Medidas cresi sanitaria GALICIA
DECRETO 181/2020, do 9 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se modifica o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
I
Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendeuse, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020.
Conforme o artigo 2 do dito real decreto, para os efectos do estado de alarma, a autoridade competente será o Goberno da Nación. En cada comunidade autónoma e cidade con estatuto de autonomía, a autoridade competente delegada será quen desempeñe a presidencia da comunidade autónoma ou cidade con estatuto de autonomía, nos termos establecidos no real decreto. As autoridades competentes delegadas quedan habilitadas para ditar, por delegación do Goberno da Nación, as ordes, resolucións e disposicións para a aplicación do previsto nos artigos 5 a 11 do real decreto sen que para iso sexa precisa a tramitación de procedemento administrativo ningún nin será de aplicación o previsto no segundo parágrafo do artigo 8.6 e no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
En concreto, de acordo co artigo 8 do real decreto, a autoridade competente delegada poderá limitar a permanencia de persoas en lugares de culto mediante a fixación de capacidade para reunións, celebracións e encontros relixiosos, atendendo ao risco de transmisións que puidese resultar dos encontros colectivos, sen que a dita limitación poida afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.
O 29 de outubro de 2020 o Congreso dos Deputados autorizou a prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio de 2021. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021, e someterase ás condicións establecidas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e nos decretos que, se é o caso, se adopten en uso da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do citado Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, sen prexuízo do establecido nas disposicións que recolle o propio real decreto de prórroga.
En consecuencia, durante a vixencia do estado de alarma e da súa prórroga, a adopción das medidas previstas no Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, deberán adoptarse na condición de autoridade competente delegada, nos termos previstos no dito real decreto e no real decreto de prórroga.
II
Neste contexto normativo derivado do estado de alarma vixente, e ante a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria en determinados territorios da Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
En concreto, o punto terceiro do decreto recolleu a limitación da permanencia de persoas en lugares de culto, mantendo, con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, os límites de capacidade que se viñan aplicando actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia en virtude da Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior e, tal e como se vén facendo nestes meses de xestión da crise, recolléronse unhas medidas máis restritivas neste eido para aqueles concellos en que a situación epidemiolóxica e sanitaria é máis desfavorable ou que teñen unha forte interrelación con eles, con efectos desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020.
O punto quinto do decreto determinou que a eficacia das medidas se mantería ata as 15.00 horas do 4 decembro de 2020. Non obstante o anterior, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, este punto establece que as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento.
De acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 9 de novembro de 2020, os lugares de culto poden considerarse como lugares seguros en relación coa transmisión do SARS-CoV-2, como se demostra na análise sobre a orixe dos brotes acontecidos na Comunidade Autónoma realizado por esta dirección xeral, estudo no cal non se detectou ningún gromo en que, tras a investigación epidemiolóxica realizada, puidese identificarse como orixe un lugar de culto. En particular, a pesar de tratarse de espazos interiores, a permanencia neles é dun tempo limitado, as persoas non interaccionan entre si, manteñen a distancia de seguridade en todo momento e utilizan a máscara de forma sistemática, salvo en momentos puntuais. Polo exposto, non se considera que exista inconveniente desde o punto de vista epidemiolóxico na modificación do número 1 do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, para eliminar a medida consistente no establecemento dun límite máximo de asistentes, regra fixa establecida con independencia da capacidade máxima do lugar de culto, e manter a medida de que na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, o que permite actuar de forma máis proporcionada adaptándose ás circunstancias de cada lugar. Do mesmo xeito, modifícase o número 2 deste punto terceiro para eliminar a regra do número máximo de asistentes previsto nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro do decreto, ben que neste caso, atendida a situación epidemiolóxica e sanitaria máis desfavorable existente, a asistencia a lugares de culto se reduce ao terzo da súa capacidade. Polo demais, deben engadirse medidas relativa ao mantemento da distancia de seguridade e de ordenación e control das entradas e saídas nos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.
III
De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, e na condición de autoridade competente delegada, por delegación do Goberno da Nación, conforme o disposto nos artigos 2, 8 e 10 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación do punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2
O punto terceiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, queda redactado como segue:
«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto
1. Na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
2. A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.
3. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.
4. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».
Segundo. Eficacia
A modificación prevista no punto primeiro terá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Recursos
Contra o presente decreto poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme os artigos 12.1.a) e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!