Recoñecemento da universidade privada GALICIA
LEI 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
Exposición de motivos
A Constitución española recoñece, no seu artigo 27, a liberdade de ensino, así como a liberdade das persoas físicas e xurídicas para crearen centros docentes, dentro do respecto aos principios constitucionais.
A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, regula os principais aspectos relativos ás condicións e requisitos para o recoñecemento, funcionamento e réxime xurídico das universidades privadas. No seu artigo 4 establece a necesidade de que tal recoñecemento, que terá carácter constitutivo, se leve a cabo mediante unha lei da asemblea lexislativa da comunidade autónoma en cuxo ámbito territorial se estableza.
Así mesmo, a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, logo de establecer no seu artigo 3 a posibilidade de creación ou recoñecemento por lei do Parlamento de Galicia de novas universidades no sistema universitario autonómico, desenvolve, no capítulo II do título I, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, e establece os requisitos xerais e específicos que deben cumprir as universidades privadas.
De acordo co marco xurídico exposto, a entidade Fundación Galicia Obra Social-Afundación solicitou o recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa como universidade privada que, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, impartirá ensinanzas dirixidas á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional, nas modalidades presencial e semipresencial.
O proxecto da Universidad Intercontinental de la Empresa parte do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), centro adscrito á Universidade de Vigo polo Decreto 445/2009, do 23 de decembro, onde se imparten os estudos oficiais de grao en Administración e Dirección de Empresas e o máster universitario en Dirección e Administración de Empresas, ademais de títulos propios e interinstitucionais.
O seu obxectivo é constituírse en universidade privada de servizo público, especializada no eido da empresa e de carácter internacional, desenvolvendo unha actividade académica centrada en dúas áreas de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura.
O expediente de recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa foi tramitado segundo o establecido nos artigos 4, 5 e 6 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; no Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios; na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e no Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A proposta presentada conta co informe favorable de pertinencia socioeconómica do órgano competente en materia universitaria para o seu recoñecemento como universidade privada, de servizo público e sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sustentable da sociedade, da cultura e da economía galegas.
Esta lei axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Respecto dos principios de necesidade e eficacia, a lei é de interese xeral, dado que co recoñecemento desta nova universidade se amplía a oferta formativa no eido da educación universitaria galega. Os fins perseguidos quedan recollidos no articulado e trátase dun instrumento adecuado para garantir a consecución dos anteditos fins. En virtude do principio de proporcionalidade, a iniciativa contén a regulación imprescindible para o recoñecemento dunha universidade privada. Co obxecto de garantir o principio de seguridade xurídica, esta lei é coherente co resto do ordenamento xurídico. Por outra banda, en aplicación do principio de eficiencia, a iniciativa lexislativa non introduce cargas administrativas. Finalmente, constatouse por parte dos departamentos competentes a ausencia de repercusións ou efectos sobre o gasto público.
Na elaboración desta norma cumpríronse as exixencias establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Foi sometida a consulta pública previa a proposta presentada e a información pública o anteproxecto de lei, mediante a súa exposición no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, e foron solicitados, entre outros, informes preceptivos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, do Servizo Técnico-Xurídico da consellaría, da Asesoría Xurídica da consellaría, da Conferencia Xeral de Política Universitaria, do Consello Galego de Universidades e do Consello Económico e Social. Foi aprobada como proxecto no Consello da Xunta, na sesión que tivo lugar o xoves 18 de marzo de 2021.
A lei dítase no exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia recollidas no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, que determina a súa competencia plena sobre a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; nos artigos 4, 5, 6, 12 e 27 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; e no capítulo II do título I da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 1. Recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa
- Recoñécese a entidade Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (en diante, FUIE) como universidade privada do Sistema universitario de Galicia, coa denominación Universidad Intercontinental de la Empresa. Esta universidade, que ten personalidade xurídica propia e forma de fundación de interese galego, impartirá ensinanzas dirixidas á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional nas modalidades presencial e semipresencial.
- A Universidad Intercontinental de la Empresa nace como unha institución privada de educación superior, de servizo público e responsabilidade social.
- A Universidad Intercontinental de la Empresa establecerase na Comunidade Autónoma de Galicia. A súa sede estará en Santiago de Compostela e os seus campus académicos, na Coruña e Vigo.
- Esta universidade rexerase pola lexislación estatal e autonómica que lle resulte aplicable, por esta lei e polas normas de organización e funcionamento establecidas nos estatutos da FUIE, con suxeición aos principios constitucionais e co recoñecemento explícito ás liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.
Artigo 2. Estrutura e organización académica
- A Universidad Intercontinental de la Empresa integra dous campus académicos, A Coruña e Vigo, que operan como sistema de intercampus conectados en rede.
- As ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais, que abranguen as ramas de coñecemento de ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura, impartiranse nas seguintes estruturas docentes: Facultade de Administración de Empresas e Dereito, Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial e Instituto Universitario de Investigación. Inicialmente impartirá catro graos, catro másteres universitarios e dous programas de doutoramento, segundo figura no anexo desta lei.
- A actividade académica organízase en áreas académicas de coñecemento. Nestas áreas integrarase o profesorado, favorecendo a existencia de equipos docentes interdisciplinares. Cada área académica farase cargo dunha oferta docente estruturada en programas e fomentará a actividade investigadora por medio de programas e estudos de grao, máster universitario e programas de doutoramento.
Artigo 3. Inicio e cesamento de actividades
- De conformidade co artigo 15 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o inicio das actividades da Universidad Intercontinental de la Empresa será autorizado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de universidades, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos legais exixidos pola normativa estatal e autonómica vixente.
- O cesamento de actividades, que tamén requirirá a autorización mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, estará motivado polo incumprimento por parte da universidade dos requisitos legalmente establecidos e dos compromisos adquiridos no momento de solicitar o recoñecemento, así como por decisión da entidade promotora da universidade. No caso de cesamento de actividades, a Universidad Intercontinental de la Empresa non poderá admitir novo alumnado, pero deberá seguir existindo ata que todas as titulacións ofertadas sexan extinguidas, co obxecto de garantir os dereitos do alumnado.
Artigo 4. Requisitos de acceso
- Poderá acceder á Universidad Intercontinental de la Empresa o alumnado que cumpra os requisitos establecidos na normativa vixente para acceder aos estudos universitarios.
- A Universidad Intercontinental de la Empresa regulará o réxime de acceso e permanencia do alumnado nos seus centros, con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade, garantindo, en todo caso, que non exista discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal e social.
- A Universidad Intercontinental de la Empresa establecerá un sistema propio de bolsas e axudas ao estudo en consideración ao expediente académico do/a estudante e as súas circunstancias persoais e familiares, para o cal destinará o 15 % dos ingresos totais obtidos anualmente.
Artigo 5. Garantía de actividade
A Universidad Intercontinental de la Empresa deberá garantir o mantemento das súas actividades durante o tempo necesario para a consecución dos obxectivos académicos e investigadores establecidos na súa programación.
Artigo 6. Inspección e control
- A Universidad Intercontinental de la Empresa deberá prestar colaboración á consellaría competente en materia de universidades na tarefa de comprobación do cumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos pola entidade promotora, que se levará a cabo mediante a actividade de inspección e control, facilitando a documentación e o acceso ás súas instalacións que, para tal efecto, lle sexan requiridas, en cumprimento do Decreto 36/2016, do 23 de marzo, polo que se regula a inspección no ámbito universitario na Comunidade Autónoma de Galicia.
- A Universidad Intercontinental de la Empresa elaborará anualmente unha memoria detallada que comprenda as actividades docentes que se realicen nela, así como as liñas de investigación e os seus resultados, en relación coas titulacións que se impartan. A citada memoria estará á disposición da consellaría competente en materia de universidades.
Artigo 7. Transmisión ou cesión da titularidade
- A realización de actos e negocios xurídicos que modifiquen a personalidade xurídica ou a estrutura da universidade privada, ou que impliquen a transmisión ou cesión, inter vivos, total ou parcial, a título oneroso ou gratuíto, da titularidade directa ou indirecta que as persoas físicas o xurídicas teñan sobre a universidade, deberá ser previamente comunicada á comunidade autónoma. Esta, no prazo que determine con carácter xeral, poderá denegar a súa conformidade.
- A denegación deberá fundarse no incumprimento do previsto no artigo 5.3 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, ou na insuficiencia de garantías para o cumprimento dos compromisos adquiridos ao solicitarse o recoñecemento da universidade.
- Nos supostos de cambio de titularidade, o novo titular quedará subrogado en todos os dereitos e obrigas do titular anterior.
- A infracción do previsto nos parágrafos anteriores suporá unha modificación das condicións esenciais do recoñecemento da universidade e poderá ser causa da súa revogación.
Artigo 8. Incidencia orzamentaria
A execución e desenvolvemento desta lei non terá incidencia de ningún tipo na dotación orzamentaria prevista no Plan Galego de Financiamento Universitario da consellaría competente en materia de universidades e, en todo caso, a Universidad Intercontinental de la Empresa deberá dispor dos medios persoais e materiais precisos para garantir o desempeño adecuado das súas funcións.
Disposición transitoria primeira. Proceso de integración do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa
No decreto de autorización de inicio de actividades da Universidad Intercontinental de la Empresa determinarase o inicio do cesamento de actividades do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa, adscrito á Universidade de Vigo. Para iso, a entidade promotora do centro deberá respectar o previsto sobre extinción de ensinanzas no convenio de adscrición asinado coa Universidade de Vigo o 23 de xullo de 2009, e en todo caso deberá garantir que o alumnado que iniciou os seus estudos neste centro os poida finalizar seguindo un aproveitamento normal deles e nas condicións acordadas.
Disposición transitoria segunda. Caducidade do recoñecemento
De acordo co establecido no apartado 1 da disposición adicional novena da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa caducará no caso de que, transcorridos cinco anos desde a entrada en vigor desta lei, non se solicitase a autorización para o inicio das actividades académicas ou esta fose denegada por falta de cumprimento dos requisitos previstos no ordenamento xurídico.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase o Consello da Xunta e a consellaría competente en materia de universidades para que, no ámbito das súas respectivas competencias, diten as disposicións que correspondan para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
ANEXO
Centros e oferta docente inicialmente prevista da
Universidad Intercontinental de la Empresa
Ensinanzas de grao:
Facultade de Administración de Empresas e Dereito:
– Grao en Administración e Dirección de Empresas.
– Grao en Negocios Dixitais e Intelixencia Empresarial.
Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial:
– Grao en Sistemas de Información e Ciberseguridade.
– Grao en Enxeñaría Empresarial e Emprendemento Tecnolóxico.
Ensinanzas de posgrao:
Facultade de Administración de Empresas e Dereito:
– Máster universitario en Administración e Dirección de Empresas-MBA.
– Máster universitario en Dereito Empresarial e Economía Dixital.
– Máster universitario en Neuromarketing e Comportamento do Consumidor.
Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial:
– Máster universitario en Enxeñaría de Datos e Intelixencia de Negocios.
Ensinanzas de doutoramento:
Instituto Universitario de Investigación:
– Programa de doutoramento en Economía e Empresa.
– Programa de doutoramento en Data Science e Sistemas de Información.