Regulación de Artesanía alimentaria GALICIA

DECRETO 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.

[sc name=»Seguridad Pública» ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es
I
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúe a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de artesanía e o artigo 30.I.4 atribúelle competencias exclusivas, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, en materia de comercio interior e a defensa do consumidor e usuario.
A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, constitúe o marco legal actual da artesanía alimentaria en Galicia de acordo co recollido na súa disposición derradeira segunda, que deixou este sector á marxe do establecido con carácter xeral pola Lei 1/1992, do 11 de marzo, reguladora da artesanía de Galicia. Posteriormente esta lei foi puntualmente modificada, primeiro a través da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, e logo mediante a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia.
Coa regulación da artesanía alimentaria preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que esta representa; preservar e conservar as empresas artesanais alimentarias que elaboran produtos alimentarios de xeito tradicional, así como estimular o seu establecemento, segundo establece o artigo 22 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
Galicia, igual que outros territorios da Unión Europea, conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre as persoas consumidoras. A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural das rexións europeas senón tamén á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.
O fenómeno da globalización é moi patente neste sector, o que implica unha uniformidade cada vez maior na produción de alimentos. Por iso é obriga das administracións públicas establecer medidas para a conservación da tradición alimentaria local e a súa protección fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción. O feito de que esta tradición estea sustentada no coñecemento de artesáns e artesás que residen maioritariamente no medio rural, fai aínda máis urxente a adopción de medidas orientadas a manter o dito patrimonio alimentario.
Por iso, a regulación da artesanía alimentaria debe considerar a súa vinculación á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas tradicionais, ao medio rural e litoral e á súa forma de vida e cultura ancestrais, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.
II
Para o logro dos obxectivos de ordenación e promoción do sector artesán que persegue a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, é preciso desenvolver as distintas figuras e conceptos que nela se recollen, o cal é obxecto deste decreto. Por isto, regúlanse nesta norma as condicións técnicas específicas necesarias para a produción artesanal dos produtos alimentarios e as especialidades nos produtos artesanais alimentarios en función do proceso de elaboración, e deberanse concretar posteriormente na norma técnica correspondente os procesos e requisitos concretos de elaboración para cada actividade específica.
Así mesmo, o decreto incorpora no seu anexo I a relación inicial de actividades artesanais alimentarias que a día de hoxe se consideran, polas súas características, merecedoras de tal cualificación, sen prexuízo da posterior modificación da citada relación, mediante a aprobación de novas inclusións ou exclusións, co obxecto de adecuala ás producións existentes en cada momento.
En coherencia co anterior, o decreto pretende ser o instrumento básico que constitúa o marco de delimitación indispensable para a aplicación de políticas de fomento e protección da actividade artesanal.
Regula tamén este decreto, no marco establecido pola citada Lei 2/2005, do 18 de febreiro, o Rexistro da Artesanía Alimentaria e as súas normas de funcionamento. O dito rexistro queda adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria e nel inscribiranse as empresas artesanais alimentarias. Este rexistro permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social, xestionalo e calcular o alcance da acción administrativa, de xeito que o esforzo da Administración beneficie ás persoas profesionais do sector.
Concrétanse igualmente neste decreto os requisitos que deben cumprir as persoas artesás e tamén os que deben cumprir as empresas para seren consideradas como empresas artesanais alimentarias. Tamén se recollen as condicións para a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos, dos termos «artesán», «artesán da casa» ou «artesán caseiro» e «artesán de montaña», para este último de xeito coherente coa regulación que fixo a Unión Europea a través do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ás condicións de utilización do termo de calidade facultativo «produto de montaña».
O concepto de empresas artesanais alimentarias integra tanto as empresas que con carácter xeral realizan as actividades artesanais alimentarias consonte o que establece este decreto como tamén dous tipos específicos de empresas artesanais alimentarias: as microempresas artesanais alimentarias e as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros. Estas dúas últimas, sen prexuízo da obriga de cumpriren os requisitos xerais establecidos para todas as empresas artesanais alimentarias, están dotadas dunha serie de particularidades que se recollen neste decreto.
Para os efectos deste decreto considéranse como microempresas artesanais alimentarias aquelas empresas con menos de 10 persoas ocupadas e cun volume de negocio ou balance xeral inferior aos 2 millóns de euros.
Pola súa parte, as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros son aquelas explotacións agrarias que comercializan, sempre en venda directa ao consumidor e consumidora final ou no mercado local cun único intermediario, os produtos transformados da propia explotación, que terán a consideración de produtos artesáns caseiros ou produtos artesáns da casa. Con esta regulación preténdese que os termos «caseiro» ou «da casa» respondan ao que a persoa consumidora entende habitualmente como tales, isto é, os produtos obtidos polo produtor na súa explotación ou naquela a que este estea ligado, cunha intervención persoal en todo o ciclo desde a produción primaria ata a súa comercialización, incluíndo un proceso de transformación de maior ou menor complexidade. Para garantir un mínimo de profesionalización, estas explotacións, cando estean no territorio español, deben ter a consideración de explotacións agrarias prioritarias, conforme o establecido na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias. As explotacións doutros Estados membros deben cumprir os requisitos de dimensión económica mínima e máxima que se recollen nos artigos 4 e 5 da dita lei para as explotacións cuxo titular é, respectivamente, persoa física ou xurídica.
A lexislación europea sobre requisitos hixiénico-sanitarios dos alimentos, agrupada no comunmente denominado «paquete de hixiene», establece a posibilidade de flexibilizar as normas aplicables nas empresas alimentarias de pequeno tamaño, sen que esta flexibilización poida poñer en perigo o dereito da cidadanía a adquirir produtos seguros.
A definición que se fai neste decreto, tanto das microempresas artesanais alimentarias como das explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros permitirá que se lles poidan aplicar estes criterios de flexibilización, sen menoscabo da súa calidade hixiénica, ao seren empresas que, polo seu pequeno tamaño, poden ter un axeitado control dos procesos, cuestión que é máis evidente aínda no caso dos produtos caseiros, na medida en que quen é titular da explotación agraria controla persoalmente todas as fases da produción do alimento que, ademais, se comercializa no mercado de proximidade.
Regúlase tamén o Consello Galego da Artesanía Alimentaria, órgano que servirá como punto de enlace entre a Administración autonómica e o sector profesional, co fin de propiciar a colaboración necesaria para que a regulación que se realiza atope o debido cumprimento e acade os obxectivos perseguidos.
Por outra parte, esta regulación vai dar unha resposta máis adecuada no momento actual ás persoas elaboradoras de produtos lácteos a base de leite cru de vaca recollidos no Decreto 125/1995, do 10 de maio, polo que se regula a elaboración de produtos lácteos a base de leite cru de vaca, considerados como produtos tradicionais e se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradoras de Produtos Lácteos Tradicionais, polo que neste decreto se procede a derrogar esa regulación establecendo, así mesmo, un réxime transitorio para as explotacións que figuran no citado rexistro.
Tamén cómpre sinalar que a disposición transitoria segunda da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, prevía que as persoas artesás e os talleres artesanais con actividades relacionadas coa produción alimentaria inscritas, na data de entrada en vigor da citada lei, nas seccións II e III do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, se inscribirían de oficio no Rexistro da Artesanía Alimentaria regulado neste decreto.
Ademais, a redacción desta norma debe ser acorde co disposto na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, que deseña un sistema que elimina regulacións innecesarias, establece procedementos máis áxiles e minimiza as cargas administrativas, a fin de fomentar e impulsar o emprendemento e a iniciativa dos operadores económicos. Esa pretensión non pode, no entanto, descoñecer as especificidades de cada sector, neste caso concreto da artesanía alimentaria, o que fai preciso, en cumprimento dos principios de necesidade e proporcionalidade, configurar un réxime de declaración responsable tanto para acreditar a condición de artesá/n alimentaria/o como para a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria, atendendo especialmente a garantir a calidade alimentaria, o que redunda na protección dos consumidores.
Así, ben que nun primeiro momento existiu un reflexo legal a favor da autorización cunha interpretación conciliable coas previsións da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, esta resultou afectada, primeiro, pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e máis tarde pola Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, especialmente respecto do control administrativo, ao declarar a dita lei xenericamente o libre acceso e exercicio de todas as actividades económicas en todo o territorio nacional, coa única limitación do establecido nesa lei, o disposto na normativa da Unión Europea ou en tratados e convenios internacionais.
En calquera caso, o mantemento do réxime de declaración responsable é unha garantía suficiente para determinados usos e actuacións, fundamentado en razóns imperiosas de interese xeral, de protección dos dereitos dos consumidores, que, en suma, se constitúen nunha garantía para a cidadanía.
Así, a presente norma establece de forma xenérica a necesidade de declaración responsable no artigo 12 para ter a condición de artesá/n e igualmente no artigo 15 para a inscrición no rexistro público para as empresas que queiran gozar da condición de empresas artesanais alimentarias.
En definitiva, os principios de necesidade e proporcionalidade, dabondo motivados e con especificación da súa concorrencia, avalan a articulación dun réxime de intervención administrativo, coa esixencia do réxime de declaración, segundo cada caso concreto, e que se atopa circunscrita á xa aludida razón imperiosa de interese xeral.
III
Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na actualidade na Directiva 2015/1535 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de setembro de 2015, pola que se establece un procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regras relativas aos servizos da sociedade da información, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que regula a remisión de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información.
Na tramitación desta disposición emitiu ditame o Consello Agrario Galego, consonte o previsto na Lei 1/2006, do 5 de xuño.
Na súa virtude, por proposta conxunta do conselleiro do Medio Rural e da conselleira do Mar, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é a regulación e o fomento da artesanía alimentaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco establecido no capítulo III do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
Neste decreto inclúense os seguintes procedementos: declaración responsable do cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria (MR400A), inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria (MR400B), modificación da inscrición no rexistro (MR400C) e baixa no dito rexistro (MR400D).
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O presente decreto é de aplicación á produción e elaboración con destino ao mercado de alimentos artesanais, tanto de orixe agraria como da pesca, do marisqueo ou da acuicultura.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos da aplicación deste decreto, e conforme o establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, defínense os seguintes termos:
a) Artesanía alimentaria: é a actividade de elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios que, cumprindo os requisitos que establece a normativa vixente, están suxeitos a unhas condicións durante todo o seu proceso produtivo que, sendo respectuosas co ambiente, garantan ás persoas consumidoras un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou artesán.
Teñen a condición de actividades alimentarias artesás as recollidas no anexo I.
b) Artesá/n alimentaria/o: é a persoa que realiza algunha das actividades relacionadas no anexo I deste decreto, que cumpra os requisitos regulamentarios e que presente a declaración responsable regulada no artigo 12.
c) Empresas artesanais alimentarias: son as persoas físicas ou xurídicas que realizan unha actividade artesanal alimentaria a través de procesos de elaboración que dean lugar a un produto final individualizado, respectuoso co ambiente e con características diferenciais, nas cales a intervención persoal da persoa artesá constitúe un factor predominante. Deberán cumprir as condicións técnicas específicas reguladas no artigo 6 deste decreto e os requisitos que se establecen con carácter xeral no artigo 8.
d) Produtos artesáns: son aqueles que, elaborados por empresas artesanais alimentarias, se obtivesen de acordo cos procesos de elaboración que para cada actividade se aproben na norma técnica correspondente. As ditas normas respectarán, en todo caso, as condicións técnicas que se recollen no artigo 6 deste decreto.
e) Produtos artesáns caseiros ou produtos artesáns da casa: son aqueles produtos artesáns obtidos por empresas artesanais alimentarias que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria a que estea ligada a mesma persoa física ou xurídica que a da empresa artesanal. A este respecto, enténdese que as materias primas que constitúen a base fundamental dun alimento son os ingredientes principais ou caracterizantes deste, os cales deben proceder exclusivamente da explotación.
f) Produtos artesáns de montaña: son os produtos artesanais elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como «de montaña» de acordo co que establece o artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, e que utilicen na súa elaboración materias primas procedentes desas zonas. Estes produtos cumprirán ademais as especificacións que se establecen nos artigos 1 a 6 do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ás condicións de uso do termo de calidade facultativo «produto de montaña».
g) Microempresa: é unha empresa que ocupa menos de 10 persoas (UTA) e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros, de acordo co establecido no artigo 2.3 do Anexo da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.
h) Unidade de traballo anual (UTA): termo utilizado para o cómputo dos efectivos da empresa. Correspóndese co número de persoas que traballan na empresa ou por conta da empresa a tempo completo durante todo o ano. O traballo a tempo parcial ou estacional constituirá a fracción correspondente de UTA. Non se contabilizan nin os/as aprendices ou alumnos/as de formación profesional nin a duración dos permisos de maternidade ou paternidade. No caso particular do traballo na explotación agraria, por orde da consellería competente en materia de agricultura poderanse establecer normas específicas para o cómputo das UTA da explotación, e aplicaranse, na súa falta, as previsións contidas nesta letra.
i) Industrias de temporada: son aquelas industrias cuxa actividade está vinculada a unha produción que ten carácter estacional, excluíndo aquelas industrias que por mor de causas distintas a ese carácter estacional da produción exerzan a súa actividade de xeito ocasional ou esporádico.
j) Explotación agraria: conxunto de bens e dereitos organizados economicamente pola persoa que ten a súa titularidade no exercicio da actividade agraria primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.
k) Titular da explotación agraria: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social, fiscal, sanitaria e de benestar dos animais, con independencia de quen teña a propiedade dos elementos daquela.
l) Mercado local: os mercados públicos e establecementos de venda que están a unha distancia da explotación produtora de produtos artesanais caseiros non superior a 100 km.
Artigo 4. Fins
A regulación da artesanía alimentaria pretende acadar os seguintes fins:
a) Promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade que contribúen á conservación da cultura alimentaria local, así como á difusión desta.
b) Facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais, co fin de mellorar as rendas percibidas e fixar poboación no medio rural –especialmente nas áreas de montaña– e no litoral.
c) Fomentar métodos tradicionais de elaboración, baseados na práctica do bo facer artesán e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade.
d) Potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras.
e) Promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.
CAPÍTULO II
Actividades artesanais e requisitos da produción artesá
e das empresas artesanais
Artigo 5. Actividades artesanais alimentarias
Son actividades artesanais alimentarias as recollidas no anexo I. As ditas actividades ordénanse en grupos de actividades e estas poden, pola súa vez, subdividirse en función dos diferentes produtos que se inclúen nos ditos grupos.
Artigo 6. Condicións técnicas da produción artesanal
1. Segundo o artigo 23.4 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, os produtos artesanais elaboraranse de acordo coas condicións técnicas previstas na norma técnica que para cada produto ou grupo de produtos se deberá aprobar mediante orde da persoa titular da consellería competente segundo a natureza do produto.
2. As normas técnicas terán en conta, en todo caso, a elaboración tradicional e a senlleira presentación, que outorgan ao produto unha calidade diferencial.
Ademais, as normas técnicas cumprirán as seguintes condicións:
a) No caso de que o produto artesán poida estar incluído no ámbito de protección dunha denominación de orixe protexida (DOP) ou indicación xeográfica protexida (IXP) a norma técnica aplicable exixirá que o produto estea acollido á correspondente DOP ou IXP.
b) Deberanse utilizar as materias primas seleccionadas que determine a norma técnica e empregaranse os controis de calidade que demande a natureza daquelas e en función das condicións de almacenamento, transporte e recepción, sen prexuízo do cumprimento das demais normas de control establecidas na normativa vixente.
c) Por razóns de seguridade alimentaria, de mellora da calidade ou de mellora das condicións laborais, poderá admitirse o emprego de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración. O emprego destes medios será definido e delimitado na norma técnica que se aprobe para cada tipo de produto.
d) Non se poderán utilizar potenciadores do sabor, colorantes ou saborizantes artificiais, nin graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou coco, nin calquera outra substancia que prohiba a norma técnica que se aprobe para cada tipo de produto. Non se poderán utilizar aditivos e coadxuvantes artificiais, agás aqueles que tecnoloxicamente sexan imprescindibles na elaboración do produto, nas cantidades máximas que se indiquen na norma técnica correspondente.
e) Non se poderán utilizar produtos semielaborados, agás en casos excepcionais que se xustificarán na norma técnica correspondente.
f) Para garantir a intervención persoal da/o artesá/n no proceso, non se admitirán reetiquetaxes nin razóns sociais de intervenientes no circuíto comercial que non sexan as da empresa artesanal elaboradora do produto, nin se admitirá a utilización de marcas que non sexan dela.
3. No caso de que unha mesma empresa teña parte da súa produción que sexa artesanal e outra que non cumpra os requisitos para ter tal consideración, na etiquetaxe do produto artesanal deberá distinguirse claramente este do que non ten tal carácter.
4. Os requisitos hixiénico-sanitarios específicos que deban cumprirse na elaboración, produción e transformación artesanal estableceranse, de ser o caso, na norma técnica que se elabore para cada produto ou grupo de produtos de conformidade coa normativa vixente en materia de saúde pública.
Artigo 7. Requisitos que cumprirán as artesás e os artesáns
As persoas físicas que desexen obter a condición de artesá/n alimentaria/o deberán xustificar un mínimo de tres anos de experiencia acumulada na actividade de elaboración de alimentos correspondente de entre os distintos grupos de actividades establecidos no anexo I deste decreto en empresas que adecúen o seu funcionamento aos principios da produción artesá. A dita experiencia deberá ter sido adquirida pola participación directa e persoal nos procesos de elaboración dalgún produto alimentario do grupo de actividades correspondente conforme procedementos que se poidan asimilar á produción artesá que se regula neste decreto e non se exixirá que esta experiencia fose adquirida de forma continuada no tempo. A verificación do cumprimento do requisito será realizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal), consonte o establecido nos artigos 12 e 13 deste decreto.
Esta experiencia poderá reducirse a un ano se se acredita ter realizados cursos ou outras actividades de formación directamente relacionados coa materia, con duración acumulada ou total igual ou superior a 250 horas e validados pola Agacal.
Artigo 8. Requisitos xerais das empresas artesanais alimentarias
1. Todas as empresas artesanais alimentarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Os seus procesos de elaboración deberán ser manuais, admitíndose non obstante un certo grao de mecanización en operacións parciais e, en todo caso, deberase orixinar un produto final individualizado. As normas técnicas que se aproben para cada tipo de produto establecerán o grao de mecanización admisible nas operacións parciais.
b) A responsabilidade e a dirección do proceso de produción deberán recaer nunha persoa ou varias persoas artesás alimentarias, cuxa intervención na execución do traballo será directa e persoal.
c) As empresas artesanais suxeitaranse aos límites de volume de produción dos seus produtos artesanais que se concreten na norma técnica.
2. As empresas alimentarias que realicen a súa actividade de xeito periódico por seren industrias de temporada tamén poderán ter a consideración de empresas artesanais alimentarias.
3. As empresas artesanais alimentarias deberán estar inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, sen prexuízo do establecido no número 5 do artigo 10 deste decreto para as explotacións agrarias galegas elaboradoras de produtos caseiros. No caso de operadores doutros Estados da Unión, deberán acreditar a inscrición naqueles rexistros a que obriguen as autoridades sanitarias correspondentes do seu país.
4. No caso de que unha mesma empresa teña unha parte da súa produción que sexa artesanal e outra que non cumpra os requisitos para ter tal consideración, os procesos produtivos dos produtos artesanais desenvolveranse de forma separada e diferenciada. Así mesmo, a empresa deberá dispoñer dunha rastrexabilidade dos produtos artesanais e das súas materias primas diferenciada do resto dos produtos que produza ou elabore. Estas exixencias deberán ser desenvolvidas a través da norma técnica correspondente, se é o caso.
Artigo 9. Flexibilización dos requisitos hixiénico-sanitarios nas microempresas artesanais alimentarias e nas explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros
As microempresas artesanais alimentarias e as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros deberán cumprir os requisitos hixiénico-sanitarios na elaboración, produción e transformación artesanal de conformidade coa normativa vixente en materia de saúde pública, seguindo os criterios de flexibilización que resulten de aplicación a este tipo de producións e que se especificarán, de ser o caso, na norma técnica que se elabore para cada produto ou grupo de produtos, consonte o previsto no Regulamento (CE) nº 852/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á hixiene dos produtos alimenticios; no Regulamento (CE) nº 853/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos produtos de orixe animal; no Regulamento (CE) nº 854/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao mercado, e no Regulamento (UE) nº 2017/625, do 15 de marzo, polo que se derroga, entre outros, o Regulamento (CE) nº 854/2004, do 29 de abril de 2004, e que será aplicable a partir do 14 de decembro de 2019, segundo o previsto no seu artigo 167.1.
Artigo 10. Requisitos específicos das explotacións agrarias produtoras de produtos artesanais caseiros
1. Os produtos artesáns caseiros só poderán ser producidos e elaborados por explotacións agrarias que, ademais de cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 8 e 9, cumpran os requisitos específicos sinalados neste artigo.
2. As explotacións agrarias elaboradoras de produtos artesáns caseiros radicadas en España deberán ter a condición de explotacións agrarias prioritarias, polo que deberán cumprir, cando sexan explotacións familiares ou outras cuxa persoa titular sexa persoa física, os requisitos que se establecen no artigo 4 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias; e, cando sexan explotacións asociativas, os que se establecen no artigo 5 da citada lei. As explotacións radicadas noutros Estados membros deberán cumprir os requisitos de dimensión económica mínima e máxima que se recollen nos ditos artigos para as explotacións cuxo titular é, respectivamente, persoa física ou xurídica.
3. A comercialización dos produtos artesáns caseiros realizarase en circuítos curtos, polo que só se permitirá a venda directa pola persoa produtora ou a venda cun único intermediario no mercado local, conforme a definición deste recollida na letra l) do artigo 3. Para estes efectos, non se considerarán intermediarias as entidades asociativas de produtoras e produtores, baixo a fórmula xurídica que sexa, constituídas ou que se constitúan para a comercialización en común de produtos artesáns caseiros.
4. As explotacións agrarias a que se refire este artigo identificarán os seus produtos de acordo co establecido no artigo 31, indicando a súa condición de produto artesán caseiro. Ademais, indicarán na súa etiquetaxe o código de identificación da explotación, o enderezo desta e o nome da persoa titular, sen prexuízo doutras indicacións a que obrigue a normativa xeral vixente.
5. As explotacións agrarias produtoras de produtos artesanais caseiros radicadas en Galicia inscribiranse no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos (Regasa), sen prexuízo doutras obrigas que, en función da actividade desenvolvida, sexa preciso cumprir.
Artigo 11. Requisitos para a elaboración de produtos artesáns de montaña
Para a elaboración de produtos artesáns de montaña, consonte o disposto no artigo 3.f) deste decreto, as empresas artesanais alimentarias deberán cumprir as especificacións que se establecen nos artigos 1 a 6 do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ás condicións de uso do termo de calidade facultativo «produto de montaña», sen prexuízo do cumprimento dos demais requisitos que exixe este decreto.
CAPÍTULO III
Exercicio da actividade artesanal
Artigo 12. Declaración responsable (MR400A)
Para obter a condición de artesá/n, a persoa interesada presentará ante a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e conforme o modelo do anexo II unha declaración responsable de que cumpre o requisito de experiencia e, de ser o caso, formación complementaria, previsto no artigo 7, nos termos establecidos neste decreto e na lexislación do procedemento administrativo común.
As declaracións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as declaracións presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das declaracións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)
Artigo 13. Efectos da presentación da declaración responsable e acreditación da condición de artesá/n
1. A presentación da declaración responsable de que se cumpren os requisitos establecidos neste decreto habilita desde o momento da dita presentación para obter a condición de artesá/n alimentaria/o e para o exercicio da súa actividade como tal, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que ten atribuída a Agacal, que entregará á persoa interesada, se é o caso, a carta de artesá/n.
2. A carta de artesá/n acredita a condición de artesá/n alimentaria/o e expedirase no prazo máximo de 3 meses contados desde a entrada da declaración responsable no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Nela figurará o grupo ou grupos de actividades para as cales a persoa interesada goza da condición de artesá/n.
CAPÍTULO IV
Rexistro da Artesanía Alimentaria
Artigo 14. Regulación do Rexistro da Artesanía Alimentaria
1. Consonte o establecido no artigo 26 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no Rexistro da Artesanía Alimentaria inscribiranse as empresas artesanais que realicen unha actividade alimentaria das que figuran no anexo I deste decreto. A inscrición no rexistro faculta as empresas inscritas a usaren os distintivos identificadores a que se refire o artigo 31 nos produtos que cumpran na súa elaboración o establecido neste decreto e na norma técnica correspondente.
2. O rexistro dependerá da consellería con competencias en materia de agricultura a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
3. O Rexistro da Artesanía Alimentaria ten o carácter de público e os datos identificativos das persoas inscritas poderán ser obxecto de publicación, como medida para o fomento deste sector e información ás persoas consumidoras. A comunicación ou cesión de datos de carácter persoal terá lugar consonte o establecido na normativa sobre a materia.
Artigo 15. Inscrición no rexistro (MR400B)
1. As empresas alimentarias deberán presentar unha declaración responsable para a inscrición no rexistro como empresa artesanal alimentaria.
2. A declaración responsable a que se refire o número 1 anterior dirixirase á Agacal e nela manifestarase expresamente:
a) Que desempeña a súa actividade consonte as condicións técnicas da produción artesanal reguladas no artigo 6 deste decreto e de acordo coas normas técnicas en vigor para cada produto ou grupo de produtos.
b) Que cumpre os requisitos xerais para poder ser considerada como empresa artesanal alimentaria previstos no artigo 8 deste decreto.
c) Que non superará os límites de volume de produción dos seus produtos artesanais que se concreten na norma técnica correspondente.
d) Que está inscrita no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos ou, no caso de que se trate dunha explotación agraria galega produtora de produtos caseiros, no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos (Regasa). No caso de operadores doutros Estados da Unión, esta manifestación referirase a aqueles rexistros a que obriguen as autoridades sanitarias do seu país.
e) Que figura no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia coa condición de explotación prioritaria, no caso de que se trate dunha explotación agraria galega produtora de produtos caseiros.
f) Que se compromete formalmente ante a consellería competente en materia de agricultura ao cumprimento das condicións previstas neste decreto e, en particular, ás obrigas reguladas nos artigos 26 e 27.
3. Ademais, na declaración responsable deberase especificar, de ser o caso:
a) Se cumpre os requisitos específicos para ser considerada como unha microempresa artesanal alimentaria, consonte o previsto nas letras g) e h) do artigo 3 deste decreto.
b) Se cumpre os requisitos específicos para ser considerada como explotación agraria produtora de produtos artesanais caseiros consonte o previsto no artigo 10 deste decreto.
c) Se cumpre os requisitos específicos para elaborar produtos artesáns de montaña, consonte o previsto no artigo 11 deste decreto.
4. As empresas artesanais alimentarias aboarán as taxas que se establezan para a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria, cuxo pagamento deberán acreditar coa presentación da declaración responsable para a dita inscrición.
5. A presentación da declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e o pagamento da taxa establecida no número 4 habilitan desde o momento da dita presentación para o exercicio da actividade como empresa artesanal alimentaria, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que ten atribuída a Agacal.
6. A declaración responsable a que se refire este artigo presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) que figura como anexo III deste decreto.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa declaración presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da declaración aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación da declaración responsable poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 16. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración responsable o xustificante do ingreso da taxa de inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria (código da taxa 300200, inscrición en rexistros oficiais).
2. Sen prexuízo do establecido no número 3 do artigo 17, unha vez presentada a declaración responsable poderá requirirse a seguinte documentación:
a) Memoria explicativa que inclúa a información relevante sobre os seguintes aspectos:
1º. Produtos que se pretenden elaborar de xeito artesanal, con indicación das súas características e formas de presentación, así como as cantidades anuais de produción estimada.
2º. Materias primas que se van empregar, con indicación da súa procedencia e características de calidade, así como información sobre o seu manexo e sobre as cantidades de consumo anual estimadas. Tamén se especificarán as características e as cantidades dos aditivos e coadxuvantes artificiais que, de ser o caso, se vaian empregar. No caso dos produtos que se pretendan comercializar como «produtos artesáns de montaña», as materias primas deben proceder de zonas cualificadas como «de montaña»
3º. Procesos produtivos que se van empregar, con especificación das operacións que se farán manualmente e as que se mecanizarán e con indicación das características de cada unha das máquinas e equipamentos que se vaian utilizar. Especificaranse tamén os aspectos relacionados coas medidas conducentes a reducir o impacto ambiental (depuración de augas, eliminación de residuos, reciclaxe, etc.).
4º. Sistemática da rastrexabilidade que se vai implantar para o seguimento e control dos procesos produtivos conforme o que se establece no artigo 26 deste decreto. No caso de que nas mesmas instalacións se elaboren produtos que non vaian ser identificados como artesanais, indicarase o procedemento para garantir que os procesos produtivos se desenvolverán de maneira diferenciada e que non exista risco de confusión.
5º. Especificación da forma de dirección do proceso de produción, con indicación da persoa ou persoas artesás responsables desta.
6º. Marca ou marcas comerciais que se van utilizar e bosquexos das etiquetas. No caso de que a empresa comercialice produtos similares sen a cualificación de artesanais, deberá achegarse tamén a información sobre as marcas e etiquetas relativa a eles.
7º. Especificación dos principais canales de venda e da área xeográfica onde se comercializará o produto ou produtos. No caso dos produtos artesanais caseiros, a comercialización deberá ser no mercado local, directamente ao consumidor final ou cun único intermediario.
b) Plano de situación e planos ou bosquexos cotados da planta dos locais de elaboración, nos cales se recollerá a distribución da maquinaria e equipamentos utilizados.
3. Se a persoa que presenta a declaración responsable prevista no artigo 15 manifesta que quere inscribirse como microempresa artesanal alimentaria, ademais do indicado no devandito artigo, unha vez presentada a declaración responsable poderá esixírselle que presente a documentación que acredite que dispón de tal consideración de microempresa, consonte as definicións que se regulan nas letras g) e h) do artigo 3 deste decreto. Esta documentación será a seguinte:
a) Informe de vida laboral da empresa.
b) Imposto de sociedades no caso de que a titularidade da empresa recaia nunha persoa xurídica.
4. No caso de que a persoa que presenta a declaración responsable queira inscribirse como explotación agraria produtora de produtos artesanais caseiros, ademais do indicado no artigo 15, unha vez presentada a declaración responsable poderá esixírselle que presente unha memoria en que se especifiquen as características da explotación, na cal se incluirá:
a) O código da explotación da cal é titular, que terá a condición de explotación agraria prioritaria.
b) Os datos de situación, superficie, principais cultivos e número de cabezas de gando con que conta.
c) As producións anuais estimadas daqueles produtos que van ser utilizados como materias primas para a elaboración de produtos artesanais caseiros.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Comprobación de datos
1. Para a tramitación das inscricións no rexistro (código de procedemento MR400B), así como para a súa modificación (MR400C) e a baixa (MR400D) que se regulan nos artigos 20 e 21, respectivamente, consultarase automaticamente o DNI/NIE das persoas interesadas e, de ser o caso, o daquelas persoas ou entidades que as representen. No caso de que a entidade declarante ou comunicante, ou a representante, non sexa persoa física, consultarase o seu NIF. A mesma consulta se fará no caso do procedemento a que se refire o artigo 12 relativo á obtención da condición de persoa artesá (MR400A).
Ademais, para o procedemento de inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria, no caso de explotacións agrarias produtoras de produtos artesáns caseiros consultarase o código da explotación agraria e a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias. Por último, se a declarante é persoa física e quere ter a consideración de microempresa artesanal alimentaria, consultarase a declaración do imposto da renda das persoas físicas do último exercicio fiscal.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a algunha destas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios de inicio normalizados e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 18. Tramitación da inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria é o organismo competente para a tramitación da inscrición no Rexistro de Artesanía Alimentaria de Galicia, polo que realizará os controis oportunos tras a presentación da declaración responsable.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable ou a falta de presentación ante a Administración competente da declaración responsable ou a documentación que sexa, se for o caso, requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou a actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.
Artigo 19. Resolución do procedemento de inscrición no rexistro
A Agacal será o órgano competente para resolver sobre a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria. A persoa titular da dirección da Agacal ditará a preceptiva resolución nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data en que a declaración responsable teña entrada no rexistro electrónico do órgano competente para a súa tramitación.
No caso de que a actividade principal da empresa estea relacionada con produtos da pesca, a acuicultura ou o marisqueo, a Agacal solicitará, antes de proceder á inscrición, un informe preceptivo e vinculante da dirección xeral con competencias nestas materias.
Artigo 20. Modificacións das inscricións no rexistro (MR400C)
1. As empresas artesanais inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria están obrigadas a comunicar á Agacal calquera cambio que supoña unha modificación das condicións que motivaron a súa inscrición no rexistro. A comunicación farase no prazo de 30 días naturais contados desde o momento en que se produciu a modificación.
2. A comunicación a que se refire o número 1 presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O dito formulario figura como anexo IV deste decreto.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación da comunicación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A Agacal poderá, logo da audiencia á persoa interesada, modificar de oficio a inscrición no rexistro cando comprobe que se produciu un cambio que supoña unha alteración das condicións que motivaron a súa inscrición. A resolución pola que se modifique a inscrición será notificada á persoa interesada.
No caso de que a actividade principal da empresa estea relacionada con produtos da pesca, a acuicultura ou o marisqueo, a Agacal solicitará, antes de proceder á modificación da inscrición, un informe preceptivo e vinculante da dirección xeral con competencias nestas materias.
Artigo 21. Baixa no rexistro (MR400D)
1. Procederá a baixa en calquera das seguintes situacións, tras a súa comunicación pola persoa interesada ou quen a represente:
a) Cando cese na actividade a empresa artesanal.
b) En caso de disolución da sociedade.
c) Cando, por falecemento ou outra causa, deixe de haber unha persoa artesá que asuma a responsabilidade e a dirección do proceso de produción.
d) Por vontade da persoa titular da empresa, sen necesidade de acreditar causa ningunha.
2. Para solicitar a baixa no rexistro, a persoa interesada poderá presentar unha comunicación á Agacal. A dita comunicación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O dito formulario figura como anexo V deste decreto.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación da comunicación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A baixa iniciarase de oficio, logo de audiencia á persoa interesada, nos seguintes casos:
a) Pola comisión dunha infracción moi grave da normativa existente en materia de sanidade ou protección ás persoas consumidoras, cando se dite unha resolución firme en vía administrativa.
b) Cando, no suposto da comisión de infraccións graves ou moi graves en materia de defensa da calidade alimentaria, a autoridade competente acorde como sanción accesoria a baixa definitiva do rexistro, segundo o establecido no artigo 72.2 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
c) En xeral, cando se deixen de cumprir os requisitos que motivaron a inscrición.
4. A baixa no Rexistro da Artesanía Alimentaria será resolta pola Agacal.
5. No caso de que a actividade principal da empresa estea relacionada con produtos da pesca, a acuicultura ou o marisqueo, a Agacal solicitará, antes de proceder á baixa da inscrición, un informe preceptivo e vinculante da dirección xeral con competencias nestas materias.
Artigo 22 Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Para calquera dos procedementos regulados neste decreto, a sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 23. Notificacións
1. Para todos os procedementos regulados neste decreto, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 24. Recursos
As resolucións da Agacal de inscrición, modificación e baixa no rexistro serán sempre motivadas e poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria no prazo dun mes desde a súa notificación.
CAPÍTULO V
Control e réxime sancionador
Artigo 25. Órgano de control
1. O control do cumprimento das especificacións deste decreto polas empresas artesanais alimentarias e a certificación dos produtos da artesanía alimentaria serán realizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no caso de operadores da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o resto de operadores, o dito control realizarano entidades independentes de control acreditadas no cumprimento da norma UNE-EN-ISO/IEC 17065:2012, ou norma que a substitúa, conforme o que se establece no número 4 deste artigo.
2. O control e a certificación a que se refire o número 1 anterior implica a verificación do mantemento no tempo das condicións que deron lugar á inscrición no rexistro das empresas artesanais alimentarias, a do cumprimento das correspondentes normas técnicas e a da correcta comercialización e identificación no mercado dos produtos que leven os distintivos relativos á artesanía alimentaria.
3. A Agacal elaborará unha programación anual das auditorías que se realizarán ás empresas inscritas, de acordo coas dispoñibilidades de medios da axencia e atendendo a criterios de risco, independentemente das visitas aleatorias que se poidan realizar fóra da programación.
4. No marco do establecido no artigo 27 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e tamén no caso das actuacións que se vaian realizar fóra de Galicia, a consellería competente en materia de agricultura poderá habilitar entidades independentes de control para que colaboren coa Agacal, sempre que axusten o seu funcionamento aos requisitos establecidos na norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto, norma UNE-EN ISO/IEC 17065:2012, ou norma que a substitúa. Estas entidades de control deberán presentar, ao inicio da súa actividade, unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente para o seu exercicio. A dita declaración presentarase ante a consellería competente en materia de agricultura. Esta consellería establecerá un prazo para que a entidade independente de control obteña a acreditación conforme o establecido no Regulamento de infraestruturas para a calidade e a seguranza industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro. A dita acreditación farase con alcances por categorías de produtos, de acordo co documento NT 52 (Acreditación para alcances flexibles), da Entidade Nacional de Acreditación.
Se non obtiver esta acreditación, a entidade non poderá continuar exercendo a actividade.
Se obtiver a acreditación, a entidade realizará funcións de control das empresas artesanais alimentarias e dos produtos que estas elaboren e trasladará a información correspondente á Agacal, que adoptará as decisións oportunas.
Artigo 26. Autocontrol e rastrexabilidade nas empresas artesanais
1. Será responsabilidade da empresa artesanal establecer autocontrois sobre as materias primas, os procesos e os produtos, de xeito que permitan garantir á persoa consumidora as axeitadas condicións hixiénico-sanitarias da produción. A empresa artesanal alimentaria tamén deberá implementar procedementos de xestión que posibiliten a rastrexabilidade na cadea produtiva e nos produtos que manexa, con clara distinción entre os produtos artesanais e os que non teñan tal carácter, no caso de que teña distintas liñas de produción.
2. En relación co establecido no número 1, as empresas artesanais deberán levar, sen prexuízo do que se estableza na normativa xeral, unha contabilidade específica e diferenciada para os produtos a que se refire este decreto, cun rexistro de entradas e saídas, todo isto co fin de que o órgano de control poida identificar e comprobar os seguintes aspectos:
a) As persoas físicas ou xurídicas que actúen como provedoras das materias primas, dos aditivos e os coadxuvantes tecnolóxicos que utilice a empresa, así como dos restantes materiais que conforman o produto terminado.
b) A natureza e as cantidades de todas as materias ou materiais adquiridos ou de produción propia, e a utilización que se fixer deles.
c) A natureza e as cantidades de produtos terminados almacenados.
d) A data de produción ou elaboración e o tempo de curación, maduración ou crianza, segundo o caso.
e) As persoas físicas ou xurídicas que actúen como clientes, exceptuadas as consumidoras e consumidores finais, de calquera dos produtos artesáns.
f) Outros datos que, de ser o caso, se especifiquen na norma técnica correspondente ou noutras normas que desenvolvan este decreto.
3. Os datos da contabilidade específica deberán estar xustificados documentalmente. As contas deberán demostrar o equilibrio entre as entradas e as saídas. O peche do exercicio corresponderá co final do ano natural ou co final da campaña do produto, se esta non coincide co fin do ano natural.
Artigo 27. Outras obrigas das empresas artesanais
1. Os produtos terminados deberán estar en todo momento identificados cos datos que permitan garantir a súa rastrexabilidade. Será responsabilidade da empresa artesanal eliminar calquera referencia á artesanía alimentaria naqueles produtos elaborados por ela que non cumpran os requisitos deste decreto. Se o produto xa fose posto en circulación, a empresa deberá adoptar as medidas pertinentes para a súa retirada do mercado e informar destas medidas a Agacal.
2. As empresas artesanais están obrigadas a comunicar á Agacal as sancións polas infraccións graves ou moi graves en materia de sanidade, protección das persoas consumidoras ou defensa da calidade alimentaria. Esta comunicación farase no prazo dun mes desde que a resolución sancionadora adquira firmeza en vía administrativa.
3. As empresas artesanais deberán permitir o acceso do persoal da Agacal ou, de ser o caso, da entidade independente de control, a todas as partes do establecemento, así como ás contas e documentos xustificantes pertinentes, facilitándolles toda a información que se considere necesaria para a correcta realización da inspección.
4. As empresas artesanais aboarán á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) os custos derivados dos controis que realice de acordo coas tarifas que se establezan.
Artigo 28. Réxime de suspensións do uso do distintivo da artesanía alimentaria por non conformidades
1. Se dos controis practicados pola Agacal ou, de ser o caso, pola entidade independente de control, se constatase algunha irregularidade formal, a axencia requirirá á empresa artesanal a súa reparación no prazo de quince días contando desde a notificación do requirimento. A falta de emenda desta irregularidade devirá en incumprimento, tendo polo tanto a consideración de non conformidade, de acordo co establecido no número 2.
2. A existencia de non conformidades, isto é, incumprimentos da normativa sobre a artesanía alimentaria que non sexan meras irregularidades formais, poderá ocasionar a suspensión no uso dos distintivos da artesanía alimentaria polo período que se estableza para a adopción das medidas correctoras necesarias por parte da empresa artesanal alimentaria, sen prexuízo da incoación, se proceder, do correspondente expediente sancionador, de acordo co establecido no artigo 29.
3. A suspensión prevista no número 2 deberá ser acordada pola Agacal, logo do informe do servizo competente en materia de control e certificación desa axencia. Contra a dita resolución de suspensión poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia da Agacal, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A suspensión suporá a conseguinte anotación no rexistro. Transcorrido o tempo sinalado, a suspensión cesará, sempre e cando fose previamente emendado o motivo que a orixinou. A resolución do cesamento da suspensión notificarase á persoa interesada.
4. A suspensión no uso do distintivo da artesanía alimentaria a que se refire este artigo non ten carácter de sanción.
Artigo 29. Infraccións administrativas
1. Se das auditorías realizadas polo persoal da Agacal ou, de ser o caso, das entidades independentes de control, se desprender a posible existencia dalgunha infracción á normativa sobre sanidade, protección das persoas consumidoras ou defensa da calidade alimentaria, a Agacal comunicarao á consellería competente en materia de agricultura.
2. No suposto mencionado no número 1, a consellería competente en materia de agricultura:
a) Poderá proceder á adopción de medidas cautelares ou previas ao inicio dun expediente sancionador, no caso de que a infracción sexa nunha materia da súa competencia.
b) Dará traslado á consellería competente para que realice as actuacións que procedan consonte a normativa de aplicación, no caso de que a infracción se cometese nunha materia distinta das da súa competencia.
O dito anteriormente enténdese sen prexuízo da facultade de verificación e redacción da acta de inspección correspondente polo persoal inspector da consellería competente que teña a condición de axente da autoridade, no suposto de que o control inicial o efectuase persoal que non teña tal condición.
CAPÍTULO VI
Dereitos e beneficios das persoas físicas ou xurídicas inscritas
no Rexistro da Artesanía Alimentaria
Artigo 30. Protección dos termos referidos á artesanía alimentaria
1. Os termos «artesá/n», «artesanal», «artesán da casa» ou «artesán caseiro» e «artesán de montaña», só poderán utilizarse na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos que cumpran os requisitos establecidos neste decreto e nas normas que o completen. As empresas que non cumpran estes requisitos non poderán facer uso destas mencións ou outras análogas, sen prexuízo do recollido no número 2.
2. De acordo co establecido na disposición adicional sétima da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, os produtos artesáns alimentarios producidos e elaborados legalmente noutras comunidades autónomas do Estado español ou noutros estados membros da UE e dos países AELC, partes contratantes no Acordo sobre o espazo económico europeo (EEE), ou en Turquía, de acordo cunha normativa oficial específica de artesanía alimentaria, poderanse comercializar no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia baixo esa mesma denominación.
Artigo 31. Distintivos da artesanía alimentaria
As empresas artesanais inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria identificarán os produtos por elas elaborados e que cumpran os requisitos deste decreto e das normas que o desenvolvan co respectivo distintivo.
Artigo 32. Beneficios
A inscrición da empresa artesanal alimentaria no Rexistro da Artesanía Alimentaria comporta os seguintes beneficios:
a) A utilización, con carácter exclusivo, dos distintivos a que se refire o artigo 31 deste decreto.
b) Favorecerse das campañas de promoción institucional que a Administración autonómica realice sobre os alimentos artesanais.
c) A posibilidade de ter consideración preferente en liñas de axuda que a Administración autonómica estableza para o fomento da actividade da industria alimentaria en xeral, así como o acceso a aquelas que especificamente se poidan establecer para o fomento e promoción da artesanía alimentaria.
d) A posibilidade de acceso dos seus produtos aos establecementos da Rede de comercio rural galego e, en xeral, favorecerse do apoio e a promoción de feiras de produtos artesanais que realice a Administración autonómica.
CAPÍTULO VII
Consello Galego da Artesanía Alimentaria
Artigo 33. Creación do Consello Galego da Artesanía Alimentaria
Créase o Consello Galego da Artesanía Alimentaria como órgano consultivo, asesor e de participación en materia de artesanía alimentaria, adscrito á consellería con competencias en materia de agricultura.
Artigo 34. Composición do Consello Galego da Artesanía Alimentaria
1. A composición do Consello Galego da Artesanía Alimentaria é a seguinte:
a) Presidenta ou presidente: a persoa que teña a titularidade da dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
b) Vicepresidenta ou vicepresidente: a persoa que teña a titularidade da dirección xeral coas competencias en materia de industrialización e comercialización agroalimentaria.
c) Vogais:
1º. Unha persoa en representación da subdirección xeral con competencias en materia de industrialización e comercialización agroalimentarias.
2º. Unha persoa en representación da dirección xeral con competencias en materia de industrialización e comercialización pesqueira.
3º. Unha persoa en representación da área que teña as competencias en materia de certificación da calidade da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
4º. Unha persoa en representación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
5º. Unha persoa en representación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
6º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en artesanía non alimentaria.
7º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de sanidade.
8º. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións profesionais agrarias con presenza no Consello Agrario de Galicia.
9º. Unha persoa en representación do sector cooperativo agrario, pertencente á asociación que acredite o maior número de cooperativas asociadas.
10º. Unha persoa en representación das organizacións de produtores do mar con presenza no Consello Galego de Pesca.
11º. Unha persoa en representación dos consellos reguladores dos produtos alimentarios galegos.
12º. Ata tres persoas en representación das asociacións artesanais alimentarias, de acordo co que se establece no artigo 35.
d) Actuará como secretaria ou secretario a persoa empregada pública ao servizo da Agacal que designe a presidencia.
2. As/os vogais serán nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, logo da súa designación por quen sexa responsable da unidade, organismo, ente administrativo ou organización a que representan. Do mesmo xeito, por cada vogal nomearase un/unha suplente, que poderá asistir ás sesións en substitución do/da titular e cos mesmos dereitos e obrigas, en caso de ausencia, enfermidade ou cando concorra causa xustificada. Nestas mesmas circunstancias, a persoa que teña a presidencia poderá ser substituída pola que ocupe a vicepresidencia.
3. Na composición do Consello Galego da Artesanía Alimentaria procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
4. Ás sesións do Consello poderán asistir eventualmente, e tras a convocatoria da presidencia, persoas con coñecementos técnicos e científicos nas materias que se vaian tratar e cuxa colaboración se considere conveniente. Estas persoas asistirán ás sesións con voz pero sen voto.
5. Os membros do Consello cesarán nos seus cargos e perderán a súa condición de tales nos seguintes casos:
a) Por perda da condición persoal pola que foron nomeados.
b) Por renuncia da persoa interesada, comunicada por escrito á secretaría do Consello.
c) Por decisión das unidades, organismos, entes ou organizacións designantes.
d) Por modificación da representatividade establecida no artigo 35.
Artigo 35. Asociacións artesanais alimentarias
1. Entenderase por asociación artesanal alimentaria aquela asociación sen ánimo de lucro que estea legalmente constituída e que agrupe empresas artesanais inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria e cuxos fins sexan principalmente a protección, o fomento, a formación ou o desenvolvemento da artesanía alimentaria en Galicia.
2. As asociacións artesanais alimentarias poderán formar parte dos órganos consultivos que estableza a Administración, particularmente do Consello Galego da Artesanía Alimentaria, e beneficiarse das axudas que se establezan para o fomento e a promoción do sector.
3. As tres vogalías no Consello Galego da Artesanía Alimentaria correspondentes ás asociacións artesanais alimentarias repartiranse entre elas de acordo cun sistema proporcional directo en relación coa representatividade acreditada por cada asociación.
Non obstante o anterior, para poder acadar unha asociación un primeiro representante, requirirase que as/os seus asociadas/os supoñan, cando menos, un 10 % do total das empresas inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria; para acadar un segundo representante deberán ter, cando menos, un 25 %, e para un terceiro representante, un 50 %.
4. As vogalías que representan as asociacións artesanais alimentarias no Consello Galego da Artesanía Alimentaria serán modificadas cada vez que se produza e acredite un cambio da representatividade destas.
Artigo 36. Funcións do Consello Galego da Artesanía Alimentaria
1. O Consello Galego da Artesanía Alimentaria terá como funcións a realización de estudos e propostas en relación coas materias seguintes:
a) Actuacións relativas ao fomento, protección, promoción e comercialización da artesanía alimentaria.
b) Regulamentacións relativas ás empresas e aos produtos artesanais alimentarios.
c) Modificacións relativas aos requisitos para o exercicio da actividade de artesá/n.
d) Inclusión de novas actividades artesanais no anexo I.
e) Condicións que regulen a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade da expresión «artesanía alimentaria» e, en xeral, dos termos «artesá/n», «artesanal», «artesanía», «artesán da casa», «artesán caseiro» e «artesán de montaña», referidos a produtos alimentarios.
2. Ademais, o Consello Galego da Artesanía Alimentaria poderá realizar calquera outra función consultiva, de asesoramento ou de participación que lle sexa encomendada polos distintos departamentos da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do sector alimentario artesanal.
Artigo 37. Réxime de funcionamento do Consello Galego da Artesanía Alimentaria
1. Para a constitución válida do Consello Galego da Artesanía Alimentaria, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase en primeira convocatoria a presenza das persoas que teñan a presidencia e a secretaría ou, de ser o caso, de quen as substitúan, e da metade, polo menos, do resto dos seus membros.
Transcorrido o prazo que estableza a presidencia, requirirase para o quorum en segunda convocatoria a presenza das persoas que teñan a presidencia e a secretaría ou, de ser o caso, de quen as substitúa e, polo menos, un terzo do resto dos seus membros.
A celebración das sesións do Consello Galego da Artesanía Alimentaria poderá ser física ou a distancia, sempre que neste último caso así se indique na convocatoria. Nas sesións que se celebren a distancia, os membros do Consello Galego da Artesanía Alimentaria poderán atoparse en distintos lugares a condición de que se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais, a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.
2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
3. Os acordos serán adoptados por maioría de votos das persoas asistentes. No caso de empate dirime o voto de calidade da presidencia.
4. O Consello Galego da Artesanía Alimentaria reunirase en sesión ordinaria polo menos dúas veces ao ano. Así mesmo, poderá reunirse con carácter extraordinario, por iniciativa da presidencia ou por petición xustificada de, cando menos, un terzo máis un dos seus membros.
5. O Consello Galego da Artesanía Alimentaria poderá elaborar normas de funcionamento interno que complementen o disposto neste artigo, sen prexuízo da aplicación supletoria do que dispón a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia respecto dos órganos colexiados, e respectando o establecido nos artigos 15 a 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
6. Os membros do Consello Galego da Artesanía Alimentaria non percibirán ningún tipo de indemnización nin compensación económica.
Disposición adicional primeira. Perspectiva de xénero na artesanía alimentaria
No desenvolvemento e aplicación deste decreto terase en conta a integración da perspectiva de xénero e o fomento da participación das mulleres na artesanía alimentaria.
Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Agacal), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos basease no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, nos propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, a circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa á materia de artesanía alimentaria a que se refire este decreto.
A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.
Disposición transitoria única. Elaboradores de produtos lácteos tradicionais
As explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradoras de Produtos Lácteos Tradicionais terán un prazo de dous anos, contados a partir da aprobación da norma técnica correspondente, para a tramitación da súa inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria. Durante este tempo, e mentres non se produza a dita inscrición, poderán seguir comercializando os seus produtos lácteos con suxeición ao establecido no Decreto 125/1995, do 10 de maio, polo que se regula a elaboración de produtos lácteos a base de leite cru de vaca, considerados como produtos tradicionais, e se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradoras de Produtos Lácteos Tradicionais.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Derrógase o Decreto 125/1995, do 10 de maio, polo que se regula a elaboración de produtos lácteos a base de leite cru de vaca, considerados como produtos tradicionais, e se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradoras de Produtos Lácteos Tradicionais.
Así mesmo, quedarán derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, nas materias propias do seu departamento.
As inclusións e exclusións de actividades artesanais alimentarias serán aprobadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de agricultura. No caso de inclusións ou exclusións relativas a actividades artesanais vinculadas a produtos alimentarios procedentes da pesca, a acuicultura ou o marisqueo, a dita aprobación será logo da proposta da persoa titular da consellería con competencias nestas materias, de non coincidir coa que as tiver en materia de agricultura.
Disposición derradeira segunda. Aprobación dos distintivos de artesanía alimentaria e do manual de uso
Facultase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aprobación dos distintivos da artesanía alimentaria e do manual de uso destes.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Non obstante, as previsións relativas ás actividades artesanais alimentarias producirán efectos conforme se vaian aprobando e publicando as normas técnicas de cada produto ou grupo de produtos.
Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO I
Actividades artesanais alimentarias
Grupo 1. Elaboración de derivados lácteos:
1.1. Queixo.
1.2. Iogur e leites fermentados.
1.3. Manteiga.
1.4. Callada.
1.5. Requeixo.
1.6. Xeados.
Grupo 2. Elaboración de derivados cárnicos:
2.1. Embutidos.
2.2. Salgados.
2.3. Afumados.
2.4. Adubados.
2.5. Conservas cárnicas.
2.6. Patés.
Grupo 3. Elaboración de derivados da pesca, da acuicultura e do marisqueo:
3.1. Conservas.
3.2. Salgados.
3.3. Afumados.
3.4. Adubados.
3.5. Desecados.
3.6. Patés.
Grupo 4. Elaboración de viño e produtos vitivinícolas (viños espumosos, viños de licor, etc.), produtos vitivinícolas aromatizados e vinagre de viño:
4.1. Elaboración de viño e produtos vitivinícolas.
4.2. Elaboración de produtos vitivinícolas aromatizados.
4.3. Elaboración de vinagre de viño.
Grupo 5. Elaboración de licores, augardentes e outras bebidas espirituosas.
Grupo 6. Elaboración de sidra e vinagre de sidra:
6.1. Elaboración de sidra.
6.2. Elaboración de vinagre de sidra.
Grupo 7. Elaboración de cervexa.
Grupo 8. Elaboración de conservas vexetais, zumes e marmeladas:
8.1. Elaboración de conservas de froitas, hortalizas e cogomelos e de marmeladas.
8.2. Elaboración de zumes.
Grupo 9. Elaboración doutros produtos transformados de orixe vexetal:
9.1. Fritura de patacas.
9.2. Purés.
9.3. Produtos desecados de orixe vexetal.
Grupo 10. Manipulación e elaboración de mel, produtos apícolas e produtos elaborados con mel:
10.1. Manipulación e envasamento de mel.
10.2. Manipulación, elaboración e envasamento doutros produtos a base de mel.
10.3. Manipulación e envasamento doutros produtos apícolas (pole, própole e xelea real).
10.4. Elaboración e envasamento de hidromel.
Grupo 11. Elaboración de produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría, e de pastas alimenticias:
11.1. Elaboración de pan.
11.2. Elaboración de empanadas.
11.3. Elaboración de produtos de confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría.
11.4. Elaboración de pastas alimenticias.
Grupo 12. Elaboración de fariñas.
Grupo 13. Elaboración de chocolate e derivados de cacao.
Grupo 14. Manipulación de produtos vexetais para infusión de uso en alimentación e como condimento de uso en alimentación.
14.1. Elaboración de infusións.
14.2. Elaboración de condimentos.
Grupo 15. Elaboración de aceite de oliva.
Grupo 16. Elaboración de conservas e derivados da helicicultura.
ANEXO II
Modelo de declaración responsable do cumprimento dos requisitos
de artesá/n alimentaria/o

ANEXO III
Modelo de declaración responsable para a inscrición
no Rexistro da Artesanía Alimentaria

ANEXO IV
Modelo de comunicación para a modificación dos datos no rexistro

ANEXO V
Modelo de comunicación de baixa no rexistro

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.