Ribeira Sacra GALICIA

DECRETO 105/2020, do 9 de xullo, polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.


A Constitución española, no seu artigo 148.1, atribúe ás comunidades autónomas a competencia exclusiva, entre outras, nas materias patrimonio monumental de interese da Comunidade Autónoma, o fomento da cultura, da investigación e da promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.
O Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma nos seus artigos 27 e 32 as competencias exclusivas, entre outras, sobre o patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese de Galicia; o fomento da cultura e da investigación en Galicia, a promoción do turismo dentro da Comunidade, e sobre a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en aplicación do marco competencial en materia de patrimonio cultural e da interpretación feita polo Tribunal Constitucional en sentenzas como a 17/1991, do 31 de xaneiro, que cualifican as competencias como exclusivas e concorrentes, regula a declaración dos bens de interese cultural de Galicia e o seu procedemento nos seus artigos 15 ao 24.
Así mesmo, no seu artigo 2, obriga os poderes públicos a integrar a protección do patrimonio cultural nas súas políticas sectoriais de educación, investigación, ordenación do territorio, urbanismo, paisaxe, conservación da natureza, desenvolvemento rural e turístico, así como naquelas que supoñan a xestión do dominio público; e no artigo 3, á necesaria coordinación interadministrativa no seu exercicio.
O Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, estipula no artigo 1 que esta consellería é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden os aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia; e o artigo 11 atribúe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as funcións de dirección e coordinación das actuacións da Consellería en materia de patrimonio cultural.
En virtude destas competencias e o valor cultural sobranceiro da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, este territorio foi declarado ben de interese cultural polo Decreto 166/2018, do 27 de decembro.
O anexo VII deste decreto contén unha delimitación da paisaxe cultural declarada ben de interese cultural e da súa zona de amortecemento, e para a aplicación das ferramentas para a súa xestión identifica un ámbito máis amplo composto pola totalidade dos concellos de Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo, aos cales, para os efectos da súa xestión coordinada que se promove con este decreto, se unen os concellos de Bóveda, Manzaneda e Chandrexa de Queixa por estaren integrados en sistemas de organización relevantes para a salvagarda dos valores da paisaxe cultural nas terras de Asma, Caldelas, Trives e Lemos.
Así mesmo, no territorio da Ribeira Sacra existen entidades que representan de forma especialmente destacable as comunidades locais da Ribeira Sacra no seu conxunto e as actividades relacionadas coa paisaxe e a súa difusión: o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, a Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, a Asociación Ribeira Sacra Rural, así como os bispados e as deputacións provinciais de Lugo e Ourense, ou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O anexo VII do decreto de declaración da Ribeira Sacra identifica a necesidade de elaboración de ferramentas de xestión e que o seu ámbito é o da totalidade dos concellos relacionados. Neste ámbito máis amplo xa existen algunhas ferramentas para a xestión coordinada, ben que o alcance da súa temática de xestión é limitada ou parcial.
Tendo en conta a profusión de valores e de elementos relevantes nun ámbito tan extenso, así como as necesidades específicas dun territorio eminentemente ligado á produción agrícola e gandeira, así como ao potencial desenvolvemento das infraestruturas dun turismo e servizos ligados á cultura, á natureza e á paisaxe, considérase imprescindible promover medidas de coordinación e colaboración que proporcionen un marco adecuado e eficaz do desenvolvemento da actividade administrativa, que permita coñecer e valorar as situacións de primeira man e en conxunto e, polo tanto, resultar mellores nos seus obxectivos de salvagarda.
Así mesmo, debe sinalarse que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, está a dirixir a candidatura da paisaxe cultural da Ribeira Sacra á Lista do patrimonio mundial da Unesco.
Estas candidaturas, que se desenvolven en virtude da Convención sobre a protección do patrimonio mundial cultural e natural da Unesco, asinada en 1972 e aceptada por España o 4 de maio de 1982, ademais de acreditar o valor universal excepcional dos bens, deben tamén presentar medidas de xestión adecuadas para a súa conservación e establecer canles e ferramentas axeitadas para a toma de decisións e a participación activa de todas as persoas interesadas e principalmente das comunidades locais.
A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra ten por obxecto a coordinación na aplicación de políticas e accións integradas que redunden na mellora das condicións de apreciación e de difusión dos valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, así como no benestar das comunidades locais que son o seu soporte, e cuxa acción é a verdadeira creadora da paisaxe e da súa conservación.
O proxecto de decreto polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra foi coordinado na súa redacción e alcance cos departamentos afectados e foi sometido aos trámites de publicidade, suxestións, informes e consultas previstos na lexislación vixente, exceptuados os trámites de audiencia e o informe do Consello Consultivo de Galicia ao tratarse dun decreto organizativo sen implicacións lexislativas, e, como consecuencia dos diferentes procesos, foron incorporadas algunhas melloras na súa forma e no seu contido.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa xuntanza do nove de xullo de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Este decreto ten por obxecto a creación da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra e a regulación da súa composición, funcións e réxime de funcionamento.
2. A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra é o órgano colexiado de coordinación das actuacións sectoriais dos distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma no territorio da Ribeira Sacra.
3. Así mesmo a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra será a canle para a participación activa das comunidades locais do territorio da Ribeira Sacra.
Artigo 2. Ámbito
1. O ámbito das funcións da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra será o composto por todas as zonificacións definidas no anexo VII do Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, incluídas a paisaxe cultural declarada, a zona de amortecemento e o territorio da Ribeira Sacra integrado polos concellos de Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo, así como polos concellos de Bóveda, Manzaneda e Chandrexa de Queixa.
2. Para os efectos das funcións da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra definidas neste decreto, o territorio da Ribeira Sacra refire o ámbito territorial de todos os devanditos termos municipais, incluída a paisaxe cultural declarada ben de interese cultural e a súa zona de amortecemento.
Artigo 3. Adscrición
A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra estará adscrita á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.
Artigo 4. Réxime xurídico
A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra rexerase polo disposto neste decreto.
No non previsto será de aplicación o disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro de réxime xurídico do sector público e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.
A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, como órgano colexiado con representación de distintas Administracións Públicas e intereses sociais, poderá establecer ou completar as súas propias normas de funcionamento.
Artigo 5. Funcións
Son funcións da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra:
a) Presentar as iniciativas dos diferentes organismos e entidades representativas no territorio da Ribeira Sacra para unha xestión eficaz con garantías para a conservación dos seus valores como paisaxe cultural.
b) Seguir as estratexias, plans, políticas e accións da Xunta de Galicia e organismos e entidades representativas no territorio da Ribeira Sacra e coñecer os seus resultados.
c) Coordinar e fomentar as accións da Xunta de Galicia, sen prexuízo do exercicio das competencias propias de cada departamento.
d) Apoiar e impulsar as liñas de acción para a protección, conservación, investigación e difusión dos valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra dos organismos e entidades representativas no seu territorio da Ribeira Sacra, e en especial as promovidas en conxunto polas entidades municipais a través do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
e) Propoñer as medidas necesarias para a homoxeneización, desenvolvemento e aplicación da normativa vixente en relación coa Ribeira Sacra, así como coñecer sobre as propostas normativas que os afecten.
f) Elaborar propostas para a súa elevación ás distintas administracións públicas, entidades públicas e privadas, así como de particulares en relación coa situación e potencialidades da Ribeira Sacra como paisaxe cultural.
g) Aprobar un informe periódico sobre a situación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
h) Calquera outra competencia e función relacionada co seu ámbito de actuación ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente, así como as que lle encomende o Consello da Xunta e as que lle deleguen os órganos con competencia na materia.
Artigo 6. Composición
1. A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra terá a seguinte composición:
a) Presidencia: correspóndelle a Presidencia da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra á persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural.
b) Vicepresidencia primeira: correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.
c) Vicepresidencia segunda: correspóndelle á persoa titular do organismo competente en materia de turismo.
d) Vogais: as persoas titulares de cada unha das consellerías competentes en materia de medio ambiente, territorio, vivenda, infraestruturas, mobilidade, economía, emprego, industria e medio rural da Xunta de Galicia.
2. Na composición da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra procurarase conseguir unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
Artigo 7. Presidencia
Son funcións da Presidencia da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra:
a) Exercer a superior representación da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.
b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.
c) Establecer a orde do día das sesións.
d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.
e) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.
f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.
Artigo 8. Vicepresidencias
1. Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vicepresidencias:
a) Substituír por orde de prelación á persoa que desempeña a Presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.
b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición e as propias das vogalías nas reunións en Pleno, con dereito a voto.
c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.
d) Asistir á Presidencia nas correspondentes sesións da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.
2. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas que desempeñen as vicepresidencias poderán ser substituídas polas persoas que ostenten as subdireccións xerais ou órgano equivalente xerarquicamente dependentes pola orde de prelación establecida na estrutura orgánica da súa consellería ou organismo.
Artigo 9. Vogais
1. Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vogalías:
a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.
b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
c) Propor á Presidencia, a través da Secretaría, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.
d) Solicitar e obter a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ás vogalías, logo de petición, por escrito, dirixida á Secretaría.
e) Formular suxestións e preguntas.
f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.
2. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas que desempeñen as vogalías serán substituídas polas persoas que representen as direccións xerais ou os órganos equivalentes xerarquicamente dependentes, competentes nas materias relacionadas no artigo relativo á Comisión Permanente, pola orde de prelación establecida na estrutura orgánica da súa consellería ou organismo.
Artigo 10. Secretaría
1. A Secretaría da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra será asumida pola persoa que represente a subdirección xeral competente en materia de protección da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, que actuará con voz pero sen voto.
2. Son funcións da persoa que desempeñe a Secretaría:
a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.
b) Efectuar a convocatoria das sesións do Pleno ou da Comisión Permanente por orde da persoa que desempeñe a Presidencia, así como as citacións aos membros desta, que incluirá na orde do día as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.
c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.
d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar a acta das sesións.
e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.
f) Coordinar as tarefas das subcomisións específicas que se poidan constituír.
g) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría.
3. A Secretaría poderá ser substituída en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, pola persoa que represente a subdirección xeral competente en materia de conservación da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.
4 . A Secretaría poderá actuar asistida por persoal pertencente ao seu departamento para colaborar nas funcións que lle corresponden, que non terá voz nin voto nas reunións.
Artigo 11. Representantes de organismos e entidades locais
1. Terán a consideración de representantes de organismos e entidades locais as persoas que desempeñen a presidencia, ou a figura de representación equivalente, dos organismos e entidades locais con intereses no territorio da Ribeira Sacra, tanto de carácter público coma privado, no eido da conservación, da difusión e do desenvolvemento da paisaxe cultural, que se enumeran a seguir:
1º. Os concellos referidos no punto 1 do artigo 2 deste decreto en que se describe o ámbito de aplicación.
2º. O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
3º. O Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra.
4º. A Asociación Ribeira Sacra Rural.
5º. As organizacións de carácter non gobernamental en materia cultural e de desenvolvemento local.
6º. As comunidades parroquiais que constitúen a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
7º. A Deputación Provincial de Lugo.
8º. A Deputación Provincial de Ourense.
9º. O Bispado de Lugo.
10º. O Bispado de Ourense.
11º. O Goberno do Estado.
12º. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
2. As persoas que representan os organismos e as entidades locais da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra serán convocadas pola Secretaría por orde da Presidencia, e incluiranse cando menos seis entidades das recollidas nos ordinais 5º e 6º do punto anterior.
3. Correspóndelles ás persoas que representen os organismos e as entidades locais:
a) Asistir ás reunións do Pleno e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.
b) Propor á Presidencia, a través da Secretaría, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.
c) Solicitar e obter información sobre os asuntos tratados na orde do día, logo de petición concreta, por escrito, dirixida á Secretaría.
d) Formular suxestións e preguntas.
4. As persoas que representan os organismos e as entidades locais da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra poderán nomear outras que as representen para acudir á reunión, seguindo sempre as limitacións e regras das súas normas de organización, o que deberá ser comunicado con tres días de antelación, cando menos.
Artigo 12. Funcionamento
1. A Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra funcionará en Pleno e/ou en Comisión Permanente.
2. Para a válida constitución da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, en Pleno ou en Comisión Permanente, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que desempeñe a Presidencia e da persoa que desempeñe a Secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus vogais en primeira convocatoria, e dunha terceira parte dos seus vogais en segunda convocatoria.
Artigo 13. Pleno
1. Ao Pleno da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, coa composición establecida no artigo 6 do decreto, corresponderanlle as funcións propias establecidas no artigo 5, sen prexuízo da súa posible delegación na Comisión Permanente.
2. O Pleno da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra reunirase, despois da convocatoria da Secretaría por acordo da Presidencia, con carácter ordinario unha vez ao ano e, con carácter extraordinario cando sexa requirido á Secretaría por cando menos un terzo dos seus membros.
3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. A persoa que desempeñe a Presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.
4. As persoas representantes de organismos e entidades locais poderán asistir ás sesións do Pleno, logo de convite da persoa que desempeñe a Presidencia, con voz pero sen voto, acompañadas, de ser o caso, por outras persoas de recoñecida competencia profesional nos asuntos que vaian tratarse.
5. As convocatorias do Pleno, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, polo menos, con dez (10) días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que se lle xunte.
6. Só poderán ser obxecto de deliberación ou acordo os asuntos que figuren incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
Artigo 14. Comisión Permanente
1. A Comisión Permanente terá a seguinte composición:
a) Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.
b) Dúas vicepresidencias: a Vicepresidencia Primeira corresponderalle á persoa que represente a subdirección xeral competente en materia de conservación da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, e a Vicepresidencia Segunda, á persoa que desempeñe a Xerencia do organismo competente en materia de turismo.
c) Vogais: unha persoa en representación da Presidencia da Xunta de Galicia e unha persoa en representación de cada unha das direccións xerais ou organismos competentes en materia de paisaxe, natureza, ordenación do territorio e urbanismo, infraestruturas, medio rural, montes, agro e gandaría, comercio e enerxía.
2. A Comisión Permanente contará cunha Secretaría que desempeñará a persoa que ocupe o servizo competente en materia de inventario da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, que actuará con voz pero sen voto.
3. Á Comisión Permanente corresponderalle preparar as reunións do Pleno, así como todas aquelas funcións que lle sexan delegadas por aquel.
No caso de exercer competencias por delegación do Pleno, a Comisión Permanente reunirase, con carácter ordinario, polo menos unha vez ao semestre e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa que desempeñe a Secretaría, por acordo da persoa que desempeñe a Presidencia.
4. A Comisión Permanente dará conta ao Pleno das actuacións derivadas do exercicio das competencias que teña delegadas, a través dun informe que lle elevará anualmente.
5. As convocatorias da Comisión Permanente, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, polo menos, con dez (10) días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que a acompañe.
6. A persoa que exerza a presidencia da Comisión Permanente poderá convocar as persoas representantes de organismos e entidades locais que por razón dos asuntos que se vaian tratar resulten de interese para a eficacia dos obxectivos da sesión, cun máximo de seis en cada reunión.
7. Seralle aplicable á Comisión Permanente o disposto nos números 3, 4 e 6 do artigo 13 do decreto.
Artigo 15. Subcomisións específicas
1. O Pleno e a Comisión Permanente poderán acordar a constitución de subcomisións específicas que elaboren estudos ou informes sobre asuntos encomendados polo Pleno ou pola Comisión Permanente.
2. O acordo de constitución determinará o seu labor, composición, así como a súa forma de funcionamento e ámbito temporal.
3. O traballo das subcomisións culminará nun informe, que incluirá propostas de actuación e que se elevará ao Pleno ou á Comisión Permanente, segundo o órgano que acordase a súa constitución, para o seu debate e votación.
4. No caso de que a constitución das subcomisións específicas fose acordada pola Comisión Permanente, esta dará conta ao Pleno no informe establecido no número 3 deste artigo.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do presente decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor dez (10) días naturais despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de xullo de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijoo
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.