase audiencia ás deputacións provinciais e ás entidades locais sobre as que incida o instrumento de ordenación do territorio, faranse as consultas previstas no documento de alcance e solicitaranse ás administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivos, sen prexuízo da solicitude noutro momento procedemental dos informes sectoriais que procedan, de conformidade co previsto na súa normativa reguladora.
No caso dos proxectos de interese autonómico notificarase individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.
Simultaneamente ao trámite de información pública, deberá solicitarse, se é o caso, informe ás empresas subministradoras sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos, que deberán emitilo no prazo máximo dun mes.
Transcorrido o prazo de tres meses sen que se comunicasen os informes sectoriais autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.
5. Á vista do resultado dos trámites de audiencia e da información pública, así como dos informes emitidos, introduciranse as modificacións ou as correccións que procedan no instrumento tramitado e, se é o caso, no estudo ambiental estratéxico, e elaborarase a proposta final do instrumento de ordenación do territorio.
No caso de que se introduzan modificacións que determinen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, abrirase un novo trámite de información pública.
6. O expediente de avaliación ambiental estratéxica completo, de conformidade coa lexislación vixente, será remitido ao órgano ambiental, que realizará unha análise técnica do expediente e unha análise dos efectos significativos da aplicación do instrumento de ordenación do territorio no medio ambiente. Se durante a referida análise o órgano ambiental considera que a información pública ou as consultas non se realizaron conforme o establecido no documento de alcance e na normativa en materia de avaliación ambiental, instará o órgano competente para a tramitación do procedemento para que emende o expediente de avaliación ambiental estratéxica no prazo máximo de tres meses. Neste suposto suspenderase o cómputo do prazo para a formulación da declaración ambiental estratéxica.
Se, transcorridos tres meses desde o requirimento do órgano ambiental, non se remitise o expediente emendado ou, se unha vez presentado, resulta insuficiente, o órgano ambiental dará por finalizada a avaliación ambiental estratéxica, e notificará ao órgano competente para a tramitación do procedemento, e, de ser persoa distinta, á persoa promotora, a resolución de terminación.
O órgano ambiental continuará o procedemento sempre que dispoña dos elementos de xuízo suficientes para realizar a avaliación ambiental estratéxica, de conformidade co disposto na normativa básica estatal en materia de avaliación ambiental.
7. O órgano ambiental formulará a declaración ambiental estratéxica no prazo de tres meses, contados desde a recepción do expediente completo, prorrogable por un mes máis por razóns xustificadas debidamente motivadas e comunicadas ao órgano tramitador e á persoa promotora. A declaración ambiental estratéxica deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do órgano ambiental e terá a natureza de informe preceptivo e determinante.
8. Cumpridos os trámites sinalados nos números precedentes, incorporarase o contido da declaración ambiental estratéxica no instrumento de ordenación do territorio, elaborarase un extracto co contido sinalado na normativa básica estatal en materia de avaliación ambiental e indicaranse as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos da súa aplicación no medio ambiente.
9. A persoa titular da consellaría competente para a tramitación do procedemento acordará a aprobación provisional do instrumento de ordenación do territorio, logo do informe preceptivo da consellaría competente en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo de dous meses.
10. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría tramitadora do procedemento, aprobará definitivamente o instrumento de ordenación do territorio, mediante acordo no caso dos proxectos de interese autonómico e mediante decreto nos demais casos, que deberán ser publicados no Diario Oficial de Galicia.
No caso das Directrices de ordenación do territorio, o Consello da Xunta dará traslado destas ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto para os plans e programas remitidos pola Xunta no Regulamento do Parlamento de Galicia. Ao rematar o procedemento sinalado, o Parlamento remitirá o documento ao Consello da Xunta, que o aprobará coa forma de decreto, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
11. A eficacia do decreto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do instrumento de ordenación do territorio estarán condicionadas ao cumprimento do previsto no artigo 58.
Artigo 55. Procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada
1. O órgano substantivo, segundo o sinalado nesta lei, remitiralle ao órgano ambiental unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada, acompañada dun borrador do instrumento de ordenación do territorio e dun documento inicial estratéxico, co contido previsto na normativa básica estatal en materia de avaliación ambiental.
O órgano ambiental comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá ao órgano substantivo que repare as ditas deficiencias, achegando a documentación sinalada.
2. O órgano ambiental, no prazo de tres meses, contados desde a recepción da documentación completa, formulará o informe ambiental estratéxico, tras identificar e consultar as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo máximo de dous meses.
No caso de que a consellaría tramitadora non sexa a consellaría competente en materia de ordenación do territorio, esta deberá ser consultada neste momento.
3. O órgano ambiental, tendo en conta o resultado das consultas realizadas, determinará no informe ambiental estratéxico se o instrumento de ordenación do territorio ten ou non efectos significativos sobre o medio ambiente. No caso de non prever efectos significativos, o dito instrumento poderá aprobarse nos termos que o propio informe estableza, tras os trámites previstos nos números 4 a 8 deste precepto.
No caso de que o instrumento de ordenación do territorio poida ter efectos significativos sobre o medio ambiente, o órgano ambiental determinará que debe someterse a unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Neste caso, o órgano ambiental elaborará o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, tendo en conta o resultado das consultas realizadas, e notificará esta decisión á persoa promotora, xunto co documento de alcance e o resultado das consultas realizadas, para que elabore o estudo ambiental estratéxico e continúe coa tramitación prevista nos números 3 e seguintes do artigo anterior.
4. O informe ambiental estratéxico remitirase no prazo de quince días hábiles para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da súa publicación na sede electrónica do órgano ambiental.
5. A consellaría tramitadora do instrumento de ordenación do territorio procederá á súa aprobación inicial e someterao a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.
A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado.
6. Igualmente, notificarase individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados e darase audiencia ás deputacións provinciais e ás entidades locais sobre as que incida o instrumento, e solicitaranse ás administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivos, sen prexuízo da solicitude noutro momento procedemental dos informes sectoriais que procedan, de conformidade co previsto na súa normativa reguladora.
Simultaneamente ao trámite de información pública, deberá solicitarse, se é o caso, informe ás empresas subministradoras sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos, que deberán emitilo no prazo máximo dun mes.
Transcorrido o prazo de tres meses sen que se comunicasen os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.
7. Á vista do resultado dos trámites de audiencia e de información pública, así como dos informes emitidos, introduciranse as modificacións ou as correccións que procedan no instrumento tramitado e elaborarase a proposta final do instrumento de ordenación do territorio.
No caso de que se introduzan modificacións que determinen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, abrirase un novo trámite de información pública.
8. Cumpridos os trámites dos números anteriores, procederase de acordo co establecido nos números 9 e seguintes do artigo anterior.
CAPÍTULO IV
Modificación dos instrumentos de ordenación do territorio
Artigo 56. Modificación dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Os instrumentos de ordenación do territorio poderán someterse ás seguintes alteracións respecto do seu contido:
a) Modificación substancial: cando os cambios supoñan unha alteración xeral ou fundamental do dito instrumento. En todo caso, terá o carácter de substancial a modificación que deba someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, e, no caso dos proxectos de interese autonómico non previstos, aquelas que afecten os aspectos que fundamentaron a declaración de interese autonómico.
Para a súa tramitación seguirase o mesmo procedemento previsto para a aprobación do instrumento de ordenación do territorio que se modifica substancialmente.
b) Modificación non substancial: cando os cambios propostos non supoñan alteración xeral ou fundamental do dito instrumento. O carácter de non substancial da modificación deberá xustificarse convenientemente, de acordo co establecido nesta lei, e para tal modificación seguirase o procedemento simplificado previsto no artigo seguinte.
2. Os instrumentos de ordenación do territorio deberán definir con claridade que modificacións terán o carácter de non substanciais. En todo caso, terán este carácter, sempre que non concorran os supostos da alínea a) do número 1, as modificacións que non impliquen unha revisión dos obxectivos xerais do instrumento de ordenación territorial nin a alteración substancial dos elementos esenciais da ordenación establecida nel.
3. Para os efectos sinalados neste artigo e antes do inicio do procedemento previsto no artigo seguinte, a consellaría que tramitase o instrumento de ordenación do territorio que se pretende modificar solicitaralle á consellaría competente en materia de ordenación do territorio informe sobre o carácter non substancial da modificación, que deberá emitirse no prazo dun mes.
Artigo 57. Procedemento de modificación non substancial dos instrumentos de ordenación do territorio
1. No caso de que a modificación sexa considerada non substancial, de acordo co sinalado no artigo anterior, a consellaría que tramitase o instrumento de ordenación do territorio remitiralle ao órgano ambiental unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada, acompañada dun borrador da modificación do instrumento de ordenación do territorio no que se xustifique o carácter non substancial dela e dun documento inicial estratéxico, co contido previsto na normativa básica estatal en materia de avaliación ambiental.
O órgano ambiental comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá á consellaría promotora que repare as ditas deficiencias, achegando a documentación sinalada.
2. O órgano ambiental, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da documentación completa, formulará o informe ambiental estratéxico, tras identificar e consultar as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo máximo dun mes.
3. O órgano ambiental, tendo en conta o resultado das consultas, determinará no informe ambiental estratéxico se a modificación ten ou non efectos significativos sobre o medio ambiente. No caso de non prever efectos significativos, a modificación poderá aprobarse nos termos que o propio informe estableza, tras os trámites previstos nos números 4 a 8 deste precepto.
Noutro caso, deberá seguirse o procedemento previsto no artigo 54 para a aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.
4. O informe ambiental estratéxico remitirase no prazo de quince días hábiles para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do órgano ambiental.
5. A consellaría tramitadora procederá á aprobación inicial da modificación non substancial e someteraa a información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.
Durante o prazo de información pública as distintas administracións e entidades públicas e privadas, e calquera persoa interesada, poderán achegar cantas observacións e suxestións consideren convenientes, e a documentación da modificación quedará exposta nos lugares que para o efecto se sinalen.
6. Igualmente, darase audiencia ás entidades locais sobre as que incida o instrumento obxecto da modificación e solicitaranse ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten preceptivos tendo en conta o obxecto da modificación proposta, sen prexuízo da solicitude noutro momento conforme o exixido pola respectiva normativa sectorial que resulte aplicable.
Transcorrido o prazo dun mes sen que se comunicasen os informes sectoriais autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.
7. Á vista do resultado dos trámites de audiencia e de información pública, así como dos informes emitidos, introduciranse as modificacións ou as correccións que procedan no documento e elaborarase a proposta final da modificación do instrumento de ordenación do territorio, que será aprobada provisionalmente pola consellaría competente para a tramitación, logo do informe preceptivo da consellaría competente en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo dun mes.
8. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría tramitadora do procedemento, aprobará definitivamente a modificación do instrumento de ordenación do territorio mediante decreto, que deberá ser publicado do Diario Oficial de Galicia.
9. A eficacia do decreto de aprobación definitiva e a entrada en vigor da modificación aprobada do instrumento de ordenación do territorio estarán condicionadas ao cumprimento do previsto no artigo seguinte.
CAPÍTULO V
Efectos e vixencia dos instrumentos de ordenación do territorio
Artigo 58. Eficacia dos instrumentos de ordenación do territorio
1. A eficacia dos instrumentos de ordenación do territorio requirirá da publicación do decreto de aprobación definitiva e das súas disposicións normativas segundo o previsto no artigo 60.
2. No caso de tramitación simultánea nun único procedemento do instrumento de ordenación do territorio e da modificación do planeamento urbanístico segundo o disposto no número 4 do artigo 20, o decreto adoptado polo Consello da Xunta terá por obxecto tanto a aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio como a aprobación definitiva da modificación do planeamento urbanístico.
Artigo 59. Declaración de utilidade pública e interese social
1. A aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, a fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes, cando os ditos instrumentos habiliten para a súa execución e esta deba producirse por expropiación.
2. Igualmente, esa aprobación determinará a declaración de prevalencia dos usos previstos no instrumento de ordenación do territorio sobre calquera outro uso posible do solo incluído no seu ámbito, sen prexuízo do necesario respecto ás competencias estatais e á prevalencia que, de acordo coa normativa aplicable, teñan outros plans ou instrumentos sectoriais.
3. Cando para a execución do instrumento non for necesaria a expropiación do dominio e baste a constitución dalgunha servidume, poderá impoñerse, de conformidade co procedemento establecido na normativa en materia de expropiación forzosa. Igualmente, cando deban modificarse ou suprimirse servidumes privadas por estaren en contradición coas determinacións do instrumento de ordenación do territorio, poderán expropiarse segundo o procedemento establecido na citada normativa.
4. A declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación referiranse aos proxectos que se realicen en execución directa dos instrumentos de ordenación do territorio e tamén aos bens e aos dereitos comprendidos nas trazas dos proxectos e nas modificacións de obra que poidan aprobarse posteriormente.
5. Para os efectos indicados nos números anteriores, os proxectos das obras e as súas modificacións deberán comprender a definición da súa localización e a determinación concreta e individualizada dos terreos, construcións ou outros bens ou dereitos que se considere preciso ocupar ou adquirir para a construción, defensa, seguridade ou servizo daquelas.
Artigo 60. Vixencia dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Os instrumentos de ordenación do territorio terán vixencia indefinida, sen prexuízo do establecido nos artigos 49 e 50 respecto da caducidade dos proxectos de interese autonómico.
2. No prazo dun mes desde a aprobación definitiva dun instrumento de ordenación do territorio, deberán ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia:
a) O decreto de aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio e, se é o caso, da modificación do planeamento urbanístico municipal, e a normativa do dito instrumento de ordenación.
Para tal efecto, nos supostos de tramitación simultánea, no mesmo procedemento, do instrumento de ordenación do territorio e da modificación do planeamento urbanístico municipal vixente, o decreto adoptado polo Consello da Xunta terá por obxecto tanto a aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio como a aprobación definitiva da modificación do instrumento de planeamento urbanístico. Neste último caso, deberá publicarse tamén a normativa relativa á modificación do planeamento urbanístico no boletín oficial da provincia correspondente, de conformidade co previsto para o efecto na lexislación vixente en materia de réxime local.
b) O enderezo electrónico no que o público poida consultar o contido íntegro do instrumento.
c) As cuestións exixidas pola normativa en materia de avaliación ambiental.
3. En todo caso, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do instrumento aprobado e, se é o caso, da modificación do planeamento urbanístico que se aprobe segundo o disposto no artigo 20 quedan condicionadas á súa publicación de conformidade co establecido neste artigo, logo da inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia do instrumento de ordenación do territorio aprobado definitivamente e, se é o caso, da modificación do planeamento urbanístico.
Artigo 61. Rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Os instrumentos de ordenación do territorio e as súas modificacións, unha vez aprobados definitivamente, deberán inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
2. A consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, por instancia da consellaría impulsora, inscribirá os instrumentos de ordenación do territorio e as súas modificacións no rexistro ao que se refire este artigo, con carácter previo á súa publicación nos termos do artigo anterior.
Disposición adicional primeira. Modificación do Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia
O Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, regulado na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no capítulo X do título II do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, pasará a denominarse Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Disposición adicional segunda. Sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico, S.L.
A sociedade pública estatal Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., para levar a cabo as súas actuacións e adquisicións de solo mediante expropiación, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, terá a condición de beneficiaria nos termos previstos na normativa vixente en materia de expropiación forzosa, correspondendo a potestade expropiatoria a calquera das administracións públicas competentes.
Igualmente, poderá adxudicárselle directamente a formulación e a execución de proxectos de interese autonómico, plans parciais e, en xeral, calquera plan de ordenación e a xestión dos seus patrimonios de solo mediante os acordos ou as concesións que, para tal efecto, se establezan coas administracións correspondentes.
Disposición adicional terceira. Bens adquiridos mediante o exercicio da potestade expropiatoria para seren destinados ao tráfico xurídico patrimonial
Nos supostos de exercicio da potestade expropiatoria para a execución de instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos regulados nesta lei e na lexislación do solo, respectivamente, promovidos ou desenvoltos pola iniciativa pública, a adquisición dos bens non implicará a súa afectación implícita a un uso xeral ou a un servizo público cando o instrumento de ordenación do territorio ou urbanístico aprobado prevexa que o seu destino sexa devolvelos ao tráfico xurídico patrimonial.
Disposición adicional cuarta. Títulos habilitantes municipais para as edificacións que se sitúan en varios termos municipais
O outorgamento ou, se é o caso, a presentación do correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística no suposto de edificacións que se localicen en terreos situados en varios termos municipais resolveranse de acordo cos seguintes criterios:
a) O título habilitante municipal será outorgado ou, se é o caso, presentado no concello no que se localice a maior parte da superficie construída da edificación obxecto do proxecto.
Para tal efecto, no procedemento de outorgamento da licenza deberá ser emitido informe previo polos outros concellos afectados e abrirse un período de información pública polo prazo de quince días hábiles.
b) Para os efectos do cómputo da superficie da parcela co fin de determinar se esta é edificable, computarase a totalidade da superficie dela, sempre que se corresponda coa mesma clase de solo, considerando a parcela unitariamente e aplicando en cada subámbito os parámetros urbanísticos que correspondan.
c) Tanto o acceso como a subministración dos servizos poderán realizarse desde calquera dos termos municipais sobre os que se desenvolva o proxecto.
Disposición adicional quinta. Plans sectoriais e proxectos de interese autonómico relativos a parques empresariais e parques eólicos
1. Os plans e proxectos sectoriais e os proxectos de interese autonómico relativos ao desenvolvemento de solo empresarial regularanse integramente polas disposicións contidas na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sen prexuízo da aplicación do disposto nesta lei para as cuestións que non estean expresamente reguladas na lei sinalada.
2. Os proxectos de interese autonómico e os proxectos sectoriais relativos a parques eólicos regularanse integramente polas disposicións contidas na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
En todo caso, resultará aplicable o previsto nesta lei en relación cos seus efectos, vixencia e caducidade, xestión e execución dos referidos instrumentos de ordenación do territorio.
Disposición adicional sexta. Normas técnicas
Empregaranse nos instrumentos de ordenación do territorio os criterios contidos nas Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, aprobadas pola persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo.
Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos procedementos
Os procedementos de aprobación de instrumentos de ordenación do territorio nos que se formulase o informe ambiental estratéxico antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva conforme o disposto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
Disposición transitoria segunda. Determinacións das Directrices de ordenación do territorio
Co fin de coordinar os tipos de determinacións establecidos polas actuais Directrices de ordenación do territorio cos establecidos no artigo 20, entenderase que:
a) As determinacións definidas como «excluíntes» nas actuais Directrices de ordenación do territorio terán o carácter de «determinacións de aplicación directa», segundo o establecido no artigo 20.
b) As determinacións definidas como «orientativas» nas actuais Directrices de ordenación do territorio terán o carácter de «vinculantes», segundo o establecido no artigo 20, cando se refiran a aspectos relativos ao planeamento.
Disposición transitoria terceira. Proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, plans de ordenación do medio físico e programas coordinados de actuación
1. As referencias e as remisións da lexislación e dos instrumentos de ordenación do territorio aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e aos plans de ordenación do medio físico previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, poderán considerarse realizadas, respectivamente, aos proxectos de interese autonómico e aos plans territoriais especiais definidos nesta lei.
2. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, os ámbitos para os que as Directrices de ordenación do territorio remiten a súa ordenación aos denominados plans de ordenación do medio físico ou aos programas coordinados de actuación na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, poderán ser desenvoltos polas figuras de ordenación establecidas na lexislación vixente en materia de espazos naturais ou na materia sectorial relacionada co ámbito afectado, ou ben a través dun plan territorial integrado, dun plan sectorial ou dun plan territorial especial, segundo os seus obxectivos concretos.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogados a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; a Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia; o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; e cantos preceptos de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia
Modifícase o artigo 7 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
«Artigo 7. Cooperación en materia de paisaxe
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins que se prevén nesta lei.
2. Os plans xerais de ordenación municipal e os instrumentos de ordenación do territorio, tras a súa aprobación inicial, deberán someterse a informe do órgano competente en materia de paisaxe, que versará sobre os aspectos paisaxísticos do plan ou instrumento.
O informe deberá emitirse no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas».
Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Modifícase o número 5 do artigo 83 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que queda redactado como segue:
«5. A revisión do planeamento e as modificacións de calquera dos seus elementos suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, sen prexuízo do previsto na lexislación de ordenación do territorio para o suposto de tramitación simultánea da aprobación do instrumento de ordenación do territorio e da modificación do instrumento de planeamento urbanístico».
Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento regulamentario
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.