Impulso demográfico GALICIA
LEI 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.
Este Documento, con los que pueda modificar o le acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:
Exposición de motivos
I
A Comunidade Autónoma de Galicia vén experimentando nas últimas décadas un importante proceso de transformación demográfica, socioeconómica e cultural. Os trazos máis salientables da súa dinámica demográfica, compartidos co resto de España, Europa e os países desenvolvidos, e incardinados na denominada segunda transición demográfica, son, por unha parte, o incremento da esperanza de vida, que debe ser valorado como un grande éxito colectivo e que nos sitúa como un dos lugares máis saudables do mundo atendendo a duración da vida, e, por outra, a variación da fecundidade, que en Galicia diminuíu, como en todas as sociedades avanzadas nos últimos sesenta anos, pero aquí de forma máis rápida e acusada. Así, aínda que a fecundidade das mulleres galegas xa foi baixa en relación coa das españolas desde o século XIX, entra en fase depresiva nas últimas tres décadas, con valores particularmente reducidos.
Esta redución da fecundidade relaciónase moi directamente coa paulatina prolongación da etapa de xuventude, consecuencia das dificultades que atopa a mocidade na transición á vida adulta. A este respecto son expresivos o atraso na entrada no mercado de traballo, o emparellamento tardío e o progresivo incremento da idade media na primeira maternidade. Con maior ou menor intensidade, todos estes aspectos caracterizan toda a sociedade occidental.
O cambio demográfico implica tamén unha modificación dos marcos de convivencia no fogar e unha mudanza progresiva no mapa das estruturas familiares, cada vez máis diversas. Neste sentido, a mellora na supervivencia asegurou o núcleo filial-conxugal durante máis anos nos ciclos vitais e aumentou o seu peso no conxunto dos tipos de fogar. Por outra banda, producíronse mudanzas nas formas de vida, vinculadas ao proceso de modernización social e económica e ao desenvolvemento do Estado do benestar.
No caso de Galicia, ademais, a estrutura da poboación permanece aínda afectada polos intensos procesos migratorios do século pasado, que minoraron notablemente o crecemento real da poboación e repercutiron directamente no comportamento de todas as variables demográficas, dando como resultado unha estrutura demográfica avellentada e, a día de hoxe, con problemas de renovación xeracional.
A esta complexa situación engádese unha repartición da poboación no territorio que tende cada vez máis a concentrarse nas provincias occidentais, nas maiores áreas urbanas e nos concellos litorais, ao que se une a fragmentación e dispersión dos asentamentos poboacionais: Galicia conta con 3.771 das 4.907 entidades colectivas que hai en España, con máis de trinta mil entidades singulares, que supoñen preto da metade das existentes no Estado, e con máis da metade das diseminadas.
Así mesmo, as variacións de poboación nas últimas décadas evidencian como os procesos de retorno migratorio e de inmigración non son capaces de compensar os balances negativos do crecemento vexetativo, así como que volve recobrar importancia a emigración.
Asistimos, polo tanto, a un cambio na dinámica e estrutura demográfica que ten efectos importantes a nivel humano, social, cultural, económico, político e medioambiental, e que supón un dos maiores retos aos que debe enfrontarse Galicia nos próximos anos. O cambio nos comportamentos reprodutivos, a maior esperanza de vida da poboación, as pautas de conformación das familias e a distribución da poboación no territorio, así como o impacto das migracións, forman parte dun mesmo proceso de carácter sistémico do que é preciso tomar conciencia e articular as medidas oportunas para xestionalo con éxito.
II
A preocupación polo reto que o cambio demográfico supón transcende o ámbito autonómico e estatal para ser hoxe un dos principais temas da axenda política dos países desenvolvidos. Neste sentido, diferentes instancias da Unión Europea teñen posto de manifesto a importancia do cambio demográfico e das súas repercusións para a sociedade, e solicitaron, máis aló da desexable toma de conciencia da sociedade, unha urxente resposta dos Estados e das rexións europeas. Nunha liña semellante pronúnciase a Organización das Nacións Unidas, que recolle de forma explícita na Axenda 2030, coa que se comprometeron os gobernos español e galego, a necesidade de afrontar os efectos da nova dinámica demográfica, sobre todo desde a perspectiva do desenvolvemento sustentable, e de tomar as accións oportunas.
A Administración autonómica asume como unha das súas tarefas fundamentais de goberno a abordaxe do devalo demográfico e a xestión dos efectos que del derivan. Nos últimos anos, estes desafíos recolléronse en diversos documentos de planificación. Así, o Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, situou a cuestión demográfica entre as máximas prioridades do Goberno autonómico. Tamén en 2013 se aprobou a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, horizonte 2020, orientada a xestionar dun xeito máis eficiente e sustentable a atención ás necesidades derivadas do envellecemento da poboación.
Pola súa parte, en decembro de 2014 viu a luz a Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, que aborda as consecuencias do cambio demográfico como un factor que hai que ter en conta na análise da pobreza e da exclusión social. Este documento incorpora medidas específicas para combater a exclusión territorial, fenómeno propio daquelas zonas nas que se conxuga o declive demográfico con escasas oportunidades de emprego e de desenvolvemento económico e con dificultades para acceder aos servizos.
O Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 incluíu como obxectivos transversais a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a dinamización e a revitalización demográfica de Galicia. Para crear un ambiente social favorable para formar unha familia, incluíronse unha serie de medidas no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), que ten como obxectivo o apoio integral ás familias a través de tres áreas de actuación: axudas, conciliación e servizos.
En 2016 a Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 estableceu un marco de actuación para unha vida activa, saudable, independente e segura, co obxectivo de situar a Comunidade Autónoma de Galicia como referente neste ámbito.
No ano 2017 ve a luz o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, como instrumento de planificación froito do máximo compromiso institucional.
Tamén se aprobou a Estratexia Retorna 2020, coa que se tenta favorecer a volta a Galicia dos galegos e galegas que emigraron e a da súa descendencia a través dunha batería de medidas dirixidas a que sintan esta terra como o lugar onde desenvolver a súa traxectoria persoal e profesional.
Así mesmo, púxose en marcha o Plan de fixación de poboación no medio rural, dirixido a impulsar o desenvolvemento equilibrado das economías e comunidades rurais mediante o apoio ás actividades socioeconómicas, para crear e manter emprego nestes territorios.
Amparan todas estas actuacións as Directrices de ordenación do territorio, aprobadas en febreiro do ano 2011 coa finalidade de concretar a definición do modelo territorial de Galicia e de establecer pautas espaciais de asentamento das actividades que, baixo unha perspectiva de sustentabilidade, propicien a cohesión social e o equilibrio territorial de Galicia.
Finalmente, en 2018 viu a luz o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, un firme compromiso coa sociedade galega en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes a través da repartición equitativa dos traballos e das responsabilidades no ámbito privado, así como da promoción de máis e mellores medidas e servizos que apoien as familias na atención ás persoas menores e en situación de dependencia. Este plan tamén avoga polo fomento de novas formas de organización do traballo, de novas modalidades de xestión dos recursos humanos e de novas condicións laborais nas administracións e nas empresas.
Por outra parte, o Goberno galego impulsou a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, mediante o Decreto 104/2016, do 28 de xullo, un foro de diálogo permanente entre as administracións públicas e as organizacións representativas de intereses económicos, sociais e políticos de Galicia. O seu obxectivo é afondar no coñecemento da realidade demográfica galega e asesorar as administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas.
III
A Comunidade Autónoma de Galicia é consciente da necesidade dunha abordaxe máis profunda dos efectos derivados do cambio demográfico e da oportunidade do momento actual para facelo. Xestionar con éxito o reto demográfico ao que se enfronta Galicia implica adoptar novos enfoques e traballar de xeito conxunto e con visión de futuro, tanto o sector público autonómico como as administracións locais e os axentes económicos e sociais. É necesario un compromiso estratéxico que permita establecer medidas estables a medio e longo prazo. Esta Lei de impulso demográfico de Galicia ten o obxectivo de servir como marco e orientación das actuacións en materia demográfica, que deben transcender o ámbito político temporal e ser planificadas considerando os seus efectos a medio e longo prazo e acadando un consenso sociopolítico co obxecto de establecer un marco regulador que dea amparo a políticas estables.
O contido da norma baséase na diagnose e na análise DAFO-CAME recollidas no Informe Galicia: perspectivas demográficas, elaboradas no seo do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica e aprobadas por unanimidade do seu pleno, e busca implicar todas as administracións públicas de Galicia, os interlocutores sociais, o sector privado e o conxunto da cidadanía. Cómpre que toda a sociedade tome conciencia das implicacións derivadas do cambio demográfico e que cadaquén asuma as obrigas e os compromisos correspondentes no seu ámbito de competencias e posibilidades.
As amplas repercusións que derivan do cambio demográfico implican a necesidade de incorporar a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento de todas as políticas públicas. Como consecuencia, a regulación contida nesta lei dítase ao abeiro de títulos competenciais autonómicos diversos. Así, xunto á competencia autonómica en materia de fomento e planificación da actividade económica en Galicia (artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía), as previsións da lei atopan o seu fundamento noutros títulos competenciais máis específicos, entre os que procede salientar os relativos a réxime local, ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda, obras públicas, estradas e transporte, portos, montes, pesca, turismo, asistencia social e medio ambiente (artigo 27, números 2, 3, 7, 8, 9, 10, 15, 21, 23 e 30, do Estatuto de autonomía); réxime xurídico da Administración pública de Galicia e réxime estatutario do seu funcionariado e contratos (artigo 28, números 1 e 2, do Estatuto de autonomía); industria, agricultura, gandaría e comercio (artigo 30.I.2, 3 e 4 do Estatuto de autonomía); e educación e sanidade (artigos 31 e 33 do Estatuto de autonomía).
A Comunidade Autónoma de Galicia dispón, polo tanto, de competencia para establecer unha regulación como a contida nesta lei, que sente os fundamentos para o impulso demográfico de Galicia, mediante o establecemento dos principios e das liñas de actuación das administracións públicas de Galicia e do conxunto de medidas que atinxen neste ámbito a estas, á cidadanía e aos diferentes axentes que operan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
IV
Esta lei consta dun total de 109 artigos e estrutúrase nun título preliminar, dous títulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e oito disposicións derradeiras.
O título preliminar recolle as disposicións xerais da lei, o seu obxecto e finalidade, o ámbito de aplicación, as definicións, os principios reitores e os de actuación. De forma especial faise fincapé nos principios de transversalidade, de colaboración e cooperación entre as diferentes administracións públicas de Galicia e de participación da cidadanía e dos interlocutores sociais, que deben guiar a planificación e o desenvolvemento de todas as políticas públicas en materia demográfica.
O título I divídese en tres capítulos.
No capítulo primeiro establécense os criterios de actuación das administracións públicas de Galicia, destacando a obriga de incorporar a perspectiva demográfica en todas as súas políticas, en correspondencia co carácter sistémico que debe presidir a acción pública neste ámbito, o impulso da colaboración e cooperación interadministrativa e a implicación do sector privado, así como a participación cidadá. Cobra especial importancia neste sentido o compromiso que asume a Administración autonómica de traballar conxuntamente co resto de administracións públicas de Galicia, apoiando e impulsando as súas actuacións en materia demográfica.
No capítulo segundo regúlase a organización administrativa que se considera necesaria para unha maior efectividade desta lei, creando a Comisión para o Impulso Demográfico, como órgano de colaboración e cooperación das administracións públicas de Galicia en materia de impulso demográfico, e a Comisión Técnica para o Impulso Demográfico, como órgano da Administración autonómica para a coordinación das políticas autonómicas en materia demográfica. Preténdese reforzar e mellorar a coordinación inter e intraadministrativa, incentivando a participación de todas as partes implicadas no deseño e aplicación de políticas públicas con impacto demográfico.
Finalmente, o capítulo terceiro está dedicado ao fomento do estudo, sensibilización, formación e comunicación en materia demográfica, e trata de impulsar as condicións para afondar no coñecemento da evolución da poboación e dos seus efectos, transferindo os resultados ao conxunto da cidadanía, para contribuír á mellora da gobernanza e á implicación de toda a sociedade na abordaxe consensuada do reto demográfico.
O título II aborda as políticas públicas para o impulso demográfico, núcleo central da lei, e consta de sete capítulos.
O capítulo primeiro establece criterios xerais de actuación en materia de vivenda e nas políticas activas de emprego desenvolvidas pola Administración autonómica e prevé a estandarización da renda familiar, coa finalidade de dar un trato equitativo aos diferentes tipos e situacións familiares.
O capítulo segundo regula o apoio ás familias. O seu obxectivo é o de apoiar e promover o libre desenvolvemento das familias e favorecer que as persoas poidan levar a cabo o seu proxecto familiar en Galicia, así como ter o número de fillos e fillas que desexen. Con esta finalidade desenvólvense medidas como o incremento do investimento en políticas de familia e, así mesmo, para a mellora da accesibilidade dos recursos de atención temperá e prestacións e axudas familiares por nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo e para a mellora das vivendas, así como o apoio económico para o transporte e para o acceso á educación infantil 0-3. Igualmente recóllese a especial consideración das familias monoparentais coa aprobación dun plan de apoio e co mandato de creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas. Tamén se recolle a previsión de espazos e a reserva de aparcamento para as familias nos edificios de uso público, entre outras medidas. Así mesmo, prevese un apoio específico ás familias numerosas atendendo a súa especial contribución á sociedade, dada a súa achega á remuda xeracional.
A pretensión última deste capítulo é a de establecer un marco xurídico e financeiro estable e o desenvolvemento de actuacións integrais que garantan unha estrutura de servizos de atención das necesidades das familias. Así mesmo, consolida as políticas de igualdade ao integrar a perspectiva de xénero como panca do desenvolvemento social e económico e elemento tractor do impulso demográfico.
No capítulo terceiro abórdase a conciliación da vida familiar, laboral e persoal, que, baixo o principio da asunción equilibrada das responsabilidades domésticas e de coidados e a superación dos roles e estereotipos de xénero, pretende impulsar e consolidar o desenvolvemento de políticas efectivas para que homes e mulleres poidan harmonizar as súas responsabilidades laborais e familiares en condicións de igualdade.
O capítulo cuarto pretende sentar as bases que garantan as condicións necesarias para que as mozas e os mozos galegos poidan desenvolver o seu proxecto vital e formar unha familia no territorio da nosa Comunidade, buscando reforzar as súas capacidades e habilidades e fomentar as súas oportunidades de emprego.
O capítulo quinto establece un marco favorable para o asentamento de nova poboación na Comunidade Autónoma. Con esta finalidade, impúlsase o retorno da poboación galega residente no exterior e da súa descendencia mediante o afianzamento dos seus vínculos con Galicia, o acceso a programas e servizos en igualdade de condicións que o resto da poboación galega e o apoio para acadar a súa plena integración social e laboral. Así mesmo, recóllense previsións dirixidas á captación de nova poboación en correspondencia coas demandas do mercado laboral e ao desenvolvemento de programas de acollida que faciliten a integración das novas persoas que se asenten en Galicia.
O capítulo sexto regula o marco necesario para o desenvolvemento equilibrado do territorio e o asentamento da poboación no medio rural e costeiro non urbano, impulsando a dotación de servizos relacionados coas súas necesidades específicas nos ámbitos do ensino, con especial referencia á formación profesional, da conciliación, da cultura e da atención ás persoas maiores ou con discapacidade, entre outros.
Merece especial atención a pretensión desta lei de impulsar as actividades económicas no medio rural e costeiro non urbano, máis aló do ámbito agroforestal e marítimo-pesqueiro, buscando unha modernización e diversificación da súa estrutura económica que garanta a sustentabilidade social, económica e medioambiental. Neste sentido, faise especial fincapé na planificación e dotación das telecomunicacións, na aplicación da innovación e das tecnoloxías ás actividades económicas, na remuda xeracional, no acceso á terra e ás actividades marítimo-pesqueiras e na dotación de solo empresarial, entre outras políticas. Así mesmo, establécese un tratamento diferenciado en positivo que fomente novas iniciativas e consolide a actividade económica no rural e nas áreas costeiras non urbanas.
A posta en valor e o desenvolvemento sustentable e integrador do medio rural e costeiro non urbano é unha responsabilidade de toda a sociedade e, en consecuencia, esta lei pretende impulsar a súa implicación nesta tarefa, con especial referencia aos axentes económicos e ás organizacións con actividade en Galicia pola súa potencialidade na consecución deste obxectivo.
No capítulo sétimo abórdase a promoción do envellecemento activo e saudable, buscando a súa integración nas diferentes políticas públicas, coa finalidade de asegurar o benestar durante todo o curso da vida, especialmente na vellez, e de promover, á súa vez, a participación das persoas maiores na sociedade, atendendo as situacións de soidade non desexada, visibilizando o seu papel como motor de cambio e contribuíndo ao seu apoderamento. Con esta pretensión, entre outras accións, impúlsase a aplicación das tecnoloxías neste ámbito e estimúlase a denominada economía do envellecemento, co obxecto de dar resposta ás necesidades e demandas das persoas maiores ao tempo que se aproveita a súa potencialidade, se reforzan os servizos de atención a domicilio, se pon en valor a súa experiencia e se fortalecen as relacións interxeracionais.
Polo que respecta ás dúas disposicións adicionais, establécese nelas o mandato dun incremento mínimo do investimento nas políticas de familia do 50 % sobre o aumento porcentual do gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma no prazo de cinco anos desde a entrada en vigor da lei e de aprobación dunha estratexia conxunta das administracións públicas de Galicia para a ordenación e coordinación das políticas en materia demográfica.
Por último, cabe destacar a modificación levada a cabo en diferentes corpos normativos a través das disposicións derradeiras da lei.
A disposición derradeira primeira modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, coa finalidade de autorizar o Consello da Xunta de Galicia para a creación do Comité de Ética dos Servizos Sociais de Galicia, como órgano do Sistema galego de servizos sociais para a análise e o asesoramento nos conflitos éticos que se susciten na intervención social.
A disposición derradeira segunda modifica a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para incluír nela o trámite de traslado dos proxectos de decreto, xunto cunha análise do seu impacto demográfico, ao órgano de dirección competente en materia de dinamización demográfica.
A disposición derradeira terceira, de modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, revisa o concepto de familia monoparental para adaptalo á realidade social actual destas familias, introduce o mandato de creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas, recoñece dúas novas tipoloxías de familias de especial consideración (as familias en situación de especial vulnerabilidade económica e as familias vítimas de violencia de xénero, coa finalidade de que accedan ao trato preferente previsto para este grupo na dita lei) e acomoda a valoración contractual das políticas empresariais en materia de conciliación ás previsións desta lei.
A disposición derradeira cuarta modifica a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, coa finalidade de aliñar a contratación pública aos obxectivos de impulso demográfico establecidos nesta lei.
A disposición derradeira quinta modifica o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, para, por unha banda, eliminar a preferencia das empresas cun plan de igualdade ou en posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade na adxudicación dos contratos sempre que as súas proposicións igualen as máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios obxectivos que sirvan de base para a adxudicación, en consonancia co novo escenario que regula a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que permite outras alternativas de maior incidencia e relevancia para a valoración das políticas empresariais en materia de igualdade, e, por outra banda, recoller unha remisión expresa á valoración das políticas empresariais en materia de conciliación que esta lei incentiva a través da contratación do sector público autonómico. Así mesmo, revisa o artigo 92, incluído no capítulo relativo ás medidas de conciliación e corresponsabilidade no emprego público, para incorporar unha definición do concepto de flexibilidade horaria e mais as previsións desta lei a este respecto. No mesmo sentido, a disposición derradeira sexta leva a cabo unha modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para recoller as previsións da lei e a regulación da flexibilidade horaria anteriormente mencionadas respecto do persoal funcionario.
Tamén se recolle na parte final da lei a derrogación de cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nela e unha habilitación para o seu desenvolvemento, fixando para tal fin un prazo máximo e a previsión sobre a súa entrada en vigor.
Esta lei axústase aos principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao preverse na norma os obxectivos perseguidos e a súa xustificación e ao promoverse a participación cidadá no procedemento de elaboración da norma, como exixen os principios de transparencia e accesibilidade, e ao introducirse a través dela, conforme os principios de seguridade xurídica e simplicidade, as modificacións precisas nas disposicións vixentes. Procede salientar, ademais, que os requisitos establecidos na norma para o exercicio de determinadas actividades económicas responden a razóns de interese xeral, baseadas na salvagarda da seguridade e saúde infantil e na consecución de obxectivos da política social, sendo, en todo caso, enunciados do xeito menos restritivo ou distorsionador para a actividade económica a que afectan, de acordo cos principios de necesidade e de proporcionalidade previstos no artigo 5 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.
No procedemento de elaboración desta lei promoveuse a participación cidadá a través do Portal de transparencia e Goberno aberto. Así mesmo, na tramitación do anteproxecto de lei seguíronse os trámites previstos na normativa aplicable, incluídos o de audiencia á Comisión de Persoal e de negociación colectiva respecto das medidas que afectan o réxime de persoal do sector público autonómico, así como o informe do Consello Galego de Benestar Social e o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de impulso demográfico de Galicia.
TÍTULO PRELIMINAR
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto e finalidade da lei
1. Esta lei ten por obxecto establecer os fundamentos para o impulso demográfico de Galicia, acorde cos principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal, que favoreza un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable e territorialmente equilibrado, de xeito que as persoas consideren Galicia como o lugar idóneo para vivir, establecerse e, se así o desexan, ter fillas e fillos e desenvolver o proxecto familiar que libremente escollan.
2. Para estes efectos, a lei establece os principios e as liñas de actuación das administracións públicas de Galicia no deseño e desenvolvemento das súas políticas e un conxunto de medidas que atinxen ás ditas administracións, á cidadanía e aos diferentes axentes que operan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A finalidade desta lei é o impulso e a dinamización demográfica de Galicia mediante a ordenación e a coordinación das políticas públicas autonómicas e o fomento da actuación conxunta das administracións públicas e dos distintos interlocutores sociais e económicos de Galicia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Esta lei é aplicable á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
2. As disposicións desta lei relativas ás administracións públicas de Galicia serán tamén aplicables ás administracións locais de Galicia e ás entidades públicas vinculadas ou dependentes delas, sen prexuízo do necesario respecto á súa autonomía.
3. Os principios que inspiran as previsións desta lei serán aplicables, no que proceda, ás entidades instrumentais de natureza non pública pertencentes ao sector público autonómico. Ademais, serán directamente aplicables a tales entidades os preceptos desta lei relativos ao conxunto do sector público autonómico.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos desta lei, enténdese por:
a) Administracións públicas de Galicia: a Administración xeral da Comunidade Autónoma, as entidades que integran a Administración local e as entidades públicas vinculadas ou dependentes das anteriores.
b) Administración autonómica: a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou a entidade pública instrumental do sector público autonómico competente.
c) Impulso demográfico: conxunto de medidas dirixidas ao desenvolvemento sustentable e ao logro do equilibrio territorial e social, de modo que se creen contornos favorables para o asentamento da poboación, o desenvolvemento saudable e o benestar da infancia e unha libre realización dos proxectos vitais que permita cumprir as expectativas e os desexos da poboación de poder formar unha familia e aproxime a fecundidade á media da Unión Europea, que promova o envellecemento activo e saudable e que facilite o retorno das galegas e dos galegos residentes no exterior e a atracción de nova poboación ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Perspectiva demográfica: metodoloxía e mecanismos destinados a integrar na produción normativa e no deseño e desenvolvemento das políticas públicas a consideración das interaccións entre a acción pública e as dinámicas poboacionais.
e) Impacto demográfico: identificación e valoración dos diferentes efectos e resultados dunha norma ou dunha política pública no comportamento da poboación, co obxecto de neutralizar posibles efectos que dificulten ou impidan o impulso demográfico.
f) Familias: todos os núcleos estables de convivencia formados por unha persoa ou unha parella unida por un vínculo conxugal ou de afectividade análoga á conxugal, de carácter xurídico ou non, e mais as persoas ascendentes, as que dependan delas por filiación, adopción, tutela ou acollemento e aquelas que teñan ao seu cargo.
g) Familias de especial consideración: as que teñan este carácter conforme o previsto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
h) Poboación galega residente no exterior: a cidadanía española residente no exterior á que o Estatuto de autonomía de Galicia outorga dereitos políticos, así como tamén a súa descendencia.
i) Poboación galega retornada: as persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega, os seus cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e as fillas das ditas persoas, sempre que cumpran o disposto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e, así mesmo, o resto de descendentes naquelas liñas concretas de acción que expresamente o establezan.
j) Medio rural e costeiro non urbano: zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas de Galicia (ZPP), segundo a clasificación do grao e subgrao de urbanización das parroquias galegas realizada polo Instituto Galego de Estatística.
k) Envellecemento activo e saudable: proceso de optimización das oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen.
Artigo 4. Principios reitores
Son principios reitores desta lei:
a) Igualdade e respecto á diversidade nas políticas activas de impulso demográfico, prestando especial atención ás diferenzas derivadas do xénero, a idade, a situación de dependencia ou discapacidade e a orientación sexual ou relixiosa, mediante a adopción de medidas específicas para previr ou compensar as desvantaxes que estas diferenzas poidan causar.
b) Apoio á liberdade de constitución e organización das familias, como elemento fundamental de organización da sociedade, en todos os ámbitos e, nomeadamente, no persoal, económico e social.
c) Interese superior do e da menor. Todo neno e nena ten dereito a que o seu interese superior sexa valorado e considerado como primordial en todas as accións e decisións que o poidan afectar individual ou colectivamente, tanto no ámbito público como privado. Para os efectos da avaliación e determinación do dito interese superior, consideraranse os elementos, criterios e principios recollidos no artigo 2 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, así como pola lexislación vixente en cada momento en relación con esta materia.
d) Desenvolvemento económico intelixente e sustentable, baseado no capital humano, na aprendizaxe continua, na promoción e xestión do coñecemento e na modernización do sistema produtivo mediante a innovación e a incorporación das tecnoloxías como instrumento da actividade económica, e respectuoso co medio ambiente, que aproveite e vele polo uso dos recursos endóxenos e pola súa forma de explotación e aproxime o máximo posible o PIB per cápita á media da Unión Europea.
e) Equilibrio territorial, a través dunha ordenación equilibrada do territorio que garanta o acceso equitativo ás oportunidades e aos servizos públicos e corrixa as desigualdades entre os diferentes territorios de Galicia e as zonas de interior e de costa e, particularmente, a polarización entre o medio rural e o urbano.
Artigo 5. Principios de actuación
A aplicación desta lei rexerase polos seguintes principios:
a) Transversalidade. As administracións públicas de Galicia incorporarán a perspectiva demográfica en todas as súas políticas, tanto na elaboración da normativa que as regule como na dotación orzamentaria, especialmente nos ámbitos familiar, laboral, da saúde, a educación, a cultura e o ocio, o deporte, a xuventude, o envellecemento, a migración, os servizos públicos e as comunicacións.
b) Colaboración e cooperación. As administracións públicas de Galicia colaborarán a prol do impulso demográfico de Galicia e promoverán, no exercicio das súas competencias, a cooperación da Administración estatal e comunitaria.
c) Coordinación. As administracións públicas de Galicia articularán procedementos de coordinación entre os diferentes órganos implicados nas políticas e medidas previstas nesta lei, co obxecto de simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos relacionados con elas.
d) Responsabilidade pública. As administracións públicas de Galicia garantirán, no ámbito das súas respectivas competencias, a regulación, a articulación e a aplicación efectiva do conxunto de políticas e medidas previstas nesta lei.
e) Eficacia e eficiencia administrativa. As administracións públicas de Galicia deberán acadar os obxectivos definidos nesta lei garantindo a eficacia e a eficiencia no emprego dos recursos, evitando posibles duplicidades derivadas da intervención de diferentes órganos ou administracións e velando pola aplicación dunha perspectiva integral na formulación de políticas sectoriais.
f) Información e sensibilización. As administracións públicas de Galicia fomentarán o estudo e a análise das implicacións da evolución demográfica e contribuirán á mellora da concienciación da cidadanía, mediante o impulso do debate e a sensibilización social ao respecto.
g) Avaliación e seguimento. As administracións públicas de Galicia realizarán un seguimento continuo do desenvolvemento e implantación das políticas públicas en materia demográfica para avaliar a súa eficacia e eficiencia e facilitar a toma de decisións sobre elas.
h) Participación. As administracións públicas de Galicia promoverán a participación da cidadanía, da iniciativa social, dos interlocutores económicos e sociais e dos restantes axentes públicos e privados na planificación e aplicación das políticas de impulso demográfico.
Artigo 6. Principios específicos en materia de familia
As administracións públicas de Galicia desenvolverán as súas actuacións de impulso demográfico en materia de familia baixo os principios específicos de:
a) Liberdade e respecto á diversidade. Garantirase a liberdade de constitución e organización da vida privada, familiar e de convivencia, o respecto á dignidade e aos dereitos e o coidado do benestar das persoas que integran os diferentes modelos de familia.
b) Promoción e apoio. Recoñecerase, fomentarase e apoiarase o papel das familias como núcleo fundamental de convivencia da sociedade e axente vertebrador da solidariedade intraxeracional e interxeracional, así como da transmisión de valores sociais.
c) Solidariedade. As políticas de apoio ás familias materializarán o apoio e respaldo da sociedade para con elas e, de forma positiva e diferencial, para coas familias de especial consideración.
d) Equidade. As políticas de apoio ás familias asegurarán que todas elas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar. Darase especial atención a aquelas familias con nenos e nenas en situación de vulnerabilidade pola súa situación de exclusión social ou pobreza económica, a súa pertenza a minorías étnicas ou a súa discapacidade ou por ser parte doutras familias de especial consideración, como son as familias monoparentais, as familias numerosas ou as familias vítimas de violencia de xénero.
e) Igualdade. As políticas de apoio ás familias fomentarán a igualdade entre homes e mulleres e a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral.
f) Recoñecemento. As políticas de apoio ás familias poñerán en valor a institución familiar e os traballos de sostemento dos fogares e de coidado, realizados maioritariamente polas mulleres.
g) Accesibilidade. Facilitarase a máxima accesibilidade aos recursos e servizos de apoio ás familias tendo en conta a ordenación territorial de Galicia.
h) Promoción do benestar infantil. Considerarase o neno, nena e adolescente como suxeito de dereitos e favoreceranse as actuacións que promovan o seu benestar e o exercicio progresivo autónomo daqueles dereitos, de acordo coa súa madureza.
TÍTULO I
CRITERIOS DE ACTUACIÓN E ORGANIZACIÓN PARA O IMPULSO DEMOGRÁFICO
CAPÍTULO I
Carácter sistémico das políticas demográficas
Artigo 7. Incorporación da perspectiva demográfica
1. As administracións públicas de Galicia incorporarán a perspectiva demográfica na produción normativa e na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e de todas as accións desenvolvidas no exercicio das súas competencias.
2. Na elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia tomaranse en consideración indicadores que permitan integrar a perspectiva demográfica nas políticas orzamentarias de maneira transversal.
3. Na memoria dos orzamentos individualizarase o gasto nas políticas activas de impulso demográfico recollidas na Axenda demográfica prevista na letra a) do artigo 19.
Artigo 8. Análise do impacto demográfico
1. Nos procedementos de elaboración de proxectos de lei e decretos, así como de documentos de planificación sectorial que tramite a Administración autonómica, deberá darse traslado do texto proxectado, xunto cunha análise do seu impacto demográfico, ao órgano de dirección con competencias en materia de dinamización demográfica, concedéndolle un prazo de dez días hábiles para a formulación, se é o caso, das observacións que considere procedentes nesta materia.
2. O órgano de dirección con competencias en materia de dinamización demográfica proporcionará directrices, criterios e metodoloxías para facilitar a elaboración da análise prevista no número 1.
Artigo 9. Informe periódico e indicadores en materia demográfica
1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica elaborará e fará público no primeiro semestre un informe anual sobre a situación demográfica de Galicia.
2. A Administración autonómica incluirá na súa planificación estatística a elaboración de indicadores de competitividade territorial, que cumprirán coa obriga de incorporar a perspectiva de xénero, consonte o previsto na normativa estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Así mesmo, o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica definirá indicadores que servirán de orientación ás políticas das administracións públicas de Galicia en materia de impulso demográfico.
Artigo 10. Colaboración e cooperación interadministrativa
1. A Administración autonómica garantirá a participación activa das administracións locais de Galicia en todas as políticas dirixidas ao impulso demográfico.
2. A colaboración e cooperación coas administracións locais de Galicia no deseño e desenvolvemento de políticas de impulso demográfico será promovida pola Administración autonómica a través da comisión prevista no artigo 20.
3. A Administración autonómica promoverá a inclusión de políticas de impulso demográfico dentro dos programas desenvolvidos pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Artigo 11. Políticas prioritarias para o impulso demográfico
As administracións públicas de Galicia considerarán prioritarias para o impulso demográfico as seguintes políticas:
1. Políticas que faciliten a emancipación da xuventude con programas específicos que promovan o seu acceso a empregos estables e de calidade e para o acceso á vivenda.
2. Políticas de conciliación e corresponsabilidade que actúen como panca de participación das mulleres no mercado laboral, favorecendo o incremento dos índices de fecundidade e evitando desequilibrios na composición das cohortes de idades susceptibles de formar unha familia.
3. Políticas que aposten decididamente pola diversificación económica no medio rural, pola redución das trabas burocráticas para o establecemento de iniciativas empresariais e pola garantía de acceso adecuado aos servizos para a poboación e as empresas que se establezan nel.
4. Políticas específicas de capacitación dixital de toda a poboación do medio rural que lle permitan estudar, traballar, comunicarse, atender as súas necesidades básicas e superar o illamento.
Artigo 12. Criterios de actuación das administracións locais
Atendendo o carácter sistémico das políticas públicas en materia demográfica, as administracións locais de Galicia, no exercicio das súas competencias, rexeranse polos seguintes criterios:
a) A incorporación da perspectiva demográfica conforme o previsto no artigo 7.
b) A colaboración e cooperación coa Administración autonómica no deseño e implementación das políticas de impulso demográfico.
c) O impulso da participación dos distintos interlocutores sociais e económicos e da cidadanía no deseño e desenvolvemento das políticas de impulso demográfico.
Artigo 13. Apoio ás administracións locais
1. A Administración autonómica, na asignación de fondos e no outorgamento de axudas e subvencións ás entidades locais, terá en conta o desenvolvemento por parte destas de políticas de impulso demográfico de forma coordinada, o esforzo orzamentario realizado nesta materia e a súa capacidade económica.
2. Dentro dos criterios de repartición do Fondo de Cooperación Local incluirase o esforzo orzamentario dos concellos en materia demográfica, e, para estes efectos, poderase crear nel un fondo específico destinado ao equilibrio demográfico territorial.
3. A Administración autonómica elaborará e poñerá á disposición das administracións locais instrumentos e mecanismos de apoio económico que faciliten a incorporación da perspectiva demográfica no deseño e aplicación das políticas e accións levadas a cabo por estas.
4. As administracións públicas impulsarán medidas para que na participación nos ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma se introduzan os criterios de dispersión e envellecemento da poboación na repartición de fondos entre as entidades locais.
Artigo 14. Colaboración co sector privado
1. As administracións públicas de Galicia fomentarán a implicación e a participación dos axentes do sector privado nas políticas públicas de impulso demográfico, mediante programas específicos de colaboración público-privada.
2. A Administración autonómica poderá asinar convenios de colaboración coas entidades financeiras que operan en Galicia, así como coas sociedades de garantía recíproca galegas, co fin de facilitar o acceso ao crédito de traballadoras e traballadores autónomos e das empresas para o seu crecemento ou implantación no noso territorio.
3. Así mesmo, a Administración autonómica impulsará a cooperación co sector privado para que este incorpore a formación do seu persoal en materias con impacto demográfico, así como para potenciar o talento asociado á contorna da nosa terra.
Artigo 15. Colaboración do terceiro sector social
As administracións públicas de Galicia promoverán a participación do terceiro sector social nas accións de impulso demográfico para fortalecer o recoñecemento e o exercicio efectivo dos dereitos sociais, mellorar o coñecemento e a cobertura das necesidades da poboación máis vulnerable e avanzar nunha sociedade cohesionada e inclusiva.
Artigo 16. Participación cidadá
1. A Administración autonómica garantirá a participación cidadá na elaboración dos seus instrumentos de planificación e na avaliación das políticas de impulso demográfico, mediante a realización dun trámite de consulta aberto á cidadanía en xeral e ás persoas e entidades especialistas na materia en particular.
2. Así mesmo, promoverase a participación das persoas destinatarias directas das políticas, incluíndo especialmente nenas e nenos, adolescentes e persoas maiores.
Artigo 17. Contratación
1. O sector público autonómico deseñará e articulará a súa estratexia en materia de contratación pública tendo en conta os principios de desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable recollidos nesta lei.
2. Para estes efectos, coa finalidade de proporcionar unha mellor relación calidade-prezo na prestación contractual e unha maior e mellor eficiencia na utilización dos fondos públicos, de acordo co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, en toda a contratación do sector público autonómico incorporaranse de maneira transversal e preceptiva criterios sociais e medioambientais que garden relación co obxecto do contrato, nos termos previstos no artigo 145 da dita lei.
3. En desenvolvemento do expresado nos números anteriores, procurarase, mediante a súa inclusión nas prescricións técnicas, nos criterios de adxudicación ou nas condicións de execución do contrato, que as obras, produtos e servizos que se adquiran, así como os procesos ou procedementos que se utilicen neles, cumpran requisitos determinados e características específicas de tipo social e medioambiental, preferentemente aqueles relacionados coa igualdade de xénero, o comercio xusto, a agricultura e a gandaría ecolóxicas e a xestión forestal e pesca sustentables e os que garantan o cumprimento das convencións fundamentais da Organización Internacional do Traballo, de conformidade co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro.
4. En particular, os órganos de contratación introducirán criterios de adxudicación cualitativos, vinculados ao obxecto do contrato, referidos ás políticas empresariais en materia de igualdade no proceso específico de produción, prestación ou comercialización das obras, subministracións ou servizos, preferentemente aqueles referidos aos plans de igualdade de xénero ou ás medidas a prol da igualdade de xénero que se apliquen, á loita contra a discriminación salarial por razón de sexo e ao fomento da contratación feminina.
5. Así mesmo, o sector público autonómico facilitará o acceso á contratación pública das pequenas e medianas empresas e das empresas de economía social.
Artigo 18. Axudas e subvencións públicas
1. O sector público autonómico deseñará e articulará a súa estratexia en materia de axudas e subvencións públicas tendo en conta os principios de promoción da igualdade de xénero e de desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable recollidos nesta lei.
2. De acordo co expresado no número anterior, o sector público autonómico incorporará nas bases reguladoras das axudas e subvencións requisitos dirixidos a promover a implicación dos diferentes axentes na sustentabilidade demográfica e na cohesión territorial de Galicia, de modo que se favoreza, entre outras, a permanencia das persoas no lugar de residencia habitual, a conciliación corresponsable e o apoio ás familias con persoas a cargo.
CAPÍTULO II
Organización administrativa
Artigo 19. Competencias do Consello da Xunta de Galicia
Ademais das competencias que a normativa vixente atribúe ao Consello da Xunta de Galicia, corresponderanlle en materia demográfica as seguintes:
a) Establecer as directrices da acción autonómica para o impulso demográfico e aprobar a Axenda demográfica anual.
b) Impulsar a implantación efectiva da perspectiva demográfica na acción do Goberno autonómico.
c) Facer o seguimento do desenvolvemento das políticas activas de impulso demográfico.
Artigo 20. Comisión para o Impulso Demográfico
1. Créase a Comisión para o Impulso Demográfico, como órgano de colaboración e cooperación da Administración autonómica, dos municipios e das deputacións provinciais de Galicia en materia de impulso demográfico.
2. A Comisión para o Impulso Demográfico adscríbese á consellaría competente en materia de dinamización demográfica, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o cumprimento das súas funcións.
3. Son funcións da comisión:
a) Promover a colaboración e o intercambio de información en materia demográfica entre a Administración autonómica, os municipios e as deputacións provinciais de Galicia.
b) Facilitar o consenso ao redor das políticas de impulso demográfico que afecten as diferentes administracións que forman parte dela.
c) Promover sistemas de cooperación e coordinación para a xestión integrada das políticas públicas de impulso demográfico polas diferentes administracións que forman parte dela.
d) Elaborar e aprobar a estratexia demográfica para o conxunto das administracións públicas de Galicia.
4. Esta comisión estará presidida pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de dinamización demográfica ou persoa en quen delegue.
5. A comisión terá unha composición paritaria entre a Administración autonómica e as administracións locais. No suposto de que, por cambios organizativos, varíe o número de representantes da Administración autonómica, procederase a unha nova designación das persoas membros da comisión coa finalidade do mantemento da dita composición paritaria.
6. Formarán parte desta comisión en representación da Administración autonómica as persoas titulares de cada unha das consellarías, que propoñerán ademais unha persoa, que en todo caso deberá ter un rango mínimo de director ou directora xeral, para a súa designación como suplente.
A representación dos municipios e das deputacións provinciais será proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias. A proposta incluirá para cada vogalía unha persoa titular e unha suplente. Cada deputación provincial contará cunha vogalía, que deberá recaer necesariamente a favor da persoa que desempeñe a presidencia ou que teña a condición de deputado ou deputada provincial, correspondendo o resto de vogalías en representación das administracións locais aos municipios, que deberán estar representados pola persoa que ocupe a alcaldía ou que teña a condición de concelleiro ou concelleira municipal. Ademais, na proposta que se formule atenderanse preferentemente criterios de xénero e, no caso dos municipios, tamén criterios territoriais, garantindo a presenza de municipios de diferentes tamaños, así como que estean convenientemente representados os que conten cunha poboación inferior a cinco mil habitantes.
As persoas propostas para formar parte da comisión serán nomeadas pola presidencia.
7. As funcións de secretaría da comisión serán exercidas por unha persoa funcionaria de carreira ao servizo do órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de dinamización demográfica.
8. Os acordos da comisión tomaranse por maioría de tres quintos das persoas membros presentes.
9. A Comisión para o Impulso Demográfico terá autonomía orgánica e funcional para o exercicio das súas funcións e establecerá as súas normas de funcionamento interno, podendo crear grupos de traballo para a abordaxe concreta dalgunha área relacionada co obxecto desta lei.
10. Sen prexuízo do disposto no número 5 respecto do mantemento da composición paritaria, as persoas membros da comisión serán designadas por un período de catro anos e manterán a súa condición mentres exerzan o cargo que motivou o seu nomeamento.
Serán, ademais, causas de separación do exercicio das súas funcións as seguintes:
a) A renuncia expresa.
b) A revogación da representación por parte da administración ou entidade propoñente.
c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.
d) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.
As circunstancias anteriormente sinaladas deberán comunicarse á secretaría da comisión no prazo de dez días desde que se produzan.
11. A comisión aprobará o seu regulamento interno de funcionamento.
Artigo 21. Comisión Técnica para o Impulso Demográfico
1. Créase a Comisión Técnica para o Impulso Demográfico, como órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a coordinación das políticas autonómicas de impulso demográfico e para asegurar a aplicación transversal e a incorporación efectiva da perspectiva demográfica.
2. Esta comisión adscríbese á consellaría competente en materia de dinamización demográfica.
3. A Comisión Técnica para o Impulso Demográfico estará presidida pola persoa titular do órgano de dirección competente en materia de dinamización demográfica e formará parte dela unha persoa en representación de cada consellaría, que deberá ocupar un posto con nivel mínimo de subdirección xeral.
As funcións de secretaría da comisión serán exercidas por unha persoa funcionaria de carreira ao servizo do órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de dinamización demográfica.
Na composición desta comisión atenderase o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.
4. A Comisión Técnica para o Impulso Demográfico terá as seguintes funcións:
a) A elaboración da proposta de Axenda demográfica anual da Administración autonómica.
b) A análise, o estudo e a elaboración de propostas para o impulso demográfico desde unha perspectiva sistémica e transversal.
c) O desenvolvemento de procedementos e medidas para a incorporación da perspectiva demográfica no sector público autonómico.
d) O fomento da capacitación do persoal do sector público autonómico en materia demográfica mediante a proposta de accións formativas e de sensibilización.
e) Aqueloutras que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento da súa finalidade.
5. No marco desta comisión poderanse crear grupos de traballo para a abordaxe concreta dalgunha área relacionada co obxecto desta lei.
6. A comisión aprobará o seu regulamento interno de funcionamento.
Artigo 22. Observatorio Galego de Dinamización Demográfica
1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica configúrase como o órgano colexiado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o asesoramento, a colaboración institucional e a participación social en materia de demografía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O réxime xurídico do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica será o previsto nesta lei e na súa norma de creación.
CAPÍTULO III
Estudo, sensibilización, formación e comunicación
Artigo 23. Estudo en materia demográfica
1. As administracións públicas de Galicia fomentarán o estudo da demografía, dos factores que a condicionan, dos efectos do cambio demográfico e da súa repercusión no estado de benestar, garantindo a súa transferencia á cidadanía mediante o traballo conxunto dos poderes públicos e das institucións académicas e científicas.
2. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica realizará e divulgará estudos, informes e traballos que resulten de interese desde o punto de vista demográfico. A este respecto elaborará e publicará un informe anual do custo da crianza e educación dos fillos e fillas ata a súa emancipación, que poderá servir de referencia ás administracións públicas de Galicia para o deseño das súas políticas en materia demográfica, que se adaptarán progresivamente, en función das dispoñibilidades orzamentarias, á realidade económica das familias en Galicia.
3. Así mesmo, o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica difundirá os estudos, informes e traballos realizados por persoas expertas ou por entidades de especial relevancia no ámbito da demografía, a través, entre outros, dun espazo web creado para tal fin.
Artigo 24. Sensibilización social en materia demográfica
1. Corresponderalles ás administracións públicas de Galicia a sensibilización da sociedade sobre o cambio demográfico e as súas implicacións, así como sobre os beneficios de atraer nova poboación ao territorio da Comunidade Autónoma, co fin de xerar unha conciencia social a este respecto.
2. A Administración autonómica informará periodicamente a poboación, a través de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, do saldo vexetativo de cada concello e de Galicia.
3. A Administración autonómica garantirá o acceso da poboación a datos actualizados en materia de poboación e demografía, para o que dotará o Instituto Galego de Estatística dos recursos orzamentarios, materiais e humanos necesarios e suficientes.
Artigo 25. Formación no ámbito educativo
1. A Administración autonómica, no marco das súas competencias en materia educativa, incorporará contidos formativos que contribúan ao impulso demográfico, e, para estes efectos, elaborará materiais e desenvolverá programas de formación do profesorado, entre outras, nas seguintes materias:
a) Cambio demográfico en Galicia, características e implicacións.
b) Igualdade de xénero, respecto á diversidade e corresponsabilidade.
c) Promoción do autocoidado e valoración positiva do proceso de envellecemento e das persoas maiores.
d) Reforzo das relacións interxeracionais.
2. Así mesmo, a Administración autonómica promoverá, en colaboración coas universidades, a formación especializada e a investigación en materia demográfica no Sistema universitario de Galicia.
Artigo 26. Formación do persoal ao servizo do sector público autonómico en materia demográfica
A Administración autonómica impulsará a formación do persoal do sector público autonómico en materia demográfica, considerándoa un contido transversal de cara á súa promoción profesional. Para estes efectos, os órganos e as entidades do sector público autonómico con competencia en materia de formación do dito persoal elaborarán programas de formación específicos.
Artigo 27. Medios de comunicación social
1. As administracións públicas de Galicia colaborarán cos medios de comunicación social que actúen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para a transferencia á cidadanía do coñecemento en materia demográfica.
2. A Administración autonómica potenciará acordos cos medios de comunicación para a realización de campañas de sensibilización sobre a conciliación, a corresponsabilidade, as consecuencias do cambio demográfico e a parentalidade positiva.
3. Así mesmo, promoverá nos medios públicos o adianto da emisión dos programas televisivos de máxima audiencia para favorecer o descanso e o benestar da poboación.
TÍTULO II
POLÍTICAS PÚBLICAS PARA O IMPULSO DEMOGRÁFICO
CAPÍTULO I
Criterios xerais
Artigo 28. Políticas activas de emprego
1. A Administración autonómica, dentro das súas políticas activas de emprego e respectando a normativa estatal aplicable, poñerá en marcha programas específicos orientados á incorporación ao mercado laboral galego da mocidade, das familias con fillas e fillos en situación de desemprego ou con baixa intensidade de emprego, da poboación retornada e da que se asente por primeira vez en Galicia e fomentará a adopción de instrumentos que faciliten o acceso á formación profesional para o emprego no ámbito laboral para aquelas persoas que teñan que exercer responsabilidades de coidado.
2. Así mesmo, a Administración autonómica deseñará as súas políticas activas de emprego dando prioridade ao desenvolvemento profesional no medio rural e costeiro non urbano para facilitar a transición entre a formación e o emprego e o acceso a un emprego de calidade nestes ámbitos.
Artigo 29. Apoio ao acceso e á permanencia na vivenda
1. A Administración autonómica, no marco das súas competencias en materia de vivenda, establecerá programas específicos que faciliten o acceso á vivenda da mocidade galega, das familias con fillas e fillos e persoas dependentes a cargo e das persoas galegas retornadas.
2. Así mesmo, impulsará e apoiará novas tipoloxías residenciais destinadas ás persoas maiores e programas específicos que faciliten o acceso a unha vivenda de calidade no medio rural e costeiro non urbano e que configuren un factor de competitividade que manteña e atraia poboación.
3. Igualmente, no marco das súas competencias, poñerá en marcha programas de apoio ás familias con fillas ou fillos ou persoas dependentes a cargo que estean afectadas por procedementos de desafiuzamento ou lanzamento e promoverá o acceso a servizos ou o asesoramento xurídico gratuíto nos ditos procedementos das familias que, en función da súa renda familiar estandarizada, estean en risco de pobreza.
4. Nos programas de acceso á vivenda, a Administración autonómica fomentará a mobilización de vivendas baleiras e a rehabilitación edificatoria, facilitando o asentamento da poboación en réxime de compra ou alugueiro.
Artigo 30. Renda familiar estandarizada
1. A Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, establecerá un sistema para determinar de xeito homoxéneo o nivel económico da renda da unidade familiar, coa finalidade de dar o trato máis equitativo posible aos diferentes tipos e situacións familiares no acceso ás axudas, servizos ou prestacións que veñan condicionados ou graduados polo nivel de renda.
Este sistema será empregado con carácter xeral, agás naqueles casos nos que se xustifique que non resulta adecuado por razóns obxectivas, atendendo os obxectivos ou as características concretas das axudas, servizos ou prestacións.
2. O sistema de determinación da renda familiar estandarizada establecerase regulamentariamente atendendo, entre outros factores, o tamaño e a composición da unidade familiar.
CAPÍTULO II
Apoio ás familias
Artigo 31. Incremento do investimento en políticas de familia
Co obxecto de avanzar na creación de contornos favorables para o libre desenvolvemento dos proxectos familiares, a Administración autonómica incrementará o investimento en políticas de familia.
Artigo 32. Prestacións e axudas familiares por nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo
1. A Administración autonómica garantirá o apoio económico ás familias nas que se produza un nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo, coa finalidade de colaborar nos gastos derivados destas circunstancias mediante a concesión de prestacións e axudas familiares, que se ampliarán en función da situación económica familiar e do número de fillos e fillas, como mínimo, ata que o neno ou nena faga 3 anos.
2. As familias en situación de especial vulnerabilidade económica poderán manter as prestacións e axudas previstas neste artigo nos casos nos que non perciban unha prestación de apoio á renda e, téndoa solicitado, non tivesen aínda acceso a ela.
3. Na articulación das prestacións e axudas familiares previstas no número 1 prestarase especial atención ao medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 33. Accesibilidade dos recursos de atención temperá
A Administración autonómica garantirá que todas as familias que residan en Galicia con fillos ou fillas con trastornos no desenvolvemento, ou en risco de padecelos, teñan accesibles recursos de atención temperá que faciliten a súa autonomía persoal e inclusión social.
Artigo 34. Axuda ás familias máis vulnerables
A Administración autonómica apoiará a renda das familias en situación de especial vulnerabilidade económica, promovendo o seu acceso a prestacións económicas de inclusión social e/ou cubríndolles, a través de programas específicos, as súas necesidades básicas concretas.
Artigo 35. Axudas para a mellora das vivendas
A Administración autonómica promoverá programas de axudas destinadas á mellora da habitabilidade das vivendas e ao aforro e á eficiencia enerxética, así como á rehabilitación integral e á mellora da accesibilidade, tendo en conta os fogares nos que vivan persoas con dependencia, familias monoparentais e persoas con discapacidade ou con dificultades de mobilidade.
Artigo 36. Apoio económico para o transporte
1. A Administración autonómica promoverá bonificacións e descontos coa finalidade de apoiar economicamente as familias no acceso á rede de transporte regular de persoas viaxeiras de uso xeral. Este apoio económico será máis intenso para as familias de especial consideración.
2. Así mesmo, a Administración autonómica habilitará, no marco das súas competencias, medidas específicas de apoio para o uso do servizo público de transporte regular de persoas viaxeiras de uso xeral destinadas como mínimo ás persoas menores de idade residentes na Comunidade Autónoma.
Artigo 37. Apoio económico para o acceso á educación infantil 0-3
A Administración autonómica garantirá o acceso de toda a poboación infantil á etapa educativa 0-3, podendo aplicar bonificacións nos prezos públicos establecidos, e desenvolverá liñas de axudas para o apoio económico ás familias que teñan os seus fillos e fillas matriculados no primeiro ciclo de educación infantil en escolas infantís de titularidade privada por non ter obtido unha praza pública ou residir nun municipio no que non existan recursos públicos.
Artigo 38. Selo para establecementos amigables coas familias con nenos e nenas
1. A Administración autonómica promoverá a corresponsabilidade e implicación do sector privado na consideración das familias como un valor social e promoverá a creación dunha rede de establecementos amigables coas familias con nenos e nenas mediante o seu recoñecemento institucional.
2. O dito recoñecemento materializarase a través dun distintivo dirixido a aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que conten con estruturas e servizos que atendan as diferentes necesidades das familias con nenos e nenas.
3. Este distintivo será outorgado pola consellaría competente en materia de familia e avalará o cumprimento das condicións de accesibilidade universal establecidas para cada tipo de establecemento e a seguridade e o confort dos servizos que este ofrece ás familias.
4. A consellaría competente en materia de familia aprobará mediante resolución administrativa as bases reguladoras que determinen as condicións que deben cumprir os establecementos comerciais e hostaleiros para poder obter o distintivo previsto neste artigo. Estas bases, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, precisarán os trámites para a solicitude de concesión do distintivo e as estruturas e os servizos cos que deben contar os establecementos, así como os compromisos de atención que deben asumir, as formas nas que a Administración xeral da Comunidade Autónoma fará pública esta distinción e a posible utilización polos establecementos da distinción na súa publicidade, a validez temporal do distintivo e as causas da súa perda.
Artigo 39. Especial consideración das familias numerosas
1. A Administración autonómica aprobará un plan específico de apoio ás familias numerosas.
2. Entre as medidas do plan de apoio ás familias numerosas previsto no número anterior, a Administración autonómica establecerá bonificacións nas peaxes das autoestradas da súa titularidade e preverá a aplicación de prezos reducidos para estas familias nas licitacións de contratos ou concesións que inclúan a xestión de prazas de aparcamento nos hospitais públicos e centros dependentes dela.
3. Así mesmo, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, fomentará o establecemento por parte das administracións locais de bonificacións homoxéneas en todo o territorio da Comunidade Autónoma e de axudas que faciliten o acceso das familias numerosas ás subministracións básicas, así como a vivendas e ao transporte público.
Artigo 40. Especial consideración das familias monoparentais
1. O Consello da Xunta de Galicia aprobará, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, un plan de apoio ás familias monoparentais, coa finalidade de mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades. Dentro deste plan promoverase, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, o desenvolvemento de medidas específicas por parte das administracións locais.
2. No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei darase cumprimento ao mandato de creación do Rexistro de Familias Monoparentais Galegas, previsto na nova redacción dada ao número 3 do artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
Artigo 41. Espazos para as familias nos edificios de uso público
1. As administracións públicas de Galicia preverán nos novos edificios de uso público da súa titularidade a existencia de espazos específicos para a lactación dotados con cambiadores para o aseo dos nenos e nenas con accesibilidade universal, segura e autónoma e desenvolverán programas para adaptar os edificios de uso público da súa titularidade xa existentes para que conten con estes espazos no prazo máximo de seis anos.
2. Así mesmo, nos novos edificios de uso público de titularidade privada deberá existir un espazo accesible para homes e mulleres dotado cun cambiador para o aseo dos nenos e nenas. As administracións públicas de Galicia desenvolverán programas e normativa para promover que os edificios de uso público de titularidade privada xa existentes conten con este espazo e con outros recursos á disposición das familias.
3. Para os efectos do disposto neste artigo, enténdese por edificios de uso público aqueles que impliquen concorrencia de persoas para a realización de actividades de carácter social, recreativo, deportivo, cultural, educativo, comercial, administrativo, asistencial, residencial ou sanitario.
Artigo 42. Reserva de aparcamento para as familias
1. Nos novos edificios de uso público, tanto de titularidade pública como privada, que conten con prazas de aparcamento deberán existir prazas especialmente adaptadas para as necesidades das familias con fillos e fillas menores de 12 anos e das mulleres en estado avanzado de xestación. Dentro destas reservas de aparcamento, que se situarán próximas aos accesos ás áreas comúns con accesibilidade universal, segura e autónoma, un mínimo do 10 % das prazas destinarase ás familias numerosas.
2. As administracións públicas de Galicia desenvolverán programas para promover a adaptación dos aparcadoiros dos edificios de uso público xa existentes para que conten con prazas axustadas ás necesidades das familias con fillos e fillas menores de 12 anos.
3. Entenderase por edificios de uso público os previstos no número 3 do artigo anterior.
4. As previsións deste artigo non serán aplicables a aqueles aparcadoiros dos edificios de uso público que se reservan para persoal autorizado.
Artigo 43. Bancos de leite materno
A Administración autonómica realizará campañas de sensibilización dirixidas a que a poboación coñeza a existencia e a finalidade dos bancos de leite materno para garantir as doazóns suficientes e que poidan beneficiarse todos os nenos e nenas acabados de nacer residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que así o precisen.
Artigo 44. Asistencia sanitaria á reprodución
1. A Administración autonómica adoptará de maneira progresiva medidas tendentes a que as persoas que necesiten da reprodución asistida como medio para ter descendencia poidan dispoñer de asistencia sanitaria e dos medios precisos para tal fin.
En todo caso, o Servizo Galego de Saúde garantirá o tratamento de reprodución asistida a aquelas mulleres cuxos problemas de fertilidade veñan derivados dunha patoloxía.
2. Así mesmo, a Administración autonómica desenvolverá campañas de información e sensibilización que fomenten as doazóns necesarias para os procesos de reprodución asistida.
CAPÍTULO III
Conciliación da vida familiar, laboral e persoal
Sección 1ª. Principios xerais
Artigo 45. Criterios xerais de actuación en materia de conciliación
1. As administracións públicas de Galicia promoverán a conciliación da vida familiar, laboral e persoal, fundamentada no principio de igualdade entre mulleres e homes tanto no ámbito doméstico como no laboral e na consideración de que o coidado das fillas e fillos e das persoas dependentes é tanto un dereito como unha responsabilidade dos poderes públicos e de toda a sociedade.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, as administracións públicas de Galicia impulsarán a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos e persoas dependentes, ao tempo que fomentarán a corresponsabilidade no fogar e a implicación empresarial.
Artigo 46. Defensa da maternidade e paternidade nos procedementos penais
A Administración autonómica, en defensa dos dereitos das vítimas e sempre que estas o autoricen, poderá exercer, na forma e condicións establecidas pola lexislación procesual, a acción popular nos procedementos penais por delitos de discriminación derivada ou por razón da situación familiar consecuencia da maternidade ou paternidade.
Sección 2ª. Educación infantil 0-3 e recursos e servizos de conciliación
Artigo 47. Accesibilidade dos recursos e servizos de conciliación
1. A Administración autonómica promoverá que todas as familias que residan en Galicia teñan accesible un recurso de conciliación de calidade, preferentemente en centros de carácter público, para a atención dos fillos e fillas menores de 3 anos e das persoas en situación de dependencia.
2. Así mesmo, nos concellos de menos de cinco mil habitantes nos que exista un centro público de educación infantil e primaria da súa titularidade, a Administración autonómica poñerao á disposición das entidades locais para o desenvolvemento nel de servizos de atención aos nenos e nenas, con carácter non lectivo, previos ao inicio da xornada lectiva.
3. Estes centros estarán igualmente á disposición das entidades locais e das asociacións de nais e pais para o desenvolvemento de actividades extraescolares, cunha duración mínima dunha hora, posteriores á finalización da xornada lectiva. En ningún caso as ditas actividades se incorporarán á programación xeral docente.
4. Os órganos superiores da Administración autonómica competentes en materia de igualdade e conciliación establecerán liñas de apoio á realización das actividades previstas no número anterior, garantindo o acceso a estes recursos das nenas e nenos en risco de exclusión.
5. A Administración autonómica aprobará unha oferta de recursos de conciliación nos períodos estivais e non lectivos e o achegamento dos recursos de conciliación aos lugares de traballo.
6. A Administración autonómica promoverá recursos de conciliación para atender as novas necesidades de conciliación derivadas de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario.
Artigo 48. Medidas de protección da saúde infantil nos recursos e servizos de conciliación
1. A Administración autonómica promoverá medidas de prevención para evitar fontes de risco e asegurar o benestar colectivo dos nenos e nenas e o mantemento dun alto nivel de protección da saúde da poboación infantil.
2. Con esta finalidade, será condición necesaria para o acceso e permanencia nos recursos e servizos de atención continuada á infancia 0-3 de titularidade pública autonómica ou local ou que conten con financiamento público das ditas administracións que se acredite o seguimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
3. Non será exixible a condición establecida no número anterior no caso dos nenos e nenas con contraindicación dalgunha vacina, o que deberá acreditarse mediante a presentación dun informe asinado por unha ou un profesional médico colexiado que inclúa os seguintes aspectos:
a) Afirmación de que o estado físico ou a condición médica do neno ou nena é tal que non se considera segura a inmunización.
b) Indicación das vacinas que non se consideran seguras e que, polo tanto, se exceptúan, e o carácter permanente ou temporal da dita excepción.
c) Data de finalización da excepción ou de realización dunha nova valoración, nos supostos de contraindicación temporal.
As persoas titulares dos recursos deberán dar traslado do informe ao órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de saúde pública, que o analizará e comunicará á persoa titular do recurso se este resulta suficiente para entender xustificada a non exixencia da condición de seguimento do calendario de vacinación, debendo rexeitarse aqueles informes que non estean baseados na evidencia científica. Mentres non se realice a análise, permitirase o acceso ou a permanencia no recurso, aínda que estes estarán supeditados ao resultado da dita análise.
4. No caso de recursos de atención continuada á infancia 0-3 de titularidade privada que non estean financiados con fondos públicos procedentes da Administración autonómica ou local, as persoas titulares poderán tamén exixir, de acordo co establecido neste artigo, que se acredite o seguimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
No caso de que a persoa titular do recurso opte por non exixir a referida condición para o acceso e permanencia, deberá advertirse desta circunstancia expresamente no momento da matriculación e farase constar nos formularios de inscrición. Así mesmo, a información de que no dito recurso non se garante que estea vacinada a totalidade dos nenos e nenas deberá figurar de forma clara e visible no establecemento.
5. O incumprimento polas persoas titulares dos recursos das condicións e previsións establecidas nos números 2 e 3 en canto ao acceso e permanencia nos ditos recursos, ou das obrigas formais ou de información establecidas no parágrafo segundo do número 4, será constitutivo de infracción grave e será sancionado de acordo co previsto para as infraccións desta natureza na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e seguindo o procedemento establecido nela.
6. En casos de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario, a Administración autonómica impulsará protocolos específicos de actuación dirixidos aos recursos e servizos de atención continuada á infancia 0-3.
Artigo 49. Educación infantil 0-3
1. A Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.
2. Así mesmo, procurará a adaptación progresiva dos horarios das escolas infantís 0-3 aos horarios laborais de pais e nais.
Artigo 50. Atención das necesidades puntuais de conciliación
1. As administracións públicas de Galicia poñerán á disposición das familias solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación, proporcionando recursos para cubrir supostos de enfermidade da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual, a asistencia a entrevistas de traballo e cursos de formación ou outras situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado que impidan compatibilizar o desempeño profesional coa atención das responsabilidades familiares.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, a Administración autonómica desenvolverá programas destinados a proporcionar servizos de atención á infancia a domicilio ou a apoiar economicamente as familias no uso de servizos de atención á infancia de carácter puntual e promoverá o voluntariado dirixido a brindar apoios esporádicos na crianza.
3. Así mesmo, a Administración autonómica apoiará economicamente as familias no uso de servizos de atención ás persoas en situación de dependencia ou con discapacidade no domicilio nos supostos de carácter puntual nos que sexa necesario ou conveniente posibilitar a permanencia destas persoas no fogar.
Sección 3ª. Conciliación no sector público
Artigo 51. Desenvolvemento profesional
1. O sector público autonómico garantirá, no ámbito das súas competencias, que a maternidade e a paternidade e o coidado de persoas dependentes non sexan obstáculo para o desenvolvemento profesional en igualdade de condicións.
2. Con esta finalidade, as condicións que estableza o sector público autonómico en materia de promoción profesional, provisión, selección e contratación de persoal, así como nas convocatorias públicas da súa competencia con incidencia nestas materias, deseñaranse de modo que se evite toda discriminación directa ou indirecta. Para estes efectos, estableceranse as diferenzas de trato que sexan obxectivamente precisas para garantir a igualdade de condicións no desenvolvemento profesional.
3. En particular, nos procesos e nas convocatorias citados no número anterior, deberanse establecer condicións que impidan que o tempo de inactividade profesional por situacións de risco durante o embarazo, maternidade ou paternidade, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante a lactación e excedencia por coidado de fillo ou filla ou familiar supoña unha penalización, prexuízo ou demérito. Para estes efectos, poderá estenderse nestes casos o período temporal de valoración a períodos anteriores para que a dita valoración se poida efectuar en condicións de igualdade.
Artigo 52. Impulso da flexibilidade
1. A Administración autonómica promoverá a ampliación da posibilidade de acollerse á flexibilidade horaria a todo o persoal do sector público autonómico que se atope nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade ou fillos ou fillas maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.
b) Convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
c) Seren vítimas de violencia de xénero as empregadas públicas.
2. Así mesmo, fomentará e estenderá o uso de medidas de flexibilidade espacial tales como a mobilidade xeográfica ou de área, así como a utilización de tecnoloxías que permitan a conciliación e, nomeadamente, a fórmula do teletraballo.
Artigo 53. Bolsa de horas de libre disposición
1. A Administración autonómica establecerá unha bolsa de horas de libre disposición dirixida á atención de responsabilidades de coidado de fillos ou fillas menores de idade, persoas maiores a cargo e que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas e persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, nos termos que en cada caso se determinen, logo da negociación coa representación do persoal.
2. Esta bolsa de horas tamén poderá establecerse para a súa utilización nos seguintes supostos:
a) Persoal empregado público con fillas ou fillos maiores incapacitados xudicialmente.
b) Mulleres que se atopen nunha situación de violencia de xénero.
c) Persoal empregado público que se atope nun proceso de nulidade, separación ou divorcio desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.
3. Esta bolsa será de flexibilidade horaria e en ningún caso substituirá os permisos nin as licenzas por motivos de conciliación existentes.
4. A Administración, logo da negociación coa representación do persoal, levará a cabo a implantación e xestión da flexibilidade horaria prevista neste artigo e promoverá as medidas oportunas para que o exercicio do dereito non cause prexuízo aos dereitos do resto de persoal empregado público.
Artigo 54. Recursos de conciliación
A Administración autonómica avanzará na implantación de servizos de conciliación nos seus principais centros de traballo e promoverá a dotación destes recursos no resto das administracións públicas de Galicia.
Sección 4ª. Conciliación no sector privado
Artigo 55. Implicación do sector empresarial
1. A Administración autonómica desenvolverá, no ámbito da responsabilidade social das empresas, programas dirixidos a integrar na cultura e na estratexia empresarial unha xestión do capital humano que facilite un equilibrio entre a vida laboral e a persoal e familiar baseado na repartición de responsabilidades entre homes e mulleres. Para estes efectos, impulsará a adopción por parte das empresas de medidas de flexibilidade temporal e espacial que se adapten aos diversos modelos de familia.
2. Estes programas incorporarán accións de información, asesoramento e titorización e incluirán liñas de axuda para colaborar nos gastos derivados da implantación de medidas de conciliación.
Artigo 56. Axudas para facilitar a conciliación
1. A Administración autonómica establecerá axudas para as persoas traballadoras que se acollan a unha excedencia ou a unha redución de xornada de traballo para coidar os fillos e fillas ou familiares dependentes que lles supoña unha redución efectiva das súas remuneracións.
2. Poderán beneficiarse das axudas previstas no número anterior as persoas traballadoras por conta allea, as persoas socias de traballo das sociedades cooperativas e as persoas traballadoras por conta propia que cesen temporalmente ou reduzan a súa actividade profesional ou laboral para coidar as fillas e fillos ou familiares dependentes.
Artigo 57. Promoción da conciliación na contratación do sector público autonómico
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, cando utilicen unha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato, incluirán entre eles, sempre que estea vinculado ao obxecto do contrato de acordo co establecido no artigo 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, un referido ás políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución do contrato, entendendo por tales, entre outras, as que incorporen medidas de flexibilidade espacial, tales como o teletraballo, ou de flexibilidade na organización do tempo de traballo, melloras dos permisos legalmente establecidos ou beneficios sociais para a atención das responsabilidades familiares.
2. Este criterio deberá valorarse como mínimo co 10 % da puntuación máxima que poida atribuírse ás ofertas, debendo motivarse no expediente a atribución dunha porcentaxe menor, que non deberá ser inferior ao 5 % da puntuación máxima.
3. Para a valoración deste criterio terase en conta a existencia na empresa dun plan de igualdade, ou de conciliación, que conteña as medidas obxecto de valoración e que se aplique á execución do contrato. Para acreditar a existencia e o cumprimento dos plans de igualdade ou conciliación terase en conta, entre outros medios posibles, a existencia de certificados que acrediten estas cuestións, como a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, o Certificado de Empresa Familiarmente Responsable ou calquera outro certificado ou acreditación axeitado para estes efectos. Tamén se considerarán os acordos ou pactos cos traballadores e traballadoras a este respecto ou a inclusión na oferta de medidas de conciliación que se aplicarán na execución do contrato.
4. A puntuación máxima deste criterio desagregarase en función da calidade e intensidade das medidas que se recollan, podendo ponderarse o sector no que operan as empresas e o seu tamaño, atendendo en particular a non discriminación da pequena e mediana empresa.
Artigo 58. Racionalización de horarios
As administracións públicas de Galicia, conxuntamente cos interlocutores sociais e económicos, impulsarán o establecemento de sistemas horarios que se adecúen ás necesidades empresariais e dos traballadores e traballadoras como estratexia tanto de mellora da competitividade e produtividade das empresas como das condicións laborais e de vida das persoas que traballan nelas.
Artigo 59. Conciliación e corresponsabilidade na negociación colectiva
A Administración autonómica impulsará a inclusión de medidas de conciliación entre a vida laboral e a persoal e familiar e o fomento da corresponsabilidade no marco da negociación colectiva, como ámbito idóneo para a súa adaptación á realidade concreta dos diferentes sectores, empresas e persoas traballadoras.
Artigo 60. Reserva de solo empresarial para recursos de conciliación
A Administración autonómica, no marco das súas competencias, preverá nos novos desenvolvementos de solo empresarial a reserva para dotacións públicas ou privadas necesaria para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Esta reserva farase tendo en conta as necesidades que se xeren no ámbito de actuación e atendendo as interaccións deste co contorno no que se localiza.
CAPÍTULO IV
Apoio á mocidade
Artigo 61. Criterios xerais de actuación no ámbito da mocidade
As administracións públicas de Galicia procurarán garantir as condicións necesarias para que as mozas e mozos galegos poidan desenvolver o seu proxecto vital e formar unha familia no territorio da Comunidade Autónoma a través da educación formal e non formal e das medidas de creación e fomento do acceso ao emprego.
Artigo 62. Formación orientada ao mercado laboral e ás potencialidades do territorio
1. A Administración autonómica desenvolverá unha política educativa, nas diferentes etapas, ciclos, graos, cursos e niveis de ensino aos que se estenda a súa competencia, que teña en conta as necesidades do mercado laboral e as potencialidades do territorio, mellorando a adecuación da oferta á demanda e permitindo o desenvolvemento formativo na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Igualmente, a Administración autonómica facilitará, no exercicio das súas competencias en materia de xuventude, o acceso a complementos formativos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia como oportunidade para mellorar as capacidades e adquirir novas competencias, establecendo medidas específicas nun plan de retorno específico para a mocidade que garantan a estas persoas poder volver á súa terra a desenvolver as capacidades e os coñecementos adquiridos.
Artigo 63. Educación non formal e voluntariado
1. A Administración autonómica poñerá en marcha, no ámbito da educación non formal, programas de desenvolvemento persoal que reforcen as capacidades e habilidades transversais da mocidade galega, poñendo en valor a súa cualificación, talento e esforzo.
2. A Administración autonómica fomentará a participación da mocidade en programas de voluntariado como ferramenta para adquirir novas destrezas, enriquecer o seu currículo de cara á súa inserción no mercado laboral e capacitala para a prestación de coidados no ámbito familiar.
Artigo 64. Impulso do emprendemento
1. As administracións públicas de Galicia, no marco das políticas de fomento empresarial, establecerán incentivos e axudas específicas á mocidade, a través dun plan autonómico específico que se elaborará en colaboración co tecido asociativo e cos axentes sociais, para a creación de empresas ou para o autoemprego, dándolles prioridade ás iniciativas emprendedoras de traballo autónomo e á constitución e agrupación de entidades de economía social.
2. Así mesmo, establecerán medidas de formación, asesoramento e seguimento que permitan a consolidación e a mellora da competitividade dos proxectos empresariais.
Artigo 65. Impulso da innovación, tecnoloxía e creatividade e das tecnoloxías da información e a comunicación
A Administración autonómica desenvolverá actuacións específicas dirixidas a fomentar as oportunidades de emprego das mozas e mozos, de forma especial nos ámbitos ligados á innovación, ao desenvolvemento tecnolóxico, á creatividade e ás tecnoloxías da información e a comunicación, co obxecto de impulsar un ecosistema de emprego atractivo para a mocidade e que actúe de elemento tractor da economía de Galicia.
Artigo 66. Remuda xeracional
A Administración autonómica desenvolverá programas de remuda xeracional en empresas en funcionamento, co fin de aproveitar ao máximo as oportunidades de xeración de emprego para a mocidade ao tempo que se salvagarda o patrimonio empresarial colectivo e se xera crecemento económico.
CAPÍTULO V
Retorno e atracción de nova poboación
Sección 1ª. Criterios xerais de actuación
Artigo 67. Mellora do saldo migratorio e das taxas de actividade e de ocupación
1. As administracións públicas de Galicia, no marco das súas respectivas competencias, impulsarán o desenvolvemento de estratexias de carácter integral dirixidas a propiciar un saldo migratorio positivo e á mellora das taxas de actividade e de ocupación de Galicia.
2. Con esta finalidade deseñarán políticas específicas, coordinando, entre outras, as actuacións en materia de política social, emprego e vivenda, para que as persoas galegas e a súa descendencia consideren Galicia como o lugar idóneo para establecerse.
3. Así mesmo, promoverán as condicións socioeconómicas necesarias para a atracción de nova poboación a todo o territorio da Comunidade Autónoma.
Artigo 68. Estímulo das actividades económicas
A Administración autonómica desenvolverá medidas específicas destinadas a atraer o talento e a incentivar o investimento produtivo e a implantación empresarial no territorio da Comunidade Autónoma, prestando especial atención á poboación galega residente no exterior ou retornada.
Artigo 69. Incorporación ao sistema educativo
1. A Administración autonómica adoptará, no ámbito das súas competencias, as medidas necesarias para facilitar a incorporación ao sistema educativo do alumnado que, por proceder do estranxeiro, se incorpore de xeito tardío ao sistema educativo.
2. As consellarías competentes en materia de educación e política social, en colaboración cos concellos, establecerán programas de benvida e acollida que faciliten a incorporación deste alumnado.
Sección 2ª. Fomento do retorno da poboación galega residente no exterior
Artigo 70. Afianzamento dos vínculos coa poboación galega residente no exterior
1. A Administración autonómica levará a cabo programas de carácter cultural, lingüístico, educativo, sociosanitario e de reforzo dos vínculos dirixidos á poboación galega residente no exterior, coa finalidade de fortalecer o seu sentido de pertenza a Galicia.
2. O desenvolvemento destes programas preverá actuacións especificamente dirixidas á mocidade e ás mulleres que favorezan o retorno.
Artigo 71. Igualdade de condicións no acceso a programas e servizos
A Administración autonómica facilitará o asentamento das persoas galegas retornadas en igualdade de condicións que o resto da poboación de Galicia. Para estes efectos, eliminará as eventuais barreiras no acceso aos programas e servizos da súa competencia e prestará especial atención ás necesidades no medio rural.
Artigo 72. Apoio no proceso de retorno
1. A Administración autonómica desenvolverá, no ámbito das súas competencias, as accións necesarias para unha adecuada información, orientación e seguimento da persoa retornada e da súa familia, tanto no seu país de procedencia como na súa chegada a Galicia, para conseguir unha plena inclusión na sociedade galega, desenvolvendo accións específicas de asesoramento sobre o acceso ao emprego, con carácter previo e no momento do seu retorno.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, dispoñerá dunha unidade de xestión integral que dea a coñecer á poboación galega residente no exterior as axudas e os programas existentes e facilite información e seguimento personalizado ás persoas galegas retornadas e ás súas familias.
Sección 3ª. Atracción de nova poboación
Artigo 73. Mercado laboral
1. A Administración autonómica identificará periodicamente as necesidades que presenta o mercado laboral galego, coa finalidade de determinar os perfís profesionais cuxa carencia se poña de manifesto.
2. Igualmente, levará a cabo programas de difusión das posibilidades do mercado laboral galego, así como de información sobre as alternativas e facilidades para asentarse en Galicia, entre os colectivos cuxa atracción pretenda, e desenvolverá programas de captación de man de obra en correspondencia coa demanda do mercado laboral galego.
3. A Administración autonómica deseñará e desenvolverá programas de apoio, asesoramento e acompañamento en materia de emprego dirixidos á poboación que teña ou poida ter interese por establecerse en Galicia.
Artigo 74. Inclusión social
A Administración autonómica impulsará o desenvolvemento de programas comunitarios de acollida ás persoas que se asenten en Galicia para facilitar a súa inclusión, apoiando as entidades que realizan labores de atención a persoas inmigrantes, refuxiadas ou solicitantes de protección internacional. Estes programas de acollida terán en conta as necesidades específicas no medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 75. Formación para o emprego
A Administración autonómica establecerá, no ámbito das súas competencias, as bases que permitan o deseño e a implantación áxil de programas de formación profesional para o emprego no ámbito laboral para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar o mercado laboral galego e as persoas que se pretende atraer para a súa integración nel.
Artigo 76. Zonas de actuación prioritaria no impulso demográfico
1. A Administración autonómica establecerá os parámetros precisos para determinar, dentro do medio rural e costeiro non urbano, as zonas de actuación prioritaria no impulso demográfico. Estas zonas serán obxecto de consideración preferente nos distintos ámbitos de actuación competencia das administracións públicas de Galicia.
2. Nas zonas de actuación prioritaria no impulso demográfico impulsaranse mecanismos de cooperación entre as administracións que permitan desenvolver espazos de innovación e fortalecer os vínculos relacionais entre os actores sociais e económicos do territorio, para a mellora da eficiencia e produtividade das actividades socioeconómicas.
CAPÍTULO VI
Equilibrio territorial
Artigo 77. Valorización do medio rural e costeiro non urbano
1. As administracións públicas de Galicia levarán a cabo accións tendentes a poñer en valor o traballo e a vida no medio rural e costeiro non urbano e a concienciar a sociedade acerca da relevancia da conservación e do mantemento dos seus valores sociais, económicos, culturais e medioambientais.
2. Así mesmo, as administracións públicas de Galicia impulsarán medidas e iniciativas dirixidas a promover a identidade de quen vive no medio rural e costeiro non urbano, de forma que se proxecte unha imaxe positiva e actual.
Artigo 78. Consideración dos desequilibrios demográficos
As administracións públicas de Galicia, no deseño e desenvolvemento das súas políticas e servizos públicos, terán en conta o envellecemento da poboación residente no medio rural e costeiro non urbano, así como a descompensación existente en termos de sexo na poboación nova e adulta, introducindo as medidas necesarias para corrixir estes desequilibrios.
Artigo 79. Desenvolvemento sustentable das políticas e servizos públicos
1. As administracións públicas de Galicia levarán a cabo a planificación e a xestión das súas políticas e servizos públicos dunha forma sustentable en termos sociais, económicos e ambientais.
2. A dita planificación realizarase de forma coordinada coa Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, aproveitando as potencialidades derivadas desta, e terá en conta as disposicións e alternativas sociais e económicas que achegan a economía azul e a economía circular, incardinándose nas liñas xerais que para elas se marquen nos ámbitos estatal e europeo.
3. Con esta finalidade, as administracións públicas de Galicia fomentarán e potenciarán as posibles sinerxías entre a administración, a universidade, o terceiro sector social, a empresa e a sociedade.
Artigo 80. Accesibilidade dos servizos públicos
1. As administracións públicas de Galicia, no ámbito das súas competencias, deseñarán as súas infraestruturas de servizos e de transporte de tal xeito que toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia, teña accesibles os servizos básicos de carácter educativo, sanitario, social e de Xustiza.
2. Con esta finalidade, a Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, impulsará a investigación e a implantación de novas fórmulas de prestación de servizos á cidadanía amparadas nas tecnoloxías da información e a comunicación, que faciliten a súa prestación e o acceso a eles ao longo de todo o territorio.
Artigo 81. Mobilidade
1. A Administración autonómica articulará unha rede de transportes e comunicacións que garanta a mobilidade e a conexión, preferentemente diaria, da poboación e permita o pleno desenvolvemento da vida persoal, familiar e profesional en todo o territorio galego. Neste sentido, procurarase o establecemento de liñas de transporte regular ou á demanda entre o medio rural e costeiro non urbano e o urbano, así como o aumento do número e das posibilidades de solicitude e acceso de transportes adaptados.
2. Igualmente, dotará o territorio galego das infraestruturas de transporte e comunicacións necesarias para que todos os galegos e galegas poidan acceder de maneira axeitada aos servizos de vías de altas capacidades.
3. A xestión de frotas e do servizo de transporte público terá en conta aspectos de sustentabilidade ambiental, a necesidade de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e criterios de mellora continua na calidade do aire.
Artigo 82. Telecomunicacións
1. A planificación e a ordenación territorial das telecomunicacións en Galicia facilitarán a extensión das redes de telecomunicacións a todo o territorio, prestando especial atención ao medio rural e costeiro non urbano e ás áreas máis illadas, co fin de conseguir unha maior cohesión territorial e social na nosa Comunidade.
2. A Administración autonómica, no marco das súas competencias, incentivará no medio rural e costeiro non urbano a extensión de redes de acceso á internet a velocidades equiparables coas existentes ou previstas para o resto do territorio.
Artigo 83. Servizos para as persoas maiores no medio rural e costeiro non urbano
1. A Administración autonómica desenvolverá servizos de atención ás persoas maiores, con especial incidencia nos servizos de atención diúrna e de prevención do alzhéimer e doutras enfermidades neurodexenerativas, no medio rural e costeiro non urbano, máis afectado polos procesos de envellecemento poboacional, dispersión dos núcleos de poboación e carencia de recursos de atención.
2. Así mesmo, poñerá en marcha recursos itinerantes para a atención puntual das necesidades das persoas maiores residentes no medio rural e costeiro non urbano que non conten con recursos estables propios.
Artigo 84. Servizos para as persoas con discapacidade no medio rural e costeiro non urbano
1. A Administración autonómica apoiará o desenvolvemento persoal e social autónomo e activo das persoas con discapacidade que residan no medio rural e costeiro non urbano de Galicia e, con esta finalidade, impulsará a colaboración coas entidades de iniciativa social de apoio á discapacidade presentes no territorio e fomentará o desenvolvemento de recursos residenciais e terapéuticos próximos ás contornas sociais e vitais destas persoas.
2. A Administración autonómica favorecerá os proxectos de economía social orientados á empregabilidade de persoas con discapacidade en actividades económicas desenvolvidas no medio rural e costeiro non urbano.
3. As administracións públicas de Galicia colaborarán no aproveitamento, sempre que sexa viable e eficiente, do patrimonio inmobiliario da súa titularidade para o seu uso como recursos de atención das persoas con discapacidade no medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 85. Prazas educativas e recursos de conciliación
1. A consellaría competente en materia de educación terá en conta a dispersión poboacional e o carácter rural dos asentamentos de poboación para efectuar a oferta de prazas educativas.
2. Na programación da oferta educativa teranse en conta os principios de proximidade ao domicilio do alumnado nas etapas de educación infantil e primaria, así como os limiares mínimos de carácter pedagóxico para constituír unha unidade educativa socializante.
3. A consellaría competente en materia de política social impulsará novas fórmulas de prestación de servizos que permitan dotar os concellos de menos de cinco mil habitantes de recursos para a atención dos fillos e fillas menores de 3 anos e das persoas en situación de dependencia.
Artigo 86. Estándares de calidade no ensino
A consellaría competente en materia de educación garantirá que a oferta educativa, acomodada a criterios pedagóxicos, se realice nos concellos de menos de cinco mil habitantes en termos de calidade semellantes aos dos concellos de maior poboación.
Artigo 87. Formación profesional
1. A Administración autonómica avanzará na oferta dunha formación profesional que responda ás necesidades e potencialidades dos territorios e que facilite a incorporación da mocidade ao mercado laboral en condicións adecuadas no seu ámbito xeográfico máis próximo como instrumento de desenvolvemento territorial equilibrado e sustentable.
2. En particular, fomentará o desenvolvemento dunha formación profesional dual naquelas actividades nas que a capacitación práctica do ensino teña relevancia, dirixindo este esforzo cara á obtención dunha remuda xeracional axeitada naqueles ámbitos laborais de maior relación co medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 88. Acceso á cultura e fomento das actividades e industrias creativas e culturais
1. A Administración autonómica facilitará o acceso no territorio próximo aos recursos culturais, tanto no que a infraestruturas como a programación se refire.
2. Así mesmo, fomentará as actividades e industrias creativas e culturais vinculadas ao territorio de Galicia, como elementos dinamizadores do medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 89. Fomento do turismo sustentable e inclusivo
As administracións públicas de Galicia, no deseño e desenvolvemento das súas estratexias e programas para o fomento da actividade turística, incentivarán mediante recursos económicos suficientes aquelas iniciativas que contribúan ao benestar e crecemento inclusivo e á vertebración territorial, así como o turismo rural, poñendo especial énfase na preservación da vinculación cos valores e co patrimonio do territorio e das comunidades.
Artigo 90. Acceso á terra
A Administración autonómica facilitará o acceso á terra a través dos instrumentos previstos na normativa autonómica sectorial, tendo en conta aspectos sociais, medioambientais e de fixación da poboación e dándolles prioridade á poboación, explotacións, cooperativas, empresas agrarias e forestais ou calquera outro tipo de iniciativa empresarial que radique no lugar de actuación.
Artigo 91. Impulso das actividades agroforestais
1. A Administración autonómica impulsará un marco normativo que incentive e facilite a recuperación e posta en valor das terras agrarias co obxecto de mellorar a súa xestión e a viabilidade económica da súa explotación.
2. Así mesmo, desenvolverá a figura dos polígonos agroforestais ou calquera outra de xestión conxunta, como fórmulas de dinamización económica do medio rural.
3. A Administración autonómica impulsará instrumentos de investimento adaptados á singularidade do sector agroforestal, co obxecto de atraer novos investimentos ao dito sector.
Artigo 92. Sustentabilidade das actividades agroforestais e marítimo-pesqueiras
1. A Administración autonómica impulsará, dentro do marco regulador da Unión Europea e do Estado, a coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego e o establecemento dunha estrutura de ordenación e xestión das actividades agroforestais e marítimo-pesqueiras que asegure a súa sustentabilidade e viabilidade en termos ambientais, sociais e económicos.
2. Con esta finalidade, aproveitaranse as capacidades de asentamento de poboación e de redistribución económica que posúen as actividades produtivas que se localizan no medio rural e a pesca costeira artesanal e o marisqueo, apostando, para tal fin, pola recuperación de terras abandonadas ou infrautilizadas e a xestión activa e multifuncional do monte e do agro galego, así como polo impulso das actividades desenvolvidas nos portos de competencia autonómica do medio costeiro non urbano.
Artigo 93. Diversificación da actividade económica
1. As administracións públicas de Galicia incentivarán aquelas actividades e sectores económicos que supoñan un complemento, modernización e diversificación da estrutura económica do medio rural e costeiro non urbano, establecendo estratexias de desenvolvemento local participativo que impulsen o respecto ao medio ambiente e á contorna e idiosincrasia do lugar no que se desenvolven, incorporen maior valor engadido aos produtos e actividades existentes e contribúan a desenvolver o potencial e as vantaxes competitivas da zona.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, a Administración autonómica desenvolverá programas específicos que inclúan, entre outras medidas, o asesoramento e titorización e liñas de axuda e de financiamento, e que impulsen o emprendemento individual e colectivo, e daralles prioridade ás entidades ou persoas emprendedoras que se establezan en municipios de menos de dez mil habitantes.
Artigo 94. Remuda xeracional no medio rural e costeiro non urbano
A Administración autonómica poñerá en marcha programas específicos de remuda xeracional dirixidos ás actividades económicas desenvolvidas no medio rural e costeiro non urbano, co obxecto de garantir a súa consolidación e continuidade, e daralles prioridade a aquelas localizadas en municipios de menos de dez mil habitantes.
Artigo 95. Innovación e tecnoloxía no medio rural e costeiro non urbano
1. A Administración autonómica, en colaboración co Sistema universitario galego, impulsará de forma específica a xeración e transferencia de coñecemento ligado ao tecido produtivo do medio rural e costeiro non urbano, aproveitando os programas europeos existentes ou calquera outro, a través de liñas de axuda e de financiamento dirixidas ao desenvolvemento dun ecosistema de I+D+i que actúe de elemento tractor do tecido agroindustrial e marítimo-pesqueiro, así como da diversificación da actividade económica no medio rural e costeiro non urbano.
2. Para tal fin, a Administración autonómica impulsará a creación de doutoramentos industriais, permitindo a formación de novos traballadores e traballadoras da ciencia en campos aplicados e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
Artigo 96. Tecnoloxías e competitividade
1. A Administración autonómica potenciará o uso das novas tecnoloxías para a transformación e a comercialización dos produtos derivados das actividades económicas no rural e da pesca e da acuicultura, co obxecto de incrementar o seu valor engadido e facilitar o acceso aos mercados.
2. A política de hubs de innovación dixital impulsada pola Administración autonómica terá en conta no seu deseño e desenvolvemento as necesidades específicas das actividades recollidas no número anterior.
Artigo 97. Incentivos e bonificacións impositivas ao investimento
1. A Administración autonómica aprobará un réxime de incentivos ao investimento ou de bonificacións impositivas autonómicas, coa finalidade de fomentar novas iniciativas empresariais no medio rural e costeiro non urbano que contribúan a fixar poboación e a mellorar a calidade de vida das persoas e do contorno.
2. Así mesmo, a Administración autonómica aprobará programas de préstamos, avais ou subvencións dirixidos ás iniciativas empresariais no medio rural e costeiro non urbano.
Artigo 98. Solo empresarial
1. A Administración autonómica introducirá na súa política de solo empresarial elementos de acción positiva que favorezan e faciliten o acceso a este solo no medio rural e costeiro non urbano, como elemento de fomento e atracción de actividades económicas.
2. Neste sentido, impulsaranse os portos de competencia autonómica como elementos dinamizadores da economía e como puntos de asentamento empresarial e de fomento da potencialidade loxística, sacando proveito da súa proximidade aos núcleos de poboación e da súa relación con estes.
Artigo 99. Apoio ao comercio de proximidade
1. As administracións públicas de Galicia apoiarán a creación e o desenvolvemento de cadeas de distribución curtas e de mercados locais, fomentando a transformación e o procesado dos produtos das actividades agrarias e marítimo-pesqueiras a pequena escala e con destino a mercados de alta calidade, co fin de acadar un maior valor engadido e un maior retorno económico para as primeiras e primeiros produtores.
2. Así mesmo, implantarán liñas de apoio para o fomento da dixitalización, incentivo e asesoramento para recuperar o pequeno comercio no medio rural e costeiro non urbano.
3. As administracións públicas de Galicia promoverán o consumo de produtos de proximidade nos servizos de alimentación dos establecementos da súa titularidade ou sostidos con fondos públicos.
4. A Administración autonómica impulsará a creación de ferramentas tecnolóxicas e dixitais que permitan ao comercio de proximidade e aos sectores produtivos adaptárense e competiren no ámbito do comercio en liña. Así mesmo, apoiará, asesorará e acompañará neste proceso de transformación dixital a través da consellaría competente en materia de comercio.
Artigo 100. Servizos financeiros e bancarios
A Administración autonómica impulsará a colaboración das entidades financeiras que operan en Galicia no obxectivo da cohesión territorial, co obxecto de promover que toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios en condicións equivalentes.
Neste sentido, considéranse un servizo de interese económico xeral a instalación, o mantemento e a posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira naquelas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que carezan de entidade financeira no seu territorio.
Artigo 101. Responsabilidade social territorial
1. As administracións públicas de Galicia fomentarán a implicación de toda a sociedade no desenvolvemento sustentable e integrador do medio rural e costeiro non urbano.
2. Nesta liña, a Administración autonómica recoñecerá a responsabilidade social territorial como elemento diferencial dentro da responsabilidade social corporativa das empresas e organizacións que operan en Galicia.
3. Para os efectos do previsto neste artigo, entenderase por responsabilidade social territorial todas aquelas accións desenvolvidas por empresas ou organizacións, dentro da súa responsabilidade social corporativa, que supoñan un incremento do emprego local, unha valorización do patrimonio natural e cultural da zona e/ou unha mellora das condicións de vida da poboación residente na zona de influencia, incidindo deste xeito no desenvolvemento sustentable e integrador do medio rural e costeiro non urbano.
4. A responsabilidade social territorial será determinada en cada caso pola consellaría competente nos termos que regulamentariamente se determinen e establecerase un recoñecemento específico para as entidades de economía social, de xeito que se afiancen as capacidades e potencialidades e se manteña a idoneidade que para as actividades agrarias, forestais e marítimo-pesqueiras teñen, entre outras, as cooperativas agrarias e as confrarías de pescadores polo seu papel de fomento da redistribución económica, da cogobernanza e da responsabilidade social corporativa.
5. O recoñecemento de ser unha empresa ou organización con responsabilidade social territorial poderá ter unha ponderación específica nas convocatorias de axudas públicas, así como no caso de outorgamento en réxime de concorrencia de títulos habilitantes de competencia autonómica para actividades económicas.
CAPÍTULO VII
Envellecemento activo e saudable
Artigo 102. Criterios xerais de actuación para o envellecemento activo e saudable
1. As administracións públicas de Galicia integrarán o envellecemento saudable en todas as súas políticas, coa finalidade de potenciar o benestar físico, social e mental das persoas durante o seu curso de vida, especialmente na vellez.
2. Así mesmo, promoverán a participación das persoas maiores na sociedade de acordo coas súas necesidades, expectativas e capacidades, favorecendo a súa autonomía persoal, ao tempo que lles proporcionarán a protección, a seguridade e os coidados axeitados.
3. A Administración autonómica promoverá a especial protección das persoas maiores no caso de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario, nomeadamente a través da aprobación de protocolos específicos de actuación nos centros de servizos sociais.
Artigo 103. Tecnoloxía aplicada ao envellecemento activo e saudable
1. A Administración autonómica desenvolverá plans de inclusión e alfabetización dixital que faciliten as competencias básicas para o desenvolvemento dunha vida plena nun contexto dixital.
2. Igualmente, apoiará a posta en marcha de empresas de base tecnolóxica e iniciativas innovadoras, co fin de impulsar os avances científico-tecnolóxicos orientados á mellora da calidade de vida e ao envellecemento activo, favorecendo a súa posta á disposición da cidadanía.
3. En concreto, impulsarase o desenvolvemento da teleasistencia avanzada, como unha ferramenta que facilite a atención e o coidado das persoas maiores que vivan soas, especialmente das que teñan menos recursos e das que estean en situación de dependencia, establecendo unha rede dixital de acompañamento e seguridade no fogar, nas actividades da vida diaria e con especial atención á detección de casos de soidade non desexada, cun sistema tecnolóxico accesible e adaptado ás circunstancias específicas das persoas usuarias.
Artigo 104. Economía do envellecemento
A Administración autonómica desenvolverá programas específicos de apoio ás actividades económicas dirixidas á satisfacción das necesidades e demandas das persoas maiores, garantindo a súa cobertura, ao tempo que se aproveita a oportunidade e a potencialidade que aquelas supoñen para a economía galega.
Artigo 105. Cuarto ciclo
A Administración autonómica, no exercicio das súas competencias en materia de maiores, colaborará co Sistema universitario de Galicia no impulso e consolidación dos estudos de cuarto ciclo para as persoas maiores, coa finalidade de que poidan actualizar os seus coñecementos e adquirir novas competencias que propicien a súa participación cidadá e o compromiso social co seu contorno.
Artigo 106. Posta en valor da experiencia
A Administración autonómica levará a cabo programas específicos de voluntariado para que as persoas maiores poidan achegar os seus coñecementos e experiencias de vida e asesorar e acompañar a mocidade no inicio de actividades empresariais, especialmente das emprendedoras.
Artigo 107. Atención a domicilio e acompañamento para as persoas maiores e con limitacións funcionais ou de autonomía persoal
1. As administracións públicas de Galicia colaborarán no desenvolvemento de servizos de proximidade de atención no domicilio para persoas maiores e/ou con limitacións funcionais ou de autonomía persoal, coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida e facilitar que permanezan no seu contorno habitual.
2. A Administración autonómica levará a cabo, en colaboración co terceiro sector social, programas de voluntariado orientados ao acompañamento de persoas maiores autónomas nos seus propios fogares, co obxectivo de fomentar o envellecemento activo.
Artigo 108. Prevención e atención da soidade non desexada
A Administración autonómica aprobará, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, coas universidades e co terceiro sector social, unha estratexia de prevención, atención e abordaxe integral da soidade non desexada.
Artigo 109. Reforzo das relacións interxeracionais
As administracións públicas de Galicia impulsarán a interacción e o intercambio entre persoas de diferentes xeracións, nomeadamente entre persoas mozas e maiores, para promover o entendemento e respecto entre elas, crear relacións de cooperación e apoio mutuo e favorecer a transmisión de coñecementos e das tradicións e da lingua e da cultura galegas.
Disposición adicional primeira. Incremento do investimento en políticas de familia
A Administración autonómica, dentro do necesario respecto aos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, incrementará o investimento en políticas de familia durante os cinco anos seguintes á entrada en vigor desta lei un mínimo do 50 % sobre o aumento porcentual do gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
Disposición adicional segunda. Estratexia de impulso demográfico
A Comisión para o Impulso Demográfico elaborará, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, unha estratexia conxunta para a ordenación e coordinación das políticas das administracións públicas de Galicia en materia demográfica, que se someterá a informe do Parlamento de Galicia con carácter previo á súa aprobación pola dita comisión, de acordo co disposto no Regulamento do Parlamento de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
Engádese un artigo 41, coa seguinte redacción:
«Artigo 41. Comité de Ética dos Servizos Sociais de Galicia
1. Autorízase a Xunta de Galicia para a creación do Comité de Ética dos Servizos Sociais de Galicia, que se configurará como un órgano colexiado de carácter permanente interdisciplinario e independente, sen personalidade xurídica propia, consultivo, que ten como finalidade a análise e o asesoramento nos aspectos e conflitos éticos que se susciten na práctica diaria da intervención social. A creación efectiva deste órgano materializarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, que desenvolverá a regulación da súa composición, funcións e réxime de funcionamento.
2. O Comité de Ética dos Servizos Sociais de Galicia adscribirase á consellaría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de servizos sociais.
3. Este comité exercerá as súas funcións asesoras con plena autonomía e sen dependencia funcional de ningún outro órgano.
4. As persoas membros deste comité deberán reunir, cando menos, os seguintes requisitos:
a) Experiencia profesional acreditada de polo menos cinco anos no ámbito dos servizos sociais realizando funcións de intervención social directa.
b) Formación específica sobre ética aplicada en servizos sociais impartida por unha administración pública, universidade, colexio profesional ou outra institución con capacidade para acreditar a dita formación e/ou, se é o caso, formar parte de comités de ética ou comisións deontolóxicas.
Non poderán ser membros deste comité as persoas titulares de órganos directivos da Xunta de Galicia ou de entidades dependentes, así como as persoas titulares de órganos directivos de colexios profesionais, das universidades e das asociacións profesionais.
5. Na composición deste comité procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes. Para estes efectos, e segundo o disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, entenderase por composición equilibrada a presenza de homes e mulleres de forma que as persoas de cada sexo non superen o 60 % nin baixen do 40 %».
Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia
Engádeselle un número 9 ao artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa seguinte redacción:
«9. Todos os proxectos de decreto serán remitidos, xunto cunha análise do seu impacto demográfico, ao órgano de dirección competente en materia de dinamización demográfica, para os efectos previstos no artigo 8 da Lei de impulso demográfico de Galicia».
Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádenselle as letras g) e h) ao artigo 9, coa seguinte redacción:
«g) As familias en situación de especial vulnerabilidade económica.
h) As familias vítimas de violencia de xénero».
Dous. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:
«1. Para os efectos desta lei, enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:
a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.
2. Para os efectos previstos neste artigo, teñen a mesma consideración que o fillo ou a filla:
a) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.
b) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obteña maior beneficio.
3. A Xunta de Galicia creará un Rexistro de Familias Monoparentais Galegas e determinará os requisitos e os medios de acreditación da dita condición».
Tres. Engádenselle dúas novas seccións ao capítulo II do título I, coa seguinte redacción:
«Sección 6ª bis. Familias en situación de especial vulnerabilidade económica
Artigo 17 bis. Concepto
Para os efectos desta lei, considéranse familias en situación de especial vulnerabilidade económica aquelas que se atopan nunha probada situación de necesidade, como son as perceptoras da renda de inclusión social de Galicia, ou aqueloutras que perciben prestacións ou rendas do traballo que non superen o 125 % dos límites equivalentes da renda de inclusión social de Galicia que lles serían aplicables segundo a composición da unidade de convivencia.
Sección 6ª ter. Familias vítimas de violencia de xénero
Artigo 17 ter. Concepto
Teñen a consideración de familias vítimas de violencia de xénero, para os efectos desta lei, aquelas nas que conviva algunha muller ou menor vítima de violencia de xénero. A situación de violencia de xénero acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Para estes efectos, teñen a consideración de vítima de violencia de xénero os fillos e fillas menores dunha muller vítima desta violencia, así como as e os menores suxeitos á súa tutela, garda ou custodia».
Catro. Modifícase a letra f) do artigo 18, que queda redactada como segue:
«f) No ámbito económico, mediante o establecemento pola Xunta de Galicia de axudas ou beneficios fiscais na área das súas competencias».
Cinco. Modifícase o número 4 do artigo 29, que queda redactado como segue:
«A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, cando utilicen unha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato, incluirán entre eles, sempre que estea vinculado ao obxecto do contrato de acordo co establecido no artigo 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, un referido ás políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución do contrato, o cal será valorado segundo o previsto no artigo 57 da Lei de impulso demográfico de Galicia».
Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público
A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o artigo 25, que queda redactado como segue:
«Artigo 25. Compra pública responsable
O sector público autonómico deseñará e articulará a súa estratexia en materia de contratación pública tendo en conta os principios recollidos no artigo 17 da Lei de impulso demográfico de Galicia».
Dous. Engádese un novo artigo 25 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 25 bis. Promoción da conciliación na contratación do sector público autonómico
A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, cando utilicen unha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato, incluirán entre eles, sempre que estea vinculado ao obxecto do contrato de acordo co establecido no artigo 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, un referido ás políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución do contrato, o cal será valorado segundo o previsto no artigo 57 da Lei de impulso demográfico de Galicia».
Tres. Engádese un número 6 no artigo 35 bis, coa seguinte redacción:
«6. O sector público autonómico terá en conta a doutrina sentada polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia para a mellora da súa práctica contractual, en particular no referido á incorporación nela de criterios sociais e medioambientais, nos termos previstos nesta lei e na Lei de impulso demográfico de Galicia».
Disposición derradeira quinta. Modificación do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro
O texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o número 4 do artigo 67, que queda redactado como segue:
«4. No sector público autonómico, nos supostos de utilización dunha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato, valoraranse especificamente as medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral recollidas no Plan de igualdade nos termos previstos no artigo 57 da Lei de impulso demográfico de Galicia».
Dous. Suprímese a letra c) do artigo 75.
Tres. Modifícase o artigo 92, que queda redactado como segue:
«1. O persoal ao servizo da Administración pública galega, nos termos que regulamentariamente se determinen, ten dereito á flexibilidade horaria da súa xornada de traballo por motivos de conciliación familiar cando se atope nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade ou fillos ou fillas maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.
b) Convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
c) Seren vítimas de violencia de xénero as empregadas públicas.
d) Atoparse en proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou solicitude.
2. Entenderase por flexibilidade horaria a realización da xornada de traballo nun horario diario de referencia fixado en cada caso pola Administración adaptado ás necesidades da persoa empregada pública. O horario diario de referencia fixarase salvagardando as necesidades do servizo e dentro do marco horario establecido pola Administración con carácter xeral».
Disposición derradeira sexta. Modificación da Lei 2/2015, do 29 do abril, do emprego público de Galicia
Modifícase o número 4 do artigo 106 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que queda redactado como segue:
«4. O persoal funcionario, nos termos que regulamentariamente se determinen, ten dereito á flexibilidade horaria da súa xornada de traballo por motivos de conciliación familiar cando se atope nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter fillos ou fillas ou persoas acollidas menores de idade ou fillos ou fillas maiores de idade incapacitados xudicialmente ao seu cargo.
b) Convivir con familiares que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten de asistencia ou ter ao seu cargo persoas con discapacidade ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
c) Seren vítimas de violencia de xénero as empregadas públicas.
d) Atoparse en proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou solicitude.
Entenderase por flexibilidade horaria a realización da xornada de traballo nun horario diario de referencia fixado en cada caso pola Administración adaptado ás necesidades da persoa funcionaria. O horario diario de referencia fixarase salvagardando as necesidades do servizo e dentro do marco horario establecido pola Administración con carácter xeral».
Disposición derradeira sétima. Desenvolvemento normativo
O Consello da Xunta, no prazo máximo dun ano desde a publicación desta lei, ditará as normas regulamentarias necesarias para o seu desenvolvemento.
Disposición derradeira oitava. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente