Acción exterior e da cooperación GALICIA
LEI 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
Exposición de motivos
I
Galicia é una nacionalidade histórica constituída como comunidade autónoma ao abeiro do previsto na Constitución española. Desde a aprobación do noso Estatuto de autonomía pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, sucedéronse fondos e substanciais cambios no ordenamento xurídico español. Sen dúbida, un dos máis relevantes foi o ligado á adhesión de España ás comunidades europeas, consonte preveu a Lei orgánica 10/1985, do 2 de agosto. Isto propiciou unha apertura sen precedentes de España cara ao exterior e co tempo posibilitou tamén cambios estruturais de enorme transcendencia, como a renuncia a emitir moeda propia, algo inimaxinable tan só uns anos atrás e que semellaba indisociable da natureza de todo estado soberano. Neste contexto, a doutrina do Tribunal Constitucional foi evolucionando paulatinamente ata asumir a proxección exterior das comunidades autónomas. En efecto, conforme a reiterada doutrina do Tribunal Constitucional, as comunidades autónomas poden levar a cabo accións con proxección exterior, circunscritas ao ámbito das súas competencias estatutariamente recoñecidas e para a promoción dos seus intereses, dentro do necesario respecto ás competencias estatais. Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia é unha das máis activas neste eido, por mor de fenómenos como o da nosa diáspora e a acelerada internacionalización da nosa economía, que nos elevou na clasificación de comunidades exportadoras e expedidoras de bens e servizos. Ao tempo, esta proxección exterior galega tamén se desenvolveu activamente no ámbito da solidariedade internacional e a cooperación para o desenvolvemento como expresión do compromiso da sociedade galega coa xustiza global dentro do marco definido polo Estado, a Unión Europea e o sistema das Nacións Unidas. A este respecto, a propia Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, recoñece expresamente, no seu artigo 20, a acción neste eido das comunidades autónomas.
A aprobación da Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, axiña seguida pola Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, abriu novas portas á proxección exterior autonómica. Con este aval, e dentro sempre da indispensable lealdade constitucional, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante Draex), comunicado ao Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. No ámbito da cooperación internacional tamén aprobou o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, co fin de simplificar e actualizar a normativa de desenvolvemento da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, en relación co Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, os órganos de coordinación e asesoramento, as relacións interadministrativas e a xestión das subvencións para proxectos de cooperación, entre outras materias.
Cos ditos alicerces xurídicos, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 1 de febreiro de 2018, a Estratexia galega de acción exterior Horizonte post 2020 (en diante Egaex), comunicada igualmente ao Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, logo dun informe sen ningún voto en contra do Parlamento de Galicia. Deste xeito, no punto 33 da Egaex incluíuse o compromiso de elevar ao debate parlamentario e no marco competencial actual o texto do Draex para a súa aprobación final mediante unha lei do Parlamento de Galicia ao longo da presente lexislatura, como expresión do gran consenso político que aspiramos a fraguar arredor da nosa acción exterior, proxección da capacidade de autogoberno dunha nacionalidade histórica como Galicia. Ademais, no eido da cooperación internacional, o III Plan director da cooperación galega (2014-2017) recoñecía o consenso do sector respecto da necesidade de revisar e actualizar o marco normativo establecido na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, por canto as súas previsións e disposicións quedaran superadas pola progresiva consolidación e maduración do sistema galego de cooperación. Con esta lei dáse cabal cumprimento daquela a ese compromiso parlamentario e con ela téntase aproveitar ao máximo a marxe de manobra no exterior que permiten o bloque da constitucionalidade e mais as precitadas leis 2/2014 e 25/2014, así como o ordenamento da Unión Europea, que prevalece sobre a nosa normativa doméstica por mor das obrigas internacionais asumidas polo Reino de España, do cal Galicia é parte indisociable.
Esta lei regula, así, a acción exterior da Comunidade Autónoma conectada coas competencias estatutariamente recoñecidas a esta, tanto con carácter xeral coma no eido específico da cooperación para o desenvolvemento; materia esta última ata o de agora regulada na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que é obxecto de derrogación. As transformacións da acción exterior no ámbito europeo e internacional, motivadas pola globalización en todas as súas dimensións, e a consolidación do multilateralismo demandan de Galicia unha resposta integral e complementaria que sexa quen de atender os retos e desafíos globais no marco da promoción e a defensa dos intereses lexítimos da nosa Comunidade, mais cunha visión máis ampla e holística que de forma coherente contribúa á Axenda global de desenvolvemento humano sustentable liderada polas Nacións Unidas. Deste xeito, resulta do máximo interese para Galicia sumarse aos esforzos globais que, desde as políticas públicas domésticas e a acción exterior, están a conseguir avances na erradicación da pobreza nas súas múltiples dimensións, a redución das desigualdades, a realización efectiva dos dereitos humanos, a implantación de modelos de produción e consumo sustentables, a loita contra o cambio climático e a promoción dunhas relacións internacionais baseadas na paz e na xustiza.
II
A presente Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia estrutúrase nun título preliminar e noutros dez títulos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras. Con ela aspírase a configurar un marco xeral que posúa vocación de permanencia, en prol dunha acción exterior ao servizo da cidadanía, das entidades públicas, dos axentes e as organizacións sociais e civís, así como das empresas galegas e das institucións e comunidades coas cales se asocia a Comunidade Autónoma nas súas actuacións de cooperación internacional e acción humanitaria.
III
Consonte a técnica normativa máis común da Unión Europea, o título preliminar recolle o obxecto da lei, oferta definicións dos conceptos xurídicos máis relevantes que insire, aglutina os seus principios reitores e define os obxectivos estratéxicos perseguidos, entre os que figuran a aproximación ao produto interior bruto per cápita da zona euro da Unión Europea, o achegamento aos estándares socioeconómicos, de calidade de vida, demográficos e ambientais básicos da zona euro da Unión Europea, a maior diversificación dos mercados exteriores, a captación de capital mercantil e industrial destinado a investimento produtivo e mais a atracción de capital humano cualificado para o máis acelerado desenvolvemento e consolidación económica de Galicia, que axude a paliar o avellentamento da nosa poboación pola caída da nosa natalidade, así como a favorecer o retorno das persoas emigrantes galegas e dos seus descendentes. Ademais, tamén se contribuirá á realización da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable das Nacións Unidas e ás políticas de cooperación internacional e axuda humanitaria do Estado e da Unión Europea, impulsarase a cultura da solidariedade internacional e a conciencia de cidadanía global na sociedade galega e promoverase o europeísmo e unhas relacións internacionais baseadas na paz e na xustiza. Por último, regúlase a representación do sector público autonómico, sinalando que lle corresponde á Presidencia da Xunta de Galicia dirixir e coordinar a súa acción exterior.
IV
O título I versa sobre os suxeitos da acción exterior galega e os suxeitos privados concorrentes, observando como liña definitoria basal a establecida no dereito da Unión Europea, logo incorporada ao ordenamento xurídico español. Neste punto merece unha mención singular a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT), dada a súa constitución ao abeiro dunha norma de aplicación directa en Portugal e España, como é o Regulamento (CE) nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, modificado polo Regulamento (UE) nº 1302/2013. Esta agrupación non é unha entidade do sector público autonómico, senón un organismo bilateral con personalidade xurídica propia, constituído entre a Xunta de Galicia, autorizada polo Consello de Ministros español, e a República Portuguesa, a través neste caso da súa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N).
V
O título II ocúpase de maneira detallada do procedemento para realizar a programación da acción exterior galega, positivizando e desenvolvendo pautas que xa viñeran inseridas no Draex e na propia Egaex. Ten especial relevancia a hipotética revisión desta estratexia se as circunstancias internacionais así o exixiren, sen esquecer o xeito da participación galega na Estratexia española de acción exterior.
VI
O título III céntrase na aplicación da Egaex e na coordinación da acción exterior galega. Sublíñase aquí a conversión definitiva da Egaex no xenuíno eixe central da acción exterior galega, incluíndo como novidade fundamental a regulamentación das recepcións oficiais das autoridades públicas procedentes doutros estados ou de organismos internacionais; aspecto sobre o que existía unha considerable lagoa no noso ordenamento que cómpre encher, xa que estas visitas teñen igual ou, ás veces, máis relevancia xurídico-positiva que as viaxes ao exterior de delegacións galegas, dependendo do rango da cabeza da delegación e dos compromisos adquiridos en cada suposto.
VII
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e mais a lusofonía merecen todo o título IV da lei, considerando o carácter estratéxico da nosa cada vez máis estreita cooperación coa República Portuguesa e cos países da súa comunidade lingüística. Destaca neste eido, en especial, o papel da entidade Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial, e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, constituída o 31 de outubro de 1991 ao abeiro do acordo fundamentado no Convenio marco europeo sobre cooperación transfronteiriza entre comunidades e autoridades territoriais, do Consello de Europa de 1980, hoxe adaptado ás disposicións do Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre cooperación transfronteiriza entre entidades e instancias territoriais, do 30 de outubro de 2002, cuxa entrada en vigor se produciu o 30 de xaneiro de 2004.
VIII
O título V, Galicia en Europa, reúne no seu primeiro capítulo as cuestións relacionadas coa participación de Galicia nos asuntos da Unión Europea, mentres que reserva o seu segundo capítulo á acción exterior en Europa fóra do marco xurídico da Unión Europea; aspecto este acotío preterido, pero que sen dúbida vai ter unha maior importancia logo de se materializar o abandono definitivo da Unión Europea polo Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, considerando o peso e a densidade das relacións económicas, sociais e culturais de Galicia con ese reino.
IX
O aproveitamento das potencialidades que permiten tanto a Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, coma de maneira fundamental a Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, fai que no título VI se aglutinen todas as materias vencelladas cos futuros tratados e outros instrumentos e acordos internacionais en que poida intervir Galicia. Velaí como se diferencian con nitidez aspectos indispensables na sede doméstica galega, como son a participación na negociación de tratados, a execución en Galicia deses tratados, os acordos internacionais administrativos e mais os acordos internacionais non normativos do sector público autonómico, a previsión doutros acordos de suxeitos públicos, a comunicación e o arquivamento dos acordos internacionais do sector público autonómico e, finalmente, a homologación dos memorandos de entendemento para harmonizar as iniciativas das entidades públicas galegas cara a fóra cando os correspondentes compromisos deban ser plasmados documentalmente en diversos idiomas.
X
Considerando a diversidade e a pluralidade sectorial e institucional das iniciativas no exterior, no título VII desta lei incorpóranse previsións sobre as correspondentes accións sectoriais alén de Galicia e España, sistematizadas por áreas homoxéneas. A especialidade deste título non implica en modo ningún unha derrogación singular das previsións xerais inseridas no resto da lei, senón unha adecuación dos seus eidos substantivos aos principios e obxectivos básicos da norma.
XI
O amplo título VIII dedícase en exclusiva á cooperación para o desenvolvemento, que constitúe un dos puntais da proxección de Galicia no exterior, actualizando as previsións inseridas na Lei 3/2003, do 19 de xuño, que pasa a ser explicitamente derrogada. Este título reflicte os avances e progresos experimentados nos máis de vinte e cinco anos de experiencia da Comunidade Autónoma no eido da cooperación internacional e da acción humanitaria e que configuraron unha Cooperación Galega máis especializada sectorial e xeograficamente, con maior complementariedade e eficaz coordinación co Estado e coa Unión Europea, con maior valor engadido e con maior capacidade para acadar os resultados de desenvolvemento establecidos na Axenda global de desenvolvemento humano sustentable das Nacións Unidas. Este título actualiza e moderniza os principios, os obxectivos, os criterios e as prioridades da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento, así como a organización institucional da Cooperación Galega e os seus recursos e financiamento co fin de facilitar un espazo de coordinación e complementariedade co resto de axentes públicos e privados de cooperación, en especial coas administracións locais e as organizacións que a representan e as organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento (en diante ONGD), principais aliadas da Xunta de Galicia na promoción da xustiza global. Desde a creación en 1994 do pioneiro Rexistro Galego de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento, a Xunta de Galicia recoñeceu o labor das ONGD na progresiva consolidación e modernización desta política pública a nivel estratéxico e operativo, mantendo un constante diálogo coa Coordinadora Galega de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento e apoiando o seu fortalecemento institucional. Ao tempo, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como entidade representativa da cooperación municipalista das entidades locais galegas adheridas a el, ten acompañado o labor da administración pública e das ONGD na configuración dun sistema galego de cooperación de valor estratéxico e coherente cos principios e valores da solidariedade internacional. Por estes motivos, a Coordinadora Galega de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade son recoñecidos como interlocutores permanentes da Administración autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento.
XII
No título IX actualízase o réxime relativo ás delegacións e oficinas autonómicas no exterior, coa adaptación das súas previsións á Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, coa finalidade primordial de mellorar a coordinación, minorar os custos e garantir o respecto ás competencias estatais.
XIII
A nova realidade da mobilidade internacional de profesionais e empresas, cada vez máis e mellor formados e capitalizadas, aconsellou innovar no título X todo o relacionado coas novas redes de intereses galegos no exterior, que amosan un modelo de actuación á marxe das tradicionais comunidades galegas da nosa antiga diáspora. No caso das persoas físicas, para garantir unha mellor atención por parte da Administración autonómica e para manter e estreitar os lazos subxectivos con Galicia, ante novos fenómenos que xa pouco teñen que ver coa realidade social e económica dos pasados dous séculos, considerando a proximidade que fornecen as modernas telecomunicacións ou mesmo os novos medios de transporte. E no caso das empresas, porque cómpre adaptarnos a unha realidade que exixe atender demandas foráneas rapidamente cambiantes para así posibilitar a creación dunha anovada oferta de traballo para a cidadanía galega, mellor capacitada que nunca na nosa historia.
XIV
A disposición adicional primeira dedícase ao Consello da Cultura Galega, institución prevista no artigo 32 do noso Estatuto de autonomía, coa finalidade de atender as obrigas e facultades da Comunidade Autónoma na defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego. O cumprimento dos seus fins, dentro e fóra da comunidade autónoma, baséase no recoñecemento da transterritorialidade do pobo galego como consecuencia dunha diáspora secular.
A Fundación Galicia Europa é merecedora, pola súa banda, dun tratamento singular na disposición adicional segunda, por canto vén prestando un servizo ininterrompido desde 1988 e porque está constituída, ademais de pola Administración autonómica, por diversas deputacións provinciais, pola Zona Franca de Vigo e por entidades financeiras, e é un exemplo vivo e único de cooperación entre diversas administracións públicas e de colaboración con entidades privadas galegas, algo que fica no mesmo espírito desta lei como desexable e necesario.
A disposición adicional terceira prevé a posibilidade de acadar apoios extraordinarios ás delegacións exteriores da Xunta de Galicia, nun intento de minimizar os custos de xestión no seu caso e de aproveitar o capital humano do propio sector público, pensando na existencia de picos de traballo e de necesidades puntuais que atender, sen por iso incrementar o gasto estrutural no capítulo de persoal.
Cun propósito similar de optimización dos recursos humanos, a disposición adicional cuarta abre a porta á participación do persoal do Sistema público de saúde de Galicia en emerxencias humanitarias, baixo os parámetros do réxime do voluntariado sanitario internacional; unha axuda impagable polo alto nivel de cualificación destes profesionais e pola necesidade de atender situacións extraordinarias de risco para a saúde pública que doutro xeito sería moi difícil poñer en marcha coa debida dilixencia.
As disposicións adicionais quinta e sexta refírense ao cumprimento da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable e á designación de responsables do seguimento da participación de Galicia nos asuntos da Unión Europea.
Pola súa banda, a disposición transitoria única mantén que, mentres non se regulen os coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlle ao persoal da Xunta de Galicia por residencia no estranxeiro, aplicaranse supletoriamente os establecidos no ámbito da Administración xeral do Estado.
Como as organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento e outros axentes do sector demandaban unha nova norma máis acaída cos tempos e cos progresos advertidos no eido internacional, procede salientar que a disposición derrogatoria única derroga expresamente a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que fora innovadora e moi avanzada no seu día, pero que xa cumpriu o seu ciclo.
Por último, a habilitación normativa e a previsión da entrada en vigor da lei aparecen recollidas nas disposicións derradeiras, para garantir a pacífica transición e o mantemento da seguranza xurídica neste eido, consubstancial a un Estado constitucional e de dereito pertencente á Unión Europea.
Con esta Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a nosa Comunidade Autónoma dá un paso de xigante na progresión do seu ordenamento e demostra que se pode ser ambicioso en moitas áreas de interese para o país sen por iso bater co marco constitucional e coa lealdade institucional que lle é inherente.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
- Esta lei ten por obxecto a regulación da acción exterior do sector público autonómico fóra do territorio nacional español, así como establecer regras tendentes a facilitaren a acción exterior das restantes entidades públicas galegas, a mellor coordinación e cooperación entre todas as administracións públicas galegas e a colaboración destas cos axentes privados galegos con presenza, proxección ou intereses no exterior.
- Asemade, é obxecto desta lei establecer o réxime xurídico ao cal se debe axustar a actividade do sector público autonómico en materia de cooperación para o desenvolvemento humano sustentable e a solidariedade internacional.
- A acción exterior galega enténdese como unha política integral que deber servir para sacar rendibilidade da nosa situación no mundo mediante estratexias que xeren oportunidades de desenvolvemento, modernización e progreso.
- A acción exterior prevista nesta lei desenvolverase sempre con lealdade ao bloque da constitucionalidade española, aos tratados e aos restantes instrumentos internacionais subscritos por España, así como ás normas de dereito comunitario.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta lei, enténdese por:
- a) Exterior: o espazo de soberanía que excede o marco territorial da exercida polo Reino de España, de conformidade co dereito internacional.
- b) Acción exterior galega: o conxunto sistémico e integrado das actuacións das administracións públicas galegas, tanto autonómica coma locais, institucionais e corporativas, e dos organismos, as institucións e as entidades delas dependentes levadas a cabo no exterior, no exercicio das súas respectivas competencias, desenvolvidas de acordo con esta lei e coa planificación estratéxica da Xunta de Galicia na materia.
- c) Entidades públicas galegas: as administracións públicas galegas, tanto autonómica coma locais, institucionais e corporativas, e os organismos, as institucións e as entidades delas dependentes, con sede oficial ou domicilio social en Galicia.
- d) Axentes privados galegos: as persoas físicas ou xurídicas domiciliadas en Galicia que dispoñan de vontade e capacidade de seu para desenvolver actividades económicas, sociais, culturais, educativas ou doutra natureza fóra do territorio nacional español e que poidan contribuír á proxección de Galicia no exterior de acordo coa Estratexia galega de acción exterior (Egaex).
- e) Lealdade constitucional no exterior: o respecto aos procedementos constitucionalmente previstos para acadar calquera fin político na proxección exterior das competencias e dos intereses lexítimos de Galicia, de xeito coherente coa Estratexia española de acción exterior e coas competencias estatais en materia de relacións internacionais.
- f) Acordo internacional administrativo: de acordo co artigo 2.b) da Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, o acordo de carácter internacional non constitutivo dun tratado subscrito por órganos, organismos ou entes dun suxeito de dereito internacional competentes por razón da materia, cuxa subscrición está prevista no tratado que executa ou concreta e cuxo contido habitual é de natureza técnica, calquera que sexa a súa denominación, e que se rexe polo dereito internacional. Non constitúe un acordo internacional administrativo o subscrito por eses mesmos órganos, organismos ou entes cando se rexe por un ordenamento xurídico interno.
- g) Acordo internacional non normativo: de acordo co artigo 2.c) da Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, o acordo de carácter internacional non constitutivo de tratado nin de acordo internacional administrativo subscrito pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas entidades locais, as universidades públicas e calquera outro suxeito de dereito público galego con competencia para iso, como poden ser as cámaras de comercio ou os colexios profesionais galegos, que conteña unhas declaracións de intencións ou estableza uns compromisos de actuación de índole política, técnica ou loxística, e non constitúa unha fonte de obrigas internacionais nin se rexa polo dereito internacional. A denominación habitual dos acordos internacionais non normativos é a de memorando de entendemento. No caso de acordos internacionais non normativos para a cooperación entre calquera corporación local galega con outra análoga pertencente a un estado distinto de España, estes designaranse como irmandamento local.
- h) Galeguidade: o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e a compartir a vida social e cultural do pobo galego. Por extensión, o dereito dos galegos e das galegas emigrados e do resto da cidadanía galega residente fóra de Galicia a compartir a vida social e cultural do pobo galego.
- i) Lusofonía: o conxunto de estados e comunidades de lingua portuguesa encadrados na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
- j) Agrupamento sen personalidade xurídica: as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan cooperar en proxectos da acción exterior galega.
- k) Rede sen personalidade xurídica: o conxunto de persoas físicas ou xurídicas, tanto públicas coma privadas, sexa cal for a súa nacionalidade ou lugar de residencia ou sede, que acrediten desde o exterior un especial e acreditado afecto por Galicia.
- l) Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP, AECT): a persoa xurídica constituída pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) e a Xunta de Galicia, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a agrupación europea de cooperación territorial (AECT), como instrumento europeo de cooperación transfronteiriza, transnacional e interrexional para axudar a poñer en marcha proxectos de interese común.
- m) Axenda global para o desenvolvemento humano sustentable: o conxunto de obxectivos internacionais de desenvolvemento humano sustentable cuxa aprobación lles corresponde ás Nacións Unidas e aos seus organismos especializados.
- n) Desenvolvemento humano sustentable: o proceso de expansión das capacidades das persoas que amplían as súas opcións e oportunidades para desenvolver o seu máximo potencial e levar unha vida produtiva e creativa, de xeito que se poidan satisfacer as necesidades das xeracións presentes e futuras. O desenvolvemento humano sustentable integra e harmoniza o crecemento económico, a inclusión social e a protección do ambiente para garantir o benestar das persoas e das sociedades.
ñ) Coherencia de políticas para o desenvolvemento: a integración da visión do desenvolvemento humano sustentable no deseño, na implementación e na avaliación de todas as políticas públicas como expresión da responsabilidade compartida e do compromiso da administración pública coa promoción da xustiza global.
- o) Educación para a cidadanía global: as actividades que promoven na sociedade a conciencia de interdependencia global e a responsabilidade compartida a través dun proceso educativo orientado á transformación social e que fomenta a sensibilización solidaria, a concienciación crítica e a mobilización activa da cidadanía na erradicación da pobreza, na defensa dos dereitos humanos, na promoción da cultura da paz, no compromiso coa xustiza social e no desenvolvemento humano sustentable a nivel local e global.
- p) Eurocidades: o acordo entre entidades locais contiguas, con relacións históricas, sociais e culturais, e pertencentes a dous estados distintos da Unión Europea.
Artigo 3. Principios reitores
No desenvolvemento e na execución desta lei observaranse os seguintes principios reitores:
- a) A lealdade constitucional e o estrito acatamento do bloque da constitucionalidade española, do dereito da Unión Europea e do dereito internacional aplicable.
- b) A máxima coordinación coas autoridades estatais españolas constitucionalmente reitoras da política exterior e das relacións internacionais, e dos seus axentes, autoridades e funcionarios no eido exterior.
- c) O respecto e a promoción do cumprimento efectivo dos dereitos humanos consonte os tratados e os outros acordos internacionais subscritos por España e pola Unión Europea, tanto dos dereitos civís e políticos coma dos dereitos económicos, sociais e culturais, baixo o principio de indivisibilidade e interdependencia deles e como fundamento dos esforzos en favor do desenvolvemento humano sustentable.
- d) A defensa dos dereitos, das liberdades e dos lexítimos intereses da cidadanía galega no exterior, das entidades en que se integre e das empresas galegas que promovan actividades fóra de territorio español.
- e) A promoción da cultura e da lingua galegas.
- f) A promoción da imaxe marca-país de Galicia.
- g) A permanente adaptación ao cambio na escena exterior, co fin de mellorar a competitividade para coadxuvar a preservar deste xeito o benestar da sociedade galega e os servizos públicos que merece a cidadanía.
- h) Acadar a converxencia real cos principais indicadores socioeconómicos da Unión Europea, e singularmente á taxa de actividade media na Unión.
- i) Afondar e mellorar a internacionalización da sociedade galega.
- j) Os principios específicos da cooperación para o desenvolvemento establecidos no artigo 80.
- k) A coherencia de políticas para o desenvolvemento sustentable realizadas polas administracións públicas galegas para a transversalización da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable no conxunto das políticas da Administración autonómica e da Administración local no ámbito das súas respectivas competencias.
- l) A eficiencia no uso dos recursos públicos, evitando especialmente a duplicidade ou a redundancia da acción exterior galega respecto da estatal e favorecendo o uso das posibilidades dos medios dixitais e do espazo virtual.
- m) Máxima transparencia nas actuacións, como garantía de lexitimidade.
- n) Definición de prioridades claras, pola imposibilidade de facer todo ao mesmo tempo e de estar en todos os ámbitos xeográficos.
ñ) Respecto pola soberanía de todos os pobos, a solución pacífica dos conflitos e o dereito de cada pobo a decidir sobre o seu futuro, de conformidade co marco legal internacional.
- o) Aliñamento cos obxectivos da Axenda de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas.
- p) Os restantes principios recollidos na normativa estatal sobre a materia.
Artigo 4. Obxectivos estratéxicos
Na aplicación desta lei velarase polo cumprimento dos seguintes obxectivos estratéxicos:
- a) A aproximación ao produto interior bruto per cápita da zona euro da Unión Europea.
- b) O acercamento aos estándares socioeconómicos, de calidade de vida, demográficos e ambientais básicos da zona euro da Unión Europea.
- c) A maior diversificación dos mercados exteriores.
- d) A captación de capital mercantil e industrial destinado a investimento produtivo.
- e) A atracción de capital humano cualificado para o máis acelerado desenvolvemento e a consolidación económica de Galicia, que axude a paliar o avellentamento da nosa poboación pola caída da nosa natalidade.
- f) O retorno das e dos emigrantes e dos seus descendentes.
- g) O fortalecemento das relacións coa cidadanía galega residente no estranxeiro e o apoio ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia recoñecidas ao abeiro da normativa en materia de galeguidade.
- h) A contribución á realización da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable e ás políticas de cooperación internacional e axuda humanitaria do Estado e da Unión Europea.
- i) O impulso da cultura da solidariedade internacional e da conciencia da cidadanía global na sociedade galega.
- j) A promoción do europeísmo e dunhas relacións internacionais baseadas na paz e na xustiza.
- k) Defender os intereses globais de Galicia e os intereses específicos de cada sector da actividade económica, social e cultural.
- l) Internacionalizar a economía e a sociedade galega, cunha aposta decidida polo coñecemento, a investigación e a creación como elementos singulares da marca país.
- m) Participar proactivamente na Unión Europea, artellando redes de influencia e cooperación con outros territorios, nomeadamente con Portugal e con comunidades e países do arco atlántico.
- n) Atraer persoas para que elixan Galicia como lugar para vivir e traballar, potenciando sectores estratéxicos relacionados coa innovación, a creatividade, a ciencia, a industria, o rural e os servizos sociais, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento de Galicia e a combater o declive demográfico e os desequilibrios territoriais.
Artigo 5. Representación do sector público autonómico
- Correspóndelle á Presidencia da Xunta de Galicia, como máximo representante da Comunidade Autónoma, dirixir e coordinar a acción exterior da Xunta de Galicia e asinar os acordos internacionais administrativos e non normativos subscritos polo sector público autonómico, agás que delegue a súa sinatura de acordo con esta lei.
- En materias da súa competencia, a representación poderá ser exercida polas persoas titulares das respectivas consellarías ou pola persoa en que deleguen.
- A consellaría responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) mirará polo mantemento da boa imaxe exterior de Galicia como Comunidade Autónoma constitucionalmente recoñecida como nacionalidade histórica e indisolublemente integrada no Reino de España, adherido á Unión Europea.
- O emprego da imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia e a utilización de símbolos de Galicia no exterior precisará da autorización previa do órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, consonte a Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia, e a regulación da imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia, logo do informe vinculante do órgano superior autonómico responsable da relación cos medios.
Artigo 6. Regras xerais da acción exterior galega
- A acción exterior galega considerará como guía a transcendencia estratéxica alén do espazo dunha soa lexislatura e a busca do maior apoio parlamentario e social plasmados na Estratexia galega de acción exterior.
- A acción exterior galega axustarase ao principio de unidade de acción, que incluirá o aliñamento coa Estratexia española de acción exterior e coa dirección da política internacional española.
TÍTULO I
Ámbito subxectivo
CAPÍTULO I
Suxeitos da acción exterior galega
Artigo 7. Suxeitos da acción exterior galega
Son suxeitos da acción exterior galega:
- a) A Administración autonómica galega, o Consello da Cultura Galega, as entidades locais galegas, consonte a súa normativa propia, as universidades públicas galegas, a administración corporativa galega, nomeadamente as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación e os colexios profesionais, e mais os entes instrumentais dotados de personalidade xurídica propia, dependentes de calquera dos suxeitos antes citados, sexa cal for a súa natureza ou tipoloxía xurídica.
- b) O Parlamento de Galicia, nas súas relacións coa Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), co Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa (CPLRE) ou con outros parlamentos análogos de estados federais, rexións ou provincias doutros estados, tanto da Unión Europea como de estados terceiros. O Parlamento non queda sometido ás determinacións detalladas na presente lei.
CAPÍTULO II
Suxeitos privados concorrentes
Artigo 8. Suxeitos privados concorrentes na acción exterior galega
- Para os efectos desta lei, terán a consideración de suxeitos privados concorrentes na acción exterior galega os axentes galegos de dereito privado que colaboren voluntariamente co sector público autonómico na execución da planificación estratéxica da acción exterior galega, como é o caso das organizacións empresariais, sindicais e profesionais, das organizacións non-gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento, das asociacións e os agrupamentos de exportadores ou das entidades que aglutinen as comunidades galegas ou as sociedades e asociacións de estudos internacionais con sede en Galicia.
- Do mesmo xeito, terán a consideración de suxeitos privados concorrentes na acción exterior galega as redes e os agrupamentos de persoas físicas ou xurídicas, tanto públicas coma privadas, sexa cal sexa a súa nacionalidade ou lugar de residencia ou sede, que acrediten desde o exterior unha especial e acreditada relación con Galicia. Poderán mesmo ser beneficiarias de axudas e subvencións como tales agrupamentos de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan cooperar en proxectos da acción exterior galega, consonte o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
TÍTULO II
Programación da acción exterior galega
CAPÍTULO I
Estratexia galega de acción exterior
Artigo 9. Estratexia galega de acción exterior
A acción exterior galega programarase periodicamente por lustros nun documento estratéxico denominado Estratexia galega de acción exterior (Egaex), que prelacione os obxectivos a longo prazo, tanto materiais coma xeográficos, e ordene e rexa as diversas iniciativas sectoriais na materia, dotándoas de congruencia e coherencia, aproveitando as súas complementariedades e velando pola eficiencia no uso dos recursos públicos, co obxecto de maximizar os retornos socioeconómicos, demográficos e culturais para a comunidade autónoma.
Artigo 10. Inicio da programación
O órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior elaborará un borrador de estratexia, atendendo aos documentos previos de planificación da Xunta de Galicia que tivesen unha proxección exterior e á vixente estratexia española, así como considerando as achegas das consellarías, as entidades, os organismos, as institucións e os expertos con intereses e experiencia na materia.
Artigo 11. Tramitación da Estratexia galega de acción exterior
- O borrador da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) será sometido a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, e estará aberto ás suxestións da cidadanía galega.
- Logo de o órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior e responsable da tramitación e ulterior execución da Egaex avaliar as achegas, recibidas a través do Portal de transparencia e goberno aberto, o borrador da Egaex remitirase ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de igualdade para a emisión dun informe no cal se avalíe o impacto por razón de xénero das medidas e accións previstas e, posteriormente, será sometido á avaliación e ao informe do Consello de Acción Exterior de Galicia (Caex).
- Após o informe do Caex, o órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior e responsable da tramitación e ulterior execución da Egaex reformulará o borrador da Egaex, que pasará á condición de anteproxecto.
- O Anteproxecto da estratexia galega de acción exterior será visto polo Consello da Xunta con carácter previo á súa remisión ao ministerio competente en asuntos exteriores, co fin de que este poida expresar o punto de vista correspondente ás súas competencias, así como efectuar as recomendacións ou suxerir as melloras de coordinación que considere pertinentes.
- As achegas do ministerio serán avaliadas e, unha vez introducidas as modificacións necesarias no anteproxecto, a persoa titular da consellaría en que se encadren as competencias de acción exterior propoñerá ao Consello da Xunta a aprobación, como proxecto, do Anteproxecto da estratexia galega de acción exterior e a continuación da súa tramitación.
Artigo 12. Exame polo Parlamento de Galicia
- A Xunta de Galicia remitirá o Proxecto de estratexia galega de acción exterior (Egaex) ao Parlamento de Galicia e requirirá o pronunciamento deste, consonte o artigo 142 do Regulamento do Parlamento de Galicia.
- Tras o exame polo Parlamento de Galicia, a persoa titular da consellaría en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior dará redacción definitiva ao proxecto da Egaex, que será remitido ao Consello da Xunta para, de ser o caso, a súa aprobación.
Artigo 13. Aprobación da Estratexia galega de acción exterior
Á vista do conxunto das alegacións, da suxestión e dos informes, o Consello da Xunta aprobará, de ser o caso, a Estratexia galega de acción exterior, que se publicará no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Con posterioridade, daralle traslado oficial ao ministerio competente en asuntos exteriores para o seu coñecemento.
Artigo 14. Desenvolvemento e execución da Estratexia galega de acción exterior
- O órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias de acción exterior será o responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex). Con este fin poderá dar conta do estado de desenvolvemento e de execución da Egaex ao seu superior xerárquico, así como das desviacións que apreciase. En caso de desviacións graves, elaborará un informe, que será elevado ao Consello da Xunta para a súa deliberación e para dispoñer as medidas correctoras oportunas.
- Anualmente o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex elaborará un informe xeral sobre o seu cumprimento, que será elevado pola persoa titular da consellaría de que dependa ao Consello da Xunta, logo do informe do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Este informe anual deberá ser presentado ao Parlamento.
CAPÍTULO II
Revisión da Estratexia galega de acción exterior
Artigo 15. Revisión da Estratexia galega de acción exterior
- De forma ordinaria, con polo menos seis meses de antelación ao remate do prazo de vixencia da estratexia en curso, o órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior iniciará os trámites de revisión desta.
- Por proposta motivada dun terzo dos membros do Consello de Acción Exterior de Galicia, que deberá ser aprobada co voto favorable da maioría dos seus membros, a Xunta de Galicia deberá avaliar a necesidade de iniciar a revisión da estratexia vixente para adaptala a un novo contexto, logo do informe do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.
- Mentres non sexa aprobada unha nova estratexia, o Consello da Xunta de Galicia poderá prorrogar a que estea vixente, por períodos sucesivos de ata un ano cada un deles, ata que se poida aprobar unha nova estratexia. Se o executivo autonómico estiver en funcións, entenderase prorrogada tacitamente a estratexia en vigor por un período de seis meses, dentro do cal o novo executivo poderá prorrogala, pola súa vez, ata que se formalice unha nova estratexia galega de acción exterior.
CAPÍTULO III
Estratexia española de acción exterior
Artigo 16. Participación de Galicia na Estratexia española de acción exterior
- Nos termos previstos na normativa estatal aplicable, a Administración autonómica, a través da consellaría que teña atribuídas as funcións en materia de acción exterior, manterá unha comunicación fluída e directa co ministerio competente en asuntos exteriores, co fin de que este inclúa, de ser o caso, na Estratexia española de acción exterior as prioridades que interesen ou preocupen á sociedade galega, facendo especial fincapé na promoción da lingua, a cultura e a imaxe de Galicia, na defensa dos dereitos e das expectativas da diáspora galega nos estados en que estea asentada, na promoción da empresa e a economía galegas no exterior e mais no estreitamento do vínculo con Portugal e coa comunidade lusófona de nacións.
- O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de acción exterior, aprobará mediante un acordo o documento que recolla as achegas autonómicas á Estratexia española de acción exterior, logo da consulta ao Consello de Acción Exterior de Galicia e ás restantes consellarías.
TÍTULO III
Execución da Estratexia galega de acción exterior
e coordinación da acción exterior galega
CAPÍTULO I
Execución da Estratexia galega de acción exterior
Artigo 17. Execución da Estratexia galega de acción exterior
- A execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) será responsabilidade dos órganos superiores ou de goberno competentes de cada institución, consellaría, entidade ou organismo públicos concernidos.
- A persoa titular da consellaría responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex supervisará a súa correcta aplicación. Para este fin poderá requirir dos suxeitos da acción exterior galega cantas informacións, datos e informes coide axeitados. En todo caso, requiriralle a cada consellaría da Administración autonómica a emisión dun informe anual cun mes de antelación ao sometemento ao Consello da Xunta do informe previsto no artigo 14.2.
Artigo 18. Programas específicos de acción exterior
As institucións, as consellarías, as entidades ou os organismos dependentes da Administración autonómica que precisen dunha singular proxección e presenza no exterior poderán elaborar un programa anual específico de acción exterior, sempre dentro do marco da Estratexia galega de acción exterior, do que darán conta, con carácter previo á súa aprobación, á consellaría responsable de velar polo seu desenvolvemento e execución para garantir a súa compatibilidade.
Artigo 19. Programas de acción exterior das administracións locais, universidades públicas e corporacións de dereito público galegas
Os concellos, as deputacións, as universidades públicas e as corporacións de dereito público radicadas en Galicia poderán elaborar os seus propios programas de acción exterior coa duración ou periodicidade que consideren axeitadas e, con carácter previo á súa aprobación, remitiranos ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior para garantir a súa compatibilidade con esta.
Artigo 20. Programa de acción exterior das cidades galegas
As cidades galegas poderán desenvolver unha estratexia de proxección internacional acorde coa Estratexia galega de acción exterior. Na súa elaboración contarán coa participación do órgano da Administración autonómica con competencias en relacións exteriores.
CAPÍTULO II
Viaxes e actuacións con proxección exterior
Artigo 21. Transparencia das viaxes e actuacións con proxección exterior
- As viaxes, as visitas, as recepcións, os intercambios e as actuacións con proxección exterior da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia e dos restantes membros do Consello da Xunta fóra do ámbito da Unión Europea e das súas institucións deberán ser comunicados directamente ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.
- As propostas de viaxes, visitas, recepcións, intercambios e actuacións con proxección exterior das restantes autoridades da Administración autonómica e dos altos responsables de entidades dela dependentes, como as presidentas e os presidentes ou as directoras e os directores de entidades, organismos, sociedades, fundacións ou empresas públicas, seranlle comunicadas á persoa titular da consellaría de que dependan ou a que estean adscritos, que o poñerá en coñecemento do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, que deberá examinar a súa compatibilidade coa Estratexia galega de acción exterior (Egaex).
- Os restantes suxeitos da acción exterior galega comunicarán as súas propostas de viaxes, visitas, intercambios, recepcións e actuacións con proxección exterior ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior, para os efectos do exame da súa adecuación á Egaex e de coordinación co ministerio competente en asuntos exteriores, nos termos previstos na alínea seguinte.
- O dito órgano de dirección da Administración autonómica remitirá a información ao ministerio competente en asuntos exteriores, para os efectos previstos na normativa estatal.
- Cando as propostas de actuación non estean recollidas na Egaex, deberán xustificarse as circunstancias que motivan estas actuacións.
- O órgano de dirección da Administración autonómica con competencias en materia de acción exterior presentará no Parlamento un informe anual de seguimento da estratexia, no que se incluirá o relatorio da axenda exterior do Goberno, cunha valoración da repercusión das viaxes fóra de Galicia. Con este motivo farase unha comparecencia anual no Parlamento.
TÍTULO IV
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e lusofonía
Artigo 22. Ámbito da Eurorrexión
Para os efectos desta lei, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a constituída pola suma do territorio e das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia e mais da Rexión Norte de Portugal.
Artigo 23. Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
- A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é un organismo de cooperación sen personalidade xurídica dos previstos no Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre cooperación transfronteiriza entre entidades e instancias territoriais, feito en Valencia o 3 de outubro de 2002, que se rexe polo disposto no dito tratado, no convenio de constitución e pola restante normativa que lle resulte aplicable, conforme o previsto neles.
- A Administración autonómica poderá propoñer no seo da Comunidade de Traballo prioridades en materia de cooperación transfronteiriza para que esta poida decidir elevalas, de acordo coa normativa aplicable, ao Cumio Bilateral Hispano-Portugués. Para tal fin e co obxectivo de unificar e de consensuar as diferentes propostas das consellarías e doutros órganos e entidades autonómicos, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) solicitará os informes, plans e proxectos que se pretenda que se teñan en conta para seren abordados polos gobernos de España e Portugal.
- A coordinación das administracións e autoridades públicas galegas coa Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal corresponderalle ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex.
Artigo 24. Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal
- A Administración autonómica considerará a entidade Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP, AECT), institución creada ao abeiro do dereito da Unión Europea, como un instrumento preferente para executar as actuacións convidas para a cooperación luso-galaica de base territorial e transfronteiriza.
- Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial é unha persoa xurídico-pública luso-española, constituída pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) e pola Xunta de Galicia, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a agrupación europea de cooperación territorial (AECT). En consecuencia, non é unha entidade integrante do sector público autonómico definido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
- Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial réxese polo sistema de fontes detallado no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, sobre a agrupación europea de cooperación territorial (AECT), e polo Real decreto 23/2015, do 23 de xaneiro, que adopta as medidas necesarias para a aplicación efectiva do dito regulamento.
- O sector público autonómico, definido pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, poderá autorizar o seu persoal propio para realizar misións de cooperación transfronteiriza, por uns períodos determinados de tempo, como persoas expertas destacadas, na sede, as instalacións ou os centros de enlace da GNP, AECT ou da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), de mediar un acordo, convenio ou memorando de entendemento entre as autoridades portuguesas ou da GNP, AECT e as galegas, ou nas dependencias do órgano de dirección da Administración autonómica que coordina a cooperación territorial e transfronteiriza con Portugal, sempre que se conte en todo caso coa aceptación do dito persoal. Se a encomenda da misión de cooperación transfronteiriza for por un período igual ou inferior a seis meses, o persoal manterá o seu réxime xurídico de orixe e o posto de traballo, considerándose en servizo activo, e percibirá as súas retribucións con cargo ás correspondentes entidades do sector público. Se a encomenda da misión de cooperación transfronteiriza for por un período determinado superior a seis meses na GNP, AECT ou na CCDR-N, o persoal funcionario de carreira será declarado en situación de servizos especiais e o persoal laboral na situación que lle corresponda segundo o convenio colectivo que resulte aplicable, e pasarán a ser retribuídos con cargo aos orzamentos das indicadas entidades.
- Os órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderanlle solicitar á GNP, AECT a súa colaboración, asistencia e apoio en materia de cooperación transfronteiriza. Ademais, poderán encargar á GNP, AECT a xestión de determinados programas de actuación sectorial relativos á cooperación transfronteiriza, traspasándolle os fondos e medios necesarios. O dito encargo deberá ser aceptado polo Consello da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.
Artigo 25. Planificación estratéxica e programación de actuacións autonómicas de relevancia para a Eurorrexión
Na elaboración de plans e programas autonómicos que poidan ter transcendencia, repercusión ou interese para o conxunto da área da Eurorrexión, os órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsores dos ditos plans e programas poderán dar audiencia específica ás autoridades portuguesas competentes, co fin de reducir conxuntamente os custos da súa execución, ampliar o número de persoas beneficiarias cun menor custo por persoa beneficiaria grazas ás economías de escala que concorran, ou co propósito de incrementar os resultados ou retornos cun inferior custo unitario.
Artigo 26. Cooperación territorial e transfronteiriza galaico-portuguesa de base local
- Os municipios galegos poderán cooperar con outros municipios portugueses veciños chegando a formalizar mesmo «eurocidades», baixo a cobertura xurídica dunha agrupación europea de cooperación territorial (AECT) ou de calquera outra forma xurídica, con ou sen personalidade, recoñecida polos respectivos ordenamentos portugués e español, nos termos previstos na normativa internacional ou comunitaria que resulte aplicable. Na hipótese de se constituír baixo a fórmula de AECT, a parte galega propiciará a máis estreita cooperación e coordinación con Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial.
- Para os efectos desta lei, as eurocidades estarán conformadas por dous ou máis concellos galegos e cámaras municipais portuguesas, con situación de contigüidade entre si ao longo do treito galego da fronteira hispano-portuguesa.
- As eurocidades teñen como principal obxectivo a promoción da converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas que as compoñen, impulsando a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador da convivencia entre a poboación de ambos os dous territorios.
- A creación dunha eurocidade farase por medio dun acordo entre os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas participantes, formalizado de acordo coa normativa aplicable, en que se detallen, polo menos, os obxectivos que se pretenden alcanzar e os campos en que van colaborar.
- A constitución de novas AECT de base local ou provincial precisará en calquera caso para as autoridades locais galegas do informe previo do órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior, de acordo coa normativa estatal aplicable. Neste informe, o indicado órgano de dirección avaliará, entre outros aspectos, a posibilidade de incorporación a outra AECT luso-galaica de base local ou provincial.
Artigo 27. Cooperación galaico-portuguesa no ámbito da lusofonía
- De conformidade co establecido pola Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, a Administración autonómica poderá poñer en marcha un programa específico de fomento de intercambios e estadías temporais de persoal empregado público galego e portugués, en especial naquelas áreas en que se considere máis urxente o establecemento dun maior ou máis intenso nivel de cooperación, coordinación ou, mesmo, integración de servizos públicos.
- A Administración autonómica formulará iniciativas na entidade Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial para que esta impulse a cooperación galaico-portuguesa no ámbito da lusofonía a través de programas específicos, promovendo intercambios culturais, universitarios e educativos entre axentes destes ámbitos portugueses, doutros países lusófonos e galegos.
Artigo 28. Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade
Mediante un decreto do Goberno galego crearase o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, do que formarán parte as entidades galegas de relación con Portugal e co ámbito da lusofonía, e que terá como finalidade asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación.
TÍTULO V
Galicia en Europa
CAPÍTULO I
Participación de Galicia nos asuntos da Unión Europea
Sección 1ª. Participación na formación da vontade
do Estado diante da Unión Europea
Artigo 29. Participación da Comunidade Autónoma de Galicia na Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea
- A persoa titular da consellaría competente en materia de relacións coa Unión Europea e acción exterior será a representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).
- A persoa titular do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior será a representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión de Coordinadores de Asuntos coa Unión Europea.
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma procurará que no seo da CARUE se aborden todas aquelas cuestións prácticas relacionadas co exercicio da participación autonómica en asuntos da Unión Europea, especialmente no referido ao Consello da Unión Europea, aos seus grupos de traballo e aos comités da Comisión Europea.
Artigo 30. Do tratamento dos asuntos europeos nas conferencias sectoriais
- Cando a persoa titular dunha consellaría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerza a representación autonómica nalgunha formación do Consello da Unión Europea, solicitará a inclusión na orde do día das reunións da conferencia sectorial correspondente, como asuntos para tratar, daqueles relacionados co alcance da participación, cos temas que se van tratar ou con calquera outro aspecto que poida xurdir no exercicio desa representación, así como coa presentación, ao finalizar o período de representación, dun informe final cun balance dos resultados obtidos no exercicio da dita representación. Así mesmo, deberá facilitar a transición da representación autonómica coa Comunidade Autónoma á cal lle corresponda asumir posteriormente tal representación.
- O disposto neste precepto enténdese sen prexuízo das restantes obrigas que deriven do exercicio da representación autonómica nalgunha formación do Consello da Unión Europea.
- Ao finalizar o período de representación, a consellaría deberá trasladar ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior o informe final en que se recolla o balance dos resultados obtidos durante o período de representación, que será presentado ao Parlamento anualmente xunto co informe previsto no artigo 14.2.
Artigo 31. Grupo de Traballo de Asuntos Europeos e Acción exterior
A persoa titular da consellaría que concentre as competencias e funcións primordiais en materia de relacións coa Unión Europea e acción exterior designará as persoas representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia no Grupo de traballo de asuntos europeos e acción exterior, encadrado na Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia. Estas persoas representantes manterán informado o órgano que os designou sobre as súas actividades a través do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
Sección 2ª. Participación en institucións e órganos da Unión Europea
Artigo 32. Consello da Unión Europea
- A Comunidade Autónoma de Galicia poderá participar nas formacións do Consello da Unión Europea en que sexa posible a participación das comunidades autónomas nos termos previstos nos acordos adoptados para tal fin. A persoa titular da consellaría a quen corresponda exercer por razón da materia a participación autonómica no Consello da Unión Europea informará, tras cada asistencia a unha reunión da formación sectorial do Consello da Unión Europea, o Consello da Xunta de Galicia das xestións realizadas, do resultado das negociacións e das posibles implicacións para Galicia, e trasladará unha copia dos documentos anteriores ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
- O órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior poderá solicitar a utilización da lingua galega por parte da persoa representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos nos acordos adoptados para tal fin.
- Corresponderalle ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior levar a cabo as funcións de información, apoio, seguimento e cooperación na participación da persoa representante autonómica no Consello da Unión Europea, así como a coordinación e interlocución cos servizos da Administración xeral do Estado e da Representación Permanente de España ante a Unión Europea (Reper), no que respecta á realización dos trámites que posibiliten facer efectiva a dita participación.
- Para os efectos de facilitar o seguimento dos asuntos durante o período da representación, a consellaría competente poderá desprazar persoal técnico á oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas polo tempo que dure a dita representación. Este desprazamento estará sometido á normativa vixente en materia de función pública ou á normativa laboral segundo o réxime xurídico aplicable a ese persoal, e ampararase na subscrición dun convenio de cooperación ou de calquera outro instrumento xurídico axeitado concertado previamente entre a Fundación Galicia Europa e a dita consellaría competente.
Artigo 33. Grupos de traballo do Consello da Unión Europea
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a participación do seu persoal técnico naqueles grupos de traballo do Consello da Unión Europea relacionados coas formacións sectoriais desta institución da Unión Europea nas cales teña dereito a participar, por si mesma ou en coordinación coas restantes comunidades autónomas, nos termos previstos nos acordos adoptados para tal fin.
- O persoal técnico será designado pola persoa titular da consellaría a quen corresponda exercer por razón da materia a participación autonómica no Consello da Unión Europea. A devandita designación deberá ser notificada ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior. Co fin de garantir a efectiva representación autonómica, corresponderalle á persoa responsable técnica designada o seguimento dos asuntos, a asistencia ás reunións e a preparación de informes e propostas de posición común, nos termos previstos nos acordos adoptados para tal fin. Para os únicos efectos de seguimento, a dita persoa responsable deberá informar igualmente das súas actuacións ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
- O Goberno galego desenvolverá unha estratexia de intervención de Galicia a favor da diversidade lingüística e cultural, sumándose ás iniciativas internacionais neste ámbito, nomeadamente ás promovidas no marco da Unesco, en coordinación co Goberno do Estado e coas accións promovidas desde o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.
Artigo 34. Comités da Comisión Europea
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a participación do seu persoal técnico nos comités da Comisión Europea nos termos previstos nos acordos adoptados para tal fin.
- Para cada un dos comités da Comisión Europea con participación autonómica, a consellaría competente por razón da materia deberá designar unha persoa responsable sectorial que poida servir de interlocutora coas correspondentes persoas representantes estatais ou autonómicas. A designación e calquera cambio da persoa responsable deberán notificarse ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior. A este órgano corresponderalle, así mesmo, levar a cabo funcións de información, apoio, seguimento e coordinación da participación autonómica nos comités da Comisión Europea.
- Ao finalizar o período de representación, a persoa responsable sectorial autonómica elaborará un informe final, que deberá remitir ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior, e que será presentado ao Parlamento anualmente xunto co informe previsto no artigo 14.2.
- Se os órganos da Administración autonómica detectaren novos comités en que sexa de interese a participación das comunidades autónomas, remitirán a proposta ao órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
Artigo 35. Comité Europeo das Rexións
- A Comunidade Autónoma de Galicia participa no Comité Europeo das Rexións (CDR) de acordo coa normativa reguladora do dito órgano e, en particular, a través do membro titular e suplente que proceda designar de acordo coa citada normativa.
- O órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior asumirá, dentro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a coordinación das actividades relacionadas coa participación no indicado comité.
- As propostas que sexan obxecto de debate nos diferentes órganos do Comité Europeo das Rexións serán remitidas desde o órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior ás secretarías xerais técnicas das consellarías competentes por razón da materia, para a súa análise e a súa conformidade ou desconformidade, ou para a proposta de emendas no prazo que se indique no escrito de remisión segundo o prazo que, pola súa vez, outorgase o Comité Europeo das Rexións.
- O órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior poderá solicitar a utilización da lingua galega por parte da persoa representante da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos nos acordos do Comité adoptados para tal fin.
Artigo 36. Comité Económico e Social Europeo
A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a participación de persoas representantes galegas no Comité Económico e Social Europeo. Para este fin, difundirá entre as entidades galegas susceptibles de participaren no Comité Económico e Social Europeo o coñecemento deste e as súas actividades, coa asistencia e o auxilio, se for preciso, do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
Artigo 37. Tribunal de Xustiza da Unión Europea
- Nos supostos en que o permita a normativa procesual europea, cando resulten prexudicados os dereitos ou intereses lexítimos de Galicia, a Xunta de Galicia poderá solicitar intervir nas actuacións da Administración xeral do Estado nos asuntos relacionados co Tribunal de Xustiza da Unión Europea que afecten as súas competencias, solicitando mesmo a actuación do Reino de España.
- Se a Xunta de Galicia considera que unha disposición ou un acto adoptado por unha institución da Unión Europea que poida producir efectos xurídicos debe ser impugnado polo Reino de España perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, por estar viciado de ilegalidade e afectar as súas competencias ou intereses, poñerao en coñecemento da Administración xeral do Estado cunha antelación suficiente, tendo en conta os prazos establecidos no Regulamento do Tribunal de Xustiza. Esta comunicación farase a través da persoa representante de Galicia que forme parte da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea.
- Igualmente, se a Xunta de Galicia ten interese en que o Reino de España interveña como coadxuvante nun procedemento perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por entender que a sentenza que se poida ditar pode afectar as súas competencias ou os seus intereses lexítimos, poñerao en coñecemento da Administración xeral do Estado, pola mesma canle precisada na alínea anterior, cunha antelación suficiente tendo en conta os prazos establecidos no Regulamento do Tribunal de Xustiza.
- En caso de que a Xunta de Galicia considere que unha institución da Unión Europea se abstivo de actuar, causándolle con iso un prexuízo a Galicia, poderá solicitar, a través da persoa representante que forme parte da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea, que o Reino de España requira á dita institución para que actúe e, se for o caso, interpoña perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea un recurso de inacción.
- A Xunta de Galicia poderá solicitar, ademais, aos órganos competentes do Estado español calquera outra actuación xurídica perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea que resulte de acordos subscritos entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas.
- A representación, a defensa e o asesoramento xurídico nos asuntos que atinxan á Comunidade Autónoma de Galicia e que se traten perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, cando a normativa procesual aplicable o permita, corresponderanlle ao persoal letrado da Xunta de Galicia, que se deberá axustar á normativa de asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, sen prexuízo de que, de acordo coa indicada normativa, poida acordarse que a representación e a defensa en xuízo sexan asumidas por unha avogada ou un avogado, que actuará baixo a supervisión da Asesoría Xurídica Xeral.
Sección 3ª. Disposicións comúns
Artigo 38. Designación de responsables
Para o efectivo seguimento das actuacións da Administración autonómica na Unión Europa, no que respecta a este capítulo, deberá designarse unha persoa responsable nos ámbitos competenciais da Presidencia e de cada consellaría, preferentemente con rango de subdirección xeral e con funcións de vicesecretaría ou coordinación, cando sexa posible con coñecemento doutros idiomas europeos, para exercer de punto de contacto co órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior.
CAPÍTULO II
Acción exterior en Europa fóra do marco xurídico da Unión Europea
Artigo 39. Fundamentos da acción exterior galega en Europa fóra da Unión Europea
- O sector público autonómico desenvolverá a súa acción exterior europea fóra do ámbito institucional e orgánico da Unión Europea con pleno respecto á normativa española e da Unión Europea, de conformidade co prescrito na Estratexia de acción exterior de España e na Estratexia galega de acción exterior.
- A Administración autonómica velará, no marco das súas competencias, para que os restantes suxeitos públicos da acción exterior galega observen igualmente a citada normativa e as prescricións estratéxicas.
- A Administración autonómica impulsará a participación de Galicia nas redes europeas de cooperación territorial, co fin de fortalecer o seu posicionamento no ámbito internacional, favorecendo a defensa dos intereses globais conxuntos cos demais membros de cada rede. Ademais, incrementará os vínculos con aqueles territorios con que Galicia garde complementariedades ou afinidades socioeconómicas ou histórico-culturais.
Artigo 40. Participación en redes europeas de cooperación rexional
Nos termos do artigo 39, a Administración autonómica participará naquelas redes europeas de cooperación rexional que teñan como obxectivo a defensa dos intereses xerais das rexións fronteirizas e favorezan o desenvolvemento rexional e a cohesión territorial en Europa, especialmente na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (CRPM) e na Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), así como en calquera outra que se institúa ou que a propia Administración autonómica promova.
TÍTULO VI
Tratados e outros instrumentos e acordos internacionais
CAPÍTULO I
Negociación de tratados
Artigo 41. Participación por instancia galega en delegacións españolas no exterior e na negociación de tratados
- Se un órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia considera conveniente ou precisa a participación autonómica galega nunha delegación oficial española que se desprace ao exterior para negociar un tratado que teña por obxecto materias de competencia ou interese específico da Comunidade Autónoma galega ou afecte de maneira especial o ámbito territorial autonómico, o dito órgano comunicarallo ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex), para que este realice as xestións necesarias ante o ministerio competente.
Con aquela comunicación ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex achegarase a seguinte documentación:
- a) Unha memoria xustificativa sobre as materias de competencia ou interese específico da Comunidade Autónoma galega ou sobre a afectación de maneira especial ao ámbito territorial autonómico.
- b) A avaliación económica e orzamentaria, se for preciso.
- c) O informe do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de igualdade cando a materia obxecto de negociación teña repercusións en cuestións de xénero.
- Cando, a criterio dun órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, for indispensable ou recomendable que España inicie negociacións con outro estado ou outros suxeitos de dereito internacional para asinar un tratado que teña por obxecto materias de competencia ou interese específico da Comunidade Autónoma ou afecte de maneira especial o ámbito territorial autonómico, ou se xulga oportuno que autoridades ou funcionarios da Administración autonómica se incorporen a unha delegación oficial española no exterior co propósito de iniciar ou desenvolver conversas tendentes á negociación dun tratado, procederase do seguinte xeito:
- a) O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia propoñente elaborará unha memoria xustificativa, así como a correspondente avaliación económica e orzamentaria, se for preciso. Os ditos documentos serán remitidos ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, que, pola súa vez, procederá á súa valoración e elaborará o seu propio informe á luz do dereito internacional aplicable, así como un documento de prospectiva de condicionantes políticos internacionais que concorran no caso. Ademais, poderá solicitar informes adicionais aos organismos, ás entidades e aos expertos destacados que considere idóneos.
- b) Toda a documentación citada, xunto cunha proposta, será remitida polo órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex á persoa titular da consellaría a que estea adscrito, que valorará a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.
- c) No caso de elevación da proposta ao Consello da Xunta, se este considera a procedencia de lle solicitar á Administración xeral do Estado que inicie negociacións con outro estado ou outros suxeitos de dereito internacional ou a participación autonómica nas negociacións propiamente ditas para a sinatura dun tratado, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia cursará a solicitude galega á persoa titular do ministerio competente.
- d) As persoas representantes de Galicia nas referidas delegacións exteriores españolas negociadoras de tratados trasladarán unha copia das notas e dos informes que elaboren, así como dos documentos a que accedan, ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, que, pola súa vez, poderá destacar persoal especializado en apoio das persoas representantes autonómicas. En calquera caso, as persoas representantes autonómicas elaborarán uns informes reservados, que se remitirán coa periodicidade que determine o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex. Sempre se manterá a reserva, o sixilo, a confidencialidade ou o segredo que determine a autoridade ou a funcionaria ou o funcionario que presida a delegación española en que se integren as autoridades ou o persoal funcionario da Administración autonómica.
Artigo 42. Participación galega por invitación estatal en delegacións españolas no exterior e na negociación de tratados
Cando un órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia for invitado por outro da Administración xeral do Estado a participar nunha delegación oficial española que se desprace ao exterior para iniciar ou desenvolver negociacións con outro estado ou outros suxeitos de dereito internacional co obxecto de asinar un tratado, ou para que autoridades ou persoal funcionario da Administración autonómica se incorporen a unha delegación oficial española no exterior co propósito de iniciar ou desenvolver conversas tendentes á negociación dun tratado, procederase do seguinte xeito:
- a) O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que recibise a proposta estatal elaborará unha memoria xustificativa, así como a correspondente avaliación económica e orzamentaria, se for preciso. Os ditos documentos serán remitidos ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex), que, pola súa vez, procederá á súa valoración e elaborará o seu propio informe á luz do dereito internacional aplicable, así como un documento de prospectiva de condicionantes políticos internacionais que concorran no caso. Ademais, poderá solicitar informes adicionais aos organismos, ás entidades e ao persoal experto destacado que considere idóneos.
- b) O informe-proposta elevarallo o dito órgano de dirección á persoa titular da consellaría a que estea adscrito.
- c) A conselleira ou o conselleiro antedito valorará a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, para que este autorice, de ser o caso, a participación galega solicitada pola Administración xeral do Estado. No caso de que a autorice, precisará os condicionantes e o alcance desa participación, e o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex comunicarallo, ademais, ao ministerio competente en asuntos exteriores.
- d) As persoas representantes autonómicas nas delegacións exteriores españolas negociadoras de tratados por instancia da Administración xeral do Estado trasladarán unha copia das notas e actas que elaboren, así como dos documentos a que accedan, ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, que, pola súa vez, poderá destacar persoal especializado en apoio das persoas representantes autonómicas. En calquera caso, as persoas representantes autonómicas elaborarán informes reservados, que se remitirán coa periodicidade que determine o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex. Sempre se manterá a reserva, o sixilo, a confidencialidade ou o segredo que determine a autoridade ou a funcionaria ou o funcionario que presida a delegación española en que se integren as autoridades ou o persoal funcionario autonómico.
CAPÍTULO II
Execución de tratados
Artigo 43. Cooperación na execución de tratados
- A Administración autonómica cooperará coa Administración xeral do Estado na execución dos tratados que ratifiquen o Reino de España ou a Unión Europea en asuntos que atinxan competencias autonómicas.
- Na hipótese de dúbida sobre o xeito máis atinado de execución daqueles tratados, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, logo de se xustificar a súa especial transcendencia para a Comunidade Autónoma por parte do órgano autonómico competente por razón da materia, poderá solicitar un informe ao Consello Consultivo de Galicia, mesmo polo procedemento de urxencia.
- Se para a execución dun tratado na Comunidade Autónoma de Galicia for necesario realizar modificacións no ordenamento xurídico autonómico, estas realizaranse coa maior brevidade.
- A Administración autonómica remitirá oficialmente ao ministerio competente en asuntos exteriores copias dos proxectos normativos autonómicos preparados para dar execución a un tratado, co tempo preciso para que o dito ministerio poida realizar as observacións que coide oportunas, así como copias dos textos normativos unha vez aprobados estes.
Artigo 44. Coordinación co ministerio competente en asuntos exteriores para a execución de tratados
- A Administración autonómica coordinarase puntualmente co ministerio competente en asuntos exteriores para garantir a máxima seguranza xurídica na execución dos tratados que lle atinxan e para trasladar aos restantes estados ou organizacións internacionais parte deses tratados as garantías pertinentes.
- Para estes efectos, o órgano autonómico competente para a execución dun tratado solicitará un informe á asesoría xurídica e ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior sobre as suxestións do ministerio competente en asuntos exteriores.
- Cando se coide necesario por revestir especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia, a persoa titular da Presidencia da Xunta poderá solicitar un ditame ao respecto do Consello Consultivo de Galicia.
CAPÍTULO III
Acordos internacionais administrativos subscritos
polo sector público autonómico
Artigo 45. Acordo internacional administrativo por iniciativa autonómica
- O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade instrumental do sector público autonómico que propoña a subscrición dun acordo internacional administrativo deberá informar, en iniciando os pertinentes contactos exteriores, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex).
- Posteriormente, o órgano superior ou a entidade instrumental que propoña a subscrición dun acordo internacional administrativo negociará coa autoridade pública foránea o contido material do acordo, e poderá solicitar o asesoramento do órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex.
- Unha vez que se consensúe un texto básico, deberá remitirse oficialmente ao órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex xunto co seu correspondente informe debidamente motivado, e antes do peche das súas deliberacións coa contraparte estranxeira, unha proposta acompañada da seguinte documentación:
- a) Unha copia do tratado que será executado ou concretado polo acordo internacional administrativo proposto.
- b) O borrador final do acordo internacional administrativo proposto.
- c) O informe da asesoría xurídica.
- d) O informe técnico sobre as materias incluídas no acordo, elaborado polos servizos competentes do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou da entidade propoñente.
- e) A memoria económica verbo do impacto do acordo sobre os sectores afectados.
- f) A avaliación do custo orzamentario previsto durante o período de vixencia do acordo.
- g) O informe do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade cando a materia obxecto de acordo teña repercusións en cuestións de xénero.
- Após ter examinado a documentación achegada, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex dará traslado de toda a documentación ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos do informe previsto na normativa estatal.
- A sinatura destes acordos será realizada pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou, por delegación daquela, pola conselleira ou o conselleiro que determine. Así mesmo, a persoa titular da Presidencia poderá delegar a sinatura nos altos cargos autonómicos competentes en materia de acción exterior ou de emigración.
- O acordo asinado publicarase no Diario Oficial de Galiciacon indicación da data da súa entrada en vigor e remitirase ao ministerio competente en asuntos exteriores para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de acordo co previsto na normativa estatal.
Artigo 46. Acordo internacional administrativo por iniciativa dunha autoridade exterior
- O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade instrumental do sector público autonómico que reciba a proposta exterior de subscrición dun acordo internacional administrativo deberá remitir inmediatamente ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex), e sempre antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta acompañada da seguinte documentación:
- a) Unha copia do tratado que será executado ou concretado polo acordo internacional administrativo proposto.
- b) O borrador do acordo internacional administrativo proposto pola autoridade exterior.
- c) O informe da asesoría xurídica.
- d) O informe técnico sobre as materias incluídas no acordo, elaborado polos servizos competentes do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou da entidade interesada.
- e) A memoria económica verbo do impacto do acordo sobre os sectores afectados en Galicia.
- f) A avaliación do custo orzamentario previsto para Galicia durante o período de vixencia do acordo.
- g) O informe do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade cando a materia obxecto de acordo teña repercusións en cuestións de xénero.
- Após ter examinado a documentación achegada, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex dará traslado de toda a documentación ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos do informe previsto na normativa estatal. Se a contraparte estranxeira non acepta as propostas de modificación engadidas ao texto que se lle traslade, incorporarase á comisión negociadora unha persoa representante do órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, co fin de adecuar o texto aos requisitos galegos e españois exixibles de acordo co previsto na normativa estatal.
- A sinatura destes acordos será realizada pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou, por delegación daquela, pola conselleira ou o conselleiro que determine. Así mesmo, a persoa titular da Presidencia poderá delegar a sinatura nos altos cargos autonómicos competentes en materia de acción exterior ou de emigración.
- O acordo asinado publicarase no Diario Oficial de Galiciacon indicación da data da súa entrada en vigor e remitirase ao ministerio competente en asuntos exteriores para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de acordo co previsto na normativa estatal.
CAPÍTULO IV
Acordos internacionais non normativos subscritos
polo sector público autonómico
Artigo 47. Acordo internacional non normativo por iniciativa autonómica
- O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade instrumental do sector público autonómico que propoña a subscrición dun acordo internacional non normativo intentará adecuarse ao modelo de memorando de entendemento que lle proporcione o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex). En todo caso, deberá informar, en iniciando os seus contactos coa correspondente autoridade exterior, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, e poderá solicitar o seu asesoramento.
- Posteriormente, o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade que propoña a subscrición dun acordo internacional non normativo negociará coa autoridade foránea o contido material do acordo.
- Unha vez que se consensúe un texto, este deberase remitir oficialmente ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, e antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta acompañada da seguinte documentación:
- a) O borrador do acordo internacional non normativo proposto, axeitado o máis posible ao modelo de memorando de entendemento que se lle facilitase.
- b) O informe da asesoría xurídica.
- c) A memoria económica verbo do impacto do acordo sobre os sectores afectados.
- d) A avaliación do custo orzamentario previsto durante o período de vixencia do acordo.
- e) O informe do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade cando a materia obxecto de acordo teña repercusións en cuestións de xénero.
- Após ter examinado a documentación achegada, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex dará traslado de toda a documentación ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos do informe previsto na normativa estatal.
- A sinatura destes acordos será realizada pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou, por delegación daquela, pola conselleira ou o conselleiro que determine. Así mesmo, a persoa titular da Presidencia poderá delegar a sinatura nos altos cargos autonómicos competentes en materia de acción exterior ou de emigración.
- Unha copia do acordo asinado remitirase ao ministerio competente en asuntos exteriores para a súa inscrición no rexistro previsto na normativa estatal.
Artigo 48. Acordo internacional non normativo por iniciativa dunha autoridade exterior
- O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade instrumental do sector público autonómico que reciba a proposta exterior de subscrición dun acordo internacional non normativo deberá remitir inmediatamente ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex), e sempre antes do peche dos seus contactos coa contraparte estranxeira, unha proposta acompañada da seguinte documentación:
- a) O borrador do acordo internacional non normativo proposto pola autoridade exterior.
- b) O informe da asesoría xurídica.
- c) A memoria económica verbo do impacto do acordo sobre os sectores afectados en Galicia.
- d) A avaliación do custo orzamentario previsto para Galicia durante o período de vixencia do acordo.
- e) O informe do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade cando a materia obxecto de acordo teña repercusións en cuestións de xénero.
- O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade autonómica que reciba a proposta exterior de subscrición dun acordo internacional non normativo intentará, durante o proceso negociador coa autoridade exterior, que o documento que haxa que asinar se acomode o máis posible ao modelo de memorando de entendemento que lle facilite o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex.
- Após ter examinado a documentación achegada, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex dará traslado de toda a documentación ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos do informe previsto na normativa estatal. Se a contraparte estranxeira non acepta as propostas de modificación engadidas ao texto que se lle traslade, incorporarase á comisión negociadora unha persoa representante do órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex, co fin de adecuar o texto aos requisitos galegos e españois exixibles.
- A sinatura destes acordos será realizada pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou, por delegación daquela, pola conselleira ou o conselleiro que determine. Así mesmo, a persoa titular da Presidencia poderá delegar a sinatura nos altos cargos autonómicos competentes en materia de acción exterior ou de emigración.
- Unha copia do acordo asinado remitirase ao ministerio competente en asuntos exteriores para a súa inscrición no rexistro previsto na normativa estatal.
Artigo 49. Modelos de memorandos de entendemento
- O órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) negociará coas autoridades competentes do ministerio competente en asuntos exteriores a adopción de modelos harmonizados de memorandos de entendemento que satisfagan os requirimentos das lexislacións estatal e autonómica e que, deste xeito, permitan axilizar os procedementos internos de coordinación entrambas as dúas administracións, e destas con outras administracións, corporacións ou entidades públicas galegas.
- As administracións, corporacións ou entidades públicas galegas que promovan a sinatura de acordos internacionais non normativos tentarán adecuar as súas propostas aos devanditos modelos harmonizados. De non ser posible, comunicarán con suficiente antelación esta circunstancia, de forma motivada, e as alternativas que propoñan, ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex. Este estudará cada caso e contrastará co ministerio competente en asuntos exteriores as alternativas que coide máis axeitadas, que haberán ser sempre compatibles co ordenamento xurídico español.
CAPÍTULO V
Outros acordos de suxeitos públicos
Artigo 50. Acordos de suxeitos públicos non integrantes do sector público autonómico
Os órganos, organismos e entes das administracións locais galegas, as universidades públicas galegas e outros suxeitos de dereito público galegos distintos dos integrantes do sector público autonómico poderán subscribir acordos internacionais administrativos e non normativos nos termos previstos na normativa estatal e nesta lei. Estes acordos deberán ser compatibles coa Estratexia galega de acción exterior.
Artigo 51. Procedemento para a realización de acordos por suxeitos públicos non integrantes do sector público autonómico
- Para a mellor coordinación co ministerio competente en asuntos exteriores, os acordos previstos no artigo precedente remitiranse a aquel por medio do órgano de dirección da Administración autonómica responsable da Estratexia galega de acción exterior (Egaex). Previamente, a entidade correspondente poderá solicitar asesoramento a ese órgano de dirección sobre o contido dos acordos. En todo caso, a ulterior remisión a aquel ministerio precisará que se xunte a seguinte documentación coa suficiente antelación á sinatura de calquera acordo con representantes de entidades públicas do exterior:
- a) O borrador do texto.
- b) O informe do órgano que exerza na entidade as funcións de asesoramento xurídico.
- c) O informe do órgano que exerza na entidade as funcións de fiscalización orzamentaria.
- Tras examinar esta documentación, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable da Egaex remitirá a proposta ao dito ministerio.
- Se o ministerio competente en asuntos exteriores non pon reparos no prazo previsto na normativa estatal, o órgano de dirección da Administración autonómica responsable da Egaex comunicará esta circunstancia á entidade promotora.
- Despois de asinar o acordo, e sen prexuízo da publicación oficial que deba darse conforme a normativa estatal, a entidade promotora publicará o acordo na súa páxina web ou portal de transparencia, e daralle traslado ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable da Egaex, que ao tempo llo comunicará ao ministerio competente en asuntos exteriores.
- Do mesmo xeito, despois de asinar o acordo, o órgano competente da entidade dará traslado dunha copia fidedigna para o seu rexistro ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex.
- Todos os acordos referidos neste artigo serán asinados, cando menos, nos dous idiomas oficiais de Galicia. De se empregaren outros idiomas, xuntaranse igualmente copias fidedignas deles.
CAPÍTULO VI
Comunicación e arquivamento dos acordos subscritos
polo sector público autonómico
Artigo 52. Comunicación e arquivamento dos acordos subscritos polo sector público autonómico
Unha vez subscritos os acordos a que fan referencia os capítulos III e IV deste título, o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a entidade instrumental do sector público autonómico que se encargase da súa tramitación enviará, nun prazo inferior a dez días naturais, un exemplar orixinal asinado en cada idioma empregado para o seu arquivamento ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior.
TÍTULO VII
Accións sectoriais no exterior
CAPÍTULO I
Acción exterior no eido transversal
Sección 1ª. Acción exterior en materia de emigración
Artigo 53. Galegas e galegos do exterior
- A acción exterior en materia de emigración velará especialmente pola salvagarda dos dereitos sociais e económicos de toda a cidadanía galega residente no exterior e dos seus descendentes, así como das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Fomentará, así mesmo, o mantemento dos seus vínculos lingüísticos e culturais.
- Así mesmo, promoverá o traballo conxunto coas comunidades ou colectividades galegas no exterior, na proxección internacional de Galicia.
Artigo 54. Acción exterior en materia de retorno
A acción exterior en materia de retorno estará orientada a facilitar o regreso a Galicia das persoas galegas residentes no exterior e das súas familias, levando a cabo políticas de información, orientación e seguimento en todo o proceso, para conseguir unha plena integración na sociedade galega.
Sección 2ª. Emerxencias
Artigo 55. Desprazamento ao exterior de equipos de protección civil ou emerxencias financiados con recursos públicos galegos
- Cando se requira ou ofreza axuda internacional que atinxa equipos de protección civil ou emerxencias financiados con recursos públicos galegos, comunicarase inmediatamente ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior, que ao tempo llo trasladará ao ministerio competente en asuntos exteriores, para os efectos do seu coñecemento e de posibilitar a coordinación polas autoridades diplomáticas e consulares españolas sobre o terreo, en concordancia coas autoridades locais e cos responsables da Unión Europea e das axencias internacionais sobre o terreo.
- Calquera incidencia de saúde que padeza este persoal galego con motivo do seu desprazamento ao exterior será cuberta ao seu regreso a Galicia polo Servizo Galego de Saúde.
Sección 3ª. Formación do persoal empregado público
Artigo 56. Formación do persoal empregado público en materias de interese europeo e internacional
- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) dará audiencia ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo cumprimento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex), para prever as necesidades formativas do persoal empregado público a quen se poida dirixir a actividade formativa da EGAP no que atinxa o desenvolvemento e a aplicación desta lei e mais a execución da Egaex. A dita audiencia poderase artellar a través dunha comisión mixta de seguimento de composición paritaria.
- Sen prexuízo do anterior, promoverase a cooperación coas universidades galegas e con outros centros universitarios e especializados, preferentemente de titularidade pública, tanto españois coma europeos ou de terceiros estados non-membros da Unión Europea.
- Correspóndelle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, logo da audiencia ao órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo cumprimento e a execución da Egaex, prever as necesidades formativas do persoal do Sistema público de saúde de Galicia en materias relacionadas co desenvolvemento e a aplicación desta lei e mais coa execución da Egaex.
CAPÍTULO II
Acción exterior no eido de facenda
Sección 1ª. Planificación económica
Artigo 57. Consideración do contorno europeo e internacional na planificación económica
O órgano de dirección da Administración autonómica que teña encomendada a responsabilidade de efectuar a planificación económica poderá reclamar a cooperación do órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior e mais da Fundación Galicia Europa no ámbito da información, dos estudos e da lexislación, de órbita comunitaria ou internacional.
Sección 2ª. Fondos da Unión Europea
Artigo 58. Negociación, programación e xestión dos fondos da Unión Europea a prol de Galicia
O órgano de dirección da Administración autonómica responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior e mais os órganos de dirección autonómicos responsables de efectuaren a planificación económica galega e a xestión dos fondos da Unión Europea manterán a máis estreita cooperación e coordinación co obxectivo de atinxir o mellor resultado posible na fase negociadora dos marcos financeiros plurianuais, dos programas operativos de interese para Galicia e da normativa europea de implementación deses recursos.
CAPÍTULO III
Acción exterior ambiental e cambio climático
Artigo 59. Cooperación ambiental exterior
- Na realización de avaliacións ambientais estratéxicas sometidas á Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, as autoridades ambientais galegas realizarán as pertinentes consultas transfronteirizas, mesmo no caso de dúbida razoable da súa obrigatoriedade, coas autoridades portuguesas por medio das canles establecidas no ordenamento xurídico.
- Nesta materia observarase o establecido no Protocolo de actuación entre o Goberno de España e o Goberno da República Portuguesa de aplicación nas avaliacións ambientais de plans, programas e proxectos con efectos transfronteirizos, feito en Madrid o 19 de febreiro de 2008.
Artigo 60. Participación activa
A acción exterior de Galicia no eido ambiental e do cambio climático buscará que as institucións e o conxunto da sociedade galega participen activamente na primeira liña das accións internacionais contra o cambio climático e de preservación dos ecosistemas planetarios, tendo en conta a interdependencia dos ecosistemas globais e as repercusións negativas do cambio climático.
CAPÍTULO IV
Acción exterior no eido da economía
Sección 1ª. Comercio no mercado interior, comercio exterior e atracción
de investimentos e inmigrantes
Artigo 61. Comercio no mercado interior
- Para mellorar o aproveitamento das vantaxes do mercado interior europeo, o sector público autonómico tomará en consideración as mellores prácticas avaladas pola dirección xeral competente da Comisión Europea.
- A Administración autonómica favorecerá a prestación de servizos transfronteirizos dos operadores galegos dentro do mercado interior europeo, mediante os correspondentes estudos de mercado, para aproveitar as vantaxes competitivas daqueles.
Artigo 62. Comercio exterior
- A Administración autonómica promoverá a diversificación internacional do comercio exterior desenvolvido polas empresas radicadas en Galicia.
- Cando a Administración autonómica observe unha excesiva concentración de riscos sistémicos, convocará as cámaras de comercio galegas e as asociacións sectoriais concernidas para elaborar uns plans de continxencia que inclúan a pescuda de novos mercados.
- A Administración autonómica realizará anualmente unha convocatoria ás cámaras de comercio galegas e ás asociacións sectoriais coa finalidade de revisar a prioridade de mercados obxectivo e a fixación de novos mercados obxectivo a medio prazo.
Artigo 63. Captación de investimentos produtivos
- Durante o primeiro trimestre de cada ano natural logo da entrada en vigor desta lei, a Administración autonómica examinará o estudo Doing businessdo Banco Mundial, para os efectos de avaliar a posta en marcha das medidas precisas, dentro das competencias autonómicas, para mellorar a atracción de capital foráneo dedicado a investimentos produtivos. Asemade, na elaboración destas medidas tomaranse en consideración outros informes oficiais da Comisión Europea e de organizacións internacionais en que España sexa estado membro.
- Cando os atrancos ou atrasos aos investimentos de capital foráneo procedan doutras administracións galegas, a Xunta de Galicia promoverá as modificacións indispensables para situar Galicia no chanzo superior das administracións máis eficientes en tempo e custos do contorno da Unión Europea.
- Os investimentos produtivos de capital foráneo beneficiaranse das medidas previstas na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, de acordo co disposto nela.
Artigo 64. Colaboración coa rede de oficinas comerciais das embaixadas de España no exterior
Para as finalidades previstas nos artigos 62 e 63, a Administración autonómica promoverá mecanismos e procedementos de colaboración estables coa rede de oficinas comerciais das embaixadas de España no exterior.
Artigo 65. Atracción de inmigrantes de países prioritarios
- A Administración autonómica desenvolverá iniciativas para estimular o asentamento no territorio galego de nacionais dos estados e territorios previstos na Estratexia galega de acción exterior.
- As iniciativas anteditas deberán acomodarse en calquera caso ás directrices das autoridades españolas e da Unión Europea, sen prexuízo de que as autoridades galegas realicen as xestións precisas para trasladar aos ministerios competentes as necesidades estruturais galegas neste eido.
- Priorizarase o asentamento dos inmigrantes referidos neste artigo nos concellos e as bisbarras que precisen dun maior dinamismo poboacional.
Sección 2ª. Acción exterior na I+D+I
Artigo 66. Polo de excelencia cara ao exterior
- A Administración autonómica promoverá Galicia como polo de excelencia científica e tecnolóxica, tanto no coñecemento e na investigación coma na innovación e na capacidade innovadora da súa economía.
- A Administración autonómica potenciará, no marco das súas competencias, as relacións de colaboración cos organismos e as organizacións internacionais no ámbito da investigación e da innovación. A este respecto, o marco institucional da Unión Europea será o ámbito prioritario.
Artigo 67. Colaboración cara ao exterior
- A Administración autonómica promoverá a participación de persoas físicas, organismos públicos e privados, entidades e empresas do Sistema galego de investigación e innovación en proxectos e programas de I+D+I internacionais, especialmente os promovidos pola Unión Europea.
- A Administración autonómica impulsará a participación das administracións, dos organismos públicos e privados, das entidades e das empresas do Sistema galego de investigación e innovación nas redes interrexionais, paneuropeas e internacionais de coñecemento e de colaboración no ámbito da I+D+I. Así mesmo, promoverá a visibilidade e o posicionamento dos axentes galegos tanto na Unión Europea coma internacionalmente.
- A Administración autonómica promoverá a mobilidade internacional do persoal investigador e a presenza en institucións internacionais vinculadas á I+D+I, así como a atracción do talento investigador e innovador.
- No marco das súas competencias, a Administración autonómica participará na subscrición de tratados internacionais e subscribirá outros acordos internacionais que contribúan aos obxectivos das súas políticas de I+D+I.
Artigo 68. Estratexia de especialización intelixente
No marco da Estratexia de especialización intelixente, o sector público autonómico levará a cabo as actividades oportunas para o seu adecuado desenvolvemento no ámbito interrexional e paneuropeo, de acordo coas necesidades de colaboración reforzada que implica a nivel exterior e tendo en conta as oportunidades de complementariedade e de sinerxía. En especial, o sector público autonómico impulsará a integración nas redes, os mecanismos e os instrumentos postos en marcha tanto no ámbito da Unión Europea coma noutros ámbitos internacionais, que permitan desenvolver marcos de colaboración ampliada e que estean ligados ás propias estratexias de innovación europeas ou aos instrumentos desenvolvidos no seu ámbito.
CAPÍTULO V
Acción exterior no eido do ensino e da universidade
Sección 1ª. Ensino
Artigo 69. Obxectivos europeos de calidade
- O ensino galego ten como obxectivo propio acadar os indicadores de calidade establecidos pola Unión Europea e conseguidos polos estados máis avanzados neste eido.
- A Administración educativa galega fomentará os intercambios europeos de profesionais do ensino e de estudantes, cunha orientación cara á mellora dos resultados sinalados como clave pola Unión Europea.
- A Administración autonómica convidará os profesionais do ensino a propoñer as melloras prácticas que rendan resultados positivos no contorno da Unión Europea para o seu ensaio mediante proxectos piloto.
Sección 2ª. Universidade
Artigo 70. Internacionalización do Sistema universitario galego
- A Xunta de Galicia primará no financiamento universitario a medra na internacionalización das universidades públicas do Sistema universitario galego consonte os indicadores recomendados pola Unión Europea.
- En conformidade co previsto na alínea precedente, estimularase preferentemente a atracción de alumnado de países da lusofonía e dos países que se indiquen como prioritarios na Estratexia galega de acción exterior.
- A Administración autonómica impulsará a coordinación da promoción exterior das universidades galegas e estimulará a máis estreita cooperación entre elas, buscando a colaboración coas restantes da Eurorrexión, en especial cando se dirixan a países da lusofonía.
- A Xunta de Galicia deseñará unha política pública de seu, orientada a favorecer o establecemento e o emprendemento en Galicia dos titulados foráneos nas universidades galegas.
CAPÍTULO VI
Voluntariado social no exterior
Artigo 71. Pulo do voluntariado social galego
A Administración autonómica participará, no marco das súas competencias, nos programas de voluntariado social promovidos polas autoridades da Unión Europea, con preferencia naqueles aos cales se sumen autoridades portuguesas e doutros países determinados como prioritarios na Estratexia galega de acción exterior.
CAPÍTULO VII
Acción exterior nos eidos da cultura, da lingua e do turismo
Artigo 72. Cultura galega no exterior
A acción exterior en materia de cultura terá como obxectivo a defensa, a promoción e a difusión dos valores culturais do pobo galego, a visibilización no exterior do noso tecido cultural, a promoción do consumo de bens, servizos e produtos culturais galegos fóra das fronteiras españolas e mais o fomento dos intercambios culturais que faciliten o coñecemento do patrimonio cultural de Galicia nas súas diversas manifestacións, no marco das competencias establecidas pola Constitución española e polo Estatuto de autonomía de Galicia.
Artigo 73. Lingua galega no exterior
- A acción exterior en materia de lingua galega promoverá o ensino da lingua e da literatura, así como as actividades relacionadas coa súa investigación e divulgación, como manifestación dunha cultura diferenciada e como expresión social do pobo galego. Do mesmo xeito, impulsará o apoio institucional da utilización e a promoción do galego nas comunidades de fóra de Galicia en que ten uso e pervivencia.
- Co fin de poñer en valor a utilidade internacional da lingua galega, a Administración autonómica:
- a) Apoiará a distribución e o consumo de bens, servizos e produtos en lingua galega nos países do ámbito lusófono co obxecto de asociala a unha imaxe de dinamismo económico e comercial.
- b) Impulsará a colaboración coa Administración xeral do Estado para levar a cabo, a través da rede de centros do Instituto Cervantes, actividades conxuntas de promoción e difusión da lingua galega.
- c) Promoverá o uso da lingua galega nas institucións internacionais e procurará o seu pleno recoñecemento nos ámbitos en que conte con representación oficial, así como a tradución de textos galegos para o inglés e outras linguas, e viceversa.
- O Goberno galego desenvolverá unha estratexia de intervención de Galicia a favor da diversidade lingüística e cultural, sumándose ás iniciativas internacionais neste ámbito, nomeadamente ás promovidas no marco da Unesco, en coordinación co Goberno do Estado e coas accións promovidas desde o ministerio competente en materia de asuntos exteriores, Unión Europea e cooperación.
Artigo 74. Turismo foráneo
A acción exterior en materia de turismo orientarase á promoción da imaxe marca-país de Galicia como destino turístico, con especial atención á posta en valor dos camiños de Santiago, así como á planificación, ao desenvolvemento, á execución e ao seguimento de actividades de carácter promocional do sector turístico galego, sen prexuízo das competencias da Administración xeral do Estado e en colaboración coa Organización Mundial do Turismo.
A Administración galega utilizará os camiños de Santiago como camiños de volta, co obxecto de promover no exterior os valores, a identidade e a imaxe de Galicia.
Artigo 75. Proxección da imaxe internacional de Galicia
A acción exterior galega promocionará as liñas de traballo conxunto cos axentes turísticos, culturais e lingüísticos galegos, tanto públicos como privados, con actividade internacional regular, para proxectar a imaxe internacional de Galicia.
CAPÍTULO VIII
Acción exterior no eido da sanidade
Artigo 76. Promoción de servizos sanitarios cara ao exterior
A Administración autonómica deseñará unha iniciativa de seu para atraer demanda de servizos sanitarios de alto valor engadido para a súa prestación en Galicia, semellantes aos desenvolvidos por outros países da Unión Europea, aproveitando as vantaxes competitivas e de cualificacións dos nosos profesionais, coa finalidade de xerar en Galicia máis postos de traballo de alto nivel.
CAPÍTULO IX
Acción exterior marítima
Artigo 77. Defensa dos intereses do sector do mar no eido exterior
- A Administración autonómica promoverá unha política activa de acordos da Unión Europea con terceiros estados non-membros para manter a autonomía europea no aprovisionamento de alimentos e produtos do mar.
- A Administración autonómica poderá estimular a concertación privada de acordos entre axentes galegos do sector do mar e autoridades de terceiros estados non-membros da Unión Europea para garantir o acceso a augas deses estados, sempre consonte a normativa europea e española na materia.
TÍTULO VIII
Cooperación para o desenvolvemento
CAPÍTULO I
Disposicións xerais no eido da cooperación para o desenvolvemento
Artigo 78. A política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento
- A política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento inclúe o conxunto de iniciativas, actuacións e recursos que a sociedade galega, a través do sector público autonómico, pon ao servizo das persoas, as comunidades, as entidades e as institucións públicas en países empobrecidos e en vías de desenvolvemento, contribuíndo ao logro da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable, co fin de erradicar a pobreza nas súas múltiples dimensións, reducir as desigualdades, promover a realización efectiva dos dereitos humanos, favorecer modelos de produción e consumo sustentables, loitar contra o cambio climático e promover unhas relacións internacionais baseadas na paz e na xustiza.
- As actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento, en canto expresión do compromiso solidario da sociedade galega coa xustiza global, orientaranse á promoción de cambios positivos, sustentables e a longo prazo nas condicións de vida das persoas para a realización do dereito ao desenvolvemento humano sustentable dos países e os pobos con que cooperan o sector público autonómico e os axentes de cooperación, e contribuirán á construción dunha cidadanía global concienciada e comprometida que apoia e participa nas políticas e actuacións de solidariedade e xustiza social no ámbito local e global.
- As actuacións e os recursos que o sector público autonómico destine á cooperación para o desenvolvemento no exercicio das súas competencias contribuirán ao cumprimento da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable das Nacións Unidas e dos seus organismos especializados e mais do establecido na lexislación e a planificación estatais nesta materia.
- Os recursos destinados á cooperación para o desenvolvemento polo sector público autonómico terán a consideración de axuda oficial ao desenvolvemento cando satisfagan os criterios establecidos no marco internacional de referencia na materia. Ao tempo, tamén poderán incluír outros recursos públicos destinados a países empobrecidos ou en vías de desenvolvemento e á cooperación multilateral definida no artigo 84.1.b) no contexto da definición internacional do apoio oficial total ao desenvolvemento sustentable.
- A denominación Cooperación Galega inclúe o conxunto de iniciativas e actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento promovidas, ben directamente polo sector público autonómico, ben a través dos outros axentes de cooperación para o desenvolvemento, que son financiadas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas iniciativas e actuacións serán identificadas cos logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega que estableza o órgano de dirección da Administración autonómica competente nesta materia.
Artigo 79. Ámbito de aplicación
- Este título aplicarase a todas as iniciativas, actuacións e recursos en materia de cooperación para o desenvolvemento humano sustentable e a solidariedade internacional do sector público autonómico.
- Os principios, os obxectivos, os criterios e as prioridades deste título rexerán, así mesmo, a actividade das administracións locais galegas e das entidades delas dependentes en materia de cooperación para o desenvolvemento, sen prexuízo da súa autonomía no exercicio das súas competencias.
- As prioridades fixadas polo Plan director da cooperación galega vixente nesta materia inspirarán igualmente as actuacións de cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade internacional das administracións locais galegas, que tenderán a buscar a coordinación e a complementariedade entre os axentes de cooperación e achegar un valor engadido e diferenciado.
Artigo 80. Principios da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento
Son principios orientadores da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento:
- a) A centralidade do ser humano como protagonista e destinatario de toda actuación de cooperación para o desenvolvemento, no marco do recoñecemento da súa liberdade e dignidade e da realización efectiva dos dereitos humanos, individuais e colectivos.
- b) O desenvolvemento humano sustentable como un proceso multidimensional nos ámbitos social, económico e ambiental, e como responsabilidade compartida da sociedade e das administracións públicas galegas e dos países e os pobos con que se asocia a Cooperación Galega, con especial consideración da loita contra o cambio climático e os seus efectos.
- c) O respecto e a promoción da apropiación democrática do proceso de desenvolvemento para que os gobernos e as sociedades civís dos países e os pobos con que se asocia a Cooperación Galega exerzan un liderado, autoridade e responsabilidade efectiva, tanto sobre as súas políticas e estratexias de desenvolvemento coma sobre os seus modelos propios de desenvolvemento social, cultural, económico, político e ambiental.
- d) O aliñamento coas políticas públicas e estratexias de desenvolvemento humano sustentable dos países e os pobos con que se asocia a Cooperación Galega cando fosen o resultado dun proceso democrático de diálogo, concertación e participación da súa sociedade civil organizada e non atenten contra os dereitos humanos, o ambiente, a xustiza social e os compromisos adquiridos en convenios internacionais.
- e) A gratuidade, de tal xeito que as actuacións de cooperación internacional para o desenvolvemento respondan ao principio de solidariedade desinteresada e non poderán estar orientadas, nin directa nin indirectamente, á recepción de contraprestacións ou á obtención de beneficios materiais, de calquera natureza, polos axentes doadores.
- f) O exercicio pleno e integral dos dereitos da infancia e a igualdade de xénero, o apoderamento e o exercicio pleno e efectivo dos dereitos das mulleres, desenvolvendo actuacións positivas e considerando nas actuacións as diferentes situacións, condicións e necesidades de homes e mulleres, a todos os niveis e nas distintas fases de planificación, execución e avaliación.
- g) A xustiza, a liberdade e a igualdade nas relacións entre as persoas, as comunidades, os pobos e os países, así como a prevención e resolución pacífica dos conflitos, fortalecendo a convivencia e a paz.
- h) A non-discriminación por razóns de sexo, raza, cultura, ideoloxía ou relixión das persoas ou comunidades coas cales se coopera, e o respecto á súa identidade, lingua e cultura propias.
- i) O benestar, a cohesión e a xustiza sociais para un desenvolvemento económico inclusivo baseado nunhas relacións comerciais xustas e na redistribución equitativa da riqueza e a prosperidade compartida por toda a sociedade.
- j) O respecto da independencia das organizacións non-gobernamentais e dos demais axentes de cooperación na execución de actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento e a educación para a cidadanía global, así como da neutralidade e imparcialidade da acción humanitaria.
Artigo 81. Obxectivos da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento
Son obxectivos da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento:
- a) Contribuír á erradicación da fame, da pobreza e da desigualdade, en todas as súas formas e dimensións, para que todos os seres humanos poidan realizar o seu potencial con dignidade e liberdade, cunha atención específica ás necesidades e demandas das persoas e os colectivos máis vulnerables.
- b) Promover a sustentabilidade da vida protexendo o planeta contra a degradación, fomentando o consumo, a produción e a xestión sustentables dos recursos naturais, os principios e valores do comercio xusto e a economía social no marco dunhas relacións comerciais máis xustas, e promovendo a conservación da biodiversidade e a loita contra o cambio climático, de xeito que se poidan satisfacer as necesidades das xeracións presentes e futuras.
- c) Fomentar que todos os seres humanos poidan ampliar as súas opcións e capacidades para gozar dunha vida digna, próspera e plena e que o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico se produza con criterios de xustiza social.
- d) Fortalecer a capacidade das persoas, comunidades, organizacións e institucións para anticiparse e prever riscos, ameazas, acontecementos adversos ou desastres, sendo quen de recuperarse, adaptarse e prosperar despois da crise económica, política, social ou ambiental.
- e) Propiciar sociedades pacíficas, xustas e inclusivas dentro dun marco democrático e de respecto e realización dos dereitos humanos, contribuíndo á superación dos contextos e das situacións de violencia, vulnerabilidade, exclusión e marxinación económica, política, social ou ambiental.
- f) Impulsar a cultura da solidariedade internacional e a conciencia de cidadanía global, dando resposta á demanda da sociedade galega de participar activamente na realización dos valores de solidariedade e dos deberes de xustiza global.
- g) Mobilizar na sociedade galega e nas administracións públicas galegas os medios e os recursos necesarios para contribuír ao logro da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable, mediante a alianza e asociación cos axentes de cooperación e o fortalecemento da súa capacidade.
- h) Fortalecer o compromiso das empresas galegas cos principios do desenvolvemento humano sustentable e co cumprimento dos convenios internacionais de dereitos humanos, ambiente e dereitos laborais en coherencia coa Axenda global de desenvolvemento humano sustentable.
- i) Colaborar na creación dunha alianza internacional a favor da acollida de persoas migrantes e exiliadas.
Artigo 82. Criterios da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento
Son criterios que regulan a execución das actuacións no ámbito da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento:
- a) A eficacia e sustentabilidade para garantir a consecución de cambios positivos, sustentables e a longo prazo nas persoas e as comunidades, así como a consolidación futura dos resultados de desenvolvemento acadados.
- b) A especialización nos ámbitos e sectores de actuación en que a Cooperación Galega conta con vantaxes comparativas.
- c) A concentración de recursos nas prioridades definidas polo Plan director da cooperación galega co fin de garantir unha maior eficacia e calidade da axuda e do desenvolvemento.
- d) A eficiencia, responsabilidade e transparencia na xestión dos recursos públicos destinados á cooperación para o desenvolvemento, establecendo uns criterios de avaliación e indicadores que fagan posible a medición do impacto e do logro de resultados para a rendición de contas á sociedade.
- e) A previsibilidade e a solvencia da Cooperación Galega para a dotación e o desembolso pleno e efectivo dos recursos financeiros comprometidos.
- f) A coherencia de políticas para o desenvolvemento humano sustentable realizadas polas administracións públicas, transversalizando os obxectivos da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable e dos seus organismos especializados no conxunto das políticas do sector público autonómico e das administracións locais galegas, no ámbito das súas respectivas competencias.
- g) A participación das persoas e as comunidades nos países e os pobos con que se coopera e na Comunidade Autónoma de Galicia en todas as fases do ciclo do proxecto de cooperación, así como a participación dos axentes de cooperación na planificación, o seguimento e a avaliación desta política pública.
- h) A subsidiariedade na implementación das estratexias multinivel, adoptadas tanto na Axenda global de desenvolvemento humano sustentable coma nas políticas de cooperación da Unión Europea e do Estado, ao nivel máis próximo posible á cidadanía da Comunidade Autónoma de Galicia e ás persoas e aos colectivos destinatarios das actuacións, cando resulte acorde con tales estratexias.
- i) A complementariedade entre as administracións públicas galegas a través do fomento da participación, da coordinación, da colaboración e da concertación mutuas, así como coa sociedade civil e outras administracións públicas, institucións, axencias e organizacións internacionais de cooperación, cunha atención específica á promoción de alianzas e relacións estables de traballo cos axentes portugueses de cooperación.
- j) A harmonización e a responsabilidade mutua no marco da xestión por resultados de desenvolvemento e do respecto do principio de asociación, atendendo ás prioridades, aos procedementos, ás capacidades e á natureza diferenciada dos socios de desenvolvemento da Cooperación Galega como administracións públicas, gobernos subestatais ou organizacións da sociedade civil, entre outros.
CAPÍTULO II
Planificación, modalidades, prioridades, xestión do coñecemento, avaliación, transparencia e rendición de contas da Cooperación Galega
Artigo 83. Planificación da Cooperación Galega
- A política pública autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento articularase a través do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento, cunha duración de catro anos.
- O Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento fundamentarase nos principios, os obxectivos, os criterios e as prioridades deste título. O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento basearase para a súa formulación na avaliación participativa do plan director precedente, e habilitará os espazos e mecanismos de consulta oportunos promovendo a participación plural, activa e inclusiva dos axentes de cooperación.
- O Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento fixará o marco estratéxico da cooperación para o desenvolvemento nos seus resultados esperados, as prioridades xeográficas e sectoriais, as modalidades, os instrumentos, os procesos de avaliación e os recursos orzamentarios, que orientarán esta política pública durante o seu período de vixencia.
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento elaborará un Proxecto de plan de acción anual, que se someterá á aprobación do Consello da Xunta de Galicia. No dito plan fixarase a programación operativa da Cooperación Galega con base nos resultados, as prioridades xeográficas e sectoriais, as modalidades e instrumentos, os procesos de avaliación e os recursos orzamentarios previstos no Plan director vixente.
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento poderá promover a elaboración participativa de estratexias específicas nas prioridades establecidas nesta lei e no Plan director vixente, complementarias das estratexias e dos plans sectoriais da Administración xeral do Estado na materia.
Artigo 84. Modalidades da Cooperación Galega
- As actuacións da Cooperación Galega poderanse xestionar de forma bilateral ou multilateral:
- a) A cooperación bilateral consiste nas actuacións de cooperación promovidas polo sector público autonómico, ben directamente con institucións públicas ou outras entidades dos países e os pobos con que se coopera, ben indirectamente a través dos axentes de cooperación recoñecidos nesta lei.
- b) A cooperación multilateral consiste na participación do sector público autonómico, dentro das súas competencias, en actuacións de cooperación promovidas por organizacións multilaterais de desenvolvemento, axencias das Nacións Unidas e os seus comités estatais, fondos globais non financeiros de desenvolvemento e a Unión Europea, que teñan por finalidade os obxectivos definidos por esta lei e os resultados e as prioridades establecidos no Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente.
- Segundo a súa natureza, as actuacións da Cooperación Galega poderanse levar a cabo a través das seguintes modalidades:
- a) Cooperación en especie: inclúe a transferencia directa de bens e servizos aos países e os pobos con que se coopera, así como a valorización dos servizos prestados polo sector público autonómico ás persoas e aos colectivos destinatarios das actuacións de cooperación para o desenvolvemento.
- b) Cooperación técnica: comprende o conxunto de actuacións centradas no intercambio de coñecementos para a xeración e o fortalecemento das capacidades institucionais e dos recursos humanos dos países e os pobos con que se coopera a través da formación, da capacitación e da axuda técnica.
- c) Cooperación económica-financeira: comprende as subvencións e axudas financeiras destinadas a actuacións nos seguintes ámbitos:
1º) Cooperación exterior: abrangue as actuacións que teñan por finalidade facilitar o acceso a bens e servizos básicos nos países e os pobos con que se coopera, o investimento para o aumento do seu capital físico, humano, social e tecnolóxico, e o desenvolvemento sustentable e inclusivo dos seus sectores produtivos, cunha atención específica á economía e ao emprendemento sociais, ao comercio xusto, ao traballo decente, á dotación de estruturas de provisión de microcréditos de carácter solidario e á tecnoloxía para o desenvolvemento humano.
2º) Acción humanitaria e axuda de emerxencia: consiste nas actuacións de asistencia, socorro, protección, rehabilitación e reconstrución en favor das persoas e comunidades afectadas por desastres naturais, guerras ou conflitos armados, así como das poboacións en situación de vulnerabilidade extrema, cun enfoque de dereitos humanos e impulsando a protección das vítimas e a aplicación do dereito internacional humanitario. Tamén inclúe as actuacións de prevención de desastres e de redución e mitigación de riscos cun enfoque de resiliencia, a axuda alimentaria e sanitaria de emerxencia e a asistencia a persoas refuxiadas, desprazadas internas e migrantes forzosas.
3º) Educación para a cidadanía global: comprende as actuacións que promoven na sociedade a conciencia de interdependencia global e a responsabilidade compartida a través dun proceso educativo orientado á transformación social e que fomenta a sensibilización solidaria, a concienciación crítica e a mobilización activa da cidadanía na erradicación da pobreza, a defensa dos dereitos humanos, a promoción da cultura da paz e o compromiso coa xustiza social, e o desenvolvemento humano sustentable a nivel local e global. Dentro da educación para a cidadanía global quedan incluídas as actuacións de sensibilización e formación para a concienciación da sociedade galega, a incidencia política e a mobilización social e mais a investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- d) Formación en cooperación para o desenvolvemento: inclúe as iniciativas, as actuacións e os recursos para o reforzamento da capacidade institucional dos axentes de cooperación e para a mellora da capacitación nesta materia dos recursos humanos das administracións públicas galegas, do persoal voluntario e contratado vinculado a actividades de cooperación e mais da cidadanía en xeral.
Artigo 85. Prioridades da Cooperación Galega
- A Cooperación Galega asociarase prioritariamente con aqueles países e pobos en que concorran algunha ou varias das seguintes circunstancias:
- a) Situacións de maior pobreza e desigualdade, en función de indicadores internacionalmente aceptados, como o índice de desenvolvemento humano ou o nivel de ingresos.
- b) Transgresións graves e xeneralizadas dos dereitos humanos.
- c) Conflitos ou situacións de emerxencia humanitaria.
- d) Experiencia e traxectoria estable e consolidada de traballo coa sociedade galega e cos seus axentes de cooperación.
- e) Relacións culturais e históricas coa sociedade galega e cos seus axentes de cooperación, especialmente nos ámbitos lusófono e hispano.
- f) Xeración de maiores fluxos migratorios e de poboación refuxiada.
- A Cooperación Galega intervirá prioritariamente nos seguintes ámbitos ou sectores:
- a) O exercicio dos dereitos sociais básicos (saúde, educación, alimentación, hábitat e auga e saneamento básico) polas persoas e os colectivos máis pobres e vulnerables.
- b) A agricultura, pesca e acuicultura sustentables cun enfoque de soberanía alimentaria.
- c) O desenvolvemento rural, local e territorial integrado, inclusivo, solidario e redistributivo para unha prosperidade compartida.
- d) A protección do ambiente e a promoción da xustiza ecolóxica na loita contra o cambio climático e a conservación e recuperación da biodiversidade.
- e) O fortalecemento da sociedade civil, do bo goberno e da gobernabilidade democrática, así como das capacidades humanas e institucionais dos países e os pobos con que se coopera.
- f) A igualdade de xénero e o apoderamento e exercicio pleno e integral de dereitos das mulleres e da infancia.
- g) A protección e o exercicio dos dereitos humanos, a prevención e resolución pacífica dos conflitos e mais a promoción da cultura da paz e das diversidades.
- h) A acción humanitaria e axuda de emerxencia.
- i) A educación para a cidadanía global.
- j) A formación, o fortalecemento e a capacitación dos axentes de cooperación e da cidadanía en xeral.
- As actuacións da Cooperación Galega atenderán prioritariamente persoas e grupos de poboación en situación de vulnerabilidade ou en risco de marxinación ou exclusión, cunha atención preferente a aqueles colectivos que poden ser obxecto de múltiples discriminacións.
- As actuacións da Cooperación Galega deberán integrar as seguintes prioridades de xeito transversal: a erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, a defensa da sustentabilidade ambiental e a loita contra o cambio climático, o enfoque baseado en dereitos humanos, o respecto polas diversidades e a promoción da interculturalidade, a equidade e loita contra as desigualdades, a participación cidadá e o fortalecemento institucional e da sociedade civil.
- O Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento materializará e actualizará, tendo en conta o disposto neste artigo, o conxunto de prioridades a través da participación e o diálogo cos axentes de cooperación e con base nos estudos e as avaliacións dispoñibles.
Artigo 86. Xestión do coñecemento, avaliación, transparencia e rendición de contas da Cooperación Galega
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento promoverá a aprendizaxe colectiva e o fortalecemento da capacidade para a xestión do coñecemento dos axentes de cooperación a través da realización de estudos e investigacións e a habilitación de espazos e mecanismos para o intercambio de coñecementos e boas prácticas no logro de resultados de desenvolvemento.
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento promoverá a rendición de contas á sociedade galega a través da avaliación do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente, dos instrumentos de cooperación e das actuacións financiadas con recursos do sector público autonómico. A avaliación rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade e mais pola metodoloxía de avaliación da cooperación española e da Unión Europea, integrando o enfoque de xénero e de dereitos humanos. Os informes resultantes da avaliación dos plans directores da cooperación galega serán presentados anualmente ao Parlamento de Galicia polo órgano competente.
- Os órganos e as entidades do sector público autonómico, en cumprimento do marco xurídico en materia de transparencia, bo goberno e participación cidadá da Comunidade Autónoma, garantirán o acceso e a dispoñibilidade de información actualizada sobre os desembolsos de axuda oficial ao desenvolvemento e os impactos e resultados acadados pola política pública de cooperación.
- Todas as actuacións do sector público autonómico nesta materia serán difundidas e accesibles á cidadanía a través do Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia ou da páxina web específica da Cooperación Galega para o desenvolvemento.
CAPÍTULO III
Organización institucional da Cooperación Galega
Artigo 87. Consello da Xunta de Galicia e conselleira ou conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento
- O Consello da Xunta de Galicia formulará, dirixirá e avaliará a política pública autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia:
- a) Aprobar o Proxecto de plan director da cooperación galega para o desenvolvemento, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento e logo do informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, e acordar a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación.
- b) Aprobar o Plan de acción anual, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente e logo do informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, e acordar que se informe o Parlamento de Galicia da súa aprobación.
- c) Aprobar e acordar a remisión ao Parlamento de Galicia dun informe cuadrienal sobre a avaliación final do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento, elaborado polo órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 88. Órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento ten a responsabilidade de promover, organizar e executar a política pública autonómica neste ámbito.
- Correspóndelle a este órgano:
- a) Elaborar o Anteproxecto do plan director da cooperación galega para o desenvolvemento, que será elevado pola conselleira ou o conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento ao Consello da Xunta para a súa aprobación como proxecto.
- b) Elaborar o Proxecto de plan de acción anual, que será elevado pola conselleira ou o conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento ao Consello da Xunta para a súa aprobación.
- c) Elaborar os informes sobre o grao de execución do Plan director vixente e dos plans de acción anuais que o desenvolven, que serán elevados ao Consello da Xunta pola conselleira ou o conselleiro competente.
- d) Remitir anualmente ao Parlamento de Galicia un informe sobre o grao de execución do Plan director vixente e do Plan de acción anual.
- Son tamén competencias deste órgano:
- a) A coordinación das iniciativas e actuacións de cooperación para o desenvolvemento que leven a cabo os diferentes órganos e entidades do sector público autonómico. Estas actuacións deberán estar guiadas polo principio de coherencia e axustarse ás prioridades e aos resultados previstos no Plan director vixente e nos plans de acción anual.
- b) A coordinación co sector público estatal e, en particular, cos órganos e as entidades competentes en materia de xestión da cooperación para o desenvolvemento.
- c) A harmonización horizontal das actuacións autonómicas coas das restantes administracións autonómicas que conforman a cooperación descentralizada do Estado.
- d) A coordinación coas entidades locais galegas que realizan, no ámbito das súas competencias, actuacións de cooperación para o desenvolvemento.
- e) O seguimento, a inspección e a avaliación das actuacións financiadas integramente con fondos do sector público autonómico ou cofinanciadas xunto con fondos doutras entidades públicas ou privadas.
- f) A interlocución e colaboración cos axentes de cooperación.
- g) A elaboración dos anteproxectos dos regulamentos necesarios para garantir a aplicación deste título.
- O órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento será dotado dos medios humanos, materiais e orzamentarios axeitados para cumprir as funcións que ten encomendadas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias e organizativas existentes.
Artigo 89. Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento
- O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- Este consello estará adscrito ao órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento ten as seguintes funcións:
- a) Coñecer os proxectos de normas en materia de cooperación para o desenvolvemento.
- b) Coñecer e informar sobre a proposta dos plans directores e dos plans de acción anuais en materia de cooperación para o desenvolvemento, así como facer as propostas que coide oportunas.
- c) Coñecer os resultados dos informes sobre o grao de execución do plan anual, a execución gradual e a avaliación final do Plan director vixente.
- d) Recibir información sobre as diferentes convocatorias públicas de axudas e outros instrumentos de financiamento do sector público autonómico para actuacións de cooperación para o desenvolvemento.
- e) Elaborar por iniciativa propia todo tipo de informes e propostas que contribúan a mellorar a calidade da Cooperación Galega.
- f) Aprobar o regulamento de funcionamento do Consello.
- O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento estará formado polas persoas determinadas regulamentariamente en representación dos axentes de cooperación. No proceso de nomeamento das persoas integrantes do Consello promoverase unha representación paritaria de mulleres e homes. Integran tamén o Consello, como vogais independentes, persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, que serán elixidas por unha maioría cualificada das persoas representantes dos axentes de cooperación. O seu número establecerase pola vía regulamentaria.
- Na regulación da composición do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, a Xunta de Galicia deberá ter en conta o protagonismo nesta materia das organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento. As persoas representantes destas organizacións serán propostas pola Coordinadora Galega de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento ou polas entidades análogas ou sucesoras desta.
- A composición do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento garantirá a representación das administracións locais galegas a través das entidades e organizacións en que se integren ou que as representen.
- O Pleno do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento poderá constituír comisións e grupos de traballo que sirvan de apoio á realización das funcións que lle asigna esta lei. Na composición das comisións procurarase respectar a proporcionalidade e a presenza dos distintos grupos de axentes de cooperación que integran o Consello. Nos grupos de traballo non será precisa a dita proporcionalidade.
CAPÍTULO IV
Recursos e financiamento da Cooperación Galega
Artigo 90. Persoal do sector público autonómico
- A actividade do sector público autonómico en materia de cooperación para o desenvolvemento será levada a cabo principalmente polo persoal adscrito ao órgano de dirección competente na materia.
- O persoal funcionario de carreira, estatutario e laboral fixo ao servizo do sector público autonómico poderá participar en tarefas e actuacións de cooperación para o desenvolvemento promovidas directamente polos órganos e as entidades que o integran ou promovidas por outros axentes de cooperación para o desenvolvemento ou outras administracións públicas, de acordo en cada caso co que dispoña a normativa ou o convenio colectivo aplicable.
- O sector público autonómico promoverá e facilitará, no marco da normativa de función pública e laboral aplicable, a participación do seu persoal en actuacións de cooperación para o desenvolvemento, en particular nos supostos en que o labor deste persoal achegue un valor engadido, tendo en conta a súa cualificación técnica e experiencia nos obxectivos e resultados da actuación en que vaia participar.
Artigo 91. Persoal cooperante
Para os efectos desta lei, enténdese por cooperante aquela persoa física que, cumprindo os requisitos establecidos na normativa estatal aplicable, participe na execución de actuacións de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria en países empobrecidos ou en vías de desenvolvemento e teña unha relación xurídica co axente de cooperación promotor da actuación.
Artigo 92. Persoal voluntario no ámbito da cooperación para o desenvolvemento
- Para os efectos desta lei, enténdese por persoa voluntaria toda aquela persoa física que, en virtude da súa decisión persoal, libre e altruísta e nunha situación de inexistencia de relación laboral, mercantil ou de traballo remunerado, participa nunha actuación de cooperación para o desenvolvemento, en calquera das súas modalidades, ben sexa na comunidade autónoma de Galicia, ben en países empobrecidos ou en vías de desenvolvemento, promovida por unha entidade de acción voluntaria coa cal teña subscrito un contrato non laboral.
- Naqueles supostos en que a acción voluntaria realizada no ámbito da cooperación para o desenvolvemento implique a expatriación da persoa voluntaria, o contrato non laboral que deben subscribir as persoas voluntarias e as entidades nas cales se integren reflectirá, ademais do contido mínimo previsto na lexislación aplicable, os seguintes aspectos:
- a) O país ou territorio en que a persoa voluntaria realizará o seu labor, incluído o lugar onde debe dirixirse cando chegue.
- b) As condicións médicas e de vacinación previstas e que debe adoptar a persoa voluntaria antes, durante e despois de realizar o seu labor.
- c) As normas de seguranza básicas no país de destino e os recursos que empregará naqueles supostos en que a seguranza da persoa voluntaria se vexa comprometida.
- d) As formalidades administrativas que debe cumprir para poder entrar, residir, desenvolver o seu labor e saír do país de destino en calidade de persoa voluntaria.
- e) Os seguros de enfermidade, accidente e repatriación concertados a favor da persoa voluntaria e dos familiares directos que con ela se despracen, válidos para o período da súa estancia no estranxeiro.
- Non serán consideradas actuacións de voluntariado no ámbito da cooperación para o desenvolvemento aquelas actividades de turismo solidario, ecoturismo, turismo sustentable ou calquera outra con denominación similar que teñan como finalidade fundamental o desprazamento por razóns de lecer ou descanso a un país empobrecido ou en vías de desenvolvemento.
- En todo aquilo non previsto neste artigo resultará de aplicación supletoria a Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, e a normativa estatal aplicable.
Artigo 93. Recursos económicos
- A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia fixará anualmente os créditos destinados á cooperación para o desenvolvemento tomando como referencia as previsións indicativas do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente.
- Os recursos destinados á cooperación para o desenvolvemento poderanse aumentar con achegas doutros organismos e institucións nacionais e internacionais, públicos e privados, e de persoas físicas ou xurídicas.
- Os custos en que incorra o persoal do sector público autonómico que participe en actuacións de cooperación internacional para o desenvolvemento e a acción humanitaria promovidas ou cofinanciadas polos órganos ou as entidades do sector público autonómico, así como as retribucións derivadas da súa participación nesas actuacións, poderán ser computados como axuda oficial ao desenvolvemento cando satisfagan os criterios establecidos no marco internacional de referencia na materia.
Artigo 94. Financiamento e control
- Os órganos e as entidades do sector público autonómico poderán subscribir acordos destinados a financiar a execución de actuacións de cooperación para o desenvolvemento con organizacións multilaterais de desenvolvemento, axencias das Nacións Unidas e os seus comités estatais, fondos globais non financeiros de desenvolvemento e a Unión Europea, así como con outras institucións públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras, ou ben a través dos instrumentos previstos nos capítulos III e IV do título VI, ou ben mediante os convenios de carácter administrativo regulados no artigo 47.2.d) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e sempre e cando as actuacións derivadas destes acordos se axusten aos principios e obxectivos formulados neste título e ás prioridades e aos resultados do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente.
- Tamén poderán financiar a través de subvencións e axudas sometidas aos principios de publicidade e concorrencia aquelas actuacións dos axentes de cooperación que satisfagan os requisitos establecidos neste título e se axusten ás directrices establecidas polo Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente. As bases das convocatorias deberán definir os prazos máximos para a valoración das solicitudes, a resolución do procedemento de concesión das subvencións e a presentación dos informes de xustificación das subvencións concedidas.
- As subvencións no ámbito da cooperación para o desenvolvemento adecuaranse ao réxime xeral establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas seguintes especificidades:
- a) As subvencións serán aboadas anticipadamente ao cen por cento e sen necesidade de constitución de garantías, agás que as bases reguladoras específicas establezan o contrario.
- b) No caso de subvencións plurianuais, non será obstáculo para o anticipo previsto na alínea a) da anualidade en curso a non-xustificación completa da anualidade anterior, sempre que a porcentaxe de execución xustificada supere a que se determine nas bases reguladoras, e sen prexuízo da necesaria xustificación da actuación subvencionada á súa finalización na forma que nas bases se estableza.
- c) O prazo de execución das actuacións de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria subvencionadas e aboadas de xeito anticipado segundo o previsto na alínea a) poderá ser ampliado sen necesidade de autorización previa ata un máximo de seis meses. Esta ampliación deberá ser notificada ao órgano concedente con anterioridade á finalización do prazo inicial, que se entenderá automaticamente ampliado coa dita notificación, aínda que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. Poderase solicitar unha segunda prórroga antes de que remate a primeira fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actuación subvencionada, que deberán acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables á entidade beneficiaria. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as ditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impida continuar coa execución da actividade subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a cal fose outorgada a dita subvención.
- d) O prazo para a xustificación da realización da actuación subvencionada e aboada de xeito anticipado segundo o previsto na alínea a) será de tres meses desde a data da súa finalización, con independencia de que se exceda o exercicio orzamentario correspondente, agás que as bases reguladoras específicas establezan o contrario.
- e) En casos excepcionais, de producirse situacións ou fenómenos imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispoñer da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o órgano xestor poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de profesionais taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un profesional verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria en que se detalle o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes. Así mesmo, se as ditas circunstancias excepcionais, que deberán estar debidamente acreditadas, dificultan ou imposibilitan a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas e xustificadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.
- Co obxecto de lograr unha maior eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación para o desenvolvemento, as bases reguladoras poderán establecer réximes especiais de xustificación e control das subvencións cando a natureza dos proxectos ou as características dos destinatarios o requiran. Nese senso, os créditos que financien as actuacións de cooperación para o desenvolvemento ou a acción humanitaria que se destinen á súa percepción polos axentes de cooperación previstos nesta lei, tendo en conta que pola natureza das axudas non poden supoñer a obtención de beneficios materiais por eles ou a adquisición de investimentos da súa titularidade, serán considerados, en termos orzamentarios, como gasto corrente e financiaranse con transferencias correntes.
Artigo 95. Réxime fiscal das achegas efectuadas a organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento e a proxectos de cooperación para o desenvolvemento
- As achegas efectuadas por persoas físicas ou xurídicas a organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento, así como para a realización de actuacións de cooperación para o desenvolvemento nos seus diversos ámbitos, recibirán o tratamento fiscal previsto na correspondente normativa aplicable.
- A Comunidade Autónoma de Galicia poderá establecer outros instrumentos de política fiscal que favorezan a participación privada en actuacións de cooperación para o desenvolvemento promovidas polas administracións públicas, polas organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento e polo resto de axentes sen ánimo de lucro inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
CAPÍTULO V
Axentes de cooperación para o desenvolvemento
Artigo 96. Axentes de cooperación para o desenvolvemento
- Para os efectos deste título, considéranse axentes de cooperación para o desenvolvemento aquelas entidades, de carácter público ou privado, cunha vinculación específica cos obxectivos, as prioridades, as modalidades e os ámbitos da cooperación para o desenvolvemento.
- Os axentes de cooperación para o desenvolvemento serán recoñecidos como interlocutores das administracións públicas galegas nesta materia.
- Para os efectos deste título, considéranse axentes de cooperación para o desenvolvemento os seguintes:
- a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades instrumentais do sector público autonómico e as entidades locais recoñecidas pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como as entidades e organizacións en que se integren ou que as representen , como é o caso da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
- b) As organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento.
- c) As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
- d) As axencias das Nacións Unidas e os seus comités estatais ou organizacións que as representen en España.
- e) As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
- f) As organizacións sindicais.
- g) As comunidades galegas no exterior.
- h) Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
- Os axentes privados de cooperación enumerados nas alíneas 3.b), e), f) e h) anteriores deberán cumprir cos seguintes requisitos para seren recoñecidos como tales pola Administración autonómica para efectos do previsto na alínea 2:
- a) Estar legalmente constituídos consonte a lexislación española.
- b) Gozar de plena capacidade xurídica e de obrar e dispoñer dunha estrutura de recursos humanos e económicos que garantan o cumprimento dos seus fins.
- c) Ter sede social ou delegación permanente na comunidade autónoma.
- d) Estar inscritos na sección correspondente do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento descrito no artigo 106.
- e) Cumprir coa obrigas legais de bo goberno e transparencia que sexan aplicables.
- f) Non ter relacións de dependencia, directa ou indirecta, con administracións públicas ou entidades do sector público, de tal xeito que os seus órganos de goberno non estean formados en máis dun trinta por cento por persoas que actúen en representación delas.
Artigo 97. Obrigas dos axentes de cooperación para o desenvolvemento
- Os axentes de cooperación para o desenvolvemento que xestionen actuacións financiadas con fondos públicos do sector público autonómico que computen como axuda oficial ao desenvolvemento terán as seguintes obrigas:
- a) Respectar os principios, os obxectivos e as prioridades deste título e do Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente.
- b) Facilitar o control, o seguimento, a avaliación e a verificación por parte do órgano de dirección da Administración autonómica competente da efectiva realización das actividades financiadas e cumprir, no caso de entidades sometidas á lexislación galega ou española, coas obrigas legais de transparencia e publicidade establecidas pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
- c) Respectar a lexislación estatal e internacional de dereitos humanos, traballo digno, igualdade laboral de homes e mulleres e prevención da explotación laboral infantil e protección do ambiente.
- d) Contar, salvo casos excepcionais debidamente xustificados, cun socio ou unha contraparte local no país ou territorio onde se realice a actuación, provisto dos recursos humanos e técnicos necesarios para a xestión eficiente e eficaz do ciclo do proxecto e para o cumprimento das obrigas de xustificación establecidas na normativa galega de subvencións.
- Os axentes de cooperación para o desenvolvemento privados que, pola súa natureza xurídica, posúan un ánimo de lucro poderán acceder a axudas públicas do sector público autonómico nesta materia mediante a certificación do seu compromiso de non obter ningún beneficio das actuacións financiadas. Complementariamente, estas entidades terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable das intervencións financiadas con fondos públicos, aos cales non se poderán imputar custos indirectos.
Artigo 98. Entidades locais
- As entidades locais poderán desenvolver actuacións de cooperación para o desenvolvemento, como proxección exterior do exercicio das súas competencias, promovendo a coordinación e complementariedade entre as administracións públicas e achegando un valor engadido, especialmente naqueles ámbitos en que o municipalismo galego conta con experiencia e capacidades diferenciadas, como a protección de dereitos sociais básicos, os servizos sociais, o urbanismo e a ordenación do territorio, a xestión pública dos recursos hídricos, a xestión ambiental, a igualdade de xénero, a educación para a cidadanía global ou calquera outro no marco das súas competencias.
- As entidades locais e as entidades e organizacións en que se integren ou que as representen, como a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, constitúense en interlocutores permanentes da Administración autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 99. Organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento
- Para os efectos desta lei e de conformidade coa normativa estatal, considéranse organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento aquelas entidades que satisfagan os seguintes requisitos:
- a) Estar legalmente constituídas consonte o dereito privado e ser organizacións sen ánimo de lucro.
- b) Ter entre os seus fins ou como obxecto expreso, segundo os seus estatutos, a realización de actividades relacionadas cos principios, obxectivos e ámbitos da cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade internacional.
- c) Respectar os códigos de conduta das organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento ou calquera outro instrumento de autorregulación recoñecido polo sector.
- d) Contar con apoio e base social.
- As organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento e as organizacións que as representan, como a Coordinadora Galega de Organizacións Non-Gobernamentais para o Desenvolvemento, constitúense en interlocutores permanentes dos órganos e das entidades do sector público autonómico en materia de cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 100. Universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos
- As universidades integradas no Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes poderán desenvolver actuacións de cooperación para o desenvolvemento en todos os seus ámbitos e modalidades achegando un valor engadido e diferenciado con base na súa experiencia e capacidades en formación, investigación, xeración e transferencia de coñecemento, extensión e xestión universitaria, ben individualmente, ben a través das redes de traballo conxunto que promovan.
- Os centros de investigación públicos radicados na comunidade autónoma de Galicia poderán desenvolver actuacións de cooperación para o desenvolvemento no marco deste título a través da investigación aplicada e básica e da xeración e transferencia de coñecemento nesta materia.
Artigo 101. Axencias das Nacións Unidas e os seus comités estatais ou organizacións que as representen en España
- As axencias das Nacións Unidas e os seus comités estatais, ou as organizacións que as representen en España, poderán recibir axudas e subvencións do sector público autonómico en caso de que sexa necesario complementar as capacidades doutros axentes de cooperación previstos no artigo 96.3 nos sectores de actuación e nos colectivos en que están especializadas.
- O sector público autonómico poderá subscribir convenios ou acordos con estas axencias para a formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento.
Artigo 102. Cooperativas, empresas e asociacións empresariais
Para os efectos desta lei, as cooperativas, empresas e asociacións empresariais poderán desenvolver actuacións sen ánimo de lucro en materia de cooperación para o desenvolvemento nos seus ámbitos de especialización produtivo e empresarial, no eido do investimento positivo e responsable, e na promoción da economía e do emprendemento sociais, dos negocios inclusivos e da responsabilidade social corporativa.
Quedarán excluídas dos programas de cooperación aquelas empresas que realicen prácticas abusivas, de incumprimento dos dereitos humanos e de espolio dos recursos naturais, e sobre as que recaia condena xudicial firme por explotación laboral e agresións ao medio ambiente e ás persoas. Neste caso, poderá ser realizada unha avaliación por parte do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.
Artigo 103. Organizacións sindicais
Para os efectos desta lei, as organizacións sindicais poderán desenvolver actuacións de cooperación para o desenvolvemento nos seus ámbitos de especialización no eido do diálogo social e a negociación tripartita, da promoción do dereito ao traballo digno, da formación e capacitación profesional, da defensa dos dereitos laborais e do fomento de políticas de igualdade.
Artigo 104. Comunidades galegas no exterior
- Para os efectos desta lei, as comunidades galegas no exterior poderán realizar actuacións de acción humanitaria e de cooperación para o desenvolvemento en países en vías de desenvolvemento, ben directamente cando teñan a súa sede nun destes países e acrediten capacidade ou experiencia suficiente, ben a través de contrapartes ou socios locais. As comunidades galegas no exterior deberán estar inscritas no rexistro específico dependente do órgano de dirección da Administración autonómica con competencias en emigración exterior.
- As actuacións financiadas no ámbito da cooperación para o desenvolvemento e a acción humanitaria con fondos públicos do sector público autonómico non poderán ter como beneficiarias unicamente persoas vinculadas coas comunidades galegas no exterior.
Artigo 105. Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento
Para os efectos desta lei, os axentes sociais ou as entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento e non se correspondan cos axentes de cooperación para o desenvolvemento descritos nos artigos anteriores poderán desenvolver actuacións sen ánimo de lucro en materia de cooperación para o desenvolvemento nos seus ámbitos de especialización.
Artigo 106. Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
- O Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento constitúese como un rexistro público adscrito ao órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, cuxa regulación será obxecto de desenvolvemento regulamentario.
- Neste rexistro poderanse inscribir os axentes de cooperación para o desenvolvemento enumerados no artigo 96.3, alíneas b), e), f) e h), que cumpran os requisitos establecidos regulamentariamente.
- A inscrición no rexistro é voluntaria. Porén, a inscrición será un requisito obrigatorio para os efectos de solicitar axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva no ámbito da cooperación para o desenvolvemento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. As bases reguladoras da concesión de subvencións poderán establecer requisitos específicos relativos á antigüidade de inscrición no rexistro necesaria para concorrer ás convocatorias de axudas e subvencións.
TÍTULO IX
Delegacións e oficinas autonómicas no exterior
CAPÍTULO I
Delegacións e oficinas autonómicas permanentes no exterior
Artigo 107. Delegacións e oficinas exteriores autonómicas
- Terán a consideración de delegacións exteriores da Xunta de Galicia aquelas unidades administrativas radicadas fóra do territorio español que representen a Administración autonómica na súa integridade dentro do espazo xeográfico de referencia que se determine no seu acto de creación.
- As delegacións exteriores da Xunta serán creadas por un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica, da cal dependerán para todos os efectos relacionados coa súa xestión. Esta consellaría velará pola idoneidade da actuación e dará curso do antedito proxecto de decreto ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos previstos na normativa estatal.
- Terán a consideración de oficinas exteriores autonómicas as instalacións de traballo impulsadas por entidades instrumentais pertencentes ao sector público autonómico, servidas por persoal directamente contratado pola dita entidade, sexa baixo un réxime administrativo, laboral ou mercantil, de dereito español ou estranxeiro. Estas oficinas acreditarán a súa condición mediante a correspondente placa coa imaxe institucional da Xunta de Galicia, que responda ao modelo harmonizado autorizado previamente pola consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior.
- As oficinas exteriores serán creadas mediante o correspondente acordo da entidade instrumental que as impulse, que deberá ser autorizado por unha orde da consellaría que exerza a tutela ou o control sobre a referida entidade, de cuxo proxecto dará conta á consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior, que informará sobre a súa idoneidade e correspondencia coa Egaex, e tamén dará curso do proxecto ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos previstos na normativa estatal. Tras os trámites oportunos e dispoñendo dos informes preceptivos, a dita orde pola que se autorice a creación dunha oficina exterior será publicada no Diario Oficial de Galicia.
- Non terán a consideración de oficinas exteriores os locais legalmente utilizados por meros axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos, contratados especificamente para iso pola correspondente entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico.
- Tampouco terán a consideración de oficinas exteriores autonómicas as instalacións que ocupen axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos ao servizo de intereses galegos que fosen contratados ou comisionados por entidades galegas de dereito privado que dispuxesen dalgunha axuda ou subvención autonómica para tal fin. No acto de concesión da correspondente axuda ou subvención deberase detallar esta circunstancia.
- As entidades instrumentais pertencentes ao sector público autonómico que manteñan oficinas exteriores ou realicen contratos en favor de axentes de promoción comercial ou de captación de investimentos informarán en todo caso a consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Egaex e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica, con anterioridade á perfección deses contratos ou á apertura desas oficinas, e deberán remitir un informe anual sobre o balance das actividades desenvolvidas.
- Cando, de conformidade coa normativa estatal aplicable, o ministerio competente ofreza á Administración autonómica a posibilidade e dispoñibilidade de instalar as delegacións ou oficinas exteriores previstas neste artigo dentro dos locais do Servizo Exterior do Estado ou doutras dependencias de titularidade pública española no exterior, a Administración autonómica avaliará a idoneidade das condicións ofrecidas e dos custos que comporte o dito ofrecemento nun prazo non superior a tres meses; transcorrido este, darase por desestimado o referido ofrecemento. Este prazo suspenderá o seu cómputo por un período non superior a outros tres meses se ambas as dúas administracións entran en negociacións para buscar alternativas físicas, xurídicas ou económicas que satisfagan as necesidades galegas para a futura delegación ou oficina.
Artigo 108. Funcións das delegacións exteriores da Xunta de Galicia
- Son funcións das delegacións da Xunta no exterior, naquelas materias en que a Comunidade Autónoma teña a competencia atribuída, integrando sempre a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes:
- a) Dar soporte ás altas autoridades da Comunidade Autónoma de Galicia e aos restantes axentes ou suxeitos públicos da acción exterior galega no exercicio das súas atribucións, tanto nos seus desprazamentos á área xeográfica de referencia de cada delegación coma realizando as xestións que aqueles lle encomenden.
- b) Defender os intereses xerais de Galicia no ámbito xeográfico de referencia da delegación.
- c) Apoiar todas as actuacións dos órganos autonómicos na área xeográfica de referencia, de acordo coas directrices emanadas destes, co fin de canalizar e asegurar a colaboración oportuna naquelas materias da súa competencia.
- d) Realizar estudos e informes de interese para Galicia sobre a situación e as perspectivas da área xeográfica de referencia asignada.
- e) Fomentar as relacións de Galicia coas institucións e os órganos de goberno da súa área xeográfica de referencia.
- f) Impulsar as accións de promoción da cultura e da lingua galegas, mantendo os nexos de galeguidade alí onde haxa comunidades galegas establecidas.
- g) Prestar apoio administrativo e institucional ás persoas emigrantes galegas e ás comunidades galegas no exterior. Deste xeito, estas delegacións terán a responsabilidade da coordinación, xestión e difusión, así como o control, o seguimento e a información dos programas dirixidos á emigración e ao retorno.
- h) Prestar apoio ás accións de cooperación que, dentro da acción exterior de Galicia, estableza a Administración autonómica no ámbito socioeconómico e de promoción do turismo.
- i) Colaborar no seguimento e na avaliación dos plans, programas e proxectos de cooperación para o desenvolvemento que se realicen na área xeográfica asignada.
- j) Prestar asistencia técnica, orientación e información sobre Galicia e sobre a área xeográfica asignada aos axentes sociais alí situados, aos galegos e ás galegas, aos seus descendentes, ás comunidades galegas que os e as representan e ás persoas interesadas que respectivamente llelo demanden.
- k) Desempeñar as atribucións que lle sexan delegadas ou encomendadas polos órganos e as entidades do sector público autonómico.
- l) Calquera outra función e tarefa que lle sexa asignada, sempre que resulte compatible co obxecto especificado nesta lei.
- Á fronte de cada delegación exterior haberá unha persoa titular nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica.
- As delegacións estrutúranse nas áreas funcionais que se establezan no seu decreto de creación, respectando en todo caso o principio de unidade de acción baixo as ordes directas da persoa titular da delegación, quen exercerá a xefatura do persoal e as competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas.
- A persoa titular da delegación velará polo cumprimento das directrices emanadas da Administración autonómica, transmitidas a través da consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica. Así mesmo, establecerá as normas internas de funcionamento da delegación de acordo coas instrucións que para tal efecto dite con esta finalidade a mesma consellaría.
- A persoa titular da delegación poderá contratar persoal local in situ sometido ao ordenamento do Estado onde estea a sede, dentro dos límites que lle determine a consellaría que exerza as competencias fundamentais de acción exterior na Administración autonómica. Será necesaria unha autorización previa dos órganos de dirección autonómicos competentes en materia de función pública e orzamentos para contratar persoal fixo ou temporal.
- O persoal empregado público do sector público autonómico desprazado ás delegacións exteriores terá dereito ás retribucións básicas e complementarias que correspondan no seu posto de orixe de acordo co seu corpo, grupo e categoría, sen prexuízo do dereito á percepción das indemnizacións e das axudas de custo e da aplicación de coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlle por residencia no estranxeiro.
- En cada delegación exterior existirá unha oficina de rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas condicións e os requisitos que se establezan regulamentariamente.
CAPÍTULO II
Oficinas autonómicas temporais no exterior
Artigo 109. Establecemento de oficinas autonómicas temporais no exterior
- A Administración autonómica e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán establecer oficinas temporais no exterior de conformidade co ordenamento xurídico español e o vixente no territorio do Estado en que se instalen.
- Enténdese por oficina autonómica temporal no exterior aquel inmoble no cal se presten ou coordinen tarefas de proxección exterior, apoio á exportación, captación de investimentos, difusión cultural ou universitaria, asistencia á diáspora galega, soporte administrativo a xestións relacionadas con acordos internacionais ou calquera outra actividade de relevancia e interese público relacionada con competencias ou intereses lexítimos galegos, sen unha vocación de permanencia ou vencelladas a obxectivos limitados e temporais.
- O prazo máximo de mantemento dunha destas oficinas será de dous anos, prorrogables por un máximo de dous termos equivalentes.
- As oficinas temporais exteriores serán creadas, no caso da Administración autonómica, por unha orde da consellaría competente e, no caso das entidades instrumentais, mediante o correspondente acordo da entidade instrumental que as impulse, que deberá ser autorizado por unha orde da consellaría que exerza a tutela ou o control sobre a referida entidade. Dos proxectos de orde darase conta á consellaría en que se encadre o órgano de dirección responsable de velar polo desenvolvemento e a execución da Estratexia galega de acción exterior (Egaex) e que exerza as competencias fundamentais de acción exterior, que informará sobre a súa idoneidade e correspondencia coa Egaex, e tamén dará curso do proxecto ao ministerio competente en asuntos exteriores para os efectos previstos na normativa estatal.
TÍTULO X
Novas redes de intereses galegos no exterior
CAPÍTULO I
Asento de galegos e galegas no exterior
Artigo 110. Asento de galegos e galegas no exterior
- As cidadás e os cidadáns coa condición política de galegas e galegos, consonte o artigo terceiro do noso Estatuto de autonomía, que se despracen ao exterior por máis dun ano poderanse inscribir de modo voluntario no Asento de galegos e galegas do exterior (Asge), dependente do órgano de dirección responsable do apoio á diáspora galega, sen prexuízo da súa inscrición obrigatoria como residentes no exterior no Rexistro de Matrícula consular correspondente de acordo coa normativa estatal, para facilitar a realización de xestións administrativas coas administracións galegas e a constitución de redes de apoio, asistencia e difusión cultural, así como para propiciar o seu axeitado retorno a Galicia.
- Para a inscrición no Asge será necesaria a presentación dunha solicitude por vía electrónica conforme o modelo que estableza a Administración autonómica. Unha vez presentada a solicitude, o órgano de dirección responsable do apoio á diáspora galega remitirá un correo electrónico e unha comunicación postal á persoa solicitante no seu enderezo foráneo, para verificar deste xeito a súa residencia no exterior. Na comunicación postal constará unha clave persoal, que deberá remitir quen for a destinataria ou o destinatario por vía electrónica.
- Entenderase que existen razóns de interese público para a aplicación da tramitación de urxencia aos procedementos iniciados polos galegos e as galegas inscritos no Asge, cando estes e estas así o soliciten, á hora de realizaren trámites a distancia relacionados co eido educativo, sanitario e asistencial, como pode ser o acceso a rexistros públicos autonómicos, a emisión de certificados, a consulta do historial médico custodiado polo Servizo Galego de Saúde ou a solicitude de copias de documentos oficiais expedidos pola Administración autonómica, así como para se beneficiaren de procedementos de concesión de axudas, subvencións ou bolsas de estudo.
- O Asge estará sometido á normativa europea e española de tratamento de datos persoais.
- O órgano de dirección responsable do apoio á cidadanía galega do exterior e ao retorno manterá o Asge da maneira que prevexa o correspondente regulamento.
Artigo 111. Constitución de novas redes de galegos e galegas no exterior
- As galegas e os galegos inscritos no Asento de galegos e galegas no exterior poderán dar a súa autorización expresa ao órgano xestor da súa mantenza para utilizar os seus datos co fin de estimular a constitución de redes de apoio mutuo en cada país ou territorio en que estivesen residindo.
- As ditas redes poderán ter ou non personalidade xurídica, tanto de dereito español coma do dereito do país de asentamento. Así mesmo, poderán ser beneficiarias de axudas ou subvencións consonte a normativa vixente.
- As redes así constituídas fomentarán o senso de fraternidade entre a cidadanía galega e promoverán a lingua e a cultura galegas no seu contorno.
CAPÍTULO II
Empresas e profesionais galegos e galegas no exterior
Artigo 112. Identificación das empresas e dos profesionais galegos e galegas no exterior e constitución de redes
- A entidade instrumental do sector público autonómico promotora do comercio exterior e as cámaras de comercio poderán convidar as empresas e os profesionais galegos e galegas radicados no exterior a constituíren redes de asistencia, colaboración e apoio mutuo entre eles, así como para axudaren a pares radicados en Galicia que poidan ter oportunidades de negocio onde xa estean asentados.
- Para a constitución destas redes as empresas e profesionais poderán inscribirse voluntariamente no Asento de empresas e profesionais galegos no exterior (Asepge). Esta inscrición será necesaria para acceder aos beneficios e axudas de apoio a estas redes.
- As ditas redes poderán ter personalidade xurídica, tanto de dereito español coma do dereito do país de asentamento. Así mesmo, poderán ser beneficiarias de axudas ou subvencións consonte a normativa vixente.
CAPÍTULO III
Rexistro de persoas foráneas con intereses en Galicia
Artigo 113. Rexistro de persoas foráneas con intereses en Galicia
- A Administración autonómica creará un rexistro administrativo auxiliar de persoas nacionais non-españolas residentes fóra de España que teñan unha fluída relación cultural, social, histórica ou económica con Galicia. Este rexistro organizarase por seccións, en función das afinidades culturais, sociais, históricas ou económicas das persoas interesadas, e poderá acoller tanto persoas físicas coma xurídicas.
- As persoas interesadas poderán ser convidadas a se inscribir neste rexistro ou solicitalo por iniciativa propia. En todo caso deberán indicar con que entidades ou galegos e galegas manteñen una fluída relación cultural, social, histórica ou económica.
- A Administración autonómica poderalles solicitar informes ou pareceres ás persoas inscritas neste rexistro sobre iniciativas ou proxectos que considere axeitados para potenciar a imaxe da comunidade autónoma no exterior.
- As persoas inscritas neste rexistro poderán ser beneficiarias de axudas de custo e doutras axudas e subvencións autonómicas.
Disposición adicional primeira. Consello da Cultura Galega
- O Consello da Cultura Galega, como institución creada ao abeiro do artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia para a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, ten a consideración de suxeito cualificado da acción exterior de Galicia nese eido.
- O Consello da Cultura Galega desenvolverá unha acción exterior consonte a Estratexia galega de acción exterior, en especial tendo en conta a transterritorialidade do pobo galego.
- O Consello da Cultura Galega poderá subscribir acordos internacionais suxeitos ás previsións desta lei e restante normativa aplicable con entidades públicas que teñan obxectivos e finalidades análogos aos seus.
- O Consello da Cultura Galega desenvolverá a proxección exterior das competencias referidas nas alíneas a), b) e c) do artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega.
- O Consello da Cultura Galega asesorará as entidades públicas galegas mencionadas nesta lei, no referido ás relacións coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, mantendo a interlocución técnica precisa con este organismo internacional e coas entidades correspondentes desa comunidade de países ou dos seus estados membros.
Disposición adicional segunda. Fundación Galicia Europa
- A Fundación Galicia Europa, entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico que opera, ademais, sometida ao dereito local foráneo onde desenvolve as súas actividades, ten o mandato da Administración autonómica para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e os órganos da Unión Europea, seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior da Administración autonómica.
- En cumprimento dos seus fins fundacionais, a Fundación Galicia Europa serve ao interese xeral de Galicia, ao seu fortalecemento institucional, ao fomento da súa economía produtiva e social e mais á promoción de todas aquelas accións que acheguen Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses ante as institucións e os órganos da Unión e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega.
- A Fundación Galicia Europa prestará apoio ás distintas consellarías e entidades do sector público autonómico, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión Europea, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e aos órganos da Unión Europea, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.
- No ámbito da defensa dos intereses galegos no proceso de toma de decisións da Unión Europea, a Fundación Galicia Europa colaborará co resto de oficinas autonómicas e rexionais en Bruxelas, así como coa Representación Permanente de España perante a Unión Europea (Reper) e coas deputadas galegas e os deputados galegos no Parlamento Europeo. Así mesmo, respectando a repartición constitucional e estatutaria de competencias, poderá adoptar iniciativas ou estratexias e chegar a acordos con outras rexións ou institucións e órganos europeos que permitan a Galicia influír naquelas decisións da Unión que máis afecten os seus intereses.
- No marco da normativa vixente en materia de función e emprego públicos, cando existan necesidades específicas do servizo, conxunturais ou motivadas polo aumento do volume de traballo que requiran reforzar as actuacións precisas para a tramitación, o seguimento ou o impulso da participación autonómica en asuntos da Unión Europea, os órganos competentes do sector público autonómico poderán de forma motivada encomendar estas funcións a persoal funcionario ou laboral e desprazalo, sempre que se conte en todo caso coa aceptación do dito persoal, ás oficinas da Fundación Galicia Europa, sitas en Galicia e en Bruxelas-Bélxica ou noutros países da Unión distintos de España, mantendo o seu réxime xurídico de orixe e posto de traballo, considerándose en servizo activo e percibindo as súas retribucións con cargo aos órganos ou ás entidades do sector público encomendantes. A duración deste traslado poderá ser de seis meses, prorrogable excepcionalmente por outros seis no caso de que se manteñan as referidas necesidades.
- Así mesmo, de acordo co réxime establecido na alínea anterior, cando a Fundación Galicia Europa non conte con medios suficientes, a persoa titular do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e acción exterior poderá, de forma motivada, desprazar o persoal funcionario ou laboral adscrito ao seu órgano de dirección e especializado en asuntos europeos, sempre que se conte en todo caso coa aceptación do dito persoal, ás dependencias da Fundación Galicia Europa en Bruxelas ou a outras dependencias foráneas, para desenvolver funcións relativas á participación autonómica en asuntos da Unión Europea.
Disposición adicional terceira. Apoios extraordinarios ás delegacións e oficinas exteriores autonómicas
Cando necesidades extraordinarias e imprevisibles, que obedezan á conxuntura da área xeográfica onde desenvolvan as súas actividades as delegacións ou oficinas exteriores autonómicas, aconsellen reforzar temporalmente o traballo destas delegacións ou oficinas, poderase recorrer aos mecanismos de reforzamento previstos para a Fundación Galicia Europa nas alíneas 5 e 6 da anterior disposición adicional.
Disposición adicional cuarta. Participación do persoal do Sistema público de saúde de Galicia en emerxencias humanitarias baixo os parámetros do réxime do voluntariado sanitario internacional
- De conformidade coa disposición adicional terceira da Lei 45/2015, do 4 de outubro, de voluntariado, o persoal que presta servizos no Sistema público de saúde de Galicia poderá gozar dun permiso para participar en emerxencias humanitarias. Este permiso terá a condición de non retribuído ou retribuído parcialmente e será compatible co carácter habitualmente profesional e remunerado da actividade de cooperación en emerxencias humanitarias, conforme as condicións establecidas no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o Estatuto dos cooperantes. A duración ordinaria do permiso será de tres meses e poderase prorrogar, con carácter extraordinario, ata un máximo de seis meses de duración total.
- Estableceranse regulamentariamente as condicións e o procedemento para a concesión do permiso previsto na alínea 1, de acordo co disposto nesta disposición e na disposición adicional terceira da Lei 45/2015, do 4 de outubro, de voluntariado.
Disposición adicional quinta. Compromisos orzamentarios
No marco das achegas do Estado ao cumprimento da Axenda global de desenvolvemento humano sustentable, a Xunta de Galicia tenderá progresivamente a destinar o 0,7 por cento do seu orzamento consolidado a políticas vinculadas á cooperación para o desenvolvemento. Este compromiso queda supeditado ás dispoñibilidades reais da Facenda pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ao cumprimento dos compromisos existentes en materia de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e mais aos escenarios orzamentarios plurianuais.
Disposición adicional sexta. Designación de responsables do seguimento da participación de Galicia nos asuntos da Unión Europea
A designación das persoas responsables nos ámbitos competenciais da Presidencia e de cada consellaría prevista no artigo 38 para o efectivo seguimento da participación de Galicia nos asuntos da Unión Europea efectuarase no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta lei.
Disposición transitoria única. Coeficientes por razón de servizo no exterior
Mentres non se regulan os coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlle ao persoal da Xunta de Galicia por residencia no estranxeiro, aplicaranse supletoriamente os que están establecidos no ámbito da Administración xeral do Estado.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
- Quedan derrogadas todas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei e, en particular, a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e a alínea 2 do artigo 17 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.
- Manteranse en vigor o Decreto 178/2015, do 26 novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, no que non colidan cos preceptos desta lei e co disposto na alínea 1 desta disposición, mentres non se aprobe o desenvolvemento regulamentario da presente lei nas respectivas materias reguladas polos ditos decretos.
Disposición derradeira primeira. Composición e funcionamento do Consello de Acción Exterior de Galicia
No prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, aprobarase mediante decreto o Regulamento do Consello de Acción Exterior de Galicia co obxecto de fomentar o seu carácter de órgano consultivo e asesor da Administración, e as funcións de seguimento, avaliación e control da estratexia e dos plans operativos de acción exterior.
Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa
Facúltase o Consello da Xunta para ditar as disposicións regulamentarias necesarias para o axeitado desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente