Ley de Artesanía de GALICIA

LEI 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia.

Exposición de motivos

A Constitución española, no seu artigo 130.1, dispón que os poderes públicos atenderán a modernización e o desenvolvemento de todos os sectores económicos, entre os que se cita expresamente a artesanía, co fin de equiparar o nivel de vida de todos os españois e de todas as españolas.

Pola súa parte, a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia exclusiva en materia de artesanía no artigo 27.17 do Estatuto de autonomía de Galicia. No exercicio desta competencia, ditouse a Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Dado o tempo transcorrido desde a súa aprobación, xorde a necesidade de adecuar esta regulación á nova realidade do sector artesanal nun marco xurídico axeitado que manteña e promova a súa importancia social, cultural, identitaria e económica e que incremente a súa profesionalización e competitividade, apostando por un sector forte e perdurable no tempo.

A artesanía do século XXI é mestura de tradición e innovación, de arraigamento e modernización, de sustentabilidade e progreso, pero, sobre todo, a artesanía galega son os nosos artesáns e as nosas artesás, que crean pezas únicas e transmiten os oficios e os valores artesanais ás futuras xeracións, situando a actividade artesanal como fonte de desenvolvemento cultural, social, turístico e económico.

A actividade artesá non só se traduce en resultados puramente materiais, senón que exerce ademais certa pedagoxía de carácter social, en canto transmite uns valores e contidos culturais arraigados na sociedade e que debemos apreciar e estimular. Igualmente, é un valor diferenciador fronte aos sistemas de produción industrial, posto que supón un xeito de entender a empresa altamente comprometido cos aspectos emocionais, ecolóxicos e culturais das nosas tradicións.

Nos últimos anos, novos e novas profesionais están a incorporarse ás actividades artesanais, o que xera un emprego especializado e as converte nun dos maiores sectores catalizadores de emprendedores e, moi especialmente, de emprendedoras, ademais de ser un factor importante no asentamento e desenvolvemento da poboación en zonas rurais.

Sobre a base destas consideracións, resulta necesaria unha actualización e unha modernización da normativa reguladora da artesanía na nosa Comunidade Autónoma que a impulse cara ao futuro como unha actividade económica sustentable e xeradora de emprego vinculada ao territorio.

A lei consta de trece artigos, agrupados en cinco capítulos, dunha disposición derrogatoria e de dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, baixo a rúbrica de «Disposicións xerais» (artigos 1 a 3), establece o obxecto e os fins da lei e o seu ámbito de aplicación e incorpora un artigo específico de conceptos que contribúen a unha maior comprensión do texto legal. En concreto, actualízase o concepto de artesanía, ao posibilitar o emprego de maquinaria auxiliar ou doutro tipo de ferramentas, dixitais ou analóxicas, sempre que a intervención persoal e o coñecemento técnico sexan determinantes no resultado final do proceso artesanal.

O capítulo II, baixo a rúbrica de «Ordenación e regulación do sector artesanal galego» (artigos 4 a 9), regula as distintas modalidades de actividades artesanais e a Relación de actividades artesanais, definida como o conxunto sistematicamente ordenado de actividades económicas artesanais, clasificadas conforme a Clasificación nacional de actividades económicas. Así mesmo, regula os recoñecementos oficiais da condición de obradoiro artesán, de mestra artesá e mestre artesán e de asociación e federación profesional e empresarial artesanal. E, por último, inclúe o recoñecemento de puntos de especial interese artesanal coa dobre finalidade de promover os territorios e a súa artesanía e de recuperar, conservar e divulgar as manifestacións artesanais de especial singularidade.

O capítulo III, baixo a rúbrica «Marca Artesanía de Galicia», consta dun único artigo (artigo 10). A marca Artesanía de Galicia é recoñecida polas persoas usuarias como un valor engadido e polas persoas consumidoras como unha imaxe de calidade e de prestixio dos produtos. Constitúe unha das principais fortalezas do sector artesanal galego, polo que debe ser aproveitada para impulsar o posicionamento nacional e internacional da artesanía e para acadar unha maior promoción e comercialización do produto artesán galego.

A lei recoñece e posiciona a marca Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia, como un distintivo que identifica os obradoiros artesáns da Comunidade Autónoma de Galicia e acredita que o produto que porte o distintivo da marca se elaborou nun obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O capítulo IV, baixo a rúbrica «Comisión Galega de Artesanía e Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia» (artigos 11 e 12), regula a Comisión Galega de Artesanía como un órgano de carácter consultivo da Administración autonómica en materia de artesanía, así como de participación e representación do sector artesanal da Comunidade Autónoma de Galicia.

A lei mantén o Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que ten natureza administrativa e carácter público e gratuíto e é único para a Comunidade Autónoma de Galicia. Defínese a súa finalidade como un instrumento para o coñecemento, por parte da Administración, da realidade do sector, non só para o control dos recoñecementos administrativos da actividade artesanal, senón tamén para a mellora e a planificación e a coordinación das actuacións dirixidas á súa promoción e desenvolvemento.

O capítulo V, baixo a rúbrica «Fundación Pública Artesanía de Galicia», consta dun único artigo (artigo 13).

A Fundación Pública Artesanía de Galicia contribúe á promoción e ao desenvolvemento do sector artesanal galego, apoiando os oficios artesanais máis tradicionais vinculados ao noso territorio e, ao mesmo tempo, apostando pola innovación e polo uso das novas ferramentas tecnolóxicas, pola formación profesionalizada, pola divulgación e pola comercialización.

As disposicións que integran a parte final da lei teñen por obxecto adecuar a situación preexistente á nova situación xurídica creada por esta lei.

O anteproxecto de lei foi obxecto de consulta pública previa e de información pública e audiencia.

A lei axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. As medidas previstas nela responden á satisfacción de necesidades de interese xeral, coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, e recóllense na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación, tal e como exixe o principio de transparencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de artesanía de Galicia.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e fins

Esta lei ten por obxecto a ordenación, a promoción, o fomento, a modernización e a profesionalización do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de promover o desenvolvemento da artesanía como actividade económica sustentable, garantir a protección das súas diversas manifestacións e manter canles de cooperación e colaboración entre o sector artesanal galego e a Administración autonómica de Galicia para a procura dos seguintes obxectivos:

  1. a) A conservación, recuperación, potenciación e expansión das manifestacións e saberes artesanais máis tradicionais de Galicia para garantir a súa pervivencia, a súa transmisión e o seu desenvolvemento.
  2. b) A potenciación da expansión e o deseño da artesanía contemporánea.
  3. c) A inclusión de novas actividades artesanais e a incorporación de novas vocacións que consoliden no tempo o sector artesanal galego e garantan a remuda xeracional.
  4. d) A divulgación e posta en valor do patrimonio artesanal no ámbito económico, social, do patrimonio cultural e turístico.
  5. e) O impulso da comercialización e a mellora da rendibilidade e da competitividade da artesanía no mercado, coa progresiva adaptación do sector artesanal á evolución tecnolóxica e dixital e ás diferentes canles de comercialización físicas e dixitais.
  6. f) A profesionalización do sector artesanal mediante a formación continua e especializada.
  7. g) A promoción da creatividade, da calidade e da innovación na produción artesanal galega e a creación de sinerxías con outros sectores produtivos.
  8. h) A transmisión dos valores e o compromiso coa difusión, a promoción e a pedagoxía da artesanía como práctica creativa.
  9. i) O fomento da responsabilidade social e ambiental e o desenvolvemento local e a dinamización do rural como factores de éxito do sector artesanal.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Esta lei será aplicable ás actividades artesanais, ás persoas artesás, aos obradoiros artesáns e ás asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais definidos no artigo 3 desta lei que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta lei as producións exclusivamente mecanizadas e a artesanía alimentaria, que se rexerán pola súa propia normativa.

Artigo 3. Conceptos

Para os efectos desta lei entenderase por:

  1. Artesanía:

Toda actividade económica que supoña o deseño, a creación, a produción, a transformación, a restauración ou a reparación de bens de valor artístico ou tradicional e de bens de consumo, así como a prestación de servizos derivada daquelas, sempre e cando se realicen ou obteñan mediante procesos en que a intervención persoal e o coñecemento técnico da persoa ou persoas que participan nelas constitúan o factor determinante para a obtención do produto final.

O produto ou servizo final debe ter un carácter individualizado e diferenciado que non se acomode a unha produción industrial ou de servizos totalmente mecanizada, en series ou na cal a intervención do factor humano non sexa primordial.

A actividade artesanal pode levar implícito o emprego de ferramentas dixitais ou analóxicas, de maquinaria auxiliar e doutros activos, sempre e cando o seu uso forme parte dalgún dos procesos de elaboración dos produtos ou servizos e non substitúa por completo a intervención persoal para a obtención do produto ou servizo final.

  1. Persoa artesá:

Toda persoa física que realiza nun obradoiro artesán unha actividade económica recollida na Relación de actividades artesás de Galicia e que, mediante as súas habilidades, destrezas e capacitacións técnicas, pode transformar a materia prima nun produto final de calidade, de acordo co previsto no artigo 3.1 desta lei.

  1. Obradoiro artesán:

Toda persoa física ou xurídica legalmente constituída que forme unha unidade económica situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que realice unha actividade comprendida na Relación de actividades artesás de Galicia nos termos establecidos no artigo 3.1 desta lei.

Este recoñecemento outorgarase a través do título de obradoiro artesán, que se regula no artigo 6 desta lei.

  1. Mestra artesá e mestre artesán:

Toda persoa que desempeña ou desempeñou unha actividade comprendida na Relación de actividades artesás de Galicia, de xeito divulgativo ou profesional, que posúa un gran dominio técnico do oficio, experiencia, méritos e mestría exercida na busca continua da excelencia.

Este recoñecemento outorgarase a través da distinción de mestra artesá e mestre artesán, que se regula no artigo 7 desta lei.

  1. Asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais:

Toda asociación e federación profesional e empresarial artesanal de Galicia legalmente constituída, sen ánimo de lucro, inscrita nos rexistros correspondentes, que agrupe maioritariamente obradoiros artesáns ou asociacións de obradoiros artesáns, que desenvolva a súa actividade e teña o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que nos seus estatutos se establezan como fins a protección, a comercialización, o fomento e a divulgación da artesanía galega ou outros fins de interese para o sector.

Este recoñecemento outorgarase a través da condición de asociación e federación profesional e empresarial artesanal, que se regula no artigo 8 desta lei.

  1. Comercios de venda de Artesanía de Galicia:

Todo comercio de venda retallista de Artesanía de Galicia, calquera que sexa a súa canle de comercialización, que cumpra cos requisitos establecidos na normativa reguladora do uso da marca Artesanía de Galicia.

CAPÍTULO II

Ordenación e regulación do sector artesanal galego

Artigo 4. Modalidades das actividades artesanais

  1. As actividades artesanais clasifícanse nas seguintes modalidades por razón do seu contido principal:
  2. a) Artesanía de carácter tradicional: pezas artesás realizadas con técnicas tradicionais e que conservan os seus trazos etnográficos e de identidade.
  3. b) Artesanía artística ou de creación: obras ou traballos realizados con técnicas artesanais e cuxas peculiaridades son a creación, a singularidade e a innovación.
  4. c) Artesanía de produción de bens de consumo: pezas producidas para satisfacer unha necesidade determinada.
  5. d) Artesanía de servizos: actividades artesanais de reparación e de mantemento de produtos artesáns ou históricos, así como os que presten servizos persoais ou complementarios a algunha actividade das recollidas na Relación de actividades artesás de Galicia.

Regulamentariamente, poderanse establecer outras modalidades de clasificación das actividades artesanais.

  1. As actividades artesanais poderán clasificarse en subsectores económicos cuxa definición, ampliación ou modificación se establecerá por orde da consellaría competente en materia de artesanía.
  2. A adscrición das actividades artesanais a unha ou a varias modalidades ou, de ser o caso, a subsectores económicos, levarase a cabo segundo a Relación de actividades artesás de Galicia.

Artigo 5. Relación de actividades artesás de Galicia

  1. A Relación de actividades artesás de Galicia é o conxunto sistematicamente ordenado de actividades económicas artesanais, clasificadas conforme a Clasificación nacional de actividades económicas. Cada actividade económica indicará as diferentes modalidades definidas no artigo 4 desta lei en que se encadra.
  2. A Relación de actividades artesás terá o contido, a estrutura e a sistemática que se determine regulamentariamente e será elaborada e modificada mediante orde da consellaría competente en materia de artesanía, por proposta da Comisión Galega de Artesanía.
  3. A Relación de actividades artesás inscribirase no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o disposto no artigo 12 desta lei.

Artigo 6. Recoñecemento oficial da condición de obradoiro artesán

  1. Para os efectos desta lei, o recoñecemento oficial por parte da Administración autonómica da condición de obradoiro artesán será outorgado mediante a expedición do título de obradoiro artesán pola consellaría competente en materia de artesanía, por proposta da Comisión Galega de Artesanía, de acordo co procedemento establecido regulamentariamente.
  2. O título de obradoiro artesán ten carácter voluntario e non constitúe un requisito para o exercicio da actividade artesanal.

O recoñecemento oficial da condición de obradoiro artesán leva implícita a acreditación de persoa artesá.

  1. O título de obradoiro artesán outorgarase aos obradoiros artesáns definidos no artigo 3.3 desta lei que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo dos que, se é o caso, se establezan regulamentariamente:
  2. a) Que a persoa artesá responsable da actividade produtiva sexa a que dirixa ou controle a totalidade do proceso produtivo, asegurando o carácter artesán do produto.
  3. b) Que a persoa titular da unidade económica estea dada de alta no imposto de actividades económicas e no réxime que corresponda da Seguridade Social e, ademais, que estea ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  4. c) Que o número de persoas traballadoras empregadas non exceda de dez.

Excepcionalmente, a Comisión Galega da Artesanía, en atención á natureza da actividade desenvolvida, poderá propoñer como obradoiro artesán aquel que, mesmo superando o número de persoas traballadoras establecidas no parágrafo anterior, cumpra os outros requisitos previstos.

  1. Tamén poderán obter o título de obradoiro artesán aquelas unidades de carácter cooperativo ou asociativo que se dediquen á elaboración e comercialización de produtos artesáns, sempre que cumpran os requisitos do apartado anterior e os que se establezan regulamentariamente.
  2. As persoas que realicen, por conta allea, unha actividade artesanal nun obradoiro obterán a acreditación de persoa artesá nos termos que se establezan regulamentariamente.
  3. O título de obradoiro artesán ten unha vixencia de cinco anos desde a data da súa expedición, coa posibilidade de renovación, de acordo co procedemento establecido regulamentariamente, sempre que se manteñan os requisitos establecidos no apartado 3.

Perderá a súa validez:

  1. a) Por baixa voluntaria, por xubilación, por falecemento da persoa artesá responsable da actividade produtiva ou titular da actividade ou por extinción da personalidade xurídica da empresa.
  2. b) Por incumprimento ou non mantemento dos requisitos establecidos para o seu outorgamento, logo do expediente instruído para o efecto por proposta da Comisión Galega de Artesanía, nos termos establecidos regulamentariamente.
  3. A obtención do título de obradoiro artesán supón os seguintes beneficios:
  4. a) Participar nas convocatorias de concesión de subvencións e de axudas relacionadas co exercicio da actividade artesanal que sexan convocadas pola consellaría competente en materia de artesanía, así como nos procedementos de concesión directa.
  5. b) Participar nos eventos de interese artesanal organizados ou financiados pola consellaría competente en materia de artesanía, nos termos establecidos regulamentariamente.
  6. c) Ser beneficiario do uso da marca Artesanía de Galicia, de conformidade co disposto na normativa reguladora da marca.
  7. d) Calquera outro beneficio que for establecido regulamentariamente.
  8. O título de obradoiro artesán inscribirase no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o disposto no artigo 12 desta lei.

Artigo 7. Recoñecemento oficial da condición de mestra artesá e mestre artesán: distinción de mestra artesá e mestre artesán

  1. Para os efectos desta lei, o recoñecemento oficial por parte da Administración autonómica da condición de mestra artesá e mestre artesán será outorgado mediante a distinción de mestra artesá e mestre artesán pola consellaría competente en materia de artesanía, logo da proposta favorable da Comisión Galega de Artesanía.
  2. A distinción de mestra artesá e mestre artesán é unha distinción persoal e intransferible que será outorgada a aquelas persoas que fixeron dunha actividade artesanal a súa profesión para lles dar continuidade a un ou a máis oficios artesanais, de acordo co disposto no artigo 3.4 desta lei.
  3. A distinción de mestra artesá e mestre artesán ten carácter voluntario e non constitúe un requisito para o exercicio da actividade artesanal.
  4. Distínguense dúas modalidades:
  5. a) Distinción de mestra artesá e mestre artesán profesional: esta modalidade recoñece a mestría no exercicio dun oficio. Para o seu recoñecemento son indispensables os seguintes requisitos, sen prexuízo dos que, de ser o caso, foren establecidos regulamentariamente:

– Ter máis de vinte anos de experiencia no oficio.

– Estar inscrito o obradoiro artesán onde se desenvolve o oficio no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

– Acreditar os méritos abondos da mestría e do coñecemento do oficio.

– Presentar, polo menos, dúas cartas de apoio de asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais e tres cartas de apoio de obradoiros artesáns do mesmo oficio, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que avalen os méritos da persoa solicitante.

  1. b) Distinción de mestra artesá e mestre artesán divulgativo: esta modalidade recoñece a capacidade de transmisión dos coñecementos do oficio mediante a docencia ou outro medio divulgativo e contribúe ao mantemento dos oficios. Para o seu recoñecemento son indispensables os seguintes requisitos, sen prexuízo dos que, de ser o caso, foren establecidos regulamentariamente:

– Ter máis de vinte anos de experiencia divulgativa.

– Acreditar os méritos abondos da mestría, do coñecemento e da transmisión do oficio.

– Presentar, polo menos, dúas cartas de apoio de asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais e tres cartas de apoio de obradoiros artesáns do mesmo oficio, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que avalen os méritos da persoa solicitante.

  1. A solicitude de distinción de mestra artesá e mestre artesán será formulada pola persoa interesada e dirixirase á consellaría competente en materia de artesanía, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos establecidos no apartado 4 para cada modalidade.

A distinción de mestra artesá e mestre artesán recoñece a excelencia da persoa solicitante pola concorrencia, entre outros, dos seguintes méritos:

– O elevado nivel de coñecemento do oficio e de destreza e perfección na súa execución e o dominio no tratamento dos materiais e das técnicas.

– A mellora dos métodos tradicionais de produción, a innovación, o coñecemento do acervo tradicional do oficio e a transmisión dos coñecementos artesáns.

– A influencia na posta en valor do oficio, de forma que constitúa un referente para o resto dos artesáns e das artesás.

  1. A distinción de mestra artesá e mestre artesán ten unha validez permanente. Non obstante, perderá a súa validez no caso de renuncia ou falecemento da persoa titular.
  2. A distinción de mestra artesá e mestre artesán inscribirase no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o disposto no artigo 12 desta lei.

Artigo 8. Recoñecemento oficial de asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais

  1. Para os efectos desta lei, o recoñecemento oficial por parte da Administración autonómica da condición de asociación e federación profesional e empresarial artesanal, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, será outorgado pola consellaría competente en materia de artesanía, por proposta da Comisión Galega de Artesanía, de acordo co artigo 3.5 desta lei e co procedemento establecido regulamentariamente.
  2. A obtención do recoñecemento oficial de asociación e federación profesional e empresarial artesanal supón os seguintes beneficios:
  3. a) Participar nas convocatorias de concesión de subvencións e axudas relacionadas co desenvolvemento dos seus fins e que sexan convocadas pola consellaría competente en materia de artesanía, así como nos procedementos de concesión directa.
  4. b) Participar nos eventos de interese artesanal organizados ou financiados pola consellaría competente en materia de artesanía, nos termos establecidos regulamentariamente.
  5. c) Calquera outro beneficio que for establecido regulamentariamente.
  6. As asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais de Galicia inscribiranse no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o disposto no artigo 12 desta lei.

Artigo 9. Puntos de especial interese artesanal

  1. Poderanse declarar puntos de especial interese artesanal co fin de activar e promover os territorios e a súa artesanía, así como de recuperar, conservar e divulgar as manifestacións artesanais de especial singularidade.
  2. Distínguense dúas categorías:
  3. a) Zona de especial interese artesanal:

Terá a consideración de zona de especial interese artesanal o territorio formado por un ou varios municipios, ou parte deles, que conte cun colectivo artesanal activo no que se desenvolvan, con carácter monográfico, oficios artesanais relacionados co territorio, o procedemento e o produto e que teña unha tradición artesanal de longo percorrido ou de recoñecemento histórico.

  1. b) Obradoiro de especial interese artesanal:

Terá a consideración de obradoiro de especial interese artesanal o obradoiro definido no artigo 3.3 desta lei que veña desenvolvendo a súa actividade cun marcado interese cultural e territorial e no que concorran especiais características de tradición, innovación, produción ou comercialización.

  1. O recoñecemento de puntos de especial interese artesanal será efectuado pola consellaría competente en materia de artesanía, logo do informe preceptivo da Comisión Galega de Artesanía e de acordo co procedemento establecido regulamentariamente.
  2. Os puntos de especial interese artesanal serán inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o disposto no artigo 12 desta lei.

CAPÍTULO III

Marca Artesanía de Galicia

Artigo 10. Marca Artesanía de Galicia

  1. A marca Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia, é un distintivo que identifica os obradoiros artesáns da Comunidade Autónoma de Galicia e acredita que o produto que porte o distintivo da marca se elaborou nun obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
  2. O distintivo da marca Artesanía de Galicia ten por finalidade:
  3. a) Dotar a artesanía galega dunha imaxe que a distinga e que identifique a súa procedencia.
  4. b) Promover a difusión da artesanía de Galicia e fomentar a súa comercialización.
  5. c) Protexer e manter o prestixio das e dos profesionais da artesanía de Galicia e das súas obras.
  6. d) Informar as persoas consumidoras sobre a produción artesanal.
  7. e) Apoiar os puntos de venda, ofrecendo a información necesaria que a diferencie no mercado.
  8. A concesión, o uso e o control da marca Artesanía de Galicia serán regulados por orde da consellaría competente en materia de artesanía.
  9. Sen prexuízo do anterior, a consellaría competente en materia de artesanía poderá crear outros distintivos que acrediten a calidade e a identificación do sector artesanal galego, nos termos establecidos regulamentariamente.

CAPÍTULO IV

Comisión Galega de Artesanía e Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

Artigo 11. Comisión Galega de Artesanía

  1. A Comisión Galega de Artesanía é o órgano de carácter consultivo da Administración autonómica en materia de artesanía, así como de participación e de representación do sector artesanal da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. A Comisión Galega de Artesanía queda adscrita á consellaría competente en materia de artesanía.
  3. A Comisión Galega de Artesanía está integrada polos seguintes membros:
  4. a) Presidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de artesanía.
  5. b) Vicepresidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de artesanía.
  6. c) Vogalías:

– Unha persoa representante da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

– Unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de artesanía.

– Unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de comercio.

– Unha persoa representante da consellaría competente en materia de educación.

– Unha persoa representante da consellaría competente en materia de cultura.

– Unha persoa representante da consellaría competente en materia de emprego.

– Unha persoa representante da consellaría competente en materia de turismo.

– Catro persoas inscritas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia designadas polas asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais legalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

– Catro persoas elixidas entre todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Exercerá a secretaría, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da dirección xeral competente en materia de artesanía co nivel mínimo de xefatura de sección.

A designación dos membros da Comisión Galega de Artesanía e o seu funcionamento serán obxecto de desenvolvemento regulamentario.

  1. As funcións da Comisión Galega de Artesanía son as seguintes:
  2. a) Propoñer a inclusión e a modificación de actividades na Relación de actividades artesás de Galicia.
  3. b) Propoñer a expedición e perda de validez dos títulos de obradoiro artesán.
  4. c) Propoñer a distinción de mestra artesá e mestre artesán.
  5. d) Propoñer o recoñecemento da condición de asociación e federación profesional e empresarial artesanal.
  6. e) Propoñer á Administración autonómica disposicións e actuacións dirixidas ao fomento, á protección, á promoción e á comercialización da artesanía.
  7. f) Propoñer a elaboración dun calendario de eventos de interese artesanal.
  8. g) Calquera outra función que se determine nesta lei ou for establecida regulamentariamente.

Artigo 12. Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

  1. O Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de natureza administrativa e carácter público e gratuíto, é único para a Comunidade Autónoma de Galicia e está adscrito á consellaría competente en materia de artesanía a través do centro directivo competente na materia.
  2. O Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia ten por finalidade o coñecemento, por parte da Administración, da realidade do sector, non só para o control dos recoñecementos administrativos da actividade artesanal, senón tamén para a mellora e a planificación e a coordinación das actuacións dirixidas á súa promoción e ao seu desenvolvemento.
  3. Os datos contidos nos recoñecementos outorgados segundo o disposto nesta lei serán inscritos de oficio no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Os devanditos datos, a excepción dos de carácter persoal, teñen carácter público e estarán dispoñibles no portal web da Administración autonómica.
  4. O Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia consta, como mínimo, das seguintes seccións:
  5. a) Título de obradoiro artesán.
  6. b) Distinción de mestra artesá e mestre artesán.
  7. c) Asociacións e federacións profesionais e empresariais artesanais.
  8. d) Relación de actividades artesás de Galicia.
  9. e) Comercios de venda de Artesanía de Galicia.
  10. f) Puntos de especial interese artesanal.
  11. Os procedementos de inscrición, baixa ou modificación no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, así como a organización das seccións de que conste, serán obxecto de desenvolvemento regulamentario.
  12. Procederase á cancelación de oficio nos supostos de perda da validez dos recoñecementos oficiais, de acordo co previsto nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

CAPÍTULO V

Fundación Pública Artesanía de Galicia

Artigo 13. Fundación Pública Artesanía de Galicia

A Fundación Pública Artesanía de Galicia é unha fundación de interese galego, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica e patrimonio propio, que ten por finalidade dotar o sector artesanal dunha infraestrutura especializada para que poida desenvolver programas de asistencia, formación, innovación, comercialización e calquera outro aspecto inherente á cultura dos oficios artesanais de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Queda derrogada a Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta lei.
  2. Manteñen a súa vixencia, no que non resulte incompatible con esta lei, as disposicións de carácter xeral ditadas en materia de artesanía en tanto non entren en vigor as disposicións de desenvolvemento desta lei que as substitúan.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

A Xunta de Galicia, no prazo dun ano, ditará as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente