Situacións de absentismo Covid-19 GALICIA

ORDE do 13 de novembro de 2020 pola que se crean as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19.


O artigo 27 da Constitución establece a obrigatoriedade do ensino básico e determina que integra o contido do dereito fundamental á educación. Configura, así, un dereito-deber protexido de forma privilexiada ao ser incluído dentro dos chamados dereitos fundamentais ou de máxima protección constitucional. E precisamente esta máxima protección refórzase aínda se cabe máis no mandato expreso contido aos poderes públicos no punto quinto do referido artigo 27: «Os poderes públicos garantirán o dereito de todos á educación…».
O desenvolvemento legal do dereito fundamental á educación ratifica a obrigatoriedade do ensino básico. Así, o artigo primeiro da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE) establece que «Todos os españois teñen dereito a unha educación básica que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade. Esta educación será obrigatoria e gratuíta no nivel de educación xeral básica…».
Pola súa banda, o artigo cuarto da LODE regula os dereitos e obrigacións dos pais en relación coa educación dos seus fillos:
«1. Os pais ou titores, en relación coa educación dos seus fillos ou pupilos, teñen os seguintes dereitos:
a) A que reciban unha educación, coa máxima garantía de calidade, conforme cos fins establecidos na Constitución, no correspondente Estatuto de autonomía e nas leis educativas.
2. Así mesmo, como primeiros responsables da educación dos seus fillos ou pupilos, correspóndelles:
a) Adoptar as medidas necesarias, ou solicitar a axuda correspondente en caso de dificultade, para que os seus fillos ou pupilos cursen os ensinos obrigatorios e asistan regularmente a clase.
b) Proporcionar, na medida das súas dispoñibilidades, os recursos e as condicións necesarias para o progreso escolar.
c) Estimulalos para que leven a cabo as actividades de estudo que se lles encomenden.
d) Participar de maneira activa nas actividades que se establezan en virtude dos compromisos educativos que os centros establezan coas familias, para mellorar o rendemento dos seus fillos.
e) Coñecer, participar e apoiar a evolución do seu proceso educativo, en colaboración cos profesores e os centros.
f) Respectar e facer respectar as normas establecidas polo centro, a autoridade e as indicacións ou orientacións educativas do profesorado.
g) Fomentar o respecto por todos os compoñentes da comunidade educativa».
De conformidade co anterior, establécese con claridade que os e as proxenitores/as teñen a obrigación de que os/as seus/súas fillos/as asistan regularmente a clase, co obxecto de poder facer efectivo o seu proceso educativo, sen que a norma dispoña expresamente ningunha excepción.
No artigo sexto da mesma lei orgánica, sobre os dereitos e os deberes do alumnado, nos seus puntos 3 e 4 establece que:
«3. Recoñécense aos alumnos os seguintes dereitos básicos:
a) A recibir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade.
b) A que se respecten a súa identidade, integridade e dignidade persoais.
c) A que a súa dedicación, esforzo e rendemento sexan valorados e recoñecidos con obxectividade.
d) A recibir orientación educativa e profesional.
e) A que se respecte a súa liberdade de conciencia, as súas conviccións relixiosas e as súas conviccións morais, de acordo coa Constitución.
f) Á protección contra toda agresión física ou moral.
g) A participar no funcionamento e na vida do centro, de conformidade co disposto nas normas vixentes.
h) A recibir as axudas e os apoios precisos para compensar as carencias e desvantaxes de tipo persoal, familiar, económico, social e cultural, especialmente no caso de presentar necesidades educativas especiais, que impidan ou dificulten o acceso e a permanencia no sistema educativo.
i) Á protección social, no ámbito educativo, nos casos de infortunio familiar ou accidente.
4. Son deberes básicos dos alumnos:
a) Estudar e esforzarse para conseguir o máximo desenvolvemento segundo as súas capacidades.
b) Participar nas actividades formativas e, especialmente, nas escolares e complementarias.
c) Seguir as directrices do profesorado.
d) Asistir a clase con puntualidade.
e) Participar e colaborar na mellora da convivencia escolar e na consecución dun adecuado clima de estudo no centro, respectando o dereito dos seus compañeiros á educación e a autoridade e orientacións do profesorado.
(…)».
Pola súa banda, o artigo 1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) establece os principios da educación da seguinte forma:
«O sistema educativo español, configurado de acordo cos valores da Constitución e asentado no respecto aos dereitos e liberdades recoñecidos nela, inspírase nos seguintes principios:
a) A calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias.
b) A equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que deriven de calquera tipo de discapacidade.
(…)
e) A flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades do alumnado, así como aos cambios que experimentan o alumnado e a sociedade.
(…)
g) O esforzo individual e a motivación do alumnado.
h) O esforzo compartido por alumnado, familias, profesores, centros, administracións, institucións e o conxunto da sociedade.
h bis) O recoñecemento do papel que corresponde aos pais, nais e titores legais como primeiros responsables da educación dos seus fillos.
i) A autonomía para establecer e adecuar as actuacións organizativas e curriculares no marco das competencias e responsabilidades que corresponden ao Estado, ás comunidades autónomas, ás corporacións locais e aos centros educativos.
j) A participación da comunidade educativa na organización goberno e funcionamento dos centros docentes.
(….)».
O artigo 4 da LOE regula o ensino básico establecendo o seguinte:
«1. O ensino básico a que se refire o artigo 3.3 desta Lei é obrigatoria e gratuíta para todas as persoas.
2. O ensino básico comprende dez anos de escolaridade e desenvólvese, de forma regular, entre os seis e os dezaseis anos de idade. Con todo, os alumnos terán dereito a permanecer en réxime ordinario cursando o ensino básico ata os dezaoito anos de idade, cumpridos no ano en que finalice o curso, nas condicións establecidas na presente lei.
3. Sen prexuízo de que ao longo do ensino básico se garanta unha educación común para os alumnos, adoptarase a atención á diversidade como principio fundamental. Cando tal diversidade o requira, adoptaranse as medidas organizativas e curriculares pertinentes, segundo o disposto na presente lei».
O título II da lei está dedicado á «Equidade na educación». No primeiro dos seus preceptos, o 71, fíxanse os seguintes principios sobre a equidade educativa:
«As administracións educativas dispoñerán os medios necesarios para que todo o alumnado alcance o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral na presente lei. As administracións educativas poderán establecer plans de centros prioritarios para apoiar especialmente os centros que escolaricen alumnado en situación de desvantaxe social.
2. Corresponde ás administracións educativas asegurar os recursos necesarios para que os alumnos e alumnas que requiran unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, TDAH, polas súas altas capacidades intelectuais, por incorporarse tarde ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia escolar, poidan alcanzar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais e, en todo caso, os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado.
3. As administracións educativas establecerán os procedementos e recursos precisos para identificar de forma temperá as necesidades educativas específicas dos alumnos e alumnas a que se refire o punto anterior. A atención integral ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo iniciarase desde o mesmo momento en que a dita necesidade sexa identificada e rexerase polos principios de normalización e inclusión.
4. Corresponde ás administracións educativas garantir a escolarización, regular e asegurar a participación dos pais ou titores nas decisións que afecten a escolarización e os procesos educativos deste alumnado. Igualmente, correspóndelles adoptar as medidas oportunas para que os pais destes alumnos reciban o adecuado asesoramento individualizado, así como a información necesaria que lles axude na educación dos seus fillos».
Tendo en conta estes preceptos resulta evidente que a Constitución establece a obrigación de cursar o ensino obrigatorio como un dereito-deber xa que constitúe o instrumento fundamental para alcanzar o obxectivo da educación, é dicir, o libre desenvolvemento da personalidade humana.
A Constitución establece este deber como unha obrigación dos poderes públicos. É un deber/dereito non renunciable nin polos cidadáns nin polos poderes públicos. Dos preceptos da LODE e LOE resulta con claridade a obrigación de facer efectivo ese ensino básico obrigatorio a través da escolarización, constituíndo tal escolarización unha obriga tanto para os proxenitores e titores legais como para o propio alumnado. Pola súa banda, as administracións públicas deben garantir a escolarización.
Sentada, pois, a indubidable obriga tanto de poderes públicos, proxenitores e titores legais como do alumnado de facer efectivo o dereito ao ensino básico a través da escolarización obrigatoria, respecto da transcendencia xurídica que ten o incumprimento de tal obrigación polos proxenitores ou titores legais, a Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, establece o seguinte:
«Artigo 2. Interese superior do menor
1. Todo menor ten dereito a que o seu interese superior sexa valorado e considerado como primordial en todas as accións e decisións que o atinxan, tanto no ámbito público como privado. Na aplicación da presente lei e demais normas que o afecten, así como nas medidas concernentes aos menores que adopten as institucións, públicas ou privadas, os tribunais, ou os órganos lexislativos primará o interese superior destes sobre calquera outro interese lexítimo que puidese concorrer.
(…)
2. Para efectos da interpretación e aplicación en cada caso do interese superior do menor, teranse en conta os seguintes criterios xerais, sen prexuízo dos establecidos na lexislación específica aplicable, así como daqueloutros que poidan estimarse adecuados atendendo ás circunstancias concretas do suposto:
a) A protección do dereito á vida, supervivencia e desenvolvemento do menor e a satisfacción das súas necesidades básicas, tanto materiais, físicas e educativas como emocionais e afectivas.
(…)
c) A conveniencia de que a súa vida e desenvolvemento teña lugar nunha contorna familiar adecuada e libre de violencia. (…).
3. Estes criterios ponderaranse tendo en conta os seguintes elementos xerais:
a) A idade e madurez do menor.
b) A necesidade de garantir a súa igualdade e non discriminación pola súa especial vulnerabilidade, xa sexa pola carencia de contorna familiar, sufrir malos tratos, a súa discapacidade, a súa orientación e identidade sexual, a súa condición de refuxiado, solicitante de asilo ou protección subsidiaria, a súa pertenza a unha minoría étnica, ou calquera outra característica ou circunstancia relevante.
c) O irreversible efecto do transcurso do tempo no seu desenvolvemento.
d) A necesidade de estabilidade das solucións que se adopten para promover a efectiva integración e desenvolvemento do menor na sociedade, así como de minimizar os riscos que calquera cambio de situación material ou emocional poida ocasionar na súa personalidade e desenvolvemento futuro.
e) (…).
f) Aqueloutros elementos de ponderación que, no suposto concreto, sexan considerados pertinentes e respecten os dereitos dos menores.
Os anteriores elementos deberán ser valorados conxuntamente, conforme os principios de necesidade e proporcionalidade, de forma que a medida que se adopte no interese superior do menor non restrinxa ou limite máis dereitos que os que ampara.
4. En caso de concorrer calquera outro interese lexítimo xunto ao interese superior do menor deberán priorizar as medidas que, respondendo a este interese, respecten tamén os outros intereses lexítimos presentes.
No caso de que non poidan respectarse todos os intereses lexítimos concorrentes, deberá primar o interese superior do menor sobre calquera outro interese lexítimo que puidese concorrer.
As decisións e medidas adoptadas en interese superior do menor deberán valorar en todo caso os dereitos fundamentais doutras persoas que puidesen verse afectados.
(…)».
O artigo 9 quater regula os deberes dos menores no ámbito escolar:
«1. Os menores deben respectar as normas de convivencia dos centros educativos, estudar durante as etapas de ensino obrigatorio e ter unha actitude positiva de aprendizaxe durante todo o proceso formativo.
2. Os menores teñen que respectar os profesores e outros empregados dos centros escolares, así como o resto dos seus compañeiros, evitando situacións de conflito e acoso escolar en calquera das súas formas, incluíndo o ciberacoso.
3. A través do sistema educativo implantarase o coñecemento que os menores deben ter dos seus dereitos e deberes como cidadáns, incluíndo entre estes aqueles que se xeren como consecuencia da utilización na contorna docente das tecnoloxías da información e comunicación».
Esta norma está fundamentada na obriga legal de escolarización que se establece nas leis especiais e afirma a obriga da persoa menor de respectar as normas de convivencia dos centros educativos, dando por sentado o presuposto obrigatorio da escolarización. Resulta en calquera caso como primordial criterio reitor da interpretación das normas que afecten os menores, o do seu interese superior.
A Lei orgánica establece como primeiro parámetro para a súa protección «A protección do dereito á vida, supervivencia e desenvolvemento do menor e a satisfacción das súas necesidades básicas, tanto materiais, físicas e educativas como emocionais e afectivas». Neste mesmo apartado a), o primeiro que a lei establece para guiar o aplicador da norma na determinación do que constitúe «interese superior do menor», tamén se refire á satisfacción das súas necesidades básicas, entre as que inclúe as materiais e físicas, pero tamén as educativas, as emocionais e as afectivas. A satisfacción destas necesidades determina a decisión do lexislador de establecer a escolarización obrigatoria para facer efectivo o cumprimento do deber constitucional de que todos reciban ensino básico (Sentenza do Tribunal Constitucional 133/2010, do 2 de decembro).
Tamén se establecen, como principios reitores da actuación administrativa en relación cos menores, os enumerados no artigo 11 da lei:
«1. As administracións públicas facilitarán aos menores a asistencia adecuada para o exercicio dos seus dereitos, incluíndo os recursos de apoio que precisen.
(…)
2. Serán principios reitores da actuación dos poderes públicos en relación cos menores:
a) A supremacía do seu interese superior.
(…)
h) A obxectividade, imparcialidade e seguridade xurídica na actuación protectora, garantindo o carácter colexiado e interdisciplinar na adopción de medidas que os afecten.
i) A protección contra toda forma de violencia, incluídos os malos tratos físicos ou psicolóxicos, os castigos físicos humillantes e denigrantes, o descoido ou trato neglixente, a explotación, a realizada a través das novas tecnoloxías, os abusos sexuais, a corrupción, a violencia de xénero ou no ámbito familiar, sanitario, social ou educativo, incluíndo o acoso escolar, así como a trata e o tráfico de seres humanos, a mutilación xenital feminina e calquera outra forma de abuso.
j) A igualdade de oportunidades e non discriminación por calquera circunstancia.
k) A accesibilidade universal dos menores con discapacidade e os axustes razoables, así como a súa inclusión e participación plenas e efectivas.
(…)».
A norma volve priorizar unha consideración global e interdisciplinar do interese superior do menor. Este debe ser o ámbito de análise e solución das dificultades que se poidan expor na efectividade da educación obrigatoria, especialmente nunha situación como a que vivimos.
O artigo 12, sobre as actuacións de protección do menor, determina:
«1. A protección dos menores polos poderes públicos realizarase mediante a prevención, detección e reparación de situacións de risco, co establecemento dos servizos e recursos adecuados para tal fin, o exercicio da garda e, nos casos de declaración de desamparo, a asunción da tutela por ministerio da lei. Nas actuacións de protección deberán primar, en todo caso, as medidas familiares fronte ás residenciais, as estables fronte ás temporais e as consensuadas fronte ás impostas.
2. Os poderes públicos velarán para que os proxenitores, titores, gardadores ou acolledores desenvolvan adecuadamente as súas responsabilidades e facilitaranlles servizos accesibles de prevención, asesoramento e acompañamento en todas as áreas que afectan o desenvolvemento dos menores. (….)».
Polo tanto, os poderes públicos teñen un mandato legal expreso e claro, do que non poden apartarse, de garantir o cumprimento dos deberes das persoas proxenitoras e titoras, etc., entre os que figura que os e as menores asistan obrigatoriamente a clase.
A Lei orgánica 1/1996 volve a expresar a vontade do lexislador de garantir o dereito á educación a través do ensino escolarizado obrigatorio no artigo 13, ao regular sobre as obrigacións dos cidadáns e o seu deber de reserva:
«1. Toda persoa ou autoridade e, especialmente, aqueles que pola súa profesión ou función detecten unha situación de malos tratos, de risco ou de posible desamparo dun menor, comunicarano á autoridade ou aos seus axentes máis próximos, sen prexuízo de prestarlle o auxilio inmediato que precise.
2. Calquera persoa ou autoridade que teña coñecemento de que un menor non está escolarizado ou non asiste ao centro escolar de forma habitual e sen xustificación, durante o período obrigatorio, deberá poñelo en coñecemento das autoridades públicas competentes, que adoptarán as medidas necesarias para a súa escolarización.
3. As autoridades e as persoas que pola súa profesión ou función coñezan o caso actuarán coa debida reserva. Nas actuacións evitarase toda interferencia innecesaria na vida do menor. (…)».
A non asistencia ao centro escolar de forma habitual e sen xustificación poden motivar a apreciación da situación de desamparo, de conformidade co establecido no artigo 18 da mencionada lei:
«1. Cando a entidade pública constate que o menor se atopa en situación de desamparo, actuará na forma prevista no artigo 172 e seguintes do Código civil, asumindo a tutela daquel por ministerio da lei, adoptando as oportunas medidas de protección e poñéndoo en coñecemento do Ministerio Fiscal e, de ser o caso, do xuíz que acordou a tutela ordinaria.
2. De acordo co establecido no artigo 172 e seguintes do Código civil, considerarase situación de desamparo a que se produce de feito a causa do incumprimento, ou do imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda dos menores, cando estes queden privados da necesaria asistencia moral ou material.
(…)
En particular, entenderase que existe situación de desamparo cando se dea algunha ou algunhas das seguintes circunstancias coa suficiente gravidade que, valoradas e ponderadas conforme os principios de necesidade e proporcionalidade, supoñan unha ameaza para a integridade física ou mental do menor:
(…)
g) A ausencia de escolarización ou falta de asistencia reiterada e non xustificada adecuadamente ao centro educativo e a permisividade continuada ou a indución ao absentismo escolar durante as etapas de escolarización obrigatoria. (…)».
A apreciación de desamparo por falta de asistencia ao centro educativo require que o absentismo sexa reiterado e non xustificado. Desta norma resulta igualmente a obrigación das persoas proxenitoras ou titoras legais de xustificar a súa conduta ao centro educativo.
Nunha situación como a actual de pandemia, a efectividade do dereito fundamental á educación, no seu desenvolvemento como obriga de asistencia a clase, pode ser contraposto, en circunstancias excepcionais por parte dalgunhas persoas, a outro dereito fundamental: o dereito á vida, na súa manifestación do dereito á integridade física, non só dos e das menores, senón dos seus familiares conviventes.
Neste caso, tal contraposición debe ser examinada de forma particular, caso a caso, tanto tendo presente o contexto de evolución da pandemia (en cada parte do territorio), como no suposto concreto de cada familia. A realización de tal análise dos feitos e contextual é fundamental para constatar a base de feito do absentismo escolar: que a falta de asistencia a clase sexa reiterada e que careza de xustificación. A análise debe facerse caso por caso, en ningún caso cabe concluír en abstracto que a situación actual ampare directamente a actuación dos pais que deciden non escolarizar os seus fillos. Iso suporía desposuír os poderes públicos das obrigas irrenunciables que lles atribúe o lexislador en canto á garantía da efectividade do dereito á educación básica, na súa vertente de velar polo cumprimento da educación obrigatoria así como velar polo seu interese superior. E supoñería lexitimar o incumprimento directo das normas polos cidadáns.
Aos proxenitores e titores legais, certamente, asístelles o dereito de participar no ámbito educativo, na forma prevista nas leis. Esta participación evidentemente será unha das canles para a formulación ante os centros escolares e, de ser o caso, ante as administracións educativas, das preocupacións derivadas da situación actual de pandemia. Pero tamén teñen á súa disposición as familias e titores legais as vías que o ordenamento xurídico establece para a revisión da actuación da Administración.
A lei exixe para apreciar absentismo e que se tomen medidas contra este absentismo polos poderes públicos que a falta de asistencia a clase reiterada non teña xustificación. Estas circunstancias serán as que motiven a posta en marcha dos protocolos de actuación fronte ao absentismo cuxa implementación corresponde ás administracións autonómicas, coa necesaria colaboración dos centros docentes.
O absentismo -definido no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación- limita un dereito fundamental e hai que abordalo desde as súas orixes, tanto con medidas preventivas como con actuacións específicas.
Coa finalidade de establecer unhas pautas comúns de actuación elaborouse o Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia, que ten un carácter básico e de referencia, de xeito que cada centro educativo, dentro da súa competencia e autonomía, poida adaptalo á súa realidade.
O dito protocolo contribúe a garantir a asistencia aos centros educativos da totalidade do alumnado en idade de escolarización obrigatoria, afondando nas medidas preventivas, unificación de conceptos e regulación do procedemento de control e comunicación ás familias da asistencia a clase do alumnado e, de ser o caso, guía o procedemento do expediente de absentismo, de xeito que se favoreza a mellora da calidade educativa e bos índices de éxito escolar.
En consecuencia co anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dentro das súas competencias, ditou as Instrucións do 31 de xaneiro de 2014, co propósito de trasladar o protocolo xeral e de facilitar a súa aplicación nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tanto o Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia, creado pola Orde do 18 de setembro de 2020, como a inspección educativa e as direccións dos centros educativos, a título individual ou a través da Xunta Autonómica de Directores, veñen trasladando unha problemática emerxente xurdida no marco da emerxencia sanitaria pola COVID-19. Os centros estanse atopando con situacións de ausencia prolongada e reiterada de alumnado que alega situacións de vulnerabilidade no domicilio familiar ou medo insuperable ao contaxio por SARS-CoV-2. Ademais da ausencia física ao centro, solicítase a atención domiciliaria ou virtual.
Por todo isto é necesario que os retos e demandas da adaptación do sistema educativo a esta situación de pandemia derivada da COVID-19 sexan abordados con rigor científico e de xeito colexiado desde ópticas socioeducativas complementarias e coordinadamente co traballo doutros comités científicos e autoridades sanitarias competentes, de maneira que poidan tomarse decisións máis informadas e, no caso de considerarse pertinente, trasladar á autoridade competente unha información veraz, completa e exhaustiva.
Por todo isto proponse a creación de comisións provinciais de seguimento ante posibles situacións de absentismo coa finalidade de ditaminar a consideración das ausencias do alumnado como absentismo escolar para os efectos previstos na normativa e protocolo de referencia.
De acordo co anterior, mediante a presente orde
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Créanse as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19 da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (en diante, comisións provinciais de seguimento), adscritas á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, cada unha delas como un órgano colexiado dos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
2. As comisións de seguimento teñen un carácter multidisciplinar e multinivel que permiten unha visión integral e unha adecuada formación de criterio na valoración dos casos que se lles sometan.
3. As comisións de seguimento créanse no contexto da pandemia creada pola COVID-19 e extinguiranse unha vez que cese a situación de emerxencia sanitaria declara en Galicia por este motivo.
Artigo 2. Principios de actuación
1. Na súa actuación as comisións de seguimento sempre primarán o interese superior do menor de xeito que sexa valorado e considerado como primordial en todas as accións e decisións que o atinxan, de maneira que se protexan o seus dereitos fundamentais e a satisfacción das súas necesidades básicas e, de forma explícita, o dereito á educación básica.
2. Na valoración dos casos adoptarase unha visión integral das circunstancias concorrentes baseada nas evidencias achegadas.
Artigo 3. Funcións
1. As comisións de seguimento valorarán os casos de absentismo que poidan estar vinculados á situación de pandemia causada pola COVID-19, entendendo por tales os derivados polas xefaturas territoriais con competencias en materia de educación a proposta dos centros educativos, logo de seren tramitados os correspondentes expedientes segundo o procedemento establecido no «Protocolo educativo para a prevención e control do absentismo escolar en Galicia» e logo do informe da inspección educativa.
2. Para determinar os casos que, excepcionalmente, deben ser elevados a ditame das comisións de seguimento valorarase a situación particular de cada menor ponderando a súa situación de saúde e familiares conviventes, as circunstancias sociofamiliares concorrentes, así como a situación e evolución epidemiolóxica en cada momento.
3. Os ditames das comisións provinciais de seguimento serán vinculantes para a adopción por parte dos centros educativos das medidas necesarias para a adecuación das resposta educativa para os efectos do procedemento recollido no Protocolo para a prevención e control do absentismo escolar; ou noutro caso, para propoñer a elevación do expediente ao Ministerio Fiscal por apreciación dunha posible situación de vulnerabilidade para o menor.
Artigo 4. Composición
1. As comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19 estarán compostas:
– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.
– Polo/a xefe da Inspección Educativa da provincia.
– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en sanidade, ou persoa en quen delegue.
– Por unha persoa designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en menores.
– Por unha persoa membro dos equipos de orientación específicos, designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación.
– Por unha persoa representante dos servizos sociais dos concellos da provincia, designada por proposta da Fegamp.
Exercerá as funcións da secretaría do órgano, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da xefatura territorial con competencias en educación, designada pola presidencia da comisión.
2. As comisións provinciais de seguimento poderán, para unha mellor valoración dos casos e formación de xuízo, solicitar a participación de representantes doutros órganos, institucións ou administracións públicas, cando poidan achegar elementos de xuízo relevantes na valoración dos casos. Neste suposto, poderán participar nas reunións con voz e sen voto.
Artigo 5. Funcionamento
1. As comisións provinciais de seguimento poderán aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, nas cales se preverá a utilización preferente das tecnoloxías da información como ferramenta para a axilización do seu funcionamento.
2. Para o desenvolvemento das súas funcións, as comisións provinciais de seguimento poderán solicitar os informes complementarios que xulguen necesarios, tales como informes médicos/sanitarios sobre o menor e persoas conviventes, informe psicopedagóxico do centro educativo e o informe dos servizos sociais.
3. As comisións provinciais de seguimento reuniranse coa periodicidade que a prevalencia de casos no seu ámbito territorial o faga necesario ou aconsellable, logo de convocatoria da súa presidencia.
4. De cada reunión levantará acta a persoa que exerza as funcións de secretaría, en que especificarán os asistentes, a orde do día da reunión e os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
5. Sen prexuízo do anterior, o funcionamento do comité axustarase ao establecido nos artigos 16 ao 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos artigos 15 ao 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto
A constitución e o funcionamento dos órganos colexiados previstos nesta orde non suporán en ningún caso un incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
A pertenza a estes órganos e a asistencia ás reunións non terá carácter retribuído.
Disposición adicional segunda. Confidencialidade
Os membros das comisións provinciais de seguimento e toda aquela persoa que participe nelas están obrigados a respectar o dereito á intimidade e á confidencialidade da información que, se é o caso, poidan coñecer no desempeño da súa actividade, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e o Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.
Disposición adicional terceira. Presenza equilibrada de mulleres e homes
Na composición das comisións provinciais de seguimento atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na medida do posible. A comunicación que se realice para a designación de representantes lembrará a importancia social de tender a este obxectivo de igualdade.
Disposición adicional cuarta. Constitución
As sesións constitutivas das comisións provinciais de seguimento terán lugar no prazo máximo de 1 semana a partir da entrada en vigor desta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.